Archives

Rotación de cultivos: o caso da pataca de sementeira na Bretaña francesa

A rotación de cultivos é unha técnica agronómica realizada de forma habitual en Galicia. Nas ganderías de leite é habitual que na mesma parcela se alterne pradería co cultivo de millo ou en zonas produtoras de pataca que se combine o cereal co tubérculo ou outros cultivos. Aínda que estas rotacións adoitan ser anuais ou bianuais, mentres noutras rexións como a Bretaña francesa, un dos territorios galos especializados na produción de pataca de sementeira, esta rotación de cultivos pode chegar mesmo aos 7 anos. Na cooperativa francesa Bretagne Plants, especializada no cultivo e comercialización da pataca de sementeira, os produtores optan pola rotación de cultivos, cun sistema de produción variado. “Hai un sistema multivarietal, onde se asocia a produción animal coa agraria, e nesta última óptase por unha gran variedade de cereais e vexetais”, explica Philippe Dolo, responsable de investigación de Bretagne Plants.
É obrigatorio realizar unha rotación de 4 anos entre cultivos de pataca e algúns produtores chegan a esperar 7 anos para volver producir o tubérculo
Na produción de pataca de sementeira nesta rexión gala é obrigatorio realizar unha rotación entre cultivos de pataca de 4 anos, aínda que como apuntan dende Bretagne Plants, o máis habitual entre os produtores da cooperativa é que agarden 5 anos entre campañas de pataca, pero hai agricultores que realizan rotacións de 6 e 7 anos. “Para realizar estas rotacións é moi frecuente que os produtores se intercambien as parcelas, é un concepto que está moi desenvolvido e arraigado”, apunta Dolo. O millo e o trigo son os cultivos que máis adoitan alternarse coa produción de pataca, seguidos de chícharo e pradeiras temporais. Aínda que, o abano de cultivos que utilizan nestas rotacións é amplo, a maioría son gramíneas. Así, por exemplo, nunha explotación agrícola cunha rotación de 5 anos, tras o cultivo de pataca o segundo ano adoitan cultivar na súa maioría algún cereal, para ao terceiro ano optar por millo e no cuarto ano sementar unha pradeira temporal e terminar ao quinto ano cun cultivo como a colza. No caso dos produtores que optan por rotacións de 6 anos é habitual que nos últimos tres anos cultiven legumes como as xudías ou os chícharos e mesmo intercalar con chalotas. Rotación de pataca de 5 anos. Rotaron o cultivo da pataca con cereal, millo, pradeira e colza.

A preparación do terreo

En base ao cultivo que vaian producir en cada campaña tamén realizan unha preparación do solo acorde. Por unha banda levan a cabo accións mecánicas, o que implica a labranza no inverno ou primavera. Ademais, acometen un traballo profundo con ferramentas de dentes, así como traballos superficiais con ferramentas articuladas. Por outra banda, para a preparación dos terreos tamén efectúan labores agronómicos, como a xestión de cubertas vexetais, que en ocasións son multiespecies, e que cultivan durante os meses de outono e inverno. Neste caso, nos meses de febreiro e marzo destrúen esta cuberta e realizan un traballo profundo con ferramentas de dentes.
Adoitan utilizar cubertas vexetais intermedias que cultivan entre dous cultivos principais e que lles proporcionan nitróxeno para a seguinte colleita
“Traballamos moito con estas cubertas, que se cultivan entre dous cultivos principais. Levamos con estas prácticas case 30 anos e son estas cubertas as que nos permiten recuperar o nitróxeno nas nosas terras para a próxima colleita”, explica Philippe Dolo. Nas cubertas vexetais que cultivan antes de volver sementar pataca, o máis frecuente é que realicen unha destrución mecánica das mesma, aínda que algúns produtores optan por empregar métodos químicos e hai quen combina ámbalas dúas técnicas. Neste tipo de cubertas adoitan cultivar unhas dúas especies. Entre as máis utilizadas atópase a avea, facelias, ravos, mostaza e en menor medida trevos e veza. Especies como as facelias, a mostaza ou a veza utilízanas principalmente co obxectivo de achegar nitróxeno á terra, polo que as empregan como abono verde. O máis habitual é que o cultivo anterior á pataca sexa avea, facelias, ravos, mostaza e en menor medida veza e trevos. No caso concreto da campaña que sementan pataca, a preparación da terra realízana en tres etapas. O primeiro paso é arar a terra cun arado ancho despois de labrar ou realizar un traballo superficial, en función do cultivo previo que tivesen no terreo. Adoitan empregar arados especiais que permiten facer un suco ancho e cunha profundidade de 30 centímetros. A segunda etapa é a tamizado, na que recuperan o suco coa tamizadora de cadeas de bares ou con rolos estrela. Así conseguen un tamizado da terra fina e que os terróns de terra se desprendan grazas ás cadeas ou rolos. Ademais proceden á eliminación das pedras dos laterais e os terróns entre os montículos. Tras iso, pasan cun contedor para recuperar as pedras de maior tamaño que fosen quedando atrás. “Búscase obter entre 25 a 30 centímetros de terra tamizada”, concreta o técnico. Por último, acostuman realizar a plantación da pataca, que pode ser en sucos ou en montículos. No caso dos sucos, teñen unha maior anchura (entre 160 e 180 centímetros) polo que se plantan en cada un deles 3 tubérculos a unha distancia de 40-45 centímetros. Mentres, no caso das plantacións realizadas en montículo, en 150 centímetros poden situarse dous montículos e en cada un deles seméntase unha pataca, de tal maneira que os tubérculos quedan separados por uns 75 centímetros.

Cubertas vexetais: aliadas da rotación

Nun modelo con rotación intensiva de cultivos como o que aplican nas terras galas, tamén apostan por prácticas arraigadas na agricultura de conservación como é a utilización de cubertas vexetais intermedias entre os cultivos principais. Estas cubertas teñen como obxectivo proporcionar unha achega de materia orgánica, fomentar a biodiversidade e a actividade biolóxica, así como incrementar a fertilidade da terra. Na actualidade, a maior parte dos produtores optan por manter estas cubertas durante varios meses, sobre todo no outono e inverno (desde mediados de setembro ata xaneiro), pero deixan varios meses o terreo espido entre cultivo e cultivo. Así, nunha rotación con trigo, pataca e millo de 4 anos, o terreo permanece espido un total de 7 meses e cunha media do 68% de días con raíces.
Empregan cubertas vexetais entre cultivos para conseguir un aporte de materia orgánica, fomentar a biodiversidade e incrementar a fertilidade da terra
O obxectivo é reducir ese tempo en que o solo permaneza espido pouco máis de 5 meses no mesmo período, de maneira que o 90% dos días o solo teña raíces. “É un gran paso entre un modelo e outro. É a diferenza de pasar a ter un solo máis vivo”, recoñece Dolo. Desta maneira, cun manexo máis apegado á agricultura de conservación e tal e como demostran algúns estudos realizados, lógrase unha maior recuperación de nitróxeno. O estudo realizado comeza mantendo a cuberta de longa duración ata o mes de marzo, deixando a terra espida apenas un mes, xusto antes de sementala pataca. En agosto, trala colleita, volverá permanecer un mes sen cultivo e en setembro seméntase unha cuberta curta que permanece ata novembro, cando se procede a sementeira do cereal que permanecerá ata o mes de xullo do ano seguinte. Nese momento, o terreo queda descuberto pouco máis de 15 días e a mediados de agosto sementan xa unha cuberta longa que se retirará en marzo para logo deixar só ao descuberto un mes antes de volver sementar cultivos como o millo. “Son as raíces as que fan boa parte do traballo. Cando miras o solo xa ves que a terra ten unha boa estrutura”, valora Dolo.
Con estas cubertas vexetais poden recuperarse ata 160 unidades de nitróxeno para o próximo cultivo
Contar con este tipo de cubertas permítelles combater risco de lixiviación, así como recuperar a estrutura da terra e gañar en nitróxeno. En función do tipo de cobertura que utilicen poden chegar a recuperar entre 60 e 100 unidades de nitróxeno, con variacións entre as distintas campañas. Co emprego de leguminosas poden chegarse a recuperar 160 unidades de nitróxeno. “O nitróxeno que se recupera transfírese á pataca ao ano seguinte”, apunta o técnico. Entre as claves para conseguir que estas cubertas vexetais sexan máis efectivas e conseguir unha maior produción de biomasa recomendan: -Asociar varias especies con perfil de raíz mixta. A diversidade de cultivo e coberteira proporciona unha barreira aos patóxenos de maneira que se consegue que o solo teña unha maior inmunidade durante varios anos”, explica Dolo. - Sementar rapidamente e asegurar un bo levantamento. Cunha sementeira máis temperá aprovéitase aínda a humidade residual. -Destrución da cuberta o máis tarde posible, só un mes antes do próximo cultivo.

Novas estratexias no cultivo de patacas para atallar ós nematodos e reducir os fertilizantes fosfatados

O proxecto europeo SoildiverAgro, no que participa a Universidade de Vigo e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) presentou en Xinzo de Limia (Ourense) os primeiros resultados de varias liñas de investigación que procuran unha produción de pataca máis sostible e reducir os custos. As tres liñas de investigación que se están seguindo son o uso de sistemas de alerta para optimizar a aplicación de tratamentos contra o mildio, a procura de alternativas para combater os nematodos da raíz do tubérculo e o emprego de fungos micorrízicos para reducir o aporte de fertilizantes. A investigación sobre os nematodos do quiste (Globodera spp) céntrase no uso de plantas trampa, é dicir, o cultivo de especies que causan a saída dos nematodos dos quistes, pero das que non poden alimentarse, polo que acaban morrendo de inanición. Os nematodos do quiste son un dos desafíos actuais para a produción da pataca en Galicia, xa que a súa presenza provoca danos no sistema radicular da pataca, de xeito que se reducen en gran medida as colleitas e a súa eliminación resulta complexa. Ademais, a presenza de altas concentracións de quistes pode causar a posta das leiras en corentena impedindo o cultivo da pataca por longos períodos.
Co uso de especies coma o tumba cabalos conseguiuse reducir a presenza de nematodos a máis do 80% nalgunhas leiras
A investigación centrouse no Solanum sisymbriifolium, unha especie da familia das patacas e coñecida popularmente coma tumba cabalos. Os primeiros resultados, da primeira colleita, amosan que o emprego destas plantas conseguiu reducir a presenza de nematodos a máis do 80% nalgunhas leiras. “Polo momento son os resultados só dun ano, pero observamos unha redución importante en dúas das parcelas nas que se empregaron”, explica o investigador e director do Inorde Servando Álvarez Pousa.

