Archives

Landra, o proxecto do polígono agroforestal de Chantada para criar porcos en ecolóxico

Julio Taboada, cos porcos da súa explotación de Sabadelle (Chantada) Julio Taboada e Ramón Fernández empezaron hai 4 anos a criar porcos en extensivo na parroquia de Sabadelle, en Chantada. Contaban cunha superficie de monte que levaba anos en situación de abandono pero que ofrecía boas posibilidades para a alimentación dos animais, ao contar con castiñeiros e carballos. “Onde temos os porcos non se daba nin entrado, había unha corredoira moi estreita. Hai 4 anos preparamos o sitio cunha pa e metemos os animais. O primeiro ano empezamos con 15 porcos e despois xa fomos aumentando”, explican. Neste momento dispoñen dunha extensión de 11 hectáreas pechadas e teñen solicitado un polígono agroforestal para ampliar a superficie da explotación. Serían outras 40 hectáreas en Vilameá, na zona de monte que rodea as casas, pertencentes a uns 80 propietarios. É superficie particular dos veciños que neste momento está sen uso, con parcelas de prados (unhas 5 hectáreas) e o resto de monte con presenza de castiñeiros e carballos.
Cambiámolos de parcela e encalamos para que o monte se recupere
A superficie total en conxunto permitiría criar uns 500 porcos ao ano en extensivo. “Faríamos parcelas de entre 4 e 5 hectáreas para poder ir rotando os animais e que se fose recuperando o monte unha vez que eles pasen e desbrocen. Neste momento, das 11 hectáreas das que dispoñemos, temos 3 en descanso. Normalmente cambiamos de parcela logo de dúas campañas”, explica. O valor de criar porcos en extensivo Julio destaca dous aspectos positivos da cría de porcos en extensivo: “por un lado temos os montes limpos para que non ardan e por outro producimos carne de moita calidade que non ten nada que ver coa de porcos criados nunha granxa, aínda que a raza poida ser a mesma”, defende. “A calidade é totalmente distinta, porque ademais da raza ten que ver moito a alimentación”, asegura. Neste caso, “o que comen é natural para que o sabor da carne lembre á dos porcos de antes”, di. Ademais do que eles comen no monte danlles tamén un pequeno aporte de cereal.
Suplementámolos unicamente cun quilo de cereal ecolóxico por animal e día; o resto do que comen é o que eles atopan no monte
“Suplementámolos con algo de penso ecolóxico, un quilo por animal e día, pero sobre todo eles aliméntanse do que atopan. Toda esta zona era monte con moita castaña e moita bellota”, indica. Ademais, non se xeran problemas de puríns ou contaminación. “Aquí non hai emisións de amoníaco como pode haber nunha granxa porcina convencional. Iso sábese tan só polo olor, neste sistema de manexo non hai cheiros”, asegura. Facer o ciclo de cría completo A explotación está focalizada polo momento no cebo, pero pretende completar o ciclo. "Até o de agora mercabamos os porcos de pequenos, xa destetados, e introduciámolos no monte, pero agora xa contamos con varias reprodutoras e un macho para facer tamén nós aquí a cría. Para a campaña do ano que vén xa os criaremos nós aquí todos", indica Julio. Dentro da parcela dispoñen dun cobertizo onde os animais se poden resgardar da chuvia e o frío, onde reciben a ración diaria de cereal e onde teñen bebedoiros. É tamén a zona de manexo para os tratamentos e a desparasitación e o lugar de carga para a saída dos porcos cebados cara ao matadoiro. Os peches, o máis importante Pechar ben as parcelas é “o máis importante e tamén o máis custoso”, recoñece Julio. “Nós pechamos con malla en todo o perímetro e logo poñémoslles a maiores o pastor. É importante non só para que non se boten eles senón tamén para que non entre o xabarín”, explica. Revisan case a diario o estado dos peches, algo que lle supón bastante tempo, xa que son perímetros de varios quilómetros con zonas algunhas delas difíciles de andar. “Fago o percorrido todo ao redor cada dous días por se puido caer algunha póla, por exemplo, e lévame hora e media. Case é o que máis traballo dá”, recoñece. Raza duroc Os porcos son de raza duroc 100%, que se caracteriza por un bo crecemento e unha axeitada infiltración de graxa. “Probamos distintas razas, desde porco celta a landrán, e tamén cruce de landrán con petrén, pero decantámonos por esta. É a que mellor aguanta o frío e ten un xamón moi entrefrebado. É a que máis rendible nos sae", asegura Julio.
Nun ano gañan uns 100 quilos de peso
Nós pesámolos cando entran e cando saen. Entran con entre dous meses e dous meses e medio e veñen pesando entre 30 e 35 quilos. Logo témolos aquí entre un ano e catorce meses e veñen saíndo con entre 130 e 140 quilos. Sala de transformación Polo de agora Julio e Ramón non contan con instalacións propias nin para sacrificar nin para elaborar, polo que dispoñen de acordos con outras empresas ás que tamén lles venden os porcos cando teñen excedentes unha vez que están cebados. "Matámolos no matadoiro, tanto aquí no de Taboada como en Lugo, e logo elaboramos nunha sala de transformación autorizada para poder vender o produto con tranquilidade", indica. Pero a súa idea a medio prazo é contar cunha sala de despece e elaboración propia e facer uso do servizo de matadoiro móbil que acaba de poñer en marcha a Xunta.
O sobreprezo deste tipo de porcos con respecto a un de granxa non é moito e sen embargo a calidade é outra moi diferente
Venden tanto a particulares que buscan un porco de calidade para a matanza como tamén a bares e restaurantes. Ofrecen tamén para grupos, e previa reserva a través do número de teléfono 647521992, a posibilidade de degustar nunha casa tradicional do século XVIII un cocido elaborado coa carne e as salazóns que eles fan. Dispoñen ademais dalgunha tenda que comercializa xa os seus produtos elaborados (chourizo, chourizo ceboleiro, butelo e androlla, entre outros).
Ofrecen para grupos a posibilidade de degustar un cocido previa reserva
Neste momento a produción que teñen é máis estacional e concéntrase sobre todo nos meses do inverno, que é tamén cando hai máis demanda pola tradición das matanzas nas casas, pero cando teñan a pleno funcionamento o polígono agroforestal, cos 500 porcos, a súa idea é ter produción durante todo o ano e que os seus embutidos e produtos salgados e curados poidan mercarse nas tendas. “E o que non sexamos capaces de transformar e vender nós seguirémolo vendendo a outras industrias cárnicas de transformación que hai en Galicia e que apostan polos produtos de calidade igual ca nós. Hainas que están interesadas en mercarnos a produción”, di Julio.

Vacas cachenas para manter limpos os prados

Nos prados pace un rabaño de dúas ducias de cachenas Na casa de Julio en Sabadelle houbo vacas de leite pero cando a explotación pechou as fincas fóronse abandonando e enchendo de maleza. Por iso decidiu introducir vacas de carne, de raza cachena, coas que manter coidados os prados. “Empecei con 5 e agora teño 24”, detalla. Coa carne de cachena tamén fai venda directa. “Ao principio non había moita saída, pero agora non se dan producido becerros, hai moita demanda”, asegura. Os animales están todo o ano fóra, "tanto en verán como en inverno”, explica. Máis aló do que pacen, nos meses de agosto e setembro ten que suplementar con silo ou herba seca porque “isto é moi seco”, conta.
Para cambialas de prado teño que manexalas eu só; son animais con bastante temperamento
O manexo que fai é sinxelo, simplemente vai cambiando de finca as vacas coas súas crías. A raza cachena ten fama de ter temperamento, pero Julio explica que no seu caso bota man dunha das vacas máis vellas do rabaño, que é a máis mansa, para levala diante e que as outras a sigan. “Teño que manexalas eu só, iso si”, recoñece. Para Julio tanto a cría dos porcos como as vacas cachenas é polo de agora unha actividade complementaria, polo que ten que buscar un sistema de manexo o máis sinxelo posible e que requira a menor carga de traballo posible.
As cachenas non dominan o monte, os porcos si
Aínda que a cachena é unha raza rústica que pace e é capaz de alimentarse en zonas arbustivas, “a vaca non domina o monte”, asegura Julio, polo que a maleza e a vexetación acabaría pechándoo. Por iso pensaron nos porcos que, nese sentido, “desbrozan moito máis que as cachenas”, di. “Os porcos pacen igual que as vacas, pero acaban tamén coas silvas e os toxos; deixan todo limpo e despois aí medra a herba”, valora. O ano pasado no outono, cando retiraron os porcos da parcela de monte na que levaban dous anos, encalaron para favorecer a desinfección do terreo e o nacemento da pradeira, grazas ao mellor aproveitamento do abono depositado polos propios animais.

