Archives

Encarécese até nun 60% o prezo da terra agraria e de monte en Galicia

Os prezos da terra rústica e do monte incrementáronse ata un 60% en Galicia desde o ano 2013. Así o reflicte o último informe anual de prezos e taxas de compravenda de terras rústicas en Galicia elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras -dependente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-, no que se analiza a situación do mercado de terras rústicas na comunidade entre os anos 2008 e 2019. Así, no relativo ao prezo da terra rústica, os datos apuntan ao mantemento da subida iniciada no 2014 e que sitúa os valores medios do 2019 (1,21 €/m²) en máximos da serie dende 2008, que ademais supoñen un incremento do prezo da terra do 53% con respecto ao alcanzado no ano 2013 (0,79 €/m²). Canto aos terreos de monte, amosan unha evolución máis positiva, cun incremento sostido que levou os prezos do 2019 a superar nun 60% os niveis do 2013, chegando aos 0,83 €/m². Sobre os prezos da superficie agraria útil (SAU), aumentaron un 30% ata situarse nos 1,8 €/m², ou o que é o mesmo uns 18000 euros por hectárea. Por provincias, as de Pontevedra e Ourense amosan maiores subidas nos últimos anos, de xeito que os prezos medios de Pontevedra -os maiores de Galicia- case duplican os da Coruña, mentres os de Ourense fan o propio cos rexistrados na provincia de Lugo. Mirando aos concellos, os do eixo atlántico seguen a amosar os prezos máis elevados de Galicia. Deste xeito, os resultados semellan apuntar cara a unha homoxeneización dos prezos da superficie agraria útil das comarcas litorais das provincias da Coruña e Pontevedra e, simultaneamente, a unha intensificación da gradación leste-oeste en Galicia. A provincia de Lugo, pola súa parte, é a que amosa no seu conxunto unha maior estabilidade nos prezos.

Operacións de compravenda

Segundo o informe do Observatorio Galego de Mobilidade de Terras, no ano 2019 realizáronse un total de 38.784 operacións de compravenda de terra rústica que afectaron a 11.469 hectáreas. Destas superficie, 4.500 ha foron de superficie agraria útil e case 7.000 de monte. Os datos analizados suxiren unha relativa estabilidade tanto do número de operacións de compravenda como da área total afectada, así como o mantemento da subida de prezos iniciada no 2014. A área total obxecto de compravenda incrementouse en relación ao trienio anterior, invertendo a tendencia previa. Isto debeuse a un maior tamaño medio das parcelas implicadas, que aumentou sensiblemente no bienio 2018-19. Con todo, as variacións dos últimos anos atópanse nun contexto de relativa estabilidade en canto á superficie transaccionada, que se sitúa ao redor das 11.000 ha por ano en todo o período estudado. Mirando a taxa de mobilidade (a porcentaxe que representa a superficie de terra rústica dunha determinada categoría obxecto de compravenda sobre o total da superficie de rústica desa mesma categoría), situouse no 2019 nun 0,57%, un valor baixo no contexto español e europeo. As maiores taxas de mobilidade seguen a concentrarse na metade norte de Galicia, especialmente na provincia de Lugo (0,71%), tanto para superficie agrícola como para superficies de monte. Destacan tamén as comarcas do Deza e do Salnés en Pontevedra, especialmente no caso da superficie agraria útil.

Descarga aquí o informe

Como combinar o desenvolvemento das granxas de leite cunha maior sustentabilidade ecolóxica?

As granxas de leite galega enfróntanse a unha serie de desafíos medioambientais que se poden encadrar en catro puntos principais: terras, xestión de xurros, calidade das augas e fauna salvaxe. Sobre eses catro elementos xirou un debate organizado polo Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo no marco do proxecto europeo ‘Dairy for future’. O primeiro obxectivo do debate foi analizar os desafíos ós que se enfrontan as granxas galegas de leite en materia de medioambiente. A segunda cuestión abordada foi a de como enfrontar eses retos sen mermar o desenvolvemento económico das explotacións e a súa competitividade no contexto europeo. Para dar resposta a ambas cuestións, participaron no debate unha vintena de profesionais do sector, entre eles gandeiros, técnicos, representantes de cooperativas e organizacións agrarias, investigadores e persoal da Administración. Resumimos a continuación, en vídeo e texto, as principais conclusións do debate, que aportou unha visión da situación galega no ámbito do proxecto ‘Dairy for future’, que é o espazo atlántico europe, onde se atopan as principais rexións produtoras de leite de Europa.

