Archives

Ágata Tubio: “A saúde da planta empeza por ter un solo supresivo”

Ágata Tubío, Técnica de Produción Vexetal de Arvum (Delagro)

Os solos supresivos de patóxenos identificáronse en todo o mundo durante case 60 anos e atribúense principalmente a microorganismos supresivos ou antagonistas. O seu estudo remóntase aos anos 70, cando os profesores Baker e Cook definíronos como “aqueles chans nos que a incidencia ou severidade dunha enfermidade segue sendo baixa, a pesar de que exista a presenza dun patóxeno, o hospedeiro susceptible e as condicións ambientais que favorecen a súa infección e posterior desenvolvemento da enfermidade”.

Ágata Tubío, Técnica de Produción Vexetal de Arvum (Delagro) explícanos que “a investigación sobre chans supresivos tentou comprender como os microorganismos poden reducir as enfermidades, mesmo en presenza de patóxenos. Os avances recentes no estudo de microorganismos proporcionaron novas ferramentas para reexaminar e caracterizar aínda máis a natureza destes solos”.

A produtividade dos solos viuse afectada negativamente debido a prácticas convencionais de agricultura que se basean en monocultivos e o uso de fertilizantes químicos convencionais que crean solos conductivos, onde a presenza de enfermidades é importante. Por este motivo, é necesario un cambio nas prácticas tradicionais que se centran na fertilización química con produto de baixo valor engadido ou dubidosa calidade. A saúde das plantas empeza no chan e canto mellor se traballe este, maior probabilidade de ter menos enfermidades”, continúa Ágata.

Os solos supresivos teñen a capacidade e reducir o desenvolvemento de patóxenos que afecten negativamente ao desenvolvemento da planta

Un solo supresivo é aquel que ten a capacidade natural de reprimir o desenvolvemento de patóxenos que causan enfermidades nas plantas. Esta capacidade débese á presenza dunha comunidade microbiana diversa e equilibrada, que actúa como unha barreira natural contra as pragas e enfermidades.

Entre os beneficios da supresividade podemos destacar a redución do uso de fitosanitarios, melloramos a saúde das plantas e a súa produtividade ao mesmo que tempo que inducimos aos cultivos a aumentar a súa resiliencia en termos de estrés ambiental, moi en relación co cambio climático.

Tubío explícanos que “a supresividade dun solo fronte a patóxenos desenvólvese gradualmente ao longo do tempo. A rapidez coa que se manifesta esta supresividade está influenciada por factores ambientais e prácticas agrícolas, sendo a adición de materia orgánica unha medida clave. En Delagro levamos tempo traballando en potencia esta liña de traballo, xa que a saúde das plantas empeza por onde comen, no chan e polas raíces”.

De cara a mellorar a supresividade dos solos é fundamental contar cun bo asesoramento. Contar cunha estratexia de manexo que axude ao agricultor a realizar unha óptima xestión do solo é clave para conseguir bos resultados.

Os solos supresivos son unha ferramenta poderosa para promover unha agricultura máis sustentable. Ao coidar o solo e fomentar a supresividade, podemos lograr mellorar a produtividade dos nosos cultivos, o que se traduce nunha mellora da rendibilidade para o agricultor ou gandeiro.

Se desexas saber máis sobre como xestionar os solos ou realizar estratexias de supresión de solos, podes porte en contacto con Delagro:

981 519 920
info@arvum.org

Magnesio e corrección de pH no cultivo da vide

Chega o momento de comezar cos traballos de mantemento do solo no cultivo de viñedo, para os que o encalado vén sendo unha tarefa imprescindible nas nosas superficies, dadas as xa coñecidas condicións de pH baixo e altas concentracións de aluminio tóxico.

No proceso de encalado, xogan un papel moi importante os aportes que podamos realizar de calcio como elemento, pero na mesma medida de magnesio, xa que, nas condicións normais dos nosos solos, este é un elemento que, malia ser esencial como veremos, está pouco presente e asimilable para as plantas.

Os aportes de magnesio que podamos realizar no proceso de encalado serán os que cubran as necesidades do cultivo da vide durante o período produtivo.

Debemos lembrar que o magnesio forma parte da clorofila, actuando consecuentemente na actividade fotosintética da planta, propoñéndose como esencial para o metabolismo dos glícidos, e como vehículo do fósforo, aumentando a súa asimilación. O magnesio actúa na formación das graxas, proteínas e vitaminas. Axuda ao mantemento, xunto co potasio, da turxescencia das células.

Con niveles de pH inferiores a 5, pódense detectar carencias de magnesio, o que produce unha debilitación xeral da cepa, redución do nacemento de pámpanos, lento desenvolvemento do tronco e limitación do crecemento radicular, así como a redución na frutificación.

Neste sentido, Calfensa pon á vosa disposición a Caliza Magnesiana, produto cun 20% de óxido de magnesio, moi soluble e rapidamente asimilable pola planta, capaz de cubrir as necesidades que deste elemento poda ter. Calfensa tamén ten a Caliza Magnesiana de sempre pero Granulada, coas mesmas características do produto en po, pero coa comodidade que proporciona o grao.

Outra opción é o carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, que é un produto xa moi empregado e coñecido.

Máis información

Beneficios do encalado en solos ácidos

As condicións xeolóxicas e climáticas habituais en Galicia deparan solos ácidos nos que as plantas adoitan ter a disposición grandes concentracións de aluminio e manganeso, que en porcentaxes altos repercuten nun pobre desenvolvemento das plantas.

A acidez do solo limita ademais a dispoñibilidade dos nutrientes principais, nitróxeno, fósforo e potasio. Así as cousas, o encalado aportaralle ós cultivos importantes beneficios:

• Bloquea parte dos ións de aluminio, ferro e manganeso, que poden estar en concentracións prexudiciais para os cultivos.

• Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos.

• No caso de que estea presente no solo, aumenta a accesibilidade do Molidbeno (Mo), un elemento fundamental.

• Mellora a estrutura do solo. Estabiliza os humatos e aporta calcio.

• Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e mineralización da materia orgánica.

• Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular do cultivo, aumentando a superficie explorada polas raíces, sendo capaces de recoller mellor a auga e os nutrientes.

Xornada sobre fertilización sustentable e estado nutricional dos solos vitícolas galegos

Viña Costeira, Cooperativa Vitivinícola Arousá, Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (AGACAL-EVEGA) e Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do grupo de Proxectos e Planificación, integran o proxecto piloto Viñ@SoStible. Esta iniciativa exporá os traballos levados a cabo ata o momento nun acto que terá lugar no Pazo de Toubes o 23 de novembro ás 10:00 horas. Para asistir é necesario facer previa inscrición, xa que conta con 60 prazas. O proxecto xurdiu en 2021 co obxectivo de valorar a viabilidade de obtención de viños de calidade altamente sustentables en base ao emprego de subprodutos vitivinícolas como mellorantes da fertilidade do chan. Traballaron con dous coprodutos susceptibles de valorizar, como son os restos de madeira procedentes da poda da vide e o bagazo resultante dos procesos enolóxicos. Así mesmo, abordarán o proxecto Fertisos no que se atopa a EVEGA. Esta iniciativa naceu 2022 coa finalidade de deseñar un novo programa de fertilización orgánica sustentable para cultivos de secaño e regadío mediante o emprego de diferentes tipos de xurro procedentes de explotacións gandeiras. O evento contará cos relatorios dos catro integrantes, aos que se suma a colaboración da Fundación Empresa Universidade de Galicia. Ademais, haberá unha relatora invitada que profundará sobre os retos da fertilización dos viñedos galegos. O proxecto dispón dun orzamento total de 187.499 euros e ten subvencionados 149.999 euros. Está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxía no ámbito agroforestal, cofinanciadas nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Xornada no CIAM sobre como mellorar os solos a través da agricultura rexenerativa

Diversos expertos explicarán o vindeiro día 22 no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) como mellorar a vida e a fertilidade dos solos agrícolas con técnicas de agricultura rexenerativa para aumentar as produccións e a rendibilidade. Farano nunha xornada de formación gratuíta organizada polo grupo operativo “Carne de Vacún a Pasto” para afondar nunhas prácticas, as da agricultura rexenerativa, que se están abrindo paso non só na produción ecolóxica senón tamén en convencional. Ademáis, estas prácticas están apoiadas pola Unión Europea na nova PAC para lograr unha agricultura máis sustentable e resiliente.

