Archives

A suba das sementes e do gasóleo encarece até nun 30% a sementeira das pradeiras

O custo de sementeira de pradeiras está a incrementarse considerablemente este ano en Galicia, até nun 30% nalgún caso. Ao forte encarecemento das sementes e á pouca dispoñibilidade engádese o prezo do gasóleo, que escalou de novo nas últimas semanas até 1,4 euros o litro. A obriga de rotar cultivos e meter especies mellorantes para cumprir coa PAC disparou este ano a demanda de leguminosas e o seu prezo. Mesmo hai problemas de subministro dalgunhas sementes, como a veza, que está sendo moi difícil conseguir, sobre todo a da variedade sativa, a preferida en Galicia por ser máis rústica e adaptarse mellor ao chan e á climatoloxía da comunidade, e que escalou a súa cotización até situarse por enriba dos 2 euros o quilo.
Está habendo moitas dificultades para conseguir veza e está cara
As  empresas distribuidoras están a priorizar aos clientes habituais no reparto das poucas existencias que hai, e mesmo houbo ganderías que tiveron que retrasar a sementeira das pradeiras á espera de que chegase o pedido de leguminosas e outras que tiveron que variar as mesturas programadas para poder labrar. Con prezos por enriba de 2.000 euros a tonelada (cando hai dous anos podía estar a 600€), nin as empresas multiplicadoras nin as comercializadoras fixeron un acopio excesivo de semente, polo que non estaban preparadas para a avalancha de peticións.
As mesturas estanse a impoñer este ano fronte ás pradeiras monofitas
Aínda que é posible labrar unha única especie de leguminosa ou que as explotacións fagan as súas propias combinacións, algunhas casas comerciais reaccionaron á nova PAC facendo mesturas específicas ou modificando fórmulas xa existentes para engadir máis leguminosa, até lograr sobrepasar o 50% esixido no ecorrexime. Veza con avea, o máis caro A escolla das sementes varía de xeito importante o custo final de sementeira, que depende de varios factores, entre eles o tipo de variedade, as proporcións empregadas na mestura, as doses por hectárea utilizadas e o destino final do cultivo. A suba de prezo está a afectar sobre todo á veza dentro das leguminosas e á avea na parte dos cereais, pero dase un efecto contaxio que acaba por provocar un encarecemento xeralizado no resto de sementes, xa que a falta dunha produce unha sobredemanda noutra. Por exemplo, a escaseza de veza está a derivar en maior demanda tamén de chícharo como alternativa para as mesturas con cereal. O triticale e o centeo están a prezos equiparables e un pouco máis asequibles, pero a avea é máis cara este ano que noutras campañas. Cos prezos desta campaña, sementar unha hectárea de veza con avea como cultivo de inverno para ensilar, para o que serían necesarios uns 150 kg/ha (80 de veza e 70 de avea), pode chegar aos 300€ só de semente. 
Os cultivos de inverno con veza poden chegar nesta campaña aos 300€/ha sumándolle o cereal para acompañala
Para as explotacións que labran a veza non como cultivo forraxeiro, senón para non deixar a terra baleira, enterrando despois a leguminosa como abono en verde, as doses son máis baixas, pero como pouco hai que meter entre 40 e 50 quilos por hectárea, o que supón uns 110 €/ha. Se en vez de botar unha única especie (veza, chícharo ou altramuz só) se opta por unha mestura de varias leguminosas lógrase abaratar algo o custo, que pode situarse en 90€/ha con doses de 35 kg/ha.
Labrar unha pradeira de raigrás custaría uns 150€/ha en total entre semente e traballo. Se se mestura con trevo serían 40€ máis
A sementeira de pradeiras de herba só con gramíneas sae un 40% mais barata que mesturada con trevo, pero por menos de 90€/ha é difícil botar calquera raigrás. Se se lle mestura trevo e se quere que sirva para cumprir co ecorrexime, para o que a leguminosa ten que ser maioritaria, o importe sobe até os 120€. Neste caso unha mestura habitual podería consistir en 13 kg/ha de trevo violeta e 12 de raigrás italiano, por exemplo. Entre 60 e 80 euros por hectárea de laboreo A eses custos, só da semente, habería que engadir os de laboreo e sementeira. As empresas de servizos tamén subiron tarifas, uns 10€ con respecto ao ano pasado, polo que o custo do traballo de sementeira moveríase entre os 60 e os 80€/hectárea, que sería o custo dunha hora de grade rápida ou combinada.
As empresas de servizos están a repercutir tamén a suba do gasóleo e dos intereses dos préstamos para mercar a maquinaria
Se se paga por sacar o purín, habería que sumar tamén esas horas,  porque aínda que para labrar a leguminosa tralo cultivo de millo non sería necesario fertilizar, a maioría das ganderías non dispoñen de capacidade de almacenamento suficiente para o xurro para aguantar todo o ano sen sacalo, até volver labrar de novo o millo a primavera que vén, polo que aproveitan a sementeira das pradeiras en outono para baleirar as fosas de purín de cara ao inverno. Máis proteína nos silos para lograr un abaratamento da ración Alén dos beneficios agronómicos das leguminosas como cultivos mellorantes dos solos, unha consecuencia directa do incremento da superficie labrada con este tipo de especies vai ser un aumento do contido proteico dos ensilados dos que disporán as ganderías galegas o vindeiro ano, o que lles permitirá axustar a ración e reducir a compra de insumos como soia ou colza.
Canta máis leguminosa haxa na mestura, máis proteína pero menor cantidade de materia seca
A veza acada porcentaxes do 20% de proteína, ao igual que as mesturas de trevos, e o chícharo mesmo supera eses niveis. Ao mesturar cunha gramínea (o raigrás ten un 7%) ou cun cereal (a avea aporta un 8-9% e o triticale un 13%) redúcense as porcentaxes medias, que poden chegar ao 17-18%. Pero estas fórmulas para cumprir co ecorrexime da PAC, onde predomina a leguminosa, son mesturas difíciles de ensilar, xa que son combinacións forraxeiras moi altas en proteína e baixas en carbohidratos non exentas de riscos á hora da conservación (son recomendables inoculantes a base de bacterias). Leguminosas como os chícharos conteñen proteínas moi solubles, en ocasións difíciles de trasladar á ración, e que penalizan a cantidade de forraxe en términos de materia seca obtida.

Piden que, de modo excepcional, non se esixa este ano o requisito do 5% da superficie labrada con leguminosas

Ante a carestía e escaseza de sementes, en Cataluña a organización de produtores Unió de Pagesos, que está integrada a nivel estatal en Unión de Uniones, solicitou á Generalitat de Cataluña que faga unha excepción este ano dentro do ecorrexime de cultivos mellorantes e non esixa que o 5% da superficie se labre con leguminosas como semente principal, debido á caída da produción de semente certificada de leguminosas coincidindo cun ano de forte demanda. Sen embargo, desde a Asociación de Empresas Produtoras de Sementes Selectas (APROSE), rexeitan de plano esta petición e aseguran que tería importantes consecuencias negativas para as empresas multiplicadoras.
No conxunto de España, están acollidas ao ecorrexime de rotación case 7 millóns de hectáreas, o que obrigaría a labrar 350.0000 hectáreas con leguminosas
Os produtores de sementes din que para garantir o subministro nesta campaña, e ante a escasa colleita en España, tiveron que aprovisionarse a un custo elevado noutros países, polo que, de non dar saída agora a esta mercadoría, sufrirían perdas considerables. Colleita moi escasa e altísima demanda A situación de falta de semente de leguminosa vénse arrastrando desde a campaña pasada. A seca, e despois as xeadas, minguaron a anterior colleita de semente certificada de xeito moi considerable. Tanto, que os rendementos baixaron de 1.200 kg por hectárea a só 300, insuficientes para cubrir unha campaña de sementeira normal, e moito menos esta, onde a demanda se disparou.
Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos para mesturar cos cereais de inverno
Á mala colleita engádese o feito de que case sete de cada 10 hectáreas adicadas a terras de cultivo en España se acolleron ao ecorrexime de rotación con especie mellorante, o que equivale a case sete millóns de hectáreas. Habería que botar leguminosas alomenos no 5% desa superficie, o que significa que unhas 350.000 hectáreas terán que ser sementadas con leguminosa nesta campaña no conxunto de España.   Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos como substitutivo para mesturar cos cereais de inverno. A veza é un cultivo forraxeiro, polo que a cantidade de semente que se colleita é moito menor que no caso dos chícharos. Sementes importadas Para cumprir co fixado na PAC esíxese labrar semente certificada. O problema é que o proceso para a súa posta no mercado require dunha planificación a longo prazo, polo que non é doado incrementar a produción dun ano para outro. Por iso, Unión de Uniones tamén pide que se permita, excepcionalmente, o intercambio entre agricultores, aínda que non se trate de semente certificada, para poder cumprir coa PAC deste ano. A veza ou cereais como a avea, o centeo ou o trigo proceden maioritariamente de empresas multiplicadoras españolas, pero algunhas variedades do trevo utilizado nas sementeiras de pradeira en Galicia proceden de países tan alonxados como Australia. No caso de gramíneas como o raigrás, é frecuente que as sementes veñan dos EEUU.

