Archives

“Aumentar pastizais é máis viable que rozar cortalumes cada ano”

Quico Ónega presentando o proxecto Terra Activa O verán do 2022 Galicia sufriu no Courel o seu maior incendio forestal da última década, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca. Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar este sábado unha xornada na Pobra de Brollón na que se presentaron as experiencias de distintos produtores e investigadores. Foi o caso de Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio de Territorio da USC centrado na creación de ferramentas e materiais para “novos entrantes” no Medio Rural a través do seu proxecto “Terra Activa”, co que pretende dar apoio e soporte á xente do rural, pero especialmente ás persoas que comezan a actividade agrogandeira.  Os directivos da Comunidade de Montes de Pinzás (Tomiño) Natividad González e Francisco J. López continuaron a xornada coa súa experiencia de recuperación de pastizais a través de vacas cachenas, coas que conseguiron xerar un novo posto de traballo e os primeiros beneficios pola venda da carne.
“Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano” (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)
Despois da pausa para o café, Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes expuso a seu modelo de recuperación de faixas de pastoreo en Montes do Courel e Pobra do Brollón como “ferramenta viable e sostible, fronte aos cortalumes tradicionais que, neste novo tipo de incendios, non funcionan e implican unha gran inversión en mantemento. "Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano”, valora. Un momento da xornada celebrada na Pobra do Brollón  Continuou a xornada María Virginia Rodríguez e a súa explotación familiar de cabras en Sobredo (Courel), enfatizando na dificultade e soidade de comezar na gandería, e na importancia de que este tipo de proxectos podan ter apoios, como o do programa “O que non arde” da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. Seguiu “Fernandín”, unha granxa de vacas de carne en Seceda (Courel) que conseguiu recuperar vellos pastizais e casas, fixando poboación a través de Javier Carballo, quen recuperou a tradición familiar tras anos de inactividade gandeira. Roi Estévez, enxeñeiro de montes, falou da súa experiencia como “novo entrante” no mundo das ovellas en Vieiros (Quiroga, Courel), resaltando as dificultades de ser novato e sufrir un mal asesoramento nun inicio. Despois da comida Xosé Manuel Iglesias falou da xestión multifuncional e diversificada da comunidade de montes veciñais de Carballo-Friol, onde traballa como asesor e técnico forestal. Na comunidade, contan actualmente con cabalos, porco celta, cabras e colmeas.
“Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla” (Alex Villa, Marcón)
A última experiencia foi a de Alex Villa, técnico de incendios e veciño de Marcón (A Pobra do Brollón), onde está recuperando terras abandonadas con vacas cachenas, das que xa están comercializando a carne por encargo de forma directa. “Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla”, destacou Alex. Por último houbo un breve debate no que se enfatizou na importancia do apoio das institucións públicas e privadas ás explotacións agrogandeiras, especialmente ás de nova creación e, concretamente, na creación de infraestructuras. Tamén se falou sobre a importancia do valor engadido que xeran as ganderías, capaces de fixar poboación xerando novos postos de traballo, á vez que serven para conservar a paisaxe e aumentar a biodiversidade, mitigar os efectos do cambio climático e son unha gran prevención contra incendios, quizáis unha das máis eficientes e viables que temos a día de hoxe. En próximas entregas ofreceremos información máis en profundidade das distintas iniciativas de aproveitamento agrogandeiro que se presentaron nesta xornada

Xornada técnica na Pobra do Brollón sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña”

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza para o vindeiro 2 de decembro a segunda edición da xornada sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña. Experiencias”. A xornada celebrarase na Casa da Cultura da Pobra do Brollón (Lugo) e nela exporanse distintos estudos e experiencias sobre actividades agrícolas e gandeiras en zonas de montaña dos Ancares e do Courel que actúan como freo aos lumes forestais ao tempo que manteñen a paisaxe e incrementan a biodiversidade. A participación na reunión é de balde pero é preciso inscribirse antes do 28 de novembro, por correo electrónico sgpf.galicia@gmail.com ou mediante chamada ou WhatsApp aos teléfonos 686620154 (Eloi) ou 628713263 (Victor), indicando se vai participar ou non no xantar. O coste do xantar será de 20 euros. Nesta formación colaboran o Concello de A Pobra do Brollón, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Consellería de Medio Rural e USC -Campus Terra. Velaquí o programa completo:  

Patoloxías máis comúns do gando cabalar en Galicia e medidas de prevención

Herminio Pose é especialista en cabalos e asesora tanto a ganderías de cría como a explotacións de cabalo de monte O veterinario Herminio Pose Nieto, especialista en cabalos, falou esta semana na Reunión de Outono organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes en Mondoñedo das enfermidades máis comúns do gando cabalar en Galicia, do seu tratamento e das medidas preventivas e de manexo a adoptar nas ganderías para evitalas ou minimizar os seus efectos.    “Non se trata de patoloxías que sexan específicas da nosa comunidade ou que se dean só no gando equino galego, pero hainas con maior incidencia en Galicia pola climatoloxía, o tipo de solo, aspectos culturais, etc”, explicou Herminio. Na maioría dos casos, trátase de enfermidades que non se chegan a curar, senón que a aplicación de tratamento veterinario, unha vez aparecen os primeiros síntomas, serve para reducir os seus efectos e aminorar o seu avance e o empeoramento do estado clínico do animal.
Hai enfermidades que se evitan co manexo
Por iso, este especialista en gando equino fixo fincapé na necesidade da prevención para evitar a súa aparición e deu consellos útiles e prácticos aos gandeiros asistentes ás xornadas. “Son enfermidades que se evitan co manexo”, insistiu, dado que tanto a RAO-EPOC como a laminite están relacionadas con aspectos de alimentación (fungos no primeiro caso e exceso de hidratos de carbono no segundo) e a dermatite e a piroplasmose á presenza no ambiente de insectos transmisores (mosquito e carracha, respectivamente). Menor incidencia nos cabalos do monte Herminio está considerado un dos veterinarios que máis sabe de cabalos en Galicia. A súa empresa, Serveteq, conta no concello lugués do Corgo con instalacións destinadas á clínica e á reprodución de cabalos pura sangue. Ademais, é autor dun libro sobre os curros tradicionais que hai na comunidade e foi un dos responsables no seu día do impulso ao cabalo de pura raza galega a través do que hoxe é Puraga. E como bo coñecedor desas dúas realidades, destaca a moita menor incidencia destas enfermidades nos cabalos salvaxes. “Os cabalos do monte teñen unha alta rusticidade e logran convivir coas carrachas sen que os mate, cando un cabalo pura sangue inglés que lle pica unha carracha e desenvolve a enfermidade da piroplasmose pode morrer en 5 días”, exemplifica.   Do mesmo xeito, di, “aos cabalos do monte non lles afecta habitualmente nin a RAO-EPOC nin a laminite porque non comen herba seca nin pasto vigoroso”, aínda que matiza que “un cabalo de monte se un día escapa e entra nun pasto bo, en media hora comendo pode ter unha laminite por disbiose da flora intestinal, igual que un cabalo que se bota da corte e come moito penso ou grao, compara”.  

