Archives

Vacún de carne: Advirten de importantes atrasos nos matadoiros e de que as ganderías aínda non cobraron a axuda de 200 euros por becerro

Nas últimas semanas varias gandarías reportaron ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) problemas na cadea de distribución de vacún de carne. Concretamente estanse a producir demoras na recollida dos xatos nas granxas para o seu traslado aos matadoiros, en ocasións de até máis dunha semana. Con esta situación, preocupadas pola posibilidade dun funcionamento deficiente da cadea, son varias as posibilidades que están a barallar as gandarías, sen que a Consellaría do Medio Rural (CMR) estea a aportar información que concrete estas circunstancias. Dende o SLG solicitan á Conselleria do Medio Rural que “aclare se estes atrasos efectivamente se deben a que os matadoiros están saturados e acumulan demoras de días e, de ser así, cal é o motivo desta saturación”. “Tamén hai rumores -engaden- de que, ante a imposibilidade de fornecer carne fresca abondo ao mercado, estanse a pór en circulación xatos conxelados, polo que consideramos que cómpre que a Xunta se pronuncie sobre a realidade desta hipótese canto antes”. Segundo o Sindicato Labrego, as gandeiras e gandeiros sinalan tamén que, “de non ser atallada con celeridade, en poucas semanas esta problemática vaise agravar”. Así, explican que “até o 31 de maio pode haber liberdade de movementos de animais, pero a partir desa data será preciso que as reses teñan administrada a vacina da lingua azul. Sen embargo, moitas zonas están inda sen vacinar -e nas zonas vacinadas está a haber unha alta incidencia de efectos secundarios-, o que pode repercutir en que máis gando do habitual sexa levado a matadoiro ante as posibles dificultades para movelo a partires do 31”. Canda a incertidume de non saber cando van ser recollidos os animais para o seu traslado aos matadoiros, o Sindicato Labrego tamén asegura que “no sector tamén medra a inseguridade con respecto á axuda de 200€ anunciada pola Consellaría para aqueles xatos marcados co selo nos matadoiros da IXP Vacún de Galicia, xa que polo dagora non temos constancia de que fora percibida por ningunha granxa”. Ante esta situación, dende a organización labrega reclaman á Consellaría do Medio Rural “que se pronuncie o antes posible para concretar cales están sendo os motivos da ralentización da cadea de distribución do vacún de carne e pór solucións; aclarar en que medida a campaña de vacinación da lingua azul pode afectar a estas dinámicas comerciais e indicar en que data contempla abonar as axudas de 200 euros por xato sacrificado nos matadoiros da IXP anunciada fai catro meses”.

As IXP Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia promociónase no Salón Gourmets

As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego continúan coa promoción da carne certificada nas feiras gastronómicas máis destacadas do calendario nacional. Tras asistir a Alimentaria, en Barcelona, esta semana participaron no 37º Salón Gourmets, celebrado en Madrid entre o luns e o xoves. Un percorrido culinario entre pezas singulares, como a tapa da pa ou a bavette, e outras máis afamadas, como o lombo, foi o argumento das tres masterclass ofrecidas polo Consello Regulador ante o público profesional; nas que se expuxeron as diferenzas entre a carne de tenreira e a do vacún maior. Co chef do Grupo Nove, Javier R. Ponte “Taky” (Catering Boketé, A Coruña) como xefe de cociña, a primeira parada desta viaxe gastronómica permitiu desbotar a idea de que existen pezas de primeira e de segunda categoría. Serviu un tartar elaborado coa tapa, no canto do solombo como é habitual, demostrando que outros cortes brindan resultados culinarios á altura dos máis coñecidos, mesmo en preparacións en cru. A carne elixida foi ‘Ternera Gallega Suprema’, aquela que se distingue por que procede de ganderías tradicionais, con vacas nai, nas que os tenreiros se alimentan do leite materno como mínimo durante 7 meses. Así o explicou o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, que incidiu en que a maneira de recoñecer este produto certificado é gracias ás súas etiquetas de cor rosa. Tamén desta categoría comercial, “Taky” escolleu o redondo para presentar en láminas con salsa tártara, evocando a tradicional receita italiana do vitello tonnato. Á cociña internacional fixo igualmente referencia outro dos pratos ofrecidos nestas masterclass: un taco mexicano estilo pibil, para o que se empregou a agulla.

Diversos cortes á grella

No estilo de cociñado por excelencia da carne, á grella, combináronse varias pezas de tenreira e de vacún maior, amosando os seus diferentes matices mediante unha elaboración sen artificios. De ‘Ternera Gallega Suprema Ecolóxica’, que conta coa dobre certificación da IXP e do CRAEGA, presentouse a bavette e a tapa da pa. A primeira, aínda pouco coñecida na cociña española, é moi habitual en Francia e destaca pola súa moleza e sabor. Tamén o fai a tapa da pa, que normalmente se utiliza para guisos, pero que coa axeitada preparación resulta ideal para a prancha. No caso do vacún maior, “Taky” serviu cortes clásicos, coma o lombo baixo de ‘Vaca Galega’ e o lombo alto de ‘Boi Galego’, ambos da categoría “Selección”, o que significa que se trata dunha carne con altas cualidades organolépticas, como a graxa amarela de cobertura e a infiltración. Os diferentes pratos deste percorrido gastronómico mesturáronse con consellos e técnicas de cociña para sacar o máximo proveito da versatilidade que ofrece o vacún galego certificado. Ao mesmo tempo, o director de Promoción explicou o traballo das ganderías inscritas, o tipo de razas e animais amparados, a súa alimentación e o sistema de control e rastrexabilidade das IXP. Destacou a relevancia das producións vinculadas aos selos de calidade, como garante do futuro socioeconómico e medioambiental do campo.

Divulgación e promoción comercial

Desde o stand da Consellería do Medio Rural, ademais de realizar estas masterclass, o Consello Regulador atendeu as necesidades de información dos visitantes, profesionais cárnicos procedentes de toda España e de países como Francia ou Italia. Asistir a feiras como o Salón Gourmets, cita de referencia para os produtos delicatessen, permite presentar as características diferenciais da carne certificada ante diversos públicos, tanto da restauración e da hostalaría coma da divulgación gastronómica, co obxectivo de incrementar as oportunidades comerciais das industrias inscritas.

Fruga advirte da caída de prezos nos animais de Ternera Gallega

A organización agraria Fruga emitiu un comunicado para advertir dunha importante caída de prezos nas granxas de Ternera Gallega, pois “estamos a falar de máis de 60 céntimos por Kg canal, o que supón en torno a 120 euros por animal nas ganderías de produción tradicional”, as ligadas ó selo Ternera Gallega Suprema. De persistir esta situación, as perdas acumuladas poden rondar os 11 millóns de euros anuais no conxunto de granxas de Ternera Gallega, segundo expón a Fruga. A organización lembra que desde a Xunta se lle prometeu a todas as ganderías unha axuda de en torno a 200 euros por cada animal sacrificada de Suprema, pero “pasado o tempo, esa axuda segue sen cobrarse e todo parece indicar que o importe vai ser inferior na maioría dos casos. Ademais, os grandes beneficiarios desta axuda están sendo os matadoiros”, sostén a Fruga. Desde a organización cuestionan ademais que en Asturias, a veciña IXP estea a ter prezos superiores ós de Ternera Gallega, “o que é algo insólito na historia das dúas Indicacións Xeográficas Protexidas”. Así as cousas, a Fruga critica tamén o acordo asinado polo conxunto da cadea da carne no 2022 en Galicia, baixo o paraugas da Xunta, pois se ben nun primeiro momento serviu para revalorizar prezos, a organización agraria considera que a situación actual demostra que o acordo fracasou. Tamén considera fallida a Ley de la Cadena Alimentaria, pois non está a servir para defender o prezo dos animais nas granxas. A Fruga insta a Medio Rural a adoptar medidas para correxir a situación, sen destacar iniciar algún tipo de accións.

Masterclass con Ternera Gallega no Forum Gastronómico

A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega-Boi Galego formaron parte, unha edición máis, do Galicia Fórum Gastronómico, celebrado entre o domingo e este martes na Coruña. Como prato principal, ofreceron unha masterclass, para unhas 60 persoas, dirixida polo cociñeiro do Restaurante España (Lugo), Héctor López, e o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez. Ata seis pezas diferentes de ‘Ternera Gallega Suprema Ecolóxica’, de ‘Vaca Galega’ e de ‘Boi Galego Selección’ conformaron un menú que presentou novas receitas cun toque orixinal. Para comezar, Héctor López preparou un sándwich de estilo oriental, no que empregou lombo baixo de ‘Ternera Gallega Suprema Ecolóxica’, a carne que chega ao consumidor con dobre certificación: da IXP e do CRAEGA. A ocasión permitiu incidir na etiquetaxe específica que acompaña ás diferentes categorías comerciais do vacún galego certificado, como aval da súa orixe e calidade, ademais de que permiten recoñecer as cualidades de cada tipo de carne. Así acontece, por exemplo, coa etiqueta de ‘Boi Galego Selección’, que identifica a carne procedente de machos castrados antes do ano e que deben superar os 48 meses de idade. A maiores, co atributo “Selección”, significa que se trata dunha carne premium, que destaca pola súa graxa de cobertura e pola súa infiltración; cualidades altamente valoradas a nivel gastronómico. Este foi o produto escollido para o segundo prato da masterclass, tamén de orixe xaponesa: láminas de tapa de ‘Boi Galego Selección’ con caldo concentrado da mesma carne, no que esta se remata de cociñar. Seguiulle unha croqueta líquida de vacún maior. Héctor López elixiu para esta elaboración a agulla de ‘Vaca Galega’. Con esta denominación a IXP identifica a carne procedente de femias que tiveran polo menos unha xestación. Sempre de animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia, das razas admitidas e que cumpran cun período de acabado (de 6 meses como mínimo) a base de fariñas de cereais e concentrados vexetais previamente autorizados polo Consello Regulador. Tamén receitas tradicionais Co obxectivo de que os asistentes apreciasen as diferencias de sabor, aromas, cor e textura entre a tenreira e o vacún maior, o chef preparou á grella unha mesma peza, a croca, de ‘Ternera Gallega Suprema Ecolóxica’ e de ‘Boi Galego Selección’. Un cociñado sinxelo co que destacaron as características organolépticas das carnes certificadas. E para rematar, un dos pratos estrela de Héctor López, tamén coa potencia de sabor propia do vacún maior. Serviu un costelar de ‘Boi Galego Selección’, que se fai a baixa temperatura en forno de brasas durante toda unha noite. Con esta demostracion poñense en valor a versatilidade culinaria de cortes menos utilizados nos restaurantes, co fin de valorizar todas as pezas do vacun maior de calidade certificado. Máis degustacións coa Agacal O Consello Regulador ofreceu outras dúas degustacións dentro do stand da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, da Consellería do Medio Rural. Foron o domingo e o martes, co chef Xosé Manuel Mallón (Espazo Remollo, Ames) aos fogóns. Para unhas corenta persoas en total, estes showcookings tamén puxeron en valor a versatilidade culinaria de ‘Ternera Gallega Suprema Ecolóxica’ e de ‘Vaca Galega’. Presentáronse pezas como a tapa, tanto á prancha coma en tataky, o filete de vacío e a tapa da pa cociñados á grella e o xarrete estufado. Nestas elaboracións, as carnes certificas pola IXP Ternera Gallega e pola IXP Vaca Galega-Boi Galego acompañáronse doutros selos de calidade, coma as Fabas de Lourenzá ou a Pataca de Galicia, ademais de viños das DO Rías Baixas de Monterrei. De sobremesa, IXP Tarta de Santiago.

