Archives

Claves para mellorar a produción das fincas de millo

David Vilacoba, durante a súa charla nas xornadas organizadas por Seragro na Facultade de Veterinaria de Lugo David Vilacoba Vieito, enxeñeiro agrícola e responsable da gandería Pacheco Meimendre SC, falou nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro de como aumentar a produción de millo en Galicia. Durante os últimos 15 anos David estivo compaxinando o traballo na granxa familiar co asesoramento a nivel de campo para distintas casas de semente. Na actualidade adícase de pleno á súa explotación, ubicada no concello coruñés da Baña. “É posible aumentar o rendemento do millo pero son moitos os factores que inflúen e temos que pensar cales son os que temos capacidade de manexar e alterar para mellorar e os que non, aqueles que temos que adaptarnos a eles”, indicou.  “Podemos influír nas labores de preparación do solo, na elección da variedade e a sementeira, no tratamento fitosanitario para o control de pragas e malas herbas ou no abonado. E esas son as cousas nas que nos temos que centrar á hora de mellorar o cultivo”, recomendou.
Podemos influír na preparación do solo, na escolla de variedades ou no control de pragas e malas herbas, pero non nas condicións climatolóxicas, ás que nos teremos que adaptar
Pola contra, explica David, hai outra serie de factores sobre os que non temos control, como os danos provocados pola fauna salvaxe ou as condicións climatolóxicas, ás que sen embargo nos podemos adaptar con decisións como a escolla das parcelas, a data de sementeira ou o tipo de variedade. Tomar decisións en base a datos Á hora de iniciar a campaña de sementeira, en primeiro lugar, di, temos que planificar o cultivo e ter en conta as colleitas precedentes en cada finca. “O máis lóxico é recompilar datos do ano anterior, pero ten que ser de forma obxectiva e totalmente autocrítica, senón non serve de moito”, matiza. “É dicir, se nunha zona tivemos mala colleita porque acabamos o abono e por non volver a casa non llo botamos, hai que poñelo”, exemplifica.
Os datos de rendementos de anos anteriores temos que conservalos, porque son a chave do cultivo
Para esta toma de datos da colleita anterior existen novas ferramentas, como os mapas de rendemento, que facilitan esa labor. “Eses datos temos que conservalos, para ter información de máis dun ano, porque son a chave do cultivo”, indica tamén David. Fertilización e aproveitamento do purín Un primeiro punto de mellora no cultivo de millo é o abonado. “A fertilización é quizais a parte máis simple, porque é unha cuestión matemática, unha simple ecuación ou regra de tres, xa que sabemos a demanda media que ten o cultivo (para facer unhas 10 toneladas de gran por hectárea fannos falta 250 unidades fertilizantes de nitróxeno, unhas 120 de fósforo e unhas 230 de potasio; e se queremos aumentar a produción deberemos aumentar tamén na mesma proporción estas cantidades”, explica. David destaca a importancia do purín para o abonado das fincas de millo. “Uns 10 metros cúbicos de purín por hectárea, máis ou menos unha cisterna de tamaño medio, equivalen a 125 kg de abono complexo NPK 12-12-24 máis 33 kg de urea ao 46% de nitróxeno”, detalla.
Hoxe en día temos ferramentas para saber como está o solo (analíticas de chan) e outras que nos din o que lle aportamos nós
“Esa conta temos que extrapolala á cantidade de purín que aportemos e restala da demanda real do cultivo (en función da analítica de solo e o rendemento agardado) para calcular despois a cantidade de abono mineral necesario”, engade. A maiores do encalado e do abonado de fondo da sementeira, destinado a correxir as carencias do solo e cubrir as necesidades do cultivo, David recomenda “na medida en que o peto o permita”, facer un abonado nitroxenado en coberteira cando o millo teña entre 8 e 10 follas. Preparación do solo “A preparación do solo é un tema realmente descoidado no que se pode mellorar moito”, asegura David, que recomenda intercalar nas labores de preparación do solo un subsolador para romper a suela de labor e facilitar que as raíces das plantas de millo poidan acceder a nutrientes e auga máis abaixo. “Cando levamos anos traballando co arado déixanos por abaixo un solo duro que as raíces do millo non son capaces de traspasar. Cando vén tempo seco esa capa superficial de terra sécase e a planta sufre moito máis os efectos da seca e pode ter tamén moitos máis problemas de caída. Pola contra, cando chove moito, prodúcense encharcamentos porque o terreo non drena. Por iso, co subsolador, ademais de mellorar a estrutura do solo, melloramos tamén a circulación da auga en sentido vertical”, conta.
O solo é un recurso único e irreparable; non podemos perdelo e temos que tratar de melloralo
Existen distintos tipos de compactación: a compactación superficial na capa arable polo efecto pisado da maquinaria; a suela de arado; a compactación profunda, que se dá a máis de 30 centímetros de profundidade; e as costras na superficie, que se producen cando se desmenuza moito o chan nas últimas labores de preparación da terra en solos con moita arxila e se dan choivas posteriores, creándose unha capa superficial dura que impide que o xerme do millo sexa capaz de saír e provocando mermas de produción por perda de plantas na nascencia.
A suma de maquinaria moi pesada e elevada humidade no chan fai que os nosos solos se volvan durísimos, case infértiles
Para evitar a compactación, “baixo ningunha circunstancia debemos traballar o solo mollado”, advirte, e menos cando a maquinaria de laboreo, sementeira ou recollida da colleita é cada vez máis grande e dunha maior tonelaxe. “A suma de elevados pesos e elevada humidade no chan fai que os nosos solos se volvan durísimos, case infértiles”, di. Os efectos da compactación danse tamén máis nos bordes da parcela polo efecto das manobras de xiro, por iso David recomenda pasar o subsolador cando menos por estas zonas do perímetro se non o facemos por toda a finca. Rotación de cultivos O responsable da gandería Pacheco Meimendre SC afirma que “non deben quedar as fincas desnudas” no inverno e destaca os efectos positivos da rotación de cultivos: “Cando unha finca vén de unha rotación de dous ou máis anos con pradeira temos gratis un 10% de produción de millo”, di. En función das necesidades forraxeiras da explotación e do efecto que queiramos lograr no solo introduciremos un cultivo de inverno ou outro, tendo en conta tamén as esixencias da nova PAC para cumprir coa condicionalidade reforzada e o ecorrexime de rotación con especies mellorantes.
Cando vimos de 2 anos de rotación con pradeira temos un 10% de produción de millo gratis
As leguminosas (chícharo, faba, altramuz, veza, alfalfa, trevo) fixan nitróxeno ambiental no chan e melloran a súa estrutura, mentres as crucíferas (rábano, rúcula, nabo) producen un efecto de desinfección no solo contra nemátodos e algúns fungos. Outras opcións para meter un cultivo intermedio entre millo e millo serían as oleaxinosas (xirasol, colza, soia) e as mesturas de cereal de inverno con especies pratenses forraxeiras.
A chuvia marcha co solo e cos recursos que temos nel. Metendo un cultivo intermedio evitamos a erosión e se temos falta de forraxe podémolo aproveitar
“Temos que rotar fincas e intercalar un cultivo intermedio entre millo e millo, non deixar as fincas desnudas. Este ano, despois de ter caído 1.000 litros de auga as fincas baleiras quedan sen practicamente elementos finos e sen ningún tipo de microbioloxía que nos poida axudar. A chuvia marcha co solo e cos recursos que temos nel”, advirte.   Reducir o ‘efecto borde’ Outro aspecto a mellorar é o chamado efecto borde (sombra de árbores, menor fertilización, exceso de tratamentos por solape, maior compactación do chan, etc), no que imos ter menos produción e iso vai baixar a produción media obtida nas fincas da explotación. Os efectos negativos vense acrecentados en Galicia debido ao minifundio. “Se temos unha finca de 25 hectáreas e temos un perímetro de 10 metros de ancho afectados todo ao redor, serían 3 hectáreas afectadas, pero se temos 25 fincas de 1 hectárea o efecto borde multiplícase e xa serían 8 as hectáreas afectadas sumando todas as parcelas”, argumenta.
Os 10 metros de perímetro nunha finca de 25 hectáreas son 3 hectáreas pero se as temos en pezas de 1 hectárea os bordes suman 8 hectáreas
Polo que, di, “a solución ao efecto borde é meter subsolador e coidar a fertilización dos perímetros, porque se a finca ten media hectárea non se lle pode poñer nin sacar e en Galicia sabemos que abunda o minifundio”, lamenta. Elección da variedade David recomenda labrar “variedades rústicas”. “Para min unha variedade rústica é aquela tolerante a estrés hídrico, que teña un bo vigor de nascencia, que sexa produtiva pero á súa vez dixestible, que teña un bo talo fronte a fusarium, e que sexa resistente fronte a algunhas enfermidades foliares frecuentes como a rolla ou o helminthosporium”, describe.   Considera que se debe escoller o tipo de variedade en función da finca e o destino final do cultivo, diferenciando por exemplo o millo para ensilaxe do labrado para facer gran húmido, aínda que en caso de non ter claro a que se vai destinar “existen variedades polivalentes para ambas cousas”.
Eu aconsello acurtar o ciclo do millo destinado a gran húmido e labralo en fincas máis secas para poder recollelo xusto despois de acabar de ensilar e que non teña que quedar un mes máis
O que si aconsella é acurtar o ciclo do millo destinado a gran para poder facer a recollida do gran húmido xusto ao acabar de ensilar o outro millo “e que non pase o que aconteceu este ano, que se puxo a chover e estaba aínda nas fincas o millo para grao húmido sen recoller”. Distribución uniforme da semente A sementeira é a parte máis delicada do cultivo, onde non temos marxe de volver atrás. “Se deixamos este traballo ben feito, ben feito queda, pero se o deixamos mal feito, mal feito queda até o final do ciclo”, insiste, polo que recomenda revisar o estado da máquina que vaiamos a empregar.  “A data ideal para min está entre o 10 e o 25 de maio, porque antes desa data hai máis problemas de encharcamento, posibles xeadas e pragas como a mosca de sementeira ou o verme branco e unha vez pasado o 25 de maio a competencia coas malas herbas é brutal, porque o desenvolvemento das malas herbas é maior que o do propio millo, a parte da proliferación de ataques de insectos, en concreto lepidópteros”, describe.
Para min, a data ideal para labrar está entre o 10 e o 25 de maio
A profundidade á que se debe labrar varía entre os 5 e os 8 centímetros, pois depende do momento no que se realice a sementeira e da variedade elixida. “Debemos facer sementeiras máis superficiais cando temos unha semente miúda ou de pouco vigor ou se se prevén días de moita chuvia posteriores á data de sementeira e, pola contra, faremos sementeiras máis profundas cando temos un calibre de semente moi groso ou se prevé seca, porque  fainos falta un 30% do peso da semente en auga para que poida xerminar, por iso hai que variar a profundidade en función do tipo de semente que vaiamos labrar e a climatoloxía prevista”, recomenda. En canto á velocidade de sementeira (entre 4 e 7 km/h), hai que adaptala sempre ao estado da máquina e máis ao estado do solo.
Se temos problemas de paxaros é recomendable labrar a maior profundidade para dificultarlles que poidan arrincar a semente
Á hora de establecer a densidade óptima de semente é útil aproveitar os datos que nos proporcionan os mapas de rendemento da colleita dos anos anteriores. A dose habitual está entre as 90.000 e as 100.000 plantas por hectárea, pero a  sementeira variable permite meter máis semente nas zonas máis produtivas e menos nas zonas máis conflitivas. “Podemos obter un incremento substancial no rendemento das colleitas facendo iso”, asegura David.
Podemos lograr un incremento substancial de rendemento facendo sementeira variable, metendo máis semente nas zonas máis produtivas e menos nas máis conflitivas
Con todo, di, “é interesante abusar un pouco do número de plantas porque de por si imos ter baixas e se poñemos 80.000 plantas por hectárea e temos algún problema quedaremos cunha densidade inferior á recomendada”, advirte. Aconsella, iso si, baixar a dose de sementeira en fincas máis secas ou destinadas a grao. A distribución da semente entre plantas ten que ser “perfecta en toda a finca”, di. “Se faltan plantas ou as distancias non son uniformes estamos perdendo capacidade de produción na nosa parcela”, alerta. Defende tamén estreitar os regos para poder aumentar a distancia entre plantas. “Se estreitamos un pouco as mesas podemos distanciar algo máis entre plantas e os recursos do chan serán máis aproveitables”, indica.
É interesante estreitar un pouco os regos e distanciar o espazo entre plantas
Considera ademais “opcional pero moi interesante” incorporar un abono starter no momento da sementeira para mellorar a emerxencia e o enraizamento das plantas de millo. “Fai que teña un maior vigor nos seus primeiros estadíos, polo que se pode defender mellor de adversidades climáticas porque ten un maior desenvolvemento radicular”, considera. Control das malas herbas A presenza de malas herbas é “o principal problema na produción de millo”, afirma David, podendo chegar a perder ata un 40% do rendemento por esta causa. Pero,  a que chamamos mala herba? “Mala herba pode ser calquera herba se non está no lugar correcto”, describe. As malas herbas compiten polos recursos (a auga, os nutrientes e a luz) coa planta de millo e son refuxio de pragas e patóxenos que causan posteriores danos no cultivo. Ademais, algunhas especies destas herbas presentes nas fincas de millo segregan substancias alelopáticas (nocivas para o millo). Por exemplo, o Chenopodium Album e a Setaria Viridis, que retardan a floración, ou a Digitaria Sanguinalis e a Cyperus Rotundus, que reducen o crecemento e producen unha diminución severa do rendemento. Para combater as malas herbas David lembrou algunhas pautas a seguir: “o primeiro é identificar as diferentes especies de malas herbas presentes nas fincas (folla ancha, estreita ou ambas) e saber en que estadío se encontran”, di. A continuación, “temos que buscar unha solución que sexa o máis respectuosa posible co cultivo, porque o que queremos é matar a mala herba pero sen afectar ao millo”, evidenciou.
As malas herbas son a principal causa de diminución do rendemento no cultivo do millo, podendo chegar as perdas ao 40%
Á hora de aplicar o tratamento é necesario ter en conta as condicións climatolóxicas previas e posteriores á realización da aplicación e revisar o estado da sulfatadora, para garantir unha aplicación correcta, poñendo boquillas antideriva para aumentar a eficacia e non danar cultivos adxacentes. “Se temos un 10 ou un 15% de produto que nos marcha en forma de nube estamos perdendo un 10 ou un 15% de efectividade no noso tratamento”, razoa David. En canto ás doses, recomendou seguir as directrices do fabricante respectando as doses fixadas, sen incrementalas. “O fabricante é o maior interesado en vender o produto, non lle temos que axudar nós aumentando as doses”, argumentou. Para evitar as posibles resistencias non se debe usar sempre, ano tras ano, o mesmo produto ou materia activa. “O amaranthus é hoxe a mala herba que presenta maior resistencia aos herbicidas”, recoñeceu.
Temos que buscar unha solución que sexa o máis respectuosa posible co cultivo e co medio ambiente
Un protocolo doado de cumprir para o control de pragas e malas herbas no cultivo de millo comezaría coa aplicación dun insecticida máis un herbicida de preemerxencia trala sementeira, “o que nos daría certa marxe para evitar que as malas herbas se nos adianten e que una posible praga, como pode ser a rosquilla, poida agardar até a aplicación do segundo tratamento, o de postemerxencia. Iso danos certa tranquilidade, porque en caso de vir despois mal tempo teriamos o noso cultivo protexido; en caso contrario se hai un ataque de rosquilla e chove, polo que non podemos entrar a tratar, poderiamos perder até un 15% das plantas”, di David. Existe tamén a posibilidade de aplicar tratamentos para evitar os ataques de paxaros ou insectos, pero descarta “metelos por sistema”.
Cada vez que entramos na finca perdemos un 2% das plantas
Unha vez que se produce a nascencia hai que revisar que non hai ataques de paxaros, de verme branco, ou de alambre e antes de facer o tratamento de postemerxencia débese revisar tamén que tipo de malas herbas son as que hai na finca porque “se non hai herbas de folla estreita non temos por que meter un herbicida de folla estreita; igual amañamos só cun de folla ancha”, argumenta. Esta aplicación de herbicida, que se faría cando o millo ten entre 4 e 5 follas, habería que acompañala tamén dun insecticida “para que nos dea a garantía de chegar ao final do cultivo sen pragas e co millo san”, di. Se esta aplicación combinada non fose suficiente para controlar algún tipo de mala herba ou aparecese posteriormente algunha praga, “habería que volver a entrar a tratar”, recomenda David. “Que non vos dea pereza, porque aínda que cada vez que entramos perdemos un 2% de prantas, se non tratamos os danos poden ser moito maiores”, xustifica.

