Archives

Pasto Siambasa: principais características da forraxe e claves para o seu cultivo

O pasto Siambasa (Panicum maximun cv Mombasa) comeza a abrirse camiño como unha alternativa a ter en conta na produción de forraxes en gandarías de Galicia e da cornixa cantábrica, aínda que é aínda unha gran descoñecida para moitos produtores. Cooperativas como Delagro afrontan xa a súa terceira campaña traballando con esta gramínea e destacan as súas boas producións, fácil manexo e adaptabilidade do cultivo. "Estivemos facendo probas con outros cultivos, pero os mellores resultados lográmolos co pasto Siambasa", apunta Gustavo Espinosa, director comercial de Delagro durante unha xornada online centrada neste pasto celebrada recentemente e que contou tamén co asesoramento de persoal de EsSeeds, firma integrada por produtores e especializada na comercialización de sementes de cultivos cos que lograr un aforro nos custos de produción. Non son as únicas vantaxes que ofrece esta versátil forraxe con boas propiedades, tanto para o seu cultivo destinado ao pastoreo ou á obtención de silo ou herba seca, que é xa popular en zonas de Andalucía, Castela ou Cataluña. Ademais de lograr producións de entre 26 e 28 toneladas por hectárea de materia seca en parcelas con regadío, é unha planta moi rústica e de fácil manexo.
É habitual conseguir producións de entre 26 e 28 toneladas por hectárea. É unha planta rústica, de fácil manexo e que permite un cultivo sustentable
Outro dos seus principais atractivos é que, polo momento, no seu cultivo en España non se detectaron pragas que lle afecten. Iso convértea nunha forraxe moi sustentable ao reducirse ao mínimo o uso de fitosanitarios e exponse como unha alternativa para cumprir as esixencias marcadas desde Europa encamiñadas a unha produción cada vez máis respectuosa co medio ambiente. Tamén se perfila como unha opción para as producións en ecolóxico. Siambasa en distintas fases de desenvolvemento. // Foto Delagro.

Características principais

A Siambasa é unha planta ideal para a produción de forraxe pola súa elevada relación de talo-folla, é dicir, a cantidade de folla é case o 90% desta gramínea. O seu crecemento pode alcanzar os 1,8 metros de altura, en función das condicións meteorolóxicas e o manexo que se realice. Trátase dunha variedade cunha alta tolerancia á seca, aínda que en zonas do sur de España para o seu cultivo é necesario contar con sistemas de rega, por iso preséntase tamén como unha alternativa viable para o seu cultivo en Galicia aínda que sexa en secaño. "Nun campo de Albacete no verán, unha avaría no sistema de rega deixou a herba 32 días sen auga, xa dabamos a colleita por perdida, pero ao regala de novo recuperouse", explica Jesús Rabarillo Rueda, agricultor e técnico de EsSeeds especialista neste cultivo.
Resiste a seca, non se tomba nin encama. Ten un rápido crecemento e rebrote que axuda a eliminar a presenza doutras herbas na parcela
A experiencia en rexións como Cádiz, sometida a fortes ventos, demostrou que tamén é un cultivo que soporta moi ben estas condicións meteorolóxicas. "Fai un efecto látigo e non se tomba nin se encama?" detalla Rabarillo. Desde EsSeeds apuntan que é un cultivo moi polivalente, xa que permite diferentes aproveitamentos, posto que é unha variedade cun rápido crecemento e rebrote. "Ofrece unha maior marxe de manobra á hora da súa sega, xa que non se pasa", valora. Tampouco contén microtoxinas, o que permita un pastoreo ou corte máis temperán, xa desde os 40 centímetros. Pradeira de Siambasa en Cuntis (Pontevedra) nunha campaña pasada. // Foto. Delagro. Ademais, o ancho de folla da Siambasa proporciona unha gran sanidade á parcela non só en canto a pragas senón de herbas non desexadas. "Ao ser unha planta con tanta capacidade forraxeira evita que agromen outras malezas existentes na parcela", apunta o técnico. Ao mesmo tempo, ao ser un cultivo que cobre moito o chan tamén axuda a manter a humidade no chan.

