Archives

A selección xenética, unha das claves pada adaptar o viñedo ao cambio climático

O enxeñeiro agrónomo de Vitis Navarra, Alberto Gambra, explica a importancia do material vexetal como factor determinante para adaptarse a unha parte das consecuencias e problemáticas do cambio climático. O profesional ofreceu unha charla na "V Xornada Técnica sobre Sustentabilidade e Innovación Vitivinícola: Innovación e boas prácticas para un futuro sustentable", organizada pola empresa Alfatec Enxeñaría e Consultoría nas bogedas Martin Códax (Cambados, Pontevedra). Gambra lembrou que ao longo dos anos as actividades humanas e as mutacións "levaron a novas seleccións que se adaptan a diferentes condicións climáticas". Con todo, xa se produciu unha erosión xenética, é dicir, unha diminución progresiva da variedade xenética que chegou a estes tempos. "Isto é un gran problema no panorama europeo e, en especial, no español". Indica que a redución se debe a diferentes factores, como as esixencias e parámetros que se impoñen no mercado ou que fixan as propias Denominacións de Orixe, ademais de causas climáticas extremas como as grandes xeadas ou secas. Nese sentido, lembra a importancia da variabilidade xenética, que é unha das principais ferramentas que ten a natureza para adaptarse aos diferentes cambios que van sucedendo. "Aínda máis importante é que todo este patrimonio vitícola diferenza enormemente a unhas rexións doutras. O material vexetal é un elemento que enriquece enormemente cada rexión e merece moito a pena conservalo", destaca. Alberto Gambra durante a súa ponencia

Estratexias de selección

En canto a estratexias de selección, os que permiten conservar unha maior variabilidade son os bancos de xermoplasma, un reservorio xenético cunha gran cantidade de xenotipos dentro de una mesma variedade ou de diferentes variedades: "Sérvennos para conservar a variabilidade, que é tan importante para o futuro". Na súa exposición, Gambra presentou un dos proxectos que levan a cabo coa Universidade de Navarra para recompilar a maior variabilidade posible. Primeiro seleccionan unha rexión vitícola destacada, que dispoña de material local e autóctono. A partir de aí, realizan un cribado, observan posibles virus e unha selección sanitaria. Finalmente, coas variedades seleccionadas, fan as multiplicacións. "Se non realizásemos este proceso, actualmente xa non existiría a variedade Garnacha de Navarra". Tamén explicou que o tempranillo é unha das variedades máis sensibles ao cambio climático, é isohídrica, moi sensible ás temperaturas e que non leva nada ben a tensión hídrico. "A problemática que xorde é que os viños que proveñen desta variedade rexistran unha suba da súa pH". Nese sentido, a través do proxecto Lowphwine, está a avaliarse a influencia de diversas estratexias para reducir o pH nos viños de tempranillo. "Pola nosa banda, entramos neste proxecto abordando a parte do material vexetal, tanto do vinífero como do propio enxerto". Para iso, desde a Universidade de Navarra fixeron unha caracterización da nai xenómica das 145 variedades que seleccionaron dos 1.500 tempranillos. "Dos 145 xenotipos fíxose outro cribado e quedámonos con 100, que teñen un pH inferior e unha boa calidade", destacou. Nese mesmo sentido, Gambra indicou que hai 100 anos ou máis "xa sabían que levando a cabo unha coplantación con variedades de ciclo longo poderían acidificar os tempranillos, porque melloraban a estabilidade microbiótica dos viños. É un exemplo de adaptación antigo".
Levarán a cabo un proxecto con Martin Códax para identificar que variedades de albariño están adaptadas á seca e altas temperaturas
Outra das estratexias moi práctica e interesante que destacou, sobre todo, a nivel de adaptación, é a selección clonal. Segundo indica, é un método moi rigoroso, con moita trazabilidade e onde a administración certifica que é un material sanitariamente in vivo, sobre todo moi ben caracterizado. "Isto permítenos deseñar viñedos cun material identificado e poder adaptarse ás condicións de chan, clima ou ao obxectivo de lignificación". Con todo, isto tivo consecuencias. "Todos os viñedos que se están pondo actualmente son viñedos monoclonais e identicamente iguais e a maioría de clons que sitúanse a menos de media hora da variedade orixinal. Ademais, utilízanse os clons que se consideran mellores, polo que hai unha moi baixa diferenciación". Para finalizar, indicou que actualmente está a levar a cabo un proxecto con Martin Códax e outras entidades que teñen por obxectivo adaptar as variedades viura e albariño a condicións de seca e altas temperaturas. "Preténdese establecer un banco de xermoplasma, facer unha selección agronómica e, sobre todo, identificar marcadores moleculares responsables destas adaptacións". Desta maneira, saberán nun futuro que tipos de albariño están adaptados á seca e que xenes son os responsables desta adaptación.

“Grazas ás cooperativas, hoxe segue habendo ganderías de leite no Pirineo”