Programa:

Inscrición na xornada "A vida do solo: aumentar producións e rendibilidade con técnicas rexenerativas"

 

O Campus de Lugo estuda a contaminación dos solos derivada do uso de antibióticos no gando

Investigadores do grupo Unidade Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) pertencentes ao Dpto. de Edafoloxía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC estudan os efectos ambientais que pode provocar a contaminación derivada do uso de antibióticos ionóforos (monesina, narasina, salinomicina e lasalocid) utilizados como anticoccidios, a través dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. “Estes fármacos son moi tóxicos para os humanos e so se usan en veterinaria, chegando a liberarse por feces e ouriños ata un 90% do composto administrado, o cal acaba na fosa dos xurros e chega o solo mediante a aplicación como fertilizantes, podendo acadar posteriormente as augas e cultivos. Do mesmo xeito que sucede cos fármacos empregados en saúde humana que acaban nos lodos de depuradora de aguas residuais e poden incorporarse aos solos a través da aplicación destes residuos, os antibióticos ionóforos usados en produción animal acaban concentrados nos xurros, que logo se empregan en áreas de cultivo”, relata Álvarez. O proxecto ‘Problemas ambientais do uso de antibióticos ionoforos en produción animal: Diagnóstico adsorción-desorción, efectos sobre os microorganismos e control con bioadsorbentes’, conta con máis de 200.000 euros de financiamento do Plan Estatal de Proyectos de Generación del Conocimiento (Ministerio de Ciencia e Innovación) e ten un período de execución de tres anos, segundo indica a coordinadora do grupo de investigación Uxafores e investigadora principal do proxecto, Esperanza Álvarez. O equipo de investigación que está a desenvolver este proxecto está composto, ademais dos dous investigadores principais xa nomeados, polas doutoras María Fernández Sanjurjo, Ana Barreiro Buján, Carolina Nebot, as estudante predoutorais Raquel Cela e Ainoa Míguez e a Técnica de laboratorio María Jesús Vázquez Celeiro. Ademais están colaborando neste proxecto investigadores das Universidades de Granada e Jaén e dúas universidades de Marrocos. O obxectivo deste traballo pasa por facer un diagnóstico sobre a presenza destes contaminantes emerxentes en xurros, solos e cultivo, estudar o seu comportamento no solo (degradación, retención), o efecto sobre os microgroorganismos e propoñer medidas de control para evitar o seu paso a cadea trófica utilizando subproductos da industria forestal (cinzas de combustión de madeira, corteza de piñeiro) e agroalimentaria (cuncha de mexillón) que actúen como bioadsorbentes destes fármacos. “A análise dos efectos ambientais provocados por este tipo de contaminantes emerxentes e dos seus potenciais riscos para a saúde humana e animal xustifica esta investigación”, asegura Álvarez, quen, de seguido, indicou que a primeira fase deste proxecto centrarase na análise de xurros, solos e diferentes cultivos de diferentes comarcas de Galicia de gandería e agricultura intensiva para coñecer o grao de concentración por este tipo de substancias, así como para determinar a capacidade de adsorción e desorción (retención ou liberación) dos solos respecto dos antibióticos ionóforos usados como anticoccidios, así como os efectos negativos sobre a actividade microbiana do solo.

Segunda fase: Estudo de bioadsorbentes como a cinza de madeira, a cortiza de piñeiro ou a cuncha de mexillón

Unha vez recompilados estes datos respecto das propiedades e do comportamento dos solos fronte a este tipo de contaminantes emerxentes, os investigadores implicados neste proxecto do Ministerio de Ciencia e Innovación comprobarán se algúns materiais residuais/subproductos tales como cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro ou cinzas de biomasa, poden actuar como bioadsorbentes e controlar a contaminación derivada dos antibióticos ionóforos. “A elección destes tres bioadsorbentes como potenciais inhibidores ou mitigadores da contaminación relacionada con antibióticos ionóforos apóiase en resultados de experimentación xa realizados con outros antibióticos empregados en saúde humana”, dixo Álvarez, quen salientou o efecto bioadsorbente da cortiza de piñeiro e das cinzas de biomasa. A catedrática do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Esperanza Álvarez sinalou neste senso que, o éxito destes compostos bioadsorbentes naturais fronte aos efectos nocivos dos antibióticos ionóforos, abriría múltiples posibilidades para eliminar este tipo de axentes contaminantes nos seus focos de orixe, tal e como poden ser as plantas de tratamento de lodos de depuradora, fosas de xurro ou tamén engadíndoos ao solo para potenciar a súa capacidade de retelos e evitar que pasan as augas e os cultivos. Esta é unha liña de traballo que o equipo de Edafoloxía da EPSE desenvolve desde hai anos en colaboración cun equipo de investigación da Facultade de Ciencias de Ourense liderado polo catedrático Manuel Arias Estévez, centrada na contaminación por distintos antibióticos usados en medicina humana e veterinaria, da que xa teñen publicados varios artigos e capítulos de libro.

O Grupo Soaga inaugura en Vilanova de Arousa un laboratorio para analizar solos e cultivos

Begoña Palmás e Rafael Gago, no novo laboratorio da empresa en Vilanova de Arousa

Soaga, a empresa galega que fabrica e comercializa a coñecida marca de abonos Fertimón, reafirma a súa aposta por prestar servizos aos seus clientes, agricultores e gandeiros, coa posta en marcha, nas súas instalacións de Vilanova de Arousa (Pontevedra), dun laboratorio de análise de chans e cultivos pioneiro dentro das empresas do sector.

Este laboratorio, dotado con tecnoloxía punteira, permitirá á compañía galega seguir apostando por sacar ao mercado novos produtos tecnolóxicos, avanzando en novas liñas de negocio centradas na agricultura de precisión a través do seu departamento de I+D+i, no que se desenvolven novas solucións de última xeración pensadas para a optimización dos cultivos e o coidado do medio ambiente.

“Este laboratorio é unha mostra do compromiso de Soaga coa innovación e a sustentabilidade”, destaca Rafael Gago Otero, responsable do departamento de Innovación e Desenvolvemento de Produto de Soaga.

Dotado de tecnoloxía de última xeración

Á fronte do novo laboratorio estará Begoña Palmás Ruibal. Esta especialista en Química analítica destaca a dotación con tecnoloxía de última xeración, moitas veces ao alcance unicamente de grandes centros de investigación.

Entre outros medios destacables, Soaga contará cun equipo Kjeldahl, para determinar as diferentes fontes de nitróxeno; cun equipo HPLC, para determinar multirresiduos en cultivos, parámetros nutricionais das ensilaxes forraxeiras, aminoácidos de todo tipo, etc; un espectofotómetro de última xeración, para determinar elementos como fosforo, xofre, boro ou calcio, fundamentais para o desenvolvemento dos cultivos; un equipo NIR, útil para medir distintos parámetros en cereais e forraxes, desde fibra a proteína ou contido en aceites; e un espectómetro ICP de emisión óptica de plasma axustado inductivamente, para determinar micronutrintes.

Todas estas ferramentas permitirannos formular produtos novos e tecnoloxicamente avanzados

“Todas estas ferramentas permitirannos formular produtos novos de última xeración, garantir a calidade das materias primas que utilizamos para estas formulacións e axustar as doses ás necesidades concretas dos chans mediante a súa análise, adiantándonos desta forma á nova normativa de nutrición de chans agrícolas procedente da UE”, explica a responsable do laboratorio.

Permitirá aforrar diñeiro aos agricultores

Desde a súa creación en 1976, Soaga caracterizouse por “estar ao carón do agricultor”, buscando a mellora de rendementos e calidade sanitaria dos cultivos. Co obxectivo de seguir axudando ao produtor, Soaga abrirá o seu novo laboratorio para que os seus clientes poidan realizar nel análises específicas de chans, colleitas e deficiencias en cultivos.

