Archives

A “Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027” centrarase con especial incidencia nos sectores forestal e agrario

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na presentación da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. O documento, elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), contou co consenso dos interlocutores sociais, algo que a representante autonómica quixo poñer en valor porque contribúe a fomentar un mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro. Rivo subliñou que a nova estratexia tivo en conta no seu deseño a configuración do tecido produtivo galego -integrado de xeito principal por pemes e micropemes-, as peticións das entidades sindicais e as achegas doutras consellerías da Xunta. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade agradeceu o consenso acadado na configuración do documento coa meta última de reducir a sinistralidade e mellorar as condicións de traballo a través da mellora da xestión preventiva. “Seguiremos sentándonos, dialogando e xerando debates construtivos coa sociedade para seguir avanzando na xeración dun mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro”, rematou a conselleira. “O traballo abre as portas do benestar e o benestar é imprescindible no traballo”, recalcou. O novo marco estratéxico nace para avanzar na consolidación da calidade do emprego. Galicia está a sentar as bases para crear contornos de traballo seguros, saudables e sustentables. O documento avoga por situar como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que sitúe no centro ás persoas. A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. conta cun orzamento de 55,8M€ para todo o período de vixencia. Entre os seis obxectivos estratéxicos e as máis de 135 medidas a desenvolver, recolle actuacións para adaptar a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías nas contornas laborais, como a intelixencia artificial, a big data, os robots colaborativos, a Internet das cousas, os algoritmos ou as plataformas dixitais de traballo. Unha das prioridades será a de enfrontar os riscos psicosociais que afectan ás persoas traballadoras (estrés, violencia, desgaste laboral...) e tratar de reducir, con carácter xeral, os danos na saúde das persoas, tanto accidentes laborais como enfermidades profesionais. Na mesma liña quere combater patoloxías non traumáticas, riscos ergonómicos e os relacionados coa exposición a substancias e axentes perigosos.

Especial atención á reducción da sinistralidade no sector forestal e agrario

A nova estratexia, doutra banda, mira aos colectivos vulnerables ante o traballo e incidirá en sectores con alta sinistralidade. Menciona o forestal, a pesca, o dos coidatos ou a construción como algún dos prioritarios. Tamén terá en conta o idadismo e a diversidade xeracional para incidir na mellora da seguridade e saúde no traballo. A Xunta de Galicia avogará por xerar coñecemento e sensibilizar na cultura da prevención a persoas traballadoras, empresarios e mesmo ao alumnado, nas diferentes etapas educativas, polo que no novo marco reforzarase a formación. Medidas concretas No caso concreto do eido forestal, a Estratexia persegue incidir nos equipos de traballo, na organización do traballo, en medidas de emerxencia e coordinación de actividades, con actuacións como: A. Promover melloras nas operacións de maior risco e alta sinistralidade, facilitando asesoramento técnico, documentación, etc. aos servizos de prevención de riscos laborais do sector. Impulso da xestión mancomunada da prevención de riscos laborais. B. Programa de prevención de riscos e redución da sinistralidade na industria forestal, nas operacións de maior sinistralidade no traballo no monte, e investigación causal destes accidentes, incluídos os do persoal autónomo. C. Achegar información sobre o uso seguro de equipos de traballo, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de información e formación de carácter práctico. No caso do sector agrario, atenderase especialmente aos lugares de traballo, silos, caídas de altura, equipos de traballo, tractor e outra maquinaria agrícola e á aplicación segura de fitosanitarios. Utilizarase como instrumento técnico as coleccións Implanta e Actúa do Issga.

Descarga aquí o documento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027

Curso en Becerreá sobre manexo seguro de maquinaria agroforestal

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá un curso sobre seguridade no manexo de maquinaria agroforestal que comezará o vindeiro martes 25 de outubro. O obxectivo deste curso, que se desenvolverá ao longo de catro días en horario de 9:00 a 14:15 horas, é dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios sobre a lexislación referente á directiva de máquinas, normas harmonizadas e prevención de riscos laborais para que os estudantes sexan conscientes dos riscos que entraña o manexo desta maquinaria, ao tempo que se faga un bo uso dela. Para iso, levarase a cabo un plan de ensino no que se combinará unha parte teórica con outra práctica. Para inscribirse é necesario facer a preinscrición en liña cubrindo os datos requeridos no seguinte enlace. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982828367, ou enviar un email a cfea.becerrea@xunta.gal.

“Habería que esixir máis formación para conducir un tractor”