A auga, un factor cada vez máis limitante para o cultivo do millo en Galicia

Un dos aspectos clave para o cultivo do millo é a auga. “Se tomamos os datos da precipitación acumulada este ano entre o 1 de abril e o 30 de setembro vemos unha variabilidade moi grande dunhas comarcas a outras. En Santa Comba, por exemplo, choveu o dobre que en Castro de Rei”, detallou David. “Sabemos que as necesidades do cultivo son de 350 litros por quilo de materia seca. Así pois, para obter 13.200 kg de MS por hectárea (o que equivale a 40.000 kg de materia verde por hectárea), necesitariamos 4,6 millóns de litros por hectárea de precipitacións”, explica.
Dentro de Galicia, hai moita variabilidade nas precipitacións por comarcas. Este ano, por exemplo, en Santa Comba choveu o dobre que en Castro de Rei
“Por iso, se tomamos a auga como factor limitante, coas precipitacións que se deron en Castro de Rei seriamos capaces de lograr 30.000 kg por hectárea, mentres en Santa Comba poderiamos chegar ás 65.000”, engade. Pero para valorar o efecto das chuvias, non só debemos cuantificar as precipitacións acumuladas como valor absoluto, senón que debemos ver como se producen ao longo do ciclo do cultivo do millo.
As necesidades hídricas do cultivo de millo son de 350 litros por quilo de materia seca
“Nos últimos 5 anos (2018-2022) vemos que a maior parte das precipitacións nos caen nos meses de inverno. A liña de tendencia que amosa a media de precipitacións nos últimos 30 anos na nosa comunidade indica que nos meses de verán, que son os meses fundamentais desde o punto de vista do cultivo do millo, practicamente non temos precipitacións”, destaca. Recomendacións fronte ao estrés hídrico Por iso, engade que “en Galicia dependemos do tempo, porque non temos regadío. O tempo non o podemos cambiar, pero si adaptarnos a el. Temos que intentar que a floración do cultivo non coincida cos meses de xullo e agosto, que é o período crítico de precipitacións en Galicia, que esa floración se produza a poder ser un pouco antes”, asegurou David.
Nas fincas máis secas hai que sementar o millo máis cedo e facer un ciclo máis curto
Entre os consellos que dá este enxeñeiro agrícola e gandeiro está o de elixir para labrar o millo as fincas que teñan maior capacidade de retención de auga e darlle maior protagonismo aos cultivos forraxeiros de inverno nas fincas moi secas. “Dentro da superficie dispoñible que teñamos na nosa explotación temos que intentar escoller para o millo aquelas parcelas que teñan un maior potencial hídrico e maior capacidade de reter auga. Nas fincas máis secas é importante adiantar as sementeiras, sementar ciclos máis curtos e elixir variedades máis rústicas resistentes ao estrés hídrico que se produce nesas parcelas”, recomendou.  Máis de 5.000 hectáreas afectadas pola fauna salvaxe Outro dos factores que escapa á man do gandeiro en Galicia son os destrozos provocados pola fauna salvaxe (xabaríns, teixos e corvos). Estímase que das 73.600 hectáreas labradas a millo este ano na comunidade, o 7,5% da superficie, é dicir, unhas 5.500 hectáreas, víronse afectadas por danos provocados pola fauna. “Practicamente é unha hectárea por granxa”, evidenciou David.

Presentación en público das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Esta mañá levouse a cabo na sede da Deputación de Lugo a presentación das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, que chega á súa edición número vinte. O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo será o lugar onde se desenvolverá o encontro, os días 16 e 17 de novembro. No acto de hoxe interviñeron Pablo Rivera; deputado da Área Económica e Social; Miguel Fernández, deputado de Formación, Educación e Economía do Coñecemento; Víctor Manrique, presidente de Seragro SCG, e os organizadores das Xornadas, Sonia Rodríguez, Patricia Gómez e Luis Miguel Rodríguez. O presidente de Seragro, Víctor Manrique, aproveitou o momento para expresar os seus agradecementos a todos os que fan posible o desenvolvemento destas xornadas: “Estades todos convidados ás vixésimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro”, engadiu. Pola súa banda, Miguel Fernández incidiu na importancia que teñen as xornadas: “Vannos a permitir intercambiar experiencias, coñecer as últimas investigacións e tendencias no sector e solicitar información sobre os retos e desafíos que se presentan”. A maiores, recalcou o papel que ten o ámbito rural no Concello de Lugo ao ser fundamental no desenvolvemento socioeconómico do municipio. Pablo Rivera destacou a relevancia que ten repensar o modelo e as técnicas que se están aplicando no vacún de leite: “Trátase de conseguir que o sector primario sexa máis competitivo neste país e de explicar os avances tecnolóxicos en todo o sector”. Ademais, aproveitou para felicitar a Seragro SCG por esta iniciativa, que leva xa vinte edicións en marcha. Os organizadores das xornadas, Sonia Rodríguez, Patricia Gómez e Luis Miguel Rodríguez, aludiron á celebración do vinte aniversario deste encontro e destacaron da nova edición a participación de gandeiros tanto de Galicia como doutras provincias españolas. Así, explicaron á súa vez que temas se tratarán tanto o xoves coma o venres. XOVES, INAUGURACIÓN E DIVERSAS CHARLAS Ás 10:30 horas comezará a xornada coa inauguración e, xusto despois, o catedrático Juan Miguel Rodríguez será o primeiro relator do día. Durante a súa quenda, afondará sobre a microbiota mamaria da vaca. Seguiralle Víctor Manuel Rodríguez, veterinario de Seragro: “A sala de espera desespera” é o título da súa charla. Despois dunha breve pausa para o café, as exposicións continúan da man de David Vilacoba, enxeñeiro agrícola que se centrará nas posibilidades do aumento do rendemento no millo e, a continuación, a enxeñeira agrónoma de Seragro Ana Rama afondará na mellora da calidade da herba. Diana Freijeiro, enxeñeira agrónoma, centrará a súa exposición no caderno dixital e as novas restricións na xestión das explotacións, sendo este o último relatorio da mañá. Tras unha pausa para a comida, ás 16:00 horas retómanse as charlas con Mónica Martínez, economista: “Fiscalidade e negocios: como as decisións sociais e fiscais afectan o teu negocio” é a temática que tratará. Posteriormente chega a quenda dos gandeiros: Pablo Suárez, da Sociedade Cooperativa Galega Grille; Marcos Alvite, de Granxa Pazos, e Jesús Pablo Branco, de Granxa Xustás, falarán sobre o día a día en granxas con sistemas de monitorización. O primeiro día chegará á súa fin co habitual encontro gandeiro. VENRES, EXPOSICIÓNS E ACTO DE CLAUSURA A sesión do venres comezará ás 11:00 horas. Alberto Xurado, enxeñeiro agrónomo, será o primeiro relator do día e falará sobre o deseño e o manexo de instalacións. Xusto despois chegará o momento de Marc Pineda, veterinario especialista en saúde podal, coa súa charla sobre o manexo e mellora de instalacións enfocadas á saúde podal. Aurora Villarroel, doutora veterinaria, será a seguinte en intervir tras unha pausa para un café. Villarroel explicará aos asistentes como utilizar de maneira práctica os datos que nos dan as tecnoloxías na granxa. O encontro continúa pola tarde, a partir das 16:30 horas. Os gandeiros Joan Viñolas, de Granja Mas Bes, e Ángel Fernando San Juan, de Finca Prados Hondos, charlarán sobre a xestión de persoal. A vixésima edición das Xornadas de Seragro chegarán á súa fin co acto de clausura, que consistirá no xa tradicional brinde de leite, nesta ocasión con Federico Pérez, humorista, guionista e actor galego.

Programa das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO 2023

Os días 16 e 17 de novembro será a vixésima edición do foro técnico anual de Seragro, que se desenvolverá na Facultade de Veterinaria de Lugo. Durante eses días, varios expertos tratarán temas de actualidade e de interese relacionados co sector. Ademais da intervención de técnicos de referencia, varios gandeiros participarán este ano ao final de cada un dos días tratando asuntos relevantes dende o seu punto de vista que afectan ao día a día dos produtores. PROGRAMA DO XOVES A xornada inaugurarase ás 10:30 horas e, a continuación, Juan Miguel Rodríguez, catedrático, será o primeiro relator destas xornadas. Durante a súa exposición, centrarase na microbiota mamaria da vaca. “A sala de espera desespera” é o título da seguinte charla, da man de Víctor Manuel Rodríguez, veterinario de Seragro. Logo dunha pausa para o café, o encontro continuará coa intervención do enxeñeiro agrícola David Vilacoba, que afondará sobre o aumento do rendemento do millo. Xusto despois chega a quenda da enxeñeira agrónoma de Seragro Ana Rama que, pola súa parte, centrarase no aumento do rendemento da herba. A mañá finalizará con Diana Freijeiro, tamén enxeñeira agrónoma: a súa charla será sobre o caderno dixital e as novas restricións na xestión das explotacións. Mónica Martínez, economista, será quen inicie a sesión da tarde cunha intervención sobre fiscalidade e negocios: como as decisións sociais e fiscais afecta ao teu negocio. Xusto despois, para poñer fin ás charlas do primeiro día, Pablo Suárez, da Sociedade Cooperativa Galega Grille; Marcos Alvite, de Granxa Pazos, e Jesús Pablo Blanco, de Granxa Xustás, comentarán como é o día a día en granxas con sistemas de monitorización. Xusto despois, o primeiro día rematará co tradicional encontro gandeiro.

CHARLAS DO VENRES

O enxeñeiro agrónomo Alberto Jurado iniciará a sesión do venres: “Por que o meu veciño produce máis ca min? Deseño e manexo de instalacións” é o título da súa exposición. A continuación, Marc Pineda, veterinario especialista en saúde podal, falará sobre o manexo e a mellora de instalacións enfocados á saúde podal. Despois dunha breve pausa para o café, Aurora Villarroel, doutura veterinaria, centrarase en como utilizar de xeito práctico os datos que nos dan as tecnoloxías na granxa. Na quenda da tarde serán os produtores Joan Viñolas, de Granja Más Bes, e Ángel Fernando San Juan, de Finca Prados Hondos, os que poñerán punto e final á nova edición das Xornadas de Seragro falando de xestión de persoal. As XX Xornadas quedarán clausuradas co tradicional brinde do leite, da man do humorista, guionista e actor galego, Federico Pérez.

Consellos para o aleitamento das becerras de recría

Rogelio Grille á entrada das instalacións de recría da Granxa Gayoso Castro A recría é unha das partes fundamentais dunha explotación. Ademais de asegurar o remprazo de animais necesario para a supervivencia da granxa, permite lograr a mellora produtiva do rabaño. Por iso, sexa feita directamente na propia explotación ou externalizada, debe ser realizada correctamente. Seragro leva 16 anos xestionando a recría en Ganxabar e 5 en Recría Castro, dous dos principais centros de recría en conxunto cos que traballan as ganderías galegas. En base a esa experiencia, Rogelio Grille explicou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite algunhas claves para o éxito da etapa de leite das becerras, unha fase vital para acadar xovencas produtivas e rendibles.
A etapa de leite é a máis importante e a máis complicada de toda a recría
Unha vaca holstein adulta pesa arredor de 725 kilos e recoméndase que paira co 85% do seu peso adulto, é dicir, arredor dos 620 kilos. Este obxectivo debería lograrse antes dos 2 anos, xa que canto máis precoz sexa a xovenca antes comezará a xerar ingresos na gandería e maior potencial produtivo terá.
Buscamos obter unha xovenca sá e funcional que paira antes dos dous anos con 620 quilos de peso
Tanto en Recría Castro como en Ganxabar, onde desenvolven dúas estratexias diferentes para a fase de aleitamento, acadan este propósito, polo que Rogelio asegura que “é posible chegar a un destete correcto cuns crecementos axeitados de moi diferentes maneiras”. Estratexias diferentes en Ganxabar e Recría Castro As diferenzas de manexo entre o centro de Castro e o de Mazaricos están motivadas sobre todo por cuestións de espazo. “En Ganxabar non podemos meter máis de 12 animais por semana, temos que restrinxir a entrada, porque as explotacións medraron moito e non temos sitio para atender a demanda que hai”, recoñece Rogelio.
Ganxabar recriou en 2021 un total de 493 xatas de 7 ganderías. A idade ao parto sitúase de media en 22,3 meses
En Recría Castro, sen embargo, aínda que traballan ao 100% da capacidade das instalacións (2.500 animais de 60 ganderías da provincia de Lugo), non hai cupos de entrada e o número de animais que entran cada semana pode chegar aos 28.   Unha quinta parte do custo de recría A recría representa entre un 12 e un 18% dos custos de produción dunha explotación de vacún de leite. “Todo o que facemos desde que nace unha becerriña ata que pare é poñerlle cartos”, evidencia Rogelio. “En moitas explotacións é o segundo custo máis importante despois da alimentación das vacas. E como a recría é un custo importante, temos que tentar optimizala o máis posible”, defende.
O custo de alimentación necesario para criar unha becerra até o destete está entre 2,13 e 2,17€/día
A etapa máis cara dentro de toda a recría a fase de inxesta de leite dentro dos tres primeiros meses de vida das becerras. Esa etapa de leite supón entre o 17 e o 20% do custo total dos dous anos de recría, tanto polo custo dos produtos de alimentación que se empregan como polas necesidades de man de obra. A día de hoxe o custo de alimentación, só en leite e concentrado, no caso de Ganxabar e Recría Castro sitúase de media entre 2,13 e 2,17€ por animal e día, debido ao incremento de prezo dos lactoreemprazantes e o penso. Crecemento acelerado En Ganxabar as becerras completan a lactancia en boxes individuais e en Recría Castro están uns 36 días Durante a fase de aleitamento das becerras hai unha serie de factores a decidir, como son a cantidade de leite, a concentración, o número de tomas, o tipo de destete ou o modelo de agrupamento. “Non hai un modelo único e todas as estratexias son válidas sempre que o resultado final sexa o idóneo: dar dúas tomas, tres ou máis; dar máis litros ou menos; dar leite cunha concentración habitual ao 12,5% ou maior; destete máis brusco ou menos brusco; agrupar os animais antes do destete ou non”, exemplifica Rogelio.
O crecemento nos primeiros tres meses de vida non se logra só a base de dar máis leite
O que se busca, en todo caso, independentemente do sistema elexido, é que os animais medren o máis rápido posible. “Sempre se dixo que os animais que máis leite toman na etapa láctea  van dar despois tamén máis leite. Pero iso non é exactamente así, é unha verdade a medias, porque é certo que canto máis crecemento nesta primeira etapa, máis produción no primeiro parto, pero este crecemento non ten por que ser só a base de dar máis leite”, asegura. “As becerras o día que nacen son monogástricas e nos tres meses queremos que sexan animais rumiantes, preparados para consumir forraxe. Todo iso hai moitas formas diferentes de facelo e todas son válidas se respectamos unha serie de premisas”, di. Evitar o estrés e as enfermidades nos animais, que reducen os seu crecemento, son dúas delas. Encalostrado Para iso, a transferencia de inmunidade da nai no momento posterior ao parto é esencial. “O segredo dunha boa recría é o encalostrado”, di, algo do que se encargan, tanto no caso de Ganxabar como de Recría Castro, as ganderías de orixe das que proceden os animais. “Se non facemos ben este proceso teremos un animal indefenso os próximos 6 meses e teremos moitas probabilidades de fracasar na recría”, alerta.
A medida que pasan as horas a capacidade de pasar as inmunoglobulinas desde o aparato dixestivo ao sangue diminúe
O encalostrado serve para darlles aos animais recén nacidos a cantidade de inmonoglobulinas que necesitan para desenvolver o seu sistema inmune, que tarda varios meses en acabar de completarse. O veterinario de Seragro recomendou aos gandeiros asistentes ás xornadas transferirlles ás becerras 150 gramos como mínimo de inmunoglobulina “e se poden ser 200 gramos mellor”, dixo. “E temos que facelo dunha maneira limpa e rápida. Muxir a vaca canto antes e darlle o costro canto antes: 4 litros nas primeiras 2 horas e outros 2 litros máis nas seguintes 6-8 horas”, explicou.  
Hoxe hai moitas posibilidades para pasteurizar e conxelar só costro de boa calidade
“Se facemos isto ben temos asegurado boa parte do éxito do que fagamos nos días e semanas posteriores. Do contrario, de nada serve dar moito leite antes do destete se non facemos ben o encalostrado porque o que imos ter é problemas”, argumenta.   Número de tomas A estratexia en canto a número de tomas é diferente en Ganxabar (3 tomas diarias cun máximo de 8 litros/día) e en Recría Castro (2 tomas cun máximo de 6 litros/día). “En Ganxabar repartimos máis ou menos a mesma cantidade de leite en tres tomas, iso permítenos que haxa menos da metade de problemas dixestivos que en Castro”, admite Rogelio.
Ao repartir o leite en tres tomas reducimos á metade os problemas dixestivos
Cando as xatas teñen diarreas non suspenden a toma de leite. “Non lles sacamos o leite, pero non as forzamos e o que facemos é rehidratar. Só en casos de animais graves baixamos a concentración do leite das tomas ao 10%, pero nunca retiramos o leite”, explica. En Recría Castro a inxesta é a mesma (3 litros á mañá e 3 á noite) durante toda a estancia, salvo durante o destete, mentres que en Ganxabar comezan con 3 tomas de 2 litros na primeira semana e pasan despois a 3 litros pola mañá, 2 a mediodía e 3 á noite nas seguintes tres semanas, antes de empezar xa a reducir durante tres semanas máis para o destete. Leite de vaca ou leite en po O leite de vaca ten arredor dun 12,5% de MS, da que entre o 27-30% é graxa e o 25-27% proteína. “O leite de vaca ten moitas virtudes, é sen dúbida o mellor alimento, pero cando temos moitos animais temos problemas para dalo á temperatura que hai que dalo, que son 39 graos centígrados”, explicou Rogelio, que recomendou ás explotacións que dean leite de vaca respectar a temperatura de administración e a hixiene mediante a pasteurización do leite.
Neste momento o leite en pó é un produto caro, pero o leite de vaca aínda máis
En canto ao leite en po, hai distintos tipos, indicou. O Leite 60 é o que máis se parece ao leite de vaca porque leva o 60% de leite descremado en po e o Leite 0 é o que non ten leite descremado, senón por exemplo suero de leite en po e subproductos da industria alimentaria humana, como concentrados de proteína e aceites vexetais de palma ou de coco (que ten máis calidade pero tamén maior prezo). A auga debe ser potable e de boa calidade, a concentración da mestura estable e constante e non ter grumos “Os lactoreemprazantes son de boa calidade se na súa fabricación se empregan ingredientes e materias primas de boa calidade”, dixo o veterinario de Seragro. “Pero podemos gastarnos os cartos nun leite de excelente calidade pero se non facemos ben as cousas á hora de administralo imos tirar os cartos, porque o que imos ter é basicamente diarreas”, advertiu. Concentración e temperatura Cando se usa lactoremprazante o máis habitual é usalo a unha concentración do 12,5% porque deste xeito aseméllase á concentración natural do leite da vaca. “Se queremos dar máis cantidade podemos elevar a concentración ata chegar ao 17 ou 18%, pero con riscos”, alerta Rogelio.
Se queremos dar máis leite podemos subir a concentración do preparado do 12,5% ata o 18% pero con riscos
 “Se concentramos máis o leite hai que ser moi esquisitos fabricando ese leite porque senón podemos multiplicar os problemas de abomasitis e de úlceras, co que o animal non será capaz de aproveitar todo ese leite que lle estamos dando”, indica. En Ganxabar non varían a concentración, pero en Recría Castro no inverno si que o fan, para aportar ás becerras unha nutrición máis completa coa que facer fronte ao gasto enerxético de manter a temperatura corporal.
A temperatura de administración ideal son 39 grados
En canto á temperatura de administración, o ideal son 39 grados. Con menos de 38 grados o animal ten problemas para termorregularse, polo que hai que ter en conta as condicións nas que se van efectuar as tomas. “Unha cousa é a temperatura á que nós preparamos o leite e outra a temperatura á que lle chega e llo damos no biberón á becerra. En establos grandes hai que fabricar a 42-45 grados no inverno para que lle chegue a 39 grados á xata”, recomenda Rogelio. É imprescindible asimesmo coidar a limpeza e desinfección dos distintos útiles. “Os biberóns débense lavar ben en auga quente e deterxente da sala de muxido, despois enxuagar con auga fría e poñer boca abaixo para que sequen. E hai que limpar ben as tetinas e nunca empregar a mesma para dous animais”, aconsella.
Nunca podemos empregar a mesma tetina para dous animais
É preciso que os animais mentras maman saliven. Por iso, hai que reemprazar as tetinas cando o chorro é moi amplo e non permite que isto aconteza. En Ganxabar (onde dan 3 tomas) cámbianse as tetinas cada mes e en Recría Castro (onde dan 2 tomas), reemprázanse cada mes e medio. Está tamén totalmente contraindicado abrirlle o burato á tetina para que os animais acaben antes de mamar, porque unha inxesta acelerada pode provocarlles abomasitis e ruminitis. Consumo de penso En Recría Castro as becerras pasan 4 semanas en grupos homoxéneos de 3 ou 4 animais por caseta “A clave cando retiramos o leite é que o rumen ocupe o 65% da capacidade do aparato dixestivo, medrando para iso un pouco cada día, para que o animal vaia substituíndo o leite por auga, concentrado e forraxe”, explica Rogelio. Por iso, xunto ao consumo de leite, é preciso que na fase da lactancia a xata inxira xa penso, para favorecer así o desenvolvemento do rumen. “Se damos moito leite e o animal medra moito pero non hai un desenvolvemento ruminal axeitado todo o que gañamos antes imos perdelo despois”, asegura o veterinario de Seragro.
O verdadeiro obxectivo durante a etapa de leite non é que o animal medre moito, senón que o rumen estea preparado para cando non deamos leite
“Mentras estamos dando leite temos que lograr que o desenvolvemento das papilas ruminais vaia a unha velocidade acelerada para que cando lle sacamos o leite non sufra e que teña o epiterio ruminal desenvolto para dixerir a cantidade de alimento que necesita, é dicir, que o rumen sexa capaz de asumir o ritmo de crecemento que tiñamos e que non haxa caídas no crecemento como consecuencia do destete”, razoa. Destete O protocolo seguido tanto en Ganxabar como en Recría Castro para toda a etapa de leite busca que as becerras acaden os 100 kg de peso ao destete, xa que “son os animais que menos problemas van dar en adiante”, afirma. Por iso, en Recría Castro, as becerras que entran no centro moi pequenas, con menos de 40 kg, mantéñense máis tempo tomando en leite para que igualen peso coas outras. En Ganxabar iso non o poden facer por cuestión de espazo.
Tanto en Ganxabar como en Recría Castro fan destete gradual
Rogelio non recomendou o destete brusco, senón facelo gradual. En Recría Castro reducen a inxesta a 2 tomas de 2 litros cada unha durante a primeira semana e a 1 toma de dous litros a seguinte semana, antes de retirarlles o leite. No caso de Ganxabar, eliminan a toma de mediodía a primeira semana, pasando de tomar 3 litros pola mañá, 2 a mediodía e 3 á noite a 3 pola mañá e 3 pola noite; reducen logo 1 litro en cada unha das dúas tomas, tomando 2 litros pola mañá e 2 pola noite; para eliminar finalmente unha das tomas, inxerindo só 2 litros de leite ao día na séptima semana no centro.
A partir dos 50 días é bo criar as becerras en parellas
No aspecto da socialización, Rogelio recomenda boxes individuais no primeiro mes e colectivos a partir de entón. “A partir dos 50 días creo que é óptimo criar as xatas en parellas. Nos primeiros 30 días de vida non, porque moitos animais non son autónomos á hora de mamar e hai que axudarlles e se están en grupos é difícil saber que animal non mamou para mirar temperatura, detectar problemas e tratar”, xustifica. En Recría Castro o agrupamento (en grupos homoxéneos de 3 ou 4 animais) realízase de media logo de 36 días en boxes individuais, pasando despois outras 4 semanas aloxadas en grupos. No caso de Ganxabar, as xatas completan todo o proceso de lactancia en boxes individuais até a semana posterior ao destete. Resultados e obxectivos Malia levar a cabo estratexias distintas en canto a número de tomas, litros de inxesta, aloxamento e destete, non hai grandes diferenzas no resultado final obtido por Seragro nos centros de Mazaricos e Castro de Rei. “En Ganxabar conseguimos con 84 días 98 kilos de media, mentres que en Recría Castro obtemos 103 kilos en 86 días. Son 5 quilos menos en Ganxabar pero tamén son 2 días menos de leite”, explica Rogelio.
A fase de aleitamento permite dobrar o peso vivo da xata
Nos dous casos, a fase de aleitamento permítenlles dobrar o peso vivo da xata, cunha ganancia media diaria de 0,83 quilos en Ganxabar e de 0,86 en Recría Castro.  Este resultado ao destete permítelles acadar o obxectivo final unha vez completado o proceso de recría: “lograr ao menor costo posible animais sans e funcionais que pairan antes dos 24 meses e que duren moitos anos dando leite na explotación”, defende Rogelio.