Impulso á mobilización de terras abandonadas en Allariz

A Fundación Juana de Vega e a Fundación Ramón González Ferreiro colaborarán nos próximos tres anos na creación e promoción de novas oportunidades para o medio rural galego desde o Ecoespazo O Rexo e a Granxa Educativa Agrogandeira que opera nestas instalacións. O acordo entre as dúas entidades artellarase a través de tres eixos: prestación de asesoramento para o fomento do emprendemento, desenvolvemento de accións para a mobilización de terras abandonadas e formación especializada para o sector agroalimentario. O convenio foi asinado polos presidentes de ambas institucións, Enrique Sáez Ponte e Ángel Ferreiro Estévez, durante un acto celebrado en Allariz, na sede da Fundación González Ferreiro. En concreto, as actividades nas que colaborarán as dúas entidades son, por unha parte, a identificación de bolsas de terras abandonadas na área de Allariz que sexan susceptibles de aproveitamento produtivo para a posta en produción baixo criterios de multifuncionalidade e de sostibilidade, así como na realización de dinámicas participativas para lograr acordos de cesión, de ser o caso, entre os propietarios e os posibles emprendedores interesados na súa xestión. Ademais, a Fundación Juana de Vega tamén prestará servizos de asesoramento especializado a emprendedores da zona e a empresas existentes, tanto no que se refire á elaboración de plans de negocio ou estratexias para acceder a novos mercados ou abordar procesos de consolidación ou crecemento. Ambas entidades tamén colaborarán no desenvolvemento de accións formativas relacionadas coa comercialización, etiquetaxe, packaging e márketing de produtos agroalimentarios, dirixidas a empresarios locais e a emprendedores. A primeira colaboración que está previsto poñer en marcha centrarase no Ecoespazo O Rexo e na Granxa Educativa Agrogandeira que a Fundación Ramón González Ferreiro inaugurou no 2000 co obxectivo de valorizar iniciativas de desenvolvemento rural que axuden a preservar o medio natural. A granxa conta con queixería para valorización comercial da produción de leite dun rabaño de ovellas Latxas. Co obxectivo de impulsar esta iniciativa, desenvolverán conxuntamente un plan comercial para incrementar as vendas de queixos e abordar novos mercados para fortalecer este proxecto empresarial. Paralelamente, traballarán na elaboración dun plan de negocio que permita analizar a viabilidade de creación de máis granxas de ovellas que se poidan sumar como novos centros produtores a esta iniciativa empresarial de desenvolvemento rural impulsada pola Fundación Ramón González Ferreiro. Por último, a Fundación Juana de Vega tamén colaborará coa Granxa Educativa Agrogandeira na ampliación da súa base territorial, identificando terras en estado de abandono que permitan incrementar a súa superficie actual de pastoreo. Acto de sinatura. Intervención dos presidentes Tal e como destacou Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega: “Para nós é un motivo de gran satisfacción estar hoxe presentes en Allariz para asinar este convenio coa Fundación Ramón González Ferreiro. Somos dúas institucións que, con medios propios, estamos comprometidas a fomentar o desenvolvemento do espazo rural, apoiando aos emprendedores e axudando a dinamizar a ocupación do territorio para facelo más rendible, máis resiliente e mellor coidado no plano medioambiental e paisaxístico. Hoxe poñémonos a traballar xuntas co obxectivo de coordinar esforzos para ser máis eficientes e potenciar o papel da dinámica sociedade civil galega da que formamos parte”. Pola súa parte, o presidente da Fundación Ramón González Ferreiro, Ángel Ferreiro Estévez, agradeceu a dispoñibilidade da Fundación Juana de Vega a colaborar e unir esforzos: “Desde o primeiro momento houbo sintonía e comprensión cara a un proxecto como o do Rexo no que nós temos depositadas moitas esperanzas”, destacou. “O traballo por evitar o despoboamento rural, engadiu Ferreiro, ten hoxe un novo instrumento para construír actividade agraria onde hai abandono. Para a Fundación Ramón González Ferreiro é un honor poder contar coa colaboración dunha entidade experimentada e eficaz como a Fundación Juana de Vega”.

A Xunta promove un polígono agroforestal de 96 hectáreas en San Xoán de Río

O conselleiro do Medio Rural reuniuse con veciños deste municipio ourensán para explicarlles as vantaxes desta figura ligada á Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este venres unha reunión con veciños do municipio ourensán de San Xoán de Río en relación co polígono agroforestal de Veigas de Cambela. O conselleiro explicou que se trata de mobilizar, a través deste instrumento da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, un total de 96,4 hectáreas, distribuídas en 301 parcelas de 135 propietarios. Puxo en valor, ademais, que o polígono situarase nunha zona cunha forte tradición gandeira e na que existe unha grande demanda de terras para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta irá orientada cara a satisfacer estas necesidades, remarcou González.
A provincia de Ourense concentra 17 dos 26 polígonos agroforestais e 14 das 21 aldeas modelo que hai en Galicia
Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que esta iniciativa sumarase aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Subliñou, asemade, que 17 destes polígonos corresponden á provincia de Ourense, sumando máis de 5.200 hectáreas de terreo, ou o que é o mesmo, case o 60% da superficie total mobilizada en Galicia. A maiores, o conselleiro remarcou, dentro das ferramentas de mobilización de terras, a existencia de 21 aldeas modelo aprobadas na comunidade. Delas, lembrou, 14 están na provincia de Ourense.

A Xunta estuda a implantación dun novo polígono agroforestal de 100 hectáreas no concello lucense do Saviñao

 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este sábado unha reunión cos veciños do Saviñao para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Xesto. Segundo explicou José González, o polígono abranguería unha superficie de preto de 100 hectáreas, distribuídas en 143 parcelas duns 33 propietarios, e proponse dedicar a gandaría en extensivo ou cultivos anuais, fundamentalmente forraxeiros. Este futuro polígono sumaríase aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños. O conselleiro do Medio Rural lembrou que esta é unha das figuras de mobilización da terra agraria, mediante a cal se recuperan grandes áreas de terra potenciando os tres usos de chan -agrícola, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.

Así, trátase dunha ferramenta idónea para recuperar a terra de boa capacidade produtiva  abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