Obstrución recurrente das vías aéreas (RAO - EPOC)

A obstrución recurrente das vías aéreas ou asma é un mal frecuente en Galicia. Trátase dunha enfermidade que afecta ás vías respiratorias pola aspiración das esporas de fungos cara ao pulmón. “O cabalo pode comer e aspirar ao mesmo tempo, polo que aspira as esporas cara o pulmón, o que lle provoca unha tos irritativa seca. O animal non ten febre, nin apatía nin deixa de comer, pero ao tusir van rompendo as paredes dos alveolos, polo que os cabalos perden capacidade pulmonar e rendemento respiratorio e co paso do tempo vemos que se cansa máis. Cando a enfermidade está moi avanzada deixan mesmo de comer para centrarse en respirar”, relata Herminio. Os primeiros síntomas para detectar RAO-EPOC nunha besta ou cabalo son un moco moi pegañento que sae pola boca desde a tráquea, a dilatación dos orificios nasais, o que provoca que o nariz se enruge, e a aparición dunha liña marcada no tórax polo efecto repetitivo de tusir.   O risco da herba seca “O problema en Galicia é a herba seca, existe moi boa calidade de forraxe desde o punto de vista do valor nutritivo pero temos unha mala conservación, polas nosas condicións de humidade no inverno. Aínda que a collamos con bo presecado e secado, temos humidades ambientais moi altas (de ata o 85% de humidade relativa) a partir de novembro. A herba seca absorbe esa humidade, fermenta e cría fungos que o cabalo aspira”, indica o veterinario de Serveteq.
Mollar a herba seca para que non solte tantas esporas non soluciona o problema e non se deben usar escadas para colocar a forraxe
Non se deben empregar escadas para colocar a herba seca ou calquera outro tipo de forraxe, xa que o cabalo coa cabeza levantada aspira máis esporas; é preferible que a coma no chan, “porque o cabalo está deseñado para pacer, é dicir, para comer coa cabeza baixa”, di.  “A herba seca en si non é mala para o gando equino, a que se produce no verán pódese dar sen problema até o outono, pero a partir de novembro, cando chega o inverno e vén o mal tempo non se debe seguir dando”, insiste.
A herba seca non é mala para os cabalos, pero en Galicia temos unha imposibilidade para garantir unha boa conservación debido á alta humidade ambiental
“É nefasto acumular a herba seca dun ano para outro, porque son dous anos criando fungos e esa herba seca vella tampouco vale para estrar, porque aínda que non a coma o cabalo aspira igual eses fungos”, engade Herminio. Por iso, nos meses de inverno recomenda substituír a herba seca colleitada en Galicia por herba seca ou palla de Castela. “Pero non serve traer un tráiler e almacenala aquí, porque colle igual humidade, hai que ir traéndoa a medida que se vai consumindo”, advirte. Alfalfa en rama tamén se pode dar, pero pouca cantidade, porque ten moita proteína.  
A herba seca ensilada en rolos é unha boa opción para darlle aos cabalos
Outra opción para substituír a palla ou a herba seca é o silo, pero ten que ser moi seco. “O silo de trincheira moi húmido é malo para o gando cabalar pero o silo cun bo presecado é bo. Herminio recomenda facer microsilos con rotoempacadoras de tambor variable, de maneira que se fagan fardos de pequeno tamaño adaptados ao número de animais da explotación. “O silo débese consumir unha vez aberto nun máximo de 5 ou 6 días”, indica. Tamén é unha boa solución o coñecido como henolaxe, é dicir, un rolo de herba seca envolto en plástico como se fose un rolo de silo. “Non é o mesmo que tapar os rolos de herba seca debaixo da lona, algo que é moi prexudicial, porque créase condensación e provoca máis humidade”, di. Pero para poder meter a herba seca na típica bola de silo ten que ir ben seca, “porque se vai húmida nin ensila nin se conserva ben”, explica. Ese tipo de herba seca ensilada non ten ácido butílico, polo que non cheira tanto como o de trincheira. Cortes pouco ventiladas e con esterco Outro factor que agrava os problemas de asma dos cabalos é telos en cortes pouco ventiladas. “En Galicia temos a manía de meter o cabalo en pendellos fondos e sen ventilación e como queremos facer esterco para a horta deixamos unha capa de estrume importante. Todo iso é unha bomba de reloxería, un caldo de cultivo perfecto para esta patoloxía”, asegura. Xa que logo, o principal consello que dá Herminio, ademais de non darlle herba seca vella ou que collese a humidade do inverno, é “sacar aos cabalos dos zulos”. A corte do cabalo tampouco debe estar ao lado do estercoleiro ou da palleira. “A obstrución recurrente das vías aéreas é unha enfermidade de manexo, porque como non saquemos o cabalo das condicións que lle provocan ese mal vai seguir evolucionando. O tratamento con antiinflamatorios e brondolilatadores serve para aliviar os seus efectos, pero esta enfermidade non a curamos, o máximo que podemos facer e parala no momento no que a collemos”, aclara.

Laminite ou cabalo aberto dos peitos

A laminite é unha enfermidade metabólica por toxinas froito da alimentación. Tamén é coñecida como cabalo entrepechado ou aberto dos peitos, aínda que é un concepto erróneo, “porque o mal está nas mans e non no peito”, aclara Herminio. Pode afectar ás catro extremidades, aínda que empeza normalmente polas mans do animal (patas dianteiras). Afecta ao casco e sobre todo ao óso da terceira falanxe.
As toxinas xeradas no estómago acábanse acumulando nos cascos provocando a rotación do óso da terceira falanxe
Ten tamén unha incidencia especial en Galicia como consecuencia da alimentación. “A idea común e totalmente xeralizada, pero errónea, é que un prado con moi boa herba é o ideal. Pero o vigor do pasto leva a que teña moitos hidratos do carbono, que en exceso son malos para o cabalo. O cabalo primeiro come todas as puntas da herba, que é onde hai máis hidratos de carbono e as bacterias do estómago non son capaces de procesar todos eses hidratos, polo que se xeran unhas toxinas que se van acumulando nos cascos e cortan o rego sanguíneo dos vasos sanguíneos do casco, o tecido morre e afecta ao tendón que suxeita a terceira falanxe, que se rota e acaba cravando no casco”, indica. Unha vez que se dá a enfermidade, ao igual que a RAO-EPOC, é incurable. “Téntase sobrehidratar ao animal para que se eliminen as toxinas, pero os cabalos con laminite quedan sempre con secuelas”, asegura Herminio.
Ao igual que a asma, a laminite é unha enfermidade incurable
Se a rotación do óso da terceira falanxe é superior a 6 grados espétase o óso e a banda coronaria queda danada, polo que se crean aneis diverxentes de crecemento no casco, que tarda 8 meses en medrar na súa totalidade, porque medra máis por atrás que por diante. "A consecuencia da dor provocada pola laminite, o cabalo cambia a postura botando os pés para diante para apoiarse o menos posible nas mans”, explica. De aí esa sensación de que o mal está no peito.   Parcelar en primavera e outono “A toxicidade dun produto está sempre en función da dose. O pasto tenro non é malo, pero depende do que coma”, matiza Herminio. Por iso, recomenda sempre parcelar superficies grandes con liñas de pastor en primavera e outono e ir abrindo pouco a pouco para evitar que a besta ou o cabalo inxira unha excesiva cantidade de hidratos de carbono, que logo será incapaz de dixerir.
Aos cabalos cústalles habituarse a novos alimentos, non hai que preocuparse se o primeiro día come menos
“Hai que reducir a carga de hidratos de carbono que se produce cando a herba medra tan rápido, pero no verán ou inverno, cando o pasto perdeu a forza, pódense abrir superficies máis amplas. Sen embargo, na primavera ou no rebrote do outono non se pode deixar un só animal nunha hectárea de terreo”, indica.  

Dermatite inmunomediada ou pica pica

A dermatite inmunomediada, tamén coñecida como pica pica ou rasquiña en Galicia, desencadéase por un mosquito culicoide que é picador-chupador. A través da súa saliva, que irrita a zona da picadura para que aumente o rego sanguíneo e poder chupar deste xeito máis sangue, provoca irritación e comezón e o cabalo busca rozarse a onde sexa ou mesmo tíranse ao chan para emborcarse. “Os mosquitos danse onde hai zonas de regatos, augas estancadas, piñeirais, estercos ou puríns”, lembra Herminio, polo que se deben evitar estas localizacións nos meses de maior presenza do insecto, como pode ser durante o verán. “Luces ultravioletas, repelentes de insectos, darlle allo picado na ración para que o expulse pola suor e actúe como repelente natural, azufre, etc. Hai miles de remedios, pero a solución é variar o entorno no que está o cabalo”, insiste.
Non existe ningún tratamento que cure a enfermidade e a vacina só é efectiva nun 20% dos casos
En canto aos tratamentos unha vez aparece a dermatite, “existen moitos produtos pero ningún é bo, pódese tratar con corticoides para aplacar o sistema inmune pero non curamos a enfermidade e as vacinas funcionan só nun 20% dos casos e son caras”, recoñece.  