Ángel López Álvarez é técnico superior en Prevención de Riscos Laborais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e un dos impulsores a nivel español de “Tu vida sin vueltas”, unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde do Traballo para previr os accidentes por envorco do tractor. Falamos con el destas iniciativa e das claves para mellorar a seguridade no uso do tractor. -Es o responsable de impartir formación no ISSGA para a prevención de accidentes no uso do tractor. Estamos en Galicia en niveis de sinistralidade co tractor moito peor que noutras Comunidades? A que factores cres que se debe? En Galicia a sinistralidade en canto a tractor é baixa se temos en conta o que son os datos de sinistralidade oficial de profesionais do sector agrogandeiro e forestal. De feito, en 2021 houbo uns 82 accidentes laborais relacionados co uso do tractor, dos que 2 foron mortais, 6 graves e 74 leves. Pero o problema que temos en Galicia é que hai moitos accidentes non laborais co tractor. Así, no 2021 houbo polo menos 21 accidentes mortais. Cando me refiro a accidentes non laborais son de persoas non dadas de alta na agraria, coma xubilados ou persoas con outra actividade que fan labores agrícolas ou forestais co tractor a tempo parcial ou no seu tempo libre.
“A sinistralidade co tractor en Galicia é moi alta entre a xente que non é profesional do sector agrogandeiro”.
Outro dato é que desde o 2016 ao 2020 houbo só 3 accidentes laborais mortais co tractor mentres que houbo 90 accidentes mortais non laborais, dos que por envorco foron uns 75. Os datos dos accidentes non laborais poden non ser exactos porque son informacións recollidas de diferentes fontes como a prensa, ao non haber parte de accidente.Con estes datos pódese ver que a maior parte dos accidentes que se producen en Galicia corresponde a persoas que non son profesionais do sector. -Non é casual que Galicia xunto con Andalucía sexa a comunidade con máis tractores antigos.... No ano 2021 compráronse en España uns 11.600 tractores novos, mentres que se adquiriron algo máis de 28000 usados, dos que preto de 16.000 tiñan máis de 20 anos. En Galicia as cifras de que dispoñemos é que se compraron uns 740 tractores novos o pasado ano, pero 5.400 usados, dos que 3.900 tiñan máis de 20 anos. O parque de tractores en Galicia está envellecido e iso non axuda a que se reduzan este tipo de sinistros. -Que destacarías dos resultados da campaña "A túa vida sen voltas"? Que accións consideras que se poderían mellorar ou incorporar? Creo que a campaña é bastante completa porque, por unha banda, trátase de advertir de que moitas persoas das que conducen un tractor non son conscientes da cantidade de accidentes que se producen no uso deste tipo de vehículos. Por outro lado, ofrecemos recomendacións para manexar o tractor de maneira segura, para que coñezan as principais pautas para reducir o risco de accidentes. Unha terceira liña de actuación desta campaña foi crear un simulador virtual, que se pode utilizar no móbil ou no ordenador, para mellorar a condución do tractor, sobre todo nas manobras de xiros e en situacións de desnivel para evitar envorcos, xa que a aplicación permite ver en todo momento onde está o centro de gravidade do tractor e cunha serie de sinais luminosas, verde, amarelo ou vermello, advírtese do risco de envorco. Na campaña tamén se explica polo miúdo cales son as funcións da estrutura de seguridade do tractor, sexa arco ou cabina, e do cinto de seguridade. Con todas estas liñas de actuación creo que é unha iniciativa moi completa para mellorar a seguridade no uso do tractor.
 “A campaña “A túa vida sen voltas” inclúe un simulador de tractor “en liña” moi útil para mellorar o manexo e evitar envorcos”
Esta campaña deseñouse no seo do grupo de traballo do sector agrario da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo á que pertenzo en representación da Xunta de Galicia. En concreto, boa parte do traballo fíxoo o subgrupo de maquinaria agrícola, do que son coordinador. A campaña non só abrangue esta parte de sensibilización, concienciación e formación senón tamén outras actuacións, para intentar que aqueles tractores que cando se comercializaron non tiñan estrutura de protección podan acceder a dispor dela, de forma que haxa fabricantes interesados en fabricar e ofrecer esas estruturas. Non é un camiño fácil e de momento non hai moita oferta deste tipo de elementos de protección. Nós intentamos facilitar que estas estruturas sexan o máis accesibles posibles abaratando o proceso de homologación e de deseño. Por outra parte, e tamén dentro da campaña de sensibilización de “A túa vida sen voltas”, destacaría que non só a levamos aos centros de formación profesional de Galicia vinculados co sector primario, senón que tamén nos cursos de capacitación agraria para incorporarse ao sector agrogandeiro o alumnado fixo tamén o curso de manexo seguro do tractor. -Estase a notar na sinistralidade a proibición de compra-venda de tractores de máis de 40 anos sen cabina homologada? Esa foi unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo pois entendemos que os tractores que son moi antigos non dispoñen de estrutura de protección, polo que con respecto a un tractor moderno teñen moitas menos medidas de seguridade. Polo tanto, temos que tentar que non se perpetúen no tempo, que non cambien de mans. Neste sentido, acordamos co Ministerio de Agricultura que estes tractores de máis de 40 anos sen estruturas de seguridade homologada non podan cambiar de titularidade no ROMA fóra do ámbito das herdanzas familiares. Pódense empregar dentro da explotación agrícola ou transferirse de pais a fillos, pero non se poden vender a un terceiro e volver dalos de alta no ROMA. De forma complementaria, o plan RENOVE do Ministerio de Agricultura incrementou as axudas específicas para a compra de tractores novos. -Non é infrecuente oír que tanto o arco como o cinto non son efectivos nestes sinistros. Por que é falsa esta afirmación? A estrutura de seguridade que ten o tractor crea un espazo seguro arredor do asento. Polo tanto, se envorca o tractor e permanezo no asento sempre vou estar nesa zona se seguridade que crea o arco arredor do asento. Aínda que falamos fundamentalmente do arco de seguridade non esquezamos que tamén temos que falar do cinto. Para estar seguros e fundamental empregar o cinto de seguridade pois do contrario o máis normal é, cando haxa un accidente, non quedar nese espazo de seguridade arredor do asento e acabar esmagado.
“Para que o arco de seguridade ou a cabina protexen ao condutor en caso de envorco do tractor, é imprescindible usar o cinto de seguridade”
Por outra parte, moitos dos arcos de seguridade son abatibles ou retráctiles, polo que para que protexa ao condutor o arco ten que estar en posición de traballo. Por iso tamén tratamos de concienciar de que se nun momento determinado temos que abater o arco para facer unha labor agrícola, no momento que remate esa tarefa é moi importante volver subir o arco para que nos protexa, xa que moitos dos accidentes por envorco prodúcense nos desprazamentos cara as zonas de traballo debido a velocidades inadecuadas, fochancas, desniveis...etc. Por outro lado, hai que lembrar que moitas das cabinas dos tractores máis antigos protexen contra as inclemencias do tempo pero non en caso de envorco, ao non ter estrutura interna de protección, como nos tractores máis actuais. Tamén incidir en que despois dun accidente, unha cabina, do tipo que sexa, defórmase, polo que deberíamos substituíla por outra. -O envorco é unha das principais causas de sinistros mortais co tractor. Cales son as recomendacións clave de manexo do tractor para evitar este tipo de accidentes? Hai dous tipos de envorco: o lateral, que se produce cando se traballa en terreos en desnivel no sentido transversal ao da marcha, ou cando se vai a unha velocidade inadecuada e se fan xiros pechados; e logo o envorco cara atrás que se produce cando se circula por terreos en desnivel no sentido da marcha ou cando se arrastra unha carga enganchada nun punto alto do tractor.
 “Circular a velocidade axeitada, evitar os xiros pechados e vixiar o centro de gravidade do tractor son claves para evitar envorcos”
O que se debe facer é circular a velocidades axeitadas á tarefa que estamos a facer, realizar os xiros a pouca velocidade e cun radio de xiro o máis amplo posible para reducir a forza centrífuga que trata de botar o tractor fóra da traxectoria e que produce o envorco. Tamén debemos gardar as distancias de seguridade respecto a desniveis e saber que se vou cun apeiro ou cun remolque debo coñecer como interesa subir ou baixar as pendentes para evitar os envorcos. -A toma de forza é outra causa frecuente de accidentes. Que medidas básicas debemos ter en conta para traballar con seguridade? Outra causa de accidentes graves son os atrapamentos nas tomas de forza. Neste sentido, as tomas de forza e os eixos cardán deben estar protexidos para evitar atrapamentos mentres están xirando. Debese ter en conta tamén que cando vou facer un enganche cun apeiro á toma de forza debe estar desconectada e o tractor apagado, pois moitos dos accidentes débense a acercarse a tomas de forza que están xirando e non dispoñen de protección. Ademáis, as proteccións das tomas de forza, ou dos eixos cardánicos, que solen ser en forma de copete e extensible, en moitos casos son plásticas e co tempo vanse rompendo e desaparecen. Ao non ter esa protección estamos expostos a un risco elevado de accidentes por enganche da roupa na toma de forza. É importante comprobar que as tomas de forza manteñen todas as súas proteccións en bo estado e verificar que cando vaiamos enganchar un apeiro non haxa ningún elemento xirando. -Unha distribución de pesos non axeitada no tractor tamén nos pode provocar un susto. En que nos debemos fixar á hora de evitar estas situacións? Hai que pensar que o tractor é un vehículo que ten o punto de gravidade mais elevado ca outros vehículos e situado preto das rodas traseiras, polo que debemos procurar levalo co máximo ancho de vía (distancia entre rodas) posible. E por outro lado, se vamos enganchar apeiros traseiros estamos desprazando aínda máis para atrás o centro de gravidade, polo que debemos contrapesalo correctamente na parte dianteira para evitar envorcos cara atrás. -O feito de que un tractor sexa de tracción simple ou de dobre tracción, incide na súa seguridade? O dispor de dobre tracción, sempre que se poda, é positivo. Cos tractores de tracción simple hai que ter mais precaucións. Vai influír moito no encabritamento ou envorco cara atrás. Tamén pode influír na facilidade para que se atúe ou atasque no terreo. Neste caso debemos coñecer a maneira correcta de manobrar cun tractor de tracción simple, que é saír marcha atrás ou coa axuda doutro vehículo.
 “Os tractores de tracción simple teñen máis risco de envorco cara atrás que os de dobre tracción”
A veces tamén nos axuda o feito de os de dobre tracción levan máis peso adiante, polo que o centro de gravidade sitúase máis cara o centro do tractor. Debemos ser conscientes das características do vehículo que levamos: Os tractores non teñen amortecedores e as irregularidades do terreo non as absorben da mesma maneira que un automóbil. -Para conducir un automóbil debemos obrigatoriamente pasar un psicotécnico e levar o vehículo a ITV, pero no caso do tractor parece que hai moita mais lasitude, e non é infrecuente ver a persoas de idade avanzada conducir esta maquinaria, mesmo sen pasar ITV. ¿Considera que falta unha maior control sobre o uso do tractor? ¿Que cambios lexislativos considera que serían necesarios? Deberíase mellorar no sentido de que para conducir un tractor se esixiran uns coñecementos mínimos sobre este tipo de vehículos. Boto de menos que a xente estea máis concienciada dos perigos que implica o manexo do tractor. O Psicotécnico e a ITV axúdannos a constatar tanto o estado do condutor coma do vehículo. Un vehículo non pode circular por unha vía pública sen dispor da ITV en vigor.