Reclaman un plan de comercialización para Ternera Gallega ante o “colapso do mercado galego”

Unións Agrarias insiste na “necesidade de dar forma a un plan de comercialización ambicioso e a varios anos que aporte solucións aos evidentes problemas de colapso que padece o mercado local de carne de vacún amparadda baixo a IXP Ternera Gallega”. A organización agrogandeira volve facer un chamamento para que “Xunta de Galicia e IXP vaian da man para buscar novas vías que permitan revalorizar e dar saída á carne de Ternera Gallega, cuxas ventas se atopan nestes momentos estancadas debido ao desaxuste entre oferta e demanda”. Proba disto, segundo Unións, é que “a pesar de que o número de becerros que entraron nos matadoiros galegos no último mes disminuiu case un 2% respecto ao mesmo período do ano anterior (12.947 animais de Suprema, 224 menos que en marzo de 2023), nestes momentos o exceso de carne ten colapsados os matadoiros de Galicia, incapaces de colocar no mercado o volume de becerros producidos polas explotacións de Ternera Gallega”. Advirten dende a organización agraria de que “o problema non é novo, pois dende Unións Agrarias levamos xa tempo alertando dos signos de saturación que o mercado local viña dando e da necesidade de buscar novas vías para darlle saída á carne de Suprema; unha produción top que está a verse devaluada por estas dinámicas”. En concreto, a organización insta á Xunta de Galicia a mudar os criterios na concesión de axudas ao sector, “que no último exercicio a administración autonómica vinculou ao número de becerros comercializados ao amparo da IXP Ternera Gallega”.

“O deseño das axudas da Consellería levaron a esta saturación do mercado galego”

“E é que os problemas que Unións Agrarias xa augurara no seu día debido a este deseño están a confirmarse agora, coa resistencia dos produtores a recorrer a mercados foráneos, como o asturiano, para dar saída ao exceso de produción. Unha práctica antes habitual e que supoña un importante desafogo á hora de dar saída á produción en momentos de saturación como o actual, á que agora as explotacións se resisten a seguir recorrendo para non perder o dereito á axuda da Consellería”, explican. Nese senso, Unións Agrarias lamenta o “mal enfoque desta liña de apoios; benintencionada, pero inútil debido ao seu mal deseño e plantexamento”. A este respecto, Unións Agrarias fai un chamamento para que “os esforzos que xa se realizaron no pasado coa creación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico non caian en saco roto e se traduzan en medidas concretas e accións promocionais que fagan posible a apertura de novos mercados para a carne galega, e máis concretamente a de Suprema; un produto gourmet producido baixo uns altísimos parámetros de calidade e benestar animal que está a verse devaluado debido á incapacidade do mercado galego de absorver e remunerar adecuadamente o volume de produción existente”.

Ternera Gallega Suprema Ecolóxica preséntase en Barcelona

Ternera Gallega Suprema Ecolóxica presentouse por primeira vez ante o público profesional este pasado martes 19 de marzo no marco dunha das feiras gastronómicas máis destacadas do panorama nacional e internacional, Alimentaria Barcelona, que se celebrou até o día 21. Desde o stand da Agacal, o Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia ofreceron un showcooking desta carne certificada, ao que asistiron os presidentes de ambas entidades, Jesús González (IXP Ternera Gallega) e Francisco López (Craega), xunto ao director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos. O chef Marco Varela (Restaurante Sábrego, Ribadavia) fixo un percorrido por diferentes pezas e cociñados para amosar a calidade e as posibilidades gastronómicas de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica. Como primeiros pratos, presentou un tartar de solombo e un tataky elaborado coa croca; para seguir con cortes á grella: a singular tapa da pa e o tradicional entrecosto. Rematou cun costelar a baixa temperatura. Estas elaboracións estiveron acompañadas doutros produtos con indicativo de calidade e con selo do Craega, coma queixos, hortalizas e viños. Xunto aos aspectos culinarios, divulgáronse as características deste produto con nova certificación, que cumpre as estritas normas da produción ecolóxica ademais de pertencer, dentro da IXP Ternera Gallega, á categoría Suprema: que identifica a carne de animais de menos de 10 meses, criados en explotacións con vacas nai e que se alimentan do leite materno, como mínimo, durante 7 meses. O Craega e Ternera Gallega firmaron en setembro un convenio para o control e a promoción conxuntos do produto, coa finalidade de que os consumidores poidan identificalo no mercado mediante unha etiqueta específica co nome dos dous Consellos Reguladores. Baixo este etiquetado atoparán unha carne que conxuga os valores organolépticos (moleza, sabor e zumarencia) e nutricionais (vitaminas do grupo B, proteínas, ferro e fósforo) propios de Ternera Gallega Suprema cos valores medioambientais asociados ás ganderías extensivas de produción ecolóxica e ás explotacións familiares e de crianza tradicional da IXP. Actualmente, son 209 as ganderías inscritas na IXP Ternera Gallega e no Craega, coa previsión de alcanzar as 262 a finais deste 2024. Supón 1.709 animais identificados neste momento, co potencial de superar os 5.000 nos próximos dous anos. Catro showcookings máis Durante toda a feira, o Consello Regulador programou outras catro demostracións culinarias, sumando en total máis dun centenar de asistentes entre profesionais do sector cárnico, da canle horeca, consumidores, medios de comunicación e blogueiros gastronómicos. Estas sesións centráronse nas cualidades organolépticas e na versatilidade gastronómica das carnes certificadas da IXP Ternera Gallega pero tamén da IXP Vaca Galega-Boi Galego, coa meta de promocionar igualmente o vacún maior de calidade producido en Galicia, cunha demanda crecente no sector da restauración. Tamén se puxo en valor o importante papel das ganderías inscritas en ambas denominacións para o mantemento da actividade socioeconómica no rural e, en consecuencia, para contribuír á súa sostibilidade medioambiental e para fixar poboación. Así mesmo, informouse ao público asistente sobre o sistema de control e de rastrexabilidade que o Consello Regulador aplica en todas as fases da cadea, desde o campo e as industrias ata os puntos de venda; incidindo na importancia das etiquetas que sempre acompañan ás carnes certificadas como elemento identificador e aval da súa orixe e calidade. Carnicerías tradicionais e atención comercial Na xornada do luns, Ternera Gallega tamén mantivo un encontro directo con profesionais do sector cárnico catalán – concretamente, carnicerías tradicionais - co obxectivo, por un lado, de afianzar os lazos con aquelas que xa contan con acordo de colaboración coa IXP para comercializar o produto amparado e, por outro, de atraer a novos establecementos. Paralelamente, o Consello Regulador atendeu as necesidades informativas e comerciais dos visitantes que se achegan ao stand, procedentes de diversos puntos de España e doutros países coma Francia, Italia, Alemaña, Polonia ou Portugal, entre outros. Entregóuselles material promocional e divulgativo sobre as carnes de vacún de calidade de Galicia, a forma de crianza dos animais inscritos, a súa alimentación e benestar animal, sobre o sistema de control e o etiquetado específico de cada IXP. Unha feira clave O Consello Regulador acudiu a este evento de relevancia internacional e perfil profesional coa finalidade de incrementar, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, as oportunidades de negocio das industrias inscritas en Ternera Gallega e en Vaca Galega - Boi Galego, presentando as carnes amparadas ante un visitante moi cualificado, con poder de prescrición e compra.Unha edición máis, Intercarn destaca por ser o principal pavillón da feira, no que se reúnen máis de 360 empresas do sector nun espazo de 14.000 m2. Alimentaria prevé atraer a 100.000 visitantes; entre eles, uns 24.000 compradores interesados en adquirir produtos cárnicos.

