Archives

Galmix Toxigal, un produto imprescindible para evitar que a ración se quente

Álvaro Naya, veterinario e xerente da Sociedade Galega de Correctores (SOGACO)

Unha das claves para lograr altas producións nunha explotación leiteira está na alimentación do gando. Pero de nada serve ofrecer ás vacas unha ración completa e equilibrada se non garantimos a súa estabilidade no pesebre.

O quecemento e fermentación da mestura unifeed é un dos problemas habituais nas ganderías. Supón a destrución de parte dos valores nutricionais da ración, provoca perda de apetencia e unha diminución da inxesta e xera importantes riscos sanitarios e reprodutivos para os animais.

Para dar solución a esta necesidade das granxas existe un produto 100% eficaz, único no mercado, que se aplica mesturado co penso no carro e actúa como biocida, secuestrante de micotoxinas e hixienizante.

Galmix Toxigal C/ MP véndese en sacos de 25 kg para incorporar ao carro mesturador

Fabricado en Galicia pola empresa Sogaco, con sede en Vigo, GALMIX TOXIGAL C/ MP é un produto  para utilizar directamente a nivel de granxa. Preséntase como un “3 en 1”, bactericida, funxicida e secuestrante de micotoxinas que actúa descontaminando a mestura unifeed, evitando deste xeito a súa fermentación, e que tamén axuda a limpar o carro mesturador.

Galmix Toxigal C/MP é un produto deseñado para utilizar directamente a nivel de granxa

“Con estas tres funcións non hai ningún outro produto no mercado con este nivel de eficacia”, asegura Álvaro Naya, xerente de Sogaco, que é ademais nutricionista e veterinario de formación.

Evita o quecemento da ración

Na súa composición, Toxigal leva paredes celulares de levadura e silicatos que actúan como inhibidores de micotoxinas e incorpora tamén ácidos orgánicos con función bactericida e funxicida para evitar as fermentacións anormais que se poden producir no carro e os incrementos posteriores de temperatura da ración no pesebre.

Trátase dun 3 en 1: secuestrador de micotoxinas, bactericida-funxicida e hixienizante do carro unifeeed

A maiores leva un carrier moi miscible que fai que todos os principios activos do produto se repartan de xeito homoxéneo na comida que vai inxerir o animal para que o produto realice a súa función en cada quilo de alimento que come a vaca.

Ao actuar descontaminando a mestura unifeed de bacterias, fungos e micotoxinas, Toxigal permite corrixir silos en mal estado ou cun deficiente estado de conservación, evitando ou retardando a súa refermentación no pesebre.

Toxigal evita ou retarda os requecementos da ración, permitindo corrixir os efectos de ensilados en mal estado ou cunha conservación deficiente

“É relativamente frecuente que nos atopemos con silos de herba con problemas de fungos por exceso de humidade e bacterias como clostridium por contaminación con terra, ou con silos de millo con micotoxinas porque se colleitou a planta moi seca, por exemplo. Ese cóctel é unha bomba de reloxería despois no carro cando se dan condicións de humidade ambiental elevadas, como as que temos en Galicia, e de subida das temperaturas”, describe Álvaro.

Dose e modo de emprego

A dose recomendada está entre os 100 e os 150 gramos por vaca e día. O modo de administración é moi sinxelo, xa que o produto preséntase en sacos de 25 kg para utilizar directamente a nivel de granxa, recomendándose engadilo ao carro mesturador no momento no que se incorpora o penso, para axudar a unha distribución uniforme por toda a ración.

O produto aplícase no carro mesturador, incorporándoo á mestura unifeed á vez que se engade o penso para lograr unha distribución homoxénea na ración

“Non aconsellamos engadilo ao forraxe, senón que aconsellamos botalo no carro xunto co penso, que ao ser un produto seco tamén actúa como excipiente facilitando unha distribución máis homoxénea que se o engadimos co silo de herba ou de millo, que ao ser húmido apelmaza máis”, detalla.

Toxigal non varía a composición da ración, polo que non habería que modificar a formulación elaborada polo nutrólogo da explotación. “É unha axuda para que as vacas coman mellor a ración que prepara o nutrólogo e para que a comida non se requente, pero desde o punto de vista nutricional non altera os contidos en proteína, enerxía e fibra da mestura nin ten ningún tipo de contraindicación”, aclara o veterinario de Sogaco.

Un produto imprescindible por mor do cambio climático

Toxigal actúa como produto funxicida, bactericida e secuestrante de micotoxinas do silo

Recoméndase a súa utilización durante todo o ano, con especial incidencia durante o verán, en días de tormenta ou cando sobe a temperatura. “Debido aos efectos do cambio climático cada vez temos máis episodios de olas de calor, non só nos meses do verán, senón en calquera época do ano, que desestabilizan a ración e provocan efectos moi negativos tanto sobre a produción como sobre a saúde do gando”, indica Álvaro.

O cambio climático está a provocar un incremento innegable das temperaturas, pero se poñemos ventiladores no establo e despois deixamos que a ración fermente non solucionamos o problema

“O cambio climático está provocando un incremento innegable das temperaturas e de nada serve poñer ventiladores e aspersores nos establos para reducir o estrés por calor do gando se despois deixamos que a ración que comen as nosas vacas fermente no pesebre”, di.

Polo que productos coma este, que antes podían ser máis estacionais, son cada vez máis habituais e necesarios todo o ano, indica. “En Galicia, onde temos unha humidade ambiental elevada, debido a esa subida das temperaturas, temos un caldo de cultivo perfecto para que fermente a ración”, evidencia o veterinario de Sogaco.

Os efectos positivos de Toxigal sobre a temperatura da ración son visibles, asegura, “de xeito inmediato e a simple vista”, provocando unha redución de varios grados na temperatura global da mestura e manténdoa nun estado óptimo durante máis tempo.

PARA COÑECER MÁIS SOBRE O PRODUTO OU SABER CAL É O DISTRIBUIDOR MÁIS PRÓXIMO:

Teléfono: 627505107

Email: oficina@sogaco.com

Web: www.sogaco.com

Máis produción de leite e mellora da saúde e reprodución do rabaño

Pero os efectos positivos dun uso regular de Toxigal no carro mesturador déixanse notar tamén máis a longo prazo na saúde global do rabaño. “Se unha vaca inxire comida quente desencadéanse unha serie de problemas dixestivos e xérase un proceso inflamatorio como parte da resposta inmunitaria do animal. Ese incremento inflamatorio provoca que a vaca teña que destinar máis recursos a iso e menos á produción de leite. É dicir, cando a ración está quente a vaca come menos e por enriba aproveita menos do que come, polo que a produción de leite diminúe por partida dobre”, explica Álvaro.

A comida quente provoca problemas dixestivos nas vacas e un proceso inflamatorio que fai que baixen ao leite

A alimentación ten tamén consecuencias directas sobre a calidade hixiénico-sanitaria do leite que produce a vaca. “Cando hai unha fermentación anormal nunha comida do gando o sistema inmunitario do animal ponse alerta aumentando a inflamación, iso fai que se incrementen as células inflamatorias que van no leite, que son as células somáticas. Pola contra, ao baixar a temperatura da ración a vaca síntese máis relaxada e mellora a calidade hixiénica do leite; ese é tamén outro efecto secundario positivo que ten o noso produto”, argumenta.

Un silo en mal estado pode provocar tamén mamitis; o ideal sería que non chegasen eses fungos e bacterias ao carro pero, se chegan, temos esta maneira de combatelos

Un silo en mal estado pode provocar tamén mamitis. “O ideal sería que non chegasen eses fungos e bacterias ao carro a través do silo pero, se chegan, temos esta forma de combatelos a través dun produto que corrixe ese problema que arrastramos desde o momento de facer o silo”, indica Álvaro.

Alén dese incremento produtivo e na calidade do leite a curto prazo, a saúde dixestiva, inmunitaria e reprodutiva da vaca mellora usando Toxigal, con consecuencias positivas sobre a rendibilidade da explotación a longo prazo. Por iso, “o estado da alimentación trascende ao día a día da granxa”, asegura.

Produto hixienizante para o carro mesturador

A maiores da función estabilizante sobre a ración, o produto fabricado por Sogaco aporta un extra como desinfectante. “En todas as granxas se limpa o pesebre, retirando a ración sobrante, antes de botar a nova, pero moitas veces esquecémonos de facer o mesmo coa maquinaria na que elaboramos esa ración. Polo tanto, non estamos facendo o traballo completo, porque limpamos o prato pero non a pota” compara Álvaro.

Se limpamos o pesebre pero non limpamos o carro estamos facendo o traballo a medias

Toxigal permite completar ese proceso sen esforzo, é dicir, sen que o gandeiro teña que traballar máis. “Eu sempre digo que é como un Fairy para o carro mesturador, que se non o limpamos pode converterse nun foco de contaminación para a ración debido aos restos de comida que quedan nel”, alerta.

Sogaco, a única empresa galega fabricante de correctores vitamínico-minerais

Instalacións da Sociedade Galega de Correctores en Vigo, onde se fabrica o Toxigal

GALMIX TOXIGAL C/ MP é un produto fabricado pola empresa galega Sogaco (Sociedad Gallega de Correctores SL), con máis de 40 anos de experiencia no mercado e neste momento a única fábrica de correctores que hai en Galicia.

“Levamos traballando desde o ano 1982 e somos os únicos fabricantes galegos de correctores vitamínico-minerais, polo que aínda que algún gandeiro non nos coñeza a nós directamente, seguramente consume ou consumiu nalgún momento os nosos produtos a través do penso que merca”, explica Álvaro Naya, xerente de Sogaco.

A Sociedad Gallega de Correctores leva traballando en nutrición animal desde o ano 1982

Expertos en nutrición, na súa planta de Vigo fabrican correctores vitamínico-minerais, núcleos de primeiras idades e produtos melloradores da ración e da saúde e benestar animal. Comercializados baixo a marca Galmix, o portafolio da empresa inclúe produtos específicos tanto para gando vacún como para outras especies, como porcino ou aves.  

Produto líder en Galicia

Sogaco dispón de laboratorio propio no que realiza control de calidade dos seus produtos e dos fabricados polos seus clientes

Solucións como o Rumabiol ou o Toxigal, fabricados por Sogaco, son xa produtos consolidados no mercado. “Levamos fabricando este produto, o Toxigal, máis de 15 anos e vemos que cada vez é máis demandado”, asegura Álvaro. Grazas ao boca a boca e aos seus excelentes resultados, Toxigal estase a extender e a pasar dunhas granxas a outras e desde Sogaco pretenden co seu relanzamento “que todas as explotacións coñezan o produto e poidan beneficiarse das vantaxes que aporta”.

Toxigal é xa o produto para a ración máis vendido en Galicia

Sogaco distribúe os seus produtos por toda Galicia, tendo como principais clientes ás distintas fábricas de penso que subministran concentrados ás explotacións leiteiras. Por iso, en función da zona na que se atope a gandería, Toxigal será servido pola súa cooperativa ou fábrica de pensos de confianza.

“Se un gandeiro quere probar o produto, que nos chame, e indicarémoslle cal é o punto de venda ou distribuidor máis próximo”, explican.  “Somos unha empresa de nutrición animal consolidada que nos apoiamos no fabricante de penso para chegar ao gandeiro”, engaden.

Queremos axudar ao traballo dos nutrólogos, que fan unha labor fundamental nas granxas; o noso obxectivo é sumar

Sogaco pretende engadir a súa experiencia en nutrición animal ao “importantísimo traballo” que, di Álvaro, fan tanto os nutrólogos como as empresas fabricantes de penso a nivel de granxa. “Entre todos tratamos de que a produción se incremente e a rendibilidade da explotación aumente; nós queremos axudar e contribuír a ese obxectivo compartido”, conclúe.

