Archives

Vacún de carne: Advirten de importantes atrasos nos matadoiros e de que as ganderías aínda non cobraron a axuda de 200 euros por becerro

Nas últimas semanas varias gandarías reportaron ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) problemas na cadea de distribución de vacún de carne. Concretamente estanse a producir demoras na recollida dos xatos nas granxas para o seu traslado aos matadoiros, en ocasións de até máis dunha semana. Con esta situación, preocupadas pola posibilidade dun funcionamento deficiente da cadea, son varias as posibilidades que están a barallar as gandarías, sen que a Consellaría do Medio Rural (CMR) estea a aportar información que concrete estas circunstancias. Dende o SLG solicitan á Conselleria do Medio Rural que “aclare se estes atrasos efectivamente se deben a que os matadoiros están saturados e acumulan demoras de días e, de ser así, cal é o motivo desta saturación”. “Tamén hai rumores -engaden- de que, ante a imposibilidade de fornecer carne fresca abondo ao mercado, estanse a pór en circulación xatos conxelados, polo que consideramos que cómpre que a Xunta se pronuncie sobre a realidade desta hipótese canto antes”. Segundo o Sindicato Labrego, as gandeiras e gandeiros sinalan tamén que, “de non ser atallada con celeridade, en poucas semanas esta problemática vaise agravar”. Así, explican que “até o 31 de maio pode haber liberdade de movementos de animais, pero a partir desa data será preciso que as reses teñan administrada a vacina da lingua azul. Sen embargo, moitas zonas están inda sen vacinar -e nas zonas vacinadas está a haber unha alta incidencia de efectos secundarios-, o que pode repercutir en que máis gando do habitual sexa levado a matadoiro ante as posibles dificultades para movelo a partires do 31”. Canda a incertidume de non saber cando van ser recollidos os animais para o seu traslado aos matadoiros, o Sindicato Labrego tamén asegura que “no sector tamén medra a inseguridade con respecto á axuda de 200€ anunciada pola Consellaría para aqueles xatos marcados co selo nos matadoiros da IXP Vacún de Galicia, xa que polo dagora non temos constancia de que fora percibida por ningunha granxa”. Ante esta situación, dende a organización labrega reclaman á Consellaría do Medio Rural “que se pronuncie o antes posible para concretar cales están sendo os motivos da ralentización da cadea de distribución do vacún de carne e pór solucións; aclarar en que medida a campaña de vacinación da lingua azul pode afectar a estas dinámicas comerciais e indicar en que data contempla abonar as axudas de 200 euros por xato sacrificado nos matadoiros da IXP anunciada fai catro meses”.

Xornadas agroecolóxicas en Padrón para potenciar o aproveitamento da horta

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a COAG organizan unhas xornadas agroecolóxicas para potenciar o aproveitamento da horta. Están dirixidas a persoas traballadoras, autónomas e desempregadas. As datas en que se desenvolverán serán esta semana, 25, 26 e 27 de abril. Os horarios repartiranse da seguinte maneira: os días 25 e 26 as aulas serán de catro da tarde a oito, o día 27 será de dez da mañá a dúas do medio día. O lugar de encontro será o Local de Herbón (antiga escola unitaria) na estrada Rego da Manga, s/n, Padrón. A data límite para inscribirse será o 22 de abril podéndose contactar a través do enderezo electrónico: compostela@sindicatolabrego.gal As xornadas están financiadas polo Ministerio de Agricultura e contan coa colaboración do Concello de Padrón.