Os resultados da primeira colleita

Traballaron en tres parcelas na comarca da Limia. Dúas delas localízanse en Piñeira Seca e outra en Bustelo. Estes predios dividíronse á súa vez en subparcelas nas que había unha presenza irregular de nematodos. Así, nalgunhas delas contabilizábase unha incidencia de 13 ou 30 quistes por cada 100 gramos de terra, mentres que noutras acadábanse cifras de máis de 200 quistes, o que se achega xa ós valores de 350 quistes, onde a produción de pataca se ve practicamente imposibilitada. Nunha das parcelas de Piñeira Seca e na de Bustelo coas plantas de tumba cabalos conseguiuse reducir a incidencia dos quistes nun 87% no caso da primeira e dun 77% na outra parcela. Nalgúns casos, mesmo se eliminou totalmente a presenza de quistes. En parcelas nas que apenas se contabilizaba unha incidencia de 15, 47 ou 52 quistes por cada 100 gramos a presenza reduciuse a 0. Resultados do emprego de tumba cabalos procurando a redución dos nematodos. En vermello a presenza de quistes antes do cultivo. En verde o reconto de quistes tras cultivar esta planta. Neste primeiro ano de investigación tamén se observaron resultados menos favorecedores nunha das leiras de Piñeira Seca, onde a incidencia só se reduciu nun 26% e nalgunhas subparcelas mesmo se incrementou puntualmente a presenza dos quistes do nematodo, de 71 a 84 quistes por 100 gramos. Aínda que como apunta o investigador, o manexo que se fixo do cultivo da planta trampa pode ser o motivo para non lograr os resultados favorables que se obtiveron nas outras leiras, xa que unha nacenza deficiente do Solanum implica un descenso da súa efectividade. Planta de tumba cabalos.

Recomendacións no cultivo do tumba cabalos

En base á experiencia e á documentación manexada, recóllense as seguintes pautas para o manexo do cultivo do tumba cabalos: -É preciso lograr unha nacenza regular, o que resulta complexo ó tratarse dunha semente con pouco peso. Os investigadores empregaron unha abonadora pendular ou unha sementadora das que se utilizan para o cereal na comarca. -É recomendable facer plantacións superficiais, de 5 centímetros de profundidade. -É necesario sementar cada campaña, xa que nas condicións da Limia non se comporta como unha especie invasiva. Recomendan sementar unha dose de 20 quilos por hectárea, o que elevaría o custo a uns 400 euros por hectárea. -Aconséllase facer unha lixeira compactación superficial do terreo tras a plantación, para evitar que as sementes se despracen, ó tratarse de sementes lixeiras. -Debe haber temperaturas diarias por encima dos 25 graos. Tamén resulta interesante que haxa unha humidade de entre o 25 e o 40%. “Se as temperaturas son frescas e o solo está moi seco entón as sementen non xermolarán ata que se dean as condicións axeitadas”, detalla Álvarez.

Estratexia integrada para lograr o éxito

A pesar dos bos resultados que se acadaron, Servando Álvarez incide na importancia de empregar unha estratexia integrada, na que se asocien diferentes métodos para o control dos nematodos. Así, xunto co uso do tumba cabalos poden empregarse outras plantas nematicidas, así como aplicar nematicidas químicos ou procurar rotación de cultivos.
“A día de hoxe a loita debe ser integrada, hai que asociar métodos coma o cultivo de plantas e o uso de nematicidas químicos”: Servando Álvarez, director do Inorde
Na Limia xa se tiña traballado con plantas nematicidas como os tagetes ou crucíferas coma a mostaza, os nabos ou as coles. “Nos últimos 10 anos na Limia lévanse plantado moitas alternativas para loitar contra os nematodos. Cos tagetes tíñase grandes esperanzas, pero case non se conseguiron resultados. O mesmo pasou coas crucíferas, xa que con especies como a mostaza apenas se consegue reducir a presenza de nematodos nun 35%, se se emprega esta especia como único método de control”, sinala o investigador. Porén, o emprego combinado das mostaza nematicidas, con outras medidas poden aumentar a eficacia do control ata superar o 50 % de reducción no número de quistes. Os investigadores Paula Pérez e Servando Álvarez durante a presentación das investigacións, no Inorde.

O uso de fungos micorrízicos nas leiras de patacas

O uso de fungos micorrícicos no cultivo das patacas é outra das investigacións levadas a cabo no marco do proxecto SoildiverAgro e que tamén foi presentado nestas xornadas celebradas no Inorde con produtores e empresas do sector. A investigadora principal, Paula Pérez Rodríguez, da Universidade de Vigo, destaca a contribución dos fungos micorrícicos na produción de patacas, ó conseguir mobilizar nutrientes e poder reducir a cantidade de fertilizantes químicos a aportar. “O uso de fungos micorrícicos que se engaden ao solo cando se planta a pataca conforman unha rede ampla e axúdanlle ás plantas a captar máis nutrientes en zonas más alá da superficie que abarcan as súas raíces”, explica a investigadora.
“Reducindo a dose de fósforo á metade ou nalgúns casos, sen necesidade de botar fósforo, a produción de patacas cos fungos micorrícicos foi superior ou mantívose”: Paula Pérez, investigadora 
Ademais, os fungos micorrícicos poden ser unha alternativa ós fertilizantes convencionais de fósforo á hora de incrementar a produción. “Reducindo a dose de fósforo á metade ou nalgúns casos, sen necesidade de botar fósforo, a produción de patacas cos fungos micorrícicos foi superior ou mantívose”, explica a investigadora. A investigación permitiu constatar ademais, que boa parte dos solos da comarca da Limia son ricos en fósforo, o que podería permitir reducir o uso destes fertilizantes químicos ó combinar o fósforo presente nos solos cos fungos micorrícicos aportados na liña de plantación. Pese ós prometedores datos obtidos, a investigadora mantense cauta e apunta que se trata dos primeiros resultados obtidos dun único ano de ensaio, cunhas condicións climáticas e carácterísticas do solo moi concretas. En futuros ensaios preténdese testar esta técnica nun número grande de parcelas con distintas características do solo.

Claves para unha correcta fertilización do viñedo

Para lograr unha fertilización axeitada do viñedo, o control dos nutrientes presentes nos solos segue sendo prioritario. “Pode parecer moi básico, pero segue sendo imprescindible prestar atención aos nutrientes esenciais, tanto aos macronutrientes como aos micronutrientes, e ás veces non se fai”, apuntaba o viticultor e enxeñeiro agrónomo Julián Palacios, durante unhas xornadas sobre prácticas sostibles celebradas recentemente en Ribadavia (Ourense) e organizadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). Así, é preciso ter controlados os nutrientes esenciais para un normal crecemento e desenvolvemento do viñedo. Por unha banda, os macronutrientes (Nitróxeno, Fósforo, Potasio, Magnesio, Calcio e Xofre) ou os micronutrientes (Ferro, Manganeso, Cobre, Zinc, Molibdeno, Boro). Á hora de avaliar a presenza destes nutrientes nos solos hai factores que afectan directamente á dispoñibilidade. A cantidade de materia orgánica presente nos solos, os nutrientes aportados, a capacidade de retención dos mesmos, a cantidade de chuvia, o lavado, a lixiviación e a infiltración son determinantes para contar con estes nutrientes. “Necesítase saber en que medida están acumulados no solo estes nutrientes, como se moven polo solo e se están dispoñibles ou non para a planta”, explica Palacios, promotor da empresa de asesoría agrónoma Viticultura Viva.
A presenza de nutrientes no solo, a dispoñibilidade de auga e a distribución do sistema radicular da planta son condicionantes a ter en conta para cubrir as necesidades nutricionais do viñedo
Aínda estando presente os nutrientes necesarios nos solos, tamén hai que ter en conta que dita capacidade de absorción está ligada á auga. “A planta é capaz de absorber nutrientes en función da dispoñibilidade de auga”, apunta. Outro dos condicionantes á hora de aplicar fertilizante ás viñas é o sistema radicular da propia planta, de maneira que se as súas raíces se atopan a maior profundidade ou na superficie será preciso escoller diferentes métodos para a fertilización. “A todos nos gustaría ter plantas coas raíces moi profundas, xa que iso permite que teñan unha maior resistencia á seca no verán, pero non sempre é así, por iso é importante telo presente”, indica.

Diagnóstico previo á fertilización

Á hora de fertilizar o viñedo, a enxeñeira agrónoma Bárbara Sebastián, integrante tamén do equipo técnico de Viticultura Viva, recolle varios métodos a ter en conta para realizar un diagnóstico previo do estado do viñedo e despois proporcionar unha fertilización adecuada e axustada ás súas necesidades. -Diagnóstico visual. É importante prestar atención a distintos aspectos do viñedo que poden ser indicativos das carencias de nutrientes ou excesos que presentan os solos e a planta. • desenvolvemento vexetativo • vigor • produción • número de acios por pámpano • tamaño dos acios • nivel de callado • síntomas de carencias ou toxicidad -Análise de solo. As analíticas resultan ferramentas básicas para mellorar a fertilización ao proporcionar información sobre a presenza de nutrientes. As variacións que pode haber de solo en base á profundidade ou nunha mesma parcela son claves á hora de toma de decisións non só de fertilización senón tamén para escoller o portainxerto a empregar. Coñecer parámetros como a pH do solo é determinante para a dispoñibilidade de nutrientes no solo. Así, unha maior acidez reduce a presenza de Nitróxeno, Fósforo, Potasio, Xofre, Calcio e Magnesio. “É fundamental non subir o pH do solo moi de golpe, ha de facerse de forma gradual”, recomenda Sebastián. -Análise foliar. Mostran o que realmente toma a planta. Proporcionan valores de referencia en momentos concretos e claves para o desenvolvemento da viña, como o callado ou envero. “É recomendable realizalo sempre sobre as mesmas plantas, sen mesturar diferentes sitios para poder ter un histórico e ver a evolución”, explica a enxeñeira agrónoma Bárbara Sebastián.