Recomendacións prácticas para mellorar a calidade do silo de herba

A nutróloga Ana Rama, durante a súa intervención nas Xornadas de Vacún de Leite organizadas por Seragro A nutróloga e enxeñeira agrónoma Ana Rama Andrade asegura que é posible mellorar a calidade do silo de herba co que contan a maioría das explotacións gandeiras. Nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro deu algúns consellos para logralo. Comezou definindo que se considera unha herba de calidade, desde tres puntos de vista: calidade nutricional, conservación e calidade hixiénica. “Nutricionalmente un silo de herba busca aportar proteína á ración; polo tanto, canta máis proteína teña o silo mellor, pero como mínimo un 16%; con niveis de fibra non demasiado altos, de arredor do 38-44% de fibra neutro deterxente (FND), porque a medida que esas porcentaxes son máis elevadas perdemos inxestibilidade e dixestibilidade, é dicir, capacidade de comer quilos de silo e de dixerilos por parte do animal; e con unha materia seca de entre o 24 e o 30%, aínda que non hai unha materia seca ideal, xa que en función de como sexa a herba vai ser máis interesante que vaia máis ou menos húmida, porque esa humidade vainos axudar a compactar a herba e un silo ben compactado vai ser moito máis estable unha vez aberto, porque xa sabemos que o osíxeno é o inimigo dos silos”, asegurou.
Cando a herba se pasou un pouco necesitamos que vaia máis húmida para lograr que quede ben compactada no silo
A humidade define a fermentabilidade dun silo. “Que un silo estea ben fermentado váinolo dicir o valor de pH que aparece nas analíticas que facemos habitualmente. Realmente non hai un nivel de pH ideal, porque depende da materia seca que teña o silo, pero moveríase, no caso do raigrás, entre un 4 para os silos máis húmidos e un 5 para os máis enxoitos. No caso de silos de leguminosas, eses valores deberían ser inferiores xa que fermentan peor”, aclarou Ana.
Canto máis húmido é un silo máis baixo debe ser o pH para que a fermentación sexa correcta
A conservación vese prexudicada por dúas cousas: por un exceso de humidade e polo contido de cinzas, que define a calidade hixiénica dun silo. “Niveles de cinzas superiores ao 10% indican que hai contaminación por materiais estranos (cañotas do millo, terra, restos do triturado da herba no inverno, etc)”, advirte. Ademais, as cinzas son a principal fonte de clostridium nos silos de herba. 
As cinzas deben estar por baixo do 10%, pois son a principal fonte de clostridium nos silos de herba
As analíticas realizadas polo Servizo de Alimentación de Seragro durante os anos 2022 e 2023 a 1.589 mostras de silo de herba mostraron niveis medios de cinzas superiores ao 10% en 939 mostras, con niveis medios de proteína do 14% e unha materia seca do 30%.
Son nutróloga e sei de primeira man que a calidade da herba da maioría das explotacións é mellorable
“O silo ideal non é o mesmo para todas as granxas: unhas necesitan un silo de herba con máis fibra para non depender tanto da palla e outras moitos kilos por necesidades de alimentación, polo que un silo de herba nova co 20% de proteína pode que non sexa o mellor para todas as explotacións”, afirma Ana. Pero matiza: “o que si que teñen que ser todos os silos é aptos para o consumo, é dicir, que non teñan terra, que non estean demasiado mollados e que non teñan niveis de ácido butírico que os fagan tóxicos para os animais”. A disculpa do tempo Á hora de ensilar, ás veces hai circunstancias que non están nas mans do gandeiro para facer un bo silo, como por exemplo a climatoloxía, aínda que Ana recomenda aproveitar os días que veñen bos para ensilar, aínda que a herba sexa algo máis pequena, en vez de agardar e que despois se pase por non vir tempo para ensilar. “Ás veces non é que non haxa bo tempo para ensilar, senón que non vos gusta a herba que tendes cando fai bo tempo”, díxolle aos gandeiros presentes na súa charla.
Se non temos paredes débense facer silos anchos e non silos altos tipo pirámide de Exipto
“Este ano, dos 61 días dos meses de marzo e abril houbo sitios nos que choveu 35 días pero noutros só 20. En Santa Comba, por exemplo, o 2023 foi un mal ano para ensilar en marzo pero a primeira semana de abril fixo bo tempo”, aclarou. Recomendacións para a sementeira da pradeira tralo millo Abonado con xurro mediante un sistema de tubos colgantes antes de labrar a pradeira Nas fincas de rotación con millo, a nutróloga de Seragro considera imprescindible “desfacerse das cañotas do millo dalgún xeito antes de sementar a herba, porque non van desaparecer por si soas no inverno”, asegura. “Hai que eliminalas, porque é unha fonte importante de contaminación nos silos de herba”, afirma.
As cañotas do millo hai que eliminalas, porque son unha fonte importante de contaminación nos silos de herba
Os tocos do millo débense eliminar sempre antes de aplicar o cal ou o xurro na parcela. Pódese optar por desbrozalas ou por fresalas. “Débese encalar e despois botar o purín por enriba, enterralo para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización e labrar a herba, por esta orde”, aclara. En canto ao laboreo, recomenda empregar un subsolador para romper a sola de labor, facilitando a drenaxe das fincas, e garantir que se traballan ben os últimos 15-20 centímetros superficiais para romper e enterrar os tocos do millo. Encalar en outono para facilitar a absorción do nitróxeno na primavera  “O momento de encalar é este, porque o efecto do cal non é inmediato, como o do abono, pode tardar de 3 a 4 meses en función do produto que utilicemos, e así xa o deixamos incorporado para cando abonemos a pradeira na primavera e labremos despois o millo”, indica. “Se queremos que o nitróxeno que botemos en marzo para ensilar a herba faga efecto temos que facer o encalado con antelación porque se non corriximos o pH a planta non vai ser capaz de aproveitar o abono que lle botemos”, engade.
O momento idóneo para encalar é este, ao labrar a pradeira, porque o seu efecto non é inmediato, como o do abono
“Nas fincas nas que labremos leguminosas temos que ter en conta que non imos poder abonar no inverno, polo que temos que ser más xenerosos coas doses de purín no momento da sementeira da pradeira”, propón Ana. Cando botamos o xurro en herba que está moi grande e despois non conseguimos que se lave porque non chove, teremos risco de que haxa enterobacterias (como Escherichia coli, Mycobacterium, Salmonella) no silo, que dan lugar a unha gran perda de propiedades e enerxía da forraxe ensilada. Cando abonamos con mineral para o segundo corte non é necesario agardar 10 días a que a herba rebrote para botalo, como acontece no abonado para o primeiro corte, porque xa hai normalmente máis temperatura ambiental. Sementeira e trituración invernal da herba Sementeira da pradeira mediante o pase dunha grade rotativa con sementadora incorporada Para a sementeira da herba podemos facer un só pase ou dous, en función da maquinaria da que dispoñamos, pero tendo claro que “debemos adaptar a velocidade de traballo á máquina que temos”. “Se traballamos a terra coa fresadora o ideal son velocidades de traballo baixas, entre 4 e 6 km por hora se queremos que quede ben, aínda que a fresadora ten un defecto, que é que crea suela de labor, sobre todo as que teñen as cuchillas cun ángulo de 90 grados”, explica.
Debemos adaptar sempre a velocidade de traballo á máquina que teñamos
Na grade rotativa tamén se precisan velocidades de traballo lentas, mentres que na grade rápida pódese traballar a velocidades superiores a 10 km/h. Aconsella sempre pasar un rolo para aplanar a superficie e evitar segar terróns no momento de ensilar. Unha cousa que hai que ter en conta á hora de sementar a pradeira é a humidade que hai no terreo. “Se a terra está moi seca a planta non xermina, polo que debemos aproveitar a sementar despois de botar o xurro, para aproveitar a humidade que este aporta á terra”, recomenda. Deberiamos triturar sempre a pradeira, a non ser que leve leguminosas. “O triturado non podemos facelo cunha herba demasiado grande, porque senón quedan restos que despois van para o silo”, advirte.
Se a herba está moi grande temos que segar e tirar, non serve triturala, porque despois non apodrece e acaba indo para o silo
A nutróloga de Seragro destaca as vantaxes dese corte de limpeza. “Co triturado lógrase acabar de destruír os restos dos tocos do millo que quedaron despois da sementeira e tamén nos desfacemos das malas herbas que naceron durante o inverno. A herba despois de triturar rebrota con moita máis vitalidade, mesmo empastece, e inicia un novo ciclo vexetativo, polo que a calidade do silo é moito mellor. Se non fixeramos iso cando ensilamos no mes de abril herba sementada a comezos de outubro esa herba é vella, ten xa pé e zonas podres, polo que se non queremos ensilar herba nese estado temos que triturala”, aclara. Cando facer os ensilados? O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo. Á hora de ensilar, a altura de corte da herba debería estar entre os 7-8 centímetros, porque deste xeito aumentamos o nivel de azucres na planta e reducimos o risco de levar contaminación para o silo.
O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo
Ana defende que as ganderías deben dispoñer dun calendario anual que sirva de guía para os distintos traballos a realizar nas pradeiras (triturado, enxurrado, abonado mineral e ensilado) que debe ser elaborado en función das características da finca e de se se trata dunha pradeira permanente ou anual. No caso de parcelas en rotación con millo, a data de sementeira do cultivo de verán condiciona as datas de ensilado e os traballos anteriores. "Se queremos labrar o millo en torno ao 15 de maio e queremos facer dous cortes de herba, o triturado debería facerse na primeira quincena de febreiro e a partir de aí botar o xurro e 10 días despois o abono mineral para facer o primeiro corte sobre o 20-25 de marzo e o segundo 35 días despois, entre o 25 abril e o 1 de maio", calcula. Esas datas orientativas poden ser variadas lixeiramente en función do crecemento da herba ou de como veña o tempo. "Se queremos labrar o millo o 1 de maio en vez do 15 de maio, temos que correr 15 días cara atrás as datas de todos os traballos, aínda que corremos o risco de ter peor tempo para algunhas labores. E se vén un inverno moi frío quizais teñamos que retrasar a sementeira do millo, porque o tempo non o podemos cambiar, senón que temos que adaptarnos a el. Pola contra, se vén un inverno cálido e a herba está grande teremos que ensilar antes. O que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo", di.
Se facemos un só corte de herba temos menos presión polos prazos
"Se abonamos para o primeiro corte e vén tempo frío ou chuvioso que fai que a herba non medre, cando se cumpren os 40 días non debemos agardar máis, eu aconsello cortala igual, aínda que teñamos menos quilos, e abonar para o segundo corte, porque o único que fai esa herba se lle damos máis tempo é espigar", asegura.  
Temos que adaptarnos ás condicións climáticas; o que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo
Para decidir que máquinas empregamos debemos diferenciar dúas épocas claras de ensilado "porque cando ensilamos na segunda quincena de abril ou maio a herba é moi diferente a cando ensilamos en abril", argumenta. "Cando ensilamos a partir do 15 de abril ou en maio cortaremos cunha segadora agrupadora e deixaremos menos de 48 horas de presecado antes de picar a herba cunha colleitadora/picadora a un tamaño de corte que debe estar entre 2,5 e 3 cm de longo, porque canto máis picada vaia a herba máis doada é de estender e de pisar", explica. O ideal é ao segar deixar xa a herba xunta para non ter que andar co fileirador, "que o único que fai é levantar porquería", di. E non deberían pasar máis de 48 horas desde que segamos ata que ensilamos porque senón perdemos os azucres que necesitamos no silo para unha axeitada fermentación. Se transcorridas esas 48 horas a herba vai aínda moi húmida, haberá que aplicar conservante químico. "É mellor nestes casos non pasarse co presecado, porque cando ensilamos nestas datas tardías a herba xa non é tenra e precisamos un certo nivel de humidade para que nos axude a compactar o silo", indica.
Nos ensilados temperáns (finais de marzo e primeira quincena de abril) débese segar e deixar a herba tendida no chan 24 horas para que seque
Pola contra, cando ensilamos en marzo ou na primeira quincena de abril o problema pode ser o contrario xa que a herba é moi tenra, ten moita humidade e a climatoloxía non acostuma axudar a facer un bo presecado. "Se fai bo tempo podemos cortar cunha segadora agrupadora co acondicionador a tope deixando a herba en fileiras igual que se segaramos en maio e seguindo despois os mesmos pasos: picadora con corte miúdo e sen que pasen máis de 48 horas entre segado e ensilado e se hai moita humidade, uso de conservante químico", detalla. "Neses casos non temos risco de mala compactación aínda que a herba vaia moi seca porque é tenra e as herbas tenras compactan igual aínda que vaian secas", aclara. Se non veñen días de sol e non corre o vento, temos que segar e deixar a herba estendida no chan durante 24 horas para que seque e logo xuntala cun anciño fileirador (cando a xuntamos non debemos levar as púas do fileirador moi abaixo para non levantar cinzas) e ensilar igualmente sen que pasen máis de 48 horas desde que segamos. O picado da herba debe ser máis longo (5 cm), sendo preferible a recollida cun remolque picador no canto de cunha colleitadora, que machaca máis a herba, e faise imprescindible case sempre neste tipo de ensilados temperáns o uso de conservante químico.
Temos que facer silos de boa calidade pero, sobre todo, silos que non sexan tóxicos
As recomendacións posteriores cando a herba chega ao silo pasan por "estender capas finas, de 15 cm como máximo, non superar coa herba a altura das paredes do silo e pisar, pisar e pisar", aconsella Ana. Finalmente hai que tapar ben e poñer peso na capa superior. “Temos que tratar de facer silos con boa calidade de forraxe, pero, sobre todo, temos que facer silos que non sexan tóxicos, é dicir, sen cañotas que quedaron da colleita do millo, sen terra, sen herba podre mal triturada e sen exceso de humidade”, resume a nutróloga de Seragro.