Posicionamento do sector agrogandeiro sobre a planta de Altri en Palas de Rei

Jacobo Feijóo, Miguel Tomé e Félix Porto, na rolda de prensa de UUAA este martes en Lugo A intención da pasteira portuguesa Altri e a madeireira galega Greenalia de crear unha planta de produción de celulosa e lyocell no municipio lucense de Palas de Rei crea división no sector agrogandeiro galego, pois mentres os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, así como a Federación Rural Galega, se opoñen ao proxecto, a Asociación Agraria de Galicia e Agromuralla defenden que se trata dunha iniciativa positiva para a comarca que non ten por que poñer en risco a continuidade das explotacións da zona. O día 17 deste mes de abril remata o prazo para presentar alegacións ante a solicitude da empresa para lograr a Autorización Ambiental Integrada que lle ten que conceder a Xunta de Galicia, o primeiro paso documental que precisa Altri para seguir coa tramitación administrativa do proxecto e o sindicato Unións Agrarias anuncia que, igual que van facer outros colectivos, ten previsto presentar alegacións polas “dúbidas” que suscita e a falla de información da empresa en aspectos relevantes.
O día 17 de abril remata o prazo para presentar alegacións dentro do procedemento de Autorización Ambiental Integrada
“O proxecto actual non se parece en nada ao proxecto inicial de fibra textil sostible presentado fai 2 anos na Cidade da Cultura por parte de Altri e da Xunta e que tiña aspectos innovadores que convertían esa fábrica en única en Europa”, asegurou este martes en rolda de prensa en Lugo Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural e sector forestal do sindicato.  “Inicialmente tratábase dun proxecto de alto valor engadido no que se ía producir tecido a partir de fibras vexetais, máis unha unidade de reciclaxe de fibra, o que ía axudar a todo o sector textil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a ser máis competitivo e a dar ese salto de sostibilidade que ten que dar este sector, considerado o segundo sector industrial máis contaminante”, indicou.
A día de hoxe atopámonos cun proxecto que é distinto ao presentado fai dous anos: dunha planta de fibras téxtiles pasouse a unha celulosa estándar
“Pero o proxecto que temos hoxe enriba da mesa non é máis que unha celulosa estándar, onde un 70% da produción sería para pasta de papel e un 30% para lyocell, é dicir, fibra sen o produto ou tecido acabado”, detallou, polo que “non se dá unha integración nin co sector téxtil nin con outros sectores”. Por exemplo, no proxecto de Altri non se contempla tampouco a posibilidade de complementar a planta cunha biorrefinería que aproveite toda a parte que non é celulosa, é dicir, as lixivias do proceso, para convertelas en polímeros e outros produtos de alto valor engadido, como produtos biolóxicos alternativos a herbicidas ou fitocidas convencionais. Aspectos medioambientais “O proxecto actual plantéxanos moitas dúbidas medioambientais ante a falta de transparencia da empresa. Compartimos a preocupación de moitos colectivos polas emisións contaminantes á atmosfera e polo uso sostible dos recursos hídricos, xa que non se contemplan as medidas prometidas inicialmente para economizar o uso da auga”, alertou Jacobo.
Na documentación presentada non se contempla ningún aspecto innovador para reducir o consumo de auga nin a pegada medioambiental a respecto das fábricas actuais
“Non se pecha nin sequera o ciclo para producir papel en Palas de Rei, senón que hai que gastar enerxía para secar a pasta de papel e despois volver a humedecela en destino para transformala e facer o papel”, alerta. O cambio de uso da planta a respecto do proxecto anunciado inicialmente condiciona tamén o consumo de auga, xa que, explicou Jacobo, “o consumo de auga para facer fibras téxtiles é moito menor que para facer pasta de papel, non ten nada que ver”.
A produción de fibras téxtiles consume moita menos auga que a produción de pasta de papel
“O consumo de auga nunha celulosa é enorme porque hai un momento do proceso no que hai que facer unha dilución, mentres que para producir fibras non hai que facer esa manta e necesítase moita menos auga porque se utilizan disolventes orgánicos para separar as celulosas das hemicelulosas”, detallou. Abastecemento de materia prima UUAA expresou as súas dúbidas tamén en relación ao abastecemento da madeira de eucalipto necesaria para cubrir as necesidades da planta, un total de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto, o 20% da produción anual desta especie na comunidade, posto que “no momento no que se proxectou a planta non houbera aínda a sentenza clarificadora do Tribunal Supremo que despexou a permanencia de Ence en Pontevedra, polo que o escenario mudou, porque intuímos que no posicionamento estratéxico de Altri contábase con que Ence tivera que pechar, polo que terían garantido o abastecemento de materia prima”, argumenta Jacobo.
A planta de Palas de Rei consumiría o 20% da madeira de eucalipto producida cada ano en Galicia
O responsable do sector forestal dentro de UUAA considera, neste sentido, que “as dúbidas en relación a asegurar madeira de eucalipto suficiente son probablemente as están a retrasar a decisión definitiva de investimento por parte da empresa”, ademais do acceso aos fondos europeos Next Generation.
Non vemos encaixe nos fondos Next Generation porque non hai innovación de produto nin de proceso nin se trata dun proxecto de economía circular
“Non hai innovación de produto nin innovación de proceso nin se reduce tampouco a pegada ambiental dentro dun proxecto de economía circular, polo que temos dúbidas tamén sobre o encaixe que esta fábrica pode ter nos PERTEs industriais, que é unha condición que a propia Altri sempre puxo para seguir adiante co proxecto”, lembrou. Afectación sobre as explotacións agrogandeiras UUAA calcula que nun radio de 50 km arredor da planta (abarcaría un total de 83 concellos) habería neste momento unhas 9.600 explotacións (2.500 de leite e 7.090 de carne), que representan o 36,9% das existentes en toda Galicia e que dalgún xeito se verían afectadas pola presenza desta industria celulosa.   Félix Porto, coordinador sectorial de Unións Agrarias e responsable dos servizos xurídicos do sindicato, alertou da “difícil convivencia” das explotacións máis próximas, sobre todo das que están en produción ecolóxica, cunha industria das características da proxectada por Altri.
Transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa
“O proxecto que nos presentaron ao principio tiña aspectos atractivos, por iso non lle dixemos que non, pero non podemos apoiar o proxecto actual, que non se parece en nada ao que nos presentaron inicialmente, no que se falaba de producir 600.000 toneladas de fibras téxtiles ao ano cando hoxe do que se fala é de producir 400.000 toneladas de pasta de papel. É dicir, transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa. Polo tanto, estamos en contra do proxecto que nestes momentos temos enriba da mesa”, concluíu Félix. “O que máis preocupa nas explotacións ecolóxicas son as posibles emisións á atmosfera e o seu impacto na calidade dos pastos e tamén os problemas de acidificación dos solos por chuvia ácida que se puidera producir”, alertan desde UUAA.
O cambio de uso de terras agrarias para plantar eucaliptais é ilegal e desde xuño deste ano vai estar controlado mediante teledetección
En canto á posible presión que a nova celulosa puidera implicar para a transformación de superficies agrogandeiras en novos eucaliptais, Jacobo advertiu que a propia Lei de Montes do ano 2012 prohibe calquera tipo de forestación de terras agrarias tanto para plantar piñeiros como eucaliptos, ao igual que está prohibido cortar masas de frondosas para convertelas en eucaliptais. “Se alguén está pensando en facer algo disto ou ten esa tentación xa lle dicimos que non o faga porque desde xuño deste ano estará perfectamente controlado a nivel de teledetección a través do Inventario Forestal Continuo de Galicia”, dixo.

“Trátase dunha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra que vai afectar a máis de 30 km á redonda”

O Sindicato Labrego alerta das consecuencias, afectacións e impactos que tería sobre a poboación e o territorio nun radio superior aos 30 km "unha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra, de case 400 hectáreas de extensión”, como é o caso da proxectada por Greenfiber, unha sociedade participada ao 75% por Altri e ao 25% por Greenalia. Margarida Prieto alerta dos “prexuízos derivados da extracción de case medio cento de millóns de litros diarios de auga limpa do embalse de Portodemouros e o verquido diario de 30 millóns  de litros de auga con substancias químicas á Ría de Arousa sobre o medio ambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio”. “Dende o Sindicato Labrego Galego estamos poñendo tódolos nosos esforzos en parar esta xigantesca fábrica de celulosa. Non imos permitir que un macroproxecto industrial contaminante se instale no corazón do noso país e resulta até bochornoso pensar que en pleno século XXI, coa conciencia ecolóxica que se supón que temos como sociedade e, por ende, como institucións públicas, se poña sobre a mesa a posibilidade de destinar 250 millóns de euros do erario público para enriquecemento dunha empresa que vai degradar a calidade de vida”, di Margarida.
Segundo a documentación que está en exposición pública, a planta proxectada por Altri precisaría captar do encoro de Portodemouros máis de 40 millóns de litros diarios de auga
Neste sentido, o SLG pon a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas para a súa presentación diante da Xunta de Galicia. Afectación sobre as Reservas da Biosfera Desde o SLG veñen de solicitar informes de afección ás tres Reservas da Biosfera situadas no radio de acción da macrofábrica de celulosa de Altri e Greenalia (a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel).
Desde o SLG poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva
A designación das reservas de biosfera son competencia da directora xeral da UNESCO a través do programa intergobernamental MAB, sendo o seu Consello Internacional de Coordinación o que toma a decisión. “Preocúpannos por exemplo as posibles consecuencias para a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, declarada pola UNESCO fai tres anos, no 2021”, advirte Margarida. Estas demandas de información e posicionamento por parte das Reservas da Biosfera engádense aos informes sobre as unidades produtivas agrarias prexudicadas requiridos polo SLG o pasado xoves 21 de marzo á Consellería do Medio Rural.