Piroplasmose ou mal da carracha

A piroplasmose ou mal da carracha, está provocada pola infestación cun parásito, o protozoo Babesia caballi, que se transmite a través da picadura dunha carracha. “A carracha é o taxi no que viaxa esa bacteria de cabalo en cabalo. É un parásito do sangue que rompe os glóbulos vermellos, provoca anemia e fai que o cabalo morra”, advirte Herminio.
Os cabalos poden ser portadores sanos do parásito sen ter síntomas, até que os protozoos comezan a multiplicarse no sangue do animal
Os cabalos poden ser portadores sanos do parásito sen ter síntomas, até que os protozoos comezan a multiplicarse no sangue do animal. Os síntomas máis leves son fatiga ou perda de peso e apetito, comúns a outras enfermidades, polo que a súa detección non é doada en ocasións. Algo distintivo na piroplasmose é a decoloración amarela das mucosas. “O cambio climático está facendo que haxa unha alta proliferación de carrachas e que as haxa todo o ano”, alerta o veterinario de Serveteq. O protozoo Babesia caballi só se transmite a través da saliva da carracha, polo que os cabalos infectados non contaxian. As zonas de monte ou matogueira, así como os lindes das parcelas, son lugares con maior presenza de carrachas.

Os beneficios do cabalo como redutor de biomasa a custo cero na semana dos grandes lumes na Mariña

A Reunión de Outono da SGPF fíxose coincidir coas San Lucas, que se celebran esta semana en Mondoñedo As San Lucas, a feira de gando máis antiga que se conserva en Galicia, con máis de 800 anos de historia, celébranse até o domingo en Mondoñedo. Nelas o cabalo ten un especial protagonismo. Aproveitando esta cita, a VIII Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes analizou durante dúas xornadas, este luns e martes, o papel do cabalo na conservación do medio natural. Nas súas conclusións, a asociación que reúne a técnicos e gandeiros para o fomento do pastoreo en Galicia, quixo salientar os beneficios do cabalo como “redutor de biomasa a custo cero” e o feito de que “o cabalo criado en liberdade precisa de poucos coidados pero vincula ao propietario co monte”. Poucos días despois do gran incendio producido esta fin de semana na Mariña, que queimou máis de 2.000 hectáreas de monte nos concellos de Trabada e Ribadeo, os asistentes ás xornadas destacaron que “os pastizais evitan ou cortan lumes ao romper a continuidade do monte e o espazo forestal, algo que non acontece en masas continuas de eucalipto como as que hai en concellos como o de Trabada” e aseguraron que “o incendio desta fin de semana na Mariña apagouse porque choveu, pero puido ser un dos maiores lumes da historia de Galicia”, concluíron.

O gando extensivo posiciónase como ferramenta clave contra os incendios na montaña galega

O Courel sufriu o pasado verán o maior incendio forestal da última década en Galicia, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O incendio levou por diante máis de 7.000 hectáreas de mato e arredor de 4.000 hectáreas arboradas, principalmente piñeirais pero tamén tocou algún souto de castiñeiros e zonas de frondosas. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca. O papel que xogan os pastizais como cortalumes naturais posicionan á gandería extensiva como unha ferramenta clave para enfrontar os grandes incendios, uns incendios que nos últimos anos vense favorecidos por fenómenos meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático (secas prolongadas, tormentas secas, etc.). Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar unha xornada no Courel na que se presentaron as experiencias de distintos produtores da comarca. O Courel, como outras zonas de montaña do interior de Lugo e Ourense, sufriu nas últimas décadas unha perda progresiva da actividade gandeira. Só desde o 2006 ó 2020, a comarca perdeu arredor dun 9% dos seus pastizais e terras agrarias, un declive moi superior ó doutras áreas rurais do sur de Lugo fóra da montaña.
O Courel perdeu un 9% dos seus pastizais e terras agrarias nos últimos 15 anos. Iso é un problema pero tamén abre oportunidades
Ese escenario é un problema, sobre todo no contexto de grandes incendios como o do Courel deste verán. Pero tamén presenta oportunidades, pois existe territorio no que se poden poñer en marcha novos proxectos de gandería extensiva. A xornada do Courel reuniu a distintos produtores de ganderías tanto da comarca como de zonas próximas, que contaron a súa experiencia. Foi o caso de José Antonio Vilariño, que xestiona unha gandería caldelá en Seceda (Folgoso do Courel) e Quiroga, de Lorena Rego (Folgoso) ou de Alejandro Salvatierra (Pontenova). Xornada da Sociedade Galega de Pastos en Seoane do Courel. / Imaxe: SGPF. O gando, ademais do seu interese económico como actividade laboral, xera tamén gran interese nos pobos da zona polo seu efecto de protección das aldeas fronte o lume. Na xornada, contouse a experiencia que veñen de iniciar os veciños de Vieiros (Folgoso do Courel) para manter con gando ovino os prados do entorno das vivendas. Outra aldea que se beneficia da actividade gandeira é Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), na que os prados que xestiona a única gandería do lugar foron decisivos para evitar que o lume do verán chegase ás casas. “Nós tiveramos xa preto un incendio no 2017 e a partir daquela decidimos rozar tódolos anos as fincas do entorno do pobo. Que sucedeu?. Que ao cabo dun par de anos démonos de conta de que ese sistema non era sostible, pois tódolos anos había que pagar para o desbroce, e en moitos casos había que pedirlle a veciños que vivían fóra que pagasen a súa parte”, conta Marcos Ferreira, un dos veciños do lugar.
"Démonos de conta de que pagar desbroces cada ano non era sostible para protexer a aldea e entón decidimos aumentar os pastizais" (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)
“Entón foi cando vimos que o máis sinxelo sería controlar o mato co gando” -sinala Marcos-. “Coincidiu esa fase co lanzamento da figura de aldeas modelo por parte da Xunta, e a través de convertirnos en aldea modelo, tivemos apoio para cercados e para transformar as terras do entorno da aldea en zonas de pasto. Agora, coa aldea modelo, os veciños que cederon as súas terras, en vez de pagar polo desbroce, incluso cobran un pequeno aluguer que abona a gandería”. De cara ó futuro, para atraer novos proxectos gandeiros para as aldeas do Courel, Marcos sinala que, a parte de zonas de pasto, é fundamental ofrecer condicións atractivas a nivel de calidade de vida. “Precísanse servizos como bos accesos, internet ou saneamento”, destaca.

A altura do mato redúcese un 90% nas zonas controladas polo gando

O papel do gando para o control do pasto arbustivo (mato) é unha cuestión que se pon de manifesto tanto nas experiencias das ganderías como nas investigacións que se viñeron desenvolvendo nas últimas décadas. Un dos últimos ensaios fíxoo o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo na Finca Marco da Curra (Monfero, A Coruña) no periodo 2018-2021. Sobre parcelas de pasto arbustivo que se desbrozaron, instaláronse dous ensaios, un con bestas de pura raza galega e outro con cabras. En ambas parcelas mantivéronse ademais xaulas de exclusión, nas que non podían entrar os animais, para comparar a evolución do mato nas zonas pastoreadas e nas excluídas do pastoreo. O resultado foi o previsible. Nas zonas sen pastoreo, aumentaron as especies arbustivas e a altura do mato, mentres que nas zonas pastoreadas, o mato mantívose baixo e aumentaron as especies herbáceas.
A biomasa de parcelas sen gando acadou en 3 anos as 12 toneladas por hectárea, fronte ós 400 Kg. de parcelas pastoreadas
En números, ao remate do proxecto, desenvolvido entre o 2018 e o 2021, as zonas sen pastoreo acumulaban unha biomasa de materia seca equivalente a uns 12.000 Kg. / hectárea, en tanto nas zonas pastoreadas, a biomasa limitábase a arredor de 400 Kg. / hectárea, segundo detallou na xornada do Courel o investigador Santiago Crecente. En ambos casos, as terras foran desbrozadas antes do inicio do proxecto. Os resultados da investigación de Marco da Curra son similares á experiencia de ganderías da montaña galega, así como a investigacións anteriores, nas que se constataba que nas parcelas pastoreadas a altura do mato quedaba no entorno dos 15-20 centímetros, fronte ó 1,5 – 2 metros de media que chegaba a acadar en parcelas sen presenza do gando. De cara ó futuro, Marco da Curra ten previsto continuar con esta liña de proxectos. A intención é que o próximo ensaio sexa unha experiencia de pastoreo mixto, con cabras e bestas nas mesmas parcelas (de xeito secuencial ou non), pois iso permitiría un mellor control de todo o mato. Os cabalos adoitan deixar as silvas sen consumir, mentres que as cabras deixan os toxos, polo que ao combinar ambas especies, lógrase un mellor control de silvas e toxos, así como do resto do mato. En xesta e piorno, tanto cabalos como cabras demostráronse efectivos no seu control, igual que nas uces, que medran algo máis cos cabalos.
https://www.campogalego.gal/xente-quere-gando-para-protexer-aldeas/

