Archives

Importes definitivos das axudas ás granxas de leite pola crise de Ucranía

O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou hoxe que o seu departamento vén de iniciar o pago de 159,3 millóns de euros ás granxas de leite. Esa é a cantidade que estaba prevista no paquete de axudas directas ó sector lácteo en resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína, un conflicto que elevou aínda máis os custos de produción das granxas. Planas lembrou que se trata dunha medida “excepcional” que se adoptou “con urxencia” pola vulnerabilidade e importancia do sector lácteo. O programa de apoio fronte ás consecuencias da guerra de Ucraína prevé en conxunto medidas para o sector primario por importe de 430 millóns de euros. Dentro desta liña, inclúense as axudas específicas para os produtores de leite de vaca, ovella e cabra, co obxectivo de compensalos polo aumento do prezo dos pensos, electricidade e combustibles. En total son 169 millóns de euros, dos que neste primeiro pago se abonan 159,3 millóns. Por sectores, as granxas de vacún de leite recibirán 118 millóns, as de ovino 29,8 e as de caprino 10,8. Os importes definitivos das axudas son os seguintes. En leite, 204,95 euros por vaca ata un máximo de 40 vacas por beneficiario; 136,63 euros por vaca para os animais comprendidos entre o 41 e o 180; e 97,59 euros por vaca para os animais adicionais por riba de 180. En ovino, páganse 14,56 euros por ovella, e en caprino 8,08 euros por cabra. O importe máximo por titular de explotación non poderá superar os 35.000 euros. Os pagos inicianse polas explotacións que non teñan presentado alegacións e que estean ó día no cumprimento das obrigas tributarias e coa seguridade social. Cada explotación pode consultar na sede electrónica do Ministerio de Agricultura o importe total da súa subvención. Subsanación e alegacións Tamén está previsto publicar unha resolución de subsanación, na que se lle darán 10 días de prazo ás explotacións con obrigas pendentes con Facenda ou Seguridade Social para que regularicen a súa situación. As alegacións que corresponda poderanse presentar a través da sede electrónica do FEGA.

Lista dos proxectos piloto agrogandeiros e forestais que serán subvencionados pola Xunta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se fan públicas as axudas de 2021 para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, nos ámbitos agrario, agroalimentario e forestal. En concreto, foron 19 os beneficiarios dun total de 2.128.228 euros en achegas. Entre as iniciativas apoiadas, destacan as do sector lácteo, con proxectos de novas tecnoloxías para a estimación das emisións de metano das vacas de leite, de valorización da tona de soro mediante a produción de manteiga premium ou de posta en valor do soro do queixo para o desenvolvemento de novos produtos. Tamén resultou beneficiaria unha iniciativa de avaliación das funcionalidades dun sistema de monitorización do gando en pastoreo con intelixencia artificial. Dentro do sector da carne, concedéuselle subvención a un proxecto de optimización da dieta de cebo nas diferentes categorías da raza cachena. No que atinxe ao sector apícola, figura un proxecto piloto para a preservación e a mellora xenética dos recursos deste tipo no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e para a transformación dixital nos procesos apícolas deste parque. En relación co sector do viño, financiarase o desenvolvemento dun protocolo de recuperación de viñedo ecolóxico, así como a valorización de residuos vitivinícolas na elaboración de viños sostibles. Respecto dos residuos, a Xunta tamén apoiará un sistema modular de vermixestión de dexeccións gandeiras para a súa valorización como fertilizante, novos insumos agrícolas para a mellora de cultivos en ecolóxico elaborados con algas mariñas galegas, así como a avaliación do extracto obtido a partir do residuo do prensado de sementes de camelias na extracción de aceite. A maiores, apoiarase o desenvolvemento dun sistema de monitorización de nutrientes do solo que sirva aos agricultores para facer unha mellor xestión da fertilización.

Sector da horta

Canto á horta, subvencionarase a revalorización da horta ecolóxica cara a alimentos minimamente procesados ou a posta en valor da Faba de Lourenzá. Tamén haberá axuda para o desenvolvemento de cosméticos ecobioactivos, de produtos nutracéuticos a base de té e lúpulo ou para o bioprocesado de insectos de cara a obter produtos de valor engadido. Por último, mirando ao sector forestal, concedeuse axuda a unha iniciativa de produción de castiñeiro micorrizado in vitro e a outra para combater o nematodo do piñeiro. Cómpre lembrar que desta convocatoria poden beneficiarse organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.