Joan Guitart, coas súas vacas en Castellar del Tost, onde a seca se está a notar este ano nos pastos Cataluña conta a día de hoxe con 347 explotacións lácteas e unha producción mensual de 57.858 toneladas, segundo os últimos datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria, do pasado mes de outubro. Setenta e tres deses gandeiros aséntanse nas comarcas pirenaicas de Alt Urgell e Cerdanya, cunha forte implantación do cooperativismo na zona, o que permitiu a supervivencia da produción láctea nestas áreas de montaña. “Grazas ás cooperativas hoxe aínda queda gandería de leite aquí no Pirineo”, asegura Joan Guitart, un dos 6 socios de Granja Castellar, situada en Castellar de Tost, no municipio de Ribeira d’Urgellet, un pobo de só 20 habitantes e situado a 900 metros de altitude no Pirineo de Lleida.
Ás industrias élles difícil vir recoller o leite aquí, en granxas pequenas e dispersas, por iso cando desaparecen as cooperativas desaparecen as ganderías
A diferenza do que ocorre en Alt Urgell, en todo o veciño val de Pallars, nas tres comarcas que lindan co Val d’Aran, xa non quedan granxas leiteiras. “Hai 30 anos, cando nós empezamos co unifeed cooperativo, Copirineo tiña máis de medio cento de explotacións. Pero cando desaparecen as cooperativas ás industrias élles difícil vir recoller o leite aquí, en granxas pequenas e dispersas”, explica Joan. Medrar absorbendo a outras granxas SAT Granja Castellar é unha das explotacións máis grandes da zona. Muxe nestes momentos 420 vacas e produce uns 13.500 litros diarios, que entrega á cooperativa Cadí para a súa transformación en queixo e manteiga. Da ración para alimentar ás vacas encárgase outra cooperativa, Pirenaica, que fai 30 anos instalou un dos primeiros centros comunitarios de mestura húmida unifeed de Europa. Joan está á fronte desta granxa xunto a dous dos seus irmáns, a súa filla e outros dous veciños que acabaron pechando as súas granxas familiares para integrarse na SAT. “No seu momento chegamos a ser 8 socios. Eran explotacións que deixaban de muxir pero que no canto de vender a cota láctea nós absorbiamos a granxa, comprando o gando, quedándonos coa cota, e pasando a integrar a eses gandeiros na sociedade. Desa forma evitamos que esa cota marchase da comarca cara a outras zonas”, explica.
Integrando ás ganderías que ían pechando, evitamos que a cota se vendese e marchase da comarca
Tras décadas de incremento continuado no número de cabezas, nestes momentos o seu obxectivo é a estabilización da granxa. “Non queremos seguir crecendo, a nosa intención actualmente é manter o número de vacas en muxido ao redor das 415-420. Pero temos moitas xovencas e tivemos que mandar ao matadoiro este verán moitas vacas, porque senón estariamos nestes momentos en 450 vacas en produción”, detalla Joan. Recría en dúas localizacións diferentes Aínda que forma unha soa unidade epidemiolóxica, Granja Castellar ten 4 libros abertos, 2 deles para reposición en dúas granxas próximas que deixaron de producir leite, e suma en total unhas 900 cabezas contando vacas adultas e recría. A unidade de produción atópase en Castellar de Tost, onde tamén se desenvolve a fase de lactación das tenreiras. “Aos 2 meses e medio facemos o destete e a partir de aí, ao redor dos 3 ou 4 meses, vanse a outras granxas”, explica Joan.
As ganderías lácteas das comarcas de Alt Urgell e Cerdanya comparten algúns problemas coas granxas de Galicia, como escaseza de base territorial e orografía complicada
Os outros dous establos están situados a 6 e 8 km de distancia. “Imos pola mañá e pola tarde e temos a unha persoa encargada da recría. A partir dos 12 meses empezamos a poñer as primeiras doses se a vaca está en condicións. Detectamos os celos con colares, co que gañamos en tempo e en fertilidade”, asegura. A inseminación realízase con persoal propio da granxa. Producir leite nunha zona de montaña Joan considera que o labor do gandeiro é o de “ser capaz de adaptar o modelo produtivo da súa explotación á situación concreta de cada lugar”. Na comarca de Alt Urgell a climatoloxía e as características do terreo condicionan o tipo de produción láctea. “A base territorial é moi baixa, porque por unha banda temos o río e pola outra o monte; e todo é pendente, xa que estamos nunha zona de prepirineo”, explica. Granja Castellar conta con 200 hectáreas de superficie aproveitada en pastoreo por distintos lotes de animais: polas vacas secas, polas xovencas e por unha parte das vacas en produción (aquelas que están no final da lactación).
Temos un custo de produción alto, chegamos a preto dos 12 euros por vaca e día de custo de alimentación
Para o resto das vacas en muxido, a alimentación baséase en ración unifeed que inclúe preto de 20 kg de concentrado. “Logramos medias de 32-33 litros de produción e unhas calidades de leite moi boas; case todo o ano estamos por enriba do 4% de graxa”, conta Joan. A ración é proporcionada diariamente no establo grazas a un sistema de cátering que, sumado ao uso de grandes cantidades de concentrado, dispara o custo de alimentación. “Temos un custo de produción alto, chegamos a preto dos 12 euros por vaca e día, mentres o prezo de venda do leite o ano pasado situouse en 0,52 euros o litro de media de todo o ano”, detalla. Primeira planta de unifeed comunitario de Europa A explotación é socia da Cooperativa Pirenaica, con instalacións na Seu d’Urgell e fábrica de penso e mestura húmida no municipio de Montferrer y Castellbò, a 3 km da Seu d’Urgell. Desde esta planta saen diariamente os camións que descargan nas granxas. “Levamos 30 anos funcionando desta forma. Fomos pioneiros no seu momento en Europa neste sistema de unifeed comunitario. Estivemos a dar voltas polo mundo para aprender, desde Israel a Dinamarca”, lembra Joan. “Hoxe damos comida a 40 explotacións de leite que sumamos unhas 3.500 vacas en total, aínda que día a día van desaparecendo granxas”, lamenta. Dentro de Pirenaica, algúns socios xestionan a súa propia superficie agraria, mentres hai outros que xa deixaron as súas terras en mans da cooperativa.
Non é que sexamos máis cooperativistas que noutros lugares, é que a necesidade nos fai selo
A superficie total é dunhas 1.000 hectáreas, insuficiente para autoabastecer á planta. “É difícil facelo mellor con esta seca. Temos que comprar bastantes insumos, por exemplo millo para ensilar; millo gran e soia, que veñen do porto de Tarragona e cebada que traemos de Francia”, explica. O servizo de cátering que a cooperativa presta ás ganderías socias é un piar fundamental para a supervivencia das granxas da zona, considera Joan. “En Xirona outras iniciativas similares de unifeed comunitario desapareceron porque alí hai outras alternativas. Por que funciona aquí? Porque estamos nun sitio apartado e é difícil ser autosuficiente ti só. Se queres ser moi individualista tes que ter máis de 450 vacas. Con granxas máis pequenas aquí é difícil. Non é que sexamos máis cooperativistas que noutros lugares, é que a necesidade nos fai selo”, argumenta. Cadí, primeira cooperativa láctea creada en España Camión cisterna da cooperativa Cadí recollendo o leite da explotación Hai máis de 70 anos que Granja Castellar forma parte tamén da cooperativa Cadí, formada por 73 familias gandeiras de Alt Urgell e Cerdanya. Fundada en 1915, Cadí foi a primeira cooperativa láctea creada no Estado español. “Nunca foi rescatada nos seus case 110 anos de historia”, destaca Joan, que formou parte ata 2016 do Consello Reitor da cooperativa. Dentro de Cataluña, Cadí é unha referencia. Produce queixo e manteiga, con dúas Denominacións de Orixe. Transforma entre 170.000 e 180.000 litros de leite en diversas referencias comerciais, entre elas varias modalidades de queixo, requeixo e manteiga, o verdadeiro produto estrela de Cadí, que é tamén socia de Llet Nostra, a través da cal se dá saída aos excedentes en forma de leite líquido e yogurt.
Urgèlia é un queixo con DOP que se produce integramente a través da cooperativa
Cadí vende os seus produtos por toda Cataluña, ademais de exportar a distintos países, e conta na actualidade cun cadro de persoal de 130 traballadores. “Estamos a pasar un momento delicado precisamente porque a cooperativa está sobrecargada de man de obra e non somos capaces de ser competitivos. Temos que industrializarnos máis, porque os tempos cambian e creo que faltaron investimentos en modernización e tecnoloxía. Non podemos vivir dos 100 anos de historia, iso non é suficiente, temos que avanzar para pensar nos próximos 100”, reflexiona. Aforrar custos co pastoreo Aínda que o pastoreo é o sistema tradicional de alimentación do gando nesta zona do Pirineo, as explotacións lácteas da zona foron abandonando esta práctica a medida que ían crecendo e intensificándose, aínda que Granja Castellar segue mantendo o pastoreo como unha estratexia para reducir custos de produción. “Ás veces penso que queremos ser demasiado americanos. Estamos a 900 metros de altitude e temos pendentes elevadas; sáeme máis cómodo levar a pacer as vacas que cortar a herba”, argumenta.
Sementamos raigrás e centeo forraxeiro para o inverno; así alongamos o período de pastoreo
A SAT conta con 200 hectáreas de superficie, que se aproveitan na súa totalidade en pastoreo e coa recollida de forraxe, tanto ensilado como seco. Dispoñen de pradeiras sementadas con diferentes especies para desta forma poder alongar a duración do pasto. “No outono empezamos pacendo as parcelas que teñen festuca e datilo, despois pasamos ao raigrás e terminamos co cereal, que é o máis resistente, cando veñen as xeadas, en xaneiro e febreiro”, explica Joan. Pero a importante seca que arrastra Cataluña nos dous últimos anos secou os pastos e encareceu a alimentación do gando. O pasto é a base da alimentación da recría. “Moitas veces temos grupos de 30 xovencas sen tomar nin un quilo de forraxe na estabulación”, conta. Pero tamén están a estender o pastoreo ás vacas adultas.
