Archives

Xornada en Ourense sobre seguridade alimentaria “dende a granxa á mesa”

A Universidade de Vigo organiza a II Xornada anual sobre políticas alimentarias, que se centra na seguridade alimentaria "da granxa á mesa". O evento terá lugar o 19 de abril de 9:00 a 14:00 horas no Edificio Politécnico da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense. O obxectivo das políticas alimentarias da Unión Europea (UE) en materia de seguridade alimentaria é protexer aos consumidores, así como garantir un bo funcionamento do mercado interior. Por iso, estudar posibles riscos alimentarios é unha base científica para tomar decisións en materia de seguridade alimentaria e nutrición. A seguridade alimentaria require dunha lexislación ampla, pero ao mesmo tempo son necesarios estritos controis de seguridade dos mesmos. Con esta xornada, buscan ser un punto de encontro entre os diferentes axentes da cadea alimentaria que trasladarán a súa experiencia no ámbito da seguridade alimentaria. Esta actividade está organizada por Raquel Rial Otero, Beatriz Cancho Grande, Elena Martínez Carballo e Carmen González Barreiro, investigadoras do grupo Food and Health Omics. As inscricións pódense realizar ata o 12 de abril a través da páxina web www.foodandhealthomics.es. Programa completo

“A agricultura familiar alimenta ó 70% da poboación mundial”

Horta urbana en Santiago de Compostela, un xeito de evitar a desagrarización da poboación das cidades Comeza a haber nenos e nenas en Galicia que non teñen aldea. O éxodo rural e a urbanización da poboación desconectou ás novas xeracións da produción de alimentos. Saber de onde sae o leite ou como se produce unha leituga é imprescindible para poder facer un consumo responsable. Informar, educar e sensibilizar a eses consumidores do futuro é o obxectivo da guía elaborada pola Universidade de Vigo en colaboración coas Universidades de Oviedo e León e a cooperativa Somos Terra e que indaga tamén sobre os cambios que se deron no sistema produtivo galego nas últimas décadas. Cada vez menos emprego na agricultura Dinámica de postos de traballo na agricultura segundo os datos do IGE O documento, titulado Máis aló do prato, fai un repaso pola evolución do sector agrogandeiro galego desde mediados do século pasado, poñendo de manifesto que cada vez hai menos postos de traballo vinculados directamente coa produción de alimentos.
En Galicia asistimos a un proceso explosivo de desagrarización. Entre 1950 e 2012 perdeuse o 93% do emprego
"Desde mediados do século pasado perdeuse o 93% do emprego agrario", evidencia, unha tendencia que se mantivo tamén neste século, mentres nos últimos 20 anos o número de explotacións se reducía nun 35% e o seu tamaño se multiplicaba por 2,12. Máis consumo sen aumentar a produción Evolución da produción, importación e exportación de alimentos en España "A produción de alimentos en España case non medra desde finais dos oitenta", sentenzan os autores do estudo. Porén, o consumo de alimentos incrementouse e o saldo comercial alimentario español (diferenza entre exportacións e importacións) é deficitario. Tamén no caso galego, por máis que sexamos unha das principais comunidades produtoras do Estado. Galicia exporta sobre todo leite pero importa produtos agrícolas tanto para alimentar ao gando como á poboación.
A produción animal medrou moito máis ca produción de alimentos vexetais. Galicia exporta sobre todo leite pero importa produtos agrícolas
As tendencias de consumo tamén mudaron. "Desde os anos 50 en diante, pero sobre todo coa entrada na UE en 1986 os cambios foron tremendos. A globalización do sistema alimentario levou á crecente importancia da produción animal dentro do modelo produtivo e de consumo. A produción animal medrou moito máis ca produción de alimentos vexetais e convértese nun vector claro do modelo alimentario das últimas décadas", asegura o informe. Importación de cereais Consumo aparente per cápita de cereais en kg por habitante e ano "En España comemos moitos cereais", indican, con truco, os expertos que elaboraron a guía. En total, uns 714 quilos per cápita de trigo, millo e centeo fundamentalmente. A nivel mundial só supera esa cifra os EEUU. Pero trátase dun consumo só aparente, xa que a maior parte dos cereais consumidos van destinados a alimentar o gando. Así pois, o incremento no consumo de cereais en España, que se duplicou no último medio século, ten que ver co aumento da produción (e consumo) de produtos de orixe animal.
Máis da metade do trigo producido no mundo vai destinado a alimentar ao gando no cando de ás persoas
"A globalización alimentaria levou a que unha parte moi importante dos cereais que poderiamos comer os seres humanos vaia dirixida á alimentación animal", indican. Tanto que calculan que máis da metade do trigo producido no mundo vai destinado a alimentar ao gando no canto de ás persoas. Máis animais ca persoas no rural Taxa de crecemento da produción de alimentos de orixe animal e vexetal en España A cabana gandeira tamén sufriu unha importante transformación no último medio século. Hai menos cabras e ovellas e máis vacas, pero, sobre todo, moitos máis polos e porcos. De feito, o número de aves multiplicouse por tres e o de porcos por catro.
A configuración da cabana gandeira tamén mudou. O número de polos multiplicouse por tres e o de porcos por catro
Esa evolución é parella á dos hábitos alimenticios. En España consómese sobre todo carne de porco (consómese máis carne de porco ca todas as outras xuntas), seguida da de polo, vacún e ovino e caprino. Cada español come uns 50 quilos de carne de porco ao ano, 10 máis ca un europeo e 20 máis ca un norteamericano. Cal é o impacto climático da dieta galega? A partir dos datos da FAO é posible achegarse á dieta media do Estado español: aproximadamente 2 kg de alimentos cada día, o que equivalería a unhas 3000 kcal por persoa e día, das que o 26% proceden de cereais, o 22% de aceites vexetais, o 15% de carnes, o 10% de ovos e leite, outro 10% de azúcares, un 7% de froitas e hortalizas, un 3,5% de tubérculos e o 3% de peixes. No caso galego, os patróns de consumo son algo diferenciados (consómese menos carne (213 gramos/día fronte a 281no caso español) pero máis peixe (270 gramos/día fronte a 116). Tendo en conta isto, poderíase estimar o impacto climático da nosa dieta en 5,22 kg de CO2 por persoa e día (onde o consumo de carne e peixe son as partidas de maior nivel de emisións).
Comer produtos de orixe animal ten un impacto ambiental moito maior ca comer produtos vexetais, xa que as dietas baseadas en proteínas animais contribúen máis ao quecemento global do planeta que as dietas máis vexetarianas
Na nosa dieta, os produtos de orixe animal representan o 46% e os de orixe vexetal o outro 56%. Sen embargo, analizado en termos de emisión de gases de efecto invernadoiro, os investigadores asignan case o 90% do impacto sobre o quecemento global do planeta aos alimentos de orixe animal que comemos e só un 11% aos procedentes dos vexetais. "Máis verduras frescas, froita e legumes podería permitir unha redución do impacto climático entre un 25 e un 45 % en relación cos nosos padróns de consumo actuais", conclúen. Que foi do esterco? "En Galicia son moi importantes os animais. En case todas as casas había vacas, porcos, ovellas, cabras, galiñas ou coellos. Eses animais producían carne, leite, ovos e esterco. O máis importante do sistema agrario tradicional de Galicia era a produción de esterco. Hoxe xa case non se produce esterco, mércanse fertilizantes minerais derivados do petróleo que chegan en barco desde as minas de África e as industrias mundiais", afirma o estudo da Universidade de Vigo.
Nas casas galegas os porcos eran auténticas máquinas da economía circular
A modernización tamén estabulou o gando. "Se os animais se moven menos e comen máis cereais e pensos, é dicir, máis calorías e proteínas ca pastos, engordan antes e producen máis", argumenta o estudo. Para os seus autores, é preciso voltar a prácticas agrícolas e técnicas de manexo do gando que permitan unha xestión máis sostible dos ecosistemas agrarios, reducindo as repercusións ambientais e mantendo a fertilidade do solo mediante rotacións, policultivos e abonado orgánico.
Moitos destes saberes propios dos sistemas agrarios tradicionais estanse a perder
"Moitos destes saberes propios dos sistemas agrarios tradicionais estanse a perder, entre outras cousas porque a modernización implicou un distanciamento da cultura agraria tradicional que a cualificou como atrasada, e agora moitos e moitas de nós non sabemos nin como se cultiva unha leituga", evidencian.