As mellores sementes para as túas pradeiras

Como complemento ao cultivo do millo, os cultivos de inverno completan a base da alimentación do gando vacún.
Unha adecuada selección da semente e un bo manexo do cultivo contribúe á redución dos custos de produción, tendo un peso tan importante coma o millo na explotación.

O catálogo inclúe distintas combinacións:

  • Siega Max é a mestura de raigrás westerwold e raigrás italiano, unha combinación de variedades selectas con alta capacidade de implantación e tolerancia a enfermidades que garanten a máxima produción no primeiro e segundo corte de ensilado, con resistencia ao encamado e marxe de espigado para que a climatoloxía non condicione a elección do momento de sega.
  • Siega Max-pro é a combinación ideal de raigrás con trevos anuais de actitude forraxeira, que proporcionan alto contido en proteínas, boa palatabilidade e gran capacidade de rebrote.
  • Siega Max-pro alternativa proporciona maior contido en azucres que outras mesturas para unha mellor conservación do silo e unha proteína máis asimilable grazas á súa fórmula de raigrás italiano, raigrás híbrido e trevos.
  • Siega Max-plus representa o equilibrio perfecto entre proteína e fibra grazas á combinación de raigrás westerwold con trevo alexandrino, encarnado e persa, o que proporciona ao gando un excelente equilibrio nutricional.
  • Triti Max é unha mestura de veza, triticale e raigrás italiano que achega máxima produción sen descoidar a calidade nutritiva. Inclúe semente inoculada de variedades selectas.
  • Hibrid Max é unha combinación ao 50% de raigrases ingleses e híbridos con dobre actitude, apta para rotación con millo ou pradeira plurianual, destacando o seu alto valor nutricional por enriba da media.
  • Pasto Max é a pradería de longa duración para sega e pastoreo. A combinación de raigrás inglés, raigrás híbrido, trevo branco e trevo vermello achega alta produción e gran calidade nutritiva nunha pradeira con boa implantación e resistencia ao pisado que dura ata 6 anos.

Na seguinte ligazón pódese descargar o catálogo completo de sementes pratenses de Soaga con indicación das doses de sementeira recomendadas. O departamento técnico da empresa, formado por enxeñeiros agrónomos, está a disposición dos agricultores e gandeiros para axudarlles a elixir a mestura que mellor se adapta ás súas necesidades, en función de factores como o tipo de chan ou a duración e destino final da pradeira.

Podes contactar co Grupo Soaga no teléfono 986 516 035 ou a través da páxina web www.gruposoaga.com.

A importancia da rotación millo-pradeira

O cultivo de inverno con mesturas de raigrás, cereais e leguminosas achega proteína e reduce as necesidades de fertilización do cultivo de verán ao fixar nitróxeno ambiental

As condicións edafolóxicas nas que traballamos son as idóneas para sacar un alto rendemento do cultivo de inverno. Outra das vantaxes de non deixar as terras baleiras é a redución da escorrentía, así como a fixación de nitróxeno ambiental por parte dos trevos, o que reduce as necesidades de fertilización do cultivo de verán.

A rotación de cultivos é precisamente un dos aspectos ambientais nos que a nova PAC fai fincapé, tanto a través dos ecoesquemas como da condicionalidade reforzada, polo que a partir de 2023 a sementeira de praderías trala colleita de millo será unha das prácticas esixidas ás explotacións agrícolas e gandeiras.

Piden ao Ministerio que facilite aos agricultores a comercialización das súas propias sementes ecolóxicas

A organización agraria Unión de Uniones na reunión mantida este martes coa Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola e Oficina Española de Variedades Vexetais, Subdirección Xeral de Calidade e Sustentabilidade Alimentaria e Subdirección Xeral de Control da Calidade Alimentaria e Laboratorios Agroalimentarios, trasladou a problemática que teñen os agricultores, producindo e intercambiando o seu propio material vexetal. Unión de Uniones resaltou o Regulamento UE 848/2018 de produción agroalimentaria ecolóxica sobre o intercambio de sementes e material vexetal, a partir do 1 de xaneiro de 2022, debido a que exceptúa o material heteroxéneo ecolóxico de seguir a normativa comunitaria de rexistro e comercialización de material vexetal. Neste sentido, a organización pide que se teña en conta esta especificidade na tramitación do novo real decreto que regula os operadores de material vexetal.

“A normativa actual de intercambio de sementes favorece ás empresas e prexudica ao agricultor”

Unión de explica que a normativa actual de rexistro e comercialización de material vexetal facilita e protexe as empresas que se dedican a producir e comercializar material vexetal, pero impide o intercambio de sementes e demais material vexetal entre agricultores. Unha das características do material vexetal rexistrado para a súa comercialización é que supón un maior uso de insumos debido a que son variedades máis produtivas, pero máis dependentes do uso de fertilizantes fitosanitarios e auga, á vez que fomenta unha perda de biodiversidade. Segundo distintos expertos, a longo do século XX perdeuse máis do 75% da diversidade xenética de cultivos. Unión de Uniones móstrase crítica coa situación actual, alertando que de non modificarse o Estado estaría a ir en contra da estratexia de biodiversidade acordada por Europa e dos acordos internacionais que asinou España como o Protocolo de Nagoya ou o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, que entrou en vigor o ano 2014, e que o  propio Ministerio recoñeceu que non se desenvolveu suficientemente en España. Union de Uniones emprazou ao Ministerio a porse ao labor para establecer os mecanismos legais que dean cobertura ao intercambio de sementes e material vexetal por parte dos agricultores, usar a xanela que abre a normativa comunitaria para facilitar este intercambio no sector ecolóxico, acelerar o cumprimento en España do Convenio sobre Diversidade Biolóxica e establecer os mecanismos necesarios para evitar a biopiratería nas mostras de material vexetal e semente que os agricultores que queiran comercializar material vexetal heteroxéneo ecolóxico deberán enviar ao Ministerio. Finalmente, Unión de Uniones lamentou a posición que defende España en Europa para evitar que os novos OMG teñan que cumprir a normativa de transxénicos. “Está a defenderse sen contar coa opinión dos agricultores nin dos consumidores, defendendo só os intereses da agroindustria”, sinalaron.