Transformación de monogástrico a rumiante

Saída de xovencas preñadas de volta cara ás ganderías de orixe O éxito do manexo da etapa de leite reside na correcta transición do animal de monogástrico a rumiante a base da inxesta de leite e concentrado: o leite permite unha maior ganancia de peso, pero o concentrado ten un maior efecto no desenvolvemento das papilas ruminais. “O concentrado ocupa moito menos que a forraxe e xera moita máis cantidade de ácidos graxos volátiles, que son os que fan que as papilas ruminais medren. Por iso nas primeras semanas de vida do animal lactante non está moi aconsellada a introdución de forraxe na dieta”, explica Rogelio.
Nas primeras semanas de vida do animal lactante non está moi aconsellada a introdución de forraxe na dieta
"Temos que facer que esa becerra que ten unha capacidade total de 3-4 litros en todo o seu aparado dixestivo e no que o abomaso representa o 60% e o rumen o só o 25% se transforme cando a destetamos ás 12 semanas nun animal rumiante onde o rumen pase a representar o 65% e o abomaso o 20%”, indica “E para iso temos que lograr que sexa capaz de meter 30 litros mellor que 20, porque iso vai significar que vai ter capacidade de comer más concentrado e máis forraxe e vai ser capaz de medrar máis a menor custo porque se temos que dar leite vamos facer unha alimentación cara e ineficiente", argumenta.   Vixiar as condicións de estrés Ademais da alimentación, outro factor clave para o correcto desenvolvemento da becerra ten que ver coas condicións de recría, tanto as instalacións como o manexo. “Debemos ser moi coidadosos co manexo dos animais e non crear condicións estresantes, non vaia ser que o que conseguimos dándolles moito leite e moito concentrado o desfagamos por unhas malas condicións nesta fase de lactancia”, advirte Rogelio.
As situacións de estrés fan que o rumen sufra lesións pola chegada de leite
“Se facemos mal as prácticas de manexo destruiremos epiterio ruminal porque cando o animal inxire leite debe pasar todo ao abomaso sen que caia no rumen, porque se vai o leite ao rumen teremos episodios de ruminitis e estaremos destruíndo epiterio ruminal. Pero cando bebe auga esa si que debe quedar no rumen para estimular o consumo de penso”, explica. 
As fermentacións ácidas pola chegada de leite danan o epitelio ruminal
Para incentivar o consumo gradual de alimento sólido a xata debe dispoñer de auga potable e penso prestarter ad libitum desde o primeiro día de vida. Tanto a auga como o penso deben ser renovados a diario.   A cantidade de auga que bebe a xata debe pasar de 1,25 litros ás dúas semanas a case 5 litros ás 6 semanas, a medida que se incrementa o consumo de concentrado e se baixa a inxesta de leite.

Como mellorar o balance de minerais nas dietas de vacas leiteiras?

Alejandro Castillo, durante a súa intervención nas Xornadas organizadas por Seragro (Foto: Jose Luis Miguez) Desde fai 20 anos, as racións para vacas leiteiras empezaron a ter en conta os balances de nutrintes, onde os minerais xogan un papel fundamental, ao mesmo nivel que outros elementos como a proteína, a enerxía ou as vitaminas. Cantidades inaxeitadas de minerais na dieta dos animais pode afectar á súa eficiencia produtiva. “Pero cando falamos de cantidades inadecuadas, pode ser tanto por defecto como por exceso”, puntualiza Alejandro Castillo, experto nutricionista e profesor na Universidade de California, que participou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, onde achegou unha serie de consellos para mellorar o balance de minerais nas explotacións lácteas.
Debemos ser máis precisos e eficientes nas nosas dietas para cubrir as necesidades de animais que son cada vez máis produtivos
“O resultado de manexar ben os minerais na dieta non só se ve no aforro económico na ración, senón sobre todo na resposta produtiva dos animais, que mellora de maneira impresionante”, afirma Alejandro. “Debemos ser máis precisos e eficientes nas nosas dietas para cubrir as necesidades de animais que son cada vez máis produtivos”, defende. A importancia dos minerais Aínda que se avanzou moito nos últimos anos no estudo dos principais minerais e os seus efectos sobre os animais produtores de leite, é un campo con elementos aínda por investigar. “Os microminerales son aínda grandes descoñecidos na nutrición das vacas leiteiras e hai unha serie de factores que aínda non podemos controlar, porque descoñecemos o cálculo dos requirimentos de minerais dos microorganismos de rumen, que segue sendo unha materia pendente, cal é o consumo do sistema inmune ou os efectos do estrés sobre a absorción de minerais”, admite este experto.
Hoxe en día segue sendo unha materia pendente o cálculo dos requirimentos de minerais dos microorganismos de rumen
As vacas leiteiras que consomen inadecuadas cantidades de nutrintes esenciais poden sufrir problemas de saúde e reducir a produción de leite e a súa eficiencia reprodutiva. O cálculo de requirimentos minerais actual ten en conta as necesidades dos animais (TAR) e as achegas da dieta (TAS) mediante un software que realiza un balance para así corrixir as deficiencias mediante suplementos incorporados á ración como premesturas.
Na actualidade a maioría dos programas de nutrición animal baséanse na metodoloxía proposta polo sistema oficial de EEUU
A absorción dos minerais depende de distintos factores relacionados co animal (idade, peso vivo, produción, estado fisiolóxico) e a dieta (forraxes, concentrados, auga de bebida). “Pero habitualmente as dietas formúlanse para que a inxesta de minerais exceda o requirimento dos animais”, explica Alejandro. Sobrealimentar é contraproducente A sobrealimentación de minerais pode incrementar os custos de alimentación e mesmo ser contraproducente, ben polos seus efectos adversos sobre os microorganismos ruminais, ben porque o exceso dun mineral pode bloquear a absorción doutro por antagonismo entre eles, o que obriga a “gastar diñeiro en correxilo”. “O axuste dos antagonismos obriga a incrementar o mineral afectado na mesma proporción na que a súa absorción ser ve reducida pola presenza doutro mineral en exceso. Os niveis de potasio nas dietas son un 30% máis altos dos requirimentos dos animais. Aí teriamos un espazo para mellorar a eficiencia”, detalla.
Os niveis de potasio nas dietas son un 30% máis altos dos requirimentos dos animais. Aí teriamos un espazo para mellorar a eficiencia
Pero a maiores, esta sobrealimentación ten efectos prexudiciais sobre o medio ambiente. “Unha maior excreción de minerais a través das feces e os ouriños podería ter efectos negativos sobre o chan”, afirma Alejandro. Racións para lotes homoxéneos O habitual á hora da formulación de dietas con minerais é traballar cunha “marxe de seguridade” do 20%, é dicir, que a presenza de minerais sexa un 20% superior ás necesidades medias do grupo de animais para o que se formula, para que deste xeito esa mesma ración sexa capaz de cubrir tamén os requirimentos dos animais máis produtivos do grupo. Por iso, para poder axustar mellor a ración, este experto recomenda reducir o máximo posible a disparidade de individuos que forman ese grupo. É moi importante eliminar os animais menos eficientes para axustar ben o balance, de maneira que permita cubrir os requirimentos nutricionais das vacas máis produtivas. “Unha vaca que dá 15 litros non paga o que come e distorsiona a media”, asegura Alejandro.
Unha vaca que dá 15 litros non paga o que come e distorsiona a media
Outra medida efectiva pasaría por distribuír ás vacas da explotación en lotes o máis homoxéneos posibles, por criterios como produción de leite, e aplicar aos distintos grupos de animais alimentación diferenciada a través de varias racións. “Se temos unha soa dieta para todo o rabaño, a dispersión é moito maior que se temos tres dietas en función das necesidades nutricionais de cada grupo de animais, a precisión na nutrición mellora”, asegura.
A eficiencia produtiva dunha granxa mellora un 8% se temos máis dunha ración
Isto comporta un aforro de diñeiro e mellores resultados produtivos. “Hai unha clara relación directa entre o número de dietas dunha gandería e a produción media de leite desa gandería. A eficiencia produtiva mellora un 8% con máis dunha ración, é algo que é moi importante desde o punto de vista económico”, afirma este experto. Hai 20 anos en California o 40% das ganderías facía unha soa ración e non tiña nutrólogo. Co paso dos anos a situación cambiou por completo e hoxe a gran maioría contan con asesoramento nutricional e confeccionan polo menos tres racións: unha dieta para as vacas recentemente paridas (ata os 21-28 días postparto), outra para o lote de alta produción e outra para o grupo de baixa produción ou fin de lactación. “Iso é o máis común hoxe en California”, explica Alejandro.
A idade do animal é un factor determinante á hora da absorción dos minerais
Dependendo da idade cambia a biodispoñibilidade dos minerais. As vacas vellas dixiren menos os minerais, polo que sempre hai que aumentar máis a cantidade de minerais en animais de varias lactacións a respecto dun lote de xovencas primeirizas, por exemplo. Niveis máximos tolerables As dietas normalmente teñen algún mineral en exceso. Os máis típicos son o potasio, o sodio, o xofre ou o ferro. Pero estes excesos deben ser analizados en función de dous criterios: os niveis máximos tolerables e os antagonismos ou incompatibilidade entre minerais.
Á hora de balancear, debemos ter en conta os niveis máximos tolerables de minerais e os antagonismos entre minerais incompatibles
O nivel máximo tolerable dun mineral é a maior dose que se pode dar a unha vaca sen causar efectos adversos sobre ese animal. Por exemplo, os niveis máximos tolerables de calcio son de 1,5%. “Se un se pasa desa proporción empezamos a ter problemas, por exemplo unha redución de consumo”, explica Alejandro.
Analizamos algunhas racións de ganderías en Galicia e tiñan niveis de ferro por encima dos recomendados
No caso do fósforo, o nivel máximo tolerable é do 0,7%. A partir desa cantidade descende a produción de leite e hai afectacións sobre o magnesio. O límite do potasio estaría no 2%. “É importante controlar o exceso de potasio na vaca preparto para evitar a hipocalcemia ou síndrome da vaca caída por falta de calcio no postparto”, indica. Para outros minerais, os niveis máximos serían: 3% de sal; 0,3% de xofre; 500 ppm de ferro; 40 ppm de cobre; 5 ppm de selenio.
O antagonismo entre o potasio e o magnesio é o máis estudado en vacas de leite
Algúns dos exemplos máis comúns de antagonismos entre minerais danse entre o potasio e o magnesio; o xofre e o selenio; e o cobre co molibdeno e co xofre. Hai tamén relación negativa entre calcio e fósforo ou entre fósforo e magnesio. “O requirimento de magnesio para unha vaca de 30 litros é de 41 gramos por día. Cando o potasio está nun nivel normal (1% da ración) a dixestibilidade do magnesio é do 25% (10 gramos dos 41 inxeridos chegan ao sangue), pero se duplicamos o nivel de potasio ao 2%, a dixestibilidade do magnesio cae á metade”, explica Alejandro. “Para corrixir esta situación, o que facemos é subir o magnesio ao nivel do exceso de potasio para que desta forma poida haber un nivel de magnesio aceptable a nivel plasmático. Por iso, por cada 1% de exceso de potasio debemos agregar 18 gramos máis de magnesio”, indica.