A Xunta defende o seu modelo de mobilización de terras mentres que a oposición critica a falta de medidas concretas no rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu na mañá deste martes día 11 de abril no pleno do Parlamento galego para abordar a recuperación da terra agraria en Galicia. Sobre este asunto, apuntou que desde o ano 2020 se teñen mobilizado arredor de 35.000 hectáreas mediante figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais ademais de concentracións parcelarias. José González defendeu a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, vixente desde o 21 de maio de 2021, como fundamental na loita contra o abandono do territorio e o despoboamento do rural e facer fronte aos incendios forestais. González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización. Outro obxectivo é reducir a complexidade da estrutura de propiedade en Galicia de cara á viabilidade económica das explotacións ampliando a súa base territorial. O conselleiro destacou que esta norma traballa da man da Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, mediante a que se seguen a decretar e rematar concentracións parcelarias. Uns obxectivos, apuntou, que tamén contaron co visto bo do propio Parlamento e dos axentes sociais, tales como as organizacións agrarias, as asociacións do sector primario e diferentes colexios profesionais.
González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización
Para conseguir ditos obxectivos, explicou o titular de Medio Rural, leváronse a cabo unha serie de análises encamiñadas a localizar tanto a demanda como a oferta de terra agraria. Unha vez identificada a demanda, buscáronse e identificáronse as zonas preferentes de actuación e desenvolver diferentes instrumentos de mobilización de terras. Instrumentos de mobilización e recuperación de terras O conselleiro José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo, que buscan poñer en marcha actividade económica orientada á produción de calidade, sempre desde o criterio da sustentabilidade social, económica e ambiental. Esa recuperación do territorio permite exercer a planificación preventiva do mesmo, freando así a afectación dos incendios forestais a través desa actividade agrogandeira. Un escudo natural que no pasado verán se puido comprobar cos lumes que pararon nas aldeas modelo de Parada dos Montes (Pobra do Brollón) e de Osmo (Cenlle). Tamén se busca rehabilitar de forma integral o núcleo das aldeas, de maneira respectuosa cos criterios de arquitectura tradicional. Estes plans nacen de cooperacións públicas e privadas. González lembrou que tamén se aposta polas “aldeas intelixentes”, coa conectividade dixital, a autosuficiencia enerxética e a s últimas tecnoloxías nas explotacións agropecuarias que as integran.
José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo para poñer en marcha actividades económicas orientadas á produción de calidade
Outro tema foron os polígonos agroforestais, sobre os que González matizou que son unha ferramenta decisiva para a recuperación de terras. Estas figuras permiten actuar en zonas de grande extensión e con diferentes características, actuando preferentemente nas concentracións parcelarias que presentan un abandono superior ao 50%. A Consellería tamén puxo en marcha un Plan de pastos de Galicia, mediante o cal se están a levar a cabo pastos e obras de infraestruturas asociadas co fin de poñer en valor terreos que poidan ser empregados para a actividade gandeira. A Consellería súmalle ademais o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, coa recuperación de soutos tradicionais, estreitamente ligado á posta en valor destas áreas. A figura legal para o desenvolvemento das ferramentas de recuperación de terras será o Banco de Terras. O Banco de Explotacións porá en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira. Tamén teñen unha gran relevancia no marco da Lei de recuperación as permutas de especial interese agrario. Así, o conselleiro indicou que xa hai en marcha un proxecto piloto en Friol, ao que se lle prevé dar continuidade noutros puntos de Galicia. BNG, o rural galego ten nome propio: abandono O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas respondeu á intervención do conselleiro de Medio Rural que “sobran textos legais” e falta “proxecto de país” para impedir que as explotacións agrarias continúen pechando. Rivas cualificou de “insuficientes” as 10 mil hectáreas mobilizadas e denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo. Xosé Luís Rivas criticou as políticas agrarias do Partido Popular desde a reforma da PAC do 92. Estas levaron “a este país ao abandono da actividade agraria e a unha dependencia alimentaria e produtiva suicida”. Isto levou a que actualmente “Galicia xa non produce cereal” para facer o pan porque as comarcas cerealistas están “a toxo e matogueira”. O voceiro do BNG recordou o breve pero aleccionador periodo de tres anos e medio do goberno bipartito. Durante ese tempo apostouse pola mobilidade de terras coma prioridade urxente e comezou o labor cunha lei que activaba as terras infrautilizadas e as unidades conxuntas de xestión do monte. Un goberno, que difundiu todos os activos humanos e económicos “ás aldeas para promocionar e darlle vida a un rural”, cousa que “o Partido Popular se empeñou en esganar”.
O BNG denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.
Segundo o representante nacionalista, a Xunta “leva 13 anos agrandando a desagrarización e o caos e despois do desastre de outubro do 17, presentan un texto legal pola porta de atrás” para promocionar as aldeas modelo. “Unha propaganda moi cara en investimentos e con escasos resultados” que non reverte a situación do rural en Galicia. Rivas apuntou informes parciais que vaticinan que en Galicia a porcentaxe media de terra agrícola abandonada nos próximos 10 anos será do 35%. Mentres que os informes globais, “os que facemos todos os días reflicten que cada ano pechan explotacións porque a recuperación non existe, e as súas políticas son maquillaxe barata que non leva a ningures”. Á parte, o deputado nacionalista destacou que o texto legal defendido polo conselleiro José González, ten un problema de horizonte porque non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos. Os grandes beneficiarios serán grupos empresariais e agrogandaría industrial. “Tres consorcios internacionais de capital estadounidense que controlan o 28% do rico territorio ucraíno. Dezasete millóns de hectáreas en mans de Cargill, Dupont e Monsanto”. O deputado do BNG urxiu a iniciar unha reestruturación da propiedade marcando dinámicas considerando a “propiedade agraria coma un ben social”. Mentres Galicia conta co 23% de SAU, en Bretaña alcanzan o 60% e en Irlanda, o 65%. Esas serían as porcentaxes ás que debería aspirar Galicia segundo Rivas. Por outra parte, tamén insistiu en que o rural galego ten un nome, abandono. “Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta de relevo xeracional nas explotacións”.
O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas destacou que o texto legal defendido polo conselleiro non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos
Na súa opinión, este abandono pode ser freado a través doutras políticas porque “sobran leis e falta un proxecto de país” para dotar as OACs de persoal formado, recursos financeiros ao Plan Integral, medidas cara un horizonte de soberanía alimentaria e recuperar poboación. Para todo isto, volveu a dicir o nacionalista, é necesaria “vontade política e non vender o noso país”. O grupo socialista denuncia: “Galicia ten 900.000 hectáreas abandonadas” O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta. En resposta á comparecencia do conselleiro do Medio Rural, Martín Seco denunciou a “falla de xestión, de programación, de persoal e de orzamento” para cumprir esta norma aprobada en 2021. A norma “podería quedar en nada” se o goberno galego continúa reducindo orzamentos, medios materiais e humanos e coa falta dun cronograma de actuacións para o cumprimento da Lei, apuntou Seco. O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria. O plan, segundo Seco, vén “sen ningunha novidade relevante co banco de terras, que segue a estar infrautilizado”, sen recursos nin persoal. Seco apuntou unha serie de puntos sen cumprir por parte de Medio Rural como non desenvolver o banco de explotacións, non elaborar o mapa de usos agroforestais e a falta de conclusión do catálogo de solos agropecuarios e forestais. Martín Seco engadiu ademais que “non se vai solucionar o problema de falla de superficie agraria útil con pequenas actuacións de recuperación de núcleos abandonados coas aldeas modelo”.
O PSdeG criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta
O deputado do Grupo Socialista lembrou que aínda non se enviou o informe de avaliación bianual que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural debera enviar ao Parlamento, ao Consello de Xestión da Terra Agroforestal e á Comisión de Seguimento. Ademais, esta última Comisión segue sen estar constituída dous anos despois da aprobación da Lei, co que “demostran que non queren que o seu traballo teña unha avaliación independente”. O parlamentario socialista criticou atrasos na normativa de ordenación territorial e a “ausencia de iniciativas” sobre a mellora da estrutura das terras agrarias. Sobre isto, apuntou unha xestión caracterizada polos retrasos nos traballos de concentración parcelaria, con apenas 450.000 hectáreas, unha terceira parte do obxectivo.
O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria
Martín Seco finalizou a súa intervención denunciando o “bloqueo sistemático” da Lei de Montes Veciñais do goberno do socialista Laxe ou da Lei do Banco de Terras elaborada polo goberno de Touriño. Advertiu que hoxe Galicia ten 900.000 hectáreas de terra abandonada, das cales 400.000 poderían ter rendemento, e outras 50.000 son de alto valor agrario, pero, dixo, “en Galicia perdéronse case 9.000 hectáreas agrarias en 2020”.

Récord de compravenda de terra agraria no ano 2021 en Galicia

No ano 2021 acadáronse en Galicia os valores máximos de mobilidade de terras rústicas por compravenda dende o ano 2008. En total, transaccionáronse 18.820 hectáreas, das cales 6.124 son de superficie agraria útil e as 12.696 restantes de monte. Así o reflicte o último informe elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras que foi presentado este martes no pazo de Quián, no marco dunha reunión presidida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Neste informe analízase a situación do mercado de terras rústicas na comunidade entre os anos 2008 e 2021.
A superficie media de parcela agraria mobilizada é de 0,25 hectáreas
Segundo este informe, ao comparar o período 2020-2021 co bienio previo, o incremento da superficie transaccionada foi dun 54%. Neste senso, o Observatorio Galego de Mobilidade de Terras indica que no bienio 2020-2021 realizáronse 66.926 operacións de compravenda, das cales 24.174 foron de superficie agraria útil e 42.752 de monte. Maior mobilidade de terras nas zonas produtoras de leite No relativo á taxa de mobilidade, no conxunto de Galicia situouse nun 0,94% no ano 2021, polo que experimentou un incremento notable dende o ano 2019, cando estaba no 0,57%. Estas taxas de mobilidade son superiores na metade norte da comunidade, coincidindo coas principais comarcas gandeiras de vacún de leite, e especialmente na provincia da Coruña.
O mercado de compravenda acadou uns 230 millóns de euros no ano 2021
O tamaño medio da parcela involucrada mantívose estable, cunha cifra aproximada de 0,3 hectáreas: 0,25 ha de superficie agraria útil e 0,33 ha para monte. Deste xeito, o mercado de compravenda de terreos rústicos en Galicia acadou un volume de arredor de 500 millóns de euros no período 2019-2021, dos cales 230 millóns corresponden só ao ano 2021. Prezos No referido aos prezos, os datos case igualan os máximos de toda a serie analizada dende o ano 2008, na contorna de 1,2 €/m2 de media; con 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil fronte aos 0,82 €/m2 para o monte.
O prezo medio pagado é de 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil e 0,82 €/m2 para o monte
O Observatorio Galego de Mobilidade de Terras xorde dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo do Observatorio é recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia, co fin de mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre estas terras para poder deseñar e implantar políticas públicas e aproveitar mellor a terra e os recursos do territorio.

“Puxemos de acordo a 146 propietarios; o minifundio pode pasar de ser freo a un motor”