Das vacas tolas á soia

750.000 toneladas de soia procedentes de Brasil, Arxentina ou EEUU chegan a Galicia en barco cada ano Cando en novembro do ano 2000 se detectou no concello de Carballedo o primeiro caso de vaca tola de España, de nome Parrula, destapouse, ademais dun problema de seguridade alimentaria, as consecuencias do novo modelo industrializado de alimentación do gando que fora implantado nas décadas anteriores: producir o máis barato posible a base de dar de comer ás vacas fariñas procedentes de restos triturados de animais.
As proteínas procedentes de fariñas animais nos pensos foron substituídas por proteínas de orixe vexetal
A prohibición do uso de proteínas animais para a alimentación do gando (a través do Regulamento UE 999/2001 de maio de 2001), a raíz dos casos de encefalopatía esponxiforme bovina, levou aparellado un incremento do consumo (e importación) de soia. Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína.
Un terzo da soia importada pola UE procede na actualidade de zonas do planeta deforestadas
Os PATs seguen prohibidos para rumiantes a día de hoxe na UE, que estuda sen embargo autorizalos para porcino ou avicultura, ao igual que xa o están na acuicultura. Búscase deste xeito reducir as importacións de soia de aquí a 2030 dentro da Estratexia Da Granxa ao Garfo. Os portos da Coruña, Marín e Vilagarcía Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU (delas 750.000 toneladas desembarcan nos portos galegos da Coruña, Marín e Vilagarcía). As importacións supoñen o 100% da soia utilizada na produción de pensos (en España, onde as condicións climáticas non son adecuadas para este cutivo, só se producen 3.200 toneladas en comunidades como Castela e León, Castela A Mancha e Estremadura, destinadas na súa totalidade a fabricación de bebidas de soia).
Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos en España
España é o principal produtor de pensos da UE e a súa alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal tremendamente vulnerables diante de subas bruscas como as que se están producindo desde principios do pasado mes de setembro en ingredientes como o millo, a cebada, a soia ou a colza. No global de pensos en España as oleaxinosas representan, dependendo da especie, entre o 15 e o 18%. O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes, polo que a importancia destes sectores (España exporta por exemplo o 52% do porcino que produce, que vai para países europeos como Francia ou países extracomunitarios como China) equivale a maior consumo e, por tanto, tamén maior importación de soia.
O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes
A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que o 10% (3,1 millóns) prodúcense en Galicia. Do total, 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne). A globalización da comida Moitos dos produtos que podemos atopar nos supermercados galegos proceden de lugares afastados Pero non só viaxan materias primas como a soia, tamén é crecente o número de alimentos que hai viaxando polo planeta. Isto fai que no mundo desenvolvido, máis aló de diferenzas culturais, se estea a dar unha homoxeneización na produción e no consumo de alimentos. "Producimos e comemos de formas moi semellantes esteamos onde esteamos e iso é algo que se debería corrixir", defenden.
Hai unha tendencia á igualación das dietas, producimos e comemos de formas moi semellantes esteamos onde esteamos
A tendencia á igualación das dietas fai que os alimentos viaxen máis. Mesmo os que poderían producirse a nivel local proceden moitas veces da outra punta do planeta. Moitos dos legumes e froitas que forman parte habitualmente da cesta da compra percorren case 5.500 quilómetros até chegaren aos supermercados e tendas galegas, mentres materias primas dos pensos para animais como a soia fan 7.000 quilómetros até chegaren aos portos galegos. Efectos ambientais e sanitarios A globalización alimentaria implica un maior impacto ambiental, non só polas viaxes da comida dunha punta á outra do planeta, senón porque "producimos cunha alta pegada ambiental e producimos moitos alimentos que se desperdician", explica a guía. Calcúlase que o 20% dos alimentos producidos na propia UE acaban no lixo como refugallos. Pero a dieta dominante, ademais de efectos ambientais, tamén ten efectos na saúde das persoas. Máis do 50% da poboación europea ten sobrepeso e máis do 20% é obesa. As dietas non saudables son o principal factor de risco de enfermidades e de mortalidade en Europa e afectan en maior medida aos grupos sociais máis pobres.
A concentración empresarial no ámbito alimentario é un proceso alarmante
Os autores do estudo alertan de que "a concentración empresarial no ámbito alimentario é un proceso alarmante". Aportan algúns datos: "o 70% da industria agroquímica que produce fitosanitarios para a agricultura está en mans de só tres empresas; só as dez empresas máis grandes controlan o 73% do mercado global de sementes e até o 90% do comercio mundial de grans está controlado por catro multinacionais". Sen embargo, din, "a agricultura familiar de pequena escala segue a ser a responsable da alimentación do 70% da poboación mundial, sobre todo nos países pobres". Ler a etiquetaxe Algunhas medidas sinxelas para corrixir a actual situación que se dá na produción e consumo de alimentos son dous consellos que dan na propia guía: "Revisa as etiquetas dos produtos que comes e aposta por produtos de proximidade e de tempada".
Revisa as etiquetas dos produtos que comes e aposta por produtos de proximidade e de tempada
"Ao pensarmos onde se producen os alimentos estamos tentando coñecer cales son os medios de transporte usados para levar eses alimentos desde o campo ata o prato e nos impactos ambientais producidos cando se transportan, e tamén se non sería posible producilos aquí ao lado", argumentan.
A publicidade fai moi ben o seu traballo: mostrar atractivos os produtos pouco saudables independentemente dos seus custos sociais e ambientais
"Os padróns de consumo alimentarios non son fixos, senón que van mudando no tempo e teñen un forte compoñente cultural que está moi influenciado pola publicidade, que fai moi ben o seu traballo: mostrar atractivos os produtos pouco saudables independentemente dos seus custos sociais e ambientais", aseguran.

Curso online de “Xestión de crises alimentarias”

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) do Ministerio de Traballo ofrece un curso online gratuíto de “Xestión de crises alimentarias”. O curso consta de 50 horas de teleformación e permite obter o Diploma Oficial Servizo Público Emprego Estatal.

Obxectivo Xeral:

Identificar e xestionar os axentes que poden pór en perigo a cadea alimentaria, levando a cabo de forma eficiente a súa xestión e comunicación.

Contidos:

1. Definición e conceptos de crise alimentaria. 2. Estudo de crises alimentarias en España. 2.1 Antecedentes. 2.2 Custos. 3. Xestión de crises alimentarias. 3.1. Conceptos. 3.2. Características e tipos. 3.3. Modelos de xestión e comunicación. 4. Guías e ferramentas para a xestión de incidentes alimentarios. 4.1. Protocolo da AESAN. 4.2. Manual AECOC. 4.3. Sistema SILUM. 4.4. Redes de alerta: SCIRI, RASFF, INFOSAN Exercicio práctico. 5. Normativa e protocolo específicos sectoriais.

Requisitos:

Curso dirixido a autónomos e empregados que procedan destes sectores de actividade (salvo que sexa desempregado): Acción dirixida prioritariamente para empregados do sector de produción, manipulado e envasado para o comercio e exportación de cítricos, froitas, hortalizas, flores e plantas vivas; podendo participar empregados de todos estes sectores: - Produción, manipulado e envasado para o comercio e exportación de cítricos, froitas, hortalizas, flores e plantas vivas. - Sector agrario, forestal e gandeiro. - Madeira. - Xardinaría. - Granxas avícolas e outros animais.

Máis información e matrícula aquí

A industria de pensos galega reforza a seguridade alimentaria con E-Pienso, a nova plataforma creada para unificar controis e sistemas de alertas rápidas a nivel nacional

Velar pola seguridade alimentaria e a calidade da materia prima destinada á alimentación animal é o gran obxectivo de E-Pienso, o novo grupo operativo de carácter supra-autonómico que a Asociación Galega de Alimentos de Pensos Compostos (Agafac) acaba de constituír en Madrid coas principais entidades e asociacións do sector e cuxa finalidade é compartir datos entre os distintos axentes, incrementar a coordinación e unificar os sistemas de alerta rápidas. Agafac conta na actualidade cun dos máis avanzados sistemas de seguridade alimentaria de carácter sectorial que hai en España, o sistema gmp.Galis, pero coa súa participación en E-Pienso pretende reforzar aínda máis os mecanismos de seguridade levando a cabo distintas actuacións conxuntas, algo que ata agora non existía e que permitirá mellorar os mecanismos de control realizados polo sector. E-Pienso creará unha plataforma tecnolóxica e unha aplicación para almacenar unha gran base de datos conxunta (Big Data) grazas á información facilitada polo cinco sistemas de seguridade alimentaria sectoriais: gmp.Galis (Galicia), Qualimac (Cataluña), Aplika-Epea (Euskadi), Segacyl (Castela e León) e Piensa-Q (Murcia). O grupo operativo fará, así mesmo, unha avaliación conxunta de provedores, aumentando de forma notable o poder de interlocución representativa do sector. As principais entidades "Cremos que a coordinación e o intercambio de información e de experiencias é o camiño que debemos seguir para dar as mellores garantías de calidade e de seguridade ao animal e, por tanto, ao consumidor final", explica o director de Agafac, Bruno Beade. O Grupo Operativo E-Pienso tamén disporá dun Sistema de Alerta Rápido Unificado (SARU) que informará a todas as áreas implicadas no caso de que se detecten partidas potencialmente contaminadas nunha zona xeográfica concreta. Coa constitución da plataforma, o sector camiña cara a un sector cada vez máis innovador, tecnolóxico e competitivo. Ademais, os seus integrantes confían en mellorar de forma notable os resultados económicos das explotacións e evitar incidencias de seguridade en todo o proceso. "Queremos compartir datos, coñecementos e experiencias", subliña Bruno Beade, partidario de unificar criterios para aumentar a eficacia dos sistemas de seguridade a nivel nacional para mostrar á sociedade o elevado nivel de esixencia e control que se aplica na cadea alimentaria. Ademais de Agafac, na nova plataforma están integradas as principais entidades da industria do penso de España, como a Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac), a Asociación de Fabricantes de Pensos Compostos de Castela e León (Asfacyl), a Asociación de Fabricantes de Pensos Compostos do Sueste de España (Apicose), a Asociación de Fabricantes de Pensos Compostos de Euskadi (EPEA), a Asociación para o Control e a Promoción da Calidade das Materias Primas (Qualimac). Sobre Agafac A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos de Galicia (Agafac), con sede na Coruña, é unha organización profesional creada para defender os dereitos dos fabricantes galegos. Forman parte da entidade 26 empresas con 35 centros de produción que representan máis do 85 por cento das toneladas de pensos de Galicia. Coren, CLUN, Xallas, todas as grandes firmas e cooperativas galegas, forman parte de Agafac. En 2005, Agafac creou un sistema de control conxunto, elevando así as esixencias e as garantías de todo o proceso, desde que o cereal descárgase no peirao ata que se reciben na fábrica. Este método chámase Sistema Galicia Alimentos Seguros, coñecido no sector como gmp.Galis.