Respostas de fertilización a síntomas do viñedo

Tal e como recollía na súa presentación Sebastián, a fertilización do viñedo permite solucionar problemas de baixo rendemento e cualitativos. Ao mesmo tempo, proporcionar unha adecuada fertilización tamén axuda a asegurar unha nutrición correcta e equilibrada da planta. A achega de nutrientes contribúe a compensar as perdas do viñedo derivadas das extraccións, como a recollida de uva ou a poda. “De media, un viñedo extrae ao ano 30 unidades fertilizantes de Nitróxeno, 15 de Fósforo e 45 de Potasio”, sinalan desde Viticultura Viva. En función do grosor dos brotes anuais, Sebastián propón diferentes estratexias de manexo do solo e fertilización nun modelo de viticultura sostible atendendo a algúns indicadores que se poden atopar no propio viñedo: -Se no momento de poda, predominan os sarmentos moi finos será necesario proporcionar unha achega de materia orgánica ao viñedo. Tamén debe controlarse o pH dos solos e a relación de Calcio e Magnesio. Sería recomendable labrala terra para reducir a competencia na cuberta e mineralizar a materia orgánica. “Hai que ter en conta que na Cornixa Cantábrica predominan os sarmentos máis finos que no Mediterráneo ou a zona centro de España, debido ás condicións climáticas”, apunta Palacios. -O desenvolvemento de sarmentos longos e dun grosor na súa base superior a 1,2 centímetros indica que o viñedo ten un gran vigor polo que non será necesario achegar materia orgánica. Na fertilización deberán incluírse nutrientes específicos se se detecta carencia deles nas analíticas. Tamén é recomendable realizar un control do pH e supervisar a relación do Calcio e o Magnesio. “Pode resultar interesante dispoñer dunha cuberta vexetal para fomentar a competencia, é dicir non labrar a terra para favorecer a humificación”, detalla Sebastián na súa presentación. -Se aparecen síntomas de carencias en follas e o comportamento do viñedo non é correcto, os expertos recomendan realizar unha análise foliar para concretar de que nutriente se trada, ademais de controlar o pH do solo, así como o nivel de materia orgánica e os niveis de Calcio e Magnesio. -Tamén pode darse que o viñedo quede sen acios e o pH do solo sexa axeitado, neste caso haberá que prestar atención aos niveis de macronutrientes en folla, como o Nitróxeno, o Fósforo e o Potasio. En concreto, o Potasio pode ser determinante para isto. -Detectar problemas no callado é un indicativo de que os niveis de micronutrientes en folla non son os adecuados. Neste caso haberá que prestar atención ao Zinc, Molibdeno e Boro. “Na Garnacha, que é moi sensible a problemas de corremento, polo que facemos sempre aplicacións dúas semanas antes de floración de micronutrientes, para fomentar que haxa un bo nivel deles e que calle o mellor posible”, detalla Palacios.

A aplicación de xurros con prato ou en abano prohíbese a partir do 1 de xaneiro do 2024

O Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sostible nos solos agrarios, consolida os cambios que se viñan anunciando no manexo de xurros e fertilizantes A nova norma busca reducir as emisións de gases contaminantes, en especial do amoníaco, así como diminuír a contaminación das augas e dos solos. Así, o decreto prohíbe a aplicación de xurros con prato, canón ou en abano a partir do 1 de xaneiro do 2024. Establece ademais a obriga de que as explotacións conten cun plan de abonado a partir de setembro do 2024. Facemos un repaso polos principais cambios que introduce a nova normativa: -Será obrigatorio que todas as explotacións dispoñan dun plan de abonado, no que se inclúa unha estimación dos nutrientes que é preciso empregar, tanto de orixe orgánica como mineral, en función de cada cultivo e das analíticas de solo. Neste plan deberá indicarse o momento no que se ten previsto realizar o abonado, así como as medidas que se adoptaron para diminuír as emisións de amoníaco e doutros gases contaminantes. As explotacións deberán contar con este plan a partir do 1 de setembro do 2024. O plan de abonado non será obrigatorio para as explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie, sempre que sexan de secano ou estean dedicadas unicamente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo. -As explotacións deberán contar cun caderno dixital de explotación no que se inclúa un apartado de Fertilización. Neste apartado debe figurar: • O plan de abonado, naqueles casos nos que é obrigatorio. • Os datos do solo e a composición analítica dos xurros e estercos aplicados nas parcelas. • A data e doses nas que se realiza o abonado. Terase que rexistrasr no caderno de explotación, a máis tardar, no prazo dun mes desde a aplicación. Todas as explotacións deberán contar con asesoramento técnico para o plan de abonado desde o 1 de setembro do 2025 (En zonas vulnerables a nitratos, desde un ano antes). -Prohíbese aplicar o xurro con prato, abano ou canón, agás nos terreos con pendentes superiores ao 10%, onde só se poderán aplicar xurros producidos na propia explotación. Esta prohibición, igual que a maior parte do contido do decreto, terá efecto a partir do 1 de xaneiro do 2024. -Tampouco haberá limitacións á aplicación do xurro con sistema de prato ou abano cando máis da metade da superficie da explotación teña máis do 10% de pendente ou teña menos de 2 hectáreas de base territorial. -Nestes terreos tampouco se poderá aplicar xurro en situacións de elevadas temperaturas -para evitar a evaporación de nitróxeno á atmósfera-, períodos que teñen que ser definidos polas Comunidades Autónomas. -Tampouco se poderán empregar o prato, abano ou o canón para aplicar outros materiais orgánicos ou orgánico-minerais cando teñan unha humidade superior ó 90%. -O xurro ou esterco deberá ser enterrado o antes posible trala súa aplicación e sempre nas primeiras 12 horas, agás cando se realice sementeira directa, en agricultura de conservación ou cando se aplique en pastos. Tampouco será preciso enterralo cando se aplique por inxectores ou sistemas de aplicación localizada, así como cando ese xurro foi compostado ou dixerido previamente. -Deberase empregar como mínimo unha das seguintes medidas de mitigación de emisións: . Sistema de bandas con mangueiras ou tubos rixidos . Sistemas de bandas con discos ou rexas . Inxección . Esterco sólido enterrado en menos de 4 horas desde a súa aplicación . Aplicar produtos que inhiban a nitrificacion . Acidificación do xurro. . Calquera medida avalada técnicamente e recoñecida polas CCAA -Prohíbese aplicar xurro ou esterco en terreos xeados, con neve, encharcados ou en períodos de precipitacións torrenciais. Tampouco se poderá aplicar naqueles terreos nos que pola distancia ou as características poidan producirse arrastres de nutrientes a humedais ou barrancos. -Establécense períodos nos que estará prohibido realizar fertilización nitroxenada de determinados cultivos coma o viñedo (novembro - febreiro) ou os cultivos de inverno (verán), agás que se empreguen sistemas de rega localizada ou técnicas de agricultura de precisión. -A maquinaria de aplicación debe estar calibrada e en bo estado. Contémplase que nun futuro poidan realizarse revisións periódicas por parte do Ministerio de Agricultura. -O esterco e xurro sen transformar poderase aplicar en terras sen cultivo, en pastos cun mínimo de 21 días antes do pastoreo ou sega. No resto de cultivos forraxeiros haberá que esperar dende que se aplica un mínimo de 2 meses antes da colleita ou 21 días se non hai contacto coas partes comestibles do cultivo. -Deberase ter en conta o contido en Nitróxeno e Fósforo do esterco e xurro, de xeito que non se superen as necesidades do cultivo nestes nutrientes. -Non se poderá aplicar xurro ou esterco a menos de 5 metros de ríos, regatos, lagos, costa mariña, praias, captación de auga para consumo humano, pozos e fontes. As CCAA poden establecer distancias superiores. -Controlarase a concentración de metais pesado e doutros contaminantes e impurezas nos solos. -Prohíbese o uso de fertilizantes a base de carbonato de amonio. No caso da urea, será obrigatorio empregar polo menos un método para reducir as emisións (Incorporar a urea ó solo cun sistema de inxección ou mediante mestura dos grans fertilizantes co solo; enterrala no momento da aplicación ou antes de 4 horas, ou empregar urea recuberta de polímeros, entre outras posibilidades). -Favorecerase o uso de fertilizantes que produzan menos emisións de amoníaco, tendo en conta as características dos solos, clima e cultivo. -Créase un rexistro de fabricantes e outros axentes económicos de produtos fertilizantes no que deberán inscribirse para operar no sector.

-Consulta aquí o novo decreto en detalle: Real Decreto por el que se establecen normas para la nutrición sostenible en los suelos agrarios

https://www.campogalego.gal/o-caderno-dixital-entrara-en-vigor-en-setembro/

“A cuncha de mexillón podería empregarse para encalar as terras e os montes”

Vertedoiro de cunchas de mexillón (www.iPacuicultura.com) Os solos en Galicia son ácidos, o que provoca un menor aproveitamento dos nutrintes por parte das plantas e cultivos. Para correxir a acidez, utilízanse habitualmente distintos produtos comerciais existentes no mercado elaborados a base de calizas. Pero nas leiras das zonas de costa galegas utilizábanse tradicionalmente cunchas de moluscos e crustáceos para subir o pH do solo. Por iso, a catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinadora da unidade de xestión ambiental e forestal sostible UXAFORES propuxo nunhas recentes xornadas organizadas por SEIAF na Escola Politécnica de Lugo a utilización de cunchas de mexillón como emenda agrícola.
A principios do século XX as calizas comerciais empezaron a substituir ás cunchas e ás cinsas como produtos encalantes tradicionais
Galicia é a segunda produtora mundial de mexillón, despois de China. É, xa que logo, un residuo mariño abundante que é rico en carbonato de calcio e, polo tanto, con propiedades beneficiosas tanto para os solos agrícolas como forestais. Economía circular Nas 3.300 bateas distribuidas polo litoral galego prodúcense unhas 270.000 toneladas de mexillón ao ano e o seu procesado na industria conserveira xera uns residuos de perto de 90.000 toneladas de cunchas. O mexillón cultivado desde os anos 70 nas costas galegas pertence á especie Mutilus Galloprovincialis e a cuncha representa aproximadamente un terzo do peso do molusco.
A composición da cuncha de mexillón está formada en máis dun 95% por carbonato cálcico
En ocasións, estes residuos acumúlanse en zonas poco acondicionadas e crean un efecto visual e olfativo indesexado, con graves prexuizos desde o punto de vista ambiental, polo que a súa valorización agrícola entraría dentro das actuais estratexias de economía circular fomentadas desde Europa. Desde o punto de vista normativo, as cunchas de mexillón catalóganse como subprodutos animais non destinados ao consumo humano (SANDACH), o que plantexa certas dificultades e limitacións legais para a chegada ao mercado de produtos derivados. Uso en pradeiras, viñedos e montes A profesora da Politécnica Esperanza Álvarez Un equipo universitario da Escola Politécnica Superior de Lugo (EPS) dirixido pola profesora Esperanza Álvarez Rodríguez, analizou hai xa 15 anos o potencial das cunchas de mexillón como emenda en solos tanto agrícolas como forestais. “Poderían empregarse para encalar”, asegura. É un material de baixo custo, pero require dun procesamento previo para a súa utilización nas terras. “Fixemos ensaios con distintas mesturas en parcelas de raigrás da Pastoriza con cuncha moída en tamaño de 0,25 a 0,30, xa que a que se comercializaba machacada ten problemas nas fosas de purín”, explica Esperanza.
Analizouse a produción tanto en pratenses como en millo tres anos despois do encalado
Ademáis deste uso agrogandeiro, tamén tería utilidades en parcelas de viñedo que están recibindo sulfatos de cobre para o tratamento de enfermidades fúnxicas, indica. A cuncha de mexillón é un material composto, cunha fase mineral constituida por carbonato cálcico (95 a 99% do peso da cuncha) e pequenas cantidades de outros elementos, tales como nitróxeno, azufre, fósforo, potasio ou magnesio. No proceso de valorización utilízaronse tamén outros materiais, como lodos de depuradoras ou cinsas de biomasa, que melloran as propiedades físicas da mestura final coas cunchas. 
Existen xa no mercado diversos abonos que inclúen cuncha de mexillón
Existen xa diversos produtos no mercado elaborados a partir de cunchas de mexillón, desde un abono a base de algas e cunchas de mexillón (Celtacal), fabricado por Ecocelta, a pastillas fertilizantes e un complemento alimenticio para aves producido por AbonomarA acidez, un factor limitante da produtividade forestal Outro dos posibles usos deste subproduto da industria mexilloeira sería a nivel forestal. Aínda que os montes galegos teñen unha elevada produtividade, un dos factores limitantes para algunhas especies é a acidez do chan e as altas concentracións de aluminio. “Son solos ácidos, polo que van ter baixa dispoñibilidade de nutrintes básicos e de molibdeno, cun aluminio que pode estar saturado e en niveis de toxicidade. Sen embargo, non existe tradición de encalado de solos forestais”, explica Esperanza.
En ocasións hai problemas de crecemento pola saturación de aluminio
Nun ensaio levado a cabo en 128 parcelas forestais distribuídas por toda Galicia, con distintos tipos de solo, analizouse a produción de pinus pinaster. “O granito ten unha saturación de aluminio moi alta e o máis tóxico é o Al3+. As especies forestais, como o piñeiro, ás veces poden tolerar altas saturacións de aluminio sen sufrir toxicidade, pero outras veces hai problemas de crecemento pola saturación de aluminio. Se queremos cultivar eses solos temos que recurrir ao encalado para reducir a toxicidade por aluminio e aumentar a dispoñibilidade de nutrintes”, argumenta.

