Archives

Continúa a suba dos produtos lácteos nos mercados internacionais

European Milk Market Observatory acaba de publicar o seu informe sobre a situación dos mercados de produtos lácteos tanto a nivel europeo como internacional. Estas son as tendencias que se observan dende este observatorio do sector lácteo, dependente da Comisión Europea: -Os prezos medios dos produtos lácteos a pasada semana na UE foron os seguintes: Manteiga: 411 €/100 kg, +1.4% nas últimas catro semanas Leite desnatado en po (SMP) 266€/100 kg, +2,9% ,, Leite enteiro en pó (WMP): 329 €/100 kg, +2,5% ,, Queixo cheddar: 326€ /100 kg +0,3% ,, O leite spot en Italia permanece estable nos 40.3 c/kg -A Unión Europea é máis competitiva no mercado internacional respecto a Estados Unidos e Oceanía (Australia e Nova Zelandia) nos prezos do queixo e, en menos medida, da manteiga e do leite en po, tanto enteiro como desnatado. -A producción de leite na Unión Europea caeu nun 0,1% nos seis primeiros meses do ano respecto ao mesmo período do 2020. En Nova Zelandia a produción de xaneiro a xullo foi un 4,5% superior ao pasado ano; en Australia diminiu un 3,5% no que vai de campaña -a produción de leite en Oceanía é estacional segundo a disponibilidade de pastos- e en Estados Unidos, de xaneiro a xullo deste ano acumula unha suba do 2,3% se se compara co mesmo período de 2020. -O prezo medio na Unión Europea do leite estandarizado ao 4% de graxa e ao 3,3% de proteína foi de 0,358 euros o kilo no mes de xullo, o mesmo que en xuño. En Nova Zelanda o prezo medio está en 0,359 euros o kilo e en Estados Unidos baixou lixeiramente até os 0,344 euros o kilo de leite. -A produción de derivados lácteos na UE evolucionou de xaneiro e xullo do seguinte xeito: descendeu nun 11,2% a produción de leite en pó enteiro ( WMP); un 0,8% menos de leite envasado, 1,3% menos de manteiga e un 4,3% de baixada na produción de leite en po desnatado. Pola contra, aumentou a produción de queixo, o produto de máis valor, nun 2,2% e a de leite condensado, nun 2,2%.

Descarga aquí o informe completo

Segue a boa evolución dos produtos lácteos nos mercados

As últimas cotizacións dos produtos lácteos na Unión Europea seguen mostrando unha evolución positiva, con alzas en prácticamente todos eles. Así, segundo os últimos datos do Observatorio do Mercado Lácteo da UE, referidos á pasada semana, a manteiga subiu na última semana un 1%, quedando o seu prezo nos 4,05 euros por kilo, un 16% máis que hai un ano. No caso do leite en po desnatado, a suba semanal foi do 1,2%, situándose a cotización media nos 2,60 euros o quilo, un 21% maís que hai un ano. No leite en po enteiro tamén se rexistrou un incremento, do 2%, quedando o quilo nos 3,25 euros, un 19% máis que na mesma semana do ano pasado. Nos queixos a evolución foi máis irregular: houbo subas no Edam, do 0,2%, e no Gouda, do 0,7%, pero baixadas no Emmental e no Cheddar, do 1,2 e 1,1%, respectivamente. En todo caso, a evolución interanual é positiva: con subas do 8% no caso do Cheddar e do Edam, do 7% no Gouda e do 1% no Emmental. Por último, o soro de leite en pó -”wheypouder”, en inglés- cotízase a 0,97 euros o quilo, un 0,5% máis que na primeira semana de setembro, pero un 35% máis que en 2020.

Consulta aquí o informe completo do Observatorio do Mercado Lácteo da UE

Gandería Pumar de Buxán: Un referente de manexo en vacún de leite

Lograr a máxima rendibilidade da gandería reducindo o coste de producir un litro de leite, e iso en base a un óptimo manexo e unha boa calidades das forraxes. Esta é a máxima que segue dende hai case 40 anos a gandería Pumar de Buxán, situada da parroquia homónima do concello coruñés de Val do Dubra. Moxen 60 vacas que permiten crear catro postos de traballo: os dous dos seus propietarios, o matrimonio formado por Antonio Pumar García e a súa dona Rosario, o seu fillo Toni, recentemente incorporado á explotación, e unha asalariada externa, Vanessa, que traballa nas labores de muxido. A historia desta gandería, que durante anos se situou nos primeiros postos de Galicia en nivel xenético, ven marcada pola constancia no traballo e tamén polo azar. “Eu estudei en Santiago unha formación profesional na rama mecánica, e no ano 1982 os meus pais propuxéronme facerme cargo da gandería familiar, que aceptei sempre e cando se cambiaran moitas cousas na explotación”, conta. E é que a granxa da que partía eran 6 vacas de cruce, que cambiaron coa adquisición de 5 vacas Holstein e varias becerras, o xérmolo da actual cabana gandeira. Un punto de inflexión para esta gandería foi a construcción no 1990 dun novo establo, nun terreo separado da casa familiar, e cunha sala de muxido situada fóra da nave das vacas. “Creo que foron dous acertos, pois permitíronnos medrar e mellorar tanto en limpeza como en hixiene do muxido”, recoñece. Hoxe Gandería Pumar de Buxán conta 70 vacas adultas, das que 60 están en muxido e 10 secas, ás que hai que sumar 20 xovencas e outras 20 becerras para recría.
“Empregamos como máximo 9,5 kilos de penso para unha produción de 36 litros e un 3,9% de graxa”
A produción media é de 35 litros por vaca, cun 3,9% de graxa e un 3,37% de proteína. Dende os seus comezos venden o leite a Nestlé, que llo paga por calidades; é dicir, por kilos de graxa e de proteína. “Nestlé axudounos moito a mellorar en manexo, porque nos incide moito nas calidades do leite e no benestar animal, de forma que imos compartindo metas e obxectivos”, destaca Antonio. Para lograr esa producción empregan unha ración composta por 9,5 kilos de penso, medio kilo de palla, 11 de silo de herba e 35 kilos de silo de millo. “Polos nosos cálculos -explica- non nos é rendible incrementar máis a produción e o uso de concentrado, pois as vacas van ter máis complicacións e non estaríamos producindo o litro de leite máis barato”. A ración fana eles cun carro mesturador de segunda man, algo que resultaría pouco rendible se se ten en conta o tamaño da granxa, pero que compensan cunha comida máis fresca para os animais, ao servila dúas veces ao día, e tamén cunha mellor calidade de mezclado.