“A xente quere gando para protexer as aldeas do lume”

Isabel Gómez vén de tomar o relevo de Joan Alibés á fronte da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Isabel, coñecida polo seu labor en Traloagro (Friol), unha gandería de vacún e polos en ecolóxico que ten o seu propio centro de transformación, cóntanos os seus obxectivos de traballo na asociación. Falamos tamén con ela de cuestións de actualidade, como a falta de fondos para a agricultura ecolóxica ou a nova PAC. - Con que idea te pos á fronte da Sociedade Galega de Pastos? - Cando mo propuxeron non dubidei, non é que lles debera obriga, pero si que a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes foi un apoio importante no desenvolvemento do noso proxecto (Traloagro). Hai creo que 7 anos que coñecín a Eloi Villada (o primeiro presidente da Sociedade Galega de Pastos) e desde entón foi un acompañamento, e en parte asesoramento tamén. Entón, pareceume importante continuar coa Sociedade, pero agora doutro xeito. Tamén me parecía importante que fose unha persoa do sector gandeiro quen continuase á fronte da Sociedade, para que se transmita cercanía e que se vexa que estamos aí para facer cousas como a xornada do Courel, na que estamos coñecendo experiencias de distintos tipos de pastoreo, de diferentes lugares. A idea da Sociedade Galega de Pastos é poder ter unha rede na que apoiarnos e aprender uns de outros.
"A idea da Sociedade Galega de Pastos é a de ter unha rede na que apoiarnos e aprender uns dos outros"
- Gustaríache que ese traballo de acompañamento de novos proxectos, como o que se fixo contigo, sexa un dos eixos da Sociedade? - Ese traballo de acompañamento é dos máis importantes, porque transmitir información e facer xornadas de divulgación é importante, pero que unha persoa se sinta acompañada e poida ver opcións doutras ganderías, é un apoio. Non se trata de asesoramento técnico, pero si dun apoio, emocional tamén, sobre todo cando comezas un proxecto novo. - Outra cuestión que tedes abordado na Sociedade é a necesidade de estar máis pendentes de cuestións de actualidade, como pode ser agora a falta de fondos para as axudas de agricultura ecolóxica. Como vedes esa falta de apoios para as ganderías en ecolóxico, como pode ser a túa propia? - Que non haxa esa previsión de fondos paréceme grave por parte da Administración e a súa obriga é intentar solventalo. Pero o peor que vexo de todo é a desconexión coa realidade. Se non hai apoios, evidentemente moita xente vaise volver atrás, xa que estamos ante un modo de produción máis custoso e que require un tempo de adaptación.
"Que non haxa fondos suficientes para a agricultura ecolóxica é grave, pero o peor é a desconexión coa realidade. Europa quere un 25% de terras en ecolóxico no 2030 e aquí iso non importa absolutamente nada"
Nos últimos anos, fíxose un esforzo desde o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) e desde a propia Consellería para incentivar á xente a pasarse a ecolóxico. Non se entende que agora, despois de todo ese esforzo e da boa resposta que houbo entre os produtores, se retire a compensación económica. Pero o que máis me sorprende é que non se lle dea valor á produción en ecolóxico. Europa marca que para o 2030 temos que ter un 25% da superficie agraria cultivada en ecolóxico. É como se non se quixese ver iso e non importase absolutamente nada o incumprimento que imos ter. Desde a Sociedade Galega de Pastos estamos dirixíndonos a todas as institucións para pedir que haxa unha rectificación. - E como vedes o novo ciclo da PAC, que arranca no 2023. Apoiarase de xeito suficiente ás ganderías en extensivo? - Hai unha certa redirección das políticas agrarias para apoiar a gandería extensiva. Un dos ecorreximes, por exemplo, apoiará á gandería extensiva, pero ao mesmo tempo, vemos que se segue penalizando o aproveitamento de montes clasificados como pasto arbustivo. Falta moito aínda por avanzar para recoñecer o traballo ambiental da gandería extensiva, sen penalizala nas axudas.
"Falta moito por avanzar na PAC para recoñecer o traballo ambiental da gandería extensiva"
- Precisamente coa xornada do Courel, queredes poñer en valor a importancia da gandería como protección fronte ós incendios forestais. - É que na xornada estase vendo que a xente quere gando para protexer as aldeas dos lumes. Non só como complemento económico ou como actividade laboral, senón principalmente como protección para eles mesmos. Hai que darlle a importancia que ten ó pastoreo porque está demostrado que onde hai gando, ou non hai lumes ou son de menos intensidade. https://www.campogalego.gal/o-gando-extensivo-posicionase-como-ferramenta-clave-contra-os-incendios-na-montana-galega/

Críticas de técnicos e asesores gandeiros á falta de orzamento para produción ecolóxica

Segue o malestar no sector agrogandeiro vinculado á produción ecolóxica coa decisión da Consellería do Medio Rural de non incrementar a partida orzamentada para as axudas agroambientais deste ano destinadas ao fomento da produción ecolóxica dentro do segundo pilar da PAC.  Ás protestas dos sindicatos agrarios sumanse esta semana as queixas dos técnicos que asesoran aos gandeiros e de entidades que fomentan a extensificación das producións. A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de remitir cartas á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea para denunciar o “ataque frontal a unha das principais prioridades da PAC” que supón a falta de orzamento para agricultura ecolóxica neste ano 2022 e pedir a ampliación das partidas. Desde a SGPF consideran “grave” que “máis do 50% das solicitudes de axudas á gandería ecolóxica non vaian ser aprobadas nesta campaña”. “A causa dos criterios de priorización fixados pola Consellería, boa parte dos novos inscritos no 2021 así como importantes ganderías que levan máis de 10 ou 15 anos certificadas quedarán fóra das axudas”, asegura a nova presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Isabelle Gómez.
As cartas van dirixidas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; ao ministro de Agricultura, Luis Planas, e ao Comisario europeo, Janusz Wojciechowski
Na súa carta ás institucións públicas, desde a SGPF explican que as axudas anuais que reciben os agricultores e gandeiros certificados polo CRAEGA débense “aos incrementos de custos que implica a produción ecolóxica e a menor rendibilidade desta fronte ás explotacións convencionais”. Sen convocarse desde o ano 2016 “Nos anos 2015 e 2016 puidéronse solicitar estas axudas para un período de 5 anos, rematando no 2019 e 2020 respectivamente, sendo prorrogadas nos anos 2020 e 2021. Soamente aquelas explotacións que entraron antes do 2016 na certificación ecolóxica puideron solicitar estas axudas, quedando fóra as que mudaron o seu xeito de produción nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020. Isto supuxo unha acumulación de explotacións sen axudas por falta de novas convocatorias”, detallan.
Estívose fomentando a conversión das explotacións e a superficie certificada polo CRAEGA aumentou en máis de 10.000 ha en só 2 anos
“No ano 2021 a Consellería do Medio Rural, a través do FOGGA, anunciou unha nova convocatoria de axudas no 2022 e desde a AGACAL realizáronse charlas formativas por todo o territorio galego coa finalidade de fomentar as novas incorporacións á gandería ecolóxica e informar dos trámites que se debían realizar antes do 31/12/2021 para poder solicitar a axuda no 2022”, lembra a SGPF. Froito da falta de convocatorias en anos anteriores e do fomento de novas incorporacións, no 2021 xerouse unha grande expectativa no sector e moitos agricultores e gandeiros decidiron certificar a súa produción á espera da nova convocatoria.
O orzamento necesario para cubrir todas as solicitudes sería 5 millóns de euros, pero a Xunta só puxo 3
“A Consellería do Medio Rural, aínda sabendo que a superficie solicitada ía incrementarse en máis de 12.000 hectáreas, o que implicaría un aumento do orzamento necesario en máis de 3 millóns de euros, incrementou o orzamento respecto da convocatoria de 2015 unicamente nun millón de euros”, critica Isabelle. “Todas as explotacións solicitantes deberon cumprir ao longo de 2022 as esixencias da axuda, entre elas facer a transición á gandería ecolóxica, cos seus custes de implantación e mantemento, e pagar os servizos de asesoramento necesarios”, indica, polo que solicita “que se incremente o orzamento da actual convocatoria 2022 para que todas aquelas explotacións que cumpran os criterios poidan ter as axudas”.

