Archives

O custo de sementar unha hectárea de millo encareceuse 200 euros nesta campaña

O incremento dos custos dos fertilizantes, os combustibles, a sementeira ou os fitosanitarios así como dos pensos e os cereais que se rexistrou nos últimos meses, entre outros factores polo estalido da guerra en Ucraína, está a deixar tamén pegada nesta campaña de sementeira do millo. Mentres algúns gandeiros están optando por aumentar a superficie de millo, para reducir a necesidade de mercar cereais e pensos, outros decidiron deixar de sementar algunhas parcelas, se dispoñen de forraxes suficientes, polo desembolso que lles supón. Segundo algunhas estimacións, os custos de sementar millo nesta campaña incrementáronse nuns 200 euros por hectárea. As previsións apuntan a que o incremento dos custos de produción se trasladarán á alimentación e ó consumidor final dentro duns meses, xa que polo momento os gandeiros seguen a producir leite e carne coas forraxes que colleitaron o ano pasado, cun prezo máis reducido. O tempo solleiro destas últimas semanas está a favorecer que sexa unha campaña de sementeira rápida e áxil. Estanse apurando os últimos cortes para ensilado de herba naquelas parcelas nas que se fai rotación co millo. Mentres, nas que se dedican en exclusiva a millo xa se sementaron boa parte delas, xa que o inverno seco tamén propiciou que se poida acceder a case tódalas fincas sen dificultades, pese a ser terreos húmidos. Facemos un percorrido polas principais comarcas gandeiras de Galicia para coñecer a evolución da campaña da sementeira deste 2022:

Mariña lucense: “Os custos de sementar o millo incrementáronse nuns 200 euros nesta campaña”

En Ribadeo, na cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun, a sementeira do millo comezou un pouco máis tarde que o ano pasado, pero nestes momentos están en plena campaña traballando arreo con dúas sementadoras. “Sementamos as primeiras hectáreas o 25 de abril, pero realmente comezouse coa sementeira o 30 de abril e xa non paramos”, explica José Ramón Loza García, responsable de maquinaria da cooperativa. Polo momento levan unhas 300 hectáreas sementadas, apenas o 25% do que agardan plantar. Con todo, as previsións de bo tempo e de avance dos traballos do ensilado, así como o bo ritmo que están a levar os traballos fan prever que nesta semana se incremente en gran medida esa porcentaxe, xa que moitos gandeiros aínda están acabando co ensilado. No Centro de Alimentación do Gando Vacún (Cavi), que a cooperativa xestiona en Ribadeo e que é ademais a maior instalación de tratamento e almacenamento de forraxes de Galicia, contan sementar nesta campaña unhas 800 hectáreas de millo. Polo momento xa teñen sementadas unhas 120 hectáreas das 350 que xestiona de maneira integral a cooperativa, ás que se engaden arredor dunhas 400 hectáreas de socios, unha cantidade que varía en función do ano e das previsións de forraxe que se manexen en cada tempada. “Moitos dos socios están aínda collendo o segundo corte de raigrás por iso a sementeira aínda non se fixo, pero nos próximos días vaise avanzar moito na sementeira do millo”, apunta Loza. Comezar os traballos un pouco máis tarde que outros anos tamén fixo que reducisen os ciclos. Na cooperativa na campaña pasada sementaron un ciclo de 600 e este ano optaron por ciclo de 500. “O ano pasado é verdade que veu mal ano para que o millo acabase de madurar, polo que este ano queremos ter unha colleita de cedo, alomenos unhas 200 hectáreas que esperamos ensilar xa na primeira semana de setembro”, concreta. A previsión de superficie dedicada a millo na Mariña parece manterse nesta campaña. Mentres algúns gandeiros optaron por sumar novas parcelas para dispoñer de máis forraxe e tentar mercar menos cereal, outros decidiron reducir as parcelas dedicadas a millo polo elevado custo que ten o cultivo e ó ter aínda excedentes de forraxes na granxa. “Estimamos que sementar o millo costa uns 200 euros máis por hectárea, co que cada gandeiro valora que lle resulta máis rendible”, concreta Loza. Unha das sementadoras de millo que a cooperativa Os Irmandiños está a empregar nesta campaña. // Imaxe cedida.