“Altri pon en risco a 4.000 explotacións e á denominación de orixe do queixo Arzúa-Ulloa”

Para a Federación Rural Galega, o proxecto de celulosa que a empresa Altri pretende instalar na comarca da Ulloa supón “un grande perigo para a actividade agropecuaria da zona, non soamente para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terras de Melide, e O Deza”. “Estas catro comarcas contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que supón un 18,6% do total das existentes en Galicia (21.980), e unhas 90.187 cabezas de gando vacún ou o que é o mesmo, aproximadamente o 21% das 430.232 existentes na comunidade. Todo este potencial produtivo vaise ver ameazado no caso de que ao final se acabe instalando esta macroplanta de celulosa no concello de Palas de Rei, o mesmo que a Denominación de Orixe do queixo Arzúa-Ulloa, con mais de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado español”, asegura Elías Somoza.
A creación da planta de Altri tería un efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia directa coa terra agraria
Pero desde a Fruga pensan ademais que a planta de Altri non tería consecuencias unicamente na zona directamente afectada, senón que tería “graves efectos” sobre todo o sector agropecuario galego. O motivo sería o “efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria”, din. “Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 ha, cando a media española é de 26,14 ha, e que desde hai xa bastantes anos Galiza vén perdendo terra agraria, entanto a superficie forestal vén aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto”, insiste Elías. “Non é economía circular, senón economía de enclave” “Este proxecto de Altri quéresenos vender como modelo de economía circular, cando o que realmente é, é una economía de enclave. A verdadeira economía circular é aquela que pecha os ciclos produtivos. Debemos ter de conta que Galicia é a primeira produtora de leite do Estado español e unha das dez máis produtoras da UE, entanto a industria galega do leite soamente supón o 10% da española. Deste xeito sobre o 45% do leite producido en Galicia sae para fóra para ser transformado noutros territorios. Dotar a Galicia dunha industria láctea propia e competitiva si que sería economía circular”, argumenta o responsable da Fruga. “Todo indica que a política da Xunta de Galicia quere renunciar a utilizar con carácter produtivo o noso territorio, pondo en risco o futuro das explotacións agrarias desta zona e de proxectos de agricultura ecolóxica implantados nela”, quéixase.

“Se se cumpre a normativa non tería por que afectarnos ás granxas da zona”

Carlos Dablanca, membro da directiva de Agromuralla e socio da gandería leiteira SAT San Miguel, ubicada no mesmo concello de Palas de Rei, a uns 15 km de onde Altri quere instalar a súa planta, pon o foco no cumplimento da normativa para facer posible a continuidade da actividade agrogandeira na comarca coa presenza dunha industria deste tipo. “Din que as esixencias medioambientais son altísimas, pero é necesario que se vixíe para que se cumpra a normativa”, asegura. “Non pode ser que os requisitos para producir as granxas se estean a endurecer en materia de emisións ou outro tipo e despois se abra a man no caso dunha planta coma esta”, razoa.    En canto ao consumo de auga previsto por parte de Altri, Carlos considera que “primeiro hai que garantir o subministro á poboación e tamén ao gando, porque para nin primeiro son os animais antes que as plantas de celulosa e se hai auga para Altri tamén a ten que haber para as vacas”, reclama.
A produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira, deberían convivir perfectamente
Defende que a produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira. “Deberían convivir perfectamente”, asegura, e reclama “que se mobilice terra agraria que está parada ou abandonada”. “Na nosa parroquia, por exemplo, non temos concentración parcelaria e temos dificultades para atopar superficie produtiva axeitada”, recoñece. Risco de novas plantacións SAT San Miguel traballa neste momento unhas 140 hectáreas para cultivos como millo ou raigrás e ten dificultades para poder ampliar a súa base territorial na zona, pero Carlos non cre que a presenza de Altri empeore a situación.
Hai que mobilizar a terra que está parada e vixiar que non se fagan plantacións ilegais
“Se hai unha regulación e esta se cumpre, a presenza ou non de Altri non tería por que implicar unha maior presión sobre a forestación de terras agrarias na comarca. Sería un problema se a Xunta abrira a man ás plantacións de eucalipto, pero eu non concibo que se plante nunha zona agrícola, aínda que pasou nos últimos anos porque a Administración fixo a vista gorda”, di. Por iso, pide que se vixíe o cumprimento da Lei de Montes e da moratoria aprobada fai tres anos ás plantacións de eucalipto para evitar o avance sen control desta especie. “O problema son as zonas de monocultivo cando se dan en grandes extensións, como acontece en algunhas parroquias do concello de Palas que están xa masificadas de eucalipto porque a agricultura e a gandería desapareceron”, exemplifica.
O monocultivo de eucalipto é un problema, porque non hai barreiras naturais contra os incendios
“A xente planta porque abandona a gandería, non por que veña Altri, porque se non é Altri será Ence”, considera, e defende que o monte debe ter tamén unha vocación produtiva porque “onde hai plantacións arde menos”. “Na zona da Rede Natura da Serra do Careón, que divide o concello de Palas con Toques, cada 4 ou 5 anos hai incendios, en parte porque non deixan tocarlle ao monte e está abandonado”, di. Carlos é comuneiro do monte veciñal Berbetouros Norte, onde contan con distintos usos, desde produción de madeira (unhas 50 hectáreas a piñeiro e 5 a eucalipto) a aproveitamento agrogandeiro. “Temos unha gran parte do monte a pastizal desde fai 40 anos. Son en total unhas 54 hectáreas, porque agora vimos de transformar 20 hectáreas de forestal, que estaban a piñeiros, en pastos para os comuneiros”, explica. A maiores, tamén teñen alugadas 15 hectáreas durante 30 anos á empresa murciana Bioflytech que, logo de acometer un investimento de máis de 20 millóns de euros, está a comezar a producir distintos produtos a partir das larvas da mosca soldado, como graxa ou fariña de proteína. Carlos destaca que esta industria vai crear 50 postos de traballo. 

“Unha planta de nova creación vai ter moitas medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”

Desde a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) o seu presidente, Francisco Bello, mostra a súa “satisfacción” pola creación dunha nova industria forestal en Galicia. “Como organización agraria defensora tamén do sector forestal galego, Asaga non pode máis que apoiar e manifestar a súa satisfacción por que apareza en Galicia unha empresa innovadora que mellore o aproveitamento da materia prima forestal de Galicia para facer celulosa e biocel a partir de eucalipto”, afirma. “Todos os produtores forestais de Galicia teríanse que ver favorecidos, ademais da comarca da Ulloa, beneficiada polos postos de traballo directos e indirectos tan necesarios nesa zona, como en todo o rural galego”, asegura Paco.
Todos os propietarios de monte de Galicia veranse favorecidos por unha empresa innovadora que mellorará o aproveitamento da materia prima forestal
No que respecta á instalación en si da planta e á preocupación medioambiental manifestada desde algúns sectores, desde Asaga móstranse tranquilos. “Damos por seguro que unha empresa de innovación que vai crear unha nova planta de cero non só o vai facer cumprindo a normativa galega, estatal e europea en materia de medio ambiente, senón que vai ir máis alá do que obriga a propia lei. Por ser un proxecto innovador que parte de cero, vai tomar moitas máis medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”, conclúe.

Protesta o martes en Ourense contra o sacrificio de todos os animais en explotacións con algún caso positivo por tuberculose

Protesta o pasado martes na explotación gandeira de Manzaneda afectada por un caso de baleirado sanitario O vindeiro martes 26 de marzo terá lugar ás 11:30 horas diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense unha concentración de protesta "fronte ao sacrificio obrigatorio de centos de animais e as indemnizacións de miseria vinculadas á declaración de Zona de Prevalencia 0 de Tuberculose no territorio galego". No ano 2021 Galicia foi declarada libre de tuberculose ou zona de Prevalencia 0. Esta clasificación permítelle á Xunta “flexibilizar” as medidas de loita contra esta doenza, por exemplo reducindo o saneamento anual a un saneamento cada tres anos, pero nas granxas implica que cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais (baleirado sanitario).
Cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais da granxa, procedendo ao seu baleirado sanitario
Contraditoriamente, se unha granxa na que se identifican positivos está nunha comunidade que non teña declarada a prevalencia 0, as probas repítense aos 45 días e non matan todos os animais. Por iso, desde o Sindicato Labrego Galego denuncian o carácter "discriminatorio e desproporcionado" destas medidas, que supoñen, din, "unha ruína para as persoas gandeiras que se podan ver afectadas" por elas.
Animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio
"Esta situación é aínda máis inxusta se cabe se termos en conta que, malia a cualificación de prevalencia 0, animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio. Ademais, está cientificamente demostrado que a tuberculose bovina se mantén en reservorios silvestres, como as poboacións de corzos, cérvidos en xeral ou xabarín", argumentan desde o SLG. O caso dunha granxa afectada en Manzaneda Nas últimas semanas o SLG fíxose eco do caso dunha granxa de Manzaneda, á que por tres positivos van proceder a sacrificarlles 40 animais, redundando nunha perda económica superior aos 30.000€, así como en dous anos como mínimo de ausencia de beneficios económicos (o tempo medio estimado de recuperación desta unidade produtiva). "Pero esta situación vense repetindo dende fai tempo: o ano pasado obrigaron a matar 400 animais dunha granxa da Terra Chá", engaden no Sindicato Labrego. "A situación é grave. Foron solicitadas varias xuntanzas urxentes e trasladada unha batería de medidas, máis até o de agora non obtivemos resposta. Consideramos unha absoluta irresponsabilidade que a Consellería do Medio Rural non estea mantendo un diálogo co sector a fin de abordar esta realidade", conclúen. 

Denuncian “a absoluta indefensión” da granxa de Manzaneda á que se lle obrigará a sacrificar 40 vacas sás

Na mañá de hoxe tivo lugar finalmente nunha gandería de vacún de carne de Manzaneda a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia tras a aparición de 3 vacas positivas por tuberculose. A marcaxe foi paralizada o pasado venres grazas ao apoio de arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna; boa parte deles tamén achegáronse esta mañá para dar apoio aos gandeiros afectados. O responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa, presente tamén hoxe durante a intervención do persoal veterinario da Consellaría do Medio Rural, destacou a “dolorosa situación de indefensión na que se atopan estes gandeiros”. “Estes compañeiros están indefensos. Primeiro, porque non se lles permitiron facer probas de contraste. Segundo, porque non lles permitiron diferenciar as unidades de rabaño. Terceiro, porque ven que con este baleirado sanitario van perder máis de 30.000 euros. Cuarto, porque toda a carga emocional a teñen que afrontar solos. Quinto, porque a Xunta de Galicia sÓ se adica a asinar sentenzas e impor sancións, como se non tivera Consellaría do Medio Rural para xestionar situacións deste tipo. Quinto, porque teñen que cargar con todo o traballo de levar os animais ao matadoiro, buscar toda a infraestrutura de transporte, para a fin de contas malvender. Sexto, porque teñen que conseguir nun período curto de tempo novos animais para reposición e logo agardar máis de 2 anos para empezar a producir. E sétimo, porque quedan 4 vacas preñadas, que se lles vai a provocar o parto prematuro e posterior eutanasia para os pobres becerriños. Calquera persoa no seu lugar sentiríase indefensa”, subliñou. Neste sentido, dende o SLG consideran “moi chamativo, se ben non novidoso, que o Conselleiro José González Vázquez estea desaparecido.” “A Consellaría do Medio Rural -lembran- é perfectamente consciente de que a calquera granxa galega lle pode pasar unha situación así e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixienico-sanitarias. De feito, no SLG temos noticia de que están aparecendo positivas en tuberculose en diferentes granxas e os estudos científicos indican que está presente nos reservorios silvestres das poboacións de xabarín e corzo, entre outros”. Ante esta situación, reiteran dende o SLG a “urxencia de manter unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural, solicitada a pasada semana mais non atendida até o momento, así como a inmediata abordaxe de cuestións fundamentais en materia de saneamento animal, como a revisión da pervalencia 0 de tuberculose na Galiza, a realización de probas de diagnose que aclaren a verdadeira incidencia da enfermidade e a reactivación dos controis anuais de saneamento , de eficacia demostrada ao longo destes anos, en detrimento de medidas puramente efectistas como sacrificar ducias de vacas sás e provocar abortos pola detección de casos na granxa”. Ademais, lembran que “as vacas marcadas hoxe na granxa de Manzaneda non cumpren os requisitos institucionais para seguir o seu ciclo produtivo na granxa, mais si para ser incorporadas á cadea de alimentación humana como calquera outro animal san, e a única diferenza vai ser o prezo percibido polos gandeiros, xa que os intermediarios aprovéitanse da obrigatoriedade de sacrificar para ofrecer prezos máis baixos que os existentes a día de hoxe no mercado”.

Centos de persoas impiden o baleirado sanitario dunha granxa de Manzaneda

Arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna xuntáronse este venres nunha concentración de apoio aos gandeiros afectados por un posible baleirado sanitario da súa granxa, ubicada na aldea de Palleirós (Manzaneda), onde estaba prevista a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia. Finalmente a marcaxe foi impedida, adiándoa o servizo veterinario da Xunta de Galicia para o vindeiro martes 19 de marzo. Durante a concentración tamén se aprobou unha batería de medidas urxentes a esixir á Consellaría do Medio Rural.  “Queremos denunciar que se quere sacrificar animais totalmente sans, simplemente por criterios propios dos Servizos Veterinarios Oficiais, simplemente por sospeitas de que poderían conter a enfermidade de tuberculose e sen mais criterios que a sua propia intuición. Pídese dende eiquí e agora a toda Administración que se esgoten todas as medidas previas de análise, estudios, etc.. antes de adoptar unha medida tan gravosa para unha explotación gandeira como é o baleirado sanitario”, demandou o responsábel do Sindicato Labrego Galego na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa. “Malia que a Administración galega ten marxe dentro da legalidade para facer as probas que determinen que animais está contaxiados ou non, malia as reiteradas solicitudes, a Consellaría do Medio Rural nunca quixo acceder a realizar máis análises e estudos que concretasen a existencia de propagación da enfermidade”, explican o representante do SLG. “Por tanto, a día de hoxe -engadiu- non sabemos se está de forma latente na cabana gandeira da propia explotación ou explotación lindeiras, se pode provir doutras especies distintas de vacún ou se está presente na fauna salvaxe, como o xabarín, o corzo, o teixugo, etc.. Denunciamos esta falta de rigor por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais, que semellan preferir adoptar medidas que non impliquen máis esforzo que asinar papeis”. Por outra banda, advertiu Pérez Rúa, “non nos vale a escusa de que teñen que seguir os protocolos que lles impón o Ministerio, porque estes protocolos tamén din que permiten que se esgoten outras vías antes de adoptar medidas tan drásticas como o baleirado sanitario. Ademáis, cómpre tamén sinalar que esta medida enmárcase na catalogación de prevalencia 0 na Galiza, pero, ao contrario do que sería lóxico, se esta granxa estivera noutras zonas do Estado onde si hai declarada prevalencia, só serían sacrificadas as que deron positivo”. “Se esta explotación estivese a uns kilómetros de eiquí, en Zamora por exemplo, tan só se sacrificarían aos animais enfermos e aos animais sans fáiselles un seguimento pormenorizado. Polo tanto non se entende que con mellores niveis sanitarios, teñamos medidas moito máis drásticas e prexudiciais para os intereses das explotación. O lóxico sería que aquelas comunidades que non cumpren coas prevalencias mínimas tivesen medidas máis drásticas para chegar ao baremos medios sanitarios e neste caso ocorre xustamente o contrario. O mundo ó revés. Debemos de ser os tontos da película nas reunións sectoriais co Ministerio”, criticou o representante do SLG. Ademais, lembrou que malia que os propios servizos veterinarios oficiais estiman en 800 euros as perdas por animal sacrificado, estase percibindo unha media de só 600 euros por animal: “No intre de marcar aos animais por motivo dun sacrificio obrigatorio, que se van comercializar para consumo humano, os intermediarios aprovéitanse e vanse malvender”. “De tódolos xeitos, os 500 euros máximo por vaca que subvenciona a Xunta para repoñer a vaca sacrificada por un sacrificio obrigatorio son claramente insuficientes no contexto actual, que para comprar unha vaca os prezos superan os 2.000 euros”, concreta Pérez Rúa. En canto ao lucro cesante, se ben o período medio de inactividade das granxas e de arredor de dous anos, a indemnización da Xunta só cubre 6 meses. Canda o cumprimento das medidas recollidas no acordo asembleario de onte en Palleirós, o representante do SLG-CCLL pechou a súa intervención apelando tamén dun trato máis humán por parte da Consellaría para cas gandeiras e gandeiros cando se decreta un baleirado sanitario: “E por último e non menos importante, pídolle a todos os funcionarios da Administración unha maior sensibilidade, porque en todo este proceso que eu mesmo seguín, notei unha falta de empatía e unha frialdade absoluta con que se lles notifica un proceso tan doloroso tanto económico como emocional como é un vacío sanitario”.

O Sindicato Labrego demanda medidas de apoio para as granxas que teñan que facer un baleirado sanitario

A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estima unha perda de 800€ por cada animal sacrificado, e fai fincapé “non só na perda económica senón no impacto emocional” polo que reclaman “un maior apoio da administración nestes casos”. “Como visibilizamos fai un mes, estamos seguindo de preto e proporcionando apoio a unha granxa do concello de Manzaneda (Ourense) que se atopa ás portas dun baleirado sanitario previsto para finais desta semana.  A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias. No caso por exemplo da tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenvolvemento”, sinalan desde o SLG. No caso desta granxa de Manzaneda as perdas previstas ascenderán a uns 32.000 euros, “e as axudas prometidas de reposición e lucro cesante non cobren a perda total da explotación, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento. É dicir, toda a ilusión e aforros dunha vida invertidos nesta explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaeceranse nun abrir e pechar de ollos”, expresan. “Ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento”, detallan desde osSindicato. Segundo a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a doenza da tuberculose bovina está totalmente controlada, cunha prevalencia do 0,1%. Neste sentido, dende o SLG  lembran que “cando se produce un destes casos, nas comunidades autónomas próximas á Galicia adoptaron dende hai tempo medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, prefirindo manter unha cualificación sanitaria inferior, e deste xeito eliminar tan só aos animais afectados e evitar a morte innecesaria dos animais sans, provocando unha perda económica menos gravosa e emocionalmente máis levadeira”. “Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a Xunta de Galicia debería activar medidas de apoio as gandeiras e gandeiros afectados que permitan repoñer os animais sen custo para estes, e que deste xeito se recuperen o máis rápido posible evitando no posible os prexuízos causados”, reclaman. Á súa vez, tamén reclaman “unha maior sensibilidade e empatía por parte da Administración para facerse cargo do duro que é para as gandeiras e gandeiros recibir unha notificación de baleirado sanitario, persoas que se ven soas e impotentes, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai a supor unha perda económica moi importante que pode comprometer as súas vidas”.

Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG esta fin de semana en Chantada

Esta fin de semana terá lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Trátase dunha edición que pon o colofón aos 20 anos de encontros dende o primeiro celebrado en Allariz no ano 2004. Nesta ocasión, terá lugar no Espazo Vilaseco, en Chantada. A xuntanza dará comezo ás 12:00h da mañá do sábado 2 de marzo coa benvida da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Seivane, e da concelleira de igualdade de Chantada, Pamela Fernández, e rematará na tarde do domingo 3 de marzo, coa visita a proxectos vitivinícolas de mulleres labregas da comarca. “Para nós, os encontro anuais da Secretaría das Mulleres son moi importantes. Xuntámonos para analizar, debater, dar e obter información e sacar liñas de traballo, pero tamén para compartir e colectivizar. Este ano case un centro de labregas de todo o país, pero tamén doutras xeografías, traballaremos e celebraremos este aniversario tan especial. Son xa 20 anos de encontros, 20 anos da man ”, sinala a responsable da Secretaría dende o ano 2012, María Ferreiro. Durante esta edición “tamén presentaremos o documental ‘Labregas, espazos de venda’ (2023), realizado polo Sindicato Labrego Galego para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa no segundo lugar máis visitado de Santiago de Compostela: a Praza de Abastos; e a publicación ‘A fala da terra. Labregas’ (2023), unha compilación de testemuñas de mulleres labregas da provincia de Pontevedra tamén publicada polo SLG”, sinalan desde o Sindicato.  Do mesmo xeito, “o sábado pola tarde degustaremos unha cata de produtos da Queixería Airas Monis a cargo de Ana Vázquez, intercambiaremos sementes e pola noite danzaremos ao ritmo das pandereteiras Bouba, entre outras actividades. Ademais, o domingo pola tarde visitaremos as adegas Amedo, na comarca de Chantada”, amplían. Asemade, no Espazo Vilaseco estará instalada unha exposición fotográfica de Espadela Coop Arabías con 58 retratos de mulleres realizados pola fotógrafa e xornalista Charo Lopes; a exposición fotográfica do SLG-CCLL ‘Vinte anos da man’, sobre os encontros e actividades realizadas pola Secretaría das Mulleres ao longo destas dúas décadas, e tamén un espazo de conciliación para que as mulleres que participen no Encontro podan acudir cas súas fillas e fillos se así o desexan.

