Archives

As ganderías galegas facturaron 1.531 millóns de euros por venda de leite no 2023, un 17% máis

As arredor de 5800 ganderías galegas de vacún de leite facturaron no 2023 un total de 1531 millóns de euros por venda de leite, un 17% máis que no ano anterior, segundo se recolle no último informe da Asociación Galega Terra e Leite, unha entidade sen ánimo de lucro integrada por investigadores e representantes do sector produtor e industrial. Esta facturación histórica -225 millóns de euros máis que no 2022- foi posible grazas a que Galicia superou por vez primeira a barreira dos 3 millóns de toneladas de leite producido, pero sobre todo debido a que o prezo medio tamén foi o máis alto dos rexistrados, unha media de 52,54 euros por litro de leite para o conxunto do 2023. Se lle sumamos os ingresos pola venda de animais -arredor de 76 millóns de euros- polas axudas da PAC -entorno a 96- e por variación de inventario e outros ingresos- a facturación total das ganderías galegas de vacún de leite roldou o ano pasado os 1740 millóns de euros.

Evolución das produción de leite por comunidades autónomas: Aumenta sobre todo en Galicia, Navarra e Castela A Macha

Segundo o informe de Terra e Leite -elaborado partindo da información publicada na páxina web do MAPA e do Milk Market Observatory-, no ano 2023 en España producíronse 7.281.862 toneladas de leite, o que supuxo un incremento con respecto ao ano 2022 do 0,10% -a variación sería negativa se se descontase a produción galega-. En Galicia, as entregas alcanzaron no 2023 as 3.001.683 t, despois de incrementárense con respecto ao 2022 nun 1,02%. Galicia segue incrementado o seu peso e xa presenta o 41,22% do total das entregas a nivel español. Por comunidades autónomas, Galicia liderou o incremento nas entregas, seguida de Navarra e Castela a Mancha, mentres que a produción baixou especialmente en Asturias e Cantabria.

O leite en Galicia págase 2 céntimos menos por litro que a media española

En canto ás cotizacións do leite en orixe, o informe de Terra e Leite expón que o prezo medio ponderado do leite pagado os produtores en España no ano 2023 foi de 54,69 c/L, o que o sitúa un 17,79% por riba dos 46,43 c/L do ano 2022. No caso de Galicia o prezo medio ponderado do leite no ano 2023 foi de 52,54 c/L, un 16,03% superior aos 45,28 c/L do ano 2022. O informe de Terra e Leite conclúe que o prezo medio ponderado de Galicia sitúase 2,15 c/L por debaixo do prezo medio ponderado do conxunto do España (-3,93%). En canto á evolución das cotizacións, despois da senda alcista que experimentaron ao longo do ano 2022, os prezos medios do leite en Galicia alcanzaron o seu valor máximo no mes de febreiro do 2023 (58,90 c/L), para a partir dese mes comezar a descender ata o mes de agosto. A partires deste mes, os prezos estabilizáronse ao redor dos 49 c/L, coincidindo co momento no que os prezos en Europa comezan a aumentar, pechando o mes de decembro nos 49,50 c/L. Se o comparamos co prezo medio do leite en Europa (UE-27) expresado en c/Kg, o informe explica que iniciou un pronunciado descenso desde xaneiro do ano 2023 ata acadar o mínimo no mes de agosto (43,41 c/kg). Desde esa data os prezos recuperáronse con certa intensidade ata alcanzar no mes de decembro os 46,61 c/kg. Este prezo é un 3% inferior ao de Galicia (-1,45 c/kg), e un 8% inferior ao prezo medio de España (-4,7 c/Kg).

Mellora da rendibilidade das ganderías de vacún de leite no 2023

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar o seu informe periódico sobre a situación do sector de vacún de leite en España no que conclúe que a rendibilidade das ganderías de vacún de leite mantívose con datos récord en positivo no 2023, especialmente no primeiro trimestre, cunha marxe de beneficio por litro de leite que veu roldando os 8 céntimos de media.

Así evolucionou a produción de leite en España en 2021 nas distintas Comunidades

Galicia liderou o incremento da produción de leite de vaca en España en 2021, cun incremento do 3,44% nas entregas, co que rozou os 3 millóns de toneladas producidas e xa representa o 40% da produción española. Así se desprende do “Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e en España en decembro de 2021”, elaborado pola Asociación Galega Terra e Leite, partindo da información publicada na páxina web do MAPA (Vacuno lechero. Declaraciones de entregas. Datos decembro 2021) e do Milk Market Observatory (Historical EU Prices of raw milk, de data 02.02.2022). Como síntese, dende Terra e Leite salientan que “as entregas no ano 2021 medraron no conxunto de España en 81.671 t, o que supón un incremento do 1,11% respecto ao ano 2020, e (…..) ao igual que nos cinco anos anteriores, en Galicia seguen aumentando as entregas a un ritmo superior que a media nacional (+3,44%, +99.396 t), superando o 40% da produción española”. Nas outras catro comunidades españolas cunha maior produción, produciuse un lixeiro incremento en Castela e León (+0,51%, +4.721 t) e descensos menores ao 1% en Cataluña (-0,79%, -5.996 t), Andalucía (-0,82%, -4.758 t) e Asturias (-0,47%, -2.689 t). A asociación tamén advirte de que “a estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real”. “A media estatal estandarizada é de 36,5 c/L, que aumenta ata 37,3 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 35,5 c/L”, explican dende Terra e Leite.