O CIAM patenta un sistema para a multiplicación de sementes en microinvernadoiros illados

A estrutura creada ten forma de invernadorio con compartimentos pero en vez de plástico emprega malla O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Medio Rural, vén de patentar un sistema innovador para a multiplicación de semente en ambientes controlados. Este modelo, único en España, ofrece unha maior efectividade no proceso con diferentes vantaxes. De feito, permitiu ata o de agora a multiplicación de máis de 100 poboacións naturais de especies pratenses (destinadas a alimento do gando) e de cereais de inverno. Con esta iniciativa trátase de facilitar a rexeneración das coleccións de sementes para a súa conservación nos bancos de xermoplasma. Esta riqueza xenética resulta fundamental para preservar a biodiversidade e constitúe unha copia de seguridade do noso patrimonio agrícola e das especies emparentadas, que serve para o desenvolvemento da agricultura autóctona e que permite fornecer ao sector do material necesario para a súa actividade. Este sistema do CIAM, con tecnoloxía desenvolvida no propio centro, facilita levar a cabo o proceso de multiplicación con maior eficacia e menores custos que os sistemas tradicionais. Así, estes métodos clásicos realízanse ao aire libre e requiren de grandes superficies de cultivo e man de obra. Por outra banda, o proceso vese influído por factores ambientais que poden afectar á colleita de semente.
Os métodos clásicos que se realizan ao aire libre requiren de grandes superficies de cultivo e man de obra e as colleitas vense influenciadas en ocasións por factores ambientais e contaminación cruzada entre especies
Estudos feitos no centro de Mabegondo concluíron que non se garantía a renovación efectiva debido a factores como a contaminación por pole externo, fallos na barreira de illamento ou causas ambientais. Polo tanto, iniciouse unha investigación para idear metodoloxías máis eficientes de multiplicación de sementes mediante a instalación de sistemas que producen microambientes controlados e illados fisicamente do exterior. Características do novo sistema en ambiente controlado O novo sistema patentado pola Agacal está dividido en 10 compartimentos, con teito en arco para impedir a acumulación de auga. O chan revestiuse con malla permeable á auga. Unha dobre porta cruzada permite individualmente o acceso a cada compartimento, e cada acceso consta de batente ou reembalse por todo o perímetro.
A capacidade total da estrutura é de 2.200 macetas en diversos compartimentos estancos pero permeables ao aire e á choiva
As portas abren cara a fóra para crear unha corrente de aire inversa no momento da apertura e así dificultar a entrada de pole externo para evitar contaminacións. As paredes e o teito están revestidos cunha malla especial que impide o paso do pole pero que deixa pasar o aire e a auga. Ademais, está reforzada para previr roturas ou danos polo vento. Cada compartimento ten capacidade para 220 macetas con rego por goteo programado electronicamente. Así, a capacidade total da estrutura é de 2.200 macetas. Polinización A polinización realízase con ventiladores programados para as especies anemófilas que se valen do vento Para a distribución do pole, no caso de especies anemófilas (polinización por medio do vento), instálanse ventiladores internos para permitir o movemento de aire e facilitar a dispersión cun sistema temporizado para maximizar a ventilación nas horas axeitadas para cada especie e que proporcionan un caudal de aire mínimo de 400 m³/h. No caso de especies entomófilas (polinización realizada por insectos), no momento da floración instálanse colmeas de abellóns (Bombus sp.), con 50 individuos que posteriormente se liberan. O conxunto da instalación ten 4,5 metros de altura para permitir o libre desprazamento e o voo dos abellóns. Tamén permite fusionar compartimentos mediante a eliminación da malla interna que os separa.
Nas especies anemófilas empréganse ventiladores programados que crean correntes de aire e para as entomófilas introdúcense colmeas de abellóns
Polo tanto, a polinización realízase no interior de compartimentos tanto para especies anemófilas coma para entomófilas. No primeiro caso, mediante sistemas de ventilación asistida e, no segundo, mediante a introdución de colmeas de abellóns no seu interior durante a época de floración para garantir a produción de semente. Outras vantaxes En definitiva, entre as vantaxes deste novo sistema desde o CIAM salientan unha maior autonomía e control nos procesos de multiplicación, a diminución da superficie total requerida para multiplicar varias poboacións da mesma especie, a redución de man de obra e uso de maquinaria, ao ser un sistema desatendido e automatizado, ou unha mellor protección fronte a pragas e enfermidades ou factores ambientais adversos. Ademais, tamén permite unha maior eficiencia de polinización, grazas á circulación rotativa do pole orixinada polos sistemas de ventilación e a diminución do estrés térmico respecto a invernadoiros convencionais, ao ser un sistema totalmente permeable ao aire e choiva. A maiores, favorece o aforro do uso de fertilizantes e combustibles, cun claro beneficio para o medio ambiente, o aforro de auga, xa que ao ser un sistema permeable en días de choiva a auga penetra a través da malla e o sistema corta o rego e a prevención de dispersión de sementes ao medio natural, ao ser un sistema illado.

Encontro da Rede de Sementes en Betanzos

Betanzos acolle o próximo 14 de marzo o VII Encontro da Rede Galega de Sementes. A cita celebrarase no antigo matadoiro e contará con mesas de intercambio de sementeiras así como un mercado de produtos ecolóxicos. Tamén haberá obradoiros sobre o cultivo de cogomelos ou o viño de Betanzos. A xornada contará con actuacións musicais e un xantar popular. A continuación, detallamos o programa do encontro: 10.30 horas. Apertura da mesa de Troco de Sementes e Mercado de produtos ecolóxicos e artesanais. Os asistentes poderán levar as súas sementeiras para trocalas cos participantes. 12.00 horas. Obradoiro de micorrizado e cogomelos en tronco. As persoas interesadas poderán levar o seu propio tronco, cun diámetro de entre 8 e 20 centímetros para participar na sesión. 13.30 horas. Actuación das pandereteiras Pesquedellas. 14.30 horas. Xantar popular. 17.00 horas. Mesa redonda: O viño de Betanzos: pasado, presente e futuro. 17.30 horas. Concerto infantil con Xabi Longueirón. Tamén haberá un espazo de xogos tradicionais. 19.30 horas. Peche da mesa de troco. A mesa estará pechada tamén entre as 14.30 e as 16.30 horas. Foliada popular “Os do Xalo”. A iniciativa conta coa colaboración do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, que habitualmente dispón dun posto, así como do Sindicato Labrego Galego e do Concello de Betanzos.  

Xornada sobre claves para lograr un ensilado de millo de calidade

A firma KWS, especializada na comercialización de sementes, impartiu esta semana unha charla en Santiago na que abordaron algunhas das claves para lograr ensilados de mellor calidade. O xerente de produtos de millo para ensilado de KWS, Dimas Cardoso, ofreceu recomendacións para a elección de variedades coas que aumentar a cantidade de leite e carne que se logra nos animais e non só lograr maiores rendementos por hectárea na leira.

Cardoso recomendou elixir híbridos orientados especificamente ao ensilado. “Os graníferos teñen unha digestibilidade de fibra inferior, e aínda que produzan máis grans, a resposta animal pode ser menor”, explica.

Á hora de escoller unha variedade para ensilado, o experto aposta por dar prioridade a que teña un alto número de grans, pero sobre todo unha alta dixestibilidade da fibra, así como unha elevada conversión en carne ou leite. As mellores opcións son as variedades que ofrezan talos grosos (que aseguran un menor contido de lignina, e por tanto unha maior dixestibilidade da fibra), follas sas e grans profundos para un mellor procesamento. “Estas variedades ofrecen unha estabilidade de rendemento fronte a diferentes datas de sementeira”, sinala o experto.

Un ensilado de calidade

O labor do agricultor débese orientar á obtención dun ensilado de millo de calidade, “que son aqueles que reducen os custos de alimentación e dan resposta á demanda dos sistemas produtivos actuais”, apunta. Para el, ese alimento permitirá aos animais de alto rendemento reducir o Intervalo Entre Partos (IEP), así como os días en leite (DEL), ao mellorar o nivel nutricional da vaca e polo tanto a súa capacidade reprodutiva.

Todo iso sen perder de vista que os ensilados de alta calidade poden ter unha importante participación na dieta dos animais, xa que achegan fibra e enerxía, co que diminúe a necesidade de uso de concentrados.

Aproveitar todo o amidón

En canto á necesidade de uso do ‘cracker’ de grans durante o picado, Cardoso sostén que é fundamental que o gran estea partido para un mellor aproveitamento do amidón. Cando o gran non é tratado obsérvase a súa presenza nas feces do animal, e cando se analiza o seu contido de amidón atópanse valores moi elevados, cun potencial que non aproveitou o animal.

“O ‘cracker’ é moi importante para aproveitar o máis valioso do ensilado: a enerxía contida dentro do gran”, explica Dimas Cardoso

Cardoso asegura que é moi importante que o contido de amidón nas feces non supere o 5%, xa que por cada 1% de almidón que se atopa en feces déixanse de producir 350 mililitros de leite ou 35 gramos de carne.

“O ‘cracker’ é moi importante para aproveitar o máis valioso do ensilado: a enerxía contida dentro do gran”, sostén. Ademais, co obxectivo de aproveitar eficientemente o amidón recomenda, na medida do posible, comezar a consumir o silo a partir dos 150 días posteriores á súa elaboración. “Actualmente os materiais dispoñibles posúen un 12-14% do amidón que non se logra utilizar, e é por iso que en KWS estamos a traballar na selección de millos cuxo amidón se poida utilizar nun 100%”, agregou.

Grao de humidade

Respecto do contido de humidade no momento do picado, o especialista sinala que a medida que aumenta a porcentaxe de materia seca tamén aumenta a produtividade de leite e carne por hectárea. O mellor equilibrio entre humidade e acumulación de amidón dáse cando a materia seca se situa nun rango de entre o 32 e o 38%.

Xornada sobre semente e técnicas de cultivo da faba de Lourenzá

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo (Lugo) organiza o próximo martes 5 de novembro unha xornada técnica centrada na Faba de Lourenzá. Na sesión abordarán a produción de semente certificada de Faba Galaica e expoñeranse os resultados das diferentes técnicas de cultivo da Faba Lourenzá.

Os interesados en participar deberán remitir a solicitude ó centro CFEA Pedro Murias no correo electrónico cfearibadeoarrobaxunta.gal ou ben nos teléfonos 982 828 554/52.

A continuación detallamos o programa da xornada:

10.00 – 10.30 horas. Recepción dos participantes e presentación da xornada.

10.30 – 11.15 horas. A variedade de Faba Galaica. Antonio de Ron Pedreira. Profesor de investigación da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).

11.15 – 12.00 horas. Aspectos agronómicos e ambientais do cultivo da faba.
Paula Rodiño Míguez. Titulada Superior na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).
Juan L. Tejada Hinojoza. Profesor da Universidade de Perú. Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).

12.00 – 12.15 horas. Pausa – café.

12.15 – 12.45 horas. Produción da faba en Galicia. Rafael Peláez Valle. Biólogo. Asesor agronómico.

12.45 – 13.15 horas. Diferentes técnicas de cultivo da faba de Lourenzá. José Cuadrado Oural. Enxeñeiro técnico agrícola. Presidente da Cooperativa Terras da Mariña. Presidente do Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá.

13.15 – 13.30 horas. Conclusións.

13.30 – 14.00 horas. Cata de Faba Galaica. Asociación de Cociñeiros da Mariña.

“As limitacións da UE aos transxénicos provocan que sexamos cada vez menos competitivos”

José Luís Romeo, presidente da Asociación General de Productores de Maíz de España (AGPME) aborda algúns dos desafíos que se expoñen aos agricultores e gandeiros na produción de millo en España. O uso de variedades transxénicas, os avances tecnolóxicos, o uso de prácticas sustentables ou a competencia con grandes potencias produtoras son algúns dos temas tratados. -Que importancia ten o cultivo de millo en España no sector primario? Nos anos 2014/15 España chegou a contar cunhas 420.000 hectáreas produtivas de millo e agora mesmo estamos nas 320.000. Así, en apenas 5 anos a superficie produtiva diminuíu nunhas 100.000 hectáreas debido aos altos custos que implica a produción de millo, que ademais esixe rega en boa parte de España. A maior parte do millo destínase á fabricación de pensos compostos, para a alimentación do gando, mentres que en zonas como Galicia os gandeiros cultivan o millo para ensilado e lograr forraxes para a alimentación dos seus animais.
“En 5 anos, a superficie produtiva diminuíu nunhas 100.000 hectáreas debido aos altos custos”
-Que porcentaxe desta produción é cultivo ecolóxico? Hai moi pouca superficie dedicada ao millo ecolóxico, é case insignificante. Aínda que hai xente dedicada á produción deste tipo de cultivo, que logo se destina para a fabricación de pensos ecolóxicos, é moi pouca a produción. Doutra banda, aínda que non é produción ecolóxica, unha parte do cultivo de millo tamén se destina ao consumo humano, por exemplo para os flocos de millo. Este tipo de produción tamén ten unhas normas máis estritas en canto a tratamentos fitosanitarios. - En Galicia, a produción deste cereal vincúlase ao millo de secaño, destinado principalmente ás forraxes. ¿Que peso ten este tipo de millo na produción estatal? En verdade, o seu peso é moi pouco no cómputo xeral da produción de millo estatal. Ademais de en Galicia, tamén en León hai unha zona fresca na que tamén se produce este tipo de millo. A diferenza radica en que nestes millos de secaño conséguese unha produción media duns 11.000 quilos por hectárea mentres que na zona do Ebro, no millo do regadío, a produción sitúase nos 15.000 quilos por hectárea e mesmo pode chegar aos 20.000. As zonas máis altas e frescas prodúcense millos de ciclos curtos e nas zonas máis cálidas prodúcese millo de ciclo longo. Mesmo na zona de Aragón e Lérida prodúcense dous cultivos. Antes de sementar o millo, cultívase cebada ou guisante, logo realízase unha sementeira directa de millo e aínda se obteñen preto de 12.000 quilos de millo por hectárea despois de lograr 7.000 quilos de cebada. - Precisamente en Galicia, a incidencia da fauna salvaxe, sobre todo xabaril, está a condicionar que nalgunhas zonas se reducise o cultivo. Como abordaron esta problemática desde a asociación? Ocorre en Galicia, en Aragón ou en Cataluña, está a ocorrer en todos lados. Ademais, non só é preocupante polos estragos que as poboacións de xabaril están a causar no millo senón tamén porque son un foco de contaxio de enfermidades como a peste porcina. En países como Francia, despois de detectarse algún contaxio en Bélxica, xa están a actuar para frear o aumento das poboacións. Aquí, polo momento, pouco está a facerse e vémonos con que é moi difícil atallar os danos nos cultivos, sobre todo en grandes leiras de millo con 20 ou 30 hectáreas, onde é moi complicado sacar ás camadas aínda que se fagan batidas con cans e acabamos tendo importantes danos. - A nivel mundial, que posición ocupa España na produción de millo? A produción mundial de millo sitúase aproximadamente nos 1.000 millóns de toneladas e en España producimos preto de 4 millóns de toneladas, polo que somos ‘insignificantes’. Desta produción mundial, preto dun terzo prodúcese en Estados Unidos, uns 350 millóns de toneladas, e son os que fixan o prezo do mercado posto que son os grandes produtores. Tamén China está a ter unha importante produción do mesmo xeito que Arxentina e Brasil que son outros dous grandes produtores. A nivel europeo, Francia e Romanía son importantes e en Bulgaria tamén se produce, aínda que non na mesma medida. En España temos unha cabana gandeira moi grande que nos obriga a importar millo. Xa en 1992 tiñamos un convenio con EE.UU. para que se trouxesen 2 millóns de toneladas de millo e 600.000 toneladas de sorgo para alimentar a gandaría, pero agora esta cifra incrementouse até o punto de que temos que importar máis do dobre do que producimos para alimentar á nosa cabana gandeira. - Para pornos en perspectiva, como evolucionaron os rendementos medios nas últimas décadas? Os rendementos medios van aumentando. En España temos a media máis alta de produción de Europa. Estamos nunha produción media de 11,5 toneladas por hectárea pero que poden chegar ás 20 toneladas por hectárea e iso non o ten ninguén en Europa. En comparación co resto de Europa, en zonas como o Val do Ebro temos unhas moi boas condicións para producir, o que ocorre é que diminuíu a superficie produtiva, principalmente porque os números non cadran.
“En España temos a media máis alta de produción de Europa pero os prezos de hai 30 anos”
- E se falamos de prezos, que valoración fai da situación actual? Boa parte da culpa da situación que atravesa agora mesmo a produción de millo en España, coa caída da superficie produtiva, débese a que sigamos con prezos de hai 30 anos. Cando entramos na Comunidade Económica Europea, o millo xa estaba en 30 pesetas e agora estamos por baixo dese prezo. Na actualidade está a pagarse a 175 euros por tonelada. Levamos toda a vida co mesmo prezo mentres os custos soben (a semente vale moito diñeiro, requírese moito abonado, ademais do custo da auga e a rega, que tamén suma). - É competitivo o millo español fronte ás importacións de xigantes como Estados Unidos ou Arxentina? Cada vez menos. Nós estamos a importar millo de países que utilizan transxénicos que son moito mellores que o único transxénico autorizado que temos en España desde hai 20 anos. Contar con plantas cunha mellor xenética fai que teñas que utilizar menos abonos, menos fitosanitarios e, en definitiva, poidas ter unhas plantas máis sás e produtivas e que se reduzan os custos de produción. Nós temos que competir directamente con eles pero logo importamos todo o millo de todo tipo que a nós desde a Unión Europea non nos deixan producir. - Temen que lles afecte negativamente o acordo UE-Mercosur e UE-Estados Unidos? Cremos que vai repercutir moito en produtos como o millo ou a soia así como na carne de vacún. Posiblemente outros sectores como o porco terán mellores perspectivas pero a nós creo que nos afectará moito, sobre todo, se se reduce a cabana gandeira, xa que afectará á demanda. Hai que ter en conta, ademais, que en países como Arxentina, cunha crise de devalorización da moeda, estes produtos exportaranse a prezos moi baixos a Europa.
“Un campo de millo absorbe máis CO2 que unha plantación de piñeiros”
-Nun cultivo como o millo, que leva parella unha importante carga de fitosanitarios, ¿como se asume desde o sector o reto de lograr unha produción máis sustentable? Hai xa 5 anos que o 70% dos principios activos que se poden utilizar en herbicidas e en fitosanitarios elimináronse polo que agora cústanos máis loitar contra determinadas herbas ou pragas, como o caso da araña vermella no millo, que agora é máis complicado combatela. Isto estanos producindo problemas ós produtores pero sabemos que é mellor porque eliminamos produtos que se supoñen que eran moi prexudiciais para o campo. Ademais, na zona de Aragón está a optarse moito por sementeira directa para reducir gastos de combustible, de revolver a terra, e ao mesmo tempo ao traballar sobre unha capa de restrollos de cebada conséguese manter máis a humidade no chan. Tamén se está optando pola localización do abono na liña de sementeira para evitar esparexelo por todo o campo, concentrándose no millo. -Cales son os principais retos que se lle presentan ao sector con respecto ao cambio climático? Fronte ao cambio climático a produción de millo é moi importante debido á súa capacidade de absorción do CO2. Un campo de millo absorbe máis CO2 que unha plantación de piñeiros. Isto creo que debería de valorarse en maior medida. En zonas que se pasou de espazos desérticos a contar con plantacións de millo estase transformado un deserto en auténticos sumidoiros de carbono da atmosfera.

