Archives

Convocadas as axudas de prevención de incendios forestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos titulares de montes veciñais de man común, as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) para a posta en marcha de actuacións preventivas dos danos causados aos bosques por incendios. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, convoca estas axudas para contribuír a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, cun orzamento superior aos 3,5 millóns de euros que se repartirán entre 2023 -353.990,7 euros- e 2024 -3.159.816,3 euros-. As achegas contan con dúas liñas de actuación. A primeira é para o control selectivo de combustible, na que se concederán achegas para áreas de devasa en monte desarborado, para roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, con preto de 590 euros por hectárea. Para montes en rexeneración, serán máis de 1.650 euros por hectárea para o clareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos, mentres que para roza de penetración, rareo de entrefaixa e trituración de restos nas faixas, será de case 1.300 euros por hectárea. Nesta liña, as axudas complétanse para as devasas con 635 euros por hectárea para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e, para as faixas de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura, destinaranse case 590 euros/ha se é roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar, ou con 734 euros/ha, no caso da roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar. A segunda liña desta convocatoria de axudas destínase para a construción de puntos de auga. Nesta caso, a achega será de 25.690 euros por cada depósito de auga de 8x7x2 metros cun volume útil de 110 metros cúbicos. Superficies de máis de 100 hectáreas Os beneficiarios serán as persoas titulares dos montes veciñais de man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal que conten con superficies de máis de 100 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Medio Rural compromete cambios nas Sociedades de Fomento Forestal

A Xunta vén de manter unha reunión coa recentemente constituída Asociación de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) de Galicia. O obxectivo do encontro era o de atender algunhas das demandas que levan anos plantexando os proxectos de Sofor que se puxeron en marcha en Galicia. Outro dos focos da reunión situouse en ver como quedan as Sofor no marco da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. En relación ás demandas das Sofor, Medio Rural comprometeu unha serie de cambios para facilitar o seu traballo. Un dos problemas que arrastran boa parte das Sofor galegas é o dos propietarios con enclavados que deciden non entrar na Sociedade. No caso de que esas parcelas carezan de xestión (rozas, rareos, etc.), a Xunta comprométese a declarar tales superficies en situación de abandono ou infrautilización, de xeito que os propietarios poidan ser sancionados e forzados a manexar as súas terras. Para o caso de parcelas de propietario descoñecido, a Xunta compromete a investigación da propiedade. Se non aparecesen os donos das parcelas, esas fincas pasarían ó Banco de Terras e a correspondente Sofor podería solicitar o seu aluguer, se o considerase oportuno. Lei de Reestruturación de Terras Na reunión, na que participaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, tamén se lles avanzou ás Sofor que o funcionamento destas sociedades encadrarase na figura de agrupacións de xestión conxunta, creada na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Medio Rural está pendente de publicar de xeito inminente un decreto que regulará o funcionamento das agrupacións de xestión conxunta. As Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), creadas hai arredor dunha década, demostráronse ata agora limitadas para agrupar o minifundio forestal nun modelo de xestión conxunta. Un dos problemas era a superficie mínima que se esixía, 50 hectáreas, un mínimo que nas agrupacións de xestión conxunta baixa ata as 10 hectáreas. Medio Rural considera que outra das figuras da Lei de Recuperación de Terras, a dos polígonos agroforestais, tamén pode servir para reestruturar a propiedade no interior das Sofor, de xeito que en paralelo a unha xestión conxunta de toda a superficie, haxa unha reestruturación de parcelas para reducir o minifundio orixinal. Fiscalidade No encontro abordouse, por último, a cuestión da fiscalidade, pois as Sofor manteñen unha fiscalidade máis gravosa que a dos propietarios individuais, xa que teñen a condición xurídica de sociedades limitadas. O conselleiro comprometeuse a continuar coas xestións diante do Goberno estatal para modificar a actual normativa.

Actívase dende hoxe a tramitación electrónica para as agrupacións forestais de xestión conxunta e os silvicultores activos

Logo de que se presentara no Consello da Xunta deste xoves, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A previsión que manexa a Xunta é de acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos ata o 2025. As agrupacións de xestión conxunta e as persoas silvicultoras activas atópanse recollidas no eixe II do Plan Forestal, relativo á xestión dos montes e á loita contra o abandono. As agrupacións tamén están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, como figura para poñer en valor as parcelas abandonadas ou infrautilizadas. Os procedementos voluntarios de rexistro que se estrean hoxe estarán abertos permanentemente. Como se indica na orde, as solicitudes dirixiranse ao órgano forestal, ao Servizo de Montes da xefatura territorial correspondente. No caso das agrupación forestais de xestión conxunta poderán inscribirse as sociedades de fomento forestal (Sofor), as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais. Mentres, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultores activos as persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e que dispoñan dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente. Como destacan dende Medio Rural, estas dúas figuras buscan incidir na mellora da xestión das arredor de 8 millóns de parcelas catastrais rústicas forestais que hai en Galicia. Así as cousas, as iniciativas de xestión conxunta promoverán a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Mentres, o novo estatus que se establece de silvicultor activo tamén contribuirá a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

- Máis información:

-Orde no DOG.

-Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova orde pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A orde publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Así, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultor activo persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal. Deberán contar cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e dispoñer dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

O recoñecemento do estatus de silvicultor activo facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas á ordenación e xestión forestal ou medidas públicas de apoio ao sector forestal. Tamén permitirá o acceso á cesión dos montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación, con preferencia dos silvicultores activos que sexan comunidades de montes, e en todas aquelas situacións en que se requira unha xestión sustentable do monte, en particular nos procesos de declaración de abandono ou infrautilización de terras agroforestais.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Por outro lado, poderán ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta as sociedades de fomento forestal (Sofor), así como as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos.

Tamén poderán ter esta denominación as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

Estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos:

-A mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable.

-A recuperación de terreos forestais e impedir o seu abandono.

-Favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta.

-Servir como instrumento para a conservación do ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas.

-A prevención e defensa contra os incendios forestais.

-A protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático.

-A creación de emprego endóxeno.

Unha vez recoñecida a agrupación, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, e a agrupación terá a posibilidade de acceder a arrendar ese terreo.