Na actual situación mundial de prezos elevados dos produtos fertilizantes, faise imprescindible coñecer previamente as carencias do chan para axustar as doses a esas necesidades

“Achegamos valor ao sector agrícola e gandeiro”, destaca o responsable do departamento de innovación de Soaga, que explica que este novo servizo “permitirá aos produtores ser máis eficientes e aforrar diñeiro”.

“Un exemplo claro sería o abonado. Na actual situación mundial de prezos elevados dos produtos fertilizantes, faise imprescindible coñecer previamente as carencias do chan para axustar as doses a esas necesidades concretas”, detalla Rafael Gago.

Análise de xurros, cereais e viñedo

A versatilidade das instalacións inauguradas esta semana permitirán dar servizo aos gandeiros de Galicia e a cornixa cantábrica mediante a análise do xurro, que pasará a ser obrigatorio no novo Real Decreto de Nutrición Sostible Chans Agrícolas que prepara o Ministerio de Agricultura.

A empresa conta coa única emenda líquida do mercado, Calcimag Flow, que mellora o poder nutricional do xurro, axudando a reducir os malos cheiros e a contaminación por amoníaco e óxido nitroso na súa aplicación, permitindo aos gandeiros adaptarse ás novas esixencias ambientais impulsadas desde a UE.

O laboratorio tamén terá dispoñibilidade para a realización de análise foliares en cultivos como viñedo, que permitan actuar cos produtos máis adecuados fronte a determinadas carencias nutricionais

Do mesmo xeito, en zonas produtoras de cereal, os agricultores disporán dunha ferramenta fundamental para analizar cultivos, coñecer as carencias nutricionais das plantas nas distintas fases de crecemento e detectar posibles problemas sanitarios para poder atallalos a tempo.

O laboratorio tamén terá dispoñibilidade para a realización de análise foliares en cultivos como viñedo, que permitan actuar cos produtos máis adecuados fronte a determinadas carencias nutricionais que vaian prexudicar unha boa colleita.

Á vangarda na investigación agrícola

“Contamos cun importante departamento de I+D+i, en cuxo laboratorio se poderán realizar análise de pensos, materias primas, forraxes, ademais de análises de terra, follas, auga, etc. De aí extraemos conclusións e incorporámolas ao mercado a través de solucións que se adaptan ás novas necesidades de agricultores e gandeiros”, explica Rafael Gago.

Froito da aposta pola investigación agrícola, Soaga acaba de lanzar ao mercado neste ano 2022 Fertimón Tech, unha nova gama de abonos líquidos

Froito desta aposta pola investigación agrícola, Soaga acaba de lanzar ao mercado neste ano 2022 Fertimón Tech, unha nova gama de abonos líquidos que inclúe bioestimulantes e correctores en base a produtos naturais como algas ou ácidos fúlvicos e húmicos, con importantes aplicacións en agricultura ecolóxica.

“Dedicamos importantes recursos á investigación e ao desenvolvemento, creando continuamente novos produtos adaptados ás necesidades do agricultor. Caracterizámonos por ofrecer sempre fertilizantes da máxima calidade e o mellor servizo aos nosos clientes”, salienta Rafael Gago.

Asesoramento técnico especializado

Coa inauguración do seu novo laboratorio, Soaga pon a disposición dos produtores un dos principais patrimonios da organización: o coñecemento. “O noso verdadeiro valor engadido é a información que poñemos ao alcance dos agricultores e gandeiros. Poñemos á súa disposición un Servizo de Asesoramento Técnico Agronómico apoiado por un equipo de profesionais altamente cualificado, especializado en diferentes áreas, que teñen como obxectivo primordial axudarlle a optimizar os seus recursos”, afirma Rafael Gago.

Co obxectivo de seguir axudando ao produtor, Soaga abrirá o seu novo laboratorio para que os seus clientes poidan realizar nel análises específicas de chans, colleitas e deficiencias en cultivos

O equipo de asesoramento da compañía está formado por 65 técnicos comerciais especializados, entre os que se atopan veterinarios e enxeñeiros agrónomos, que traballan diariamente de xeito conxunto cos agricultores e gandeiros nas súas explotacións para axudarlles a obter o mellor resultado.

Campos de ensaio

Soaga complementa no seu día a día as súas investigacións a nivel de laboratorio con mostras en explotacións e terras de cultivo, de modo que as súas solucións agronómicas adáptanse de maneira óptima ás necesidades dos seus clientes.

O equipo de asesoramento de Soaga está formado por 65 técnicos comerciais especializados, entre os que se atopan veterinarios e enxeñeiros agrónomos

No caso concreto de cultivos, a empresa realiza anualmente ensaios das diferentes variedades de sementes co fin de sometelas a condicións específicas que determinen o seu comportamento no campo.

“Así comprobamos cal delas achegará máis, tanto en rendemento como en calidade, en relación á mellor adaptación ás condicións agroclimáticas de cada zona, para que os agricultores poidan elixir a variedade máis idónea para as súas condicións de cultivo”, indican desde o grupo galego, propietario desde hai anos de importantes empresas en Castela e León e Portugal.

“Combinar o manexo de esterco e a biodiversidade do solo pode mitigar os riscos ambientais”

Na Unión Europea e o Reino Unido, a cría de animais xerou anualmente máis de 1.400 millóns de toneladas de esterco entre 2016 e 2019. Gran parte desa cantidade de esterco aplicouse directamente nas terras agrícolas. Con este volume, resulta o esterco unha bendición ou unha ruína?. Esa foi unha das preguntas ás que buscou resposta un traballo realizado por un equipo de profesionais da Comisión Europea, a Universidade Técnica de Munich e a Universidade de Vigo. “Nesta revisión exploramos o impacto do esterco dos animais de granxa na biodiversidade do solo ao considerar os factores que determinan os efectos do esterco e viceversa”, explica Julia Köninger, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, unha das profesionais implicadas na investigación.
“Ata o de agora, a miúdo ignoráronse os efectos sobre a biodiversidade do solo que ten o esterco”
Aínda que é ben sabido que a achega do esterco proporciona beneficios directos no solo, este aporte tamén pode ter as súas contrapartidas. Así, entre as vantaxes que ofrece, o esterco promove o crecemento das plantas, proporciona alimentos nutritivos aos organismos do solo, agrega diversidade xenética e funcional aos solos e mellora as propiedades químicas e físicas do chan. Con todo, o uso do esterco tamén pode causar contaminación ao introducir elementos tóxicos presentes nel como poden ser metais pesados, antibióticos ou patóxenos e contribuír á perda de nutrientes. Por este motivo, o traballo centrouse en analizar o potencial do esterco para mellorar a biodiversidade do solo, pero tamén os seus riscos ambientais á vez que avaliaron a política actual e futura da Unións Europea con respecto dos xurros e estercos.
“O manexo integrado do esterco pode reducir os perigos ambientais nun 65 % e duplicar a eficiencia dos nutrientes”
“Ata o de agora, a miúdo ignoráronse os efectos sobre a biodiversidade do chan que ten o esterco”, recoñece a investigadora. Con todo, unha das principais conclusións extraídas da investigación é a confirmación de que combinar o manexo do esterco coa biodiversidade do chan pode mitigar os riscos ambientais presentes e futuros. “O manexo integrado do esterco pode reducir os perigos ambientais nun 65 % e duplicar a eficiencia dos nutrientes pasando do 33 ao 70 %”, concreta a investigadora. Produción anual de esterco en millóns de toneladas na Unión Europea e Reino Unido durante o período do 2016 ó 2019 e distribución segundo os principais tipos de animais (porcino en rosa, vacún en verde e avícola en marrón).