“Hai que coñecer ben o solo para poder manexalo correctamente e evitar así a súa perda”

As características do solo dependen, en primeiro lugar, da rocha da que procede. “En función da rocha que teñamos imos ter un tipo de solo ou outro. Por iso os solos que temos en Galicia son diferentes, aínda que fundamentalmente ácidos”, indica Esperanza. Botando unha ollada ao mapa das propiedades do chan de Galicia, obsérvase que a fachada atlántica está dominada polo granito, seguida dunha faixa interior onde os xistos son predominantes, mentras na provincia de Lugo as protagonistas son as lousas. En Ourense, mestúranse zonas graníticas con zonas de lousas e xistos. 
Tan só temos pequenas zonas de rochas calizas de sedimentación en Meira, Mondoñedo, Triacastela ou Ourense; en Galicia son unha excepción
"Os materiais de partida van influir moito no solo e na súa fertilidade", afirma Esperanza, que fai fincapé nun correcto manexo e laboreo á hora de traballar as terras. As rochas ácidas, a partir de granito, por exemplo, van dar texturas máis permeables, con menos retención de auga e máis risco de seca, con saturación de aluminio e pouca retención de nutrintes.
Os solos graníticos son máis propensos á seca mentras as terras con arxila e limo sofren problemas de encharcamento
Pola contra, as rochas básicas da zona da Capelada, Bergantiños, Santiago, Melide, Lalín, Arzúa ou As Mariñas son solos profundos con alto contido en arxila e facilidade de encharcamento. As pizarras e cuarcita da Fonsagrada dan solos limosos e en zonas como Monforte, A Limia, Verín, Sarria, Quiroga ou As Pontes son habituais tamén os encharcamentos. As ensinanzas do 'Dust Bowl' dos anos 30 en EEUU “Hai que coñecer ben o solo para poder manexalo correctamente e evitar así a súa perda”, concluíu Esperanza, e puxo o exemplo das grandes tormentas de polvo dos anos 30 nos Estados do centro de EEUU, un período coñecido como Dust Bowl. Entre 1930 e 1939 sucedéronse tormentas de po que converteron as Grandes Chairas estadounidenses nun deserto. Foi o desastre ecolóxico máis perigoso da historia de Estados Unidos e debeuse en boa parte á acción do home, debido á transformación das praderías en terras de cultivo de cereal, que a prolongada seca e a acción do vento se encargaron de erosionar. O Dust Bowl afectou a 400.000 km cadrados en Estados como Oklahoma, Colorado, Kansas, Texas ou Novo México. Calcúlase que tres millóns de persoas abandonaron as súas granxas e máis de medio millón emigrou a outros estados. As tormentas de po acrecentaron os efectos da Gran Depresión na zona, provocando 5 millóns de mortos como consecuencia da fame.

Convocan as axudas para a implantación da agrocompostaxe en empresas agrogandeiras de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar as bases da liña de subvencións coa que busca a implantación da agrocompostaxe en empresas agrogandeiras. Trátase dunha liña pensada para o tratamento dos residuos orgánicos destas empresas ou entidades, mesturados con biorresiduos urbanos. Poderán optar ás axudas empresas do ámbito agrario e gandeiro, silvícola, hortofrutícola e adegas, segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera. A iniciativa pretende ser un xeito sostible de tratamento dos residuos orgánicos urbanos, ó tempo que se proporciona compost de calidade ás entidades que o precisan para fertilizar os solos. Deste xeito, a planta de compostaxe construirase nas propias instalacións da empresa interesada, para facer os mínimos desprazamentos. Así, só se trasladarán os biorresiduos urbanos que precisen, que se axustarán en función dos residuos propios que xeren as empresas para conseguir un compost de calidade que permita despois a fertilización dos solos. Poderán beneficiarse desta liña de subvencións aquelas entidades, empresas, cooperativas e persoal autónomo da provincia de Pontevedra que, como consecuencia da súa actividade, xeren residuos orgánicos que poidan ser compostados. Deben ser entidades consumidoras de fertilizantes ou emendas de orixe orgánica. Ademais, teñen que ter dada de alta a súa actividade, ter unha facturación media dos últimos anos igual ou superior a 500.000 euros e dispoñer dos terreos para a instalación da planta de compostaxe. Cada entidade poderá obter unha subvención de, como máximo, o 75% do custo total da actuación recollida no anteproxecto presentado. O máximo da subvención será de 600.000 euros. Esta subvención incluirá tanto obra civil como calquera tipo de maquinaria precisa para realizar o proceso de compostaxe. As solicitudes poderán presentarse ata o 17 de setembro por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Unha vez presentada a documentación, o persoal do Plan Revitaliza da Deputación iniciará un proceso de asesoramento para cada entidade para elaborar un informe no que se detallará a cantidade de residuos propios que manexarán e a cantidade máxima de biorresiduos de orixe doméstica que poderían tratar nas instalacións de compostaxe. “Con esta orde de subvencións damos un salto adiante nas posibilidades de xestionar os biorresiduos na dirección máis eficiente e avanzada”, reivindicou César Mosquera, presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, durante a presentación da convocatoria. O organismo provincial destina 1,5 millóns de euros a estas axudas, se ben precisa que tal cantidade é ampliable se hai demanda. Esta liña súmase ás iniciativas postas en marcha xa dende a Deputación co Plan Revitaliza, co que se implantou tanto a compostaxe comunitaria como individual, de km. 0, naqueles concellos interesados.

-Consulta aquí as bases da convocatoria publicada o 18/08/2022 no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Galicia participa en dous proxectos europeos para estudar a importancia dos microorganismos na fertilidade dos solos agrícolas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) participa, a través da sede en Santiago de Compostela da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), en dous proxectos de investigación europeos. Ambos están financiados con máis de catro millóns de euros pola convocatoria do EJP Soil (Programa Marco Horizonte Europa 2020), que inclúe a 24 países e persegue incrementar o coñecemento sobre o manexo do solo agrario e a súa relación cos máis importantes retos sociais, incluíndo o cambio climático, a seguridade alimentaria, os servizos ecosistémicos e a educación da sociedade sobre os problemas do solo. Trátase dos proxectos "Modeling and mapping soil biodiversity patterns and functions across Europe" (MINOTAUR), liderado por CREA (Italia) e a Universidade de Wageningen (Países Baixos), e "AGROECOlogical strategies for an efficient functioning of plant - soil biota interactions to increase SOC sequestration (AGROECOseqC", liderado por CREA (Italia) e INRAE (Francia). En "MINOTAUR2 por España participa o CSIC a través da MBG, o Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (CEBAS) e o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria de España (INIA). Ademais, conta con socios de nove países europeos (Francia, Irlanda, Países Baixos, Suecia, Suíza, Austria, República Checa, Eslovenia e Italia). "Esta investigación ten un gran interese dada a elevada susceptibilidade dos chans ao cambio global e as importantes funcións que levan a cabo os organismos que habitan o solo. Sabemos desde hai anos que as prácticas agrarias e o propio cambio climático inciden na fertilidade e biodiversidade da terra. Neste sentido, o proxecto MINOTAUR busca harmonizar e acordar ese coñecemento dentro dunha perspectiva continental", destacan desde o grupo Interaccións Microbioma- Solo-Planta da sede en Santiago da MBG do CSIC, que se encargará, xunto co CEBAS, do traballo de cuantificación e caracterización funcional da microbiota e da determinación do seu papel nos ciclos do carbono e outra macro e micro-nutrientes. En "AGROECOseqC" por España participa o CSIC a través da MBG, o CEBAS e o INIA. Ademas, conta con socios de oito países, entre os que figuran Dinamarca, Turquía, Lituania, Holanda, Bélxica ou Austria. O proxecto levará a cabo nunha rede de nove leiras experimentais distribuídas por toda Europa, incluíndo a Estación Experimental Finca La Canaleja (INIA-CSIC), nas que levan a cabo experimentos a longo prazo nos que se investiga como o aumento da agrobiodiversidade e a redución dos insumos externos promoven unha maior sincronía entre as demandas dos cultivos e a dispoñibilidade de nutrientes, mediados pola actividade da microbiota edáfica. A composición e actividade da microbiota, a absorción de nutrientes polas plantas, as simbioses microbianas e as fervenzas tróficas estudaranse en profundidade, como principais factores nos ciclos de carbono e nutrientes do chan. En concreto, investigarase de forma holística a diversidade funcional do complexo planta-fauna-microbiota do solo en nove emprazamentos na UE, para identificar estratexias agroecolóxicas (agricultura de conservación, agricultura ecolóxica) que freen a perda de carbono edáfico dos solos agrarios a longo prazo. A sede en Santiago da MBG en colaboración co CEBAS liderará o traballo de cuantificación e caracterización funcional da microbiota e a determinación do seu papel no ciclo do carbono . O INIA, pola súa banda, que liderará o traballo sobre fauna edáfica, co obxectivo de dilucidar o papel que xoga a diversidade de invertebrados do solo no secuestro de carbono e o ciclo de nutrientes, xunto co Instituto Pirenaico de Ecoloxía (IPE-CSIC), a Estación Experimental de Zonas Áridas (EEZA- CSIC) e a Estación Biolóxica de Doñana (EBD-CSIC).

É un problema a acumulación de cobre nos viñedos?