Ademais, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupacións de xestión conxunta.

Xestión do monte, fronte ó abandono

A posta en marcha de ambos rexistros estaba xa recollida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia e buscan atallar o abandono e infrautilización dos montes galegos. A previsión manexada por Medio Rural é acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025.

Agardan que as iniciativas de xestión conxunta promovan a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. En canto á figura do silvicultor activo tamén esperan que contribúa a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

Casos de éxito na xestión conxunta do monte: a Sofor Santa Juliana

No ano 2017, as 180 hectáreas do monte de varas de Cereixedo, na Fonsagrada, pasaron a constituír a primeira Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) da provincia de Lugo e a número 7 de Galicia. A Sofor, unha figura pensada para agrupar a xestión de parcelas particulares de monte, foi vista polos veciños como unha posibilidade para conseguir melloras para o seu monte de varas.

Os montes de varas, característicos da montaña oriental de Lugo, son aqueles que a Lei de Montes de Galicia define como “conservados pro indiviso, e cuxas persoas copropietarias teñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou senras para o seu aproveitamento privativo”. É dicir, trátase dunha propiedade comunal pero que se divide entre os veciños para o seu aproveitamento particular. Coa creación da Sofor, os 18 veciños renunciaron á xestión privada das parcelas que lles correspondían e pasaron a unha xestión en conxunto do monte.

Este cambio supuxo beneficios claros, pois recibiron apoios para a posta en produción de superficies abandonadas e para a mellora de camiños e infraestruturas. Cando se creou a Sofor, arredor dun 50% do terreo estaba desarborado, raso, pero a día de hoxe esa porcentaxe reduciuse ó 9%. A mellora de acceso ós terreos e a creación de dous depósitos de auga, como medida de prevención dos lumes, foi outro dos avances colleitados.

A xestión do monte galego ante a bioeconomía

‘Conversas sobre bioeconomía’ é unha serie de entrevistas en vídeo que realizamos nos últimos meses para a Asociación Forestal de Galicia, no marco do proxecto Biotecfor. O obxectivo da iniciativa é amosar áreas de bionegocio tradicionais ou innovadores que poden representar unha oportunidade para o sector forestal.

Convocadas as axudas para prevención de lumes en montes veciñais

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para prevención de incendios forestais en montes veciñais e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). A convocatoria, igual que o pasado ano, é de carácter bianual. Para este ano destínanse 400.000 euros e para o 2022 un total de 3,6 millóns de euros. As achegas, cofinanciadas por fondos europeos, contan con dúas liñas, unha para control do combustible forestal e outra para construción de puntos de auga. A primeira liña é a que centra a maior parte dos fondos, con 3,3 millóns de euros. Oriéntase a subvencionar o control do mato en devasas, faixas auxiliares de pistas e rexenerados naturais, así como a facer rozas de penetración, rareos e eliminación de restos de entrefaixas de masas forestais. O obxectivo é crear descontinuidades horizontais e verticais de combustible, a fin de reducir a velocidade de propagación de posibles incendios. A segunda liña de apoios, dirixida a construír puntos de auga, conta con 670.000 euros. Subvencionaranse puntos de auga colocados en zonas estratéxicas para a defensa de núcleos de poboación e das masas forestais. As solicitudes poden presentarse desde hoxe ata o 16 de marzo.

Convocadas as axudas para limpeza e construción de puntos de auga en montes veciñais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de subvencións da Consellería do Medio Rural para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). O orzamento desta convocatoria ascende a 5,8 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas achegas contribúen a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Con este obxecto establécense dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga. A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa de incendios forestais e da súa propagación. Así, subvencionarase o control selectivo de combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. O obxectivo é reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a anticiparse aos incendios. Canto á segunda liña de axudas, subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra os incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais. Poden beneficiarse destas achegas os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica no prazo dun mes a contar dende mañá. O enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200219/AnuncioG0426-220120-0001_gl.html

Os montes de varas saen do limbo

Os montes de varas, unha figura de propiedade característica das comarcas da Fonsagrada e Ancares, regularanse nos próximos meses, segundo as previsións que manexa a Xunta. O obxectivo é poñer en marcha un rexistro público e avanzar na constitución e posta en funcionamento dos montes de varas, que abarcan alomenos 7.800 hectáreas na comunidade. A Administración ten identificados 27 montes de varas, dos que a gran maioría, 21, están nas comarcas da Fonsagrada e Ancares, pero non descarta que aparezan novos montes de varas en toda Galicia unha vez se cree o rexistro público. A parte da zona oriental de Lugo, Medio Rural ten constancia doutros tres montes de varas na provincia (2 na Terra Cha e 1 na Mariña lucense), así coma doutro no Barbanza (A Coruña), e doutros 2 na provincia de Ourense (A Limia e Miño-Arnoia). O funcionamento dos montes varas sitúase a medio camiño entre o monte veciñal e a propiedade particular. O terreo é considerado un proindiviso común sobre o que os veciños propietarios adoitaban facer un reparto de porcións individuais de monte para o seu aproveitamento particular. Esa participación no monte de varas é posible mercala ou transmitila por herdanza. Dáse ademais a circunstancia de que a participación no monte adoita ser desigual entre as distintas casas do lugar. Montes de varas en Galicia. Desde a Consellería do Medio Rural estase a traballar nunha normativa que regule os montes de varas. A cuestión foi tamén levada polo grupo popular á comisión de Agricultura do Parlamento, onde tódolos grupos coincidiron en que era positiva a regulación. Desde o Bloque, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ sinalou que consideraba preciso buscar fórmulas de xestión en común dos montes de varas para superar o minifundismo. Situación actual En alomenos dous montes de varas, na Fonsagrada e en Becerreá, xa se están impulsando Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) para o seu aproveitamento en conxunto, unha opción que podería ser extensible a máis montes. Boa parte dos montes de varas permanecían ata agora sen constituír e cunha xestión en precario. Nos Ancares, David López, técnico da cooperativa A Carqueixa, está apoiando a constitución de varios montes de varas coa figura provisional de asociacións sen ánimo de lucro. “A cuestión básica é que os montes de varas teñan unha xunta xestora que poida chegar a acordos, por exemplo para o aluguer de pastos, e que poida solicitar subvencións para a xestión do monte” -explica David-. “Non estamos falando de montes produtores, senón de montes que na maioría dos casos teñen unha función protectora do medio”, precisa.

Xornada sobre xestión conxunta e posta en valor da terra

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa organiza este mércores, 2 de outubro, en Coristanco unha “Xornada sobre xestión conxunta e posta en valor das terras de uso agrario”. A actividade dirixida ao alumnado do CFGS de Paisaxismo e Medio Rural, pero poden participar outras persoas, previa inscrición chamando ao 981 733 051. Velaquí o programa: 12,00 Presentación 12,10 “As SOFOR: unha oportunidade para o aproveitamento do minifundio forestal”. Marisé García Hermida, presidenta de AFOAF (Asociación de Fomento de Ordenación Agro Forestal), e José Fernando Enjamio Gándaras, enxeñeiro de montes e secretario de AFOAF 12,45 “Ferramentas para a xestión conxunta das terras agrarias”. José Fernando Enjamio Gándaras, enxeñeiro de montes, e secretario de AFOAF, e Domingo Daniel Canosa Blanco, técnico forestal 13,30 Coloquio sobre os temas tratados 15,00 Saída para as visitas 15,45 Visita á SOFOR de Olveira (Dumbría) 17,30 Conclusións (Local Social de Olveira – Dumbría)

Medio Rural acláralle ós silvicultores do Morrazo que apoiará agrupacións de 10 hectáreas

A Lei de Mobilidade de Terras que está a preparar Medio Rural posibilitará a creación de agrupacións forestais dun mínimo de 10 hectáreas unificadas, en couto redondo. Así llo trasladou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, á Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo (APMM), coa que mantivo unha reunión na Casa de Cultura de Ardán (Marín). En casos xustificados, a Administración tamén está disposta a admitir a constitución de agrupacións que xunten nun inicio un 50% desa superficie (5 hectáreas), segundo indican desde a APMM. A nova figura de agrupación abre en principio portas para implantar unidades de xestión conxunta no Morrazo (Pontevedra). Os montes privados da comarca teñen parcelas medias de arredor de 700 metros cadrados. unha superficie que imposibilita calquera xestión forestal. No 2015, un grupo de propietarios de Marín e Bueu constituíu a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo na idea de impulsar a xestión conxunta do monte. Problema, a Xunta só apoiaba agrupacións cun mínimo de 50 hectáreas, as chamadas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), unha superficie complicada de acadar en zonas de minifundio extremo. A ampliación das figuras de agrupación forestal é considerada positiva pola Asociación, pero o colectivo advirte da necesidade de apoios públicos. “Na reunión non nos quedou claro como poderán afrontar os propietarios os investimentos iniciais de explotación”, sinalan desde o colectivo, que agarda unha orde específica de axudas para apoiar ás agrupacións que se poidan constituír. A Asociación de Propietarios do Morrazo, en base ó traballo da súa directiva e socios, logrou aglutinar nos últimos anos varias zonas de monte nas que os propietarios están dispostos a apostar por fórmulas de xestión conxunta. É o caso dunha zona dunhas 15 hectáreas preto do parque industrial de Bueu, en Forqueiros, e doutras zonas en Cela e Marín. “Xuntar estas superficies de monte, tendo en conta o minifundio que temos, é case un milagro”, valoran desde o colectivo. Coa nova figura de agrupación, igual que sucede coas Sofor, os propietarios que queden enclavados na agrupación e non queiran integrarse na mesma, terán dereito a manter a súa xestión individual. A Administración, non obstante, trasladoulle á APMM que a eses propietarios esixiráselles o correcto mantemento das súas parcelas, baixo ameaza de sanción. Experiencias piloto O director xeral de Desenvolvemento Rural trasladoulle á Asociación que a a Xunta está impulsando experiencias piloto de xestión conxunta en áreas afectadas polas franxas de protección de incendios dos núcleos de poboación. Pérez Dubois pediulle á APMM que valorase se algunha das zonas nas que traballa pode ser susceptible de ser apoiada no marco destas experiencias piloto. Desde a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo comprometéronse a trasladarlle a Medio Rural toda a información precisa á maior brevidade, de cara a valorar esa posibilidade.

“Dun xeito individual non fas nada no monte, calquera ordenación pasa por zonas agrupadas”

O monte particular da comarca do Morrazo (Pontevedra) convertiuse nas últimas décadas nun espazo con escasas perspectivas. Hai un minifundio forestal extremo, con parcelas medias que rondan os 700 – 800 metros cadrados, e unha maioría de propietarios que xa non vive da terra e que é incapaz de situar boa parte das súas parcelas. “Moita xente pensa que o monte non vale para nada”, resumen na Asociación de Propietarios do Morrazo, un colectivo que xurdiu no 2015 coa idea de recuperar o monte. Falamos co presidente da Asociación, Luciano Guimeráns, de Marín, e co vicepresidente do colectivo, José Manuel Carracelas (Bueu), sobre o traballo que están a facer. “Queremos deixar un monte vivo”, enuncia Luciano. - Como naceu a Asociación, unha iniciativa que é singular a nivel de Galicia? Luciano: A Asociación naceu por iniciativa dun grupo de propietarios que viamos que a situación do monte era a cada paso de máis abandono. Sentámonos un grupo de xente de Marín e Bueu e decidimos constituír unha asociación para animar ós propietarios a sumarse. O obxectivo era abrir un debate sobre o que facer no monte. A idea inicial era chegar a todo o Morrazo, pero enseguida vimos que era moi complicado, así que finalmente centrámonos en Bueu e Marín. - Que se pode facer fronte a ese abandono do monte do que falades? Luciano: Calquera iniciativa tería que pasar por crear zonas agrupadas. No Morrazo, individualmente non fas nada no monte porque está moi dividido, en parcelas moi pequenas.
"Os nosos socios teñen unhas 1.400 parcelas, cunha superficie media duns 700 metros cadrados"
José Manuel: Os nosos socios, que son 160, teñen máis de 1.400 parcelas, cunha media de 700-800 metros por tomada, pero dentro diso, temos parcelas de 50 metros cadrados. O monte aquí está con moito minifundio polas particións que había nas herdanzas. Un propietario pode ter 10 parcelas dispersas e en moitos casos, teñen identificadas algunhas fincas e outras non saben nin por onde están. - Que resposta atopastes á vosa inquedanza entre os propietarios forestais? Luciano: Cada vez que facemos unha asemblea nunha parroquia, á xente parécelle moi boa idea a Asociación e está interesada, pero tampouco podemos ofrecer solucións concretas, xa que polo de agora a Xunta non apoia figuras de xestión do monte que sexan acaídas á nosa realidade. Tamén hai propietarios que din: ‘A min non me interesa porque teño as miñas tomadas limpas e están localizadas’. Igual a el non lle interesa, porque ten por exemplo 60 anos e aínda vai ó monte, pero cando teña 70 ou 75 deixará de ir ó monte e os seus fillos igual non queren saber nada. Entón, temos que buscar remedio e ese remedio ten que ser de xeito agrupado. - Pensastes en promover unha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) para agrupar a xestión das fincas? José Manuel: Pensouse nunha Sofor, pero non é viable. As dimensións mínimas que se esixen para as Sofor, de 50 hectáreas, están pensadas para outras zonas, non para o Morrazo. Na Estrada, hai unha Sofor de 30 propietarios que suma 50 hectáreas. Aquí 30 propietarios sumamos pouco máis de 4 hectáreas.
"As Sofor non se adaptan a nosa realidade. Apostamos por facer agrupacións de 3 hectáreas en coto redondo, pero a Xunta ten que apoialas"
Luciano: A Sofor é a figura que apoia actualmente a Administración, pero para o Morrazo vémola difícil. Nós apostamos por agrupar a xestión en unidades que teñan un mínimo de 3 hectáreas en coto redondo, con continuidade entre as parcelas, que é algo que nos parece máis factible. Estamos traballando en varias zonas concretas nas que temos socios e outra parte de propietarios que estarían interesados. O que precisamos é que a Administración apoie este tipo de agrupacións. Se imos a unha zona e lle dicimos ós propietarios, imos valorar a madeira de cada un, cortar e plantar en conxunto, é algo que pode saír adiante. Traballar en conxunto permitiría ademais satisfacer as distintas visións que hai sobre o monte. Hai propietarios que defenden o eucalipto, outros o castiñeiro, a cerdeira ou o carballo. Se tes varias hectáreas en conxunto, pode haber diversidade de especies, eucaliptos, piñeiros, castiñeiros… e non como agora, que no Morrazo camiñamos cara un monocultivo do eucalipto.
"Agrupar a xestión permitiría satisfacer as distintas visións que conviven sobre o monte. Habería sitio para eucaliptos, piñeiros, castiñeiros ou cerdeiras"
José Manuel: Cunha ordenación do monte e plantacións diversas, estarían todos os propietarios contentos. Pensamos que o monte ten que ter rendabilidade porque se non ten rendabilidade, mal vamos. Dicíamo unha propietaria estes días: ‘Fálolle ós fillos do monte e os fillos dinme que o monte non vale nada’. Luciano: Un dos motivos do abandono é ese. Non hai xeito de rendabilizar parcelas pequenas. Por iso nós dicimos que traballando de xeito agrupado, pode haber prezos á alza e unha mellora de rendabilidade.
"O monte ten que ter rendibilidade. Se non, mal imos"