Calidade versus cantidade

Á hora de considerar os efectos do esterco na biodiversidade do solo, os expertos sinalan que a calidade do esterco é máis importante que a cantidade. Isto débese principalmente ao feito de que a maioría dos métodos de procesamento do esterco non permiten filtrar adecuadamente os contaminantes. “Ata o de agora non é posible filtrar metais pesados e tamén se atoparon antibióticos nos dixestatos obtidos despois dun proceso de combustión anaeróbica para a produción de biogás e que son utilizados habitualmente como fertilizantes das terras”, explica Köninger. Ademais, na análise que levaron a cabo sobre a normativa europea actual nesta materia permitiulles comprobar que hoxe en día as lexislacións da Unión Europea descoidan tanto a calidade do esterco como os efectos do esterco na biodiversidade do solo. Neste sentido, para abordar o problema do esterco na Unión Europea, os investigadores recomendan priorizar a calidade do esterco sobre a cantidade. “Antepoñer a cantidade á calidade dana a biodiversidade do solo e, por tanto, os sistemas alimentarios sostibles”, sinala Köninger.
“Antepoñer a cantidade á calidade do esterco dana a biodiversidade do solo e en consecuencia os sistemas alimentarios sostibles”
Os investigadores inciden en que se teña máis en conta a calidade do esterco en futuras lexislacións, cun marco xurídico que evite a aplicación de esterco que conteña contaminantes.

Lograr esterco de calidade

Dado que a calidade do esterco parece ser determinante á hora de lograr a conservación da biodiversidade do solo é fundamental concretar que se entende por esterco de calidade e como se logra. “Para a biodiversidade do solo, o esterco de boa calidade implica un esterco que non estea contaminado con metais pesados (como o caso da presenza de cobre no esterco de porco), antibióticos, patóxenos e hormonas”, apunta a investigadora. O esterco de boa calidade pode mellorar a produtividade agrícola dos solos, xa que aumenta a actividade biolóxica. Os estercos proporcionan nutrientes para a vida do solo e aumentan a abundancia e diversidade de organismos. Máis aló destas achegas, o uso de xurro e esterco de calidade ofrece efectos ambientais positivos, como o aumento do carbono orgánico do solo. A maiores, mitiga os riscos de contaminación. Ademais do impacto positivo que o esterco pode chegar a conseguir no solo, contar con xurros de calidade permite reducir custos. “A xestión sostible do esterco pode contribuír a substituír parcialmente os fertilizantes minerais ao aumentar a biodiversidade do solo e, en consecuencia, a eficiencia dos nutrientes”, concreta Köninger. Estes beneficios poden resultar de moito interese nun contexto de guerra en Europa como o actual, onde os fertilizantes químicos experimentaron importantes subas, como recorda a investigadora. 
“Os preparados de esterco ou bioestimulantes de alta calidade a base de esterco poderían acelerar o paso cara a sistemas de produción de alimentos máis sostibles”
Tal e como recolle o traballo de investigación, o impacto positivo de dispoñer de esterco e xurros de calidade pode repercutir e ofrecer unha vía para lograr unha produción de alimentos máis sostible. “A substitución por esterco de calidade podería diminuír as dependencias das importacións de minerais potasio, nitróxeno e fósforo; por tanto, requiriríanse menos fontes de enerxía fósil”, lembra a investigadora. Ademais, minerais como o fósforo só se atopan nuns poucos países do mundo, entre eles Rusia, que se sitúa como o segundo país produtor, polo que a guerra de Ucraína está afectando ó acceso ó fósforo, cuxo prezo xa é moi elevado. Neste sentido, os preparados de esterco ou bioestimulantes de alta calidade a base de esterco poderían acelerar o paso cara a sistemas de produción de alimentos máis sostibles.

Coidar a biodiversidade, un investimento rendible

Para protexer a biodiversidade do solo e o seu importante papel para os servizos ecosistémicos e a fertilidade dos solos, os expertos recomendan combinar a aplicación de esterco de alta calidade con prácticas agrícolas que protexan e melloren a biodiversidade do solo. En concreto, Köninger lembra que se debe evitar realizar prácticas como o arado despois das choivas ou a aplicación de praguicidas para así conseguir mellorar a biodiversidade do solo.
“A propia biodiversidade do solo debe terse en conta ao avaliar as emendas do esterco para proporcionar mellores pautas sobre o uso do esterco e reducir os custos e os riscos ambientais”
“As prácticas de manexo do esterco a miúdo descoidan a biodiversidade do solo, pese a que os organismos do solo xogan un papel esencial na transformación do esterco no chan e a degradación de calquera compoñente tóxico potencial”, reivindica a investigadora. Constatouse que os solos cunha maior biodiversidade reducen o risco de propagación de xenes de resistencia antibacteriana, a lixiviación de metais pesados e patóxenos que chegan aos chans. “A propia biodiversidade do solo debe terse en conta adecuadamente ao avaliar as emendas do esterco para proporcionar mellores pautas sobre o uso do esterco e reducir os custos e os riscos ambientais”, conclúe a experta.

Vantaxes que pode achegar un manexo rexenerativo do viñedo

Un dos desafíos actuais da viticultura é o impacto que pode ter o cambio climático nos viñedos, tanto polas variacións de temperatura, como a dispoñibilidade de auga necesaria para a produción ou as alteracións que pode provocar nas especies. Un manexo rexenerativo do viñedo, centrado na conservación da vida dos solos e a medio camiño entre unha produción intensiva e unha produción baseada na mínima intervención, pode ser a alternativa de futuro para a viticultura, tal e como argumenta a ecóloga Pilar Andrés, unha das maiores expertas en analizar os impactos da produción agrícola nos solos e na biota que os integra. Na súa participación na xornada virtual “Rexeneración e conservación do chan vitícola” organizada pola Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV) recentemente, Andrés incidiu en lembrar os efectos que a propia actividade agraria ten sobre o clima, pola disrución do ciclo de carbono que provoca. “A agricultura distorsiona o ciclo do carbono ao pretender maximizar a biomasa vexetal aproveitable, que se exporta fóra do agroecosistema, reducindo a cantidade de carbono que as plantas entregan ao solo”, explica. Así, dependendo do manexo que se faga do chan, este comportarase como un sumidoiro ou fonte de carbono. Os viñedos provocan tamén un empobrecemento do solo en carbono. “Degrádanse a base nutritiva, a estrutura e o clima edáfico que soportan á biota do chan”, detalla. Na viticultura intensiva, do mesmo xeito que outras prácticas agrícolas intensivas, prodúcese unha quebra dos servizos ambientais. “O solo só pode entregar un servizo: a produción, pero ademais, este servizo será subvencionado, pola achega que se precisa proporcionarlle ao solo”, concreta Andrés.
“Os viñedos son a forma de uso agrícola que causa maiores taxas de erosión no Mediterráneo. Ademais, a viticultura provoca un empobrecemento do solo en carbono”
A viticultura é unha das actividades agrícolas que provoca un desgaste importante dos solos debido ós efectos da erosión. “Os viñedos son a forma de uso agrícola que causa maiores taxas de erosión no Mediterráneo, con medias de erosión da terra de 2,4 a 9,3 toneladas por hectárea ao ano, cando o tolerable, segundo os baremos fixados pola Comisión Europa, é unha perda de entre 0,3 e 1,4 toneladas por hectárea nun ano”, explica a ecóloga.

A importancia de conservar o solo

Ademais de coñecer o impacto que a viticultura ten sobre os solos, Pilar Andrés lembra os servizos ambientais que ofrece a biota do solo para poder comprender a súa importancia. “Os solos achegan servizos ecosistémicos que permiten a vida na Terra”, sinala. Así, os solos son o hábitat dun gran número de organismos fundamentais. Un gramo de chan pode chegar a conter varios miles de especies, 200 millóns de hifas fúnxicas e 1 billón de células bacterianas.
Un gramo de solo pode chegar a conter varios miles de especies, 200 millóns de hifas fúnxicas e 1 billón de células bacterianas
O solo actúa tamén como regulador do clima e das inundacións e contribúe á purificación da auga e a redución de contaminantes. Os solos son tamén fundamentais no ciclo de nutrientes e unha fonte de alimento, fibras e combustibles, así como de produtos farmacéuticos e recursos xenéticos. Dada a contribución dos solos, a nova PAC recomenda adoptar prácticas e estratexias integradas que orienten a restauración dos solos agrícolas, para facilitar non só o secuestro de carbono senón tamén a saúde integral do chan e o cumprimento dos servizos ambientais. Medidas como o Pacto Verde Europeo, adoptan medidas para protexer o chan, buscando unha redución do 55% das emisións do gases de efecto invernadoiro para o 2030, así como a neutralidade climática para 2050. Con todo, como sinala a ecóloga, a agricultura emite aproximadamente o 10% dos gases de efecto invernadoiro na Unión Europea, co que existe pouco potencial para a redución de emisións neste sector.