“Sentimos que a Administración non está cumprindo co que ata agora estivo promovendo”

Tamén a Asociación de Asesores Rurais de Galicia mostra a súa “preocupación” pola actual situación das axudas a explotacións en ecolóxico. “Todo facía prever un apoio total da Consellería do Medio Rural á agricultura e gandería ecolóxica e os gandeiros responderon. Moitos dos nosos socios séntense desilusionados e desamparados despois de volcarse en informar e animar aos nosos clientes para que deran o paso. A falta das axudas prometidas poden xerar problemas de falta de confianza nos asesores”, asegura a presidenta da asociación, Elena Piñeiro. “A transformación de convencional a ecolóxico supón un grande esforzo persoal e económico para os produtores, que teñen que realizar investimentos nas súas explotacións e pagar as taxas de certificación e o asesoramento específico”, asegura.
Estas axudas deberían ser o motor para afianzar o paso progresivo cara a unha gandería máis sostible en Galicia
Desde a Asociación de Asesores Rurais piden á Xunta que incremente o orzamento para que poidan ser aprobados todos os expedientes que cumpren os requisitos e que a Consellería deixe claro cales van ser os fondos planificados para o novo período da PAC 2023-2027. “O orzamento previsto para esta liña de axudas en 2022 foi de 3.180.000 euros, polo que o desfase entre o solicitado e o presupostado é de máis de 2 millóns de euros”, calcula a asociación. “Os técnicos temos que ter información veraz de se realmente vai haber fondos suficientes para impulsar a agricultura ecolóxica en Galicia para poder así dar un asesoramento de calidade e real”, conclúe Elena.

Xornada no Courel sobre as actividades agrogandeiras como freo aos incendios en zonas de montaña

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza o vindeiro 17 de decembro, sábado, unha xornada sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña”. A cita terá lugar na Estación Científica do Courel, a comarca galega máis afectada polos lumes forestais deste ano. O programa da xornada combina as experiencias de explotacións agrogandeiras da zona con ponencias de persoal técnico. Será tamén o primeiro acto oficial da nova presidenta da SGPF, a gandeira Isabelle Gómez, da gandería Traloagro (Friol-Lugo). As inscricións poden realizarse a través dos teléfonos 686 620 154 ou 628 713 263

Xornadas sobre a produción de leite na Galicia interior

A VII Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) terá lugar os vindeiros 16 e 17 de setembro en localidades do sur de Lugo, en concreto, en Chantada e Carballedo, e estará centrada na sustentabilidade da produción de leite na Galicia interior.  A inscrición e participación é de balde e aberta a todos os interesados ata completar o aforo. A data límite para inscribirse é o día 12 de setembro nos teléfonos 686620154 (Eloi) e 619032791 (Joan) ou no correo electrónico sgpf.galicia@gmail.com. A inscrición non cubre o custe dos xantares (o prezo do xantar é de 20 € cada día). 

Programa

Venres 16 - Lugar de celebración no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada (Praza de Catro Camiños n.º 5) 9:30 - Recepción de asistentes 10:00 - Presentación e Inicio da Reunión Olga Iglesias, Xefa do Servizo Territorial da Consellería de Medio Rural Mónica Freire, responsable Área Medio Rural Deputación Provincial de Lugo Joan Alibés, Presidente da SGPF 10:30 - Caracterización Agro-Gandeira das Comarcas do sur de Lugo Emilio Iván Vázquez, Xefe de Área de Monforte 11:00 - Cultivos forraxeiros para a produción de leite na Galicia interior Gonzalo Flores, investigador no CIAM 11:30 - Xestión da produción forraxeira na Gandaría SAT Sabadelle Lois Lareu, gandeiro e socio da SAT Sabadelle (Chantada) 11:50 - Debate sobre as presentacións 12:10 - Pausa para café 12:40 - Transferencia tecnolóxica: Experiencias de campo na produción de forraxes ecolóxicos en Allariz e na Limia Juan Valladares, investigador no CIAM 13:20 - A importancia da transferencia tecnolóxica na produción de leite ecolóxico Marcos Quintás, gandeiro e socio da SAT Torneiros (Allariz) 13:40 - A inclusión da herba verde na ración mesturada diaria para vacas de leite Alberto Quintián, gandeiro e socio da SAT Sebastián (Irixoa) 14:00 – Debate 14:30 - Xantar no Mesón Mogay (Chantada) 16:20 - Cooperativa AIRA, unha ollada cara ao futuro Daniel Ferreiro, Director Xeral de Aira 16:50 - Xestión e manexo dun rabaño de 120 vacas de leite ao aire libre na Gandería Maire Mariano Samblás, gandeiro e socio da Gandería Maire (A Pastoriza) 17:10 - Proposta de fusión de explotacións de leite de pastoreo en Rodeiro Alberte Lamazares, gandeiro de Rodeiro 17:30 - Outeiro e Airas Moniz: Vacas Jersey e elaboración de queixo Ricardo Gómez, gandeiro e socio de Outeiro e Airas Moniz (Chantada) 17:50 - Produción extensiva, elaboración de lácteos Xosé G. Freire, gandeiro de Casa da Fonte (Pantón) 18:10 - Alimentación robotizada na produción de leite José Manuel Feás, gandeiro (Taboada) 18:30 - Debate - coloquio 19:00 - Fin da xornada Sábado 17 - Lugar de Reunión na Gandería Outeiro (Chantada) 10:30 - Visita á explotación Gandería Outeiro e á Queixería Airas Moniz (San Salvador de Asma, Chantada) 11:45 – Chegada ao Pazo de Cartelos (Carballedo) 11:50 – Fundación José Luís Taboada, historia e obxectivos Álvaro Taboada de Zúñiga, Presidente da Fundación José Luís Taboada 12:10 - Presentación das actividades de investigación do CIAM sobre produción forraxeira desenvolvidas no Pazo de Cartelos Juan Piñeiro, patrono da Fundación José Luís Taboada e investigador retirado no CIAM 12:30 - Visita de campo ás experiencias de investigación de millo en regadío e en secano no Pazo de Cartelos 14:30 - Clausura da Reunión 14:45 - Xantar na Feira do Castro de Carballedo – Casa Benito 16:30 - Visita ao Ecomuseo Pazo de Arxeriz (O Saviñao) 18:30 - Fin da Reunión

¿Como conseguir que as ganderías de vacún de carne sexan máis resistentes ás crises?

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), en colaboración co GDR Montes e Vales, organiza para os vindeiros 27 e 28 de maio as súa oitava Reunión de Primavera centrada este ano nos “Sistemas de produción de carne resilientes ás crises”. As xornadas celebraranse no MUVICLA, en Tasliste, no concello lugués de Láncara. Para asistir é preciso inscribirse chamando ao 686 62 01 54 Velaquí o programa:

A ONU declara 2026 como o ‘Ano Internacional dos Pastizais e os Pastores’

O 15 de marzo de 2022, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (AGNU) en Nova York declarou por unanimidade o 2026 como o ‘Ano Internacional dos Pastizais e os Pastores’ (AIPP). Esta aprobación final é a culminación dun movemento do AIPP que creceu durante varios anos até converterse nunha coalición mundial de máis de 300 organizacións de pastores e de apoio, incluído o Ilri e varias axencias da ONU. Sobre a base destes esforzos, o Goberno de Mongolia e 68 países copatrocinadores elaboraron e presentaron a resolución á AGNU. A AGNU aprecia plenamente a importancia da resolución do AIPP para abordar a biodiversidade mundial, o cambio climático e as cuestións socioeconómicas. Recoñece que "o pastoreo é un medio de vida dinámico e dinámico e transformador vinculado aos diversos ecosistemas, culturas, identidades, coñecementos tradicionais e a experiencia histórica de coexistencia coa natureza". Do mesmo xeito, afirma que "os pastizais sans son vitais para contribuír ao crecemento económico, os medios de vida resistentes e o desenvolvemento sustentable do pastoreo". O pastoreo é un sistema de produción que require pouca enerxía fósil. Baséase principalmente na autoxeración de pastos naturais. Tamén axuda a previr os incendios forestais, xa que o pastoreo consome gran parte da vexetación do chan que podería proporcionar o combustible para arder. Así pois, o pastoreo representa un sistema de produción gandeira que optimiza o equilibrio dinámico entre a produción e a sustentabilidade en condicións moi variables e cambiantes.