Vigo acollerá a I Xornada sobre riscos emerxentes en seguridade alimentaria

A saúde e o consumo de alimentos están intimamente relacionados, polo que a identificación de riscos emerxentes e dos seus factores desencadenantes é un reto para a industria alimentaria, xa que permitiría adoptar medidas específicas de prevención e de control. Este é o contexto no que naceu a finais de 2017 a Rede Galega de Riscos en Seguridade Alimentaria, Risegal. No marco desta iniciativa, coordinada polo CSIC e da que forman parte grupos de investigación das tres universidades galegas, celebrarase a vindeira semana a I Xornada de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria. Como explica Marta López Cabo, investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) e coordinadora de Risegal, “o obxectivo deste evento é analizar e contextualizar en Galicia os cambios sociais, ambientais e relativos ás novas tendencias de produción e consumo na industria alimentaria que poidan supoñer a aparición de novos riscos para a saúde humana asociados ao consumo de alimentos”. A xornada, en dous bloques A xornada, que terá lugar o día 20 no Hotel NH de Vigo, dividirase en dúas partes, abordando por unha banda os riscos emerxentes e por outra os factores impulsores deses riscos. Desenvolverase en horario de mañá e está dirixida tanto ao sector industrial como ao eido académico e mesmo á sociedade en xeral. A inscrición é balde ata completar o aforamento do local de 70 persoas. O primeiro bloque, que arrancará ás 09.30 horas, comezará cunha presentación de Risegal a cargo da propia Marta López Cabo, coordinadora da rede e responsable do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños. Tras esta introdución, terán lugar tres ponencias. A primeira delas correrá a cargo de Ana Canals, representante da European Food Safety Authority (EFSA) en España, que explicará a coordinación das actividades da EFSA no estado. O segundo relatorio será o de Celia M. Manaia, investigadora no Centro de Biotecnoloxía e Química Fina da Universidade Catôlica Portuguesa, que disertará sobre a resistencia a antibióticos en relación co medio ambiente. Este primeiro bloque pecharao a profesora da Universidade de Vigo Ana Gago, directora do Laboratorio de Referencia da Unión Europea para Biotoxinas Mariñas, que afondará nas estratexias analíticas para a caracterización de biotoxinas mariñas emerxentes nas costas europeas. O segundo bloque, que comezará ás 11.45 horas, contará de cinco ponencias. Carlos G. Hernández, profesor da Universidad Politécnica de Madrid, Ceigram e itdUPM, centrará a súa intervención no impacto do cambio climático sobre os recursos agrarios; Antonio Manuel Barros, investigador na Division of Aquaculture and Upgrading, disertará sobre o cambio climático e os recursos pesqueiros; María L. Loureiro, investigadora do Departamento Fundamentos de Análises Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, explicará as novas tendencias de consumo nos mercados alimentarios; Isabel del Río, do Instituto Galego de Estatística, centrarase na socio-demografía da poboación galega e Roberto Ortuño, director de servizos do AINIA Centro Tecnolóxico, abordará os novos desenvolvemento tecnolóxicos para garantir a seguridade alimentaria. Risegal Risegal naceu en decembro de 2017 baixo a coordinación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a través do Grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas. A rede está financiada pola Axencia Galega de Innovación no marco do programa de Axudas de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas 2017. O obxectivo final de Risegal, que se estenderá ata finais de 2019, é emitir unha serie de recomendacións e accións para previr a aparición de riscos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia. Entre os seus cometidos está identificar e explorar riscos químicos e microbiolóxicos en seguridade alimentaria en Galicia, atendendo a factores ambientais e socioeconómicos impulsores como o cambio climático, os novos hábitos de consumo, o envellecemento da poboación, a crise económica ou a globalización. Para iso aliáronse arredor desta premisa investigadores e investigadores de boa parte dos organismos públicos galegos. Así, ademais do grupo coordinador, están involucrados o grupo do CSIC de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña e tres grupos máis da Universidade de Vigo: Investigacións Agroambientais e Alimentarias, Tecnoloxía dos Alimentos e Análise Química e Toxicolóxica de contaminantes naturais e antropoxénicos presentes no medio ambiente e alimentos. Completan a rede o grupo de Patoloxía na Acuicultura, da Universidade de Santiago e o Grupo de Xenética de Organismos Mariños, da Universidade da Coruña, coa colaboración do Clúster Alimentario de Galicia e a Rede Galega de Saúde Pública.

Galicia exporta a Andalucía o seu modelo de seguridade alimentaria no sector de pensos da man de Agafac

Como funciona e que axentes participan no control de pensos compostos para animais para garantir ao máximo a seguridade do consumidor foron os principais puntos que o director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), Bruno Beade, analizou na Asociación de Fabricantes de Pensos Compostos para Animais de Andalucía (Afaca), entidade que agrupa ás principais empresas do sector nesta comunidade autónoma. O encontro tivo lugar en Sevilla, no marco da asemblea xeral de decembro da asociación andaluza, e onde o sistema galego de seguridade alimentaria, gmp.Galis, foi o gran protagonista da xornada de traballo. Na actualidade, gmp.Galis está considerado polos expertos como o sistema de control sectorial en pensos compostos máis avanzado de España, situando ao sector galego, e por tanto a Galicia, como un modelo a seguir e á vangarda en canto a modernidade e colaboración, xa que participan todos os axentes implicados no proceso de elaboración de pensos, desde provedores de materias primas ata almacenistas, transportistas, fabricantes, gandeiros, agricultores e veterinarios. Máis de medio centenar de fábricas Na súa intervención, Beade explicou que o sistema aborda a posible contaminación de materias primas mediante un control conxunto e sectorial, baseado en criterios de Análises de Perigos e Puntos Críticos de Control (APPCC) cuxa implantación "beneficia moi considerablemente ao sector", ademais de facilitar a homoxeneidade dos controis oficiais e achegar tranquilidade e seguridade, tanto ao sector como aos consumidores "ao dispor dun protocolo de alerta rápida de carácter sectorial". Agafac creou gmp. Galis en 2005, avalado pola Xunta de Galicia para realizar un control sectorial e conxunto das materias primas coas que se fabrican os pensos. Funciona mediante mostraxes representativas das descargas de barcos, almacéns portuarios e de mostras procedentes do interior da Península. Na actualidade, engloba a 55 fábricas de alimentación animal que representan aproximadamente o 96% da produción de pensos de toda a comunidade galega.

O sector de vacún de carne enfronta o reto das novas demandas sociais

O sector do vacún de carne debatiu cuestións clave da súa folla de ruta para os próximos anos nunha xornada técnica organizada en Santiago pola Asociación Española de Productores de Vacuno de Carne (Asoprovac). O evento abordou retos de futuro ligados ás demandas sociais dos consumidores, como o coidado do medioambiente, a loita contra o cambio climático ou a seguridade alimentaria. A adaptación da gandería a estas demandas é unha cuestión capital, pois as axudas da Política Agraria Común no periodo 2021-2027 xustificaranse en boa medida ante a opinión pública na contribución do sector agrícola á preservación do medioambiente e á loita contra o cambio climático. Outra conclusión da xornada situouse na necesidade de lograr que o consumidor perciba a produción de alimentos española como de calidade e segura.
"Hai que adaptarse porque o de onte non serve. Imos polo bo camiño, pero queremos voar máis alto" (Alberto Juanola, Asoprovac)
En palabras do presidente de Asoprovac, Alberto Juanola, “hai que adaptarse porque o de onte non serve. Imos polo bo camiño pero queremos voar máis alto”. A xornada técnica de Asoprovac, precedida da asemblea xeral da entidade, abriuse coa intervención do presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, que incidiu na necesidade de unión do sector para analizar fortalezas, debilidades e buscar oportunidades de futuro. Jesús González, á esquerda, durante as xornadas. PAC 2021-2027 Tras a inauguración, a primeira ponencia das xornadas correu a cargo do xornalista agrario César Lumbreras, director de Agropopular (Cope). Lumbreras abordou as perspectivas da nova PAC 2021-2027 e incidiu en que as axudas europeas terán que atopar a súa “xustificación ante a opinión pública” na contribución do sector agrario ó coidado do medioambiente e á loita contra o cambio climático. “O sector, en xeral, non é consciente da necesidade de gañar a batalla da imaxe”, valorou o xornalista. Sobre as propostas que se barallan para o novo periodo da PAC, Lumbreras apuntou que aínda existe unha alta incertidume. “En tanto non se clarifiquen os fondos económicos cos que contará a PAC, algo que non sucederá previsiblemente ata mediados do 2020, só se poderá falar de debate de medidas”, destacou. Para o 2018 espéranse propostas da Comisión Europea e no 2019, tras as eleccións ó Parlamento Europeo, encamiñarase a futura Política Agraria Común, que en calquera caso, contará con menos fondos que a actual.
"Os antibióticos usados de xeito responsable teñen vantaxes, pero hai que avanzar no obxectivo de reducir a aparición de resistencias" (Pablo Hervás, Veterindustria)
Imaxe ante os consumidores A imaxe da produción gandeira ante a sociedade foi un tema recurrente entre todos os ponentes. A directora da Fundación Empresa & Clima, Elvira Carles, advertiu de que o sector gandeiro verase obrigado a reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro en canto entre en vigor o Acordo de París, previsiblemente a comezos do 2019. “Ata agora, a gandería non estaba obrigada a reducir as súas emisións, pero iso cambiará en breve”, subliñou. Javier López, director de Provacuno, a interprofesional do sector de vacún de carne, defendeu a necesidade de coidar a imaxe de seguridade alimentaria da produción española, tanto ante os consumidores internos como de cara á exportación, que representa o 30% do mercado. “Existe un problema xeralizado de imaxe en Europa, xa que o 70% da poboación descoñece que os medicamentos veterinarios contribúen a aumentar a seguridade alimentaria da carne”, sinalou.
"O 70% da poboación europea ignora que os medicamentos veterinarios contribúen a aumentar a seguridade alimentaria" (Javier López, Provacuno)
O director técnico de Veterindustria, Pablo Hervás, afondou na mesma cuestión. “Produtos veterinarios como os antimicrobianos teñen vantaxes usados de xeito responsable. A cuestión é fomentar o seu bo uso, con transparencia, e avanzar no obxectivo de reducir a aparición de resistencias”, valorou. Clausurou a xornada a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que, na mesma liña, incidiu en que “a seguridade ten que chegar ó prato e facelo cun alto sabor culinario”. Sobre as políticas do seu departamento orientadas ó sector de vacún de carne, Vázquez puxo énfase na promoción do relevo xeneracional no campo e nos apoios á industria cárnica.

Cetal, tecnoloxía punteira ao servizo da seguridade alimentaria

Catro anos despois da súa inauguración, o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) é aínda un gran descoñecido para a maioría da poboación e para unha parte importante do sector primario galego. O centro, de carácter estatal e público, ten as súas instalacións a punto para converterse nunha referencia en materia de seguridade alimentaria e conta con laboratorios punteiros a nivel estatal que poden dar aínda moito de si.   O 4 de febreiro de 2013 abría as súas portas na Rúa Montirón de Lugo, e despois dun investimento inicial previsto de 18 millóns de euros, un edificio de 2.400 metros cadrados destinado a ser referencia a nivel estatal a en materia de seguridade alimentaria.. Catro anos despois cando un entra pola porta principal e percorre as súas modernas instalacións ten a sensación de que está aínda a medio gas. No centro traballa un equipo multidisciplinar que abrangue dende técnicos de I+D a especialistas en microbioloxía, proteómica ou xenómica. Trece persoas, dirixidas até agora por Javier López Viana, que fora director técnico do Laboratorio de Xenética Molecular de Xenética Fontao, e que será relevado nos próximos días por Andrés Hermida Trastoy, que ocupou o cargo de secretario xeral de Pesca do Ministerio até o pasado mes de xaneiro.    Dende a súa creación, o CETAL participou e desenvolveu diversos proxectos en colaboración con outros centros de investigación, universidades e empresas en sectores tan diversos como o micolóxico (Aproveitamentos micolóxicos en Galicia: deseño dun modelo de xestión integral e sustentable dos recursos micolóxicos, aspectos diferenciadores das distintas especies comerciais de Galicia), o fitopatolóxico (Control biolóxico da podremia branca radicular causada por especies do xénero Armillaria en viñedos de Galicia) e o de valorización de residuos (Aproveitamento das macroalgas procedentes de arribacións ás costas galegas como suplemento alimentario en gando vacún en réxime de explotación ecolóxico). Na actualidade traballa en proxectos de apoio ao sector lácteo a través da colaboración coa INLAC para a creación do Observatorio de Prezos, ao sector do aceite de oliva e en actividades de seguridade alimentaria. É neste último campo onde está unha das principais funcións e apostas inmediatas do CETAL, entre elas as tendentes a súa designación como futuro Laboratorio Nacional de Referencia dentro do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola, en todas aquelas actuacións nas que sexa necesario analizar mostras de produto vexetal, chan ou auga, para a detección de Salmonella spp.Listeria monocytogenes e Escherichia coli, incluíndo os verotoxixénicos (VTEC). Laboratorio de seguridade alimentaria O Laboratorio de Seguridade Alimentaria é a verdadeira alma do CETAL e ten como obxectivo principal satisfacer as necesidades derivadas do cumprimento da lexislación europea en materia de inocuidade alimentaria microbiolóxica, identificación de etiquetaxes e trazabilidade. Para iso, conta con dúas unidades técnicas que traballan de forma interrelacionada e complementaria, o Laboratorio de Microbioloxía e o Laboratorio de Bioloxía Molecular.   Os seus 5 laboratorios, integrados nas dúas áreas mencionadas, están dotados con equipamento tecnolóxico de alta precisión e especificidade, nos que se investíu millón e medio de euros, e con persoal técnico especialista. Neles traballan neste momento 5 persoas, pero ten capacidade para que poidan traballar simultaneamente catro ou cinco veces máis, explica Ania Pino Querido-Ferreira, responsable do Laboratorio de Bioloxía Molecular, que traballou no Instituto Gulbenkian de Ciencia de Lisboa, un dos máis prestixiosos a nivel europeo.   Do outro laboratorio, o de Microbioloxía, encárgase Cecilia López Capón, que traballou durante 10 anos no Laboratorio de Referencia de E.coli (LREC) da Universidade de Santiago. Entre as dúas iniciaron a montaxe e posta a punto dos laboratorios do centro, que se atopan agora en proceso de avaliación para lograr a acreditación a nivel europeo grazas á súa suxección a normas de calidade e estándares de carácter internacional.   Non hai bacteria que se libre Coma naqueles debuxos do Érase una vez la vida, onde as caracterizaban coma grandes mentireiras, bacterias como o E. coli verotoxixénico, que causa problemas graves de saúde no ser humano, son moi difíciles de identificar correctamente. Pero a combinación dos distintos métodos e técnicas das que dispón o CETAL fai que a súa detección sexa moito máis fiable que moitas das técnicas de rutina utilizadas habitualmente. O Laboratorio de Seguridade Alimentaria do Cetal acaba de ampliar o seu equipamento coa adquisición dun espectrómetro de masas de ultra resolución (Q-TOF), dos que hai moi poucos a nivel de todo o Estado. Tecnoloxía punteira que abre o camiño cara a investigacións innovadoras no campo da seguridade alimentaria, para analizar, por exemplo, como se degradan os alimentos logo dun proceso de transformación ou envasado. O seu alto rendemento analítico permite o seu uso nunha multitude de aplicacións, tanto no control microbiológico e de autenticidade, como na detección de residuos e contaminantes, e ven a sumarse a outra das xoias do CETAL, un espectrómetro de masas MALDI-TOF, que representa unha ferramenta cada vez máis importante para o control rutineiro da seguridade alimentaria. Karola Böhme, a especialista en proteómica do LSA-CETAL considera que a vantaxe deste método con respecto a técnicas convencionais de real time (RT-PCR) ou de microbioloxía clásica radica precisamente na súa rapidez, fiabilidade e menor custo. O laboratorio do CETAL é capaz de identificar calquera tipo de bacteria presente na librería do equipo en menos dunha hora, sendo isto moi útil para as empresas de transformación de alimentos.
"Unha empresa de envasado de leite que detecta unha alteración bacteriana ten que parar o proceso inmediatamente"
Estas empresas precisan de realizar controis microbiológicos rutineiros para garantir a calidade e seguridade dos seus produtos durante todo o proceso. Nalgúns casos puntuais pode haber unha contaminación microbiana, da cal non se coñece a natureza nin a orixe, o que obriga a parar a produción, co custo que iso supón. Para poder tomar medidas e determinar a fonte de contaminación, é necesario identificar o microorganismo de forma rápida, de aí que a inmediatez na detección e identificación da bacteria que logra o CETAL permitelle ás empresas acurtar os tempos de parada mentres esperan a identificación do tipo de anomalía. “Unha empresa de envasado de leite que detecta unha alteración bacteriana ten que parar inmediatamente o proceso mentras non identifica o causante e non é o mesmo poder reanudar o proceso nunha hora que ter a fábrica parada incluso varios días”, exemplifica Ania Pino. A grande novidade que aporta o CETAL é precisamente poñer ao servizo do sector agroalimentario tecnoloxía punteira que até agora só se aplicaba no ámbito da sanidade e da investigación. Laboratorio de Referencia a nivel estatal para a aplicación da normativa comunitaria A Unión Europea levou a cabo nos últimos anos un extenso desenvolvemento normativo no referente a lexislación alimentaria, co obxecto, entre outros, de garantir a seguridade e a inocuidade dos produtos que comemos, e obriga aos Estados membros a poñer en marcha os recursos necesarios para a aplicación da normativa comunitaria neste ámbito. O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente ten previsto designar ao Laboratorio de Seguridade Alimentaria do CETAL como Laboratorio Nacional de Referencia para o desenvolvemento do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola.   O CETAL será o encargado de levar a cabo os controis oficiais, regulados en base á aplicación da normativa comunitaria en materia de hixiene na produción primaria agrícola. En concreto, análises microbiolóxicos de mostras de calquera tipo de produto vexetal, chan ou auga, en relación con Salmonella spp., Listeria monocytogenes e Escherichia coli, incluída a E. coli verotoxixénica (VTEC). O Laboratorio de Seguridade Alimentaria (LSA-CETAL) converterase deste xeito no primeiro Laboratorio Nacional de Referencia (LNR) que designa o Ministerio en Galicia e, xunto co Arbitral Agroalimentario de Madrid, serán os dous LNR do Programa Nacional de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola.   Para isso, o CETAL está en trámites de obter a necesaria acreditación por ENAC das técnicas de identificación dos axentes patóxenos de transmisión alimentaria e está a participar en exercicios de intercomparación laboratorial para comparar os seus resultados con outros laboratorios e conseguir o aseguramento da calidade nas súas análises. Recentemente o Laboratorio de Seguridade Alimentaria participou, por exemplo, en exercicios para a detección de cepas de Salmonella spp. en ensaladas con sementes xerminadas. Estudo pioneiro da presenza de patóxenos en froitas e hortalizas frescas Dentro das funcións do Laboratorio de Seguridade Alimentaria está o de prestar servizos básicos demandados polo Ministerio. O CETAL está a executar, por exemplo, un programa de monitoreo microbiolóxico para froitas e verduras. O obxectivo é proporcionar información rigorosa sobre a presenza de patóxenos específicos en froitas e hortalizas frescas a nivel estatal. A primeira fase do estudo, pioneiro até entón en España, executouse durante o último trimestre de 2015, analizando 300 mostras: 100 de leituga (Lactuca sativa), 100 de tomate (Solanum lycopersicum) e 100 de cogombro (Cucumis sativus), recollidas en tres explotacións de Murcia e noutras tres de Andalucía, na provincia de Almería. A segunda fase tivo lugar un ano despois, a finais de 2016, e analizáronse diversos tipos de vexetais de produción primaria obtidos en explotacións agrícolas das catro provincias galegas. A mostraxe realizouse con 220 tomas e os alimentos implicados foron leituga (Lactuca sativa), tomate (Solanum lycopersicum), cebola (Allium cepa), pemento (Capsicum annuum), mazá (Malus domestica) e amorodo (Fragaria vesca). Este estudo está a completarse neste momento coa análise de amorodos procedentes de explotacións situadas en Andalucía.

Degradación do leite envasado

No ámbito lácteo, a última reunión do patronato da Fundación, celebrada no pasado mes de decembro, aprobou entre os seus plans de actuación para este ano a posta en marcha dun estudo metaxenómico da microbiota intestinal do vacún leiteiro en relación coa súa alimentación e a aparición de patóxenos emerxentes, para tratar así de establecer unha correlación entre ambos factores. O CETAL tamén está a realizar un estudo ecolóxico e epidemiolóxico molecular de patóxenos bacterianos asociados con granxas leiteiras. Trátase de establecer a correlación entre os patóxenos que se atopan nestes animais e a súa contorna ambiental cos atopados nos tanques de leite desas granxas. Ademais destes servizos, o CETAL traballa en proxectos de investigación en ámbitos diversos. No sector lácteo está en marcha un proxecto de I+D+i dirixido á detección de bacterias produtoras de encimas alterantes do leite envasado a longo prazo. Trátase dun proxecto cuxo obxectivo é a identificación dun posible microorganismo produtor de degradación do leite, un estudo que debe ser abordado dende técnicas proteómicas e xenómicas.
Evitar fraudes nos queixos de mestura A tipificación de alimentos para a autenticación de etiquetaxe é unha das liñas de actuación do Laboratorio de Bioloxía Molecular. Para iso conta cos medios necesarios para a realización de técnicas xenómicas de última xeración, así como unhas instalacións adecuadas para a correcta manipulación e trazabilidade das mostras. Isto permite tipificar e cuantificar a composición de matrices alimentarias complexas, compostas por diversos tipos de alimentos que, ademais, poden estar moi modificados debido aos procesos de transformación da industria alimentaria.   Neste campo e relacionado co sector lácteo, o CETAL participa nun proxecto de investigación denominado Cuantificación dos distintos tipos de leites en queixos de mestura, en colaboración coa Interprofesional Láctea (INLAC). O obxectivo final é deseñar un método de referencia que permita comprobar a composición dos queixos de mestura, facendo posible a identificación da porcentaxe de leite de vaca, ovella e/ou cabra, para así poder comprobar as proporcións que se reflicten na etiquetaxe e evitar a fraude ao consumidor. O estado español é un dos lugares do mundo onde os queixos de mestura teñen máis mercado e aceptación.   Este proxecto para a cuantificación da porcentaxe de leite de vaca, cabra e ovella en queixos de mestura atópase xa nunha segunda fase, baseada na utilización de técnicas de ADN, logo dunha fase inicial mediante análise das caseínas e que non deu resultados concluíntes. Para isto, o centro conta tamén coa especialista en microbioloxía molecular, Inmaculada Fernandez, procedente do Laboratorio de Hixiene e Inspección de Alimentos da Facultade de Veterinaria de Lugo, que conta cunha longa experiencia na metodoloxía de RT-PCR aplicada ao sector agroalimentario. Identificación de especies de castaña e de variedades de mazá autóctonas Ademais, o CETAL está a colaborar con outras entidades na posta en marcha doutros proxectos de investigación, como son os estudos filoxenéticos de variedades de mazá autóctona de Galicia e do norte de Portugal, ou a identificación molecular das especies de castaña e os seus híbridos, como valor engadido a un produto de gran calidade no mercado fronte á castaña asiática.   No proxecto da castaña, no que o CETAL leva varios meses traballando (neste momento desenvolvendo os marcadores e os parámetros de medición para as distintas mostras obtidas), trátase de aportar un método para poder diferenciar a castaña galega, un asunto que interesa moito á industria transformadora deste produto existente en Galicia, mediante a identificación molecular das distintas especies de castaña: sativa; crenata, mollísima e os seus correspondentes híbridos, tanto en materia prima crúa como en alimento procesado, a través de métodos xenómicos e proteómicos.

Seis mitos sobre o leite que son falsos

En internet non é dificil atopar diversidade de opinións contrarias ó consumo de leite, amplificadas con frecuencia en redes sociais. Que hai de verdade e de mentira en todo o que se conta sobre os lácteos? Carlos Spuch, investigador senior do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, ofreceu unha charla en Lugo na que abordou os mitos e realidades sobre o leite desde un punto de vista científico. O acto enmarcouse nunhas xornadas de apoio ó consumo de leite fresco organizadas onte por Leite Lugo. Aproveitando as xornadas, Spuch fixo unha chamada a apoiar a investigación sobre o leite en Galicia. “Temos un potente sector lácteo que merece que haxa unha boa investigación en paralelo. Sabemos moito do leite e dos seus efectos positivos sobre a saúde humana, pero quédanos aínda moito por investigar”. A análise sobre o leite que realiza Spuch, desde un marco científico, desmonta os seguintes 6 mitos:

1) É pouco natural que os seres humanos consumamos leite

Un dos argumentos habituais contra o leite cuestiona como pouco natural que os seres humanos sexamos os únicos animais que consumimos leite de adultos. O certo é que a tradición de consumo de leite ten máis de 8.000 anos. Iniciouse no Neolítico grazas a unha mutaxión xenética na poboación europea que lle permitiu o consumo de leite. Ese leite foi clave para o desenvolvemento da gandería, o establecemento de poboados sedentarios e o abandono da caza e da recolección como únicos xeitos de conseguir alimento. De feito, a vaca é un elemento sagrado en moitas culturas tradicionais. Na mitoloxía dos países escandinavos, atribúeselle á chamada gran vaca cósmica, Audhumla, a orixe e alimentación con leite dalgúns dos seus deuses.

2) A maioría da poboación mundial é intolerante ó leite

Os seres humanos precisamos dunha enzima, a lactasa, para dixerir un dos compoñentes do leite, a lactosa. En Europa, boa parte das persoas contamos con lactasa no intestino de xeito natural, se ben as persoas intolerantes á lactosa carecen de lactasa no seu organismo.
Queixo, iogures ou leite pasteurizado apórtanlle ó organismo lactobacilus, que enriquecen a flora intestinal e facilitan a dixestión dos lácteos
A ausencia de lactasa non quere dicir que non se poidan consumir produtos lácteos. Os queixos, iogures e o leite pasteurizado, entre outros produtos, apórtanlle ó organismo lactobacilus, que son bacterias que segregan lactasa e que, por tanto, cun consumo continuado, permiten que as persoas poidan consumir leite e outros lácteos. A nivel mundial, a poboación de Europa, Rusia e Norteamérica presenta os maiores niveis de lactasa de xeito natural. En países de Asia, como China, a porcentaxe de poboación con lactasa é menor, podendo rondar o 10-20%, se ben o resto tamén pode consumir lácteos que teñan lactobacilus. O investigador Carlos Spuch precisa que nin o leite UHT nin o esterilizado contan con lactobacilus, polo que no caso de persoas que detecten problemas para dixerir o leite, recomenda o consumo de queixos, iogures e leite pasteurizado. “O corpo, coa incorporación de lactobacilus ó organismo, vaise adaptando progresivamente ó consumo de lácteos. Tamén ocorre o contrario. Se deixamos de consumir lácteos, imos perder lactobacilus e é probable que, ó volver tomar leite máis adiante, nos sente mal”, explica o investigador.

3) A graxa do leite é mala para o colesterol e para as enfermidades cardiovasculares

A graxa do leite ten en ocasións mala fama, se ben a realidade é que o leite é un dos alimentos que presenta mellor equilibrio de graxas omega 3 (consideradas boas) e omega 6 (consideradas malas). “O leite ten un equilibrio 1-1, que é moi positivo. Os alimentos con mellor equilibrio de graxas son o peixe e o leite. O do peixe sabémolo case todos. O do leite descóñecese de xeito xeneralizado”, compara Carlos Spuch. En certas persoas, pode estar aconsellado o consumo de leite desnatado, se ben Spuch advirte de que para outro grupo de consumidores, como son os nenos, recoméndase o consumo de leite enteiro. “O corpo humano precisa de graxas. O noso cerebro ten un 70% de ácidos graxos” - explica.- “Preocúpanos que se teñan detectado nenos con problemas cognitivos por un baixo consumo de graxas”, critica. Positivo para o corazón O investigador cuestiona que o leite se poida ter asociado a enfermidades cardiovasculares e asegura que o seu consumo é moi bo para o sistema cardiovascular e para a prevención de infartos. “Hai estudos científicos ó respecto. Por exemplo, fíxose un ensaio clínico con persoas que tiñan problemas de hipertensión e comprobouse que o consumo diario de tres vasos de leite pasteurizado reducía a tensión alta a valores normais. Tamén foi positivo comprobar que persoas coa tensión normal non experimentaban variacións polo consumo de leite”, sinala Carlos Spuch. A inxesta de lácteos está ademais moi indicada para deportistas, pois contribúe a unha mellor recuperación dos electrolitos que se perden durante o exercicio. A proteína láctea tamén é ideal para os músculos tras a práctica do deporte.

4) O consumo de leite provoca alerxias e mucosidades

A porcentaxe de poboación europea con intolerancia ó consumo de lácteos está por baixo do 1%. O resto non ten ningún tipo de alerxia ós lácteos, aínda que si é certo que as variacións que poden experimentar certas moléculas do leite no procesado térmico UHT tenden a xerar mucosidades. Sen embargo, Spuch precisa que o leite pasteurizado compórtase de xeito contrario e presenta propiedades antiinflamatorias. O consumo de leite pasteurizado, fronte ó leite UHT, ten, segundo o investigador, unha serie de vantaxes. “O procesado térmico do leite UHT ou do esterilizado provoca unha alteración da estrutura tridimensional de certas moléculas. Esa alteración dificulta a dixestibilidade de compostos como o triptófano, que é a base da produción de serotonina no cerebro”, detalla Spuch. “Antes tomar un vaso de leite á noite considerábase o mellor xeito de ter un sono de calidade. Iso perdeuse en parte pola proliferación do leite UHT”, cuestiona.

5) O leite causa cancro

O investigador asegura que non hai ningún estudo científico que relacione o leite co cancro. “É unha barbaridade dicir iso”, conclúe. “Hai estudos que demostran que o leite ten efectos anticanceríxenos e protectores fronte a determinadas tipoloxías de cancro, como o de colon ou de mama. Evidentemente, o leite non cura, pero si é certo que pode contribuír a mellorar a resposta do corpo a tratamentos de quimioterapia ou radioterapia”, valora.

6) O leite non é bo para absorber o calcio

Outra falsidade, segundo o investigador: “O consumo de leite está indicado en todas as idades como vía para nutrirse de calcio. Non só se precisa nos nenos, pois o calcio contribúe á conservación dos músculos en persoas adultas e en maiores axuda a previr a osteoporose”, enumera Carlos Spuch. “O leite presenta ademais a vantaxe de que o seu calcio é de moi fácil absorción polo organismo, ó contrario do que sucede con algúns vexetais que tamén son ricos en calcio”, sinala.

Cata de lácteos frescos

A xornada organizada por Leite Lugo para a promoción do consumo de leite fresco culminou cunha cata de produtos lácteos elaborados por explotacións gandeiras da provincia. Houbo leite pasteurizado, queixos, manteiga, iogures e leite mazado. O acto contou coa participación de cinco explotacións de Lugo que apostaron pola vía de transformar parte da súa produción. Son Arqueixal (Palas de Rei), Lácteos Casa Vidal (Guitiriz), Veigaria (O Incio), Gandería Quintián (O Páramo) e D'Vaca, de O Saviñao.

Consumir ovos sen preocuparse polo colesterol

Comer moitos ovos ten mala prensa polo seu contido en colesterol, aínda que o sector agroalimentario esfórzase desde hai anos en derribar ese mito. Unha tese desenvolvida na Universidade de Santiago (USC) ofrece agora alternativas para consumir ovos dun xeito máis saudable, sen ter que preocuparse do colesterol. A investigación, realizada por Xaquín Antón Vázquez, licenciado en Químicas e directivo de Clavo Food Factory, xerou produtos a base de ovo enriquecidos con ácidos graxos omega 3, que se caracterizan polo seu efecto cardiovascular positivo, e con menos colesterol. O traballo creou produtos que agora non existen no mercado en forma de barras de ovo cocidas e pasteurizadas. A esas barras engadíronselle tres fontes diferentes de ácidos graxos esenciais: aceite de sementes de liño, aceite de microalgas e aceite de pescado. O resultado son ovoprodutos con alto contido en ácidos graxos omega-3.
A adición de quitosano, unha sustancia que se obtén da cáscara de crustáceos, reduce a absorción de colesterol polo organismo
Outra das achegas da investigación foi o desenvolvemento dun ovoproduto con ata un 45% menos de colesterol, a partir da adición de quitosano, unha sustancia que se pode obter da cáscara dos crustáceos e que se caracteriza por ser un absorbente das graxas. O quitosano confírelle ó ovo ademais propiedades antioxidantes e antimicrobianas. A tese de Xaquín Antón Vázquez, titulada 'O ovo: características nutricionais, efectos do seu consumo a longo prazo e desenvolvemento mediante procedementos tecnolóxicos de ovoprodutos funcionais', realizouse no Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da USC. O director do Laboratorio, Alberto Cepeda, destaca o resultado do traballo, a obtención de produtos cun menor nivel de colesterol. “Entre outras cuestións, a investigación desestruturou os compoñentes do ovo e volveunos estruturar dun xeito no que o contido de colesterol era menor”, suliña. Seguridade na industria alimentaria Outra tese desenvolvida no Laboratorio de Control de Alimentos da USC foi a realizada por Bernardo J. Pérez, licenciado en Bioloxia e tamén directivo de Clavo Food Factory, sobre 'Novos retos para a industria alimentaria: elaboración de alimentos nutricionalmente axeitados con mínima alteración organoléptica alerxenicamente seguros'. O traballo valorou cuestións como o efecto que ten o tipo de aceite que se emprega na pre fritura e na fritura final de alimentos precociñados.
Unha segunda tese valorou o efecto do tipo de aceite empregado para a fritura de alimentos precociñados
A investigación concluiu que é máis importante a calidade do aceite doméstico que o empregado na pre-fritura industrial á hora de determinar a calidade nutricional do produto. A combinación de procesos pre fritura con aceite de oliva e a terminación doméstica en forno constitúen a mellor opción para obter un alimento saudable, segundo esta tese. Tamén se valorou o emprego de ingredientes con multitude de axentes alerxénicos nunha planta alimentaria, concluíndose que é posible elaborar na mesma planta liñas de alimentos sen alérxenos sempre que se empreguen boas prácticas na industria elaboradora. Proxectos de I+D Ambas teses de investigación foron desenvoltas a partir de proxectos de I+D (Investigación + Desenvolvemento) impulsados pola USC en colaboración con Clavo Food Factory, unha industria alimentaria de carácter familiar que ten a súa sede en Caldas de Reis (Pontevedra) e que conta tamén cunha planta en Tordesillas. Clavo Food adícase á elaboración de produtos conxelados, platos preparados, refrixerados e cociña precociñada, tanto para o fogar como para a hostelería.

Verdades e falsidades da alerta que liga a carne co cancro

A conclusión da Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC, polas súas siglas en inglés) sobre a relación entre o consumo de carne vermella e de carne procesada e un maior risco de cancro xerou unha alarma que desde sectores médicos se entende como “pouco xustificada”. Para clarificar o asunto, botamos man das valoracións de Esteve Fernández, médico epidemiólogo do Institut Català de Oncologia e profesor titular de saúde pública da Universitat de Barcelona, e de Elisa Calle, profesora do departamento de Medicina Preventiva e de Saúde Pública da Universidad Complutense de Madrid. O estudo da IARC, dependente da Organización Mundial da Saúde, sobre a carne vermella e sobre a carne procesada conclúe dúas cuestións principais: a carne procesada (embutidos, salchichas, hamburguesas, etc.) considérase “canceríxena para os humanos” (grupo 1 da súa clasificación) e a carne vermella (porcino, vacún, etc.) como “probablemente canceríxena para os humanos” (grupo 2A). A clasificación elabórase tendo en conta tanto estudios epidemiolóxicos en humanos como traballos experimentais en animais. Agora ben, a clave da cuestión é como interpretar esta clasificación. Ao entender dos médicos, titulares xornalísticos como “As salchichas e o bacon provocan cancro” son sensacionalistas e faltan á verdade. Repasamos catro puntos clave do asunto:

1) A clasificación non mide a potencia canceríxena da carne

Para Esteve Fernández, do Institut Català de Oncologia, unha cuestión a resaltar é que a clasificación só reflicte a forza da evidencia, é dicir, como de seguros estamos de que un axente sexa canceríxeno, sen medir a súa potencia ou grao de actividade canceríxena, nin o impacto do cancro.
"O tabaco aumenta o risco de cancro de pulmón nun 1.000%, en tanto a carne procesada sobe o risco de cancro de colon un 18%" (Esteve Fernández)
“Dous factores de risco poden estar na mesma categoría, por exemplo o tabaco e a carne procesada, ambos no grupo 1, “canceríxeno para os humanos”, con independencia da magnitude do risco: o tabaco aumenta o risco de cancro de pulmón un 1.000 % (fumando 10 cigarrillos ó día, poñamos por caso) e a carne procesada aumenta un 18% o risco de cancro colorrectal (nos consumidores habituais de 50 gramos ó día)”, compara Esteve Fernández. “Tabaco e carne procesada están ademais no mesmo grupo con independencia de con cantos cancros están relacionados: o tabaco causa 15 tipos de cancro, a carne procesada só se asocia co cancro colorrectal”, valora Esteve. (Nota: a carne vermella, clasificada noutro grupo como probablemente canceríxena, tamén se relaciona co cancro de próstata e de páncreas). “Tampouco a poboación exposta é a mesma: en España un 30% dos adultos fuma a diario, pero só un 10% come carne a diario; ou a magnitude da enfermidade causada: en todo o mundo o tabaco causa un millón de mortes ó ano, mentres que a carne procesada 34.000”, sinala o médico do Institut Català de Oncologia.

2) O estudo non di que un consumo moderado provoque cancro

Que a carne procesada se considere canceríxena e a carne vermella probablemente canceríxena non quere dicir que un consumo moderado ou ocasional provoque cancro, advirte Elisa Calle, do departamento de Medicina Preventiva da Universidade Complutense: “Hai unha longa lista de sustancias que son carcinóxenos demostrados, como o tabaco, o alcohol ou multitude de fármacos” -valora Elisa Calle -. “Que a carne procesada sexa considerada canceríxena demostrada non quere dicir que o seu consumo moderado ou ocasional vaia provocar cancro”.
"Non é o mesmo unha, ou de vez en cando, que moitas e a diario" (Elisa Calle)
“¿Acaso –engade a profesora- alguén pode chegar a pensar que fumarse un pitillo ó ano provoca indefectiblemente cancro de pulmón, ou que unha copa de viño nos provoca cancro de fígado? Porque non é o mesmo unha, ou de vez en cando, que moitas e a diario”.

3) As evidencias científicas clasifican algo que xa se coñecía

O aumento do risco de contraer cancro polo consumo de carnes vermellas ou procesadas non é novo. Desde hai tres décadas hai estudos que as consideran un factor de risco. “Iso non quere dicir que teñamos que eliminar a carne da nosa dieta ou só consumila unha vez ó mes” -valora Elisa Calle- “Advírtenos dun aumento de risco por un consumo excesivo e non é unha noticia nova, nin moito menos. A clasificación da carne procesada no grupo 1 non vai máis alá de clasificar como evidencia científica o xa coñecido”.

4) Que dieta seguir?

“O que coñecemos con certidume é que un modelo como a dieta mediterránea, xunto coa práctica do exercicio físico regular, diminúe o risco de enfermidades crónicas, tanto do cancro de pulmón, recto, próstata ou mama, como de enfermidades cardiovasculares, e non deberiamos esquecer que esta dieta inclúe o consumo moderado e pouco frecuente de carnes vermellas”, valora Elisa Calle.
"Comer en ocasións un bo trozo de carne en boa compaña vainos permitir gozar da vida, que é unha boa forma de gozar da saúde" (Elisa Calle)
“De feito –engade a profesora de Medicina Preventiva-, a pirámide da dieta mediterránea recomenda que a carne vermella se consuma menos de dúas veces por semana e as carnes procesadas, como moito, unha vez á semana. É dicir, na nosa dieta diaria non deben estar as carnes vermellas e procesadas e si os cereais integrais, as verduras, as froitas e o aceite de oliva virxe. Agora ben, comer en ocasións un bo trozo de carne en compaña de amigos ou da familia, ou facer unha barbacoa, vainos permitir gozar da vida, que é unha boa forma de gozar da saúde”.

Xulgan en Lugo a dous gandeiros e un transportista por engadirlle auga ó leite

Un transportista e dous gandeiros acusados dun suposto delito de estafa, por poñerse de acordo para engadir auga ao leite que lle vendían a unha fábrica de queixos e derivados lácteos situada no municipio lucense de Abadín, foron xulgados onte na Audiencia Provincial de Lugo e, mentres o ministerio fiscal pide para cada un deles catro anos de prisión, a defensa solicitou a libre absolución dos seus clientes. O avogado da defensa, José Piroscia, confirmou a súa intención de pedir a libre absolución dos acusados, porque "se vai acreditar que non hai ningunha proba" que verifique que houbo "unha manipulación do leite, introducindo auga", por parte dos seus clientes. Nese sentido, precisou que foron achegados por parte da defensa informes tanto de Africor, entidade responsable do programa de Control Leiteiro, como do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) que evidencian que "nas analíticas que se fixeron tanto nas explotacións directamente, como no vehículo no que se transportaba o leite, non había ningún rastro de auga". Na súa declaración ante o tribunal, un dos acusados, I.P.C, explicou que traballou para a mesma empresa como transportista durante oito ou nove anos e, durante ese tempo, ninguén lle comentou "nunca" que as mostras de leite que tomaban na propia cisterna do camión viñesen adulteradas.
O fiscal sostén que os acusados incurriron nesta práctica varios meses con evidentes fins económicos
Segundo o relato do fiscal, os feitos que se lle imputan sucederon, concretamente, entre os anos 2010 e 2011, mentres I.P.C traballaba como transportista autónomo para a citada industria láctea e ocupábase de realizar dúas rutas de recollida de leite diferentes en días alternos, unha delas polo municipio de Abadín e a outra polos concellos de Vilalba e Cospeito. O ministerio público precisou que, no transcurso desas rutas, o transportista recollía o leite producido polas explotacións agropecuarias do seu irmán, M.P.C, e da súa sogra, L.M.C, ambos os dous acusados. De feito, no seu escrito de acusación, o ministerio fiscal sostén que os tres acusados, "postos de previo e común acordo e obrando con ánimo de ilícito enriquecemento, engadíronlle auga ao leite recollido e transportado", para "aumentar o seu volume e, en consecuencia, a remuneración obtida pola súa venda". O fiscal sostén que esa manobra dos acusados "mantívose no tempo durante varios meses", ata que a empresa sospeitou que "non" se trataba dun feito accidental ou illado e verificouse o fraude mediante as probas e analíticas oportunas".
Solicitan unha indemnización de 180.000 euros para a empresa afectada
Non obstante, o transportista insistiu na vista oral en que ninguén da empresa lle dixo "nunca" que houbese problemas co leite transportado, nin tampouco que houbese un suposto desfase entre os litros que figuraban nas follas de ruta e o contido real das cisternas cando entraban en fábrica. De feito, dixo que tivo constancia desa acusación cando xa deixara a empresa, a pesar de que o camión que el guiaba entraba todos os días en fábrica e era pesado dúas veces, unha ao entrar e outra ao saír -coa cisterna baleira-, para comprobar con exactitude o volume de leite transportado. Os tres imputados foron acusados dun delito continuado de estafa e o fiscal pide para cada un deles unha pena de catro anos de prisión, mentres que a acusación particular eleva esa petición a 6 anos de cárcere e ó pagamento dunha multa. Ambas as dúas acusacións esixen tamén o pagamento, en concepto de responsabilidade civil, das perdas ocasionadas á empresa, cifradas en 180.000 euros.

Cal é o sobrecusto para o agro do modelo europeo de produción?

Só a lexislación europea sobre seguridade alimentaria e saúde animal engloba 26 directivas de obrigado cumprimento no agro. A esas normativas hai que engadirlles as correspondentes a benestar animal e a cuestións medioambientais. En resumo, un paquete de esixencias que as explotacións da UE de tódolos sectores teñen que cumprir, en tanto en terceiros países, as normas en ocasións son máis relaxadas. Que sobrecusto xenera iso no agro europeo? O estudo conclúe que entre un 2% e un 10%, en función do sector e do país. Os escándalos alimentarios das últimas décadas levaron na UE a un reforzo da seguridade alimentaria e de cuestións colaterais que tamén preocupan ó consumidor, coma o respeto ó medioambiente e ó benestar animal. As lexislacións comunitarias sobre estas materias, por tanto, non supoñen só un sobrecusto, senón que tamén xeneran unha mellor imaxe ante o consumidor que se traduce en competitividade.
En porcino e avicultura, os sobrecustos chegan ata o 5-10%, en tanto en vacún non superan o 3%
Porcino e avicultura Agora ben, analizando só as cifras dos custos de produción derivados do cumprimento das normativas comunitarias, os datos son significativos. Os sectores peor parados son o porcino e a avicultura, con sobrecustos de ata un 5-10% por cuestións de benestar animal, xestión de xurros e seguridade alimentaria. O informe recoñece que houbo explotacións pequenas que tiveron que pechar nos últimos anos por non dar cumprido coa normativa, se ben apunta que a produción global de carne non se reduciu na UE. Vacún de leite e carne En vacún de leite, os sobrecustos limítanse ó 2-3%, segundo o estudo da Comisión Europea, xa que o sector lácteo produce máis en base a terra e normalmente xa viña dispoñendo de instalacións suficientemente dimensionadas; se ben tamén hai diferenzas por países. En tanto en Irlanda, con gran base de pastizais, os sobrecustos medioambientais de xestión dos xurros son case nulos e mesmo levaron a unha redución da aplicación de fertilizantes minerais, nos Países Baixos, a directiva de nitratos xenera un sobrecusto dun 1,6% pola falta de base territorial. Na produción de vacún de carne, un sobrecusto sinalado no estudo radica na prohibición en Europa de fármacos permitidos en Estados Unidos para promover o crecemento das reses, os chamados beta agonistas, unha situación que tamén se repite no porcino coa ractopamina. Cando a carne da UE compite coa dos Estados Unidos en terceiros mercados ou cando a de Estados Unidos accede a mercados comunitarios, a produción europea compite en desvantaxe.
A produción de carne en Estados Unidos usa fármacos promotores do crecemento. En Europa están prohibidos
Viticultura En agricultura, o estudo examina os casos da viticultura e da produción de trigo e de mazás e conclúe que en Europa prodúcese un sobrecusto de entre o 1 e o 3,5 % polo cumprimento das normativas comunitarias, principalmente as relativas á seguridade alimentaria e ó uso sostible de fitosanitarios. En terceiros países produtores de froita hai menores requisitos medioambientais, aínda que o estudo precisa que as esixencias das cadeas de distribución europeas que mercan esas producións encarecen tamén os custos a niveis similares ós da UE.
"Se desaparecera toda a lexislación europea, non melloraría moito a competitividade de gandeiros e agricultores"
Conclusións Así as cousas, a gran diferenza de gastos de produción entre a UE e terceiros países, máis que polo cumprimento da normativa comunitaria, débese ós menores custos laborais de terceiros países e en ocasións a unha maior produtividade ou a menores gastos de alimentación. O informe sinala diferenzas de custos globais entre a UE e terceiros países de ata o 50%, unha cifra que a penas baixaría se se reduciran os gastos polo cumprimento das normativas comunitarias, que representan en Europa un sobrecusto de entre o 1 e o 10%: “Se desaparecera toda a lexislación europea relativa á seguridade alimentaria, protección do medioambiente e benestar animal, non melloraría moito a competitividade dos gandeiros e agricultores europeos”.

Leite e carne, os alimentos que conteñen menos residuos de pesticidas

O leite de vaca e a carne de porcino son dos alimentos que conteñen menos residuos de pesticidas e, pola contra, legumes e viño, dos que máis. Estes resultados forman parte do Informe Anual de 2013 da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), nas súas siglas en inglés) sobre residuos de pesticidas nos alimentos, incluíndo os resultados da análise dunhas 81.000 mostras de alimentos de 27 Estados membros da UE, Islandia e Noruega, para comprobar a presenza de 685 pesticidas. Máis do 97% das mostras de alimentos avaliados pola EFSA contén niveis de residuos de pesticidas que están dentro dos límites legais, e case o 55% sen vestixios detectables destes produtos químicos. Para este informe, os 29 países realizaron dous programas de seguimento: un programa nacional deseñado para cada país e outro coordinado polo programa da Unión Europea definido para todas as autoridades nacionais de control dos alimentos na mesma "cesta". Un total de 80.967 mostras a partir dunha gran variedade de produtos alimenticios procesados ​​e transformados foron comprobados En máis do 97% dos alimentos os residuos de pesticidas están dentro dos límites legais e só 1,5% os supera Os principais resultados son: 97,4% das mostras analizadas estaban dentro dos límites legais. 54,6% das mostras non contiñan residuos detectables. 1,5% superou os límites legais. Os alimentos importados que exceden os límites case cuatriplican aos de orixe UE A maioría das mostras (68,2%) foron tomadas en alimentos de Europa, mentres que 27,7% viñeron de alimentos importados de terceiros países. A porcentaxe de mostras procedentes de países terceiros que excedan os límites legais foi maior (5,7%) que para a UE (1,4%). Con todo, a taxa de exceso de pesticidas nas importacións de alimentos diminuíu case dous puntos porcentuais (7,5%) desde 2012. Para o programa coordinado pola UE, analizáronse 11.582 mostras de 12 alimentos (mazás, col, allo-porro, leituga, pexegos, centeo e avea, amorodos, tomates, leite, carne bovina, carne de porco e viño). Os resultados indican que o 99,1% das mostras están nos límites admisibles residuos e preto de 53% das mostras non contiña ningún residuo mensurável. En comparación cos resultados de 2010, a porcentaxe de mostras que excedan os límites legais diminuíu a todos os alimentos estudados, con excepción do viño. Podes facer a descarga do informe completo aquí.