Tres modelos de produción vitícola ...

A ecóloga Pilar Andrés levou a cabo, xunto con outros profesionais, un caso práctico no Empordán na provincia de Xirona, para comparar o impacto e os beneficios que achegan á conservación da biota do solo e á produción vitícola tres modelos diferentes de manexo dos viñedos: intensivo, rexenerativo e mínimo. Coñecemos os detalles de cada un deles:

-Manexo intensivo

Neste caso trátase dun viñedo de 30 anos, que se ara a 20 centímetros 5 veces ao ano para evitar a competencia da cuberta. Tamén se procede á eliminación das malas herbas mediante o uso de glifosato. En materia de fertilización, empregan 150 quilos de NPK por hectárea. O control químico das pragas realízase optando por funxicidas sistémicos, así como herbicidas de preemerxencia.

- Manexo rexenerativo

O manexo rexenerativo da terra é unha práctica que potencia o poder da fotosíntese nas plantas para pechar o ciclo do carbono, producir saúde no solo, resiliencia dos cultivos e densidade nutricional. Como detalla Pilar Andrés, son prácticas de agricultura rexenerativa aquelas que contribúen a rexenerar ou crear solos sans e fértiles, incrementan a infiltración, retención e escorrentía limpa e segura da auga. Ademais de incrementar a biodiversidade, saúde e resiliencia dos ecosistemas e invisten as emisións de carbono da agricultura actual e logran secuestrar carbono. “A agricultura rexenerativa cumpre totalmente as demandas da crise climática na que nos atopamos hoxe en día”, valora a ecóloga. Do mesmo xeito que en caso do viñedo intensivo, nesta parcela as viñas teñen 30 anos. Trátase dun viñedo que foi manexado de maneira intensiva ata o 2015, polo que os resultados obtidos foron logrados en 4 anos. Actualmente neste manexo rexenerativo non están arando a terra e a fertilización é a base de esterco de vaca. Aplican tés de microorganismos e proceden á regulación de catións para manter baixo control o pH da terra. Este viñedo conta con coberteira permanente a base dunha mestura de luminosas e gramíneas. Na primavera e verán, para o control da cuberta, as herbas dos corredores esmáganas cun crop roller, e o espazo entre dúas viñas desherbana a man. No inverno proceden a descompactar o solo coa inxección de ácido húmicos. En canto aos ataques por fungos, combátenos empregando xofre e cobre. Nas pragas de insectos, prevéñenas utilizando feromonas.

- Manexo mínimo

Neste viñedo, as cepas teñen 50 anos e ata o 2007 xestionáronse mediante un manexo intensivo. Na actualidade, optouse por suspender por completo o arado da terra e deixan que se produza un desenvolvemento espontáneo da cuberta herbácea nas rúas. Realizan un desherbado anual con cortadora manual e os restos de poda retíranos do campo e quéimanos.

… Distintos resultados

Á hora de avaliar os efectos conseguidos na saúde do solo cos tres modelos de manexo, a experta atende a parámetros físicos, químicos e biolóxicos. Os mellores resultados alcánzanse cun manexo rexenerativo, que logra un impacto máis positivo nos solos. As prácticas rexenerativas resultan mesmo mellores que cando se deixa a terra e o cultivo, neste caso o viñedo, case sen intervención e, sobre todo, fronte ao “desastre fisicoquímico e biolóxico” que proporciona o manexo intensivo. En cuestións como densidade aparente, o pH ou o carbono orgánico, o manexo rexenerativo logra resultados moi positivos en só 4 anos, moi similares e en proporción mellores que os alcanzados en 12 anos dun manexo mínimo. “En 4 anos pasamos dun 0,54% de carbono orgánico no solo a 1,27% e en 12 anos a 1,84%. É brutal a rapidez á que se logra este secuestro de carbono nun modelo rexenerativo en 4 anos”, valora a ecóloga. Un dos aspectos nos que se aprecia máis o impacto positivo das prácticas rexenerativas é na presenza de seres vivos. Co manexo rexenerativo contabilizaron 973 millóns de flaxelados por metro cadrado en 15 centímetros de profundidade fronte aos 117 millóns que se contabilizan cun manexo mínimo e os pouco máis de 61 millóns presentes nun modelo intensivo. “A comparativa permitiunos ver a tremenda riqueza de controladores que se logra cun manexo rexenerativo, seguido a curta distancia nalgúns grupos no manexo mínimo” sinala Pilar Andrés. Parámetros físicos, químicos e biolóxicos dos tres modelos de manexo. En verde os mellores resultados. A gran diferenza nun manexo rexenerativo está en todos aqueles parámetros biolóxicos, que desta forma poténcianse e preservan, mentres que cun modelo intensivo acaban destruídos. Tamén cabe sinalar que, en aspectos como a estrutura física do solo un manexo mínimo ten unha importante vantaxe fronte ao modelo rexenerativo. Espazo de calidade que xeran os tres sistemas de manexo.

É rendible economicamente apostar pola conservación do solo?

En canto ao impacto económico, a comparativa permitiu determinar que o manexo rexenerativo ademais das vantaxes que proporciona para o solo é tamén rendible economicamente. No manexo rexenerativo apreciouse unha caída da produción nos 2 primeiros anos, pero nestes momentos lograron unha rendibilidade económica superior á que se lograba cunha produción intensiva debido a unha mestura derivada non só da recuperación de produción senón tamén pola revalorización do produto, xa que agora está a ser comercializado como ecolóxico, cun prezo máis elevado. Neste sentido, o manexo mínimo está a ser o menos rendible, xa que a pesar de que os gastos son moi reducidos apenas se está logrando produción, en parte porque as viñas son vellas, pero tamén polos efectos deste tipo de manexo.

Seminario en liña sobre a rexeneración e conservación do solo vitícola

A Interprofesional do Viño de España (Oive) coa colaboración da Plataforma Tecnolóxica do Viño ( PTV) organizan o seminario en liña e gratuíto "Rexeneración e conservación do solo vitícola". A xornada celebrarase o próximo 29 de marzo en horario de 11:00 a 12:30 horas. Na sesión participarán dous dos investigadores destacados na rexeneración dos solos dos viñedos. Así, intervirá Pilar Andrés Pastor, doutora en bioloxía e experta en ecoloxía do solo e restauración dos solos degradados. Ademais, tamén participará David Fernández Calviño, investigador Ramón e Cajal, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo. As persoas interesadas en seguir a xornada poderán formalizar a súa inscrición nesta ligazón. A iniciativa enmárcase dentro do convenio de colaboración das dúas entidades para o desenvolvemento dun plan conxunto de actuación cuxo obxectivo é o fomento da I+D+i do sector vitivinícola. Ademais, contarán coa colaboración de Agrobank.

