Archives

“A destrución da Amazonía para producir soia e millo é negativa para todo o planeta”

Sebastião S. Vilanova, presidente da cooperativa brasileira Cooperoeste A Cooperativa Regional de Comercialização do Extremo Oeste (Cooperoeste) está localizada en São Miguel do Oeste, na principal zona leiteira do Estado de Santa Catarina, no suroeste de Brasil e limítrofe xa coa provincia arxentina de Misiones. Creada fai 27 anos dentro do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), é unha das maiores cooperativas lácteas da zona. Recollen máis de medio millón de litros de leite ao día de 900 produtores e transfórmano en distintos produtos, como leite, manteiga ou queixos, que comercializan en 8 Estados diferentes.  Entrevistamos a Sebastião S. Vilanova, actual presidente da cooperativa, para coñecer cal foi o proceso de loita pola terra das familias que constituíron os primeiros asentamentos e a creación posterior dunha marca propia para comercializar en conxunto o leite que producían. 
O Estado de Santa Catarina produce o 9% da produción leiteira brasileira
A pasada primavera Sebastião visitou en varios países europeos distintas iniciativas de produción e transformación leiteira baseados no modelo cooperativo con vistas a poder implementar algúns destes procesos entre os produtores que forman parte da Cooperoeste. “As cooperativas representamos o 7% do mercado do leite en Brasil, temos un campo de crecemento moi grande aínda”, di. – Cal é a historia da cooperativa Cooperoeste e por cantas familias está formada na actualidade? – Antes de se constituír a cooperativa, un grupo de 15 familias de pequenos agricultores uníranse para crear unha leitería cunha capacidade de 30.000 litros ao día, pero tralo primeiro ano de industrialización enseguida viron que non ían lograr facerse fortes no mercado. Foi entón cando xurdiu a idea de formar unha cooperativa rexional con máis socios que tivese un alcance maior. Foi daquela cando o 20 de xullo de 1996 se constitúe a Cooperoeste, que arrincou con 120 socios produtores de leite. En 1999 comezouse a envasar leite UHT. Foi unha época moi difícil, porque nós sabiamos producir leite, pero non industrializalo nin comercializalo, até que no 2001 recibimos a axuda da cooperativa uruguaia Conaproli, que nos avalou ante Tetra Pak para instalar a primeira máquina envasadora. Na actualidade temos unha capacidade de envasado de 12.000 litros/hora e hoxe a cooperativa ten 1.600 socios. Canto leite transforman e en que produtos? – A cooperativa ten 4 leiterías, 3 queixerías e 1 industria de leite UHT. As 4 leiterías teñen capacidade para industrializar 800.000 litros ao día e estamos recollendo e transformando 650.000 litros diarios. A nosa carteira de produtos é ampla: temos leite enteiro, semidesnatado, desnatado e sen lactosa e tamén facemos queixo mozarela, queixo raiado, queixo loncheado, nata, iogur, batidos, doce de leite, requeixo e leite en po, entre outros produtos. Posuímos 5 marcas propias, que son Terraviva, Amanhecer, Paraíso, 4 Geração e Da Vovó. A través de que canles se produce a comercialización principalmente? – Os nosos produtos atópanse tanto en grandes cadeas e supermercados, como tamén en mercados máis pequenos de 8 Estados: Rio Grande do Sul, Santa Catarina, Paraná, São Paulo e Rio de Janeiro. As nosas vendas son a través de representantes comerciais, que son unhas 80 persoas distribuídas nestes 8 Estados. Até 300 km desde os puntos de produción facemos nós directamente a loxística; máis lonxe é a través de transporte alleo. Cales son os principais investimentos previstos para os vindeiros anos? – Temos previsto chegar a 2028 con 1 millón de litros/día transformados, hoxe temos 650.000 litros/día, e dentro da nosa planificación para 2030 está tamén construír unha industria de leite en po e leite condensado, que hoxe son produtos feitos por terceiros. Do mesmo xeito, tamén queremos ampliar a nosa capacidade comercial e de subministro de insumos e produtos. Temos hoxe 8 tendas agropecuarias e queremos chegar a 12 co obxectivo de estar máis próximo ao noso socio produtor. Tamén temos previsto construír unha planta de enerxía sustentábel mediante paneis solares para a cooperativa e outras melloras ambientais, como canalizar a auga da choiva de todas as nosas naves. Cal é o modelo produtivo dos socios que integran Cooperoeste en canto ao tamaño das ganderías, a alimentación do gando e a man de obra para atendelas? – As nosas ganderías móvense nunha media de entre 30 e 50 hectáreas de superficie; moi poucas superan as 50 ha. A alimentación das vacas é con pastoreo a base de pastos permanentes e unha ración que leva silo de millo e sorgo entre outras cousas. Sen embargo, nos últimos 3 anos está mudando moito a forma de alimentación do gando. Estanse a construír grandes establos onde os animais permanecen pechados no seu interior todo o tempo. Con este formato de produción ten aumentado a produción por animal, pero está provocando que moitos pequenos produtores deixen de producir leite por non conseguir crédito nos bancos para a construción destas novas naves, porque son valores moi elevados de investimento os que se necesitan para construír estes establos onde poder ter pechadas as vacas e o prezo do leite, que é moi variable, moi pouco estable dun mes para outro, non dá garantías aos bancos de reembolso deses préstamos.
O prezo do leite é pouco estable dun mes para outro, o que dificulta o acceso á financiación por parte das granxas, porque non dá garantías aos bancos de reembolso deses préstamos
Esta dificultade de acceso ao crédito ten consecuencias tamén na sucesión das granxas. A modernización das instalacións e dos sistemas produtivos é imprescindible para facer atractivo o sector para as novas xeracións. Vemos que só se quedan nas explotacións aqueles mozos que teñen unha boa estrutura montada na súa granxa. Cal é a situación actual da produción de leite en Brasil neste momento e como ves ti o futuro? – O futuro é sempre incerto, pero neste momento a tendencia apunta a que en Brasil se vai concentrar a produción, con menos produtores e un sistema máis intensivo, con vacas pechadas en establos naqueles casos onde se produce a sucesión dun mozo. Tamén está acontecendo en Brasil que moitas empresas leiteiras están a ter dificultades, ben pechando as súas portas ou pedindo o concurso de acreedores xudicial. Un dos motivos ao meu entender é que moitas veces a rexión onde esta localizada a fábrica está moi distante de onde está a produción do leite e noutros casos débese a que non son capaces de adaptarse aos cambios e acompañar as demandas do mercado, que é moi dinámico. 
En Brasil moitas empresas leiteiras están a ter dificultades. Nestlé, por exemplo, deixou de mercar materia prima e externalizou a industrialización do leite
Nós na Cooperoeste temos moita preocupación por isto, e entendemos que non nos podemos distanciar do noso socio produtor. Ese é tamén é un dos factores polo que moitas empresas teñen problemas e acaban parando a industrialización do leite. O exemplo é Nestlé, que parou a compra da materia prima dos produtores e externalizou os seus produtos con outras empresas que fabrican para ela, non saíu con seus produtos do mercado, mais deixou de mercar leite nas granxas e pasou os produtos que precisan refrixeración para Lactalis e os produtos secos para Piracanjuba. Instalacións da cooperativa, que conta plantas de envasado de leite, queixerías, e unha rede de tendas para os socios Que papel xogan as cooperativas en Brasil na transformación do leite fronte ao modelo das industrias privadas e que cota de mercado representan a día de hoxe? – O modelo das cooperativas hoxe no Brasil é parecido ao das industrias na transformación do leite, a diferenza é que as cooperativas distribúen os beneficios e teñen políticas distintas cara ao socio produtor que as outras empresas non teñen. Existe un campo moi grande aínda para o crecemento das cooperativas. Na actualidade as cooperativas no Brasil representan un pouco máis do 7% do mercado mais teñen moito campo aínda para medrar. 
Existe un campo moi grande aínda para o crecemento das cooperativas
Hoxe a nosa rexión non sería a mesma sen a Cooperoeste, porque os produtores non terían a atención que teñen e terían un problema grande nos prezos do seu produto. A nosa cooperativa está hoxe en 83 municipios, dos cales 10 municipios están no Estado de Paraná, onde recolle o leite e dá a mesma asistencia aos produtores que os que están no Estado de Santa Catarina. Ademais da transformación do leite, que outros servizos presta a cooperativa aos socios gandeiros? – Alén de adquirir o leite dos asociados e facer a transformación, a cooperativa ten varios programas para os socios, por exemplo a asistencia técnica 24 horas ao produtor con custo soamente do combustible para o desprazamento veterinario e o medicamento que fose usado na atención da vaca. Outra política creada para o asociado é que de todos os produtos que o socio merca nas tendas da cooperativa vaise engadir un 1% na súa conta corrente que o ano seguinte poden sacar e que a cooperativa devolverá ao asociado en forma de compras e mercadorías. O mesmo acontece coa produción de leite que o socio entrega á cooperativa, que incrementa un 0,02% na súa conta capital. O socio pode retirar esa cantidade acumulada das entregas de leite no momento que quere saír da cooperativa. Cal é o modelo produtivo que máis abunda no sector a nivel de todo o país, o dos grandes latifundios ou o da produción familiar? – No Brasil o modelo de produción que sae na propaganda e nos medios de comunicación é o do grande latifundio ou agronegocio que produce commodities para a exportación, de soia, millo, algodón, carne, etc. e que é o gran destrutor da natureza na Amazonía.
Se non existise a agricultura familiar, a fame en Brasil sería maior da que é hoxe
Pero na realidade quen produce o 70% da alimentación da poboación do país é a agricultura familiar. Na miña opinión, se non existise a agricultura familiar, a fame en Brasil sería maior da que é hoxe. A agricultura familiar é a salvación do país. O sector produtor de leite emprega en Brasil a preto de 4 millóns de persoas. A alimentación do gando na maioría de países de UE depende en boa medida da compra deses insumos, como a soia ou o gran de millo, aos que te referías como destrutores da Amazonía. Cales son as consecuencias destas importacións sobre a deforestación en Brasil? – Iso ten traído moitas dores de cabeza, porque a destrución da Amazonía para o cultivo de soia e millo, pero tamén para criar gando ou para a explotación do ouro e de outros minerais, ten consecuencias moi negativas para as persoas en todo o planeta. A destrución da natureza é o que nos está traendo as secas, as enchentes, os furacáns, etc. Pero destruír a natureza na Amazonía trae problemas non só para o Brasil, senón tamén para o mundo enteiro; por tanto a destrución da Amazonia é a destrución da propia vida. Que consecuencias está a ter o cambio climático en Brasil sobre a produción de leite e de alimento para o gando? – Co aumento das temperaturas as secas son cada vez máis frecuentes e intensas e, xunto coas grandes tempestades, levarán á caída de produción e, consecuentemente, ao aumento do custo de produción. Así mesmo, o ar máis quente resulta na produción de alimentos menos nutritivos. Nos últimos 3 anos estivemos baixo un período de estiaxe e agora pasamos polo fenómeno de El Niño, con moita choiva, temporais, enchentes, vendavais, furacáns, e fenómenos climatolóxicos adversos, principalmente na rexión sur do Brasil. – E en canto ao consumo interno de leite, como está a evolucionar? – Brasil non produce aínda leite suficiente para cubrir as necesidades da poboación, a pesar de que o consumo medio hoxe é de 116,5 kg de leite por cada habitante, unha cantidade que continúa baixa en comparación con outros países desenvolvidos, onde está entre 250 e 300 litros por habitante e ano.
O programa de compra pública de alimentos impulsado polo Goberno de Lula foi freado na época de Bolsonaro como presidente
Hoxe o produto máis consumido dentro dos lácteos aquí en Brasil é o leite UHT de longa duración. Existe tamén o leite pasteurizado que ten unha caducidade de 3 días, o que dificulta a loxística para zonas distantes, e tamén o leite tipo A, que sae directo da granxa tamén coa vida curta de 3 días. Eses tipos de produtos son inviables para un mercado que estea a máis de 150 km porque se torna nun custo moi elevado estar facendo o troco do produto no punto de venda cada 3 días. – Como dis, Brasil segue a ser un país deficitario que cubre arredor do 8% da súa demanda con leite importado. Ves posible aumentar a produción leiteira propia para chegar a cubrir as necesidades dunha poboación en crecemento? – Si, penso que é posible. A produción de leite por parte dos produtores do Brasil de 2021 a hoxe aumentou en torno ao 10%; estamos por enriba dos 35 millóns de toneladas. Pero Brasil aínda é un país deficitario, por tanto, en 2023 importou moito leite, procedente dos países do Mercosur. O motivo foi que durante a pandemia aumentou moito o consumo e fixo que o prezo tamén ficase fóra dos prezos internacionais.
No último ano houbo unha importación moi  grande de leite dos países do Mercosur
Outro factor que incidiu foi que China ten producido en torno a un 13% da súa necesidade de leite que até agora lle exportaba Nova Zelandia e outros países. Entón, diante diso, estes países volveron mandar leite para Arxentina e Uruguai, que conseguintemente mandaron os seus produtos para o Brasil. Por tanto o Brasil continúa con déficit no leite e ten de importar algún produto até controlar os prezos. Neste período da pandemia e a guerra de Ucrania e Rusia, houbo un aumento en todos os produtos mercados polas granxas, como adubos a base de urea, aínda que agora están volvendo ao normal. Que prezo cobra un produtor brasileiro por litro de leite e que marxe lle queda descontados os custos de producilo? – Hoxe o valor pagado de media ao produtor é variable cada mes, porque o mercado brasileiro é así, explotan moito o prezo ao seu favor para facer promocións para chamar aos clientes aos seus supermercados e existe unha pelexa coa industria do leite porque o mercado quere comprar sempre con prezo  baixo. Iso repercute no produtor, que en todo o 2023 tivo unha baixada considerable, que se iniciou desde o mes de outubro  de 2022. Os prezos ao produtor están neste momento de media en 2,30 R$ pagados por litro de leite (43,7 céntimos de euro) pero nos meses de xuño, xullo e agosto do 2022 o produtor chegou a cobrar ata 4,00 R$ (76 céntimos de euro) e houbo rexións do país nas que o consumidor chegou a pagar o litro de leite no supermercado a 8,00 e a 10,00 reais o litro.
A marxe que queda hoxe ás ganderías é duns 4 céntimos de euro por litro de leite producido
Para controlar ese aumento, o goberno anterior creou unha resolución en maio de 2022, con vixencia até o 31 de decembro de 2023, que eliminou os aranceis e provocou unha forte importación de leite e derivados dos países do Mercosur, liberados do cobro de impostos. Os produtores hoxe non estamos perdendo cartos, estanos sobrando en torno a 0,20 centavos por litro de leite producido. Esa marxe chegou a ser dun real (19 céntimos de euro) en litro e por iso a sensación entre os produtores é negativa, pero non están perdendo cartos, están deixando de gañar.

“O Movemento Sen Terra mantén toda a súa vixencia; levamos 40 anos loitando para que as familias pobres poidan ter os seus dereitos”

A Cooperoeste é a máis grande das 160 cooperativas que forman parte do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra e unha das que ten maior capacidade de transformación da produción. O MST, do que forman parte 500.000 familias, 80.000 delas vivindo aínda en campamentos, mantén vínculos internacionais con outras 182 organizacións de 81 países a través da Vía Campesiña, con presenza tamén en Europa e da que forma o Sindicato Labrego Galego.   Entre as súas liñas mestras o Movemento Sen Terra acordou avanzar na transformación da produción cara a agroecoloxía e na introdución das enerxías renovables nos procesos industriais. Neste momento, coa axuda da tecnoloxía procedente de China, está tentando levar a mecanización ás explotacións familiares, cun programa dirixido a dotar de tractores e maquinaria ás granxas dos nove Estados máis pobres de Brasil, que se concentran na rexión do Nordeste. Participou vostede na loita pola terra dentro da reforma agraria levada a cabo na súa rexión. Como lembra aquel proceso? – Si, eu formei parte das ocupacións levadas a cabo o 25 de maio de 1985 e fun un dos privilexiados, porque o 26 de outubro de 1985 xa fun asentado, pero tiven compañeiros que permaneceron até 5 anos debaixo da lona do campamento esperando para ser asentados. Nós xa comezaramos a loita pola terra no ano 1982. Tivemos moita influencia do xa falecido José Gomes, bispo da cidade de Chapeco. O período de 1982 a 1985 foi moi difícil para todas as familias. Sufrimos varios desaloxos da policía, pero non desistimos.
Entre 1985 a 1987 xurdiron 14 asentamentos na rexión do extremo oeste do Estado de Santa Catarina, con 550 familias asentadas
Unha vez que nos entregaron a terra, viñeron outros problemas, porque non tiñamos nada e precisabamos unha estrada, escola, casa, enerxía eléctrica. Foi moi difícil conquistar todo iso porque eramos discriminados e tivemos que pecharnos no Goberno municipal para conseguir a estrada e a escola, na sede da empresa eléctrica para que nos puxeran a luz, nos bancos para conseguir liñas de crédito, etc. Foi unha loita moi dura para conquistarmos o que temos hoxe, por tanto, non logramos nada sen pelexalo, foi todo conquistado con moito esforzo. Considera que o Movemento Sen Terra mantén a súa vixencia na actualidade? – Absolutamente. O noso movemento continúa moi forte a nivel nacional, aínda que nalgunhas rexións do país un pouco menos, mais mantéñense as accións do movemento en todo o país, sexa por terra para as familias que aínda non conquistaron o seu pedazo de chan, ou con accións de alimentación para as familias que o precisan. Durante a pandemia o movemento fixo doazón de alimentos para hospitais e entidades que pasaban por dificultades de alimentación e recentemente no Estado de Río Grande do Sul houbo varias cidades anegadas pola enchente do río Jacuí. Ante iso levamos a cabo accións de solidariedade enviando alimentos para as familias afectadas. A nosa organización ten 40 anos de existencia loitando para que as familias pobres poidan ter os seus dereitos. – O ano pasado unha delegación da Cooperoeste visitou distintas ganderías e cooperativas europeas. Cal foi a súa impresión? – Foi unha oportunidade única moi boa poder coñecer varias rexións da UE, moitos produtores e a forma en que eles producen e as cooperativas e as industrias transforman e venden. Foi unha aprendizaxe moi positiva a forma en que os produtores están comprometidos coas súas cooperativas. Chamoume moito a atención o feito de que nalgúns casos os produtores reciben cada 60 días o cobro do 70% do valor do leite entregado e ao final do ano, cando pechan as contas da cooperativa, eles reciben o restante 30% que quedou de cada mes máis un plus dos beneficios dos produtos vendidos con valor engadido. Tamén me chamou a atención o respecto que eles teñen coas persoas que traballan nas granxas e as tecnoloxías que hai. Cal é o nivel de mecanización das granxas brasileiras? – No Brasil estase concentrando a produción e os produtores están buscando cada vez máis a tecnoloxía e sistemas de mecanización para as súas explotacións, aínda que nalgunhas zonas do norte do país é aínda moi baixo. Pero aqueles produtores que continúan na actividade leiteira están a profesionalizarse e a produción está aumentando con xenética mellorada e tamén porque a alimentación do gando tamén está a mellorar moito. En moitas zonas europeas existe un problema grave de relevo xeracional nas ganderías e moitas delas acaban pechando porque os fillos non seguen coa actividade dos seus pais. Existe ese mesmo problema en Brasil? – Ese é un gran desafío para nós de cara ao futuro. Nas pequenas propiedades de ata 100 ha de terra hai unha disputa bastante grande coa produción de soia, que non precisa estar todo o día traballando e onde o produtor pode ter vacacións, mentres que no leite non ten vacacións e ten que estar os 30 días do mes traballando.
Hai unha disputa bastante grande coa produción de soia, que non precisa de tanta adicación coma producir leite
A introdución da tecnoloxía e da mecanización nas granxas é imprescindible para garantir a sucesión no sector, porque os nosos mozos non queren quedarse no campo se non teñen tecnoloxía no sector produtivo.  Ademais de recollerlles o leite, as cooperativas prestan servizos técnicos de asesoramento aos produtores – Na UE están a se endurecer as leis de benestar animal, uso de medicamentos antibióticos, fitosanitarios e praguicidas, fertilizantes, etc. Está a acontecer o mesmo no Brasil? O benestar do animal é unha política que as cooperativas están orientando cara aos produtores, é un proceso máis recente no Brasil que se está iniciando, mais estase a mirar moito para este tema.
As cooperativas estamos a orientar aos produtores cara o benestar animal, pero é un proceso aínda recente que se está iniciando
Con relación aos antibióticos está prohibido aplicar este tipo de tratamentos en animais que están producindo leite e todas as industrias teñen laboratorios que identifican se foi aplicado antibiótico no animal e, se se constata aplicación ao leite, é descartado e o produtor identificado e penalizado con multa e perda do leite que está no tanque do camión de recollida. Os fertilizantes químicos son moi usados aínda, pero xa hai moitos produtores que están facendo uso de abonos orgánicos, con aproveitamento das dexeccións do propio animal para aplicar nos pastos e nos cultivos de millo para ensilar. Existe no teu país preocupación pola produción agroecolóxica? Que porcentaxe do leite é bio? – Non temos no Brasil produción bio, o que existe non é representativo, é unha produción que está empezando e supón unha grande oportunidade para a agregación de valor ao produto. Existe un crecemento moi grande na posibilidade de aumentar a produción orgánica de alimentos saudables por parte das cooperativas e os seus asociados, por tanto, ten que haber incentivo do goberno para que as cooperativas poidan aplicar a produción xunto aos seus socios produtores, xa que hoxe non hai nin unha liña de crédito á que o produtor se poida acoller para transformar a produción transxénica a produción orgánica. Ese é certamente un desafío para o sector pero eu considero que mentres non exista ese incentivo económico do goberno esa transformación cara á agroecoloxía vai ser moi lenta.

As legumes como alternativa á soia na alimentación do gando

A gran dependencia do sector gandeiro das importacións de soia como fonte de proteína vexetal para a elaboración de pensos compostos motiva a procurar alternativas coas que suplir esa carencia, máis aínda nun contexto como o actual, no que as materias primas están a rexistrar unha gran demanda e suba de prezos. A soia experimentou nos últimos meses un importante incremento do valor, pasando dos 320 euros por tonelada no verán do 2020 a cotizarse a 500 euros a comezos deste mes de febreiro. Este incremento está a deixar completamente exposto ó sector gandeiro, con aumentos significativos dos prezos dos pensos. Cómpre lembrar ademais, que Europa ten unha dependencia do 70% de proteína vexetal. Neste sentido o grupo operativo Proteinleg apunta a outras leguminosas, algunhas delas variedades autóctonas e xa adaptadas ó clima galego, como unha opción para cubrir esa necesidade, tal e como explicaron este martes durante a presentación do proxecto e os primeiros resultados que están a obter, nunha sesión online na que participaron algúns dos membros desta iniciativa liderada pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).
O obxectivo de Proteinleg é procurar novos alimentos ricos en proteínas vexetais a partir do cultivo sostible de variedades tradicionais de leguminosas
Os principias obxectivos deste grupo operativo, que inclúe a 14 entidades, é procurar novos alimentos ricos en proteínas vexetais a partir do cultivo sostible de variedades tradicionais de leguminosas. Ademais, buscan desenvolver cultivos innovadores, rendibles e eficientes no emprego de recursos. Tamén están a traballar para mellorar a calidade e a cantidade de proteína procedente de leguminosas.

Vantaxes do cultivo de legumes

Os traballos do grupo operativo centráronse en 5 tipos de leguminosas: xudías, fabas, garavanzos, chícharos e chícharos silvestres. A nivel medioambiental estes cultivos, que poden ser fonte de proteína vexetal, teñen importantes vantaxes para os produtores. Así, as leguminosas teñen unhas baixas necesidades de fertilizantes, grazas á súa capacidade de fixación de nitróxeno na terra, o que resulta tamén de interese cos elevados prezos que están acadando os fertilizantes nitroxenados, pola carestía do gas natural. Ademáis, dende o punto de vista agroambiental, as leguminosas son tamén unha vía para mellorar o solo e incrementar a produción en cultivos rotativos. Ademais, diminúen a erosión da terra.

Procurar variedades adaptadas

Unha das primeiras fase do proxecto Proteinleg céntrase en seleccionar as variedades de leguminosas mellor adaptadas a diferentes condicións e zonas climáticas de España, así como en mellorar a produtividade das leguminosas mediante enfoques sostibles. Este traballo de selección das variedades estase a desenvolver por parte do Grupo de Xenética para o Desenvolvemento das Plantas (Devoleg) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), pertencente ó Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así, botaron man dos recursos xenéticos cos que conta o centro, recoñecido a nivel europeo pola súa importante colección de sementes, para facer unha selección de variedades tradicionais de leguminosas.
Para as primeiras plantacións experimentais seleccionaron 122 variedades, en especial de xudía e chícharo
Na primeira criba seleccionaron un total de 122 variedades para sementar. En concreto foron 70 variedades de xudías, xa que é tamén a leguminosa da que contan con maior diversidade, ó contabilizar un total de 2.279 variedades locais cultivadas e 122 tipos silvestres procedentes de diferentes orixes xeográficas. A elas engádense 9 variedades de faba, 20 variedades de chícharo tanto de gran como de vaina, 6 de garavanzo e outros 17 tipos de chícharo silvestre, entre as que se inclúen 3 especies que medran de xeito espontáneo en Galicia. As variedades seleccionadas foron plantadas en Almería, en dúas quendas (abril e setembro de 2021), así como en Ourense e Pontevedra, onde se sementou só no mes de xuño dese mesmo ano. Para este cultivo contaron coa colaboración doutros dos socios do proxecto como o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), situado en Ourense; e coa firma Ramiro Arnedo, especializada na investigación de cultivos e cun amplo catálogo de variedades, boa parte delas propias, entre as que se atopa a xudía. Trala súa caracterización agronómica e de avaliar os rendementos e a calidade así como a adaptación e resposta a diferentes tipos de estrés, como a tolerancia á seca ou a resistencia a enfermidades, a selección reduciuse a 23 leguminosas (3 variedades de garavanzo, 4 de chícharo silvestre, 6 de xudía, 6 de chícharo e outras 4 de faba). Con estas variedades fixeron novas plantacións a finais do ano pasado, cuxos resultados avaliarán nos próximos meses.

As legumes máis viables para a alimentación animal

Entre as leguminosas que máis posibilidades presentan para poder converterse en alternativas á soia na alimentación do gando atópanse os chícharos, as fabas e os chícharos silvestres, non só pola súa achega proteica senón por ser alternativas cun prezo competitivo como para empregarse na fabricación de pensos compostos sen que isto dispare os prezos finais. Así é que, mentres os garavanzos e as xudías acadan un prezo medio de máis dun euro, os chícharos sitúanse arredor dos 30 céntimos. O Centro Tecnolóxico da Carne, que xa levou a cabo probas en microparcelas, está a encargarse de avaliar as leguminosas que presentan maiores posibilidades para substituír, ben sexa de xeito total ou parcial, á soia na alimentación do gando. Neste primeiro ano de estudo, xa puideron tamén seleccionar 4 variedades de chícharo adaptadas ó clima galego e coas que lograron calidade do gran e alta produtividade, con entre 2.500 e 2.124 quilos por hectárea.
Seleccionaron 4 variedades de chícharo adaptadas ó clima galego e con producións superiores ós 2.000 quilos por hectárea, que van probar en cultivos en extensivo
Tamén destacan os resultados obtidos por variedades de faba procedente de Andalucía e Extremadura, dúas variedades coas que lograron produtividades de máis de 1.800 quilos por hectárea, o que motivou que fosen seleccionadas para novas plantacións en extensivos. “Ó estar centrados en procurar alternativas para a alimentación do gando precisamos cultivos en extensivo e que poidan ser mecanizados para ser unha opción real”, detalla Lucio García, responsable da área de Producións Agroalimentarias no CTC. Nestes próximos ensaios en extensivo tamén incluirán unha variedades de xudía caupí, orixinaria de Galicia, en concreto de Pontevedra, coa que lograron unha produción de 1.533 quilos por hectárea. Ademais, incluirán 3 variedades de chícharo silvestre, coas que nas primeiras fases tiveron problemas de xerminación, sen que chegase a producirse floración, pero que puideron deberse a unha sementeira tardía, polo que ó tratarse todas elas de variedades galegas, decidiron continuar a investigar. Coas variedades que presenten mellores resultados teñen previsto elaborar pensos específicos para alimentación de porcos e polos, criados en extensivo. Da fabricación dos pensos encargarase a firma Almacenes Gamallo, situada en Ourense e cunha traxectoria de máis de 20 anos. “A formulación do penso farase tendo en conta a dispoñibilidade de alimento que teñan estes animais criados en extensivo”, comentan dende o CTC. As primeiras probas faranse con polos de Mos e con porcos de raza Duroc e Porco Celta. Nestes primeiros meses, en Almacenes Gamallo xa estiveron a facer probas coa elaboración de fariña e granulados que incluían as leguminosas e polo momento está a resultar máis satisfactoria a mestura presentada en granulado. Aínda que as probas continuarán nos vindeiros meses.

Outras liñas do proxecto

Á marxe de analizar as posibilidades que ofrecen as leguminosas para a fabricación de pensos e como alternativa á soia, o grupo operativo Proteinleg tamén está a avaliar as oportunidades que ofrecen estes cinco tipos de leguminosas na alimentación humana, como fontes de proteína vexetal, tendo en conta que a sociedade está a reclamar alternativas ás proteínas de orixe animal que sexan sostibles e saudables. Nesta liña, a firma Mimic SeaFood, especializada en procurar alternativas veganas, apuntou as posibilidades que poden ofrecer as legumes para elaborar alimentos que proporcionen proteína vexetal de calidade. O grupo operativo Proteinleg, que comezou no 2021, conta cun orzamento de 556.947,36 euros e cunha subvención de 552.147,36 euros, o 80% procedente de fondos Feader e os 20% con fondos nacionais.

Seminario online sobre as legumes como fonte de proteína vexetal e alternativa á soia

O grupo Operativo Proteinleg presenta o vindeiro martes, día 15 de febreiro, o seu proxecto de innovación centrado en proporcionar alternativas á proteína de orixe animal e á soia por medio de variedades tradicionais de leguminosas que se cultivarán dun xeito innovador, rendible e eficiente. A base destas legumes procuran novas fontes de alimentos ricos en proteínas vexetais saudables e saborosos.

O proxecto presentarase mediante un seminario online gratuíto e no que participarán representantes das distintas empresas que forman parte da iniciativa e que expoñerán os obxectivos e actividades que están a desenvolver. A iniciativa está confinanciada por fondos europeos e o Ministerio de Agricultura e conta cun orzamento que ronda o medio millón de euros.

O equipo multidisciplinar que participa no proxecto procede de diferentes comunidades autónomas. En concreto está liderado pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e participan Ramiro Arnedo, Almacenes Gamallo, Mimic SeaFood, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC).

Así, a sesión de presentación do proxecto contará coa intervención de Ángel Sanabria (Feuga), Marta Santalla (MBG-CSIC), Lucio García (CTC), María Ángeles Muñoz (Ramiro Arnedo), Érica Pazos (Almacenes Gamallo) e Silvia Moreno (MIMIC SeaFood).

A presentación levarase a cabo ás 10.00 horas e terá unha duración de 90 minutos. As persoas interesadas poden tramitar aquí a súa inscrición para seguir a sesión, de xeito gratuíto.

 

Seguirá a escalada de prezos dos pensos?

Non houbo tregua para as ganderías co novo ano. O incremento de prezos que experimentaron a nivel mundial as materias primas, entre elas os cereais, trasladouse tamén aos pensos de alimentación nos últimos meses, incrementando os custos de produción nas ganderías, en especial nas granxas en intensivo e cunha maior demanda de forraxes e penso. “As subidas deste último ano non fan máis que sumarse ás do período 2020/2021 no que xa se produciron fortes incrementos no mercado de materias primas para alimentación animal, aumentando exponencialmente os custos vinculados a estas compras de insumos”, valora Bruno Beade, director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac).
“Hai moita volatilidade no mercado dos cereais e prevese que os prezos se manteñan elevados durante o resto do ano”, Iván Álvarez, broker do mercado de cereais
Tampouco parece haber perspectivas de que os mercados se estabilicen a curto prazo e menos aínda de recuperar os valores manexados antes da pandemia. “Hai moita volatilidade no mercado dos cereais, do mesmo xeito que no resto de materias primas a nivel mundial, e prevese que os prezos se manteñan elevados durante o resto do ano, xa que hai unha inflación moi forte en materia primas”, sinala Iván Álvarez, experto nos mercados de materias primas e cofundador da firma Asegrain Asesoría de Granos, firma especializada na intermediación no mercado de cereais.

Os cereais máis cotizados

Desde xaneiro do ano 2021 o prezo das principais materias primas coas que se elaboran os concentrados en Galicia non parou de subir nos portos, principal vía de entrada dos insumos, así como nas bolsas e lonxas agroalimentarias. Segundo datos do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA), o incremento dos prezos das materias primas en España durante 2021 foi dun 22,10% no caso do millo, un 26,32% no trigo, un 31,47% no caso da cebada ou un 21% na fariña de soia. Evolución dos prezos dos cereais no último ano. // Fonte Agafac. No caso do millo, pasou de pagar 235 euros a comezos do ano pasado a superar os 280 euros esta mesma semana. “Estamos a experimentar incrementos de máis de 47 euros por tonelada no caso do millo, o que significa unha subida de máis do 20% no último ano”, indican desde Agafac.
“O trigo foi o catalizador das subidas do resto de cereais, cun acusado efecto de arrastre en cebadas e millos”: José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe
Na Asociación de Comercio de Cereais e Oleaginosas de España ( Accoe), sinalan que ata o de agora, os grandes protagonistas da campaña foron os trigos, tanto o brando, como o duro, alcanzando as súas cotizacións máximas históricas. “O trigo foi o catalizador das subidas do resto de cereais, cun acusado efecto de arrastre en cebadas e millos”, apunta José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe. O trigo experimentou unha subida de 60 euros por tonelada, un incremento do 24% con respecto de xaneiro de 2021. Nas últimas semanas volvéronse rexistrar subidas no prezo da fariña de soia, esencial nas formulacións para pitos e vacas de leite e que é necesario importar na súa totalidade. Así, a fariña de soia do tipo 46,5% está a pagarse a 500 euros por tonelada, cando o seu prezo se situaba en 321 euros por tonelada en agosto de 2020, segundo os datos facilitados por Agafac. Evolución no último ano dalgúns dos cereais empregados para a elaboración de pensos de alimentación do gando. // Fonte Agafac.

O incremento dos prezos do penso

O incremento dos prezos do cereal trasladouse ás granxas coas subidas nos pensos. O sector de fabricantes de pensos, do mesmo xeito que outros sectores, experimentou o aumento das materias primas que se traduciron nunha subida dos prezos de custo. “A situación actual é de preocupación polo elevado prezo dos custos de produción, tanto a nivel de materias primas como doutras subministracións como a enerxía, os bens intermedios e subministracións, o gasóleo, a enerxía, plásticos...”, apuntan desde Agafac.
Preocupa que as ganderías de novo sufran o incremento de custos sen poder trasladalos á cadea, o que afogaría ao sector gandeiro
Ante esta situación preocupa que as ganderías de novo sufran o incremento de custos sen poder trasladalos á cadea, o que afogaría ao sector gandeiro. “Preocúpanos que os nosos clientes gandeiros, aos que lle soben tamén todos os seus custos de produción, non poidan trasladar estes incrementos ao longo da cadea alimentaria, en cumprimento lóxico das leis de mercado e en cumprimento legal de Lei da Cadea Alimentaria”, indican en Agafac.
“A gran oferta de fabricantes de penso en Galicia fai que o noso mercado sexa o máis competitivo posible": Bruno Beade, director Agafac
Aínda que o prezo dos cereais leva máis dun ano á alza, as subidas directas no prezo do penso ás ganderías foise realizando de forma paulatina en Galicia. “A gran oferta de fabricantes da nosa comunidade autónoma fai que o noso mercado sexa o máis competitivo posible, e é por iso que en función das compras programadas polos diferentes fabricantes a oferta en prezos foi competitiva, pero o mercado de materias primas é o mesmo para todos, e unha vez finalizan os contratos de compra hai que volver comprar irremediablemente nun mercado de tendencia alcista, polo que finalmente acábanse subindo os prezos en todo o sector”, concreta Bruno Beade.

As causas da suba dos cereais

Do mesmo xeito que no resto de materias primas, a pandemia global polo Covid-19 serviu como detonante para o incremento dos prezos dos cereais. Ademais houbo outros condicionantes que levaron a esta situación. “As taxas á exportación impostas nun dos maiores produtores mundiais, Rusia; o incremento de prezos de fretes e pola crise enerxética, que á súa vez provocou unha subida sen precedentes dos insumos agrícolas son algunhas das causas detrás deste incremento dos prezos dos cereais”, explica José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe. Desde Agafac sinalan outros factores que tamén contribuíron á alza dos cereais como a fortaleza do dólar fronte ao euro ou a tendencia alcista doutras materias primas como os aceites vexetais.
As taxas ás exportacións, o incremento dos custes dos transportes, a crise enerxética ou a baixada de rendementos das colleitas son algunhas das causas da suba dos cereais
Ademais, no caso dos cereais, as propias condicións meteorolóxicas e as previsións de malas colleitas motivan importantes variacións nos prezos. “Desde decembro do ano pasado, onde xa viñamos de prezos elevados, houbo un repunte de produtos como a soia e o millo, provocado principalmente polas condicións meteorolóxicas adversas no hemisferio sur, sobre todo en Brasil e Arxentina onde as producións estimadas viñéronse abaixo. As perspectivas iniciais fallaron e as previsións actuais son peores por falta de choiva nestas rexións, xerando a baixada de rendementos de produción esperados inicialmente”, detallan desde Agafac.

Perspectivas para os próximos meses

No sector non se aprecian polo momento indicios de que a situación poida estabilizarse e máis difícil parece que a curto prazo poida lograr reverterse. Así é que o sector dos fabricantes de pensos mantense expectante ante a evolución da produción mundial de materias primas que pode ter novas consecuencias nos prezos. “Para o primeiro semestre do ano a situación está certamente complicada, aínda que esperamos que se suavice un pouco se finalmente as estimacións previstas para Brasil e Arxentina non se cumprisen ou se rebaixasen, relaxando os prezos para o segundo”, valora Beade.
España precisa importar máis dun terzo dos cereais necesarios para cubrir a produción nacional de pensos compostos
Cabe ter presente que España é un país cunha produción cerealista irregular, oscilante en dentes de serra, o que tamén influirá nas necesidades de importación de cereais. “Levamos dúas campañas seguidas moi boas, con producións superiores aos 24 millóns de toneladas, aínda que a nosa media está arredor dos 20 millóns”, concretan desde a asociación cerealista Accoe. Cunhas necesidades de cereal de entre 35 e 37 millóns de toneladas, España precisa importar máis dun terzo dos cereais necesarios para cubrir a produción nacional de pensos compostos. Outro dos factores que está a motivar novas subidas nesta últimas semana e mesmo podería xera un maior incremento dos prezos dos cereais é a ameaza do conflito bélico entre Ucraína e Rusia. “Estamos nunha situación de calma tensa. España é un país moi deficitario en cereais polo que depende enormemente de que o fluxo mundial dos mesmos estea ben engraxado e en orde”, valoran desde Accoe.
A ameaza de guerra en Ucraína, un dos principais mercados de cereal de España, podería supoñer unha suba aínda maior do millo 
Así, xa se dispararon prezos de produtos procedentes deste mercado como o trigo, a colza ou o xirasol. “A situación de crise prebélica Rusia-OTAN afectou de maneira sensible ao mercado interior porque adquirimos en Ucraína entre 28 % e o 30 % das nosas importacións de millo e o 60 % das de xirasol, polo que o conflito está tensionando a oferta e o custo das materias primas”, sinala José Manuel Álvarez, secretario xeral de Accoe. Polo momento, a subministración de cereal desta zona funciona con normalidade, pero se empeora pode resultar dramático para o sector da alimentación animal e, polo tanto, a propia cadea da alimentación humana. A situación podería mesmo resultar máis tensa se as previsións de colleita ven ameazadas por fenómenos atmosféricos nas principais rexións produtoras de cereal. Ademais, o incremento dos custos de produción de insumos como os fertilizantes podería motivar que os cerealistas optasen por sementar cereais con menos necesidade de abonado, como o xirasol en lugar do millo ou a soia, o que provocaría que se reduciría a superficie mundial sementada destes cereais e a produción, aínda que se lograsen boas colleitas.

Como reducir a dependencia da soia importada na gandería europea

A crise provocada pola pandemia de COVID-19 demostrou ata que punto nos fai vulnerables a dependencia da importación de materias primas e bens de consumo de terceiros países e o crucial que é contar cun sistema alimentario capaz de autoabastecer á poboación.

Á hora de aumentar a resiliencia de Europa e a súa soberanía alimentaria diante de futuras pandemias, así como para coidar da saúde medioambiental do planeta, evitando a destrución de hábitats e bosques en lugares como Brasil, a Comisión Europea outorga vital importancia ao cambio do modelo imperante para a alimentación do gando en boa parte dos países europeos, baseado na importación masiva de soia de países extracomunitarios. 

A demanda mundial de soia segue aumentando e a Unión Europea pretende limitar a súa utilización por estar relacionada coa deforestación do planeta

Bruxelas estuda medidas que fagan posible reducir a gran dependencia actual da importación de soia, analizando as distintas posibilidades existentes de diminuír a proteína nas racións e como aumentar o nivel de autoabastecemento grazas ao uso de novas materias primas. Neste contexto, o uso de leguminosas e de novos produtos como as algas ábrese paso como alternativa á soia nos concentrados.

“Cláusulas espello” aos produtos importados de terceiros países

A UE comprometeuse a dar exemplo na transición cara a sistemas alimentarios sostibles, non só dentro das súas fronteiras, senón tamén fóra delas. Mediante a cooperación internacional, tanto bilateral como multilateral, a UE quere fomentar prácticas agrícolas máis sostibles que reduzan a deforestación, aumenten a biodiversidade e melloren os resultados en materia de seguridade alimentaria e nutrición en terceiros países.

A Comisión incorporará estes criterios e prioridades en materia ambiental, de benestar animal e seguridade alimentaria nas orientacións de programación para a cooperación con terceiros países no período 2023-2027 e estaría destinada a ser a norma xeral para todos os produtos introducidos no mercado da UE a partir da sinatura de futuros novos tratados comerciais.

Os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente

“Os acordos comerciais bilaterais da UE ofrecen un medio para promover as normas ambientais da UE en terceiros países, ademais das normas de seguridade alimentaria e benestar animal”, argumenta o Executivo comunitario. Neste sentido, os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente, as denominadas “cláusulas espello”, por incluír as mesmas condicións de produción e as mesmas esixencias de calidade e seguridade alimentaria que as aplicadas dentro da UE. 

De xeito paralelo, a Comisión tratará de mobilizar todos os instrumentos de acción exterior e de cooperación internacional para contribuír a fomentar un novo e ambicioso marco das Nacións Unidas en materia de biodiversidade, tendo como obxectivo promover unha transición mundial cara a sistemas alimentarios sostibles.

Aos portos españois chegan cada ano 4 millóns de toneladas de soia

Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína

“En España temos unha alta dependencia de materias primas, especialmente proteicas como a fariña de soia, pola escasa produción na UE. Ademais, a nosa dispoñibilidade de materias primas é menor que noutros países europeos e iso fainos máis dependentes e vulnerables”, recoñece María Victoria Navas, xefa de área da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura.

España é o principal produtor de pensos da UE e a súa alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal tremendamente vulnerables diante de subas bruscas como as que levan máis dun ano producíndose na cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de oleaxinosas como a soia ou a colza.

En España impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos

Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU (delas 750.000 toneladas desembarcan nos portos galegos da Coruña, Marín e Vilagarcía). As importacións supoñen o 100% da soia utilizada na produción de pensos (en España, onde as condicións climáticas non son adecuadas para este cutivo, só se producen 3.200 toneladas en comunidades como Castela e León, Castela A Mancha e Estremadura, destinadas na súa totalidade a fabricación de bebidas de soia).

O peso da avicultura e o sector porcino

No global de pensos en España as oleaxinosas representan, dependendo da especie, entre o 15 e o 18%. O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes, polo que a importancia destes sectores (España exporta por exemplo o 52% do porcino que produce, que vai para países europeos como Francia ou países extracomunitarios como China) equivale a maior consumo e, por tanto, tamén maior importación de soia.

A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que o 10% (3,1 millóns) prodúcense en Galicia. Do total, 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).

España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais

“Antes usábanse máis as leguminosas, cando a produción non era tan intensiva, pero na actualidade canto máis penso se produce máis soia se consume. Houbo un período de tempo no que non se traballaba con tanta proteína, pero foise incrementando por efecto da competencia, pero non todo o que aparece etiquetado con máis proteína necesariamente é mellor. Na formulación habería que preguntarse se os niveis mínimos cos que estamos a traballar realmente non se poden reducir”, afirma María Victoria.

Normativa comunitaria de sostibilidade das importacións

A Unión Europea esixirá a partir de 2023 que a soia importada non proceda de zonas deforestadas

Despois dos cereais, a segunda fonte de proteínas en Europa está representada pola fariña de colza, soia e xirasol, que supoñen o 26% das fontes de proteína en pensos no conxunto da UE, onde o ano pasado se produciron 10,7 millóns de toneladas de colza, 1,1 millóns de toneladas de soia e 3,9 millóns de toneladas de xirasol. Con estas producións, a UE logra un nivel de autoabastecimiento do 79% de colza e un 52% de xirasol pero só dun 3% no caso da soia. Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína.

A nivel europeo un terzo dos alimentos que consomen os animais de granxa son pensos

A Comisión Europea atópase en fase de elaboración nestes momentos de nova normativa en relación á importación de soia, que obrigará a maior trazabilidade aos fabricantes para garantir que esta materia prima non procede de zonas deforestadas para o seu cultivo. Espérase que o proceso de redacción da nova regulación europea vaia rápido e que o novo marco lexislativo se aprobe en 2023.

As autoridades comunitarias queren chegar a cadeas de abastecemento libres de deforestación. Estímase que na actualidade o 77% da soia importada non está xa ligada a deforestación pero quedaría pendente o 33% restante. A Unión Europea tenta dar resposta deste xeito a unha preocupación social cada vez maior que demanda decisións á comunidade internacional en prol do medio ambiente e o mantemento da biodiversidade no planeta. De feito, Nacións Unidas fixouse como obxectivo no seu Plan Estratéxico para os Bosques 2030 aumentar nun 3% a superficie boscosa mundial.

Un terzo da soia importada pola UE procede na actualidade de zonas deforestadas

Seguindo este obxectivo, desde a PAC búscase reducir a compra de materia prima internacional, incentivar a produción de cultivos proteicos en Europa e limitar o consumo extracomunitario a produtos de cadeas de subministración libres de deforestación.

Aumento da poboación mundial e sustentabilidade

O imparable crecemento da poboación mundial, que pasou de 2.000 millóns de habitantes en 1930 a 4.000 millóns en 1975, 5.300 millóns en 1990, 7.300 millóns en 2015 e seguirá aumentando exponencialmente, segundo as previsións da ONU, ata chegar aos 9.700 millóns en 2050 e os 11.200 millóns de persoas en 2100, está a incrementar as necesidades de alimentación, tanto humana como animal.

A FAO estima que o consumo de carne aumentará nun 76% para o ano 2050, duplicándose o consumo de carne de aves e incrementándose un 69% a de vaca e un 42% a de porco. Tamén se prevé un incremento no consumo de proteína láctea do 58%.

En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional

O incremento das explotacións gandeiras e o aumento da necesidade de materias primas supón un aumento da superficie de cultivo e da necesidade de fertilizantes. Todo iso contribúe a aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro e á contaminación de acuíferos. Segundo os cálculos da ONU, o sector agrogandeiro será responsable en 2050 do 45% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, triplicando o 15% actual.

En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional para poder pasar dos 360 millóns de toneladas de soia de produción en todo o mundo en 2020 aos 520 millóns toneladas en que se estiman as necesidades futuras.

Produtos proteicos estacionais

A Comisión Europea avoga por complementar a soia con outras fontes de proteína alternativas para reducir a dependencia da importación (o autoabastecimiento de fariña de soia na UE, por exemplo, é só do 3%). Entre outras posibilidades estarían outras materias primas de orixe vexetal, como os chícharos, veza, xeros, almortas ou algarrobas, que permitirían impulsar o cultivo na área de influencia de fabricación e consumo.

A política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar

A maiores destas materias primas proteaxinosas para a fabricación de pensos, cuxo cultivo está a ser impulsado desde Bruxelas e recollido nas axudas específicas do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 en España, a UE está a fomentar tamén a economía circular pola vía da utilización de subprodutos da industria agrícola na alimentación do gando. 

O autoabastecimiento de fariña de soia na UE é só do 3%

O problema é que moitos destes subprodutos son estacionais e non se poden almacenar facilmente, polo que só se poderían empregar en zonas de proximidade. Por exemplo, o bagazo de cervexa, que é un produto cun contido en proteína de entre o 20 e o 30%, pode ser administrado na ración diaria a nivel de granxas de leite, pero é imposible metelo na fabricación de concentrados nunha fábrica de pensos polas propias características de humidade e facilidade de fermentación do produto.

Dentro dos subproductos da industria alimentaria atoparíase tamén a pulpa de tomate (cun contido proteico de entre o 18 e o 22%), a pulpa de mazá procedente da fabricación de sidra, a pulpa de remolacha ou o soluble de melaza condensada (mosto da fermentación aeróbica de melaza cunha proteína bruta do 44%) procedentes da industria azucreira, a fariña de galleta, os soros lácteos procedentes da fabricación de queixos e a torta de limón da industria química, aínda que fóra da pulpa de tomate e o soluble de melaza condensada son materias primas con baixos contidos proteicos (inferiores ao 10%).

O avance na industria dos biocombustibles abre a oportunidade de substituír a soia por torta de colza e DDG’s de millo e trigo procedentes das plantas de biodiésel e etanol

O avance da industria dos biocombustibles e a substitución paulatina do uso de combustibles fósiles por fontes renovables supón por un lado un novo elemento de competencia para a alimentación animal, pola utilización de determinadas materias primas e terras de cultivo destinadas a combustibles verdes (a Directiva europea sobre biocombustibles provocou, por exemplo, un aumento na produción de fariña de colza e fariña de xirasol e levou a procesar 6,5 millóns de toneladas de millo e 3,3 millóns de toneladas de trigo para producir biodiésel e etanol), pero ao mesmo tempo abre unha oportunidade para a utilización de subprodutos na alimentación do gando.

Unha tese doutoral presentada na Facultade de Veterinaria de Lugo no 2016 demostraba que se podería substituír en gran medida a torta de soia pola torta de colza (procedente das plantas de produción de biodiésel) e os DDG´s de trigo e de millo (procedentes das plantas de etanol), sen afectar o rendemento do vacún de leite e de carne.

En revisión o uso de PATs

Actualmente non está permitido na Unión Europea para a alimentación de gando a utilización de Proteínas Animais Transformadas (PATs), prohibidas en maio de 2001, a raíz do mal das vacas tolas, a través do Regulamento 999/2001 polo que se establecen disposicións para a prevención, control e erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Con todo, si que se permite a importación de produtos cárnicos e pesqueiros procedentes de animais alimentados con PATs derivadas de non ruminantes e a inclusión de proteínas derivadas de leite, ovos, xelatinas e proteínas hidrolizadas en todas as especies, así como as fariñas de peixe e de sangue de non ruminantes na alimentación de non ruminantes.

A reintrodución das proteínas animais, prohibidas a raíz do mal das vacas tolas, é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia

Pero a UE está a cambiar o seu criterio e nestes momentos está en revisión a normativa sobre uso de Feed Ban e PATs de non ruminantes para alimentación animal. A reintrodución das proteínas animais é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia. A partir de 2014 autorizáronse na acuicultura e a Comisión Europea estuda nestes momentos a posibilidade de dar luz verde á utilización de PATs de non ruminantes na alimentación de aves e porcos, evitando a alimentación con fariñas da mesma especie. Outra normativa en discusión desde hai anos na Unión Europea é a relativa aos transxénicos, aínda que certos países manteñen o seu veto aos Organismos Modificados Xeneticamente. 

Axustar o contido en proteína das racións tendo en conta as necesidades dos animais

A maioría de empresas fabricantes de pensos consideran a soia un elemento estratéxico para a formulación de concentrados porque ten unha alta dixestibilidade e dispoñibilidade e un gran contido en aminoácidos, polo que se trataría dunha materia prima indispensable en determinadas especies animais, como os polos ou os porcos entre os 20 e os 30 quilos.

En porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, substituíndoa por colza

Sen embargo, noutras fases de crecemento, ou noutras especies animais, sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos. Por exemplo, o penso de acabado de porcos ten xa pouca soia e se se lle eliminara de todo non pasaría nada. Neste caso poderíase substituír por colza de orixe comunitario, procedente de países como Francia ou Polonia.

Para substituír a soia importada por sementes proteicas un dos desafíos é mellorar a súa dixestibilidade para obter un rendemento equivalente á fariña de soia de referencia. No caso do vacún de leite, por exemplo, isto podería lograrse con aportes extra de lisina, xa que a proteína da soia aporta un alto contido neste aminoácido esencial en vacas de alta produción.

En vacas de leite de alta produción se se elimina a soia habería que formular en base a aditivos para incrementar os niveis de lisina da ración; doutro xeito produciríase unha perda de leite por non cubrir os niveis de aminoácidos necesarios

No caso dos rumiantes, os aminoácidos son precisamente neste momento a pedra angular da formulación para poder baixar os niveis de proteína e de nitróxeno expulsado (só arredor do 25% da proteína inxerida pola vaca acaba convertida en proteína láctea, o resto non é aproveitada).

Polo tanto, poderíase facer penso con menores niveis de proteína en base á utilización destes aditivos, xa que mediante a suplementación con aminoácidos sería posible reducir a proteína bruta na ración mantendo a produción leiteira e mellorando a eficiencia de nitróxeno, con efectos positivos en aspectos engadidos como a fertilidade.

Os beneficios de reducir proteína

Reducir as porcentaxes de soia nalgúns pensos tería efectos beneficiosos, tanto desde o punto de vista medioambiental como da saúde dos propios animais aos que se alimenta. Por exemplo, coa redución da proteína en pitos ou porcos redúcense as emisións sen afectar ao crecemento e evítanse problemas sanitarios, xa que o exceso de proteína nestes animais xera unha serie de graxas e substancias tóxicas que poden dar lugar a enfermidades e problemas diarreicos polos efectos da proteína sobre a microbiota e a saúde intestinal.

A redución de proteína ten efectos beneficiosos na saúde dos animais, logrando diminuír as emisións sen afectar ao crecemento

Polo tanto, a redución da proteína nestes casos non só ten un efecto positivo sobre a sustentabilidade, senón que ten outras vantaxes que se logran sen prexudicar os parámetros produtivos dos animais. Baixar un punto a proteína bruta na formulación de pensos para porcos equivalería a aforrar un 3% de fariña de soia, é dicir, 119.000 hectáreas de superficie de cultivo.

O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas porcinas intensivas establece a necesidade de reducir o contido de proteína bruta e unha alimentación multifase que se adapte aos requisitos nutricionais segundo a etapa de crecemento

A normativa española xa camiña nesta dirección da redución da porcentaxe de proteína nas racións e pensos. O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas porcinas intensivas establece que “para reducir o nitróxeno total excretado e as emisións de amoníaco, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro satisfacendo ao mesmo tempo as necesidades nutricionais dos animais, deberán utilizar unha estratexia nutricional e unha formulación de pensos que permitan reducir o contido de proteína bruta da alimentación, e administrar unha alimentación multifase dependendo dos diferentes requisitos nutricionais segundo a etapa produtiva”.

Apostar pola nutrición de precisión

A Comisión Europea está a fomentar a “nutrición de precisión”, adaptando máis os pensos a cada unha das fases de crecemento dos animais e axustando a alimentación ao ciclo produtivo e nivel de crecemento, modificando con rapidez as matrices de formulación para adecualas ás materias primas dispoñibles en cada momento.

Dentro deste concepto de nutrición de precisión inclúense sistemas de alimentación como os que se levan a cabo en explotacións leiteiras con muxido robotizado, xa que o robot suplementa o concentrado incluído na ración unifeed en función da produción de cada animal.

É perfectamente factible formular para vacas de alta produción de leite sen soia

Neste caso, o do vacún de leite, un estudo realizado hai uns anos polo CIAM concluía que para vacas leiteiras con medias de 30 litros de produción poderíanse facer racións sen torta de soia sen afectar significativamente a parámetros produtivos.

Redución da contaminación

As emisións de amoníaco (NH3) da gandería constitúen, ademais dunha perda económica para o gandeiro, un dano ao medio ambiente pola contaminación do aire, os chans e as augas e un dano para a saúde. En 2018, as emisións de NH3 agrícola na Unión Europea ascenderon a 3.849.000 toneladas, o que representa ao redor do 92% do total das emisións de NH3 na UE. As maiores porcentaxes de emisións de NH3 provintes do sector agropecuario atópanse en Irlanda (99%), Polonia (97%), Alemaña (95%) e Francia (94%), mentres que, no outro extremo, Portugal mostra a cota máis baixa da UE (79%). En España, esta contribución sitúase en algo máis do 90%.

As emisións de NH3 agrícola na Unión Europea ascenden a 3.849.000 toneladas, o que representa ao redor do 92% do total das emisións de NH3 na UE

E é que a agricultura e a gandería son responsables en España do 91% das emisións de amoníaco, sobre todo o sector porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España. Dentro do sector gandeiro, a xestión de estercos na explotación destaca pola súa importante contribución ás emisións de amoníaco, sendo responsable de case a metade (máis do 45%) das emisións totais de NH3 por parte do sector agropecuario.

Segundo a Directiva NEC, España debe reducir as emisións de amoníaco un 3% en 2020 e un 16% en 2030 en comparación con 2005

Para atallar este problema, Bruxelas, a través do Protocolo de Gotemburgo, estableceu un réxime de teitos nacionais, ou cotas de emisións de amoníaco. A Directiva (UE) 2016/2284 de Teitos Nacionais de Emisión (NECD, nas súas siglas en inglés), relativa á redución das emisións de determinados contaminantes atmosféricos, en concreto, dióxido de xofre (SO2), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH3) e partículas finas (PM2,5), impón a elaboración, adopción e aplicación, a cada Estado membro, de programas nacionais de control da contaminación atmosférica e o seguimento das emisións e os seus  efectos.

Para o conxunto da UE o obxectivo de redución de emisións de NH3 sitúase nun 6% para o período 2020-2029 e nun 19% a partir de 2030

En aplicación da Directiva de Teitos Nacionais de Emisión (NECD 2016), España enfróntase ao reto de reducir as emisións de NH3 nun 3% para o período 2020-2029 e nun 16% a partir de 2030. Para o conxunto da UE, a porcentaxe media de redución de emisións de NH3 sitúase nun 6% para o período 2020-2029 e nun 19% a partir de 2030.

Co fin de cumprir os compromisos nacionais de redución de emisións e evitar as sancións de Bruxelas, o Goberno español aprobou en 2019 o Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, que fixa prioridades, obxectivos e medidas para os distintos sectores, entre eles a agricultura e a gandería. Deseñado para o horizonte 2020-2030, inclúe un catálogo de 50 medidas agrupadas en 8 paquetes sectoriais: mix enerxético; transporte; industria; eficiencia enerxética en vivendas, comercios e oficinas; residuos; agricultura; restos de poda e gandería.

O Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica obriga a axustar o contido en proteína bruta da alimentación en función das necesidades dos animais

Entre outras medidas, inclúese a alimentación multifase en todas as especies gandeiras e o axuste do contido en proteína bruta tendo en conta as necesidades dos animais, medidas de xestión de estercos, como a evacuación frecuente do esterco almacenado no lugar de cría dos animais e a incorporación de medidas de redución de emisións de amoníaco en establos e granxas de nova construción para gando bovino, porcino e avícola ou en obras de ampliación ou modificación das instalacións existentes.

En España destacan como sectores cunha alta emisión de NH3 a fertilización con fertilizantes nitrogenados sintéticos e as provintes da gandería porcina

España recibiu notificación por parte da Comisión sobre a posible apertura dun procedemento de infracción por incumprimento da Directiva sobre Teitos Nacionais de Emisión respecto a as emisións de amoníaco, xa que se revela como un dos Estados membros cunha maior emisión de NH3 por proteína producida e onde os niveis de emisión de NH3 superan os límites establecidos na normativa.

Europa esixirá soia libre de deforestación

A proposta lexislativa europea que se prepara sobre cadeas de subministración libres de deforestación supón unha nova preocupación para os fabricantes de pensos españois polas estritas medidas de control que incorpora. Desde a Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos Para Animais (CESFAC) advirten do impacto que terá esta proposta, con consecuencias directas para todo o sector, desde os fabricantes de pensos ós gandeiros. Os fabricantes consideran que as novas medidas de control da normativa poden ocasionar, entre outros efectos, un incremento dos custos das materias primas, nun momento en que os prezos dos cereais están xa disparados.
A proposta lexislativa prohibe a comercialización de produtos en risco de deforestación, esixe novos requisitos de trazabilidade obrigatorios e datos de xeolocalización das parcelas agrícolas de orixe
A nova norma busca regular a dispoñibilidade de materias primas de produtos asociados con deforestación e degradación dos bosques no mercado europeo. A proposta prohibe a comercialización de produtos asociados con risco de deforestación, esixe novos requisitos de trazabilidade obrigatorios e datos de xeolocalización da explotación de orixe de produción da materia prima. Uns requisitos que desde a Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (FEFAC) ven desproporcionados ao risco e non operativos para moitos operadores da industria. Contexto A soia é unha das principais fontes de proteína vexetal que se empregan nos pensos. A importada por España procede na súa maioría de Estados Unidos e Latinoamérica, onde en ocasións se trata dun cultivo asociado á deforestación, como sucede en zonas do Amazonas. Para reducir eses riscos, os fabricantes europeos de pensos teñen en marcha programas de autocontrol, cos que aseguran que un 77% da soia importada na actualidade a Europa está libre de riscos de deforestación. O seu obxectivo é chegar ó 100% no 2030. Os fabricantes de penso consideran que o proxecto de nova normativa europeo parte cun periodo de implementación insuficiente e existe o temor de que chegue a interromperse a subministración necesaria pola UE de produtos da soia con alto contido proteico. "Esta proposta desincentivará a agricultores europeos de soia, ao non requirir outros cultivos de proteínas e oleaxinosas da mesma carga de trazabilidade. Iso debilitará o plan de proteína europeo e a Declaración de Soia Europea asinada por 14 ministros de agricultura europeos o 17 de xullo do 2017", resaltan desde FEFAC. En España, segundo os datos manexados pola CESFAC, a produción de soia situábase en 2018 en 1.481 hectáreas, co que se xeraron unhas 4.250 toneladas, que apenas supoñen unha milésima parte do total consumido no país. Mentres, España sitúase como unha potencia produtora de pensos na UE. Nese mesmo ano, fabricáronse en territorio nacional case 37 millóns de toneladas de penso para alimentación animal. Cómpre destacar que a industria española de alimentación animal foi unha das primeiras en realizar un estudo de campo para determinar cal é a situación de partida no que a cumprimento de esixencias de sostebilidade e de orixe non deforestado se refire. 

Incremento dos prezos

Os fabricantes de pensos sinalan que "os requisitos de trazabilidade desproporcionados engadirán maior presión sobre os custos nos sectores gandeiro e de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados das materias primas. A experiencia actual do mercado co estrito programa de cadea de vixilancia de 'firme identidade preservada' para a soia, implementado no sector alimentación, indica un incremento de tres veces o custo sobre o prezo normal de mercado". Ademais, sinalan que as subministracións actuais de soia non modificada xeneticamente do sector de pensos (sen datos de xeolocalización) para a industria de alimentación animal ofértanse xa até un 100% sobre o prezo normal de mercado. Os fabricantes vaticinan que este incremento dos custos das materias primas e dos pensos traducirase nunha menor competitividade dos sectores gandeiro e de pensos, e no incremento de importacións de produtos de orixe animal como a carne de porco e de aves de curral, non suxeitos ás mesmas normas de trazabilidade da UE libre de deforestación.

Subministración responsable

A Industria de Alimentación Animal Europea, xunto coas cadeas de subministración, reivindican que, á marxe das esixencias desta nova normativa, xa teñen implementado iniciativas de autocontrol para a promoción de prácticas de produción responsable para a soia, atendendo ao risco de deforestación e conversión de áreas de alto valor para a conservación. En Europa, o 77 do total de soia importada é de baixo risco de deforestación. "Confiamos que o Consello considere un enfoque máis equilibrado, recoñecendo os programas de autocontrol da cadea", reivindican desde FEFAC. En España, a CESFAC atende aos obxectivos que se marcan no documento Soia Sustentable para unha subministración responsable de pensos compostos, que busca conseguir que en 2030 o 100% da soia empregada na fabricación de pensos en España fose producida en orixe de maneira sustentable e comprometida coa loita contra a deforestación. No caso español, o 100% da soia importada de Estados Unidos e unha elevada porcentaxe de soia importada con orixe Brasil (71%) e Arxentina (91%) foi producida en zonas asociadas a un baixo risco de deforestación, o que recalca o compromiso coa desvinculación da produción en áreas con risco. Os últimos datos que manexa o informe sobre a soia sustentable elaborado por CESFAC, de 2018, indican que en España se importan uns 5,7 millóns de toneladas, un 43% procedente de Brasil, un 22% de Arxentina e un 26% chegado de Estados Unidos.

Escalada dos prezos dos cereais: causas e previsións para a campaña

Nos últimos meses os prezos de cereais básicos para a alimentación do gando como o millo, a soia ou mesmo o trigo disparáronse. O mercado mundial está a responder con importantes subas á elevada demanda de cereais de potencias como China, que se atopa en plena recuperación tanto da pandemia do Covid-19 como da crise da Peste Porcina Africana (PPA) que arrastraba. As previsións de colleita tamén están a ser determinantes para marcar o prezo dos cereais e algúns países comezaron a establecer xa aranceis ás súas exportacións. Todo iso está a elevar a demanda e os prezos dos principais cereais a valores históricos. Fabricantes de pensos e produtores alertan xa das dificultades que terán os gandeiros se o incremento dos prezos de alimentación e por tanto dos custos de produción, non se traslada e compensa no resto da cadea.
A falta de stocks mundiais, a caída da produción polas secas e a alta demanda de países como China están a motivar a suba dos prezos
"Nas últimas semanas viuse un incremento dos prezos, sobre todo do millo, derivado tanto da caída das producións de cultivo de Brasil, por mor da seca, como da falta de stocks mundiais", explica Bruno Beade, director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). "A situación é agora moito máis complicada do que era en decembro, cando comezou a notarse un incremento dos prezos e da demanda, pois a seca agudizou esta situación", detalla.

Alta demanda de millo

O millo está a ser determinante nesta escalada de prezos. Aínda que a produción de millo a nivel mundial é crecente, tamén aumentou a demanda, o que se traduciu en prezos á alza que arrastran a outros cultivos, como o trigo. "Cun consumo que crece, pero cunha produción que non está a crecer ao mesmo ritmo, os stocks finais a nivel mundial están a baixar e isto deriva en prezos á alza", apunta Joaquim Azpiroz, analista e consultor da Safras e Mercados, plataforma especializada en analizar as materias primas agrogandeiras.. Evolución da produción e consumo de millo no mundo nos últimos 20 anos e previsións para as próximas campañas. // Fonte. Safras e Mercados. China é un dos principais compradores de millo. O xigante asiático atópase en plena fase de crecemento e recuperación. De feito, foi a economía que experimentou un maior crecemento en 2020, aínda que este fose o máis baixo desde 1976 para o país. "O crecemento da economía chinesa marca tamén un cambio nos hábitos de consumo, cara a un maior consumo de carne e unha maior utilización de millo, soia e trigo para alimentación dos seus animais", argumenta Azpiroz. A este crecemento súmase a recuperación do sector porcino tras a crise da Peste Porcina Africana, que reduciu a produción de carne de porco a un mínimo de 38 millóns de toneladas de carne en 2020. "Ao recuperar a súa matriz porcina, China está moi ávida tanto de millo como de soia", detalla Azpiroz. De feito, Goldman Sachs, un dos grupos de banca de investimento e valores máis grande do mundo, asegura que China importará 33 millóns de toneladas este ano e 55 millóns de toneladas en 2023 para atender o seu consumo interno.
"Cando aínda faltan 4 meses para o fin da campaña en EEUU xa se comercializou o 98% do millo, unha porcentaxe moi alta que leva a unha suba dos prezos" (Joaquim Azpiroz, analista de Safras e Mercados)
O millo está a experimentar tamén unha crecente demanda para a produción de etanol en países como Brasil, China ou Estados Unidos, onde a administración de Biden está a apostar por impulsar este tipo de industrias verdes, o que apunta a un incremento da demanda interna. "EEUU conta cun volume de produción moi próxima ao consumo interno, o que non deixa moita marxe a atender a demanda de China, o que se traduce en menores stocks desde 2014 e iso está impulsando unha suba dos prezos", concreta o analista. "Restando 4 meses para o fin da campaña en EEUU xa se comercializou o 98% do millo, unha porcentaxe moi alta que claramente presiona sobre os prezos en Chicago, que son de referencia global", indica Azpiroz. Así, a comenzos de maio, o prezo situábase xa por encima dos 250 dólares por tonelada.  As secas das últimas semanas en Brasil, na recta final da campaña sumadas á sementeira tardía polas choivas, está a deixar rendementos máis baixos do cultivo. Cabe lembrar que o 43% do millo sementado en Brasil, segundo datos de Safras e Mercados, fíxose fóra da época recomendada, o que deixa unha diminución importante na produción. Na Arxentina, estímase que a produción se sitúe nos 49,2 millóns de toneladas, aínda que unha redución podería contribuír a unha maior suba dos prezos. "En Estados Unidos as previsións tamén apuntan a unha caída da produción o que contribúe a ese incremento dos prezos", sinalan desde Agafac.

O trigo, baixo o ronsel do millo

A crecente demanda de millo e a escalada de prezos tamén se traslada a outros cereais como o trigo, que experimentou unha importante demanda e crecemento. A campaña 2020-2021 deixará unha produción mundial aproximada de 760 millóns de toneladas de trigo, situándose Rusia como principal exportador. Nesta campaña, Europa deixa de ser un dos principais produtores do cereal debido á caída de ao redor dun 12% da produción de trigo en Francia. A produción de trigo de Europa reduciuse nesta campaña un 12%. Do mesmo xeito que co millo, China é un dos maiores importadores de trigo. "Dados os altos custos do millo, China decidiu cambiar a unha importación de trigo para alimentar aos seus animais", explica Azpiroz. O xigante asiático conta cunha produción de 134 millóns de toneladas e un consumo que se aproxima aos 150 millóns de toneladas, con este déficit entre produción e consumo optou por asegurar os stocks do cereal. Pasou de ter o 34% dos stocks de trigo a contar nesta campaña co 42%, o que pode ter un papel moi importante no mercado, segundo apuntan distintos analistas. Estados Unidos viu no trigo unha oportunidade para a campaña, pero as condicións meteorolóxicas destes meses tampouco axudaron a lograr destacadas colleitas na sementeira de trigo de primavera, pola falta de auga, o que cambiou os prognósticos para o rendemento do cereal. Tampouco o cultivo de inverno tivo boas condicións, con baixas temperaturas e escaseza de precipitacións, que reduciu a produción e elevou o prezo.
Rusia xa comezou a aplicar taxas ás súas exportacións de trigo
Países como Rusia están a comezar xa a aplicar medidas restritivas ás súas exportacións ante o aumento dos prezos dos alimentos a nivel mundial. Estas taxas, que a partir de xuño serán permanentes, poderían traducirse nunha redución da superficie dedicada ao cultivo no país nas próximas campañas. "Se se mantén a taxa redúcese a rendibilidade do negocio do cultivo do cereal e cabe esperar que tamén baixe a área de cultivo", argumenta Azpiroz. O trigo tamén experimentou unha suba notable nas últimas semanas e a comezos de maio situábase xa nos 270 euros por tonelada.

O consumo de soia

A soia é outro dos cereais cuxo prezo se sitúa en valores históricos nas últimas semanas e meses, debido en gran medida a que o consumo é superior á produción e a recuperación da demanda global eleva o seu valor. Así, desde principios de ano, a tendencia á alza deixa valores de récord, próximos aos alcanzados en 2013 cando se produciu unha importante seca en EEUU, principal produtor de soia naquel momento, e que determinou dita suba. Hoxe Brasil desbancou a Estados Unidos como principal produtor de soia. O país latinoamericano chegou a alcanzar nesta campaña os 136 millóns de toneladas. Xunto con Brasil, Arxentina é un dos destacados produtores de soia cunha produción de ao redor de 47 millóns de toneladas, aínda que se estima que esta campaña se reducirá a 43 millóns de toneladas pola falta de choivas durante o enchido do gran, polo que se verá minguada a produción polo estrés hídrico da planta. "A fariña de soia estaba á alza até febreiro, e cando o mercado empezou a darse conta de que China estaba a substituír o millo e a soia polo trigo, a fariña de soia comezou a baixar", explica Bruno Todone, analista de Safras e Mercados.

A dependencia de aditivos do mercado chinés

Xunto co incremento dos prezos dos cereais, a fabricación de determinados pensos de gama premium, aqueles elaborados cunha maior presenza de vitaminas, aminoácidos ou aditivos minerais, tamén está a afrontar unha alta volatilidade dos prezos. Así o apuntaban desde a Asociación de Fabricantes e Empresas de Alimentación Animal da Comunidade de Madrid (Asfamad) durante un recente webinar organizado desde a entidade e no que abordaron as tendencias do mercado de aditivos para alimentación animal. China xoga tamén un papel destacado neste sector, aínda que neste caso como principal provedor. O xigante asiático pasou de producir 8.164.000 toneladas de aditivos para alimentación animal en 2015 a alcanzar os 13,9 millóns de toneladas en 2020. "Deses máis de 13 millóns de toneladas, os aminoácidos e os aditivos minerais representan o 90% da produción total", explica Fátima Chen, xerente rexional no Sur de Europa da compañía Beijing Yahe Nutritive High Tech Co., Ltd, principal subministrador de aditivos a nivel global.
Os fabricantes de alimentación animal teñen unha gran dependencia dos aditivos do mercado chinés
"En cuestións de biotina, ácido fólico e vitamina B12 somos 100% dependentes do produto chinés. Para outras vitaminas importantes, como a vitamina E ou a vitamina A, Europa ten un certo poder de mercado, que permite que sexamos máis flexibles ante cambios nas producións destes aditivos", apunta Juan Manuel Viola, director de vendas do Mercado de Ingredientes de Kaesler Nutrition. Ademais desta gran dependencia do mercado chinés, as empresas fabricantes de pensos especializados viron como os prezos se modifican con gran rapidez, debido a factores como o Covid-19, o cambio climático ou a demografía mundial, o que reduciu a marxe de beneficios e incrementou os prezos dos pensos en toda a cadea.

O impacto nas gandarías

Ante estas previsións dos principais países produtores de cereal, os expertos estiman que os prezos seguirán á alza non só nesta campaña senón na próxima, debido á falta de stocks mundiais. Así, todo apunta a unha suba a curto prazo e que poida prolongarse durante os próximos meses. "Estamos nunha situación moi similar á que se produciu en 2011, cando a baixada de produción e os stocks moi baixos orixinaron unha tormenta perfecta para unha suba dos prezos", explica Bruno Beade, presidente de Agafac. Ante esta subida dos cereais incrementaranse tamén os custos de produción en sectores como o vacún de leite ou a carne, o que como apuntan xa distintas organizacións agrarias pode pór ás gandarías contra as cordas. "Nós, como sector, non temos capacidade de influír nos prezos do cereal, o único que facemos é tentar comprar ao mellor prezo para despois vender ao prezo máis baixo. O problema é que nós temos que trasladar o aumento do prezo ao gandeiro e ao gandeiro non lle están deixando transmitir tamén ese incremento de custos que experimenta", concretan desde Agafac.

Dispárase un 30% o prezo da soia no último mes

Os prezos das materias primas coas que se elaboran os pensos para alimentación animal, e que no caso de España proceden en gran parte doutros países, están a dispararse nas últimas semanas, tal e como xa advertiu Campo Galego nunha información publicada o pasado mes de outubro. Así o corrobora a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC) nunha nota emitida hoxe, na que advirte de que “desde comezos de setembro o prezo das principais materias primas coas que se elaboran os concentrados en Galicia non parou de subir nos portos (principal vía de entrada dos insumos), con incrementos de máis de 100 euros/Tonelada no caso da fariña de soia, 50 euros/Tonelada no da colza, 50 euros/Tonelada no millo e no trigo, e 25 euros/Tonelada no caso da cebada”. A soia, esencial nas formulacións para vacas de leite ou para porcino, por exemplo, e que é necesario importar na súa totalidade, está a pagarse a máis de 420 euros/Tonelada a de tipo 44% e a 430 a soia do tipo 47%, cando hai un mes roldaba os 320 euros. É dicir, rexistrou un encarecemento do 31% en tan só un mes. A 275 euros/tonelada está hoxe a colza, a 225 euros/Tonelada o millo e a 180 euros/Tonelada a cebada, moi por riba tamén dos niveis de hai tan só unhas semanas.

Causas das subas

Tras unha longa tempada de estabilidade nos mercados, desde o pasado mes de setembro as materias primas agrícolas para alimentación animal sufriron unha forte suba de prezos nas bolsas e lonxas agroalimentarias. Desde a patronal galega dos fabricantes de pensos atribúen esta suba á conxunción de tres factores: 1. A soia e o millo son as materias primas que marcan a tendencia e arrastran ao resto. Estes dous produtos desencadearon a tormenta que se está vivindo no mercado debido a unha revisión á baixa das existencias mundiais, a unha menor produción da estimada nos principais países con capacidade de maior exportación mundial como Estados Unidos, os países do Mar Negro e algúns da UE como Francia, Romanía e Reino Unido. 2. Os fondos de investimento, ao ver a delicada situación de stocks globais e algunha máis que previsible menor produción, irromperon nas distintas bolsas alimentarias realizando compras masivas e extremadamente longas de materias primas estratéxicas como millo, soia e trigo, elevando os prezos nas últimas semanas a niveis que non se viron desde hai anos. 3. Outro factor a ter en conta é o incremento da demanda por parte de China respecto dos dous últimos anos. Prevese que importe unha cantidade récord de máis de 100 millóns de toneladas de soia e millo cando tiña previsto importar ao redor de 7 para este ano (e levan máis de 15). Este crecemento vén dado pola recuperación do seu consumo tras a crise da Peste Porcina Africana (PPA), repor os stocks perdidos durante os primeiros meses da Covid-19 no primeiro semestre do ano e para cumprir cos acordos arancelarios establecidos coa Administración Americana. 4. España é deficitaria en cereais para alimentación animal, é por iso que debe importar ao redor do 50% da maior parte de materias primas e o 100% no caso da soia. Esta necesidade tan elevada motiva que os agricultores nacionais reteñan a súa mercadoría nos seus almacéns á espera de que sigan subindo os prezos para vender, prexudicando o fluxo normal de oferta que había fai un par de meses despois dunha colleita nacional excelente.

“O sector garante os prezos máis competitivos posibles”

Neste escenario, desde AGAFAC destacan que “o sector de fabricantes de alimentos compostos para animais de Galicia (..) é un sector maduro, cun importante exceso de oferta en relación á demanda, feito este último que garante a máxima transparencia e eficiencia na translación dos seus custos de produción aos produtos finais, se fose o caso, xa que ningún fabricante pon no mercado un penso determinado a un prezo maior ao que o poría calquera outro fabricante do sector xa que a competencia é moi elevada”. O peche de contratos de compra de materias primas a medio ou longo prazo tamén debería mitigar a suba do prezo dos pensos, aínda que desde o sector dáse por feito que a suba se trasladará aos gandeiros no prezo do penso. Neste contexto alcista dos pensos tamén cobra máis importancia a produción de forraxes (tanto silo de millo como de herba e pasto) de calidade e a menor prezo, así como axustar a cabana gandeira á base territorial da que se dispón. En todo caso, desde a patronal galega dos fabricantes de penso aseguran “estar ao servizo e defensa dos intereses dos seus clientes gandeiros nas posibles consecuencias destas subas de insumos e na repercusión do aumento de custos ao longo da cadea alimentaria”.

Pensos con algas ou sen soia: Así será a alimentación do gando no futuro

Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína É posible reducir a gran dependencia actual da importación de soia? Un recente webinar organizado pola Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) analizou as posibilidades existentes de diminuír da proteína nas racións e como aumentar o nivel de autoabastecemento grazas ao uso de novas materias primas. "Temos unha alta dependencia de materias primas, especialmente proteicas como a fariña de soia, pola escasa produción na UE. Ademais, a nosa dispoñibilidade de materias primas é menor que noutros países europeos e iso fainos máis dependentes e vulnerables", afirmou María Victoria Navas, xefa de área da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura. España é o principal produtor de pensos da UE e a súa alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal tremendamente vulnerables diante de subas bruscas como as que se están producindo desde principios de setembro na cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de oleaxinosas como a soia ou a colza.
Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos
Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU (delas 750.000 toneladas desembarcan nos portos galegos da Coruña, Marín e Vilagarcía). As importacións supoñen o 100% da soia utilizada na produción de pensos (en España, onde as condicións climáticas non son adecuadas para este cutivo, só se producen 3.200 toneladas en comunidades como Castela e León, Castela A Mancha e Estremadura, destinadas na súa totalidade a fabricación de bebidas de soia). O peso da avicultura e o sector porcino No global de pensos en España as oleaxinosas representan, dependendo da especie, entre o 15 e o 18%. O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes, polo que a importancia destes sectores (España exporta por exemplo o 52% do porcino que produce, que vai para países europeos como Francia ou países extracomunitarios como China) equivale a maior consumo e, por tanto, tamén maior importación de soia. A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que o 10% (3,1 millóns) prodúcense en Galicia. Do total, 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).
España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais
"Antes usábanse máis as leguminosas, cando a produción non era tan intensiva, pero na actualidade canto máis penso se produce máis soia se consume. Houbo un período de tempo no que non se traballaba con tanta proteína, pero foise incementando por efecto da competencia, pero non todo o que aparece etiquetado con máis proteína necesariamente é mellor. Na formulación habería que preguntarse se os niveis mínimos cos que estamos a traballar realmente non se poden reducir", afirma María Victoria. Os beneficios de reducir proteína No seminario online organizado por Cesfac participaron tamén responsables de formulación de varias empresas fabricantes de pensos, como Eugenio Cegarra, de De Heus, ou Braulio De la Calle, de Coren, que recolleron a luva lanzada pola representante do Ministerio.
En porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, substituíndoa por colza (Eugenio Cegarra, De Heus)
"A soia considerámola estratéxica porque ten unha alta dixestibilidade e dispoñibilidade e un gran contido en aminoácidos, polo que é unha materia prima indispensable, pero en porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, outra cousa é en porcos de 20 ou 25 quilos ou en penso para acabado de polos. O penso de acabado de porcos ten xa pouca soia e se lla sacas de todo non pasaría nada. Poderíase substituír por colza, de feito, xa está a entrar colza francesa, canadense ou polaca", respondeu Eugenio.
A redución de proteína ten efectos beneficiosos na saúde dos animais, logrando diminuír as emisións sen afectar o crecemento
O director de formulación de De Heus destacou os efectos beneficiosos que tería minorar as porcentaxes de soia nalgúns pensos. "Coa redución da proteína en pitos ou porcos reducimos as emisións sen afectar ao crecemento e evitamos problemas sanitarios, xa que o exceso de proteína nestes animais xera unha serie de graxas e substancias tóxicas que poden dar lugar a enfermidades e problemas diarreicos polos efectos da proteína sobre a microbiota e a saúde intestinal. A redución da proteína non só ten un efecto sobre a sustentabilidade, senón que ten outras vantaxes que se logran sen prexudicar os parámetros produtivos dos animais.", afirmou. Nutrición de precisión A recente normativa española xa camiña nesta dirección da redución da porcentaxe de proteína nas racións e pensos. O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas procinas intensivas establece que "para reducir o nitróxeno total excretado e as emisións de amoníaco, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro satisfacendo ao mesmo tempo as necesidades nutricionais dos animais, deberán utilizar unha estratexia nutricional e unha formulación de pensos que permitan reducir o contido de proteína bruta da alimentación, e administrar unha alimentación multifase dependendo dos diferentes requisitos nutricionais segundo a etapa produtiva".
O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas procinas intensivas establece a necesidade de reducir o contido de proteína bruta e unha alimentación multifase que se adapte aos requisitos nutricionais segundo a etapa de crecemento
"Baixar un punto a proteína bruta na formulación de pensos para porcos equivalería a aforrar un 3% de fariña de soia, é dicir, 119.000 hectáreas de superficie de cultivo", aclarou. Eugenio defendeu o que cualificou de "nutrición de precisión", adaptando máis os pensos a cada unha das fases de crecemento dos animais. "Hai que axustar a alimentación ao ciclo produtivo e nivel de crecemento e modificar con rapidez as matrices de formulación e adecualas ás materias primas dispoñibles en cada momento mediante analíticas do seu valor nutricional", indicou. Dentro deste concepto de nutrición de precisión incluíu o sistema de alimentación en explotacións leiteiras con muxido robotizado, xa que o robot suplementa o concentrado incluído na ración en función da produción de cada animal. "Cando se usa só ración con carro unifeed en pesebre dáselle o mesmo penso a unha vaca próxima ao secado que produce 20 litros que a outra que está no pico de lactación con 40 litros", evidenciou. O papel dos aminoácidos en ruminantes Eugenio lembrou que "un estudo realizado hai uns anos polo CIAM concluía que para vacas de 30 litros poderíanse facer racións sen torta de soia sen afectar significativamente a parámetros produtivos", mentres, pola súa banda, Braulio aclarou que "o polo é unha máquina de eficacia de conversión de enerxía fronte á vaca" pero, aínda así, asegurou que "é posible formular para vacas de produción de 14.000 litros de leite sen un gramo de soia", dixo.
É perfectamente factible formular para vacas de alta produción de leite sen un gramo de soia (Braulio Da Rúa, Coren)
En opinión do director de formulación para ruminantes, tanto de leite como de carne, da cooperativa ourensá Coren, "os aminoácidos son neste momento a pedra angular da formulación para poder baixar os niveis de proteína e de nitróxeno expulsado". Poderíase facer penso con menores niveis de proteína en base á utilización destes aditivos, dixo, xa que "mediante a formulación con aminoácidos reducindo a proteína bruta na ración podemos manter a produción leiteira e mellorar a eficiencia de nitróxeno, con efectos positivos en aspectos engadidos como a fertilidade", asegurou, aínda que para iso sexa necesario suplementar determinados aminoácidos porque, por exemplo, "en vacas de leite se eliminamos a soia temos que subir moito a lisina; doutro xeito teremos perdas de leite por non cubrir os niveis de aminoácidos necesarios", advertiu. Tamén defendeu que "hai que afacerse a mirar a pegada de carbono que teñen os pensos" e a empezar a facer a selección dos animais nunha granxa en función do seu grao de eficiencia, medida no caso de gando vacún, como gramos de metano por litro de leite ou quilo de carne producido, xa que, insistiu, "a xenética explica entre un 8 e un 14% das emisións de CH4". O enorme potencial das algas Planta de cultivo de algas en estanques en EEUU Tanto Braulio como Eugenio falaron das distintas alternativas existentes que se abren paso pouco a pouco nestes momentos como consecuencia das limitacións e condicionantes que a UE previsiblemente impoñerá á soia nos próximos anos e outras que como as algas ou os insectos (moscas soldado) atópanse nun estado máis incipiente. Braulio considerou "super interesantes" as algas, xa que achegan "altos niveis de proteína a uns custos asumibles", dixo. "En Guadalaxara non van alimentar con alga, pero en Galicia si. O problema é a variabilidade", insistiu. Aclarou ademais que Coren ten xa experiencia en traballar con este tipo de produtos en fábrica, que se poden presentar en distintos formatos, tales como fariña de algas, algas secas, aceites de algas ou extractos de algas.
En Guadalaxara non van alimentar con alga, pero en Galicia si. Achegan altos niveis de proteína a uns custos asumibles; o problema é a variabilidade
As especies máis interesantes para o seu aproveitamento en alimentación animal serían: Alaria esculenta, Lamirnaria digitata, Pelvetia canaliculata, Cladaphora rupestris, Ulva sp., Mastocarpus stallatus, Porphyra so. e Manifesta palmata. O seu contido en proteínas é variable: algas vermellas entre o 30 e o 40%, verdes sobre o 20% e marróns en torno ao 8%. Destacou tamén a lentella de auga (Lemna minor), unha especie exótica que non está regulada lexislativamente e que pode alcalzar un 30% de contido en proteína, e as microalgas, que para piscifactorías xa está moi avanzado pero "para vacún aínda vai tardar bastante polo tema de custos", asegurou. As microalgas son un grupo heteroxéneo de microorganismos que sería posible cultivar en tanques e que no caso de especies como a Spirulina platensis pode alcalzar valores de entre o 60 e o 70% de proteína bruna. A principal vantaxe das microalgas radica no seu perfil de aminoácidos, xa que nalgunhas das especies estudadas é comparable ás mellores fontes de proteínas tradicionais. Produtos estacionais Todos os participantes no webinar avogaron por complementar a soia con outras fontes de proteína alternativas para reducir a dependencia da importación (o autoabastecimiento de fariña de soia na UE é só do 3%). Entre outras posibilidades estarían outras materias primas de orixe vexetal, como os chícharos, veza, xeros, almortas ou algarrobas, que permitirían impulsar o cultivo na área de influencia de fabricación e consumo, aínda que para substituír a soia importada por sementes proteicas un dos desafíos é mellorar a súa dixestibilidade para obter un rendemento equivalente á fariña de soia de referencia. En relación ao uso destas materias primas proteaxinosas para a fabricación de pensos, impulsadas desde Bruxelas, Eugenio indicou que "a política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar".
A política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar
Para Braulio, moitos produtos de proximidade son estacionais e moitos deles non se poden almacenar facilmente. "É imposible meter bagazo de cervexa, que é un produto cun contido en proteína de entre o 20 e o 30%, nunha fábrica de pensos pero pode ser administrado a nivel de granxa, o problema é a dosificación por animal e día e a variación na súa función nutricional", asegurou. Dentro dos subproductos da industria alimentaria atoparíase tamén a pulpa de tomate (cun contido proteico de entre o 18 e o 22%), a pulpa de mazá procedente da fabricación de sidra, a pulpa de remolacha ou o soluble de melaza condensada (mosto da fermentación aeróbica de melaza cunha proteína bruta do 44%) procedentes da industria azucreira, a fariña de galleta, os soros lácteos procedentes da fabricación de queixos e a torta de limón da industria química, aínda que fóra da pulpa de tomate e o soluble de melaza condensada son materias primas con baixos contidos proteicos (inferiores ao 10%). En revisión o uso de PATs Actualmente non está permitido na Unión Europea para a alimentación de gando a utilización de Proteínas Animais Transformadas (PATs), prohibidas en maio de 2001, a raíz do mal das vacas tolas, a través do Regulamento 999/2001 polo que se establecen disposicións para a prevención, control e erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles. Con todo, si que se permite a importación de produtos cárnicos e pesqueiros procedentes de animais alimentados con PATs derivadas de non ruminantes e a inclusión de proteínas derivadas de leite, ovos, xelatinas e proteínas hidrolizadas en todas as especies así como as fariñas de peixe e de sangue de non ruminantes na alimentación de non ruminantes.
A reintrodución das proteínas animais, prohibidas a raíz do mal das vacas tolas, é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia
"Nestes momentos está en revisión a normativa sobre uso de Feed Ban e PATs de non ruminantes para alimentación animal, algo se está movendo en Europa neste sentido", avanzou María Victoria. A reintrodución das proteínas animais é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia. A partir de 2014 autorizáronse na acuicultura e a Comisión Europea estuda nestes momentos a posibilidade de dar luz verde á utilización de PATs de non ruminantes na alimentación de aves e porcos, evitando a alimentación con fariñas da mesma especie. Outra normativa en discusión desde hai anos na Unión Europea é a relativa aos transxénicos. "Aos Organismos Modificados Xeneticamente non hai que terlles medo, poden ser unha boa solución. Desde o Ministerio pensamos que non se deben demonizar os OXM nin rexeitalos no noso día a día, esa é a posición do Goberno de España desde hai anos, pero hai determinados países europeos que non son partidarios dos OXM", recoñeceu a representante da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura.

Escenario futuro con escaseza de materias primas, maior demanda e normativa europea de sostibilidade de importacións

Despois dos cereais, a segunda fonte de proteínas en Europa está representada pola fariña de colza, soia e xirasol, que supoñen o 26% das fontes de proteína en pensos no conxunto da UE, onde o ano pasado se produciron 10,7 millóns de toneladas de colza, 1,1 millóns de toneladas de soia e 3,9 millóns de toneladas de xirasol. Con estas producións, a UE logra un nivel de autoabastecimiento do 79% de colza e un 52% de xirasol pero só dun 3% no caso da soia. Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína. A Comisión Europea atópase en fase de elaboración nestes momentos de nova normativa en relación á importación de soia, que obrigará a maior trazabilidade aos fabricantes para garantir que esta materia prima non procede de zonas deforestadas para o seu cultivo. Espérase que o proceso de redacción da nova regulación europea vaia rápido e que o novo marco lexislativo se aprobe en 2023.
A nivel europeo un terzo dos alimentos que consomen os animais de granxa son pensos
"Están por chegar novos elementos normativos que van ingresar ao marco lexislativo comunitario en 2023. A comunicación saíu da Comisión este ano, estamos nos inicios. Van impoñer comprobar se as nosas materias primas proceden de deforestación ou non. As autoridades comunitarias queren chegar a cadeas de abastecemento libres de deforestación pero a CE non sabe tampouco realmente como facelo, xa que acabar coa deforestación é un obxectivo moi conceptual, pero despois hai que facelo operacional. Non sabemos aínda o que vai propoñer a Comisión o ano que vén, que é cando fará a primeira proposta de nova normativa", explica Anton van dean Brink, da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (Fefac), que engade que "o 77% da soia importada non está ligada a deforestación".
Un terzo da soia importada pola UE procede na actualidade de zonas deforestadas
A Unión Europea tenta dar resposta deste xeito a unha preocupación social cada vez maior que demanda decisións á comunidade internacional en prol do medio ambiente e o mantemento da biodiversidade no planeta. De feito, Nacións Unidas fixouse como obxectivo no seu Plan Estratéxico para os Bosques 2030 aumentar nun 3% a superficie boscosa mundial. Seguindo este obxectivo, na Estratexia da Granxa ao Garfo, presentada pola Comisión Europea o pasado mes de maio, búscase incentivar o consumo de produtos de cadeas de subministración libres de deforestación e reducir a compra de materia prima internacional. A Unión Europea exixirá a partir de 2023 que a soia importada non proceda de zonas deforestadas Aumento da poboación mundial e sustentabilidade O imparable crecemento da poboación mundial, que pasou de 2.000 millóns de habitantes en 1930 a 4.000 millóns en 1975, 5.300 millóns en 1990, 7.300 millóns en 2015 e seguirá aumentando exponencialmente, segundo as previsións da ONU, ata chegar aos 9.700 millóns en 2050 e os 11.200 millóns de persoas en 2100, está a incrementar as necesidades de alimentación, tanto humana como animal. A FAO estima que o consumo de carne aumentará nun 76% para o ano 2050, duplicándose o consumo de carne de aves e incrementándose un 69% a de vaca e un 42% a de porco. Tamén se prevé un incremento no consumo de proteína láctea do 58%.
En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional
O incremento das explotacións gandeiras e o aumento da necesidade de materias primas supón un aumento da superficie de cultivo e da necesidade de fertilizantes. Todo iso contribúe a aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro e á contaminación de acuíferos. Segundo os cálculos da ONU, o sector agrogandeiro será responsable en 2050 do 45% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, triplicando o 15% actual. En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional para poder pasar dos 360 millóns de toneladas de soia de produción prevista en todo o mundo en 2020 aos 520 millóns toneladas en que se estiman as necesidades futuras. Competencia entre alimentación humana, animal e biocombustibles En 1987 Nacións Unidas empeza a falar de sustentabilidade no Informe Brundtland, alertando sobre as consecuencias negativas da globalización e os problemas derivados da industrialización e o aumento da poboación mundial. O índice de prezos dos alimentos da FAO, que se publica mensualmente, fai un seguimento dos prezos e existencias internacionais dos produtos alimenticios máis comercializados. No seu último informe prevese unha utilización mundial de cereais en 2020/21 de 2.744 millóns de toneladas, un 2% máis que no ano anterior. Máis da metade desa cifra corresponde aos cereais secundarios, cuxa utilización se prevé que se situará en 1.477 millóns de toneladas, mentres que se estima que a utilización de trigo alcanzará os 757 millóns de toneladas, cun aumento impulsado por un maior consumo en China e a India. Tamén se prevé que a utilización mundial de arroz alcance un novo récord de 510,5 millóns de toneladas. Coa demanda de utilización de materias primas en máximos históricos motivado polo aumento de necesidades tanto para alimentación humana como animal, increméntase a demanda social e dos Gobernos de distintos países para empregar produtos para fabricar pensos que non entren en competencia directa coa alimentación humana, así como a aceptación do uso de subproductos ou a reutilizacion de antigos alimentos procedentes da industria e a distribución alimentaria para dar para comer aos animais. A redución do uso de combustibles fósiles e a súa substitución por fontes renovables supuxo ademais un novo elemento de competencia a maiores pola utilización de determinadas materias primas e terras de cultivo destinadas a combustibles verdes. A Directiva Europea sobre biocombustibles provocou, por exemplo, un aumento na produción de fariña de colza e fariña de xirasol e levou a procesar 6,5 millóns de toneladas de maiz e 3,3 millóns de toneladas de trigo para producir biodiésel e etanol.

Prevese un encarecemento xeralizado do penso

Máis de 1,6 millóns de toneladas de materias primas son importadas polos portos da Coruña, Marín e Vilagarcía A alza que se vén producindo desde comezos de setembro nas cotizacións mundiais de cereais básicos para a fabricación de pensos, como o millo ou a cebada, e proteaxinosas como a soia e a colza, ameaza con desencadear unha suba en cadea nos concentrados que comezan xa a notar as granxas. Iso é o que auguran os expertos e aínda que os fabricantes de pensos en Galicia están a ser capaces até o de agora de mitigar no curto prazo os incrementos por teren pechado prezos de compra de antemán, xa ninguén os descarta de cara ao vindeiro ano. "Nas últimas semanas atopámonos cuns mercados internacionais de futuros que subiron moito. O trigo móvese en Chicago no seu nivel máis alto dos últimos 5 anos e o millo pasou de 175 euros a tonelada no verán a 200 neste momento. O trigo estaba moi estable e o millo tamén, podía oscilar 5 euros arriba ou abaixo nos últimos anos, pero en cuestión de semanas encareceuse 20 ou 25 euros. En canto á soia, houbo unha suba forte hai un ano por mor da tensión entre EEUU e China, logo estabilizouse pero agora andamos novamente en niveis próximos aos 400 euros tonelada", describe Iván Álvarez Bajo, de Asegrain, una asesoría para compra de cereais con sedes en Madrid e León pero que traballa a nivel de todo España e con moitas das fábricas de penso galegas.
Tanto o millo como a cebada encarecéronse 25 euros/tonelada no último mes e o trigo cotiza a máximos históricos en Chicago
"A curto prazo non vexo ningunha baixada ata final de ano, ao contrario, a tendencia é claramente de subida a curto prazo. E hai moitas incógnitas de cara ao ano que vén. Cando un mercado colle unha tendencia deste tipo só cambia cando hai uns fundamentais moi grandes e en Europa ou EEUU non temos colleita xa ata o ano que vén e en Suramérica prevese normal, con risco de seca motivada polo fenómeno da Niña. Unha subida deste tipo nas materias primas trasládase inmediatamente aos pensos e aos custos de produción das explotacións. Creo que os gandeiros acabarán sufrindo subidas nos prezos en granxa", prognostica. Informe USDA No sector esperábase con expectación o informe sobre previsión de oferta e demanda de cereais a nivel mundial emitido o pasado venres polo Departamento de Agricultura de EEUU (USDA) pero que non serviu para calmar a situación. "Deixa en stand by a tendencia alcista que levaba mantendo desde hai semanas, pero a realidade é que no mercado de futuros séguense producindo subidas", explica Iván. O informe (Wasde oct20) fala en relación ao trigo de maiores subministracións, maior consumo, maiores exportacións e maiores existencias para 2020/21. A produción increméntase ata os 773 millóns de toneladas desde os 770 do mes pasado, principalmente debido a que a produción de Rusia aumentou en 5 millóns. O consumo mundial aumenta lixeiramente ata 751Mt e as existencias finais mundiais proxectadas para 2020/21 increméntanse en 2,1Mt até situarse en 321,5 millóns, un novo récord.
A soia págase en porto nestes momentos a 400 euros e o millo a 200
En canto ao millo, a produción mundial de millo para 2020/21 redúcese en 3,56Mt ata os 1.158Mt, en gran parte pola caída da produción de millo en EEUU, que se reduce en 4,52Mt ata os 373,95Mt, o que fai descender as existencias finais no conxunto mundial ata os 300Mt. Tamén se prevé menor produción de soia, da que é moi dependente España. A produción mundial para 2020/21 redúcese en 1,27Mt ata os 368Mt e as existencias finais mundiais redúcense en 4,89Mt ata os 88,7Mt. A produción de soia en EEUU redúcese en 1,23Mt ata os 116,15Mt e a produción de Brasil e Arxentina mantense en 133Mt e 53,5Mt respectivamente. Pola súa banda, as importacións chinesas aumentan en 1Mt ata os 100Mt. Entrada de fondos de investimento con fins especulativos Cotización do millo na Bolsa de Chicago, onde se dispararon os prezos desde finais de agosto A escalada de prezos dos cereais desde principios de setembro débese a múltiples factores, como as baixas existencias de soia, millo e trigo en EEUU, a redución da colleita de Francia, a falta de oferta no Mar Negro ou as previsións de seca en Suramérica, afectada este ano o fenómeno da Niña. "A subida non é achacable a unha soa causa, foi motivada por unha suma de feitos e de varios factores, pero tivo moita incidencia a entrada de fondos de investimento no sector, que no verán coas materias primas baratas viron unha oportunidade de gañar diñeiro ante a falta de oportunidades noutros sectores como o petróleo ou a bolsa", explica Iván. Colle aos fabricantes de penso co pé cambiado Aínda que en Francia ou en EEUU a colleita fose mala e a que se prevé no hemisferio sur tampouco se espera abundante, en España este foi un ano histórico en canto a produción, cos almacéns cheos ata os topes no campo.
Fai 2 campañas a colleita fora mala en Castela e fíxose provisión, agora non, porque a produción interna foi histórica e como a soia estaba barata comprábase ao día
Con todo, isto contribuíu a que os fabricantes se confiaran e non fixesen provisión, asegura o responsable de Asegrain. "A subida no mercado de materias primas colle ás plantas de concentrado co pé cambiado porque a xente non ten cousas compradas de antes, por unha banda porque cando os prezos da soia están baratos, como estaban no verán, cómprase case ao día ou como moito para dous meses e por outro porque a produción en Castela fora boa. As fábricas fan provisión cando a colleita interior é desastrosa, pero paradoxicamente este ano en lugares como León, Palencia ou Burgos a colleita foi hostoricamente alta, a maior nos últimos 20 anos. Fai 2 campañas a colleita fora mala en Castela e fixérase provisión, agora non", asegura. Retención por parte dos propios agricultores Con todo, unha colleita abundante non significa garantía de subministración a prezos baixos. Un exemplo é a cebada, fundamental para os concentrados destinados a vacún de leite, por exemplo, que se revalorizou 20 euros por tonelada este ano malia ser un ano de boa produción interna. Cada vez máis os propios agricultores fan retención de materias primas e se o prezo non lles convence non venden porque teñen maior capacidade de almacenaxe. Iso xera moita tensión no mercado "Cada vez máis os propios agricultores fan retención de materias primas. Non só en España, senón tamén noutros lugares como o Mar Negro ou EEUU. O produtor cada vez é máis grande e ten máis información e capacidade de almacenamento e cando lle parecen prezos baixos non vende. Hai anos cultivaban e vendían, pero agora non, se o prezo non é bo non teñen présa por vender, e menos cos tipos de interese como están, tan baixos, o que fai que moitos prefiran non vender a colleita á espera de prezos máis altos porque poden acudir ao banco para financiarse barato se necesitan liquidez. Cada un xoga as súas cartas e aproveita as súas oportunidades, pero iso xera moita tensión no mercado", describe Iván.

Corrección á alza nos prezos ás explotacións logo de 4 anos de estabilidade

Becerros comendo o penso nunha explotación de vacún de carne galega Os prezos do penso condicionan en boa medida os custos de produción das explotacións galegas e o seu encarecemento provoca tensións na rendibilidade das granxas ao igual que acontece con subas bruscas noutros insumos como o gasóleo, a palla ou as forraxes. Pero no que respecta aos pensos levábanse varios anos de tranquilidade, por un escenario internacional de cotizacións estables nas materias primas, algo pouco habitual segundo recoñece Bruno Beade, director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). "Viñamos dunha situación anómala, porque o prezo das materias primas depende das colleitas e as existencias, pero tamén dos mercados bursátiles, onde os que operan queren que haxa movementos de prezos porque xogan coa incertidume e a volatilidade", asegura. 
Viñamos dunha situación anómala de tranquilidade no mercado porque o prezo das materias primas depende dos movementos bursátiles e os que operan xogan coa incertidume e a volatilidade
A soia e o millo son os que marcan a tendencia e arrastran con eles ao resto de materias primas, polo que a baixada nos stocks mundiais destes dous produtos tería desencadeado a tormenta posterior que se está a vivir no mercado, incentivada pola pouca colleita en países como EEUU, Ucrania, Francia e Inglaterra, as compras masivas de China tralo acordo arancelario con Donald Trump, e a entrada especulativa de fondos de investimento, que engaden máis incertidume á que xa xera habitualmente a climatoloxía no sector. "As cotizacións deberían baixar cando os fondos de investimento liberen esas posicións que colleron a longo prazo, pero non sabemos cando van vender", indica Bruno, que matiza que a boa colleita que houbo este ano en España non serviu para contrarrestar esa situación internacional. "Os prezos das colleitas españolas é alto, porque os agricultores son coñecedores dos prezos mundiais e queren vender a ese mesmo prezo ao que chegan as materias primas de importación", indica.  Máis da metade das materias primas son importadas Cotización da soia en EEUU e Argentina, que xunto a Brasil son os máximos produtores mundiais Polos portos da Coruña, Marín e Vilagarcía entran cada ano 800.000 toneladas de cereais (outro millón de toneladas procede do mercado interno) e outras 800.000 de proteaginosas (soia e colza fundamentalmente), cos que se elaboraron o ano pasado en Galicia 3,1 millóns de toneladas de penso.  A dependencia das importacións fai que os vaivéns nos prezos internacionais acaben afectando aos fabricantes de pensos que operan en Galicia e aos seus clientes finais. "O que nós facemos é o natural, porque a suba das materias primas fai subir os nosos custos de produción e temos que trasladalo, o mesmo que terían que facer os gandeiros ao seu produto final, pero está unha vez máis o pescozo de botella da industria e a distribución", razoa Bruno. 
As cotizacións deberían baixar cando os fondos de investimento liberen esas posicións que colleron a longo prazo, pero non sabemos cando van vender
Desde comezos de setembro o prezo das principais materias primas coas que se elaboran os concentrados en Galicia non parou de subir en porto, con incrementos de 70 euros no caso da soia, 50 no da colza 25 no caso do trigo e o millo ou 20 no da cebada, segundo detalla Bruno. A soia, esencial nas formulacións para vacas de leite, por exemplo, e que é necesario importar na súa totalidade, estase a pagar a 390 euros a de tipo 44 e a 400 a soia 47, cando un mes antes rondaba os 300 euros. A 275 euros/tonelada está hoxe a colza, a 200 o millo e a 175 a cebada, moi por enriba tamén dos niveis de fai tan só unhas semanas.
Agafac está formada por 28 empresas que elaboran 2.950.000 toneladas de penso ao ano, o 96% do que se fabrica en Galicia
Desde Agafac trasladan a idea de que as correccións que se vexan obrigadas a facer as empresas no produto que subministran ás explotacións serán axustadas e unicamente as necesarias para facer viable o subministro, entre outras razóns, pola importante competencia que existe no sector en Galicia. "O noso é un mercado perfecto, porque hai sobreoferta de pensos con respecto á demanda, polo que os incrementos que se dan son sempre moderados porque sempre vai haber outro que o poña máis barato", argumenta.  Diferentes estratexias entre os fabricantes de penso Con todo, a situación das distintas empresas que operan en Galicia é diferente en función da duración dos acordos pechados de antemán con provedores, o que garante a algunhas delas un pequeno colchón duns meses para repercutir as subas nos seus clientes, e tamén en función da filosofía de cada fabricante á hora de fixar prezos: hainos que trasladan as subidas e baixadas de xeito case automático e outros que prefiren manter longos períodos de estabilidade e non variar os prezos nin para riba nin para baixo tan a cotío.
A situación das distintas empresas é diferente en función da súa estratexia de prezos e dos acordos que teñan pechados con provedores a longo prazo
De feito, algunhas das principais empresas fabricantes de concentrados e produtos de alimentación animal que subministran ás ganderías galegas xa veñen axustando á alza os prezos desde comezos deste mes mentres que outras que aínda non o fixeron recoñecen que posiblemente terán que facer correccións nos vindeiros meses se a situación que vive a cotización dos cereais e a soia se mantén. Falamos con algúns dos fabricantes de pensos que subministran ás explotacións galegas para saber como lles está a afectar esta suba das materias primas en orixe e as súas estratexias de cara aos vindeiros meses.

Progando: "Para o que queda de ano temos coberturas amplas para poder amortiguar a suba"

Serafín Veras, xerente de Progando, manda unha mensaxe de tranquilidade a curto prazo que sen embargo non oculta preocupación a máis longo tempo. "Para o que queda de ano temos coberturas amplas e de cara ao ano que vén aínda amortiguamos algo a suba co que temos xa pechado, pero de cara ao ano 2022 xa son menos as coberturas que temos. Se me tivesen vendido millo para 5 anos a 170 euros tería comprado, pero a tan longo prazo non hai quen che venda a ese prezo", explica. Recoñece que "levabamos 4 anos de estabilidade e prezos moi bos pero podemos ter un cambio de tendencia importante" e que de manterse o incremento na cotización das materias primas a suba no prezo do penso é inevitable.
Se a suba das materias primas se mantén podería equivaler a entre 30 e 40 euros en tonelada no prezo do penso posto na granxa
"Non tes alternativa, podes aguantar un mes sen subir, pero cando ves que a subida é consistente e duradeira tes que repercutila, porque senón tes que pechar. No noso caso nestes tres meses que faltan de 2020 non vai haber subas importantes e o ano que vén aínda se van poder amortiguar bastante; a min realmente o que me preocupa é de cara a 2022 e se continúa esa tendencia a longo prazo, porque se os stocks se reducen iso si que é un problema", asegura. Serafín achaca a baixada neses stocks mundiais a que "China está mercando moito", ao que se engade a incertidume de produción en Suramérica: "vese xa que hai un problema de seca, Brasil está retrasando a sementeira e Arxentina tamén. Os fondos de investimento colleron posicións longuísimas", advirte, polo que neste momento ter pechado prezos con antelación supón un balón de osíxeno para Progando e os seus clientes. "Non tendo cobertura ningunha non nos quedaría máis remedio que repercutir a suba das materias primas e equivalería a entre 30 e 40 euros a tonelada no prezo do penso posto na granxa", recoñecen.

De Heus: "De continuar a tendencia actual nos próximos meses veremos un incremento progresivo do custo da alimentación"

Rafael Rodríguez Cañas, director de compras de De Heus Iberia, recoñece que o impacto da subida de materias primas nas distintas empresas "está a ser diferente en función das coberturas que os fabricantes teñamos a prezos máis baratos e do que dure a actual tendencia alcista do mercado" e destaca que "desde os departamentos de compras evidentemente o noso labor é tratar de adiantarnos aos movementos dos mercados para reducir os impactos da súa volatilidade e sempre colaborando co departamento de formulación para conseguir un custo de alimentación competitivo para o gandeiro". Neste sentido, indica que diante de subas bruscas de prezos de cereais como as que se están producindo as empresas de nutrición animal teñen que "buscar a mellor proposta de alimentación que asegure os mellores resultados ao custo máis razoable posible. Para iso debemos de valorar o poder do nutrinte que pode achegar cada un dos ingredientes en función do seu prezo e buscar a mellor optimización posible", defende.
Desde o punto de vista da formulación debemos valorar o poder nutricional que pode achegar cada un dos ingredientes en función do seu prezo e buscar a mellor optimización posible
Rafael destaca que o incremento de prezos foi xeneralizado en todas as materias primas: "a fariña de soia en España subiu un 28% desde agosto, a colza un 20%, o millo un 13%, o trigo un 10% e a cebada un 15%. Cremos que se tiveramos que calcular os prezos medios de pensos cos prezos actuais de materias primas versus os que tiñamos en agosto poderiamos estar a falar dunha subida media do 10%", indica. Con todo, destaca que "o gandeiro actual está perfectamente informado do que pasa nos mercados de materias primas e por tanto cremos que é consciente de que de continuar a tendencia actual nos próximos meses veremos un incremento progresivo do custo da alimentación", avanza.
Se tivesemos que calcular os prezos medios de pensos cos prezos actuais de materias primas en comparación cos que tiñamos en agosto poderiamos estar a falar dunha subida media do 10%
O responsable de compras da multinacional De Heus en España considera que "é importante destacar onde estabamos antes de que todo comezase a virar de novo, xa que os prezos medios de materias primas que tivemos en xullo e agosto situábanse de media nos máis baixos dos últimos anos debido a expectativas de xenerosas colleitas en EEUU, falta de demanda por parte de China en EEUU, inmellorable colleita nacional de cebada e trigo e, por último, unha contorna baixista de todos os mercados internacionais debido á Covid-19".
A subida de materias primas, como sempre, é debida a unha conxunción de factores alcistas co catalizador habitual que son os fondos especulativos que compran as expectativas de malas noticias e provocan maior volatilidade
Con todo, relata, "a partir de agosto moitas noticias engadiron leña ao lume de forma progresiva. Todo comezou cos fondos especulativos entrando a comprar en agosto un mercado barato e coincidindo cun evento climático en EEUU. A continuación empezaron as compras de soia e millo de China en EEUU de forma constante, practicamente todos os días, e alimentando o escenario alcista. O último factor en incorporarse foi climático xa que existen dúbidas sobre a próxima colleita europea en inverno de trigo e tamén na colleita suramericana debido a unha importante seca actual xunto coa alta probabilidade de sufrir o efecto da Niña e que provoque menos choivas das habituais no sur de Brasil e Arxentina", describe.

Altramuz e colza, cultivos forraxeiros que chegan en rotación co trigo

O altramuz pode ser un cultivo interesante para a rotación co trigo A inminente posta en marcha da IXP Pan Galego, que comezará a funcionar este ano, xera novas expectativas para o cultivo do trigo en Galicia, así como oportunidades para a produción de novas forraxes, que xa se están a introducir en rotación co cereal, en especial o altramuz e a colza, ambas cunha alta proteína que permitiría substituír parte da soia importada. En colaboración co grupo Da Cunha, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo vai poñer en marcha nos vindeiros dous anos diversos campos de ensaio para avanzar no cultivo de trigo autóctono en ecolóxico e analizar o seu comportamento en rotación con outros cultivos. O obxectivo final deste proxecto Feder, concedido para o periodo 2019-2021, é publicar, logo da experimentación nas distintas parcelas, un manual de produción ecolóxica de cereal autóctono. "Queremos mirar de incrementar por esta vía o prezo e a rendibilidade para os agricultores", indica o investigador de Mabegondo Luis Urquijo. Existe xa algunha experiencia realizada de cultivo de trigo en ecolóxico e un agricultor de Ferreira de Pantón, no val de Lemos, vai comezar a plantar 200 hectáreas con trigo da variedade caaveiro en ecolóxico, polo que dentro de dous anos, unha vez transcorrido o periodo de conversión, obtería a certificación do CRAEGA. Boa competencia natural do trigo do país fronte ás malas herbas "O trigo autóctono préstase para a produción en ecolóxico porque é máis rústico e resistente e ten un desenvolvemento vexetativo maior que lle permite competir mellor coas malas herbas, ademais de soportar mellor as condicións de encharcamento", explica Fernando Almeira, do grupo panadeiro Da Cunha. A produción en ecolóxico atópase coa problemática do control das malas herbas ante a imposibilidade de empregar herbicidas. "Tentaremos facer varias pasadas con cultivadores de púas, aínda que se o terreo está moi mollado non se pode facer porque compacta moito a terra. Un dos problemas é que en inverno as grades de púas non logran bos resultados porque coa humidade da terra e a choiva esas raíces das plantas que arrincas volven a arraigar. Pero pensamos que podería funcionar ben, porque a altura que logra o trigo en Galicia fai que cando medra sexa unha boa compentencia para as malas herbas", argumenta Luis. A calidade do trigo mellora coa rotación de cultivos As variedades autóctonas soportan mellor as condicións de encharcamento do solo Os ensaios vanse facer na finca Robles da Pobra do Brollón e na de Mabegondo, as dúas pertencentes ao CIAM. Nas dúas ubicacións vaise probar unha parcela con rotación a dous anos altramuz-trigo-colza (sementado do altramuz en outubro e recollida a finais de febreiro para incorporar o nitróxeno; sementado do trigo a comezos de marzo e recollida a mediados de agosto; sementado da colza a mediados de setembro e recollida a mediados de xullo) e outra na que se vai facer rotación trigo sobre trigo nese mesmo tempo (sementado en novembro e recollida a mediados de agosto). Cada parcela será á súa vez subdividida para tres tratamentos diferentes: - Laboreo tradicional (arado de vertedeira + fresa) e abonado orgánico (galiñaza) - Laboreo tradicional e abonado mineral complexo - Mínimo laboreo, abonado mineral ecolóxico (patenkali, physalg) e abonado foliar nitroxenado O cultivo do trigo autóctono en rotacións con altramuz e colza ten importantes vantaxes porque é o xeito máis doado de evitar o esgotamento dos solos provocado polo cultivo intensivo do mesmo produto, o que permite minimizar o uso de fertilización química, e así evitar o impacto ecolóxico negativo destes fertilizantes. "Ao agricultor compénsalle a rotación porque lle supón un aforro nos custos de produción porque diminúe o aporte de fitosanitarios e de abono mineral e ás panadarías tamén, porque coa rotación melloramos a proteína, o rendimento en fariña e o peso específico do gran", afirma Fernando.
O altramuz é unha leguminosa co 40% de proteína que pode ser unha alternativa á soia para a alimentación do gando
O grupo Da Cunha está a fomentar esta práctica entre os agricultores aos que lles compra o cereal, garantindo non só a compra do trigo, senón tamén do resto de cultivos. "Queremos incentivar a rotación garantindo a sostibilidade da produción durante todo o ano, non só do trigo, senón tamén do resto de cultivos que entran na rotación", explica. A colza destínase a facer aceite ou tamén a biodiésel, xerándose un subproduto, a torta de colza, atractivo para a alimentación do gando pola súa alta proteína; mentres que o altramuz é unha leguminosa cun 40% de proteína. "É un cultivo interesante en Galicia como alternativa á soia para a alimentación do gando, porque a soia hai que importala porque non se produce aquí, mentres que o altramuz si que se dá en Galicia", engade Fernando.

Como afectan os aminoácidos á produción de leite?

Axustar as racións e balancealas en base ao aporte de aminoácidos esenciais nas dietas das vacas en produción é xa unha práctica habitual por parte dos nutrólogos en moitas das explotacións. A axeitada utilización de proteínas e aminoácidos na ración a través dunha alimentación de precisión consegue vacas máis eficientes, capaces de desenvolver todo o potencial para producir leite que a súa capacidade xenética lles permite. A produción de leite responde de xeito positivo á sumplementación con aminoácidos, pero a importancia da metionina e a lisina comeza a notarse a partir de producións superiores a 30 litros diarios. O nivel de aminoácidos ten tamén especial incidencia na porcentaxe de caseína do leite, algo interesante para aqueles gandeiros que entregan a súa produción a queixarías, xa que a caseína incrementa o rendemento queixeiro do leite.
A suplementación con aminoácidos é interesante en vacas que producen máis de 30 litros diarios ou no caso de granxas que suministren a queixarías
Cal é, pois, o papel dos aminoácidos na produción de leite? Analizámolo xunto a Sergio Calsamiglia, profesor do departamento de Ciencia Animal e dos Alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona, e Tanya Gressley, do departamento de Ciencias Animais e Alimentarias da Universidade de Delaware, que participaron recentemente en Vilalba nas VIII Xornadas técnicas de vacún leiteiro organizadas por Kemin. Que son os aminoácidos? Empregando un símil sinxelo, os aminoácidos serían as letras do abecedario coas que logo se forman as palabras (as proteínas). As proteínas son grandes moléculas que conteñen nitróxeno. A parte máis pequena na que poden dividirse as proteínas son os aminoácidos. Existen 20 animoácidos distintos cos que se forman todas as proteínas, pero 10 deles (arginina, histidina, isoleucina, leucina, lisina, metionina, fenilalanina, treonina, triptófano e valina) son aminoácidos esenciais, é dicir, que o organismo non pode xerar porque non é capaz de sintetizalos por si mesmo, polo que deben ser inxeridos na dieta. Ademais de seren esenciais, a metionina (Met) e a lisina (Lys) son aminoácidos limitantes, é dicir, se a dieta é deficitaria en lisina e metionina non haberá una síntese axeitada da caseína e, polo tanto, a produción de leite verase diminuída e terá unha menor porcentaxe de proteína. Por que se introduce soia na dieta? Para construir as súas proteínas corporais e sintetizar a proteina do leite, as vacas deben ter unha fonte de aminoácidos na dieta. Pero o contido en metionina e lisina dos compoñentes da ración é baixo. “Unha dieta só con silo de millo sempre é deficitaria en lisina e con silo de herba ocorre o mesmo, pero os déficits son mesmo maiores”, asegura Sergio, que engade que “coas limitacións que hai en Europa, onde non se poden utilizar fariñas de orixe animal, é moi difícil formular unha ración para unha vaca de alta produción sen suplementar os aminoácidos”, indica.
A soia é unha fonte proteica rica en lisina
Case ningún animal, incluído o ser humano, pode sintetizar lisina, polo que debe ser inxerida. Pero o millo, que é a base das racións na maioría das explotacións de produción de leite en intensivo en Galicia, ten pouca lisina. Por iso boa parte das racións introducen a soia, rica en lisina pero pobre en metionina. Ademais, a cantidade de aminoácidos dispoñibles na proteína alimentaria que se subministra ao gando na ración está moi afectada polo tratamento que se fai aos distintos compoñentes da ración. Por exemplo, a calor aplicada aos concentrados durante o seu proceso de fabricación, o tratamento que se fai á soia ou as malas fermentacións nos ensilados das forraxes reduce a cantidade teórica de aminoácidos dispoñibles que conteñen, debido ás reaccións de Maillard. CONTIDO PROTEICO DE DISTINTOS PRODUTOS DESTINADOS A RACIÓNS DE VACÚN Alimento       Materia Seca (%)   Proteína Cruda (%)   Metionina     Lisina Cebada                  93.00                         28.10                      1.17              3.50 Millo grao                9.00                          88.00                      1.12              1.65 Trigo                       14.20                         89.00                      0.98              3.00 Fariña soia            90.00                          49.00                      1.30              6.49 Pulpa remolacha  14.70                          91.00                      0.65              3.00 Semilla algodón    90.10                         23.50                       0.63              3.85 Fariña sangue       90.00                         93.00                       1.07              9.34 Fariña peixe           90.00                         67.90                       2.84              7.13 (*) Tanto a fariña de sangue como a de peixe están prohibidas na UE. Que é a soia baypass? Existe outro problema a maiores, as bacterias do rumen, que degradan a proteína. Por iso, a utilización de fariña de soia bypass (protexida) aumenta a cantidade de proteína que chega ao intestino delgado. A fariña de soia bypass lógrase mesturando a soia con outros produtos, como a xilosa, un azucre existente na madeira, que consegue protexer parte da proteína da soia da súa degradación no rumen, para que deste xeito chegue ao duodeno e poida ser absorbida no intestino delgado. A proteína que é capaz de superar o rumen e logra chegar ao intestino delgado denomínase proteína metabolizable, que é absorbida pola vaca en forma de aminoácidos. A histidina (His) é outro dos aminoácidos esenciais limitante na alimentación de animais que reciben unha dieta a base de ensilados de herba ou millo. A fariña de sangue é a fonte máis rica en histidina metabolizable. Non obstante, dado que na UE o uso de fariñas de orixe animal non está permitido para a alimentación dos rumiantes, a fariña de soia protexida ten demostrado ser a mellor opción, xa que duplica a cantidade de histidina metabolizable presente na fariña de soia convencional e triplica a dispoñible noutros produtos de orixe vexetal, como a fariña de colza. Chega coa ración? Sergio asegura sen embargo que o uso da proteína bypass non mellora sustancialmente a produción de leite nin as calidades porque “o incremento de proteína bypass leva aparellado un descenso das proteínas microbianas”, dixo. E explicou que “as bacterias aportan entre o 50 e o 70% da proteína que chega ao intestino”. A proteína bacteriana no rumen sitúase, por exemplo, nun nivel de lisina do 8%, polo que, dixo, “calquera aporte de proteína que fagas no rumen vía alimentación vai facer que empeore esa porcentaxe, xa que calquera alimento que usemos na ración ten un nivel de proteína inferior ao 8%”. “É unha simple cuestión matemática, canta máis proteína aportemos na dieta, se non o facemos ben, máis rebaixaremos eses niveis, é dicir, non imos poder mellorar ese 8% pero si empeoralo facilmente moito”, asegurou. A proteína da dieta ten unha concentración menor de metionina e lisina que a propia proteína láctea ou que a proteína microbiana, polo que dentro da alimentación é difícil conseguir o equilibrio óptimo de lisina e metionina, un equilibrio que, no caso de logralo, mellora a utilización da proteína metabolizable no intestino e a eficiencia do alimento no seu conxunto. “En Europa, onde non se pode usar fariña de pescado ou fariña de sangue, non é posible incrementar os aportes de aminoácidos esenciais a través de alimentos da dieta que teñan pouca pérdida no rumen, polo que a única solución para logralo é con aninoácidos protexidos”, considera Sergio.

As vacas son pouco eficientes aproveitando a proteína

A eficacia de transformación da proteína da ración até o leite varía en función da formulación da dieta pero diminúe cantos máis aportes de proteína facemos. “O problema do nitróxeno é que o gando vacún é moi pouco efectivo na súa utilización, emprega só unha cuarta parte da proteína que inxire, fronte a outras especies que aproveitan o dobre”, explica este profesor do departamento de Ciencia Animal e dos Alimentos da Universidade Autónoma de Barcelona. É dicir, só arredor do 25% da proteína inxerida pola vaca acaba convertida en proteína láctea, o resto non é aproveitada, senón que é expulsada. Estímase que esta porcentaxe varía entre un 25% en EEUU e un 28% en Europa. A eficiencia no uso do nitróxeno en leite tamén varía en función do sistema de alimentación. Por exemplo, a eficiencia é menor en vacas en pastoreo ca en vacas alimentadas mediante ración mesturada. Ademais, laméntase Sergio, “en 50 anos e con todas as investigacións realizadas, só se logrou mellorar a eficiencia das vacas na utilización do nitróxeno menos dun 1%”. Sobrealimentar tamén é malo: non desperdiciar proteína “Aínda hoxe non temos nin idea do nivel de proteína que temos que dar as nosas vacas”, afirma o investigador catalán. A subalimentación proteica é un problema, pero a sobrealimentación tamén, non só polos custos que isto supón para o gandeiro, senón polos problemas que provoca no animal.
“Aínda hoxe non temos nin idea do nivel de proteína que temos que dar as nosas vacas” (Sergio Calsamiglia, Universidade Autónoma de Barcelona)
Canta máis proteína inxerida, menor é a eficiencia que fai a vaca dela, porque para a vaca un exceso de proteína suponlle un gasto enerxético extra que vai en detrimento da produción de leite. Ademais, como as vacas son pouco eficientes na utilización do nitróxeno, aínda que se incremente a proteína na dieta, a base de concentrado, por exemplo, non se lograrán grandes resultados porque a maior parte do nitróxeno inxerido non será aproveitado pola vaca, é dicir, non pasará ao leite, senón que se eliminará e irá a parar ao purín. De nada serve, pois, sobrealimentar a base de concentrado e sobrepasar os niveis de proteina bruta na dieta. Por iso son tan importantes as analíticas das forraxes para controlar as súas variacións e axustar a cantidade de proteína bruta da dieta ás necesidades reais da vaca. Requírese un control do contido de materia seca que inxire diariamente a vaca para estimar a cantidade de proteína metabolizable da que dispón, porque un exceso de proteína na ración ten consecuencias negativas na vaca pero tamén no peto do gandeiro, xa que desperdicia un nutrinte de custo elevado que non acaba sendo aproveitado pola vaca para a produción de leite.

Que función teñen a lisina e a metionina?

Tanya Gressley, durante a súa intervención nas xornadas de nutrición de Kemin A metionina é indispensable para a produción de leite e para a síntese das proteinas lácteas (a caseína), mentres que a lisina é fundamental para un crecimento axeitado, axuda a absorber e conservar o calcio e actúa na formación do tecido conectivo. A lisina e a metionina están relacionadas e necesítanse a unha á outra. É dicir, se queremos suplementar para metionina temos que ter as necesidades de lisina da vaca cubertas e ao revés, se queremos balancear para lisina temos que contar tamén coa metionina axeitada no animal. A metionina e a lisina actúan, pois, de forma concertada.
Os suplementos de metionina permiten lograr un equilibrio axeitado dos aminoácidos e deste xeito aumentar a produción de leite e a eficiencia no uso do nitróxeno
Pero dado que o contido en metionina e lisina dos compoñentes da ración é baixo, requírese un aporte extra na dieta da vaca para cubrir as súas necesidades nutricionais, pois, sen estes aditivos, só coa alimentación, non é posible cubrir as necesidades de aninoácidos esenciais nas vacas de altas producións nin optimizar o contido de sólidos do leite, consideran tanto Sergio como Tanya, que recomendan estes nutrintes para maximizar a producción nas granxas. Os dous levaron a cabo nos últimos anos unha serie de experimentos que demostrarían os beneficios das formulacións de racións para vacas leiteiras baseadas en aminoácidos e constataron os bos resultados obtidos da suplementación de aminoácidos esenciais como a metionina e a lisina no rendemento produtivo, na síntese da proteína láctea e mesmo no rendimento queixeiro. Protexer os aminoácidos Sen embargo, os aminoácidos sintéticos non se poden usar directamente nos rumiantes, xa que a fermentación microbiana no rumen destrúeos e as vacas utilizan os aminoácidos que se atopan na proteína inxerida cando chegan ao rumen como fonte de nitróxeno para garantir o funcionamento do propio rumen. Diversas casas comerciais aportan xa estes nutrintes cunha protección química en forma de película que impide a súa degradación no rumen para que deste xeito estes aminoácidos esenciais (lisina ou metionina) cheguen ao intestino delgado, onde son absorbidos polo organismo. Son os chamados aminoácidos protexidos. Mediante esta protección, os aportes de lisina ou metionina realizados mediante suplementos, mesturados por exemplo na ración, non se desfacerían no rumen e serían aproveitados polo animal. “A protección rumial pode facerse de varias formas. É frecuente mesturar os aminoácidos con ácidos graxos, que non son capaces de degradar os microbios do rumen. Pero o encapsulado con lípidos, que mostra unha boa integridade rumial, ten unha difícil absorción intestinal”, explica Tanya. É dicir, un exceso de protección dos aminoácidos fai que non sexan destruídos no rumen, pero tampouco aproveitados no intestino.
O obxectivo final da protección dos aminoácidos sería lograr unha lisina ou unha metionina pouco degradable no rumen e moi dixerible no intestino delgado
Tamén inflúe na degradación dos aminoácidos suplementados ás vacas o tempo que pasan no rumen do animal, no que ten incidencia o tamaño de partícula do produto. “É importante que os aminoácidos teñan un tamaño axeitado e unha forma tamén axeitada para que pasen o máis rápido posible a fase do rumen”, asegura Tanya. Canto menos tempo tarden en saír os aminoácidos do rumen cara ao abomaso menor será o tempo de exposición ás bacterias rumiais e menores os danos que estas lles provoquen. O obxectivo final da protección dos aminoácidos sería lograr unha lisina ou unha metionina pouco degradable no rumen e moi dixerible no intestino delgado. “Os aminoácidos son moi solubles en auga e para que un produto sexa efectivo ten que ter boa solubilidade para que sexa absorbido, pero se esa solubilidade se produce no rumen os aminoácidos serán destruídos, polo que a solubilidade ten que producirse postrumial, ben no abomaso ou ben no duodeno e na primeira parte do intestino, porque se o aminoácido ten un exceso de protección e esa solubilidade é posterior, pasará o tracto intestinal sen ser aproveitado, é dicir, se o produto se libera no intestino groso non vai ser absorbido pola vaca”, explica Tanya. “Un bo produto ten que ser estable no rumen para que os microbios do rumen non destrúan os aminoácidos que contén, pero soluble despois”, insiste esta experta da Universidade de Delaware, o segundo Estado máis pequeno dos EEUU, cunha poboación dun millón de habitantes, situado na costa leste, perto de Philadelphia, e coñecido máis pola súa produción avícola que pola láctea. Beneficios medioambientais De cada 100 gramos de nitróxeno que inxire unha vaca de leite, fundamentalmente a través da proteína, soamente unha cuarta parte acaban no leite e os 75 gramos restantes son expulsados en forma de nitróxeno, por exemplo, a través dos excrementos, supoñendo un foco de contaminación medioambiental. Un animal san e equilibrado nos aportes nutricionais que precisa contamina menos. Pero, como funcionan neste eido os aminoácidos na suplementación aos rumiantes? Segundo os estudos levados a cabo por Tanya na Universidade de Delaware, no gando de alta produción, a eficiencia na utilización de nitróxeno aumenta cando o aporte de aminoácidos ao duodeno é o axeitado. E a cantidade e calidade dos aminoácidos que chegan ao duodeno pode mellorarse a través dos aminoácidos protexidos. Co aumento da metionina, por exemplo, redúcese a excreción de nitróxeno, polo que o seu uso tamén supón un beneficio medioambiental, con cada vez maiores repercusións económicas sobre as explotacións, xa que en países europeos como Holanda xa se estableceron límites por exemplo á emisión de fosfatos, que condicionan na actualidade o crecemento e a rendibilidade económica das granxas. Estrés por calor Estímase que as vacas leiteiras producen un 33% menos de leite a 35ºC e que a súa produción descende á metade a 40ºC en comparación co leite que darían a 20ºC. A razón é que con temperaturas altas (cando chegan aos 35ºC), a inxesta de materia seca disminúe arredor dun 15% en relación á que se produciría a 20ºC. Asimesmo, en situacións de estrés por calor aumentan as necesidades enerxéticas da vaca sobre un 10% para producir a mesma cantidade de leite. Diversos estudos realizados nas últimas décadas demostran ademais que dietas cunha elevada porcentaxe de proteína (18-19%) son un prexuizo para as vacas con estrés por calor. Por esta mesma razón, a lisina ten tamén utilidade nestes episodios de calor extremo, xa que cando as racións están equilibradas en lisina e metionina, a vaca precisa menos enerxía para eliminar o exceso de nitrógeno dos aminoácidos en forma de urea, permitindo que esta enerxía teña un uso máis produtivo.

“O conflito entre Estados Unidos e China afectará ao prezo da soia e da carne de porco”

Máis de 300 profesionais do comercio déronse cita o 16 deste mes na cuarta edición da Bolsa Internacional de Cereales del Duero, organizada por ACCOE e Unistock de España nun contexto de gran incerteza sobre a futura evolución dos prezos. Un dos relatorios máis esperados foi o do mexicano Sergio Dettmer, vicepresidente de xestión de risco de INTL FCStone, quen ofreceu un relatorio sobre “Perspectivas globais para cereais na campaña 2019-2020”. Falamos con el das previsións para o mercado mundial de cereais e dos retos para o futuro. Responsable de xestión de risco de cereais. Explícanos en que consiste o teu traballo... Como Vice Presidente de Xestión de Risco en INTL FCStone, axudo a clientes en Latinoamérica e España (coa colaboración de Mercedes Ruiz de AESTIVUM) a avaliar a exposición das súas operacións a riscos financeiros derivados das fluctuacións dos prezos nos mercados mundiais de produtos básicos, como millo, trigo, fabas de soia, etc. E a desenvolver estratexias que lles permitan minimizar estes riscos, xa sexa anticipando movementos, o mesmo que usando derivados financeiros.
“O conflito entre Estados Unidos e China afectará ao prezo da soia e da carne de porco”
Acabas de participar na Bolsa Internacional de Cereales del Duero, cun relatorio sobre “Perspectivas globais para cereais na campaña 2019-20". A grandes liñas, omo se presenta esta campaña? Será unha campaña cunha ampla dispoñibilidade, tanto de millo como de trigo en Europa e América. Isto limitará movementos bruscos á alza en prezos, polo menos nos mercados de futuros. Ademais teremos novamente que vivir co efecto do conflito comercial entre Estados Unidos e China, e aínda que isto afectará máis directamente ás fabas de soia e ao porco, colateralmente tamén impactará en millo e trigo. ¿Como se prevén as colleitas dos principais cereais para alimentacion animal: millo, colza, trigo e soia? En referencia ao trigo, os principais produtores e exportadores de trigo no hemisferio norte finalizaron os seus procesos de colleita de trigos de inverno ou están moi preto de facelo. Referímonos a Europa, Estados Unidos e Rusia, que está na recta final. Todas as producións anteriores foron boas, non de récord, pero boas. Isto axuntado a un uso para penso diminuíndo globalmente por un cambio a millo, está a provocar un incremento nos inventarios finais mundiais a niveis de récord (286,5 MTM). Agora quédanos esperar polas colleitas de trigos de primavera en Estados Unidos e Canadá, ademais de Arxentina, Australia. Estas últimas, que están a experimentar problemas climáticos (choivas no norte e seca en Arxentina e Australia) non afectan moito ao prezo de contado do trigo europeo pero si poden impactar nos prezos de futuros.
 “Hai unha boa previsión de colleita mundial de trigo e de millo, que cada vez se utiliza máis en pensos”
Ao lado do millo, a situación é similar con bos inventarios da campaña anterior e expectativas dunha boa colleita nos Estados Unidos e a nivel europeo. Aínda que a demanda de millo para penso segue en aumento. Como definiría a situación de prezos actual e que previsións podería avanzar para este ano? Atopámonos nun momento de prezos relativamente baixos, consecuencia da boa dispoñibilidade dada polas colleitas xa finalizadas e a boa perspectiva das que se atopan en curso. É posible que agora, xa coa seguridade da oferta dispoñible e prezos estacionalmente baixos, o mercado empece a enfocarse na demanda e isto pode facer que os prezos empecen a subir paulatinamente. Pero hai que considerar que debido aos bos inventarios que temos, tanto en trigo como en millo, esta posible alza debería estar limitada. En que medida están a afectar as tensións entre China e Estados unidos ao comercio e ao prezo dos cereais? O impacto está a darse máis en fabas de soia e carne de porco, pero o conflito comercial ten moitísimas ramificacións tanto no sector agrícola como no tecnolóxico, enerxético, metalúrxico, etc. Especificamente no prezo dos cereais o impacto é colateral. Se China e os Estados Unidos logran chegar a un acordo, China podería comprometerse a comprar máis produtos agrícolas, por suposto fabas de soia, pero tamén podería comprar millo. Isto sería alcista para os prezos. Que estratexias están a seguir os principais países importadores (China, Corea, Arabia Saudita...etc) para asegurarse o subministro de cereais no futuro ? De forma xeral, os principais países produtores están a confiar no desenvolvemento de mellor material xenético (sementes xeneticamente modificadas) que dean mellores rendementos e sexan resistentes a situacións adversas de produción, como o clima.
 “China leva anos comprando terras cultivables en todo o mundo”
Falando de China en específico, leva anos facendo investimentos en terras cultivables en Sudamérica, África, Asia e Europa do Leste (Rusia), aínda que é moi difícil atopar nova terra arable. Tamén leva anos comprando portos, investindo en loxística marítima e terrestre, o mesmo que creando un brazo comercializador de commodites (compañías de trading) para ter máis control das canles de subministración. A Unión Europea é deficitaria en cereais como millo ou soia. Como valorarías a súa situación no comercio internacional e a súa posición estratéxica? Gustaríame referirme ao que chamo o “milagre español”, onde un país que como ben mencionas, é deficitario en cereais e fontes de proteína, o que o obriga a importar materias primas  (un 50% do seu cereal este ano) arrebatou o mercado da exportación de porco a China a potencias como Estados Unidos e Alemaña. Se o pensamos detidamente, o que España fai é “proteína vexetal” en América, Ucraína, Bulgaria, Francia etc (tamén localmente), convertela en proteína animal (porco) e exportala a China. Isto fala excepcionalmente da eficiencia e capacidade de adaptación de todos os participantes na cadea económica: produtores de cereais,  importadores, comercializadores, produtores de carne, cooperativas, matadoiros, etc. Sempre hai unha oportunidade en cada situación difícil.
 “Houbo un milagre español no sector porcino”
Baixando xa a un nivel do gandeiro da pé. Que recomendacións lle daría para asegurarse a compra de penso a bo prezo para a súa cabana gandeira? É unha pregunta interesante pois en moitos países o gandeiro pequeno ou mediano, o mesmo que pequenos produtores de cereais, pensan que polo seu tamaño non teñen a oportunidade de usar os mesmos instrumentos financeiros aos que as grandes empresas teñen acceso, pero noutros países, gandeiros e produtores teñen as súas propias contas de operación. Outra forma é achegarse aos seus provedores e traballar con eles en programas de xestión de risco. Unha pregunta recorrente dos gandeiros é ¿Por que a suba do prezo dos cereais trasládase rapidamente ao consumidores pero non á inversa, cando hai baixadas? A resposta é difícil pois asume que é unha regra, pero podo dicir que a mesma queixa escóitoa en diferentes países ao lado dos produtores de cereais: “¿Por que a baixada nos prezos trasládannola inmediatamente e non as subas?”.  ¿Como valoras a subida de prezos dos cereais dos anos 2011, 2012 e 2013 a nivel mundial e as consecuencias que carrexou (revoltas en países importadores...ect)?, ¿Corremos o risco de padecer unha nova burbulla no prezo dos cereais? Si, a historia demóstrao. Estivemos vivindo desde hai algúns anos pouca volatilidade e isto pode cambiar unha vez que teñamos problemas climáticos nun ou máis dos principais produtores de cereais e oleaxinosas a nivel mundial. Tamén lembremos que China, eventualmente empezará a recuperar a súa cabana de porcos e isto xerará novamente demanda de materias primas.
“Cando China recupere a súa cabana de porcos as materias primas empezarán a encarecerse”
Cunha poboación que segue en aumento e unha superficie agraria útil que é limitada. Cales cre que son os retos que se expoñen para seguir asegurando o subministro mundial de cereais a un prezo accesible? A resposta fácil sería apostar por mellores materiais xenéticos, como mencionamos, pero  penso que o reto é moito máis complicado que só iso. Hoxe en día empeza a verse un movemento social en prol de deixar de consumir proteína animal en favor de dietas baseada en vexetais ou plantas por varias razóns, que van desde a idea de que unha dieta vexetariana é máis saudable ata que a produción gandeira mundial é insustentable. É posible que certo cambio a comportamentos deste tipo empece a darse en rexións ricas: América do Norte, Europa, zonas de Asia, etcétera; pero a demanda por proteína barata seguirá medrando nos países que seguen desenvolvéndose. A miña opinión é que estes dous fenómenos puidesen compensarse un ao outro ou, máis probablemente, o crecemento na demanda en países desenvolvidos puidese exceder ao primeiro.
“A produción en ecolóxico de cereais non podería satisfacer a demanda mundial”
¿Cres que pode asegurar a produción mundial de cereais en ecolóxico, sen abono animal, de forma que poida substituir completamente á produción convencional e a abonos químicos, OXM...etc? Non, non o creo. Polo menos non baixo o nivel de demanda de proteína animal que se ten nestes momentos e as proxeccións de crecemento de longo prazo. Consideremos que China seguirá crecendo, detrás vén India e logo África. Algo máis que queiras engadir? Agradecer a todos os actores do sector que sempre nos recibiron moi ben, tanto a INTL FCStone como a AESTIVUM, permitíndonos contribuír no logro dos seus obxectivos.

A colza, unha alternativa de proteína para o gando fronte á soia

A alimentación é un dos alicerces nas gandarías e representa máis do 60% dos gastos da produción, por iso, a dependencia de materias primas importadas, como a soia, que acostuman a sufrir importantes variacións no prezo, é un condicionante para a rendibilidade da actividade. Pero, que alternativa se lle presenta aos gandeiros para reducir custos e seguir achegando proteína na ración? Esta é a pregunta á que tentou dar resposta a veterinaria Izaro Zubiria, xunto ao equipo de Neiker-Tecnalia (País Vasco), nun traballo que realizaron para ofrecer opcións viables ao sector gandeiro da Cornisa Cantábrica. O obxectivo da investigación era reducir a dependencia de materias primas como a soia, importada polo xeral de Estados Unidos, Brasil e Arxentina, un produto cun alto contido en proteína, indispensable na ración do gando.
As alternativas á soia pasan por cultivos de oleaxinosas como a colza e o xirasol, ou leguminosas forraxeiras, como a alfalfa e a veza
As alternativas á importación de soia pasan por cultivos de oleaxinosas con alto contido de proteínas, como a colza e o xirasol; ou leguminosas forraxeiras, como a alfalfa, a veza ou a esparcela. A produción de cultivos oleaxinosos en Europa carrexa outras vantaxes, ao poder usarse como biocombustibles, en especial a colza, á vez que resultan unha alternativa máis sostible para a gandaría, debido á redución da pegada de carbono derivada do transporte internacional da soia.

Competir coa soia americana

Até o momento, tanto Estados Unidos como Brasil souberon lograr unha gran produción de soia, en base a grandes extensións e ao emprego de variedades modificadas xeneticamente que os puxeron á cabeceira mundial. "En Europa, en cambio, non se fixo moito por favorecer este tipo cultivos proteaxinosos fronte a outras colleitas como os cereais", explica Zubiria. Así, hoxe Europa é deficitaria en proteína, debido á escasa presenza destes cultivos proteicos como a soia que, ademais, adoitan rexistrar moitas fluctuaciones de prezo. "É habitual que materias primas como a soia rexistren baixadas e subidas do prezo. Tanto poden estar a se vender a 320 euros por tonelada como pasar a 400 euros por tonelada en poucos días, co que o gasto para o gandeiro se incrementa notablemente", apunta a veterinaria.
Unha das razóns polas que non despegaron estes cultivos é a menor produción que se logra fronte aos cereais
Nos últimos anos, a produción de soia e colza en España aumentou, en parte derivada pola Política Agraria Común (PAC 2015-2020), que impulsa a incluír este tipo de cultivos de proteaxinosas para a fixación do nitróxeno no chan. A colza constatouse que se adapta ben ás condicións climáticas da cornixa cantábrica e podería ser viable unha maior implantación. Outro factor que, de forma indirecta, impulsou que se incrementase a produción de cultivos como a colza en España e en Europa é o seu aproveitamento como biocombustible. "A política da UE sobre biocombustibles probablemente fose a que máis efecto causase no aumento destes cultivos, aínda que o seu principal obxectivo non fose abastecer á gandaría de fontes protéicas", comenta a veterinaria. O procesado da colza para biodiesel pon no mercado un subproducto rico en proteína que pode ser utilizado en alimentación animal. Trátase da torta de colza que resulta do prensado en frío das sementes. Con todo, unha das razóns polas que non acabou de despegar este tipo de cultivos é a menor produción que se logra por hectárea fronte aos cereais. No caso concreto da soia tamén influíu, en gran medida, a política europea sobre o cultivo dos Organismos Xeneticamente Modificados (OGM). Evolución da produción de colza en España. Evolución da produción de soia en España.
A torta de colza resulta do prensado en frío das sementes trala obtención do biodiesel

A colza na alimentación do gando

O incremento da produción de colza en España, con plantacións en zonas de Navarra e Álava, como constata a veterinaria, abre a posibilidade a utilizala como substituto da soia. "A colza é un dos cultivos nos que máis interese se puxo para o seu aproveitamento como biocombustible e, desa obtención, logramos un subproducto que podemos aproveitar para o gando", incide. Así, a investigación realizada evidencia as posibilidades que ofrece a colza, tanto na produción de biodiesel como no aproveitamento do subproduto para alimentación animal. Torta de colza prensada en frío. A torta de colza contén moita máis enerxía, xa que conserva maior cantidade de graxa. Pero ademais, esta graxa ten un perfil de ácidos graxos insaturados que modifican as características do leite incrementando a concentración de ácidos graxos insaturados, cos beneficios coñecidos para o consumidor.

Unha oportunidade para o vacún en ecolóxico

O cultivo de colza para o autoabastecemento das ganderías é unha opción viable. A investigación realizada no País Vasco implantou en dúas ganderías de ovino de leite un sistema cunha pequena prensa móbil e unha caldeira, a fin de xerar tortas de colza. "Os resultados foron satisfactorios en ámbolos casos, aínda que se trata de experiencias a pequena escala", concreta a veterinaria. Torta de colza prensada en frío nunha das ganderías nas qe se testou. De feito, nestes casos xa conseguiron un aforro do 9% ao utilizar a torta de colza. Polo momento, a maior limitación está no seu aproveitamento para gandarías de vacún de gran tamaño. Está pendente aínda de estimar os gastos que suporía o proceso e a viabilidade económica, aínda que todo apunta a que implicaría unha redución de custos.
O uso desta torta de colza prensada en frío permitiu un aforro do 9% nas gandarías de ovino que a probaron
"As explotacións locais ou ecolóxicas, normalmente máis pequenas, son un tipo de sistema no que podería encaixar o proceso, xa que se trata de modelos nos que se prima a utilización dos recursos propios ou, na súa ausencia, de produtos locais", apunta a veterinaria. Ademais, "o prezo das materias primas ecolóxicas case duplica ás convencionais, daquela o custo é moito maior e, en consecuencia, pequenos cambios implican grandes diferenzas", concreta Zubiria.

Un consumidor que esixe máis sostibilidade

O uso da torta de colza prensada en frío na alimentación do gando tamén pretende atender ás esixencias do consumidor, que reclama produtos máis respectuosos co medio ambiente. "O consumidor preocúpase e esixe que a alimentación dos animais sexa máis natural e saudable", recorda a veterinaria. Neste senso, a colza é unha alternativa aos cultivos importados de América, onde os transxénicos están moi presentes.
Realizaron unha cata do leite e comprobaron que o cambio do perfil de ácidos graxos non xerou rexeitamento
Dado que o uso da torta de colza prensada en frío varía o perfil de ácidos graxos do leite, os investigadores realizaron unha avaliación das características sensoriais, para comprobar se o devandito cambio provocaba o rexeitamento por parte do consumidor. Para iso levouse a cabo unha cata con 60 catadores non adestrados, de idades entre 18-65 anos, que non apreciaron diferenzas. "As probas demostraron que o consumidor non daba preferencia algunha a ningún dos leites, por tanto, a conclusión foi, unha vez máis, que a torta de colza prensada en frío pode ser unha alternativa como fonte proteica e enerxética en alimentación animal", reafirma a veterinaria Izaro Zubiria. A investigación sobre a colza enmárcase no proxecto Life Seedcapital (Life Env/Es/590) e no proxecto Inia (RTA 2012-00065-C05). Por este traballo, a veterinaria Izaro Zubiria gañou ademais o premio especial Neiker ao mellor artigo de divulgación en euskera, no marco dos premios CAF-Elhuyar, que recoñecen as investigacións nesta lingua relacionadas co sector agrogandeiro e forestal.