Galicia, Asturias, Andalucía e Cataluña, as comunidades nas que máis medrou a produción de leite de vaca

A Asociación Galega Terra e Leite ven de publicar o seu “Informe de entregas e prezos do leite en Galicia e España” correspondente a decembro de 2020, no que tamén fai unha análise da evolución ao longo do pasado ano. O documento, elaborado partindo da información publicada polo FEGA e do Milk Market Observatory (Historical EU Prices of raw milk), conclúe que as entregas no ano 2020 medraron no conxunto de España en 152.188 toneladas, o que supón un incremento do 2,12% respecto ao ano 2019. Ao igual que nos catro anos anteriores, en Galicia seguen aumentando as entregas a un ritmo superior que a media nacional (+3,57%, +99.514 ton), o que fai que o represente o 39,4% da produción nacional. Nas outras catro comunidades españolas cunha maior produción, produciuse un incremento notable en Andalucía (+2,78%, +15.645 ton), Cataluña (+1,82%, +13.501 ton) e Asturias (+2,34%, +13.039 ton), mentres que Castela e León diminuíu as súas entregas (-0,58%, -5.420 ton).

Evolución dos prezos

O prezo medio pagado aos produtores no ano 2020 aumentou de forma máis notable en Galicia (+2,22%, +0,70 c/L) que en España (1,32% +0,43 c/L) respecto aos prezos medios rexistrados no ano 2019. A estandarización do leite en España (4,0% de graxa e 3,3% de proteína) continúa amosando un diferencial de prezos máis grande entre Galicia e o resto de comunidades autónomas que o que se observa unicamente co prezo real. A media estatal é de 34,3 c/L, que aumenta ata 35,1 c/L se non se ten en conta a produción de Galicia, onde se sitúa o prezo en 33,0 c/L.

Consulta aquí o informe completo da Asociación Galega Terra e Leite

6 medidas para favorecer o relevo xeracional nas explotacións gandeiras

A Unión Europea ten como un dos seus obxectivos estratéxicos para o rural favorecer o relevo xeracional nas explotacións agrogandeiras, un problema que se agrava en Galicia, xa que, no caso do sector lácteo 4 de cada 10 granxas -unhas 3.700 en total- teñen como titular a unha persoa física cunha idade superior a 55 anos, polo que dentro de 10 anos poderían pechar sen ter a ninguén que os suceda. E é que se ben é certo que nos últimos anos a produción leiteira de Galicia non parou de medrar, tamén o é que o número de ganderías sofre unha baixada constante duns 40 peches cada mes. Deste xeito, prodúcese máis leite por granxa en Galicia debido á mellora da eficiencia pero con menos superficie: 350.000 hectáreas no ano 1989 fronte ás 240.000 do ano 2016. Unha situación que plantea problemas de forestación ilegal de terras agrarias, de maior risco de incendios e de despoboamento do rural. Para abordar esta problemática, a asociación galega Terra e Leite convocou este mércores a un amplo grupo de expertos na Fundación Juana de Vega nunha xornada sobre “A sucesión nas explotacións lácteas: análise e propostas para o relevo xeracional”. Velaquí algunhas das conclusións:

1) Fomentar a incorporación de persoas alleas ao sector gandeiro:

Fomentar a incorporación ao sector gandeiro de persoas que non son fillos ou fillas de gandeiros é unha das claves que se propón para favorecer o relevo naquelas ganderías de vacún de leite que non teñen sucesión. “O 50% do noso alumnado de ciclos de formación profesional gandeira non son fillos de gandeiros”, explica Luis García, director do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco. En Francia xa levan anos de adianto en favorecer dende a administración a incorporación de xente allea ao sector para que tome o relevo. “Existe un directorio de ganderías que non teñen relevo e a administración ponos en contacto con persoas que se queren incorporar, cadrando o máximo posible os perfís”, explica Delphine Neumeister, do Institute de l´Elevage, un centro público de investigación francés. Un asesor da administración presta aconsellamento a gandeiro e arrendatario ou comprador, pero son as dúas partes as que teñen que chegar a un acordo económico. “En Francia estamos preocupados porque por cada 2,5 titulares de granxas de vacún de leite que se xubilan, só se incorpora 1. E a entrada de xente allea ao sector é clave. De feito, neste momento algo máis do 10% dos que se incorporan á gandería non son fillos de gandeiros, e fano sobre todo no sector ovino e caprino de leite, xa que precisa menos investimento inicial que unha granxa de vacún de leite”, engade a investigadora francesa.