Valores nutricionais

O seu alto aporte nutricional fai que sexa unha alternativa de forraxe moi atractiva tanto para producións de leite como de carne. "A Siambasa está a medio camiño entre o millo e a alfalfa e con boa dixestibilidade", valora Rabarillo. Lógrase un aporte de proteína de entre o 14 e o 16%. En canto á enerxía, esta variedade proporciona un 0,87 UFL por quilo. "É unha forraxe moi completa e a sinerxía que ofrece dos nutrientes permite un maior aproveitamento polo animal", indican desde EsSeeds. Ademais, é moi palatable e dixerible cunha taxa de dixestibilidade do 83%. "A vaca asimila tódolos nutrientes que adquire a través da forraxe", apuntan. A experiencia en granxas que introduciron a Siambasa na ración en lugar de alfalfa amosa que non houbo baixadas na produción.

Recomendacións no cultivo

Á hora de sementar a Siambasa, desde EsSeeds recomendan ter unha terra branda e ben traballada, solta e libre de maleza, dado que esta planta ten unha semente pequena, unhas 680.000 sementes por quilo, e a existencia de torróns pode dificultar a súa xerminación. Dado o tamaño da semente tamén é preciso axustar a sememtadeira e por este motivo tamén é aconsellable que a semente quede superficial, soterrada menos de 1 centímetro, para acelerar o proceso. Utilizar un rulo compactador mellora a calidade da sementeira. Dado o reducido tamaño da semente apenas se precisan uns 10 quilos por hectárea.
Recomendan sementala cando as temperaturas mínimas superan os 8 ou 10 graos. En Galicia aconsellan esperar até maio para plantala
Por outra banda, en función do manexo que se faga da parcela, tamén se pode recorrer a sementeira directa. En España, a Siambasa é un cultivo anual, xa que a comezos de outono coa chegada do frío é habitual que haxa unha parada vexetativa da planta. Hai produtores que optan por combinala con produción de veza ou cereal, de modo que no momento de sementeira resúltalles mellor opción sementala directamente no canto de labrar a terra. Para xerminar, esta variedade de gramínea precisa determinadas condicións de luminosidade e que a temperatura non sexa inferior a 8 graos centígrados. "Unha sementeira temperá non significa que adiantemos o proceso. O cultivo da Siambasa ten os seus tempos", comenta o técnico. En base á experiencia sobre o terreo, desde Delagro recomenda que a sementeira en Galicia se faga a partir de mediados de abril ou comezos de maio. "En zonas de costa temos visto que pode adiantarse sementeira, pero é aconsellable esperar até o 10 de maio", comenta Antonio Fernández, técnico de Delagro. Estapas de desenvolvemento do cultivo da Siambasa. // Fonte EsSeeds. En canto ao abonado, desde Delagro aconsellan un plan axustado ás necesidades da parcela e en base a analíticas previas. "Ao tratarse dunha planta con moita biomasa é preciso ter en canta as extraccións, o contido do solo e os aportes que tivo nos dous últimos anos", explica Gustavo Espinosa. O abonado debe ser en base a nitróxeno en coberteira aplicando uns 150 quilos e optar por NPK e micronutrientes para o abonado de fondo, cuns 250 quilos. Aos 15 días de sementala, é o momento de avaliar se é preciso realizar algún tratamento fitosanitario puntual pola presenza doutras herbas que poidan competir coa Siambasa. En Galicia, para atallar a aparición de herbas de folla ancha a aplicación de produtos como MCPA con 2,4D a última hora da xornada ou ao despuntar o día está a ofrecer moi bos resultados. Á hora de tratar a aparición de plantas de folla de punta recomendan realizar cortes de limpeza para aproveitar o rebrote da Siambasa, dado o desembolso económico que supón optar por herbicidas selectivos.
É fundamental que a herba se segue a unha altura de 10 centímetros para favorecer o rebrote da planta
A sega é a etapa máis importante neste cultivo. O corte da planta debe facerse a unha altura mínima de 10 centímetros desde o chan para conseguir un rebrote óptimo. "Deixar eses 10 centímetros ao segar ou pastorear permite que a planta sufra menos estrés e o rebrote sexa máis rápido. Ademais, desta forma conséguese unha maior calidade forraxeira, posto que entre o 80 e 90% da forraxe será folla", concreta o técnico. Naquelas parcelas de Siambasa dedicadas ao pastoreo, é imprescindible controlar a carga gandeira da parcela para manter esa altura mínima. En zonas de regadío poden chegarse a conseguir até 5 cortes de herba. En Galicia, recomendan realizar un primeiro corte de limpeza, cando a herba se sitúa entre os 40 e 50 centímetros e desta maneira conseguir obter outros dous cortes con moi boas producións. A planta precisa de entre 25 e 30 días entre corte e corte para alcanzar unha altura de 1 metro, aínda que estes prazos tamén se poden acurtar en función da fertilización da parcela.