O uso do cobre segue sendo recorrente na viticultura como tratamento fúngico preventivo, utilizado mesmo nun manexo ecolóxico e sen presentarse, polo momento, alternativas ao seu uso neste modelo. Así como o seu uso está estendido, tamén xorden as dúbidas sobre a acumulación do cobre nos solos dos viñedos e as súas posibles consecuencias. “O cobre é un elemento esencial para as plantas, necesítano para o seu desenvolvemento normal, pero tamén é un metal pesado que en concentracións elevadas pode resultar tóxico tanto para as plantas como para o medio ambiente do viñedo”, explica David Fernández Calviño, investigador Ramón e Cajal do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo.
“Non sabemos ata cando poderemos acumular cobre no solo sen que aparezan problemas graves”
O principal problema do cobre é que se acumula no chan, xa que non se degrada. “Ao ser un elemento potencialmente tóxico, a súa acumulación a medio-longo prazo non é sostible. Non sabemos ata cando poderemos acumular cobre no solo sen que aparezan problemas graves”, indicou Fernández Calviño na súa participación na xornada virtual “Rexeneración e conservación do chan vitícola” organizada pola Plataforma Tecnolóxica do Viño ( PTV) recentemente. Canto cobre acumúlase nos solos dos viñedos? Unha das principais cuestións sobre a que está a traballar o investigador nestes momentos é en poder estimar o impacto que ten o cobre no medio ambiente. Este é un dos eixos do proxecto Coppereplace, unha iniciativa na que participan entidades e investigadores de España, Francia e Portugal e que procura validar solucións integradas, innovadoras e viables para reducir o uso do cobre en viticultura e o seu impacto ambiental. “Necesitamos controlar os efectos do cobre e saber se o cobre que está acumulado xa no chan está a causar danos, así como se os vai a causar no futuro”, apunta o investigador. Con este obxectivo levaron a cabo ensaios para estimar o perigo de que o cobre pase a augas subterráneas, así como de que cause danos a distintos organismos que viven no solo.
En función do tipo de solo producirase unha maior transferencia de cobre ás augas. Os solos máis acedos presentan maior perigo de contaminación de augas ou danos a organismos ó acumular cobre
Destas investigacións extraeron xa unha conclusión fundamental: “Os efectos sobre os organismos e a transferencia do ás augas vai estar moi condicionado polo tipo de solo”, explica o experto. Os seus traballos consistiron en observar tanto a presenza de cobre no terreo como en engadir cobre en distintos tipos de chan para comprobar a súa acumulación. Así chegaron a achegar ata 800 miligramos de cobre por quilogramo de solo, unha cantidade moi elevada, pero que é a cantidade que xa se pode atopar nalgúns viñedos galegos. Nos solos máis acedos, os risco asociados á acumulación do cobre son moito maiores. En solos particularmente acedos, cun pH de 4,6, como poden ser algúns viñedos en Galicia. “Vimos que se alcanzaban concentracións medias de cobre nas augas de lavado do solo de ata 40 miligramos por litro”, detalla o experto. Para comprender o impacto desta cantidade de cobre abonda con ter presente que o límite de cobre en augas para consumo humano está en 2 miligramos por litro segundo os baremos da Organización Mundial da Saúde (OMS). Nestes solos acedos só con engadir 100 miligramos por quilogramos de cobre ó solo alcanzábanse concentracións de 5 miligramos por litro, o que segue estando moi por encima dos límites establecidos pola OMS. Ó engadir estas mesmas cantidades en chans cun pH máis alto (5,6) comezaron a ver que a concentración de cobre é xa moito menor. Neste caso só superáronse os 2 miligramos de cobre por litro cando se chegaba a engadir 400 ou 800 miligramos por quilogramo de cobre no solo.
“O potencial efecto do cobre sobre as augas dos viñedos dependerá en gran medida do tipo de chan e sobre todo do seu pH”
Canto maior foi o pH da terra menor concentración de cobre presentaban as augas. No caso de chans de pH 7 ou 9 observaron que independentemente da cantidade de cobre que engadiamos ao chan o cobre na auga situábase sempre por baixo de 1 miligramo por litro. “O potencial efecto do cobre sobre as augas próximas ós viñedos dependerá en gran medida do tipo de solo e sobre todo do seu pH”, concreta o experto. Gráficas sobre a contaminación por cobre en augas. Outro dos estudos que levaron a cabo proba o efecto na vida microbiana dos chans. “Non só é importante coñecer se hai unha potencial contaminación das augas dos viñedos senón se o cobre pode causar problemas sobre os microorganismos”, apunta o investigador. De novo utilizando chans con distintos pH foron incorporando distintas cantidades de cobre (entre 125 e 2.000 miligramos por quilo), para ver os seus efectos. “En solos con pH acedos os efectos sobre os microorganismos eran moi elevados”, explica. En solos cun pH 6,9 tamén se viron efectos importantes xa en concentracións de 125 miligramos por quilo.
O pH e o tipo de solo serán determinantes nos efectos que o cobre teña no desenvolvemento dos microorganismos do solo
“Con todo en solos máis alcalinos, cun pH de 7,8, que adoitan presentar grandes cantidades de carbonados vimos que mesmo engadindo 1.000 miligramos por quilo non tiñamos efectos detectables sobre o crecemento nas comunidades bacterianas”, detalla Fernández Calviño. Neste tipo de chan só chegaron a ver efectos ao engadir uns 2.000 miligramos de cobre por quilo do solo, unha cantidade de cobre moi elevada e que como apunta o investigador, non é habitual atopala nos viñedos, aínda que se detectaron estas concentracións en chans tropicais de Latinoamérica. Gráficas do crecemento bacteriano en solos con cobre. Ademais de analizar os efectos da acumulación de cobre en auga e microorganismos tamén estudaron os seus efectos en plantas, para o que empregaron o crecemento dunha leguminosa (alfalfa) que podería ser utilizada como cuberta vexetal en viñedos. Unha vez máis, os chans cun pH máis baixo experimentaron os maiores efectos no desenvolvemento da planta pola acumulación de cobre. En chans cun pH alto, con valores de 9, propios da área Mediterránea, a achega de cobre non só non supuxo un problema para o cultivo senón que chegou a estimular o desenvolvemento da alfalfa. “O cobre é un nutriente esencial para as plantas e é común que en chans cun pH elevado non estea dispoñible polo que ao proporcionarllo ao chan provócase ese crecemento”, explica. Gráfica sobre os efectos do cobre no crecemento da alfalfa.
Medidas para atallar a acumulación de cobre As investigacións sobre os efectos do cobre permitiron establecer medidas para controlar e reducir a súa acumulación naqueles chans máis acedos nos que pode ser un auténtico problema polos niveis que se poden chegar a concentrar. “É algo relativamente fácil de corrixir, xa que corrixindo o pH do solo podemos conseguir unha redución dos efectos da súa acumulación no solo”, concreta o investigador. A curto prazo, o experto recomenda centrar as posibles estratexias de mitigación dos efectos do cobre nos viñedos con solos máis acedos, xa que noutras áreas con terreos neutros ou alcalinos non está a ter apenas incidencia. Tamén se deberían desenvolver tecnoloxías para extraer o cobre do solo naqueles lugares nos que poida causar problemas. Fernández Calviño insiste en que estes métodos deben resultar alcanzables para que realmente se utilicen. Ademais, no marco do proxecto Copperaplace están a traballar xa no desenvolvemento de alternativas sostibles e que sexan tan eficaces e baratas, como o propio uso do cobre, de modo que poidan empregarse como substitutos no tratamento dos viñedos.

Magnesio e corrección de pH no viñedo

Chega o momento de comezar cos traballos de mantemento do solo no cultivo de viñedo, para os que o encalado vén sendo unha tarefa imprescindible nas nosas superficies, dadas as xa coñecidas condicións en Galicia de pH baixo e altas concentracións de aluminio tóxico.

No proceso de encalado, xogan un papel moi importante os aportes que podamos realizar de calcio como elemento, pero na mesma medida de magnesio, xa que, nas condicións normais dos nosos solos, este é un nutriente que, malia ser esencial como veremos, está pouco presente e asimilable para as plantas.

Os aportes de magnesio que podamos realizar no proceso de encalado serán os que cubran as necesidades do cultivo da vide durante o período produtivo.

Debemos lembrar que o magnesio forma parte da clorofila, actuando consecuentemente na actividade fotosintética da planta. É esencial para o metabolismo dos glícidos e ten unha función clave como vehículo do fósforo, aumentando a súa asimilación. Estamos a falar dun macronutriente que actúa na formación das graxas, proteínas e vitaminas; e que axuda ao mantemento, xunto co potasio, da turxescencia das células.

Consecuencias da falta de magnesio
Con niveles de pH inferiores a 5, pódense detectar carencias de magnesio, o que produce un debilitación xeral da cepa, redución do nacemento de pámpanos, lento desenvolvemento do tronco e limitación do crecemento radicular, así como a redución na frutificación.

Neste sentido, Calfensa pon á vosa disposición a Caliza Magnesiana, produto cun 20% de óxido de magnesio, moi soluble e rapidamente asimilable pola planta, capaz de cubrir as necesidades que deste elemento poda ter. Calfensa tamén ten a Caliza Magnesiana de sempre pero Granulada, coas mesmas características do produto en po, pero coa comodidade que proporciona o grao para a súa distribución.

Contacto

  • info@calfensa.com
  • Teléfono: 982 305 902

Aberta a matrícula para os obradoiros en Monforte sobre xestión de solos agrícolas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous obradoiros sobre xestión de solos agrícolas en Monforte de Lemos. Ambos están programados para o vindeiro luns, día 6 de setembro, e desenvolveranse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos. O primeiro dos talleres realizarase en horario de mañá (entre as 10:00 e as 14:00 horas) e tratará sobre a determinación de textura e pH do solo de labor. Mediante este obradoiro preténdese que o alumno sexa quen de coñecer e interpretar as características básicas do solo, co fin de optimizar ou enfocar adecuadamente os traballos profesionais desenvolvidos sobre eles. Ten especial importancia para coñecer a solubilidade dos nutrintes e que poidan estar dispoñibles para o cultivo. O segundo obradoiro desenvolverase pola tarde, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Tratará arredor da determinación da erosión, escorrenta e lixiviación en solos labrados. O seu obxectivo é representar diferentes solos agrícolas e simular o seu comportamento ante as precipitacións en función de aspectos como a textura do solo, a presencia ou ausencia de cobertura vexetal e a inclinación do terreo. Tamén se pretende exemplificar os procesos de lixiviación de contaminantes a través de diferentes perfís de solo, facendo simulacións de solos de diversas texturas e horizontes. Ambas accións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Inscrición nos obradoiros

Todos os interesados poderán inscribirse nestes obradoiros cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal ou maria.lourdes.diaz.fernandez@edu.xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982 889 103 para máis información.