Manexo da base territorial

A alimentación do rabaño de Gandería Pumar de Buxán prodúcese principalmente na súa base territorial, composta por unhas 30 hectáreas de terreo, das que unhas 25 son en propiedade, algo que Antonio considera estratéxico para a viabilidade dunha explotación. Realizan eles todos os traballos agrícolas, agás o ensilado, e dende o ano pasado a sementeira. Na herba, tanto nas pradeiras temporais como nas permanentes, empregan unha mestura de raigrás híbrido e trevo, con bos resultados. “Empezamos empregando raigrás inglés e trevos pero fómolo deixando porque rebrotaba máis tarde para facer os cortes, de forma que se nos atrasaba demasiado a sementeira do millo. Daquela, empezamos a meter trevos con raigrás híbrido e notamos que, grazas a que as leguminosas fixan nitróxeno, o cultivo posterior de millo mellora o seu rendemento. Ademáis, cos trevos logramos mellores calidades de proteína e de dixestibilidade no silo de herba, de feito no último estivemos nunha media de 16% de proteína”, destaca Antonio.
“Notamos maior produción de millo nas leiras que tiveron pradeira de inverno con trevo”
En canto ao millo, sementan unhas 24 hectáreas cun ciclo 280, que se axusta aos solos das súas parcelas, de tipoloxía franco-limosa, pois de ir a ciclos máis longos poderían ter dificultades para entrar ás leiras no momento de ensilar. En canto ás calidades do silo de millo, de media están nun 37% de almidón, prestando especial atención tanto ao picado como á altura de corte. “O picado do millo é moi importante, levamos varios anos co sistema Shredlage, e os resultados son bos. O corte facémolo polo terceiro nó, senón o único que fas é meter problemas no silo”, subliña. Para preservar a fertilidade do solo, procuran sementar pradeira despois de recoller o millo. En Gandería Pumar de Buxán aplican dende hai anos o que agora se chama gandería de precisión: Lograr que as vacas lle saquen o máximo rendemento ás forraxes e que no caso das terras ao xurro que produce a granxa. Para iso, realizan analíticas de terras e de xurro todos os anos, e para reducir as perdas de nitróxeno e os malos cheiros desde o 2020 empregan bacterias específicas. “Empezamos traballando coas de Bioprana e agora estamos utilizando uns polvos de TimacAgro que son máis fáciles de aplicar”, afirma. Nas camas tamén buscaron un material que lles permitira conxugar o benestar e a hixiene das vacas coa mellora do potencial produtivo das súas terrras. Probaron varios sistemas, incluíndo o serrín, o cal apagado con magnesio, ou a cama quente con compost das bostas das vacas, que acabaron desbotando pola humidade que acumula no inverno. “Agora empregamos unha mestura de cascarilla de arroz, cal apagada e serrín e, xunto coas bacterias, notamos que redunda nunha mellora do rendemento das colleitas”, asegura Antonio. E cando á area, este gandeiro recoñece que “nunca se nos pasou pola cabeza polo problema que provoca nas terras a medio prazo”.

“A xenética é importante pero para min é máis determinante o manexo”

En canto ao nivel xenético da granxa, e malia situarse entre as máis destacadas en ICO en Galicia, Antonio Pumar afirma que “para min é máis determinante o manexo”. “Un establo cunhas vacas mediocres e cun bo manexo pode conseguir os mesmos ou mellores resultados que un establo con vacas de primeira e mal manexo”, sentenza. Así, nos acoplamentos, que realiza Antonio, ademáis da inseminación, buscan a menor consangüinidade posible e touros intermedios para lograr unha vaca equilibrada. Os datos de reprodución en Gandería Pumar de Buxán son envexables, con tan só 1,2 inseminacións por vaca. “Utilizamos moi pouca prostaglandina, son celos naturais, e aos 2 meses de parto inseminamos”, explica Antonio. A clave desta boa fertilidade está na detección de celos. “Para min o máis importante é o paso do ser humano polo establo, canto máis controles mellor. Por moitos podómetros e aparellos que teñas, que si son unha axuda, non suplirás a observación dunha persoa”, subliña.

Futuro: Mellorar a marxe por litro de leite máis que medrar

Sobre o futuro desta gandería para os próximos anos, Antonio prevé manter a produción de leite, arredor duns 600.000 litros ao ano, e mellorar a rendibilidade reducindo os custes de produción. “Aumentar produción requiriría ampliar o establo e meter máis persoal, co cal non estou seguro de que aumentáramos a rendibilidade nin a calidade de vida”, asegura. Os investimentos que si pensan realizar é no almacenamento do xurro, ben amplicando a fosa ou instalando un separador da fracción sólida da líquida, así como construír unha nave para becerras e vacas secas. “E por suposto, comprar terra se xorden oportunidades interesantes”,e engade. Por último, Antonio Pumar fai un chamamento ás administracións para solucionar dous importantes obstáculos, ao seu xuízo, á incorporación da xente nova ao campo: a excesiva fiscalidade das axudas -”serían mellor axudas a fondo perdido”, asegura- e os excesivos impostos polos dereitos de sucesión.