Ao botar ao prado o lote de final de lactación reducimos o custo de alimentación de 12 euros diarios a só 2
“Unha parte das vacas en muxido, a partir de 180 días de preñadas (6 meses), cando baixan de 30 litros, pasámolas ao prado. Ao facelo baixan a 15 litros de media, pero logramos alongar un pouco máis a lactación a un custo moi baixo mentres se recuperan dos cubículos e se preparan para o parto. Cando o leite non cho pagan ben, baixar a produción non ten por que implicar matar á vaca, esta é unha forma de darlle outra oportunidade. Dos 12 euros por vaca e día que nos custa alimentalas en unifeed, pasan a 2 euros. Baixan á produción de leite, si, pero gañámolo en custo de alimentación e saúde”, defende. Regadío por presión natural Nesta zona da montaña, a 900 metros de altitude, a neve permanece durante dous meses ao ano. “A partir do 15 de xaneiro, cando as horas de luz empezan a aumentar, a neve empeza a derretirse. O malo é cando neva a principios de decembro, aí si que non se vai nin co soplete”, bromea Joan. O cambio climático está a deixarse notar tamén no Pirineo. “Temos mananciais para regar que nos proporcionaban un caudal de entre 50.000 e 60.000 litros á hora que baixaron a menos de 20.000 e non podemos regar cando queremos, como faciamos antes”, indica.
Nótase o cambio climático; os mananciais viron reducido o seu caudal á metade
A zona de regadío da explotación abarca 30 hectáreas e o sistema funciona por presión natural, sen necesidade de bombeo. “Temos a auga canalizada desde o manancial a unha balsa, onde alcanza 10 kg de presión dinámica natural, que é suficiente para que funcione o sistema de aspersores”, detalla. Abonar con esterco e non usar herbicidas Aínda que a alimentación das vacas mediante unifeed non lles permite estar en ecolóxico, o manexo da terra dista moi pouco do esixido para a certificación. “Abonamos con esterco, que repartimos por todas as leiras, e desde hai 3 anos non tiramos nin unha pinga de herbicida; non imos lograr 17.000 kg de materia seca por hectárea de forraxe pero imos ver se podemos ser competitivos así”, razoa.
Ás veces cando a palla sobe de prezo usamos area calcaria con superfosfato nas camas
As camas do gando son de palla e de compost, producido na propia granxa. “O que facemos é amontoar o esterco dos lotes de xovencas e vacas que temos en cama seca nunha pila ao aire libre e dámoslle voltas para ventilarlo. Por pasteurización natural chega a 70 graos, o que xera unha higienización”, explica. Planta móbil para tratamento de xurros A cooperativa Pirenaica impulsou tamén a adquisición dunha planta móbil de tratamento de xurros para facilitar o cumprimento das novas normativas en materia de xestión de estercos ás súas ganderías socias, volvendo situarse á vangarda de todo o Estado. Esta planta, a primeira destas características en España, está dotada dun grupo electróxeno propio, unha bomba, un separador sólido-líquido, unha planta de polielectrolitos e coagulantes e unha decantadora centrífuga.
A cooperativa Pirenaica dispón dunha planta móbil que se traslada ás explotacións e realiza a separación da fracción líquida e sólida do xurro
Grazas ao seu funcionamento autónomo, trasládase ás explotacións e realiza a separación mecánica e posterior tratamento do xurro cru procedente das fosas de almacenamento das granxas, logrando concentrar na fracción sólida o 45% do nitróxeno e o 70% do fósforo. A parte líquida queda dispoñible na explotación para fertirrigación nas leiras máis próximas e a parte sólida, cun alto contido en materia orgánica e nutrintes, pode ser almacenada e transportada para realizar o abonado nas parcelas máis afastadas. Sementeira directa “Sen o esterco das vacas o noso pobo non existiría”, asegura Joan. As características do terreo (“este é un terreo moi calcáreo onde hai moita pedra”, indica) obrígaos a usar técnicas de mínima labra. “Traballamos sempre con sementeira directa. O de arar non se toca, é sagrado. Porque se non son todo pedras. Empezamos hai xa 35 anos con sementeira directa”, conta.
Usamos ás vacas secas para facer limpeza nas leiras e poder resementar sen usar herbicidas
Para o control das malas herbas usan aos propios animais. “En épocas de seca facemos pastoreo intensivo nesas parcelas, sen cambiar ao gando cando queda pouco pasto, para obrigalo a comer esas malas herbas. Ás vacas secas que non están próximas ao parto forzámolas eses últimos tres días nesas leiras, cun bo peche para que non se escapen. Despois imos rápido detrás con sementeira directa, tras sacar ao gando, para non usar herbicidas. Non logras unha implantación do 100% pero si vas conseguindo mellorar a pradeira con aquelas especies que máis che interesan. No prado natural, por exemplo, facemos resembras de datilo, que é para min o que mellor vai, e ás veces poñemos tamén algo de festuca”, indica. Modernización do muxido En canto á man de obra, a SAT conta con 10 persoas empregadas, das cales entre 7 e 8, dependendo do momento, son contratadas e o resto socios traballadores. Para reducir as necesidades laborais da granxa, apostaron por investir en mellorar as instalacións de muxido. “Tivemos que modernizarnos 3 veces en 30 anos, primeiro con muxido directo, despois con sala e hoxe con rotativa”, explica Joan. Dispoñen na actualidade dunha sala rotativa de 40 puntos, que substituíu á sala de espiña de peixe 10x2 puntos, co obxectivo de facer un muxido máis rápido. “Non queremos crecer máis, senón que os traballadores teñan tempo para facer máis cousas. Se non dispós de instalacións adecuadas, os traballadores convértense en robots dentro dunha sala de muxido”, afirma.
Coa rotativa, en pouco máis de dúas horas muximos 420 vacas; na sala levábanos máis do dobre de tempo
Na sala rotativa muxen preto de 200 vacas á hora. Os horarios do muxido son ás 6 da mañá e ás 5 da tarde. “As vacas que temos en pastoreo, que son as de final de lactación, son as últimas que muximos pola mañá e as primeiras pola tarde; así gañamos media hora e ás 7 da tarde os traballadores xa se poden ir para a casa”, indica. Os beneficios de muxir 4 veces ao día ao lote de postparto Granja Castellar realizou un estudo entre outubro de 2003 e maio de 2007 realizando catro muxidos no canto de dous no lote de vacas postparto, no que tanto as primíparas como as multíparas permanecían durante 3 semanas. “Naquel momento estabamos a muxir 230 vacas nunha sala de 20 puntos. Levábanos 3 horas pola mañá e 3 pola tarde facer o muxido. O que faciamos era meter primeiro ao lote de postparto e despois ao resto de animais en produción e ao final de todo volviamos meter á sala ao lote de postparto”, explica Joan. Esa estratexia de catro muxidos acadou resultados positivos tanto en relación á mellora da produción como en saúde e redución de problemas nas vacas postparto. “Hai claras evidencias da mellora da saúde da ubre, sobre todo na diminución de edemas postparto e na incidencia de mamitis. Constátase unha máis rápida involución uterina, en consonancia coa maior frecuencia de liberación de oxitocina, e unha mellora do comportamento das primíparas, en particular unha diminución nas dificultades da subida do leite e retención na ubre”, conclúe o estudo.
O muxido 4 veces ao día durante os primeiros 21 días é suficiente para aumentar a produción de leite durante toda a lactación
A mellora lograda na produción era de case 9 litros nas primeiras 3 semanas (de 33,5 kg a dous muxidos a 42,3 kg a catro muxidos), pero o incremento produtivo mantíñase posteriormente ata o final da lactación, con case 3 litros máis por vaca e día (34,8 kg nas vacas a dous muxidos fronte ao 37,4 kg de media nas vacas que comezaran a lactación a 4 muxidos). En total, a diferenza equivale a unha produción de 550 litros máis por vaca en toda a lactación. “Hai un mellor arranque das lactacións, comparado co sistema tradicional, o que se atribúe ao estrito control diario das vacas postparto, o que permite detectar moi pronto calquera anomalía e realizar o tratamento correspondente”, argumenta o estudo Placas solares e acumulación da enerxía en forma de xeo Ademais de na modernización do sistema de muxido, esta SAT catalá investiu nos últimos anos en enerxías renovables para reducir a factura eléctrica da granxa, mediante a instalación de placas solares e dun sistema de refrixeración do leite por medio de bancos de xeo. "Hai un ano e medio que o temos funcionando e permítenos no verán lograr que o 75% da enerxía que consumimos sexa autoconsumo, No inverno baixamos ao 40% de media, pero é un investimento fácil e rendible”, asegura Joan.
No verán o 75% da enerxía que consome a granxa é autoconsumo e no inverno o 40%
“En lugar de ter baterías, a enerxía que producen as placas fotovoltaicas almacénase en xeo e no momento de muxir ponse en marcha unha bomba de auga xeada. Desta forma lógrase unha optimización do consumo de enerxía, porque logras baixar os mínimos. Nós temos un termo de potencia en hora punta, que é cando estás a muxir, de 30 Kw; se non fose por este sistema necesitariamos 50”, compara. Outra das decisións que tomaron foi a de non orientar todas as placas solares, que suman 120 Kw instalados, á mesma posición. “Desta forma as placas non traballan todas á vez pero gañamos horas de luz, porque unha parte témolas orientadas á saída do sol e á posta, non todas ao mediodía”, explica.