Froiz e Ternera Gallega reafirman o seu compromiso de comercialización da carne de calidade

A cadea galega Distribuciones Froiz e a IXP Ternera Gallega manteñen o seu compromiso coa comercialización de carne de tenreira certificada e formalizan un convenio de colaboración entre ambas entidades, que consolida máis de 30 anos de traballo conxunto e de aposta polo vacún galego de calidade. Así se reflectiu nun acto conxunto de ratificación e ampliación do convenio, no que participaron a directora de Calidade de Froiz, Ana López del Olmo, e o presidente do Consello Regulador que dirixe e xestiona a IXP Ternera Gallega, Jesús González. Venda exclusiva e mención nos elaborados Con vixencia anual e prorrogable de forma automática, este convenio recolle a venda da carne amparada pola IXP Ternera Gallega, en condicións de exclusividade para a categoría tenreira, tanto en mostrador tradicional coma nos lineais de libre servizo, en 259 centros Froiz, onde o produto se presenta separado e diferenciado doutras carnes mediante os elementos de imaxe corporativa proporcionados pola Indicación Xeográfica Protexida. Ademais, o Consello Regulador autoriza a Froiz a usar a mención “elaborado con IXP Ternera Gallega” e o logotipo da Denominación, para a correcta identificación e diferenciación dos produtos elaborados coa carne certificada (hamburguesas, albóndegas...). Décadas de aposta polo vacún galego de calidade Máis de tres décadas de relación unen a Ternera Gallega e a Froiz, nunha aposta decidida pola carne de calidade diferenciada e con orixe garantida, o que supón tamén un compromiso coas máis de 8.200 ganderías inscritas na IXP, a súa contribución á sostibilidade do entorno natural e a súa relevancia para o futuro socioeconómico do rural galego. Todas as carnicerías da empresa son de venda asistida tradicional, onde os profesionais Froiz preparan e filetean o produto para a súa posterior elaboración por parte do cliente. Tamén fan elaborados cárnicos de maneira caseira, coma albóndegas, recheos ou hamburguesas, con esta carne de primeira calidade. E informan e asesoran aos clientes sobre receitas, formas de preparación e conservación da carne para sacarlle o mellor proveito na cociña. A variedade de produtos frescos locais, de proximidade e producidos a nivel rexional sempre foi un dos compromisos da empresa Froiz. Para a gran maioría dos produtos frescos de tempada, selecciona provedores das zonas xeográficas onde está presente, o que contribúe ao crecemento económico da súa contorna. Do total de compras que a empresa fai anualmente, preto do 40 % procede de máis de 650 provedores locais.

“Din que nos axudan, pero ao final todo son trabas e impedimentos”

Jónathan Cives, diante das novas instalacións do seu cebadeiro en Mazaricos O sector agrogandeiro protesta desde fai semanas por toda Europa. Unha das queixas unánimes: a burocracia. É unha palabra denostada pero á que ás veces custa poñerlle rostro. Jónathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son cotitulares de Gandería Melenas SC, unha explotación familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Adícanse a cebar becerros, uns 300 ao ano, a maioría animais marcados co selo da IXP Ternera Gallega. Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016, cando el enfermou, e en setembro de 2020, tras faceren os dous o curso de incorporación, el e a súa muller constituíron Melenas SC, garantindo deste xeito o relevo xeracional na granxa.
O único que pretenden é dar a entender que se axuda a todo o mundo cando non é certo
Na teoría, ao tratarse de dúas persoas menores de 40 anos, unha delas muller, deberían ter garantidos os apoios existentes destinados a facilitar o asentamento de mozos e mozas no rural, así como aquelas outras liñas de axuda destinadas a garantir a rendibilidade da explotación, máis tendo a consideración de prioritaria, como é o seu caso. Pero na práctica, di, a realidade é outra ben distinta. “O único que se pretende aquí é dar a entender que se axuda a todo o mundo, cando á hora da verdade son todo trabas, impedimentos e burocracia”, quéixase Jónathan. Un terzo menos no Plan de Mellora Logo de incorporárense, Jónathan e Silvia pediron un Plan de Mellora para faceren un novo establo con capacidade para 600 animais. En xaneiro do 2021 presentaron a solicitude da axuda, sobre un orzamento total de 358.000€. No mes de xullo veulles aprobada, cunha subvención concedida de 161.000€. Puxéronse mans á obra e fixeron a nova nave, na que acabaron gastando máis do orzamentado inicialmente pola suba dos materiais. "Todo o que se fixo no 2022 foi moito máis caro. De feito, a Xunta ao ano seguinte subiu os importes dos distintos módulos, pero a min colleume antes diso", quéixase. Cando a obra xa estaba rematada e certificada veulle unha inspección. Había un problema, pero non co obxecto da subvención e o destino dos cartos, nin coa construción realizada, senón co mantemento do emprego declarado na solicitude.
Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois
O traballador que tiña contratado marchou no mes de febreiro e non foi quen de reemprazalo até o mes de agosto. "É complicado atopar man de obra para traballar nunha granxa", xustifica Jónathan, que segue mantendo esa UTA a día de hoxe (a obriga era conservala cando menos 5 anos despois da certificación da obra). Pero nas bases da convocatoria establecíase que non podían pasar máis de 3 meses en caso de substitución do traballador e ao final o resultado daquel expediente foi que perderon 53.000 euros, un terzo do importe total concedido. “Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois e mentres non nos ingresaban os cartos cada 3 meses tiñamos que pagar 800 euros de intereses”, lembran. Denegación das axudas PEL Despois de rematar a obra da nova nave, Melenas SC precisaba incorporar algunhas melloras en canto a equipamento, entre outras un taximilk para dar o leite aos becerros e unhas arrobadeiras que facilitasen a limpeza automática do establo e o benestar dos animais. Para iso, quixeron aproveitar as axudas PEL para autónomos da Deputación da Coruña, con varias liñas, entre elas unha para investimentos en bens inventariables e outra para contratación de persoal. “O ano pasado, cando saíu a convocatoria de subvención para maquinaria, solicitámola, pero veunos denegada porque a empresa non podía ter máis de 5 anos de antigüidade e aínda que eu a herdei da miña nai fai 3 anos, como xa existía antes dixéronnos que non cumpriamos coas bases”, denuncia Jónathan. Pero non foi o único “chasco” que se levou coas axudas PEL. O ano pasado pediron tamén a liña de contratación de persoal e concedéronlles 15.700€, pero veulles aprobada no mes de setembro, sen tempo material para gastar eses cartos en só tres meses, polo que renunciaron á subvención.
Non é lóxico que ás granxas nos poñan un límite de 20.000 euros e para o resto de empresas sexa de 100.000
Pero contrataron igualmente a un traballador e cando saíu a convocatoria deste ano volveron solicitar a axuda da Deputación destinada a fomento do emprego, coa "sorpresa" de que desta volta só lles concederon 4.300€, alegando a existencia dun tope máximo por beneficiario de 20.000€ en 3 exercicios e computando neste cálculo os 15.700€ aos que renunciaron no ano anterior. “É un absurdo”, di Jónathan, porque esa axuda non a cobramos. Ademais, quéixase de que para gandería o límite estea fixado nos 20.000 euros cando para o resto de empresas o tope máximo está establecido en 100.000, “cando moitas granxas temos feito investimentos moito máis elevados que calquera comercio e afrontamos gastos moi superiores na maioría dos casos”.     

“Prefiren devolver os cartos a Bruxelas antes que dárnolos aos produtores de aquí”

Melenas SC ceba uns 300 becerros ao longo do ano, a maior parte dentro da IXP Ternera Gallega Jónathan considera “unha trampa e un engano” a maioría das axudas e subvencións anunciadas polas distintas Administracións para apoiar ao sector. Como exemplo, di, a que sacou a Xunta este ano destinada aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega. No seu caso, corresponderíanlle 36€ por animal sacrificado o ano pasado baixo o selo de Ternera Gallega, pero quéixase que de non será así, pois esta liña de subvencións tamén está sometida ao réxime de mínimis, polo que limita a 20.000€ en tres exercicios (o actual e os dous anteriores) o importe máximo de axudas públicas percibidas. “É dicir, se recibes a da Deputación non podes optar á da Xunta porque te pasas da limitación de mínimis”, argumenta. No seu caso, tamén computarían os intereses dun crédito ICO que solicitou fai 3 anos.
Enganan á xente, se é unha axuda extraordinaria por xato sacrificado para compensar o baixo prezo da carne non debería estar sometida á normativa 'de mínimis'
“Enganan á xente, porque a Consellería anunciou esta axuda xusto antes das eleccións para gañar votos, pero á hora da verdade moitos gandeiros non a imos poder cobrar; a maioría de gandeiros están contando con eses cartos pero non saben aínda o que implica unha subvención de mínimis. Se fixeche algunha obra no establo con subvención, xa non a cobras por que te pasas”, di Jónathan, que considera que esta axuda excepcional para compensar os baixos prezos da carne en orixe, que se dá polo número de animais sacrificados por cada explotación, “debía estar fóra de todo isto”. Trala súa experiencia co Plan de Mellora, unha axuda que convoca a Xunta pero que se financia a través dos fondos da PAC, así como co resto de subvencións dependentes doutras Administracións e que tamén se financian en boa parte con fondos comunitarios, Jónathan redefine o concepto de burocracia como “burrocracia”. “Ao final prefiren mandar os cartos de volta a Bruxelas antes que darllos a un gandeiro de aquí que produce alimentos, crea emprego e coida o territorio”, conclúe.