Secretaría das Mulleres 

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego nace entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, principalmente con loitas polos dereitos de mulleres labregas como profesionais, concretamente o dereito a cotizar e o seu dereito a ser donas-titulares das súas granxas. Nesta etapa algunhas mulleres organizadas no Sindicato comezan a decatarse de que certas leis e situacións que vivimos non son iguais e non nos afectan do mesmo xeito a homes e mulleres. Comezan a poñer esta realidade enriba da mesa e tamén a falalo dentro da organización, dentro do SLG. “Os actuais eixos de traballo son o referido ao eido profesional; á autoestima, vencer os medos e saber que o que nos pasa de xeito individual pásanos a todas e polo tanto é colectivo; organización e participación e violencia machista. Canda estas temáticas, os encontros anuais permítennos abordar tamén cuestións máis diversas, como a formación en feminismos, a defensa dos servizos públicos no rural ou a concienciación sobre a violencia obstétrica e educativa, entre outras moitas”, avanzan desde a agrupación.

Tractoradas o martes 20 para urxir medidas adicionais para Galicia nos xurros e nos ecorreximes

Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego fixan A Coruña como punto chave nas mobilizacións do martes 20, por ser a sede da Delegación do Goberno. Ademais, en Galicia están marcados 11 puntos para as concentracións, que terán lugar de 12:00 a 17:00 horas. As localizacións son:
  • A Coruña: A Coruña (xunto á Delegación do Goberno), Santiago (Xunta, San Caetano), Ortigueira e Vimianzo.
  • Lugo: Lugo (sede da Subdelegación do Goberno), Ribadeo e Pedrafita.
  • Pontevedra: Lalín.
  • Ourense: Ourense (sede da Subdelegación), A Mezquita e A Gudiña.
En paralelo, desenvolveranse tamén protestas no resto da Cornixa Cantábrica. Este acordo foi presentado esta mañá por Félix Porto, de Unións Agrarias, Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego, e e Francisco Bello, responsable de Asaga. O tres inciden en que o obxectivo das mobilizacións é que se atenda a táboa de reivindicacións que deseñaron, que busca cubrir as necesidades do sector primario en Galicia e tamén en toda a Cornixa Cantábrica. Durante as mobilizacións lerase un manifesto e tamén se trasladará en cada unha das Subdelegacións un documento con todas as peticións que buscan que se atendan. Avisan que haberá dificultades no tráfico durante as horas previas, durante e posteriores ás mobilizacións e inciden en que son protestas abertas a todo o mundo. "Este será o comezo dunhas reivindicacións que permanecerán ata que haxa acordos por escrito". Espéranse tractores en tódalas concentracións, que ralentizarán o tráfico na entrada e saída das cidades. As organizacións non aclararon se haberá cortes nas autovías de entrada a Galicia, nos puntos de concentración da Gudiña, Pedrafita e Ribadeo.
"As mobilizacións continuarán ata que haxa compromisos publicados no Boletín Oficial del Estado", afirman as organizacións agrarias
No encontro coa prensa anunciaron que na xornada de hoxe terán unha primeira reunión co delegado do Goberno para trasladarlle cales son as reivindicacións e escoitar de primeira man o que se acordou na reunión co ministro de Agricultura. Reivindicacións A primeira das reivindicacións é que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e que se fixen uns prezos para "que non se poida vender por baixo dos mesmos". Inciden en que é "unha das cuestións fundamentais e un dos berros desesperados que trasladaremos desde os sectores produtivos". Outra das cuestións é a excesiva burocratización, "á que estamos sometidos desde o 1 de xaneiro". Cuestionan tamén o decreto de nutrición sostible de solos, que regula a aplicación de xurros e "que non pode ser aplicado tal e como está redactado", valoran. As organizacións consideran insuficientes as medidas anunciadas onte polo Ministerio de Agricultura, pois din, "non serven para Galicia", e urxen a adopción de medidas adicionais pensadas para a Cornixa Cantábrica, en especial no referente á normativa de aplicación de xurros e ós ecoesquemas da PAC. "Galicia é a terceira comunidade con menos hectáreas en ecorrexímenes e precisamos doutras solucións. Necesitamos que se adapte a PAC a Galicia e ás persoas", defenden.
"Ningunha persoa nova se vai incorporar ó agro se non se dan dúas condicións: rendibilidade e servizos no rural"
Así, indicen na importancia de aplicar políticas que sirvan para fixar poboación no rural e que se poida dar a substitución xeracional nas explotacións. "Ningún mozo se vai a quedar no rural se non se dan dúas condicións: que as súas explotacións sexan rendibles e que haxa servizos no rural". Destacan que actualmente están a pechar numerosas explotacións e ese problema levará a que aumente a fauna silvestre e os incendios. A isto, engaden que "os agricultores e gandeiros están a manter a fauna silvestre. Necesitamos políticas de control de lobo e xabarín, pero tamén que se dote presupuestariamente os danos que xeran". Por último, piden a sensibilización dos consumidores que ven incrementado o custo da cesta da compra: "Que se pregunten quen se está quedando con ese diñeiro". Tamén apelan á empatía por parte de todas as administracións, xa que "desde cada unha delas se pode traballar para que se atendan as necesidades específicas que temos en Galicia e na Cornixa, tanto na Xunta como no Ministerio e en Bruxelas", conclúen.
"As medidas do Ministerio chegan tarde e son vagas e insuficientes" (José González, conselleiro do Medio Rural)
Valoracións de Medio Rural Por parte da Consellería do Medio Rural, o seu titular, José González, valorou en negativo as medidas anunciadas polo Ministerio: "Chegan tarde, son contraditorias, vagas e completamente insuficientes. Boa mostra é que as organizacións agrarias non desconvocaron as manifestacións, o que creo que era o principal obxectivo do ministro. Non buscaba tanto anunciar medidas favorables para os nosos gandeiros e agricultores como desconvocar as mobilizacións", sentenciou González. https://www.campogalego.gal/tractoradas-o-martes-20-para-urxir-medidas-adicionais-para-galicia-nos-xurros-e-nos-ecorreximes/

O Sindicato Labrego presentará este mércores en Santiago as súas propostas aos partidos para cambiar as políticas cara o agro

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas presentará ás candidatas/os á presidencia da Xunta as súas propostas políticas para mudar as políticas agroalimentarias galegas. O acto, aberto á cidadanía, terá lugar este mércores, 14 de febreiro, ás 11.30horas na Praza do Toural, en Santiago de Compostela. “O adianto das eleccións á presidencia da Xunta de Galicia que terán lugar o domingo 18 de febreiro abre unha oportunidade para reorientar as políticas agroalimentarias autonómicas. É urxente responder a décadas de destrución do medio rural e afrontar os retos derivados das crises climática e enerxética, entre outras”, sinalan dende a organización. Neste sentido, neste acto público o SLG trasladará ás formacións políticas as propostas a desenvolver para “garantir unha alimentación sa e de calidade para as persoas e o medioambiente, consolidando no noso país un modelo agroecolóxico de produción arroupado e protexido por un medio rural vivo, no camiño á nosa soberanía alimentaria”.