2) As granxas deben modernizar as súas formas xurídicas:

Outro factor que non contribúe ao relevo xeracional son as formas xurídicas das explotacións de vacún de leite en Galicia. “Teño visitado moitas ganderías onde contan cunha tecnoloxía do século XXI, pero que cando lle preguntas pola forma xurídica están no século XIX”, recoñece Alfredo Areoso Casal, avogado e membro da asociación Terra e Leite. Así, explicou que, segundo datos do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), actualmente máis do 70% das granxas de vacún de leite en Galicia son titularidade dunha persoa física ou comunidade de bens. “É dicir, o titular da explotación non ten limitación de responsabilidade patrimonial se as cousas van mal, polo que tamén poría en risco o seu patrimonio persoal. Unha situación que é propia e adaptada ao rural galego de séculos pasados, pero non para a actualidade, onde a granxa é unha empresa”, subliña. Unha problemática que, segundo Alfredo Areoso, tampouco resolven as SAT ou as Sociedades Civís, a forma xurídica que máis medrou nas últimas décadas e que supoñen arredor do 25% das explotacións lácteas, sobre todo as de maior tamaño. “A efectos xurídicos tanto as SAT como as SC seguen estando rexidas en boa medida polo Código Civil de 1889, polo que tampouco hai unha separación clara entre o patrimonio da empresa e o persoal a efectos de responsabilidade patrimonial”, subliña. Pola contra, o avogado defendeu como formas xurídicas máis axeitadas e modernas -no sentido de preservar o patrimonio persoal dos propietarios- tanto as Sociedades Limitadas, incluíndo as Sociedades Limitadas Unipersoais cando o propietario é unha única persoa, as Sociedades Cooperativas como as Sociedades Anónimas, debendo axustar a forma xurídica a cada caso concreto. “Sen embargo, en Galicia non chegan ao 10% este tipo de sociedades máis modernas para o que é unha empresa”, lamentou.
Fernando Areoso: “Moitas granxas traballan coa tecnoloxía do século XXI pero teñen unha forma xurídica do século XIX”
No caso francés, Delphine Neumeister informou de que “nas granxas de vacún de leite cada vez hai menos GAEC, o equivalente ás SAT de aquí, que xa representan menos da metade, e están medrando as SL”. Sen embargo, José Antonio Vázquez, economista e asesor económico e fiscal de ganderías de vacún de leite, destacou que “xunto a unha planificación da forma xurídica que debe ter a granxa, tamén deberíamos realizar unha planificación fiscal, tendo en conta todas as bonificacións”, para pagar menos ao fisco. En canto á transmisión en si, e para planificar o relevo na explotación evitando conflitos familiares que dificulten a sucesión, destacou como unha figura moi interesante o testamento inter vivos. “Pódese facer un testamento en vida, con bonificacións do 95% nas transmisións patrimoniais cun límite de 400.000 euros se é de pais a fillos”, asegurou. “En Galicia hai ferramentas xurídicas e con interesantes bonificacións fiscais para favorecer o relevo nas ganderías, o que é preciso é difundilas”, engadiu Alfredo Areoso. Xunto a isto, ambos os dous defenderon a necesidade avanzar en figuras máis modernas no matrimonio que aseguren a pervivencia da granxa e preserven o patrimonio persoal de cada cónxuxe. Así, fronte ao réxime de gananciais, defenderon a necesidade de que se incrementen os matrimonios con separación de bens.

3) Potenciar a formación:

Mellorar e potenciar a formación gandeira é outras das claves para favorecer o relevo xeracional, máxime cando as granxas exixen cada vez de maior coñecemento técnico e tamén de xestión de persoal. Neste sentido, en Galicia para acceder á axuda de incorporación a única formación que se esixe é ter superado o curso de 250 horas que imparte a Consellería de Medio Rural. “É claramente insuficiente. A estrutura de formación agraria en Galicia quedou anquilosada pois cada vez temos que ir a formar ao alumnado en perfís profesionais moi específicos que demandan as granxas, como xefes de explotación, operarios...etc. E temos que potenciar a formación en alternancia, con prácticas en granxas e explotacións agrícolas, de forma que todo o sector se implique na formación dos futuros agricultores e gandeiros”, destacou Luis García, da EFA Fonteboa.
Luis García: “O 50% do alumnado da EFA Fonteboa non son fillos de gandeiros”
No caso de Francia, Delphine Neumeister lembrou que a formación que se esixe é dun mínimo de 4.000 horas e destacou que para as persoas que se queren incorporar estanse a potenciar novas modalidades de formación e de acompañamento, como o “apadriñamento” do que se incorpora por outros gandeiros da súa zona. Outro aspecto clave na formación no que coincidiron todos os expertos, xa que condiciona o relevo, é a formación dos gandeiros para xestionar o persoal asalariado das explotacións. “Un dos grandes problemas que temos é que os gandeiros non están capacitados para xestionar recursos humanos e que as persoas que se presentan aos postos de traballo non teñen cualificación, o que leva a unha alta rotación dos empregados e a que estes non se sintan parte da explotación. É algo no que resulta clave traballar para solucionar o problema da falta de man de obra”, recoñeceu Delphine Neumeister.