Unións Agrarias solicita que Competencia e a AICA investiguen ás industrias cárnicas por pactar prezos ás ganderías de carne por debaixo dos custos

Félix Porto e Xosé Ramón González na rolda de prensa O luns desta semana Unións Agrarias presentou denuncia ante a AICA española e a galega e ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia polo que consideran “venda a perdas que as industrias galegas están a forzar no sector cárnico de vacún”. “Cun diferencial de máis dun euro entre o que custa producir un quilo de carne e que as explotacións están a percibir por el; e vista a homoxeneidade duns prezos que, ao igual que acontecía no leite, se lles impoñen a produtoras e produtoras de xeito unilateral e sen marxe para a negociación; entendemos que hai indicios máis que de sobra para que as administracións e os organismos competentes inicien actuacións, investiguen a fondo e actúen para poñer couto a unhas prácticas que atentan contra a rendibilidade e o mantemento das explotacións cárnicas de vacún do noso país”, xustifican dende Unións. Os datos feitos públicos pola Xunta de Galicia, correspondentes a un estudo de custos encargado pola administración autonómica á Fundación Juana de Vega, son a base que sustenta a denuncia realizada por Unións Agrarias. “E é que de acordo coas cifras feitas públicas en 2023, tras o forte incremento dos custos de produción que a invasión de Ucraína e a seca trouxeron ao sector produtor, producir un quilo de carne de vacún custaba o ano pasado 7,60€. Porén, o prezo que as explotacións galegas percibiron foi tan só de 6,20€”, explican. Engaden dende Unións Agrarias que “non se trata dunha situación nova, pois xa en 2022 outro estudo realizado polo mesmo organismo tamén a instancias da Xunta cifraba ese custo de produción en 6,20€; un euro por debaixo dos 5,20€ que daquela cobraron as granxas”. Á marxe das sancións que "este comportamento xeralizado e reiterado" podería carrexar para as máis de 100 industrias cárnicas que operan en Galicia, Unións Agrarias pretende que a súa denuncia “sirva de punto de atención para que as cousas comecen a facerse doutro xeito”. Por iso, reclama que todas as industrias englobadas dentro de Asogacarne sexan investigadas e insta ás administracións a habilitar a xa tan demandada figura do mediador. “Non pretendemos que se sancione a ninguén, senón que se constate a realidade que tanto tempo levamos denunciando e que as administracións activen os mecanismos pertinentes para frear este tipo de comportamentos que impiden que as gandeiras e gandeiros cobren prezos xustos polas súas producións", precisan. Dentro da IXP Ternera Gallega comercialízanse anualmente 60.000 becerros dunha media de 200 quilos. Unhas cifras que, segundo os cálculos de Unións, elevan ata os 12 millóns de euros ao ano o diferencial entre os custos de produción que soportan as explotacións e os ingresos que perciben polo seu traballo. Unhas cifras ás que habería que sumar as correspondentes ao 30% da produción que se comercializa á marxe da Indicación Xeográfica Protexida.

Importes provisionais das axudas asociadas para vacún de cebo 2023

O Fondo Español de Garantía Agraria, dependente do Ministerio de Agricultura, vén de concretar os importes provisionais das axudas para vacún de cebo, que quedan como segue:

Axuda asociada para o engorde de becerros na explotación de nacemento

Esta axuda está destinada ás granxas extensivas ou semiextensivas que realizan o cebo de becerros na explotación de nacemento do animal. Son necesarios un mínimo de 3 animais primables para cobrar a axuda. Agricultura reservou 12,3 millóns de euros no 2023 para esta prima. Concluído o ano, as comunidades autónomas comunicaron un total de 400.000 animais primables. A prima fixada é de 30,9 euros por animal. No caso galego, hai máis de 9.500 beneficiarios, cun total de 91.000 animais con dereito a prima. Galicia é a comunidade con máis granxas beneficiadas, lixeiramente por riba de Castilla y León, pero atópase por detrás da comunidade veciña no número total de animais cebados, pois en Castilla superáronse os 130.000.

Axuda asociada para o engorde sostible de becerros

O Ministerio destinou 25,9 millóns de euros para apoiar o engorde de becerros en cebadeiros, é dicir en explotacións que adquiren os animais para o seu acabado. Pechado o 2023, as comunidades autónomas comunicaron un total de 1,5 millóns de animais primables, dos que algo máis de 53.000 corresponden a Galicia. No cebo de becerros destacan Aragón, Cataluña, Castilla y León e Castilla La Mancha. Entre as catro comunidades suman máis dun millón de animais cebados. A prima fixada é de 18,6 euros por animal para os primeiros 600 animais e de 9,3 euros para o treito de 600 a 1.400 animais. Galicia rexistrou 850 solicitudes no primeiro treito, con 46.700 becerros, e 19 no segundo, con 6.450. Con estos importes unitarios, poderase facer un primeiro pago da axuda asociada, dun máximo do 90% do total. O segundo pago, ata completar o 100% poderase facer en abril, unha vez pechados de xeito definitivo todos os datos. Pódense consultar as cifras provisionais neste documento.

O proxecto de dixitalización da cadea da IXP Ternera Gallega chega ao alumnado da EFA Fonteboa e ao CFEA de Sergude

O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IXP Ternera Gallega a través do Grupo Operativo DIXITEGA continúa para ter lista a plataforma tecnolóxica a finais de 2024. Tras o seu inicio en 2022, o proxecto DIXITEGA atópase inmerso na terceira fase de traballo de desenvolvemento e testeo da aplicación e, en paralelo, realizaranse varias xornadas formativas e divulgativas con axentes relevantes do sector. Nos próximos meses, entre finais de xaneiro, febreiro e marzo, están programadas cinco sesións na EFA Fonteboa (Coristanco) e no CFEA de Sergude (Boqueixón). O obxectivo será achegar aos futuros traballadores e traballadoras das explotacións agrogandeiras de Galicia ao uso das tecnoloxías e modelos avanzados de xestión dixital. En xeral, o alumnado destes centros de formación agrogandeiros son nativos dixitais e excelentes prescritores de ferramentas e aplicacións na súa contorna máis próxima. As formacións, con orientación práctica, serán conducidas por DIH DATAlife, un dos colaboradores do Grupo Operativo DIXITEGA. A primeira cita terá lugar no Centro de Formación Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) este xoves 25 de xaneiro de 10:10 a 11:00h e de 11:30 a 12:20h. Participarán, respectivamente, o alumnado do 2º ciclo superior en Paisaxismo e Medio rural e do ciclo medio en Gandería. Ademais de abordar a importancia do tratamento e protección de datos, oportunidades de financiamento ou ferramentas como o caderno dixital ou a administración electrónica, mostraranse exemplos de aplicacións interesantes para as ganderías. O equipo de DIH DATAlife tamén repasará casos de éxito en uso de ferramentas dixitais. O luns, 19 de febreiro, a EFA Sergude acollerá outras dúas sesións de 11 a 11:30h e de 12:30 a 13:30h dirixidas ao alumnado do ciclo medio de Produción agropecuaria. En marzo, a formación estará dirixida ao ciclo superior Gandería e asistencia en sanidade animal e terá un carácter máis práctico. Os asistentes realizarán un traballo coa ferramenta de sensorización e análise de datos aplicada ás producións agrarias AGRICOLUS (https://www.agricolus.com/es/). O verán pasado, os socios do GO DIXITEGA abriron un proceso participativo para consultar a opinión a unha mostra de responsables da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución ou entidades de asesoramento durante o que se constatou a necesidade de contar cunha plataforma TIC sólida e flexible para a IGP Ternera Gallega. Esta ferramenta busca facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da indicación xeográfica dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións. Ao mesmo tempo, a implementación de tecnoloxías dixitais na cadea de valor da produción de carne con indicación xeográfica protexida facilitará a consecución dos obxectivos de sostibilidade establecidos no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Granxa á Mesa. Do mesmo xeito, a dixitalización neste segmento fará posible que a produción cárnica galega sexa, para os próximos anos, máis competitiva e sostible, tanto económica como social e ambientalmente. Resólvese deste xeito unha das necesidades máis importantes do sector para o futuro. O Grupo Operativo DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador de las IGPs de Carne de Vacuno de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH DATAlife.

Que son os Grupos Operativos?

O proxecto DIXITEGA articúlase a través dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os Grupos Operativos están constituídos por un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver e executar un proxecto innovador dirixido a encontrar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector en concreto do medio rural (agricultura, gandería, forestal etc.).

Temor a un colapso do mercado e baixada de prezos dos becerros por efecto das axudas da Xunta ás ganderías de Ternera Gallega

Unións Agrarias-UPA e a Asociación galega de empresarios do gando (AGEGA) -unha das dúas que representan ao colectivo na comunidade- instan á Xunta de Galicia a habilitar orzamento suficiente para compensar a suba de custos de produción en todo o sector produtor de vacún de carne. Ambas organizacións celebran que a Consellería de Medio Rural teña habilitado fondos para apoiar as producións amparadas na IXP e, máis concretamente, a Tenreira Galega Suprema. Pero lamentan os criterios escollidos, que “deixan fóra non só ás explotacións que traballan á marxe da Indicación Xeográfica Protexida, senón tamén ao 35% dos becerros criados dentro dela”. Neste sentido, Unións Agrarias e AGEGA fan un chamamento conxunto para que “a administración corrixa a discriminación que ven de perpetrar coa liña de axudas recentemente concedida aos produtores de Ternera Gallega e estenda ese apoio á totalidade do sector produtor de vacún de carne en Galicia”.

Temor a un colapso do mercado e a baixada de prezos

Ambas organizacións temen tamén “o colapso do mercado e a baixada de prezos que poden vir da man dunha liña de axudas que xa está a producir distorsións debido á paralización da saída de animais marcados dentro da IXP que antes se comercializaban sen certificar, por exemplo no mercado asturiano”. “Esas vendas agora non se están a producir debido a que as ganderías non queren perder unhas axudas que se vinculan exclusivamente aos becerros certificados dentro da Indicación Xeográfica Protexida, polo que se está distorsionando o mercado, e isto podería xerar problemas a medio prazo”, indican dende Unións e AGEGA. Nese senso, ambas organizacións instan á Xunta de Galicia a aclarar publicamente se esta axuda, en principio aprobada de xeito excepcional só para o 2023, se manterá nas mesmas condicións no ano que ven de arrincar. “A crenza de que vai ser así xa está causando unha distorsión no mercado de compra-venda que pode traer consigo unha saturación e a consecuente caída dos prezos da carne en orixe. Unha situación moi preocupante que debemos atallar”, subliñan. Dende Unións lembran que “Ternera Gallega Suprema certifica 55.000 becerros, pero inscribe 80.000, o que deixa ao 35% da produción amparada na IXP fóra desta liña de axudas, penalizando ás explotacións que apostan pola recría e, en definitiva, por tentar medrar e polo futuro do sector”. Así, ambas organizacións fan un chamamento conxunto para que o apoio público chegue á totalidade do sector e lembran que a suba de custos de produción afecta do mesmo xeito a todas as explotacións. Nese senso, Unións Agrarias e AGEGA consideran “inaceptable que a administración dea as costas ao 65% do sector limitando o seu apoio á produción de Ternera Gallega Suprema”.