Decálogo de reivindicacións das organizacións agrarias de cara ás mobilizacións en Galicia

Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia veñen de dar forma á táboa reivindicativa conxunta que defenderán nas vindeiras semanas. Tal e como xa anunciaron hai uns días, as tres organizacións agrogandeiras maioritarias en Galicia ven necesario apostar pola unidade de acción para garantir a mellor defensa dos intereses do sector produtor. Nos vindeiros días pecharán o calendario de actuacións a seguir nas próximas semanas, unha vez que pasen as eleccións autonómicas que terán lugar o domingo 18 de febreiro. As organizacións agrarias entenden que existen motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa; así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, do que a agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe. En concreto, ven necesario actuar para paliar a excesiva burocracia que ten xerado a entrada en vigor de novas normativas europeas; así como para garantir que os acordos comerciais con países extracomunitarios non supoñan unha competencia desleal para os produtores locais. Así, as tres organizacións instan á Xunta e ao Goberno central a actuar con contundencia e rigor para garantir prezos xustos para os produtos agrogandeiros e, con eles, o futuro e a rendabilidade do sector produtor. Estes son os puntos incluídos no Decálogo de Reivindicacións das organizacións agrarias galegas:
  1. Prezos xustos. Eliminación da especulación e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e produtores e mecanismos para facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.
  2. Rexeitamento aos tratados de libre comercio (Mercosur) que poñan en perigo as producións, así como a súa priorización fronte ás de terceiros países que comercializan coa UE.
  3. Eliminar a burocratización: Caderno Dixital, Decreto de Ordenación de Explotacións Bovinas e Decreto de Fertilización Sostible de Solos.
  4. Adaptación dos ecorreximes da PAC á realidade da agricultura e gandeiría galegas e pagos en función das persoas activas e non pola superficie.
  5. Importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación.
  6. Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, así como apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles. Maior apoio á investigación pública, que axude e acompañe ao sector na situación actual e de cara aos novos problemas que afectan ao sector para unha maior sostenibilidade nas explotacións.
  7. Fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuitos curtos.
  8. Mantemento da redución do prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.
  9. Remuneración dos danos da fauna salvaxe (xabarín, lobo...), do lucro cesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben se minimizadas.
  10. Creación da figura do mediador na negociación de contratos e posta en marcha de Observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.

Os tractores sairán hoxe ás estradas en distintos puntos de Galicia

Unha ducia de tractores concentráronse este luns no entorno da cidade de Lugo Agricultores e gandeiros da comunidade sumaranse este martes ás protestas organizadas en toda España, que están promovidas a través de grupos de whatsapp e á marxe das organizacións agrarias. En Galicia, asociacións de produtores como Agromuralla ou Gandeiros Galegos da Suprema mostraron o seu apoio ás marchas e sairán cos seus tractores a secundar as protestas. O obxectivo é dificultar o tráfico en estradas e autovías nun movemento que segue o exemplo do acontecido en países como Francia ou Alemaña nas últimas semanas.
Agromuralla apoia as tractoradas que este martes hai convocadas por toda España
Este luns puideron verse xa os primeiros tractores chegados de concellos como Portomarín, O Páramo, Sarria ou Láncara no entorno da cidade de Lugo, unha imaxe que se repetirá este martes nun movemento que pretende sumar tamén ao sector pesqueiro e aos transportistas. Entre as reivindicacións das marchas deste luns, a derogación da Axenda 2030, da Ley de Bienestar Animal e das leis ambientais; unha xestión da auga acorde ás necesidades de cada territorio, con recuperación de presas e pantanos, impedindo escaseza e restricións”, ou "eliminar toda restrición no uso do diñeiro en efectivo".
https://www.campogalego.gal/tractoradas-galegas-contra-burocracia-e-o-endurecemento-de-normas-ambientais-no-agro/

Xornada en Curtis sobre os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto

No marco da campaña informativa lanzada polo Sindicato Labrego a finais do pasado ano para alertar do que consideran industrialización da IXP Ternera Gallega, este xoves 25 de xaneiro desenvolverá no Centro Etnográfico de Teixeiro a xornada “Os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto. É a herba alimento abondo para alimentar rumiantes?”, en horario de 11 a 14h. A xornada, aberta ao público e medios de comunicación, é de balde e para asistir non é necesaria inscrición previa.  A primeira parte da mesma estará centrada na exposición de diversos estudos académicos e traballos de investgación arredor do acabado en pasto. Partciparán a gandeira de leite e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba; o enxeñeiro técnico agrícola do grupo de investgación da Universidade de Santago de Compostela “Carne de vacún a pasto”, Xan Pouliquen; o enxeñeiro técnico agrícola Eloi Villada e a investgadora do Centro de Investigación y Formación Agraria CIFA Cantabria Enma Serrano. Ás 13h. terá lugar unha mesa de experiencias labregas onde se establecerá un coloquio entre persoas labregas de carne.

“As novas normativas non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto”

Isabel Vilalba, Andrés Castro e Ana Rodríguez durante a rolda de prensa deste xoves en Lugo O Sindicato Labrego Galego levará a cabo durante o vindeiro mes de febreiro unha campaña informativa polas principais comarcas agrogandeiras galegas para explicar aos produtores as obrigas que as novas normativas de xurros, caderno dixital, veterinario de explotación e ordenación de granxas de vacún van supoñer para as ganderías.  A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, asegura que "ningunha destas novas normas se adapta ás granxas galegas, senón que están feitas para explotacións ou fincas enormes, pero non para a realidade das granxas familiares galegas", polo que esixirán á Consellería cunha manifestación o día 13 de marzo en Santiago "que faga valer ese peso negociador do que presume para que esta nova lexislación que afecta ao sector se modifique". "A Xunta ten que esixir cambios nestes reais decretos porque hai moitas medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir", argumentan. 
Hai medidas que non teñen sentido e son imposibles de cumprir
O SLG teme que a entrada en vigor destas novas normas desencadee o peche anticipado de granxas, sobre todo daquelas máis pequenas, ante os novos requisitos e os gastos que supoñen. "Estes reais decretos non van mellorar o sistema produtivo; só supoñen máis burocracia e máis gasto para as ganderías", afirma Isabel Vilalba.  Falta de veterinarios Unha das normas que van afectar ás ganderías, tanto de carne como de leite, é a obriga de contar cun veterinario de explotación, algo innecesario e redundante para o SLG. "As granxas xa teñen veterinarios de referencia e técnicos con cualificación que os asesoran nas distintas materias. Hai ganderías de leite que dispoñen de veterinario clínico, de reprodución, de calidade do leite, de ADSG, nutrólogo, etc, pero agora non é suficiente e teñen que contratar outro a maiores", quéixase Isabel Vilalba. 
A Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e sen embargo pídeselles ás granxas que contraten un veterinario a maiores
Un problema a maiores é, di, a falta de veterinarios en moitas zonas. "Moitos dos veterinarios titulados están adicados a mascotas e non hai facultativos dabondo para cubrir as necesidades das granxas de produción de alimentos. Hai ganderías en Ourense, por exemplo, que están a ter problemas para que os visite un veterinario cando o necesitan ou cando teñen algún problema e a Xunta dinos que non dá atopado veterinarios para a campaña de vacinación contra a lingua azul e, sen embargo, pídeselle isto ás granxas", compara.  A obriga de contar con veterinario de explotación afecta practicamente á totalidade das ganderías, aínda que conten con rabaños pequenos (a partir de 5 vacas ou 20 ovellas), teñan a actividade gandeira como complementaria ou se adiquen á produción para autoconsumo.  Aplicación de xurros Outra das normativas que xa está en vigor, desde o 1 de xaneiro, é o Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, que implica a prohibición de aplicación de xurros mediante sistemas de prato, algo imposible de cumprir neste momento, a xuízo do SLG.  "Non hai maquinaria dispoñible e as empresas de servizo non dan abasto", asegura Andrés Castro, técnico do SLG, que calcula en 15.000 euros por explotación o custo de adaptación das cisternas convencionais mediante a colocación de inxectores. 
Unha analítica de solo custa uns 20€ e hai que ter unha por cada parcela
Outra das implicacións da nova norma é que boa parte das explotacións van ter que contar con Plans de Abonado, o que supón un gasto a maiores. "Estamos falando que unha analítica de chan custa uns 20€ e hai que ter unha de cada parcela, unha analítica de xurro está nos 50€ e unha de esterco en 45", detalla.  Unha alternativa admitida a nivel oficial é o uso dunha ferramenta informática para o cálculo das necesidades de abonado, "pero neste momento non hai ningunha validada pola Administración nin tampouco táboas de referencia que poder utilizar", explica Andrés. 
Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións
As ganderías que declaran na PAC máis de 30 hectáreas de terras de cultivo deberán cubrir, a partir do mes de setembro, o Caderno Dixital, pero o que a Xunta puxo a disposición do sector, a aplicación Xeaga, "segue tendo enormes eivas para poder usala", di o SLG. "Os primeiros que non fan os deberes son as Administracións", quéixanse.  Para salvar a "fenda dixital" que supón o feito de que "a media de idade dos titulares de explotación é na actualidade de 55 anos" o Sindicato Labrego pide que o Caderno Dixital sexa "voluntario", pero mantendo a posibilidade de que as granxas sigan facendo as anotacións en papel, como até o de agora, e non se vexan obrigadas a contratar un técnico externo para cubrir o Caderno Dixital. "O nivel de esixencia é xa imposible de cumprir mesmo para os produtores que estean familiarizados coa tecnoloxía", advirten.  Penalizacións na PAC Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada na PAC, alerta pola súa banda das posibles consecuencias para as explotacións polo incumprimento destas novas normativas, con penalizacións entre o 3 e o 5% nos cobros das axudas por incumprimento da condicionalidade, podendo chegar a perder a totalidade da PAC en caso de que non sexa posible correxir a situación. 
As granxas poden acabar perdendo as axudas que reciben por non cumprir coa condicionalidade
"Moitas veces non hai posibilidade real de facelo. O decreto de ordenación de granxas de vacún, que está en vigor, obriga a cambios importantes en moitas ganderías, que ademais de supoñer un gasto importante moitas veces non é posible acometer pola propia configuración das instalacións", di.  Un exemplo serían os patios exteriores que esixe o Real Decreto de Ordenación de granxas de vacún. "Non sabemos como se vai facer ou que características teñen que ter, porque na norma non se aclara, pero en Galicia no inverno vai haber moitos problemas con iso e vai haber moitas granxas que non van poder cumprir con iso", advirte.  En canto aos plans de reducións de emisións, o SLG considera que se está "castigando aos modelos máis sostibles, como son as ganderías de vacún con terra, cando sabemos que o porcino en granxas intensivas é o responsable principal do aumento de emisións", afirman. 

Leite Río e o Sindicato Labrego Galego achegan posturas

Imagen da visita de representantes do SLG este martes a Leite Río Tralos momentos de tensión e os cruces de acusacións mutuas vividos durante a última renovación de contratos lácteos, Carmen Lence trata de reconducir a súa relación coas organizacións agrarias. Nun ton conciliador, a CEO de Grupo Lence, segunda empresa que máis leite recolle en Galicia e a única galega entre as catro primeiras lácteas que operan en España, recibiu este martes na sede de Leite Río en Lugo a representantes do Sindicato Labrego Galego. Carmen Lence encabezou a delegación da compañía que recibiu e acompañou durante o encontro aos representantes do SLG, entre os que se atopaba a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.
É de vital importancia que os diferentes axentes do sector lácteo teñamos unha relación próxima. Se queremos que o rural de Galicia e as ganderías galegas teñan futuro, debemos colaborar e tratarnos con respecto (Carmen Lence)
A visita celebrouse nun ambiente cordial e co obxectivo de establecer unha canle de comunicación frutífera e bidireccional entre Grupo Lence e o Sindicato Labrego, destacan desde a empresa láctea. Carmen Lence agradeceu "de forma sincera" a visita e sinalou que "é de vital importancia que os diferentes axentes do sector lácteo teñamos unha relación próxima que revirta en cousas positivas para todas as persoas que viven del". Ademais, a CEO de Grupo Lence, empresa familiar 100% galega, engadiu que "a colaboración é un dos nosos valores e defínenos como compañía". "Se queremos que o rural de Galicia e as ganderías galegas teñan futuro, debemos colaborar e tratarnos con respecto. É por iso polo que é importante tratar con responsabilidade a información do sector e sobre os diferentes actores que o compoñemos. Somos máis fortes se estamos unidos e pensamos en como contribuír xuntos a que lle vaia ben ao sector lácteo e ao rural. Construamos en positivo", pediu.
O encontro celebrouse nun ambiente cordial e co obxectivo de establecer unha canle de comunicación frutífera e bidireccional entre ambos
O punto de partida da visita foi un percorrido pola planta de produción Ceao II. Jesús García, director de operacións de Grupo Lence, foi a persoa encargada de explicar como é o proceso de elaboración dos produtos da compañía. Tamén estivo presente a responsable do departamento de campo e das compras de leite da empresa, Cristina Dopico. Ao finalizar a visita á planta, a comitiva mantivo unha reunión na que ambas as partes expuxeron o seu punto de vista sobre cuestións como o actual momento do sector lácteo, as ganderías, o rural e os principais retos globais que están por chegar. O encontro finalizou co compromiso de continuar traballando en cuestións que fortalezan ao sector e repercutan no ben común.