“Reintegrar os biorresiduos urbanos á terra eliminaría máis CO2 da atmósfera que pasar todos os coches a eléctricos”

A segunda sesión das Xornadas Revitaliza, centradas este ano na agrocompostaxe, puxo sobre a mesa algunhas das vantaxes que pode proporcionar o tratamento conxunto dos biorresiduos urbanos e os procedentes da gandería e a agricultura. Ana García Ráncez, representante da Universidade Miguel Hernández de Alicante foi unha das ponentes que destacou a utilidade da agrocompostaxe para mellorar a produtividade da terra e axudar a mitigar o cambio climático. "Reintegrar os biorresiduos urbanos á terra eliminaría máis CO2 da atmósfera que pasar todos os coches a eléctricos. Serían medidas complementarias, mais aí vese a importancia de recuperar os biorresiduos", sinala García Ráncez nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (Ceida). A agrocompostaxe busca dar un uso útil aos residuos urbanos de carácter orgánico, que hoxe se queiman e dos que poderían obterse abonos e emendas orgánicas de calidade para os solos. Neste senso, o profesor Inazio Irigoien, da Universidade de Navarra, apuntou o beneficio de introducir materia orgánica na terra, polo secuestro de CO2 da atmósfera que permite, sendo unha das poucas ferramentas para mitigar o cambio climático. En base a distintos estudos, Irigoien destaca que as emendas orgánicas son as que máis carbono acumulan no solo, e a aplicación de compost non só mellora a fertilidade senón o balance neto de emisións de gases de efecto invernadoiro. Liña de axudas Nesta liña, dende a Deputación buscan fomentar estas prácticas de xestión, coas novas axudas que preparan para concellos e axentes agrogandeiros. Así, haberá axudas para as cooperativas e empresas agrogandeiras que se involucren na recepción e tratamento dos biorresiduos urbanos para xerar abonos orgánicos que despois poderán ser empregados para a fertilización do solo. A liña de axudas contempla tamén aportacións para os concellos que realicen unha correcta xestión dos biorresiduos, de xeito que sexa máis económico o seu aproveitamento no canto de queimalos. Nas Xornadas Revitaliza coñecéronse casos prácticos sobre agrocompostaxe nos que se inspirou o proxecto provincial, como o do Priorat en Barcelona. Tamén se abordou a normativa que se está a aplicar noutros territorios, como en Navarra, onde está en marcha unha nova lexislación que fomenta a compostaxe, grávase mediante un imposto o verquido de residuos, e foméntase unha tramitación sinxela para utilizar o compost que se xera nas plantas de compostaxe no territorio próximo.

Son os xistos un aliado do viñedo contra o cambio climático?

O estrés hídrico e as altas temperaturas que está a deixar o cambio climático levan a procurar alternativas para a xestión dos solos dos viñedos. As previsións dun incremento das condicións extremas fan necesarias cubertas e manexos que axuden a mitigar os efectos da calor na produción. Poden ser os restos de xistos unha alternativa de utilidade? O doutor en Enxeñaría Agrónoma da Universidade de Santiago de Compostela, Javier J. Cancela, está a traballar sobre o uso destes restos nos viñedos. Os primeiros resultados do traballo do Grupo de Investigación PROEPLA, presentounos no ciclo de conferencias sobre o Manexo do estado hídrico e xestión da vexetación empregando restos de xistos nos viñedos, celebrado en días pasados no concello lugués de Quiroga, onde tamén desenvolveu parte dos traballos de campo da súa investigación.
Combinar o uso dos xistos con regas preséntase como unha opción para facer sostible a produción mesmo con altas temperaturas
A falta dunha investigación máis prolongada no tempo coa que afianzar as conclusións iniciais, os primeiros datos amosan as vantaxes que pode traer empregar restos de xistos nos viñedos. Combinar o uso dos xistos con regas preséntase como unha opción para a sostibilidade da produción mesmo con altas temperaturas, pero tamén contribúe a reducir a temperatura nos viñedos.

Por que empregar xisto?

Unha das primeiras cuestións ás que Cancela se enfronta á hora de propoñer o uso de xistos nas liñas do viñedo é precisamente argumentar a elección deste material fronte a outras alternativas como a propia cuberta vexetal espontánea ou seleccións de plantas cultivadas que poden medrar neste espazo. Un dos argumentos empregados polo investigador é a capacidade dos xistos para reducir a evaporación da auga do solo. Trátase ademais dun material que contribúe á propia conservación do solo, ó ser de orixe natural e estar presente xa en moitas das terras das zonas vitícolas de Lugo e Ourense.
Os xistos permiten manter controlada a vexetación da liña, melloran a regulación térmica no viñedo, reducen a evaporación da auga e contribúen á conservación do solo
Cancela tamén destaca que o uso de xistos é un método eficaz para manter controlada a vexetación na liña das cepas, evitando a competencia polos nutrientes e a auga do solo que poden exercer as plantas próximas. Ademais, os xistos son unha vía para mitigar as altas temperaturas do viñedo. “Os xistos contribúen a mellorar a regulación da temperatura do solo”, apunta o investigador. Outra razón fundamental para valorar o emprego de xistos nos viñedos é a gran cantidade de material dispoñible en municipios como Quiroga, pero tamén noutras zonas da provincia de Ourense. Os restos desbotados polas canteiras e que permanecen acumulados en distintos puntos poden converterse nunha ferramenta útil no viñedo, ó tempo que se lle procura unha nova utilidade. Ademais, ó tratarse dun material de orixe natural e local mantense como unha alternativa sostible ambientalmente.

Os primeiros resultados

A equipa de investigación de PROEPLA levou a cabo a investigación sobre o emprego de xistos en viñedos de Quiroga, en concreto nunha parcela de 1,27 hectáreas plantada de viñas de Mencía. Trátase dunha finca cunhas 3.333 plantas por hectárea nun marco de plantación de 2,5 x 1,2 metros. Nela instalaron un sistema de rego por goteo na liña do viñedo. Os primeiros resultados recollidos amosan notables diferencias en aspectos como a produción e a temperatura acadada no viñedo. En concreto, o uso dos xistos conseguiu unha importante baixada da calor que recibe a planta. Así, mentres no solo a temperatura acadaba os 42.9 graos centígrados, no dosel de vexetación e nos acios a temperatura situábase en 31 graos. En canto á produción, os mellores resultados na parcela foron os logrados nas cepas que contaban con xisto na liña da planta e rega diaria. Neste caso lográronse rendementos de 3,62 quilogramos por cepa, mentres que nas plantas nas que só foron regadas, pero non contaban con xistos, redúcese a valores de 3,2 quilogramos por cepa.
O uso de xistos e a rega diaria permite incrementar o número de acios e a produción do viñedo
Resulta significativo que o número de acios logrados só con rega é lixeiramente superior (14,7), aínda que a produción sexa máis baixa. Naquelas plantas que combinaban a rega diaria e os xistos o número de acios foi de 14,1. Comparativa do número de acios e produción entre os viñedos con rega diaria e xistos (T1SM) e os que só teñen rega (T1). Pola contra, nas cepas de sequeiro e sen xistos o número de acios descendeu a 12,4. Aínda que as plantas non se reguen, se se opta por empregar xisto na liña, chégase a conseguir unha media de 13,2 acios. Así, aínda que coa combinación de rega diaria e xistos se logren mellores resultados, só co emprego dos xistos pódese conseguir incrementar o número de acios. O mesmo acontece na produción. As cepas de sequeiro con xistos logran unha produción de 3,49 quilogramos por cepa, o que mesmo é superior a se se opta só por regar as cepas (3,20 quilogramos por cepa). Nas cepas de sequeiro que quedaron sen xistos a produción cae ata 2,98 quilos por cepa. Por iso, aínda que a mellor opción para incrementar a produción pasa por combinar o emprego dos xistos e a rega diaria, só cos xistos xa se pode lograr un incremento da produción de case un punto. Comparativa entre os viñedos en sequeiro (TOP) e os que en sequeiro teñen restos de xistos na liña do viñedo (TOPSM). Pese ós bos resultados amosados nestes primeiros traballos en campo cos xistos, Cancela amósase cauto e incide na necesidade de seguir a comprobar os efectos destas prácticas nos próximos anos. O investigador tamén apunta que é preciso realizar análises da calidade da uva e da composición aromática dos viños obtidos logo de levar a cabo este manexo do viñedo. Ademais, sinala que se precisa avaliar máis en detalle os resultados do efecto de combinar a rega e os xistos.