Valoracións da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) poñen en contexto esta declaración “coa actual crise de prezos agrarios na que estamos inmersa está a dar unha volta a todo o coñecido”. Ao mesmo tempo, aproveitan para denunciar que “se ben no pasado se viviron crises puntuais -só compre lembrar a crise dos pensos de 2009 e a posterior baixada dos prezos do leite ata os 18 céntimos- a situación que afrontamos non é para nada semellante ao que temos vivido”. Así mesmo, fan fincapé “na suba dos fertilizantes, no encarecemento da enerxía e dos carburantes, e na problemática actual da guerra de Ucrania”, para explicar que “como consecuencia os prezos dos pensos van ser elevados o resto de 2022 e 2023”. Por outra banda, desde la SGPF manifestan que “se está vendo unha revalorización dos fertilizantes orgánicos (xurros e estercos) e cada vez gandeiras e gandeiros están mirando máis para os prados en vez de para o millo”. “Neste contexto de incremento de tódolos custes de produción, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas declarou por unanimidade o ano 2026, ‘Ano Internacional das Pradarías e do Pastoralismo’, unha gran nova para todas aquelas persoas relacionadas coa gandería extensiva en Galicia”, comentan desde a sociedade galega. “A SGPF tamén poñerá o seu grao de area para festexalo e reivindicar a produción de alimentos en base a pastos que sabemos ten enormes beneficios a nivel alimentario, social, de vertebración do territorio e tamén a nivel ambiental”, detallan desde a agrupación. “Non podemos estar máis de acordo, e reafirmamos que o pastoralismo como medio de vida dinámico e transformador, vencellado aos diversos ecosistemas, culturas, ten unha carga importante de coñecementos tradicionais e históricos, e unha experiencia práctica de convivencia coa natureza”, expresan desde a SGPF. Igualmente, manifestan que “esta declaración anima ás diferentes administracións a realizar accións máis contundentes para a promoción e o mantemento dos pastos e da gandería extensiva; dúas das principais características do noso rural, pasado, presente e futuro”.

“A medida que as cabras desapareceron do monte, apareceron os lumes”

Visita dos participantes na xornada á granxa Teixeiro e Pistón SC en Becerreá A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes centrou a súa última xuntanza no gando cabrún, reunindo a pasada fin de semana en Vilela (Navia de Suarna) experiencias de gandeiros da zona, uns mozos e outros xa xubilados, un intercambio necesario para lograr recuperar a presenza de cabras nos montes dos Ancares.   O cabrún foi un sector que historicamente tivo moita importancia nesta zona da montaña de Lugo como xeito tradicional de limpar o monte e manter a raia os incendios, pero a decadencia do censo deste gando nas últimas décadas, tanto nas aldeas dos Ancares coma noutras zonas de Galicia, foi máis que notable. E a medida que as cabras ían desaparecendo dos montes das parroquias ían aparecendo os lumes, como o que en 1998 queimou Vilela ou no 2017 calcinou 4.000 hectáreas de Donís, Cereixedo e Noceda, no veciño concello de Cervantes.  
A medida que as cabras desapareceron do monte, apareceron os lumes
Os pequenos rumiantes (cabras e ovellas) foron esenciais no control do mato até os anos 70, cando comeza a esmorecer o sistema tradicional de pastoreo no monte. Até entón, cada familia dispoñía dun pequeno rabaño de medio cento de animais que se pastoreaban con sistemas de veceira (turnos entre os veciños para levar o gando ao monte). Pero a medida que a poboación nas casas minguaba e as familias se ían desfacendo das cabras e as ovellas para non ter que atendelas, máis a miúdo lles tocaba ao resto de veciños, os que aínda as mantiñan, ir co gando ao monte, o que acelerou unha desaparición en cadea na maioría de parroquias. 
O gando pastoreábase tradicionalmente mediante sistemas de 'veceira' pero a medida que menos familias tiñan cabras, máis a miúdo lles tocaba aos que as mantiñan ir cos animais ao monte
Reverter esa situación non semella doado, máis aínda cando o despoboamento foi avanzando á par que o facía o mato en moitas desas aldeas onde antes había cabras e ovellas, pero existen mozos nos Ancares que están a ver unha oportunidade no sector, seguindo os pasos doutros gandeiros máis veteranos e que mantiveron a tradición até a actualidade. Coñecemos as súas historias. 

"O meu pobo non vale para vacas porque é moi pendente, pero para cabras si"