San Antón de Remuíño é unha parroquia do concello da Arnoia, na comarca do Ribeiro, que coma moitas outras aldeas ourensás sofre un grave problema de avellentamento poboacional e abandono da actividade agraria. Pero os veciños de Remuíño non se resignan a ver esmorecer a súa aldea. “Quedamos 45 veciños no pobo, onde o 70% supera os 75 anos”, detalla Eduardo Fariñas, presidente da Asociación de Propietarios de Predios de Remuíño. A asociación foi creada en febreiro de 2020, xusto antes do confinamento, coa intención de dar forma legal á idea na que levaban varios anos traballando: agrupar as fincas para poder recuperar a actividade produtiva, centrada tradicionalmente na viticultura pero que co paso dos anos se foi abandonando debido ao reducido tamaño das parcelas.   
Empezamos en febreiro de 2020 creando a asociación, pero había xa un movemento no pobo a favor de agrupar as fincas. Falar de reestruturar era un tema tabú até fai poucos anos, pero hoxe xa non o é
 “O interese por parte da xente é total. Os propietarios recibiron a proposta moi ben e convencer aos veciños foi relativamente sinxelo. Sempre que se fala de propiedade temos detrás o mantra do apego ás fincas, pero esa perspectiva en Galicia xa cambiou. A percepción que nós temos, en base á nosa experiencia, é que no rural hoxe xa se ve por parte da xente que é necesario dar una volta ao modelo de propiedade tradicional para poder seguir adiante”, afirma Eduardo. O 80% das fincas da aldea están abandonadas “Só un 15 ou 20% do pobo está produtivo neste momento. Debido ao minifundio que hai, é inviable o traballo para a xente que queira asentarse cunha parcela minimamente dimensionada. O Ribeiro ten un problema neste momento de produción porque con fincas pequeniñas non se pode traballar e crear unha parcela cunha superficie óptima para traballar resulta moi complicado”, explica.
A denominación de orixe máis antiga de Galicia está a perder produción de maneira acelerada na última década
Remuíño atópase no corazón do Ribeiro, unha denominación de orixe que está a perder produción de maneira importante nos últimos anos. Nas dúas últimas décadas a capacidade efectiva de produción de uva na Denominación de Orixe reduciuse á metade, cun descenso da superficie produtiva dun 18% desde o 2016. Superficie media de 300 metros cadrados Ligado á alta idade media dos viticultores (preto da metade teñen máis de 65 anos) e ao baixo grao de profesionalización dunha parte dos produtores, o excesivo minifundio é un dos factores que ameaza o futuro da produción de viño no Ribeiro. A Denominación de Orixe conta con 1.374 hectáreas, que están divididas en 20.542 parcelas, unha estrutura da propiedade que dificulta a remuda xeracional. “En Remuíño quedan 5 familias con xente nova traballando o campo. Adícanse fundamentalmente ao viñedo, complementado con outras actividades agrícolas, pero a actividade principal é a viticultura”, conta Eduardo.  “Algún deles tivo que cambiar e mercar entre 150 e 180 parcelas para conseguir una hectárea de viñedo, que xa lle permite traballar mecanizadamente e sacar uns rendementos axeitados. Hoxe é inviable pensar que se van traballar as fincas como hai 50 anos”, argumenta.
Quedan 5 familias con xente nova adicada á agricultura, algunha delas tivo que mercar e cambiar máis de 150 parcelas para conseguir xuntar unha hectárea de viñedo
O polígono agroforestal proposto polos veciños contaría cunha superficie de 260 hectáreas, distribuídas en 9.000 fincas cunha superficie media de 300 metros cadrados que “urxen unha restruturación que permita non so mellorar a dimensión das fincas senón tamén aumentar a viabilidade técnica, económica e social” das iniciativas produtivas, defenden desde a asociación. Propietarios ilocalizables Ademais dunha poboación envellecida e o pequeno tamaño das parcelas, os impulsores da iniciativa de agrupamento das parcelas atopáronse con outro atranco: a dificultade para saber de quen eran as fincas. “Localizar a todos os propietarios é moi complicado, eu diría que imposible”, asegura Eduardo.
No Ribeiro houbo moita emigración a Sudamérica e quedaron moitas parcelas sen repartir en herdanza porque no seu momento había unha cultura de non facer partixas
Logo dun exhaustivo traballo de busca, concluíron que entre un 11 e un 14% dos propietarios non son localizables. “No Ribeiro houbo moita emigración a Sudamérica e quedaron moitas parcelas sen repartir en herdanza porque no seu momento había unha cultura de non facer partixas, polo que en moitos casos figuran como propietarios persoas que serían bisavós dos actuais donos. Isto fai que sexa imposible localizar a moitos deses descendentes dos veciños emigrados no seu día”, explican.
Tivemos que traballar de xeito exhaustivo; temos mapas con todas as fincas delimitadas
A Asociación de Propietarios de Predios de Remuíño está formada neste momento por 146 donos de fincas, o 94% dos propietarios localizables, e aportan o 89% da superficie total das terras. “Os non localizables, a cantidade de superficie que aportarían é pouca, pode ser un 5% do total”, detallan.   “A lei do 2021 aporta ferramentas interesantes” O interese dos veciños de Remuíño por dar unha saída á superficie abandonada do pobo vén de atrás. “Comezamos a traballar coa lei de reestruturación do 2015 pero pedía o acordo dos propietarios do 90% da superficie. Por iso todos os proxectos quedaban parados. Pero a lei do 2021 abre un xeito de traballar diferente, máis sinxelo. Agora baixa a necesidade de acordo ao 70% da superficie e iso faino moito máis doado”, explica Eduardo.
A Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia esixe o acordo dos propietarios de cando menos o 70% da superficie
Outra das novidades que aporta a Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, pensando nos casos de fincas con donos descoñecidos, como acontece en Remuíño, é a posibilidade de incorporación ao Banco de Terras. “A lei de febrero de 2021 permite que se poida facer igual un reagrupamento aínda que haxa propietarios ilocalizables, deixando a propiedade pendente de que alguén a poida reclamar durante 10 anos”, contan desde a asociación. Viño, horta e monte Vista aérea de Remuíño, con leiras e vides no entorno das casas e montes de piñeiro e castiñeiro rodeando o pobo A necesidade de terras para viñedo que se demanda hoxe no Ribeiro sería a principal finalidade do proxecto de agrupamento de terras de Remuíño, pero os veciños queren que o novo polígono teña carácter agroforestal para sacar partido tamén ao monte da parroquia. “Temos piñeiros de 25, 30 e 40 anos. Moitos deles están no seu turno de corta, pero neste momento non é viable facelo porque sería cortar 2 aquí, 5 alí e 7 no outro lado e, nesas condicións, non hai interese por parte das empresas madeireiras. Facendo una xestión conxunta de todo o monte poderíanse ter uns ingresos xa inmediatos”, explican.
A nosa proposta sería que a actuación fose integral, en todo o terreo que conforma o pobo e que rodea as casas
Por iso, a proposta de usos que desde a asociación fan para as 260 hectáreas incluiría distintos tipos de aproveitamento: “a parte principal sería para cubrir a demanda de terras de viñedo que hai neste momento no Ribeiro; outra parte sería para horta, sobre todo para pemento de Arnoia; e o resto para monte. En total serían unhas 100 hectáreas forestais e o resto para viñedo e horta”, detallan. Defenderse contra o lume A superficie de monte que rodea o pobo foi plantada con piñeiros e castiñeiros pero hoxe está totalmente abandonada, “porque cunha superficie media de 300 metros cadrados non se pode aproveitar a madeira e facer cortas e plantacións, e na zona de castiñeiros o mesmo.
En Remuíño o día que haxa un lume non queda absolutamente nada, non hai maneira de paralo, o risco é inmenso
O coidado do monte e a súa xestión suporía, ademais dun beneficio económico para os veciños, poder reducir o risco de incendio. “A nosa proposta sería que a actuación fose integral, en todo o terreo que conforma o pobo e que rodea as casas. No Ribeiro e na Arnoia non hai moitos incendios, pero en Remuíño o día que haxa un lume non queda absolutamente nada non hai maneira de paralo, o risco é inmenso”, din. Emigración e repoboación Remuíño perdeu nos últimos 20 anos un terzo da súa poboación. Á primeira ola de emigración a América veu despois unha segunda, na que a xente moza marchou ás cidades en busca de traballo. É o caso de Eduardo. El traballa na Coruña, aínda que a súa nai segue vivindo en Remuíño, e igual que otros veciños está moi implicado no proxecto.
Tiven que marchar por traballo, pero as miñas orixes están en Remuiño e vou moito alí
“Collemos pola man este tema una xeración nova e entre os 146 propietarios que xa aceptaron e asinaron o pre-compromiso para levar a cabo un polígono agroforestal de iniciativa pública encóntranse, por un lado, todos os que residindo en Remuíño dedican actualmente a súa produción á comercialización e, por outro, os que coñecendo a posible potencialidade agraria da zona queren aproveitar a oportunidade que a reestruturación lles brindaría para proxectar e executar novas explotacións”, explica. “Se isto vai adiante, os proxectos xorden sós. Ademais da demanda de terra para viñedo, xa temos tres persoas interesadas en facer plantacións de castiñeiro para froito. Se se fai a reestruturación, logo procede facer unha actuación de recuperación das vivendas e dos camiños, porque o pobo ten potencial e hai casas que se poderían rehabilitar para asentar poboación”, defende. Agardando pola Xunta “A ilusión dos propietarios neste momento é inmensa e gustaríanos que a Xunta acompañase este proxecto porque vai supoñer seguro un punto de inflexión non só para Remuíño senón para o Ribeiro”, di convencido Eduardo. “Esperamos que a Xunta poida ver neste proxecto as posibilidades que pode dar á zona”, engade.
Estamos agardando pola Xunta, porque o traballo fundamental, o de poñer de acordo aos veciños, xa llo demos feito
Os veciños de Remuíño están vivindo con extraordinaria ilusión os pasos que se foron dando desde o inicio do proceso até o momento da presentación dos pre-compromisos asinados, o 25 de novembro de 2021, e agardan desde entón con entusiasmo que a Xunta de Galicia aborde este proxecto. “Toda a documentación foi presentada en novembro 2021. Estamos poñendolle á Xunta enriba da mesa un tema que pensamos que está listo. O traballo fundamental xa llo damos feito, porque o básico e fundamental é o acordo dos propietarios e conseguimos que os veciños estean de acordo. A Consellería pedíanos firmar un pre-compromiso para entrar a formar parte dun polígono de iniciativa pública e entendemos que cumprimos con creces os requisitos que nos pedía a normativa. Presentouse a documentación e estamos a expensas de que se produza algunha comunicación e a Consellería dea un paso adiante e aborde este proxecto”, din.