Manual de Manexo para Ternera Gallega Suprema: Claves para acadar boas conformacións e niveis de engraxamento

Os sistemas de manexo empregados en Galicia para a cría de becerros dentro de Ternera Gallega Suprema son moi diversos. Iso fai que as calidades dos canais obtidos sexan dispares. Esta realidade levou á Xunta a encargar a elaboración dun Manual de Manexo, redactado en base aos ensaios levados a cabo no CIAM de Mabegondo con animais de raza rubia galega. A elaboración deste manual xurde dunha das conclusións da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030, que destaca a necesidade de mellorar os aspectos técnicos dos sistemas de produción de vacas nutrices e dos seus becerros, co obxectivo de garantir a mellora da calidade do canal e da carne dos animais amparados pola categoría emblema da IXP. O documento pretende servir como guía para os gandeiros acollidos á certificación Ternera Gallega Suprema, ofrecéndolles orientacións e recomendacións de prácticas agrogandeiras que lles permita acadar bos resultados técnicos e económicos, conseguindo a través desas pautas de manexo e de alimentación uns canais máis homoxéneos en canto á conformación e á calidade da carne resultante. “O desafío para o gandeiro é producir carne de alta calidade a un prezo rendible, debendo ser coñecedor da influencia que teñen os factores controlables por el (raza, peso, sexo, idade, alimentación, etc) no produto final”, destaca o Manual.
É necesario que cada gandeiro escolla o sistema máis axeitado para a produción de becerros na súa zona para obter uns canais con alto valor comercial a un custe de produción rendible
“É preciso que cada gandeiro escolla ben o sistema máis axeitado para a produción de becerros na súa zona e/ou condicións particulares para obter uns canais con alto valor comercial a un custe de produción axeitado”, insiste. “Para conseguir unha boa calidade do canal é necesario realizar un bo acabado dos becerros cun mínimo de dous meses de suplementación con penso, deste xeito obteremos uns canais máis homoxéneos e de mellor calidade”, afirma o Manual, na liña do aprobado polo Pleno do Consello Regulador da IXPConsidérase imprescindible unha finalización dos becerros Clases de conformación da canal segundo a metodoloxía SEUROP (Fonte: MAPA) Boa parte deste Manual de Manexo, de  máis de 60 páxinas, está centrado na alimentación do gando, apostando no caso dos becerros por unha suma de leite materno, pasto e concentrado na fase final previa ao sacrificio. “Sexa cal sexa o sistema produtivo, os animais deben rematar o seu período de cría suplementando a alimentación con penso dous meses antes do sacrificio”, asegura o documento.
Sexa cal sexa o sistema produtivo, os animais deben rematar o seu período de cría suplementando a alimentación con penso dous meses antes do sacrificio
“En animais da raza rubia galega, criados seguindo as especificacións da IXP, comprobouse que unha alimentación exclusiva en base a pasto e ensilado de herba non permite acadar un nivel medio dunha clasificación 2 de graxa. Deste xeito, para que animais de 10 meses de idade teñan graxa no seu canal, é necesario forzar a súa alimentación”, xustifica. Clases de engraxamento da canal segundo a metodoloxía SEUROP (Fonte: MAPA) Segundo o Regulamento da IXP, as clasificacións mínimas para que un canal poida ser certificado dentro da categoría Suprema son conformación S, E, U, R e O+ con niveis de engraxamento 2, 3 e 4 (unicamente no caso das femias). No ano 2021 a maioría dos canais presentaron unha clasificación 2 de engraxamento e U e E de conformación.
Un maior contido graxo da carne mellora a súa calidade organoléptica, xa que produce unha maior intensidade de sabor, xugosidade e tenreza
Tendo en conta os resultados acadados nos ensaios levados a cabo no CIAM, “na carne daqueles animais que consumiron pastos e forraxes observouse unha proporción máis elevada de ácidos graxos saudables, como por exemplo o ácido linolénico, fronte aos que consumiron cereais, que presentaron un maior contido de ácidos graxos saturados”, indica o Manual. Un dos factores que máis inflúe na calidade organoléptica da carne é o tempo de maduración do canal na cámara de refrixeración. Aínda que é algo alleo ao gandeiro e ao sistema de manexo, é importante telo en conta pola gran influencia na terneza da carne. Ao longo do proceso de refrixeración ten lugar o abrandamento da carne, debido á degradación progresiva das fibras musculares. Recoméndase un mínimo de 7 días en cámara para obter unha diminución significativa nos parámetros de dureza da carne.
A industria require canais con certo grado de engraxamento para evitar o endurecemento da carne na cámara
A industria require canais con certo engraxamento, pois a cobertura graxa do canal protéxeo do frío nas condicións da cámara de refrixeración. A graxa actúa como illante térmico e a temperatura post-sacrificio baixa máis lentamente, protexendo ao canal do fenómeno coñecido como acurtamento das fibras por frío, que dá lugar a un endurecemento da carne. Dentro da Ternera Gallega Suprema os becerros que manifestan unha mellor conformación son os criados en sistemas de alimentación con dietas máis intensivas, principalmente aqueles que inclúen concentrados na dieta. Do mesmo xeito, os que presentan un maior engraxamento son os becerros acortellados.
Os sistemas de produción con acortellamento de becerros permiten obter uns maiores niveis de engraxamento
O nivel de engraxamento depende da dieta, fundamentalmente do nivel de enerxía inxerida, pero sendo o engraxamento unha característica dos animais adultos (aqueles que chegaron á madurez sexual), “os canais dos animais de Ternera Gallega Suprema adoitan ter niveis de engraxamento baixos ou medios, incluso nos sistemas que utilizan máis cantidade de concentrados”, recoñece o Manual. Número de canais certificados no ano 2021 segundo o nivel de conformación e engraxamento Para unha mesma idade e raza, as femias teñen un potencial de crecemento menor que os machos pero, pola contra, presentan un nivel medio de engraxamento máis elevado. “O acabado dos animais con cebo de concentrados a libre disposición durante 60 días antes do sacrificio mellora de xeito significativo o engraxamento”, asegura o documento. “Nos sistemas extensivos, o reducido engraxamento dos canais, fai necesario complementar a alimentación dos becerros con pensos durante os dous meses anteriores ao sacrificio”, conclúe o documento, na mesma liña da modificación aprobada recentemente no Regulamento da IXP Ternera Gallega.
O Manual deixa a porta aberta a facer o remate dos xatos con penso na pradeira, mediante o seu acurralamento, sen necesidade de acortellar
Con todo, o Manual encargado pola Xunta abre a porta a que este aporte de concentrados poida facerse na pradeira. “Nos sistemas extensivos, ou incluso en algúns semiextensivos, é recomendable dispor de instalacións nas que poder realizar un acabado dos becerros os meses previos ao sacrificio. Se non se dispón delas, aconséllase realizar dito acabado acoutando o espazo dispoñible para os becerros, favorecendo así a iniciación no consumo de concentrados ou cereais para un correcto acabado previo ao sacrificio”, indica. Para este acurralamento na pradeira, o Manual recomenda a separación efectiva mediante peches de malla. “Os peches de malla son útiles cando se quere facer un cebo de becerros en parcelas, pois no momento do destete os animais tenden a buscar as nais e un peche de fíos pode non ser dabondo para mantelos recluídos”, argumenta. Instalacións para cebar os xatos As tolvas selectivas de cereal son unha alternativa ao acortellamento dos becerros en climas suaves Segundo o Protocolo de Benestar Animal de Ternera Gallega, en caso de facer o cebo acortellando os xatos a superficie por animal non será menor de 1,8 m2 para animais menores de 6 meses, nin menor de 2,2 m2 para animais de máis idade.
Os xatos cebados en interior disporán dun mínimo de 2,2 metros cadrados de espazo por animal
A partir dos 6 meses de vida, os animais estabulados conxuntamente non superarán as 40 cabezas. Para os menores de 6 meses, o número de animais por lote non superarán os 50. Coa nova lexislación aprobada fai un ano e que entrará en vigor entre 2025 e 2030 en función do tamaño da explotación e do seu sistema produtivo, os emparrillados estarán prohibidos se cubren o 100% da superficie. Polo menos a zona de descanso deberá manterse libre de parrillas, debendo tratarse dun chan uniforme cun material  para a cama que permita ter limpos e enxoitos aos animais. A pendente do chan non poderá superar o 5% para cumprir cos requisitos fixados pola IXP no seu Protocolo de Benestar Animal. Máis da metade da carne amparada pola IXP Tenera Gallega pertence á categoría Suprema (53% das canais e das toneladas certificadas no ano 2021).
A categoría Suprema supón a metade da produción dentro da IXP Ternera Gallega
O documento destaca que “as ganderías de Suprema desenvolven un importante papel na xestión e mantemento da paisaxe e na prevención de incendios forestais nunha gran parte do territorio de Galicia, especialmente nas áreas de montaña”. Sistemas de manexo e rendementos Proporción dos principais alimentos do becerro segundo o seu sistema de produción O Manual, encargado pola Consellería á Fundación Juana de Vega e elaborado por técnicos do CIAM e asesores privados, distingue catro sistemas de manexo diferentes dentro das explotacións inscritas baixo a etiqueta Ternera Gallega Suprema:
  • Intensivo: O becerro permanece sempre acortellado mentres que a vaca sae a pacer polo día e volta á casa pola noite para darlle de mamar. “Este manexo permite uns crecementos elevados dos becerros, pois teñen pouco gasto enerxético debido á falta de movemento. Traballando con razas carniceiras é posible obter, aos 10 meses de idade e cun consumo de concentrado de entorno aos 1.000 kg, canais de 280-300 kg”, destaca o documento, en base aos ensaios realizados no CIAM de Mabegondo con rabaños de vacas nutrices de raza rubia galega.
O sistema intensivo co becerro acortellado permite obter canais e carne de gran calidade, así como elevados pesos ao sacrificio
  • Semiintensivo: A principal variación deste sistema con respecto ao anterior é que o becerro normalmente nace no exterior e pasa os primeiros meses de vida (1 a 3) no pasto. Posteriormente, o becerro métese na corte e pasa a recibir o manexo intensivo.
“Tanto este sistema coma o anterior son característicos de explotacións de tamaño pequeno ou mediano (<50 vacas), sendo moi traballoso practicar este manexo en explotacións a partir dunha determinada dimensión”, recoñece o Manual.
  • Semiextensivo: Neste caso, as vacas e os becerros permanecen xuntos en todo momento como mínimo, ata os 7 meses de idade. A vaca e o becerro poden estar sempre no exterior ou entrar na corte no inverno, dependendo de cada explotación. O destete ten lugar entre os 7-8 meses e, posteriormente, realízase un cebo (normalmente na corte) de 2-3 meses con penso a libre disposición.
É frecuente utilizar un comedeiro selectivo para que os becerros se vaian adaptando ao penso antes da fase de cebo, ou para suplementalos en épocas do ano de menor dispoñibilidade de alimento. Neste caso, as razas de orientación cárnica permiten obter aos 10 meses de idade e con consumos de concentrados de 400-600 kg, canais con pesos entre 200-250 kg. Estes rendementos dependen de múltiples factores, como son a raza, a época do ano, o tipo de suplementación, a produtividade das praderías, etc.
  • Extensivo: No sistema extensivo a vaca e o becerro están sempre no exterior, alimentándose do pasto e de forraxe que se subministra nas parcelas durante o inverno. “O máis habitual é vender os becerros directamente do pasto, ou cunha pequena suplementación de penso con comedeiro selectivo, aínda que normalmente dan lugar a canais pequenos e pouco engraxados”, salienta o Manual.
“Con este sistema obtéñense canais de 170-190 kg aos 10 meses de idade, sempre que os becerros teñan pasto ou forraxe de calidade dispoñible e medren a un ritmo aceptable. O sistema extensivo é o máis sensible ás variacións climáticas e de produtividade das praderías, acadando maior importancia o bo manexo das mesmas”, engade.
Para que os becerros poidan consumir suficiente cantidade de penso nos dous meses de finalización é imprescindible iniciar a adaptación con tres meses de antelación dispoñendo de comedeiros selectivos no pasto
 “O principal problema deste sistema é o reducido engraxamento dos canais ao tratarse de dietas menos ricas en enerxía que utilizando concentrados, por iso é necesario a suplementación con pensos durante os dous meses anteriores ao sacrificio”, asegura o Manual, que tamén establece que “para que os becerros poidan consumir suficiente cantidade de penso nos dous meses de finalización é imprescindible iniciar a adaptación a este alimento con tres meses de anterioridade, dispoñendo de comedeiros selectivos no pasto”. “Desta maneira conseguiremos canais mellor conformadas e cun grado de engraxamento superior”, conclúe. Outra opción pola que optan algunhas ganderías en extensivo é vender os becerros ao destete, como pasteiros, con destino posterior a cebadeiros, aínda que neste caso os xatos perden a certificación de Suprema ao cambiar de explotación. Limitar o acceso do gando aos cursos naturais de auga O Manual fai fincapé tamén noutros aspectos, como os de carácter sanitario e de bioseguridade. Neste sentido, recomenda “limitar o acceso do gando a cursos naturais de auga (fontes, regatos, ríos, etc)”, facendo fincapé “na limpeza e desinfección dos bebedoiros” e na necesidade de “asegurar un subministro constante de auga”, que debe ser potable ou estar clorada. A auga é un elemento esencial para o desenvolvemento de todas as funcións vitais do gando bovino, sendo especialmente necesaria no período de lactación. As necesidades diarias sitúanse entre 5 e 15 litros nos becerros, de 15 a 35 litros nas xovencas e de 30 a 60 litros nas vacas adultas, en función da época do ano e o estado do pasto. En canto á inxesta de alimento, como norma xeral unha vaca come cada día entre o 1-3% do seu peso vivo expresado en kg de materia seca. A modo de exemplo, unha vaca de 600 kg necesitará cada día entre 9 kg (cando están secas) ata 15 kg de materia seca (en pico de lactación) de forraxe en función do seu estado produtivo.
A condición corporal das vacas non é estática ao longo do ano, debendo ser recuperada en épocas de menor demanda nutricional
O crecemento do becerro durante a xestación non é lineal, senón que se acelera nos últimos meses, polo que é importante que nese período a vaca estea ben alimentada. No momento do parto a vaca non debe estar moi delgada (cunha condición corporal media, de 2,5 sobre 5), xa que senon terá unha baixa produción de leite, un maior risco de certas enfermidades metabólicas e unha demora na reaparición dos celos. Tampouco debe estar moi gorda, pois aumentan as complicacións no parto, así como o risco de certas enfermidades metabólicas. Xestión da superficie forraxeira Débense proporcionar sombras aos animais en extensivo “Para un mellor resultado económico das ganderías, en todos os sistemas é necesario aproveitar ao máximo os recursos forraxeiros dos que se dispón, mellorando as praderías tanto na súa composición como no manexo do pastoreo”, conclúe o Manual. O destino fundamental da superficie agraria nas explotacións de produción de carne é o pasto permanente. O documento recomenda facer pastoreo rotacional cun tempo de pastoreo de tres días como máximo en cada parcela, deixando unha altura do pasto de saída de 10 cm para preservar o rebrote da herba.
Non se debe entrar a pacer unha finca até que a altura da herba non sexa de 20 cm e debe sacarse o gando ao chegar aos 10 cm
A calidade do pasto presenta un máximo valor na primavera, diminúe co espigado das gramíneas no verán, e volve aumentar co rebrote de outono. O ideal é poder adaptar os momentos de máximas necesidades dos animais cos momentos de máxima calidade dos pastos. Debido á estacionalidade climática que presenta Galicia, o crecemento da herba non é homoxéneo ao longo do ano. Existen marcadas diferenzas nas distintas zonas de Galicia, dependo fundamentalmente do nivel de seca no verán (máis acusado no sur de Lugo e Ourense) e do frío do inverno (máis acusado na montaña lucense e ourensá), o que obriga ás explotacións a conservar unha parte da herba, fundamentalmente a que sobra en primavera.
Nas zonas de climatoloxía suave será dabondo con reservar o 25% da superficie de pasto para facer forraxe
“Nos lugares de invernos suaves e veráns máis húmidos será suficiente reservar arredor dun 25% da superficie dispoñible para gardar en forma de forraxe, mentres que naquelas localizacións con invernos duros e veráns secos pode ser necesario reservar ata o 50% da superficie”, estima o Manual. O momento de realizar o ensilado é un dos puntos máis importantes a ter en conta para conseguir forraxes de alta calidade. Debe facerse antes do espigado das gramíneas, xa que este provoca unha baixada notable da calidade nutritiva das plantas. A herba debe estar ademais ben seca, cun grao de humidade entre o 10 e o 15% para evitar a proliferación de fungos.
O ensilado debe facerse antes do espigado das gramíneas, posto que o nivel de proteína das plantas cae á metade e tamén descende a súa dixestibilidade
O silo de herba para vacas de carne debería chegar ao 12% de proteína cun 65% de dixestibilidade, pero se a herba se ensila espigada o nivel de proteína cae até o 6-7% e a dixestibilidade ao 50%, co que esa forraxe non chegaría para cubrir as necesidades nutricionais dos animais e perderán condición corporal. En canto á herba seca, para conseguir que sexa de boa calidade deberá facerse do rebrote dunha pradeira que foi pacida ou segada para silo na primavera. Se se fai coa herba xa espigada, a calidade da forraxe non será óptima e deberá empregarse unicamente como suplemento, propón o Manual. Efectos do cambio climático Efectos do cambio climático: variación esperada na produción de herba ao longo do ano en kg de MS/ha/día “Galicia dispón dun clima privilexiado para a produción forraxeira”, destaca o documento, que alerta sen embargo da necesidade de adaptación de determinadas prácticas de manexo “ao contexto de cambio climático actual”.  “Espérase un incremento das temperaturas máximas e mínimas diarias, principalmente no verán, así como unha notable diminución dos días de xeada (mínimas por baixo de 0ºC). Este cambio será moito máis acusado naqueles puntos máis fríos da montaña ourensá e lucense”, prognostica o Manual.
É necesario un cambio de estratexia na conservación das forraxes, pasando de facer silo para o inverno a facer silo para suplementar a alimentación durante a seca do verán
O cambio nas temperaturas irá acompañado dunha modificación nas precipitacións. Se ben non se espera unha forte redución da chuvia total, si que se prevé unha notable variación na súa distribución ao longo do ano. Deste xeito espéranse uns invernos húmidos, como é habitual, pero uns veráns moito máis secos e cálidos en toda Galicia. Exemplos de misturas para sementeira de pradeiras en zonas secas e húmidas de Galicia “Todos estes cambios non son homoxéneos en todo o territorio, na zona norte das provincias de Lugo e da Coruña estanse a suavizar moito os invernos, co aumento da produción dos prados nesta época; en cambio, os veráns estanse endurecendo, cunhas temperaturas extremadamente altas. Isto require dun cambio de estratexia na conservación das forraxes, pasando de facer o silo para o inverno a facer o silo para suplementar a alimentación durante a seca do verán. Pola contra, nas zonas sur da provincia de Lugo e en Ourense, que xa de por si teñen unha marcada seca estival, deberán introducir cultivos forraxeiros de inverno para incrementar as producións na primavera, xunto cunha adaptación das especies herbáceas nas novas praderías sementadas”, recomenda o documento.
A mellor época para sementar pradeiras é a finais do verán para que a xerminación teña lugar coas primeiras choivas do outono
“Nas zonas secas do sur de Galicia, para a implantación de praderías, empregaranse de forma predominante mesturas compostas por dactilo e festuca, deixando o raigrás inglés en menor proporción. En canto ás leguminosas, serán maioría aquelas especies anuais (trevo subterráneo, migueliano, persa, vesiculoso). Pola contra, en zonas húmidas do centro e norte predominará o raigrás inglés e as leguminosas plurianuais de clima húmido (trevo branco, violeta, persa)", salienta.