Pagaranse en Galicia a partir deste venres 127 millóns de euros máis das axudas da PAC 2021-2022

A partir deste venres, día 10 de decembro, a Xunta anuncia que, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), comezará a facer efectivo o pagamento de máis de 127 millóns de euros das achegas da PAC da campaña 2021-2022. En total, serán máis de 110 millóns de euros de axudas directas e outros 17 millóns do pago de desenvolvemento rural destinado a zonas con limitacións naturais. Estes pagamentos beneficiarán, en conxunto, a máis de 25.000 agricultores e gandeiros galegos. En concreto, no marco das achegas directas que comezarán a aboarse este venres, inclúense 62,3 millóns de euros do pago básico, 31,8 millóns do pago verde, 7,7 millóns para vacún de leite, 3,5 millóns de euros para vacún de carne, case 2,4 millóns para pequenos agricultores e, por último, 2,2 millóns para agricultores mozos. En canto ao pago de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, ingresaranse dende o venres 9,2 millóns ao abeiro da submedida de montaña e outros 8 millóns pola submedida de zonas desfavorecidas distintas de montaña. O Fogga anticipou xa en outubro 37 millóns de euros das liñas de vacún de leite e vacún de carne, polo que o total de cartos aboados polo organismo sumando esta segunda xeira de pagos ascende a 164 millóns de euros. Medio Rural subliña que Galicia situouse entre as primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC, trala realización das comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo.

O Ministerio de Agricultura anuncia a convocatoria do Plan Renove de maquinaria

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, vén de anunciar a inminente convocatoria do Plan Renove de maquinaria agraria que, no exercicio de 2021, vai contar cunha dotación de 6,55 millóns de euros. O ministro desprazouse onte até a Estación Mecánica Agrícola (EMA), dependente do Ministerio, onde visitou as súas instalacións, na localidade madrileña de Leganés, e asistiu ao desenvolvemento de varios ensaios en materia de seguridade e de prestacións da maquinaria agrícola. Alí, aproveitou para adiantar algúns aspectos da convocatoria. Estas axudas, que se activarán nos primeiros días de xuño, virán sumarse á liña de avais para a compra de nova maquinaria que xa está a tramitar, desde o pasado 30 de abril e até o próximo 1 de setembro, a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA). A liña de avais permitirá mobilizar até 50 millóns de euros en préstamos.
No primeiro cuadrimestre do presente ano, inscribíronse xa un 44,19 % máis de máquinas que no mesmo período do ano anterior, até un total de 11.363 unidades.
Luís Planas sinalou que a nova convocatoria é un paso máis na decidida aposta do Goberno para a renovación do parque de maquinaria agraria, cun triplo obxectivo: redución de custos de produción grazas á maior eficiencia tecnolóxica; mellora dos estándares de seguridade laboral e protección dos traballadores; e modernización dos equipos para a posta en práctica de técnicas agrarias máis respectuosas co medio ambiente>>. A convocatoria deste ano conta cunha asignación inicial de 4 millóns de euros para a liña de adquisición de equipos de aplicación localizada de xurros, e 2,55 millóns para o resto de máquinas subvencionables, como tractores, máquinas automotrices (equipos de recolección, de aplicación de fitosanitarios ou de fertilizantes), e máquinas arrastradas e suspendidas a vehículo tractor (sembradoras, cisternas, abonadoras, entre outras).

Estación de Mecánica Agrícola

A Estación de Mecánica Agrícola, creada en 1904, é un laboratorio oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que ten baixo a súa responsabilidade o ensaio e a homologación de tractores e máquinas agrícolas para garantir aos agricultores que os equipos que manexan reúnen uns requisitos de eficacia agronómica e seguridade no traballo. Ademais, é o único laboratorio español recoñecido pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) para a realización de ensaios en tractores agrícolas e forestais, así como nas súas estruturas de protección. Tamén se encarga dos ensaios para a clasificación enerxética dos tractores, segundo o código 2 da OCDE.

