Archives

Capsa inicia en Lugo o envasado de leite Hacendado para Mercadona

A compañía asturiana Capsa, propietaria das marcas Central Lechera Asturiana e Larsa, comezou a envasar leite para Mercadona coa marca de distribución Hacendado, líder de consumo en España. O movemento vén dado polo aumento das vendas experimentado por Hacendado no último ano e medio, o que obrigou a Mercadona a garantirse o abastecemento cunha ampliación dos seus tradicionais proveedores de leite líquido, que ata agora eran principalmente a andaluza Covap e a vasca Iparlat. Capsa xa iniciou o envasado de leite Hacendado na súa planta de Outeiro de Rei (Lugo), segundo detallan fontes de sector. Consultada sobre esta circunstancia, Capsa limítase a sinalar que “Mercadona é un cliente máis” e elude proporcionar información adicional por motivos de confidencialidade. A compañía asturiana, igual que o resto de industrias, xa viña envasando habitualmente marcas brancas para outras cadeas de supermercados, pero a súa entrada en Mercadona supón un fito, pois representa unha alianza entre a cadea de supermercados líder e unha das industrias lácteas cunha marca de fabricante máis forte.
A entrada de Capsa en Mercadona representa un fito, pois a cadea de supermercados consolídase así como a principal referencia para o sector lácteo español
Capsa é unha das empresas lácteas líderes en España a nivel de facturación, xunto con Lactalis e Danone. As marcas de fabricante da firma asturiana (Clas e Larsa) destacan polo seu bo posicionamento no mercado. De feito, Central Lechera Asturiana (Clas) sitúase como o leite preferido polos consumidores en 7 comunidades autónomas, segundo a última enquisa de DataCentric. Trasvase de consumidores ás marcas de distribución Con todo, o encarecemento que experimentaron os prezos do leite no supermercado no último ano e medio impactaron de xeito forte nas marcas de fabricante -incluída Clas-, que perderon cota de mercado en favor das marcas da distribución, tamén coñecidas como marcas brancas. O escenario de perda de vendas das súas marcas de fabricante explica o o movemento de Capsa con Mercadona, pois a través de Hacendado ten a posibilidade de darlle saída ós excedentes.
O encarecemento do leite no último ano e medio provocou unha forte perda de vendas nas marcas de fabricante, o que aupou aínda máis a Hacendado
Larsa, a marca galega de Capsa, mesmo lle comunicara recentemente a algunhas das súas granxas proveedoras que ía reducir a recollida a partir da próxima primavera, precisamente por esa perda de vendas, que no seu caso afecta tanto ós queixos coma ó leite líquido. Queda agora por ver a dimensión que acada o abastecemento de leite de Mercadona a través de Capsa. No sector sinálase que Capsa xa está a enviar excedentes de leite de Asturias para envasar na planta de Outeiro de Rei (Lugo) para Mercadona e especúlase incluso con que a planta de Outeiro de Rei comece a traballar a tres turnos, a fin de cubrir as necesidades da cadea de supermercados. Estabilidade de suministro para Mercadona A outra lectura do acordo é o interese de Mercadona por contar cun proveedor da dimensión de Capsa, que lle asegura estabilidade no abastecemento. ¿Repercutirá o acordo de Mercadona e Capsa nos volumes de leite que a cadea de supermercados lle contrata ós seus tradicionais proveedores, Covap e Iparlat?. No sector non hai unanimidade ao respecto, se ben tanto Covap como Iparlat manifestan traballar con normalidade. No caso de Iparlat, a firma vasca explica que para este 2024 incluso prevé aumentar o leite comercializado a través da marca Hacendado, pois subliñan que existe “boa sintonía” con Mercadona. Consultada de xeito reiterado Mercadona por Campo Galego sobre a incorporación de Capsa como proveedor de leite líquido e sobre a situación do resto de proveedores, a cadea de supermercados non contestou. Coa entrada de Capsa, a lista de proveedores de leite líquido de Mercadona queda conformada por Covap, Iparlat, Naturleite -a sociedade de Covap en Galicia-, Lactiber -cunha planta en León que xestionan ó 50% Covap e Iparlat-, Lactia en Cataluña -sociedade de Covap e dunha cooperativa catalana-, Lactazor (Murcia) e Capsa.

A suba dos prezos dos alimentos en España no último ano sitúase na media europea

Os datos da Comisión Europea sobre o encarecemento dos produtos alimenticios nos supermercados durante o 2022 deixan un panorama similar en toda Europa, aínda que con matices. En xeral, a suba de prezos situouse nunha media do 18,7 %, se ben con certas variacións por países, cun arco que se move entre o 9,2% de Irlanda e o 43,4% de Hungria. España sitúase na media europea (18,7%), nun parámetro similar a Portugal (19,7%) e lixeiramente por riba de Francia (11,7%). Por produtos, o que máis subiu en España foi o aceite, cun 38%, seguido da categoría de leite, queixos e ovos, que clava a media do encarecemento europeo (+27,8 %). Se atendemos a algúns dos grandes produtores de leite de Europa, detéctanse subas maiores, caso de Alemania (+34,7% de encarecemento na mesma categoría) e menores, como en Francia (+16,8%). Outra das categorías máis afectadas pola inflación foi a de pan e cereais, cunha suba do 19,6% en España. Ségunlle as hortalizas (14%), a carne (12%), a pesca (10%) e a froita (7%).

Tendencia á baixa dos insumos agrarios e de moderación de prezos dos alimentos

O informe elaborado pola Comisión Europea sobre os prezos de alimentos e de produtos agrarios constata tamén unha tendencia á moderación de prezos no agro. A maioría dos cereais, utilizados para pensos e para consumo humano (pan, cereais), baixaron no último mes: millo (-14%), trigo duro (-6,4%) e cebada (-5,8%). O millo mesmo se sitúa xa por baixo dos prezos de hai un ano (-1%), se ben o trigo duro e a cebada cotizan aínda un 8 e un 6% máis respectivamente en comparación con xaneiro do 2022. En lácteos, os queixos mantéñense estables en valores altos (+40% en comparación a hai un ano), pero a manteiga segue unha liña descendente nos últimos meses, o mesmo que o leite en po desnatado, que xa cotiza un 7,5% menos que en xaneiro do 2022. A boa noticia para a gandería galega é que, a parte da baixada dos cereais, constatouse unha baixada noutros insumos agrarios, como os fertilizantes (-6,1% no último mes) ou a enerxía, pois o barril Brent caíu un 11% no último mes, o que en último termo repercute no combustible agrario e nos plásticos.