Xornada sobre pasto siambasa: Manexo do cultivo e experiencias no norte de España

A cooperativa Delagro e EsSeeds organizan para o vindeiro xoves, 15 de abril, unha xornada online sobre “Siambasa, manexo do cultivo e experiencias na campaña 2020 no norte de España”. A xornada emitirase ás 16.00 horas a través da plataforma Google Meet, e vai dirixida a agricultores, gandeiros e técnicos interesados nesta alternativa forraxeira. Delagro leva comercializando e sendo distribuidores no norte da península do pasto siambasa desde fai dúas campañas, “co que estamos a obter uns resultados moi interesantes  que está  a provocar que cada vez sexa máis utilizado na zona norte como unha alternativa forraxeira”. Neste sentido, mostraranse plantacións da pasada campaña 2020 en distintas zonas do norte peninsular. Como avance, este é o resultado do primeiro corte de pasto siambasa nunha leira de Luarca (Asturias) o pasado ano:

Recomendacións para o cultivo do pasto siambasa, unha alternativa forraxeira

A cooperativa DELAGRO, en colaboración coa empresa Efecto Soluciones SL organizou este luns unha xornada informativa a través de internet sobre o pasto siambasa como alternativa forraxeira. Gustavo Espinosa, director comercial de DELAGRO, a cooperativa que comercializa as sementes desta gramínea en Galicia e na Cornixa Cantábrica, recordou que “o ano pasado realizamos cultivos de ensaio en Galicia e en Asturias, con bós resultados para ganderías de vacún de leite e de carne”. “Trátase dun cultivo forraxeiro de verán que resulta moi interesante en tres casos: En fincas con pouca rendibilidade para o cultivo do millo, nas que os rendementos estean por debaixo das 30 toneladas de materia húmida por hectárea; para aqueles terreos con pradeira que temos que renovar, e nos que podemos realizar antes este cultivo de verán e, en terceiro lugar, naquelas pradeiras nas que a herba murcha nos meses de agosto ou setembro, xa que o siambasa é un cultivo con resistencia á seca”, explica Gustavo Espinosa.

Preparación do terreo:

Pola súa parte, David Martín, de Efecto Soluciones SL, a empresa que está a importar este cultivo para España, destacou do siambasa “a súa alta producción, combinado con calidades nutricionais elevadas, sobre todo de proteína, e a súa rusticidade, xa que é un cultivo ao que non lle afectan enfermidades”. En todo, caso, recordou que para unha correcta implantación do cultivo, débense seguir unhas recomendacións, que no caso da sementeira son: -O terreo debe estar ben preparado, sen terróns que dificulten a xerminación da planta. -A sementeira debe realizarse cando as temperaturas mínimas superen os 10 graos durante varios días seguidos. Trátase dun cultivo de verán que resiste mal o frío e o encharcamento. -Pódese realizar sementeira directa, o que aforra custos, tempo e ademáis mantén mellor a humidade do solo. Porén, nestes casos debemos aplicar antes un herbicida xenérico, como un glifosato, para evitar a competencia con plantas adventicias e permitir que o siambasa se instale correctamente. -A profundidade da sementeira debe estar entre 0,5 e 1 centímetros de profundidade. -A dose de sementeira aconsellada é de entre 10 e 12 kilos de semente por hectárea. -A utilización de rulo compactador mellora a calidade da sementeira, en función da aceleración uniforme da xerminación das sementes. -É un cultivo que tolera os solos ácidos, como os que predominan en boa parte de Galicia.