“Ao redor do 35% do millo que se sementa no noso país é transxénico”

- A modificación xenética, con variedades máis resistentes, é tamén unha opción que contemplan desde outros sectores produtivos, é o millo transxénico unha opción a ter en conta en España? O millo transxénico en España é moi importante e ao redor do 35% do que se sementa no noso país é millo transxénico. Somos o primeiro país en Europa en superficie deste tipo de millo e é imprescindible para realizar unha dobre colleita porque ao sementar en xuño, nesa época as pragas como o trade do millo xa están moi asentadas no chan e se non utilizas uns transxénicos hai que empregar moitos insecticidas e resulta moi difícil combatela. Contar cos transxénicos é o que posibilita que se poidan realizar dobres colleitas.
“En Estados Unidos hai entre 20 ou 25 transxénicos máis fáciles de cultivar e eficientes para o medio ambiente”
Mentres, en países como Estados Unidos hai entre 20 ou 25 transxénicos que son resistentes contra a seca, os vermes do chan ou máis eficientes para o uso do nitróxeno. Isto fai que sexan moito máis fáciles de cultivar e máis eficientes para o medio ambiente, ao reducir a carga de insecticidas e herbicidas precisos e ser máis específicos ao atacar só aos insectos que afectan o millo, en lugar de eliminar todo. Aquí temos o MON810 que se desenvolveu hai máis de 15 anos e só contamos con ese. -Como foi a evolución dos millos modificados xeneticamente (OXM) en España? Desde a UE puxéronse tantas probas específicas para desenvolver os transxénicos, que implican un desembolso económico tan importante, que se freou o seu desenvolvemento. Estivemos vendo como noutros países se desenvolveron estas técnicas e mesmo aproveitaron as nosas investigacións nestes campos. - A nivel de resistencia a enfermidades e de mellora dos rendementos. Cales son os aspectos nos que hai que mellorar máis e que técnicas están a utilizarse con máis éxito?
“Para mellorar os rendementos está a traballarse coa tecnoloxía CRISPR, que tamén nos vetaron dende a UE”
Agora mesmo para mellorar os rendementos está a traballarse coa tecnoloxía CRISPR, pero que tamén nos vetaron dende a UE, xa que consiste nunha modificación no xenoma pero neste caso sen introducir xenes alleos á planta, senón modificando os propios. É un tipo de xenética dirixida que posibilita un avance importante nos cruces aínda que agora mesmo está moi limitada do mesmo xeito que os transxénicos. Nestes momentos está en debate o seu uso, pero inicialmente desde a Unión Europea ten importantes restricións, suxeitas a probas similares ás dos transxénicos, mentres que outros países xa se están aproveitando diso polo que se non se axilizan volveremos quedarmos atrás. Ademais, hai que ter en conta que estes organismos modificados con tecnoloxía CRISPR serán imposibles de diferenciar polo que o control dos que cheguen de fóra será moi difícil. - As casas de sementes están a concentrarse nunhas poucas multinacionais que copan o mercado mundial. Como valora este proceso? Corremos o risco de quedar en España sen obtentores nacionais? Persoalmente prefiro que non se concentre e que haxa varias casas comerciais o que xera competencia entre elas. Neste sentido, a tecnoloxía CRISPR tamén podería ser unha ferramenta para que firmas pequenas desenvolvan sementes que antes só se podían permitirse as grandes multinacionais, xa que se perfila como unha tecnoloxía relativamente alcanzable.
-E se falamos de retos de futuro, afectará a remodelación da PAC á produción de millo? Ao millo probablemente non lle afecte demasiado xa que ao ser un cultivo extensivo seguirá sendo tratado de forma similar. O problema radica na propia concepción da PAC pensada e relacionada inicialmente cos prezos de produción para o que se manexaron pagos fixos compensatorios pero o prezo non se chegou a axustar aos custos de produción e os pagos foronse reducindo, polo que cada vez ao agricultor compénsalle menos e a rendibilidade do campo cada vez é menor, iso provoca tamén o abandono do rural. -Recentemente tamén buscaron sumar esforzos con Portugal. ¿En que liñas se asenta esta colaboración e que obxectivos persegue? Con Portugal temos intereses comúns debido a que temos unha climatoloxía similar, que é moi distinta do resto de Europa, onde os regadíos non lles preocupan demasiado. Ademais, temos en común o problema do despoboamento do campo que tampouco se dá noutros países europeos e aquí é cada vez máis frecuente, parello a un abandono do rural. Así queremos levalos de forma conxunta a Bruxelas para que sexan conscientes das problemáticas que temos aquí.

A Xunta usará drons para vixiar os montes e na extinción dos lumes forestais

A Xunta empregará este ano, por primeira vez, drons para a vixilancia preventiva dos montes e para a xestión e investigación dos incendios forestais. A medida inclúese no Plan de prevención de defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2019) que se presentou hoxe ó sector na reunión do Consello Forestal, a segunda na que vai de ano. A actualización anual deste plan está pendente aínda da súa aprobación no Consello da Xunta. Os drons utilizaranse como ferramenta de vixilancia preventiva para coñecer a xestión que se fai das franxas próximas ás vivendas e para a detectar lumes nos montes. Tamén se empregarán para a xestión dos lumes, como unha ferramenta de apoio para as labores de extinción e nas investigacións dos incendios.
Este ano funcionarán 118 cámaras de vixilancia nos montes galegos
Xunto cos drons, a Consellería de Medio Rural tamén incrementará para esta campaña a rede de vixilancia fixa instalada nos montes. Súmanse 30 novas cámaras ás 88 colocadas en distintos puntos e que cubrían o 56% do territorio galego. Así, este ano funcionarán un total de 118 cámaras de vixilancia nos montes. Coa actualización do Pladiga redúcense en 6 as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), quedando en 71. Esta calificación realízase en función a criterios como o número de lumes rexistrados nos últimos anos ou á súa virulencia.