“Preocúpanos moito a sinistralidade no sector forestal en Galicia”

Adela Quinzá-Torroja García é desde o 2009 xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), un organismo dependente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia,  Entre as súas actuacións inclúense aquelas destinadas a previr a sinistralidade no sector agrogandeiro e forestal galego, das que destacan este ano dúas novas campañas informativas, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, para fomentar a seguridade laboral nas granxas galegas e no colectivo de veterinarios. Trátase de dúas iniciativas, para reforzar a seguridade do persoal veterinario e para a prevención de riscos nas explotacións. -O sector primario, e en concreto o agrogandeiro e forestal, ¿son dos que máis sinistralidade laboral rexistran? Cos datos que temos de sinistralidade no ano 2021 nas actividades de agro, gandería e forestal si que hai un incremento de accidentes de traballo, pero se desglosamos por gravidade, a maioría son leves. Ademais, houbo o pasado ano un descenso dos accidentes graves nun 10%, ao pasar de 36 a 33, e unha redución dun 28% nos accidentes mortais en xornada laboral, que pasaron de 7 no ano 2020 a 5 no ano 2021. Por tanto, si podemos dicir que os datos de sinistralidade están estables, pero tamén que nos preocupan moito os accidentes de traballo no sector forestal. A causa máis recorrente é a caída de árbores durante as operacións de corta e desbroce. Neste sentido, o ISSGA ten creado un grupo técnico de traballo con sector forestal, no que participan os técnicos de prevención de riscos laborais de ENCE, Finsa ou Fearmaga, entre outros, para facer chegar ás empresas e aos traballadores a información técnica suficiente para que estes accidentes non se repitan ano tras ano. É un sector no que a orogafría e climatoloxía complican a actividade. Ademais, conta con moitos traballadores doutros países, polo que desde o ISSGA facemos os nosos folletos informativos na súa lingua para poder chegar ben a eles á hora de aplicar medidas de prevención.
 “Coa asociación de empresarios do sector forestal de Lugo estamos avanzando na creación dun servizo de prevención propio, e gustaríanos que se estendese ao resto de Galicia”
Estamos tamén impulsando que as asociacións sectoriais do forestal constitúan servizos propios de prevención, algo no que estamos avanzando de xeito moi positivo coas empresas forestais da provincia de Lugo e que nos gustaría que se estendese tamén ás outras provincias galegas. E é que un dos puntos que ten que reforzar o sector forestal en Galicia é a prevención de riscos laborais. É prioritario que non se perdan vidas e, por iso, o empresario debe garantir a saúde e a seguridade dos seus traballadores durante a xornada laboral e os traballadores teñen que colaborar e cumprir coa adopción das medidas de prevención.
“A gran parte dos sinistros mortais con tractor son de persoas maiores”
Estes datos de sinistralidade refírense a profesionais do sector primario, pero non se teñen en conta a sinsitralidade das persoas xubiladas ou que fan tarefas agrícolas ou forestais de xeito puntual. ¿Tedes campañas específicas para eles? Preocúpanos moito a sinistralidade no uso do tractor, aínda que máis do 90% dos accidentes non son laborais, senón que se corresponden a persoas xa xubiladas. No ISSGA facemos campañas para a poboación en xeral, non só para os profesionais do sector. Como dicía, a gran parte dos sinistros mortais con tractor son de persoas maiores, debido sobre todo a emborcamentos, pois non teñen suficiente capacidade de reacción, ao que se suma que os tractores non teñen as medidas de protección necesarias. Tedes datos concretos de sinistralidade no uso do tractor? A sinistralidade laboral non é alta no uso do tractor, pero si a sinistralidade que ten lugar entre persoas que xa non son traballadoras. Como digo, na maior parte dos casos incide a elevada idade das persoas, a antigüidade dos tractores, a falta de medidas de protección nos mesmos e por suposto a orografía e a climatoloxía. Ademais dos emborcamentos, hai tamén moitos accidentes co tractor nas incorporacións ás estradas. -Precisamente o ISSGA realiza cada ano campañas de seguridade no uso do tractor. ¿Que valoración fai das mesmas e que nos podería avanzar das medidas do ISSGA para este ano? O ISSGA realiza campañas informativas para a poboación en xeral, en especial do rural, e contamos tamén con iniciativas en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, e que valoramos moi positivamente pola súa incidencia. Ademais, a nivel español e, dentro da Estratexia Española de Seguridade e Saúde do Traballo, Galicia forma parte dun grupo de traballo no que impulsamos a campaña “A túa vida sen voltas”, onde se fai unha explicación das causas e das medidas preventivas para que estes sinistros co tractor non acontezan. Ademais do público xeral, estamos a levar a cabo esta campaña a 13 centros de formación profesional para a mellora e a seguridade no uso desta maquinaria con fin de evitar este tipo de sinistros. O uso da motoserra e da rozadoira tamén son causas moi comúns de sinistralidade en Galicia... Aí o ISSGA ten cursos específicos que organizamos en distintos concellos e tamén nos centros de formación profesional, para ligar a formación coa realización do traballo dunha forma segura. Os cursos que impartimos son eminentemente prácticos, con demostracións en fincas, para reducir os accidentes no uso da motoserra ou da rozadoira. Son cursos dun máximo de 15 persoas e todos están a ter moi boa acollida e os traballadores agradecen moito esta formación porque é común que teñan conceptos equivocados sobre o uso seguro desta maquinaria. -¿Cales son as principais accións que ten previsto realizar o ISSGA ao longo deste ano para a prevención de accidentes no sector primario? Temos en marcha unha campaña en colaboración coa Consellería do Medio Rural coa que pretendemos chegar ás 33.000 granxas de gando vacún, baixo o título “Explotacións de gando vacún: Un lugar seguro e saudable”. A iniciativa inclúe información en forma tanto de tríptico como de póster. Falamos de prevención de riscos no manexo dos animais, da maquinaria, dos produtos químicos e no manexo de cargas. Tamén é fundamental a protección da maternidade, embarazo e lactación. É unha proposta que saíu dun grupo de análise da sinistralidade que hai no ISSGA e había preocupación por chegar máis ás ganderías.
 “Chegaremos coa campaña “Explotacións de gando vacún: Un lugar seguro e saudable” a 33.000 granxas galegas”
Tamén temos previsto lanzar unha campaña específica para o persoal veterinario para mellorar a seguridade do seu traballo nas explotacións gandeiras. Por outra parte, seguiremos coa campaña nacional de prevención de riscos no uso do tractor -A túa vida sen voltas- . E realizaremos outra de uso seguro do tractor en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, que repartirá a nosa información para chegar tamén aos puntos de inspección ITV para maquinaria agrícola, como xa vimos realizando. En canto ao sector forestal, seguimos traballando para mellorar as medidas de prevención dos traballadores, establecendo unhas pautas sobre distancias de seguridade nas zonas de desbroce e corta de arbores e de sinalización. E importante dar a coñecer a normativa específica e estandarizada sobre distancias preventivas á zona de corta das árbores e de sinalización. Por último, seguiremos divulgando as campañas específicas que estamos realizando para colectivos sobre o uso da motoserra ou a difusión de boas prácticas no agro ou viticultura, esta última unha actuación dirixida á muller. Tamén continuaremos coas campañas sobre o manexo seguro de motoserra e rozadoira e a gamificación, coa app ISSGA Forestal. E por suposto, seguimos participando en grupos de traballo a nivel nacional sobre pautas de introdución da perspectivas de xénero nas medias de prevención ou de redución de riscos no uso do tractor. -Nos últimos anos o ISSGA tamén empezou a realizar campañas específicas para a vendima ou o traballo na adega. Como valoran a recepción? Neste sector os maiores riscos para a saúde son a manipulación de cargas ou os movementos repetitivos que logo dan lugar a trastornos músculo-esqueléticos.
“En xuño imos presentar tres guías específicas para reducir os riscos na viña e na adega”
Neste sentido, os nosos compañeiros do centro do ISSGA de Ourense fixeron un labor magnífico elaborando tres guías de prevención de riscos laborais, que imos presentar en xuño, unha dirixida ao traballo na viña e outra ao traballo en adega, así como unha máis xeral. -A perspectiva de xénero tamén se incorporou que actuacións específicas para prevención de riscos laborais das mulleres embarazadas que traballan no sector primario. ¿Que os levou a realizar estas campañas e como foi a acollida? Queremos introducir a perspectiva de xénero en todas as actuacións do ISSGA para adecuar as medidas de prevención ás peculiaridades dos dous xéneros. No caso da muller é moi importante a situación de embarazo, lactancia e postparto polo emprego de produtos fitosanitarios e esforzos posturais. Neste sentido, publicamos unha guía especifica. Pero a perspectiva de xénero é transversal: por exemplo que os equipos de protección tamén estean adaptados para o corpo das mulleres ou o mesmo coas ferramentas. -Durante a pandemia o sector primario foi considerado esencial e tivo que seguir realizando a súa actividade. ¿Notaron unha maior incidencia da enfermidade nos traballadores deste sector? ¿Como valoran os resultados das campañas de prevención e en que se podería mellorar? O sector primario durante a pandemia incrementou a súa actividade para garantir o subministro de alimentos. Coa creación no ISSGA da Unidade de Referencia covid-19, o noso equipo técnico fíxo un importante labor de información e formación para distintos sectores sobre medidas de prevención na transmisión da covid-19. Houbo moita demanda de información e traballamos moito para cooperativas agrogandeiras e empresas do sector primario, revisando e facilitando plans de prevención específicos fronte ao coronavirus. Todo isto que aprendemos durante a covid-19 débenos servir de ensaio para futuras pandemias. Estamos orgullosos do noso traballo e de como foi valorado polo sector primario.