1) A singularidade galega: menos dispoñibilidade de terras para alimentar ó gando

Galicia sitúase no “top ten” das rexión produtoras de leite de Europa, pero ten un claro hándicap, en comparación coas demais rexións, para poder seguir medrando de forma sostible: a falta de terras para producir forraxes e cereais cos que alimentar ao gando. Concentración do vacún leiteiro no territorio Na comunidade, o sector lácteo foi desaparecendo dun número cada vez maior de concellos, quedando concentrado nun reducido número de comarcas. De xeito paralelo, o número de explotacións é cada vez menor, mentres que a produción de leite foi aumentando. Intensificación do sistema produtivo As granxas foron medrando en superficie agraria, pero non ao ritmo que medran en número de animais. Iso implica un aumento de carga gandeira e unha maior dependencia dos alimentos mercados. Dificultades para extensificar a produción. - Non hai territorio apto para facer pastoreo, motivado pola pequena dimensión e distancia das parcelas ás cortes. -As marcas de pastoreo da industria non se perciben como realmente de pastoreo. A maiores, obsérvase que é un sistema do que só se benefician as industrias, sen repercutir a penas nas granxas. - Tal e como están planteados ata o de agora na nova PAC os ecoesquemas ligados a pastos e sega, moitas granxas de leite non poderían acceder a eles, entre outras cuestións por unha carga gandeira superior á esixida. - Existen problemas nas declaracións da PAC no caso dos pastizais das comunidades de montes, o que vén motivado pola falta de plans de ordenación dos montes. Superficie agraria útil das grandes rexións europeas produtores de leite. / Fonte: Eurostat. Plantacións forestais en terras agrícolas As plantacións forestais en terras agrícolas compiten polo escaso solo de aptitude agraria que temos en Galicia. Autorizacións de granxas sen terra (porcino, aves) Están autorizándose ganderías “sen terra” de porcino e aves, que compiten polo solo agrícola, pois precisan esas terras para cumprir cos plans de xestión de xurros.

Que se pode facer para mellorar a base territorial das granxas?

  • Ordear o territorio, cunha visión de mosaico.
  • Cartografiar, clasificar e protexer os solos de aptitude agraria de Galicia por ser estratéxicos para a soberanía alimentaria do pais.
  • Protexer zonas aptas agronómicamente para a producción de leite en base a forraxes
  • Recuperar terras abandonadas, por exemplo, o Val de Lemos.
  • Ordear conxuntamente o solo agrario para todos os tipos de explotacións (granxas de aves e porcos).
  • Deslocalizar granxas de zonas onde a carga gandeira xa é elevada.
  • Incentivar a implantación de granxas en zonas cun número baixo de granxas.
  • A terra que estea sen utilizar debería pasar ao Banco de Terras.
  • Modificar a Lei de herdanzas para priorizar o uso agrario das terrras e a súa non parcelación.
  • Limitar o tamaño das explotacións por aspectos medioambientais (macrogranxas).

2)¿Sobran xurros nas granxas de leite?

Segundo o Balance de Nitróxeno da agricultura española, publicado polo Ministerio de Agricultura, dedúcese que nas explotacións galegas empréganse aproximadamente 17.000 toneladas de abono mineral nitroxenado, que podería practicamente aforrarse cunha boa xestión do xurro. Existe, por tanto, unha ampla marxe de mellora para cumprir sen problemas coas esixencias medioambientais de Europa, en especial coa estratexia ‘Da granxa á mesa’, que busca reducir as perdas de nutrientes nun 50% para o ano 2030, e co Acordo de París, polo que se pactou a diminución das emisións ligadas ó cambio climático. A reutilización de xurros como abono na propia explotación é un claro exemplo ademais de economía circular, que pon en valor a gandería ligada a terra, como é o sistema de produción do vacún na España húmida. A utilización de xurros contribúe tamén a aumentar a materia orgánica no solo, o que potencia o papel da agricultura como sumidoiro de carbono. No marco da iniciativa ‘4 por mil’, preténdese aumentar anualmente un 4 por mil o contido de carbono no solo. Valoracións sobre o volume de xurros nas granxas galegas
  • O xurro non é un residuo, senón un abono orgánico que non sobra nas granxas de vacún de leite, o que se comproba porque se seguen utilizando unha gran cantidade de abonos químicos.
  • Confúndese a miúdo o exceso de xurro nas explotacións coa falta de capacidade de almacenamento das fosas, que é o factor que pode provocar a mala xestión dos xurros a o seu uso a deshora. O ideal é que os xurros se apliquen no momento oportuno no que o precisan os cultivos, na primavera fundamentalmente.
  • Moitas fosas están aínda sen cubrir, polo que se perde capacidade de almacenamento, facendo menos eficiente a súa xestión. Auméntase o gasto de gasoil e o tempo no transporte.
  • Por estas razóns, as plantas de tratamento de xurro non se perciben como necesarias para as explotacións de leite galegas.
  • As granxas galegas en xeral teñen capacidade de aplicar na súa base territorial todo o xurro que producen.
Nitróxeno dispoñible no xurro por hectárea de superficie agraria. Galicia (en cor diferencial) é dos que menos ten. Encabezan o ránking Cataluña, Navarra, País Vasco e Andalucía. Á cola están Galicia, Asturias e Castilla y León. ¿Cales serían os efectos da prohibición do prato aspersor? - Moitas granxas poderían desaparecer, sobre todo as mais pequenas, debido á necesidade de cambiar de cisterna, e en moitos casos tamén de tractor, para poder incorporar os novos apeiros de aplicación. - Poden xurdir problemas de desgaste dos trituradores-distribuidores nas granxas que usan camas de area.

Que se pode mellorar na xestión dos xurros?

  • Aproveitar posibles apoios públicos para o redimensionamento das fosas existentes, xestión comunitaria e a cubrición das fosas. En especial cómpre ter en conta as axudas previstas no Real Decreto polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas estatais destinadas á execución de proxectos de inversión dentro do Plan de Impulso de la Sostenibilidad y Competitividad de la Agricultura y Ganadería (III), no marco do “Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia”.
  • Facer obrigatorias estas medidas de redimensionamento e cubrición das fosas ás explotacións cunha certa dimensión (nº de UGMs) e dependendo da pluviometría da zona. Terase que ter en conta tamén a idade dos titulares das granxas para valorar os problemas de amortización que se puideran ocasionar.
  • Aproveitar a nova PAC para crear medidas de asesoramento para a óptima xestión do xurro como abono, tal e como se contempla no borrador de ecoesquema de plan de xestión de nutrientes.
  • Nese sentido, o proxecto ministerial de Real Decreto sobre a Nutrición de Suelos Agrarios percíbese como unha ameaza, xa que o Real Decreto imporía en España unhas condicións obrigatorias que noutros países son subvencionadas como “medidas agroambientais”. Así, por exemplo, en Irlanda, a aplicación do xurro con apeiros de baixa emisión está subvencionado con 1, 25 euros por m3 aplicado.
  • Desde a entrada en vigor do Real Decreto, ademais, anularíase a posibilidade de obter fondos do ecoesquema de nutrición sostible.
  • A prohibición do prato debería ir ligada ás granxas de maior dimensión e carga gandeira, para que a medida sexa “proporcional”.
  • Habería que contemplar a posibilidade do uso do prato invertido nas granxas que fagan unha boa xestión do xurro, de maneira integral e ligada á base territorial.
  • Existen outras prácticas agrarias, tanto ou máis efectivas que os aparellos de baixa emisión, adaptadas ás granxas da España húmida. En todo caso de nada vale mercar eses aparellos se as fosas non están dimensionadas suficientemente ou cubertas, xa que seguiríamos botando o xurro en épocas inadecuadas.

3) Calidade das augas

Galicia é a única rexión entre as 80 primeiras produtoras de leite de Europa que non ten zonas vulnerables declaradas pola contaminación de nitratos procedentes de fontes agrarias. En todo o Estado, ademais de Galicia, son Asturias e Cantabria as únicas comunidades que non teñen zonas vulnerables. É un escenario diferencial da España húmida, en comparación coas zonas adicadas á gandería intensiva, tal como se pode visualizar no seguinte Mapa de Zonas Vulnerables publicado en España. Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España. A paisaxe da España húmida caracterizada pola estrutura en mosaico, de pequenas parcelas irregulares, onde se intercalan sebes, árbores, muros de pedra ou vexetación de ribeira coa superficie agraria, ten un gran valor ecolóxico para o control da erosión, regulación do ciclo hidrolóxico, filtración de nutrientes e calidade da auga. Algúns países e rexións europeas produtores de leite, contemplan incluso “medidas agroambientais” para estes elementos da paisaxe, como é o caso de Irlanda; • Marxes de vexetación de ribeira sen cultivar (euros por metro): a) 3 metros: 0.90 euros b) 6 metros: 1.20 euros. c) 10 metros: 1.60 euros. d) 30 metros: 3.60 euros. • Mantemento de peches tradicionais de pedra: 0.70 euros.

Os bosques de ribeira, unha oportunidade perdida na actual PAC

Os elementos característicos da paisaxe da España Húmida, anteriormente mencionados, non están recollidos na lexislación española da PAC, e si nos demais países nos que son considerados como “Superficies de elevado valor ecolóxico” (SIES), contemplados no regulamento europeo da PAC. Por tanto, a regulación española da PAC perxudica ao mantemento de elementos da paisaxe que contribuirían e mellorar a calidade das augas. Capa de recinto considerado como non admisible (forestal), cando é claramente vexetación de ribeira (SIE) que protexe as augas do río Anllóns. / Imaxe do Sixpac.

A difícil convivencia coa fauna salvaxe

O debate da mesa de fauna salvaxe centrouse maioritariamente en dous animais, o xabaril e o lobo. O xabaril é un animal que causa grandes perdas ano tras ano aos gandeiros de vacún de leite, causando estragos en leiras sementadas a millo, tanto cando o millo é pequeno (obrigan aos gandeiros a resementar) coma cando xa está espigado. Tamén ocasiona grandes danos en prados e pradeiras, tanto despois de sementalos como nos xa establecidos. A maiores, o xabaril pode ocasionar problemas sanitarios, pois é un vector da tuberculose. Se chegase a España a peste porcina africana, a situación convertiríase en moi preocupante para o sector porcino. Por outra banda, o lobo pode ocasionar problemas, sobre todo ás gandarías que teñen as xovencas de menos dun ano fora, xa que pode atacalas. En menor medida, falouse doutros animais, coma o corvo, que causa estragos no millo, tanto arrincando e comendo os graos cando están saíndo como comendo as mazarocas despois. Tamén dos corzos, que poden ser vector de tuberculose, ou dos pombos, que cando entran nos aloxamentos gandeiros/silos, poden causar estragos e/ou transmitir enfermidades coas súas dexeccións.

Propostas para afrontar os danos

  • Facer un censo actualizado do número de animais (e mantelo actualizado). Cos censos actualizados xa se poden deseñar, dende Galicia, plans transparentes de xestión integral das poboacións, tanto de xabarís coma de lobos.
  • A financiación de peches perimetrais, pastores eléctricos e o seu mantemento, axudaría á convivencia co xabaril e o lobo. No caso do lobo, tamén serían adecuadas axudas para mercar e alimentar mastíns. Isto podería articularse a través do Plan de Desenvolvemento Rural.
  • Despois de invertir en xestión e prevención, os danos que non se consigan evitar, deberían ser abonados pola Xunta como responsable civil subsidiaria.
  • Apuntouse a idea da creación dun fondo da Xunta que garanta o pago de axudas a aquelas granxas que sufran danos pola fauna salvaxe, este fondo garantiría o cobro destas axudas, e non tería que estar supeditado a contía da liña orzamentaria aprobada cada ano.
  • Xa que os gandeiros que viven en zonas onde hai poboacións de xabarís e lobos soportan unha carga económica e de traballo extra, podería ser adecuada unha compensación pola convivencia con estes animais.

Acceder á terra, entre os maiores obstáculos para a incorporación de mozos ao agro

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de publicar na súa páxina web o "Estudo sobre o Acceso á Terra. Documento final do Grupo Focal de Acceso á Terra", que profunda no coñecemento das oportunidades e as posibles solucións prácticas que existen para facilitar o acceso á terra e a incorporación de mozos profesionais ao sector. O estudo afonda na detección e orixe das barreiras que atopan os agricultores para acceder á terra, así como na identificación das oportunidades e iniciativas de éxito coñecidas para, a partir de aí, abordar posibles solucións prácticas a unha situación complexa. A elaboración deste informe enmárcase nos traballos de definición do futuro Plan Estratéxico nacional para a aplicación en España da Política Agraria Común (PAC), dentro do Obxectivo Específico 7 dedicado a atraer aos novos agricultores e facilitar o desenvolvemento empresarial nas zonas rurais. Nos devanditos traballos identificouse que a mellora do acceso á terra constitúe unha das principais necesidades para a incorporación dos mozos ao medio rural, e facilitar así a substitución xeracional.  Por iso, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impulsou a creación do Grupo Focal de Acceso á Terra, un equipo multidisciplinar, integrado por máis de 30 expertos, que ao longo de 2020 analizou a problemática do acceso á terra e os seus efectos sobre a substitución xeracional agrario, cuxos resultados se publicaron neste estudo. Os expertos avogan por modificar e actualizar os procedementos e o marco normativo de acceso á terra para conseguir un impacto alto e duradeiro no campo. Tamén inciden na importancia de contar con melloras fiscais e de acceso ao financiamento como unha ferramenta clave para facilitar o acceso dos mozos á terra. O acompañamento, asesoramento e a formación destes mozos é outro dos aspectos no que poñen o foco, á vez que inciden na importancia de contar con información do mercado da terra e axustar a oferta e a demanda. O estudo preséntase como un elemento de apoio para o deseño das actuacións que se desenvolvan en España a favor dos novos agricultores, en particular no Plan Estratéxico nacional da PAC para impulsar a substitución xeracional.

- Consulta aquí o estudo detallado.