Queimas controladas

Outra das medidas que contempla o Pladiga é un protocolo novo para fomentar e supervisar as queimas controladas da biomasa nos montes. Esta campaña tamén se habilatará un teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra condutas incendiarias. Este número estará operativo na época de alto risco de lumes. A consellería tamén incrementará a formación sobre a xestión dos lumes cun plan de formación que incidirá en aspectos como a seguridade, coordinación e investigación dos grandes incendios forestais e no que se inclúen 15 cursos específicos.

Banco de sementes e tratamentos sanitarios

Á marxe dos lumes forestais, nesta reunión do Consello Forestal tamén se abordou a mellora da tramitación e xestión telemática das solicitudes para o aproveitamento madeireiro dos montes. Na reunión informouse ó sector do estado de tramitación dos convenios e consorcios asinados coa Administración forestal e para os que os titulares solicitaran a súa rescisión.
Medio Rural dispón de máis 900 quilos de sementes de piñeiro e 60 de carballo
A consellería de Medio Rural tamén aproveitou para concretar que dispón de máis de 900 quilos de sementes de piñeiro das especies Pinaster, Radiata e Sylvestris. Xunto a estas existencias, a administración ten outros 60 quilos de landras de carballo (Quercus Robur), entre outras especies. Na reunión, o conselleiro de Medio Rural, José González, informou que a consellería ten previsto realizar varias actuacións de control sanitario de pragas e enfermidades forestais, con especial atención ao chancro e á avespiña do castiñeiro, así como ao gorgullo do eucalipto.
Prevén facer 14.000 inoculacións contra o chancro do castiñeiro e soltar 1,5 millóns de Torymus sinensis contra a avespiña
Nesta liña, o conselleiro sinalou que ao longo desta primavera vanse facer arredor de 14.000 inoculacións de cepas hipovirulentas nos castiñeiros (das cales xa se realizaron 9.000) para loitar contra o chancro. Ó longo deste ano Medio Rural ten previsto soltar ata 1,6 millóns de individuos do parasitoide Torymus sinensis, que se usa na loita biolóxica contra a avespiña. Con respecto ó gorgullo do eucalipto, no que vai de ano colocáronse un total de 4.830 bolsas de ootecas parasitadas (depósitos de ovos) de Anaphens nitens, un parasito natural desta praga.

Vídeo: Xornada sobre sementeira avanzada de millo

Este venres, 26 de abril, celebrouse en Curtis (A Coruña) unha “Xornada tecnolóxica: Sementeira avanzada no cultivo de millo”.

A xornada, na que participaron uns 100 gandeiros, estivo organizada polas empresas Xesga, Agrícola Curtis, Pioneer e Monosem. Celebrarase ás 11:00 horas en SAT A Campa, en A Campa (Fisteus-Curtis).

Velaquí un vídeo resumo da xornada:

Erros que se cometen na sementeira do millo

A sementeira é unha etapa a miúdo descoidada pero capital no cultivo do millo forraxeiro, pois da súa calidade depende o resultado final. “O 50% do éxito dunha colleita de millo depende da calidade da sementeira. E é que cando o tractor deixa a leira o rendemento está feito, ben ou mal e o agricultor soamente pode preservalo”, destaca Albert Porte-Laborde, experto internacional neste cultivo que o pasado mes participou nas III Xornadas do Rural Galego desde Curtis, organizadas por este concello coruñés. “Non hai éxito na colleita de millo sen unha sementeira homoxénea”, subliña. Neste sentido chama a atención de que en visitas a varias fincas de millo de Galicia detectou falta de homoxeneidade na sementeira.

Exemplos dunha boa sementeira: 

Foto: Albert Porte

Que é unha boa sementeira?

Débese partir dunha boa preparación do solo, enterrando ben o cultivo precedente pois a presenza de moitos restos superficiais de raíces de pradaría impide unha boa sementeira.
 A semente debe enterrarse en terra húmida
-A unha profundidade moi regular: A calidade da sementeira mídese pola profundidade, que debe ser en terra húmida. Para calcular a profundidade de sementeira mídese a lonxitude do mesocotilo e engádese a metade. Velaquí un exemplo: -Grans enterrados á mesma profundidade e cunha separación igual, é dicir, con distancias homoxéneas. -Os grans deben enterrarse en terra fina e húmida. -Con algunhas motas en superficie. -Para garantir un arranque rápido e sen problemas do millo recoméndase empregar un insecticida contra os insectos do chan, como os vermes do arame, e un abono starter localizado a unha dose dun 130 kg/ha. Asemade, será preciso estar vixilante para tratar contra os insectos aéreos, como a rosquilla.

Requisitos que debe cumprir a máquina sementadora:

“A sementadora que sementa ben e rápido non existe. Todas en principio son boas, pero hai tractoristas máis profesionais que outros”, subliña Albert Porte. Os requisitos que debe cumprir a máquina sementadora son: -Pneumáticos inchados a 2 kg/cm² -Coitelas novas -Aspiración sen fallos -Enterrado perfecto, con axuste dos anciños e do terceiro punto. -O sementador debe ser coidadoso e realizar un control regular dos axustes e da distribución. -Respectar as densidades e a profundidade de sementeira adaptada ao solo -A sementeira debe realizarse a unha velocidade de menos de 6 km/h coa maioría das sementadoras. E ningunha sementeira será correcta a velocidades de máis de 8 ou 10 kilómetros por hora.

¿Como afecta unha mala colocación da semente á velocidade de xerminación do millo?

A posición do gran inflúe sobre a velocidade de arranque da planta. Esta distinta velocidade de xerminación engádese ás diferencias entre plantas debido a unha sementeira irregular.

Exemplos de sementeira a velocidade excesiva:

Fotos: Albert Porte

¿Cal é a velocidade de sementeira axeitada?

Existen disparidade de criterios en canto á velocidade de sementeira e intereses contrapostos: o tractorista procurará que sexa o máis rápida posible para aforrar combustible e tempo, mentres que o agricultor debería esixir que prime a calidade do traballo sobre a velocidade. A velocidade media dunha sementadora convencional rolda nestes momentos os 8 quilómetros por hora e mesmo xa existen algunhas no mercado que alcanzan velocidades de 16 quilómetros por hora. Porén, para Albert Porte a velocidade ideal para garantir unha sementeira óptima debe ser non máis de 6 quilómetros por hora. “Unha sementadora de 4 sucos, cunha separación de 75 centímetros entre filas e unha densidade de 95.000 grans por hectárea sementa 47 grans por segundo”, explica.
A sementeira debe realizarse a unha velocidade de menos de 6 km/h.
Apóiase en 17 ensaios realizados en Francia durante 4 anos, con 4 sementadoras distintas e a 4 repeticións. Os resultados, tal e como figura na seguinte táboa, demostran que a maior velocidade, menor é a profundidade de sementeira, maior é a porcentaxe de faltas e de dobres e menor é a homoxeneidade e o rendemento, neste caso en gran de millo. Neste sentido, lembra que cunha sementeira de calidade: -Todas as plantas saen o mesmo día. -Todos os mésocotylos teñen un longo idéntico. “O primeiro competidor dunha plántula de millo é a súa veciña, que ten media-folla de antelación e por iso é clave unha sementeira de calidade que garanta unha xerminación homoxénea”, conclúe.

Novas tecnoloxías para optimizar e axilizar a sementeira do millo forraxeiro

Coa vista posta xa na nova campaña de sementeira do millo forraxeiro, arredor duns 200 agricultores, gandeiros e cooperativas da provincia de Lugo participaron esta semana na xornada sobre novas tecnoloxías para sementar o millo organizada polo Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), en colaboración coa Deputación de Lugo. Na sesión de formación, que se levou a cabo na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, coñecéronse dende novas aplicacións e programas para planificar mellor a sementeira ata maquinaria máis efectiva que permite sementar en menos tempo e conseguir maiores rendementos. As xornadas contaron coa participación de cinco empresas (Dekalb España, Agrícola Noroeste, The Climate Corporation, John Deere e Bayer España) que explicaron e fixeron demostracións reais de novas tecnoloxías que permiten realizar a sementeira do millo dun xeito máis eficiente. Estes avances en I+D+i permiten optimizar o potencial produtivo das variedades de millo empregadas segundo as condicións do chan e o clima da parcela na que se implanta o cultivo.