Zona central e oriental de Lugo: “A campaña arrancou esta fin de semana e está a ir moi concentrada, sementando moito millo nestes días”

En Sarria a campaña está indo moi rápida. “Comezouse a sementar na fin de semana e estase a seguir nesta semana sementando moito. Está a ir todo moi concentrado”, indica Mari Luz Basanta, técnica de cultivo da cooperativa Aira. Nesta zona adóitase sementar nestas primeiras semanas de maio, co que a sementeira estase a realizar nas datas habituais, a diferenza do que aconteceu o ano pasado cando as chuvias atrasaran a sementeira e condicionaran os ciclos a sementar. “O tempo está moi bo para sementar e sumado á suba dos prezos dos cereais a xente estase animando a sementar, parece que se preparan máis fincas”, comenta a técnica. O habitual entre os produtores de Sarria é optar por sementar ciclos de 400 e a maioría do millo que se está a sementar é tratado con repelente fronte ós corvos para tentar evitar os danos unha vez sementado cando comeza a agromar. Pese ó incremento de prezo que supón optar por este tipo de millo, a gran incidencia dos corvos nas fincas de millo fai que os gandeiros decidan facer o gasto.

Interior coruñés: “A subida dos prezos dos cereais está motivando que os gandeiros tenten aproveitar para cultivar máis forraxes e mercar o menos posible”

En Concellos como Mesía, Vilasantar ou Santa Comba aínda están co ensilado de herba ás voltas e a sementeira vai máis atrasada que noutras comarcas galegas de interior, coma o Deza. Porén, a campaña está a vir case con entre 10-15 días de adianto con respecto doutros anos, xa que o tempo solleiro e seco está permitindo sementar. “O tempo está a vir moi bo para a sementeira, así é que a xente está ensilando herba e sementando o millo detrás”, comenta Alejandro Mosquera, técnico de cultivo da cooperativa Aira nesta zona. Na maior parte das ganderías desta zona están optando por ciclos de 400 ou 500, que é tamén o recomendable para as datas nas que nos atopamos, tal e como sinalan dende Aira. Tamén hai parcelas, sobre todo naquelas zonas do interior da provincia próximas ó río Ulla, coma Touro, onde están sementando algún ciclo de 600, aínda que como indica Mosquera son parcelas puntuais. A finais desta semana agárdase que estará sementado arredor do 40% do millo que se plantará esta campaña. Pese ó incremento notable dos prezos dos fertilizantes, aquelas granxas máis técnicas e con gran necesidade de forraxe están a manter o mesmo plan de abonado. Nesta zona estase a apreciar un incremento da superficie de terra que se sementará de millo. Estímase que poida aumentar nun 5% as hectáreas cultivadas ó sumarse terras que estaban baleiras. “A subida dos prezos dos cereais está motivando que os gandeiros tenten aproveitar para cultivar máis forraxes e ter que mercar o menos posible, en definitiva ser menos dependentes das materias primas que hai que mercar fóra”, detalla Mosquera. Por agora nesta zona case non detectaron incidencias nas parcelas plantadas debido ós corvos, aínda que si houbo algúns danos puntuais co xabaril en fincas de Vilasantar e Mesía.