4) Novos sistemas de acceso á terra:

O acceso á terra é outra das limitacións para o relevo xeracional no sector gandeiro, sobre todo para aquelas persoas que non son familiares de gandeiros e que se queren incorporar. Neste sentido, os expertos reunidos por Terra e Leite coincidiron en que a resistencia de moitos propietarios a vender ou ceder o uso dos seus terreos é un problema de ideosincrasia de Galicia que cómpre cambiar e que se pode estimular mediante medidas fiscais e facendo cumprir a lexislación sobre usos da terra.
Isabel Vilalba: “A Xunta debe facer cumprir a lei e protexer os solos agrarios”
Ademais da venda, que no caso de Francia está regulado o prezo a través das SAFER para evitar a especulación, destacaron que existen múltiples alternativas, moitas delas con interesantes bonificacións fiscais para os propietarios. Así, dende a compra en común de parcelas, os alugueres con opción de compra, ou a venda con pago aprazado a 18 anos, unha opción que permite á persoa que se xubile ter un importante complemento da súa pensión. “Pero para todo iso é clave que a Xunta de Galicia faga cumprir a lei e protexa os solos agrarios con valor agronómico, para evitar a competencia das plantacións de eucaliptos”, subliñou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

5) Campañas de comunicación:

Mellorar a imaxe do sector na sociedade a través de estratexias de comunicación que conten a súa realidade, e non só das protestas polos baixos prezos ou casos puntuais de maltrato animal, é outra das medidas que se planteou na xornada organizada por Terra e Leite. En Francia levan vantaxe neste sentido, pois dende o ano 2015 dispoñen dun Plan Nacional de Acción par Favorecer as Incorporacións ao sector Gandeiro, e un libro branco con 24 propostas concretas para favorecer o relevo nas granxas. Ademais, contan cunha estratexia de comunicación nos medios xeralistas e teñen en marcha a plataforma Dévenir Éleveur http://devenir-eleveur.com/ (Converterse en granxeiro), onde se pon en valor estra profesión de cara a aquelas persoas alleas ao sector que se poden incorporar.

6) Realización dun estudo en Galicia:

En España, e en Galicia en concreto, falta un estudio científico sobre cales son os principais obstáculos que condicionan o relevo nas explotacións gandeiras. “Só contamos con apreciacións persoais e fáltanos un diagnóstico de cal é a situación actual, polo que unha das tarefas sería realizar un estudo específico sobre a sucesión nas explotacións gandeiras en Galicia”, destacou Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (LABORATE) da USC.

Boas perspectivas para producir leite no futuro:

En canto ás demandas do mercado, José Armando Tellado, director xeral de CAPSA FOOD destacou que as perspectivas son boas para incorporarse á gandería de vacún de leite.
José Armando Tellado: “Son optimista sobre a produción de leite en Galicia”
“A demanda global é crecente e manterase no tempo, sobre todo grazas ao incremento do consumo de queixo en Asia e a que se manterán os prezos da manteiga nun rango de entre 4000 e 5000 euros a tonelada” , avanzou. No caso concreto de Galicia, o directivo de CAPSA FOOS recoñeceu que “son optimista e a industria absorberá o incremento de produción de leite, e os prezos mellorarán no futuro”. “Só é cuestión de tempo”, concluíu.  

O Parlamento Galego pide reformas para asegurar o futuro do sector lácteo

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade unha declaración institucional a favor do sector lácteo galego. A iniciativa foi impulsada pola asociación Terra e Leite. No texto, lémbrase que “o sector lácteo é estratéxico e de vital importancia para o rural de Galicia”, polo que os deputados e deputadas do Parlamento autonómico se comprometen a traballar “para que no futuro continúe sendo motor de desenvolvemento económico, xerador de valor engadido, investimento e emprego nos espazos rurais de Galicia”. “Un sector -subliña a declaración- que ademais mantén superficie agraria útil, actúa como eficaz corta lumes e preserva unha paisaxe agraria coidada, símbolo da identidade territorial de Galicia, que beneficia ao conxunto da sociedade galega”. No preámbulo do texto, lémbrase que este sector, que no 2018 produciu 2,7 millóns de toneladas de leite, o 40% de toda España, “achega o 1,7% do PIB galego, pero ten un impacto real na economía moi superior polo forte encadeamento con outras ramas de actividade”.