“Hai que ter en conta a agua de bebida, pero en Galicia é realmente de moi boa calidade”

Alejandro recomendou a todas as ganderías facer unha análise da auga. “Débese incluír unha análise da auga de bebida nos balances de minerais porque cando provén de pozos ou captacións normalmente contén materiais disoltos ou outras partículas”, asegura este experto. Se os resultados das analíticas indican que os niveis de sólidos totais da auga están por baixo de 1 gramo por litro de auga poderían non ser tidos en conta. “Nese caso eu non lle daría importancia, porque significa que esa auga está perfecta. Por encima desa cantidade, xa habería que contemplalos porque unha vaca no verán nunha situación extrema pode chegar a tomar 150 litros de auga, polo que estaría a tomar 150 gramos de minerais, o que xa ten certa importancia”, argumenta.
Con niveis de sólidos totais por baixo de 1 gramo por litro, a auga está perfecta
Tras analizar os resultados de varias mostras de auga de ganderías en Galicia Alejandro conclúe que “a auga aquí é realmente boa, de moi boa calidade”. A respecto das forraxes, recomenda analizalas durante un período de entre 3 e 5 anos consecutivos para ter datos fiables cos que poder traballar á hora de formular as racións. “Iso significa diñeiro para as ganderías porque esas análises ás veces son caras, pero o retorno económico de balancear correctamente os minerais é moi superior”, defende. Un gran salto na capacidade analítica Nos últimos 30 anos creceu de maneira substancial a capacidade analítica, algo que permitiu avanzar en precisión e maior rapidez á hora de balancear as racións para vacas leiteiras. “Cando eu empecei a formular, ás veces un mandaba unha mostra a un laboratorio dun silo de millo para facer un perfil mineral e cando chegaban os resultados o silo xa se acabara. Non había capacidade analítica, era todo a ollo. Sen embargo, os laboratorios actuais permítennos ter resultados sobre calidade de forraxes en 24 horas”, compara.
A produción de leite evolucionou máis rápido que a información sobre minerais
“Fai 30 ou 40 anos non había un esquema de suplementación animal como existe hoxe. Nese momento os suplementos incluían o 100% dos requirimentos nutricionais da vaca ata que nos demos conta de que estabamos sobrealimentando mal. A gran posibilidade que temos hoxe é que temos unha capacidade analítica incrible, podemos enviar ao laboratorio unha mostra de silo hoxe e mañá ter os resultados para balancear a ración en base a eles. Isto permítenos ir cubrindo en tempo real a demanda de requirimento das vacas”, insiste.

Claves para o control e prevención da dermatite nas ganderías de leite

Manuel Vidal é membro do equipo de podoloxía de Seragro A dermatite é unha enfermidade ulcerativa de orixe infecciosa que afecta á epiderme e en casos graves tamén á dermis. A súa orixe é multifactorial (traumatismos na pel, falta de hixiene) e é moi contaxiosa afectando a día de hoxe ao 80% das explotacións leiteiras. Foi diagnosticada por primeira vez en Italia por Morterallo en 1974, polo que tamén é coñecida por ese nome. Aparece como unha lesión típica en forma de fresa de cor vermella por enriba dos bulbos do talón das vacas. Do control e prevención da dermatite nas granxas leiteiras falou Manuel Vidal durante as últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro. “A dermatite non se erradica, contrólase simplemente”, asegurou.
A dermatite non se erradica, contrólase simplemente
Unha vez que se introduce no rabaño, reprodúcese con grande facilidade, polo que a identificación precoz é fundamental para o seu illamento, evitando que se estenda ao conxunto de animais. “Hai que prestar especial atención ás xovencas e ás vacas secas, xa que vai afectar á súa posterior lactación”, indicou o podólogo de Seragro.  Factores de risco A hixiene é unha cuestión fundamental para evitar a dermatite. “Que teñamos un bo nivel de limpeza no establo non quere dicir que non teñamos puntos críticos, como as humidades ao redor dos bebedoiros ou os pediluvios suxos cando non os usamos”, dixo. A introdución de novos animais no rabaño é tamén un factor de risco para o contaxio, ao igual que os cambios de lote. “Especial atención á recría próxima e ás vacas secas. As vacas deben parir con dermatite cero e é moi importante que non teñamos dermatites nas xovencas, porque as xovencas que tiveron un caso de dermatite antes de parir repiten a dermatite durante a lactación nun 45% dos casos”, detalla Manuel. 
As xovencas que tiveron dermatite antes de parir vana arrastrar durante a lactación
Ás vacas ao inicio da lactación báixanlles as defensas e é máis fácil que collan dermatite. Igual que lles ocorre aos animais novos, que teñen a pel máis sensible. A temperatura e humidade, o mesmo que o estrés por calor, son un caldo de cultivo perfecto para a enfermidade. “Os chans non deben ser agresivos, que provoquen danos nos pés polos que a dermatite penetre. E que teñamos parrillas non quere dicir que non teñamos que limpalas, por exemplo na recría”, exemplifica. Prevención A mellora dos pediluvios e da hixiene xeral da granxa é a principal medida de prevención fronte á dermatite. Tamén a optimización de minerais antes do parto en vacas secas e xovencas.
É fundamental a hixiene xeral do establo e a optimización de minerais antes do parto
Todos os oligoelementos son importantes para a saúde do gando vacún e a dieta debe ser equilibrada para que os animais sexan máis resistentes ás bacterias causantes da dermatite, pero hai determinados minerais que son fundamentais.  O zinc, que axuda á produción de queratina, favorece a cicatrización das feridas e a reparación dos tecidos; o cobre é necesario para a composición e mantemento dos tendóns, cartílagos e ligamentos; o magnesio para as articulacións e a densidade ósea; e o selenio é un excelente antioxidante. Detección A prevención e a detección precoz son factores esenciais para manter unha baixa incidencia da enfermidade no rabaño. “Na sala de muxido é moi doado controlar as dermatites, porque quédannos as patas á altura da vista. En canto vexamos unha, debe ser tratada canto antes, en estado M1, que é cando comeza a romper a pel”, indica Manuel.   As revisións de podoloxía e o paso de todos os animais polo poldro é unha oportunidade para avaliar o estado de todos os animais, identificando o tipo de dermatite e a prevalencia existente na granxa.
A sala de muxido e as revisións xerais do podólogo son momentos idóneos para a detección da dermatite na granxa
“O recorte funcional de pezuñas é importante porque nos permite revisar e controlar as dermatites activas”, di. Unha vez máis, é importante non esquecerse da recría. “En animais novos que pisan mal durante moito tempo provócanse modificacións na estrutura ósea. As xovencas coxas ou que anden mal débense corrixir o antes posible. Ademais, neses casos a pel é máis fina e o avance da dermatite é máis rápido”, explica o podólogo de Seragro. Frecuencia do baño de pezuñas En canto ao baño de pezuñas, “non é curativo, senón preventivo, para evitar que as dermatites se volvan crónicas”. Por iso, di o podólogo de Seragro, “todas as dermatites teñen que ir desactivadas ao baño para que sexa efectivo ao 100%”.
O baño non é curativo, senón preventivo, polo que todas as dermatites teñen que estar desactivadas con anterioridade para que sexa efectivo ao 100%
A frecuencia varía en función da incidencia da enfermidade. “Todos os establos son diferentes, polo que cada establo debe ter uns protocolos diferentes. Hai establos que con poñer o baño cada dous meses teñen a dermatite controlada e outros que necesitan poñelo varias veces á semana”, explica Manuel. 
A frecuencia vai depender do número de casos que teñamos
Os baños non deben estar moito tempo postos, porque “unha vez que se manchan os pediluvios son un foco de contaminación e trasmisión de dermatite”. “Unha vez que todas as vacas pasan 4 ou 5 veces polo baño xa se pode retirar, non é necesario telo varios días colocado”, detalla.
Unha vez que todas as vacas pasan 4 ou 5 veces polo baño xa se pode retirar porque unha vez que se mancha é un foco de contaminación
As xovencas se non teñen dermatite non é necesario pasalas polo baño. “No momento que apareca algún caso curámola e despois poñemos o baño. Si que se deben pasar polo baño as xovencas no momento de pasalas ao lote de secas ou preparto, porque unha vaca seca con dermatite é capaz de contaxiarnos a 10 xovencas”, argumenta. Por iso, é importante que as vacas secas pasen tamén polo baño.    Ubicación e medidas do pediluvio O pediluvio debe ser o suficientemente longo para que os animais sexan capaces de dar 4 pasos no seu interior.  “O ideal é un longo de 3,5 a 4 metros para que dea varios pasos con cada pé polo baño. Se ten só 2 metros de longo vai pisar unha vez con cada pé e se ten menos de 2 metros a vaca non vai pasar con todos os pés polo baño, e seguramente deixe sen pisar o pé que ten a dermatite porque lle doe”, razoa Manuel.
Despois do baño os animais deben saír a unha zona seca, porque a efectividade vai ser maior
En canto á anchura, debe estar entre 50 e 70 centímetros, cunha profundidade duns 25 centímetros para que cando menos 10 sexan de auga. Os laterais deben ter unha inclinación do 70% para evitar a perda de líquido e é aconsellable un sistema de baleirado que facilite a súa limpeza.   A bañera desde que pasan 150 ou 200 animais perde moita efectividade. Por iso, nos casos de explotacións con moitas cabezas, debe cambiarse a auga “porque senón o tratamento aos últimos animais non vai ser o axeitado”, asegura.
En explotacións con moitos animais é aconsellable baleirar o pediluvio na metade do muxido e poñer un novo
Nos casos de robots unha opción é poñelo á saída do robot. “Pero a bañeira debe colocarse desde o primeiro día, porque se primeiro adaptamos as vacas ao robot e despois poñemos o baño, vai supoñer un novo estrés para a vaca que vai facer que se retrase na saída á hora de muxirse”, indica.
Os tres factores van da man: hixiene, dimensión da bañeira e poñela os días programados para que funcione
Até agora o produto máis empregado nas ganderías para o baño de pezuñas era o sulfato de cobre, pero o cambio na normativa europea obriga a buscar alternativas. “A lexislación europea só permite usar os sulfatos como correctores na alimentación, polo que se se usan nos baños córrese o risco de ser sancionados. Hai outros produtos no mercado que funcionan como o sulfato. En xeral, todos os produtos funcionan ben, pero ningún é milagroso, vai depender máis do que fagamos nós que do produto que usemos”, conclúe o podólogo de Seragro.

“Unha dermatite vainos custar de 180 a 200 euros por animal na lactación”

A dermatite clasifícase en 5 fases en función da evolución da enfermidade, seguindo unha escala de gravidade. Unha dermatite tarda de 5 a 10 días de cambiar de estado, desde o principio da activación á lesión coa dor, que é unha fase que xa custa cartos ás explotacións, porque hai baixada de produción do animal. A día de hoxe a dermatite representa un problema económico importante nas ganderías leiteiras. “Esta enfermidade contaxiosa é a causante de moitas coxeiras, coa conseguinte baixada de produción do gando e diminución da fertilidade”, afirma Manuel. Canto lle custa a unha granxa a dermatite no seu gando? “Unha dermatite vainos custar de 180 a 200 euros por animal na primeira lactación. Son moitos cartos e danos para facer moita prevención”, razoa.
Afecta a unha cuarta parte dos animais en produción e a unha de cada tres xovencas antes de parir
A dermatite atópase en terceiro lugar das patoloxías podolóxicas xerais do rabaño. Segundo un estudo realizado por Seragro en 29 das súas granxas entre xaneiro de 2019 e xuño de 2021, o 23% dos 20.410 animais en produción revisados no poldro tiñan dermatite. No caso das xovencas, a incidencia é aínda maior, converténdose na patoloxía máis frecuente (32,31%).   Causante de coxeiras e baixadas de produción A vaca sempre pisa primeiro de talón, polo que é importante que estea sa esa zona. “Cando temos aí unha dermatite perdemos amortiguación e o animal pisará de punta”, explica. Cando a dermatite está na parte oposta, na zona interdixital, o animal vai pisar de talón e pode derivar en enfermedades máis graves. O talón debe ter unha altura entre 3,7 e 4 centímetros, que é o ideal para que o animal pise ben. Que significa desactivar unha dermatite? “Desactivar unha dermatite significa curala, pero desactivar unha dermatite non significa que non poida volver a activarse se non seguimos unha boa rutina de prevención”, advirte Manuel, que destaca o gran poder de curación que teñen os animais novos, que nunha semana poden estar perfectamente recuperados.
Os produtos deben usarse nas doses indicadas, porque podemos queimar a dermis
Para iso empréganse medicamentos de uso tópico que non levan antibióticos e non causan dor ao animal. Estes produtos deben usarse nas doses recomendadas. “Non por botar máis cantidade de produto imos curar mellor ao animal; os produtos deben usarse nas doses indicadas, porque podemos queimar a dermis”, alerta.