“O sector do viño galego coxea en viticultura, en coñecer e coidar os solos da viña”

José Manuel García Queijeiro é quizás unha das persoas que mellor coñecen os solos de Galicia, e en concreto os dos viñedos, caracterizados pola súa gran diversidade. Con el falamos sobre como mellorar a saúde dos solos das viñas para así lograr tamén mellores rendementos vitícolas, tanto en cantidade como en calidade. -Como xurdiu o teu interese pola investigación en viticultura en xeral, e dos solos dos viñedos en particular? O meu interese polos solos ven de cando nos últimos anos de carreira cursei as materias que impartían os profesores do Departamento de Edafoloxía dirixidos por D. Francisco Guitián, que foi quen de reunir arredor da súa cátedra a unha morea de excelentes mestres e investigadores esgrevios quen nos contaxiaron a min e a moitos compañeiros dun interese polo estudo dos solos, que terminaría por orixinar unha das mellores escolas -senón a mellor- de edafólogos (especialistas no estudo dos solos) que deu este país. Fixen a miña tese de doutoramento investigando sobre a fertilidade dos solos agrícolas dos Bergantiños na década dos oitenta, e despois seguín traballando no eido dos solos e os problemas de fertilidade noutras zonas de Galicia, ata que ó comezar este século cheguei Aos solos de viñedo e a súa problemática específica. -En que proxectos de investigación estás a traballar neste momento? Neste momento estou participando no proxecto VITICAST no que colaboramos equipos de investigación das universidades de Vigo e de Santiago, con outras institucións como a EVEGA, FEUGA e a Diputación de Pontevedra, xunto con adegas como Viña Costeira, Matorromera e a Hacienda Monasterio, e tamén coa empresa Monet de servizos tecnolóxicos a viticultura. O obxectivo desta colaboración é desenvolver algoritmos e aplicacións que se poidan utilizar nos móbiles para axudar os viticultores a mellora-la eficacia e rebaixar os custos económicos e para o medio ambiente, dos tratamentos contra algunhas das pragas que causan máis estragos nos viñedos das DO galegas e de Castilla-León. -En liñas xerais, como está a saúde dos solos dos viñedos galegos? Hai de todo, dende solos que están moi ben dende o punto da súa capacidade para seguir abastecendo as viñas do que precisan para seguir producindo moitos anos colleitas abundantes e de calidade, ata outros que teñen máis problemas como non podía ser doutro xeito nunha zona como Galicia, tan diversa en moitos aspectos e tamén no que toca á saúde do solo.
“Os solos das viñas galegas non andan mal de saúde”
Pero en liñas xerais podemos dicir que os solos das viñas galegas non andan mal de saúde, xa que se non fose así non seguirían dando colleitas ano tras ano, inda que se nos paramos un pouco máis, tamén poderíamos engadir que a súa saúde é razoable para a idade que teñen e aí xa habería que diferenciar ou facer unha primeira distinción entre os solos das zonas vitícolas da costa, que nos máis dos casos levan pouco tempo con viñas e os solos dos viñedos do interior de Galicia, que en moitos casos levan con viñas dende hai moitos séculos. Uns e outros presentan un estado de saúde razoable (senón non habería vendimas), pero tamén teñen os seus achaques, que serán diferentes dependendo do tempo que leven proporcionándolle ás cepas o que os solos teñen que darlle: soporte para que se afinquen as súas raíces e a auga e os nutrientes que as viñas precisan para medrar e que se logre a colleita. Ademáis deses problemas xenéricos, os solos dos nosos viñedos tamén poden ter tamén outros problemas concretos, que nalgúns casos son comúns a todos eles e que outras veces afectan únicamente aos solos dunha zona concreta ou a algunha viña en particular. As mais das veces eses problemas non son de gravidade e teñen solución a un custo razoable ...... se temos un pouco de paciencia. -Cales son os parámetros máis relevantes para avaliar o bo estado do solo nun viñedo? Os máis relevantes son os que afectan Ao subministro de auga e nutrientes que poden ser de moi distintos tipos, aínda que poucas veces teñen moita gravidade: secas, acidez do solo, contido en materia orgánica excesivo (na costa ou nas novas plantacións nos terreos a monte ao amparo das políticas de reestruturación) ou moi pobre (viñas tradicionais das DO do interior), desequilibrios entre os nutrientes máis importantes (calcio, magnesio e potasio), carencias porque algún nutriente non é quen de atender toda a demanda das videiras de forma puntual ou durante máis tempo, algunha toxicidade por exceso de certos metais e pouca cousa máis. O mellor para facerse unha idea cabal do estado do solo é mirar ben as vides: ver como van medrando, se o fan no seu tempo ou van atrasadas, se presentan síntomas de carencias (manchas amarelas ou doutros colores nas follas ou acios que secan e murchan), en que momento aparecen os síntomas e por onde empezan a verse (nas follas novas ou nas vellas), onde aparecen nas follas (nas beiras, na punta, entre as nervaduras, etc.) e cara a onde avanzan (dentro das follas), etc. Se anotamos todos eses síntomas ou lles facemos unhas fotos agora que todo o mundo ten un móbil, poderemos comezar a facer un diagnóstico como fan os médicos. Hoxe en internet hai moitas páxinas que se poden empregar como referencia para facerse unha idea de que nutriente pode ser o que falta ou sobra, pero como no caso dos médicos o mellor é acudir aos que saben, que normalmente para confirmar o diagnóstico van aconsellarnos que mandemos a analizar os solos e as follas (por exemplo aos laboratorios da Estación Fitopatolóxica de Lourizán), que en pouco tempo nos dará os resultados para completar o diagnóstico e unha recomendación de fertilización e/ou un diagnóstico dos problemas que poida haber.
“Para coñecer como está o solo dun viñedo hai que analizar o solo pero tamén as follas das videiras”
Compre combinar os dous tipos de análises (solos uns 20 € e follas uns 40 € en Lourizán), porque para saber como están algúns nutrientes non valen as análises de solos e son mellores as análises foliares e ao revés. Con esa información completaremos o diagnóstico da saúde do solo das nosas viñas e teremos identificados os problemas se os houbese, para buscarlles remedio deseñando un programa de fertilización a medida das necesidades das nosas viñas. O aconsellable é facer esas análises cada 3 ou 4 anos ou. de ser o caso, se vemos que un ano os síntomas de carencias abondan. Se comparamos co que se gasta nos tratamentos contra os fungos, vemos que son poucos cartos e aínda poderiamos engadir que compensa, porque moitas veces os problemas no solo son porque nos pasamos con algún tipo concreto de fertilizante, que poderíamos aforrar reducindo as doses para que non xurdan desequilibrios cos outros nutrientes que están na orixe de moitos problemas. -Como podemos axudar mediante o manexo da viña a que un solo sexa máis resistente á seca? Unha das formas máis sinxelas de mellorala resistencia as secas é espallando palla para que actúe como un acolchado que ademáis do seu efecto físico conservando a humidade do solo tamén aumenta o contido en materia orgánica, que falta lle fai a moitos dos solos das viñas do interior de Galicia.
“Cubrir o solo das viñas con palla ou con cubertas vexetais é unha boa técnica para reducir os efectos da seca e mellorar a estructura do solo”
Esta práctica cada vez é máis común na Ribeira Sacra onde levan xa moitos anos espallando palla nas viñas con bos resultados. Os efectos do acolchado con palla son de varios tipos: a palla vaise transformando en materia orgánica, que axuda a aumentar a capacidade dos solos para reservar auga, pero tamén limita a evaporación da auga dende o solo, como temos comprobado moitas veces cando medimos a humidade do solo a distintas profundidades, con resultados espectaculares e que chamaban a atención dos adegueiros que se adiantaron a utilizar este recurso xa hai moitos anos. Tamén están as cubertas vexetais, que teñen algunha pega (consumen auga, sobre todo se non se axustan os cortes ao paso do tempo) pero tamén vantaxes (dan sombra e limitan algo a evaporación) que hai que considerar con calma en cada caso. E algo parecido podemos dicir de reducir os pases de labor: cavando airéase o solo e arríncanse as malas herbas, pero tamén aumenta a porosidade da capa superficial do solo e a aireación, co que escapa a humidade. -E a que mellore a produción e calidade da uva sen penalizar o seu equilibrio biolóxico? Para esa mellora a chave é -como case sempre no caso dos solos galegos- unha xestión axeitada da materia orgánica, imprescindible para limitar os efectos dos excesos de acidez, aumentar as reservas de auga do solo ou o volume de nutrientes importantes a disposición das plantas a curto e medio prazo, pero tamén para limitar os problemas de toxicidade ocasionados por metais como o cobre ou o aluminio. Esa materia orgánica tamén é a que sustenta a numerosas comunidades de organismos de moi diversos tipos, que participan activamente en diferentes momentos e etapas da súa reciclaxe e tamén, que ese organismos, esa vida do solo, pasan tamén a ser materia orgánica cando morren. Os problemas coa materia orgánica poden ser por pasarse (máis frecuentes na costa, nas novas viñas plantadas en terras a monte co gallo das axudas a reestruturación ou nas viñas das veigas) porque os excesos de materia orgánica poden disparar o vigor, que retrasa e empeora a maduración ou porque chegue para atender as necesidades da viña, como pasa en moitas viñas do interior, onde os solos son pobres en materia orgánica e non poden contar co seu efecto protector fronte á acidez, á pobreza en nutrientes, etc.
“A fertilización debe ser axeitada e proporcionada ás características do solo das nosas viñas e da colleita que vendimamos”