“Na Administración todos mandan e opinan desde a capital”

Joan Guitart é na actualidade coordinador territorial da organización sindical agraria Unió de Pagesos no Alt Pirineu e móstrase “moi crítico e cabreado" coa Administración. “Todos mandan e opinan desde a capital”, quéixase. Iso, di, leva consigo a aprobación de normativas afastadas da realidade e prexudiciais para o sector que provocan abandono e unha crecente desconexión da poboación cos problemas dos produtores. “Hai que facer moita pedagoxía e moitas xornadas de portas abertas para que os consumidores vexan como facemos e por que”, defende. “Nós fixemos recuperación de terreos perdidos, sacando piñeiros, rozando e recuperando pasteiros. Teño tenreiras en pastoreo a 1.600 metros de altura, evitando que haxa incendios. Pero na sociedade iso ninguén o valora”, quéixase. Fauna salvaxe Como en Galicia, no Pirineo o avance da fauna salvaxe está a poñer tamén contra as cordas ás explotacións gandeiras. “De momento a nós o lobo non nos afecta moito, estamos na zona máis baixa e chega a contagotas, pero o oso si. Está aquí asentado e provoca desbandadas de animais. Ás veces atopas o tenreiro a 2 horas da vaca ou vacas que se van onde hai neve, porque se sinten máis seguras. O oso prodúcelles pánico”, asegura.
Coa Lei de Benestar Animal aos gandeiros trátannos de terroristas
“Pero a sociedade non é consciente do problema. Aquí hai unha distancia demasiado grande para que o público urbano entenda o que pasa e coa Lei de Benestar Animal trátannos de terroristas”, denuncia. Relevo xeracional no sector Joan ten na actualidade 58 anos, e a súa filla, que é enxeñeira agrónoma, incorporouse á granxa. Pero aínda así, teme polo relevo xeracional, tanto na súa explotación como na maioría das ganderías lácteas catalás. “Os mozos non van aguantar o que aguantamos nós. Hai unha presión enorme pola falta de man de obra e aínda que teñas traballadores tes que estar con eles. Iso converte a nosa profesión nun traballo moi suxeito”, razoa. “Descentralizamos as grandes cidades” Joan deixou de ser funcionario na Generalitat hai 40 anos para traballar na granxa. “Non me gustaba Barcelona”, admite. Pero hoxe, di, “se non me caducase a excedencia, volvería”, asegura, medio de broma, medio en serio. Castellar de Tost, no municipio de Ribeira d’Urgellet, é un pobo “de só 20 habitantes contando aos traballadores da granxa”. “Descentralizamos as grandes cidades. Cada 10 vacas en muxido é un posto de traballo, porque cada 10 vacas en muxido xeran entre 30 e 40.000 euros ao ano de actividade económica, non só polo leite e os tenreiros que dan, senón porque damos vida a veterinarios, cooperativas, talleres, etc. Son números moi importantes”, reflexiona. “As granxas pequenas son as que manteñen a paisaxe nas zonas de montaña, pero á parte de manter o territorio, estamos a manter a poboación, senón estariamos todos hacinados nas cidades”, conclúe.

Listaxe das 12.152 gandarías galegas que recibirán este mes axudas extraordinarias pola seca

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou a listaxe definitiva dos 70.267 titulares de explotacións gandeiras -12.152 delas en Galicia- que van recibir a axuda extraordinaria para compensar a situación debida á seca e ás condicións derivadas do conflito bélico en Ucraína, por un importe de 332,3 millóns de euros. O Goberno asegura que as axudas serán ingresadas nas contas bancarias dos gandeiros no mes de outubro. Esta cifra representa o 94 % do orzamento total asignado a esta liña de apoio, 355 millóns de euros. Esta axuda foi aprobada polo Goberno mediante o Real Decreto-lei 4/2023, de 11 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes en materia agraria e de augas en resposta á seca e ao agravamento das condicións do sector primario derivado do conflito bélico en Ucraína e das condicións climatolóxicas, Esta axuda extraordinaria concédese de oficio aos seus beneficiarios, produtores de carne de vacún (vacas nutrices), de ovino e de caprino, así como de leite de vaca, ovella e cabra, que fosen beneficiarios de axudas asociadas á gandaría con base a solicitude única das axudas da Política Agrícola Común (PAC) da campaña 2022; e que fosen titulares de explotacións dadas de alta a 30 de abril de 2023. A axuda concédese cando o importe a percibir resulte igual ou superior aos 200 euros.

Canto recibirán de axudas as gandarías en cada comunidade autónoma?

A) Comunidades con alta afectación da seca: Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección alta (Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Rexión de Murcia e Comunitat Valenciana), os importes das axudas serán os seguintes: Vaca de carne : 143,48 euros Ovella e cabra de carne: 15,89 euros Vaca de leite: 52,12 euros Ovella e cabra de leite: 8,66 euros b)Comunidades con afectación media da seca: Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección media ( Castela e León. Comunidade de Madrid. A Rioxa. Comunidade Foral de Navarra), recibirán como máximo unha axuda de até o 50% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva no apartado a): 71,74 euros por vaca de carne  7,94 euros por ovella e cabra de carne. 26,06 euros por vaca de leite. 4,33 euros por ovella e cabra de leite. c)Comunidades con afectación baixa da seca: Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección moderada (Galicia, Principado de Asturias, Illes Balears, Cantabria, Euskadi e Canarias) até o 25 % dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva no apartado a): 35,87 euros por vaca de carne  4 euros por ovella e cabra de carne. 13,03 euros por vaca de leite. 2,17 euros por ovella e cabra de leite.