Como quedan as granxas de leite galegas na nova PAC

O novo ciclo da Política Agrícola Común (PAC), que arranca o 1 de xaneiro, presenta en principio boas perspectivas para as granxas de leite. Detallamos a continuación a análise que fai Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago. López coordinou nos últimos anos un equipo técnico que asesorou á Consellería do Medio Rural no proceso de elaboración do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e explicou nas últimas xornadas técnicas organizadas por Seragro os cambios principais que se prevén para o vacún de leite. “Para os produtores de leite van aumentar de xeito importante os pagos asociados”, destaca Edelmiro. “Penso que se vai manter ou vai aumentar moderadamente o montante global das axudas directas ás explotacións leiteiras galegas, pero vai haber unha redistribución de fondos das máis grandes cara as medianas”, detalla.
Vai haber unha redistribución de fondos das granxas máis grandes cara as medianas
A PAC 2023-2027 segue estando formada por tres tipos de medidas: axudas directas ás explotacións, fondos de desenvolvemento rural e medidas de regulación de mercado. “Non hai novidades substanciais na nova PAC sobre a regulación dos mercados a respecto do que hai hoxe, si nas axudas directas, pero no caso do sector leiteiro tan ou máis importantes son os fondos do segundo pilar para financiar investimentos das explotacións (plans de mellora, maquinaria en común, etc.)”, afirma. Como quedan as ganderías de leite galegas de cara ao período que se abre o vindeiro 1 de xaneiro?. Edelmiro ve “oportunidades de mellora no incremento das axudas asociadas e a axuda redistributiva, as novas axudas agroambientais e a potencial ampliación da Superficie agraria con dereitos de axuda”. En canto a posibles sombras, sinala o "impacto desfavorable da converxencia da axuda básica dentro das novas rexións PAC e a incógnita do grao de aplicación que van lograr os eco-reximes”.
A PAC non vai desaparecer pero vai estar moi condicionada por aspectos ambientais a partir de 2028
E recomenda ás explotacións que aproveiten o período actual para facer unha transición cara un modelo menos intensivo, xa que a medio e longo prazo tira a seguinte conclusión: “Estamos ante unha reforma da PAC de transición, que só vai durar 5 anos e con moitas incertidumes a partir de 2028. A PAC non vai desaparecer pero vai estar moi condicionada por aspectos ambientais derivados do Pacto Verde Europeo. A coxuntura actual pode levar a moderar o ritmo dos cambios, pero non o horizonte”. Incremento do 30% nos pagos asociados ata 150 vacas No período 2023-2027 auméntase a axuda para vacún de leite, que pasa de 93,5 millóns de euros anuais a 122 millóns para o conxunto do Estado, o que vai provocar un aumento da axuda por vaca, que vai pasar de 128 a 158€, cun 15% máis en zonas declaradas de montaña. Cobrarase o 100% da axuda nas primeiras 150 vacas e o 50% de 151 a 725 vacas, o que supón incrementar o tamaño das granxas con percepción máxima fixado neste momento (100% da axuda nas primeiras 75 vacas e 50% por enriba desa cifra) e, polo tanto, un debilitamento da modulación da axuda en función do tamaño da explotación. Maiores esixencias ambientais para as explotacións A entrada en vigor da PAC 2023-2027 leva xa aparellado un reforzamento dos requisitos ambientais que as explotacións deberán cumprir con carácter obrigatorio para poder cobrar as axudas. “A PAC 2023-2027 vai subir o nivel de esixencia ambiental para todas as explotacións e establece mecanismos para retribuír ás que vaian máis alá do esixido a través dos eco-reximes e das axudas agroambientais do segundo pilar”, explica Edelmiro. Deste xeito, a nova PAC vai supoñer, con carácter xeral, un incremento das esixencias ambientais. Aspectos voluntarios até agora incluídos no do pago verde, como a diversificación de cultivos, o mantemento das superficies de pastos permanentes e a adicación dunha porcentaxe mínima de superficies de interese ecolóxico, pasan a formar parte da condicionalidade reforzada como norma obrigatoria a cumprir, e a maiores o Goberno español decidiu incluír un aspecto máis.
Os 3 requisitos do antigo pago verde voluntario (a rotación de cultivos, o mantemento dos pastos permanentes e as superficies sen cultivar de interese ambiental) pasan a ser de obrigado cumprimento
“A maiores do antigo pago verde (greening), España quixo ir de alumno aplicado e introduciu un novo requisito na condicionalidade, o cumprimento das normas de Nutrición Sostible de Solos, que non sería de obrigado cumprimento por parte da Comisión até 2025, pero que aquí se vai adiantar xa a 2023, en canto se aprobe o novo Decreto que está en tramitación”, explica Edelmiro.   A incógnita dos eco-reximes A maiores dos aspectos medioambientais obrigatorios, están unha serie de medidas de cumprimento voluntario: os eco-reximes do primeiro Pilar e as medidas agroambientais do segundo Pilar, que son similares en canto ás prácticas e obxectivos. “A diferenza entre ambos é que os eco-reximes son de pago anual e as medidas agroambientais esixen permanencia a máis longo prazo (5 anos)”, detalla. Para os eco-reximes vai haber 1.100 millóns de euros anuais a repartir entre os agricultores e gandeiros no conxunto de España. A contía prefixada para cada un deles está estimada en función do número de solicitantes, polo que podería haber variacións importantes debido a unha menor demanda nos primeiros anos. Por iso, Edelmiro recomenda ás explotacións “que os soliciten” porque “as cantidades a percibir poderían ser sensiblemente maiores”.
As axudas agroambientais do segundo Pilar son compatibles co cobro dos eco-reximes, agás na rotación de cultivos
Establécense 7 prácticas posibles a escoller para o cobro destas axudas, distribuídas por tipo de superficie, o que dá lugar aos 9 eco-reximes resultantes. Un total de 8 destes 9 eco-reximes están dentro da modalidade de pago compensatorio, o que significa que os van poder cobrar incluso produtores que non teñan dereitos de pago da axuda básica e van poder cobralos pola totalidade da superficie que cumpra con esa práctica. A maiores dos eco-reximes, estarían as axudas agroambientais do segundo Pilar, que son compatibles na maioría dos casos, agás entre as prácticas de rotación de cultivos e sementeira directa dos eco-reximes e as axudas agroambientais de cultivos sostibles, con niveis de esixencia e tamén importes a cobrar sensiblemente diferentes (65€/ha no caso dos eco-reximes e 150€/ha para as axudas agroambientais).
No caso da axuda agroambiental de rotación de cultivos, non se podería volver botar millo na mesma parcela ao ano seguinte; cando no eco-rexime si
A rotación, no caso da axuda agroambiental, é máis esixente, posto que é unha rotación a tres anos (millo-raigrás-cereais ou oleaxinosas), cando no eco-rexime permítese a rotación anual millo-raigrás (cun 10% de especies mellorantes). É dicir, no caso da axuda ambiental, até o terceiro ano non se podería volver a botar millo na mesma parcela, mentres que no eco-rexime poderíase repetir ao ano seguinte. Ademais, no caso do eco-rexime de rotación de cultivos poden variar as parcelas onde se realiza esta práctica cada ano, mentres que na axuda agroambiental non, teñen que ser fixas durante os 5 anos.  “O cobro das axudas agroambientais por cultivos sostibles forraxeiros está concebido para que as explotacións de leite vaian diversificando os seus cultivos para aminorar así o monocultivo de millo forraxeiro”, asegura Edelmiro, mentres que o eco-rexime estaría pensado para que non queden as fincas do millo baleiras no inverno.   Axuda redistributiva A chamada axuda redistributiva aplícase por primeira vez nesta ocasión en España porque a normativa europea obriga a adicar o 10% dos fondos a un pago destas características, pero xa era posible no período 2014-2020. “A axuda redistributiva, relevante desde o punto de vista social, estaba xa contemplada no Regulamento da anterior PAC e moitos países xa a aplicaron no período anterior, por exemplo Francia, pero España decidiu non facelo até agora”, conta o profesor da USC.
A axuda redistributiva beneficiará ás medianas explotacións
Con todo, esta nova axuda redistributiva vai ter un efecto limitado sobre as explotacións. “O Goberno central non quixo mover moito os marcos nin na redistribución de pagos entre comunidades nin entre explotacións. Desde as primeiras intencións iniciais até o resultado final notouse a presión por manter o statu quo das comunidades máis beneficiadas pola percepción das axudas directas, que son as comunidades do centro e sur de España”, asegura. Nova rexionalización das axudas A axuda redistributiva, pasa a ser obrigatoria, pero non se vai facer a nivel de todo o Estado, desde as explotacións que máis cobran ás que menos cobran, senón dentro de cada unha das 20 rexións PAC españolas, “establecéndose un esquema de dobre umbral que está pensado para favorecer ás medianas explotacións, non ás pequenas”, matiza Edelmiro. “Galicia pode saír gañando uns 3 millóns de euros por esta vía, pero podían ter sido 8 se a redistribución fora a nivel de todo o Estado”, engade. No caso galego pásase das 7 rexións PAC actuais a 5 e no caso español de 50 a 20. “Temos novos compañeiros de viaxe nestas novas rexións nas que estamos incluídos con outras zonas do Estado con condicións teoricamente similares e vai haber unha converxencia do valor dos dereitos dentro da mesma rexión”, explica o profesor da USC.
Van saír gañando as superficies de pastos e van saír perdendo as terras de cultivo, polo que as explotacións máis intensivas van notar un impacto desfavorable
Da análise de como saen as explotacións galegas nesta converxencia dentro da rexión na que van estar incluídas, Edelmiro afirma que “os cambios importantes van estar nas zonas gandeiras da metade norte de Galicia, onde van saír gañando as superficies de pastos e van saír perdendo as terras de cultivo, polo que o impacto desfavorable desta converxencia da axuda básica dentro das novas rexións PAC vano notar sobre todo as explotacións máis intensivas”, asegura. Posibilidade de aumentar a superficie con dereitos As axudas directas son un complemento relevante para as explotacións galegas pero en termos comparativos Galicia é, xunto a Canarias, a comunidade autónoma onde teñen un menor peso sobre a renda agraria. A PAC representa aquí o 11% dos ingresos das explotacións, que é a metade do que representa no resto do Estado. "Iso ten que ver coa reducida superficie agraria que temos con dereitos da PAC, pero a maiores só temos dereitos históricos de percepción sobre o 60% desa superficie, cando no conxunto do Estado é do 80%", detalla Edelmiro. Na nova regulación da Reserva Nacional ábrese a vía para que as explotacións que incorporen superficie vía Banco de Terras ou polígonos agroforestais teñan acceso a novos dereitos. “Para min esta é unha cuestión esencial a medio prazo, pero está vinculada á aplicación que alcance a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria aprobada pola Xunta”, asegura.

“É un período de transición. Con toda probabilidade a PAC post 2027 terá máis elementos do Pacto Verde”

Público asistente ás xornadas técnicas organizadas por Seragro. Foto: José Luis Míguez Vázquez A nova PAC “foi un parto difícil”, define Edelmiro. Este proceso de reforma longo e complexo fixo tamén que se retrasase a súa entrada en vigor. Estaba prevista para o ano 2021, pero o tempo que se tardou en aprobar o Regulamento (4 anos) foi o que obrigou a asignar un período transitorio de 2 anos, 2021 e 2022, no que se aplicaron as normas da vella PAC para repartir os cartos xa establecidos na nova PAC, que entrará finalmente en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. Polo tanto, considera Edelmiro, “trátase dunha reforma da PAC de transición, cunha vida de só 5 anos, e con toda probabilidade a PAC post 2027 terá máis elementos do Pacto Verde, aínda que o actual contexto económico pode modular o ritmo dos cambios e a velocidade de aplicación e implantación, porque o dilema actual é como acompasar os obxectivos a medio e longo prazo (Pacto Verde, Estratexia da Granxa á Mesa e de Biodiversidade) coa situación actual provocada pola guerra de Ucraína e a crise enerxética e inflacionaria”, asegura.
O Pacto Verde europeo marca un camiño a medio e longo prazo que non ten volta atrás
De cara a prepararse para cumprir coas novas esixencias que se aveciñan na PAC en materia ambiental a partir de 2028, Edelmiro recomenda ás explotacións que aproveiten o actual período para acometer unha serie de cambios estruturais na súa maneira de producir. “As medidas da PAC 2023-2027 poden axudar a impulsar cambios nas explotacións lácteas galegas que en calquera caso son necesarios, como son reducir o consumo enerxético e a dependencia doutros insumos externos, a ampliación da base territorial ou a mellora da eficiencia, tanto técnica como sobre todo económica”, conclúe.
https://www.campogalego.gal/que-ecoesquemas-lle-interesan-mais-unha-ganderia-de-vacun-de-leite-en-galicia/

Que empregar e que non nas ganderías de vacún de leite para mellorar a xenética do rabaño?

Sebastian Demyda-Peirás durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas de Seragro (Foto: Jose Luis Míguez) Co xenotipado e o uso de seme sexado plenamente presentes xa a día de hoxe nas explotacións lácteas, a mellora xenética dos rabaños promete dar un novo salto importante coa aparición dos primeiros animais mellorados xeneticamente mediante a edición do seu xenoma e a posibilidade de creación de gametos no laboratorio a partir de células nai, unha técnica coñecida como In vitro Breeding (IVB). Estas dúas novas tecnoloxías poden supoñer nun futuro próximo un salto cuantitativo e cualitativo importante, abrindo a posibilidade de contar nos establos con animais máis produtivos, sans e adaptados a factores como o cambio climático e os novos sistemas de produción cada vez máis esixentes en materia de medio ambiente e benestar animal.
Vivimos unha época de cambios drásticos en canto aos coñecementos que temos sobre a bioloxía molecular e a xenómica
“Vivimos unha época de cambios drásticos en canto aos coñecementos que temos sobre a bioloxía molecular e a xenómica”, asegura Sebastián Demyda-Peirás, experto en xenética que participou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro. Este zootecnista na Universidade da Prata, en Arxentina, falou de tecnoloxías presentes e futuras e deu unha serie de consellos aos gandeiros sobre que empregar e que non usar a día de hoxe nas explotacións lácteas para a mellora xenética do rabaño. Seme sexado Desde o punto de vista económico, asegura, ás ganderías interésalles utilizar seme sexado. “Inicialmente o uso de seme sexado afectaba de maneira significativa á fertilidade e só se recomendaba en animais novos, pero a tecnoloxía de sexado foi mellorada substancialmente, ata o punto de que hoxe pode ser empregada satisfactoriamente en todo tipo de animais”, asegura. Na actualidade, só dúas empresas, ST Genetics e ABS, posúen a tecnoloxía do seme sexado, que se aplica en vacún de leite para seleccionar femias para recría e en vacún de carne para obter machos para cebar, con maior capacidade de engorde e rendemento económico final para as ganderías. Xenotipado Tras décadas estimando o mérito xenético dos animais a través do pedigree, o vacún de leite viviu nos últimos anos unha “revolución xenética” producida polas novas tecnoloxías baseadas nos estudos de ADN. A análise do xenoma do rabaño en todos os animais (tanto machos como femias) permite o coñecemento do seu valor xenético individual en estados precoces, facilitando deste xeito a toma de decisións en materia de selección xenética na granxa, aforrando custos e permitindo acertar cun maior nivel de fiabilidade.
Os valores xenómicos apareceron hai 5 anos para estimar a través de algoritmos os valores xenéticos en base ao ADN e non sobre o pedigree
“A xenómica e os biomarcadores chegaron para quedar. As probas xenómicas aos machos permitiron acurtar o intervalo xeracional de maneira abrupta, xa que nestes momentos temos seme dispoñible de touros que só teñen un ano de idade. E coas probas ás tenreiras aumentamos a precisión, con predicións máis precoces sobre caracteres como produción, graxa, proteína, lonxevidade, etc. Iso permítenos tomar decisións de acoplamentos máis razoadas, evitar erros e aforrar custos”, asegura Sebastián. Só a raza holstein ten capacidade de levar a cabo selección xenómica, un feito que podería axudar a corrixir os altos índices de consanguinidade actuais. “A xenómica permite manexar moito mellor a consanguinidade e podería deixar de ser un problema tal como o coñecemos hoxe en día”, afirma. Ademais, "moitas enfermidades de orixe xenética poderán ser erradicadas mediante a selección xenómica”, indica. Uso de embrións En canto ao uso de embrións, Sebastián recomendounos só para casos moi concretos. “A transferencia embrionaria ten limitacións, porque é custosa, tediosa e cara”, destacou. E, sobre todo, di este experto, “non deben sacarse embrións en vacas vellas, porque imos tarde e seguramente se fixemos as cousas ben terá unha neta que será xa moito mellor ca ela”, argumenta. “Desde un punto de vista xenético, o que permite a transferencia embrionaria (aumentar o número de fillos dunha nai de xenética superior) é cada vez menos necesario dado o nivel xenético xeral acadado pola maioría de animais”, asegura.
Utilizar embrións é cada vez menos necesario dado o nivel xenético xeral acadado pola maioría de animais
Existen dúas posibilidades para a produción de embrións: in vivo, mediante superovulación da vaca doante, “algo que en ocasións é dificilmente compatible coa produción láctea”, afirmou; e in vitro, mediante punción folicular. Unha vantaxe dos embrións, explicou, é que incrementan a súa viabilidade no verán, polo que nalgúns casos poden ser tamén unha alternativa á caída estacional da fertilidade nas granxas. Clonación A clonación é unha tecnoloxía que está dispoñible desde hai anos, aínda que conta con moi escasa implementación en bovinos, debido principalmente ao seu elevado custo. “Conceptualmente é algo moi simple, pero é unha técnica moi cara. En Europa está prohibida, pero en Arxentina, onde este método está permitido, un clon de cabalo custa 30.000 euros”, exemplificou. Do mesmo xeito que no caso dos embrións, Sebastián non considera interesante aplicar este método en vacas de leite. “En vacún leiteiro non ten sentido. Desde o punto de vista xenético, clonar un individuo é deter no tempo o progreso xenético e mesmo retrocedelo no caso de clonar individuos de xeracións anteriores”, asegura.
O touro Starbuck foi clonado con escaso éxito porque co paso do tempo os seus valores xenéticos quedaran xa desfasados
Pon como exemplo a clonación do touro Starbuck. A utilización de seme deste novo individuo foi moi escasa, debido a que clonaran un touro de case 20 anos e os animais contemporáneos, cando naceu o clon de Starbuck, superábano amplamente nos seus valores xenéticos debido á mellora xenética xeral lograda neses 20 anos. Mutación xénica As novas tecnoloxías de edición xenética baseadas en CRISPR (que permiten corrixir ou cambiar un alelo nunha soa xeración, aínda que estea noutra raza, o que antes levaba décadas) abriron un amplo abano de posibilidades na produción animal que se están aproveitando en avicultura, porcino e vacún de leite.
Podemos editar xeneticamente certos trazos dos animais durante o seu estadio embrionario para lograr neles características produtivas vantaxosas
“Aínda que non hai un xen en si mesmo que determine a produción de leite, hoxe en día podemos editar xeneticamente certos trazos dos animais durante o seu estado embrionario para lograr neles características produtivas vantaxosas”, explica.
Logrouse mediante mutación xénica un novo tipo de vaca con menos pelo que produce un 30% máis de leite en situacións de estrés térmico
Este experto pon como exemplo as vacas SLICK logradas mediante edición xénica. “O que fixeron foi introducir na raza holstein un alelo mutado no xen que codifica o receptor da prolactina. Este alelo estaba presente de maneira natural na raza senepol. O novo animal holstein resultante posúe unha capa de pelo moi fina, polo que se adapta mellor a climas cálidos, lográndose incrementos de produción de entre o 30 e o 40% en rexións tropicais.
Está a traballarse para reducir a emisión de metano mediante edición xenética
Outro exemplo de edición xenética sería a introdución de variantes poll, que producen animais sen cornos, coa intención de eliminar a necesidade de descornado. Estes dous exemplos están xa dispoñibles a nivel de granxa, pero existen actualmente numerosos proxectos en desenvolvemento para mellorar outros aspectos, como a capacidade produtiva dos animais, a súa resistencia a enfermidades ou mesmo unha menor produción e emisión de metano, explica Sebastián. O uso destes animais editados xeneticamente en granxas de produción de leite está xa permitido en países como EEUU ou Brasil, pero non na UE. In vitro breeding A tecnoloxía In vitro Breeding (IVB) “é o que vén”, di. Consiste na produción de gametos no laboratorio en base á diferenciación in vitro de células nai. Este proceso púxose a punto en ratos no 2017, pero non está aínda dispoñible en vacas. “Todo o mundo pensaba que en dous anos máis estaría lista en gando vacún e sen embargo non está. Hai bastantes problemas na transformación da célula nai en gameto, tanto masculino como feminino, porque tes que facer a meiosis e recombinación e non é tan sinxelo”, explica Sebastián, que recoñece que “non hai forma de saber se estes resultados imos velos dentro de 3, de 5 ou de 10 anos”.
A tecnoloxía IVB consiste en lograr desde unha célula a súa transformación en ovocitos ou espermatozoides e a partir deles xerar un embrión que sexa viable
“Cando vai estar non o sei, pero o que si sei é que todas as empresas grandes de biotecnoloxía teñen equipos traballando nisto. É vox pópuli entre a comunidade científica. Esta nova tecnoloxía viría a substituír a transferencia embrionaria e a clonación tal como a coñecemos hoxe, porque no momento en que se poidan facer ovocitos en laboratorio acabouse a transferencia embrionaria e poderemos ter tres ou catro xeracións de animais nun ano”, asegura.

“Nas ganderías hai que trazar unha estratexia de mellora a longo prazo e evitar os erros”

Público asistente ás Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro deste ano As biotecnoloxías reprodutivas en gando bovino non son novas. O uso da inseminación artificial en vacún de leite data de 1936, cando cooperativas de EEUU e Dinamarca empezan a extraer doses de seme fresco dos seus touros de elite. As técnicas de transferencia embrionaria chegarían en 1951, a fecundación in vitro en 1982 e a primeira tenreira nada a partir de seme sexado tivo lugar en 1993. Na actualidade, a universalización do sistema de inseminación artificial permite incorporar en calquera establo lácteo do mundo seme dos mellores touros a nivel internacional. Esta posibilidade permitiu un crecemento notable da capacidade produtiva dos rabaños, incrementada pola introdución dos touros xenómicos. Aínda que Sebastián defende que “esta posibilidade debe tomarse con certa cautela, porque non sempre o mellor touro nun lugar tamén o é noutro”.
Hai que ter coidado, porque unha equivocación non a imos a ver ata dentro de 2 anos, cando esa tenreira empece a dar leite
A pesar de estar hoxe amplamente establecidas en establos de todo o mundo, estas técnicas mal xestionadas implican riscos. “Este tipo de metodoloxías poden axudar a mellorar o nivel xenético do gando, pero o seu uso excesivo sen o coñecemento necesario pode levar a cometer erros que se verán ao longo do tempo no rabaño da explotación”, advirte Sebastián. Por tanto, é partidario de facer “un uso racional” deste tipo de tecnoloxías baixo o asesoramento técnico de especialistas que permitan trazar un camiño para seguir nas ganderías a longo prazo.

