Archives

Xornada técnica na Pobra do Brollón sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña”

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza para o vindeiro 2 de decembro a segunda edición da xornada sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña. Experiencias”. A xornada celebrarase na Casa da Cultura da Pobra do Brollón (Lugo) e nela exporanse distintos estudos e experiencias sobre actividades agrícolas e gandeiras en zonas de montaña dos Ancares e do Courel que actúan como freo aos lumes forestais ao tempo que manteñen a paisaxe e incrementan a biodiversidade. A participación na reunión é de balde pero é preciso inscribirse antes do 28 de novembro, por correo electrónico sgpf.galicia@gmail.com ou mediante chamada ou WhatsApp aos teléfonos 686620154 (Eloi) ou 628713263 (Victor), indicando se vai participar ou non no xantar. O coste do xantar será de 20 euros. Nesta formación colaboran o Concello de A Pobra do Brollón, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Consellería de Medio Rural e USC -Campus Terra. Velaquí o programa completo:  

O Plan de Pastos da Xunta prevé actuar en 2.250 hectáreas de monte

A gandería extensiva pode ser unha aliada contra o lume cando existe unha boa xestión do monte. Sobre esa base, a Consellería do Medio Rural deseñou un Plan de Pastos co que busca un dobre obxectivo, apoiar á gandería extensiva e crear pastos no monte que sirvan de cortalumes en caso dun incendio. A primeira fase do Plan, que rematou o pasado inverno, actuou nun total de 560 hectáreas pertencentes a 14 montes veciñais. Na segunda fase, en marcha, a Xunta prevé beneficiar a uns 30 montes veciñais, cunha superficie de actuación dunhas 750 hectáreas. O Plan de Pastos ten un total de 4 fases, polo que nos dous próximos anos prevese a continuación das actuacións, ata chegar a un total de 2.250 hectáreas e un investimento total duns 9,5 millóns de euros. As actuacións céntranse en rozas, sementados, pistas, peches, pasos canadenses, mangas de manexo do gando e comedeiros ou bebedeiros. O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este venres a comunidade de montes de Baroña, na que se actuou nunha superficie que ronda as 30 hectáreas. González lembrou que o Barbanza é unha zona habitual de lumes, polo que a creación de pastos no monte que rachen a continuidade do arborado é unha estratexia que considera útil para a zona. Repasamos a continuación as actuacións previstas na segunda fase do Plan de Pastos de Galicia, segundo os datos do Plan de Defensa contra Incendios 2021, presentado esta primavera. Detallamos tamén as actuacións acometidas na primeira fase. Segunda fase do Plan de Pastos (2021) Primeira fase do Plan de Pastos (Actuacións xa executadas)

Aprazadas as xornadas de silvopastoreo desta fin de semana nos Ancares por un caso de covid-19

Presentación do programa das xornadas a semana pasada na Deputación de Lugo A área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo anuncia o aprazamento das Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural O que non arde, que se ían celebrar esta fin de semana nos Ancares, en concreto, na Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna, do 25 ao 27 de xuño. Estas xornadas contaban cun amplo programa de ponencias e actividades complementarias encamiñado a debullar distintas experiencias en materia de desenvolvemento rural levadas a cabo tanto en Galicia como en Asturias, e incluía tamén a reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, centrada nesta ocasión no aproveitamento do monte con gando cabrún.   A entidade provincial adoptou esta decisión, consensuada coa Asociación Ser e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, de forma preventiva, tras detectarse un caso positivo por covid-19 entre os membros da organización e á espera de que se comuniquen os resultados das probas realizadas aos contactos directos. Tanto o aprazamento como a nova data comunicarase de forma individual a todas as persoas que xa realizaran a súa preinscrición. 

Xornadas sobre desenvolvemento rural e silvopastoreo a última fin de semana de xuño en Navia

Presentación das xornadas, coa presenza de Joán Alibés, Montserrat Valcárcel, Mónica Freire e Oliver Laxe Actualización 21-VI: Xornadas aprazadas. A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo presentou este martes as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural O que non arde, que se celebrarán en Navia de Suarna do 25 ao 27 de xuño, organizadas pola entidade provincial en colaboración coa Asociación Ser e coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O encontro, que se celebrará en Casa Quindós, o centro de desenvolvemento rural promovida polo cineasta Oliver Laxe, inclúe relatorios e mesas redondas centradas en prestar apoio e transferir coñecemento a persoas con proxectos a desenvolver no rural, aproveitando a gran potencialidade produtiva coa que conta Galicia.
Coñeceranse experiencias de desenvolvemento rural de concellos galegos e asturianos
Así, os distintos relatorios e mesas redondas abordarán temas relacionados coas políticas públicas de incorporación ao campo e o relevo xeneracional agrario, debullarán iniciativas de desenvolvemento rural de concellos de Galicia e Asturias (A Veiga, Allariz e Somiedo), propostas do Comisionado para o reto demográfico de Asturias ou de proxectos de produción agroalimentaria asentados nos Ancares. Concerto de Davide Salvado e demostración de maquinaria Ademais dos relatorios e mesas redondas, o programa das xornadas inclúe un concerto de Davide Salvado, na contorna das excavacións do castro de Vilela, e unha demostración de maquinaria agrícola de montaña, centrada no desbroce en altura. Na presentación tamén se puxo en valor a colaboración nas xornadas do Campus Terra, coa participación nos relatorios de docentes da Escola Politécnica Superior de Enxeñería Agroforestal, como Antonio Rigueiro, Rosa Mosquera,Miguel Souto Cordero ou Mar Pérez Fra.
Os profesores da Escola Politécnica de Lugo Antonio Rigueiro, Rosa Mosquera e Mar Pérez Fra falarán de prácticas de aproveitamento silvopastoril
A vicerreitora da USC en Lugo, Montserrat Valcárcel, sinalou na súa intervención a orientación do Campus Terra “á investigación e transferencia de coñecemento ao sector primario e as persoas que viven no rural”. Oliver Laxe, involucrado na iniciativa como promotor de Casa Quindós e membro da Asociación Ser, explicou que “as xornadas pretenden poñer o foco en proxectos innovadores no rural e servir como punto de encontro para a veciñanza”. Poñer en valor a gandería extensiva de cabrún A iniciativa, promovida pola área de Medio Rural, conta coa colaboración da Asociación Ser e da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que organizará no marco das xornadas a súa VI Reunión de Primavera, centrada en poñer en valor a gandería extensiva de cabrún de carne como alternativa de aproveitamento nas zonas de montaña. “Consideramos que estas xornadas son unha oportunidade de gran potencial, xa que unen nun mesmo evento os potenciais emprendedores rurais coa iniciativa de Oliver Laxe para dinamizar a zona dos Ancares no marco do seu proxecto multifuncional da Casa Quindós, a experiencia en divulgación científica da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e a traxectoria investigadora do Campus Terra en materia agroforestal”, sinalou a deputada de Medio Rural da Deputación de Lugo. 
O plan estratéxico de Medio Rural contempla accións encamiñadas ao mantemento da superficie agraria útil e á recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas
Mónica Freire vinculou esta iniciativa ao plan de prevención de incendios O que non arde, dirixida a incentivar e apoiar os traballos de limpeza de faixas secundarias de biomasa e faixas laterais nas vías municipais e a súa recuperación como superficie produtiva. “O plan estratéxico de Medio Rural contempla accións encamiñadas ao mantemento da superficie agraria útil e á recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas, así como o fomento de labores de pastoreo, aproveitamento silvopastoril, broza ou xestión mixta sostible con sistemas agroforestais, onde se inclúan especies leñosas autóctonas. A ordenación do territorio é un piar fundamental na creación das condicións necesarias para un rural vivo”, apuntou. Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes O derradeiro día das xornadas, o 27 de xuño, dedicarase ao desenvolvemento da VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que retoma a súa actividade formativa e divulgativa despois de meses condicionada pola pandemia. O presidente da entidade, Joan Alibés, explicou que o encontro se centrará no desenvolvemento do sector cabrún na zona dos Ancares. “É un sector que está minguando fortemente, cun censo entre o 15% e o 20% do censo galego no último ano, cando pola contra temos unha necesidade acuciante de gando no monte, tanto nos Ancares como noutras zonas de montaña”, concluíu. Para asistir á xornada da Sociedade Galega de Pastos, será preciso inscribirse previamente, xa que polas medidas sanitarias da Covid o aforo será limitado. A inscripción cubrirase por estricto orde de recepción do formulario, que se pode cubrir online nesta web

Programa completo:

VENRES 25: 10:00 Benvida aos asistentes. 10:30 Acto inaugural. Presentación das xornadas de desenvolvemento rural “O que non Arde”. -Mónica Rancaño (Medio Rural da Deputación de Lugo). -Oliver Laxe (Asociación Ser). -Joan Alibés Biosca (Presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes). 11:00 Mesa redonda: Plans de incorporación de activos -Pablo Iglesias (Xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo, CMR) -Xosé Luís Reza (IUNI – Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega – Presidente de Markea e do Clúster de Comunicación de Galicia). -Manuel Redondo (Red Terrae). Modera: Mar Pérez Fra (Profesora de Economía Aplicada do Escola Politécnica Superior de Enxeñería). 12:30 Pausa café 13:00 Los procesos de incorporación progresiva al campo: políticas públicas para el relevo generacional agrario: -Neus Monllor (Consultora agrosocial e coordinadora da Red de Espacios Test Agrarios) Presenta: Joan Alibés Biosca (Presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes). 14:30 Xantar 16:00 Relatorio: Buscando a excelencia no rural: -Fernando García Dory (INLAND - Centro de acercamiento a lo rural) -Alberto Uría (Apicultor e autor de “El pais del Abeyeiro”) Presenta: Oliver Laxe 17:30 Mesa redonda: Novos poboadores da montaña e iniciativas empresariais na montaña: -Pascal Encinga (Permacultor) -David de Poso (Gandeiro da Cooperativa A Carqueixa) -Hugo Santín (Melosa – Mel de montaña) -Silvia Saavedra (Casa Niño Argalleiros) -Hector e Jose Álvarez (Vitucultores de Coea e Mel de Ribeira do Navia) -Manuel Gutierrez e Mireia Rodríguez (Cervexa artesá Colmo) -Ana Díaz (Teletraballando en publicidade dende Pontes de Gatín) Modera: Laura Pardeiro (Psicóloga e autora do blog Leiras e Marcos). 18:30 Presentación da programación e proxectos de Casa Quindós (Asociación Ser) SÁBADO 26: 11:00 Relatorio: Desenvolvemento de aldeas cosmopolitas en Asturias -Jaime Izquierdo (Comisionado para el reto demográfico de Asturias, escritor e experto en desenvolvemento rural) Presenta: Eloi Villada Legaspi (Fundador da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes). 12:00 Pausa café 12:30 Mesa redonda: Iniciativas de desenvolvemento rural en outros concellos: -Juan Anta (Alcalde do Concello de A Veiga). -Xosé Romero (Técnico de Medio Ambiente do Concello de Allariz). -Belarmino Fernández (Alcalde do Concejo de Somiedo). Modera: Joan Alibés Biosca (Presidente da SGPF). 14:30 Xantar 16:00 Relatorio: Grupo de desenvolvemento rural GDR3 “Montes e Vales Orientais” Fé Álvarez (Xerente do GDR3 Montes e Vales Orientais). Presenta: Román Sánchez Besteiro (Xerente de A Carqueixa S. Coop Galega). 17:00 Relatorio A Carqueixa – O Sabor dos Ancares. Román Sánchez Besteiro (Xerente de A Carqueixa) Presenta: Oliver Laxe. 18:00 Demostración maquinaria agrícola de montaña, Segadoras Brielmaier. José Domingo Fernández (Mazove). 19:00 Visita ao Castro do Teso da ermida e concerto de Davide Salvado e Fransy González. DOMINGO 27: VI REUNIÓN DE PRIMAVERA DA SOCIEDADE GALEGA DE PASTOS E FORRAXES (SGPF) “O Cabrún como alternativa de aproveitamento do monte nos Ancares”. 10:00 Benvida do Presidente da SGPF (Joan Alibés). 10:30 Relatorio: Queima prescrita e mellora de pastos nos Ancares Rosa Mosquera (Catedrática da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC) Presenta: Joan Alibés Biosca (Presidente da SGPF). 11:00 Relatorio: Evolución do mato co manexo de pastos con cabras nos Ancares. Eloi Villada e José Claudino Alba Regueiro. 11:30 Relatorio: Experiencia produtiva, comercializadora e convivencia coa fauna salvaxe da Granxa Teixeiro e Pistón S.C. -Miguel Cordero Souto (Granxa Teixeiro e Pistón S.C.) -Presenta: Carlos A. Rodriguez (Enxeñeiro Agrónomo e asesor de desenvolvemento rural da área de Medio Rural da Deputación de Lugo). 12:00 Pausa café 12:30 Mesa de traballo: Exposición de proxectos de cabrún e das súas necesidades: -Jesús Méndez (Navia de Suarna) -Pedro Álvarez (Navia de Suarna) -Lucía García (Castroverde) -Miguel Cordero Souto (Granxa Teixeiro e Pistón S.C. Profesor da EPS de Lugo) Modera: Joan Alibés Biosca (Presidente da SGPF). 14:30 Xantar 16:00 Visita a Vilela 17:00 Visita ás transformacións de pastos de Cerredo e Quindous 18:00 Visita á Granxa Teixeiro e Pistón S.C.

SAT Salgueiriña, unha explotación mixta de cabras e ovellas para coidar do monte comunal

Belén e María co rabaño de ovellas da explotación ao fondo nunha das zonas de pasto do monte comunal A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Mariña de O Viso, no municipio de O Incio, ten desde o ano 2010 un equipo de desbroce formado por un cento de cabras e medio cento de ovellas, unha brigada tan efectiva que o monte desta parroquia, que antes ardía todos os anos, non volveu facelo desde que hai gando.  Grazas ao mantemento continuo que levan a cabo as cabras e ovellas o mato mantense a raia, controlado, e os piñeiros cos que os comuneiros repoboaron a zona medran libres de competencia e con máis vigor grazas ao abonado que producen os excrementos dos propios animais.  Todo un conxunto de vantaxes a nivel social e ambiental máis aló do rendemento económico que poida xerar a propia explotación aos seus propietarios. "Dar dá pouco rendemento, pero tes o monte limpo, que era o obxectivo, non fai falla desbrozadora nin gastar en apagar lumes. As cabras para quen máis rendibles son é para a Administración. Ti sabes os cartos que leva aforrado aquí en extinción de incendios? Tiñan que potencialo moito máis", argumenta María Castro, que xunto a Belén Pereiro e Jaime Pardo son os tres socios actuais de SAT Salgueiriña.  Un aproveitamento diverso do monte da parroquia Plantación de piñeiros, que ocupan 25 hectáreas, e que se encargan de limpar as cabras "O noso exemplo pode servir a outras comunidades de montes a facer o mesmo: coidar o monte con animais. Grazas a iso temos o monte moi ben e facemos un aproveitamento diverso e variado del. Hai piñeiros, hai cabras e hai pradeiras que pacen as vacas das distintas explotacións", engade María. 
As cabras para quen máis rendibles son é para a Administración. Ti sabes os cartos que leva aforrado aquí en extinción de incendios? Tiñan que potencialo moito máis
A CMVMC de Santa Mariña de O Viso posúe unha superficie total de 189 hectáreas, das que 25 están repoboadas con piñeiro, 33 son pastizais e o resto era improdutivo até a chegada das cabras e ovellas. "Eran toxeiras que foron elas desbrozando. Ano a ano vías como ía retrocedendo a maleza. É flipante ver como foron limpando o monte", asegura Belén. O rabaño de cabras e ovellas pace tamén a zona repoboada con piñeiros, que doutro xeito precisaría de labores de desbroce periódicos. "O proxecto de recuperación do monte comezou fai 13 ou 14 anos. A idea fundamental era ter o monte limpo porque este monte ardía ano sí e ano tamén. Empezamos plantando as 25 hectáreas de piñeiros. A continuación semillouse un cacho na parte alta, onde non valía para plantar, para facer pradeira. Logo viñeron as cabras no ano 2010, porque cando se plantaron os piñeiros dábanche 5 anos de mantemento, pero despois que, toxos e silveiras? Foi cando pensamos en meter gando para telo limpo", relata María. Constituíron unha SAT con parte dos comuneiros A día de hoxe o rabaño está formado por un cento de cabras e medio cento de ovellas Barallaron distintas opcións e decantáronse finalmente por un rabaño mixto de cabras e ovellas. Desbotaron, por exemplo, meter cabalos, porque na zona non había tradición de cabalos no monte. Non todos os comuneiros quixeron participar no proxecto de montar a explotación, así que a SAT Salgueiriña, que leva o nome do lugar onde se construíu unha pequena nave para o gando, botou a andar con 8 comuneiros como socios, dos que na actualidade quedan só 3, xa que o resto foron abandonando por mor da escasa rendibilidade inicial. 
Desbotamos os cabalos porque nestes montes non había tradición
Para habilitar legalmente a utilización do monte comunal para paceren os animais fíxose un arrendamento da CMVMC á SAT da que formaban parte os comuneiros que participaban no proxecto. Antes acometeuse o peche da superficie por parte da Comunidade de Montes coa axuda da Xunta de Galicia. "As estacas puxémolas os veciños á man cunha maza a relevos", lembra María Puntos de auga en todas as parcelas A Comunidade de Montes fixo un pozo e unha balsa para paliar os problemas de auga no verán A superficie total do monte comunal, 189 hectáreas, está perfectamente delimitada e rodeada de camiños perimetrais que fixo a propia Comunidade de Montes. Fixeron tamén un pozo na parte alta que pagou a Comunidade para ter auga e construíron unha balsa onde almacenan a auga que extraen e que serve para subministrar aos helicópteros e motobombas dos servizos de extinción de incendios e tamén para coller auga para o gando, cun sistema que impide a contaminación da auga da balsa. "No verán había escaseza de auga e iamos coas cisternas encher ao río, pero logo víñanos Seprona", explican. 
Temos o monte pechado e cada parcela ten un bebedeiro. Temos dereito ao aproveitamento de dúas parcelas cada veciño
Cada veciño ten dereito ao aproveitamento propio de dúas parcelas de monte, que sumarían unhas 5 hectáreas de superficie. Esta zona de pastizal de uso individual está dividida en parcelas de entre 2 e 4 hectáreas e todas contan cun bebedeiro. Tanto as vacas propiedade dos veciños que pacen estas fincas, como tamén as cabras e ovellas, que dispoñen de puntos de auga repartidos polo monte para que poidan beber sen ter que baixar á nave, dispoñen de auga procedente do pozo comunal.   Compatibilizan a explotación de ovino e caprino coa gandería de vacún Imaxe da nave metálica que serve de abrigo para cabras e ovellas e para suplementarlles con herba seca o pasto A explotación de ovino e caprino serve de complemento á gandería de vacún de carne, actividade principal tanto de María como de Belén. María conta con 27 nais reprodutoras e 1 touro de raza rubia galega e leva 21 anos producindo carne ecolóxica. Belén está en convencional e ten 17 vacas. O outro dos socios da SAT Salgueiriña, Jaime, traballa noutro sector aínda que mantén 8 vacas de carne.   Coma o resto de veciños, eles tamén teñen parcelas no monte comunal que usan para as súas explotacións de vacún, a maiores da superficie que pacen as cabras e ovellas. "O que quedou para as cabras foi o que non valía para as vacas, o que estaba sen aproveitar porque era a zona menos produtiva, por pendente e porque estaba erosionada polos continuos incendios. Moitas destas zonas non son mecanizables, non se poden traballar nin con dobre tracción, son as cabras as que a cultivan", di Belén. 
Dispoñen dun pequeno cobertizo para resgardar o rabaño das inclemencias do tempo e dos ataques do lobo
As áreas de menos pendente foron sementadas con herba e nelas rótase o gando para poder facer rolos de herba seca nos meses de máis produción de forraxe. "Son 50 ou 60 rolos que teñen á súa disposición no inverno e no verán", explica.   Dispoñen dun pequeno cobertizo para resgardar o rabaño das inclemencias do tempo e dos ataques do lobo. "Dentro témoslles a herba seca e está aberta sempre para que poidan entrar cando queiran. Baixan soas pola noite ou cando chove e tráense tamén cando van parir", explica María.  Produción en ecolóxico pero venda en convencional Usan o penso ecolóxico Ecofeed da cooperativa asturiana Campoastur Na parte máis accesible das 33 hectáreas, xunto á nave onde meten o gando, teñen unha parcela reservada para a época dos partos. "Temos separados os machos para ter un pouco controladas as inseminacións e os partos. Intentamos concentrar os partos para poder vender no verán, que é cando hai máis saída", indican. 
Coa venda directa sairía gañando tanto o produtor como o consumidor
O 2020 non foi un bo ano para as explotacións de ovino e caprino. "O coronavirus afectounos moito. Levar levábanchos igual, pero pagábanchos moito menos. Penso que a pandemia foi usada como unha desculpa para pagar menos pola carne", opina María, que avoga pola venda directa pois, con este sistema "sairía gañando tanto o produtor como o consumidor", di.  Aínda que o sistema de produción que utilizan segue os estándares fixados polo Craega, á hora de vender os años e cabritos non lles serve para revalorizalos. "A explotación está en ecolóxico, pero os cabritos comercializámolos en convencional porque en ecolóxico non hai a quen vendelos", asegura Belén.  

"Era un gando que non coñeciamos, tivemos que ir aprendendo o seu manexo"

María e Belén con Angus e Tina, os dous mastíns da explotación A uns 800 metros de altitude, as nevaradas fan estragos no piñeiral. "A plantación que fixemos estropéanola moito a neve, porque é un terreo de lousas onde os piñeiros teñen pouco agarre e túmbanolos a neve", recoñece María. No gando, as baixas veñen por outros motivos. "Entrounos dúas veces o lobo e despeñounos as ovellas", relatan. "Houbera moitas feridas e acabaron morrendo todas porque ás que lles traban non curan", din. Para tratar de evitar que entren teñen o cercado perimetral electrificado e para defender o gando en caso de que logren franquealo contan con dous mastíns, Augus e Tina, convivindo coas cabras e as ovellas de xeito permanente.   O rabaño de cabras e ovellas pace nas 33 hectáreas de monte nun sistema en extensivo no que prima a liberdade dos animais pero tanto María coma Belén están moi pendentes deles. "Imos todos os días a velas e pola noite baixan soas, tanto as cabras como as ovellas, para a nave que temos e polo día se empeza a chover tamén", explican. 
As cabras e as ovellas andan xuntas pero non revoltas porque as ovellas apártanse das cabras
Aínda que as cabras e as ovellas andan xuntas, non se mesturan. "As ovellas apártanse das cabras, normalmente están en dous grupos separados. A cabra fai moitos máis quilómetros ao día, mentres que as ovellas quedan nas fincas de máis cerca", contan.  Problemas co verdín Unha das pradeiras que se atopa a carón do establo, na que só están as cabras na época dos partos Cada grupo ten tamén as súas preferencias de alimentación. "A ovella é de pastizal, non vai á zona de toxo, e a cabra ao revés, vai máis á zona de monte onde están plantados os piñeiros", conta María. De feito, para as cabras a herba de retroño é contraproducente. "Na primavera non lles deixamos ir aos pastizais porque en dous días morren co verdín", advirte.  
As cabras non poden estar sempre no pastizal porque senón morren co verdín
"Para nós é máis doado o manexo das cabras que o das ovellas, pero son máis delicadas as cabras que as ovellas. As ovellas son máis duras e aguantan moito máis, mentres nas cabras hai máis mortandade", aclaran. "Era un gando que nós non coñeciamos. Aquí os veciños tiñamos vacas pero non cabras e ovellas, para nós era un gando novo, eran animais cos que non estabamos familiarizados", recoñece María.  Ataques do lobo, o raposo e o gabián ás crías Unha das cortes individuais nas que están os años e os cabritos pequenos ao naceren Un dos momentos de máis traballo é a época dos partos. Tamén aquí hai diferenzas en canto ao comportamento das dúas especies. "Cando paren as ovellas as nais non se separan dos años até que son capaces de camiñar e levan as crías con elas para o rabaño ou mesmo as baixan para a nave. Coas cabras temos que estar máis pendentes porque paren e xa deixan soas ás crías. Por iso as temos na época dos partos na finca que temos pechada ao redor da nave para poder controlar os nacementos e meter dentro aos cabritos, que doutro xeito quedarían indefensos no monte", explican.  
Nós nunca tiveramos cabras nin ovellas, tivemos que aprender, pero agora xa temos o manexo máis controlado
Tanto os años como os cabritos pequenos ao naceren quedan uns días dentro para protexelos do lobo, o raposo e o gabián. "Veñen as nais ao establo para que mamen", explica María. Contan cunhas pequenas cortes onde poder separar, tanto ás crías como ás nais, do resto do rabaño e onde suplementan a alimentación con penso ecolóxico Ecofeed que mercan á cooperativa asturiana Campoastur.  Unha vez ao ano sacan o esterco que fan as cabras e as ovellas e bótano nas pradeiras para abonalas. "Non temos tampouco moito esterco porque os animais pasan pouco tempo na nave, a maior parte do día están fóra", aclara María.  Aumento paulatino do número de cabezas a base de recriar Os dous sementais actuais do rabaño, que renovaron para evitar os problemas de consanguinidade Desde que puxeron a andar a explotación no 2010 o número de animais foi aumentando pouco a pouco a base de recriar. "As cabras viñeron das Nogais e o macho procedía de Andorra. Empezamos con moi poucas cabezas, un par de ducias soamente, e logo fomos recriando para aumentar", explican. Para evitar os problemas de consanguinidade cambiaron xa dous castróns e un año usados como sementais.  Pero nestes 10 anos sufriron toda unha serie de contratempos que retrasaron o medre da explotación e o aumento paulatino de cabezas. "Tivemos algún sabotaxe nos peches e no ano 2015 entrárannos a roubar. Levárannos 70 cabritos, e o problema non foi xa a perda de produción en si, senón a recría dese ano. Fora o que máis nos doera, porque custa moito medrar deste xeito, pouco a pouco, en base á recría propia", lamenta María.  

A Xunta prevé aumentar a superficie de pastos e forraxes en terreos forestais en 225.000 hectáreas

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 aspira a que o aproveitamento agrario cobre peso no monte. O documento, que será aprobado previsiblemente no Consello da Xunta este primeiro semestre do 2021, fala de aumentar a superficie de pastos e forraxes en terreos forestais ata en 225.000 hectáreas. O aproveitamento agrario do monte xeraría un dobre beneficio. Dun lado, as ganderías aumentarían a súa base territorial para pastos e forraxes. Doutro, os usos agrogandeiros contribuirían a reducir o risco dos incendios forestais. Medio Rural proxecta fomentar no monte unha paisaxe mosaico, na que as zonas de pasto ocupen espacios desarborados entre o arborado, de xeito que haxa discontinuidades no combustible forestal, -sen mato e sen arborado-, que axuden a frear posibles incendios. Unha segunda liña de traballo centrarase na creación de áreas de aproveitamento silvopastoril, onde o gando paste en montes arborados aclarados ou en superficies non arboradas mediante o pasto extensivo, axudando á protección dos terreos forestais. Como exemplo dunha posible actuación, Medio Rural apunta o interese de fomentar a actividade produtiva de madeira a baixas densidades, en particular de chopos resistentes a solos ácidos en zonas orientais de Galicia, compatibilizando este uso co aproveitamento silvopastoril. Rexistro de terreos forestais en pastoreo As terras de monte que se adiquen a pasto deberán inscribirse no rexistro de terras forestais en pastoreo, un rexistro que na actualidade ten pouco máis de 4.000 hectáreas inscritas, aínda que lóxicamente a cifra real de superficie de montes con uso agrario sexa maior. A Xunta sinala no Plan Forestal que os pastizais en monte deberán figurar tamén nos correspondentes instrumentos de xestión forestal. No caso das comunidades de montes veciñais, ademais, esixirase un documento de asignación dos lotes de terras de pasto. En terras particulares, pedirase no seu lugar un contrato de arrendamento. Os obxectivos da Xunta para aumentar o uso agrario do monte son ben recibidos polo sector agrario, se ben tamén hai incredulidade sobre as superficies que proxecta adicar a Xunta a usos agrarios, toda vez que nos últimos anos as actuacións anuais para crear pastizais no monte son mínimas, cun presuposto reducido.

Medio Rural anuncia que están en marcha 18 aldeas modelo en Galicia

En Galicia hai na actualidade 18 aldeas modelo en marcha, cun total de 531 hectáreas mobilizadas para a produción agraria. A creación das aldeas modelo foi unha das estratexias anunciadas o pasado ano pola Xunta para xestionar a biomasa arredor dos núcleos de poboación. En total, o conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou onte que hai 60 peticións para a posta en marcha de aldeas modelo, das que 18 están operativas, acadando a un total de 2.600 persoas propietarias e 10.500 parcelas. O conselleiro, que visitou onte unha aldea modelo en Osmo (Cenlle, Ourense), anunciou tamén a creación dunha comisión técnica de silvopastoreo. O obxectivo é impulsar o uso do gando no monte (vacún, ovino e cabrún, porcino, etc.) para reducir a biomasa, especialmente nas aldeas modelo. Os integrantes da comisión técnica visitarán nas próximas semanas distintas aldeas modelo e efectuarán recomendacións para a xestión do silvopastoreo nas mesmas, valorando tamén o gando máis aconsellable. Este órgano técnico está coordinado polo subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Alejandro Sánchez de Dios. Os demais integrantes son Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC; Francisco Javier Silva Pando, experto en silvopastoreo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, adscrito a Medio Rural; Santiago Crecente, xefe de Departamento do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e representante da Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra, e Jorge Mourelo, subdirector xeral de Gandaría da Consellería do Medio Rural. Polígonos agroforestais Con respecto aos polígonos agroforestais, González salientou que xa se foron levando a cabo, nos anos 2018 e 2019, iniciativas piloto en zonas coma O Courel, Sober ou Os Ancares (na provincia de Lugo) ou Cualedro (na de Ourense). Engadiu que se traballa tamén noutras áreas, caso de Santaia-Foxado (Curtis, A Coruña), cunhas 3.200 hectáreas, e Carzoá (Cualedro, Ourense), con outras 185 hectáreas.

Curso sobre queima prescrita e pastoreo

O Campus Terra USC organiza, entre o 1 e o 4 de setembro, un curso semipresencial (online + dúas visitas de campo) sobre “Sistemas agroforestais e prevención de incendios: queima prescrita e pastoreo”. O curso está dirixido pola coordinadora de AFINET, Rosa Mosquera, e por Nuria Ferreiro. O prazo de solicitudes remata o 27 de xullo e período de inscrición vai do 27 de xullo ao 28 de agosto.

Para consultar o programa do curso: https://cutt.ly/eaek0t5 Para rexistrarte: https://matricula.usc.es/loginx/Login.asp

Cachenas de San Breixo, carne de máxima calidade directa ao consumidor

Jordi Ánguez coa súa filla Carmen no monte, onde ten o seu rabaño San Breixo da Balsa foi no seu día a capital do Concello, pero hoxe só quedan nesta pequena aldea de Triacastela unha capela caída e tres casas en pé. A de Jorge Ánguez Grases é a única vivenda habitada de forma permanente e as súas vacas son as que coidan o pobo e evitan que a maleza acabe engulíndose o lugar, como décadas atrás fixo a emigración. "Nós volvemos hai 11 anos de Barcelona. De aquí era o meu pai e sempre houbera vacas na casa até 1980. Atendíaas un tío avó meu. Eu estudei Farmacia e Empresariais e levaba o restaurante da familia, pero cada ano escapábame para vir á Semana Verde de Silleda porque me gustaba moito. No ano 1996 vin as cachenas alí e namoreime desa raza. É unha vaca preciosa, podemos discutir carácter, produtividade ou outras cousas, pero non a súa beleza, é un animal que gusta a todo o mundo", afirma Jordi.
"Eu estudei Farmacia e Empresariais e levaba o restaurante da familia en Barcelona, pero cada ano escapábame para vir á Semana Verde de Silleda e alí namoreime das cachenas"
O 23 de abril do 2003, día do seu santo e patrón de Cataluña, Jordi cumpriu o seu soño e deuse de alta como gandeiro. "Volvemos montar a explotación con idea xa de virnos para aquí. Empezamos con 6 xovencas e un tenreiro. Trouxémolas de Olelas, en Ourense e custounos conseguilas porque naquela época había moi poucas cachenas e case había que facer unha instancia para conseguir unha", lembra hoxe. Aquela afección súa polas vacas acabou converténdose no proxecto compartido de toda a familia: de Mireya, a súa muller, e de Breixo e Carmen, os seus dous fillos. "Medramos rápido ao principio, deu a casualidade de que os primeiros anos saíron moitas femias, por enriba da media de 50% machos e 50% femias", explica.
"No 2015, cando eliminaron da noite para a mañá o pasto arbustivo, tivemos que reducir animais, malvendéndoos porque se nos disparaba a carga gandeira e perdiamos as axudas. Foi a ruína total."
"Chegamos a ter 100 cabezas, pero tivemos que volver empezar case de cero en 2015, cando sacaron o pasto arbustivo. Supúxonos a ruína total e tivemos que replantexarnos todo outra vez. Aquilo foi unha decisión inesperada, un cambio das regras de xogo da noite para a mañá. Eramos 5 explotacións en Galicia que de golpe por sacarnos o pasto arbustivo disparábasenos a carga gandeira e perdiamos as subvencións por criterios ambientais. Tivemos que reducir animais, malvendelos para non perder a subvención", conta. 70 cabezas e 100 hectáreas Tivo que reducir a carga gandeira cando en 2015 eliminaron o pasto arbustivo Hoxe Jordi foise recuperando daquel pau e ten 70 cabezas de gando, das que 40 son nais reprodutoras. Manexa unha superficie total de 100 hectáreas, a metade monte comunal e a outra metade propiedade das tres casas do pobo. "Levamos as propiedades das tres casas que hai na aldea, tanto os prados como a superficie forestal. Nós aproveitamos moi ben o monte, pastoreamos os soutos centenarios e aproveitamos moi ben a castaña, e pacemos tamén as carballeiras e zonas que eran labradío e nas que naceron bidueiros. Considero que o modelo combinado de pastoreo con forestal é o gran futuro da gandeiría en zonas de montaña como esta", afirma.
"Nós aproveitamos moi ben a superficie forestal e considero que o modelo combinado de pastoreo de pradería e monte é o gran futuro da gandeiría en zonas de montaña como esta"
"No monte comunal pastoreábase tradicionalmente o monte baixo pero iso é pouco produtivo. Agora estamos a facer pradeiras nalgunhas zonas de monte. A semente está moi cara, así que deixamos un anaco de monte recentemente semillado con raigrás para cultivar e ter semente propia para varios anos", explica. As leiras máis altas desta explotación sitúanse a 900 metros de altitude, xusto enfronte do monte Oribio, onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou recentemente o proxecto para construír un parque eólico. "É algo que non entendo, poñer aeroxeradores en plena Rede Natura nun lugar polo que pasa o Camiño de Santiago e que ten na paisaxe e a natureza os seus principais atractivos. Creo que é pan para hoxe e fame para mañá, o mesmo que os eucaliptos", afirma. Gandeiría para fixar poboación Fronte ao monte Oribio, a 900 metros de altitude, Jordi está sementando pradeiras en zonas de monte comunal Jordi defende a gandeiría como actividade para crear riqueza e fixar poboación no medio rural e pide que ese sexa un criterio fundamental á hora do reparto das axudas da PAC. "Os dereitos da PAC en Galicia son plans de xubilación e iso entorpece o crecemento do sector, os dereitos deberían ir vinculados aos gandeiros que manteñan a produción", reclama. "Aínda que fagas as cousas ben, se non tes subvención non son rendibles as explotacións en Galicia", afirma. Por iso non entende algunhas das políticas públicas levadas a cabo polas Administracións nos últimos anos. "Deixáronse vender os dereitos da PAC e os dereitos de vacas nodrizas e moitos vendéronse para fóra de Galicia. Eses dereitos non se deberon deixar saír de aquí", insiste.
"Os dereitos da PAC en Galicia son plans de xubilación e iso entorpece o crecemento do sector, os dereitos deberían ir vinculados aos gandeiros que manteñan a produción"
Do mesmo xeito, critica que a distribución de fondos non prime aspectos como benestar animal ou alimentación. "A PAC é unha axuda á produción, pero non che pagan a produción, senón o mantemento, e dá igual que teñas as vacas gordas ou fracas", argumenta. Jordi é unha persoa que di o que pensa e non cala o que lle parece xusto. Poida que lle veña de familia, pois a primeira referencia histórica á casa paterna é de 1730, dun antepasado seu queixándose de que subiran o chato de viño na feira. "Teño mentalidade catalá, os galegos sodes moito máis conformistas", bromea. Pouca maquinaria No inverno suplementa con silo e herba seca que obtén nas fincas máis próximas ao Camiño de Santiago As cachenas de San Breixo pacen libremente todo o ano no monte e nos prados máis próximos ás casas da aldea pero no inverno, e tamén no verán en anos nos que hai seca, Jordi suplementa o pasto con silo e herba seca. "Cada vez hai que facer máis silo, nótase o cambio climático. Antes sobrábanos auga, agora temos fontes que secan e o prado este ano en setembro estaba xa moi seco, outros anos aguantaba máis. Este foi un ano moi raro, porque sen embargo o corte de ensilaxe foi moi bo", explica.
"Creo que non é interesante manter 4 tractores nunha explotación para que a maioría deles traballen 15 días ao ano"
As fincas que ten á beira do Camiño de Santiago destínaas a forraxe e saca 2 ou 3 cortes de herba, tanto para silo como para herba seca. "Eses traballos contrátoos. Empecei con moi pouca maquinaria e daste conta de que te amañas perfectamente así. Creo que non é interesante manter 4 tractores nunha explotación para que a maioría deles traballen 15 días ao ano", argumenta. Peches con malla gandeira Pastorean os soutos para aproveitar a época da castaña Jordi recoñece que cumpre moitos tópicos que fan que a súa gandería chame a atención: neorural, emigrante retornado, urbanita que volve á aldea. "Fun autodidacta, eu non tiña nin idea disto, pero a cachena é unha raza que che permite ir aprendendo", di. Por exemplo, non pon arame nin pastor eléctrico para pechar as súas leiras. "Teño moita superficie forestal e se cae unha ponla os animais escápanse e fan moitos quilómetros. Poñemos malla gandeira, que encarece os peches, pero dá máis seguridade para as vacas e ten ademais a vantaxe de que pon trabas ao xabaril, que nesta zona aféctanos moito porque hai dous anos houbo incendios e baixaron do monte", explica. O perímetro do último cercado que fixeron foi de 3,5 quilómetros de malla e só descartan un animal para recría se aprende a sortear o peche. "É un dos criterios de selección que utilizamos, porque non podemos estar pendentes dun animal que se escapa todos os días", xustifica. Mercado de vida Rendabiliza o alto nivel xenético da súa cabana vendendo femias para recría e machos para sementais A venda de animais a outras explotacións é outra das vías de ingresos de Cachenas de San Breixo. "Temos moito mercado de vida", explica Jordi, que explota desta forma o nivel xenético da súa cabana, que conseguiu vencer nos tres primeiros concursos morfolóxicos desta raza organizados na Semana Verde de Silleda en 2012, 2013 e 2014. Rabuda fíxose, por exemplo, co primeiro premio en 2012 e Maketatón sucedeuna ao ano seguinte. Os nomes dos animais son outra das curiosidades desta explotación. "Todos os animais teñen nomes con historia. O primeiro nacemento dun tenreiro que tivemos foi o catro do catro de dous mil catro e era Domingo de Ramos, así que lle puxemos Ramos e a partir de aí, cada ano tiramos dun tema: nomes gregos, romanos, de deusas exípcias, de plantas, etc. O ano pasado aos machos puxémoslles nomes de escritores ingleses e este ano estamos con personaxes fantásticos, xa tivemos un Harry Potter", conta.
"Todo o que naceu de recría en 2019 está xa apalabrado, pero non vendo todo o que me piden porque quero medrar eu tamén para recuperar as 100 cabezas que tiña"
"Tendo en conta o tempo que levamos e o número de cabezas que temos, desta gandeiría saíron moitos machos para sementais, como Dátil, e tamén moitas femias. Agora quero seguir medrando eu tamén, porque quero chegar a recuperar as 100 cabezas que tiven, por iso non vendo todo o que me piden", aclara Jordi, que explica que "en 2020 vaise disparar a demanda para vida, o que naceu de recría en 2019 xa está todo apalabrado e vendido". Complemento a outras razas A cachena é a raza de vaca máis pequena do mundo en canto a estatura pero a súa grande versatilidade para o pastoreo convértena nunha especie todo terreo idónea para lugares con orografía difícil e condicións climáticas adversas. A raza traspasou as fronteiras de Galicia e hai animais en explotacións de Castela e León, Cantabria, Extremadura ou o País Vasco, onde o cociñeiro Carlos Arguiñano posúe varios exemplares.
"Ter un rabaño de cachena como complemento a outras razas cárnicas é unha boa opción para limpar as leiras"
Tamén en Alemaña hai cachenas, explica Jordi. "Hai dous criadores, Hitler seleccionou razas de toda Europa e aínda hoxe quedan en Alemaña dúas explotacións de cachenas, aínda que teñen problemas de consanguinidade", conta. Considera que "é unha raza que se se promocionase máis para vida tería tamén moito mercado para iso porque as cachenas son unha boa opción para ter un rabaño como complemento a outras razas cárnicas, como limusión ou rubia galega, porque che aproveitan o pasto e o terreo malo", argumenta.

"O mercado está fora, aquí todo o mundo ten un curmán ou un veciño que lle vende medio becerro"

Cachenas de San Breixo fai chegar directamente a súa carne ao consumidor final. Foi unha das gandeirías pioneiras na comercialización sen intermediarios desta raza autóctona. Contacta cos clientes a través da súa páxina web e envía os pedidos, envasados ao baleiro, en caixas isotermo ata o domicilio do consumidor. Até que nos viñemos para aquí tiñamos o restaurante en Barcelona e toda a nosa produción ía para alí. Despois empezamos a comercializar a nosa carne en carnicerías de proximidade, pero aquí o mercado é pequeno e hai moitas explotacións e todo o mundo ten un primo que lle vende medio xato", argumenta. O Concello de Triacastela non chega aos 650 habitantes aínda que ten un importante fluxo de peregrinos e numerosos negocios de hostalería vinculados ao Camiño de Santiago pero Jordi enseguida se deu conta de que o seu cliente potencial estaba fóra. "Non hai mercado dabondo aquí para que todos fagamos venda directa, nin tampouco para a carne ecolóxica, porque o que busca o ecolóxico decántase pola verdura. O mercado está fóra. Onde hai que mandar a carne ecolóxica é a Alemaña, pero iso non se pode facer individualmente, senón cunha estratexia conxunta", defende. Comercialización en lotes e medias canais Os xatos están coas nais até o sacrificio e son comercializados en lotes de 3, 5 e 10 quilos "Nós empezamos no 2012 a facer venda directa e a comercializar por internet. Ao principio o mercado de carne de cachena estaba virxe e poñías no buscador cachena e saiamos nós, agora xa hai máis produtores que se decidiron a vender a súa propia produción porque o problema de depender de terceiros é que non fixas os prezos, pasa igual que co leite, só que o sector da carne está menos profesionalizado aínda que o do leite porque é moi difícil vivir da carne, tes que ter moito volume", considera.
A redución no número de cabezas á que se viron obrigados fai catro anos impediulles poder atender a novos clientes, algúns no estranxeiro
Cachenas de San Breixo vende entre 30 e 40 animais por ano, todos a clientes particulares. "Chámante os restaurantes e pídenche todos chuleteiro, pero non interesa porque, que fas co resto?", argumenta Jordi. Empezaron sacrificando no matadoiro de Taboada pero agora ampliaron e mandan tamén animais a Sarria ou Castro. "Traballamos con varios matadoiros. Empezamos con Celtaverde pero quédanos lonxe por loxística. Nós supervisamos o despezamento e facemos os lotes", explica. "Servimos lotes de 3, 5 e 10 quilos que enviamos a toda España e tamén vendemos canais enteiras e medias canais para o mercado exterior, a clientes de Francia, Inglaterra ou Italia e iso que fai catro anos, cando nos vimos obrigados a reducir o número de cabezas tivemos que frear a venda fóra porque non tiñamos capacidade para atender aos novos clientes que saían, mesmo no estranxeiro, e priorizamos atender aos clientes daquí", indica. "Facer lotes dá máis traballo, tamén de loxística, pero é a única maneira de enviar para lugares como Madrid, onde ninguén che pide media canal", engade. Apostar pola calidade A capital de España absorbe máis da metade da produción desta explotación da montaña de Lugo. "O 75% vai para Madrid, en Galicia cada vez hai máis competencia", recoñece Jordi, que asegura que os produtos que saen da nosa comunidade teñen moi boa acollida fóra. "A marca é Galicia porque fóra a percepción é que todo o que sae daquí é o mellor, estou convencido de que metes pedras nunha caixa e mándalas a Madrid e funciona, porque a palabra galego é sinónimo de calidade", argumenta.
"A batalla da cantidade témola perdida, xa que os custos de produción son aquí máis altos"
Por iso, di, "temos que apostar pola calidade, porque a batalla da cantidade témola perdida, xa que os custos de produción son aquí máis altos". E propón diferenciarse. Por exemplo, di, "pechando Galicia aos transxénicos, como fixo Escocia". "Nós non estamos en ecolóxico pero a nosa carne é tan ecolóxica como moita da que está no mercado como ecolóxica", di. "As nosas vacas viven en liberdade coas súas crías, ao aire libre todo o ano. Non destetamos, maman o tempo que queren e sacrificamos dependendo do animal e da época do ano", explica. "Temos partos todos os meses do ano, pero o gordo céntrase en catro meses, de marzo a xuño, que é a época na que se concentra o maior número de nacementos, porque na primavera é cando está o semental coas vacas. Temos dous touros, un para quedar como reprodutor na gandeiría e outro que capamos e estamos finalizando para un restaurante", explica. "Fixemos tamén un boi nunha ocasión, pero o problema é que se dificulta o manexo. Caparámolo aos 11 meses e sacrificarámolo con 7 anos e medio e estivo o último ano a castaña. Iso non se paga, non ten prezo", conclúe.

Porco Celta de Couboeira, aposta pola cría en extensivo en Mondoñedo

Nando xunto aos seus porcos na finca de 3 hectáreas onde os ten Os seus avós tiveran vacas e tiña aínda a maquinaria, pero as fincas estaban abandonadas. Pero lonxe de resignarse a velas así, o ano pasado Nando López decidiuse a montar unha explotación de porco celta na parroquia de Couboeira, no concello de Mondoñedo. O que naceu como unha afección é xa un proxecto sólido e Nando fai xa plans para poder vivir da gandería. "Eu vía o porco celta na tele e sempre o asociaba á montaña de Lugo, á zona do Courel ou dos Ancares. Pero un ano en Silleda achegueime ao stand de Asoporcel e a partir daí botei dous anos coa idea rondándome na cabeza até que no 2018 me decidín a pechar e acondicionar unha finca de case tres hectáreas que tiña unha parte de prado e outra de monte, con piñeiro de Oregón, eucalipto e carballo", explica Nando.
"O peche exterior compensa facelo ben porque dá tranquilidade. Eu metín aramio cinexético reforzado de dous metros de alto e pastor eléctrico por dentro e por fóra"
Mercou os materiais para pechar a parcela ao arredor e para facer un pequeno cobertizo de madeira onde garda o cereal e alimenta aos animais e puxo el todo o traballo, axudado por outros veciños, para abaratar. O gasto foi duns 6.500 euros, a meirande parte no peche perimetral, que lle valeu uns 5.000 euros. Foron 350 columnas de formigón a 9 euros cada unha, un palé de cemento e 1.000 euros só na malla, lembra. Peche exterior da finca "O peche exterior botei contas e compensa facelo ben. Eu decidín facer un bo peche por tranquilidade", di. O cercado mide dous metros e está feito con aramio cinexético reforzado tensado mediante columnas de formigón. Ademais da malla, ten tamén peche eléctrico con fio de pastor por dentro, para que os porcos non se boten, e por fóra, para evitar que o lobo e o xabarín entren. Agora vai poñer tamén cámaras de videovixiancia na finca para tela controlada desde o móbil. "O investimento é ridículo para a seguridade que dá poder ter a parcela vixiada desde o teléfono e é moi útil para os partos para non ter que estar aquí facendo garda", di. Tamén construíu un pequeno cobertizo onde foi máis austero cos materiais. Fíxoo de madeira e gastou uns 1.500 euros. Coa infraestrutura básica construída, tocoulle o turno aos inquilinos. Comezou metendo 19 animais de cebo. "Merqueinos con 2 meses, xa destetados", conta. Vendeunos todos con facilidade e iso animouno a dar o salto a criar. "Ante a demanda que hai de cebo de leitón e tamén de porcos para vida voume meter a criar e cebar", explica.
Ten a finca dividida en catro subparcelas para para evitar o sobrepastoreo e deixar descansar o terreo para que recupere a vexetación
Entre os 19 animais que mercou para cebar os técnicos da Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) seleccionaron 5 femias que vai deixar como nais. Nunha explotación reducida como a que Nando vai montar permítense 4 reprodutoras, máis unha de reposición e máis o macho, que fai as funcións de semental e que xa mercou. Chámase Breogán. "Inicialmente a miña idea era facer só silvopastoreo cuns cantos animais para limpar a finca e ter carne para autoconsumo, pero agora encamiñeino cara unha explotación mixta para poder compaxinar a ceba e a cría", indica. Máis investimento O cambio de idea obrigouno tamén a facer novos investimentos. Está construíndo unha sala para o macho e catro parideiras, máis unha dependencia para ter o cereal. Esta nova instraestrutura xa non é de madeira. "Empecei rústico e agora xa estou facendo obra para que sexa máis duradeira, pensando en vivir disto. Queda moito camiño por andar, pero si que me gustaría e calculo que en 5 anos podería vivir só disto. Tería que ter 8 nais e con iso podería sacar un soldo digno", razoa.
"Calculo que en 5 anos poderei vivir só disto e o investimento é ridículo comparado cunha explotación de vacas de leite, por exemplo. E non é tan esclavo"
"O investimento é ridículo comparado cunha explotación de vacas de leite, por exemplo, e non é tan esclavo, porque os horarios aquí permiten ter tempo libre", di. "Ter os porcos non me resta calidade de vida. Gústanme moito as motos e isto non me quita de ir ás concentracións por toda Galicia", explica. A maiores de nave de cría, Nando vai montar tamén tolvas de alimentación metálicas e bebedeiros. "Até agora dáballes de comer todos os días manualmente pero vou poñer tolvas para alimentación e tamén quero mellorar e facilitar a limpeza. Quero telo cómodo e hixiénico, sobre todo para os partos", indica. En total, calcula que gastará outros 10.000 euros. Rotación polas distintas parcelas Tráelles herba fresca cada dous días Nando subdividiu a superficie de 3 hectáreas en 4 parcelas para evitar o sobrepastoreo. "No verán roto cada mes e medio, no inverno a vexetación aguanta un pouco máis e tardo uns tres meses en cambialos", explica. "Non volven á mesma parcela en todo o ano e iso permite recuperar o pasto. Hai xente que os ten en terra ou en lama pero a min interésame ter sempre vexetación. Son 19 animais xuntos pero se a finca é grande non deterioran tanto o monte e eu en 3 hectáreas de superficie con este sistema podería ter 40 animais", explica. O monte no que Nando ten a explotación estaba sen rozar pero diso xa se encargaron os seus porcos. "O que é toxo e silva cómeno todo e despois moven a terra o que fai que saia herba", conta. A maiores dun preparado de cereais específico para porco celta deseñado por Asoporcel a base de millo, cebada e trigo, supleméntalles con herba e cultivos de tempada que lles aporta na propia parcela.
Nando suplementa a alimentación a base de cereais cos excedentes da horta e produtos de tempada como mazás
"Na miña casa había explotación de vacas e teño maquinaria. A finca onde teño os porcos non me xera todo pero traio doutras parcelas. Así aproveito para limpar tamén as outras fincas. Doulles herba e vallico. Cada dous días vou buscar un tractor de herba recén cortada e dúrame para dous días. Se a herba ven fresca cómena, pero se pasa un par de días ao sol xa non a queren e úsana de cama. Tamén teño horta e doulles os excedentes: coles, repolo, nabos, verzas e na primavera e no verán tomates e leitugas que se pasan. Na época das mazás doulles tamén mazás, comen até 70 quilos diarios no tempo delas. Ao meterlles horta e herba tamén destrozan menos o monte onde están e a vexetación é capaz de rexenerarse", argumenta. Ceba con castaña os últimos 4 meses Breogán será o semental da explotación. Mercouno este ano e é da variedade carballiña. Merca tamén castaña de descarte para os catro meses finais de ceba. "Co millo non abusamos, gústalles moito pero dalles moita graxa. Eu tírollelo a granel polo monte, iso motívaos a buscar e fozar", explica. "Estes porcos están todo o día movéndose pola finca, no cobertizo non están case nunca. Moita xente di que esta raza de porco ten moita graxa pero iso é porque non se poden criar nun cortello coma un porco branco. Hai xente que os cebaba na casa dentro dunha corte e non é un animal para iso", asegura. "A diferenza dos porcos brancos que se crían na casa, nos que o importante é a ceba, nestes o importante é o arranque tralo destete, que é un momento no que non se pode escatimar cereal, e a finalización os últimos catro meses antes do sacrificio, que é onde se logra a graxa infiltrada", di.
"O importante é o arranque tralo destete, aí non se pode escatimar cereal, e os catro meses de finalización antes do sacrificio, que é onde se logra a graxa infiltrada"
A cría que fai este produtor é totalmente en extensivo. E destaca o benestar animal deste modo de gandería. "Están ceibos, entran e saen cando queren do refuxio no que comen e no que gardo o cereal", explica. "Tamén teñen a auga á súa disposición. Teño tres mananciais propios, o que me permite terlles auga correndo todo o día, tanto de día como de noite, as 24 horas. Hai tomas repartidas pola finca e a auga sobrante xúntoa na parte baixa da parcela nunha poza para que se bañen", conta. Control sanitario Cos porcos ten un mastín do Pireneo ao que non deixa saír da finca para evitar que traia enfermidades Malia estar ceibos, Nando destaca que "o porco celta é un animal dócil". Defende o contacto diario cos animais. "É algo que me interesa sobre todo nas femias para que sexan máis doadas de manexar e está claro que a maneira na que os tratas resulta despois á hora do manexo", defende. A nivel sanitario, di, "esta raza de porco é moi difícil que enferme". "Só os pincho para Aujeszky e desparasito dúas veces ao ano. Desparasitar é moi importante para garantir que coman e vacinar para Aujeszky é moi importante tamén por se che entra o xabarín", explica. "Eu teño un mastín do Pireneo sempre con eles na finca. Ao can non lle deixo saír nunca do cercado para evitar que poida traer algunha enfermidade. O mastín non os molesta e se entrara un lobo ao ser un can de montaña atacaríao", di. Na parcela conta cunha manga para facilitar os tratamentos e destaca que os crotais con microchip que se usan no porco celta "facilitan o control". "Os cerca de 150 produtores de toda Galicia que estamos en Asoporcel estamos seguindo as mesmas pautas e iso fai que o produto final sexa tamén uniforme en calidade", afirma. Destaca o labor da Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta e pensa que o mérito é compartido. "Nós sen a Asociación non faríamos nada e a Asociación sen nós tampouco, así que o mérito é 50% de Asoporcel e 50% noso", di. Logo de dúas décadas de actividade, unha das cousas que valora, ademais do asesoramento e axuda técnica, é a promoción que Asoporcel fai en feiras, restaurantes e puntos de venda porque "iso ábrenos camiño aos produtores e facilítanos mercado". "É fundamental que a xente probe primeiro para logo nós poder vender", razoa. Contacto co consumidor final Nando asegura que á hora de buscar saída a un produto de calidade como é a carne de porco celta é importante o contacto e o trato directo co cliente final. É algo ao que el está acostumado, pois ten unha empresa de venda e distribución de peixe.
Ten unha empresa de venda e distribución de peixe e aproveita esa loxística para servir a carne directamente ao cliente na súa casa
"A día de hoxe o consumidor quere saber a procedencia dese porco e a alimentación que tivo", asegura. Por iso coida as redes sociais e na páxina de facebook de Porco Celta de Couboeira sobe periodicamente vídeos da alimentación que lles dá aos seus animais, fotos do seu crecemento e mesmo receitas e artigos sobre as características desta raza autóctona. "Hoxe as redes sociais son unha canle moi boa para chegar á clientela", di. Ese contacto co cliente final permítelle vender directamente ao consumidor. "Ao vender a particulares sácaslles máis, ao mellor un par de euros máis en quilo", asegura. Nando aproveita a loxística da súa empresa de venda e distribución de peixe tamén para a comercialización do porco celta, por exemplo a furgoneta isotermo. "Os porcos van ao matadoiro, recollo a carne xa despedazada e entrégoa na casa", explica. "Teño vendidos catro animais para xente de cidade que me pide media canal. É máis lioso pero vouno facer porque facilita a venda, hoxe a xente nos pisos ten pouco sitio nos conxeladores", argumenta. Para aproveitar mellor tamén os momentos de máis demanda, di que "o ideal sería programar os partos para vender dúas veces no ano". A implicación dos veciños Os veciños aparécenlle con carretillas de verzas e caixas de mazás para os porcos Nando destaca que a cría de porco celta xera actividade local. Aserradeiros, albaneis, fontaneiros, ferreterías e empresas de material de contrución son precisas durante a posta en marcha das instalacións. Logo son as fábricas de penso, os matadoiros e as carnicerías as que se ven beneficiadas. Couboeira ten 25 veciños e só 3 nenos. A iniciativa de Nando acabounos implicando a todos eles. "Os veciños tráenme comida para os porcos, aparécenme aquí con carretillas de verzas, con caixas de mazás...", describe. "Tamén me facilitan fincas de balde se quixera aumentar, pero non me meto a iso de momento polo custo que ten pechalas", conta. Dispón de outra finca familiar de 8 hectáreas na que hai frutais e na que vai plantar tamén castiñeiros de froita "para ir preparándoa para se isto vai ben dar o salto para esa outra finca", avanza. A ilusión que Nando lle pon á súa gandería en extensivo é contaxiosa. Un veciño seu, Eduardo Ibáñez, que está en Barcelona pero vén tres veces no ano a Couboeira, foille ver os porcos e está pensando seguir os seus pasos. "Marchou para Barcelona con 100 quilos de carne en neveiras no coche. Está cansado da cidade e está pensando en virse e dedicarse a isto. Ve relax e unha vía de negocio", conta. Tamén el fai esa mesma lectura: "estou vendo que teño máis calidade de vida nisto que no peixe, no que tiña que madrugar moito e andaba sempre estresado", conclúe.

Viaxe para coñecer experiencias de sistemas silvopastorais no norte de Portugal

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo organiza a Xornada Técnica Os sistemas silvopastorais, que se celebrará o xoves 21 e venres 22 de novembro e que inclúe unha viaxe para coñecer distintas experiencias no norte de Portugal.

O contido teórico, que correrá a cargo dos catedráticos da USC no Campus Terra de Lugo Rosa Mosquera e Antonio Rigueiro, desenvolverase o xoves pola tarde, a partires das catro, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo. Falarán sobre o pastoreo como ferramenta de xestión do territorio na prevención dos incendios forestais, as sinerxías entre o castiñeiro e o gando, as alternativas para o asentamento da poboación rural, e sobre a rede europea AFINET de innovación agroforestal.

O venres haberá unha viaxe de prácticas ao norte de Portugal, onde se coñecerán dúas experiencias levadas a cabo en Bragança, na Quinta de Arufe, con pastoreo en soutos con gando ovino e cabrún, e na localidade de Vila Pouca de Aguilar, con vacas maronesas en pastoreo libre en montes veciñais.

Esta acción está aprobada dentro do plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2019 (2019/020) e conta coa colaboración de distintas entidades (AFINET, USC e Instituto Politécnico de Bragança).

Está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.

A actividade é gratuíta pero ten prazas limitadas para a viaxe a Portugal, polo que para asistir é necesario cubrir o seguinte modelo de solicitude e presentalo antes das 14.00 horas do día 20 de novembro na Oficina Agraria Comarcal de Lugo ou ven envialo por mail a xbruna@xunta.es ou por fax ao número 982294937.

Cinco cuestións a ter en conta na declaración da PAC 2018

As axudas da PAC presentan este ano importantes novidades en cuestións como as Zonas con Limitacións Naturais, as Superficies de Interese Ecolóxico ou os pastos arbustivos. Repasamos cinco cuestións prácticas a ter en conta coa axuda de Javier Franqueira, técnico do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que este ano estivo impartindo charlas sobre a PAC orientadas a gandeiros da provincia da Coruña.

1) Cambios na xestión das Superficies de Interese Ecolóxico

As explotacións con máis de 15 hectáreas de superficie teñen que deixar un 5% das terras como Superficie de Interese Ecolóxico, isto é, ou ben a barbeito, en descanso, ou ben con cultivos fixadores de nitróxeno. Este ano, a principal novidade é que nos cultivos fixadores de nitróxeno poderanse facer mesturas, cando ata o 2017 tiñan que ser cultivos puros.
"Poderanse xustificar pradeiras de trebo e raigrás como cultivos fixadores de nitróxeno, sempre que o trebo sexa maioritario"
“O cambio abre a posibilidade a que se fagan pradeiras de trebo con raigrás, onde o trebo sexa maioritario, ou cultivos de veza mesturada con avea, sempre que a veza sexa a maioritaria” -explica Javier Franqueira-. “Pero non serviría unha pradeira de trebo con raigrás na que o raigrás sexa o máis abundante, ten que ser claramente un cultivo no que a especie fixadora de nitróxeno teña presenza maioritaria”, precisa. A modificación permitirá que as explotacións galegas fagan un manexo de cultivo ó que están máis afeitas, pois ata a pasada campaña tiñan que xestionar cultivos puros de especies como a alfalfa, no que se daban problemas de implantación, ou de veza, que en cultivo puro tamén orixinaba dificultades. O cultivo fixador de nitróxeno debe manterse ata a floración, podendo declararse un cultivo secundario na parte restante do ano. Outra alternativa ó cultivo fixador de nitróxeno é manter a terra en barbeito un mínimo de 6 meses no periodo xaneiro – setembro. Este ano modificouse o periodo de barbeito, que ata agora tiña que ser de nove meses entre outubro e xuño. Cómpre lembrar tamén que nas Superficies de Interese Ecolóxico non se poderán usar fitosanitarios en tanto estean en barbeito ou co cultivo fixador de nitróxeno.

2) Pagos dirixidos a Zonas con Limitacións Naturais

A ampliación de territorio que houbo este ano nos pagos orientados a Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) -as antigas indemnizacións compensatorias- permitirá que moitas explotacións poidan acceder a este complemento. Esíxese para elo unha carga mínima de 0,7 – 0,9 Unidades de Gando Maior por hectárea, segundo a ubicación da gandería, pero non hai limitacións de carga máxima. Poden acceder ás axudas todas as granxas prioritarias ou aquelas xestionadas por un Agricultor a Título Principal (só no caso de explotacións individuais). Entre os produtores, hai a incógnita de cal será o pago este ano polas Zonas con Limitacións Naturais (ZLN), unha dúbida que aínda non se pode despexar. “Dependerá do número total de solicitudes, que se espera que se incrementen sensiblemente. En principio, podemos estimar que o pago será inferior ós 60 -70 euros por hectárea indemnizable que se viñan pagando nas últimas campañas para as zonas distintas de montaña, pero non se pode concretar a cifra. Tamén existiría a posibilidade dunha ampliación de fondos para as ZLN con partidas non executadas noutras medidas do Programa de Desenvolvemento Rural, polo que hai que agardar”, valora Javier Franqueira.

3) Controis preliminares

Un dos cambios da solicitude da PAC esta campaña é que tódolos produtores terán que presentar unha declaración gráfica do Sigpac coas parcelas que inclúen. O cambio é ventaxoso, pois permítelle ó produtor comprobar de forma visual que a parcela que está vendo correspóndese coa que quere declarar, evitando erros.
Tódalas explotacións presentarán unha declaración gráfica das súas parcelas, o que permitirá executar controis preliminares
Outra vantaxe é que este sistema permitirá realizar uns controis preliminares, que se executarán antes do verán, co cal se detectarán con tempo as duplicidades que haxa na declaración de fincas e se solicitará a súa corrección. Esa petición de modificación farase en primeiro termo sen sanción administrativa de por medio, a diferenza do que ocurría en campañas pasadas, cando os primeiros controis iniciábanse en setembro e levaban consigo sancións.

4) Pastoreo en zonas arbustivas

O reglamento Ómnibus abriu a posibilidade a que este ano se declaren parcelas de pastos sen predominancia herbácea, unha opción especialmente útil para ganderías de ovino e caprino ou de vacún en extensivo. “Sempre e cando na parcela haxa unha superficie de pastos arbustivos empregados para o pastoreo, non haberá problemas” -asegura Javier Franqueira.- “Non serán válidos solos sen vexetación ou mato impenetrable, pero se a solicitude é coherente, admitirase, sempre aplicando o coeficiente de admisibilidade de pastos que corresponda”. Unha cuestión todavía por determinar é como se farán os controis sobre o terreo no tocante ós pastos arbustivos. “Estamos valorando ferramentas de comprobación, como pode ser a altura máxima de vexetación ou outros índices, aínda por concretar”, apunta o técnico do Fogga.

5) A normativa de xurros, en pausa ata novo aviso

O tema estrela este ano nas consultas dos gandeiros é a normativa de xurros. Como é sabido, esta campaña a norma só esixe que se eliminen as aplicacións con canón, sendo válidos os restantes sistemas de reparto tradicionais. “As esixencias que se planteaban de inxección dos xurros no solo quedan paralizadas sen data límite, mentres que outra norma non cambie as disposicións actuais”, apunta Javier Franqueira.

Xornada sobre uso múltiple e sistemas silvopastorais nos montes atlánticos

Este fin de semana, 25 e 26 de novembro, celebrarase na localidade pontevedresa de Vila de Cruces unha “Xornada sobre uso múltiple e sistemas silvopastorais nos montes atlánticos”. Esta actividade formativa, de carácter gratuíto e que terá lugar no Auditorio Municipal, está organizada pola Xunta de Galicia.

Programa:

Sábado 25 de novembro

10-13.30h “Sistemas silvopastorais e produtos non madeireiros”. Dr. F. J. Silva Pando (CIF-Xunta de Galicia)

“Xestión de sistemas silvopastorais con cabalos, cabras e ovellas”. Dr. A. Rigueiro Rodríguez (USC)

Pausa café

“As plantas medicinais: cultivo e aproveitamentos”. Dna. Carmen Baliño Vázquez (Milhulloa)

“Xestión de sistemas silvopastorais con gando porcino”. D. Iván Rodríguez Paz (ASOPORCEL)

Pausa xantar

15.30-18.30h “Xestión do arborado nos sistemas silvopastorais”. Dr. F.J. Silva Pando (CIF-Xunta de Galicia)

“Produción e valor nutritivo do sotobosque e das matogueiras”. Dra. M. P. González Hernández (USC)

“Outros produtos do monte: Castañas, mel, cogomelos, etc”. D. Enrique Fandiño Cerqueira (Hifas da Terra)

Domingo 26 de novembro

9:00-15:00

• Visita ás parcelas con sistemas silvopastorais de gando cabalar, porcino e outros aproveitamentos. C.M.V.M.C. do Carballo, Friol. Dr. F. J. Silva Pando e M. J. Rozados Lorenzo

• Visita á parcela de aproveitamento silvopastoral. Fornela, Melide. Dna. M. J. Rozados Lorenzo e Dr. F. J. Silva Pando

• Visita á empresa Milhulloa. Dna. María Jesús Expósito Casal

O xantar do sábado non está incluído na actividade formativa O domingo a organización poñerá a disposición dos participantes un autocar gratuíto para o desprazamento ás parcelas

Inscrición:

Os interesados deberán inscribirse e facer a solicitude a través da páxina web da Consellería do Medio Rural ou no enderezo electrónico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán infolourizan.mr@xunta.es Telf.: 986 805 000

As solicitudes deberán remitirse ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán por: Fax: 986 805 031 Email: infolourizan.mr@xunta.es

“Limpar o monte con gando pacendo é dez veces máis barato que rozalo mecanicamente”

Rosa Mosquera é profesora de Produción Vexetal da USC no campus de Lugo, preside o consello executivo da Federación Europea de Cultivos Agroforestais (EURAF) e coordina o proxecto AFINET (unha rede europea integrada por 13 países que promove a innovación agroforestal). É, pois, unha voz autorizada como docente e investigadora para falarmos con ela de asuntos de actualidade como os lumes, a reforma da PAC ou o cambio climático, onde representa ao sector científico na subcomisión do Congreso dos Deputados que está a elaborar a Ley de Cambio Climático e Transición Enerxética. - A primeira pregunta é sobre o máis urxente, que medidas habería que adoptar agora, a curto prazo, para evitar que as consecuencias dos incendios fosen aínda maiores e para favorecer a rexeneración dos montes queimados? - En primero lugar habería que empregar as técnicas dispoñibles para que, de forma adaptada ao medio, se protexa o chan, que é o soporte da vexetación. Debemos, polo tanto, evitar procesos de erosión. As técnicas a empregar neste caso son moitas e variadas. En zonas de maior risco de erosión deberemos empregar acolchados, execución de diques e protexer as terrazas existentes para evitar esta pérdida de solo. Pero o aporte de acolchado non debe ser tampouco excesivo, xa que neste caso ralentiza a aparición da vexetación e os procesos de recuperación do chan. Rosa Mosquera A continuación, tanto en zonas con risco de erosión como en zonas sen el, debemos favorecer o establecimento dunha cuberta vexetal o máis parecida á destruida en zonas de alto valor natural. En todo caso, debemos comezar por empregar especies anuais adaptadas á zona, que se establecen moi rapidamente, como é o caso dos cereais ou o raigrás italiano, que son pouco persistentes no tempo e que permiten que con posterioridade se instalen as especies naturais máis adaptadas á zona. En caso de grandes incendios en términos de superficie, deberían engadirse sementes de zonas próximas que non arderan co obxectivo de favorecer o proceso de recolonización. Todo isto debe estar organizado por técnicos especializados, que son os que deben dar as recomendacións de que especies e como empregalas de forma adaptada a cada situación en concreto. - É recuperable o monte queimado de zonas de alto valor ambiental ardidas estes días como Os Ancares? - En principio si, a zona dos Ancares rexenérase co fogo, pero este debe ser controlado, de menor intensidade e dimensión, xa que se non as especies de aves e mamíferos vinculados a ela estarían en serio perigro. A meirande parte do que ardeu foi mato arbustivo. As árbores do Caurel son centenarias, as que arderon tardaremos centos de anos en recuperalas.
“A xesta e o toxo, ben xestionados, producen un alimento excelente para o gando no verán e evitan a compra de cereais e de soia producida no Amazonas”
- Que hai nun monte queimado aos 5, aos 10, e aos 20 anos? - Se o monte é arbustivo a recuperación do toxo, as uces e as xestas é relativamente rápida, non así a fauna asociada a ela, posto que se se perde o seu hábitat, os animais quedan sen alimento e non poden realizar a súa función biolóxica reproductora, co que se poden producir desaxustes. Este feito depende da extensión do lume. Pero a falta do hábitat asociado a esta fauna non deixa de supor un estrés para a remanente. Se o que arde é un eucaliptal, a súa rexeneración é moi rápida, se o que arde é un bosque mixto adulto, carballeira ou souto, a súa recuperación tarda en facerse ducias de anos. - O Plan Forestal de Galicia do ano 1992 prevía 245.000 hectáreas de eucalipto en Galicia no ano 2032. Estamos en 2018 e xa imos polas 425.000 hectáreas. A expansión do eucalipto vese favorecida polos incendios? - Sí, como especie pirófita que é, tras un incendio recuperase moi ben. A promesa duns retornos económicos elevados contribúe a súa plantación, sen embargo, o prezo baixou de forma notoria nos últimos anos. - Di que arde máis rápido un eucaliptal que unha carballeira ou un souto, non sería mesmo interesante plantar frondosas entre as masas de eucalipto para que actuaran coma unha especie de cortalumes natural? - Sí, a velocidade de avance é moi superior porque a biomasa do sotobosque é maior e en canto se produce o fogo nas copas, os aceites inflamables do eucalipto fan que o lume sexa moi intenso e que se desenvolva moi rápido. Cando vai calor no verán, preferimos estar debaixo dunha carballeira que dun eucaliptal, xa que estamos máis frescos. Isto significa que as temperaturas son maiores no caso do eucaliptal e que a vexetación do sotobosque e da árbore está mais seca, polo tanto favorece que se inicie o fogo e que se propague con facilidade e a elevada velocidade. O maior nivel de humidade e a menor temperatura das carballeiras fan que éstas sexan mais difíciles de arder. A elección de especies menos pirófitas e inflamables debe terse en conta, posto que diminuiría o avance das lapas e favorecería o seu control. - Sen embargo onde máis eucaliptos hai, na Mariña, é onde menos arde. Por que? - Aínda que se teñen producido incendios no norte, éstes non teñen a virulencia dos acontecidos no sur de Galicia. Ao tempo que ocorrían os incendios neste outono, Asturias tamén ardía. O risco de que ocorra é menor, simplemente porque a humidade do ambiente é maior. Sen embargo, e atendendo as previsións de cambio climático, poderiamos estar diante dun polvorín, se as condicións dos tres 30 acontecen de aquí a uns anos. Deberíamos observar as previsións e actuar en consecuencia. Se estas son de que haxa risco de que concorran os tres 30, deberiamos replantearnos a xestión do monte.
“Houbo explotacións galegas que pararon a última vaga de lumes”
- Como se pode mellorar a xestión forestal nun sistema de propiedade coma o galego, onde a maioría do monte pertence a pequenos propietarios individuais? - A mellora da xestión forestal é un aspecto que dende unha perspectiva de uso múltiple do monte estase a avaliar en colaboración cos agricultores, gandeiros e representantes da Xunta no proxecto europeo AFINET. No sistema de propiedade galego temos que ter en conta que ademáis dos montes asociados a pequenos propietarios están os montes veciñais en man común, moitos deles situados en Ourense, que supoñen 600.000 hectáreas e que arden sistematicamente e nos que se pode facer xestión adecuada para diminuir este risco. Noutros países o que se fai cando o minifundismo é o principal rexime de propiedade é que sexa o pastor o que paza co seu gando nas superficies adecuadas mediante acordos ou mesmo mediante contratos. - É un factor que agrava a as consecuencias dos lumes que o monte estea, na maioría dos casos, absolutamente descoidado e abandonado e que non exista unha ordenación do territorio? - Si, indubidablemente o feito de estar abandonado fai que a gasolina do monte espere a que se dean as condicións axeitadas para que se produza un lume, ben sexa por parte da man do home ou da propia natureza, en forma de raios, por exemplo. - Volveu cumprirse esa estatística que di que cada 10 anos prodúcese unha gran vaga de lumes en Galicia. A que se debe? - A orixe dos grandes incendios en Galicia e a súa recorrencia basease en que temos unhas primaveras extraordinarias, con boa temperatura, radiación e humidade, que fai que teñamos as máis altas taxas de crecimento forestal de Europa, o que fai que se acumule moita biomasa e en menores tempos que no resto de Europa. No norte de Europa isto non sería problema porque os veráns son húmidos e, polo tanto, rara vez se acadan humidades por debaixo do 30% e temperaturas en verán por enriba dos 30ºC. Sen embargo, e a diferencia do que sucede co norte de Europa, en Galicia temos un verán seco, sobre todo no sur de Galicia, o que fai que a vexetación seque e, polo tanto, arda. No resto da zona Mediterránea sucede o mesmo no verán, pero como o crecimento da biomasa é moito mais lento, ésta non se acumula no monte e o risco de gran incendio diminúe. O dos 10 anos é aproximado, é o tempo que tarda a vexetación en medrar como para que se acumule un exceso de biomasa nos montes, e unha vez acadado isto, só se teñen que dar as condicións dos tres 30: humidades por debaixo do 30%, temperatura por enriba dos 30 ºC e velocidade do vento superior a 30 km por hora. Este ano a seca foi moi prolongada e é raro que se acaden 30ºC en outubro, pero se isto non tivese sucedido agora, o gran incendio sería o ano que vén. Unha vez por década temos un incendio incontrolable que queima moitas hectáreas en cuestión de días, con perda de vidas humanas, tal e como sucedeu no 2006. - Temos logo máis riscos de sufrir incendios en Galicia e no norte de Portugal que no resto da península ou noutros países europeos? - Sí, en Galicia danse dous aspectos importantes, a taxa de crecimento da vexetación é moi superior ao resto de Europa, pero temos sequía no verán, o que é o coctel perfecto para que se dean estes grandes incendios. A solución é facer una xestión axeitada facendo uso desa biomasa para que non estea no monte. No norte de Portugal, o problema é similar pero a falta de infraestructuras viarias incrementa o número de falecidos.
“Na PAC post 2020, as áreas queimadas van pasar a formar parte en negativo do cómputo de emisións de carbono do protocolo de Kyoto”
- O sistema de loita contra o lume é o axeitado en Galicia? - Temos un excelente sistema de apagado de lumes, pero cando se dan as condicións axeitadas o avance do lume é imparable, cando se producen estes grandes incendios os servizos de extinción vense desbordados pola velocidade de avance e a intensidade do lume. Deberiamos facer mais prevención mediante o emprego de gando, que converte este combustible vexetal en recurso para producción de carne de alta calidade. Isto é un aspecto que se estudará en Galicia e en Portugal grazas á participación que teñen no proxecto AFINET, onde se avaliarán os mellores xeitos de loitar contra o lume ao mesmo tempo que se obteñen beneficios do monte. Porcos rebuscando castañas nun souto en Góo (O Incio). - Sempre se di que é necesaria máis prevención para que sexa necesaria menos extinción pero, é realista esixirlle á Administración que dous millóns de hectáreas de terreo forestal estean limpos? - É posible telos limpos, pero o custe asociado ao desbroce mecanizado é 10 veces maior que o asociado ao pastoreo. O desbroce mecanizado en todas as zonas é inviable. Co pastoreo ademais de protexer os nosos montes, produciriamos produtos cárnicos de elevada calidade e máis saudables. Asemade, reduciriamos o abandono do rural e o seu envellecemento, pero deben facerse investimentos en cercados ou na mellora de pastizais arborados para que este pastoreo se vexa favorecido, aspectos que tamén se abordarán no proxecto AFINET. - Os lumes frecuentes non fomentan precisamente os investimentos en xestión forestal por parte dos propietarios por medo a perder o investido. - Non, porque moitos dos propietarios non están realmente vinculados ao rural, viven e traballan nas zonas costeiras. A plantación de especies de crecemento rápido plantéxase cunha xestión mínima que praticamente é plantación e corta. - Existe unha escasa valoración do monte por parte da sociedade, e mesmo dos propios propietarios? - En xeral si. O rural en Galicia sempre se veu como algo sen valor, os traballadores do rural como persoas que realizaban un traballo pouco digno, cando o que realizaban era esencial para producir servizos ecosistémicos de todo tipo, desde mellora e mantemento da biodiversidade até de protección de bens tan importantes como a auga que bebemos. Isto contrasta co observado na maioría dos países europeos, onde ser granxeiro é una profesión como calquera outra. - Aumentando a rendibilidade do monte reduciríanse os incendios. - Indubidablemente. Hai moitísimos exemplos en Galicia onde se ve que o lume parou nas zonas pacidas polo gando. Pero o monte precisa de inversión, porque se ben o mantemento de sistemas silvopastorais xera renda, a inversión inicial de cercados e adecuación é cara. Cando se establece un monte, débese facer una inversión e debería facerse xestión (desbroces, aclareos), que non se fai, e como pouco aos 10 anos pódese cortar para xerar renda. Pero se a maiores introducimos gando no monte, a producción obteriámola desde o primeiro ano. - Un xeito tradicional de control da biomasa no monte en Galicia era a roza para estrume, o cultivo de cereal e mesmo a presenza de gando no monte. Retomar sistemas agroforestais e de gandeiría extensiva nos montes sería unha medida que axudaría a minimizar o impacto dos lumes? En Andalucía creo que hai experiencias neste sentido. - O monte era tradicionalmente en Galicia a fonte de fertilidade do solo, de aí que se sementara toxo, una especie leguminosa que enriquece moito o solo en nitróxeno. A aparición dos fertilizantes químicos diminuiu a necesidade de emprego destas especies arbustivas, que comezaron a medrar e a ampliarse sen control. A principios dos anos 90 había un millón de hectáreas de especies arbustivas en Galicia. A reintrodución de gando no monte sería a mellor medida, e a máis barata, de reducir esa biomasa e permitiría que se reducira o abandono do medio rural. O caso de Andalucía é diferente desde una perspectiva social, xa que a meirande parte dos montes son públicos. Neste caso é a Administración a que a través de contratos paga para que se desbroce con gando. Este tipo de xestión do monte, moi valorada pola Comisión Europea, denomínase RAPCA (Red de áreas pastos-cortafuegos de Andalucía) pero hai outros exemplos en Valencia ou en Francia. En Galicia, a través do proxecto AFINET, tentaremos proporcionar información de como se debe facer esta xestión e proporemos medidas de índole político, tanto a nivel galego como español, grazas á participación da AGFE (Sociedad Agroforestal Española), e europeo, grazas á participación no proxecto de EURAF (Federación Europea de Sistemas Agroforestais).

“En Galicia fai falta diálogo entre os que fan as políticas e os que as reciben”

- As políticas agrarias e forestais actuais apoian este tipo de prácticas silvopastorais? Está cambiando algo en Europa neste sentido? - A produción múltiple é un aspecto que se está vendo de xeito xeralizado en todas as estratexias e directivas europeas. A PAC comezou sendo unha política que pretendía alimentar á poboación europea trala Segunda Guerra Mundial, o que conduciu a unha intensificación de todos os sistemas, pero xa desde o ano 1990, cando na Conferencia de Río se asinou o compromiso vinculado á Axenda 21, a sostenibilidade pasou a ser un concepto moi importante nas políticas agrarias internacionais. Non só se debe producir, débese producir conservando o recurso. Recentemente, a aprobación dos obxectivos de Nacións Unidas fai aínda se cabe máis fincapé na sostibilidade e na produción múltiple a partir dunha mesma unidade territorial. A PAC cambiou nese sentido, anteriormente pagábase polo que se producía, por exemplo por número de animais, e hoxe págase por unidade de superficie que debe cumprir unha serie de requisitos. O pilar 1 da PAC céntrase na agricultura e o pilar 2 no medio ambiente. Sen embargo, na actual PAC temos o concepto de verdeo pensado para evitar o impacto do cambio climático.
“Poñamos dous gandeiros con fincas similares en Asturias e en Galicia. O de Asturias recibe o pago completo da PAC nas zonas de pastos arbustivos, mentres en Galicia ten descontos”
En canto aos terreos forestais, só se subvencionan a través do pilar 1. Centrándonos nos pastos, quizais o máis importante é o gran cambio sufrido na actual PAC con respecto á anterior, xa que pasou de falarse de “pastos herbáceos” a “pastos arbustivos ou arbóreos”. O sur de Europa posúe numerosos exemplos de pastos arbustivos e arbóreos que permiten alimentar o gando de xeito sustentable no verán e a finais da primavera. Se o pasto arbustivo se selecciona desde a PAC como “prácticas localmente establecidas”, moito do que arde en Galiciae o pasto arbóreo pasa a ser elixible e recibiría financiación completa por parte do primeiro pilar. En España, todas as comunidades autónomas habilitaron estas “prácticas localmente establecidas” coa excepción de Galicia, Baleares, Canarias e Cataluña. Hai granxeiros con fincas similares en Asturias e en Galicia, e en Asturias reciben o pago completo nas zonas de pastos arbustivos e en Galicia descóntanselles. Estes arbustos debidamente xestionados, como e o caso da xesta e do toxo, producen un alimento excelente para o gando durante o período de verán, evitando así a compra de cereais e soia producida no Amazonas, onde causa deforestación, cunha gran liberación de gases de efecto invernadoiro debido ao transporte. É dicir, os arbustos convértense nunha solución á falta de pastos pola seca. En canto ao pilar 2, hai unha serie de medidas que se poderían implementar e nas que Galicia debería ser pioneira pola enorme superficie forestal que ten, é a rexión de Europa con máis superficie forestal por detrás dos países nórdicos. Dentro da PAC, hai financiación para a prevención de danos nos bosques mediante o emprego do gando na prevención de incendios. En Galicia debería aplicarse de xeito máis adecuado. Cabalo comendo toxo baixo piñeiro no monte veciñal de Mouriscadas (Mondariz). - Cal e o papel que está a xogar a EURAF neste cambio de mentalidade? - Moitos destes cambios realizáronse coa axuda de EURAF e o seu traballo no proxecto AGFORWARD, que continuará agora en AFINET. EURAF traballa en Bruselas nas diferentes reunións existentes para o desenvolvemento de políticas sustentables nos 20 países europeos que compoñen na actualidade EURAF, que teñen problemáticas moi diferenciadas, e traballa cos Gobernos estatais para que estas políticas se traspoñan de xeito adecuado. No caso de España, esta labor faina a AGFE (Asociación Agroforestal Española). Aínda non temos habilitado de todo o sistema rexional no que estamos traballando. En Galicia, creo que fai falta diálogo entre os que fan as políticas e os que as reciben para entre todos facer da política agraria común un instrumento moi efectivo. Por outra banda, EURAF produce un periódico cada dous meses onde se especifica o que se fai a nivel europeo en termos de políticas pero tamén se inclúen exemplos de boas prácticas por parte dos agricultores, nos que en breve introduciremos explotacións galegas que alimentan o gando coas árbores e os arbustos realizando ao mesmo tempo unha labor de prevención extraordinaria, xa que nesas explotacións o incendio parou ao non ter combustible. Estas explotacións non só pararon os lumes para elas, protexeron terreos que tiñan detrás delas e aos que non chegaron as chamas. - Que cambios destacarías da recén aprobada regulación Ómnibus para reformar transitoriamente as axudas da PAC entre 2018 e 2020? Benefician a Galicia? - Os cambios, por ser unha revisión intermedia, non foron moi grandes pero si significativos. En canto aos pastos permanentes, que poden estar dominados por terreos arbustivos e arborados, acordouse que non descontarán aquelas árbores que produzan alimento para o gando, é o caso dos carballos e as aciñeiras, polo que todas as árbores da dehesa non descontarían da superficie elexible. - Que outros cambios se prevén a partir de 2020? - Moitos, a vexetación arbustiva e arbórea vese como a mellor ferramenta de que se dispón para mitigar o cambio climático, xa que ten unhas raíces máis profundas, explora unha maior profundidade de solo onde depositan o carbono, reducindo os seus niveis da atmósfera. Se se acadase un 10% de superficie leñosa en toda Europa, o potencial de mitigación do cambio climático sería enorme, ademáis de contribuir á biodiversidade. A nova PAC estase empezando a discutir agora e as prácticas agroforestais, que inclúen as silvopastorais, silvoarables, sebes e zoas riparias, hortos urbáns (sempre que teñan froiteiras) e a explotación de productos non madereiros do bosque, parece que van a formar parte del. EURAF xa lle remitiu unha análise desde a perspectiva agroforestal á Comisión Europea no marco do proxecto AGFORWARD e 15 recomendacións a ser consideradas para a próxima PAC. A importancia que a Comisión Europea lle dá a estes sistemas reflíctese no desenvolvemento dun grupo agroforestal cuxos resultados están dispoñibles. Esta labor continuará realizándose en AFINET. - Estase a notar o cambio climático nos lumes, na agricultura e a gandeiría? Son máis recurrentes os episodios de seca en Galicia? - Si, indubidablemente notamos máis calor cun maior número de días, incluso consecutivos con mais de 30ªC, e sobre todo un cambio no réxime de precipitacións, o que fai que se prolongue a seca e que a vexetación forestal seque antes e estea seca durante máis tempo, o que incrementa o risco de humidade por debaixo do 30%, co que só temos que esperar polo vento con máis de 30 km por hora para que haxa grandes lumes. Na agricultura nótase porque a frecuencia no emprego de concentrados incrementouse, aumentando polo tanto os custes de producción, de aí que empregar como pasto plantas leñosas, mellor adaptadas a estas condicións porque soportan mellor a seca, sería moi aconsellable. A aparición de pragas e enfermidades con maior frecuencia é outro efecto, xa que o aumento de temperatura favoréceas. - Que cambios hai no acordo de París con respecto ao protocolo de Kyoto? - Na Conferencia de París sobre el Clima (COP21), celebrada en decembro de 2015, 195 países firmaron o primeiro acordo vinculante mundial sobre o clima para evitar ou minimizar o efecto que o cambio climático poida ter sobre a sustentabilidade de moitos ecosistemas e modos de vida actuais. O acordo establece un plan de acción mundial que pon o límite do quecemento global moi por debaixo de 2 ºC con respecto aos niveis preindustriais. - Como se contan hoxe os incendios a efectos de cómputo de emisións? Prevense cambios nisto? - A parte de agricultura non está na actualidade habilitada nin en positivo nin en negativo. Pero a partir de 2020 computará en negativo e aínda que se repoboen as zonas incendiadas, o secuestro de carbono asociado a esta repoboación non computará durante a etapa de 7 anos de vixencia do protocolo de Kyoto. É previsible que na PAC post 2020 se desenvolvan estes aspectos, xa que as áreas queimadas van pasar a formar parte do cómputo para o cumprimento do protocolo de Kyoto e a superficie queimada descontará carbono durante todo o período de cumprimento. É dicir, se arde a principios do periodo de cumprimento non poderán ser descontadas nesa superficie actividades de reforestación. - De que xeito lle vai afectar á agricultura e a gandería o cómputo de emisións de gases de efecto invernadoiro? Vai ser tido en conta o balance de carbono das explotacións na reforma da PAC prevista para 2020? En países como Alemaña xa o teñen en conta. - É moi pronto para responder a este tipo de preguntas, posto que aínda se está empezando a falar sobre a PAC post 2020. Sen embargo, o compromiso vinculado ao acordo de París fai que se deban tomar medidas na agricultura e na gandería para minimizar as emisións de gases de efecto invernadoiro. Nunha enquisa realizada aos Estados membros onde se lles preguntaba como dotar estas medidas, a maioría dos Estados contestaron que a través da PAC, polo que é previsible que se propoñan actividades como o verdeo ou medidas ligadas ao regulamento de desenvolvemento rural, que están por determinar. En países como Alemania ou Dinamarca faise un cómputo por explotación das emisións de gases de efecto invernadoiro e das medidas que se poden realizar para diminuilas, cun obxectivo futuro de emisións cero. Neste momento a participación da USC na Global Research Alliance coordinando o grupo de investigación de cultivos nos que se integran os sistemas agroforestais é de gran relevancia e contribuirá a axudar á adopción de medidas que mitiguen o cambio climático, á vez que axuden aos sistemas agrarios a adaptarse a este cambio. - En que fase está a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética? Para cando se prevé a súa entrada en vigor e como vai afectar a sectores como a agricultura, a gandeiría ou o forestal? - Aínda se está desenvolvendo e non hai datas precisas para a súa entrada en vigor. As claves desta lei serán a mellora na eficiencia de uso dos recursos, a integración do sector primario con outros sectores e a mellora da innovación, educación e investigación. A implementación de prácticas agroforestais terá un peso importante. Por exemplo, o emprego de árbores nos bordes de parcela aumenta o secuestro de carbono no chan, principal reservorio de carbono (representa o 85%) dos ecosistemas terrestres, isto será de gran importancia en comunidades cerealistas como é o caso de Castela e León e que xa se están empregando en Francia. No caso da gandeiría, débese tender a sistemas que empregen os recursos da zona, para evitar así as emisións asociadas ao transporte en moitos casos de países tan lonxanos como Brasil e Arxentina. Mediante o uso de árbores forraxeiras ou arbustos, estas necesidades de alimento podríanse minimizar. E no sector forestal, será imprescindible reducir o risco de incendios a través do pastoreo no monte como técnica para reducir o combustible vexetal.