Máximo de axudas por produtor:

Para os produtores de leite de vaca establécese un máximo de 725 animais subvencionables por beneficiario. Os produtores de vacas (gandarías de carne) percibirán o 100% dos importes mencionados nos parágrafos anteriores para as 250 primeiras vacas, e un 50% dos mesmos desde a 251 até a totalidade do seu censo. Os produtores de ovellas e cabras percibirán o 100% dos importes respectivos para os primeiros 2.000 animais, e o 50% dos mesmos para o resto dos seus animais elegibles. No caso de que cos importes unitarios establecidos superásese o importe estimado para cada grupo de produtores, poderanse alterar devanditos importes por grupo sempre que dita alteración non implique a superación da contía total máxima da axuda. No caso de que non resultase posible a alteración mencionada, realizarase un axuste lineal dos importes unitarios. No taboleiro de anuncios da sede electrónica do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), pódese consultar a relación dos titulares de explotacións gandeiras, o número de cabezas de gando computadas e o importe da axuda a percibir. O número de titulares de explotacións gandeiras e os importes totais por comunidades autónomas que se conceden mediante esta resolución son os seguintes: A resolución, publicada no día de onte, 2 de outubro, recolle igualmente aqueles titulares aos que non se lles realizou o pago por detectarse que non están ao corrente das súas obrigacións tributarias ou coa Seguridade Social. No prazo máximo dun mes desde a publicación da resolución, realizarase unha segunda comprobación para verificar se emendaron este aspecto, e aqueles que o fixeron poderán recibir a axuda. No caso de titulares que presentasen alegacións sobre aspectos relacionados coa zona de afección, titulares da explotación ou número de animais, estas serán remitidas ás comunidades autónomas para as súas análises. Posteriormente procederase á resolución das mesmas e, se procede, ao pago da axuda correspondente.  

Boa produción de millo nesta campaña en Galicia, agás na Mariña

Traballos de ensilado de millo nunha explotación leiteira da comarca de Lugo A campaña de ensilado do millo avanza en Galicia con boas producións e calidades, agás por ataques puntuais de verme nalgunhas fincas da Costa da Morte ou polos efectos das primeiras xeadas desta pasada fin de semana en zonas do interior de Lugo.  A colleita será frouxa na comarca da Mariña, onde a seca durante o verán fixo estragos nas fincas. As máis prexudicadas foron as parcelas labradas a mediados de abril, xa que as chuvias de finais de agosto e principios de setembro salvaron o cultivo que estaba máis atrasado e retrasaron a maduración do que estaba máis adiantado, pero non serviron para mellorar a situación das prantas que non se puideron desenvolver pola falta de auga en xullo e na primeira metade de agosto. A situación de mingua na produción repítese tamén no occidente asturiano e a necesidade de comprar millo para cubrir as necesidades das granxas e dos centros de alimentación que operan na zona (o de Agropres e o CAVI de Irmandiños) elevou os prezos e obrigou, pola escaseza na Mariña, a mercar forraxe noutras comarcas.
A competencia entre Agropres e Irmandiños por comprar millo elevou os prezos na Mariña. No resto de Galicia hai ganderías ás que lles sobra forraxe e están a vender os excedentes
O mercado de compra-venda de forraxe sufriu este ano un pico especulativo inicial que elevou os prezos até os 80€ a tonelada de millo picado na finca, aínda que xa se foron moderando. Comarcas próximas, como a de Meira, onde nesta campaña vai haber unha boa colleita, están a compensar a falta de produción na Mariña e o occidente asturiano, facendo baixar de novo os prezos aos niveis habituais, no entorno dos 60€ a tonelada. 
As chuvias de finais de agosto e principios de setembro salvaron as sementeiras tardías e retrasaron a maduración no millo que comezaba a secar
As pragas, rosquilla despois da sementeira e verme defoliador nas últimas semanas de maduración, afectaron este ano a parcelas puntuais por toda Galicia, con máis incidencia en comarcas como a Costa da Morte ou a Terra Chá, e as xeadas dos últimos días queimaron fincas en zonas do interior de Galicia. Agás por estas circunstancias, a calidade do ensilado vai ser boa, cun bo desenvolvemento da espiga e boa dixestibilidade no tallo, que se mantivo verde grazas ás chuvias da última semana de agosto, retrasando unha campaña de ensilado que se prevía máis adiantada nun primeiro momento. Coñecemos a situación nas distintas zonas produtoras de Galicia:

O Xallas: “As fincas este ano están rendindo máis do habitual”

Na provincia da Coruña a colleita de millo vai ser boa este ano. “As fincas están rendindo máis do normal nesta campaña. Este ano imos chegar a unhas 35.000 toneladas de silo”, explica Jesús Otero, de Ganxabar. O centro de alimentación ubicado na parroquia de San Cosme, no concello coruñés de Mazaricos, é a terceira maior instalación de ensilado de Galicia, despois do CAVI da cooperativa CLUN e da planta de mestura húmida de Aira en Sarria. “Agora mesmo superamos as 60 toneladas por hectárea de media, pero están entrando as parcelas que se sementaron antes, polo que a media ao final vai ser menor, andará nuns 55.000 quilos de media, que está por enriba do habitual nesta zona”, explica Jesús. Grao húmido Ganxabar, que integran oito gandarías de Xallas e A Barcala que comparten recría e xestión de forraxes a través de Forxabar, leva ensilado neste momento un terzo da superficie. Labraron en total 850 hectáreas de millo, das que 150 son para gran húmido e o resto para silo. “Primeiro metemos o silo e despois facemos o gran húmido, pero este ano vai vir bastante antes; eu calculo que a finais de outubro estará xa recollido”, indica.   As parcelas para gran húmido xa se planifican na sementeira. “Escóllese unha variedade máis orientada a gran e bótase nas fincas máis secas”, explica. Introducido na ración, o gran húmido permite un aforro en concentrado.
  

Láncara: “Estase a retrasar a maduración; a calidade vai ser boa”

SAT O Palomar, unha gandería familiar ubicada no concello lugués de Láncara, labrou este ano 78 hectáreas de millo, das que polo de agora só recolleron 9. “Eran fincas labradas con ciclos curtos que se estaban secando. Apañámolas xa o 2 de setembro e sacamos máis produción delas que o ano pasado”, explica Odón Castro. “Sorprendeunos, porque nesta zona houbo un verán crítico en canto a precipitacións, pero aínda así a produción foi mellor da esperada”, di. As chuvias das últimas semanas serviron para retrasar a maduración da espiga e manter o verdor no talo. “Imos ter mellor millo este ano en calidade e cantidade que o ano pasado”, asegura.
O ano pasado sacamos de media 68.000 quilos de millo ensilado por hectárea, descontando xa as mermas, que poden estar entre o 8 e o 10%
Pero a situación non é uniforme en toda a comarca. No veciño municipio de Sarria hay gandeiros que van acusar máis a seca de comezos do verán. Para non estar a expensas do tempo, nos últimos anos SAT O Palomar fixo unha aposta polo regadío, con investimentos en sistemas de rego mediante aspersores. “Temos 30 hectáreas labradas na primeira semana de maio cun ciclo 600, todas de regadío. Aí a produción vai ser espectacular este ano porque normalmente aféctanos moito á nascencia se hai humidade, pero este ano foi moi boa e os herbicidas que empregamos, todos de preemerxencia, funcionaron tamén moi ben”, conta.