Selección de reprodutoras para garantir que as nais contan con aptitude leiteira para amamantar aos becerros cando menos até os 7 meses

Ao longo do Manual de Manexo insístese en varias ocasións en que “a raza elixida, ou as vacas seleccionadas dentro da raza, teñan unha produción láctea suficiente para aleitar o becerro até os 7 meses de idade”. Este carácter, di, “será máis importante canto máis extensivo sexa o sistema de manexo”. “É fundamental que as vacas nutrices teñan unha produción de leite que permita o aleitamento ata os sete meses de vida do becerro, xa que en caso contrario o ritmo de crecemento verase minguado, a súa potencialidade de crecemento desaproveitada, e haberá que recorrer a concentrados se o leite é un limitante antes de tempo”, defende.
O ideal sería que os becerros, soamente co leite, pastos e forraxes, presenten unha ganancia media de peso vivo previa ao destete superior a 1 kg/día
Así mesmo, afirma que “cómpre ter unhas praderías e forraxes de calidade para poder aproveitar o potencial leiteiro das vacas, e para que cando os becerros empecen a pastar o fagan cun alimento de calidade”. “O ideal sería que os becerros, soamente co leite, pastos e forraxes, presenten unha ganancia media de peso vivo previa ao destete superior a 1 kg/día”, calcula. Razas recomendadas En canto ás razas, seis de cada 10 canais certificadas son cruces, cunha presenza importante da raza rubia galega dentro dos animais puros, sobre todo como vacas nutrices. O Manual considera que “a elección da raza é un elemento máis que pode incidir na rendibilidade da explotación”. Debido “á súa superioridade produtiva”, o documento recomenda “utilizar preferentemente” as razas rubia galega, limusina, blonde de Aquitania e Asturiana de los Valles “nas zonas onde se poida dispoñer de praderías de boa calidade”.
As Morenas Galegas son razas autóctonas que non sufriron un proceso de selección, considéranse moi rústicas e recoméndanse en zonas de monte
Pola contra, “en zonas de monte con herba de baixa calidade ou onde se utilice a matogueira como fonte de alimentación” destaca que “as Morenas galegas (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa) presentarán unha mellor adaptación debido á súa maior capacidade de consumir este tipo de pasto”. Manexo reprodutivo Esquema de organización de partos de outono en vacas nodrizas “O manexo reprodutivo actual das ganderías certificadas dentro de Ternera Gallega Suprema provoca que os partos se concentren nos meses de primavera e os becerros saian ao mercado de decembro a marzo, cando o prezo de venda é menor”, asegura o Manual. Pola contra, afirma, “no segundo semestre do ano hai escaseza de carne certificada de Suprema”.
É necesario planificar os partos para desestacionalizar a produción e mellorar a rendibilidade das explotacións
En consecuencia, conclúe o documento, “é necesario desestacionalizar a época de partos dunha parte das explotacións cara os meses de outono (setembro, outubro, novembro e decembro) para conseguir un dobre obxectivo: por un lado asegurar un fluxo continuo e homoxéneo na oferta de animais de Suprema ao mercado ao longo de todo o ano e, por outro, mellorar a rendibilidade das explotacións derivada da posibilidade de obter uns maiores prezos de venda”.
A primeira cubrición das xovencas realizarase en torno aos 16-18 meses de idade, tendo lugar o parto aos 25-27 meses
O documento asegura que “a observación dos celos é fundamental para descartar patoloxías reprodutivas que supoñen perdas económicas directas e indirectas nas explotacións” e propón o uso de tratamentos hormonais que sincronizan a ovulación, “permitindo desta maneira programar os partos homoxeneamente ao longo do ano, evitando así unha agrupación excesiva dos mesmos nos meses de primavera”, di. Esta práctica non está permitida, sen embargo, en produción ecolóxica. No caso de utilizar a monta natural, unha práctica habitual sobre todo nas ganderías extensivas de maior tamaño, os partos tenden a acumularse nos meses de primavera. Segundo os datos facilitados pola IXP, nos meses de primavera nacen uns 9.500 becerros ao mes, mentres que nos meses de outono o número de nacementos baixa até os 4.900 ao mes.
Para evitar a concentración de partos en primavera coa monta natural é necesario separar o touro
Nas  explotacións que dispoñen de semental, recoméndase ter un touro por cada 30-40 vacas, cando se trate de monta continua ao longo do ano. “Na maioría dos rabaños de Ternera Gallega Suprema emprégase a monta natural sen agrupación de partos, deixando o touro todo o ano coas vacas. Isto representa, a priori, unha vantaxe de cara a un manexo máis sinxelo, pero ten graves inconvenientes”, asegura o Manual, que engade ao problema da concentración de partos un peor aproveitamento do pasto, “derivando nunha falta de pasto de calidade cara aos últimos meses antes do destete, cando o becerro aproveita mellor a herba”. O momento idóneo para os partos A agrupación de partos, considera o documento, “é unha medida primordial para adaptarse ás condicións do mercado así como aos requirimentos nutricionais do gando, de xeito que coincida o pico de produción de herba con momentos de altas necesidades do rabaño”.
Débese planificar a produción, concentrando os partos en función dos períodos de mellor produción forraxeira así como do prezo de venta dos becerros
O momento idóneo dos nacementos dentro desta planificación varía en función da zona. “Na costa ou en áreas non montañosas cun clima máis favorable poden agruparse os partos en outono, co inconveniente de que as máximas necesidades do rabaño terán lugar no inverno pero coa vantaxe de que os becerros disporán de abundante herba de calidade canto teñen entre 7 e 9 meses de idade”, sen que isto exclúa a necesidade de suplementalos igualmente con penso, defende o Manual.
Nos sistemas extensivos o momento do parto inflúe no ritmo de crecemento dos becerros, pois depende do valor nutritivo da herba que pacen e inflúe na produción de leite das nais
Pola contra, insiste, “os partos de primavera son moi frecuentes en explotacións extensivas con monta natural pero economicamente non son tan rendibles porque as necesidades máximas do rabaño preséntanse nos meses do verán e o outono, cando hai pouca dispoñibilidade de pasto, mentres na primavera a vaca parida ve estimulada a súa produción láctea cando o becerro aínda non é capaz de consumila na súa totalidade”, asegura.

Que granxas de vacún de carne teñen que cobrar axudas?

A decisión da Xunta de lanzar unha liña de axudas dirixida ós becerros de Ternera Gallega que se certifiquen en matadeiro exclúe a parte dos animais das ganderías galegas. En primeiro lugar, a aqueles de Suprema ou de cebadeiro que se inscriban en Ternera Gallega pero que logo, por distintas razóns, non se certifican en matadeiro. Ben por venderse de xeito directo a nivel local, ben por quedar para recría nas granxas ou por outros motivos. En segundo lugar, quedan fóra as granxas que non estean na Indicación Xeográfica Protexida. Ambas decisións foron polémicas. A cuestión de fondo, argumentan organizacións como Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego, é que se as axudas se orientan a paliar o aumento dos custos de produción das granxas, teñen que abonarse a todas as explotacións. A proposta de Unións Agrarias é que ese pago se faga por vaca nodriza, como se fixo no caso das axudas extraordinarias pola guerra de Ucraína e pola seca. “Esas axudas pola guerra de Ucraína e a seca sumaran 30 millóns de euros que se distribuíran por vaca nodriza” -lembra o responsable de vacún de carne de Unións Agrarias, José Ramón González-. “Fora unha aportación de todas as Administracións, cofinanciada nun 75% por Europa e polo Ministerio e nun 25% pola Xunta”, precisa. “Agora sae outra liña de apoios, de 12 millóns de euros, que consideramos necesario, pero que deixa a parte das granxas fóra. Nós pedimos que non quede fóra ninguén” -insistiu onte González nunha rolda de prensa celebrada en Ourense-. “Todas as granxas sufriron a suba dos custos de produción e todas contribúen á xestión do territorio, a evitar o abandono, a previr incendios e a evitar que todo quede inzado de lobos e xabaríns”, defendeu. “Que pasa, que unha granxa que aposte por medrar e por destinar moitas becerras a recría non ten tantos ou máis gastos de produción que outra que destine máis animais a matadeiro?”, pregúntase. González amosouse doído coas acusacións que recibiu nos últimos días da Consellería do Medio Rural e de Gandeiros Galegos de Suprema, que o criticaban por pedir cambios nas axudas. Tanto Medio Rural como Gandeiros Galegos de Suprema entenden esta liña de axudas como unha aposta por fortalecer a IXP Ternera Gallega e critican que sexa precisamente o vicepresidente de Ternera Gallega, José Ramón González, o que pida un cambio na liña de apoios. Sobre iso, González opinou o seguinte: “Potenciar Ternera Gallega Suprema, si, pero poñer máis cartos para que ningún gandeiro quede fóra, tamén. Só de Suprema van quedar fóra o 35% dos animais, xa que non se certifican en matadeiro”, cuestionou. Por último, o responsable de vacún de carne de Unións considera “un erro que outros queiran meter a guerra sindical nas IXPs. Xa que estamos en Ourense, podemos poñer o caso do Ribeiro, que o conselleiro coñece ben. Houbo unha época en que a D.O do Ribeiro viuse afectada pola guerra política e sindical e iso foi algo negativo. Penso que foi un acerto conxunto de todo o sector, noso e dos demais, desligar a D.O dos intereses políticos e sindicais. As Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas teñen que estar só para defender os intereses do sector”, valorou. O caso das axudas da Covid A polémica polas axudas de Ternera Gallega súmase a un enredo anterior aínda pendente de resolver, o das axudas ás granxas de vacún de carne pola Covid. Medio Rural decidira en primeiro termo que só lle daría as axudas ás granxas de máis de 10 vacas nodrizas, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a instancias do Sindicato Labrego, resolveu no 2022 que todas as ganderías tiñan dereito a esa axuda. A sentencia, xa firme desde o outono do 2022, está aínda pendente de aplicarse. O Sindicato Labrego instou estes días a Medio Rural a aclarar cando pensa abonarlle esa axuda ás granxas e advertiu de que recurrirá de novo á Xustiza para pedir a execución da sentenza. A cuestión de fondo é similar á actual. Se todas as granxas teñen un aumento de custos de produción, todas teñen que cobrar. Coa exclusión inicial das granxas de menos de 10 vacas, a Xunta intentara premiar ás explotacións máis profesionais, que teñen na gandería ingresos principais. É ese o modelo ou hai que apostar por apoiar a continuidade de todas as granxas?. O debate é extensible ás propias axudas da PAC, pois na última reforma debatérase a opción de deixar fóra das axudas ás persoas xubiladas, que en Galicia con frecuencia manteñen pequenos rabaños de vacún de carne. Finalmente optárase por non facelo e por manter nos apoios a todas as ganderías. En zonas con demanda de terras agrarias, iso pode supoñer un problema para as ganderías máis profesionais, pero en zonas do interior galego marcadas polo abandono, iso pódese ver tamén como un apoio para evitar a selvatización de terras. https://www.campogalego.gal/piden-execucion-da-sentenza-que-reconecia-o-dereito-de-todas-granxas-de-carne-axudas-da-covid/