Planificar a sementeira

As sementes supoñen un dos custos mais importantes para o agricultor e estas novas tecnoloxías permiten optimizalas para acadar un máximo rendemento na produción. Ignacio Bañuls e Ricard Borrell da compañía The Climate Corporation presentaron a ferramenta informática Climate FieldView que axuda a xestionar toda a información que se emprega para planificar a sementeira. Esta aplicación permite, ademais, facer un seguimento e control remoto en tempo real e detallado da sementeira e mesmo posibilita despois, por medio de imaxes de satélite, coñecer tanto o estado de saúde do cultivo como o mapa de consumo de auga para cada unha das partes da finca. A aplicación FielView permite recopilar os datos e controlar a sementeira en tempo real. Coa propia aplicación FielView pode recrearse dixitalmente a parcela e acceder a un histórico de 3 anos atrás de imaxes en satélite co que coñecer o índice de vexetación do cultivo. Esta información resulta de gran utilidade posto que con ela distínguense as variacións da parcela, identificando as zonas mellores e peores da finca. Precisamente botando man desta información e coñecendo as características do híbrido de millo que se vai sementar pódese axustar a sementeira, tal e como explicaron Marcial Costoya e Anna Pedrós de Dekalb España. Mediante un programa informático, pódese adaptar a densidade de sementeira ó híbrido de millo e ó potencial produtivo do chan, en función das súas características.
Dekalb presentou un programa co que dosificar a cantidade de semente axeitada a cada zona da parcela
Esta tecnoloxía permite realizar as prescricións de semente e programar e axustar doses variables en función das distintas zonas da parcela. O programa informático, ó estar conectado coa maquina de sementar, permite que esta vaia dosificando as sementes e depositándoas en cantidades diferentes en función da zona da parcela pola que pase. Na xornada realizaron unha demostración na que se asignou distinto número de plantas a diferentes zonas en función da súas características. Así, nas zonas mellores plantaron unhas 105.000 plantas por hectáreas, mentres que nas intermedias empregaron 95.000 plantas e nas peores reduciron ata ás 85.000 plantas por hectárea, como apunta Pablo Amado, asesor agronómico de Dekalb. O programa tamén recaba datos da xeolocalización durante a sementeira o que permite evitar desperdicios de sementes por pases dobres nunha mesma zona da parcela.

Axustar e optimizar a sementeira

Ramón Barreiro, de Agrícola Noroeste e John Deere, deu conta sobre a máquina de sementar millo 1725 NT de oito corpos, que permite traballar a alta velocidade, alcanzando os 16 quilómetros por hora, o dobre da velocidade dunha sementadora convencional, que ronda os 8 quilómetros por hora, como apuntou o experto. Incrementar a velocidade de sementeira permite a empresas e cooperativas aforrar custos de persoal ou ter que mercar unha segunda sementadora. Barreiro destacou tamén que esta máquina resulta unha opción interesante para o territorio galego dada a inestabilidade meteorolóxica galega xa que gracias á súa rapidez para sementar o millo permite controlar con maior precisión os tempos de traballo previstos antes de que cambie ou empeore o tempo. A sementadora 1725 NT conta con oito corpos. A máquina conta cun sistema de caída da semente mediante un cepillo transportador o que permite guiar o gran dende o disco dosificador ata o punto exacto do chan onde se quere sementar. Para iso conta con dous motores eléctricos en cada corpo, un para o dosificador e outro para o propio cepillo de transporte. Este sistema permite tamén que a sementeira sexa máis precisa posto que o espazo entre sementes é o axeitado, sen variacións, e evítase tamén que saían dúas sementes xuntas ou que se produzan faltas, co que se calcula que se pode mellorar nun 15% o rendemento da sementeira. A sementadora conta cun control dos tramos para non volver sobre zonas que xa foron sementadas, podendo anular puntualmente os corpos que sexa preciso en función das características da parcela. “Isto ten moita utilidade sobre todo en fincas irregulares e para parcelas pequenas, onde se pode conseguir un aforro en sementes dun 10%, dependendo da finca”, apunta.
A sementadora permite variar as doses e realizar control de tramos para optimizar a superficie plantada
A máquina dispón tamén dun sistema de contrapresión pneumática “para que a presión que se exerce sexa sempre constante en calquera parte do terreo e a calquera velocidade, para así non variar a sementeira”, concreta Barreiro. Por outra banda, ademais das melloras tecnolóxicas, a empresa Bayer España tamén aproveitou a xornada para presentar ós asistentes algunhas das novidades máis destacadas nos produtos fitosanitarios empregados para o cultivo do millo forraxeiro. Na xornada, os asistentes puideron comprobar xa algúns destes aspectos tecnolóxicos máis novidosos posto que as firmas realizaron unha demostración práctica dunha sementeira a alta velocidade con esta máquina con doses variables e controlando os tramos nos que se procedía a sementar para optimizar a superficie traballada. Na proba, o programa FielView encargouse de controlar a sementadora durante o traballo, variando as doses de sementes automaticamente en función da zona da parcela na que se localizaba o tractor.

Optimizar as producións

A xornada contou tamén coa participación do presidente da Deputación, Darío Campos, e o director do Cetal, Javier Bueno Lema, xunto ao representante de ABANCA, Jesús Combarros, que foron os encargados de inaugurar a sesión. Precisamente, Campos aproveitou para destacar algúns dos últimos proxectos impulsados polo órgano provincial relacionados co sector agrogandeiro. Campos tamén reiterou que “o impulso do sector pasa pola necesaria modernización das aplicacións, sistemas de xestión e a maquinaria agrícola, que permita avanzar ao sector, facelo máis competitivo e mellorar a calidade de vida dos produtores”, apuntou.

“España será o laboratorio mundial para ensaiar variedades de cultivos resistentes ao cambio climático”