Denuncian a opacidade das axudas concedidas para zonas con limitacións naturais

O Sindicato Labrego Galego (SLG) recrimínalle á Consellería de Medio Rural a "opacidade e a falta de transparencia" na publicación das concesións das axudas de pagamento a zonas con limitacións naturais e zonas desfavorecidas, solicitada na PAC do ano 2020. Aínda que a resolución se publicou o pasado luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), este ano por primeira vez non se expón dun xeito claro que persoas son beneficiarias das mesmas, así como a cantidade que percibirán, ou a quen lle foron denegadas e os motivos polos que se rexeitou. No canto de expor un listado co estado da solicitude, para coñecer esta información é preciso acceder á páxina web do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA). Tampouco neste portal se fai público un listado dos beneficiarios senón que cada solicitante deberá entrar á súa solicitude mediante un proceso que tamén describen dende o SLG como complexo. De feito, para entrar é necesario dispor dun certificado electrónico, da Chave 365 ou dunha aplicación móbil. “Trátase dunha aplicación sumamente complexa que dificulta moito poder acceder aos datos sobre as axudas solicitadas e ao seu estado, o que nos fai sospeitar que a Consellaría dificulta á mantenta a comprobación deste tipo de datos”, valoran dende a organización agraria. Ante este cambio no sistema de publicación das axudas, o Sindicato Labrego reclámalle á Consellería de Medio Rural que rectifique de xeito inmediato e dea a coñecer, de maneira transparente, as persoas beneficiarias e as solicitudes denegadas en listaxes abertas e de doado manexo, publicando de novo no DOG a concesión ou denegación destas axudas, tal e como fixo en todas as resolucións de edicións anteriores. Piden que se volva notificar ás persoas interesadas a resolución, así como a cantidade a percibir, vía SMS ou por correo postal. “As dificultades que para moitas persoas pode ter comprobar o estado da súa solicitude a través de medios telemáticos no rural pode provocar que existan casos nos que se perdan estas importantes subvencións para as granxas, ao non ter posibilidade real de facer a comprobación, pasándose o prazo para reclamar ou a posibilidade de solucionar calquera problema existente no proceso administrativo”, apuntan dende a Sindicato Labrego.

Transparencia nas resolucións

O cambio introducido no sistema de publicación das axudas tamén se afasta dos seguidos pola administración estatal. Así é que no caso da resolución das axudas da PAC as listaxes son públicas. A nivel estatal calquera persoa pode acceder á páxina do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) e ver as persoas e entidades beneficiarias de axudas PAC de anteriores convocatorias en listados totalmente abertos, polo que dende o Sindicato Labrego reclaman que se siga con estes procedementos máis transparentes.

Axudas para asociacións de mulleres

A Vicepresidencia da Xunta destina un total de 180.000 euros a axudas para asociacións de mulleres e para as federacións que as aglutinan. Os apoios divídense en dúas liñas, unha orientada a financiar gastos correntes que orixine o funcionamento da asociación e outra liña para promover actividades en materia de igualdade, sensibilización e concienciación social.

Entre as actividades que se poden financiar por medio das subvencións, figuran accións formativas e informativas para promover o empoderamento e participación activa das mulleres no ámbito público, social e cultural; medidas dirixidas a promover a corresponsabilidade entre homes e mulleres (exposicións, estudos, obras de teatro, etc.); así como cursos formativos de carácter cultural, artístico, de lecer ou para a adquisición de novas competencias (alfabetización dixital, por exemplo).

A coantía máxima de subvención por asociación será de 3.000 euros. O prazo de solicitude remata o 8 de febreiro.

Axudas de 5,5 millóns de euros para proxectos de tres cooperativas

A Consellería de Medio Rural publicou a resolución das axudas para fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo. As beneficiarias son tres cooperativas, que recibiron un total de 5,5 millóns de euros para un investimento total de 12 millóns, segundo sinala a Xunta en nota de prensa. Os proxectos que reciben apoios son a mellora dunha edificación destinada a incubadora avícola (Vilamarín, Ourense), un centro tecnolóxico de cría de polos (Portomarín, Lugo) e a ampliación e mellora dunha explotación gandeira (San Sadurniño, A Coruña). As iniciativas avícolas foron presentadas por Coren e pola Cooperativa Agrícola Ganadera de Ourense, en tanto o proxecto de gandería de vacún corresponde á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Medio Rural destaca que o principal obxectivo destas axudas é o de acometer proxectos agropecuarios de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas. Prímanse iniciativas que teñan un marcado carácter innovador ou de introdución de novas tecnoloxías. Trátase tamén de fomentar a incorporación de novos procesos ou de obtención de novos produtos que contribúan a diversificar a actividade principal das entidades ou a introducir actuacións de apoio complementarias á actividade dos socios. Así mesmo, búscase promover o aumento da rendibilidade económica das explotacións agrogandeiras galegas e a mellora das condicións do traballo. Entre os proxectos que poden ser subvencionados atópanse almacéns para maquinaria ou materias primas, naves para diverso tipo de gando e instalacións que melloran os labores propios das explotacións.