Xallas e Barcala: "A maneira de abaratar é tendo quilos por hectárea, e sen abonar non se conseguen”

Na cooperativa Ganxabar, en Mazaricos (A Coruña), a maior parte das arredor de 700 hectáreas que cultivan habitualmente está xa sementada. “Foi unha sementeira rápida aínda que nós comezamos máis tarde, case 10 días despois do que o viñamos facendo”, explica Adrián Cundíns, xerente da cooperativa asentada na comarca do Xallas. Polo xeral, adoitan comezar coa sementeira do millo arredor do 20 de abril e este ano adiárono ata a primeira semana deste mes de maio. Así é que o ano pasado polo 25 de abril xa tiñan todo o millo sementado. Este ano reduciron tamén os ciclos. Polo xeral sementaban, en función das parcelas e o momento da sementeira, ciclos de 600 e 500. Mentres este ano escolleron ciclos de 500 e 400 ó ir un pouco máis tarde. Tamén traballan con millo con repelente para evitar os ataques dos corvos. Agora mesmo está comezando a xerminar boa parte dos grans e polo de agora non acusaron ataques, aínda que non descartan que aínda se poidan producir. Nesta campaña botaron unhas 20 hectáreas máis de millo, entre parcelas novas e algunhas fincas que pasaron a cultivar de millo, terras que antes estaban como pradeira permanente e polo que precisaban anovar. O incremento da superficie adicada a millo débese a un aumento da cabana e que precisan dispoñer de máis forraxe. “En Ganxabar levamos anos coa idea de ser autosuficientes, non é algo novo nin derivado do incremento dos prezos dos cereais. Levamos moito tempo traballando para logralo”, indica Cundíns. A suba que experimentaron os custos de produción, dende os fertilizantes, o gasto en gasóleo, a propia sementeira e os fitosanitarios fixo que se barallasen varias estratexias para afrontalos. Porén, finalmente decidiron non reducir o gasto nos fertilizantes, que case chegaron a triplicar o seu prezo por hectárea. “Teño claro que querer aforrar no abonado fai que saia máis cara a forraxe. A curto prazo non gastas, pero o que é unha inversión convértese nun gasto. Abonamos para que o quilo de forraxe saia económico e para iso precísase rendemento. A maneira de abaratar é tendo quilos por hectárea, e sen abonar non se conseguen”, xustifica.

Estratexias para enfrontar as secas no millo

O emprego de variedades adaptadas á seca, a rega do cultivo ou a optimización e selección das parcelas destinadas ó millo forraxeiro foron algunhas das cuestións que abordaron os técnicos e investigadores que participaron este mércores no webinar sobre o cultivo do millo en Galicia ante o cambio climático, organizado por Campo Galego.

Ensaios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

En Galicia, a rega do millo é escasa, coa excepción do Limia e de experiencias puntuais. Desde a perspectiva de Gonzalo Flores, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), sería importante impulsar pequenas obras hidráulicas, como balsas de acopio de auga de chuvia, para facer regas estratéxicas en determinados momentos do ciclo no verán. As regas cobran especial importancia, dada a gran variabilidade climática dos últimos anos. Segundo os datos dos campos de ensaio do CIAM no sur de Lugo, os veráns máis secos poden levar a unha redución de ata 7 toneladas de materia seca por hectárea na colleita, o que supón un custo de de arredor de 910 euros por hectárea. En Galicia, cunhas 68.000 hectáreas de millo, as perdas dun ano seco para o agro poderían representar arredor de 62 millóns de euros.
A rega do millo na Pobra do Brollón permitiu obter colleitas cunha produtividade de ata 2,6 veces superior á de parcelas de secaño
As experiencias desenvolvidas polo CIAM en distintos campos de ensaio de Carballedo e da Pobra do Brollón evidencian a mellora ó dispoñer de rega naqueles momentos de maior estrés hídrico, aínda sen ser preciso un gran aporte de auga. No caso do campo de Carballedo, a achega de auga foi de entre 200 e 260 milímetros, entre mediados de xullo e a primeira semana de setembro, cun sistema de rega por pinga. “As plantas non regadas tiñan menor porte e proporción de espiga, menor contido en materia seca e contido en amidón”, detalla Flores. Nos diferentes campos de ensaio, a rega sempre resultou positiva e permitiu lograr destacadas variacións con respecto do millo en zonas de secaño. Naquelas parcelas en sequeiros relativamente húmidos, a produtividade dos cultivos regados foi 1,4 veces superior ó do millo non regado. Porén, en zonas cun clima máis adverso, como A Pobra do Brollón, esta diferenza foi ata de 2,6. “É recomendable incluír no vindeiro Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) medidas de apoio á instalación de unidades de almacenamentos de sobrantes de auga de chuvia no outono para poder empregalas para regas estratéxicas no cultivo do verán”, conclúe Flores. Outra das cuestións abordadas por Flores na súa intervención foi o efecto positivo que pode representar a rotación de cultivos de inverno, sobre todo de leguminosas. Os resultados evidencian que “a rotación de cultivo ten un efecto tampón da seca do millo e equilibra a relación de enerxía e proteína das forraxes da gandería. Ademais, o cultivo de inverno non compromete ó millo, senón que, máis ben, mellora a estrutura do terreo”, concreta Flores.

Obtención de híbridos adaptados á seca

Henrique Teixeira, responsable de vendas en Galicia da firma Mas Seeds, pon o foco na elección de variedades que presenten unha maior resistencia ás secas, o que permite lograr un ensilado de mellor calidade e evitar problemas de conservación. “É asombroso que só o 37% dos gandeiros europeos colleiten o seu millo no momento óptimo, para lograr entre o 32 e o 35% de materia seca, pois sabemos que ese é o intervalo para ter un bo ensilado”, apunta Teixeira, en base ó estudo realizado por Mas Seedsno 2018, no que tiveron en conta máis de 8 millóns de hectáreas de millo.
Estase a procurar híbridos nos que a planta aguante verde máis días para lograr unha porcentaxe de materia seca axeitada, ó tempo que así se mellorará a conservación do silo
A diferenza entre un millo ensilado ou non no momento óptimo de maduración tradúcese en perdas económicas que poden supoñer entre 1.000 e 2.000 euros nun silo de 600 toneladas en verde. Por iso, Teixeira destacou a importancia de escoller híbridos como o DM5507 incluído na gama Green+, que é froito dun proceso de mellora xenética no que se procuran variedades máis resistentes a altas temperaturas e secas. Esta gama Green+ mantense verde 5 días máis, o que permite maior marxe para ensilalo e mellora tamén a súa conservación. Ó manterse verde máis tempo, consegue tamén evitar perdas de ata un 3% no silo e logra incrementar en máis dun 5% a dixestibilidade do amidón no rumen.

Mazaricos e Chantada, dúas comarcas gandeiras con condicións moi diferentes para o cultivo

A cooperativa Ganxabar,, en Mazaricos (A Coruña), produce forraxe para elaborar unha ración á carta para unhas 1.800 vacas en produción de leite, así como para recría e as vacas secas. Dispoñen dunhas 700 hectáreas para a produción de forraxes, unha superficie destinada a diferentes cultivos en función das necesidades. “Orientamos cada parcela para sacarlle o mellor rendemento, programando os quilos de materia seca que logramos ó longo de todo o ano”, explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar.
En Ganxabar orientan cada parcela para sacarlle o mellor rendemento, programando os quilos de materia seca que lograrán ó ano
As parcelas máis fértiles destínanas á produción de millo para reducir a marxe de variabilidade da produción por causa das secas, en tanto as fincas que poden ter máis problemas, unhas 200 hectáreas, adícanas a raigrás inglés, co que poden obter 3 cortes antes de que chegue a seca no verán. Deste xeito, conseguen sacar a suficiente forraxe para rentabilizar mesmo ter arrendada unha hectárea dese terreo. Co obxectivo de cubrir as necesidades de proteína e fibra que precisan na ración dos animais, tamén producen unha mestura de leguminosas e raigrás que cultivan naquelas parcelas que, por non ser excesivamente húmidas, permiten o corte e posterior sementeira do millo na primeira quincena de abril; pero unha parte importante da superficie de millo queda en parada invernal, o que lles permite sementar cedo, unha cuestión que consideran importante para enfrontar as secas, pois cando escasee a auga, o cultivo xa terá unha raíz ben establecida. Cunha sementeira de cedo tamén poden escoller ciclos máis longos, cunha mellor produtividade e maior marxe para a súa colleita no momento óptimo, pois cos ciclos curtos comprobaron que teñen en xeral menos marxe. Á hora de sementar, tamén cuidan factores como a densidade ou a precisión: “Tentamos facer unha sementeira de precisión, coa que garantir a distancia entre plantas para evitar a competencia entre as plantas na seca”, comenta. Nas parcelas máis secas mesmo reducen a densidade arredor de 13.000 plantas por hectárea para que a planta estea nas mellores condicións. “Tentamos adaptar a finca ó cultivo que queremos plantar e nos últimos anos estamos tendo unha liña de colleita na que hai moi pouca variabilidade”, conclúe Cundíns. En Chantada, a cooperativa Aira colleita cada ano entre 2.000 e 2.500 hectáreas de millo forraxeiro. Nesta zona tamén poñen especial atención á selección da parcela para reducir os efectos das elevadas temperaturas e a falta de choiva. “É fundamental sementar cedo para que o millo acade un bo tamaño coa humidade que hai no solo, antes da seca”, detalla José Manuel Rodríguez Medeiros, xefe de Marketing e vendas en Aira.
O abonado da parcela tamén resulta determinante para lograr unha maior resistencia fronte á seca
Tamén optan por ciclos de millo que se adapten ás secas e por adecuar a densidade da sementeira, proporcionando maior espazo entre plantas naquelas parcelas que son máis propensas a rematar sufrindo estrés hídrico. Medeiros incide ademais na importancia que ten o abonado para reducir os efectos da seca. “Ter a parcela ben abonada e sen herbas que compitan co millo é clave para poder resistir mellor a seca”, detalla. En Aira optan polo Sistema Profer, de Delagro, un abonado á carta no que se estiman os aportes ó solo en base ás analíticas coas que coñecer as necesidades reais dese terreo. Medeiros concluíu destacando os bos resultados dos ensaios de regadío que se fixeron en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o que mostra que é unha opción con gran futuro na comarca.

As consecuencias das secas no silo

O veterinario da cooperativa Clun Rubén Laria, especializado tanto en alimentación animal de vacún de leite como en reprodución, abordou durante a sesión os efectos que as secas provocan na calidade e composición do silo. “Na zona na que eu traballo (Barcala – Xallas), as secas adoitan producirse na fase de polinización e enchido do gran, o que deixa ensilados máis pobres en amidón, aínda que ricos en carbohidratos”, apunta. Laria incide en que, pese ás secas durante o crecemento e desenvolvemento do millo, a toma de decisións acertadas no ensilado pode contribuír a correxir algunhas das carencias iniciais derivadas do estrés hídrico ou térmico que sufrira a planta. “Temos marxe de manobra á hora de recoller o millo sen que haxa implicacións importantes na produción. Debe ser o gandeiro, asesorado polo técnico, e non o maquinista da colleitadora, quen decida cando e como colleitar o millo”, reivindica. Factores como a lonxitude do corte da fibra, o procesado do amidón, o compactado do silo, o emprego de films transparentes autoadherentes, o tamaño do frontal do silo en base ó consumo diario ou o emprego de inoculantes son claves para reducir as perdas do silo, mellorar a súa conservación e aproveitar ó máximo os seus nutrientes. Cuestións como o tamaño da partícula ou a dixestibilidade do millo deben de ser coidadas para a toma de decisións no ensilado. Laria incide na importancia de coñecer as necesidades de forraxe da gandería e tomar as decisións precisas, en base a analíticas fiables, para realizar un manexo que permita cubrir as necesidades de produción cunha ración estruturada.
Vídeo completo da xornada