Programa das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

A sala de reunións do Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo acolleu este xoves a presentación das XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, as cales volverán ser presenciais e se desenvolverán o xoves 10 e o venres 11 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo. Na presentación interviñeron a deputada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García; o presidente de Seragro SCG, Víctor Manrique, e os organizadores das Xornadas, Noelia García e Francisco Sesto. Na súa intervención, Víctor Manrique referiuse aos gandeiros como verdadeiros protagonistas do sector leiteiro, “que souberon adaptarse ás innovacións e tendencias que vai presentando o mundo global, cun escaso recoñecemento e nun momento convulso en canto aos custos de produción e ás esixencias ambientais e de benestar animal, cada vez máis estritas”. Así mesmo, subliñou o carácter especial deste encontro, xa que “despois de tres anos de paréntese, poderemos dotar de novo de significado á palabra ‘celebración’”. Pola súa banda, Pilar García convidou a todos os interesados a participar nas xornadas e sinalou “a necesidade de seguir poñendo en valor o sector lácteo, gran aliado da economía da nosa provincia e esencial para o presente e o futuro de Lugo”. Na desagregación do programa, Francisco Sesto e Noelia García aludiron á intención da organización nesta edición de facer fincapé en aspectos de actualidade e de futuro como son o benestar animal, o cambio climático, o i+D+i, a xestión de explotacións e o coidado que se lle debe prestar á produción de leite, xa que se trata dun alimento de consumo humano.

EXPOSICIÓNS DO XOVES

Abrirá a xornada a investigadora do Servizo de Microbioloxía do Hospital Ramón y Cajal Rosa del Campo cunha intervención na que tratará a problemática das resistencias antimicrobianas. Seguirana os veterinarios de Seragro SCG Martín López e Almudena Tato, encargados de enunciar unha charla sobre a influencia da mastite na fertilidade. Tras a pausa para o café, tomará a palabra o enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade de Kiel (Alemaña) Ignacio Ipharraguerre, quen presentará os últimos avances en relación coa saúde metabólica e coa produtividade do gando bovino leiteiro. A situación actual no referente ao balance de minerais en vacas lactantes, conferencia que ofrecerá o enxeñeiro agrónomo da Universidade de California (EE. UU.) Alejandro Castillo, será a última temática da mañá. En sesión vespertina, o profesor de economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Edelmiro López aludirá ás implicacións que terá para o sector lácteo galego a PAC 2023-2027. Seguirao no estrado Fernando Estellés, investigador do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Animal da Universidade Politécnica de Valencia, quen detallará as características e utilidades da pegada de carbono. María Pardo, veterinaria de Seragro SCG, completará o cadro de expertos do primeiro día cunha conferencia que se centrará na valoración do benestar nas ganderías de vacún leiteiro.

PROGRAMA DO VENRES

O veterinario Miguel Ángel García iniciará a sesión do venres cunha charla na que avaliará a locomoción bovina e abordará o método ROMS. A continuación, o podólogo de Seragro SCG Manuel Vidal compartirá cos asistentes a súa experiencia co control e coa prevención da dermatite. Relevarao no estrado o veterinario de Recría Castro Rogelio Grille, quen ofrecerá un relatorio no que repasará as diferentes estratexias de alimentación e manexo na etapa de leite da recría e, posteriormente, o enxeñeiro zootecnista Sebastián Demyda, da Universidade da Prata (Arxentina), falará das vantaxes do uso das biotecnoloxías xenómico-reprodutivas en bovino de leite. Xa pola tarde terá lugar un bloque temático que xirará ao redor da recuperación e ordenación do territorio, así como das propiedades do leite. A primeira intervención, que versará sobre a utilización dos instrumentos de recuperación de terras para a mellora da base territorial das explotacións de vacún de leite, correrá a cargo da directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia), Inés Santé. Logo, subirá ao escenario Javier Caínzos, alcalde do concello coruñés de Curtis, para compartir a iniciativa desenvolvida no seu polígono agroforestal co fin de recuperar e ordenar as terras agrarias. Por último, será a quenda do investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria-Galicia Sur Carlos Spuch, cuxa conferencia se enfocará en poñer en valor o leite como alimento ante as diferentes modas e os conceptos equivocados que se están difundindo na sociedade actual. As XIX Xornadas quedarán clausuradas, como vén sendo habitual, co tradicional brinde do leite.

As Xornadas Técnicas de Seragro volven ao formato presencial os días 10 e 11 de novembro

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo volverá a acoller no mes de novembro as Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro SCG na súa 19.ª edición. O evento, destinado a gandeiros, técnicos e profesionais do sector, será os días 10 e 11 de novembro e recuperará o seu formato presencial.  O obxectivo destas xornadas é darlles respostas aos retos de hoxe en día e debater temas da actualidade. Para iso, Seragro SCG está a ultimar o programa, pero xa conta con algúns dos relatores confirmados que estarán repartidos en tres bloques:
As xornadas estarán centradas no benestar animal, debido á preocupación do consumidor polas condicións nas que viven os animais e o seu impacto no medio ambiente
O primeiro centrarase no benestar animal. Debido á preocupación do consumidor polas condicións nas que viven os animais e o seu impacto no medio ambiente e darase a coñecer todo o traballo que se realiza nas ganderías para proporcionarlles benestar ás vacas.
Un experto da Universidade de Kiel, en Alemaña, falará da función intestinal e o inmunometabolismo e analizarase o impacto da produción de leite na pegada de carbono
Para iso, entre os relatores desta primeira parte contarán con María Pardo, de Seragro SCG, quen falará sobre a influencia do benestar nos rendementos en ganderías de leite; Manuel Vidal, de Seragro SCG, que tratará a influencia da dermatite dixital no benestar animal; Miguel Ángel García, de Servet Ledesma (Salamanca), que exporá a valoración de coxeiras segundo o método ROMS, implantado en Europa como indicativo de benestar animal; Martín López, de Seragro SCG, quen abordará a influencia da mamite nos índices reprodutivos; Rogelio Grille, do Centro de Recría Castro, que afondará na busca da eficiencia na fase lactante, e Ignacio R. Ipharraguerre, da Universidade de Kiel (Alemaña), co seu relatorio sobre a relación entre a función intestinal e o inmunometabolismo. Ademais, haberá outra charla sobre o impacto da pegada de carbono na produción de leite. Aproveitamento dos recursos para abaratar custos No segundo bloque, falarase sobre a posta en valor para o aproveitamento dos recursos naturais que hai en Galicia. A falta e encarecemento de materias primas nos últimos meses, fai que sexa un tema de sumo interese, xa que “non é entendible que o 30% da superficie de Galicia estea abandonada e, ao mesmo tempo, un dos principais problemas das explotacións gandeiras sexa a falta de terra e ter que comprar forraxe constantemente”, indican desde a organización.
Non é entendible que o 30% da superficie de Galicia estea abandonada e, ao mesmo tempo, un dos principais problemas das explotacións gandeiras sexa a falta de terra
Neste módulo, Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dará a coñecer con profundidade os detalles da Lei da Recuperación de Terra Agraria, que entrou en vigor o 22 de maio de 2021. Tamén se presentarán as distintas iniciativas para cultivar terras abandonadas e organizar parcelas e cultivos, aínda que estean en proceso de execución. Así mesmo, varios expertos farán achegas para enfocar as esixencias da Comisión Europea, para afrontar os retos do sector lácteo galego no futuro e tamén para mellorar a produtividade dos cultivos forraxeiros. Por último, o terceiro bloque abordará a posta en valor do leite como alimento e mostrará que a súa produción se basea, ineludiblemente, en mellorar día a día o benestar das vacas, o que implica: investigación, investimento, coñecemento e traballo. Para a realización destas sesións, estarán presentes profesionais da saúde, do sector e un influencer, que aínda están sen confirmar.

Como combater os falsos mitos sobre saúde e sostibilidade asociados ao consumo de leite

Jose Miguel Mulet é profesor e investigador da Universidade Politécnica de Valencia “A xente necesita beber leite. Vós producídela, contádeo, non teñades vergoña”, recomenda aos gandeiros José Miguel Mulet, catedrático de biotecnoloxía da Universidade Politécnica de Valencia e coñecido divulgador científico, que participou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro. Diante dos crecentes ataques que está a sufrir a gandería e que afectan tanto ao consumo de carne coma de leite, Mulet propón combatelos contando as propiedades saudables destes alimentos e as bondades que a actividade gandeira xera sobre o territorio.
Os gandeiros facedes un gran traballo. Que se note, contádeo
“Aquí pasa un pouco coma no fútbol, o que dicía Johan Cruyff: se non tes ti a pelota, tena o contrario e méteche gol. É dicir, se non contas ti o que fas, vano contar outros (asociacións ecoloxistas, organizacións de consumidores, influencers, instagramers, tiktokers) e entón van contar o que queiran eles”, asegura. “Ante calquera bulo hai que saír a responder. Por que dá vergoña falar do bo que é o leite? Ten beneficios para a saúde, achega nutrintes esenciais, pode minimizar o impacto ambiental e é motor tradicional da economía en zonas que sofren despoboamento”, enumera.
O leite é un alimento básico e a gandería é unha actividade esencial para o mundo rural
Mulet explica que existe unha crecente desconexión social coa actividade agrogandeira, tanto en zonas urbanas como rurais, que fai que o sector sexa un reduto descoñecido e afastado. “Existe unha lei económica, a lei de Petty-Clark que establece que a medida que un país se desenvolve unha maior porcentaxe de poboación abandona o sector primario para dedicarse a outros sectores económicos”, explica.
Os países desenvolvidos poden permitirse ter un sector servizos porque teñen un sector primario moi eficiente
E pon datos: “No ano 1900 máis do 60% da poboación española dedicábase á agricultura e á gandería, cando hoxe esa porcentaxe non chega ao 5%. Pero isto é así porque neses países o sector primario é moi eficiente”, di. Desinformación do consumidor “Estamos nun contexto alimentario nos países occidentais no cal a comida é máis asequible e máis segura ca nunca, pero a información que chega ás veces ao consumidor é pouco fiable ou directamente falsa”, asegura o autor de libros como Que é comer san? ou Comer sen medo.
A información alarmista véndese mellor e determinadas mensaxes falsas bombardeadas continuamente acaban calando
A poboación está cada vez máis sensibilizada coa saúde e a alimentación, máis aínda trala pandemia sanitaria da covid-19, pero non sempre ten unha percepción realista sobre o que come. “Segundo os datos do Eurobarómetro de xuño de 2019 sobre seguridade alimentaria, a poboación europea está preocupada por residuos de pesticidas, contaminantes ambientais, antibióticos, hormonas e aditivos, cando ningún destes problemas é algo que realmente nos teña que preocupar”, afirma.
A cantidade de enerxía necesaria para dicir unha bobada é moito menor que a que se necesita para desmontala
“Temos a tormenta perfecta: un público asustado pero que non se preocupa de buscar información veraz e fiable, moita xente dicindo bobadas por múltiples canles de comunicación e moita outra xente que llo cre”, asegura Mulet. Falacia ad youtubium “Se ao público estás a bombardealo continuamente con determinadas mensaxes ao final acábao crendo. E o problema é que a cantidade de enerxía necesaria para dicir unha bobada é moito menor que a que se necesita para desmontala”, evidencia. “Por exemplo, se dis que o trigo é veleno, con catro palabras para mandar por whatsapp arranxas para montar un bulo, pero para desmontar esa mentira con argumentos científicos son necesarias moitas máis palabras”, expón.
Moitas veces a poboación non sabe distinguir entre unha fonte fiable ou non
Ademais, as redes sociais agravan o problema. Para moitas persoas, teñen tanta credibilidade como as probas empíricas, por iso, asegura, “da igual os argumentos científicos que achegas á discusión se o noso interlocutor outorga credibilidade a calquera vídeo sobre o tema que ve en Youtube”. Dos transxénicos aos ataques á gandería Pero máis aló de opinións individuais a través das redes sociais, existe toda unha estratexia organizada de ataque á gandería por parte de determinados lobbies e asociacións, asegura. “Traballo con plantas transxénicas e levo 20 anos pelexándome cos grupos ecoloxistas. Pero as campañas contra os transxénicos das principais organizacións ecoloxistas están esgotadas, entre outras razóns porque nos acabamos de poñer todos unha vacina contra a covid-19 feita a partir de plantas transxénicas. Por iso estes grupos falan cada vez menos de transxénicos pero máis de gandería”, afirma.
Non debemos caer na trampa: detrás de mensaxes como o non ás macrogranjas está o rexeitamento á simple actividade gandeira
“As mensaxes tenden a simplificarse e unha organización ecoloxista vende mensaxes de branco ou negro, polo que moitas veces detrás de mensaxes como o non ás macrogranjas ou o non á gandería industrial está o rexeitamento á simple actividade gandeira e a mensaxe vai acabar sendo non á gandería, porque ademais de grupos ecoloxistas detrás da mensaxe de non ás macrogranjas hai tamén grupos veganos e grupos animalistas”, indica. “Eu recomendaría que non se sexa condescendente con estas mensaxes contrarias á gandería industial e desde o propio sector non se cometa o mesmo erro que se cometeu no seu día cos transxénicos, porque non debemos esquecer que malia estar prohibidos na UE, os nosos animais están a alimentarse hoxe en día con millo e soia transxénicos importados”, lembra Mulet. O trigo, o leite e a carne: os alimentos máis atacados Este experto en biotecnoloxía da Universidade de Valencia está convencido de que existe toda unha estratexia premeditada de ataque a alimentos tradicionais, dos que se alimentou a humanidade durante miles de anos, co obxectivo de facer oco no mercado a novos produtos nutricionais.
Púxose de moda dicir que a gandería é mala e que contamina, pero o turismo rural ten moito máis impacto ambiental que a propia gandería
“O máis atacado é o trigo, polo glute, a carne e o leite. Agora hai unha moda que fala dos velenos brancos. Se un busca na internet podes atopar todo tipo de burradas sobre o leite de vaca. Que hai que facer? Pois desmontar as bobadas”, considera.

Argumentos contra os falsos mitos sobre o leite

José Miguel Mulet achega algúns datos e argumentos para combater os falsos mitos que na actualidade se estenden sobre saúde e sustentabilidade asociados ao consumo de leite:

Ningún animal bebe leite na súa etapa adulta ...

“Estamos capacitados desde o punto de vista xenético para beber leite. Isto débese ao simple efecto da evolución. Hai varios estudos que demostraron que as poboacións humanas que beben leite na etapa adulta (europeos e africanos, principalmente) é debido a que descendemos de poboacións que eran pastoras na Idade de Pedra e houbo unha selección xenética natural para poder alimentarse do leite que daba o noso gando; mentres que outras poboacións que non desenvolveron gandería láctea, como os asiáticos ou os merindios, non tiñan esa presión para consumir leite e non desenvolveron un sistema capaz de dixerilo. Por tanto, do mesmo xeito que ocorre con outros animais, tamén hai poboacións humanas que tampouco poden beber leite na súa idade adulta”, expón.

O leite ten hormonas e antibíoticos ...

“É mentira. Isto leva prohibido máis de 20 anos na lexislación europea e hai un control exhaustivo. Todo o proceso, desde a produción na granxa ata o envasado, está supervisado continuamente para que haxa máxima garantía e trazabilidade. O leite é un alimento básico que ten efectos beneficisos para a saúde e achega nutrintes esenciais (calcio, proteína, vitaminas, etc)”, enumera.

A gandería contamina ...

“Púxose de moda dicir que a gandería é mala e prexudicial para o medio ambiente, pero en realidade ten efectos positivos sobre o territorio. Toda actividade humana ten o seu impacto e débense minimizar no posible os efectos sobre o medio ambiente, pero o turismo rural ten moito máis impacto ambiental que a propia gandería”, conclúe.

“Canto máis axustado estea o prezo do leite, máis determinante é o benestar animal para obter beneficios”

"O benestar de animal na granxa é un requisito básico e imprescindible. Sen benestar animal non se pode producir nin comercializar leite". Así de rotundo resolve o enxeñeiro agrónomo Carlos Romero Sala a necesidade de garantir o benestar aos animais da granxa. Partindo desta premisa, Romero analiza o impacto económico que ten nas granxas de vacún de leite proporcionar benestar aos animais. O experto bota man dos datos de 2018 a 2020 que manexan no Programa de Monitorización Integral de Desenvolvemento Eficiente e Sustentable (Mid€s) de Pascual, do que é responsable. Neste programa Mid€s analizan un total de 73 indicadores de 150 granxas e agrúpanos en 7 áreas produtivas (alimentación, produción, medio ambiente, produtividade, calidade do leite, reprodución e benestar animal). Coa análise destes factores buscan achegarse a todos os aspectos que entran en xogo á hora calcular a eficiencia produtiva na granxa. Prestar atención a estas áreas permitiulles comprobar a relación entre eficiencia e rendibilidade. "Unha maior eficiencia supón unha maior rendibilidade na granxa", indica Romero.