Elección das variedades de semente e do número de cortes en función do aporte que teña o silo de herba á ración na explotación

Público asistente ás Xornadas Técnicas de Vacún de Leite deste ano Á hora de elixir as variedades de sementes a labrar temos que ter en conta o destino final da pradeira e o obxectivo nutricional buscado con esa herba. Para a escolla miraremos cal é o cultivo principal da ración na nosa granxa. “Partimos da base que sempre é importante facer silos de herba bos, pero se é o elemento principal da alimentación das nosas vacas, é imprescindible contar con boas forraxes de herba, polo que nestes casos o normal é ter pradeiras permanentes e a variedade que mellor se adapta é o raigrás inglés, optando por variedades diploides e tetraploides en función das características da finca”, explica Ana. “Outra opción para as pradeiras permanentes é o cultivo da alfalfa, que tamén é moi persistente”, engade.  
En función dos quilos de herba que necesite para a miña ración tomarei unha decisión ou outra sobre o número de cortes a realizar
Se a nosa ración é metade millo  e metade herba, a cantidade de silo de herba que leva segue sendo elevada, polo que é importante que teñamos herba de calidade e estimar canta cantidade imos precisar. “Neste caso podemos ter unha parte da nosa superficie con pradeiras permanentes e nas parcelas onde rotemos con millo sementaremos pradeiras anuais de raigrás híbrido e italiano ou unha mestura de leguminosas con raigrás ou con cereal. De todas estas posibilidades a que máis marxe de manobra nos dá é o raigrás híbrido, porque é o que máis tarde espiga, polo que dispoñemos de máis días para ensilalo en bo estado”, afirma. En función dos quilos de herba necesarios para a ración, a explotación deberá tomar a decisión de cantos cortes realizar na pradeira. “Se por exemplo metemos 20 kg de silo de herba na ración e temos 100 vacas, necesitaremos 730 toneladas de silo de herba ao ano. Se dispoñemos só de 36 hectáreas de superficie, precisaremos obter un rendemento de 20.000 kg/por hectárea de herba. Para lograr eses quilos nun só corte teremos que agardar a que a herba sexa moi grande, polo que a calidade sería baixa. Nese caso habería que descartar o raigrás híbrido e as mesturas de cereais e leguminosas, porque a maioría das leguminosas non rebrotan, e irnos a varios cortes de raigrás italiano, por exemplo.  Se pola contra dispoñemos de 49 hectáreas, o rendemento necesario para obter esas mesmas 730 toneladas de silo sería de 15.000 kg/ha, polo que poderiamos irnos a un só corte. E o que menos perigo ten indo a un só corte é o raigrás híbrido, porque tarda máis en espigar e temos menos risco de que se nos pase se non vén bo tempo para ensilar”, explica Ana.
En zonas frías ou moi húmidas, nas que non damos entrado ás fincas, temos que irnos a un só corte e elixir variedades que espiguen o máis tardío posible
Por último, nos casos nos que o silo de millo constitúe a base principal da ración, a calidade da herba condiciona menos a obtención de boas producións leiteiras. Neste caso optaríase por pradeiras anuais en rotación co cultivo de millo e a gandería podería optar por facer un só corte de herba. "Podémonos permitir facer silos de herba un pouco máis pasados, para non depender tanto da palla, pero non ensilar leña", matiza. Diferencias entre os distintos tipos de raigrás Entre as gramíneas, unha das máis habituais é o raigrás inglés (Lolium perenne), que ten unha persistencia de entre 4 e 5 anos, un crecemento lento (sobre todo o primeiro ano), un espigado tardío (iso implica que imos ter moitos máis días para ensilalo en bo estado) e unha maior porcentaxe de follas ca de talo, polo que é moito máis doado conseguir forraxes de boa calidade con raigrás inglés, asegura.  Pola contra, o raigrás italiano (Lolium multiflorum) ten un ciclo anual, crecemento rápido, espigado precoz (o que implica que se pasa con máis facilidade e temos máis dificultades para collelo no momento óptimo), e ten maior porcentaxe de talo que de folla, polo que “para conseguir silos de boa calidade con raigrás italiano hai que ser rápidos”, afirma Ana. En canto ao raigrás híbrido (Lolium hibridum) seria unha mestura dos dous, pois “pretende ter a persistencia do inglés e o crecemento rápido do italiano, polo que en función do que busquemos escolleremos raigrases híbridos que se asemellen máis a un italiano ou a un inglés”, recomenda. Dentro dos raigrases hai que diferenciar tamén entre os diploides e os tetraploides, que foron creados artificialmente coa pretensión de ter maior produción e conseguir follas máis anchas. Teñen maior vigor de establecemento pero son menos persistentes e teñen tamén maior potencial de produción, aínda que son máis esixentes tanto en auga como en fertilización fronte ás variedades diploides, que teñen maior rusticidade (resistencia á seca e ao frío) e son ideais para o pastoreo. “Os raigrases tetraploides teñen maior palatabilidade pero sempre debemos elixir variedades que sexan resistentes á rolla”, indica a nutróloga de Seragro.
As calidades do triticale e o westerwold debería condenalos á extinción
En calquera gramínea, leguminosa ou cereal o contido nutricional do quilo de materia seca diminúe a medida que avanza o desenvolvemento desa planta pero, pola contra, obtemos maior rendemento, “pero se esperamos tanto para que o rendemento sexa máximo, o aporte á ración será baixo”, advirte.

Traballar unha forraxe “de precisión”

A evolución das gandarías de leite nos últimos tempos está a ser frenética. Os sistemas cambian, a produción por vaca elévase ano tras ano, a análise de datos pasa a ser un tema clave e a xestión óptima dos recursos alimentarios na granxa é un aspecto crucial para que as explotacións manteñan producións elevadas.

Todo isto implica cambiar o enfoque de traballo desenvolvido tradicionalmente nas granxas, para enfocalo na procura dun concepto que por unha banda debe ser global e interconectado, pero por outro deba considerar a cada explotación como un sistema independente. Neste sistema os resultados de cada variable produtiva (coma se dun ecosistema se tratase) teñen unha influencia medible que afecta positiva ou negativamente ás demais.

Un dos desafíos máis importantes na produción leiteira é a precisión na formulación das racións, xa que esta categoría supón historicamente ao redor do 50% do custo de produción medio da granxa tipo. Ademais, nestes momentos nos que o mercado das materias primas atópase en niveis elevados de prezos é de vital importancia, para a rendibilidade das explotacións, a obtención de forraxes da máxima calidade que permitan ás explotacións gandeiras alcanzar, en base a eles, a maior produción dos seus animais.

Co obxecto de ofrecer o mellor servizo aos seus clientes de vacún leiteiro, De Heus está a traballar en varias liñas. Por unha banda, conta cun laboratorio propio na súa planta de produción de Orkoien (Navarra), deseñado coa tecnoloxía máis punteira e cun obxectivo claro: obter datos fiables e completos en tan só 48 horas, que ofrezan a maior precisión nos resultados.

Por outro, e para ofrecer a cada granxa unha solución específica, crearon Laboexpert, un sistema que profesionaliza todo o proceso polo que pasa unha mostra até chegar á recomendación nutricional concreta máis acertada en cada caso.

A forraxe, vista en detalle

Na cornixa Cantábrica, o silo de herba é un alicerce importante da produción leite e a aplicación de Laboexpert permite arroxar luz acerca da evolución da calidade desta forraxe nos últimos anos.

Este sistema engloba as actividades de toma de mostra, envasado, envío de mostra, recepción de análise e importación de resultados a Feed Expert. A través de Laboexpert e QS podemos crear facilmente unha rastrexabilidade da mostra e o que é máis importante, unha base de datos que nos permite analizar o Big Data xerado por máis de 13.000 mostras analizadas no noso laboratorio propio coa tecnoloxía máis alta e o persoal altamente cualificado.

O silo de herba na nutrición do vacún de leite cumpre un papel principal, xa que é decisiva en catro dos seus parámetros: materia seca, proteína, fibra e dixestibilidade.

Este conxunto de variables indicará a calidade final da ensilaxe, xa que a súa sinerxía é clave na cantidade de forraxe que poderán consumir os animais e na asimilación dos seus nutrientes da maneira máis eficiente.

A materia seca

Esta variable atopa o seu punto óptimo cando oscila entre o 25-35%, cifras adecuadas para que a fermentación e posterior conservación do silo sexa correcta unha vez aberto. Así, podemos atopar dúas realidades, con referencia á materia seca. Unha materia seca moi baixa provoca unha gran perda de nutrientes polos lixiviados e a acidez provocada pola humidade, o que dificulta a fermentación e a consecución dun correcto pH de estabilización, clave para evitar posteriores fermentacións indesexables. E, pola contra, unha MS elevada afectará basicamente ao desensilado, xa que con silos moi secos o seu compactación é moi complexa e ao abrilos é máis factible a respiración, o que provocará fermentacións indesexables, coa súa posterior deterioración.

En Galicia neste ano 2023, a materia seca media das mostras analizadas no noso laboratorio é do 28,9%, o que indica que estamos nun punto óptimo, pero cabe destacar que temos valores moi dispares con silos moi húmidos e outros secos, provocados por unha primavera con moitos días de choiva e humidade intercalados con semanas solleiras. Esta “inseguridade climatolóxica” xeraba unha complexidade engadida á hora de decidir cando cortar, xa que en moitos casos cando a planta estaba no seu momento óptimo de corte o clima era inestable, obrigando a segar sen poder facer un presecado adecuado ou esperar a poder facelo, a risco de penalizar calquera dos outros parámetros de ensilaxe, antes mencionados.

 

A dixestibilidade

Cada vez somos máis conscientes da vital importancia que esta variable ten na calidade do silo. Este parámetro está a mellorarse actualmente grazas a que os agricultores, que cada vez dan máis importancia ás variedades que sementan e están a realizar cortes máis temperáns, o que lles permite obter ensilaxes máis dixestibles. Neste sentido, o uso de variedades de raygrass inglés híbridas e de floración tardía está a darnos máis tempo para facer un corte no momento óptimo. Se a isto sumámoslle o uso dunha mestura de variedades diploides e tetraploides, poderemos combinar un maior crecemento cunha maior cantidade de folla, respectivamente, o cal é ideal.