En dúas frases: Cal é a clave para a rendibilidade dunha gandería de vacún de leite?

-“Se eres constante facendo as cousas ben día a día, unha granxa é viable. A outra clave é facer o litro de leite o máis barato posible, e para iso hai que ter comida suficiente e ter boa calidade dos silos”. -”Se tivera a extensión que temos en poucas fincas faría pastoreo porque tes menos traballo e máis marxe por litro”.

Segue a caída dos mercados lácteos na Unión Europea

O Milk Market Observatory publicou este xoves os últimos prezos medios dos produtos lácteos no mercado interno da Unión Europea. As últimas cotizacións, correspondentes á semana do 6 ao 12 de abril, revelan unha caída xeneralizada de prezos debido ás consecuencias da crise do coronavirus: peche dos canais de comercialización da hostalaría, a reducción das exportacións e os movementos especulatarios por parte dos operadores internacionais, á agarda de prezos máis baixos para pechar compras. En concreto, o prezo medio da manteiga na UE quedou na última cotización en 3 euros o quilo, un 7,7% menos que a semana precedente e cunha caída interanual do 28%. O leite desnatado en pó (SMP polas súas siglas en inglés), o produto lácteo que máis exporta a UE xunto co queixo, tamén experimentou unha imporante caída, do 6,2%, quedando nos 1,97 euros o kilo, no limiar do prezo de intervención, aínda que se mantén un 3% por riba do prezo de hai 12 meses. O leite enteiro en pó (WMP) tamén experimentou unha baixada de prezos, un 2,8% menos, e queda en 2,68 euros o quilo, un 8% menos que hai un ano. Pola contra, os queixos son os que de momento están a librarse mellor da crise do coronavirus, con leves caídas de prezos: O Cheddar cotízase a 2,99 euros o quilo nos mercados maioristas, cunha caída semanal do 1,6% e dun 3% interanual; o Edam quedou en 3,18 euros o quilo, un 0,7% menos que a semana anterior pero un 3% máis que hai un ano; o Gouda subiu a súa cotización un 1,3% e págase a 3,27 euros o quilo, un 5% máis a nivel interanual e o Emmental baixou o seu prezo nun 1,3%, ata os 5,07 euros o quilo, unha cotización que é un 8% superior á de hai 12 meses. Por último, o soro de leite en pó baixou un 1,4% na UE, quedando nos 0,73 euros o quilo, o que supón unha caída interanual do 10%.

Sat Candesa: Unha gandería con futuro grazas á unión

SAT Candesa é hoxe en día unha das principais ganderías do concello de Boqueixón (A Coruña) grazas a que hai cinco anos os seus socios foron quen de ver que unirse era a mellor alternativa para mellorar a súa calidade de vida e asegurar o relevo xeracional. Neste momento conta con 160 vacas en muxido -e 350 animais en total- nun moderno establo inaugurado en xaneiro de 2015 e cultivan algo máis de 120 hectáreas de base territorial repartidas polos concellos de Boqueixón e de Santiago de Compostela. Na explotación traballan as dúas familias socias, Nieves Fandiño Mareque e o seu fillo Estefan Senande Fandiño, e o matrimonio formado por Elvira Fernández García e Manuel Caneda Raviña. Ademais, contan con dous asalariados, Rubén Brea Ferreiro e Manuel Gómez Segade. “No noso caso, a miña nai contaba con 25 vacas en muxido, trabadas, e manexábamos unhas 10 hectáreas de terreo. Eu estivera traballando en empresas de servizos agrícolas, e de sempre tivemos moi boa relación cos nosos veciños Manuel e Elvira. No meu caso quería incorporarme pero a explotación non daba para dous salarios, polo que comezamos a falar de crear unha Sat con eles”, explica Estefan. A súa nai, Nieves Fandiño Mareque, engade que “teño 55 anos e aínda me quedan moitos anos por cotizar e o traballo, tal como era o noso establo, muxindo con cántaras, facíaseme cada vez máis duro para facelo eu soa”.
Manuel Caneda: “Coincidiunos moi ben ás dúas familias: nós queríamos ampliar e eles querían incorporar a Estefan”
No caso dos seus veciños de Gandería Caneda, Manuel e Elvira muxían 70 vacas e contaban cunhas 30 hectáreas de base territorial. Sen embargo, as súas instalacións estaban saturadas e precisaban facer un establo novo. “Tiñamos 70 vacas nun establo deseñado para 40 e, se queríamos continuar, estabamos abocados si ou si a ampliar”, recoñece Manuel. “Coincidiunos moi ben ás dúas familias”, destaca. Así foi como constituíron a SAT Candesa no ano 2013 e en xaneiro de 2015 trasladaron todo o rabaño para as novas instalacións, nas que investiron preto de 1 millón de euros. “Nos dous anos previos estivemos recriando moitos animais, porque o noso obxectivo era non gastar en comprar gando. Así, cando viñemos tiñamos en total sobre 100 xovencas e outras 100 vacas en muxido”, explica Manuel A valoración que fan hoxe da decisión tomada é moi positiva. “Podemos turnarnos e se alguén enferma ou precisa coller un día non hai problema, pero se estivéramos sós sería un hándicap moi grave”, destaca Estefan. Pola súa parte, Manuel valora que “o máis importante nunha SAT é o capital humano, por moi boas instalacións e gando que tivéramos, se non nos entendéramos ben a gandería non iría adiante”. Organizan o traballo de forma que Felisa, Elvira e os empregados encárganse do muxido; Estefan e os empregados da maquinaria e dos traballos agrícolas e Manuel da reprodución e da sanidade animal.

Están a facer selección xenética para o xenotipo BB da Kappa Caseína

Outro factor clave que os animou a embarcarse neste proxecto foi o apoio da Cooperativa Pico Sacro. “Cando nos reunimos con eles presentounos un proxecto moi interesante para venderlle leite en exclusiva a Queixerías Bama, e decidimos sumarnos”, destaca Manuel. A queixería garántelles a recollida e a cambio esíxelles uns estándares de calidade, con controis do leite e de toda a alimentación das vacas. “O proxecto de Bama e de Pico Sacro danos confianza no futuro porque nos permite aumentar a produción tanto como queiramos”, subliña Estefan. Actualmente, as vacas de SAT Candesa producen unha media de 37 litros ao día cun promedio de 3,9% de graxa e 3,3% de proteína. Queixerías Bama garántelles o prezo do leite todo o ano, unha estabilidade que se traduce nun prezo medio final nesta gandería de entre 34 e 35 céntimos o litro. Precisamente, con vistas a aumentar o valor do seu leite, nesta gandería están a facer acoplamentos para que as súas vacas produzan leite co xenotipo BB da Kappa Caseina pois ten ata un 6% máis de rendemento queixeiro, e confían en que a industria queixeira o primará no futuro. En total realizan 3 muxidos para as vacas de alta produción, unhas 80, e dous para as de baixa produción, a outra metade do rabaño. “Ás 6 da mañá empeza o lote de alta e logo facemos o de baixa; a mediodía só muximos o de alta e ás 7 da tarde primeiro muximos o de baixa e logo o de alta para darlles máis tempo e espaciar os muxidos”, explica Elvira.

“O que máis nos prexudica é ter fincas pequenas e dispersas”

A ración das vacas en produción está composta por 30 kg de silo de millo, entre 16 e 20 de silo de herba e 10 kg de penso para as de baixa produción e 14 para as de alta. O concentrado subminístrallelo a cooperativa Pico Sacro, que é tamén a que recolle o leite para Queixerías Bama. Todas as forraxes son producidas na propia explotación, nunhas 120 hectáreas repartidas en algo máis de 100 fincas dos concellos de Boqueixón e de Santiago de Compostela. “As vacas con boa forraxe funcionan moi ben pero con mala comida, por moito penso que inclúas na ración, o rendemento non é o mesmo. Por eso queremos seguir mellorando a calidade, e sobre todo a dixestibilidade das forraxes”, recoñece Manuel. Sementan unhas 60 hectáreas de millo forraxeiro, que rotan con raigráss, e outras 60 de pradeiras permanentes, nas que fan dous cortes para ensilar e un terceiro para herba seca. “Moitas das fincas son alugadas ou cedidas polos propietarios, e a cambio mantémosllas ben coidadas, cos roleiros ben limpos, e cando lles hai que levar un tractor de esterco para plantar as patacas levámosllo”, engade Estefan.
O ano pasado gastaron 30.000 euros en gasóleo debido á dispersión das fincas
En SAT Candesa todos os traballos agrícolas procuran realizalos eles tras unha mala experiencia cunha empresa de servizos agrarios, debido ao incumprimento dos prazos. Pero ao igual que moitas ganderías de Galicia, a base territorial é a gran limitación de SAT Candesa para medrar e mellorar a súa rendibilidade. “Temos que traballar nun entorno caótico, onde non hai ordenación ningunha do territorio e obríganos aos gandeiros a traballar fincas pequenas e afastadas entre si, cando o normal é que a administración nos botara unha man para que a terra arredor dos establos fora traballada polos gandeiros. Só o ano pasado gastamos 30.000 euros en gasóleo”, quéixase Manuel.

Proxectos de cara o futuro: Mellorar a recría e a xenética do rabaño

En canto aos proxectos para o futuro, en SAT CANDESA están a traballar para mellorar a xenética do rabaño e producir máis con menos animais. Non en van, unha das ganderías fundadoras, Gandería Casa Caneda, foi elixida a segunda mellor explotación de España por ICO no ano 2008 e un dos seus animais, Bos Caneda Naomi Storm ET recibiu no 2014 a Medalla de Ouro de CONAFE despois de acadar 15 estrelas. Así, neste momento, unha vez cubertas todas as prazas do novo establo, están a seleccionar as mellores vacas e xovencas para inseminar con Holstein, principalmente con touros de Xenética Fontao, e no 60% restante inseminan con Azul Belga, unha raza cárnica cuxos becerros llos pagan a mellor prezo e que permite ás vacas estar máis días en leite. “A nosa aspiración é ter vacas que produzan 40 litros de media e estar sempre por riba do 3,7% de graxa e do 3,2% de proteína, células por debaixo de 200.000 e bacterioloxía por baixo de 10”, resume Manuel Outro dos cambios que pensan facer é construír novos silos ao lado do establo, pois os actuais están nas instalacións vellas, onde tamén está a recría. “Estamos ampliando a zona de vacas secas e a parideira e estamos a construír un sitio específico para as becerras, co obxectivo de mellorar a recría e instalar un milktaxi e non ter que andar con caldeiros”, engade este gandeiro.

Reportaxe de Gandería Caneda en 2014: 

A Comisión Europea prevé un incremento do prezo do leite de aquí ao 2030

O sector lácteo da Unión Europea ten boas previsións de futuro de aquí ao ano 2030. Esta é a principal conclusión do informe publicado este venres pola Comisión de Agricultura da UE no que analiza a situación actual e as perspectivas para os próximos anos. O incremento da poboación mundial e dos ingresos medios tirarán da demanda de produtos lácteos europeos, especialmente do queixo e da manteiga. Desta forma, e a pesar de que o comercio internacional de produtos lácteos medrará a un ritmo menor que nesta década, as previsións de Bruxelas para o período 2020-2030 son que a “a Unión Europea seguirá dominando o mercado, de forma que para 2030 podería abastecer preto do 35% da demanda mundial”.

O prezo do leite para o gandeiro aumentará a medio prazo

Esta maior demanda mundial de produtos lácteos, especialmente de graxa láctea, xunto á previsión de que a industria europea se centre en produtos con máis valor engadido, fan prever á Comisión de Agricultura que “o prezo do leite en orixe aumentará de forma sostida a medio prazo, mentres que os prezos dos pensos deberían permanecer relativamente estables en termos nominais”. Porén, a tendencia pode verse afectada por desaxustes entre a oferta e a demanda, rendementos dos cultivos ou a incerteza das condicións macroeconómicas. “De todos os xeitos, o máis probable é que os prezos do leite sigan unha tendencia crecente”, conclúe o informe. Desta forma, as previsións de prezos do leite na UE para o gandeiro para o ano 2030 varían entre os 0,36 e os 0,42 euros o litro de media, segundo os distintos escenarios de custos de materias primas e enerxía e de oferta e demanda. O prezo medio, segundo esta previsión, situaríase na UE no entorno dos 0,39 euros o litro en 2030. Por outra banda, en termos xerais os expertos da Comisión Europea prevén que as exportacións de queixo, manteiga, leite desnatado en po, leite enteiro en po e soro de leite da UE aumenten en media ao redor de 330.000 toneladas de leite equivalente ao ano. En canto ao mercado da UE, necesitaríanse preto de 900,000 ton de leite adicional por ano para satisfacer o crecemento dos produtos lácteos tradicionais, que son principalmente de queixo. Pola contra, espérase que o consumo europeo de leite líquido continúe diminuíndo na UE. A produción de leite na UE debería experimentar un aumento moderado en comparación con 2018-2030, cunha media do 0,8% anual. A produción estímase en 167 millóns de toneladas en 2018, e debería chegar a 182 millóns de toneladas en 2030. Finalmente, o rendemento do leite tamén debería aumentar en 2030, un 17% máis que o nivel de 2017.

¿Onde se producirá máis leite no ano 2030?

Para 2030, o informe da Comisión de Agricultura da UE prognostica que a produción mundial de leite supere os 1.000 millóns de toneladas. Incrementando anualmente en máis de 15 millóns de toneladas, algo máis rápido que na última década. Máis do 40% deste aumento debería ter lugar na India, que continuamente inviste en grandes granxas modernas e infraestruturas. Con todo, prevese que este incremento sexa absorbido pola demanda interna, e que só exporte en condicións de mercado excepcionais (por exemplo, subsidios para leite desnatada en po, debido ás altas existencias, como se observou en 2018). En África, o aumento da produción de leite estímase que a produción de leite debería incrementarse notablemente, a un ritmo 5 veces maior que na última década. Este aumento de produción (+1.2 millóns de toneladas por ano) concentrarase principalmente no leste de África. Sen embargo, a demanda interna medrará máis rápido polo que se necesitará un importante aumento das importacións. En China, o crecemento esperado na produción de leite, aínda que maior que no pasado, é relativamente pequeno (+650 000 t por ano) debido a restricións ambientais que limitan a expansión da cabana gandeira e falta de competitividade dos produtores. A UE manterase ben situada no mercado mundial de produtos lácteos, a pesar de que en media os custos de produción son máis altos que os seus principais competidores. O modesto aumento da produción proxectado na UE (+1.3 millóns de t por ano en media) é maior que os incrementos anuais previstos en Nova Zelandia (+0,4 millóns de toneladas) e nos Estados Unidos (ao redor de 0,7 millóns de toneladas), os principais competidores da UE. O uso de fariña de améndoa de palma podería limitarse, debido ao seu impacto negativo na composición da graxa do leite. África será o continente no que máis se incrementen as importacións de produtos lácteos na próxima década, tanto debido ao crecemento da poboación (+2.4% por ano), como da urbanización e dos ingresos da poboación. Espérase que para 2030 en África consúmanse 73 millóns de toneladas de leite equivalente, dos que polo menos 13 millóns deberán ser importadas. China seguirá sendo o primeiro importador mundial de produtos lácteos. Con todo, a desaceleración do crecemento económico e o aumento dos prezos ao consumidor deberían retardar o crecemento das importacións.

Previsións de incremento da producción de leite nos próximos anos: 

Non obstante, a crecente demanda de produtos lácteos, en torno ao 1,5% máis por ano, debería levar a un aumento das importacións de preto do 2% anual. Desta forma, para o ano 2030, a dependencia das importacións espérase que permaneza relativamente estable e represente o 18% de consumo interno (tendo en conta as importacións de queixo, manteiga, WMP, SMP e soro en po). Ademais destes e da fórmula de leite infantil, prevese que a carteira de produtos importados se diversifique a máis produtos con alto valor engadido, así como de queixos e graxas lácteas para panadaría e repostaría. En resumo, o informe da Comisión de Agricultura prevé que as exportacións de queixo, leite desnatado en po e soro da UE, así como manteiga e leite enteiro en po medren ao redor de 330 000 t de leite equivalente por ano de aquí a 2030. É certo que é un crecemento máis lento que nos últimos 10 anos (+660 000 t por ano), pero máis rápido que o crecemento esperado das exportacións de Nova Zelandia (+250 000 t) e nos Estados Unidos (+270 000 t). En volume as exportacións europeas deberían aumentar un 2% anual pero un 4% en valor. Os produtos ecolóxicos, especialmente o leite líquido, deberían aumentar a cota de mercado na UE do 3% da produción de leite en 2016 a un previsible 10% en 2030. O número de vacas leiteiras debe permanecer bastante estable no EU-15, con 17,6 millóns de vacas leiteiras en 2030, polo que os incrementos de produción virán por unha maior intensificación e a mellora xenética do gando.

Que produtos lácteos serán máis demandados?

Queixo: Maior demanda de queixos duros, con IXP ou DO

O informe da Comisión prevé que o consumo de queixo na UE aumente 1,3 kg per cápita durante o período 2018-2030 até chegar a 20 kg por persoa e ano en 2030. Nos mercados de exportación, espérase o volume de queixos exportados pola UE aumente en preto de 1,2 millóns de toneladas, de forma que a industria láctea europea cubra preto do 40% da demanda mundial de importacións de queixos en 2030, en comparación coa cota do 34% en 2018. As exportacións da UE teñen un maior valor unitario que calquera dos seus principais competidores, debido a unha alta cota de queixos duros e de indicacións xeográfica, fronte aos queixos frescos máis baratos. Aínda que o principal destino de exportación é Estados Unidos, Xapón cobra cada vez máis importancia para os queixos europeos e xa é o seu segundo maior mercado de exportación. Por outra banda, a crecente demanda en China debería dar lugar a novos fluxos comerciais, especialmente para aperitivos de queixo e o uso crecente de manteiga e queixo crema para engadir ao té. Isto apoia aínda máis a previsión de que China debería tomar o relevo da EE.UU. como o primeiro importador de queixos do mundo.

Previsións de incremento do comercio mundial de produtos lácteos: 

Incremento do mercado de soro

A demanda de soro, un subproduto da fabricación de queixo. e a produción de caseína, ha ir en aumento ao longo dos anos, en particular a través da demanda de produtos nutricionais e doutros produtos de alto valor engadido como fórmulas infantís. Desta forma, a Comisión prevé que a UE debería seguir sendo o principal provedor mundial en 2030 de soro estándar, cubrindo máis do 50% do mercado, concentrando ao redor do 45% do crecemento da produción global. No mercado interno europeo, a tendencia. é cara a un menor uso de soro estándar en po para alimentación (52%) en 2030, en comparación co 57% en 2018). A cantidade total de soro producido debería seguir aumentando, aínda que só uns 2 millóns de t un ano; é dicir, a metade da taxa de incremento dos últimos 10 anos, que viron un incremento constante na recolección de soro de leite. As exportacións espérase que continúen crecendo en preto dun 2% ao ano.

Consumo de leite líquido

O devalo no consumo de leite líquido da UE debería continuar durante a próxima década. Nos 10 anos até 2018, diminuíu en 6 kg até o 52 kg por persoa e ano. Para 2030 espérase que esta tendencia negativa se ralentice notablemente, o que levaría a un consumo de 49 kg per cápita en 2030. En contraste co leite líquido, a produción de iogurt, manteiga e outros produtos lácteos frescos, incluídos as sobremesas lácteas, medrará impulsada pola demanda interna. Por tanto, a pesar da diminución esperada no leite líquido, a inxesta total de produtos lácteos frescos na UE diminuiría só lixeiramente, a 74 kg per cápita en 2030, en comparación co 77 kg en 2018.

Aumento do consumo de manteiga

Nos últimos anos, o cambio cara produtos máis naturais conduciu a un gran aumento no uso de manteiga, particularmente en pastelaría, en Europa e en todo o mundo. Á súa vez, isto provocou un forte crecemento dos prezos das graxas lácteas. Neste contexto, o informe da Comisión de Agricultura prevé que o consumo de manteiga na UE chegue a preto de 4,6 kg per cápita e ano en 2030, 0,3 kg por riba do de 2018. A demanda mundial debería impulsar un novo aumento das exportacións de manteiga da UE até un volume absoluto de ao redor de 260 000 t. Nova Zelandia seguirá sendo o principal provedor do mundo, cun 50% das exportacións mundiais, e a UE debería estar en segundo lugar, co 23%. En canto aos prezos da manteiga, despois de elevarse en 2017 alcanzando preto de 6 400 EUR / t, espérase que o prezo da manteiga da UE caerá a 4 500 EUR / t cara a finais de 2018. Porén, espérase que a fenda entre a manteiga e os prezos do leite desnatada en po se amplíe aínda máis, cun prezo de manteiga de ao redor de 4 000 EUR / t para 2030.

Leite en po

En 2017, a participación da UE na produción mundial de leite enteiro en po (WMP) foi só do 14% e espérase que isto diminúa aínda máis, até o 12% en 2030. Non obstante, as exportacións en 2030 deberían permanecer no nivel de 2018. Por tanto, espérase que a produción de WMP na UE aumente 4 millóns de toneladas anuais no período até 2030, impulsadas principalmente pola demanda interna (+4,2 millóns de t por ano), en particular para chocolate. En canto ao leite desnatado en po (SMP), a crecente demanda mundial está impulsada pola súa variedade de usos. Por exemplo, pode ser procesado en produtos lácteos frescos, sobremesas, chocolate, panadaría, pratos preparados..etc. En 2008-2018, a cantidade comercializada en todo o mundo case se duplicou (ao redor de 2,5 millóns de toneladas en 2018). A UE é moi competitiva neste mercado e foi responsable de ao redor 50% do incremento do comercio global. Para 2030, espérase que se consumirá un 15% máis de SMP en todo o mundo que en 2018, dando como resultado un aumento do 18% nos volumes importados. Na última década, as exportacións da UE medraron en media máis de 16% por ano, o que leva a un nivel récord de 780 000 t en 2017. Durante o período das perspectivas, a UE debería seguir sendo un dos exportadores máis grandes do mundo (xunto cos Estados Unidos), cunha cota do 30% do mercado. Debido á expansión da demanda, espérase que a produción total de SMP acade as 1.820000 t na UE para 2030, un 18% máis que en 2018 nivel, o que leva a un adicional de 2,2 millóns de t de leite equivalente sendo canalizado en procesamento SMP.

Descarga aquí o informe completo

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

SAT Sampérez: Unha gandería creada para producir sólidos lácteos

SAT Sampérez é unha gandería singular en Galicia, porque antes de creala os propietarios acordaron coa industria láctea que tipo de leite lles interesaba producir e en función diso orientaron as súas decisións. “Viñamos de participar como socios nunha gandería da que nos desvinculamos. E no 2012 decidimos empezar de 0, construíndo un novo establo e mercando un rabaño, pero antes de todo iso fomos falar coa industria láctea para que nos garantise a recollida e ver que tipo de leite lles interesaba que producíramos. Falamos con Celta e con Nestlé e foi con esta última coa que chegamos a un acordo para producir leite co máximo de sólidos posibles”, conta José Calvo, que xunto á súa dona, Maite González, xestiona esta gandería situada no lugar de Guisande, no concello coruñés de Santa Comba. O seguinte paso foi mercar o gando, e decidiron ir a Alemaña e Holanda, onde a selección xenética da raza Holstein está máis dirixida á produción dun leite con máis graxa e proteína, con destino á elaboración de queixos e doutros derivados lácteos. “Fun acompañado por Santi de Finca Asunción, e trouxen 40 vacas dunha subasta en Alemaña e outras 45 de Holanda, cun prezo medio duns 2.850 euros”, conta José. Eran primeirizas que na primeira lactación chegaron ao 4,4 de graxa e ao 3,7 de proteína. Hoxe baixaron a unha media de 4,4 e 3,6, pero a produción destes animais e dos seus descendentes foi de nada menos que de 11.700 litros no pasado 2017. Ademais, 40 destes animais importadas, 6 partos despois, aínda seguen producindo. Hoxe en SAT Sampérez contan cun rabaño de 204 animais, dos que 120 son vacas en muxido, e manexan unha base territorial dunhas 50 hectáreas. Dende hai 2 anos Nestlé págalles por kilos de sólidos ás súas 152 ganderías provedoras de Galicia e esta é unha das que maior prezo percibe grazas a estas altas calidades: 0,36 euros por litro, sen IVE, cinco céntimos por riba da media que paga esta industria láctea.
Nestlé págalles a 0,36 euros o litro, grazas aos sólidos
¿A clave?: “O primeiro é a xenética e logo está o manexo”, responde convencido este gandeiro. Para manter o nivel de sólidos e a xenética dos animais que importaron o criterio que empregan para os acomplamentos é que os touros nunca sexan negativos en calidades e que suban en produción. “Para iso tes que ir a touros de Holanda, porque os de Estados Unidos ou os de Canadá están máis seleccionados para producir litros e non para sólidos”, conta. “Non busco unha vaca de concurso, senón unha vaca resistente, con boas patas, bo ubre e que produza sólidos”; engade. En canto ás inseminacións traballan con seme convencional, despois dunha infructuosa experiencia co sexado. No 50% das vacas inseminan con raza Frisona, recriando todas as femias, e na outra metade poñen seme de Rubia Galega. “É unha raza que nos funciona moi ben, sobre todo porque adianta os partos entre 10 e 12 días respecto ao Limousin, e iso é máis leite, e menos problemas para as vacas”, explica José. Os becerros véndenos a partir dos 15 días a unha media de 200 euros por xato.

Calidades das forraxes e dos silos 

A outra parte da rendibilidade de SAT Sampérez está en que logran unha moi boa calidade das forraxes e a baixo prezo. O custo de alimentación é de 4,4 euros por vaca e día, ou 0,16 euros por litro, incluíndo o custo das forraxes, do penso, dos alugueres das parcelas e do carro mesturador. O punto de partida está nas forraxes que producen: contan cunhas 50 hectáreas de base territorial, das que en 39 sementan millo rotándoo con pradeira de inverno e 11 permanecen a pradeira permanente con raigrás italiano. “Nas de millo sementei este ano un ciclo 300, un Dekalb 4621, e o rendemento medio foi dunhas 40 toneladas por hectárea. Procuro que teña a máxima dixestibilidade, e neste sentido as analíticas do ano pasado deron un 40% de amidón e un 35% de materia seca. Na herba nas pradeiras permanentes fago bolos e nas 40 que destino a millo dende hai 3 anos semento unha mestura de Fertiprado con 4 tipos de trevos, un raigrás hibrido, outro italiano e unha festuca. Os seus resultados son moi bos, tanto en calidades, cun 15% de proteína e un 42% de materia seca, como no crecemento do millo que se bota a continuación”, explica. “O único pero -recoñece- é que as leguminosas non se levan ben co xurro, polo que ou amplío a fosa para non ter que botalo ou terei que deixar de sementalas durante un tempo”.
“A clave da conservación do silo é un bo pisado”
Outro aspecto que chama moito a atención das forraxes de SAT Sampérez é a súa boa conservación, con só un 2% de perdas, malia que os silos non son en trincheira e que non empregan ningún conservante, só ácido fórmico no carro mesturador para que non queza a mestura. Neste sentido, José Calvo subliña que “a clave dunha boa conservación do silo é pisado, pisado e pisado e logo tapalo ben”. No seu caso, tres tractores e 1 excavadora de cadeas están todo o día que dura o ensilado pisando a forraxe para compactala o máximo posible. O menor ancho deste tipo de silo axuda tamén a que a conservación sexa mellor, xa que o avance é máis rápido e o frente do silo está menos tempo exposto ao aire. Con estas forraxes, a ración diaria nesta gandería para as vacas en produción é de 26 kg de materia seca: 32 kg de silo de millo, 11 kg de silo de herba e 11 kg de penso, unha mestura con colza e cun 22,5% de proteína que dende hai pouco lle compran a Agrosoneira a un prezo de 218 euros a tonelada. As xovencas aliméntaas só silo de herba e penso.

A única maquinaria agrícola coa que contan: dous tractores vellos

Outro detalle que chama a atención en SAT Sampérez é que a única maquinaria coa que contan son dous tractores con máis de 30 anos que empregan para arrimar a comida e para pisar o silo. “Contratamos todos os traballos agrícolas, neste caso a Agroforestal Xallas, e para o carro estamos na CUMA de Santa María de Alón. Contratar todos os traballos de maquinaria permíteche estar máis tempo cos animais, que é de onde sacas o rendemento, e detectar a tempo posibles problemas. Á empresa de servizos esíxolle rendemento e calidades, pero eu son gandeiro, non tractorista, e onde teño que pasar máis tempo é no establo coas vacas”, razoa José Calvo.

A importancia do muxido

E se el pasa a maior parte do día atendendo e observando aos animais, a área específica do muxido é couto reservado para Maite. Ela é a artífice de que esta gandería non pase dos 120.000 RCS en tanque e de que as mamites sexan practicamente inexistentes. “Coñezo todas as vacas polo ubre, e sei os defectos de cada unha delas. Por iso é clave no muxido a persoa que o fai e seguir un protocolo, aínda que despois teñas outra persoa que che axude”, explica esta gandeira, que chegou a este mundo tras casarse con José, porque ata entón nunca muxira unha vaca. Realizan 2 muxidos diarios, con dúas horas de duración, nunha sala de 20 puntos. Maite insiste en que o factor humano e observar e coñecer os animais é clave no muxido e para previr mamites. O seu marido corrobora a súa afirmación, pero recoñece que “quizás nun futuro poñamos robot de muxido, non por que queiramos, senón porque nos obrigan, xa que é moi difícil atopar man de obra para traballar nas granxas de vacún de leite”.

Futuro: Ampliar a fosa de xurro e mellorar calidade de vida

En canto aos seus plans para o futuro, en SAT Sampérez o seu obxectivo é gañar en calidade de vida, podendo dispor de fins de semana libres e de vacacións. “Prevemos aumentar 30 vacas en muxido para poder pagar outro empregado que nos permita mellorar en calidade de vida, e para iso teríamos que ampliar a fosa de xurro, pasando dos actuais 1,2 millóns de litros, a 3 millóns, e se me dan o plan de mellora tamén a cubriría”, explica. Uns plans que chocan cunha burocracia excesiva e lenta pois, tal e como recoñece, “só para conseguir a licenza medioambiental temos que esperar entre 1 e 2 anos”. Outro obxectivo que se marcan nesta gandería de cara ao futuro é aumentar a lonxevidade das vacas, actualmente nunha media de 2,5 partos e cun 25% de reposición. Neste sentido, José amósase convencido de que “imos conseguir subir de 3 partos de media sen problema”. Tampouco considera un obstáculo conseguir base territorial para o cultivo das forraxes e para baixar a carga gandeira. “A día de hoxe é un factor limitante, pero en 10 ou 15 anos non o será porque o 90% das explotacións vai pechar”, vaticina. Uns peches que en boa media atribúe “a unha mentalidade establecida na sociedade de que o que se dedica á gandería é porque non vale para outra cousa”, un estereotipo que a realidade desminte cada vez máis. No seu caso José e Maite teñen un fillo de 18 anos que cren que nun futuro tomará o relevo na explotación. “Ten idea de quedar coa explotación, este ano empezou a estudar Administración e Dirección de Empresas e logo ten intención de facer o ciclo superior de gandería. Sabe que isto é unha alternativa rendible e que vai estar aquí”, asegura Maite.

SAT Sampérez en imaxes: 

Anterior
Siguiente
Os silos desta gandería teñen moi boa conservación malia non seren en trincheira

Unha das mellores ganderías de Nestlé en Galicia

SAT Sampérez sitúase no top 10 das 152 ganderías ás que Nestlé lles recolle o leite en Galicia. “Nestlé dende o comezo deixoume claro o que quería e páganme segundo eses criterios, garantindo unha estabilidade a varios anos . Esixen moito en canto a control de todo o que pasa na explotación pero estou encantado”, recoñece José Calvo. “A Certificación de Nestlé é un sistema de traballo que teñen que implantar as ganderías proveedoras e nela esíxense uns requirimentos en canto a calidade do leite, sanidade, respecto cara o medioambiente e, cada vez máis, de mellora do benestar animal, unha esixencia que provén duns clientes que cada vez teñen máis en conta este aspecto”, explica Francisco Rivas, asesor agropecuario de Nestlé e que traballa con SAT Sampérez.
“Nesté esíxenos moito, pero estamos moi contentos porque nos dá estabilidade a varios anos e ten unha estratexia”
Para comprobar o cumprimento destas esixencias técnicos de Nestlé asesoran ás ganderías, visitando con frecuencia as explotacións, uns controis que se reforzan con visitas aleatorias e dúas auditorías ao ano. Neste sentido, Francisco Rivas destaca que “un dos aspectos que máis valora Nestlé á hora de seleccionar a unha explotación como proveedora é que o gandeiro teña unha mentalidade aberta a adaptarse aos requirimentos que lle fai a industria pola demanda do mercado”. “E José Calvo é un deses gandeiros de mentalidade aberta que precisamos”, subliña. Por último, SAT Sampérez, é unha das 10 ganderías galegas que participan no proxecto “Dairy For Future”, unha iniciativa financiada polo Arco Atlántico e na que participan entidades de Galicia, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e País Vasco, co obxectivo de mellorar a sustentabilidade medioambiental das ganderías de vacún de leite. Tamén acolle alumnado en prácticas do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa.