Archives

Como mellorar a rendibilidade do monte para os propietarios?

Portugal enfronta retos forestais similares a Galicia, como o minifundio, a falta de xestión do monte, as pragas ou os incendios forestais. É un escenario que dificulta a rendibilidade para o propietario forestal e que tamén supón unha traba para a industria, que carece de suficiente oferta de madeira de calidade. Como mellorar a situación?. Un debate organizado na feira portuguesa Agroglobal (Santarém) analizou os desafíos para o monte cos directores executivos de catro das principais empresas forestais do país veciño: Rui Correia, de Sonae Arauco, unha competidora internacional da galega Finsa no sector do piñeiro; Antonio Redondo, de Navigator Company, unha pasteira con plantacións e compras de madeira en Galicia; José Pina, de Altri, a outra gran pasteira lusa; e Antonio Amorim, da Corticeira Amorim, o principal grupo produtor de cortiza a nivel mundial. O encontro abordou a oportunidade que representan para o sector forestal os fondos europeos destinados á recuperación económica pola Covid, que parten cun enfoque verde que debería beneficiar ó agro e a cadea monte – industria.
"Queremos que o propietario vexa o piñeiro como unha árbore rendible, cun retorno equiparable ó doutras especies" (Rui Correia, Sonae Arauco)
“Hai dúas cuestións importantes para impulsar a competitividade do sector forestal” -valora Rui Correia, de Sonae Arauco-. “En primeiro lugar, xestionar mellor o monte, con prácticas silvícolas axeitadas, con formación para os propietarios e con esquemas de certificación forestal. En segundo lugar, identificar as especies e plantas máis produtivas, adaptadas ó noso clima e necesidades. No eucalipto, iso é un tema que está traballado desde hai tempo, pero no piñeiro non”, lamenta. Como exemplo do que se pode facer en mellora xenética, Correia apunta o traballo que xa está desenvolvendo a súa empresa: “En Sonae Arauco importamos hai un ano de Chile sementes de 136 familias de piñeiro insigne e sementámolas nos nosos viveiros. Este ano xa están no monte, co obxectivo de identificar as familias máis interesantes para as condicións existentes en Portugal. Esas plantas multiplicaranse e poranse a disposición dos propietarios forestais". "O obxectivo final -continúa Correia- é lograr maiores crecementos das árbores en monte e máis rendibilidade. Queremos que o propietario vexa o piñeiro como unha árbore rendible e cun retorno comparable ó doutras especies”, valora en alusión ó eucalipto.
"Importamos sementes de 136 familias de piñeiro insigne de Chile co obxectivo de identificar as familias máis interesantes para as condicións portuguesas" (Rui Correia, Sonae Arauco)
O piñeiro insigne (Pinus radiata), cun turno de corta menor que o piñeiro do país (Pinus pinaster), ten en países como Nova Zelanda ou Chile un desenvolvemento xenético avanzado, uns resultados dos que agora se quere beneficiar Portugal. En Galicia, onde o sector forestal tamén está a investir na mellora xenética do piñeiro, valorouse este ano a importación de sementes de piñeiro insigne, pero xa non foi posible, ao expirar os prazos permitidos pola normativa, polo que o sector orientarase a unha mellora xenética a partir das masas de piñeiro insigne que xa hai en Galicia, como xa se fixo e se continúa a facer no caso do piñeiro do país. Reducción dos piñeirais en Portugal Portugal perdeu no último medio século a metade dos seus piñeirais, en parte por incendios e abandono, e en parte polo aumento de superficie dos eucaliptais. Desde o 2017, os eucaliptos teñen vetado o seu crecemento en superficie, unha restricción que implantou tamén Galicia o pasado verán. É unha normativa que en teoría debería favorecer a recuperación do piñeiro. Rui Correia recoñeceu que Sonae vese obrigada a importar madeira pola falta de materia prima en Portugal e criticou que a madeira de piñeiro se estea a queimar para usos enerxéticos. “Hai que dicilo claro, quéimase madeira, non se queima biomasa. Quéimase madeira que podería ter outros aproveitamentos de maior valor”, cuestionou. A conclusión do director executivo de Sonae Arauco é que a rendibilidade para o propietario forestal pasa por aumentar a produtividade do monte e a calidade da madeira que obtén. “Se se espera que a industria pague máis (pola actual madeira), non vai haber industria. Toda a cadea ten que ser competitiva a nivel global. No 2020, o prezo da madeira que adquiriu a planta de Sonae Arauco en Alemania foi un 60% do custo que pagamos en Portugal, se ben tamén é certo que Alemania ten salarios máis altos”, comparou Correia, que nada comentou sobre a escalada de prezos da madeira do piñeiro a nivel global nos últimos meses. Eucalipto O director xeral de Navigator, Antonio Redondo, avogou tamén por mellorar o traballo en monte para lograr maiores produtividades. “Precisamos protexer os montes dos incendios e das pragas e mellorar en produtividade” -defendeu-. “Dentro dunha mesma rexión en Portugal, con similares condicións de solo, hai produtividades moi distintas en función da planta empregada e da xestión forestal do monte”, subliñou.
"A rolla de eucalipto á porta da fábrica en España e Portugal é a máis cara do mundo" (Antonio Redondo, Navigator)
Xunto coa mellora das prácticas silvícolas, Redondo considera preciso afondar na certificación forestal, unha esixencia crecente dos mercados, que demandan produtos cos selos FSC ou PEFC, garantes da sostibilidade ambiental dos aproveitamentos. “Fomos a primeira empresa do mundo en pagar un ‘plus’ na compra de madeira certificada. Ese é o camiño para o propietario”, valorou. “A rolla do eucalipto á porta da fábrica en España e Portugal é a máis cara do mundo. Outros países cos que competimos teñen un custo moi inferior, polo que existe escaso marxe de manobra” -argumentou Redondo-. “Estamos nun mercado global onde o produto final das pasteiras é unha commodity con prezos que marca o mercado”, lembrou. Sobreiras A extracción de cortiza para sobreiras é un sector potente en Portugal, principalmente na zona centro e sur do país veciño. É unha cadea forestal que a moderadora do debate definiu como a “irmá boa do sector”, pois ten unha imaxe máis positiva entre a opinión pública que as cadeas do eucalipto ou do piñeiro. Antonio Amorim, o director executivo da Corticeira Amorim, a maior empresa mundial de cortiza, expuxo no debate algúns dos desafíos de futuro dos sobreirais do país veciño. “Teriamos a potencialidade de plantar 40.000 ou 50.000 novas hectáreas de sobreiras en dez anos. O noso obxectivo deben ser as sobreiras con regadío, que poden acurtar o tempo da primeira saca de cortiza de 25 anos a 10 anos” -explicou-. “Quizais o Plan de Recuperación Económica, que ten unha vida de poucos anos, non poida afrontar ese cambio estrutural na cadea da sobreira nin outros cambios estruturais no resto do sector forestal, pero si se poden dar uns primeiros pasos na dirección correcta. Un obxectivo para o Plan podería ser a plantación de 7.000 hectáreas de sobreira con regadío nos próximos tres anos”, apuntou Amorim.
"Se plantamos 7.000 hectáreas de sobreiras con regadío nos próximos tres anos, teremos dado un primeiro paso na dirección correcta" (Antonio Amorim)
O director executivo da Corticeira avogou tamén por unha maior mecanización dos aproveitamentos, o que reduce os custos e permite aumentar a rendibilidade para os propietarios, así como por avanzar en novas aplicacións da cortiza e por remunerarlle ó propietario as externalidades ambientais que aportan os sobreirais.

Estratexia Forestal Europea, montes produtivos e protectores

O debate sobre a compatibilidade de aproveitamentos produtivos no monte coa conservación ambiental foi un dos principais puntos abordados no debate. Entre os responsables das principais empresas portuguesas do sector, houbo consenso en afirmar que non serían posibles as áreas protectoras, orientadas á conservación, se non houbese áreas produtivas. “O monte produtor ten que ser xestionado e coidado. Non sería posible se non houbese un monte produtivo que compensase ó propietario”, valorou Antonio Amorim. Os empresarios foron críticos coa Estratexia Forestal Europea, na que perciben unha “ideoloxía ecoloxista”, e incidiron na importancia de diferenciar os montes públicos das propiedades privadas. “Hai países en Europa nos que a metade do monte é público, pero en Portugal só é un 2%”, analizou Antonio Redondo, que cuestiona a lexitimidade das políticas públicas que queren intervir no monte. Tamén o director executivo de Altri, José Pina, sinalou que é partidario de “menos intervención pública e máis colaboración”. Os empresarios apuntaron a importancia de actualizar o Catastro en Portugal, de cara a potenciar o asociacionismo e poñer en produción áreas abandonadas.

Publicado o decreto que regula os aproveitamentos forestais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto que regula os aproveitamentos forestais. A nova normativa, que segue a liña esperada no sector, entrará en vigor en 20 días naturais (9 de xuño). O decreto concreta as regras sobre as autorizacións e declaracións responsables de cortas de madeira, precisando que procedemento hai que seguir en cada caso. Tamén estipula as condicións para aproveitamentos de cortiza, pastos, cogomelos e resinas. Tódolos procedementos deberán tramitarse por sede electrónica. Pasamos a continuación a debullar as cuestións que aborda o decreto. Tramitación por xanela única Naqueles aproveitamentos forestais que esixan dunha autorización, as solicitudes serán tramitadas pola Xunta a modo de autorización única, de xeito que para valorar as actuacións suxeitas a lexislacións sectoriais (Patrimonio, Augas de Galicia, etc.), Medio Rural dirixirase internamente ós organismos competentes. Se a Consellería non recibe o correspondente informe no prazo dun mes, entenderao favorable e continuará co procedemento, a non ser que de xeito xustificado decida esperar polo correspondente informe. Esa espera deberá ser comunicada ás persoas interesadas e en ningún caso poderá exceder de tres meses. No procedemento de xanela única, non se inclúen as autorizacións que correspondan a outras Administracións, como pode ser o caso das correspondentes á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que depende do Goberno estatal. Prazo máximo de resolución Medio Rural resolverá as resolucións de autorización nun prazo máximo de dous meses desde a data de solicitude. Se pasado ese prazo non houbese resolución, entenderase concedida por silencio administrativo, agás que nos supostos recollidos na lexislación básica se estableza de maneira expresa o contrario. Procedementos en tramitación Aos procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do decreto, seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación, con excepción dos casos en que o previsto no decreto sexa máis favorable para a persoa interesada. Sistemas de dilixencia debida Coa posta en marcha da nova normativa de autorizacións e declaracións responsables, Medio Rural establece tamén que aqueles axentes que se fornezan exclusivamente con madeira dos montes galegos entenderase que dispoñen dun sistema de dilixencia debida. Estes sistemas son esixidos en toda Europa para impedir a comercialización de madeira de orixe ilegal.

Aproveitamentos madeireiros e de leñas

Autorizacións

Serán precisas autorizacións de corta nos seguintes casos:
  • Cando os terreos forestais estean poboados nunha proporción significativa con frondosas caducifolias ou piñeiro silvestre (característico de áreas de montaña de Galicia). Será tamén precisa a solicitude de autorización en franxas de uso exclusivo de frondosas caducifolias.
  • Cando os montes formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por lexislacións de protección do dominio público. Como excepción, sinálase que serán posibles os aproveitamentos de piñeiros, eucaliptos ou acacias mediante declaración responsable, sempre previa aprobación de ordes reguladoras das Consellerías competentes. É o caso da orde xa publicada este ano para regular os aproveitamentos en espazos naturais protexidos e nas zonas de dominio de estradas autonómicos e ríos que sexan competencia de Augas de Galicia. Pódense consultar as afeccións de protección dunha parcela no visor de información xeolocalizada de Medio Rural, se ben estes mesmos días as asociacións Adega e Mariña Patrimonio advertían de que a información do visor correspondente a Patrimonio cultural é errada nalgúns casos. Como exemplo, sinalan o caso de Ribadeo, onde dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela, no concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta conta cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha extensión de 6 hectáreas, sinalan ambos colectivos, que recomendan consultar, a maiores do visor, o plan xeral de ordenación do correspondente municipio.
  • Cando a Consellería decida que é obrigatorio presentar a solicitude de autorización por mor dunha praga ou enfermidade forestal.
  • Cando a superficie do aproveitamento madeireiro sexa superior a 1 hectárea para masas de frondosas caducifolias ou piñeiros silvestres, e de 15 hectáreas para o resto.
Supostos especiais Medio Rural sinala que as cortas en zonas de servidume de augas (franxa de 5 metros á beira de ríos regatos) non precisan de autorización da Consellería, ao non considerarse terreo forestal, pero si será necesaria a autorización de Augas de Galicia ou do organismo de conca correspondente.

Declaracións responsables

Será suficiente cunha declaración responsable nos seguintes casos: - Montes cun instrumento de ordenación forestal, cando o aproveitamento se adapte ó mesmo. - Montes que, sen ter ese plan de ordenación, non estean poboados ou teñan unha presenza reducida de frondosas caducifolias e piñeiro silvestre. Admítese que haxa unha proporción de pés maiores destas especies menor ó 10%. Por pé maior, enténdese aquel cun diámetro superior a 7,5 centímetros. - Montes non suxeitos a figuras de protección ou lexislacións de dominio público. Nos terreos forestais suxeitos a protección, tamén será suficiente con declaración responsable se hai unha orde autonómica que así o permite, como é o caso da xa comentada sobre espazos naturais protexidos, estradas autonómicas e ríos dependentes de Augas de Galicia. A decisión da Administración de flexibilizar as cortas en zonas de Rede Natura e nos terreos forestais de dominio público de augas foi criticada por organizacións ambientalistas como Amigos da Terra e Adega, así coma polo Sindicato Labrego, que piden que se esixa solicitude de autorización. Outros casos nos que será suficiente coa declaración responsable son os seguintes: - Aproveitamentos de leñas domésticas ou non comerciais. - Cortas en zonas afectadas por expropiación. - Cortas para adaptarse ás distancias da normativa de prevención de incendios, respetando as frondosas caducifolias. - Cortas obrigadas por disposicións administrativas relativas a sanidade vexetal. - Cortas implícitas nunha autorización concedida para cambiar un solo de forestal a agrícola.

Trituración ou extracción de restos

Tralo aproveitamento, haberá 15 días para extraer ou triturar os restos de corta en época de alto risco de incendio. O resto do ano o prazo será dun mes. No caso de optarse pola extracción, deberá garantirse a permanencia no monte da metade dos restos forestais de menor tamaño. O decreto estipula especificamente que os restos forestais en ningún caso teñen a consideración de residuo. O propietario do terreo deberá garantir a rexeneración natural ou artificial (plantación) do arborado nun prazo máximo de dous anos.

Extracción de cortiza

Poderase extraer a cortiza das sobreiras entre o 20 de xuño e o 30 de agosto de cada ano. Se se trata dun aproveitamento previsto no plan de ordenación do monte, será suficiente con presentar unha declaración responsable previa. En caso de que non exista plan de ordenación, haberá que presentar unha solicitude de autorización. O decreto establece as condicións concretas en que se poderá facer a extracción e as partes da árbore que se poderán traballar. Entre os criterios a ter en conta, figura o de facer sacas da cortiza só en pés cunha circunferencia de polo menos 60 centímetros de diámetro á altura do peito. O intervalo entre aproveitamentos será dun mínimo de 9 anos.

Pastos

O dereito de pastoreo corresponde á persoa propietario do monte, que pode exercelo, cedelo ou prohibilo. A regulación ou prohibición do pastoreo inscribirase no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, sempre que o monte non teña un plan de ordenación que xa o regule. En montes afectados por incendios, non será posible o pastoreo ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos do lume. Pódense regular excepcións se se acredita que hai ganderías na zona sen outras alternativas.

Recollida de cogomelos

Permítese a recollida libre para consumo propio dun máximo de 2 quilos de cogomelos por persoa e día. Esa recollida é libre no monte, salvo que se trate de cogomelos produto dunha micorrización ou plantación. O propietario forestal tamén poderá acoutar os terreos nos que queira prohibir ou regular a recollida de cogomelos. Para iso, deberá inscribilos na Xunta e colocar sinais visibles coa indicación «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora».