Chantada: “A colleita está entre un 15 e un 20% por enriba da do ano pasado”

Efectos das xeadas do venres no millo A cooperativa Aira conta cun dos parques de maquinaria máis grandes de Galicia e estes días está a funcionar a pleno rendemento. Só na comarca de Chantada labraron arredor de 2.700 hectáreas de millo, algo máis que o ano pasado, e xa levan ensilado máis da metade. “Con respecto ao ano pasado a colleita é bastante mellor. A produción está entre un 15 e un 20% por enrriba”, calcula Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na comarca de Chantada. “As sementeiras que se fixeron a finais de abril e as máis tardías, feitas en maio, aguantaron ben porque a auga que caeu a finais de agosto e principios de setembro salvounas in extremis. As que máis sufriron foron as sementeiras de mediados de abril”, explica.  
As sementeiras tardías salvounas a auga de finais de agosto pero as xeadas do venres pasado fixeron estragos no cultivo
Aínda que existe unha variación grande entre parcelas, algo frecuente nesta zona, a media resultante este ano supera as 40 toneladas. “A produción media este ano está entre 40 e 42 toneladas por hectárea”, calcula Jorge. En canto ao estado sanitario do cultivo, o sur de Lugo salvouse dos ataques de verme que se deron noutras comarcas de Galicia, pero a chegada das primeiras xeadas, o venres e sábado pasado, fixeron estragos no cultivo, queimando por completo as follas nalgunhas fincas. “Hai tamén en algunhas parcelas hay algo de millo tirado por ataque tardío de rosquilla”, explica o técnico de Aira.
Maquinaria da cooperativa Cobideza traballando este luns na comarca pontevedresa do Deza

O Deza: "A media anda nos 50.000 kg, pero hai fincas de 60.000 e 70.000"

A campaña de ensilado avanza tamén a bo ritmo na comarca pontevedresa do Deza, onde a cooperativa Cobideza ten previsto rematar de ensilar a mediados de outubro. "Quedaranos para dúas semanas aproximadamente ou algo máis seguramente", conta Kiko Mosquera, o responsable de maquinaria.  A cooperativa recollerá co seu parque de maquinaria unhas 500 hectáreas este ano nunha campaña que comezou cedo e se alongará finalmente algo máis do previsto inicialmente debido á importante produción e ao bo estado do cultivo. 
Esta é unha das mellores colleitas dos últimos anos
"Está habendo boa colleita, ou moi boa. A media de produción pode andar en 50.000 kg por hectárea, pero hi fincas de 60.000 e de 70.000 kg. Quizais sexa unha das mellores colleitas dos últimos anos", asegura Kiko.  En canto á calidade, tamén é excelente, xa que "o millo non está seco nin con ataques de verme". "O único que hai, coma sempre, é algo de xabarín", lamenta. 

A Mariña: “Queremos sacar un corte de raigrás no outono para compensar a escasa colleita de millo”

A comarca da Mariña vai ter este ano unha colleita escasa. A seca do mes de xullo e a primeira quincena de agosto deixouse notar no millo pero as chuvias posteriores están a axudar a minimizar as mermas. “Nas últimas sementeiras, as últimas augas de agosto colleu as plantas pequenas e van ben, e ao resto estalles retrasando a maduración”, explica Juanjo Fraga, da Gandería Casa Barbeiro, con granxas en Alfoz e Ribadeo. De momento ensilaron só 30 hectáreas, as primeiras que sementaron en abril, e o rendemento foi menor que o ano pasado. “Era un ciclo 700 e collimos 50.000 quilos por hectárea”, conta. Pero no resto das parcelas nótase a falta de auga en momentos críticos para o desenvolvemento da planta, así que no total da campaña Juanjo non agarda pasar dos 30.000 quilos de media. A larva defoliadora tamén atacou, minguando á metade a produción nalgunhas fincas. “Temos máis de 10 hectáreas afectadas en varias parcelas distintas. En canto detectamos a praga tratamos, pero non a demos freado. Foi moi rápido o avance, en dúas noites acabou con todo”, recoñece.
A escaseza de forraxe disparou os prezos nun primeiro momento, chegándose a pagar a máis de 80€ a tonelada
A escaseza de forraxe disparou os prezos nun primeiro momento, chegándose a pagar máis de 80€ pola tonelada de millo picado na finca, pero pasado ese boom inicial a oferta doutras zonas moderou os prezos. “Aquí non hai oferta para comprar, pero na Terra Chá si. Alí hai ganderías ás que lles sobra, así que unha zona vai compensar coa outra”, di. Os prezos xa están en valores habituais, arredor dos 60€, que Juanjo considera que é o nivel a partir do cal xa non sería rendible comprar millo para ensilar. “Hai que ter en conta que logo hai que transportar, ensilar, tapar e tes que contar coas mermas, que poden ser de entre un 5 e un 10%, cando tes millo para moer posto na explotación a entre 200 e 220€”, compara. Sementeiras temperás para ensilar en novembro Para compensar a mingua na colleita de millo, Gandería Barbeiro está a facer sementeiras temperás de pradería con mínimo laboreo (enterrando o purín con strep-till e atrás con grada rotativa) nas que agarda coller xa un primeiro corte no mes de novembro. “Temos 20 hectáreas labradas nas que xa está nacendo o raigrás. É unha mestura de raigrás híbrido con wester. De momento vai calor e eu calcúlolle que en 7 ou 8 semanas, dependendo de como veña o frío, teremos herba para segar. Iso vainos dar un extra de forraxe para aliviar o consumo de millo e de herba de calidade de primavera na ración. Hai que buscar alternativas e antigamente xa se facía unha corta de outono na herba”, lembra.

“Na Mariña a colleita de millo vai ser un desastre, non se recorda un ano tan malo coma este”

Parcela de millo en Barreiros, na comarca da Mariña, afectada pola seca O cultivo de millo vén adiantado este ano na maior parte de Galicia e con resultados desiguais en canto a crecemento e produción esperada nas distintas zonas. A máis castigada está a ser a comarca da Mariña, onde a seca extrema fixo estragos este verán. No resto da comunidade, onde o millo tivera problemas de falta de auga o ano pasado, este ano as perspectivas non son malas. As néboas e o barruzo desta fin de semana van axudar a aguantar verde o talo e completar a formación da espiga, mais non servirán xa para recuperar aquelas plantas que non medraron nin se desenvolveron por mor do estrés hídrico sufrido. O descenso de precipitacións é unha tendencia que se aprecia nos últimos anos na zona. Os datos de marzo a agosto indican claramente que se está producindo unha caída significativa nas precipitacións acumuladas no período que coincide co cultivo de millo: 360 l/m2 no 2020, 332 l/m2 no 2021, 298 l/m2 no 2022 e 224 l/m2 en 2023 (datos de Ribadeo). 
Os resultados varían en función da data de sementeira e do tipo de terreo, con mellores perspectivas nas sementeiras temperás de finais de abrir e comezos de maio
A falta de chuvias trala sementeira tamén multiplicou os problemas de pragas, sobre todo os ataques de rosquilla, e dificultou o seu tratamento e control, un problema que se deu por toda Galicia, pero con maior intensidade na provincia da Coruña. En zonas como Muxía, Santa Comba ou Mazaricos ao ataque da rosquilla nos estadíos iniciais do cultivo estase engadindo agora o do verme, que está a saltar das pradeiras para as fincas do millo e a provocar unha defoliación importante nas plantas. Analizamos polo miúdo como está a situación nas distintas comarcas:

“Este é un ano difícil, de 195 hectáreas que labramos só hai 30 que se salvan”

Juanjo Fraga xestiona na Mariña dúas explotacións leiteiras que suman máis de 1.000 cabezas. Para alimentalas sementaron este ano unhas 195 hectáreas de millo na zona de Ribadeo e Alfoz pero a colleita vai ser moi inferior á habitual na zona. “Este é un ano difícil, eu non recordo na Mariña ningún ano tan malo coma este. Nós teremos unhas 30 hectáreas boas que se salvan e moitas fincas nas que haberá que valorar se se recolle ou non”, indica.   Juanjo é enxeñeiro agrónomo de formación e, ademais da menor cantidade de colleita, alerta das consecuencias en canto á perda de calidade do silo. “Con pouca produción, cando a espiga non se dá formado, a dixestibilidade pérdese e o silo non aporta amidón e enerxía”, explica.
Con pouca produción, cando a espiga non se dá formado, a dixestibilidade pérdese
Casa Barbeiro fixo nunha parte das fincas sementeira directa e nelas o resultado é semellante ao que se dá nas parcelas labradas ao xeito tradicional. “Temos parcelas sementadas coa máquina nova que teñen bo millo pero hai moitas outras nas que a planta ten un metro de altura e vai intentar facer espiga pero non vai chegar a ter grao”, asegura. O culpable desta situación desastrosa foi o tempo. De xuño a mediados de agosto practicamente non choveu nada e non houbo tampouco na zona as néboas habituais, que aportan humidade. “Nas fincas botadas cedo a planta está alta e ten bo porte, pero está medio seca e non é capaz de espigar. Ao chover estes días polo menos a planta vai verde para o silo e con dixestibilidade, pero en xeral imos ter pouca produción, moitas plantas sen espiga e pouca dixestibilidade”, resume. Un consello habitual para evitar levar o talo seco é cortar máis alto, aínda que nun ano coma este de pouca produción iso reduciría aínda máis a cantidade de silo.  Roturar parcelas moi húmidas de cara ao ano que vén Diante da situación vivida este ano e co temor de que o cambio climático acentúe estas anomalías, Juanjo tomou a decisión de preparar parcelas que eran moi húmidas e non se podían traballar porque era moi difícil entrar nelas para adicalas a cultivo de millo en anos sucesivos. “Para a produción de millo dependemos da auga porque en fincas coa capa freática baixa estamos a expensas do que chova no verán. Normalmente sementamos escalonado e este ano as que sementamos tarde non van ter nada, excepto nas fincas que son húmidas, e o primeiro que sementamos colleu altura pero agora está secando dereito sen acabar a espiga”, conta.
Unha finca de 15 hectáreas máis da metade coméunola o verme; o avance é moi rápido, en 2 ou 3 días acaba con todo
Á falta de auga engádese este ano os ataques da fauna salvaxe e as pragas. “Temos o xabaril nas fincas boas, a seca nas intermedias e o verne nas frouxas. Primeiro foi a rosquilla e agora o verme defoliador. As pradeiras permanentes ventilóunolas todas e o millo dunha finca de 15 hectáreas en Ribadeo máis da metade coméunola. O avance é moi rápido, en 2-3 noites acaba con todo. O que fixemos para tratar de mitigalo un pouco foi aplicar tratamento metendo un tractor con roda estreita”, explica Juanjo.

“Nalgunha finca non merece a pena que entre a colleitadora”

Víctor Argul é técnico de Agropres, a empresa con sede en Barres que traballa fincas tanto no occidente de Asturias e os concellos da zona oriental da Mariña. A súa planta de mestura húmida traballa co silo de millo como materia prima principal e sementan 1.000 hectáreas para subministrala máis entre 700 e 800 hectáreas a maiores para ganderías da zona. “Este ano o rendemento vai ser baixo nun terzo das parcelas”, calcula Víctor. “As sementeiras temperás, feitas na segunda quincena de abril, foron as que mellor aguantaron. Esas parcelas, se non tiveron cultivo antes, terán rendementos normais, pero as fincas que se sementaron despois notaron o déficit hídrico porque viñamos xa dunha primavera con pouca precipitación e arrastrouse esa falta de auga”, di.
Viñamos xa dunha primavera con pouca precipitación e arrástrase esa falta de auga
“Nas parcelas nas que houbo raigrás antes o resultado é nefasto por déficit de auga e abonado, porque agardouse por un corte máis de raigrás postergando a sementeira do millo e despois xa non choveu nada. Nalgunha finca non merecerá a pena que entre a colleitadora”, recoñece. Colleita adiantada Agropres colleitou xa algunha parcela de millo hai dúas semanas. “Eran fincas nas que o millo se estaba secando todo, pero no resto empezaremos tamén en breve, eu calculo que nunha semana ou 10 días nas parcelas que van máis adiantadas e despois a intención xa é non parar, ir de seguido”, avanza Víctor.
Tivemos que picar xa algunha parcela que se estaba secando toda
Tanto na Mariña como no occidente de Asturias houbo tamén bastantes ataques de rosquilla, aínda que ás fincas labradas por Agropres non lle afectaron moito. “Nós como aplicamos insecticida na liña de sementeira tivemos casos moi pequenos pero pola zona si que houbo bastante, e cara a Barreiros está habendo agora problemas coa oruga militar ou verme cogollero (Spodóptera frugiperda), que come as follas do millo”, describe.   É unha praga contra a que pouco se pode facer, “unicamente tratar algo perimetralmente se a afección non é moi grave para tratar de frear ou ralentizar o seu avance”, di.

“Prevese unha suba no prezo de compra”

Coma Agropres, o Centro de Alimentación de Vacún (CAVI) da cooperativa Os Irmandiños, agora integrada en CLUN, tamén emprega silo de millo na súa ración húmida, aínda que neste caso engadindo tamén silo de herba. José Ramón Loza é o responsable de cultivos na zona e prevé que este ano haxa unha produción cando menos un 20% inferior. “A produción media por hectárea estará por baixo das 35 toneladas, cando o ano pasado pasamos das 42.000”, compara. A planta que o CAVI ten en Vilamartín ensila unhas 700 ha de millo, 400 de xestión propia directa e o resto aportadas polos socios. Para encher os silos este ano haberá que recurrir á compra externa e José Ramón prevé que haxa unha suba no prezo, que o ano pasado situouse de media nos 58€/tonelada. 
Nós somos transparentes, pagamos o millo que entra na planta en función da calidade que ten
“Nós pagamos por fórmula, facemos unha analítica e pagamos en función da calidade que ten, en base á porcentaxe de amidón e materia seca, somos transparentes nese sentido. Un millo aceptable debería ter un 33% de amidón e un 33% materia seca”, detalla. Unha porcentaxe, no caso do amidón, que non vai ser doada de acadar este ano en moitas parcelas da zona. “O que foi sementado en abril e principios de maior está relativamente ben pero as sementeiras de finais de maio e xuño sufriu moito a seca. Estes días choveu e reverdeceu un pouco pero o millo non vai medrar máis, pode servirlle para facer algo de espiga e retrasar algo a data de colleita; se non chovera teriamos que empezar xa case a apañar”, explica. SAT Casa Carballo, en Pol, terá este ano unha colleita histórica de millo