Posta en valor das vellas adegas de Pousadoiro

Conxunto de adegas de Pousadoiro Remuíño ten un barrio bodegueiro singular, o de Pousadoiro, cun conxunto de 80 adegas antigas situadas nun outeiro ao que noutro tempo subía a procesión das rogativas para pedir unha boa colleita. “As bodegas do pobo están todas xuntas, son adegas antigas, temos documentación do ano 1635 onde xa se falaba das bodegas que había e do canon en viño que tiñan que pagar á parroquia de San Salvador de Arnoia”, conta Eduardo. O conxunto de adegas de Pousadoiro están colocadas en ladeira no medio dos terreos de viñedo. Son pequenos edificios cúbicos de planta rectangular construidos a turramonte, aproveitando a parede natural do terreo, con muros portantes de mampostería granítica, dinteis de cantería e cuberta de tella.
É un complexo moi curioso que ten potencial tanto para a produción de viño como para outros usos de restauración ou turísticos
“Son 80 adegas que están semisoterradas, é un complexo moi curioso que ten posibilidades doutros aproveitamentos ademais do da produción de viño. Estamos elaborando un dosier para presentar tamén á Xunta para poñelas en valor. Teñen potencial tanto para a agricultura como para outros usos de restauración ou turísticos”, explican. Como a dos viñedos, a situación das bodegas tamén é de abandono neste momento. “En conxunto pode haber 3 ou 4 veciños que elaboran nelas viño para autoconsumo e outras 2 ou 3 que as teñen máis para para dar un paseo e ir de visita e todo o demais está abandonado, en moi boas condicións ata agora pero sen uso”, describen. Un exemplo para outros lugares O espíritu de colectividade vén de vello en Remuíño, que durante a Segunda República foi un dos núcleos activos do socialismo en Ourense. Desta volta, a unión do pobo busca poñer en valor os seus recursos, neste momento infrautilizados, loitar contra o abandono e dar cabida a proxectos novos que dinamicen a economía do rural.
Reestruturar a terra na parte norte de Galicia é máis doado, na nosa zona é moito máis complicado
Pode ser ademais un modelo a imitar noutros lugares de Galicia. “Estamos convencidos de que si, sobre todo no sur de Galicia, onde a estrutura da propiedade é moi complicada e hai un problema importante de minifundio e de descoñecemento dos propietarios. Reestruturar na zona norte de Galicia é máis doado”, opina Eduardo. “A nosa experiencia pode servir a outros. Demostramos que se á xente lle presentas proxectos ben deseñados os veciños enténdeno porque ven que é una necesidade. Falar de reestruturar era un tema tabú até fai poucos anos, pero hoxe xa non o é”, asegura.
Pensamos que o de Remuíño pode ser un modelo de actuación para a comarca do Ribeiro
Os propietarios de Remuíño son conscientes de que hai que poñer en valor o rural e deron os pasos necesarios para non ser un freo, senón un motor, neste proceso, aceptando unha reestruturación da superficie que permita aproveitar os recursos agrarios dispoñibles e fixar poboación. “Pensamos que o de Remuíño pode ser un modelo de actuación para a comarca do Ribeiro, onde o minifundio segue a ser un problema para a posta en valor da súa potencialidade agrícola, facilitando por medio deste tipo de iniciativas unha estrutura e dimensión axeitada a proxectos novos”, defende Eduardo.

Inician a aprobación dos polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, cos que se inician os procedementos de aprobación para o desenvolvemento de dous polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro. Ditos procesos realizaranse mediante procedementos de concorrencia competitiva e ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, tras as solicitudes por parte destas dúas administracións locais e despois de abrir un período de información ou actuacións previas para coñecer as circunstancias de cada un dos casos, a Consellería do Medio Rural acaba de iniciar os procedementos para a súa tramitación. “O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acabaron abandonadas ou infrautilizadas, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal”, indican dende Medio Rural. O polígono agroforestal de Cualedro constará de 64 hectáreas, cunhas 70 parcelas de 70 propietarios, que se dedicará esencialmente á gandería en extensivo. O polígono de Oímbra disporá dunha superficie de case 22 hectáreas repartidas nunhas 70 parcelas de 73 propietarios. Neste caso, o polígono destinarase a cultivo de produtos de horta, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra. Estes dous polígonos agroforestais impúlsanse debido a que alomenos un 50% da superficie de ditos polígonos se atopa abandonada ou infrautilizada. Ademais, os propietarios do 70% da superficie das terras incluídas dentro deste perímetro está dacordo coa iniciativa.

Instrumentos de recuperación das terras agrarias

Por outra banda, este luns a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou nunha nova reunión da Mesa de Coordinación dos grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, onde se abordaron os obxectivos e os instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, no marco do convenio asinado entre esta axencia e a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia. Reunión da Mesa de Coordinación dos grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Inés Santé salientou nesta reunión trimestral a importancia de que os propios grupos poidan aconsellar e orientar ás persoas mozas que se incorporen á actividade agraria en materia de información, formación, análises técnicas e asesoramento xurídico. Además, incide en que o traballo destes 24 GDR favorece o desenvolvemento dos territorios, xa que facilitan o intercambio de información e experiencias entre distintas zonas e axentes do rural. Nesa liña, dende Medio Rural recordan que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compensará os gastos nos que incorra a Asociación de GDRs de Galicia para impulsar estes proxectos, ao ter asinado un convenio de colaboración que se prolongará ata finais do 2022, podendo prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais. Na mesa tamén abordaron a nova liña de axudas para futuras estratexias de desenvolvemento local no período 2023-2027. Santé explicou que os GDRs, que se encargan da tramitación das axudas dos plans Leader, deberán desenvolver estratexias afíns ás novas políticas europeas como son o Pacto Verde, a Estratexia da Granxa á Mesa, a Estratexia de Biodiversidade para 2030 ou a Estratexia Forestal da UE e, para iso, contarán con preto de 900.000 euros.

A Xunta estuda a creación dun polígono agroforestal de 100 hectáreas de cereal en Xunqueira de Ambía

Reunión do conselleiro e a directora do AGADER co alcalde de Xunqueira de Ambía O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta semana unha reunión de traballo co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, para coñecer as demandas e necesidades dos habitantes deste concello ourensán relacionadas co agro. Na xuntanza tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. No encontro, o conselleiro e o rexedor acordaron estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal co fin de dedicalo a cereal para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, decidiuse que por parte da Consellería, técnicos deste departamento da Xunta desprazaranse á zona seleccionada para buscar áreas con certo nivel de abandono, co fin de situar o polígono, que podería ter unha superficie dunhas 100 hectáreas, segundo as primeiras estimacións, e que se localizaría na parroquia de Sobradelo. Neste senso, José González sinalou que a posta en marcha deste instrumento, que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, contribuirá á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ademais de supoñer un avance na anticipación aos incendios forestais, ao exercer estes cultivos de devasa natural fronte ao lume. Lembrou ademais que os polígonos agroforestais constitúen unha das principais ferramentas contempladas na nova norma e explicou que esta figura voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización.
O municipio beneficiarase dunha achega de máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais, dentro do plan extraordinario de reparación de camiños da Limia impulsado pola Xunta
Por outra banda, na reunión tamén se abordou a mellora das infraestruturas rurais do municipio e, neste sentido, o titular de Medio Rural puxo en valor a inclusión de Xunqueira de Ambía, no marco da estratexia para a Limia, no plan extraordinario de reparación de camiños, dotado cun total de 600.000 euros este ano. Así, este concello beneficiarase dunha achega de algo máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais. A través deste programa repararanse camiños empregados, fundamentalmente, polos agricultores e gandeiros locais desta bisbarra ourensá.

Estes son os 71 concellos nos que a Xunta priorizará recuperar 5000 hectáreas para o cultivo

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural onde se detallan e se analizan as zonas preferentes de actuación para desenvolver polígonos agroforestais de iniciativa pública, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Para iso, comparouse a información da demanda de terra agraria, recollida a través da manifestación de interese (MDI) realizada pola Consellería do Medio Rural, coa localización das masas de concentración ou reestruturación parcelaria con abandono superior ao 50 % da súa superficie. Así, concluíuse que en 71 concellos se poderían desenvolver estas figuras de mobilización de terras, xa que a demanda de terra agraria pode ser satisfeita coa superficie dispoñible en zonas de concentración parcelaria abandonada do mesmo municipio.