Aproveitamento de resinas

Poderase facer extracción de resinas entre xaneiro e novembro. As solicitudes de autorización e declaracións responsables para un ano natural deberanse cursar desde o 1 de setembro do ano anterior ata o 31 de marzo do mesmo ano. En montes con plan de ordenación, será suficiente a presentación dunha declaración responsable, en tanto para o resto será necesario pedir unha autorización.

Como se regularán as declaracións e autorizacións de corta?

As declaracións responsables e autorizacións de corta, que se regularon provisionalmente hai un par de anos por unha orde de Medio Rural, terán unha normativa definitiva co decreto de aproveitamentos madeireiros e outros usos do monte que publicará en breve a Xunta. É unha normativa que, entre outras cuestións, busca simplificar o proceso de autorización, polo que toda solicitude que non sexa contestada en dous meses será considerada aprobada por silencio administrativo, salvo indicación en contra. O novo decreto regulará tamén os aproveitamentos de pastos, resinas, cortizas e cogumelos, quedando derogado o decreto 50/2014 que abordaba estas cuestións. Analizamos a continuación os puntos clave do borrador da normativa, que se espera que saia publicado en breve.

Aproveitamentos madeireiros e de leñas

  • Prazos. Cando un aproveitamento precise de autorización, o prazo máximo de resolución será de 2 meses. Se nese prazo, o solicitante non recibise comunicación electrónica en contra, entenderase aceptada a súa solicitude por silencio administrativo. Isto permitirá en teoría evitar os retrasos que se están a dar nos últimos anos con determinados permisos sectoriais, como o das cortas con afectacións de Patrimonio Cultural.
  • A persoa que execute o aproveitamento terá un prazo de 12 meses para facelo a partir da data de concesión da autorización.
  • Informes sectoriais. Tramitarase só unha petición de autorización única ante a Xunta e cando sexa preciso un informe sectorial, como o de Patrimonio, Medio rural encargarase da súa solicitude. Se no prazo dun mes non o recibe, entenderáo favorable e proseguirá coa solicitude. En calquera caso, a Xunta tamén se reserva o dereito de agardar por ese informe e suspender o procedemento de solicitude por un máximo de 3 meses, á espera do informe, o que lle tería que ser comunicado ó solicitante.
  • En caso de afectacións con outras administracións, como no caso de cortas afectadas por Confederacións Hidrográficas, de non existir un protocolo de colaboración específico, os procedementos de autorización doutras administracións distintas da autonómica non están integrados no procedemento de autorización única neste decreto, polo que a presentación da solicitude de autorización á Xunta non producirá ningún efecto ante ás outras administracións tutelantes
  • Declaracións responsables. Nos casos en que sexa suficiente unha declaración responsable para proceder á corta, o solicitante debe garantir que esa declaración contén datos veraces de especies e volumes de aproveitamento, non podendo estar infravaloradas á fin de evitar o réxime de autorizacións, nin sobrevalorados cun maior volume, a efectos de obter cobertura en materia de trazabilidade e certificación forestal para madeira allea á corta.
  • De constatar a Administración inexactitude dos datos ou falsidade dos mesmos, en calquera posible control ou inspección, poderá proceder a suspender as cortas.
  • Extracción ou trituración dos restos de corta. A realización de calquera aproveitamento madeireiro implicará a extracción ou trituración da biomasa forestal sobrante da corta.
  • Rexeneración. Salvo causas xustificadas, tras a corta, os propietarios terán un prazo de dous anos para encamiñar a rexeneración natural ou a plantación da parcela. Permitirase a rexeneración da especie ou especies principais que conformaban a masa sempre que se respecten as distancias a vías de comunicación e núcleos de poboación, así coma as franxas de protección reservadas ás frondosas.
  • Supostos en que é precisa unha autorización de corta

    Os montes sen proxecto de ordenación ou que téndoo, queiran executar aproveitamentos non previstos no mesmo, terán que solicitar autorización nos seguintes casos: - Cando a parcela teña máis dun 10% de pés maiores de especies frondosas caducifolias. Enténdese por pé maior aquel cun diámetro superior a 7,5 céntimetros. Tamén precisará de autorización a corta de frondosas nas franxas de protección dos núcleos de poboación, onde por Lei só pode haber frondosas caducifolias pero non piñeiros nin eucaliptos. - Cando os montes formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público. - Cando a Consellería declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal e obrigue á presentación de dita solicitude para unha determinada especie. - Cando a superficie do aproveitamento madeireiro sexa superior a 1 hectárea para masas de frondosas caducifolias e ás 15 hectáreas para as demais masas. Estes aproveitamentos precisarán dun plan de cortas.

    Supostos en que é suficiente unha declaración responsable de aproveitamentos madeireiros

    Será suficiente coa presentación dunha declaración responsable, polo menos un día antes da corta, cando o monte teña un plan de ordenación aprobado e a corta se axuste a el. No caso dos montes sen plan de ordenación, tamén se poderá presentar só declaración responsable nos seguintes supostos: - Cando os montes non estean poboados con especies frondosas caducifolias ou teñan menos dun 10% de pés maiores desas especies (carballos, bidueiros, castiñeiros, rebolos, etc.). - Cando os montes non formen parte de espazos suxeitos a un réxime de protección ou estean afectados por lexislacións de dominio público, cuestión que se pode comprobar no visor de xeolocalización posto en marcha pola Administración. - Os aproveitamentos para leñas domésticas precisarán tamén só de declaración responsable. Enténdese por uso doméstico unha corta máxima de 10 metros cúbicos por propietario e ano. No caso das comunidades de montes, eses aproveitamentos terán que ser autorizados en asemblea, cun máximo de 150 metros cúbicos por ano en montes veciñais de ata 250 hectáreas e de 300 metros cúbicos en montes de maior superficie. - Os aproveitamentos en zonas afectadas por expropiacións, así coma as cortas obrigadas pola normativa de prevención de incendios, sempre respectando as frondosas caducifolias que cumpran con esas distancias. Se se queren cortar as frondosas nas franxas de protección, haberá que solicitar autorización. - Cando a Consellería declare unha praga forestal e obrigue á corta de determinadas especies nas áreas afectadas. - As cortas de arboredo implícitas nas autorizacións de cambio de uso dun terreo forestal a agrícola.

    Regulación de pastos, resina, cortiza e cogumelos

    O decreto que prepara a Consellería regulará os outros aproveitamentos do monte, máis alá da madeira. Estas son algunhas das cuestións que se establecen no borrador: Cortiza Só se poderá facer a extracción do 20 de xuño ó 30 de agosto de cada ano, a fin de evitar danos nas árbores. O primeiro descortizamento só se poderá facer en sobreiras cunha circunferencia sobre a casca maior a 60 centímetros á altura do peito. Para o segundo, haberá que esperar polo menos 9 anos desde o primeiro. Pastos Os propietarios que queiran regular permisos e prohibicións deberán comunicalo ó Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. Nos montes veciñais, acordaranse en asemblea xeral. En todo caso, o aproveitamento dos pastos deberá realizarse de xeito compatible coa conservación do potencial produtivo do monte e coas actuacións de rexeneración de arborado. En terreos queimados, con carácter xeral non se poderá pastorear ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos do lume. Pódense regular excepcións se se acredita que hai ganderías na zona sen outras alternativas, pero esas excepcións nunca se farán sobre superficies arboradas nin en parroquias catalogadas como de alta actividade incendiaria. Aproveitamento micolóxico A recollida para consumo propio de ata 2 quilos de cogumelos por persoa e día será libre, salvo que a persoa titular do monte regule o acoutamento da recollida, o que deberá comunicar á Administración e sinalizar axeitadamente no monte. Resina O periodo hábil para o resinado será de xaneiro a novembro. As solicitudes de autorización poderán tramitarse desde o 1 de setembro do ano anterior. Os aproveitamentos de resinas e cortizas que estean no Plan de Ordenación dun Monte só precisarán dunha declaración responsable, en tanto o resto de aproveitamentos estará suxeito a autorización de Medio Rural.