A sinistralidade laboral no sector agrogandeiro e forestal caeu en Galicia un 16% no 2020

O Plan de actividades do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para 2021 dará prioridade á Unidade de referencia covid-19 e ás campañas de prevención de riscos laborais en eidos como a pesca, a agricultura e o sector forestal. O obxectivo principal do Plan do Issga, que depende da Consellería de Emprego e Igualdade, é promover a prevención de riscos laborais nos centros de traballo e seguir loitando contra a sinistralidade laboral, como aconteceu en 2020, que pechou cun 24,45% menos de accidentes no traballo en xeral, e que no sector agrogandeiro e forestal caeu un 16% O Plan de actividades foi deseñado co consenso das organizacións sindicais e empresariais e se enmarca na Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que foi aprobada no seo do Diálogo Social.

Sector forestal

No ámbito forestal desenvolverase un programa de prevención de riscos e redución de accidentes na industria do sector, nas operacións de maior sinistralidade no traballo no monte, e investigación causal. Tamén se realizarán visitas aos centros de traballo da industria madeireira. O obxectivo da Xunta de Galicia é achegar información sobre o uso seguro de equipos, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de información e formación de carácter practico. Estase a dar continuidade ao grupo de traballo con técnicos do sector que ven funcionando dende o ano 2017, para atallar a recorrencia dos accidentes, en moitos casos graves e mortais, nas operacións de tala nos montes, para a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas.

Sector agrario e gandeiro

Polo que se refire ao sector agrario e gandeiro, realizaranse campañas de sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola, especialmente en relación co uso do tractor e a seguridade viaria relacionada con este vehículo. De feito, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciou xa as actividades formativas dirixidas a alumnado e profesorado da Formación Profesional en Galicia no marco da campaña A túa vida sen voltas. Trátase de fomentar o uso seguro do tractor e que se aumente o número de tractores provistos de estrutura de protección e cinto de seguridade. A Xunta pretende acadar con esta actuación a concienciación mediante a formación e a información respecto ao risco de envorco e as súas consecuencias entre os futuros profesionais do sector. Para avanzar vén de completarse ademais a distribución de exemplares dun documento técnico co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles que teñan relación coa utilización do tractor no agro galego. Unidade covid-19 A unidade de referencia covid-19 púxose en marcha para afrontar a emerxencia sanitaria na contorna laboral e seguirá a traballar coa súa dobre finalidade: apoiar ao tecido empresarial galego na implantación das medidas necesarias para loitar contra a covid-19 e dar resposta especializada aos diferentes sectores económicos para garantir a saúde laboral nos centros de traballo. A unidade constitúe unha das actuacións preferentes e prioritarias do Issga, que incidirá sobre todo na disciplina de hixiene industrial e medicina no traballo.

11 medidas para mellorar a seguridade dos traballadores do campo

A existencia dunha gran variedade de actividades no sector agrario, o contacto con animais e outras circunstancias intrínsecas á actividade agraria, fan que os traballadores e traballadoras agrícolas estean expostos a unha gran cantidade de riscos, cuxas consecuencias poden chegar a ser mortais. Segundo o Ministerio de Traballo, o sector primario, xunto coa construción e a industria manufactureira, a actividade agrogandeira lidera as estatísticas de accidentes de traballo que causan baixa, cunha incidencia de 5.381,5 accidentes por cada 100.000 traballadores. Unha cifra que ademais crece de forma sostida na última década. Por este motivo, desde UPA entenden que é necesario avanzar na elaboración de propostas relativas á actividade preventiva nas explotacións, para o que propoñen tomar as seguintes medidas: 1. Establecemento dunha normativa específica para o sector agrario que desenvolva a Lei de Prevención de Riscos Laborais e adaptando as diferentes disposicións á realidade do sector agrario. 2. Mellora dos plans de apoio para a renovación da maquinaria agrícola, introducindo no Plan Renove unha liña de axudas permanente, cuxo obxectivo sexa a colocación nos tractores de estruturas de seguridade homologadas. 3. Posta en marcha dunha Cartilla Individual Sanitaria e de Risco que integre os resultados da vixilancia da saúde dos traballadores e da avaliación dos riscos. Esta Cartilla debe permitir o adecuado seguimento da vida laboral do traballador, das repercusións desta no seu estado de saúde, das medidas de prevención e protección necesarias, e evitar a repetición innecesaria de probas médicas. 4. Estudo, adecuación e mellora dos equipos e técnicas de aplicación de produtos fitosanitarios, con respecto á seguridade dos traballadores. 5. Desenvolvemento de actividades de sensibilización-formación sobre os riscos derivados da utilización de produtos fitosanitarios, dirixidas a todos os implicados, con especial atención aos traballadores temporais e inmigrantes. 6. Mellora das condicións dos traballadores que deben operar dentro dos invernadoiros, potenciando o estudos, principalmente no respectivo ao traballo baixo estrés-térmico. 7. Elaboración e difusión de manuais de boas prácticas no manexo seguro de animais contemplando, ademais, os riscos ergonómicos dos gandeiros. 8. Realización de campañas de información e formación sobre a prevención das enfermidades profesionais realizadas a través das autoridades sanitarias, laborais e da vixilancia da saúde dos servizos de prevención aos que estean adscritas as explotacións gandeiras. 9. Elaboración e difusión de manuais de boas prácticas no manexo seguro da maquinaria agrícola, incluíndo as revisións que se teñan que realizar e as súas operacións de mantemento. 10. Instar a que as actuacións dos Servizos de Prevención no cumprimento dos seus labores preventivos sexan vixiadas convenientemente, a fin de lograr unha mellora na calidade dos seus servizos no sector. 11. Apoio á posta en marcha de Servizos de Prevención Mancomunados, constituídos a partir das Organizacións Profesionais Agrarias.

Agri- preven

UPA tamén cre que para mellorar en prevención de riscos laborais no campo é necesario informar e concienciar aos profesionais que traballan nel. Por iso, UPA lanzou o proxecto Agri- preven. A través da edición e difusión de manuais, e a celebración de xornadas de difusión en diferentes zonas rurais de España, UPA fai chegar aos profesionais do campo o coñecemento necesario para previr riscos en materia de trastornos musculoesqueléticos, enfermidades profesionais, manexo de maquinaria e seguridade viaria, uso de produtos químicos ou na prevención de factores de risco de carácter organizativo e psicosocial, entre outros. Ademais, UPA completará o proxecto Agri- preven un portal web e mesmo unha app que xa están en desenvolvemento, ambos os orientados a previr accidentes laborais.

“Os accidentes no agro non son por mala sorte, débese xestionar a prevención”

Xosé Manuel López Gallego, técnico superior en prevención de riscos laborais, analizou nunha tese doutoral a situación da siniestralidade laboral no agro galego. Escolleu para o seu traballo a década 2004-2014, a primeira de funcionamento dun sistema, o Delt@, que mellora a recollida de datos dos sinistros, pero que aínda presenta eivas. Durante esa década, Galicia tivo un total de 14.660 accidentes laborais ligados ó sector agrario e forestal, o que representa catro accidentes ó día. - Unha cuestión que subliña na súa tese é a insuficiencia de datos sobre a verdadeira dimensión dos accidentes de traballo no agro. A que se debe esta situación? - En primeiro lugar, na agrogandeiría, ao ser en xeral un traballo por conta propia, unha persoa non sofre un accidente laboral salvo que pague. Só se computan como accidentes laborais os das persoas autónomas que pagan a cobertura por continxencias profesionais. Se non a pagas, eses sinistros cóntanse como accidentes, pero non laborais. Hai outros factores que tamén dificultan a contabilidade dos sinistros, como o elevado número de axudas familiares que adoita existir no agro, tanto de persoas xubiladas como de estudantes ou de persoas que traballan noutra actividade e botan unha man na casa. Por último, tamén habería que incidir nun factor estrutural. A maioría dos pequenos accidentes non se notifican porque poden ser molestos pero non incapacitantes, e unha persoa autónoma non adoita darse o luxo de ter baixas. - Cal é o perfil máis habitual das persoas que sofren sinistros laborais no agro? - Hai diferenzas marcadas en función do sector. En forestal, os accidentes danse sobre todo en persoas menores de 40 anos e con pouco tempo na empresa. Un dato significativo é que a metade dos sinistros do sector forestal rexístranse en persoas con menos de tres meses de antigüidade na empresa. O factor de risco é a falta de experiencia da persoa. Unha motoserra, que é un dos equipos que xenera unha maior accidentalidade, esixe destreza e que o operario saiba como executar os traballos do xeito correcto.
"A maioría de sinistros no sector forestal rexístranse en persoas novas con pouca antigüidade na empresa. No sector agrario sucede o contrario"
En cambio, no sector agrario os accidentes danse con maior frecuencia en persoas de máis de 44 anos e que levan máis de 5 anos traballando na explotación. - O maior número de accidentes mortais rexístranse co tractor. É a idade do tractor un factor claro de risco? - Un tractor vello non ten por que ser inseguro necesariamente. O problema é se non se lle fai un bo mantemento. No agro hai un limbo normativo porque dentro da explotación, o tractor pódeo conducir calquera, aínda que non teña carné, e tampouco se esixe que ese tractor teña a Itv pasada se non sae fóra da explotación. Os accidentes con tractores son os máis letais e os que teñen normalmente máis relevancia, pero algo que moita xente non se imaxinará é que os accidentes con animais son máis numerosos que os sinistros co tractor. En dez anos, atopei 1.024 sinistros con gando vacún, polos 978 que houbo con tractor. - Cos animais, detectaches que os maiores problemas rexistránse no muxido, ben por patadas, golpes ou aplastamentos. Destacas na tese que o muxido en praza xera un maior volume de accidentes que o muxido en sala. - O muxido é o traballo que xenera máis volume de sinistros con animais, aínda que tamén hai que ter en conta que un 23% dos sinistros deste tipo prodúcese con becerros. En canto ó muxido en praza, é certo que hai un maior número de incidencias, xa que o 60% dos sinistros de muxidura danse neste sistema, pero fáltanos coñecer máis datos, igual que nos falta no muxido en sala saber o tipo de sala que é. As bases de datos deberían facilitar máis información, xa que é a vía para aprender do que lle pasou a outros. O sistema de notificación de accidentes no sector agrario dá unha información moi limitada. Por exemplo, para as segadoras só hai un código. Dá igual que sexa unha segadora arrastrada, suspendida, un robot cortacéspede dun xardín ou unha ‘Bertolina’. - Volvendo ó tractor, ao rexistrarse a maioría de sinistros en persoas con experiencia, pensas que pode haber situacións de exceso de confianza? - Todos os accidentes danse por erros humanos ou imprudencias. O tractor non é perigoso en si, o problema está no seu mal uso. Se non, como se explica que haxa unha alta porcentaxe de accidentes nos que a víctima caeu do tractor en marcha? Unha de dúas, ou non levaba o cinturón de seguridade ou estaba facendo algo que non debía.
"Sempre pensamos no envorcado, pero un terzo dos sinistros co tractor son por unha cousa tan tonta como subir ou baixar da cabina"
Sempre pensamos no envorcado do tractor, pero cando analizas os accidentes, atopas que un terzo dos sinistros co tractor prodúcense baixando ou subindo da cabina. Hai unha idea cultural de que se un baixa de cara ó tractor é un pouco novato e prefírese baixar de costas ó tractor, en plan ‘experto’, ou mesmo saltando. Pois unha cousa tan tonta como baixar mal do tractor está a provocar baixas prolongadas por danos en tobillos, pernas ou brazos. É necesario tamén que os deseños dos fabricantes teñan en conta este tipo de sinistros, xa que tende a darselle moita importancia á cabina e pouca o seu acceso e saída. - Que cres que se pode facer no agro para mellorar a prevención? - Un dato preocupante é que no 39% dos sinistros, o traballador recoñece que o seu posto de traballo non foi evaluado e no 20% dos casos non hai constancia da existencia dun sistema de xestión da prevención. A solución na xestión da prevención só pode vir da Administración, impulsando e mesmo tutelando a implantación de sistemas de xestión adecuados e adaptados ao sector, é o único xeito de que se xeneralice a prevención. Unha modalidade que sería axeitada para o sector agrario son os servizos de prevención mancomunados. Unha cooperativa ou un conxunto de explotacións dun área determinada poden dotarse dun servizo propio que se encargue da seguridade laboral. Tamén se poderían crear cooperativas orientadas á seguridade.
"Os servizos de prevención mancomunidados serían axeitados para xestionar a seguridade laboral no agro"
Con frecuencia pénsase que os accidentes son cuestión de sorte ou unha fatalidade, como algo normal que che tocou, pero non teñen que ver con iso. Que por exemplo un neno poida ter un accidente por estar xogando no interior dunha explotación na que hai gando e máquinas non pode ser algo normal. A responsabilidade é da explotación, non do rapaz. Falta concienciación sobre o problema que representan os sinistros no agro. Custan cartos e tempo, a parte do dano que supoñen para o afectado.

Catro claves para previr os accidentes no tractor

Galicia ostenta o liderado en sinistros mortais en tractor, con algo máis de 90 persoas falecidas dende o ano 2011. O numeroso parque móbil, con máis de 160.000 tractores, e a elevada idade dalgúns dos conductores son algúns dos factores que incrementan os riscos de sinistralidade. Ante esta problemática, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), vén de poñer en marcha unha nova campaña sobre a prevención de riscos no manexo do tractor que se achegará a 119 concellos do rural galego repartidos polas catro provincias galegas (35 da Coruña; 30 de Lugo; 27 de Ourense; e 27 de Pontevedra). A través desta campaña, o Goberno galego repartirá 10.000 trípticos e 3.000 carteis que recollen información técnica en catro ámbitos, que son os que se consideran máis relevantes na prevención de riscos neste ámbito: a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixe cardánico, a protección do tractor fronte a envorcaduras e as medidas a tomar en caso de que se produza este feito. Catro claves para previr os accidentes no tractor:

1) Seguridade viaria:

-Os vehículos agrícolas que circulen polas vías públicas estarán homologados e matriculados. -Permiso de conducir: - Xeral: permiso clase B. - Licenza de condución (idade mínima 16 anos) cando: a masa ou as dimensións dos vehículos agrícolas non excedan as máximas autorizadas; e a velocidade máxima por construción non exceda 45km/h -ITV: exento os 8 primeiros anos, bienal de 8-16 anos, e anual a partir dos 16 anos. Excepto motocultores, motoaixadas etc. que non é obrigatoria a ITV. -Cumprir as normas de circulación: velocidade axeitada, sinalización da maquinaria diurna e nocturna etc. -Respectar o número máximo de pasaxeiros do vehículo indicado polo fabricante. -Dispoñer dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e en bo estado: espello retrovisor esquerdo, sinalización luminosa: xirafo (v-2) e limitación de velocidade (V-4) etc. -Na vía pública, de ser o caso, levar a máquina en posición de transporte.

2) Protección da toma de forza (TDF) e do eixo cardánico:

-Dispoñer dos elementos de protección (protector da TDF, protector do eixe cardánico e protector das xuntas cardán) en bo estado e colocados axeitadamente. -Enganchar o eixe cardánico coa TDF desconectada, o motor apagado e a chave de arrinque de tractor sacada. -Non levar roupa frouxa nin o pelo solto, non permanecer próximo á toma de forza e ao eixe cardán en movemento. -Non subir ao tractor apoiándose na coiraza protectora nin ir subido nela co tractor en marcha. -Antes de baixar do tractor, desacoplar a TDF, poñer o tractor no punto morto, accionar o freo de estacionamento, apagar o motor e retirar a chave do contacto, sempre que sexa posible.

3) Proteccións do tractor fronte á envorcadura:

-Dispoñer de estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou bastidor). -Empregar o cinto de seguridade cando o tractor dispoña de estrutura homologada de protección. -Realizar un mantemento axeitado das proteccións.

4) Medidas fronte á envorcadura:

-Circular a velocidade axeitada. -En pendente e camiños en mal estado extremar as precaucións. -Non efectuar viraxes bruscas, principalmente se se vai cun apeiro arrastrado (remolque, cisterna de xurro etc.) -Non forzar se existe resistencia ao avance. -Non retirar o parafuso fusible dos arados, e se é necesario retiralo, introducir outro de iguais características. -Abater as estructuras de protección (exemplo: pórtico) só nos casos imprescindibles (invernadoiros, baixo árbores etc.) e sempre cun manexo adecuado e seguro. -Seleccionar adecuadamente os apeiros que se vaian enganchar ao tractor. -Empregar o peche do bloqueo dos freos en circulación e transporte co fin de pisar os freos simultaneamente. -Se se produce unha envorcadura, o condutor permanecerá dentro do tractor e agarrarase fortemente ao volante ou a algunha asa. Nunca saltar cara ao exterior.

Descarga aquí o folleto.

Descarga aquí o cartaz da campaña.

Agro e traballo: Non todo vale

As inspeccións de traballo destes días nalgunha explotación agraria de Galiza veñen de provocar certa poeira mediática. O curtopracismo que opera nestes casos e a miope concepción do asunto ocupáronse de airealo ao tempo que a escaseza de ideas e talegos de prexuízos saltasen ocupando o lugar dun debate que hai que dar, pero se cadra non deste xeito. Trátase dunha realidade complexa e como tal cómpre proceder. Desde hai un tempo constato que existe un colectivo de xente na Galiza que sigue atada ao mito dun pasado glorioso e ambientalmente sustentable ligado ao medio rural. Un lugar onde todo era equilibrado e harmónico e onde toda unha boscosa e frondosa natureza dispuña alimentos e contaxiaba boas relacións. Porén, os presuntos equilibrios, de producírense, non deixaban de ser un fenómeno ligado a relacións de produción autárquicas onde o autoconsumo e o autoabastecemento constituían a forma da economía labrega galega até ben entrado o século XX. E digo presuntos porque nin a vaca era tan roiba, nin os pementos producían sós. A “necesidade” que dirían as devanceiras de meu, era unha forma de vida. Vivíase co posto e comodidades como a electricidade, a atención médica, a maquinaria ou mesmo a ferramenta, eran luxos máis ou menos distantes que comezaron a materializarse a fins dos 1970. A economía labrega, por exemplo, non permitía mercar azucre, aceite, café ou froita fresca. “Hai colectivos e tamén certa esquerda en Galiza que insiste en mitificar o agro galego de antes” A esperanza de vida dos anos 1950 era de 60 anos mentres que na actualidade supera os 80. E o volume de enfermidades ligadas a falta de hixiene e seguridade no traballo, así como as derivadas dunha cabana gandeira sen atencións veterinarias, conformaban un problema que, contodo, algunhas persoas seguen a negar. A Brucelose, os problemas derivados dunha deficiente alimentación, así como a falta de atención médica aínda hoxe mostran restos da súa cara máis amarga. Hai colectivos e tamén certa esquerda en Galiza que insiste, con todo, en situármonos nese pasado mítico. Resulta unha verdade recorrente, que pouco ten que ver coa realidade que ofrecen datos estatísticos, históricos e económicos e que serve para promover unha caste de neo-ruralismo con moito predicamento nos ámbitos alonxados do mundo rural e con pouca base científica. O máis curioso é que este fenómeno na actualidade estendeuse e lonxe de minguar, fabrica a diario milleiros de novas na internet que se multiplican froito da ignorancia e o sentimentalismo a partes iguais. Unha parte do nacionalismo e a esquerda galegas cultivaron ese mesmo sentimentalismo durante anos. Na actualidade a algúns sorpréndenos que se sigan repetindo fórmulas sen o máis mínimo rigor que, lonxe de contribuír a posta en marcha de modelos agrarios alternativos e centrarmos os debates, provoca descreto entre moita da xente que, de inicio, resultaría proclive a participar neles. Afirmar a día de hoxe que os vellos vivían nunha caste de paraíso que agora o “malísimo” progreso se encargou de dinamitar é tan ignorante como absurdo A repetición sistemática de consignas ruralistas seméllase moito aos mantras que se repiten noutras instancias da política, sen efectos prácticos inmediatos pero co afán de crear adeptos. Porén, o retorno aos equilibrios e as economías de colaboración ten tanto de tautoloxía autoafirmativa como baleiro ideolóxico. Afirmar a día de hoxe que os vellos vivían nunha caste de paraíso que agora o “malísimo” progreso se encargou de dinamitar é tan ignorante como absurdo. Por moito que se insista no tema. Coa inspección de traballo nas explotacións estes días aconteceu algo semellante. É discutible o momento escollido como se cadra a saña coa que de oficio intervén a Inspección de Traballo; e sería desexable que actuasen con tanta dilixencia, un supoñer, nas tendas que atenden ao turismo en Santiago de Compostela. Pero non é discutible que interveñan. Sobre todo porque as que traballamos por alí sabemos que nas explotacións realmente actuantes do rural, existe moitísima desregulación, moitísima precariedade e moi malas condicións de traballo.
 “Nas explotacións agrarias segue existindo moita precariedade laboral e desregulación”
Podería debaterse se as empresas agrarias deberan ter certos beneficios fiscais e coa Seguridade Social. Tendo en conta un mercado dos produtos agrarios no que as rendas non sempre están garantidas e no que os prezos constitúen un handicap para a economía rural, sería mesmo desexable que se tivesen en conta as súas circunstancias na contratación para facilitar o cumprimento da lei. Pero desde logo o que non ten discusión é que non se respecten os dereitos das persoas que colaboran na explotación. Non ten discusión é que non se respecten os dereitos das persoas que colaboran na explotación Sen embargo, o debate móvese noutros termos. Mesturando cousas como a economía colaborativa, o sentimento de comunidade e mesmo a defensa a ultranza da desregulación laboral, tanto persoas como colectivos que un cría próximas, sen rubor de ningún tipo aplaude coas orellas as mensaxes que van desde a negación da contratación até unha defensa numantina da usura e a precariedade. Apoiados nunha presunta inocencia vinculada ás tradicións comunitarias que pouco ou nada teñen que ver nisto, sigue a establecerse unha cadea de implicacións que non se sostén a pouco que un camiñe polo rural: A cadea “comunidade rural--->solidariedade--->traballo en común--->Non fai falta contrato” sumado á suposición de que no rural a xente é boa per se e todo o fai ben, salta a nada que un fedelle na multitude de mensaxes que se desataron mesmo desde seitores ligados aos movementos sociais e de esquerda. Porén a realidade Galega é teimuda, tan só compre abrir a porta e camiñala. Percorrer os rueiros do rural a diario, ensina como as fórmulas colaborativas non son nin moito menos a realidade. Disfrazada de colaboración unha precariedade rampante dinamita un mercado de traballo que está sumerxindo economías e evitando novos investimentos así como a capacidade de aforro das persoas contratadas. A pouco que se observe como se acordan os traballos é doado comprobar como se regatea o salario sempre á baixa, como se obvia o contrato e como se supón de primeiras que o persoal eventual demanda soldos “por facerme mal e enriquecerse a conta miña”. Evidentemente isto non é unha posición absoluta. Polo medio existen persoas que ofrecen contratos, que velan pola seguridade e labor do persoal e respectan a lei. Pero nalgúns lugares a primeira posición é a máis frecuente. Durante os anos 1990 o 80% da contratación na Denominación de Orixe Rías Baixas era irregular Durante moito tempo, as administracións miraron para outro lado. Varias foron as zonas agrarias que ben deitaron das inspeccións de Traballo para ofertar contratos á xente. Durante os anos 1990 o 80% da contratación na Denominación de Orixe Rías Baixas era irregular. Na actualidade e grazas aos controis os datos invertéronse e probablemente o 70% da contratación faise con alta na seguridade social. E isto que, lonxe de atallar a totalidade dos problemas, contribuíu á mellora das condicións laborais, é o que se segue a pór en dúbida cando a inspección entra de cheo nos lugares onde a desregulación, a precariedade e os salarios e condicións miserentas, son un continuo. Quen sigue mirando o rural como desde unha óptica mítica e considerando que este fica pobre e desarmado fronte ás agresións dun progreso colonizador, posúe un comportamento paternalista e condescendente que mal contribúe a solventar os problemas e continúa a fabricar estereotipos. Mal imos resolver os problemas que afectan ao rural se as posicións de partida supoñen cuestionar os dereitos das traballadoras ao tempo que se defenden estruturas e poderes ancestrais onde fica por demostrar a súa bondade. Sobre todo porque ademais da inutilidade do retorno, supón unha saída conservadora en moitos casos.
“Os agricultores profesionais teñen que respectar os dereitos dos traballadores, como calquera empresario”
Convén lembrar que a colaboración entre veciñas/os non se investiga. Non está prohibido colaborar, nin prestar axuda como se fixo toda a vida. Entre dous labregos profesionais a colaboración nin está penalizada nin se vai establecer como delito. O que se investiga é se nunha explotación profesional hai persoas que por baixa, en situación de desemprego ou sen contrato laboral están a desenvolver traballos que requiran contrapartida económica. Iso e non a “cooperación” foi o que se buscou descubrir. E esta, precisamente, é a situación maioritaria. O rural galego é anómalo desde un punto de vista estatístico, porque conserva moita agricultura de tempo parcial ou familiar que non constitúe de primeiras unha actividade económica profesionalizada. Porén, si que ten un impacto económico na economía de moitas familias, xa que permite un aforro que os actuais niveis de renda doutros traballos non permiten. As hortas familiares ou aquelas que persoas xubiladas, retiradas, desempregadas ou empregadas, manteñen a tempo parcial contribúen aportando produtos de todo tipo co que moitas galegas subsistimos aínda en situacións precarias. Non teremos traballo pero de fame non morremos, como se di popularmente. Pero cómpre distinguir con claridade o traballo desenvolvido neste tipo de explotacións, que é voluntario ou afeizoado, daqueloutro que se efectúa nas explotacións agrarias profesionais. A explotación agraria profesional ten as características dun negocio, no mundo capitalista. E ao tempo mantén certas peculiaridades que contribúen ao conxunto. Conservan o territorio, aportan alimentos (que é un ben básico) e constitúen un medio diferente onde os tempos transcorren moi vencellados aos eventos bióticos e meteorolóxicos. Sen embargo, a súa responsabilidade en tanto que empresas agrarias, sobre todo no tocante ao respecto aos dereitos das traballadoras/es, é exactamente a mesma que a de calquera negocio. E ben fariamos en lembralo e lembrárllelo a algúns colectivos que nestes días revelaron unha confusión motivada a partes iguais por un presuposto idealizante e por unha ignorancia extrema do que no rural acontece.

Recomendacións básicas para previr accidentes no tractor

A Xunta de Galicia e a Delegación do Goberno de Galicia veñen de poñer en marcha a campaña “Prevención de riscos no tractor” co obxectivo de reducir a sinistralidade neste ámbito con especial atención no rural. A través de 32.500 trípticos a campaña informa das medidas de prevención en catro puntos críticos nos que se solen concentrar os accidentes de tractor: seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

Protección da toma de forza (tdf) e do eixe cardánico:

-Dispoñer dos elementos de protección (Protector da tdf, protector do eixe cardánico e protector das xuntas cardán) en bo estado e colocados axeitadamente. -Enganchar o eixe cardánico coa tdf desconectada, o motor apagado e a chave de arrinque do tractor sacada. -Non levar roupa frouxa nin o pelo solto, non permanecer próximo á toma de forza e ao eixe cardán en movemento -Non subir ao tractor apoiándose na coiraza protectora, nin ir subido nela co tractor en marcha. -Antes de baixar do tractor, desacoplar a tdf, poñer o tractor no punto morto, accionar o freo de estacionamento, apagar o motor e retirar a chave do contacto, sempre que sexa posible.

Proteccións do tractor fronte á envorcadura:

-Dispoñer de estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou bastidor). -Empregar o cinto de seguridade cando o tractor dispoña de estrutura homologada de protección. -Realizar un mantemento axeitado das proteccións.

Medidas fronte á envorcadura:

-Extremar as precaucións en camiños en mal estado e circular a velocidade axeitada. -En pendente extremar as precaucións. -Non efectuar viraxes bruscas, principalmente se se vai cun apeiro arrastrado (remolque, cisterna de xurro, etc). -Non forzar o tractor se existe resistencia ao avance. -Non retirar parafuso de roturados arados, e se é necesario retiralo, introducir outro de iguais características. -Abater as estruturas de protección (exemplo: pórtico) só nos casos imprescindibles (invernadoiros, baixo árbores, etc) e sempre cun manexo adecuado e seguro. -Seleccionar adecuadamente os apeiros que se vaian enganchar ao tractor. -Empregar o peche do bloqueo dos freos en circulación e transporte, co fin de pisar os freos simultaneamente. -Se se produce unha envorcadura, o condutor permanecerá dentro do tractor e agarrarase fortemente ao volante ou a algunha asa. Nunca saltar cara ao exterior.

Seguridade viaria:

-Os vehículos agrícolas que circulen polas vías públicas estarán homologados e matriculados. -Permiso de conducir: con carácter xeral requírese o permiso Clase B ou licenza de condución (idade mínima 16 anos) cando a masa ou as dimensións dos vehículos agrícolas non excedan as máximas autorizadas; e a velocidade máxima por construción non exceda de 45 km/h. -ITV: Os tractores novos están exentos de pasala os 8 primeiros anos; e pasa a ser bienal de 8-16 anos, e anual a partir dos 16 anos. Excepto motocultores, motoazadas ...etc, nos que non é obrigatoria a ITV. -Os tractores deben cumprir as normas de circulación: velocidade axeitada, sinalización da máquina diúrna e nocturna, etc. -Respectar o número máximo de pasaxeiros do vehículo indicado polo fabricante. -Dispoñer dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e en bo estado: espello retrovisor esquerdo, sinalización luminosa: xifaro (V-2) e limitación de velocidade (V-4), etc. -Na vía pública, de ser o caso, levar a máquina en posición de transporte.

Descarga aquí o tríptico da Campaña de Prevención de Riscos no Tractor.

O 95% dos accidentes mortais con tractor son de non profesionais con máis de 65 anos

A Xunta de Galicia e a Delegación do Goberno de Galicia colaboran na posta en marcha da campaña “Prevención de riscos no tractor” co obxectivo de reducir a sinistralidade neste ámbito con especial atención no rural. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presentaron este venres na Coruña esta iniciativa conxunta, que se centra en alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos accidentes, e achegar as recomendacións básicas coas que se evitarían moitos sinistros deste tipo. A campaña recolle información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos e pola súa incidencia causal nos accidentes con tractor como son a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura. Toda esta documentación plásmase nos 32.500 trípticos e 200 carteis que se distribuirán nos controis de tráfico da Garda Civil en estrada específicos para tractores, nos puntos fixos da ITV e nas súas unidades móbiles para os vehículos agrarios e nos concellos galegos. 0 95% dos accidentes mortais con tractor son de usuarios non profesionais con máis de 65 anos Neste sentido, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, fixo fincapé, ademais, no labor que está a desenvolver o ISSGA para minimizar ao máximo este tipo de accidentes salientado, ao respecto, que nos accidentes mortais en tractor máis do 95% de persoas non están afiliadas ao réxime especial agrario, é dicir, son sinistros non laborais sendo a idade medida da maior parte dos sinistros de máis de 65 anos. A meirande parte deles prodúcense cando se realizan tarefas agrarias ou nos seus desprazamentos. Neste senso, a secretaria xeral de Emprego apuntou que 2015 se pechou sen ningún accidente mortal co uso de tractor no ámbito laboral.
"Moitos non teñen a obrigación de levar o sistema antivuelco e non o poñen de forma voluntaria"
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, remarcou que, no que levamos de ano, rexistráronse polo menos 55 accidentes con implicación de vehículos agrícolas, nos que houbo 11 falecidos. Por iso, tanto o delegado do Goberno como a secretaria xeral de Emprego subliñaron que o obxectivo da campaña é "concienciar" aos usuarios destes vehículos. "Que os condutores teñan permiso de conducir, a ITV en vigor e en regra e o seguro obrigatorio", resumiu o delegado do Goberno. A iso, sumou cuestións como que se "respecte" o número de persoas que poidan ir nun tractor. Sobre os 403.624 vehículos deste tipo que hai en Galicia, Villanueva precisou que roldan de media os 27 anos de antigüidade, o que implica, segundo expuxeron na presentación da campaña, que non leven elementos de seguridade que si incorporan os novos. "Moitos non teñen a obrigación de levar o sistema antivuelco e non o poñen de forma voluntaria", recoñeceu, respecto diso, o tenente coronel Francisco Javier Molano.

A introdución do cable sintético reduce a dureza dos traballos forestais

Os aproveitamentos forestais en condicións de fortes pendentes aumentan a dificultade do traballo de extracción da madeira ata niveis que rozan a tipificación de “penosidade laboral”, segundo a valoración de Juan Majada, director do Centro Tecnológico y Forestal de la Madera de Asturias (Cetemas). Un elemento que está a contribuir a reducir esa penosidade da saca de madeira é a introdución do cable sintético en sustitución do cable de aceiro. A corda sintética de polietileno presenta a vantaxe de que pesa ata dez veces menos que o cable de aceiro, co engadido de que é flexible e ten un manexo máis fácil polo operario. Esas características redundan nun menor esforzo do traballador, medido en parámetros como pulsacións por minuto, forza aplicada ou gasto enerxético.
"En condicións de montaña, co cable sintético invístese ata a metade de tempo nun mesmo traballo de desembosque" (Juan Majada)
Outra vantaxe é a maior produtividade dos traballos de extracción da madeira. “En condicións de montaña, co cable sintético invístese ata a metade de tempo para un mesmo traballo de desembosque”, detalla Juan Majada, que presentou recentemente na feira Galiforest as conclusións dun estudo do Cetemas ó respecto. Ensaios O Centro, en colaboración con Maderas Siero, comparou os tempos de saca da madeira con cable de aceiro e con cable sintético en dous montes dos municipios de Pravia e de Teverga. En ambos os dous casos tratábase de cortar e sacar do monte castiñeiros de 40 anos en pendentes de entre un 55 e un 77% (entre 30º e 45º de pendente, aproximadamente). De cada ensaio fixéronse tres repeticións cronometradas. O resultado, traballando co cable sintético extráense 7,63 metros cúbicos por hora, en tanto que co cable de aceiro extráense 6,78 metros cúbicos. Desembosque con cable sintético. Extrapolando o resultado a unha xornada laboral, co cable sintético obtense a saca a maiores de 6,8 metros cúbicos por día. “Redúcese o tempo de saca da madeira, o que permite máis ciclos de traballo”- explica Juan Majada.- “É un factor a ter en conta, pois en pouco tempo pódese amortizar o custo a maiores que representa o cable sintético”, valora. Desvantaxes A principal desvantaxe da corda de polietileno radica precisamente no seu maior prezo, entre 3 e 4 veces maior ó do cable de aceiro. Outro aspecto negativo a ter en conta é a menor durabilidade do cable sintético. Con todo, en Asturias, segundo indican desde o Cetemas, xa se xeneralizou o uso da corda de polietileno na maioría dos traballos de saca, a excepción dos aproveitamentos de eucalipto. O cable sintético, segundo destaca Majada, ten unha “gran resistencia e capacidade de arrastre”. Existen no mercado anchos de entre 8 e 20 milímetros, non sendo precisos os maiores para arrastres de pequenas tonelaxes.

Un estudo en Cataluña salienta a valoración positiva da corda de polietileno por parte dos operarios forestais

O Consorci Forestal de Catalunya (CFC) vén de facer tamén ensaios comparativos para valorar as melloras de confort que representa a corda de polietileno para os traballadores, pois en Cataluña aínda é habitual o uso de tractores con cabrestante de aceiro para a extracción da madeira. Josep Tusell, responsable técnico do CFC, analizou nun artigo os pros e contras do cable sintético e resumiu as conclusións do estudo do Consorci. Valoracións previas En xeral, con independencia das probas realizadas, Tusell considera que as principais vantaxes do cable sintético sobre o de aceiro son as seguintes: - Boa resistencia cunha maior lixeireza. - Menor risco de feridas, pois ó ser un tecido non ten os característicos pinchos do cable de aceiro. - Menor risco do efecto látigo - Facilidade de manobra e enrolamento no tambor. - Posibilidade de reparación a pé de monte nun máximo de 5 minutos. Tambor de cable sintético. Como principais desvantaxes, Tusell cita: - Maior sensibilidade ó rozamento con pedras. - Facilidade de ser cortado con obxectos cortantes. - Prezo elevado. - Problemas en posibles exposicións ó lume. Características dos ensaios As experiencias de campo do CFC centráronse nun estudo comparativo cable de aceiro-cable sintético, unha proba que se desenvolveu durante 2 semanas, e na valoración durante 2 meses da ergonomía e rendemento do cable sintético. Os ensaios realizáronse coa mesma cuadrilla de operarios, de catro persoas, que foi formada previamente no uso do cable sintético. Para as probas, montouse un cable sintético nun cabrestante Ventura acoplado a un tractor agrícola adaptado da marca Massey Fergusson modelo MF 4255 de 95 cabalos. O cable sintético utilizado foi de Hércules Cordelería e o modelo usado foi o Dynema forestal de 12 milímetros, cunha lonxitude inicial de 100 metros. Os traballos de extracción realizáronse con aziñeiras, faias, castiñeiros e piñeiro radiata. Conclusións Unha das conclusións claras do estudo extráese da valoración dos operarios, ós que se lles fixo unha enquisa individual ó remate dos ensaios e se lles pediu que valorasen entre 1 (nada) e 5 (moito) os seguintes aspectos: - Mellora do confort no traballo: 5 - Reducción do cansancio muscular e do esforzo: 5 - Facilidade en subir / baixar a corda: 5 / 3 - Facilidade no uso da corda: 4 - Reducción de feridas nas mans: 5 - Reducción do efecto látigo: 3 - Mellora do enrolamento no tambor: 4 - Reducción de danos en árbores en pé: 4 - Importancia do custo do material: 5 En canto ó rendemento na extracción da madeira, no estudo catalán non se atoparon vantaxes para o cable sintético. De feito, mesmo a extracción foi lixeiramente maior co cable de aceiro, se ben Tussell (CFC) valora que esa circunstancia pode deberse á carencia inicial de práctica e de confianza no uso do cable sintético. Esa falta de confianza tradúcese en agrupar menores volumes de madeira para a súa extracción, se ben os traballadores amosáronse satisfeitos do rendemento do novo material. Empalme en monte dun cable. O traballo coa corda de polietileno presentou escasos problemas de rotura, cunha media dunha rotura ó día na parte terminal, entre os 0,5 e os 5 metros, a que presenta maiores rozamentos. Ó remate da experiencia de 2 meses, logo de extraidas arredor de 700 toneladas de madeira, dos 100 metros iniciais de cable sintético quedaban 45 útiles. Entre as conclusións do estudo, Tusell suxire a utilización dun dobre tambor, un sintético e outro de aceiro para terreos pedregosos, co obxectivo de alongar a vida do cable sintético.

UUAA prepara un plan de información co ISSGA para loitar contra os accidentes de traballo no rural

O incremento de accidentes de traballo nas explotacións agrarias e gandeiras que se ven rexistrando nos últimos meses está a xerar unha profunda preocupación entre os produtores de Galicia. Para dar resposta a esta inquietude o secretario de Administración e Área Interna, Javier López e Adela Quinzá, directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), celebraron este xoves unha reunión para sentar as bases dun plan de información ao rural sobre a necesidade de aplicar todas as normas de protección á hora de afrontar as labores nas granxas ou nas parcelas. Previo ao compromiso do traballo en  común,  fíxose balanzo da realidade relativa o PRL que se vive nas explotacións. Este ano 2016 está resultando especialmente negro pola cantidade de accidentes sobre a seguridade e integridade das persoas que traballan en actividades relacionadas co sector primario. Destaca pola súa gravidade os relacionados con tractores e máquinas arrastradas, nos que se multiplica o risco ao sumar condutores de avanzada idade e vehículos con moitos anos de servizo, sen o mantemento adecuado e con poucas medidas de seguridade pasiva. Os venres é cando máis accidentes se producen con ferramentas de man No caso das ferramentas de man, o índice de maior incidencia de accidentes dáse curiosamente no venres, día en que os usuarios que usan motoserras ou desbrozadoras, proceden doutros sectores de actividade e non dominan as características e perigo das citadas máquinas. A aplicación de tratamentos químicos na agricultura ou os traballos en adegas supoñen tamén puntos negros nos rexistros de sinistros. Asemade o mundo dos traballos forestais aporta un gran número de vítimas a estatísticas. Unións Agrarias asegura que porá a súa rede de oficinas a disposición do ISSGA para instalar puntos de información sobre seguridade e habilitará aulas de formación para que se poida reforzar o coñecemento das habilidades e instrumental para ganar en protección á hora de afrontar traballos no campo ou na granxa.

Curso sobre seguridade e saúde laboral nas explotacións de gando vacún

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral organiza o vindeiro 28 de abril un curso sobre Seguridade e saúde laboral nas explotacións de gando vacún. O curso é gratuíto e a celebrarase no Centro Issga de Lugo, na Ronda de Fingoi, 170.

É preciso facer a inscripción previa nesta páxina web.

O programa provisional é o seguinte:

9.30  Recepción de asistentes e entrega de documentación

9.45  Presentación

10.00  Os riscos de seguridade e a utilización de equipos de traballo. Gema Bértoa Veiga. Técnica de Seguridade do Issga Lugo

10.45  Os riscos do ambiente de traballo e o uso seguro de substancias e mesturas. Mª Carmen Arias López.  Xefa de Sección de Hixiene de Campo e Analítica do Issga Lugo

11.30  Descanso

12.00  Enfermedades profesionais nas explotacións de gando vacún. Mª Paz Eyre Vázquez. Xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral do Issga Lugo

12.45 Prevención de tme para traballadores do sector de gando vacún. Xabier Alfonso Cornes. Director Técnico de Biomecánica Laboral de UMANA- Centro Sanitario de Investigación Biomecánica Aplicada

13.30  Coloquio e  peche