Fertilización:

-Aconséllase un abonado de fondo coas seguines opcións: BISANNIA 18-46-0 (DAP), 11-11-11 ou BISANNIA T15. -Tras cada corte recoméndase realizar un abonado de coberteira rico en nitróxeno, a ser posible un xurro gandeiro, xa que aportaremos tamén materia orgánica e o nitróxeno liberarase de forma máis lenta, estando máis tempo a disposición da planta. A cooperativa Delagro aconsella Nitrograss Selenio en coberteira polo seu contenido en forma nítrica e amoniacal, así como polo seu aporte en xofre e selenio.

Aproveitamento:

-O siambasa é unha gramínea que acada unha altura de ata 1,5 metros, pero sen embargo entre o 80 e o 85% da planta é folla, cunha elevada dixestibilidade. O talo, a diferencia do pasto de sudán ou do sorgo, non é tóxico e representa os primeiros 10-15 centímetros da planta. -O pasto siambasa pódese aproveitar tanto para ensilado, heno como para pastoreo directo. En pastoreo aguanta moi ben o pisoteo e a altura de entrada do gando normalmente realízase cando a herba acada entre 40 e 50 centímetros, logrando nestes casos unha porcentaxe de proteína de ata o 25%. -É moi importante, sexa cal for o aproveitamento, respetar a altura de corte, duns 10 centímetros do solo, para garantir un rebrote óptimo. -É unha planta que ensila moi ben, xa que a elevada propoción de folla permite unha boa compactación do silo. -A altura de corte para ensilado realízase cando o pasto acada entre 0,70 e 1 metro de altura. -En canto aos rendementos, o pasto siambasa en regadío permite realizar un primeiro corte aos 50 días da sementeira, e a partir de aí realizar cortes sucesivos cada 30 ou 35 días, ata o mes de setembro. A produción de cada corte oscila entre as 4 e as 5 toneladas de materia seca por hectárea, ou o que é o mesmo, unhas 16 toneladas de materia húmida por hectárea. -Do punto de vista nutricional, se se realiza un corte arredor do metro de altura, os valores de proteína bruta oscilan entre o 14 e o 16% e a enerxía neta sobre 0,87 UFL/Kg. A maior altura de corte, maiores rendementos pero menores calidades nutricionais. “Ademáis do seu equilibrio entre proteína e enerxía, destacaría do pasto siambasa a súa moi boa palatabilidade para o gando, e a súa alta calidade de fibra, que permite incrementar a porcentaxe de materia graxa do leite”, destaca o representante de Efecto Soluciones SL. Por último, David Martín lembra que “o siambasa é unha planta que soamente aguanta os invernos en zonas cun clima cálido, no resto, como Galicia ou a Cornixa Cantábrica, aconséllase rotala cunha pradeira de inverno, co que garantimos que unha parcela nos está producindo forraxe os 12 meses do ano”.

Xornada informativa sobre o pasto siambasa como alternativa forrajera

A cooperativa DELAGRO, en colaboración coa empresa Efecto Soluciones SL organiza para este luns, 11 de maio, unha xornada informativa a través de internet sobre o pasto siambasa como alternativa forraxeira.

A xornada impartirase ás 16:00 horas a través da plataforma Zoom.

Podes acceder desde esta ligazón: https://us02web.zoom.us/j/9285153904%E2%80%A6

E con estas claves:

IDE de reunión: 928 515 3904

Contrasinal: 3QvVer