Con carácter xeral, haberá que facer unha poda entre os 8 e os 10 anos, de cara a evitar a formación de nós ou a minimizalosLogo é recomendable nos primeiros 3-4 anos facer un desbroce, para o control da vexetación acompañante e facilitar o desenrolo dos piñeiros. Este traballo, dependendo do crecemento, pódese acompañar dunha poda moi somera dos verticilos inferiores dos piñeiros. No caso dunha rexeneración natural, se esa rexeneración é viable hai que abrir rúas, cun ancho de labor de 2,5 – 3 metros. No metro restante, iremos seleccionando os pés que queremos , ata conseguir as rúas e densidade buscada. A partir de aí, os tratamentos son comúns. Consisten en facer unha primeira poda baixa, que se debe facer, en función dos crecementos, entre os 8 e 10 anos. Convén non retrasala moito para que as pólas non sexan grosas cando se podan. As pólas de 3 centímetros ou menos son as ideais para que as feridas pechen o antes posible e para concentrar os nós no interior das árbores.
Os rareos son importantes para concentrar o volume de madeira para corta final nos mellores pés, que sexan máis rectos e cilíndricosDespois, unha vez feitas esas podas, son tamén importantes os rareos para rebaixar a densidade, sobre todo nos modelos de densidade máis alta. Faríanse rareos que se chaman polo baixo para eliminar os pés máis baixos, que están dominados, bifurcados, que están torcidos ou con algún dano. Favorecerase así que queden na finca os pés mellores, máis rectos, máis cilíndricos, con poda correcta, nos que tentaremos concentrar o volume de madeira para corta final. - En canto á elección de especie de piñeiro, que recomendacións estades dando na Asociación Forestal? - Hai varios tipos de piñeiro no mercado, que son sobre todo o ‘Pinus pinaster’ (piñeiro do país) e o ‘Pinus radiata’ (piñeiro radiata ou insigne). O ‘pinaster’ é un piñeiro máis agradecido se hai pouca xestión, porque tende a facer unha mellor poda natural, tende a ter menos enfermidades. No caso do ‘radiata’, é recomendable unha silvicultura para reducir eses nós, que non debe haber na madeira de calidade, polo que hai que facer esas podas temperás. Tamén son necesarios os rareos para que a masa estea saneada e circule ben o aire por ela, evitando os fungos, que son habituais nas masas de piñeiro radiata.
"En piñeiro insigne, a recomendación é ter as masas o máis aireadas posible, con podas baixas e rareos, para previr a entrada do fungo das bandas"- Na actualidade e de cara ós próximos anos, cales son as perspectivas de sanidade nas masas de piñeiro? - Os principais problemas son a praga do nematodo do piñeiro, que por agora está concentrada na zona sur de Pontevedra, e os fungos das bandas, que afectan sobre todo ó piñeiro radiata na zona de Lugo. No caso do nematodo, non se sabe ata que punto quedará retido na zona sur de Galicia. En todo caso, hai ensaios de proxenie feitos para atopar familias de piñeiro que manifesten máis resistencia ó nematodo. A recomendación sería que no momento en que esas familias testadas estean dispoñibles nos viveiros, claramente identificadas, optar por esas familias para a plantación. No caso das bandas, si é certo que houbo un aumento, por entradas da enfermidade das bandas desde País Vasco e Asturias, algo fomentado por invernos cálidos. Agora estamos nun ciclo no que a enfermidade das bandas está tendo bastante importancia, sobre todo na zona de Lugo e en piñeirais de insigne. A recomendación é ter as masas o máis saneadas posible, con podas baixas e rareos que permitan mellorar a aireación da masa. Chegado o caso, a nivel de tratamentos tamén se pode intervir con produtos funxicidas para intentar rebaixar o nivel de esporas do fungo e controlar a enfermidade.
"Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. É certo que agora estamos nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para o piñeiro"- Cal é a perspectiva de rendibilidade das plantacións de piñeiro a medio prazo? - Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. Iso demostrou que o propietario, cando percibe que o piñeiro ten un valor, vai apostar por el. Estamos agora mesmo nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para esa madeira. Temos que traballar nós tamén para facer os traballos silvícolas necesarios, de cara a poñer no mercado madeira de alta calidade que lle permita valor engadido á industria e usos que ata agora non eramos capaces de acadar. - Os traballos silvícolas dos que falamos, serían a principal clave para obter madeira de calidade? - Efectivamente, nos piñeirais sempre son moi importantes os coidados silvícolas de podas, rareos e entresacas. Estes traballos van sempre encamiñados a producir madeira dun elevado diámetro, moi cilíndrica e sen presenza de nós. Se facemos podas no momento que proceda, entre os 8 e os 10 anos, e rareos en anos posteriores, imos concentrar o volume de madeira en pés de calidade de maior diámetro, o que nos permitirá pensar en destinos de serra, chapa e desenrolo. No caso de que partamos de marcos amplos de plantación, son importantes as entresacas de madeira adulta, ós 15-18 anos, nas que imos extraer sempre os pés dominados, partidos, enfermos ou danados. - Falabas antes de que os altos prezos do piñeiro confirmaron que o propietario forestal, cando hai boas perspectivas, aposta polo piñeiro. Que evolución estades vendo do interese na especie? - As comunidades de montes sempre foron máis fieis á especie, por exemplo no Barbanza e no sur de Pontevedra, sempre tiveron bastante superficie de piñeiro, con tendencia a mantela. No caso dos propietarios particulares, si que é certo que cando os prezos foron baixos houbo un claro cambio ó eucalipto por tema de rendibilidade. Pero no momento en que o propietario viu que o piñeiro acadou un prezo moi superior ó eucalipto, houbo unha aposta clara pola plantación de piñeiro. - Na Asociación, que recomendacións estades facendo en canto a elección de especies e ordenación do monte? - Distinguimos entre pequeno propietario e comunidades de montes. O recomendable é non apostar sempre por unha especie, senón diversificar. Para as comunidades de montes, a parte das masas de piñeiro, recomendamos apostar por frondosas nas zonas de valgada, nas franxas dos camiños e preto das vivendas. Son zonas condicionadas pola normativa de prevención de incendios e pódense facer aí plantacións de frondosas con vistas a controlar o sotobosque, de xeito que os traballos posteriores de desbroce se abaraten. No caso dos propietarios particulares, a diversificación é máis complicada, pois falamos de pequenas propiedades nas que non ten sentido rodalizar en exceso. O normal é facer aí unha aposta máis monoespecífica, tendo en conta a normativa que lle afecte a cada persoa. - As masas de piñeiro presentan nos últimos anos un certo auxe de aproveitamentos multifuncionais, a maiores da madeira. Que posibilidades destacarías? - Hoxe en día, xa hai cada vez máis comunidades de montes que teñen os seus coutos micolóxicos. Está tamén a extracción de resina, que probaron bastantes comunidades, como forma de ter a masa limpa e persoal traballando no monte en época na que é importante a prevención de incendios. Outra opción a ter en conta é a dos mercados de carbono, que poden proporcionar un extra de ingresos. Polo de agora, en España a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica permite que entren nos mercados de carbono as superficies forestadas que estiveran rasas desde o 1989 ou terreos afectados por un incendio nos que se faga plantación ou apertura de rúas para rexeneración natural. Extractos da entrevista en vídeo
O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova orde pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A orde publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.
Así, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultor activo persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal. Deberán contar cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e dispoñer dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.
O recoñecemento do estatus de silvicultor activo facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas á ordenación e xestión forestal ou medidas públicas de apoio ao sector forestal. Tamén permitirá o acceso á cesión dos montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación, con preferencia dos silvicultores activos que sexan comunidades de montes, e en todas aquelas situacións en que se requira unha xestión sustentable do monte, en particular nos procesos de declaración de abandono ou infrautilización de terras agroforestais.
Agrupacións forestais de xestión conxunta
Por outro lado, poderán ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta as sociedades de fomento forestal (Sofor), así como as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos.
Tamén poderán ter esta denominación as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.
Estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos:
-A mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable.
-A recuperación de terreos forestais e impedir o seu abandono.
-Favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta.
-Servir como instrumento para a conservación do ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas.
-A prevención e defensa contra os incendios forestais.
-A protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático.
-A creación de emprego endóxeno.
Unha vez recoñecida a agrupación, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, e a agrupación terá a posibilidade de acceder a arrendar ese terreo.
Ademais, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupacións de xestión conxunta.
A posta en marcha de ambos rexistros estaba xa recollida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia e buscan atallar o abandono e infrautilización dos montes galegos. A previsión manexada por Medio Rural é acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025.
Agardan que as iniciativas de xestión conxunta promovan a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. En canto á figura do silvicultor activo tamén esperan que contribúa a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.