Por primeira vez en España as principais organizacións agrarias (Upa e Asaja), Cooperativas Agroalimentarias de España e as empresas obtentoras de sementes, agrupadas en Anove, alcanzaron un acordo o pasado 26 de xullo para facer cumprir a normativa europea sobre reemprego de grans para semente de variedades protexidas de cereais. Dita normativa obriga aos agricultores a pagar por reutilizar sementes de cereais e leguminosas durante 25 anos, algo que para a Coag, que se desmarcou do acordo, resulta “abusivo”. Para aclarar o contido deste acordo e coñecer os pasos que están a dar as empresas de sementes para mellorar os cereais e lograr variedades máis adaptadas ao cambio climático, entrevistamos a Antonio Villaroel, secretario xeral Anove. Que importancia ten o acordo alcanzado entre Anove, as cooperativas agrarias e as organizacións sindicais Upa e Asaja o pasado mes de xullo? É un acordo histórico. Na Unión Europea e a nivel internacional a protección das variedades vexetais ten determinadas excepcións, sobre todo no caso dos cereais e da pataca, que permiten aos agricultores estar autorizados a reutilizar a “semente de granxa”, isto é, a que eles mesmos obteñen nas súas explotacións. En concreto, a lexislación da Comisión Europea no ano 1994 empezou a regular este dereito, establecendo que os agricultores deben informar os titulares das variedades para poder reutilizalas e que teñen que pagar unha pequena retribución, da que se exclúe aos pequenos agricultores. A lexislación europea tamén recomenda dar prioridade aos acordos sectoriais sobre a normativa, que se aplicará de forma subsidiaria aos acordos a nivel europeo, nacional e mesmo individual entre agricultor e propietario da semente. A partir desta normativa, os estados membros da UE foron resolvendo este asunto pola vía de acordos nacionais. Así, por exemplo, en Francia os agricultores contribúen con 0,7 euros por tonelada cando entregan a súa colleita, e se o agricultor non usou unha variedade protexida ou é pequeno agricultor devólveselle o diñeiro. No Reino Unido pagan ou ben cando acondicionan o seu gran ou por hectárea. Porén, en España non lograramos chegar a un acordo, o que foi motivo de enfrontamento para facer cumprir unha obriga legal da Unión Europea, como é a de pagar por reempregar como semente o gran que produce o propio agricultor. Si que logramos chegar a un acordo coas cooperativas e coas empresas acondicionadoras de gran para facturarlles por reutilización, en concreto o 50% do royalty máis barato no mercado. Pero faltaba que se unisen os agricultores, a través dos sindicatos.
 “O canon por reemprego de semente oscilará entre 1 e 3 euros por hectárea”
Finalmente, hai dous anos, en 2015, houbo unha decisión do Tribunal Europeo de Xustiza da Unión Europea, que estableceu a obriga para os agricultores de que sexan eles os que teñan a responsabilidade de pagar este canon por reemprego, cun prazo de ata o 30 de xuño da campaña seguinte á que usaron o material. En caso contrario, estarían a cometer unha infracción, introducindo así unha gran conflitividade no campo. Finalmente, chegamos a un acordo entre a maioría das partes implicadas para aplicar a normativa de forma sinxela e práctica, cedendo todas as partes un pouco. Así, unificamos o royalty cun canon medio de 12 euros por tonelada de gran reempregado, en caso de acondicionar o cereal para sementeira. E os agricultores que non acondicionen o cereal pagan por hectárea sementada, un pago que se modula en función dos rendementos, oscilando entre os 1 euros por hectárea en zonas de rendementos baixos, a un máximo de 3 para zonas de regadío e 2 euros para zonas de rendementos medios. Cando podería un agricultor volver sementar un cereal certificado sen pagar canon por reutilización? A lexislación europea establece un límite máximo de 25 anos para especies herbáceas e de 30 para as leñosas. Optamos por establecer un límite de 25 anos desde o seu rexistro, e ao final dese período esas variedades rexistradas pasan ao dominio público e os agricultores pódenas utilizar sen limitación. En todo caso, hai que lembrar que a lexislación europea estableceu que, por razóns fitosanitarias, o comercio de sementes só poden realizalo produtores rexistrados e dados de alta para elaborar semente ou pataca de sementeira certificada. Que responden as críticas de COAG de que establecer un prazo de 25 anos é abusivo e de que nese acordo primou o afán de lucro das empresas de sementes? Do que se recade con este acordo a metade irá para sufragar programas de mellora xenética e a outra metade a actividades de interese xeral, como son formación e investigación.
 “En Europa as empresas non investiron en mellora de cereais porque non lles é rendible”
Por suposto, respectamos todas as posicións, pero senón investimos en desenvolvemento de variedades melloradas de cereais vai ser moi difícil resolver os problemas que temos agora co cambio climático, e as empresas de sementes, como en calquera outra actividade empresarial, só invisten en investigación se lle ven un retorno económico. Hai que destacar que actualmente só se cobra en España por reemprego de sementes de cereais uns 1,5 millóns de euros cada ano, con facturas para os agricultores de 20 ou 30 euros ao ano; é dicir, algo insignificante nos seus custos de produción. En Europa hoxe temos un gran problema de que non se estivo investigando en mellora de cereal porque a moitas grandes empresas non lles é rendible. Os datos da FAO son elocuentes: hoxe no mundo seméntanse uns 225 millóns de hectáreas de trigo fronte a uns 160 millóns de hectáreas de millo. Sn embargo, o que se gasta en investigación e en mellora das variedades de trigo son 735 millóns de dólares fronte a uns 5.100 millóns en millo. É dicir, agora mesmo o investimento en I+D en millo é 10 veces superior á do trigo (32 dólares por hectárea en millo fronte a 3,3 en trigo). O resultado é que nas boas explotacións están a alcanzarse rendementos de 20.000 kg de gran de millo por hectárea, mentres que en trigo os rendementos máximos son de 7.000 kg. Hai correlación entre investigación e resultados que é imprescindible incentivar. A proba que moitas empresas deixaron de investir na mellora de cereal e centran case todos os seus esforzos no millo e outros cultivos máis rendibles.
“O investimento en I+D en millo é 10 veces superior á que se fai en trigo”
Sacar unha nova variedade de cereal ao mercado custa uns 10 ou 13 anos de traballo e entre 1,5 e 2 millóns de euros, e en Europa ese investimento fano sobre todo cooperativas e pequenas e medianas empresas, ás que temos que apoiar decididamente. Desde organizacións de redes de intercambio de sementes acúsase ao Seprona de sancionar a agricultores por resementar sementes con patente, cando en realidade son sementes tradicionais que experimentaron polinizacións cruzadas de campos próximos. Que opina? Non temos coñecemento de ningún caso así en España. En todo caso, a polinización cruzada en cereal podería darse pero afectaría a menos de 1 de cada 10.000 plantas. En Anove non facemos nunca un control de campo no que vaiamos perseguir a un agricultor porque teña trazas dunha variedade protexida. O que si nos preocupa é o mercado ilegal, no que operadores están a vender de forma clandestina cereal ou pataca de semente de variedades protexidas. E que ademais esa semente non ten garantías sanitarias nin de trazabilidade. Por tanto, as nosas accións van contra operadores e comerciantes que están a operar con semente pirata. En que aspectos se centrará a mellora xenética dos cultivos en xeral, e dos cereais particular, nos próximos anos? Estamos trabando en mellorar a produtividade, porque é clave para o agricultor e para mellorar rendementos, ademais de en variedades máis adaptables. Isto pasa principalmente en cereais e en forraxeiras, porque son cultivos perennes. O cambio climático é xa unha realidade en España, e de feito dise que o noso país será o laboratorio para desenvolver novas variedades resistentes ao cambio climático, pola súa ampla variación entre territorios, o que obriga a adaptar as variedades a cada zona. Neste sentido, os novos cereais e plantas forraxeiras teñen que ser tolerantes ao estrés por seca e tamén por humidade, porque o mesmo veñen invernos secos que primaveras moi chuviosas. E tamén é clave desenvolver novas variedades resistentes a enfermidades. O consumidor está a esixirnos residuos químicos 0 no produto final. Está a notarse un gran incremento da agricultura integrada e ecolóxica e eses produtores necesitan variedades que sexan naturalmente resistentes. Por último, a sociedade pídenos produtos cun maior valor nutricional e propiedades organolépticas que os fagan máis atractivos. Así, por exemplo, están a desenvolverse novas variedades de pataca con alto contido en amidón, ou cereais con maior valor nutritivo. Isto tamén se traslada ás plantas forraxeiras para alimentación animal, xa que un aumento do 1% na dixestibilidade dunha forraxe pode aumentar un 5% a produción de leite.
“Un aumento nun 1% na dixestibilidade dun cultivo forraxeiro pode aumentar un 5% a produción de leite”
Pero os resultados da mellora nas variedades vexetais xa están a notarse. Así, soamente nestes 15 anos grazas ao que se mellorou en canto a rendemento de variedades conseguimos aforrar no conxunto da UE unha superficie de cultivo equivalente á de Dinamarca. Nas próximas décadas imos ter que producir un 70% máis de alimentos para dar para comer á poboación mundial, e para iso non podemos sacrificar os espazos naturais e a biodiversidade, senón que temos que ir a unha produción agrícola intensiva pero sustentable. E que opina das sementes transxénicas: acabarán sendo autorizadas na Unión Europea? A nosa posición é que cientificamente non se demostrou ningún caso que confirme as supostas regas dos OXM. En Estados Unidos, Canadá ou Sudamérica cultívanse OXM en máis de 180 millóns de hectáreas desde fai case vinte anos, e non se rexistrou ningún caso que confirme os supostos riscos para a saúde humana e do medioambiente.
 “Xa hai tecnoloxías que nos permiten editar o xenoma das plantas sen a necesidade de recorrer a transxénicos”
En España realizáronse importantes avances, en concreto o CSIC desenvolveu unha variedade de trigo OXM que non ten glute, e por tanto apta para celíacos. Por outra banda, considero que o debate que houbo entre mellora tradicional das sementes -a base de cruzar e seleccionar- e OXM está superado. Temos ferramentas neste momento máis precisas porque coñecemos moito mellor a xenómica das plantas, e xa hai tecnoloxías que nos permiten expresar ou silenciar xenes das plantas, segundo benefícienvos ou non, sen necesidade de introducir xenes doutras especies. Por exemplo, a tecnoloxía CRISPR que permite editar o xenoma vai permitir curar enfermidades e mellorar plantas sen necesidade de ser OXM.