Principais desafíos: Base territorial, relevo xeneracional e exportación

Sen embargo, advírtese de que “presenta problemas nos que cómpre traballar xuntos para garantir o seu futuro, baseado preferentemente en granxas de base familiar, e así manter o equilibrio territorial e ambiental de Galicia”. Así, no eido da produción destácase que “as explotacións teñen que aumentar a súa base territorial, reducir os custos e evitar a dependencia dos insumos comprados nos mercados internacionais, que van estar suxeitos a unha gran volatilidade, ao igual que os prezos do leite”. “Para iso é necesario fortalecer instrumentos como o Banco de Terras e abordar unha reforma lexislativa ambiciosa, de amplo consenso, que contribúa á mobilización da terra agraria de Galicia”, engaden. Outro dos problemas do sector é o peche de explotacións e a perda de investimento produtivo no rural pola falta de sucesión e de relevo xeracional. Neste senso, a declaración institucional subliña que “precísanse medidas orientadas a facilitar a sucesión e incentivar a incorporación á actividade leiteira”. No eido da industria, recórdase que esta “caracterízase pola súa debilidade estrutural e a súa orientación cara a derivados simples de escaso valor engadido e pola súa incapacidade de transformar en Galicia todo o leite que se produce, premendo á baixa os prezos que reciben os produtores”. “Por iso cómpre desenvolver accións de política industrial orientadas á implantación en Galicia de proxectos industriais que valoricen o leite e con acceso aos mercados internacionais”, demanda a declaración. Ademais, e como mecanismo para o fortalecemento conxunto do sector, “precísanse medidas para lograr unha distribución equitativa do valor ao longo da cadea”. “Concretamente unha modificación do paquete lácteo que elimine as asimetrías existentes nos tres elos da cadea e flexibilizar os requisitos de constitución das Organizacións de Produtores Lácteos”, reza a declaración. Por último considérase necesario “impulsar o asesoramento, a formación e a investigación como eixes transversais para o futuro do sector lácteo”.

Descarga aquí o texto da declaración

Galicia dispara a súa produción de leite e xa supón máis do 39% do total de España

No que vai de ano a produción de leite en Galicia incrementouse de forma notable aumentando o seu liderazgo no conxunto de España. Así, malia que a comunidade representa o 39% da produción de leite nacional, no que vai de ano de cada 100 litros que se aumentaron 57 corresponderon a ganderías de Galicia. Así se reflicte no último informe da Asociación Terra e Leite, no que se analizan as entregas e prezos do leite en Galicia e España ata xullo 2018, último mes do que publicou datos o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Respecto a ese mes, os autores do estudo conclúen que “Galicia continúa liderando os incrementos das entregas en xullo do 2018 (8.940 ton) seguida a moita distancia de Castela León (1.088 ton). Pola contra, sete Comunidades Autónomas diminúen as entregas nese período, liderando as reducións Cantabria con 1.340 ton menos e Cataluña con 1.207 ton menos”.

As entregas en xullo en Galicia medraron o dobre que en España

As entregas de leite en xullo de 2018 continúan a tendencia alcista aumentando en relación a xullo de 2017 tanto en España +9.157 ton (+1,55 %) como en Galicia 8.940 ton (+3,92 %) o que supón o 97,62 % do incremento total de España neste mes. Un dato máis relevante é da evolución no que vai de ano. Así, dende Terra e Leite salientan que “se analizamos as entregas no período xaneiro-xullo de 2018 fronte a xaneiro-xullo do 2017, Galicia segue liderando o aumento das entregas no que vai de ano con 61.103 ton, seguida moi de lonxe por Castela León (15.517 ton), segunda comunidade en aumento de entregas nese período”. “O aumento das entregas no conxunto de España nese período foi de 107.080 ton, representando Galicia o 57,06 % do total do aumento”, destacan os autores do informe.

O prezo do leite en Galicia é un 10% inferior á media europea

En canto ao prezo do leite, dende a asociación conclúen que “o prezo medio do leite en xullo de 2018 en Galicia situouse en 30,30 céntimos/litro, o que supón unha diminución de 0,10 c/litro (-0,33%) en relación ao mes anterior, sendo 0,40 c/litro superior ao de xullo do 2017 o que supón un incremento do 1,34%”. Porén, o prezo en Galicia continúa sendo dos máis baixos de España despois do de Cantabria (30,10 c/litro) situándose moi lonxe do acadado en Asturias (33,60 c/litro), que tamén diminúe en relación ao mes anterior en 0,30 c/litro (-0,88%). Ao igual que en Galicia, o prezo en xullo en España redúcese con respecto ao mes de xuño, situándose nos 31,20 c/litro (-0,32%), sendo un 0,65 % superior ao de xullo de 2017. Por ultimo, o informe de Terra e Leite sinalan que “os prezos de xullo expresados en c/quilo (30,29 en España e 29,42 en Galicia) son un 7,76% e un 10,42% inferiores, respectivamente, ao prezo medio ponderado da UE-28 que no mes de xullo de 2018 rompe a tendencia baixista iniciada en decembro de 2017 aumentado 0,53 c/quilo en relación a xuño de 2018, situándose en 32,84 c/quilo (+1,64%)”.