A fertirrega e o uso dos xistos

Ademais do emprego de xistos e rega, dende a Universidade de Santiago tamén estudaron os efectos que o emprego de xistos pode reportar combinando coa fertirrega, un sistema que facilita o aporte de elementos nutritivos á planta na forma na que ela mellor os absorbe e á profundidade na que se atopan as raíces de alimentación. “Con este método evitamos un dos problemas típicos da fertilización: a contaminación por escorrenta. A fertirrega ten unha influencia decisiva na calidade e na cantidade. Pódese estimar que en condicións similares a produción pode ser un 20% máis”, explica o investigador da USC Benjamín Rey, quen presentou nestas xornadas os avances que permite este método de fertilización combinado co uso dos xistos.
Utilizar xistos mellora a fertirrega e a produción de viñedo, á vez que se evitan riscos como as escorrentas dos fertilizantes
“Os resultados foron moi bos e esperanzadores, aínda que só foi un ano de estudo. Este proxecto é un primeiro paso para poder optimizar tanto a auga como a incorporación de fertilizantes”, detalla Rey. Os primeiros resultados amosan que empregar xistos na liña do viñedo mellora a fertirrega e a produción do viñedo. “Ó poder proporcionar fertilizantes nas capas máis profundas, fóra da competencia de malas herbas e cunha capa descontinua evítase a evaporación e o crecemento de malas herbas e lógrase un mellor rendemento”, detalla Rey. Así, neste primeiro ano de investigacións constataron melloras tanto na calidade como na cantidade de produción obtida ó ter xistos e fertirrega en comparación con outros tratamentos. Os estudos, do mesmo xeito que fixera Cancela, leváranse a cabo só con cepas da variedade Mencía. Na fertirrega empregaron fosfato monoámónico, para incorporar o fósforo, e nitrato potásico, para proporcionar potásio. Tamén optaron polo nitrato de magnesio e as necesidades de nitróxeno cubríronas con nitrato amónico. Este ano non precisaron proporcionar calcio ó solo, segundo as analíticas realizadas. “Os bos resultados obtidos neste primeiro ano de estudo abren a liña a novas investigacións dadas as posibilidades que ofrece o uso de xistos para reducir o impacto ambiental e a contaminación do emprego de abonos por escorrentas que afectan a acuíferos, ríos ou pantanos”, conclúe Rey.

Unha catedrática galega participa no informe internacional máis completo sobre a saúde do solo

A catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, María Jesús Iglesias Briones, é a única representantes dunha institución académica e de investigación galega que participou na elaboración do informe da FAO “State of Knowledge of Soil Biodiversity”, que contou coa participación de máis de 300 científicos e científicas de todo o mundo. O estudo da axencia especializada da ONU, que presenta de xeito conciso o estado actual do coñecemento sobre a biodiversidade do solo, as ameazas e solucións que esta biodiversidade pode achegar aos diferentes problemas ambientais, está dirixido a todo tipo de público, para o que, aínda que ten contidos específicos, estes non son demasiado complexos. “De feito, desde a páxina da FAO pódese descargar o informe completo, pero tamén un resumo para os xestores políticos”, sinala Iglesias Briones, que coordinou a sección “Servizos sistémicos de regulación que proporciona a biodiversidade no solo para mitigar o cambio climático”, para o que empregou estudos que realizara previamente, aínda que tamén tivo que revisar información publicada ao respecto. “A este tipo de organizacións gústalles os datos cuantitativos”, explica a autora da sección, na que tamén participan dous investigadores estadounidenses e que se inclúe no capítulo 3 do informe, “Contributions of soil biodiversity to ecosystem functions and services”.

Un recoñecemento aos heroes silenciosos do solo

A participación de Iglesias Briones no informe ten a súa orixe no ano 2012 cando é invitada a formar parte do comité Global Soil Biodiversity Assessment (GSBA) cuxa primeira misión foi elaborar o “Atlas Global de Biodiversidade do Solo”. “Foi en xuño de 2019 canto soubemos que a FAO estaba a buscar expertos para elaborar este informe e acordamos que os compoñentes deste comité deberían formar parte”, detalla a catedrática da Uvigo. A organización da ONU abriu entón unha petición pública á que concorreron centos de investigadoras e investigadores, dos que a FAO, a partir dos seus currículos, seleccionou aos algo máis de 300 que figuran en State of Knowledge of Soil Biodiversity. “Como mencionou o director xeral da FAO, os organismos do solo son ‘heroes silenciosos’ que agora reciben recoñecemento a través do informe. Xa era hora de que organizacións internacionais como esta puxeran a biodiversidade edáfica na súa axenda e agora só falta que a UE implemente nas súas políticas o protexer tamén a biodiversidade do solo”, demanda Iglesias Briones, que destaca que o informe tamén pretende proporcionar unha guía útil para apoiar a implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Advirten da degradación dos solos agrarios e fértiles de Galicia

Este sábado, 5 de decembro, celébrase o Día Internacional do Solo. Neste sentido, o Sindicato Labrego Galego (SLG) lembra que “os nosos solos desempeñan un papel esencial nos ciclos naturais, na regulación dos fluxos da auga, na captura de carbono e, por suposto, na xeración de paisaxes de grande valor cultural, social, ambiental e produtivo, sendo os garantes dunha produción agraria sostible, suficiente e de calidade”. Sen embargo, alertan de que “hoxe en día, como o resto do noso entorno, os solos atópanse ameazados (…) pola expansión de grandes infraestruturas e do urbanismo, pola cantidade de produtos químicos que vertemos nel, pola sobreprodución, pola enorme densidade gandeira en zonas moi concretas e pequenas que non son quen de xestionar os residuos producidos, pola súa seca e morte”. No caso de Galicia, o Sindicato Labrego engade outra ameaza: “o problema da eucaliptización, co que se está a colonizar á mantenta o noso territorio cunha especie exótica invasora enormemente prexudicial para a saúde dos solos e das augas”. Ademais, a organización labrega advirte de que “coa conivencia cómplice do Goberno da Xunta, estanse a forestar terras agrarias, sendo hoxe Galiza un dos territorios de Europa con menor superficie agraria útil, atopándose no último posto no Estado Español con tan só o 21% das súas terras dedicadas a fins agropecuarias”. ”Hoxe, os solos agrarios e fértiles da Galiza están máis ameazados ca nunca polas políticas suicidas da Consellaría de Medio Rural, que agora, ademais de servirlle o noso territorio en bandexa a Ence e Greenalia para plantar eucalipto con fins industriais non alimentarias, pretende facer outro tanto con Inditex para producir viscosa”, denuncian. Plataformaa para reclamar a protección dos solos Ante esta situación, o Sindicato Labrego lembra que “dende a Plataforma Estatal Intervegas (https://intervegas.org), centos de colectivos e persoas reclamamos a protección destes solos e estes espazos agrícolas históricos que demostraron ser sostibles e resilientes, que nos ofrecen numerosos servizos e que son garantía da nosa propia soberanía alimentaria nun contexto cheo de incertezas”. Intervegas promove un proxecto de “Lei para a protección dos solos de alto valor agrolóxico e de solos de interese agraria” que agarda sexa debatido no Congreso canto antes e seguirá traballando para que saia adiante co maior consenso posible, xunto con novas medidas que favorezan a dignificación do traballo agrario e unha produción máis sostible en harmonía coa natureza. Accións formativas do SLG a prol da recuperación da fertilidade natural dos solos O Sindicato Labrego Galego colaborou esta mesma semana en dúas accións formativas organizadas pola Asociación Herbamoura e orientadas, precisamente, a recuperar a fertilidade natural dos nosos solos agrarios. A primeira, celebrada o mércores 3 de decembro en Curtis, foi unha “Xornada para manter vivos os solos para pasto”, impartida polo técnico Andrés Castro; e a segunda, ao día seguinte, foi unha introdución á gandería rexenerativa en Ordes, na que se contou co biólogo Antonio Tucci  e co xerente de Gandería Josmar SC, José Manuel Santín Caloto.