A dificultade de estimar o custo do benestar animal

Á hora de avaliar a repercusión económica que o benestar animal ten na granxa atópanse varias dificultades. A primeira delas o propio concepto de benestar animal. Romero, que analizou a cuestión nas recentes XII Xornadas de Seragro, recoñece que pode resultar complicado definir e cuantificar o benestar e confort dunha vaca. O seu programa atende aos elementos que poden proporcionar un equilibrio ao animal coa súa contorna. Así, son piares fundamentais unha boa alimentación, aloxamento, saúde e un comportamento adecuado co resto de exemplares da súa especie cos que convive. "En definitiva, búscase que o animal non sufra fame, sede, incomodidade, medo ou enfermidades", sintetiza o enxeñeiro agrónomo.
"Resulta moi difícil a medición obxectiva dalgúns aspectos do benestar animal. Ademais, moitas veces os seus beneficios económicos poden tardar en apreciarse"
Outro dos factores que condiciona estimar a repercusión económica de proporcionar benestar animal na granxa é a dificultade de cuantificalo. "Resulta moi difícil a medición obxectiva dalgúns aspectos do benestar animal, mentres que a alimentación ou a produción son valores máis obxectivos e cuantificables", xustifica Romero. Do mesmo xeito que ocorre con outras áreas como a reprodución, os resultados dos investimentos en benestar animal non sempre se verán a curto prazo. "Moitas veces os seus resultados son diferidos no tempo. Desde que se alcanza o benestar animal ata que os seus beneficios se traducen noutros factores como a produción para obter unha rendibilidade pode pasar un tempo", concreta. Nos propios datos que manexan no programa Mid€s de Pascual, o benestar animal é nunha primeira ollada a área que menor repercusión parece ter nos resultados económicos da granxa, fronte a outras áreas como alimentación e a produción, as áreas máis determinantes na rendibilidade da gandaría. O enxeñeiro agrónomo matiza que esta conclusión inicial está condicionada polos propios datos que manexan para o estudo, posto que todas as granxas incluídas no estudo Mid€s están certificadas en benestar animal desde hai 4 anos e foron mellorando neste aspecto. "Non estamos a incluír granxas que carezan de benestar animal, unhas terán medidas máis básicas e outras avanzarían máis, pero todas elas garanten xa o benestar dos seus animais", explica. A pesar de todas estas dificultades á hora de cuantificar o reporte económico na granxa, o estudo nestas gandarías permitiulles determinar a importancia que ten apostar por estas medidas. "Cando unha granxa está en niveis básicos e comeza a apostar por medidas para mellorar o benestar animal apréciase un retorno económico case inmediato. Aínda que, cando xa se atopa en niveis avanzados costa máis que unha mellora en benestar animal se siga traducindo en máis beneficios económicos", detalla Romero. A aposta polo benestar animal tamén pode marcar unha gran diferenza nos momentos nos que o prezo do leite é máis baixo. "Canto máis axustado estea o prezo do leite, máis determinante resulta o benestar animal para a marxe de beneficios. Aínda así, co mesmo prezo do leite, a mellor benestar animal maior será o rendemento económico", concreta o enxeñeiro agrónomo.

12 indicadores claves na granxa

Entre os 73 factores que determinan a rendibilidade económica da granxa, en Pascual fixeron unha selección de 12 indicadores claves para cuantificar e avaliar o benestar animal. "Non é unha lista pechada, xa que estamos a revisala periodicamente", indica o técnico. Esta ducia de factores están agrupados en catro grandes bloques: aloxamento, alimentación, saúde e comportamento. Nesta análise de eficiencia produtiva só se contabilizan algúns dos principais factores que xeran gastos e ingresos na granxa, para establecer a rendibilidade económica que se logra. Así, nos ingresos cinguíronse aos beneficios por venda de leite, animais ou cobros de indemnizacións por vaca a través do seguro. No apartado de gastos contabilizan o custo de alimentación, man de obra, encamado e seguro do gando. Desta maneira logran establecer unha marxe EP, resultado da diferenza entre os ingresos e os gastos. Entre as gandarías cunha maior aposta polo benestar animal, esta marxe foi do 35% con respecto daquelas que fixeron ese esforzo en menor medida. Comparación das granxas con mellores e peores resultados nos 12 indicadores claves en benestar animal. A produción vitalicia, a inxesta e a mamite clínica son os tres indicadores claves na gandería xa que son capaces de ofrecer unha referencia do que é o benestar na granxa e unha boa predición da rendibilidade.

Nivel de ocupación das granxas

Cada granxa ten un nivel de ocupación en función do factor máis limitante, que poden ser as camas, os comedeiros ou os bebedoiros. "Temos visto que aquelas granxas que teñen unha menor ocupación, é dicir, con instalacións sen sobreocupación son as que mellores resultados tiveron" indica.

1 e 2_Camas e ocupación en lactación:

Á hora de estipular o nivel de ocupación en base á cama, establecen que cada vaca debería de contar cunha praza para ela, ben sexa un cubículo por animal nas granxas con este sistema, mentres en cama fría ou quente deben dispor duns 10 metros cadrados.
Pasar dunha sobreocupación do 123% a que cada animal dispoña dunha praza suporía uns 3,6 euros por 1.000 litros de leite
A conclusión do estudo é que calquera gandaría que estea por encima dun 123% de ocupación, se reduce esta taxa vai ter un retorno económico. A diferenza de pasar dun 123% a un 100% de ocupación, é dicir a que cada animal dispoña dunha praza, serían uns 3,6 euros por 1.000 litros. "Creo que vale a pena apostar por ese investimento", valora o enxeñeiro agrónomo. Do mesmo xeito que precisan unha praza por animal, tampouco é necesario que haxa cama de máis, xa que este espazo extra non se traducirá en maior benestar, nin maiores beneficios económicos. No estudo tamén tiveron en conta o nivel de ocupación nos lotes de lactación. Neste caso, os mellores resultados están nas 91 vacas por praza fronte a granxas cun 134 % de ocupación.

3_Comedeiros:

O óptimo sería que cada vaca teña a súa praza de comedeiro ou en comedeiros lineais deberá contar con 75 centímetros por animal. "Calquera gandaría que estea cunha sobreocupación por encima do 153% ten que mellorar", apunta Romero. Neste caso, para unha granxa pasar dese 153 a 100% suporía un custo de 9 euros por 1.000 litros de leite, o que implica un investimento máis considerable que as camas, ademais hai que ter en conta, tal e como apunta o técnico, que as vacas pasarán entre 12 a 14 horas deitadas na cama, mentres que o tempo de inxesta é de 4 horas, o que fai que os comedeiros non sexan tan limitantes.
"Un manexo axeitado dos comedeiros pode paliar deficiencias nas instalacións"
Á marxe de garantir ese espazo óptimo de comedeiro, existen outras medidas que poden paliar esa deficiencia e traducirse en maior benestar animal. "Nos comedeiros, un manexo adecuado pode paliar deficiencias nas instalacións. Así, cun arrimado continuo ou co emprego dunha manga para o gando pódese paliar que as vacas non teñan cada unha o seu comedeiro", valora.

4_Bebedoiros:

É un dos factores nos que ao pasar do valor óptimo económico, a caída da rendibilidade é moi considerable. Este valor óptimo a nivel económico sitúase nun bebedoiro de 7,5 centímetros lineais por animal, mentres que unha praza de bebedoiro para garantir o benestar animal tería que ter uns 8 centímetros lineais. "Pasar deses 7,5 a 8 centímetros supón un investimento de 0,3 euros por 1.000 litros de leite. O investimento é mínimo, polo que non merece a pena escatimar nisto", concreta. Aínda que, para determinar un bo benestar non só é determinante o tamaño do bebedoiro, tamén debe de haber un caudal suficiente de auga, que estean ben distribuídos na granxa e que sexan accesibles para o animal. "Traducir estoutros factores nun custo é xa moito máis complexo, polo que se cingue á lonxitude lineal do bebedoiro, aínda que haxa outros aspectos que inflúen", recoñece o técnico. Nivel de ocupación de bebedeiros no lote de lactación nas granxas do estudo.

Alimentación

5_Inxesta:

É un dos indicadores máis transcendentais do benestar animal, non só porque unha vaca inxere maior cantidade de comida cando se atopa confortable, senón porque no estudo este indicador foi capaz de predicir un 16% dos casos de rendibilidade na granxa. A mellora da marxe é continua e pode haber unha estabilización ao redor dos 27 quilos de inxesta por animal, aínda que en moi poucas granxas se superan esas cifras. Así, canto maior é o consumo da vaca menor é a marxe. "Podería esperarse unha inxesta maior nas granxas con mellor benestar animal, con todo, houbo unha inxesta superior en 1,2 quilos entre as gandarías con mellores e peores resultados, que pode traducirse en 1,7 litros de leite de diferenza", argumenta Romero.

Saúde

En todos os indicadores relacionados coa saúde hai unha notable diferenza ao apostar polo benestar dos animais.

6_Produción vitalicia:

Unha das maiores diferenzas atópase na produción vitalicia. As gandarías que teñen uns mellores índices de benestar animal conseguen de media uns 12.650 quilos de produción vitalicia máis que as granxas máis deficitarias. "As vacas duran máis e en cada lactación dan máis leite. A maior produción vitalicia, maior marxe", destaca Romero. Producción vitalicia nas granxas do estudo.

7_ Taxa de mastite clínica

O nivel de mastite na granxa é outro indicador do benestar dos animais. Á hora de avaliar a incidencia desta enfermidade tomaron como base o número de casos que hai en control leiteiro por encima de 800.000 células somáticas ao longo de todo un ano. Canto maior sexa a taxa de mamitis clínica, menor é a marxe. "Un só indicador, e ademais moi obxectivo, é capaz de predicir o 10% da rendibilidade da gandaría", informa o enxeñeiro agrónomo.

8_Permanencia en lactación

Tal e como argumenta Romero, a maior duración da lactación da vaca a rendibilidade vai crecendo. Aínda que, tamén se establece un punto óptimo, que neste caso fíxase nos 41 meses, é dicir máis de 4 lactaciones completas. A diferenza entre as gandarías que apostaron por medidas de benestar animal e aquelas que o fixeron en menor medida tradúcese en 10 meses menos en produción. Aínda que é importante para a rendibilidade económica a permanencia en lactación, sitúase por detrás doutros indicadores como a produción vitalicia, xa que non só resulta importante que a vaca estea moito tempo en produción senón que teña unha boa produción, por iso é polo que a produción vitalicia contribúe máis a predicir a rendibilidade e a marxe económica da gandaría.

9_Eliminación total

A partir dun 29% de eliminación das vacas empézase a perder marxe. Este valor significa que as vacas duran 3 partos ou menos, polo que vai ser moi difícil cubrir os gastos que xera a recría na granxa. Por iso cando este indicador está por baixo de 29% tampouco supón gran melloría, xa que o custo da recría xa estaría amortizado.

10_Eliminación involuntaria de vacas

Este indicador responde ás vacas que morren na granxa. Empézase a perder marxe cando estamos en valores por encima do 3%. Nas gandarías cunha maior aposta polo benestar animal esta cifra adoita situarse no 4% e sube até unha taxa do 7% naquelas con menor implantación de medidas para garantir o benestar animal.

11_Eliminación temperá de vacas

É un indicador dos problemas metabólicos no postparto. Son vacas que paren e non terminan de recuperarse tras o parto, polo que se sacrifican con menos de 60 días de parir. Neste caso empeza a supor unha diferenza significativa da marxe a partir do 6%.

12_Eliminación temperá de tenreiras

Son becerras que morren na granxa con menos de tres meses de vida. A partir dun 7% empeza a haber unha perda significativa de marxe.

Reforzar o sistema inmunitario da vaca, vía para lograr un posparto sen antibióticos

Explotación leiteira do Estado de Michigan, onde hai unhas 1.000 granxas e 445.000 vacas O galego Ángel Abuelo Sebio é profesor de Sanidade e Benestar Animal do Gando na Universidade Estatal de Michigan, en EEUU, onde o seu programa de investigación se centra en métodos que melloren a resposta inmunitaria do gando vacún tanto na fase de recría como de lactación. A alimentación e manexo do gando no periodo de secado é unha das claves para reducir o uso de antibióticos durante o periodo posterior de posparto, tal como explicou durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro e que este ano se están a celebrar de xeito virtual. Ángel, durante un dos seus traballos de campo nunha gandería de leite de Michigan Ángel, con familia gandeira en Arzúa e Mazaricos, licenciouse en Veterinaria pola USC e leva anos adicado á docencia nos EEUU. Pero ademais de investigar e dar clases, entre as súas funcións atópanse tamén as de extensión universitaria, prestando apoio a veterinarios e gandeiros de todo o Estado. Michigan, situado ao norte, na zona dos grandes lagos, no límite xa con Canadá, é o sexto produtor de leite nos Estados Unidos, con 445.000 vacas repartidas nunhas 1.000 ganderías (o tamaño das explotacións varía entre as máis pequenas, con entre 100 e 250 vacas, e as máis grandes, entre 1.000 e 5.000 vacas).
Michigan é o sexto produtor de leite de EEUU e ten a mellor media de produción por vaca e o leite co menor reconto de células somáticas
Michigan conta coa mellor produción media de EEUU (12.300 quilos de leite por vaca e ano) e destaca tamén pola calidade hixiénico-sanitaria do seu leite, cunha media de 144.000 células somáticas por ml, o mellor índice dos Estados Unidos. Que motiva o uso de antibióticos durante o posparto? É no periodo que vai desde o secado até o comezo da lactación no que teñen lugar o maior número de enfermidades e moitas delas, como a metrite, a mamite ou o desprazamento de abomaso, van requerir o uso de antibióticos para o seu tratamento. Pero a maiores, outros problemas metabólicos que aparecen nesta fase, como a hipocalcemia ou a cetose, van predispoñer aos animais á aparición de enfermidades infecciosas, xa que reducen a súa capacidade inmunitaria. Os antibióticos son subministrados aos animais por vía oral, inxectable ou intramamaria. Son os inxectables os que teñen un maior peso en canto á cantidade de mg administrados, algo que Ángel achacou precisamente ao tratamento das enfermidades posparto. Restrinxir o uso de antibióticos “Hai dúas estratexias fundamentais para reducir o uso de antibióticos. A primeira é usalos só naqueles casos nos que sexa estritamente necesario, mediante o uso de cultivos para identificar os patóxenos a tratar, por exemplo no caso das mamite, e tratar só aquelas nas que a vaca vai necesitar antibioterapia e non casos nos que a vaca pode superar a enfermidade sen ela”, defende Ángel.
A gran maioría das explotacións coas que eu traballo en Michigan realizan cultivos nas propias granxas para identificar os patóxenos que causan as mamites
No caso da metrite, tamén é habitual en Michigan a realización de probas diagnósticas mediante o sistema Metricheck para avaliar a gravidade da enfermidade, reservando só aqueles casos máis severos para o seu tratamento con antibióticos. Prevención mediante a mellora do sistema inmunitario A segunda das estratexias para a redución do uso de antibióticos é a prevención, destaca Ángel. “A prevención é sempre mellor que calquera cura e cando falamos de prevención de enfermidades infecciosas estamos a falar de mellorar o sistema inmunitario dos animais”, explica.
A función inmune da vaca empeza a diminuír 3 semanas antes do parto e mantense en niveis baixos ata 4 semanas despois do parto
Unha das principais causas de enfermidades infecciosas durante esta fase de posparto é a disfunción do sistema inmune no período de transición, xa que tanto a función dos linfocitos como dos neutrófilos diminúe antes do parto e mantense en niveis baixos ata aproximadamente catro semanas despois do parto, o que sitúa á vaca nun maior risco de contraer enfermidades infecciosas. “Para minimizar a disfunción inmunitaria é moi importante comezar a traballar no período seco, porque aínda que as enfermidades teñen lugar tralo parto, a patoloxía subxacente desenvólvese no final da xestación, por iso é moi importante manexar ás vacas secas de forma adecuada”, destaca Ángel.
Hai diversas fontes de estrés que contribúen á baixada de defensas da vaca durante o período seco
Os factores que contribúen a esta disfunción inmunitaria son diversos e están relacionados con diversas fontes de estrés, como o motivado polo manexo, as xerarquías no rabaño ou as altas temperaturas, pero as máis importantes a efectos de enfermidades posparto teñen que ver co estrés metabólico e oxidativo, porque se poden corrixir mediante un manexo nutricional adecuado durante o período seco, indica Ángel. Controlar a condición corporal “Os animais teñen que ter unha condición corporal óptima durante a fase de secado. As vacas gordas van comer menos tralo parto e van ter un balance enerxético negativo, mobilizando máis graxa e tendo unha menor inxesta de materia seca e isto predisponas máis a enfermidades metabólicas e infecciosas, porque canta máis graxa mobilizan, menor concentración de inmunoglobulinas e anticorpos en sangue dispoñibles, por tanto, menor funcionalidade do sistema inmune”, asegura Ángel.
As vacas con sobrepeso teñen unha menor resposta inmunitaria, porque a medida que mobilizan máis graxa, menor é a cantidade de anticorpos dispoñibles en sangue, o que diminúe a súa capacidade de loitar contra as infeccións
Como podemos previr este sobrecondicionamiento durante o final da lactación e o secado? É un problema multicondicional, asegura Ángel, pero todo empeza cun manexo reprodutivo eficaz, tentando que as vacas queden preñadas o máis pronto posible tralo período de espera voluntaria, de maneira que podamos previr longos intervalos entre partos porque cando as vacas teñen unha lactación estendida van adquirir maior condición corporal, sobre todo ao final da lactación.
A sobrealimentación no preparto conleva maior predisposición a enfermidade metabólica porque os ácidos graxos non esterificados e os corpos cetónicos teñen unha capacidade inmunodepresora
Este experto realiza ademais unha serie de recomendacións en materia de aloxamento, para garantir grupos de vacas apropiados con alimentación específica, evitando, por exemplo, un consumo excesivo de enerxía en vacas de baixa produción. “O ideal sería tamén ter ás xovencas primeirizas separadas das vacas pola competencia no acceso ao comedero e manter grupos homoxéneos sen ter que facer cambios constantes de lotes, o que aumenta a tensión, o mesmo que é recomendable dispoñer de mecanismos para a redución do estés térmico por altas temperaturas no verán”, explica. Existen distintas estratexias dietéticas a seguir no período seco dentro do manexo nutricional da vaca seca, que van desde restrinxir o contido de enerxía na ración, ben limitando a inxesta, ben aumentando o contido de fibra para diluír a porcentaxe de enerxía, ata un sistema graduado que empezaría con enerxía restrinxida ao comezo do secado e maior enerxía ao final, en preparto, con dúas dietas diferenciadas para as primeiras tres semanas de secado e as tres últimas.
Recoméndase modificar a ración na metade do período seco para achegar máis enerxía á vaca nas tres semanas anteriores ao parto
Ángel recomenda este último sistema, con dúas dietas diferenciadas no secado, unha inicial na que se reduza a cantidade de enerxía mediante a introdución de palla na ración, para deste xeito optimizar o consumo de materia seca pero reducir o de carbohidratos, e unha posterior, para as tres semanas previas ao parto, con maior inxesta de enerxía e proteína metabolizable e introdución de aminoácidos esenciais como metionina e lisina en niveis similares aos da lactación. Prevención de hipocalcemia A hipocalcemia ten graves consecuencias, non só cando se dá a febre do leite e a vaca non se pode levantar (hipocalcemia clínica), senón cando se dá hipocalcemia subclínica, é dicir, cando as concentracións de calcio en sangue son baixas pero o animal é capaz de andar, polo maior risco de enfermidades metabólicas e a afectación ao sistema reprodutivo.
Non se recomendan dietas baixas en calcio en xovencas por estar aínda medrando
Por iso, Ángel asegura que “a prevención de hipocalcemia é moi importante”. En Michigan moitas ganderías utilizan sales aniónicas na ración de preparto, o que provoca unha acidificación da dieta que reduce a absorción de calcio pero tamén xera problemas de palatabilidade, algo que pode reducir a inxesta de alimento. "Para que o nivel de acidificación da dieta sexa efectivo para bloquear a absorción de calcio o pH debería estar por debaixo do 6,5", detalla.