Descarga aquí o informe completo da Asociación Terra e Leite

A Asociación Terra e Leite demanda un pacto galego e un plan estratéxico para o sector lácteo

A Asociación Galega Terra e Leite presentou esta mañá na Coruña a memoria sobre as conclusións e propostas recollidas durante a xornada “Propostas para o sector lácteo galego do futuro”, celebrada o pasado decembro de 2017 na sede da Fundación Juana de Vega. Un documento baseado na recompilación das conclusións máis salientables e as 21 propostas que se rexistraron durante as xornadas, e que se debullou nunha comparecencia á que asistiron o presidente da Asociación Galega Terra e Leite, Xosé Turnes Paredes; o secretario da asociación e profesor da Universidade da Coruña, José Manuel Andrade Calvo; o doutor en produción leiteira e investigación, César Resch Zafra, e Xusto Sánchez, gandeiro e membro da xunta directiva da asociación. O documento contén unha gran lista de propostas para facer fronte a desafíos como a volatilidade dos prezos nos mercados internacionais, a ampliación da base territorial das explotacións ou a modificación da política agraria comunitaria. Como proposta xeral, destacouse a necesidade de elaborar un plan estratéxico para o sector lácteo galego, liderado pola Xunta de Galicia contando coa implicación e o compromiso de todos os axentes involucrados na cadea de valor. Neste documento explícase como ese plan debe comprender medidas coherentes para o fortalecemento dos tres niveis da cadea de valor do sector: produción, industria e distribución, ademais de recursos orientados a unha verdadeira e efectiva organización da cadea láctea.
"O plan estratéxico debe estar liderado pola Xunta contando co compromiso de todo o sector"
“A produción en Galicia é moi potente, pero ten debilidades como as eivas no tecido industrial ou moitos déficits no canal de distribución”, sinalaba Turnes, para admitir que se ben “sabemos que cambiar as cousas é moi complicado”, urxe recuperar o peso político que tiña o sector leiteiro, así como ocupar o lugar que lle corresponde neste ámbito tendo en conta que constitúe o 1,85% da riqueza en Galicia, por enriba do sector forestal, duplicando o téxtil e moi próximo á industria do automóbil”. Datos aportados por José Manuel Andrade, que máis aló dos balances económicos, destacaba o impacto do leite en aspectos como o mantemento da superficie agraria en moitas comarcas de Galicia, onde precisamente o sector lácteo é a base do sostemento económico e demográfico. Como debilidades Andrade citaba a escasa dimensión de base territorial das explotacións, o que as fai moi dependentes, con 8 hectáreas de media fronte ás 16 de territorios como Asturias ou Cantabria, ou as máis de 50 Has de Francia ou Alemaña. Preocupación polo peche de explotacións, que noutros países se alugarían Tamén estima preocupante o peche das explotacións, que noutros países estase a paliar con plans para vinculalas a non familiares da propiedade, de xeito que non quede abandonado todo ese investimento en maquinaria e equipamentos. Outra constante é a vulnerabilidade do sector en Galicia á volatilidade dos prezos, alimentada por unha política de cotas que rachou o equilibrio na produción e tirou os prezos. Así as cousas, a asociación nas súas conclusións considera necesario tomar medidas para a revalorización do leite envasado, para a diversificación da produción industrial cara á elaboración doutros produtos frescos, queixos e outros produtos industriais, así como un aumento da capacidade de regulamento en produtos industriais e a capacidade exportadora do sector. José Manuel Andrade, manifestou tamén a necesidade de orientar os apoios públicos a aquelas industrias viables e a o desenvolvemento de novos produtos e acceso a novos mercados. Asemade reclamou accións de política industrial orientadas a captar investimento privado para a implantación en Galicia de proxectos industriais, tal e como se fai por exemplo no sector naval ou no do automóbil. “Na maioría de casos non fan falla grandes investimentos senón utilizar o sentido común e elaborar un plan estratéxico común e compartido por todos”, afirmou Xosé Turnes, presidente da asociación, que reclama un pacto de estado que equipare o peso do leite ao seu papel estratéxico.