O solo resulta esencial tamén para combater o cambio climático

Os organismos do solo desempeñan unha función esencial para impulsar a produción de alimentos, mellorar as dietas nutritivas, preservar a saúde humana, recuperar os lugares contaminados e combater o cambio climático, pero a súa contribución permanece no súa maior parte subestimada, sinala a FAO no seu primeiro informe titulado "State of Knowledge of Soil Biodiversity" (Estado dos coñecementos sobre a biodiversidade do chan). O informe presentouse hoxe con ocasión do Día Mundial do Solo. "A pesar de que a perda de biodiversidade figura entre as principais preocupacións mundiais, non se outorga á biodiversidade subterránea a importancia que merece, e debe terse plenamente en conta ao planificar as intervencións para o desenvolvemento sustentable", segundo o informe. "A biodiversidade do solo e a xestión sustentable dos solos constitúen un requisito previo para o logro de moitos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable", afirmou a Directora Xeral Adxunta da FAO, Sra. Maria Helena Semedo. "Por tanto, os datos e a información sobre a biodiversidade do chan, desde o plano nacional ao mundial, son necesarios para planificar con eficiencia as estratexias de xestión dun tema do que aínda se coñece pouco". "Esperamos que os coñecementos incluídos neste informe faciliten a avaliación do estado da biodiversidade do solo como parte integrante da presentación de informes nacionais e rexionais en materia de biodiversidade e dos recoñecementos edafolóxicos", engadiu. Os solos son unha das principais reservas mundiais de biodiversidade e albergan máis do 25 % da diversidade biolóxica do planeta. Así mesmo, máis do 40 % dos organismos vivos nos ecosistemas terrestres están asociados aos chans durante o seu ciclo biolóxico. No informe a biodiversidade do solo defínese como a variedade de vida subterránea, desde os xenes e as especies até as comunidades que forman, así como os complexos ecolóxicos aos que contribúen e aos que pertencen, desde os microhábitats dos chans até as paisaxes. Estes inclúen unha gran variedade de organismos, incluídas formas unicelulares e microscópicas e invertebrados tales como nematodos,miñocas, artrópodos e as súas fases larvais, así como mamíferos, réptiles e anfibios que pasan unha gran parte da súa vida baixo terra, e unha ampla diversidade de algas e fungos.

As ameazas á biodiversidade do solo

A función da biodiversidade do solo mediante os servizos ecosistémicos que proporcionan é fundamental para a agricultura e a seguridade alimentaria. Por exemplo, os microorganismos do solo transforman os compostos orgánicos e inorgánicos que liberan nutrientes de maneira tal que as plantas poden alimentarse. Estas transformacións tamén son vitais para a filtración, a degradación e a inmovilización dos contaminantes na auga e o chan. Ademais, a diversidade dos solos contribúe a mellorar o control, a prevención e a eliminación de pragas e patóxenos. No entanto, a importante función da biodiversidade do solo para asegurar a sustentabilidade dos sistemas agroalimentarios pode verse ameazada polas actividades humanas, o cambio climático e os desastres naturais. O uso excesivo e indebido de produtos químicos agrícolas segue sendo un dos principais factores de perda de biodiversidade do chan e, por tanto, reduce o potencial desta biodiversidade para lograr unha agricultura sustentable e a seguridade alimentaria. Entre outros exemplos figuran a deforestación, a urbanización, a intensificación agrícola, a perda de materia orgánica e carbono do solo, a degradación da estrutura do chan, a obturación do chan, a acidificación do chan, a contaminación, a salinización, a sodización, os incendios forestais, a erosión e os corrementos de terras.

O potencial dos solos para mitigar o cambio climático

As solucións baseadas na natureza que implican o uso de microorganismos do solo teñen un potencial considerable para mitigar o cambio climático. Desempeñan un papel crave na fixación de carbono e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Unha parte das emisións de dióxido de carbono antropóxenas pode ser absorbida polas plantas e almacenarse nos chans grazas á descomposición microbiana, o que pode permitir a retención de carbono no chan durante períodos de tempo prolongados. No informe constátase que as actividades agrícolas constitúen a maior fonte de gases de dióxido de carbono e óxido nitroso emitidos polos solos, como consecuencia do uso excesivo e indebido de fertilizantes que conteñen nitróxenos.

A biodiversidade do solo e o benestar humano

A biodiversidade do solo apoia a saúde humana, de forma tanto directa como indirecta, a través da regulación de enfermidades e a produción de alimentos. Varias bacterias e fungos do solo utilízanse tradicionalmente na produción de salsa de soia, queixo, viño e outros alimentos e bebidas fermentados. A relación entre as raíces das plantas e a biodiversidade do chan permite que as plantas produzan sustancias químicas como os antioxidantes que as protexen das pragas e outros factores de tensións. Cando consumimos estas plantas, os antioxidantes benefíciannos ao estimular o noso sistema inmunolóxico e contribuír á regulación hormonal. Os microorganismos do chan tamén poden axudar a previr as enfermidades inflamatorias, entre elas a alerxia, a asma, as enfermidades autoinmunes, a enfermidade inflamatoria intestinal e a depresión. Así mesmo, desde principios da década de 1900, obtivéronse dos organismos do solo numerosos medicamentos e vacinas, desde antibióticos coñecidos como a penicilina até a bleomicina que se utiliza para tratar o cancro e a anfotericina para as infeccións por fungos. No contexto do aumento das enfermidades causadas por microorganismos resistentes, a biodiversidade do chan ten enormes posibilidades de ofrecer novos medicamentos para combatelas.

Medidas futuras

Polo xeral, existe unha falta de datos detallados, políticas e medidas sobre a biodiversidade do chan a nivel local, nacional, rexional e mundial. No informe ponse de relevo a necesidade de promover o cambio necesario para incluír indicadores biolóxicos da saúde do solo, xunto con indicadores químicos e físicos. A fin de comprender mellor as ameazas á biodiversidade do chan e aplicar políticas e regulamentos pertinentes, é crucial investir en avaliacións da biodiversidade do solo harmonizadas en todo o mundo, normalizar os protocolos de mostraxe e análise para permitir a recolección de grandes conxuntos de datos comparables e promover a utilización de ferramentas de seguimento eficientes con vistas a rexistrar os cambios na biodiversidade do chan. Segundo o informe, a adopción de prácticas de xestión sustentable dos solos por parte dos agricultores, como premisa básica para preservar a biodiversidade do chan, segue sendo baixa debido á falta de apoio técnico, provisión de incentivos e contornas propicias e debe intensificarse. A publicación tamén subliña a necesidade de promover as tecnoloxías innovadoras na xestión dos solos. Por exemplo, as novas técnicas moleculares que utilizan a secuenciación molecular de próxima xeración permiten unha mellor comprensión dos organismos do chan e os efectos que estes poden ter nos sistemas de cultivo asociados. Por conseguinte, segue sendo de suma importancia reforzar a educación e o fomento da capacidade na adopción de instrumentos innovadores con vistas a contribuír á saúde dos seres humanos, as plantas e os solos. As principais conclusións do informe presentáronse ¡na cerimonia virtual do Día Mundial do Solo. Durante a cerimonia, concedeuse o Premio Mundial do Solo Glinka 2020 a un científico agrícola italiano, líder de acción en materia de solos, o Sr. Luca Montanarella, e outorgouse o Premio do Día Mundial do Solo Rei Bhumibol ao Consello de Investigacións Agrarias da India (ICAR). Ademais, conscientes de que non podemos xestionar de maneira adecuada o que non coñecemos, durante o acto presentouse o Sistema armenio de información sobre os solos.   

Cursos sobre control de pragas e manexo do solo en agricultura ecolóxica

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo organiza unha formación en produción ecolóxica, en colaboración coa Oficina Agraria Comarcal de Betanzos (A Coruña). As iniciativas desenvolveranse durante setembro e outubro en dous cursos que teñen como obxecto impulsar a competitividade no sector agrario de Galicia.

O primeiro curso versará sobre a loita e control de pragas e enfermidades na horticultura ecolóxica. Desenvolverase os días 23, 24 e 28 de setembro en varios puntos de Oza-Cesuras en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Abordará contidos como o papel dos microorganismos na saúde do solo, a cría de insectos útiles, as técnicas de control de pragas, ou as estratexias de control biolóxico.

O segundo curso abordará o manexo do solo na horticultura ecolóxica. Terá lugar os días 1, 9 e 14 de outubro. Desenvolverase en locais e explotacións de Miño, Oza-Cesuras e Paderne.

Entre as materias a impartir atópase a planificación do laboreo, a bioloxía do solo, a compostaxe ou os labores básicos para o cultivo ecolóxico.

Están dirixidos a agricultores en activo ou persoas con expectativas de incorporación á actividade agraria. A inscrición nos cursos pódese realizar na sede electrónica da Xunta. A formación inclúese no Plan de Formación ao Agro Galego 2020, organizado pola Consellería de Medio Rural.

 

-Consulta aquí o programa do curso sobre control de pragas

 

-Máis información sobre o curso de manexo do solo na horticultura ecolóxica.