As axudas da Xunta ás ganderías de vacún de carne xeran polémica no sector

Rolda de prensa de UUAA na Coruña, na que volveu criticar os criterios de reparto publicados esta semana no DOG O sindicato UUAA estuda levar á Xunta ao xulgado polo reparto da axuda anunciada para o sector da carne. O responsable de producións extensivas do sindicato e vicepresidente do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, José Ramón González, considera “discriminatorios” os criterios de reparto publicados este mércores no DOG nos que se esixe que os animais sexan sacrificados e certificados nun matadoiro para o cobro da subvención.   “Os nosos servizos xurídicos están estudando a presentación dun contencioso-administrativo contra a orde da Consellería por unha discriminación clara a unha parte dos produtores e queremos aglutinar a todas as explotacións que se van ver prexudicadas, que son máis de 4.500, para que reclamen”, avanzou UUAA este xoves nunha rolda de prensa na Coruña.
Dos 135.000 becerros que nacen anualmente en Galicia só van cobrar 55.000
“Dos 135.000 becerros que nacen anualmente en Galicia só van estar primados 55.000, é dicir, o 65% non van cobrar a subvención. A Xunta de Galicia estase equivocando nos criterios de reparto dos cartos porque incluso dentro da propia IXP só se certifican o 69% dos animais identificados, polo que só dentro de Ternera Gallega estamos deixando sen subvención o 30% dos animais”, asegurou.
UUAA calcula que na provincia da Coruña 800 explotacións van percibir a axuda e outras 1.200 van quedar fóra
UUAA volveu defender que a axuda debería repartirse por vaca nodriza e non por becerro certificado. En Galicia hai case 190.000 vacas nodrizas que producen carne en extensivo ou semiextensivo en 20.000 explotacións, a metade delas con máis de 10 vacas e 8.300 delas formando parte da IXP Ternera Gallega. “Se facemos o cálculo por vaca nodriza a cantidade cobrada polas explotacións vai ser inferior á cobrada con motivo da guerra de Ucraína”, argumentou José Ramón González, que pediu á Consellería “que poña os cartos necesarios a maiores (6 millóns de euros) para que polo menos os 85.000 animais identificados o pasado ano dentro da IXP cobren a axuda”. Contratos fraudulentos entre gandeiros e matadoiros UUAA esixe tamén que se cumpra a Lei da Cadea e criticou que para este ano se reducira a partida destinada a promoción de 1 millón de euros a 200.000, o que, na súa opinión, “vai frear a apertura de novos mercados”. “Necesitamos abrir mercados fóra de Galicia e maior transparencia. Non se están facendo contratos de abastecemento entre a industria e os produtores e os que se fan son fraudulentos”, denunciou José Ramón, polo que pediu á Aica Galega que actúe.
Non se están facendo contratos de abastecemento entre a industria e os produtores e os que se fan son fraudulentos
“Hai problemas de viabilidade nas explotacións. Unha parte da súa renda, arredor do 60%, procede dos ingresos pola venda da carne e o 40% restante vén vía cobro de subvencións”, asegurou.    “A revalorización do prezo da carne desde marzo de 2023 foi de 1 euro en kilo, pero iso foi acompañado dun encarecemento dos custos de produción nun nivel semellante e seguimos cun déficit importante de axudas. O ano pasado destináronse 100 millóns de euros para todo o sector gandeiro, tanto o de leite como o de carne, a mesma cantidade que a Xunta destinou ao servizo de extinción de incendios. Que diñeiro é máis aproveitado, o que xestionamos os gandeiros ou o que se usa para apagar lumes”, preguntou.
Que diñeiro é máis aproveitado, o que xestionamos os gandeiros ou o que se usa para apagar lumes?
“De media cada vaca xestiona unha hectárea ou hectárea e media de territorio. A sociedade e a Administración teñen que recoñecer e pagar esa labor medioambiental”, defendeu. A maiores estaría a función social das ganderías de carne. “Son imprescindibles porque fixan poboación no rural”, concluíu José Ramón.

A Consellería do Medio Rural cualifica de "incongruentes e electoralistas" as declaracións de Unións Agrarias

Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural cualifican as declaracións de Unións Agrarias de "incongruentes e electoralistas".  En concreto, dende o departamento que dirixe José González consideran que "é unha incongruencia evidente que Unións Agrarias (UUAA), integrada no consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ternera Gallega, critique unhas axudas enfocadas precisamente a apoiar aos produtores que apostan por traballar cos estándares de calidade establecidos por esta IXP".  "Todo esto -subliñan- sábeo perfectamente UUAA, que como integrante do consello regulador da IXP de Ternera Gallega coñece dende hai tempo esta nova liña de axudas da Xunta de Galicia -aplaudidas por este mesmo sindicato no seu día-. Neste sentido, consideran dende a Consellería que "este novo posicionamento de Unións Agrarias so pode entenderse de dúas formas: ou son unhas declaracións electoralistas ou están lanzadas por alguén que vai completamente en contra do sector". 

A asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide a dimisión de José Ramón González como vicepresidente de Ternera Gallega

Rolda de prensa de Gandeiros Galegos da Suprema este xoves en Lugo para valorar as axudas ao sector A asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide a dimisión de José Ramón González como vicepresidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega polas súas críticas ás axudas da Xunta ao sector, que buscan precisamente favorecer aos produtores de vacún de carne que marcan os seus becerros dentro da IXP.  "É inadmisible que o vicepresidente da IXP faga este tipo de declaracións, “totalmente desafortunadas e fóra de lugar que enmarcamos nun escenario puramente electoral e que fan un fraco favor á IXP e aos produtores de carne de calidade”, repróchalle Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.
Son declaracións fóra de lugar, totalmente desafortunadas e puramente electorais que fan un fraco favor á IXP e aos produtores de carne de calidade
O sindicato UUAA ten dous representantes no Pleno do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega e José Ramón González ostenta o cargo de vicepresidente, polo que Santiago Rego considera “incompatible con este papel de representación” as críticas a unhas axudas “que van dirixidas ás ganderías que apostan polo selo Ternera Gallega e por marcar os seus becerros dentro da IXP”. “Ninguén se pode sentir discriminado por esta axuda: o que xa aposta pola IXP ten nesta axuda un premio ou unha recompensa e o que non se sumou até agora ten nesta axuda un incentivo para meterse na IXP. Se temos un paraugas para os produtores de calidade, que é a IXP, cantos máis esteamos dentro máis forte imos facer a marca fronte a outras carnes”, defende Santiago Rego. Outra liña de axudas por coidado do territorio O presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, lembra que tralas mobilizacións da pasada primavera, “cando arrincamos do conselleiro o compromiso desta axuda vinculada á IXP tamén arrincamos o compromiso de poñer en marcha outra axuda vinculada ao pastoreo e ao coidado do territorio que sería extensible ao resto de ganderías, marquen ou non marquen a través da IXP, porque é certo que tamén fan esa labor medioambiental”, argumenta. Gandeiros Galegos da Suprema tamén critica a Unións Agrarias “por acordarse agora da PAC e a Lei de Cadea” e desmarcarse das protestas levadas a cabo por ese motivo en 2023. “A nosa asociación pediu explicacións tanto á Xunta como ao Ministerio porque non se cumpría a Lei da Cadea Alimentaria e pola repartición inxusta da PAC na axuda asociada a vaca nodriza. Eses foron dous dos motivos das mobilizacións que levamos a cabo na primavera pasada e que o propio sindicato UUAA criticou dicindo que non era o momento. Hai que preguntarse cal é a diferenza agora, que hai eleccións?”, pregunta Santiago Rego.