Estrés oxidativo: Que é e como se pode previr?

O estrés oxidativo refírese ao equilibrio entre a produción radicais libres e a cantidade de antioxidantes presentes no animal, xa que a sobreproducción de radicais libres vai xerar dano nos tecidos e a provocar unha disfunción metabólica e unha resposta inflamatoria exacerbada.
O dano oxidativo en tecidos comeza tralo parto pero o estrés oxidativo procede do período seco
A estratexia debe centrarse en proporcionar unha suficiente cantidade de antioxidantes (vitamina A, D e E ou outras vitaminas, micronutrintes e oligoelementos) aos animais mediante unha suplementación que permita previr estas enfermidades e mellorar a produción de leite. É unha estratexia que seguen a maioría de granxas en Michigan.
Á hora de formular unha dieta é importante equilibrar todos os antioxidantes, máis aló da vitamina E e o selenio, polas súas múltiples interaccións
Aínda que Ángel advirte: “un exceso de antioxidantes pode ser prexudicial e estar relacionado con maiores problemas de mamites, polo que hai que chegar a un punto de equilibrio que permita optimizar a produción de leite e previr enfermidades metabólicas sen prexudicar o estado de saúde do animal noutros aspectos”. En EEUU, por exemplo, hai un límite legal para a cantidade de selenio que se pode poñer na dieta dos animais.

Claves para reducir a dependencia dos antibióticos no tratamento da mamite

A veterinaria Marga Penelas, durante a súa intervención nas xornadas técnicas online de Seragro O tratamento da mamite conleva un uso moi importante de antibióticos nas explotacións lácteas, supoñendo en moitos casos máis do 50% do consumo de fármacos das granxas. Pero “os antibióticos non deben ser entendidos como unha ferramenta imprescindible para tratar esta patoloxía, aínda que en ocasións si necesaria”, asegura Margarita Penelas López, veterinaria do servizo de Calidade do Leite de Seragro. Na súa intervención nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, cunha ponencia titulada Tratamento da mamite, moito máis ca antibióticos, detallou unha serie de aspectos clave nos que incidir nas explotacións para lograr reducir a súa alta dependencia dos antibióticos no tratamento das enfermidades da ubre. “É obvio que o mellor para non ter que tratar con antibióticos é evitar que se estableza a enfermidade no animal e, en caso de ser imprescindible usalos, maximizar sempre as posibilidades de éxito”, defende a veterinaria.
Os antibióticos non deben ser entendidos como unha ferramenta imprescindible para tratar a mamite
Seguen sendo prácticas habituais nas explotacións a utilización de antibióticos en patoloxías que non as requiren, primando moitas veces o tratamento inmediato e obviando a realización de probas diagnósticas que permitan afinar o uso de medicamentos.
Ás veces óptase por aplicar tratamentos inefectivos antes que polo descarte do animal
Noutros casos aplícanse tratamentos inefectivos no canto de optar polo descarte do animal, polo que a técnica de Seragro defende a utilidade da análise estatística á hora de tomar determinadas decisións en relación ao tratamento con antibiótico ou ao descarte, por exemplo, clasificando ás vacas en función do seu reconto de células somáticas individual ou do seu número de lactación. Probas diagnósticas Ademais do reconto celular individual de cada animal, a día de hoxe existen outras ferramentas diagnósticas como o reconto celular diferenciado (porcentaxe de neutrófilos e linfocitos sobre o total de células somáticas), que permite saber en que fase está a infección ou coñecer a evolución da enfermidade ou a súa cronicidade.
O reconto celular diferenciado permítenos sospeitar da enfermidade en vacas a priori sas
“Este tipo de datos a nivel de rabaño, obtidos a través da recompilación realizada por Control Leiteiro, son moi útiles para poder anticiparnos e predicir a aparición da enfermidade antes de que o animal mostre signos dela”, asegura.
As análises PCR en laboratorio son probas eficaces pero caras
Ante a aparición dun caso de mamite, Marga Penelas defende a utilidade dos antibiogramas, xa que considera “de vital importancia” realizar a identificación do xerme causante do problema e coñecer o panel de antibióticos para os que este é sensible ou resistente “para non tratar a cegas e utilizar a terapia antibiótica máis adecuada en cada caso, evitando a reaparición da enfermidade (recidivas) e mellorando amplamente os índices de curación do rabaño”.
Os test de cultivo son aptos para ser realizados por persoal non facultativo e non eximen da utilización doutro tipo de probas diagnósticas
Ademais dos antibiogramas, que permiten lograr un maior éxito no primeiro tratamento e unha redución de custo no uso de antibióticos, pódense realizar tamén test de cultivo nas explotacións, que ofrecen resultados rápidos (en aproximadamente 12 horas) e permiten tamén tomar decisións rápidas, sobre todo en casos graves, antes da chegada de resultados do antibiograma. Medidas de prevención “Medidas de prevención e conceptos como limpeza, adecuado mantemento dos equipos de muxido, predipping, selaxe, hixiene de camas e tratamento de vacas enfermas interiorizáronse rapidamente entre os gandeiros, permitindo alcanzar nos últimos anos uns estándares de calidade do leite impensables non fai moito, cunha redución moi notable das mamites clínicas e un descenso nos recontos de células somáticas”, lembra.
Non podemos abordar a mamite con éxito se non entendemos que a vaca funciona como un conxunto de sistemas interconectados e que o establo e o manexo son os que proporcionan equilibrio á vaca
“Non podemos abordar a mamite con éxito se non entendemos que a vaca funciona como un conxunto de sistemas interconectados, e que a vaca, como ser vivo, está interconectada tamén co medio, é dicir, a nosa vaca sería coma unha orquestra na que todos os instrumentos deben estar afinados e tocar ao unísono para que soe a melodía pero será necesario ademais contar cun auditorio cunha boa sonoridade, no noso caso, un establo cómodo e confortable, así como un bo director de orquestra, que sería o gandeiro”, compara.
O establecemento da enfermidade non vai depender soamente de que xermes ou que carga destes haxa no medio
O establecemento da enfermidade non vai depender soamente de que xermes ou que carga destes haxa no medio, xa que o sistema inmunitario da vaca non funciona igual durante toda a lactación; debemos incrementar a habilidade natural da vaca para resistir ás infeccións. Para iso, ademais de medidas preventivas en materia de manexo, alimentación e muxido, existen vacinas contra determinados xermes patógenos causantes de mamite. “Están incluídas no Plan Nacional para a Redución do Uso de Antibióticos e demostraron grande eficacia ante a formación de biofilm”, asegura Marga. Outras ferramentas preventivas para a mellora da inmunidade do rabaño teñen tamén efectos positivos para evitar a aparición de mamites, como o uso de inmunomoduladores, as vacinas contra enfermidades respiratorias e clostridium ou a administración de citoquinas en preparto. Barreiras anatómicas e defensas invisibles As estratexias orientadas a mellorar o sistema inmune da glándula mamaria durante os períodos de inmunodepresión teñen un gran impacto na capacidade da vaca para resistir á infección. A ubre conta con defensas anatómicas, como é o caso do esfínter do teto, que como músculo pecha o paso aos microorganismos externos; a queratina que impregna a canle do teto, que contén ácidos graxos e proteínas que atraen electrostaticamente ás bacterias; ou a pel, que é unha barreira física que é necesario que teña un contido acuoso.
A queratina que hai no teto contén ácidos graxos e proteínas que atraen electrostáticamente ás bacterias, por iso é tan importante tirar os primeiros chorros
A maiores, no ubre hai unha serie de “defensas invisibles”, mecanismos inmunolóxicos como os neutrófilos e os macrófagos, que fagocitan xermes; ou os linfocitos, que fabrican anticorpos. Son fundamentais tamén as citoquinas, involucradas na resposta inflamatoria. “Pero estas defensas non sempre funcionan igual”, explica Marga. No periparto, por exemplo, a actividade de neutrófilos e macrófagos vese reducida, especialmente fronte a xermes como as queriquia coli. Durante a mamite, ademais, o pH da glándula mamaria cae, así como os niveis de glucosa e osíxeno, reducíndose a actividade defensiva destas células. Rutinas de muxido O teto constitúe a primeira liña de defensa da vaca contra os xermes patógenos, por iso as rutinas de muxido son importantes para manter a integridade do teto e unha correcta estrutura do ubre. “Observamos no campo un claro descoñecemento da fisionomía da vaca e das labores do muxido, unha tarefa abandonada polo avance tecnolóxico e pola introdución cada vez máis frecuente nas explotacións dunha man de obra eventual e ás veces pouco profesionalizada para a realización destas tarefas”, alerta Marga.
Prímase case sempre máis a limpeza e desinfección do ubre ca estimulación, polo que non se conseguen fluxos elevados de leite ao comezo do muxido, algo que reduciría claramente os casos de mamite
“Prímase a rapidez de muxido fronte á calidade do mesmo e case sempre se valora máis a limpeza e desinfección do ubre ca estimulación, polo que non se conseguen fluxos elevados de leite ao comezo do muxido, o que serviría para reducir claramente os casos de mamite”, advirte a veterinaria de Seragro. A nivel de instalacións, o aumento no número de cabezas na maioría de explotacións non comportou, en moitos casos, a modernización dos sistemas de muxido, atopándonos con salas de espera e salas de muxido pequenas para o número de animais a muxir, ou ampliacións nos puntos de muxido sen ampliar os condutos de transporte posterior do leite ao tanque, ou mesmo sistemas de muxido robotizado estándar que non se adaptan a as características dos establos nos que están, exemplifica.
En muxido robotizado, fluxos de leite por baixo de 2 kg/minuto en máis do 50% do rabaño é un síntoma de risco de mamite
Por iso, asegura, “a observación, a toma de datos e a medición de parámetros, é dicir, a asistencia ao muxido por parte dos técnicos veterinarios, é imprescindible para anticiparnos á aparición da enfermidade”. Saúde global do rabaño e enfermidades concomitantes “É de vital importancia á hora de predicir a incidencia de mamite nun rabaño, coñecer o estado de saúde xeral e a incidencia de enfermidades infecciosas concomitantes (de tipo respiratorio, clostridiosis, etc), isto é, se hai algún proceso patolóxico, xa sexa infeccioso ou metabólico, que comprometa o sistema inmunolóxico do animal e que fará ineficiente a resposta ao tratamento antibiótico”, argumenta Marga.
Brotes de pneumonía, acedose ruminal ou disentería de inverno agravarán cadros posteriores de mamites ou provocarán a súa aparición
A cetoses e a aparición de mamite están intimamente relacionadas, xa que en niveis elevados de BHB (un dos compoñentes que se producen na fabricación de glucosa a partir das graxas de mobilización) os neutrófilos perden actividade fagocítica de xermes no ubre, especialmente en presenza de E. coli. Por iso, estímase que a cetose clínica durante o postparto duplica o risco de padecer mamite na lactación. As vacas que sofren hipocalcemia clínica ou subclínica tralo parto son tamén moito máis propensas a ter mamite, xa que as células de defensa do ubre son ineficaces ante niveis moi baixos de calcio plasmático.
A aparición de cetose clínica durante o postparto duplica o risco de padecer mamite na lactación
Dentro da saúde xeral do rabaño e a súa incidencia coa mamite haberá que ter en conta tamén a eficiencia reprodutiva da explotación, xa que os días en leite elevados correlaciónanse con alteracións na estrutura do ubre e, polo tanto, coa perda de capacidade de resposta aos antibióticos. Confort e estrés por calor O manexo do rabaño e a súa confortabilidade tamén teñen incidencia directa na aparición de mamite. En situacións de estrés por calor, por exemplo, a vaca tenta disipala enviando maior cantidade de sangue cara ás súas extremidades e producíndose desta forma un menor fluxo sanguíneo cara o ubre, diminuíndo, por tanto, a quimiotaxis (a capacidade da vaca de enviar células de defensa cara o ubre a través do sangue para axudar ás células de defensa residentes), de maneira que diante dun eventual risco de mamite a capacidade de resposta inmunitaria do animal será menor.
O estrés térmico ten incidencia directa na aparición de mamite e no agravamento da enfermidade
A tensión por calor provoca ademais unha elevada cantidade de cortisol en soro e unha perda de bicarbonato a través da salivación debido ao xadeo, entrando en risco inminente de acedose, que ten unha incidencia directa na aparición de mamite clínica. O menor consumo de alimentos e a menor rumia debido á tensión térmica ten tamén unha consecuencia directa na aparición e agravamento das mamite. Alimentación e calidade das ensilaxes Outro dos puntos críticos é a alimentación: calidade das ensilaxes, manexo da fronte, uniformidade da mestura unifeed, arimado de comida, quecemento da ración. etc. “Existe un descoñecemento moi grande entre os gandeiros sobre o impacto da calidade microbiolóxica da alimentación e as ensilaxes na mamite e a calidade do leite”, asegura a técnica de Seragro.
Existe un descoñecemento moi grande entre os gandeiros sobre o impacto da calidade microbiológica da alimentación e as ensilaxes na mamite e a calidade do leite
Por iso, afirma Marga Penelas, as análises fermentativas achegarannos información moi útil da presenza de ácido butírico nas ensilaxes de herba, de cuxa presenza elevada podemos deducir a presenza de aminas bióxenas, que son tóxicas e están directamente implicadas na aparición de distintas patoloxías no rabaño, entre elas a mamite e que tamén achegan sabores e cheiros desagradables á ensilaxe diminuíndo o seu consumo. Estabilidade nas tarefas A organización do traballo na gandería e as dificultades para estabilizar ao persoal contratado tamén teñen incidencia nunha maior ou menor prevalencia de mamite. Máis aló do nivel de especialización do persoal nas tarefas de muxido, a variación de hábitos ou rutinas por cambios a nivel de man de obra (xa sexa pola marcha de traballadores ou por rotacións, descansos, etc) teñen normalmente unha correlación directa coa aparición de casos de mamite.
Ás veces en épocas de sementeira e maior carga de traballo na explotación temos picos de enfermidade por desatención
"Ás veces en épocas de sementeira e maior carga de traballo na explotación temos picos de enfermidade por desatención de protocolos de muxido, menor vixiancia do gando ou seguimento deficiente dos tratamentos", recoñece a veterinaria de Seragro.

"Os antibióticos de secado teñen os días contados"

O próximo mes de xaneiro entra en vigor a nova normativa sobre uso de antibióticos que permitirá a súa utilización con carácter moito máis restritivo. Iso obrigará ás explotacións lácteas a variar determinadas prácticas hoxe habituais en moitas delas, como o tratamento xeneralizado con antibióticos no secado. Neste escenario, a prevención gañará importancia, así como o coñecemento individualizado do nivel sanitario dos animais mediante un seguimento moito máis pormenorizado do seu historial clínico e a súa folla de tratamentos para a toma de decisións chave en relación ao risco de aparición da enfermidade, medicamentos a utilizar ou descarte.
Pódese aplicar un secado selectivo sen antibióticos en vacas de alta produción, ese non é un factor condicionante
A informatización dos datos analíticos cruzados de alimentación e saúde podal e reprodutiva da explotación permitirá ademais establecer puntos de corte para unha terapia selectiva de secado onde o uso de antibióticos sexa mínimo. “Os antibióticos de secado teñen os días contados e aquí é onde entra en xogo a terapia selectiva de secado”, asegura Marga Penelas. A este respecto, asegura que non existen condicionantes a nivel de produción da vaca para poder aplicar un secado selectivo sen antibióticos, que consiste na redución de alimentación para provocar unha baixada de produción de leite do animal, a aplicación dun selador intramamario e extremar as condicións de hixiene.