A evolución do racionamento leiteiro, tanto en explotacións con PMR (Partial Mixed Ration) -alimentación disociada como é o caso dos robots de muxido-, como con sistemas TMR, -Unifeeds completos-, esixe un gran coñecemento sobre a dixestibilidade das forraxes da propia explotación. Tanto a dixestibilidade da forraxe ao momento de mostraxe como a evolución dos parámetros durante o período de ensilado son claves. Este parámetro do ensildo marcará a cantidade de alimento que un animal é capaz de inxerir e, sobre todo, en muxido robotizado é determinante para o seu bo funcionamento, debido ao efecto negativo de saciedade que provocan os silos de baixa dixestibilidade nos animais: os silos de baixa dixestibilidade poden afectar o número de muxidos e á rutina voluntaria, facendo que os gandeiros teñan que empuxar moitas vacas ao robot.

Neste sentido, as medias (DIG MO =73%) indican que imos mellorando neste parámetro, aínda que é un proceso lento e difícil pola gran influencia do clima, que condiciona ou dificulta á hora de corte.

A fibra

Como ben se dixo antes, os parámetros de calidade dun ensilado no que nos estamos enfocando están en sinerxía entre si e a dixestibilidade está directamente condicionada polas fibras das forraxes, onde debemos facer referencia á Fibra Neutra Deterxente (FND), composta esta por celulosa, hemicelulosa e lignina.

En referencia a isto, hai que recalcar de novo a importancia da variedade de herba a utilizar, xa que as últimas (híbridas e inglesas) teñen menor cantidade de fibra por ter maior proporción de follas que as italianas, que medran máis rápido e fillan antes. Iso si, o momento do corte ten un efecto directo porque, se nos atrasamos, as plantas conterán unha maior cantidade de lignina dentro a FND que farán que diminúa a dixestibilidade así como o seu valor nutricional, sendo o nivel de degradabilidade da FND o que nos marcará dá cantidade de enerxía e proteína que este achegará ao animal para a súa produción leiteira.

A proteína

Por último, e non por iso menos importante, temos que falar da proteína da forraxe, unha calidade que no caso do ensilado de herba ten un peso moi grande na decisión de utilización na ración por parte dos gandeiros. A cantidade e calidade da proteína deste, do mesmo xeito que os anteriores parámetros, depende das variedades e do momento do corte. No caso das variedades, entre as que máis achegarán está o raigrás inglés, pero con diferenza os cultivos que máis achegarán son as leguminosas, polo que para obter unha maior cantidade de proteína, o ideal sería sementar unha mestura de ballico inglés e leguminosas.

Esta alternativa, por suposto, como todo na vida,ten un punto complicado: a dificultade que teñen as leguminosas para a súa implantación e a súa intolerancia, nalgunhas variedades, ao abono acolchado con xurros.

Pero os datos medios obtidos nas nosas mostras recentes indican un valor de Proteína Bruta (PB) de 12,2%, o que reflicte unha mellora respecto ao ano anterior que foi do 11,5%. Algo estamos a facer ben.

En definitiva, estamos a ver unha gran evolución na produción de ensilaje por parte dos nosos gandeiros, que están a mellorar moito a calidade das súas forraxes.

É certo que en ocasións o clima non axuda a elixir o óptimo momento de corte, pero o principal é que cada vez son máis conscientes de que para conseguir mellores rendementos é necesario contar con silos de mellor calidade. E non serve unicamente ter en conta os valores de proteína, senón tamén os de dixestibilidade, contar con valores baixos de cinzas, e realizar un proceso de ensilado correcto.

Traballar con precisión é fundamental para conseguir mellores producións, calidades e, en definitiva, gandarías máis rendibles.

Como lograr que o silo de millo produza máis litros de leite?

En breve comezará en Galicia a campaña de ensilado do millo, a principal forraxe das gandarías de vacún de leite, e dependendo de como o fagamos (altura de corte das plantas, picado dos grans de millo e do resto da planta), así como de cando empecemos o silo, teremos maior ou menor dixestibilidade do mesmo, ou o que é o mesmo, as vacas producirán máis ou menos leite, algo crucial para a rendibilidade dunha granxa. Para coñecer cales son as claves para medir e mellorar a dixestibilidade do silo de millo, a xornada Dekalb+Silo, contou co relatorio de Ángel Ávila, experto consultor para gandarías de vacún de leite. Como regra xeral, subliñou que “os silos con menos materia seca e menos almidón teñen moita máis dixestibilidade e máis produción de leite, e por tanto debemos buscar silos moi dixestibles tanto en almidón como en fibra”. Como exemplo, puxo dous silos de millo: Un no que o millo ensilouse máis seco, cun 42% de materia seca e un 39% de almidón, e outro no que o millo se cortou máis verde, cun 30% de almidón e un 30% de materia seca. As analíticas concluíron que no primeiro a dixestibilidade da fibra neutro deterxente materia orgánica (aFNDmo) ás 30 horas de ser inxerido pola vaca era do 56,62% e no caso do almidón ás 7 horas do 77,76%, mentres que no segundo a dixestibilidade incrementouse até o 72,95% e 85,41%, respectivamente. “Isto é moi importante en termos económicos porque toda a fibra e almidón do silo de millo que a vaca non dixire vai á fosa de xurro”, advertiu Ángel Ávila. Neste sentido, recomendou 5 vías posibles para mellorar e medir a dixestibilidade do almidón do silo de millo por parte do gandeiro ou técnico:

1)Proba de flotación en colleita fresca (grao de picado):

Consiste en avaliar a calidade do picado do millo cando se está realizando dunha forma rápida e sinxela. -1. Para iso necesitamos un recipiente - un cubo ou unha xerra- cun litro de auga aproximadamente. Verteremos na auga un litro aproximado de ensilado fresco de millo. -2. Axite o contido e espere aproximadamente dous minutos. -3. Os grans precipitan cara ao fondo do balde.. -4. Na superficie do balde quedarán todos os elementos fibrosos (follas e talos). -5. Remova todos os compoñentes que se atopan flotando e verifique o precipitado (atopará todos os grans no fondo). -6. Se no contido hai entre 0 e 2 grans enteiros o picado é ideal. -7. Se hai entre 2 e 4 sería un picado adecuado. -8- Se hai máis de 4 grans de millo enteiros o picado non é o axeitado e habería que regular a picadora. -9. Mentres máis curto se pique o millo, maior cantidade de grans serán crebados e moídos, e por tanto maior será a dixestibilidade do silo. Esta análise debemos repetila varias veces o día do picado.

2)Score de procesamento do gran de millo (Kernel Processing Score ou KPS):

Outro sistema de medir in situ a calidade do picado do millo é mediante o sistema KPS, polas súas siglas en inglés. Consiste en medir o almidón do silo de millo ensilado que pasa a través dun tamiz de 4,75 milímetros. -Se pasa máis do 70% a calidade do picado é óptima. -Se pasa entre o 50 e o 70% sería un procesado adecuado. -Se pasa menos dun 50% sería un picado inadecuado, con moitos grans sen romper ou de forma grosa. A este respecto, Ángel Ávila expuxo que segundo en estudo realizado en 5292 gandarías de Estados Unidos, soamente un 31% rexistraron un procesado óptimo do millo, nun 57% era adecuado e nun 12% deficiente. “A calidade do picado é determinante, pois canto peor sexa o índice KPS de procesamento do gran, maior é a porcentaxe de almidón fecal, que a vaca excreta sen dixerir e que acaba na fosa de xurro”, subliñou.

3) Altura de corte da planta:

A altura de corte é outro parámetro que inflúe de forma decisiva na dixestibilidade do silo de millo e que podemos controlar durante o picado. “A parte inferior do millo é lignina pouco dixestible, terra e fungos que nos causarán problemas no silo. A altura de corte debería ser dun mínimo de 39 centímetros”, defendeu Ángel Ávila. O experto puxo como exemplo un estudo no que se comparou un silo de millo no que a planta se cortou a 17 centímetros do chan e outro no que se fixo a 39 centímetros: A porcentaxe de almidón pasou do 30,6% ao 32,4%; a fibra dixestible do 50,5 ao 54% e o leite producido coa mesma ración pasou de 45,2 a 46,7 litros diarios. “Estes datos extrapolados a unha gandaría de 100 vacas en muxido serían uns 30.000 euros máis ao ano”, subliñou.

4) Cribado de feces e determinación de almidón en feces.

A cantidade de almidón nunha mostra fecal está altamente relacionada coa dixestibilidad total do almidón. Neste sentido, Ángel Ávila lembrou que varios estudos publicados teñen atopado unha correlación entre o almidón fecal e a dixestibilidade do almidón en silo de entre o 73 e o 94%, dependendo do marcador interno utilizado no estudo. Así, un estudo na Universidade de Pennsylvania (Estados Unidos) atopou que cada aumento de 1 punto porcentual na unidade de almidón fecal era equivalente a 0,34 quilogramos de produción de leite perdido. Como mostra o impacto económico que supón, pasar do 2 ao 5% de almidón fecal nun rabaño de 100 vacas en muxido supón unha perda económica duns 165 quilos de leite, é dicir, uns 90 euros diarios menos. “O obxectivo é que a porcentaxe de almidón fecal sexa inferior ao 4,5%”, destacou.

5) Momento de apertura do silo

O almidón do silo de millo incrementa a súa dixestibilidade co tempo. Como norma xeral, Ángel Ávila recomendou que os silos non se abran antes de marzo. E é que a dixestibilidade -e por tanto a produción de leite por KG de materia seca inxerida pola vaca- varía notablemente entre en silo de millo de 2 meses e un de 1 ano: A dixestibilidade do almidón ao pouco de ser inxerido pasa do 26 ao 49% e ás 7 horas increméntase dun 77 a un 91%.

Canto máis dixestible sexa o silo de millo, menos concentrado e maior rendibilidade

O incremento da dixestibilidade do almidón do silo de millo tamén redunda nunha menor necesidade de fariña de millo na ración, co consecuente aforro en custos de alimentación. Así, Ángel Ávila tamén fixo referencia a un estudo da Universidade de Wisconsin que mostra que a mellora da dixestibilidade total do almidón en tracto dixestivo en só 5 puntos reduce a alimentación suplementaria de fariña de millo en 0,7 quilogramos diarios, ou o que é o mesmo, 0,245 euros por vaca menos ao día en custos de alimentación. Trasladado a un rabaño de 100 vacas en muxido representa un aforro de 8942 euros, ao que habería que sumar un retorno na produción de leite perdido ao excretarse menos almidón en feces, uns 20.000 euros ao ano.

Pautas para a correcta conservación do silo de herba

A conservación dos silos de herba é clave para lograr unhas forraxes de calidade. Por iso, tal e como apunta Silvia Rico, veterinaria nutricional da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada na comarca do Deza, é necesario coidar o manexo do silo dende que se realiza ata que se remata. “O obxectivo do ensilado é conservar a forraxe, sen perder a cantidade de alimento e evitando ó máximo as perdas do valor nutritivo”, explicaba Rico no marco dunhas xornadas para conseguir boas forraxes organizadas pola cooperativa O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra). Así, trátase de conseguir un silo cun elevado valor nutritivo, altamente dixerible, debidamente conservado e palatable para o animal. Para lograr silos de herba de calidade, Rico recomenda evitar a presenza de osíxeno e prestar especial atención ós azucres, xa que son un aliado para a conservación das forraxes. A veterinaria Silvia Rico durante a súa participación nas xornadas na Cooperativa O Rodo.

A presenza de osíxeno, o maior inimigo dos silos

A presenza de osíxeno no silo é un dos maiores inimigos para a conservación da herba. Á hora do ensilado é preciso ter isto xa moi presente e tentar evitar que queden espazos de aire no silo. “Cómpre facer un bo enchido e compactación da herba cando se mete no silo para reducir ó mínimo a presenza de osíxeno. Canto máis pisado vaia o silo menos aire vai quedar e redúcense os riscos”, concreta a veterinaria. Facer unha boa compactación do silo contribúe ademais a reducir ó máximo as perdas de nutrientes en materia seca. Un silo cun frontal ben compactado adoita ter unha perda de nutrientes do 0,3% no primeiro día en que se abre o silo. Porén, se este frontal é moi irregular esta porcentaxe elévase a 1% nun só día de exposición. Ó cuarto día, nos silos moi irregulares esta perda chega a ser do 15%, mentres que nos silos cun frontal compacto, queda nunha perda do 6% cando leva os 4 días aberto.
Meter a herba cun grao de humidade axeitado e facer unha boa compactación é fundamental para reducir as perdas de nutrientes dos silos
No momento de facer o ensilado, tamén cómpre ter en conta a humidade da forraxe. “A herba non debe ir nin moi seca nin moi húmida, debe conter arredor dun 30-35% de materia seca”, explica a veterinaria. Con todo, recoñece que hai tendencia a meter moi húmida a herba. “Canto máis húmido se mete o silo máis efluentes vai haber, é dicir, maior perda de líquido, non só auga, senón nutrientes”, explica. Ó mesmo tempo, a auga fai un efecto tampón e evita que baixe a pH. Pola contra, tampouco é recomendable meter a herba moi seca, xa que entra máis aire ó silo e resulta máis difícil a compactación da forraxe. Tan importante coma o ensilado é o manexo que se fai do silo dende que se abre para consumir. “Dende que se abre o silo, hai un punto de contaminación alto no frontal do silo, polo que cómpre tentar reducir ó mínimo os riscos”, valora Rico. A veterinaria recomenda manter un frontal cunha superficie lisa e perpendicular ó solo, xa que deste xeito a superficie exposta é menor. Ademais, aconsella ir retirando a cuberta plástica de xeito paulatino. “Como máximo pode destaparse o plástico do silo que se prevé consumir en 3 días, non máis”, aclara. Tamén se debe consumir tendo unha densidade axeitada. No inverno de media consumiranse uns 15 centímetros e no verán chégase ós 20 centímetros. Ademais, para mellorar a calidade dos silos de herba tamén é recomendable ter ben dimensionado o silo en base ó número de animais e á inxestión de silo por exemplar que se vai facer. Contar cunha boa orientación do silo tamén contribúe a que as inclemencias meteorolóxicas non provoquen perdas.

Os azucres, claves para o silo

Os azucres son a principal fonte de alimento para as bacterias que producen o ácido láctico, que á súa vez é indispensable para a conservación do silo, xa que provoca que o pH baixe e se conserve o ensilado. Así, é fundamental segar a herba para ensilar antes do espigado, xa que é cando máis azucres ten a planta e proporcionará alimento ás bacterias. A veterinaria recorda como os silos feitos no inverno non terminan dando bos resultados, xa que a herba non chega a cumprir o ciclo e non está próxima ó espigado cando se sega, de xeito que case non contén azucres que permitan a produción do ácido láctico e a conservación do silo. Cómpre prestar atención ó frontal dos silos, para evitar perdas de forraxe. Na produción de ácido láctico non tódalas bacterias presentes no silo resultan igual de eficaces. “A velocidade e a eficiencia do proceso pode variar en función do número e o tipo de bacterias que haxa no silo”, explica a veterinaria. Nos silos tamén pode haber bacterias como E. coli ou Clostridium que son nefastas para a conservación do silo e que poden botar a perder a forraxe.
“Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”
O problema é que á hora de realizar o silo descoñécese que cantidade de bacterias eficaces ou prexudiciais para a conservación da forraxe hai na herba, de aí que se recomende o emprego de inoculantes, que aportan bacterias eficientes na produción de ácido láctico. Evitar a presenza de osíxeno tamén é determinante para conservar a maior cantidade posible de ácido láctico nos silos, xa que o aire favorece un desenvolvemento exponencial de fermentos, fungos ou das bacterias ineficientes, todos eles prexudiciais para a conservación do silo. “Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”, concreta a veterinaria. As variacións de inxesta dunha granxa poden ser un indicador de que o silo, sexa de herba ou de millo, está contaminado e dana ós animais, de maneira que reducen a cantidade de forraxe que comen.

¿Como avaliar a calidade dos silos?

Para avaliar se un silo de herba se atopa en boas condicións e é de boa calidade hai varios indicadores que poden proporcionar información ó respecto: -Características físicas. Observar a simple vista o silo xa pode aportar información sobre o seu estado. A cor debe ser semellante á do forraxe cando se ensilou. “Un silo de cor negra xa indica que non está ben conservado”, detalla a veterinaria. O olor tamén é un bo indicador. Así, o silo debe ter un olor ácido, pero que nos recorde a froita madura. Un silo con olor a podre revela que non se fixo do xeito correcto algún proceso. Tamén debe ter unha temperatura estable, xa que cando se eleva indica que hai presenza de osíxeno que está interferindo na conservación do silo. -Características químicas e biolóxicas. Os datos que nos poden facilitar as analíticas dos silos sobre as presenzas de bacterias e o perfil de fermentación resultan de gran utilidade para determinar a calidade do silo.

Dez claves para mellorar o ensilado de herba

“Facer un bo ensilado de herba é moito máis que segar e meter no silo a herba”. Así de contundente se amosa o responsable técnico da Cooperativa O Rodo, Daniel Rodríguez, á hora de falar do ensilado de herba. Precisamente a cooperativa agrogandeira de Rodeiro (Pontevedra), organizou recentemente unha xornada formativa para os socios na que, entre outros temas, ofreceron algunhas recomendacións á hora de realizar os ensilados, a ter en conta xa na próxima campaña de ensilado, que está a piques de comezar. “Se se quere ter unha forraxe de calidade hai que prestar atención a moitos factores, non só durante o ensilado”, explica o técnico. Así, nas últimas semanas, o técnico estivo a facer visitas nas ganderías socias da cooperativa para incidir na importancia de realizar un encalado axeitado para lograr forraxes de calidade e unha boa produción. Xornada técnica organizada na Cooperativa O Rodo na que entre outros temas se abordou o ensilado de herba. Recollemos algunhas das claves que apunta o técnico Daniel Rodríguez para mellorar os ensilados de herba:

1. Elección da semente.

A elección da semente debe adecuarse ás condicións edafoclimáticas de cada zona. Para os produtores de Rodeiro, o técnico recomenda optar por variedades que teñan un espigado tardío. Están a empregarse mesturas de raigrás con veza ou trevos, que axudan a incrementar a calidade da ración. “Introducir unha leguminosa co raigrás permítelle fixar nitróxeno para as gramíneas”, recorda o técnico.

2. Encalado das terras.

O encalado das terras é moi importante, dada a acidez media das terras galegas, con pH moi baixos que poden atoparse entre 4,2 e 5. Cos pH tan baixos só se adoita aproveitar arredor do 43% do Nitróxeno que se lle aporta á terra. “Co aporte de cal pode chegar a ter un pH de 6,5 ou 7 para que todo o nitróxeno que lle proporcionemos sexa o máis eficiente posible”, explica. O técnico incide na importancia de ter en conta minerais como o Calcio ou o Magnesio, xa que son determinantes para o aproveitamento do Nitróxeno. Na Cooperativa acostuman a traballar cun cal de orixe mariña, que como destaca Rodríguez ten unha reactividade carbónica co terreo moi eficiente. “Botándoo un mes antes de segar a herba xa fixo efecto para o ensilado, mentres que con cales de canteira, tardan máis en verse os efectos e haberá que esperar para as seguintes cortas ou para o ensilado do millo”, concreta. Ambas son solucións axeitadas para conseguir corrixir o pH da terra.

3. Fertilización.

Á hora de fertilizar a pradeira, Rodríguez pon especial atención en conseguir un abonado equilibrado, aportando distintos minerais que permitan o desenvolvemento óptimo da herba e o aproveitamento do abono que se lle proporciona. “De nada nos serve facer un gran aporte de Nitróxeno se non lle temos Magnesio e Xofre, xa que a absorción de Nitróxeno estará limitada”, indica. Rodríguez tamén recomenda planificar o ensilado da herba en base á fertilización que se fai da pradeira. Así, con algúns dos fertilizantes máis empregados, entre os 25 e 28 días estaría aproveitado ese abono. Mentres, se se opta por abonos con liberación máis lenta poden facer falta arredor de 40 días para o seu aproveitamento. “O día que se fertiliza a herba xa se pode fixar a data de ensilado, tendo en conta o fertilizante que se lle botou”, apunta.

4. Momento do corte da herba.

Escoller o momento axeitado para o corte da herba resulta tamén decisivo para lograr un silo de calidade. No caso do raigrás, o corte debe realizarse xusto antes do espigado, cando a concentración de azucres na planta é maior. “Para lograr un ensilado eficiente precisamos unha boa cantidade de azucres, que despois contribúen a ter unha forraxe máis dixerible”, detalla o técnico. A choiva é un dos factores que adoita condicionar a sega da herba. Rodríguez é partidario de adiantar a sega se hai previsión de precipitacións para as datas que se tiña previsto ensilar. “Se temos previsto segar a semana do 4 de maio e dá auga para eses días, é preferible ensilar a finais de abril antes que esperar a que volva escampar. Deste xeito, se son terras en rotación co millo poderemos adiantar a sementeira e se procuramos unha segunda corta o rebrote da herba comezará antes”, valora o técnico. A altura e o momento no que se corte a herba son claves para conseguir forraxe de calidade.

5. Altura do corte na pradeira.

Ó igual que acontece co millo, a altura do corte da herba vai condicionar o rendemento do ensilado, xa que ó segar alto pérdese cantidade de herba no silo, pero gáñase en calidade da forraxe. “Segar alto non é só gañar en calidade, tamén para favorecer un rebrote máis rápido da herba se se quere facer segundas cortas”, indica. O técnico ademais recomenda evitar os cortes moi baixos para reducir a presenza de terra nos silos, xa que provocan contaminacións pola presenza de clostridium, o que afecta á saúde dos animais. Rodríguez recomenda segar a unha altura de 6-7 centímetros do chan.

6. Manexo da herba no prado.

Tan importante coma a altura á que decide cortarse a herba é o tratamento de presecado que se lle fai no prado á herba. Debe prestarse atención ó manexo que se fai da herba á hora de estendela ou enrolala, para evitar que acabe levando terra para o silo. “De nada nos serve cortar alto se despois xuntamos terra cando enrolamos”, explica.

7. Presecado.

As primeiras horas trala corta son fundamentais para o secado das gramíneas. Nas dúas primeiras horas é cando máis auga se consegue que perda a herba, xa que os estomas (parte da planta que está en contacto co ambiente) permanece aberta e facilita o secado. Así, mentres os estomas permanecen abertos chegan a perderse uns 100 litros de auga por tonelada cada hora. Porén, cando os estomas se pechan redúcese a 20 litros por tonelada á hora. Recoméndase a sega con acondicionado ou un uso áxil de maquinaria acondicionadora (hileradoras e similares) nas dúas primeiras horas trala sega.

8. Picado da herba.

Á hora de ensilar, o tamaño da herba é outro dos aspectos a ter en conta, xa que contribúe á conservación da forraxe. “Ó picar a herba, mellor se compacta despois no silo”, recorda o técnico. Recomenda o uso do picador ou remolque autocargador sobre todo nos primeiros cortes. Nas segundas ou terceiras cortas, cando a herba ten máis talo e resulta máis difícil o seu picado, pódese optar xa pola colleitadora.

9. O silo.

O estado do silo tamén inflúe na conservación da forraxe. Rodríguez recomenda empregar plásticos nas paredes dos mesmos para garantir que o silo das beiras teña a mesma calidade que o resto e evitar deste xeito as perdas de forraxe. Tamén insiste no emprego do rolo de pisado e en facer capas finas para conseguir unha axeitada conservación da herba. Á hora do pisado, cómpre encher en forma de U para non danar as lonas dos laterais e unha vez que o pisador se atopa na cima da herba debe facerse unha U invertida, para que as augas decorran e non se acumulen na parte superior. Tamén é importante que non sobresaia a herba por encima das paredes, xa que iso limitará o pisado desa zona e dificultará a conservación. “É fundamental pisar, pisar e volver pisar o silo”, insiste o técnico.

10. Selado e conservación do silo.

Para a conservación do silo, ademais do emprego de conservantes, é necesario asegurar o selado do silo, para o que aconsella empregar o film protector, previo ó plástico e á lona protectora. Tampouco hai que descoidar o mantemento que se fará despois do silo, unha vez aberto, xa que vai influír na calidade final da forraxe que inxiren os animais.

Alternativas forraxeiras, os ases na manga para as ganderías de vacún de leite galegas

“Deberíamos lembrar que o que lle serviu ós nosos avós para resistir igual nos pode servir tamén nas granxas hoxe a nós”. Deste xeito convidaba a reflexionar a investigadora e doutora pola USC Ana Isabel Roca Fernández ós gandeiros que asistían a unha xornada sobre alternativas forraxeiras para o vacún de leite que se celebrou na Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea (Lugo). A investigadora pon o foco na situación que atravesan na actualidade as granxas, afanadas en reducir os custos de produción. “O campo galego precisa unha maior resiliencia e para iso as granxas deben facer un aproveitamento eficiente dos recursos forraxeiros”, explica. Facelo permitirá ás ganderías reducir os custos de alimentación e facer fronte a situacións inesperadas como as que se están a presentar co cambio climático ou que se derivaron da pandemia sanitaria ou o estoupido da guerra entre Rusia e Ucraína.
“Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal facer as granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”
E como lograr este mellor aproveitamento das forraxes nas granxas? A doutora Roca bota man do saber aprendido dos seus avós labregos, combinado coa súa formación académica e da experiencia que lle proporcionaron as estadías en países con sistemas produtivos e climas semellantes ó galego para facer unha recomendación clara: apostar por distintas alternativas forraxeiras para complementar as forraxes tradicionais. “Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal se consegue facer granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”, valora a experta.
En Galicia só o 4% das ganderías utilizan cereais de inverno producidos nas súas terras
Así, noutras zonas da Bretaña francesa, Nova Zelanda ou Irlanda, nas que a investigadora realizou estadías, están a apostar polo uso de alternativas forraxeiras para a alimentación do gando. Mentres que en Galicia tan só o 4% das ganderías de leite utilizan cereais de inverno producidos nas terras que xestionan. Pola contra, o 57% das granxas cultivan millo e o 52% empregan raigrás italiano.

Sota, cabalo e rei na ración do gando

A modo de exemplo gráfico e divulgativo, a investigadora fai unha comparativa da ración do gando e unha partida de naipes xogando á Brisca. A experta cualifica os cultivos de inverno coma os ases na manga dos que poden botar man as ganderías de vacún de leite. Recomenda así, deixar de optar só por gañar a partida da alimentación animal a base de empregar as figuras da sota, o cabalo e o rei. Senón recorrer ao emprego deles para paliar posibles situacións de déficit e condicións adversas. En base ao uso que os gandeiros fan dan forraxes nas explotacións galegas, a doutora Roca equipara a herba verde coa sota da baralla, mentres que o silo de herba sitúao coma o cabalo e o silo de millo coma o rei debido ao seu valor nutricional e o custo que supoñen para as ganderías o aporte destes alimentos, sendo, este un modelo de “xogo” fixo no cal non se teñen en conta ás alternativas. Seguindo coa comparativa entre os naipes e a alimentación do gando, o resto de trunfos da baralla constitúeno os pensos, con diferente fonte de materias primas, na ración das vacas. Cómpre ter presente que de media o custo do penso supón 5 veces ó da herba verde e 3 veces máis inversión económica que o silo de herba e de millo, de aí que a doutora Roca considere os pensos coma unha das estratexias menos adecuadas para gañar en resiliencia na granxa, ó estar suxeitos a maiores variacións nos prezos. Abonda ver como se dispararon os prezos dos pensos trala pandemia, pasando dun custo medio de 250 euros por tonelada a superar os 400 euros por tonelada na época postcovid. A investigadora recorda neste senso que en España adóitase empregar de media uns 400 gramos de penso por quilo de leite producido, mentres que noutros países da contorna con producións de leite semellante úsanse entre o 30 e o 40% menos de penso que o utilizado habitualmente en Galicia. A composición media das racións nas granxas de leite adoita estar composta basicamente por penso (33%), xunto con herba verde (15%), ensilado de herba (26%), ensilado de millo (14%) e forraxes secas (12%). Así, é que case non se empregan outras alternativas forraxeiras que poderían servir a modo de ases na manga para as ganderías á hora de reducir a dependencia que amosan dos pensos.

Os ases na manga para reducir custos na ración

Entre as alternativas forraxeiras que a experta recomenda empregar en Galicia atópanse cultivos de inverno, así como cultivos proteicos. “As alternativas forraxeiras poden xogar un papel importante na granxa na época de parada vexetativa da herba (no inverno), así como ante a seca do verán, cando logo dos partos da primavera as vacas están aínda en lactación”, argumenta a investigadora. Ademais, este tipo de cultivos son forraxes que xa teñen sido empregadas durante anos en Galicia, polo que a doutora Roca recomenda volver a botar man destas, posto que a maioría delas xa amosaron unha boa produción e atópanse ben adaptadas as condicións edafoclimáticas imperantes na rexión. Optar pola produción de forraxes de calidade na propia gandería é unha das practicas polas que a PAC contempla distintas liñas de acción, como as específicas para a xestión de pastos e a extensificación do vacún de leite, recollidas no DOG núm. 22 de 1 de febreiro de 2017. Á marxe disto, o Real Decreto 1075/2014 contempla tamén unha liña específica para a diversificación de cultivos, onde se poderían incluír estas novas alternativas forraxeiras, así como para a conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. “As alternativas forraxeiras están chamadas a ser un piar básico da alimentación do gando vacún de leite no futuro e vano a ser”, reafirma a doutora Roca. As principais alternativas que se presentan son:

-Leguminosas forraxeiras

Teñen un bo crecemento invernal, o que facilita o seu ensilado. Ademais aportan un alto contido en proteína barata, no canto de mercar soia importada ou outras fontes de proteína, de xeito que ben sexa en monocultivo ou asociadas con cereais de inverno, permiten abaratar os custos de alimentación do vacún de leite. Por outra banda, este tipo de cultivos axuda a ofrecer unha ración máis equilibrada. “Coa asociación de leguminosas búscase paliar o déficit de proteína vexetal que a maior parte da granxas teñen debido á asociación entre raigrás italiano e millo”, detalla a investigadora. No caso de leguminosas pódese apostar por especies como a alfalfa, a veza, a esparcela ou a zulla. Tamén se poden empregar especies proteaxinoasas coma o chícharo, o faballón ou o chícharo tremoceiro.

-Gramíneas

Neste caso pódese optar por empregar o raigrás italiano híbrido. A doutora Roca recomenda sementar o raigrás italiano anual e realizar un ensilado nas épocas axeitadas para obter os mellores resultados.

-Cereais forraxeiros

Especies coma a avea, a cebada, o centeo, o trigo ou o triticale ofrecen un alto valor nutricional e son unha boa combinación para mesturar coas leguminosas. “Á hora de asociar leguminosas e cereais é recomendable empregar mesturas con chícharo polo excelente valor nutricional que este proporciona”, concreta a experta.
A doutora Ana Isabel Roca Fernández durante a súa participación na xornada celebrada na Granxa Gayoso Castro.

Estudos recentes con estas alternativas forraxeiras

A doutora Roca aproveitou para presentar en dita xornada, os datos obtidos en dous estudos realizados nos últimos anos sobre algunhas das alternativas forraxeiras, nas que testaron o tipo de forraxe e o método de aproveitamento. En concreto, compararon gramíneas (raigrás italiano), leguminosas (chícharo, faballón e veza) e cereais (avea, triticale e cebada), empregándoas tanto en verde como en ensilado e combinándoas. Entre as principais conclusións destes estudos convén mencionar que: -As forraxes en verde amosaron unha calidade excelente fronte ás ensiladas. -O uso de leguminosas resultou unha estratexia axeitada como alternativa ó raigrás italiano (a opción en combinación co millo pola que máis ganderías apostan na actualidade). As leguminosas son unha excelente alternativa para alimentar ó gando en produción de leite con altos requirimentos nutritivos nos 3 primeiros meses de lactación debido ó seu alto valor nutricional. -Recoméndase a introdución de leguminosas en monocultivo (tanto chícharo como faballón) polo seu alto contido en proteína bruta. -A avea en verde sería o único cereal recomendado pola súa calidade nutricional excelente. -A cebada sería o único que non se recomendaría para animais altamente produtivos, senón que sería mellor para as vacas secas. -Nas asociacións de leguminosas e cereais recoméndase o chícharo polo seu excelente aporte nutricional. -Destacaron o faballón, o chícharo, a veza e as combinacións de chícharo-veza, chícharo-triticale, a veza-cebada e veza-avea, pola súa excelente calidade nutricional.

A importancia do plástico na conservación do ensilado

A calidade final dun ensilado depende de varios factores, condicións de cultivo, ensilado ou enchido do silo e manexo da forraxe no momento de consumo. Do coidado e esmero na execución de todos os procesos, dependerá a calidade final, cuxo principal obxectivo é que as perdidas e deterioracións na forraxe sexan as mínimas posibles.

O período máis crítico en todo o proceso é o que transcorre desde finalizado o tapado ou selado do silo, até a súa apertura para ser administrado ao gando. Nese espazo de tempo, prodúcense todas as reaccións químicas ou fermentacións que determinarán a calidade final do noso ensilado e que dependerá da boa realización dos distintos procesos, entre os cales se atopa lograr un perfecto illamento entre a masa de forraxe e o medio exterior, evitando a entrada de auga e aire para lograr a máxima calidade nutricional e sanitaria da forraxe.

Deste xeito, logramos que se realice unha fermentación anaeróbica (sen presenza de osíxeno), onde proliferarán as bacterias lácticas, as cales realizarán a fermentación dos azucres e transformarán o almidón en ácido láctico, etanol e dióxido de carbono axudando a que a acidificación da masa de forraxe sitúese por baixo de ph 4, evitando así a putrefacción.

O outro gran inimigo é o exceso de auga, que ademais do arrastre de nutrientes por lixiviación, impide ou diminúe a posibilidade de lograr unha masa de forraxe cun ph <4, permitindo o desenvolvemento de bacterias do tipo Clostridium, produtoras de ácido butírico, amoníaco e aminas indesexables.

Por iso, é de vital importancia aplicar unha cuberta adecuada, que nos garanta tanto un correcto illamento da masa de forraxe ensilada, como da súa protección ante animais, vento, saraiba e outros factores agresivos. En ocasións, chama a atención a pouca importancia e investimento na cuberta que se aplica aos silos, fronte ao gran valor económico. Debemos concienciarnos da gran diferenza de valor económico entre o contido e o continente.

Cálculo perda económica por deterioración ou baixa calidade nutricional na parte superior dun silo de trincheira de dimensións 8m x 30m (240m2), independentemente do seu volume total de forraxe:

Se consideramos un silo destas dimensións en superficie e cunha altura media de 2m, cun custo de forraxe en silo de 60 euros/tm, temos unha valoración de 18.720 €, para o cal, unha boa cuberta protectora pode supor un custo aproximado de 230 €

Con estes cálculos, é evidente que non debemos tomar riscos innecesarios tratando de minimizar o gasto na protección do noso silo, a cambio de produtos de dubidosa calidade. Deberemos plantearnos o investimento na protección do noso silo como un seguro e non como un gasto.

Produtos para a conservación e protección do ensilado

Cando nos referimos á protección integral do noso/s silo, temos que diferenciar entre produtos para conservación e produtos de protección:

-Conservación. Lamina plástica para muros:

Lámina en polietileno que nos permite illar a forraxe das paredes de silo, dado que, co paso dos anos, estes pódense gretar, desgastar ou mesmo permitir a entrada de auga por escorrentía.

-Conservación. Lámina 40 micras:

Lámina en polietileno extremadamente fina cuxa principal función é a de adherirse á forraxe, provocando que o pouco osíxeno que nos puido quedar despois do pisado, se sitúe entre as dúas láminas plásticas e non en contacto coa forraxe.

-Conservación. Lámina barreira osíxeno:

Lámina en polietileno, normalmente de tres capas e dúas cores, onde o negro estará en contacto coa forraxe para dar opacidade total á forraxe e outra capa exterior nunha cor cálida para reflectir os raios solares e non provocar elevados incrementos de temperatura. Esta lámina, ha de ter un nivel de transmisión de osíxeno (OTR) comprendido entre 100 e 250 cc/m2/día (unidade de medida e proba realizada en laboratorio).

-Protección. Malla protectora:

Malla en polipropileno situada encima das dúas láminas anteriores cuxa función é a de protexer ante axentes externos que poidan danar as láminas de conservación, como animais, vento e saraiba.
A súa calidade virá determinada por:

-Gramaxe. Dará consistencia e resistencia. Mídese en grs/m2 e deberá superar o valor de 200 grs/m2

-Tecido. Os fíos que o conforman deberán estar soldados entre si e non debería ser inferior a 6 fíos por cm lineal en horizontal e vertical.

-Protección raios UV. Tratamento que nos garanta polo menos tres anos de duración, pola contra o seu custo resultaría demasiado alto

– Protección. Sacos rafia:

Sacos para encher preferiblemente con pedras pequenas e redondeadas para que, coa manipulación, non destrúa o tecido. A súa utilización permitiranos exercer presión na superficie do silo, así como evitar o desprazamento de todas as láminas contra vento e choiva.

Campaña de ensilado do millo 2021: Agárdanse boas producións, superiores ás de anos pasados

A maioría das ganderías de vacún de leite galegas están xa pendentes do inicio da campaña de ensilado do millo. As chuvias da primavera e os primeiros meses do verán atrasaron en gran medida o desenvolvemento da forraxe, que agradeceu o bo tempo deste mes de agosto que está axudando na maduración da espiga. Con todo, a vaga de calor dos últimos días pode mesmo condicionar e adiantar o ensilado naquelas zonas máis secas. Na maior parte de Galicia o ensilado do millo comezará a mediados de setembro e colleitaranse a comezos de mes as parcelas con ciclos máis curtos ou con terras máis secas, onde o millo estea a sufrir pola calor. Agárdanse boas producións en cantidade e calidade, xa que polo xeral a planta atópase nun bo estado sanitario.  Comezan a detectarse xa estragos causados polas mandas de xabaril nas zonas gandeiras. Mesmo están a sufrir danos en parcelas nas que o millo aínda está moi verde ou en pradeiras.  Facemos un percorrido por algunhas das principais comarcas gandeiras para coñecer mellor a evolución deste cultivo forraxeiro fundamental en gran parte das ganderías de vacún de leite.

Mariña Lucense: “Vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”

Na cooperativa Os Irmandiños, en Ribadeo, integrada en CLUN, prevén que as tarefas de ensilado do millo comecen a mediados de setembro, agás algúns casos excepcionais que se poidan mallar antes. “A falta de horas de sol atrasou a formación e maduración da espiga, polo que a colleita tamén se atrasará”, explica Rafael Acevedo, un dos responsables da área de cultivos e mecanización da cooperativa. A nacenza do millo, pese ás abundantes choivas levouse a cabo nas datas habituais e tamén se desenvolveu con normalidade o crecemento da planta. “Hai plantas cunha vexetación moi boa, pero que precisaban destas horas de luz que estamos tendo agora en agosto”, comenta. Con todo, as perspectivas da colleita son boas. “Vai ir con atraso, pero creo que vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”, valora Acevedo. Pese ó atraso que presentan as plantacións no desenvolvemento e maduración do millo, están a sufrir xa os estragos causados polo xabaril. “Parece que este ano teñen bastante fame, porque está tirando millo que nin sequera teñen aínda que comer e causando importantes danos”, indica Acevedo. Así, tanto en parcelas que xestiona a propia cooperativa para a súa planta de mestura húmida, como en fincas de socios xa rexistraron danos desta fauna salvaxe. “As mandas de xabaril están moi repartidas, temos danos en plantacións da Mariña, pero tamén nas zona do interior”, especifica. A incidencia da fauna xa lles causou perdas dende o inicio do cultivo do millo. “Houbo fincas de Remourelle que tivemos que sementar de novo por completo”, recorda. Leiras de millo estragadas polo xabaril na Mariña Lucense. // Foto Clun.

Lugo Centro: “O frío e a auga fixeron que o millo atrasase e que tardase en saír”

Polo momento na zona central da provincia de Lugo o millo aínda está moi verde e faltan case 15 días para que comece a ensilarse. “O frío e a auga fixo que o millo atrasase e que tardase en saír”, explica Silvia Cendán, técnica da cooperativa Aira. Na zona de Palas de Rei, Guntín, Friol ou O Páramo na cooperativa agardan comezar co ensilado arredor do 10 de setembro. As previsións son tamén favorables e agardan boas producións. “A verdade é que está mellor do que contabamos, xa que ó principio o millo tivo moitos problemas para saír polas chuvias e logo houbo gran cantidade de herbas, tanto que mesmo ós herbicidas lles custou atallala”, valora Cendán. Ás inclemencias meteorolóxicas sumáronse os danos causados pola fauna na época da sementeira. “Este ano tivemos moita incidencia de corvos. Houbo fincas que tiveron que sementar máis dunha vez por culpa deles. Ademais, por causa do xabaril tamén houbo faltas e estragos en moitas parcelas”, comenta. Polo momento, os danos co millo xa criado aínda non están a ser moi numerosos, pero coidan que cando maduren as espigas se han de incrementar pola presenza de mandas destes animais na zona.

Chantada: “Comezaremos a ensilar nos próximos días e agardamos producións por encima da media”

No sur da provincia de Lugo, na zona de Chantada están a piques de comezar co ensilado. “A finais desta semana ou principios da que vén comenzaremos coas fincas máis adiantadas, as que se sementaron en abril”, explica Jorge Meiriño, técnico de campo da cooperativa Aira. As altas temperaturas que se están a rexistrar nos últimos días fixeron que mesmo se adiante a colleita, xa que o millo comeza a sufrir pola falta de precipitacións. “As plantas estaban afeitas a unhas regas constantes, coas precipitacións que tivemos durante a primavera e o verán, as plantas estaban viciadas niso e agora soportaron peor a seca”, valora o técnico. Esta campaña a sementeira puideron realizala nas datas previstas e os ciclos están chegando ó seu momento óptimo de colleita. “Nesta zona adoitan empregar ciclos non moi longos para poder garantir que o millo chega a cumprilo”, apunta Meiriño. Agardan que sexa unha campaña boa, con producións por encima da media, debido ás abundantes precipitacións. Nesta zona, a incidencia do xabaril sobre o cultivo do millo está a ser cada vez maior. “Vese moito lobo e iso pode facer tamén que o xabaril ande máis en mandas, polo que os danos cando entran nunha finca son moito maiores do que hai anos, cando entraba un só animal”, apunta.

 

Fincas de millo na zona de sur da provincia de Lugo.

Comarca do Xallas: "As perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa"

En Ganxabar, a cooperativa que xestiona en común os forraxes e a recría de 8 gandeiros de Xallas e Barcala (A Coruña) mantéñense á expectativa de como remate de desenvolverse a espiga, que será o que determine os niveis de amidón dos silos. “Polo momento as perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa”, valora Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar. En canto á produción, tamén agardan unha colleita con boas cifras, semellantes ás dos últimos anos nos que contaron con altas producións de millo. “Estas últimas semanas van ser decisivas, o que realmente aporta quilos é a espiga, e se aperta moito a calor e non deixa un desenvolvemento axeitado pode que cambien as perspectivas”, recoñece. A evolución desta recta final tamén marcará o comezo dos traballos de ensilado. “Se o millo non se ve condicionado e se desenvolve ben non comezaremos a ensilar ata finais de setembro. Se pola contra, comeza a verse afectado, adiantaremos a recollida dúas semanas”, argumenta Cundíns. Nesta cooperativa adoitan apostar por ciclos longos de millo. Boa parte do millo que cultivaron este ano, case o 90% , son ciclos de 500 ou 600, que lle permiten maior marxe para a colleita. “Estas variedades adoitan ter un período óptimo para a recollida de mesmo 8 días, cando os ciclos máis curtos só teñen 2 ou 3 días, polo que sempre que podemos optamos por este tipo”, indica. Este ano puideron realizar a sementeira en abril e o millo tivo un bo desenvolvemento ata o momento, puido enraizar ben o que fai pensar que poida aguantar ben esta fase final aínda que non chova, se as temperaturas se suavizan. Na zona están a sufrir importantes danos por mor do xabaril. “Os danos reais no millo habémolos de ver cando ensilemos, pero xa están vendo moitos danos en leiras pequenas con millo do país ou con ciclos máis curtos que teñen a espiga máis adiantada”, comenta Cundíns. Tamén detectaron danos en pradeiras, polo que temen importantes desfeitas nas fincas de millo de maior extensión.

Comarca do Deza: “Agardamos boas producións, mesmo superiores ás do ano pasado”

Na cooperativa Cobideza, con delegacións en Lalín, Vila de Cruces e Silleda, agardan unha boa colleita de millo, con producións superiores ás do ano pasado. “Esperamos ter unha media de entre 35.000 e 40.000 quilos por hectárea, con fincas nas que poidan chegar a acadarse os 50.000 quilos, aínda que serán casos puntuais”, indica Patricia López, directora comercial da cooperativa. Dende a cooperativa inciden na importancia de lograr bos silos de millo. "Nun ano no que os custes de produción se incrementaron, ademais de obter un bo rendemento, é moi importante a calidade nutricional do ensilado. O obxectivo dun bo silo de millo é obter un alimento con alto porcentaxe de enerxía e elevada dixestibilidade da fibra”, explica a directora comercial. A campaña arrancará arredor do día 10 de setembro e agardan que quede rematada pouco máis dun mes despois, sobre o 25 de outubro. “Este ano a campaña vai con certo atraso en comparación co ano pasado, xa que a meteoroloxía tamén foi moi distinta e aínda seguimos metendo na herba seca”, apunta López. A evolución das vindeiras semanas será tamén determinante tanto para o inicio do ensilado como para as producións finais que se obteñan. Polo de agora non contabilizaron grandes estragos nas leiras do millo a causa do xabaril, pero apuntan a que se debe ó atraso da planta e que aínda non está a espiga criada. “Nos próximos días podemos empezar a ver importantes danos como os que tivemos na sementeira”, comentan na cooperativa.

As ecuacións NIRS, novas análises para coñecer a calidade das forraxes nas ganderías de leite

O sector produtor leiteiro galego, inmerso nun mercado aberto, competitivo e cada vez máis esixente, debe mellorar o manexo da alimentación para garantir súa viabilidade económica e ambiental. A comparación cos países do noso entorno amosa unha das claves deste reto: incrementar o uso de forraxes de calidade e a mellora da eficiencia da súa utilización no racionamento das vacas de leite. Custos de alimentación sobre os custos de produción do leite na Unión Europea. O coñecemento preciso da composición dos alimentos para o gando, particularmente das forraxes debido á alta variabilidade que posúen, é unha condición necesaria para a súa utilización eficiente, sendo este coñecemento a base da denominada alimentación de precisión. Para iso, cómpre dispoñer dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos que informe do valor enerxético e nitroxenado das forraxes dispoñibles nas ganderías dunha forma rápida e precisa. Precísanse para iso sistemas con alto grado de fiabilidade, reducido erro e adaptados ó manexo de grandes números de mostras no laboratorio de servizo.
Un mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes pode contribuir a mellorar a sostibilidade económica e ambiental das granxas de leite
O presente traballo, "Aplicacións analíticas avanzadas para a análise de forraxes utilizadas nas explotacións leiteiras galegas", dirixido polo investigador Gonzalo Flores, xorde a partir do proxecto de investigación cooperativa, financiado inicialmente con fondos FEADER do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que vén sendo desenvolvido conxuntamente polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da AGACAL e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL). Este proxecto procura mellorar a sostibilidade económica e ambiental das ganderías leiteiras galegas a través dun mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes máis utilizadas na alimentación do gando de leite en Galicia. O obxectivo xenérico da Tese é contribuír á mellora da utilización das forraxes para a produción de leite de vacún en Galicia a través da obtención de métodos analíticos fiábeis, robustos e precisos para ser aplicados en análises de rutina para servizo ás ganderías, así como con propósito de apoio á investigación e ás actividades de selección e mellora xenética de forraxes. Neste traballo perseguíronse cinco obxectivos: 1) Describir as características de composición química e dixestibilidade da materia orgánica (DMO) dos principais grupos de forraxes frescas e de forraxes conservadas como herba seca e ensilaxes utilizadas nas ganderías leiteiras de Galicia. 2) Desenvolver ecuación NIRS para a estimación da composición química e a DMO das forraxes e de mesturas completas (unifeed) comunmente utilizadas para a alimentación das vacas de leite. 3) Avaliar a capacidade de NIRS para estimar os parámetros de degradabilidade ruminal de ensilaxes de herba e de millo. 4) Obter ecuacións de regresión baseadas na composición química das mostras para estimar os valores de DMO dos distintos grupos de forraxes e das mesturas unifeed, así como da degradabilidade ruminal das ensilaxes de herba e de millo, comparando a súa capacidade preditiva coa obtida mediante a técnica NIRS. 5) Construír e validar ecuacións NIRS para predicir os parámetros de calidade fermentativa de ensilaxes de herba e ensilaxes de millo. No estudo empregouse un elevado número de mostras das principais forraxes habituais nas granxas galegas. As coleccións de forraxes e mesturas unifeed utilizados na Tese representan as que se utilizan nas ganderías galegas. O volume de mostras foi moi alto, ascendendo a un total de aproximadamente 5.000 mostras analizadas por métodos de referencia (incluíndo determinacións de parámetros biolóxicos in vivo e in situ e parámetros fermentativos no caso das ensilaxes). Destas, máis de 2.000 eran forraxes frescas, outras tantas mostras de ensilaxes de herba e de millo e o resto mostras de herba seca e de mesturas completas. Os produtos desta Tese son os comunmente utilizados para a alimentación de vacas de leite nas granxas galegas: a) Forraxes frescas: 5 tipos: millo, sorgo, xirasol, pastos e cultivos de inverno. b) Forraxes conservadas: 3 tipos: os máis importantes, ensilaxe de herba e ensilaxe de millo e, finalmente, herba seca de pradeira. c) Mesturas completas de forraxes e concentrados (unifeed). As mostras, procedentes de granxas leiteiras galegas e das fincas experimentais do CIAM foron recollidas ao longo de diversos anos e pretenden reflectir, na maior medida posíbel, a variabilidade existente na práctica. Detalle da composición química das forraxes empregadas no estudo. Os traballos realizados na Tese diferéncianse en 3 partes: Primeira: describir as características de composición química e dixestibilidade da materia orgánica dos principais grupos de forraxes frescas e de forraxes conservadas como herba seca e ensilaxes utilizadas nas ganderías leiteiras galegas, en base a un número moi elevado de mostras. É dicir, a partir dos resultados descritos, expóñense por primeira vez, de forma sistematizada o que podemos considerar táboas de valor nutricional das forraxes máis comúns, cos valores medios e rango de variación da composición química e dixestibilidade, xunto coa calidade fermentativa media das ensilaxes de herba (incluíndo cultivos de inverno) e millo. Segunda: elaborar ecuacións de regresión baseadas na composición química das mostras para estimar os valores de dixestibilidade da materia orgánica dos distintos produtos así como da degradabilidade ruminal das ensilaxes de herba e de millo comparando a súa capacidade preditiva coa obtida mediante a técnica NIRS. Realízase unha importante actualización das ecuacións xa existentes e amplíanse a novos produtos (particularmente forraxes en estado fresco). Estas ecuacións proceden de mostras representativas das utilizadas nas ganderías galegas e foron validadas con mostras independentes. Ademais proceden das mesmas coleccións utilizadas para desenvolver as calibracións NIRS. Terceira: Representa a parte aplicada máis importante e constitúe o verdadeiro avance obtido polo traballo, como é desenvolver novas ecuacións de calibracións NIRS para a estimación de: - Composición química: contido en MO, PB, FAD, FND, ALM, entre outros, parámetros que están ao alcance de calquera laboratorio que dispoñan da tecnoloxía de análise por vía húmida tradicional e dun instrumento NIRS. - A estimación de dous parámetros fundamentais: O valor enerxético e o valor proteico, ambos determinados en ensaios con animais. O valor enerxético determínase mediante a dixestibilidade da materia orgánica. O valor proteico, o cal está circunscrito ás ensilaxes máis utilizadas nas granxas, que son as ensilaxes de herba e as ensilaxes de millo; determínase mediante a degradabilidade ruminal. Débese salientar que a construción e mantemento de calibracións NIRS para a estimación da dixestibilidade e a da degradabilidade está reservado a institucións que teñan a capacidade de obter as coleccións de mostras con valores de referencia medidos directamente sobre animais. - Parámetros de calidade fermentativa de ensilaxes de herba e ensilaxes de millo, aspecto de gran importancia dada a súa relevancia na alimentación das vacas de leite. Empregaron mostras procedentes de granxas leiteiras galegas e das fincas experimentais do CIAM.

Resultados

- Confírmase que a tecnoloxía NIRS é un método de análise consolidada como ferramenta analítica que está dotada de vantaxes como rapidez, precisión, versatilidade, económica, non contaminante, multiparamétrica (multiplicidade de análises nunha soa operación) e adaptada ao uso en análise de rutina, dada a simplicidade na preparación da mostra. - A fiabilidade na predición da dixestibilidade das ecuacións empíricas obtidas e validadas a partir das coleccións propias é, polo xeral, mediocre, o que alerta da incerteza no uso de ecuacións foráneas non validadas. A súa capacidade preditiva foi amplamente superada polos modelos de predición NIRS. Isto evidénciase pola redución do erro de predición da DMO en case un 50% cando se utilizan as novas calibracións NIRS.
O modelo NIRS permite realizar mellores prediccións sobre a dixestibilidade e a degradación rumial das forraxes
- A fiabilidade na predición da degradabilidade ruminal das ecuacións empíricas obtidas é, polo xeral, mediocre. O modelo de predición NIRS da degradabilidade ruminal efectiva da proteína bruta para ensilaxe de millo e ensilaxe de herba permitiu reducir o erro de predición un 65% e un 27%, respectivamente, en comparación coas mellores ecuacións empíricas. - As ecuacións NIRS para determinar os parámetros fermentativos das ensilaxes de herba e de millo foron satisfactorios, permitindo estimar con alta fiabilidade a calidade fermentativa destas mostras, permitindo detectar problemas que sexa necesario corrixir na práctica do ensilado nas ganderías.

CONCLUSIÓN

As ecuacións de calibración NIRS obtidas neste traballo están actualmente operativas no LIGAL para o seu uso en rutina, o cal produciu unha substancial mellora da calidade da oferta analítica dos diferentes tipos de mostras ao servizo das ganderías galegas por parte do LIGAL, facilitando o manexo xeral da base forraxeira das granxas e a optimización económica e ambiental das racións do gando de vacún de leite. Ao mesmo tempo, están sendo utilizadas con propósito de apoio aos proxectos de investigación e de mellora xenética de plantas forraxeiras realizados no CIAM.
Coñecer de forma precisa o valor nutricional das forraxes e optimizar o seu uso pode reducir os costes en alimentación ata un 10%
A bibliografía sinala unha redución estimada de até un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras, en base ao coñecemento preciso do valor nutricional das forraxes e a optimización da súa utilización. É evidente por tanto o impacto económico que suporía unha mellora da eficiencia na alimentación debido a un mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes. Por outra banda, aínda que son de máis difícil cuantificación, existe tamén un efecto ambiental positivo do uso dos métodos avanzados de valoración nutricional de forraxes debido á redución das excretas de nutrientes ao medio, como en particular o nitróxeno, debido a unha mellor sincronía das achegas de enerxía e proteína na ración. A investigadora Sonia Pereira Crespo no laboratorio do CIAM co espectofotómetro NIR.

Continuidade nesta liña de traballo

- As diferentes bases de datos deben ser obxecto de actualización e mellora permanente para representar nas coleccións de calibración, na maior medida posíbel, a variabilidade na composición das mostras no ámbito de aplicación das ecuacións de predición, a fin de alcanzar maior fiabilidade preditiva e robustez. - A posta en práctica dun programa máis amplo e mantido no tempo de asesoramento da calidade nutricional das forraxes utilizadas nas ganderías de leite como elemento imprescindíbel para lograr un maior grao de sostibilidade do sector. - Así como ir adaptando os resultados aos requirimentos dos modelos de alimentación, incorporando novos parámetros, como por exemplo, o fraccionamento da proteína.

Só 1 de cada 3 gandeiros colleita o millo no seu estado óptimo

Os estudos desenvolvidos por MAS Seeds en silos de millo, a partir da súa rede europea de I+D, revelaron as dificultades de colleitar o millo para silo no seu momento óptimo. Para paliar o problema, a firma de sementes desenvolveu as variedades Green+.

Colleitar o millo entre o 32 e o 35% de materia seca (MS) proporciona un bo compromiso entre rendemento, valor alimentario e conservación, pero as análises de silo desenvolvidas por MAS Seeds no 2017 e 2018 mostraron que só 1 de cada 3 gandeiros conseguen colleitar con esa porcentaxe de materia seca.

Os problemas derivados desa situación son variados. Colleitar moi cedo limita o rendemento e o valor enerxético do ensilado. Doutra banda, unha colleita tardía leva consigo un aumento de rendemento de MS/ ha pero tamén un cambio na composición química do millo: o nivel de almidón aumenta, pero ao mesmo tempo diminúen os azucres solubles, a dixestibilidade das fibras e o nivel de proteína. Ademais, a compactación do silo e a conservación son máis difíciles porque o ensilado está máis seco.

Como responden as variedades Green+ a este reto?

Os híbridos Green+ caracterízanse polo seu eficiente ‘stay-green’, é dicir, pola súa maior permanencia nunha etapa óptima para o ensilado. Son capaces de manter unha alta capacidade de fotosíntese e incrementar o rendemento até estadíos de madurez adecuados para o uso forraxeiro (entre 32 e 35% MS da planta enteira), mesmo en condicións cálidas e secas.

A nivel morfolóxico, esta evolución máis lenta da materia seca permite manter follas e talo verdes, con gran pastoso, e ampliar o prazo de colleita de 5 a 10 días, dependendo das condicións meteorolóxicas.

Os híbridos Green+ achéganlle máis flexibilidade aos gandeiros para colleitar o millo ensilado na fase adecuada.

Máis información