48 concellos cuxa demanda pode ser totalmente cuberta: 

23 concellos nos que a demanda de terra poder ser cuberta parcialmente: 

Medio Rural lanzou en marzo deste ano a Convocatoria de manifestación de interese de proxectos autonómicos, dirixida a identificar proxectos ou iniciativas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. En total, recibíronse case un millar de propostas que indicaban a localización xeográfica da terra demandada, que supoñen un total de 21.322 hectáreas. Ademais, fóra da MDI, as cinco denominacións de orixe dos viños de Galicia solicitaron case 10.000 hectáreas para ampliar as súas zonas de produción. Coñecida a demanda de terra que se precisa en Galicia, a Consellería realizou un novo estudo para identificar e cuantificar superficies continuas de concentración parcelaria (as coñecidas como masas de concentración) que cumprían cunha serie de requisitos–establecidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia– e que puidesen ser empregadas para establecer polígonos agroforestais e, polo tanto, dar resposta a esa demanda de terras. Así, determinouse que Galicia conta con 707 masas de concentración parcelaria abandonada –que supoñen unha superficie de algo máis de 24.000 hectáreas concentradas en 88 concellos– para poñer á disposición daquelas explotacións que o precisen mediante a posta en marcha de polígonos agroforestais. Desta forma, a través do presente informe cruzáronse os datos de oferta e da demanda de terras para poder determinar as zonas preferentes de actuación. Así, concluíuse que hai 71 concellos nos cales se podería dar cobertura a esa solicitude de terreo para ampliar a base territorial das explotacións da zona. Esta mobilización de terras afectaría case 5.000 hectáreas de superficie con boa capacidade produtiva que, na actualidade, están abandonadas ou infrautilizadas. Doutra banda, o informe que hoxe se presentou no Consello da Xunta tamén analizaba as posibilidades de cubrir as demandas de terra localizadas na MDI a unha distancia máxima á explotación solicitante. Así, das 994 solicitudes que demandan terras xeolocalizadas a nivel de concello, 519 solicitudes indicaban unha distancia máxima respecto á explotación para localizar as terras demandadas. Tendo en conta a dispoñibilidade de terreo, a Xunta podería priorizar a delimitación concreta de polígonos para 102 explotacións (8 agrícolas, 76 gandeiras, 8 forestais e 10 mixtas) que demandan preto de 2.500 hectáreas nunha área en que existen concentracións parcelarias con abandono. Ademais, teranse en conta outras 39 explotacións para as cales existe superficie dispoñible en concentración parcelaria a menos dun quilómetro da distancia máxima que requiren para ampliar a súa base territorial, as cales suporían a mobilización doutras 855 hectáreas de terreo. “Polo tanto, tendo en conta a terra que se pode mobilizar en concellos e por explotacións, falamos da creación de polígonos agroforestais que porían en valor como mínimo 5.000 hectáreas de superficie de boa calidade que, actualmente, están abandonadas ou infrautilizadas”, destacan dende a Consellería de Medio Rural.

Demanda de terra

Cabe lembrar que a Xunta recibiu, ao abeiro da MDI, preto de 1.500 iniciativas –entre enquisas simplificadas e proxectos– de pequenas e medianas empresas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. De todas elas, un total de 994 indican a localización xeográfica da terra demandada e supoñen a posta en valor de 21.322 hectáreas. Deste total, algo máis de 13.200 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva gandeira, máis de 1.900 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva agrícola e algo máis de 1.400 ha para produción forestal. A estas cifras habería que sumarlle outras máis de 4.700 hectáreas que compatibilizarían produción mixta. Ademais, a maiores destes proxectos formulados á MDI, as cinco denominacións de orixe dos viños de Galicia solicitaron case 10.000 hectáreas para ampliar as súas zonas de produción.

A Xunta prevé crear un polígono agrario en Tomiño para planta ornamental e fruticultura

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, xunto á alcaldesa, Sandra González A Xunta de Galicia estuda crear no concello pontevedrés de Tomiño un polígono agroforestal na zona de concentración parcelaria dos Panascos, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, analizou este mércores xunto coa alcaldesa, Sandra González, a zona onde se situaría dito polígono, que se dedicaría á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo.
A parroquia de Goián conta con importantes empresas do sector, como Coplant ou Viveiros Río Tollo
Neste senso, Inés Santé destacou que os polígonos agroforestais constitúen un dos principais instrumentos contemplados na nova norma e subliñou que esta ferramenta voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización. Ademais, a representante da Consellería de Medio Rural trasladou tamén que os polígonos, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, son unha figura concibida para contribuír á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume. 534 hectáreas infrautilizadas A parcelaria dos Panascos, finalizada no ano 2009, ten unha superficie total de 534 hectáreas, propiedade de 1.150 veciños. Debido ao elevado grado de abandono ou infrautilización que ten esta zona, o conselleiro do Medio Rural, José González, comprometeuse na última xuntanza mantida coa rexedora municipal a estudar a área e poñer en marcha unha figura de mobilización de terras que poida crear unha nova actividade económica nesta zona do Baixo Miño.
A parcelaria dos Panascos, finalizada no ano 2009, ten terras cun elevado grado de abandono
Seguidamente, e tendo en conta que este posible polígono agroforestal se dedicaría á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo, a directora xeral visitou as instalacións das empresas Viveiros Rio Tollo e a comercializadora de planta Coplant, ambas entidades localizadas na parroquia de Goián.

Píccolo Rancho SA: A empresa que posúe 5.000 hectáreas de terra en Galicia e 2.000 en Asturias