José Claudino Alba Regueiro foi até hai tres anos o maior cabreiro dos Ancares. Chegou a ter un rabaño de 400 reprodutoras en Teixeira, na parroquia de Vilapún, pertencente ao concello de Cervantes.  É un lugar cunha forte pendente e de chan pobre, pouco apto para o gando vacún, pero onde as cabras se adaptaron á perfección. "É un tipo de gando que se adapta ben ao tipo de terreo que hai nesta zona, porque aquí en moitas zonas dos Ancares non podes meter 150 vacas e sen embargo de cabras si que che permite ter un rabaño importante. Iso era un pouco o que me pasaba a min. Eu con 6 ou 7 vacas andaba reventado de traballo porque o sitio non vale para mecanizar e non podía aumentar tampouco ao número de cabezas porque a maioría da superficie da que podía dispoñer eu era monte e non valía para as vacas, pero para ter cabras si", conta. "Hai que adaptar o gando ao lugar, non o lugar ao gando", opina. 
Hai que adaptar o gando ao lugar, non o lugar ao gando
Aínda que en Teixeira nunca houbera cabras ou ovellas, ao contrario do que acontecía históricamente noutras moitas aldeas dos Ancares, José apostou polo gando cabrún de maneira profesional. "Non tiña experiencia ningunha con cabras e tiven que ir aprendendo sobre a marcha e moitas veces perdendo cartos", recoñece.
José Claudino producía en ecolóxico con cabra galega fundamentalmente
Esa experiencia é a que o leva a tentar axudar aos mozos que se incorporan “para que lles vaia ben”. Xubilouse hai 3 anos e está disposto a compartir o seu coñecemento con eles e mesmo as instalacións das que dispuña. "Sería unha explotación viable para quen a quixese coller, para min foino, pero eu non podo obrigar a ninguén", di.
O máximo de carga gandeira sen suplementar nesta zona sería de 2,5 cabras por hectárea
A de José Claudino é a única casa habitada a diario en Teixeira, onde hai 6 casas e 180 hectáreas de monte comunal. De mozo José Claudino marchara traballar a Bilbao pero co tempo decidiu voltar ao lugar onde nacera e vivir da terra. "Voltei porque pensei que me podía gañar mellor a vida aquí", di. Na casa tiña unha pequena explotación familiar, con 5 ou 6 vacas, e poucas posibilidades de crecemento. Por iso apostou polo gando cabrún. "En 1986 merquei 2 cabras e logo ao pouco xa introducín outras 40 e fun recriando delas", lembra. Transformación do mato en pradeira A súa idea era telas no monte, que nesta zona é moi pobre e moi pendente, imposible de mecanizar. Chegou a ter 400 cabras en 180 hectáreas de superficie, pero das 180 hectáreas só 4 puideron transformarse en prado de xeito mecanizado. Sen embargo, se hai alguén capaz de transformar as uces en pradeiras esas son as cabras.
José Claudino empregaba sistemas de silvopastoreo rotacional, pero cunha duración da rotación de 6 meses
Ao introducilas no monte de Teixeira deixaron as uces, que tiñan 80 cm de altura, totalmente defoliadas, como se pasara un lume. Logo de pasar un tempo retiráronse as cabras para que a vexetación se recuperara e volveran ter brotes verdes que comer. Mediante este sistema de silvopastoreo rotacional logrouse controlar o mato e baixar a altura da biomasa, formada por uces fundamentalmente, a entre 15 e 20 cm. Non houbo necesidade de facer ningún tipo de queima controlada. Un animal delicado A maiores das 4 hectáreas de monte transformadas inicialmente a pradeira, cercáronse outras 30 ha cunha malla de 2 metros de altura, un lugar seguro que lle permitía a José Claudino ter as cabras protexidas do lobo e das inclemencias meteorolóxicas no inverno nunha zona de arboredo.
A cabra é máis delicada ca ovella en días de mal tempo e tolera mal a chuvia
A cabra é un animal do deserto que tolera mal a auga, sobre todo de noite cando dormen. Polo día, mentres están comendo, non lles afecta tanto porque non perden tanta temperatura. Os cambios bruscos de temperatura do día á noite tamén lles provocan problemas de pneumonía. Unha corte para os cabritos As cabras de José Claudino estaban sempre no monte, pero a explotación contaba a maiores cunhas instalacións cubertas de 400 metros cadrados de superficie destinadas aos cabritos, que estaban sempre dentro. "Con 400 cabritos cada ano non podía pasar o traballo de metelos e botalos todos os días e se pasaran a noite fóra ao día seguinte a metade non volverían", asegura.
Nunha ocasión o lobo matoulle 41 cabras, uns danos que as compensacións da Xunta non cubriron
Este gandeiro de Cervantes ten mal recordo do lobo. Aínda lembra cando no outono do 2002 unha manda lle matou 41 cabras, unhas perdas valoradas nuns 9.000 euros que as compensacións da Xunta non cubriron na súa totalidade.   José Claudino vendía os cabritos entre os 2 e os 3 meses de vida, fundamentalmente a carnicerías da zona de Ponferrada e tamén a particulares. Tratábase dunha carne tenra e de moita calidade. "Os cabritos criados na corte teñen unha carne máis branda e máis branca que os criados fóra; esa carne é máis roxa e de textura máis dura porque os cabritos fan máis exercicio", explica.  "Só con uces non chega" Foto de familia dos asistentes á xuntanza da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes A ganadería ecolóxica de José Claudino compatibilizaba un sistema de manexo en extensivo puro para as cabras con outro estabulado para os cabritos. A alimentación das crías unha vez destetadas pasaba a ser herba seca e penso ecolóxico. “Eu recollía moi pouca herba seca, uns 100 rolos, e gastábaos fundamentalmente nos entre 350 e 400 cabritos que tiña cada ano", explica. As cabras, sen embargo, alimentábaas co que elas comían, sen suplementar. "Só lles daba algo de penso ou cereal moído antes de cubrilas", conta. A metade do menú diario consistía en monte bravo a base de brezo fundamentalmente e a outra metade pastizais ou prados. "Normalmente pola mañá tíñaas no monte e pola tarde movíaas ao pasto. Se era un día de moita chuvia podían estar no brezo todo o tempo e se nevaba había que baixalas a un sitio sen neve e telas alí", indica.
A cabra necesita comer ben, non serve darlle calquera cousa, faille falta o monte para a fibra e a pradeira para a proteína
Este sistema permitíalle reducir moito os custos de alimentación das nais, pero José Claudino advirte de que non chega só con levalas ao monte. "O cabrito se non mama leite non sae adiante e a cabra para que dea leite ten que comer ben, igual que unha vaca ou unha ovella, non serve que coman calquera cousa", compara. Por iso, di, "só con uces non se manteñen as cabras". As uces teñen un nivel de proteína moi baixo, polo que a combinación con toxos ou xestas funciona moi ben porque son arbustos con niveis de proteína moito máis altos. Pero no monte de Teixeira non abundaban. 
Os cabritos estaban sempre na corte, non saían coas nais, e unha vez destetados comían herba seca e penso ecolóxico
A cabra é un animal moi selectivo na súa dieta, pero pódense obrigar a comer o tipo de vexetación que ao gandeiro lle interese, para domesticar unha zona ou controlar o mato, manténdoa máis tempo nunha parcela concreta. Pero "se as tes unha semana castigadas nunha zona moi mala hai que levalas despois dúas semanas a unha zona boa para que recuperen", di. No 2018 José Claudino xubilouse e vendeu as cabras e ese labor de control do mato no monte que o seu gando facía xa non o fai ninguén. Nas 180 hectáreas que rodean ás 6 casas de Teixeira está a volver a medrar a vexetación e toda esa infraestrutura de peches e cercados está hoxe en desuso.

"O obxectivo é limpar o monte e evitar que volva arder a aldea igual que no ano 1998"

Suso Méndez durante a súa participación na xuntanza da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes  Os últimos lumes que afectaron ao corazón dos Ancares no 2017, queimando a mediados do mes de outubro 4.000 hectáreas en Cervantes, producíronse nas zonas onde máis ten desaparecido a actividade gandeira e o pastoreo como sistema de manexo. Cervantes, ao igual que outros concellos dos Ancares, como Navia de Suarna, teñen máis do 50% da súa superficie comunal. Distintas experiencias neste tipo de montes teñen demostrado a utilidade das cabras e as ovellas para o control do mato e a vexetación espontánea. 
Navia e Cervantes nos últimos 70 anos perderon o 83% da súa poboación
Cabras e ovellas compleméntanse ben, pero as cabras duplican a capacidade de comer uces das ovellas, así como outras leñosas, por iso a cabra debería ser o animal pioneiro para o tipo de vexetación que hai hoxe nos montes desta zona dos Ancares. Público participante nas xornadas organizadas a pasada fin de semana en Vilela Suso Méndez ten iso claro e por iso está a apostar polo gando cabrún no seu proxecto de reinicio da actividade de pastoreo no monte veciñal de Vilela, en Navia, unha aldea en recuperación de só tres casas até hai pouco deshabitadas e que está a revivir da man do cineasta Oliver Laxe, autor de películas como O que arde
Vilela é unha aldea en recuperación na que a finais do ano pasado se reiniciou a actividade de pastoreo no monte veciñal
Suso vivía en Becerreá pero hai 5 meses trasladouse a Vilela coa súa muller e a súa filla e están a amañar a casa da familia, a uns 100 metros da que Óliver Laxe está a converter en centro cultural. "Dedícome a comprar becerros para sacrificar pero quero deixar iso e adicarme por completo á gandeiría. O obxectivo é quedarnos aquí e vivir das posibilidades que nos ofrece o rural, non só co gando, senón coa axuda doutras cousas que podes facer aquí e que en Becerreá non podía facer. A casa é grande, estámola amañando e a idea é montar habitacións para que a xente que veña a facer actividades ao centro que está montando Óliver poida quedar a durmir", explica.
Paguei 600€ para que me desbrozaran cun tractor 2 ha ao redor da casa pero enseguida volvía estar igual, iso non era a solución
Vilela está rodeada por case 100 hectáreas de monte veciñal e a intención é que formen parte dunha aldea modelo promovida pola Xunta. En 1998 ardeu todo e o lume mesmo se achegou ás vivendas. "As casas salváronse pero incluso ardera un hórreo. Eu limpaba ao redor da casa todos os anos porque non quería que si viña outro lume me ardese, pero non daba limpado. Rozaba en xaneiro e en agosto pero enseguida volvía medrar o mato. Ata que un día quenteime, tirei coa desbrozadora e dixen aquí hai que buscarlle outra solución porque isto non é sostible", conta Suso.  Un dos peches electrificados con 4 fíos cos que pecharon 10 hectáreas de monte en Vilela para as cabras A finais do ano pasado comezaron coa introdución de cabras e mastíns e este ano incrementaron o número de animais. "Teño 26 cabras neste momento, pero vou facer a incorporación para o ano que vén, o que me vai obrigar a incrementar o rabaño", explica. 
As cabras teñen que estar aquí, teñen que volver formar parte dos Ancares e de toda Galicia
Suso estivo durante un ano formándose na gandería Teixeiro e Pistón SC en cuestións como o manexo do gando ou a confección dos peches, un aspecto importante no caso do gando cabrún. "Temos esas 10 ha cercadas con varillas de ferro e 4 fíos de pastor eléctrico. Levamos un ano con animais e de momento non tivemos problemas de ataques de lobo", explica.  "O obxectivo é limpar o monte e evitar que volva arder a aldea igual que no ano 1998. De momento xa fixemos unha franxa de seguridade de 10 ou 11 hectáreas arredor das casas pola parte de arriba do pobo, porque por abaixo está o río, polo que se vén o lume vai chegar pola parte de arriba", explica. 

