Archives

Mercadona sobe o prezo do leite tras situarse durante semanas por debaixo dos 80 céntimos

Unións Agrarias anuncia que logrou que a cadea Mercadona rematase coa "campaña de banalización do prezo do leite" que estaba desenvolvendo nas súas tendas. Logo dunha negociación na que a organización agraria puxo sobre a mesa a posibilidade de levar adiante mobilizacións, a distribuidora valenciana aceptou subir 6 céntimos o prezo de venda ó público do leite, para colocarse nunha liña similar ó prezo que tiñan hai unhas semanas a maior parte das grandes superficies comerciais, segundo explica Unións Agrarias en nota de prensa. A decisión de Mercadona de baixar o prezo do leite da súa marca branca por baixo dos 80 céntimos levara ó resto dos supemercados a un descenso similar dos prezos. Mercadona viña vendendo o leite a 79 céntimos nas últimas semanas, pero hoxe mesmo, nos establecementos tanto de Galicia como da capital de España e outras comunidades españolas, o leite na cadea xa se sitúa entre os 83 e os 86 céntimos de euro por litro, en liña cos prezos que manexan outras distribuidoras. Agora haberá que ver se o resto de cadeas de supermercados seguen esa liña de aumentar prezos, seguindo o exemplo de Mercadona, o que podería dar marxe para novas subas do prezo do leite no campo. Desde UUAA manifestan a súa satisfacción por poñer fin a esta "mala práctica comercial" de manter artificialmente os prezos baixos, xa que estaba condicionando as negociacións dos novos contratos de aprovisionamento en orixe cos produtores, posto que a compañía valenciana conta co 30% do mercado de leite líquido.

O prezo do leite no campo

Cómpre sinalar ademais, que Entrepinares, proveedora de Mercadona de queixos, anunciou onte ás súas granxas proveedoras unha suba de 50 a 57 céntimos por litro no mes de outubro, o que rompe o mercado do leite no campo. A cuestión é en que medida o resto de industrias seguen ese movemento á alza dos prezos. O incremento do prezo do leite no campo está motivado principalmente pola escaseza que hai de leite, debido en gran medida á seca e ó incremento dos custos que provocaron unha redución da produción nos últimos meses. Só en agosto, Galicia produciu 6.000 toneladas menos de leite que o mesmo mes do pasado ano. Cos aumentos de prezo do leite, é de esperar que repunte a produción en toda España, como xa pasou no mes de xullo en Europa. Unha vez que a produción de leite volva á normalidade, son previsibles baixadas de prezo do leite no campo, malia que por agora os produtos lácteos industriais manteñen cotizacións récord a nivel internacional.

Continúan as protestas gandeiras, en tanto Larsa sostén que está a subir o prezo do leite

O Alcampo da Coruña foi escenario dunha nova protesta gandeira, nesta ocasión protagonizada por Fademur, a federación de mulleres rurais ligada a Unións Agrarias. O colectivo fixo unha acción de información aos consumidores sobre as marcas que considera que non están a pagar un prezo xusto no campo. O foco, igual que en semanas previas, púxose nas marcas de dúas industrias, Lactalis e Capsa, que son as que máis volume de recollida teñen na comunidade e tamén dúas das que máis presenza copan nas cadeas de distribución. As mulleres participantes no acto fixeron unha retirada simbólica en carriños de todo o leite de ambas empresas que estaba nos lineais. Para a próxima semana, anúnciase unha nova acción o martes 21 en Lugo; en tanto para hoxe venres está prevista unha tractorada unitaria en Cantabria, con participación de Asaja, Coag e Upa (a matriz estatal de Unións Agrarias). A tractorada cántabra, que leva por nome ‘Rodea la distribución’, ten por obxectivo demandar das cadeas de distribución maiores aumentos de prezo no leite do que xa fixeron nas últimas semanas. Desde Galicia, compártese a necesidade de que o prezo da distribución continúe subindo, pero sinálase principalmente ás industrias, pois enténdese que non están repercutindo nas granxas o aumento de prezo que xa houbo nos supemercados, que cifran en arredor de 5 céntimos nas marcas brancas e en 3 céntimos nas primeiras marcas. Comunicado de Larsa Entre tanto, Larsa, unha das marcas da compañía asturiana Capsa, emitiu onte un comunicado para defender que está a subir o prezo do leite no campo e que volverá facelo nos contratos coas ganderías que ten que renovar na primavera do 2022. Larsa mantén en Galicia un contrato coas granxas do tipo 70-30, onde paga un 70% do leite a prezo fixo e un 30% en función do valor dos produtos lácteos industriais, como manteiga e leite en po, que no último ano dispararon o seu prezo por riba dun 40%. Froito dese aumento de prezo dos lácteos industriais, Larsa sinalou en outubro que lle subira ós prezos ás granxas nun céntimo desde xaneiro. A mediados de novembro, confirmou a suba doutro céntimo, para un total de dous céntimos, e agora Larsa asegura que desde novembro do ano pasado a novembro deste ano subiu en realidade un total de 4 céntimos.