Aladino Barros Doporto é pianista de profesión, pero leva 40 anos mercando fincas rústicas por toda Galicia. Foi a raíz da súa faceta musical como entrou en contacto co Grupo Alba, que opera en varios sectores, entre eles o da venda de instrumentos musicais, cunha tenda en Pontevedra, ou o da compra venda de fincas rústicas en España e Suramérica a través de Píccolo Rancho SA. "Eu levo a zona de Galicia e Asturias e esíxenme mercar 150 hectáreas de terra ao ano en Galicia e 50 hectáreas en Asturias", explica Aladino sobre o modo de funcionamento deste grupo de investidores canario nacido nos anos 40 e extendido hoxe a varios países con distintas ramas de negocio. Teñen oficinas en Madrid, Barcelona e Sevilla e compran en España e en países como Arxentina, Uruguai ou Irlanda a través de representantes zonais. "A nosa misión é mercar as fincas e asinar as escrituras e contratos", explica Aladino. Mercan só solo rústico, tanto terras como montes. "En núcleo urbano a nosa empresa non quere nada", aclara.
En núcleo urbano a nosa empresa non quere nada
O nome da compañía veu de Italia, a onde Aladino viaxaba con frecuencia por traballo. "Ía moito a Italia á vila de Castelfidalgo, onde as familias fan acordeóns nas casas, e paraba nun hotel moi grande con sala de festas que se chamaba Píccolo Rancho. Cando se montou a empresa ocorreuseme ese nome", lembra. Semella unha contradición para a maior propietaria de terras de Galicia. Píccolo Rancho SA, a filial do grupo Alba adicada á compra venda de fincas, ten neste momento máis de 5.000 hectáreas en propiedade nas 4 provincias galegas. Na de Lugo onde máis, con presenza importante en concellos como Vilalba, Xermade, Muras, Abadín, O Saviñao, Chantada, Bóveda, O Incio, Mondoñedo ou Ribadeo, ao igual que na Coruña destacan As Pontes e As Somozas. "Dos 313 concellos que hai en Galicia temos propiedades en 235, só nos faltan 78", conta Aladino.
Posuímos 5.000 hectáreas en Galicia e 2.000 en Asturias
En Asturias tamén contan cunhas 2.000 hectáreas en distintos concellos. Por exemplo, en Pola de Allande, perto do límite con Galicia, Píccolo Rancho posúe unha finca de 800 hectáreas nunha soa peza que comeza no Puerto del Palo e chega ao pobo. Chámase a Braña de Braniecha e é moi accidentada pero adícase a pastoreo por parte dos veciños que teñen gando na zona. Foi mercada a unha familia de Arxentina no ano 1992 e despois atravesada por 4 quilómetros de liña eléctrica de alta tensión, unha das de máis capacidade de Red Eléctrica Española, que vai desde Boimente, en Viveiro, até Pesoz, en Asturias, para evacuar cara a Meseta a enerxía que xeran os parques eólicos galegos. O pago da expropiación para o paso do tendido eléctrico axudou a Píccolo Rancho a rendibilizar o investimento feito no seu momento na adquisición da finca.  A compañía comezou a mercar terras en Galicia no ano 1981. Desde entón, Aladino percorre a comunidade en busca de fincas rústicas. Con 40 anos de experiencia neste ámbito e un sinfín de anécdotas, Aladino coñece á perfección como se move o mercado, cal é a demanda real e cales as motivacións que levan aos propietarios a vender e que, malia ao tradicional apego á terra dos galegos, tamén foron cambiando co paso dos anos. "A xente ofrécenos, non imos buscar fincas á casa de ninguén" Aladino tocando o piano. Foi membro do grupo Los Gales de España, cos que percorreu os cinco continentes Píccolo Rancho ten un método peculiar para mercar as fincas. "A xente ofrécenos, non imos buscar fincas á casa de ninguén", conta Aladino. "É raro o día que non chama alguén para ofrecernos as súas fincas. Cando máis se compra é nas vacacións do verán, cando a xente que está fóra vén. Por sorte a xente non vende as fincas porque necesite os cartos, senón porque as teñen abandonadas, e reparten os cartos entre os fillos ou os netos", di.
Cando máis se compra é nas vacacións do verán, cando volve a xente que está fóra. Non venden as fincas porque necesiten os cartos, senón porque as teñen abandonadas
Na Feira de Agolada, que se celebra os días 12 de cada mes, a empresa ten un pendello onde antes da pandemia recibía a propietarios de toda Galicia que querían vender as súas fincas. "Ten ido xente ata da Cañiza ou Ferrol ata alí", asegura Aladino. O coronavirus freou o negocio A media de adquisicións varía moito dun mes a outro, explica, poden ser 10 ou 15 hectáreas mercadas un mes, 5 outro ou 20 o seguinte. O pasado 1 de abril Aladino fixo 40 anos adicado a este negocio. "A miña media de quilómetros mensuais antes da pandemia era 20.000 ao mes, tiña algún día de pisar as 4 provincias galegas. Temos un turismo e un todo terreo, porque tamén mercamos monte, e ás veces ter que cambiar o aceite antes do mes", indica.
Temos máis de 200 compras pendentes neste momento por problemas para ir ás notarías a asinar
As restricións de movementos do último ano e medio por mor da pandemia sanitaria do coronavirus freou as compravendas e aumentou o interese polo rural, o que tamén incrementa a competencia para as compras. Aínda así, síguense a producir movementos. "Temos máis de 200 persoas esperando. Con isto da covid hai máis problemas para ir á notaría. Só en Vilalba temos 27 escrituras para asinar", di. Vilalba é un dos concellos onde Píccolo Rancho está máis presente. "Posuímos 2.400 hectáreas en total nas 29 parroquias do concello. Só en Vilapedre son 1.200 e en Santaballa 400", detalla. Lograr fincas grandes no país do minifundio Animais nunha das fincas que Píccolo Rancho ten arrendadas A empresa ten un baremo con cinco prezos distintos a pagar en función da calidade, ubicación e dimensión do terreo. "Temos prezos por calidade, nos que pagamos un 258% máis a primeira calidade que a quinta, e logo tamén por volume, de menos de 5.000 metros cadrados, entre 5.000 metros e unha hectárea, ata 5 hectáreas, ata 25 hectáreas e de máis de 25. De menos de 5.000 metros a unha hectárea pagamos un 18% máis o metro cadrado e un 258% máis no caso das de máis de 25 hectáreas. Pero nestes 40 anos das miles e miles de fincas que pasaron polas miñas mans tan só 26 tiñan máis de 25 hectáreas", recoñece Aladino.
A empresa ten un baremo con cinco prezos distintos en función da calidade, ubicación e dimensión do terreo
O minifundio é máis acentuado na provincia de Pontevedra, onde "son todo cousas pequenas". Pero o obxectivo de Píccolo Rancho é facer pezas grandes de 80 ou 100 hectáreas, porque "unha finca de media hectárea só vale para plantar horta. A partir de 25 hectáreas se queres meter gando xa podes facer algo", Pero quéixase de que custa moito traballo e diñeiro lograr parcelas grandes. "Sae a prezo de ouro porque ao ter que comprar a tantos propietarios só en gastos notariais é un diñeiral", asegura.
Unha finca de media hectárea só vale para horta, pero se queres meter gando a partir de 25 hectáreas xa podes facer algo
As pezas máis grandes coas que contan atópanse en Vilalba, sobre todo nas parroquias de Vilapedre, San Simón e Santaballa; nas Pontes, onde teñen 80 hectáreas xuntas; en Muras, onde posúen 90 hectáreas no Viveiró; ou en Ourol, "onde con calma e paciencia poderiamos facernos tamén con moito máis terreo", di Aladino. Como facer unha peza de 1.202 hectáreas? A maior finca privada de Galicia, con 1.200 hectáreas nunha peza, é propiedade de Píccolo Rancho. Está alugada a unha explotación de vacún de carne en extensivo rexentada por un mozo, Finca Enxebreza, e atópase na parroquia de Vilapedre, en Vilalba. Como se logran xuntar 1.200 hectáreas en Galicia? "Esa finca levou 30 anos conseguir facela. Hai máis de 12.000 firmas e 4.000 escrituras, entre públicas e privadas. Eu teño estado nalgunha casa ata as 4 da mañá. A xente é moi chantaxista, se teñen unha parceliña no medio aprovéitanse. Algún enclave que quedaba no medio pagámolo cinco veces o que valía. Facer unha finca deste tamaño lógrase permutando moito e perdendo para poder xuntar parcelas. Despois no 1992 empezou a concentración parcelaria na parroquia e levou 20 anos facela, pero a concentración xa a tiñamos feita nós. Alí a concentración prexudicounos porque nos fixo perder 74 hectáreas. Agora temos 100 parcelas que forman unha peza e 1.202 hectáreas en total", explica Aladino.
A concentración parcelaria prexudicounos en Vilapedre porque nos fixo perder 74 hectáreas. A concentración xa a tiñamos feita nós despois de 30 anos comprando fincas
Máis alá de dilatarse no tempo, "as propias concentracións parcelarias fanse moi mal", opina desde a súa experiencia, porque "dan 20 fincas a unha mesma persoa, ou fincas en proindiviso a varios herdeiros, cando o lóxico sería dar unha soa finca por propietario ou dúas como moito nun segundo lugar", considera. "En Sarria lembro un caso dun paisano que tiña catro fincas de concentración de 800 metros cada unha en sitios distintos porque o pediu el así e teño visto incluso fincas sen acceso malia ser de concentración parcelaria, ou separadas por regatos, nós temos unhas 20 parcelas así", quéixase. Clientes: desde gandeiros con pouca superficie para a PAC a multinacionais madeireiras Píccolo Rancho adquire as fincas a particulares e logo ponas de novo no mercado alugándoas tanto a gandeiros como a grandes empresas madeireiras. "Para plantar eucaliptos é unha febre a demanda que hai. É raro o día que non chama alguén, pero agora está moi limitado e é complicado", recoñece Aladino. As parcelas de monte de maior tamaño están arrendadas a Navigator e a Norfor, esta última petencente ao grupo Ence.
Para plantar eucaliptos é unha febre a demanda que hai. É raro o día que non chama alguén
No caso das fincas agrarias, os clientes son fundamentalmente particulares. "Traballamos moito alugando parcelas a gandeiros que non teñen superficie dabonda para declarar na PAC porque non lles chegan as súas fincas para as cabezas de gando que teñen, temos moitísima xente dese tipo", conta.
Ademais de alugar, a empresa tamén vende, pero non hai quen compre e iso que se poñen prezos moi razoables
Aladino sente predilección polos mozos á hora de escoller arrendatario. "Procuro alugarlles a eles e axudarlles en todo o que podemos para que poidan defenderse no sector e saír adiante. A finca de Vilapedre témoslla alugada a Xabier, que ten 23 anos, a de San Simón lévaa outro mozo de 26 anos que tamén ten vacas de carne, igual que a do Viveiró", explica.

"O diñeiro da Rede Natura vai para a Xunta, os Concellos e os ecoloxistas. Os propietarios non ven un peso diso"