Convocadas as axudas para proxectos dos grupos operativos de innovación

A convocatoria 2017 para proxectos dos grupos operativos de innovación contará con 1,7 millóns de euros. Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases e a apertura do prazo de solicitude. Esta liña de axudas, cofinanciada con fondos europeos no marco do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, está dirixida exclusivamente ós grupos operativos da Asociación Europea de Innovación.

O obxectivo das subvencións é o apoio a iniciativas que resolvan un determinado problema no sector agrogandeiro e forestal. Quérese así fomentar a innovación en áreas como a xestión sustentable dos recursos, en sistemas agrarios de produción, na bioeconomía ou na aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.

Europa 2020
A Asociación Europea da Innovación é un instrumento administrado directamente pola Comisión Europea posto en marcha para contribuír á estratexia “Europa 2020” da UE. Persegue un crecemento intelixente, sostible e integrador a través dunha rede que xunte a produtores, axentes de innovación e axentes de dinamización do medio rural. Estes son os denominados grupos operativos, destinatarios destas achegas.

Convocadas as axudas por danos de lobo no 2017

A Consellería de Medio Ambiente vén de convocar as axudas por danos de lobo correspondentes ó 2017. Os gandeiros afectados por ataques terán que comunicarllo á Xunta nas 24 horas seguintes a súa detección e, posteriormente, disporán de 45 días naturais para presentar a solicitude de compensación.

Para comunicar o ataque, farase mediante unha chamada ó teléfono 012, na que se lles facilitará ós afectados unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. O horario de atención telefónica é de 8 da mañá a 8 da tarde de luns a venres. Os sábados o horario é de 8 a 17.30 horas.

Galicia conta con 90 mandas de lobo censadas, 14 delas compartidas con territorios limítrofes

A explotación afectada deberá manter o escenario do ataque coas mínimas alteración posibles ata a visita dos axentes de Medio Ambiente, que comprobarán se os danos se deberon ó lobo. Desde o día seguinte á comunicación do ataque, o afectado disporá de 45 días naturais para solicitar as correspondentes compensacións por animais mortos. Tamén se ofrecen axudas para sufragar os gastos veterinarios no caso de animais feridos.

Prazos
Para os danos que sucederan entre o 1 de outubro do 2016 e o 20 de xaneiro, os gandeiros disporán de 45 días naturais a partir do 20 de xaneiro para presentar a correspondente solicitude. A convocatoria deste ano cubrirá os ataques que teñan lugar ata o 1 de outubro do 2017. Os posteriores correrán por conta da convocatoria do 2018.

A orde de axudas establece no seu Anexo I as indemnizacións que lle corresponden ós gandeiros polas distintas perdas de gando ovino, caprino, bovino, equino e porcino (porco celta), baremadas por tramos de idade e, nalgúns casos, por razas. Esas compensacións incrementaranse nun 30% en 74 concellos considerados máis conflictivos (Anexo III).

Danos e censos
O número total de reses afectadas do que se ten coñecemento foi en lixeiro ascenso nos últimos anos. No 2016, foron 1.573, fronte ás 1.466 do 2014 e ás 1.258 do 2015. Durante estes tres últimos anos, a especie máis afectada foi o ovino (2.449 cabezas), seguida do vacún (1.040), do equino (420) e do cabrún (388).

En Galicia, segundo os datos que manexa Medio Ambiente, operan 90 grupos reprodutores (mandas) de lobos, dos que 14 son compartidos con territorios limítrofes (3 con Asturias, 6 con Castilla y León e 5 con Portugal). O cánido móvese en especial nas montañas orientais e nas serras da dorsal galega.

Debate político no Parlamento

As compensacións previstas para o lobo foron obxecto de debate onte no Parlamento, durante a comisión de Agricultura. Desde o grupo parlamentario do BNG pediuse a axilización dos pagos, pois en ocasións os afectados teñen que agardar varios anos para cobrar, e tamén se demandou un aumento dos presupostos destinados a compensacións.

“É ben que preservemos o lobo da súa extinción, pero temos que pagar ese luxo” (Xosé Luis Rivas, ‘Mini’)

“Cando Feijoo chegou ó Goberno, había 900.000 euros previstos para cubrir os danos causados polo lobo e aínda así non chegaban. Agora estamos en algo máis de 300.000” -detallou Xosé Luis Rivas, “Mini”.- “É ben que preservemos o lobo da súa extinción, pero temos que pagar ese luxo. Do contrario, estarase fomentando o choque de intereses, as raibas e posibles batidas clandestinas”, advertiu.

Desde o grupo popular recoñecéronse retrasos nos pagos, se ben precisouse que a día de hoxe só quedan pendentes de pago danos do 2016 e do 2017. Sinalouse tamén que este ano as axudas chegan ata os 380.000 euros, cun aumento do 6% en relación ó pasado ano.

Finalmente, houbo acordo do conxunto dos grupos da cámara para solicitarlle a Medio Ambiente que traballe para reducir os prazos de pago e para mellorar no posible as cantidades destinadas a compensacións.

Axudas para podas, rozas e outros tratamentos silvícolas

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para tratamentos silvícolas en masas de piñeiros e de frondosas caducifolias. Poderanse financiar podas, rozas, rareos e outras actuacións, de acordo coa orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A superficie mínima de actuación é de 1 hectárea en couto redondo no caso dos propietarios particulares. As comunidades de montes deberán contar con 3 hectáreas en couto redondo e as Sofor con 3 hectáreas.

O presuposto total para estas axudas é de 7,5 millóns de euros, o que representa un 25% máis que o pasado ano, segundo a Consellería. As subvencións, enmarcadas no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, contan con dúas liñas:

Liña I: Tratamentos silvícolas coa finalidade de prevención de incendios. Apoiarase a execución de podas, rozas (previas á poda) e rareos de pés en masas de piñeiro, así como a trituración ou extracción de restos para biomasa.

Liña II: Accións para a mellora do valor ecolóxico do monte, sen finalidades produtivas. Financiaranse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias (podas, formación de guías, rozas, rareos) e apoiarase a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros que teñan un mínimo de 100 pés por hectárea.

Nos soutos de castiñeiros, ademais das podas e rozas, financiaranse tratamentos fitosanitarios e a plantación de pés resistentes á tinta para aumentar a densidade do souto. Por baixo de 550 metros de altitude, deberán plantarse clons híbridos. Por riba desa altitude, castiñeiros do país.

O prazo de solicitude das axudas é de 45 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da orde no DOG.

O Sindicato Labrego pide a exención fiscal nas axudas de incorporación ó agro

O anuncio das máis de 600 axudas de incorporación ó agro aprobadas estes días pola Xunta suscita unha dobre lectura por parte do Sindicato Labrego Galego (SLG). A organización agraria considera esta liña de subvencións fundamental, dado o envellecemento do sector agrario, onde máis do 60% dos profesionais supera os 60 anos, pero tamén cuestiona os problemas que se están a detectar nas axudas. O SLG advirte de que as subvencións de incorporación ó agro están a representar para moita xente nova “un auténtico viacrucis burocrático, impositivo e sancionador” por parte da Axencia Tributaria.
Persoas mozas que cobraron 22.000 euros de axudas tiveron que pagar entre 5.000 e 6.000 de impostos. A maiores, nalgúns casos, houbo sancións
Casos A organización agraria sinala que a axuda concedida non é real, pois as persoas beneficiarias teñen que pagar unha boa parte en impostos e, nalgúns casos, en sancións.”Hai persoas que no 2014 cobraron arredor de 22.000 euros de subvención e que, ó ser considerada unha gañancia patrimonial, tiveron que pagar entre 5.000 e 6.000 euros de impostos por esa subvención”, cuestiona o Sindicato. A maiores, no caso de persoas beneficiarias que cometeron o erro de non declarar a subvención, tiveron que enfrontarse a sancións, co cal o pago final á Axencia Tributaria superou os 7.000 euros, un terzo da axuda recibida, segundo detalla o SLG. Dado que non se anunciou ningún cambio na tributación das axudas á incorporación, o Sindicato Labrego teme que este ano se repitan os problemas. A organización cuestiona que unhas axudas que deberían supoñer un apoio para o inicio na actividade profesional rematen por ocasionar problemas de liquidez para os produtores. Medidas O SLG pide que as axudas para apoiar a incorporación de xente nova ó agro estean exentas de impostos. Como medida transitoria, en tanto non se chegue a ese acordo, a organización demanda que se prorratee o cobro de impostos nos seguintes 5 anos á instalación. Desde o Sindicato Labrego, demandan que a Consellería do Medio Rural manteña un encontro coa Axencia Tributaria para abordar estas cuestións.

Ampliado o prazo para pedir as axudas de prevención de lumes forestais

A Consellería do Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) os anexos que permiten facer a solicitude das axudas de prevención de incendios. Estas axudas, dirixidas a comunidades de montes e Sofor, foran xa convocadas a finais do 2015, se ben quedaran pendentes de publicación os correspondentes anexos.

Como consecuencia do retraso na publicación dos mesmos, a Consellería amplía o prazo de solicitude das axudas, que inicialmente ía rematar o 30 de xaneiro e agora queda ampliado ata o 22 de febreiro. As subvencións van dirixidas á habilitación e mantemento de áreas cortalumes e á creación de puntos de auga no monte.

Listado de granxas beneficiarias da axuda complementaria

O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), dependente do Ministerio de Agricultura, vén de facer público o listado das granxas que se beneficiarán da axuda complementaria dirixida a compensar os baixos prezos do leite. Pódese consultar aquí o listado de beneficiarios, así como tamén os listados de explotacións que quedaron excluidas por distintos motivos. Agricultura comprometera 20 millóns de euros para apoiar ás explotacións lácteas que percibiron menos de 28,5 céntimos por litro entre abril e xullo do 2015. Para as granxas que cobraron menos de 25,9 céntimos, o Ministerio anunciou un máximo de 300 euros por animal, en tanto para as que percibiron entre 25,9 e 28,5 céntimos, a axuda tiña un tope de 110 euros, se ben segundo as estimación das organizacións agrarias, a previsión era que as subvencións oscilasen entre 85,40 e 233 euros. En decembro, o Fondo Galego de Garantía Agraria publicou tamén as cuantías da axuda básica para as explotacións lácteas, que se lle concederon de oficio a todas as granxas, con independencia do prezo percibido polo leite.

Axudas para a prevención de lumes en Sofor e montes veciñais

A Consellería do Medio Rural vén de convocar axudas para a prevención de lumes en sociedades de fomento forestal (Sofor) e en comunidades de montes veciñais. Poderán beneficiarse das axudas tamén as agrupacións de montes veciñais ou as mancomunidades dos mesmos.

Os apoios á prevención de incendios engloban dúas liñas de subvención. Dun lado, finánciase o control selectivo de combustible en áreas cortalumes, faixas auxiliares de pistas, rexenerado forestal natural e en rozas de penetración en entrefaixas das masas forestais. A segunda liña financia a construcción de puntos de auga, que deberán localizarse en zonas estratéxicas para a defensa de núcleos de poboación e do monte.

O orzamento total das axudas, financiadas con cargo ó Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, é de 3,5 millóns de euros. En montes veciñais, a superficie forestal mínima será de 100 hectáreas, salvo que parte da súa superficie estea nunha zona catalogada como de especial protección dos valores naturais; entón a superficie esixida sería de 50 hectáreas. No caso das Sofor, requírese tamén dun mínimo de 50 hectáreas.

O prazo de solicitude é ata o 30 de xaneiro. Para decidir e notificar a resolución das axudas, a Administración terá 5 meses contados a partir da convocatoria da axuda, é dicir, ata xuño. Desde os colectivos forestais veñen demandando unha pronta resolución dos expedientes ligados á prevención de incendios, pois no 2015, por exemplo, houbo comunidades de montes con axudas concedidas que sufriron incendios forestais antes de poder executar os cortalumes e outras infraestruturas de prevención.