- Entón, a vosa idea sería a creación de agrupacións de máis de 3 hectáreas nas que manteriades a propiedade individual e xestionariades en conxunto? José Manuel: Exactamente, pero non chega con crear só zonas agrupadas porque hai moitas fincas que teñen muros de separación ou carecen de accesos. Temos tamén que superar o minifundio interno. Luciano: Un dos obxectivos sería a concentración. Dentro do mesmo polígono, hai propietarios que terían varias parcelas. Unha primeira medida sería limpar, medir toda a zona, investigar a propiedade e facer un plan de reordenación, que debería ser aprobado polos propietarios antes da súa inscripción notarial. Se un propietario ten catro parcelas nun polígono, pode rematar tendo unha, o cal lle favorece.
"Un dos obxectivos sería a concentración dentro de cada polígono. Esa é a nosa proposta, pero ata agora tivemos cero apoio da Xunta"
José Manuel: Esa é a nosa proposta, pero ten que ser asumida pola Administración. Ata o de agora, tivemos cero apoios da Administración ás nosas propostas e necesidades. A cuestión de fondo é que somos unha zona moi pequena no conxunto de Galicia e ignórannos. Luciano: Se ti lle dis ó propietario que ten que saír todo do seu peto, o propietario é reacio. - Falabades de investigar a propiedade. A parte das fincas dos vosos socios e de propietarios que tedes identificados, hai moita propiedade descoñecida? Luciano: Á hora de identificar as propiedades, contabamos con que Catastro puidera colaborar máis con nós, pero a nosa sorpresa é que, aínda que xa o intuiamos, a información que hai no Catastro está moi atrasada. Falando con Catastro, confesáronnos que hai arredor dun 20% de parcelas de propietarios descoñecidos. Iso dificulta moito o traballo. Ten que haber algunha norma que respalde ás entidades que queiran ordear unha zona para que o poidan facer incluíndo as parcelas de propietario descoñecido. Se un día aparece o propietario, pois buscarase unha solución, pero doutro xeito é imposible facer nada.
"Hai parcelas que están a nome de persoas que terían 130 anos. Esa é a realidade e carecemos de apoio para localizar ós propietarios reais"
José Manuel: Hai parcelas que están a nome dunha persoa que a día de hoxe tería 130 anos. Esa é a realidade. Temos dificultades para localizar ós propietarios reais desas parcelas e non temos ningunha axuda. Se vas a Catastro buscando información dos lindantes dunha parcela, tes que pagar por esa información, cando é información sen actualizar e que non che resolve nada. E se vas pedir unha corrección, pídenche que aportes un informe técnico, que nalgúns casos vai valer máis que a propia parcela, e un acordo cos lindantes. Ese é o papel que xoga a Administración, cando debería intervir ela directamente para buscar solucións.
"Unha vez que iamos petando polas portas, díxonos un propietario que estabamos facendo un traballo de apostolado. Non lle falta razón"
Na Asociación estamos facendo un traballo de falar cos propietarios e de investigar a propiedade que non ten ningún respaldo. Unha vez díxonos un propietario que o traballo que estabamos facendo era de apostolado e non lle falta razón. Imos chamando ás portas e hai xente que nos di: ‘Menos mal que alguén se ocupa disto’. Luciano: Tamén hai que dicir que nalgunza zona, como Marín, temos xente que nos combate, xente que igual ten os seus intereses e ingresos do monte e pensa que lle vai ir peor se os propietarios nos agrupamos e traballamos en conxunto. Iso tamén deriva en que teñamos dificultades en agrupar ós propietarios. José Manuel: Hai moita picaresca no monte e tamén hai que entender á xente. Houbo moitos enganos e a xente vólvese desconfiada.
"Que monte lle queremos deixar os nosos fillos? Dez parcelas pequenas que non sabemos nin onde están ou tres máis grandes e ben xestionadas?"
Luciano: Ao final, o que estamos facendo é un planteamento de futuro e todo o mundo vaise dando de conta do sentido que teñen as nosas propostas. Que queremos deixarlle ós nosos fillos? Dez parcelas de monte pequenas que non sabemos nin onde están ou 3 - 4 parcelas agrupadas e ben xestionadas?. Por iso pensamos que pode triunfar. - Nos vosos casos concretos, en que situación se atopan as vosas parcelas? José Manuel: Teño unhas 16 parcelas que suman uns 8.000 metros e que se atopan en tres concellos distintos. De todas esas, só teño perdidas 2 pequenas, ensináronmas algunha vez, pero non fun capaz de volver. E iso é algo que lle sucede a moita xente. No meu caso, cando era pequeno, o meu pai andaba ó mar e cando viña, lembro que me levaba ó monte a pasar o día, levabamos unha mochila con comida e bebida, ensinábame os marcos e pintábaos. É unha lembranza marabillosa que teño daquilo e por iso eu sigo con isto. O meu pai dicíame, ‘Vós ides perder o monte’. Pero non o perdemos, temos unha asociación para recuperalo. Luciano: No noso caso, eu son un pequeno propietario e a miña muller ten unhas 12 tomadas, sumando 6.000 metros, todas no concello de Marín, pero non saberiamos identificalas. Temos estado nalgunha delas hai anos, pero agora xa non se entra coa altura de mato que hai. Esta é a realidade de moitos propietarios. Por iso a asociación é tan importante e é a esperanza que temos.

“As franxas de protección non son a solución, limpas a ribeira e deixas un polvorín detrás”

- Estamos agora en plena época de lumes. Como vedes a situación do monte no Morrazo ante os incendios? Luciano: A realidade é que temos un perigo moi serio. Nós vivimos en zonas rurais, pegadas ó monte, e hai un perigo serio non só para o monte senón para a vida da xente. José Manuel: Se hai unha vaga de calor, con circunstancias extremas, temos medo. Así de claro. Luciano: Pensa que se entra un lume en Moaña con vento do sur ou do suroeste, o incendio chega a Pontevedra. Con vento e calor non hai quen o apague. - Como vedes a normativa que obriga á creación de franxas de protección arredor dos núcleos de poboación? É unha solución? Luciano: A Xunta debería ser consciente de que por esa vía non vai resolver o problema dos incendios en Galicia. O problema para nós está no interior do monte. Se ti tes a ribeira limpa, pero detrás tes un polvorín, non é solución. Imos seguir investindo en apagalumes ou planteando medidas preventivas? José Manuel: Unha asociación como a nosa podería xogar un papel importante en prevención, pero de momento nunca tivemos apoios. Luciano: As franxas son ademais algo tremendamente custoso para o propietario. Ao que lle cae, se ten ameaza de multa, non lle queda outra, pero se un propietario que teña unha tomada ao lado dunha zona urbán ten que estar gastando tódolos anos e non pode ter arborado, ao final o monte representa unha carga constante.

Chequeo ás Sofor, solución para a xestión do minifundio forestal?

O minifundio forestal en Galicia xera dificultades de xestión para os propietarios, que en ocasións mesmo descoñecen ou perden a ubicación de parte das súas parcelas. Afrontar ese escenario, que remata por deixar parte do monte no abandono, é un dos grandes retos do monte galego. Para encaralo, a Xunta buscou impulsar agrupacións de propietarios forestais a nivel de parroquia ou aldea. Primeiro foron as Uxfor (Unidades de Xestión Forestal), no Goberno bipartito, unha figura que derogou a actual Xunta para crear no 2011 as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Están sendo as Sofor unha solución? Galicia conta na actualidade con 10 Sofor creadas e con outras 12 en proceso de inscripción. As 10 sociedades xa en funcionamento agrupan 1.386 hectáreas de 447 socios, en tanto as 12 en creación suman 2.915 hectáreas. Valoracións Os primeiros pasos das sociedades son considerados positivos polo actual director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, impulsor da figura das Sofor, que entende que as agrupacións creadas xerarán un efecto exemplo no monte galego que actuará como semente de futuros proxectos. O director xeral de Ordenación do Monte, José Luis Chan, defende tamén a figura das Sofor como un acerto, aínda que xa anunciou que a Xunta creará outras 2-3 figuras de xestión conxunta do monte, con distintos graos de compromiso dos propietarios, de cara a facilitar a aparición de novas iniciativas. Outra das liñas de traballo que prevé iniciar a Xunta é a busca dunha fiscalidade atractiva para esas figuras de xestión conxunta, de xeito que a tributación derivada das cortas de madeira ou doutros aproveitamentos sexa beneficiosa para os propietarios, en comparación cunha xestión individual.
"Coas franxas de protección, hai moitos propietarios que teñen que apandar. Unha solución sería ligar esas franxas a figuras de xestión conxunta" (Xosé Luis Rivas, 'Mini')
A valoración da oposición sobre as Sofor é ben distinta. Estes días, a situación das Sofor chegou ó Parlamento con motivo da presentación do anuario de estatística forestal publicado pola Consellería do Medio Rural. A creación de 10 sociedades de fomento forestal “en dez anos” é calificada por En Marea como “un fracaso absoluto”, en palabras do deputado Antón Sánchez. “Despois de 10 anos, están xestionando un 0,06% do monte galego coas Sofor. Se esta é a solución, a este ritmo necesitarían mil anos para crear figuras de xestión conxunta de todo o monte galego”, criticou. Franxas de protección Por parte do Bloque, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ afondou na mesma liña argumental, sinalando ademais as posibilidades de fórmulas de xestión conxunta para enfrontar a prevención de lumes nos núcleos de poboación. “Coa creación de franxas de protección en torno ás aldeas, hai moitos propietarios que se están atopando con que teñen as súas fincas nesas franxas e con que lles toca apandar, pero a xente xa se está cansando de apandar. Ou ligamos as franxas de protección á creación de figuras de xestión maiores ou haberá problemas”, pronosticou.

“Regular o eucalipto? Veremos se hai que regulalo máis porque xa está moi limitado”

A separación na Administración entre a xestión do monte e a loita contraincendios era unha vella demanda do sector forestal, que entendía que os lumes se comían boa parte dos presupostos e esforzos públicos adicados ó monte. O ditame parlamentario sobre a vaga de lumes do 2017 avogou tamén por esa separación, que se levou á práctica coa creación en decembro do 2018 da Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, desmarcada da Dirección Xeral de Defensa do Monte, encargada dos lumes. Case seis meses despois da división de competencias, falamos co director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, un profesional cunha experiencia longa nos servizos forestais da Consellería do Medio Rural e que nos últimos catro anos foi xefe de servizo na provincia da Coruña. - No sector forestal houbo descontento nos últimos anos pola xestión das subvencións en todo o referente a súa convocatoria, prazos e inspeccións. Tamén queixas polos retrasos ou falta de investimentos en montes conveniados. Separar xestión forestal e lumes vai permitir unha corrección desas eivas? - A separación da xestión é un feito. Temos agora mesmo unha Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal cunhas competencias diferenciadas, cun servizo adicado á propiedade forestal, outro á sanidade dos montes, outro ó fomento forestal e un cuarto servizo centrado nos montes de xestión pública. Polo tanto, hai liñas do ámbito forestal que corresponden a esta Dirección Xeral, outras á Dirección Xeral de Defensa do Monte e outras compatibles coas dúas direccións. En función diso, iranse determinando os orzamentos anuais. En canto ás axudas, agora mesmo temos tódalas axudas xa lanzadas, estamos pagando as ordes de silvicultura e forestación 2018-2019 e estamos a piques de aprobar a orde de forestación 2019-2020. Tamén estamos revisando os expedientes de axudas de silvicultura 2019-2020, que levan moi pouca anualidade para este ano, pois o importante é que tanto comunidades de montes coma propietarios e empresas de servizos forestais teñan tempo de organizar os seus medios para acometer tódolos traballos. Por iso estamos convocando axudas bianualizadas, que é o lóxico. Por outro lado, temos aprobadas axudas para proxectos de ordenación que afectan a case 130.000 hectáreas e está aprobado o apoio á creación de 12 novas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), ó amparo da convocatoria 2018-2019. Para a orde de Sofor 2019-2020, na que estamos traballando, faremos algunha modificación. - A figura das Sofor creárona no 2011 co obxectivo de enfrontar un dos grandes problemas do monte, a reducción do minifundio, pero ata o de agora tivo un escaso éxito. Barallan outras fórmulas para enfrontar o problema do minifundio forestal?
"A parte das Sofor, crearemos entre dúas e catro figuras novas para promover a xestión conxunta do monte"
- O movemento asociativo de buscar fórmulas de xestión conxunta da propiedade particular en Galicia non é doado, a ninguén se lle escapa. O monte non é unha excepción, pero na primeira orde de axudas aprobáronse 10 Sofor, agora son 12 máis (22 en total). O camiño, como dicía o poeta, faise andando. Por iso queremos darlle continuidade ás Sofor, porque sabemos que xa hai iniciativas fóra destas ordes de axudas para iniciar novas Sociedades de Fomento Forestal, pero ó mesmo tempo, estamos estudando todo o que a lei pon ó noso dispor para crear entre dúas e catro figuras novas de agrupacións de xestión conxunta. Algunhas destas novas figuras serán máis ambiciosas e outras máis sinxelas, igual encamiñadas a garantir só unha xestión conxunta de mínimos, mantendo á vez a propiedade individual. Esas figuras asociativas pretendemos que aparezan xa na Lei de Mobilidade de Terras, na que está traballando a Consellería.
"As fórmulas asociativas deberán ter unha fiscalidade que as incentive, que é algo que abordaremos coa Administración central"
En canto teñamos as novas figuras reglamentadas, haberá que abordar algo que depende da Administración central, que é ter unha fiscalidade axeitada para todas esas fórmulas, que esa fiscalidade sexa un atractivo que sirva de pulo para que a xente se organice. Se queremos un medio rural activo, os investimentos e aproveitamentos teñen que ter unha fiscalidade axeitada, cando ademais o aproveitamento forestal obtense nun periodo longo de tempo, non falamos de colleitas anuais senón de moitos anos e uns riscos evidentes. Precisamos por tanto unha fiscalidade que favoreza a xestión forestal. - Pasemos a algúns dos temas que están a ser máis polémicos nos últimos anos, Plan Forestal e eucalipto. No borrador do Plan Forestal, falan de limitar a superficie do eucalipto en Galicia. Teñen previsto establecer restriccións a súa plantación en determinadas comarcas? - Respecto ó eucalipto, cada un opina o que considera oportuno, que é algo válido, pero hai que opinar sempre sobre un eixo de coordenadas reais. Se disfrazamos a realidade segundo nos convén, estamos facendo un flaco favor. A política forestal en Galicia está sempre condicionada por un factor clave, o lume. Somos unha comunidade con incendios forestais e que nunha porcentaxe alta son intencionados. Por tanto, falo en plural, poñémoslle lume ó monte, que é algo inconcebible noutros países europeos.
"Hai que preguntarse por que os propietarios elixen o eucalipto e por que xa non se plantean outras especies"
Entón, ante esa situación de inestabilidade e de falta de garantías, a xente reacciona coas cartas que mellor ten. Que lle garante o eucalipto á xente? Un rendemento económico, incluso un rendemento económico a curto prazo, e unha garantía de que, no caso do eucalipto globulus, ten unha capacidade de rebrote. É unha especie que para os propietarios ten unha serie de vantaxes á hora de valorar que plantar nos seus montes. Hai que preguntarse por que os particulares elixen o eucalipto para os seus montes e por que xa non se plantean a utilización doutras especies que tamén serían acaídas para esas superficies. En canto á regulación do eucalipto, no Plan Forestal, que aínda non está aprobado, fálase da regulación e minoración da superficie forestal do eucalipto. - Farase entón esa regulación do eucalipto? Que a plantación do eucalipto haina que regular?. A plantación de eucalipto veremos se hai que regulala máis, porque xa está moi regulada. O eucalipto non se pode plantar en núcleos rurais, por suposto en núcleos urbáns, non se pode plantar en solo rústico de especial protección agropecuaria, non se pode plantar na Rede Natura, non se utiliza como especie nos montes de xestión pública e hai unha serie de distancias detalladas tanto na Lei de Incendios como na Lei de Montes que obrigan á retirada de eucaliptos e piñeiros en determinadas circunstancias: ríos, estradas, vivendas, núcleos rurais, etc.
"Faremos un inventario forestal cada cinco anos, pero de xeito anual teremos datos para valorar a evolución das distintas especies no monte"
Por tanto, hai xa moita regulación que limita a plantación de eucalipto. Con iso manteremos un umbral de superficie de eucalipto que consideramos axeitado? Pois iso hai que velo. Para tomar decisións, temos que basearnos en información contrastada. Os inventarios forestais a nivel estatal fanse cada dez anos. Iso pódese considerar idóneo a nivel doutras comunidades autónomas, pero en Galicia, tendo especies de crecemento rápido, non parece que iso permita un seguemento axeitado da evolución das masas. A nosa intención é plantear un inventario forestal continuo para ter unha revisión máis detallada cada cinco anos, pero anualmente teremos datos para valorar a evolución das superficies en base á información de cortas, voos satelitais e datos dos viveiros. - Fala de que o eucalipto está moi regulado, pero outra cousa é o grao de cumprimento da regulación. Nas comarcas lácteas, é unha queixa recurrente a impunidade das plantacións ilegais en terras agrarias. Pensan aplicar un maior control?
"Levamos tramitados máis de 1.500 expedientes sancionadores por plantacións ilegais"
- Ás veces fanse xuízos de valor, como se todo estivera ben ou mal. Cando baixamos á planificación territorial, a ninguén se lle escapa que a ordenación do territorio en moitos Concellos non é de todo correcta. Á hora de determinar se un solo rústico é ordinario, de protección agropecuaria ou de protección forestal, hai dificultades. Hai persoas que entenden que porque haxa actividade agrícola nunha zona, iso xa é agrícola 100%. Ao mellor, esa actividade agrícola está sobre un solo rústico de protección forestal, co cal pódese plantar. É tamén certo que hai plantacións que se fixeron nun determinado momento sobre solos que deberían ser agrogandeiros exclusivamente. Nese senso, hai que dicir que se levan tramitados preto de 1.500 expedientes sancionadores, pero hai máis de 4.000 advertencias e apercebementos, a parte dun traballo continuo do persoal da Consellería para trasladarlle ós propietarios a necesidade de retirar plantacións sen chegar á fase de sanción.

“O descenso das coníferas en Galicia é un tema que nos preocupa e que temos presente”

- Falaba antes de que os propietarios estanse a decantar de xeito maioritario polo eucalipto. Ve posible políticas que incentiven alternativas, coma os piñeiros? - As coníferas sempre foron un aproveitamento básico do sector forestal galego. A industria forestal galega está baseada maioritariamente no aserrío de coníferas, polo que o descenso de superficie de piñeirais que se aprecia nos sucesivos inventarios forestais é un tema que nos debería preocupar e que temos presente na Dirección Xeral. A especie que paulatinamente vai baixando en superficie é o piñeiro porque empuxa forte o eucalipto e hai cambios de especies entre piñeiros e eucaliptos. As frondosas mantéñense máis ou menos constantes en torno ás 600.000 hectáreas que dan tódolos inventarios. En canto ás axudas, quero remarcalo, a ver se queda claro dunha vez. As axudas da Xunta para silvicultura e forestación son sempre para potenciar coníferas e frondosas autóctonas. Non hai ningunha liña de axudas nin investimentos adicados ó eucalipto. Polo tanto, poderemos valorar se as axudas son suficientes ou non para potenciar plantacións de piñeiro, pero que as axudas están enfocadas cara as coníferas non é algo discutible. Tamén son de destacar os movementos que xurden no sector privado, como a plataforma que creou parte do sector forestal para potenciar as coníferas. Que o sector forestal se organice para defender algo que é vital para eles, nunha comunidade onde o 98% do monte é particular ou veciñal, é de aplaudir e ata é lóxico e coherente. - Que impacto cre que acadará a praga do nematodo do piñeiro, que xa afecta ó sur de Pontevedra, e que se pode facer ó respecto? - As ameazas de riscos bióticos e abióticos en Galicia e na Península están á orde do día. A globalización ten vantaxes, pero de cara ó movemento de recursos naturais, está producindo a introdución de pragas e enfermidades. O nematodo entra por Setubal (Portugal) a inicios de século e exténdese por todo Portugal, que é zona demarcada.
"Estamos entrando a cortar a madeira queimada no 2017 que queda, sobre todo, en montes particulares do sur de Pontevedra"
En Galicia, tras os primeiros positivos, tiñámolo controlado, pero tivemos a mala sorte de que se producira un incendio forestal de gran magnitude na zona demarcada, co cal o vector que expande o nematodo do piñeiro, que é un coleóptero, o ‘Monochamus galloprovincialis’, atopou un hábitat propicio. Os coleópteros adoitan anidar na madeira e ter unha etapa de perforadores, polo que cando comeza a haber madeira seca, é a panacea para eles. Tralos incendios, houbo un comportamento exemplar das comunidades de montes na retirada da madeira queimada. En canto á propiedade privada particular, ten os problemas que sabemos todos. Hai unha porcentaxe importante de propietarios descoñecidos e propietarios que non son silvicultores activos. Nestes momentos estamos entrando nós a cortar esa madeira afectada polos lumes no sur de Pontevedra, a fin de reducir os riscos. O nematodo é unha praga que afecta a outros países e nunca se logrou unha medida concreta que solucione o problema. No Centro de Investigación Forestal de Lourizán iniciamos un plan para comprobar se había certa resistencia nas familias galegas de piñeiro que manexa o Centro e os primeiros resultados coinciden en que hai unha serie de familias que teñen unha certa resistencia á enfermidade. Teremos que profundizas nas investigacións, pero toda mellora en xenética forestal non ten resultados inmediatos no monte. Agora ben, hai esa posibilidade e ímola traballar.
- En canto ó Plan Forestal de Galicia, no que a Consellería leva traballando varios anos, cando está previsto ter un documento final, para a súa posterior aprobación? - Cando se creou a Dirección, atopamos o Plan Forestal a piques de ser finalizado, pero coincidiu con que a comisión parlamentaria creada no Parlamento Galego a raíz da vaga de lumes do 2017 elaborou un ditame cunha serie de 123 recomendacións. Entón, parece lóxico que esas recomendacións, que contaron cun amplo consenso, se inclúan no que atinxe ó Plan Forestal para que se recoñezan claramente
"A nosa intención é ter rematado o Plan Forestal en xuño ou a comezos do verán"
Por outro lado, estamos elaborando unha información estatística, a modo de anuario de estatística forestal, con datos pechados a 31 de decembro do 2018, e tódalas referencias a cortas, montes de xestión pública, etc. van utilizar eses datos. Estamos á espera tamén de que o Ministerio nos remita oficialmente a documentación dun inventario de especies de crecemento rápido en Galicia, do que xa presentou un avance, a fin de incluír eses datos. Durante o desenvolvemento do Plan Forestal, houbo ademais moitas achegas e por iso estamos revisando todo o documento. A nosa intención é telo rematado ó longo do mes de xuño ou comezos do verán. Con ese documento, continuarase por un lado a tramitación medioambiental e polo outro, a coordinación coas outras forzas políticas para que valoren o contido do Plan Forestal. Sería conveniente que ese Plan fose respaldado por tódalas forzas políticas, pois establece as directrices a seguir no monte en Galicia no periodo 2020-2040.

“Queremos ter un contrato de xestión pública de montes veciñais antes de que remate a lexislatura”

José Luis Chan no seu despacho. - Os convenios e consorcios que teñen suscritos coa Xunta parte dos montes veciñais rematarán, a máis tardar, a finais do 2021. Como están enfocando a rescisión deses convenios? - Estamos axilizando todas as rescisións de convenios que veñen de parte, é dicir, por solicitude das comunidades de montes ou particulares. Nos dous últimos meses, debemos levar rescindidos en torno a 50 montes, máis de 6.000 hectáreas, e estamos semanalmente rescindindo consorcios e convenios. Hai tamén unha posibilidade de rescindir de oficio desde a Administración unilateralmente, pero semella lóxico que, xa que esa xestión pública durou décadas, se fale coas comunidades, e hai comunidades que xa están solicitando a rescisión, polo que mentres que esa liña estea aberta, seguiremos traballando así. - A unha parte dos montes veciñais que están conveniados teñen previsto ofrecerlles un novo contrato de xestión pública. Que previsións teñen para a súa posta en marcha? - Gustaríanos abordalo nesta lexislatura. Na Lei de Montes márcanse as prioridades de montes que van ser obxecto desa xestión pública, que irá enfocada a montes protectores, montes de alto valor xenético, masas de frondosas e montes descapitalizados. Esas superficies, se non se abordan desde unha iniciativa pública, probablemente vai ser complicada poñelas baixo o paraugas dunha xestión forestal sostible. Tamén parece lóxico que montes produtivos, mesmo con eucaliptais, non estean baixo o paraugas da xestión pública, pois teñen medios suficientes para xestionarse directamente pola propiedade e ademais, para o manexo de masas de coníferas e frondosas autóctonas, terán apoio das liñas de axudas da Xunta. - Cando se coñecen os informes anuais de cortas en Galicia, sempre chama a atención do sector a baixa cifra de cortas en montes veciñais conveniados. Ve posible unha mellora de rendementos nas superficies de xestión pública? - A primeira conclusión da información de cortas é que nos montes de xestión pública as cortas de madeira son menores, pero hai que ter en conta que temos moito monte claramente protector en xestión pública. Os últimos catro anos estiven de xefe de servizo na provincia da Coruña e nesta provincia, onde non hai moito monte en xestión pública, os montes que tiñamos eran montes nos que produtivamente se podía sacar algo, pero non se podían comparar con outros próximos. Tiñamos montes de Camariñas, o Pindo, a zona alta de Barbanza, a zona da Cova da Serpe… Non se podían comparar con montes próximos que producían eucalipto en cotas baixas e con capacidades de crecemento de 30 metros cúbicos por hectárea e ano.
"En xestión pública hai moito monte claramente protector. A nivel produtivo, non se poden comparar con outros"
Se en Lugo falamos dos Ancares, en Ourense do Macizo Central ou en Pontevedra do Suído, falamos de montes cunha capacidade produtiva inferior a outros montes. Non obstante, tivemos hai pouco unha reunión cos xefes de servizo provinciais e imos tratar de facer un esforzo para aumentar as cortas e a silvicultura. Os montes de xestión pública deberían ser montes modelo, pero para iso teremos tamén que reducir a superficie en xestión pública e así está estipulado no Plan Forestal. Probablemente unha superficie acaída poida estar en 100.000 ou 125.000 hectáreas. Agora estamos, xa baixando, en torno ás 270.000 hectáreas.