Galicia conta actualmente con 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 16 Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA), que ocupan unha superficie total de 389.565,9 hectáreas. Parte deses terreos, que constitúen a Rede Natura, teñen usos agrarios ou forestais que están condicionados pola normativa ambiental. Aladino é moi crítico coa xestión que se fai por parte da Administración e Píccolo Rancho mesmo demandou á Xunta polas perdas que lle tería provocado a declaración de Rede Natura nas súas propiedades, pero en xullo do 2019 unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia botou por terra as súas pretensións. Reclamaban unha indemnización de 15,6 millóns de euros polos prexuizos sufridos pola inclusión das súas fincas na listaxe europea de áreas protexidas con distintas figuras de protección ambiental, o que leva aparellada unha diminución do valor dos terreos ante as limitacións ás actividades permitidas, que afectan por exemplo á explotación de gando no monte por impedir determinadas prácticas de renovación e mellora de pradeiras que provocan unha diminución da carga gandeira.
Píccolo Rancho demandou unha indemnización de 15,6 millóns polas perdas que lle tería provocado a inclusión das súas propiedades na Rede Natura pero en xullo do 2019 unha sentenza do TSXG botou por terra as súas pretensións
A empresa reclamou esta indemnización en primeiro termo pola vía administrativa, pero acabou acudindo aos tribunais trala negativa do Goberno galego a atender as súas demandas. En concreto, Píccolo Rancho alegaba que a inclusión en Rede Natura das súas propiedades no concello de Muras impedía ou restrinxía actuacións como os movementos de terra para a renovación de pradeiras ou cultivo de cereais, os arrendamentos para a explotación extensiva ou intensiva de gando, así como as plantacións de eucalipto e as cortas de madeira. Sen embargo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia repite os mesmos argumentos cos que xa que no mes de febreiro dese mesmo ano desestimaba tamén a solicitude de 370.000 euros dun veciño de Muras con 23 parcelas incluídas en Rede Natura. O TSXG non considera probado o dano nin vía cambios a nivel de protección legal coa entrada en vigor do Plan Director: "Cabe deducir que a entrada en vigor do Plan Director da Rede Natura 2000 non supuxo ningunha limitación específica e exclusiva para o aproveitamento das parcelas propiedade da empresa reclamante que non estiveran xa contempladas na lexislación vixente con anterioridade", indica a Sala do Contencioso do TSXG na súa sentenza. Agardando pola resposta do Tribunal Supremo Pero Píccolo Rancho non se dá por vencida. "É vergoñento, fixeron un corta-pega na sentenza. Recurreuse en Madrid e estamos agardando a resposta do Supremo e senón iremos a Europa. A nosa é unha empresa que non se mete con ninguén pero que tampouco se deixa pisar", avanza Aladino.
A Rede Natura constitúe un verdadeiro lastre para o desenvolvemento económico e social da zona rural de España e principalmente de Galicia
"A Rede Natura constitúe un verdadeiro lastre para o desenvolvemento económico e social da zona rural de España e principalmente de Galicia, cada vez máis despoboada e falta de oportunidades para os mozos, sendo unha das causas que contribúen a isto as restricións, limitacións e prohibicións que supón a Rede Natura e que van en aumento, sen que os gobernos das comunidades autónomas dispoñan de partidas presupostarias para compensar e indemnizar aos titulares de dereitos previamente consolidados. A unha propiedade privada non se lle pode meter unha carga sen pagar o xustiprezo correspondente. A Administración está a cobrar da UE un diñeiro por fincas que non son dela, non se poden meter as fincas dos propietarios privados sen contar con eles. O diñeiro vai para a Xunta, os Concellos e os ecoloxistas e os propietarios non ven un peso diso, e aínda por enriba acribíllanos con sancións por todo. Asoballan á xente", considera. Ampliación pendente da Rede Natura A Rede Natura 2000 foi establecida pola Comisión Europea o 21 de maio de 1992 coa aprobación e publicación da Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE) e representa na actualidade máis do 18% da superficie terrestre da UE (no caso de Galicia, o 11,74% da superficie da comunidade está considerado LIC), estando configurada na meirande parte dos casos por propiedades privadas. A comezos do ano pasado a Axencia Europea de Medio Ambiente publicaba o seu informe cos resultados sobre o terceiro periodo de avaliación da Rede Natura, no que España saía mal parada como un dos Estados onde máis biodiversidade se segue a perder malia ser un dos países membros con maiores valores neste sentido. En canto á situación de Galicia, ningún dos hábitats identificados como prioritarios están nun estado de conservación favorable, segundo a Comisión Europea, que urxe ademais a ampliación dos espazos con protección ambiental.
Píccolo Rancho alegou contra o Plan Director da Rede Natura, aprobado pola Xunta no 2014, onde se definían os usos autorizables, permitidos e prohibidos nestes espazos
Sen embargo, o Goberno galego non ampliou aínda a día de hoxe a superficie protexida (incumprindo as reiteradas demandas da Comisión Europea neste sentido) e desde Píccolo Rancho arróganse ese logro. "Logramos paralizar a ampliación da Red Natura prevista. En Santaballa metían toda a finca, casas incluídas, é un despropósito", di Aladino. "No 2014 publicaron non DOG o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia, pero o prazo para delimitala vencía no 2007 e eles non puxeron as estacas ata o 2010. Enganaron a Europa e van ter que devolver cartos a Bruxelas", asegura.

A Xunta identifica 24.000 hectáreas de terreo abandonado que se poderían xestionar en polígonos agroforestais

A Xunta de Galicia identificou 24.000 hectáreas de terreo abandonado que poderían ser xestionadas en polígonos agroforestais. Esa é a información que se desprende do informe que fixo público este xoves a Consellería de Medio Rural, onde se detallan e analizan as zonas preferentes de actuación en masas de concentración parcelaria susceptibles de se transformaren en cultivos agrícolas de iniciativa pública. Todo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Deste xeito, o Goberno galego vén de identificar 707 masas de concentración parcelaria abandonadas que contan cunha boa aptitude produtiva. A Xunta pretende poñer estes terreos a disposición daquelas explotacións que o precisen mediante a posta en marcha de polígonos agroforestais. Nesa liña, Medio Rural lanzara en marzo deste ano a convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos dirixida a identificar proxectos ou iniciativas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. 
En total, recibíronse case un millar de propostas que indicaban a localización xeográfica da terra demandada e supoñen un total de 21.322 ha. A maiores, as denominacións de orixe solicitaron outras 10.000
Para chegar a esta resolución, os técnicos da administración galega elaboraron unha investigación onde se tiveron en conta os perímetros das zonas de concentración ou reestruturación parcelaria, as parcelas do Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac – 2020), a información relativa ao Sistema de información sobre ocupación del suelo de España (SIOSE 2017) e ao Mapa de capacidade produtiva dos solos de Galicia. A investigación centrouse na capacidade destas terras agrarias para os usos de agricultura intensiva, para prados e pastos e para repoboación de coníferas, tendo en conta que a superficie das masas debía ser igual ou superior ás 10 hectáreas e que o 50 % desa superficie ou máis debía estar abandonada. Os resultados da investigación tamén afondan nas potencialidades das terras, recolle que un total de 61 das 707 masas con abandono e unha superficie de máis de 10 ha presentan maioritariamente unha capacidade produtiva máxima para agricultura intensiva, principalmente millo e produtos da horta vinculados a algún selo de calidade diferenciada. As zonas sinaladas atópanse, principalmente, nas provincias da Coruña e Ourense. O resto de masas analizadas son aptas para outros usos de cultivos agrícolas como pastos e pastizais, cereais ou froiteiras. Ademais, tamén se poderán combinar cun aproveitamento forestal de cara á diversificación do monte galego, coa plantación de piñeiro ou frondosas autóctonas. O seguinte paso que levará a cabo a Xunta nas vindeiras semanas será cruzar estas zonas de terra dispoñible coa localización das terras demandadas nas manifestacións de interese do Next Generation, coa fin de priorizar as primeiras zonas nas que se levarán a cabo estes polígonos agroforestais.  1.500 solicitudes optan aos fondos do Plan de recuperación Medio Rural rexistrou preto de 1.500 iniciativas de pequenas e medianas empresas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. Delas, un total de 994 indican a localización xeográfica da terra demandada e supoñen a posta en valor de 21.322 hectáreas. Algo máis de 13.200 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva gandeira, arredor de 1.900 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva agrícola e unhas 1.400 ha para produción forestal. A estas cifras habería que sumarlle outras máis de 4.700 hectáreas que compatibilizarían producións mixtas. 

A Xunta promove un polígono de 100 hectáreas para viñedo no concello ourensán de Leiro

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe con veciños de Leiro para animalos a aproveitar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para poñer en valor os predios en desuso ou infrautilizados. Neste caso concreto, proponse a creación dun polígono agroforestal neste municipio ourensán, orientado preferentemente cara a produción de viñedo, pero contemplando a posibilidade de diversificar os seus usos ao combinar cun aproveitamento mixto de gandaría extensiva cun uso forestal con árbores de especies autóctonas. O obxectivo é complementar as rendas dos titulares destes terreos aos que se quere implicar no proxecto. Trátase, tal e como explicou o conselleiro aos veciños, de recuperar terra para xerar actividade económica e crear postos de traballo, contribuíndo a fixar poboación no rural e, ao tempo, avanzar na prioritaria anticipación aos incendios, mediante ese aproveitamento agrogandeiro ou forestal dos predios. Así, José González explicou que ao combinar varios usos nun mesmo polígono, debido principalmente a que o terreo é variable e non é homoxéneo, conséguese un aproveitamento sostible de toda a zona sen modificar as características do propio terreo. Neste caso avalíase a posibilidade de poñer en valor preto de 100 hectáreas que, entre outras finalidades e tendo en conta a súa situación estratéxica, poderían contribuír ao aumento da superficie e da produción vitivinícola dentro da denominación de orixe Ribeiro.

Chamamento aos veciños para que participen

O conselleiro explicou que a iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto. De aí, dixo, “o chamamento que facemos aos veciños de Leiro, para que participen desta iniciativa dinamizadora do territorio”. A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que dentro desta figura dos polígonos establécese tamén a dos denominados cortalume, que procuran a xestión do territorio agroforestal co fin de anticiparse aos incendios. Así, aportan novas solucións á prevención convertendo as devasas en polígonos agroforestais nos que a prevención de incendios se combinará coa posta en valor destas zonas, promovéndose a actividade agrícola, gandeira e forestal, en todos os casos mediante criterios sostibles e, no caso dos usos forestais, utilizando especies que reduzan o risco de propagación de lumes.

Carácter preferente

José González engadiu que nesta actuación terán carácter preferente as zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas que presenten un abandono superior ao 50%; as áreas cortalume, que se delimitarán con criterios técnicos e aquelas nas que se acredite a disposición de compromisos de adhesión ao proxecto, que deberán supoñer unha superficie mínima do 70% das terras incluídas no perímetro proposto do polígono agroforestal. Tamén, entre as restantes zonas, darase carácter preferente ao desenvolvemento de proxectos de polígonos cando concorran circunstancias como que se trate de zonas de elevada aptitude agropecuaria que se atopen en situación de especial abandono, ou da ampliación da base territorial das explotacións existentes mediante o acceso a terras estremeiras en situación de abandono ou infrautilización ou con usos ou orientacións non conformes coa cualificación feita no catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Ademais, tamén se terá en conta a recuperación e posta en valor de terras acaídas para producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexida, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade, como este caso de Leiro. En definitiva, concluíu González, con todas estas medidas trátase de dinamizar o territorio e de xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural.