Archives

Lista dos 60 concellos galegos nos que non se empregarán as referencias SIGPAC para solicitar as axudas da PAC

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) acaba de facer pública a lista de termos municipais nos que, de maneira excepcional, non se utilizarán as referencias SIGPAC para a identificación das parcelas agrícolas na campaña 2023 de solicitude de axudas da PAC. Segundo os datos facilitados polas comunidades autónomas, o número de municipios nos que, en todo ou en parte do seu territorio, a declaración de superficies farase con referencias identificativas diferentes do código SIGPAC, é o seguinte:  No caso de Galicia os concellos e parroquias afectadas son os seguintes: Por tanto, desde o FEGA lembran que nestes municipios é posible que o agricultor, aínda declarando parcelas nestas zonas, teña que facer a declaración de forma gráfica. Por tanto, recomendan aos agricultores que se poñan en contacto coa autoridade autonómica competente -Consellería do Medio RURAL no caso galego- ou coas entidades colaboradoras correspondentes para ampliar información sobre como se deben declarar ditas superficies.

Máis información nesta ligazón

Recomendacións ás ganderías para evitar recortes nas axudas por pastos na PAC 2023

A campaña da solicitude da PAC deste ano prevese problemática. Á complexidade engadida na tramitación, como consecuencia da entrada en vigor no novo período 2023-2027 de elementos como os ecorreximes, engádese unha actualización do SIGPAC que modifica a porcentaxe subvencionable en parcelas de pasto arbustivo e baixo arboredo. Desde o pasado 1 de febreiro pódense consultar a través do Visor do SIGPAC os datos das parcelas que se terán en conta para a Solicitude Única que comeza o vindeiro 1 de marzo. Como novidade para esta campaña 2023 incorpóranse novas capas de Pastos Comunais e Faixas de Protección de Cauces e actualízase o valor do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos (CSP), que substitúe ao anterior Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP). O novo CSP, definido nos Decretos que regulan o novo período da PAC, aprobados a finais de decembro, aplícase a aquelas superficies de pastos “que presenten características que de forma estable impidan un aproveitamento total das mesmas pola presenza de elementos improdutivos tales como zonas sen vexetación, pendentes elevadas ou masas de vexetación impenetrable” (Real Decreto 1048/2022 artigo 3.13).
Para a fixación do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos téñense en conta as condicións da parcela, a pendente, a presenza de arboredo e as características botánicas do pasto
Como novidade respecto ao CAP fixado no ano 2015, o CSP do 2023 introduce o factor da especie forraxeira á hora de fixar a porcentaxe de superficie de pasto subvencionable, que valora a pastabilidade do tipo de vexetación presente na parcela. Ademais, introdúcese unha nova categoría para a clasificación das parcelas, a de Matogueira (MT), que se engade ás xa existentes de Pastizais (PS), Pasto Arbustivo (PR) e Pasto Baixo Arboredo (PA).

Consecuencias á hora de solicitar a PAC

A redución da superficie admitida afecta sobre todo a gandeiros nas zonas de montaña, que verían comprometidas as axudas que percibían estes anos. Xoán González é titular dunha explotación ovina no concello de Viana do Bolo. Este mozo detectou o problema ao revisar no SIGPAC as súas parcelas trala última actualización do 1 de febreiro. “Tiña fincas cualificadas como pasto arbustivo que están moi ben coidadas e valen para pacer case como se fosen un prado que pasaban dun 85% de CAP a cero e outras ao 35%. A rebaixa total supúñame ter 6 hectáreas menos de superficie, co que perdería a liña de axudas de ecolóxico e caeríanme todos os compromisos de carga gandeira esixidos”, explica.
Eu recomendaría a todo o mundo que revise como aparecen as súas parcelas para que non se atopen con ese problema o día que vaian presentar a solicitude da PAC
Ao igual ca Xoán, outros produtores da zona atopáronse co mesmo problema e decidiron dirixirse ao FOGGA pedindo explicacións. “Chamamos ao FOGGA e volveron poñelas ben. Dixéronnos que fora un erro, pero se non chegamos a chamar non o terían arreglado e atopariámonos con ese problema o día que foramos facer a solicitude da PAC, que é o que lle vai pasar á maioría da xente, que se vai enterar ese día”, asegura. Xoán quéixase do cambio de oficio realizado “sen un motivo de peso nin unha acta que xustificara ese cambio”, cando o propio FEGA, na súa última circular sobre como presentar alegacións ao SIGPAC, indica que “cando como resultado dunha actualización masiva do SIGPAC, vísense afectados os cálculos das axudas da PAC (pagos directos e pagos ao desenvolvemento rural) así como calquera outra subvención na que se utilice o SIGPAC como referencia para a declaración de superficies, aquelas persoas cuxos intereses se visen afectados deberán ser notificadas no marco do procedemento de tramitación das devanditas axudas ou subvencións”. Un requisito que non se está a cumprir neste caso e do que se queixan os afectados.

Procedemento para alegar ao SIGPAC

Desde o 1 de xaneiro do 2005 o SIGPAC é a única base de referencia para a identificación das parcelas agrícolas no marco da PAC, pero os produtores deben realizar a declaración de superficies en base á realidade do terreo. “No caso de que o SIGPAC non reflicta a situación real das parcelas e se observe que os seus recintos non están correctamente delimitados ou se cambiou o uso dalgún recinto, o produtor notificarao á súa administración autonómica a través da oportuna solicitude de modificación ao SIGPAC, e entre tanto, na súa solicitude única declarará a situación real”, aclara o FEGA.
As alegacións ao SIGPAC deberán incluír un informe técnico e fotografías xeoreferenciadas
Para corrixir os erros detectados os afectados terán que presentar alegacións ao SIGPAC no propio proceso de solicitude da PAC, a través da aplicación que habilitará a Xunta. A alegación deberá incluir un informe técnico con antigüidade inferior a 6 meses que xustifique o cambio solicitado, así como fotografías xeoetiquetadas. Amaia Santamarta, técnica de Ovica e encargada de tramitar a PAC dentro da asociación, asegura que “as alegacións son unha tortura e os resultados son moi variables dependendo da provincia, porque aínda que supostamente os técnicos do FOGGA teñen criterios comúns na realidade hai moita diferenza”. Ademais, di, “as parcelas de menos de 3.000 metros cadrados denéganas de oficio, xa non as van nin ver, e en Galicia hai moitas así”, quéixase. Por iso “xogarse as axudas da PAC a esas alegacións é un risco, como produtor non podes xogalo todo á carta das alegacións”, considera.
"Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias"
“Os gandeiros máis afectados pola revisión do CSP son os das zonas de montaña que teñen gando vacún de carne, cabalos ou rabaños de ovino e caprino. Os pastos arbustivos e pastos con arboredo sempre van ter rebaixa de superficie pero hai parcelas que xa foran alegadas e ás que se lles asignara un CAP máis alto que agora volvéronas para atrás”, explica. “Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias porque colle os datos do Catastro, que en Galicia está moi mal, polo que arrastra eses mesmos erros. Galicia ten unhas circunstancias moi concretas que deberían ser tidas en conta”, di Amaia. O cambio de cualificación das parcelas pode levar a unha perda de fondos, sobre todo para os produtores que anden moi xustos de superficie. “Hai zonas onde é complicado atopar máis terreos e se os atopas van ser de características similares, polo que vas ter o mesmo problema”, conclúe.

Outras eivas do SIGPAC: moitos elementos da paisaxe e cauces fluviais seguen sen aparecer

Unha das novidades introducidas no actual período da PAC dentro da condicionalidade reforzada é a obriga de que as explotacións manteñan unha porcentaxe mínima do 4% de superficies de interese ecolóxico (SIE), no que se incluirían elementos da paisaxe ou marxes fluviais sen cultivar. Aínda que a obriga do cumprimento desta boa práctica (BCAM 8) manterase este ano en suspenso, ao igual que a da rotación de cultivos (BCAM 7), como consecuencia da excepcionalidade aprobada pola UE a raíz da guerra de Ucraína (tal como se recolle no Real Decreto 1049/2022), estas superficies deberán ser tidas en conta sen embargo no caso de solicitar os ecorreximes de rotación de cultivos con especies mellorantes ou o de mantemento de espazos de biodiversidade.
As superficies ou elementos non produtivos poderán adicarse excepcionalmente este ano a produción de alimentos, agás millo e soia
Pero xorde neste caso o problema de que no SIGPAC non aparecen en moitos casos reflectidos a totalidade dos elementos da paisaxe (sebes, lindes, árbores ou froiteiras illadas nos prados e terras de cultivo, balsas de rego, muros de pedra seca e outros elementos singulares, etc) nin tampouco os 5 metros de faixa entorno aos ríos e regatos.

O FOGGA recomenda non alegar

A única alternativa en caso de que unha explotación queira marcar estes elementos para cumprir co ecorrexime de espazos de biodiversidade sería presentar tamén unha alegación ao SIGPAC, que complicaría a solicitude da PAC. “Os ríos seguen sen estar todos cargados e no caso dos que non estean debuxados desde o FOGGA desaconsellaron que os introduciramos na solicitude”, explica Ana Rodríguez, responsable da Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego. O propio FEGA admite que a capa cargada no SIGPAC o pasado 1 de febreiro relativa aos cauces fluviais “é provisional, de forma que permitirá ir depurando e consolidando a información”. Polo tanto, “no caso de que un agricultor non estea de acordo coa información recollida deberá presentar ante a súa administración autonómica unha solicitude de modificación do SIGPAC”, recomenda a entidade estatal, en contra do criterio seguido polo FOGGA.

Conflitos nos montes veciñais

O SIGPAC incorpora tamén como novidade unha nova capa de Pastos Comunais, onde se incluirían os montes veciñais en man común que fan aproveitamento gandeiro. Nos casos nos que as parcelas son pacidas de xeito individual polos comuneiros, a directiva da comunidade de montes ten que facer unha declaración asignando esas superficies para que despois os produtores as poidan incluír nas súas solicitudes individuais.
As directivas dos montes veciñais teñen que declarar as diferentes superficies que lles asignan aos gandeiros
Se non está feita esta declaración previa non se poderían solicitar axudas por estas parcelas traballadas individualmente, o que está levantar toda a problemática existente cos montes veciñais en Galicia. “Se a directiva do monte vecinal non fai este trámite previo, os gandeiros están vendidos”, advirten desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Moitas veces os conflitos de intereses entre comuneiros con gando e comuneiros con intereses forestais impiden o acordo. Outras veces as xuntas directivas das Comunidades de Montes están sen renovar desde fai anos, polo que non terían capacidade legal para operar sen antes proceder á renovación dos seus órganos de representación.

Problemas coa clasificación das granxas extensivas

Outro dos cambios introducidos na solicitude da PAC deste ano ten que ver coa axuda asociada por vaca nodriza, que só van poder cobrar as explotacións clasificadas como extensivas. “Antes non pedían ningunha clasificación en concreto, pero agora se non tes ben a categoría non vas poder cobrar esta axuda, que representa unha cantidade económica importante, e moitas granxas en Galicia que eran de leite e se pasaron á carne seguen figurando como explotacións intensivas, polo que perderían as axudas”, advirte a responsable da PAC no SLG.  
Hai moitas explotacións en Galicia que están mal clasificadas e perderían a axuda asociada por vaca nodriza
Ese cambio de categoría, en función da clasificación que establece o novo Real Decreto de Ordenación de granxas bovinas, poden pedilo as explotacións en calquera momento, previo pago da taxa correspondente, aínda que se agarda que se habilite un período extraordinario para facer o cambio, ben a través da solicitude única da PAC ou na Oficina Virtual. “A xente debería ir mirando como ten as parcelas, en que rexión está e como está clasificada a súa granxa; é algo moi importante”, recomenda Ana.

Retrasos na presentación das solicitudes

O FOGGA celebrou este pasado xoves unha xuntanza con entidades colaboradoras na tramitación da PAC, que serviu para deixar patente o seu malestar polo incremento da carga de traballo que vai supor a solicitude deste ano, no canto da simplificación anunciada, así como o axustado dos prazos.
A estas alturas, cando falta menos dunha semana, non está aínda operativa a aplicación para cargar as solicitudes nin foi aprobada a norma reguladora a nivel galego
Aínda que oficialmente o prazo ábrese o 1 de marzo, non se van poder presentar as solicitudes até ben avanzado marzo ou principios de abril. “O día 1 non vai estar nada operativo, a aplicación de proba non estará até o día 6 pero ata o día 20 non van facer a formación porque non vai haber ata entón unha versión da que se fíen para poder cargar as solicitudes. Non sei se é culpa do Ministerio ou da Xunta, da Consellería ou do FOGGA, pero este ano é todo un auténtico desastre. Está todo aínda no aire a menos dunha semana de que se abra o prazo e da reunión saímos peor do que entramos, con máis dúbidas, porque teñen moi pouca seguridade nas cousas que nos din”, asegura Ana. O prazo oficial de presentación de solicitudes remata o 30 de maio, con prazo para modificacións até o 15 de xuño, pero o FOGGA xa estuda a súa ampliación até finais de mes. “Máis do 30 de xuño non poden alongalo porque despois non lles dan os prazos. Pero imos perder o mes de marzo por non estar listo o sistema e abril comeza coa Semana Santa”, advirten desde o SLG.

Nova actualización do SIGPAC, con información a ter en conta para a solicitude da PAC 2023

Co obxectivo de facilitar aos agricultores a xestión da base territorial das súas explotacións para a campaña 2023, no caso de compravendas ou contratos de arrendamentos que se vaian a celebrar nos próximos meses, actualizouse a información da capa SIGPAC coa información provisional de xullo de 2022 das declaracións, a cal se atopa dispoñible na páxina web do Visor Sigpac Nacional. Actualmente o Visor dispón da posibilidade de mostrar datos de dúas campañas: a 2022 (en curso) e a 2021 (pasada). Unha vez seleccionada na parte superior a campaña desexada, mostraranse os datos e imaxes correspondentes á devandita campaña e ás capas que se activen na parte da dereita. Desta forma, ao seleccionar na barra superior de ferramentas do Visor SIGPAC a campaña 2022, a información que se mostra na capa de liña de declaración é a correspondente á declaración provisional de 2022 (RSU 2022 provisional). Está previsto que a información provisional sexa substituída polas liñas de declaración de 2022 definitivas o 1 de febreiro de 2023.
Para cumprir coa condicionalidade reforzada e os eco-reximes será necesario ter presente o cultivo precedente
Esta información permitirá aos agricultores coñecer o cultivo presente nunha superficie determinada na campaña 2022, o que lle axudará a comprobar se cumpre as obrigas relativas á rotación de cultivos de cara ao comezo da próxima campaña agrícola 2023 (Boas Condicións Agrarias e Ambientais 7 de rotación en terras de cultivo; Prácticas de rotación de cultivos con especies mejorantes (P3) e de sementeira directa (P4) dos Eco-réximes de Agricultura de Carbono e Agroecología de Terras de Cultivo). Cada campaña os agricultores e gandeiros presentan, mediante a solicitude única, as solicitudes de axudas da Política Agrícola Común (PAC) correspondentes aos diferentes réximes de axuda directa e as medidas dos programas de desenvolvemento rural das comunidades autónomas (PDR) que se conceden por superficie ou cabeza de gando. Estas solicitudes únicas, achegadas polas comunidades, almacénanse no Rexistro de Solicitude Única (RSU) de cada campaña. Desde a campaña 2018 é obrigatoria a presentación da declaración gráfica para todas as explotacións de acordo con o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC).

Agricultura actualiza o Sigpac coas novas rexións de pago da PAC de cada parcela agrícola

O Ministerio de Agricultura publicou hoxe no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas de España (Sigpac) a información sobre a rexión que corresponderá a cada recinto na nova Axuda Básica á Renda para a Sustentabilidade da Política Agraria Común (PAC) que comezará a aplicarse a partir do 1 de xaneiro de 2023. O obxectivo de anticipar este dato no visor nacional do Sigpac é que os agricultores e gandeiros poidan consultar para cada un dos seus recintos da actual campaña 2022 en que rexión de axuda básica á renda vaise a atopar a partir de 2023. Este dato bríndalles a posibilidade de prever o resultado da conversión dos seus dereitos da actual Renda de Pago Básico nos de Axuda Básica á Renda para a Sustentabilidade, así como unha aproximación aos importes que lle corresponderán pola axuda redistributiva complementaria a esta e, no seu caso, pola de novos agricultores e novas agricultoras. Do mesmo modo, coñecer a rexión de pago dos recintos Sigpac facilitará aos agricultores a xestión da base territorial das súas explotacións de cara á campaña 2023, no caso de compravendas ou contratos de arrendamentos que se vaian a celebrar nos próximos meses. O Plan Estratéxico Nacional para a aplicación da reforma da PAC en España introduce unha simplificación do modelo de rexionalización, que pasa de 50 a 20 rexións, englobadas en 5 grupos: Terras de cultivo de secaño, terras de cultivo de regadío, cultivos permanentes, pastos permanentes e rexión balear. O dato da rexión de Axuda Básica á Renda para a Sustentabilidade publicado calculouse tomando como referencia a información do uso do chan de cada recinto na campaña 2020. É unha información provisional, que se actualizará e será definitiva en febreiro de 2023. Esta información definitiva poderase consultar igualmente no visor Sigpac e será a base para solicitude única da devandita campaña. Os produtores poden consultar en que rexión quedan encadradas as súas parcelas a través do Sigpac, onde segue figurando a rexión actual (válida para a PAC 2022) e inclúese xa ademais a nova rexión (válida para a PAC 2023). Ademais, para consultar o valor da rexión no que están encadradas as súas parcelas, o produtor pode consultalo nesta táboa, do anexo III do proxecto de Real Decreto que regula a axuda básica á renda. Por outro lado, para unha consulta completa da división xeográfica das 20 rexións de pago básico, pódese acceder a esa información no anexo II do proxecto de Real Decreto citado.

Xornada formativa en Bergondo sobre uso de sistemas de información xeográfica no sector agrario e forestal

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias prácticas no uso de Sistemas de Información Xeográfica no sector agroforestal. O obradoiro darase ao longo de 6 días no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, no concello de Bergondo, entre os días 7 e 14 de xullo en horario de mañá dende as 9:00 ás 14:00 horas. Este taller ao longo de dúas semanas, a primeira os días 7 e 8 e a segunda do 11 ao 14. O programa do curso comeza con nocións básicas e continúa repasando os conceptos e ferramentas clave no emprego de Sistemas de Información Xeográfica antes de pasar ao bloque final, de carácter práctico. A inscrición no curso pode facerse online a través desta ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfea.guisamo@edu.xunta.gal

Municipios nos que non se utilizarán as referencias Sigpac para as axudas da PAC 2022

Como axuda á presentación de solicitudes de axuda por superficie da Política Agrícola Común (PAC) correspondentes á campaña 2022, o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) publica a relación detallada e o resumo de todos os municipios de España nos que, en todo ou en parte do seu territorio, a declaración de superficies débese facer con referencias identificativas distintas ás referencias SIGPAC. Esta información facilítase para que todos os produtores que inclúan, dentro da súa solicitude de axudas, superficies situadas nalgún destes termos municipais, presten especial atención, por poder ter que utilizar referencias identificativas distintas ás utilizadas no ano anterior. Infórmase tamén da posibilidade de que os organismos competentes dos CC.AA. habilitasen os mecanismos necesarios para realizar a declaración de forma gráfica nestas zonas.  Segundo os datos facilitados polas comunidades autónomas, o número de municipios nos que, en todo ou en parte do seu territorio, a declaración de superficies farase con referencias identificativas diferentes do código SIGPAC, é o seguinte: No caso de Galicia, a lista de municipios é a seguinte:

Máis información:

Cursos en Monforte de Lemos sobre manexo do SIXPAC

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizará os vindeiros 20 e 22 de setembro dous cursos sobre o manexo do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC). Será no centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos, o primeiro deles en horario de tarde (16:00 a 20:00 horas) e o segundo en horario de mañá (10:00 a 14:00 horas). Estes cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. Así, a finalidade principal deste curso é dar a coñecer os usos desta ferramenta dixital, cuxa utilización é obrigatoria en España para realizar as solicitudes de axudas directas da PAC e das de desenvolvemento rural que, no marco do Sistema integrado de xestión e control, estean baseadas na declaración de superficies. Na parte práctica, ensinaráselles aos participantes a navegar por dita plataforma e sacar a información que precisen. Os interesados poden inscribirse a través do formulario de asistentes dispoñible nesta ligazón, enviándoo posteriormente cuberto ao enderezo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 982889103.

Cambios no visor SIGPAC para facilitar a navegación

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) actualizou o Visor do Sistema de Información Xeográfica de Identificación de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) para facelo accesible desde dispositivos móbiles. O obxectivo é seguir facilitando o acceso e manexo da información SIXPAC aos usuarios, que mostran unha crecente tendencia á navegación a través dos teléfonos intelixentes ou smartphones. Outra das melloras no aspecto da usabilidade da aplicación SIXPAC é o deseño dunha interfaz de usuario moi intuitiva e que carga con facilidade a información da campaña en curso. Trátase dunha versión que mantén a funcionalidade principal do Visor, así como as ferramentas e utilidades de navegación e interactuación cos mapas que conteñen a información xeográfica de interese agrario. O acceso desde o móbil pódese realizar desde a URL segura do MAPA coa última versión instalada do Visor SIGPAC: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ O sistema, que abrangue todo o territorio nacional, consta dun mosaico de ortofotos dixitais sobre as que se superponen os planos parcelarios de catastro de rústica. Desta forma, o sistema proporciona, automaticamente, a imaxe en pantalla e imprimible da parcela concreta referenciada. Concibido inicialmente co propósito de facilitar a agricultores e gandeiros a presentación de solicitudes de axuda da PAC con soporte gráfico, así como facilitar os controis administrativos sobre o terreo e a monitorización de superficies agrícolas, o Visor SIXPAC transcendeu o seu obxectivo orixinario e converteuse nunha ferramenta de enorme potencial noutros ámbitos diferentes ao agrario, como a xeoloxía, as infraestruturas ou o urbanismo, entre outros,  grazas ao uso continuo das tecnoloxías máis avanzadas en información xeográfica automatizada. En todo caso, os seus obxectivos agrarios principais son facilitar aos agricultores a presentación de solicitudes de axudas da PAC cos soportes gráficos necesarios para a declaración de superficies; simplificar os controis administrativos grazas á mellora na identificación de erros; e axilizar as comprobacións sobre o terreo.

Solicitudes de modificación da información contida na base de datos do SIGPAC

O declarante dos recintos SIGPAC polos cales se solicitan as axudas da PAC é o responsable de que a información rexistrada no SIGPAC sexa verídica e coincidente coa realidade. En caso contrario poderá ser obxecto de reducións e/ou penalizacións no importe das súas axudas. Se ao consultar o Visor SIGPAC comproba que a información non é correcta, debe comunicalo á súa comunidade autónoma utilizando o procedemento que dita comunidade teña habilitado con este fin. O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) publicou o pasado 28 de xullo na súa páxina web (www.fega.es) una circular na que se recollen os criterios xerais para a xestión destas solicitudes de modificación da información contida no SIGPAC. Entre as novidades deste procedemento para a campaña 2021 destaca a adecuación dos prazos de presentación de solicitudes de modificación do SIGPAC aos prazos de modificación da solicitude única como consecuencia dos controis preliminares e por monitorización. Ademais, inclúese a posibilidade de presentar fotos geo-etiquetadas como documentación que justifique os cambios solicitados e establécense determinados casos onde ditas modificacións poden realizarse de oficio por parte da administración, axilizando os trámites e os pagos dos expedientes afectados.

Concellos nos que non se utilizarán as referencias SIGPAC para identificar parcelas na PAC 2021

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) acaba de publicar a lista de termos municipais nos que, de maneira excepcional, non se utilizarán as referencias SIGPAC para identificar as parcelas agrícolas na campaña de solicitude das axudas da PAC 2021. Segundo os datos facilitados polas comunidades autónomas, o número de municipios nos que, en todo ou en parte do seu territorio, a declaración de superficies farase con referencias identificativas diferentes do código SIGPAC, é o seguinte: As comunidades autónomas teñen establecidos os mecanismos para que, nestas zonas, os solicitantes afectados dispoñan da cartografía dixital necesaria para realizala declaración gráfica. Por este motivo a persoa solicitante, aínda declarando parcelas nestas zonas, é posible que teña que facer a declaración de forma gráfica. Recoméndase que se poña en contacto coa autoridade autonómica competente ou coas entidades colaboradoras correspondentes para ampliar información sobre como se deben declarar ditas superficies. Listaxe de municipios:

Galicia:

Aragón:

Castela-A Mancha:

Navarra:

Asturias:

A Rioxa:

Así se reparte o uso da superficie agrícola e forestal en cada Comunidade Autónoma

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) acaba de publicar o resumo de datos actualizados para a campaña da PAC 2021 do sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (SIGPAC). Esta é a referencia que se utiliza para a identificación das parcelas agrícolas no marco das axudas da PAC. A información contida na base de datos do SIGPAC é obxecto de continuas actualizacións, por renovación da imaxe aérea, por alegacións dos agricultores, por controis sobre o terreo, etc. A continuación proporciónase unha táboa onde, desagregado por comunidades autónomas, e a nivel nacional, móstrase o número de recintos de cada agrupación de usos SIGPAC e a súa superficie total, contida no caché de campaña 2021. Os usos SIGPAC dos 50 millóns de hectáreas de superficie terrestre con que conta España agrupáronse como se mostra a continuación:

Publicadas as fichas informativas e o caché do SIGPAC para solicitar a PAC 2020

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar as fichas de información das capas do SIGPAC e tamén o caché para poder solicitar as axudas da PAC desta campaña. En canto ás primeiras, e como axuda á presentación das solicitudes de axuda por superficie da Política Agrícola Común (PAC), cuxo período de captura comeza este sábado 1 de febreiro, publícase a descrición detallada das capas do SIGPAC que se poden consultar a través do Visor e do servizo WMS desde este venres. Consulta aquí toda a información para consultar as fichas informativas do SIGPAC. En canto á caché, tamén desde o pasado venres pódese consultar, a través do Visor e do servizo WMS do SIGPAC nacional, a caché de campaña 2020 en base á cal se deberán declarar as superficies no contexto da Solicitude Única de Axudas da Política Agrícola Común, cuxo período de captura tamén comezou este sábado. Consulta aquí toda a información para consultar a caché do SIGPAC.