Conclusións e propostas da xornada

“Propostas para o sector lácteo galego do futuro” A continuación reprodúcense as conclusións máis salientables e vinte e unha propostas que saíron da xornada que tivo lugar o día 1 de decembro de 2017, na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros (A Coruña), organizada pola Asociación Galega Terra e Leite. Conclusións No que atinxe ao contexto ou marco xeral do sector lácteo galego 1. Constátase a importancia do complexo lácteo (actividades de produción e transformación industrial do leite) na economía galega: este aporta o 1,85% do PIB, un peso semellante ao do complexo pesqueiro (2,2%) ou ao complexo da madeira (1,8%), que case duplica o da industria téxtil e confección (1,1%) e non moi lonxe do da industria do automóbil (2,8%). A nivel nacional o complexo lácteo achega 11.820 millóns de euros e dá emprego a unhas 80.000 persoas. 2. Resáltase unha debilidade estrutural do complexo: a carencia dunha industria á altura do sector produtor, o que non ten visos de mudar a curto prazo pola súa orientación cara a derivados simples de escaso valor engadido. 3. En canto ás características das explotacións galegas, destacouse a súa reducida base territorial, a súa intensificación e a dependencia de alimentos comprados e en alternativas millo forraxeiro/raigrás anual, fronte a unha limitada produción doutros cultivos agrícolas, que resulta nunha baixa dispoñibilidade de palla e subprodutos. Tamén se destacou a elevada calidade do leite producido no país. 4. Destácase como preocupante o descenso dun 35% no período 2010-2016 do número de explotacións pola falta de relevo xeracional. Apúntase que isto se vai a incrementar no futuro con dous factores limitantes engadidos: a necesidade de investimentos e a falta de terras. 5. No proceso de eliminación do réxime de cotas non se cumpriron as previsións de ter un mercado equilibrado na UE, non houbo por tanto unha “aterraxe suave” como se prevía.O aumento da produción foi superior ao estimado (+7,2%), e este non foi absorbido polo aumento das exportacións, o que levou a unha crise severa de prezos desde mediados de 2014 ao final de 2016, con elevados stocks de LDP (Leite desnatado en po) e en menor medida de queixos. 6. No que respecta á dinámica do mercado internacional, constátase unha elevada volatilidade de prezos, xa que pequenos desequilibrios entre oferta e demanda provocan elevadas variacións de prezos (un desaxuste do 1% en cantidade ocasiona variacións do 3/4 % nos prezos), que van ser recorrentes no futuro. 7. No canto das previsións para o consumo de produtos lácteos a medio prazo (10 anos), prevese un aumento máis elevado en países en desenvolvemento, pero menos que nos últimos anos, e de xeito moi diferente por grupos de produtos (menor en frescos e máis elevado en produtos industriais), aínda que sobre isto hai un elevado grao de incerteza. 8. O mercado español é o mercado de referencia para o leite de Galicia. A súa evolución recente vén caracterizada por un crecemento importante da produción, un estancamento do consumo doméstico e unha certa mellora do comercio exterior (onde se reduciu o déficit), pero insuficiente para absorber o aumento da produción. En consecuencia apareceron as primeiras sinais de excedentes estruturais, acumulándose estes na industria láctea (unhas 130 mT adicionais no 2015 s/2013), e parte do leite acóllese ó réxime de intervención, onde seguen almacenadas 40 mT de leite en forma de LDP. 9. Constátase a falta dunha estratexia para o sector lácteo por parte dos axentes privados do sector e as Administracións Públicas responsables. Falta un plan para o conxunto de España, pero sobre todo para Galicia, que debería estar feito hai anos para facer fronte aos cambios no mercado e a desaparición das cotas. Cítanse a modo de exemplo os de outros países, como o de Irlanda, que derivou nun elevado volume de investimentos en novas plantas industriais, ou mesmo Francia, Italia e Reino Unido. 10. Neste contexto de volatilidade de prezos e da dinámica dos mercados, considérase necesaria e imprescindible a consolidación de relacións estables e máis equilibradas entre gandeiros e industrias, e tamén un reequilibrio do poder de negociación entre industrias e distribución. As medidas do denominado “paquete lácteo” estaban orientadas a acadar estes obxectivos pero non o lograron ata agora, polo que é necesario repensar o seu contido e mecanismos de aplicación para que contribúan realmente á mellora da organización da cadea. 11. Constátase, coas gráficas presentadas, que os contratos homologados subscritos en virtude do chamado “paquete lácteo” situaron aos gandeiros e as industrias en España nunha situación de prezos fóra de mercado, especialmente na fase de recuperación dos prezos na UE que se está vivindo desde mediados de 2016. Aínda que se suscitou un debate sobre a orixe desta situación, houbo coincidencia en que os sistemas de indexación e os mecanismos de negociación entre gandeiros e industrias deben levar no futuro a unha maior transparencia e seguridade na fixación dos prezos, partindo sempre de que estes han de evolucionar de acordo coas tendencias do mercado. 12. En canto á evolución do sector industrial en Galicia, constátase que Lactalis está desempeñando un papel de liderado no que afecta á recollida de leite (aumento de 160 mil ton (19%) no período 2012-2016), seguida de Capsa, cun aumento de 120 mil ton (16,4%), representando o leite recollido en Galicia para esta empresa máis do 40% do leite que procesa. Tamén é de destacar a posición que ocupa Reny Picot, que, coas mellores torres de secado en España, está ben posicionada para concorrer nos mercados internacionais; mentres que pola contra destácase a forte caída no peso que Leite Río ten na recollida do leite en Galicia (200 mil ton menos (-47,10%) no período 2012-2016). Partindo dese diagnóstico , na xornada apuntáronse tamén vinte e unha propostas para o futuro do sector, que se reproducen a continuación. Propostas: Para o ámbito da produción (modelo produtivo das explotacións): As explotacións teñen que adoptar medidas para facer fronte á elevada variabilidade de prezos, que no futuro pode ser mesmo superior á rexistrada