Continúan hoxe as xornadas “O que non arde” centradas no aproveitamento do monte con gando cabrún

A exposición de iniciativas comunitarias e políticas municipais de desenvolvemento rural centraron este sábado a segunda xornada do encontro “O que non arde”, organizado pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo en Casa Quindós, o espazo rehabilitado polo cineasta Óliver Laxe en Vilela, en Navia de Suarna. As primeiras intervencións correron a cargo de Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, na comarca do Barbanza, que fai unha clara aposta polo aproveitamento multifuncional do monte incorporando, nos últimos anos, a venda de leña ou a produción resineira, e Antonio R. Corbal, do CDR O Viso, no concello de Sarreaus, na comarca da Limia, que centra a súa actividade na prestación de servizos sociais e educativos á comunidade. Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre iniciativas de desenvolvemento rural nos concellos, na que interviron Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, un modelo de desenvolvemento local na Galiza interior, e o alcalde da Veiga, Juan Anta. Na xornada de tarde, Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, afondou no funcionamento e obxectivos destas entidades encargadas da xestión dos fondos europeos de desenvolvemento rural. Mentras que Román Sánchez, xerente da cooperativa A Carqueixa, que conta con 215 gandeiros e gandeiras asociadas e que se ten convertido nun referente na comercialización de carne criada en extensivo. Tras os relatorios, as persoas asistentes puideron ver unha demostración de maquinaria de desbroce en altura e afondar no coñecemento da zona cunha visita ao Castro do Teso da Ermida.

Resumo da xornada do venres

A responsable da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, a nacionalista Mónica Freire inaugurou o venres as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural “O que non arde”, unha iniciativa encadrada dentro das liñas de traballo da área de Medio Rural, “con numerosas iniciativas encamiñadas á prevencion de incendios e á posta en valor do potencial produtivo do rural”. “Nese marco, quixemos financiar e dar soporte a estas xornadas, e traelas aquí, a Navia de Suarna, á comarca de Ancares, porque coñecemos de primeira man moitas das iniciativas que se están a desenvolver aquí ao redor do sector primario e cremos que apoialas e proxectalas contribuirá a que se repliquen noutros lugares”, explicou durante a intervención inaugural, na que estivo acompañada por Eloi Villada, socio da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e por Óliver Laxe, anfitrión do encontro. As xornadas estanse a desenvolver en Casa Quindós, unha antiga casa de labranza, rehabilitada por Laxe en Vilela, co obxectivo de acoller accións de desenvolvemento rural. O recoñecido cineasta celebrou que “as xornadas promovidas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo sexan a primeira actividade en desenvolverse neste espazo”, que pretende actuar como dinamizador doutras iniciativas dos sectores agrogandeiro, turístico, sociocomunitario e ambiental na zona e contribuír a atopar solucións fronte ás variadas problemáticas que encara a montaña lucense. Os relatorios da primeira xornada tiveron como eixo de debate as políticas públicas de incorporación ao rural, coas intervencións de Neus Monllor, consultoral agrosocial e coordinadora da Red de Espacios Test Agrarios, que agrupa proxectos ligados ao relevo xeracional e a creación de emprego estable no sector primario en diferentes puntos do Estado, e de Mireia Font, xerente do Consorci GAL Alt Urgell – Cerdanya. Ademais das conferencias das expertas, durante a maña desenvolveuse unha mesa redonda centrada nos plans de incorporación de activos, coas intervencións de Pablo Iglesias, xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo, José Manuel Súarez, coordinador do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, e Manuel Redondo, membro da Asociación Intermunicipal Territorios Reserva Agroecológicos Red Terrae, que coincidiron na necesidade de afondar no seguimento e acompañamento dos novos proxectos no rural a fin de contribuír á viabilidade do modelo de negocio e a súa continuidade no tempo. Pola tarde, o encontro continuou coas intervencións de Fernando García Dory, que expuxo a experiencia da Escola de Pastoreo de Picos de Europa na recuperación do manexo tradicional do gando, das súas implicacións ambientais e das súas manifestacións culturais, e do apicultor Alberto Uría, que centrou a súa exposición na súa experiencia de volta ao rural para retomar unha actividade tradicional coa que “produce mel e crea paisaxe”, distribuíndo as colmeas en pequenos grupos para facilitar a convivencia entre a actividade produtiva e a biodiversidade da zona. A xornada concluíu coa mesa redonda “Novos poboadores da montaña e iniciativas empresariais na montaña”, coas intervencións do permacultor Pascal Encinga, do gandeiro da cooperativa A Carqueixa David de Poso, do apicultor Hugo Santín, dos viticultores Héctor e José Álvarez, dos produtores da cervexa artesá Colmo Manuel Guitiérrez e Mireia Rodríguez e de Ana Díaz, que falou do rural como espazo para o teletraballo a partir da súa experiencia como traballadora de Arela Comunicación Sostible desde as Pontes de Gatín, no concello de Becerreá. A actividade en Casa Quindós continúa hoxe domingo coa VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), na que se abordarán as oportunidades que ofrece o gando cabrún como alternativa de aproveitamento do monte nos Ancares.

Xornada sobre a produción de leite mediante pastoreo en Lalín

O Servizo de Explotacións Agrarias organiza o próximo mércores, 13 de novembro, unha xornada técnica sobre a produción de leite mediante pastoreo. Na sesión abordaranse técnicas de pastoreo, así como sistemas de transición ao pastoreo ou o manexo dos pastos, entre outras cuestións. O obxectivo da xornada é dar a coñecer as vantaxes e inconvenientes deste sistema de produción a aqueles gandeiros interesados en cambiar de modelo, así como comparar os resultados económicos da aplicación desta práctica e ofrecer claves para o seu aproveitamento. A xornada celebrarase na Aula da Uned de Lalín, situada no polígono industrial Lalín 2000 e está dirixida a tódalas persoas que desenvolvan a súa actividade no ámbito agroalimentario. A sesión é gratuíta pero é obrigatorio inscribirse. Os interesados poden descargar a solicitude no seguinte enlace e deberán enviar o impreso cuberto a explotacionsagrarias.cmr.pontevedra (arroba) xunta.gal. Detallamos, a continuación, o programa da xornada: -10.00 horas. Inauguración da xornada. Persoal da Consellería de Medio Rural. -10.30 horas. Manexo dos pastos nas granxas de leite galegas. César Resch Zafra, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam). -11.15 horas. Certificación de leite en pastoreo. María Rey Campos. Técnica da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias. -12.00 – 12.30 horas. Descanso. -12.30 horas. Técnicas de pastoreo. Os erros máis frecuentes que cómpre evitar. Xan Pouliquen Kerlau. Xestión Agrogandeira e Natureza. -13.15 horas. Sistemas de transición ao pastoreo na produción de leite. Eloi Villada Legaspi. Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (Sgpf). -14.00 horas. Mesa redonda sobre produción de leite de pastoreo coa participación de gandeiros. Moderada por Julia Pérez Pacios, xefa do Servizo de Explotacións Agrarias de Pontevedra. -15.00 horas. Clausura da xornada.

Programa da reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, en colaboración co CFEA de Lourizán, organiza a VI Reunión de Outono, que terá lugar os vindeiros venres 25 e sábado 26 de outubro no CFEA de Lourizán. Nesta ocasión a temática das xornadas é sobre "Manexo silvopastoral dos montes periurbans na provincia de Pontevedra". A xornada está aberta a todas aquelas persoas, comunidades de montes, entidades e concellos que pretendan comprender e explorar as oportunidades de manexo do monte na provincia de Pontevedra de cara a reducir a cantidade de mato e material combustible á vez que se realiza unha actividade gandeira sostible e rendible. As inscricións serán por rigoroso orde de chegada, xa que o aforo é limitado, poden realizarse ata o luns 21 de outubro no enderezo da SGPF sgpf.galicia@gmail.com e nos teléfonos habituais (686 620 154 - 619 03 27 91). Programa da Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes:

Descarga aquí o cartaz completo