O segundo aspecto a considerar é a fertilización: as vendimas exportan nutrientes tódolos anos que tamén escapan da viña ao podar e coas follas que caen. Se sacamos sen repoñer chegará un momento en que non quedarán reservas e aínda que as vides non precisan moitos nutrientes, iso dependerá da colleita: unha vendima de 18.000 kg/ha exporta tres veces máis que unha de 6.500 kg e que cada un bote a súas contas. Unha fertilización axeitada e proporcionada ás características do solo das nosas viñas e da colleita que vendimamos, é o mellor camiño (e o máis barato) para conseguir un compromiso axeitado entre produción e calidade. -Como inflúen os tratamentos a base de cobre no solo? Son unha ameza para a fertilidade dalgunhas zonas vitícolas neste momento? Tense dito que os éxitos que dun tempo para aquí están conseguindo os viños ecolóxicos, biodinámicos, etc, en moitas catas e concursos internacionais, terían como posible explicación, que o cambio a este tipo de prácticas non convencionais, permitiron recuperar a vida dos solos dunhas viñas que levaban século e medio arrasadas polos tratamentos contras as pragas. Sabemos que os solos dos viñedos están entre os que teñen menos actividade biolóxica e que os tratamentos que levan cobre, aumentan a acidez do solo e fan que cambien os tipos de organismos que hai neses solos.
“Os tratamentos que levan cobre, aumentan a acidez do solo e fan que cambien os tipos de organismos que hai neses solos”
Hoxe a cantidade de cobre que levan produtos activos que se empregan nos tratamentos é cada vez e máis baixa e o limite máximo autorizado é moi baixo e a marxe de seguridade moi grande, polo que podemos estar bastante confiados en que non teñen efectos sobre a fertilidade do solo, como veñen demostrando dende hai algún tempo os traballos dalgúns dos nosos compañeiros que son de referencia neste eido. -E no caso dos herbicidas? É un tema complexo e eu non me atrevo a ser moi concluínte porque non teño unha opinión formada sobre o tema, inda que nas viaxes e congresos vese que en moitas das zonas vitícolas de gran sona e tradición, hai unha tendencia a prescindir dos herbicidas, a plantar herba ou a deixar que medre a vexetación natural. Nas publicacións e tratados de viticultura tamén hai diversidade de opinións porque como pasa moitas veces o emprego de herbicidas ten vantaxes e inconvenientes que son sabidos e non imos debullar agora, entre outras razóns porque non sempre pesan o mesmo: alí onde chove moito manter a herba é mais doado e compite menos coas cepas, ás que pode favorecer porque limitan o vigor, pero nas zonas máis secas do interior xa son outros os factores que hai que valorar. En moitas zonas vitícolas de tradición e nas explotacións máis pequenas , tamén hai que contar cun compoñente sociolóxico que pode ser de peso: se non limpamos a viña........ podemos pasar por lacazáns, e ao fin e ao cabo, dar unha man de herbicida non costa tanto e hai que ver que lucida queda a viña, pero....non cabe dúbida de que as limitacións para que non se usen van seguir medrando e co tempo vanse prohibir. -Cales son os principais erros que detectas no manexo do solo nos viñedos en Galicia? Que recomendarías para mellorar a súa fertilidade? Para min o erro é que por moito que o digan e inda que no sector son moitos o que o din, non terminamos de convencernos de que a calidade do viño faise na viña. E a min no me deixa de chamar a atención, porque o sector vitivinícola galego pódese dicir que está a última no que toca a tecnoloxía enolóxica, que deu un salto de xigante dende hai uns corenta anos e foi capaz de situarse na vangarda da enoloxía. Pero é un sector que coxea, porque ten a outra perna (a viticultura) moito máis curta, e coxeando é difícil competir nesa primeira división onde debería estar o sector vitivinícola galego. Hoxe non se concibe unha adega sen enólogo e é normal, ao fin e ao cabo o que se vende é o viño e ten que saír ben, pero ..... unha boa parte desa calidade e do volume da colleita depende dunha fertilización axeitada ças necesidades de cada viña.
“O sector vitivinícola galego avanzou moito en enoloxía pero coxea en viticultura”
Os motivos son moitos e moi diferentes e pode que as universidades galegas que a estas alturas aínda non foron quen de artellar uns estudos superiores en Viticultura e Enoloxía teñan parte da culpa, pero non é o único nin moito menos. Moitos viticultores inda que pasan moitas horas traballando nas súas viñas non saben que as variacións da produción e da calidade das súas vendimas, non son cousa únicamente das variacións do clima ou da intensidade con que resulten afectadas polas pragas e doenzas e non reparan en comprar fitosanitarios para dar tratamentos, gastando moito diñeiro que estaría mellor invertido en pagar unhas análises, para aforrar ou equilibrar o aporte de fertilizantes. Deberiamos mirar máis para as plantas e aprender como van medrando e a recoñecer os síntomas dos problemas, porque se non aprendemos a recoñecer os problemas non lles buscaremos remedio. -Á hora de engadir abonos, que recomendarías? Cales consideras que contribúen a mellorar máis a estructura do solo? Comezarei pola segunda parte da pregunta: para mellorar a estructura do solo non hai cousa como a materia orgánica: esterco, composta, palla, toxo, gabiar....etc, é o mellor. Tamén podemos mellorar a estructura do solo encalando, pero coidado, non se debe engadir materia orgánica e encalar no mesmo ano: se encalamos deixaremos para os anos seguintes a aportación das materias orgánicas.
“Para mellorar a estructura do solo non hai nada como a materia orgánica”
No que toca aos fertilizantes químicos, inorgánicos ou como se queiran chamar, o máis importante é o balance entre os niveis de calcio, magnesio e potasio, que son nutrientes que inflúen de moitas maneiras na calidade do viño e dos mostos, así como na marcha da fermentación. Porén, interfiren uns cos outros para entrar nas raíces e tamén en moitos dos procesos que teñen lugar nas follas e nos acios. Coñecemos bastante ben en que proporcións deben aparecer nos solos ou nas follas, pero como as cantidades en que aparecen nos solos galegos e as proporcións entre eles son moi variables, o mellor é non fiarse de receitas xerais ou da internet e acudir ao especialista, que pedirá unhas análises e receitará o abono máis aconsellable para cada caso concreto. Ás veces poden faltar outros nutrientes pero é moi raro e tamén neses casos o mellor é non facer nada ata que teñamos as análises, porque pode que empeoremos a cousa en vez de mellorala e tiremos o diñeiro que estaría mellor investido noutra cousa. Existe relación entre enfermidades fúnxicas e da madeira e o coidado do solo en  viñedo? Non son especialista nas pragas e doenzas da vide (no noso mundo tendemos a especializarnos en temas concretos e o mellor é non meterse no que non sabemos) pero é sabido que as enfermidades fúnxicas e da madeira atacan máis cando aumenta a humidade do aire e tamén do solo, polo que cómpre non pasarse coa rega no caso de que a teñamos instalada. Nun tempo falouse bastante dos solos supresivos, que polo visto eran aqueles que evitaban ou limitaban a proliferación e os ataques dos microorganismos responsables dalgunhas pragas. Sen chegar a eses extremos penso que se pode admitir que un solo saudable, cun contido axeitado de materia orgánica e sen problemas de desequilibrios ou carencias entre os nutrientes, estará mellor preparado para defenderse ou resistir os ataques dos organismos que provocan as enfermidades criptogámicas ou da madeira.
 “Cando se fai unha nova plantación en terreo de monte é moi importante o encalado”
-No caso de realizar novas plantacións de viñedo en terreos a matogueira e ou forestados, que recomendacións darías para mellorar a fertilidade do solo? Neses casos a clave é facer un abonado de fondo e concretamente encalar no momento en que preparamos o solo antes de plantar. As máis das veces chega con encalar pero hai quen di que tamén se pode aproveitar para engadir os fosfatos. Eu non son moi partidario de engadir fósforo co abonado de fondo, porque é un nutriente que ten un comportamento moi complexo no solo e porque case non hai referencias a viñas con problemas por falta de fósforo. Pero co encalado é outra cousa: neses casos o encalado é moi necesario e hai que aplicarse para facelo ben, porque neses solos o contido en materia orgánica é excesivo case sempre e o encalado favorece a súa mineralización para que baixe a niveis máis normais e non se dispare o vigor para cando as viñas entren en produción. Hai que mesturar ben as calizas por todo o volume do solo e calcular ben as doses que se engaden, partindo dos resultados dunha análise de solo completa que teña en conta (enviando a analizar por separado) as diferencias entre os contidos en nutrientes da capa superficial do solo (os 25 cm superficiais) e o solo que hai máis abaixo (ata 75 cm). As análises tamén servirán para decidir o tipo (calizas normais ou magnesianas) e as doses, porque non hai que pasarse, xa que se encalamos de máis produce un efecto rebote que compre evitar, porque as variacións bruscas nos niveis de acidez afectan moito á actividade biolóxica e á saúde do solo. -Es coñecedor do sector vitícola en moitas rexións do mundo. Como estamos respecto a eles no manexo do solo? Cales serían as principais ensinanzas que poderíamos aplicar aquí? Para min estamos en cabeza en Enoloxía e máis atrasados no que toca a Viticultura, sobre todo cando nos comparamos con países do novo mundo vitícola (Australia, California, Chile, Arxentina, etc) que levan moito tempo aplicando os avances que van chegando nese eido, pera conciliar altas producións e calidade. -Como consideras que as novas tecnoloxías e a chamada viticultura de precisión vai mellorar o coidado do solo nos viñedos? Fun un dos primeiros en traballar en Galicia e en España nese eido aló polo ano 2008 porque pensaba que tiñan futuro na nosa terra, pero probablemente aínda era moi cedo porque chegou a crise e as prioridades mudaron. Tamén había poucas viñas de tamaño grande que son as que teñen mais potencial para aplicar estas tecnoloxías, pero estou bastante seguro de que, andando o tempo, as explotacións e as adegas que queiran ser competitivas terán que ir por ese camiño.
“Co cambio climático, dentro de 25 anos o mapa das zonas vitícolas galegas terá pouco que ver co que hoxe coñecemos”
-Algo máis que queiras engadir? Insistir na importancia do cambio climático que trae moitos desafíos para a viticultura (pensade que as viñas que hoxe plantamos estarán producindo dentro de 20 ou 30 anos, nunhas condicións que van ser moi diferente das que hoxe temos), pero tamén oportunidades porque plantaremos viñas en moitos lugares (O Valadouro, por exemplo onde desapareceron hai 3 séculos) nos que hoxe non se dan. Estou convencido de que dentro de 25 anos cando as viñas que plantamos agora sigan producindo, o mapa das zonas vitícolas galegas terá pouco que ver co que hoxe coñecemos.

“Combater o despoboamento rural é unha das formas máis eficientes para frear o cambio climático”

O último informe sobre o uso da terra e o cambio climático elaborado polo Panel Intergobernamental de Expertos en Cambio Climático (IPCC) da ONU fixouse no uso que se fai dos chans. Nesta análise, púxose a vista en sectores como a agricultura e gandaría e a súa contribución ao cambio climático. Abordamos as claves do informe coa investigadora española Marta Rivera Ferre, unha dos 103 científicos de 52 países que participaron neste estudo. - Os gandeiros viron neste informe un ataque directo contra o seu medio de vida e resúltalles complicado comprender que se incida na súa culpabilidade no quecemento global, cando hai outros sectores moito máis contaminantes como a industria, o transporte ou a vivenda sobre os que non hai tanto balbordo mediático. Como se entende? - Este non é o informe global que se elabora cada 6 ou 7 anos sobre o impacto da actividade humana e de todos os sectores. Este estudo centrouse na análise do chan e as actividades vinculadas a el, así como en seguridade alimentaria, por iso a agricultura e a gandaría teñen un peso importante xa que usan maioritariamente o chan. - Fronte ás industrias e aos carburantes fósiles, é realmente significativa a contaminación da agricultura e a gandaría? - Entre o 21 e o 37% das emisións de efecto invernadoiro están vinculadas aos sistemas alimentarios, delas o 23% pertencen á agricultura, a gandaría e o cambio de usos do chan destinados a fins agrarios. Para facernos unha idea, o 3,8% das emisións de gases de efecto invernadoiro en forma de CO2 por deforestación están relacionados a cambios do chan relacionados co cultivo de soia, para produción de forraxes; e palma de aceite, como biocombustible. É unha porcentaxe bastante alto só para dous cultivos a nivel mundial. Hai que pensar que países como Indonesia, debido precisamente á deforestación para a produción de palma de aceite, situouse no terceiro posto de emisión de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial durante moitos anos, a pesar de que non é un país industrializado.
“Hai marxe para volver a modelos máis tradicionais de produción agrícola e gandeira que capturen carbono”
Pero, isto dinos tamén que hai marxe para facer axustes que permitan un cambio destes sistemas alimentarios para volver a eses modelos máis tradicionais que permitían capturar carbono máis que ser eles emisores. -Hai quen ven na agricultura e a gandaría a clave para combater a desertización que xa se está facendo notar ou previr os incendios forestais, así como para fixar poboación no rural que valoración ten respecto diso? - Aínda que poida parecer que non está relacionado, combater o despoboamento rural é unha das formas máis eficientes de loitar contra o cambio climático. Conseguir que a xente poida vivir da agricultura con prácticas agrarias sustentables axuda en gran medida a frear a contaminación. -Que accións debe contemplar o sector agro gandeiro para contribuír á redución das emisións? Unha das cousas que se expoñen no informe é que se necesitan prácticas agrarias sustentables, aquelas que están vinculadas á agroecología e aos saberes tradicionais. No informe recóllese que estas prácticas tradicionais achegan unha serie de estratexias que favorecen a mitigación do cambio climático. Estas prácticas están baseadas na conservación e o incremento da materia orgánica do chan, xa que iso implica capturar carbono da atmosfera. Prácticas como a rotación de cultivos ou o acolchado do chan permiten manexar os chans dunha forma sustentable na que se mantén a fertilidade dos chans e redúcese a erosión á vez que se incrementa a produtividade.
“As administracións terían que fomentar a gandaría extensiva que permite obter proteína de calidade e xestionar o territorio”
-Que sistema de manexo emite máis gases contaminantes: as grandes granxas con gando estabulado e alimentado con cereais ou as pequenas e medianas granxas que producen as súas propias forraxes e que realizan pastoreo? - Hai varios temas a ter en conta á hora de analizar o peso da cabana gandeira xa que a gandaría é moi diversa. No caso da gandaría asociada a rumiantes, os distintos modelo de produción que existen (extensiva e intensiva) contribúen de forma diferente ao cambio climático. Precisamente a contribución ao cambio climático pode vir polas emisións de CO2, óxido nitroso e o metano. A gandaría industrial contribúe fundamentalmente a través do CO2 e do óxido nitroso, mentres que, a gandaría extensiva céntrase no metano. Cada un destes gases compórtase de diferente maneira con respecto ao cambio climático polo que a contribución dun tipo de gandaría ou outra é diferente. Así, o CO2 é un gas de efecto inverno de longa duración que está durante centos de anos na atmosfera, do mesmo xeito que o óxido nitroso, mentres que o metano está só 10 anos. Pero tamén hai que ter en conta que o potencial do quecemento global do metano é 28 veces maior que o do CO2, do mesmo xeito que o óxido nitroso onde unha unidade quenta case 300 veces máis que o CO2. Así é que, a contribución de cada tipo de gandaría é aínda un tema que debe ser tratado de forma diferencial. No informe figura que a gandaría extensiva ten unha contribución máis aló da provisión de proteína animal senón que, ademais, teñen unha serie de servizos ecosistémicos xa que é o medio de vida de millóns de persoas no mundo, polo que na ecuación hai que ter en conta diferentes factores. -A redución da cabana gandeira pode contribuír a aliviar o problema do cambio climático? - A cabana gandeira é a día de hoxe moi elevada. Realmente o número de animais a nivel mundial medrou de forma alarmante, sobre todo no que a pito e porco se refire, xa que o 77% da carne que se consome a nivel mundial é deste tipo mentres que o 22% é de vacún. Nós en España tiñamos unha importante cabana gandeira de ovino e caprino que permitía utilizar recursos marxinais en territorios onde é imposible cultivar, o que supón unha ganancia tanto para o ecosistema como para a produción de alimento para o ser humano. Con todo, esta gandaría foise reducindo, motivada por factores como o estancamento dos prezos, fronte a outros sistemas máis intensivos. Pero, baixo o meu punto de vista, esta gandaría extensiva é a que habería que fomentar dende a administración pública xa que é a que permite obter unha proteína de boa calidade, á vez que está realmente xestionando o territorio e contribuíndo á redución de incendios, ademais de manter unha xenética animal vinculada ao territorio, mediante as razas autóctonas. - Dentro do sector gandeiro, hai diferenzas entre os niveis de emisións da cabana de vacún comparada co porcino e a avicultura cuxa produción é principalmente intensiva e con alimentación importada? - A principal diferenza é que as emisións do vacún son en forma de metano mentres que o pito e o porco é de óxido nitroso. É certo que o volume de emisións é importante pero, ao final, o realmente importante é saber que obxectivo e necesidade ten unha sociedade concreta. Así, á hora de medir as emisións de gases de efecto invernadoiro mídense en base a unha metodoloxía chamada análise de ciclo de vida, na que se analizan todos os factores, desde as emisións indirectas, derivadas da fabricación de pensos, ás directas procedentes dos animais. Estas medicións poden ofrecerse como kg/CO2 por quilo de carne ou litro de leite producido, o que sempre beneficia á gandaría intensiva, xa que hai menos emisións por quilogramo de carne ou leite producido, dado que é unha gandaría máis produtiva. Mentres, a gandaría extensiva vese beneficiada polas métricas que valoran o uso de recursos. Así, é moi importante coñecer a necesidade real que teñen as sociedades para valorar o efecto que ten a gandaría.
“Reducir as emisións é un tema moi importante pero tamén se deben ter en conta as necesidades da sociedade”
No caso de España, temos un exceso de produción de proteína animal, non temos que centrarnos nun enfoque baseado na produción e na produtividade e temos un problema de deficiencia nos nosos ecosistemas co que debésemos de utilizar un sistema de medición que valorase a calidade dos nosos ecosistemas. Non pode utilizarse para todos o mesmo sistema á hora de medir as emisións, xa que hai países cunha inseguridade alimentaria, derivada dunha deficiencia de proteína, con sistemas cunha baixa produtividade, onde é recomendable fixarse nas emisións por proteína producida. Reducir as emisións é un tema moi importante pero tamén se deben ter en conta as necesidades da sociedade. A nivel global o consumo de proteína animal crece dunha forma alarmante xa que se todos os países do mundo consumísemos o que en Europa non teriamos planeta suficiente para abastecer esta demanda. Por iso, é necesario que aqueles países nos que se consome moita proteína animal redúzase, con todo, noutros territorios é preciso incrementala. -No caso do metano emitido polos rumiantes (vacas, ovellas, cabras) varias investigacións conclúen que o seu efecto contaminante é moito menor do que se propaga, xa que o metano eructado polos rumiantes permanece na atmosfera durante 10 anos antes de converterse en CO2 e ser absorbido de novo polas plantas, como millo forrajero ou pradarías, que se cultivan para alimentar o gando, establecendo un ciclo continuo de equilibrio. Que opina respecto diso? - Isto non se tivo en conta neste informe, xa que é aínda bastante recente e supoño que se incluirá no próximo. Estas investigacións o que veñen dicir é que, se reducísemos a cero -aínda que iso sexa inviable- as emisións gandeiras de rumiantes tería un efecto inmediato na redución da temperatura, xa que o metano é un gas cun potencial de quecemento alto. Pero, non sería un efecto que se mantería no tempo porque unha parte importante dos efectos que estamos a sentir agora derívanse dos gases acumulados de CO2 e óxido nitroso, que duran centos de anos. Así, aínda que se consiga un equilibrio en canto ao metano, non deixa de ser un achegue de metano que suma nunha atmosfera que xa está saturada de gases de efecto invernadoiro, derivados das combustións fósiles. -Desde o sector ven que este tipo de informacións están a xerar un rexeitamento na opinión pública cara ao consumo de carne, exponse un cambio no consumo, abonda cun consumo máis responsable ou é preciso reducir a inxesta de proteína? -Persoalmente creo que é preciso reducir o consumo de carne por moitos motivos, tal como se recolle no informe, non só por motivos ambientais senón tamén relacionados coa saúde. Nós en España estamos ao redor dos 42 quilos de carne por persoa ao ano, e aínda que se está producindo unha redución continuada do consumo de carne, a Organización Mundial da Saúde recomenda unha inxesta de arredor aos 26 quilos por persoa ao ano, polo que aínda hai marxe para reducir. Tamén é certo que, o informe conclúe que a dieta máis eficiente en equilibrar a emisión de gases de efecto invernadoiro, atendendo tamén á saúde, non é unha dieta só vexetariana, senón que recomenda unha dieta equilibrada na que hai un consumo moderado de carne.  

Xornada sobre o uso sostible de produtos fitosanitarios na viña

O Servizo de Explotacións Agrarias organiza unha xornada técnica sobre o uso sustentable de produtos fitosanitarios na viña. O obxectivo da sesión é amosar a problemática dun uso irracional destes produtos empregados na viticultura e das consecuencias que teñen tanto para o medio como para a elaboración do viño. A xornada celébrase o próximo día 21 de novembro no Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra. A actividade está dirixida ás persoas que desenvolven o seu traballo no sector vitivinícola. Nela abordaranse temas como o uso do sulfato de cobre, a presenza de residuos fitosanitarios no viño ou o desenvolvemento de aplicacións orientadas a facilitar información sobre estes tratamentos no viñedo. A inscrición é obrigatoria e gratuíta mediante a solicitude que poderá descargarse neste enlace e que deberá enviarse á dirección de correo electrónico: explotacionsagrarias.cmr.pontevedra@xunta.gal. Os interesados poden solicitar máis información no teléfono 886 206 586 e consultar aquí o cartel da xornada. Detallamos o programa da xornada: 9.00 horas. Rexistro de asistencia. 9.30 horas. Acto de apertura. 9.45 horas. Antecedentes e evolución do emprego de fitosanitarios nos viñedos: desenvolvemento agrícola vs. contaminación ambiental. Raquel Chaves, doutora en Medio Ambiente e Recursos Naturais pola Universidade de Santiago de Compostela. 10.45 horas. O uso do cobre nos viñedos: potenciais perigos e a súa relación co manexo do solo. David Fernández, departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo. 11.30 horas. Regulamentos 1107/2009. Aprobación de materias activas na Unión Europea. José Luis Alonso, director da Unidade de Produtos Fitosanitarios. INIA. 12.15 horas. Descanso – café. 12.45 horas. Influencia de formulacións comerciais na composición aromática dos viños. Beatriz Cancho do departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo. 13.30 horas. Residuos de fitosanitarios en viños e solos de viñedos. Estudo analítico. Isaac Rodríguez, departamento de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela. 14.15 horas. Fin da xornada da mañá. 16.00 horas. Exposición laboral durante a realización de actividades en viñas tratadas con produtos fitosanitarios. Francisco Días do Centro Nacional de Medios de Protección (Cnmp). INSST. 16.45 horas. AppFitovit. Proxecto piloto de desenvolvemento dunha App para o servizo de información fitosanitaria do viñedo galego. Juan Carlos Vázquez da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Agacal – Evega). 17.30 horas. Clausura da xornada.