nos últimos anos, con ciclos de prezos de intensidade e duración variable, e con posibles limitacións no volume de entregas e un duplo prezo A/B. Para adaptárense a esta situación, que dependerá dos recursos da explotación, deben controlar os custos de produción de maneira minuciosa, avaliar axeitadamente os investimentos a realizar e o seu retorno, afondar en melloras de produtividade e nas condicións de traballo dentro da explotación. Para valorizar o produto, deben orientar as características do leite segundo as demandas dos consumidores para así mellorar o valor engadido. Para iso é imprescindible a colaboración estreita entre distribución, industria, produtor e centros de investigación. Ampliar a base territorial das explotacións para mellorar a autonomía alimentaria, reducir os custos de produción e evitar a dependencia crecente dos insumos comprados nos mercados internacionais. Para lograr o anterior é preciso unha implicación clara das Administracións, en particular da Xunta de Galicia, a través dos mecanismos do Banco de Terras, dotándoo de medios humanos e técnicos. Mesmo se reclama de todos os partidos políticos un pacto polo territorio, no que se pode tomar como exemplo o caso de Holanda. Introducir criterios profesionais de xestión empresarial nas explotacións, xerando autofinanciamento para fortalecer a capacidade de resistencia e adaptación a períodos de prezos desfavorables. Deben establecer un plan para facer fronte aos retos derivados dos cambios previstos na PAC, orientados ao cumprimento de requisitos ambientais que van penalizar ás explotacións máis intensivas. Reclámase unha formación integral sobre a produción leiteira e a xestión das explotacións para dar resposta ás novas inquedanzas sociais, tanto no eido ambiental como no consumo. Para evitar o peche das explotacións por falta de sucesión, reclámanse medidas efectivas para facilitar a sucesión, creando un mercado de explotacións e mecanismos e instrumentos que faciliten e incentiven a incorporación á actividade leiteira. Reclámase tamén un servizo de asesoramento independente para os gandeiros que estea orientado á mellora da súa xestión integral. Para o ámbito da industria-distribución e a relación cos produtores: Para o fortalecemento da industria é necesario equilibrar as relacións da cadea do valor do leite, reclamándose para iso un papel máis activo e convencido das administracións, aplicando de maneira máis áxil e eficaz os mecanismos previstos na lexislación. Precísase realizar investimentos na transformación industrial de leite cara a produtos de alto valor engadido orientados aos mercados internacionais, así como investimentos orientados a facilitar a regulación en momentos adversos. Considérase que hai oportunidades adicionais nos mercados exteriores para produtos industriais que non se poden abordar sen unha estratexia de colaboración entre produtores e industria. Orientar os apoios públicos de maneira máis selectiva cara a proxectos industriais viables, que deben orientarse cara a novas liñas produtivas en derivados de maior valor engadido (diversificación), innovacións nos procesos de produción orientados a redución de custos, e acceso a novos mercados. A administración debe deseñar accións de política industrial orientadas a facilitar e apoiar a implantación en Galicia de proxectos industriais que aproveiten as nosas capacidades produtivas e faciliten o acceso aos mercados internacionais. Considérase que un ecosistema industrial que conecte cos mercados internacionais, favorece tamén o desenvolvemento de proxectos locais de alto valor engadido como os queixos das D.O., produtos ecolóxicos, artesanais, e outros produtos innovadores ao redor do leite. Outras medidas para a organización e o fortalecemento do sector: Reclámase un cambio na estratexia da distribución en relación co sector lácteo , para que deixe de empregar o leite como produto reclamo orientado a traspasar valor cara a outros produtos. Considérase imprescindible unha modificación do “paquete lácteo” co fin de eliminar as asimetrías existentes nas negociacións produtores-industria-distribución. Iso debe acompañarse da aplicación de índices de referencia para a negociación dos prezos aceptados polas partes e que respondan á dinámica dos mercados, co obxectivo de lograr unha distribución equitativa do valor ao longo da cadea. Mentres se manteñan as asimetrías actuais vai resultar moi difícil a aplicación de índices nos contratos entre gandeiros e industria. Reclámase unha maior flexibilidade na constitución das OPL para que sexan realmente eficientes na negociación dos contratos. Para anticipar posibles crises de prezos, os actores do sector deben establecer mecanismos de seguimento dos mercados elaborados a partir de diferentes fontes de datos (Contratos de futuros de Chicago, datos de Global Dairy Trade, evolución mensual das producións dos países exportadores, evolución do censo de vacas de recría), así como de informes varios (Rabobank, CLAL Italia, ZMP Alemaña, Observatorio do mercado de leite en perspectivas a curto prazo da U.E., entre outros. Deben aplicarse accións para o fomento do consumo de leite e derivados lácteos no mercado español, aspecto no que, ademais das campañas realizadas polas Administracións, debe sobar un papel central a INLAC. Como proposta xeral, pode destacarse a necesidade de elaborar un plan estratéxico para o sector lácteo galego, liderado pola Xunta de Galicia contando coa implicación e o compromiso de todos os axentes do sector. Ese plan, concibido non como un “papel” senón como unha estratexia compartida por todos os actores da cadea, debe comprender ao menos os seguintes puntos: -Medidas coherentes para o fortalecemento dos tres niveis da cadea de valor do sector: produción, industria e distribución. -Medidas orientadas a unha verdadeira e efectiva organización da cadea láctea baseadas nun enfoque win to win. -Medidas para a revalorización do leite envasado, para a diversificación da produción industrial cara á elaboración doutros produtos frescos, queixos e outros produtos industriais. -Medidas orientadas a aumentar a capacidade de regulación en produtos industriais e a capacidade exportadora do sector.