“Nós botámolo moi cedo e temos un millo moi bo, está moi alto, por enriba dos catro metros”

Na Mariña o ano pasado houbo boa produción mentres no resto de Galicia sufriron coa seca, e este ano foi ao revés. “Para nós é o mellor ano de todos de momento; a xente chámanos preguntando que variedade botamos”, conta Iago Villamide, da gandería SAT Casa Carballo, de Pol, máis cara ao interior de Lugo, entre a Terra Chá e Meira. “Sementamos moi cedo e ata agora está moi bo, esperemos que non veña un setembro moi seco e empece a apertalo. Está moi alto, por enriba dos 4 metros”, describe.
O millo cada vez hai que botalo antes, pero se queres sacar herba ás veces é complicado
Esta gandería con case 500 animais en produción labra 140 hectáreas de millo e as 20 últimas van un pouco máis pequenas. “Sempre deixamos para o final as fincas mellores, nas que facemos tres cortes de herba, pero estamos vendo que o millo cada vez hai que botalo antes. Agora no inverno xa non chove coma antes e podes entrar antes nas fincas. Nós dúas cortas de herba sacámolas sempre e este ano a primeira fixémola xa en febreiro. Iso permitiunos empezar a sementar o millo a finais de abril coa segunda corta xa feita”, explica. 
A planta está na floración e quédalle como moito un mes; se o tempo vén como ata agora chegaremos ás 55 toneladas por hectárea
Iago prevé sacar este ano entre 52 e 55 toneladas por hectárea, cando o ano pasado a media estivo entre as 43 e as 45. “O ano pasado foi un ano moi xusto pero este ano se seguira o tempo como ata agora a colleita sería moi boa. Aquí estivo chovendo seguido ata hai 3 semanas. O millo xa está na floración, quédalle como moito un mes”, calcula. Parque de maquinaria da cooperativa Aira recollendo fincas de millo a semana pasada en Taboada

“A campaña vén 15 días adiantada”

Máis ao sur de Lugo xa comezaron a colleitar. Estanse empezando a ensilar xa parcelas sementadas a finais de abril con ciclos curtos. Aínda que son fincas puntuais, Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na zona de Chantada e Taboada, asegura que “a colleita en xeral vai vir adiantada, incluso en parcelas que non sufran seca”. “Este ano adiántanse os ciclos. Contra o que se podía pensar, o tempo estivo estable e non houbo estrés de temperatura. As fincas que se empezaron a ensilar a semana pasada son parcelas de mediados e finais de abril sementadas con ciclos curtos que están cumpridos e que se estaban empezando a secar, por iso se están segando”, explica.
Este ano púidose sementar un pouco antes e o tempo estivo bastante estable, sen altibaixos de temperatura
“Outros anos despois había un parón, pero este ano empezamos e xa non imos parar, segundo o que estivemos revisando. Temos xa unhas 150 hectáreas previstas para meter para esta semana de 4 ou 5 granxas. Iremos despacio pero non se vai parar e en torno ao 10 de setembro xa se vai estar traballando forte”, avanza Jorge.

“Temos previsto arrincar o 28 de agosto”

En Sarria a evolución do cultivo avanza tamén algo por diante do que é habitual na zona. “Nós temos previsto arrincar o 28 de agosto, empezaremos 4 ou 5 días para recoller o que secou, que é pouca cousa, e logo pararemos unha semana, porque o forte da campaña non comezará ata mediados do mes que vén, en torno ao 10-15 de setembro. O ano pasado xa viñera adiantado unha semana e este ano aínda máis, outros 8-10 días antes con respecto ao ano pasado, porque houbo moitas sementeiras temperás e o verán foi máis caloroso do habitual e pouco chuvioso”, explica José Manuel Lópea, responsable da planta de mestura húmida de Aira en Sarria.
Esperamos unha colleita un 10% inferior á do ano pasado
“A colleita o ano pasado fora boa, con cerca dos 40.000 quilos de media, pero con moita variabilidade das terras boas ás que non o son tanto, e este ano esperamos unha colleita algo inferior, arredor dun 10% menos. De Lugo para baixo nótase moito a escaseza de precipitacións”, afirma. A cooperativa Aira ensila cada ano na súa planta de mestura húmida de San Xulián da Veiga entre 15.000 e 16.000 toneladas de millo, procedentes dunhas 400 hectáreas. Delas, 300 hectáreas atópanse na zona de influencia da planta e mercan a maiores millo doutras zonas de Galicia para completar os silos, procedente de fincas na zona de Meira, Pol, Cospeito e Xinzo. Parcela de regadío no concello de Bóveda, no val de Lemos

“As sementeiras tardías xa non desarrollaron, esas quedaron polo camiño”

Ao sur de Sarria, xa no entorno de Monforte de Lemos, o millo atópase xa nunha zona límite. A viabilidade do cultivo está asegurada unicamente polo regadío do Val de Lemos, que leva décadas sen ser modernizado, mentres que son poucas as ganderías que se arriscan a botalo en parcelas de secaño. Pablo Rodríguez, da gandería Xuíz, de Bóveda, sementou este ano unhas 40 hectáreas. “Na nosa zona todo ía ben ata o mes de agosto, no que a calor esta apertando moito. Fixo aire e chegamos varios días a 37 e 38 grados e iso quéimao todo. Se segue a calor xa veremos se dá aguantado”, di.
De Bóveda para abaixo, cara a Monforte, en secaño xa non bota millo ninguén, o que o sementa faino en regadío
Na zona de regadío Pablo logra habitualmente colleitas de entre 45 e 50 toneladas por hectárea pero nas outras non pasa das 35 y este ano serán menos. “As sembras tardías xa non desarrollaron, esas quedaron xa polo camiño porque espiga non vai ter, e moitas veces non vale moito a pena colleitalas porque levas só o toco para o silo”, argumenta. Pablo e outras ganderías da zona están á espera de que a Xunta poña en marcha un polígono agroforestal anunciado para incrementar a súa base territorial. “Esta é unha zona boa para o millo e se modernizaran o regadío poderiamos obter boas producións. Agora regamos todo por manta; este ano non houbo restrición de auga pero é un sistema menos eficiente. Habería que decantarse polos aspersores ou polo rego por goteo”, defende. Gandería Xuíz ten previsto ensilar a principios de setembro o millo labrado o 15 de abril, un ciclo 600. “O resto, o que foi botado a finais de maio, que é un ciclo 400, virá cara o día 20 de setembro”, explica. Colleitadora da cooperativa Cobideza traballando este luns nalgunhas parcelas de ganderías da zona

“No Deza este ano as perspectivas son boas”

Ao igual que na comarca de Lemos, no Deza a colleita depende moito do ano. E na comarca pontevedresa este non se prevé malo. “Hai fincas que están moi boas, con boas perspectivas de colleita. A rosquilla e o taladro non atacaron moito e de momento non hai verme tampouco. Choveu esta fin de semana e de momento vai ben a cousa, pero aínda pode vir moita calor en setembro”, explica Kiko Mosquera, da cooperativa Cobideza, que labra unhas 400 hectáreas de millo para as ganderías socias.
Pode vir aínda moita calor en setembro, pero de momento vai ben
O xoves e venres da semana pasada o parque de maquinaria de Cobideza comezou xa a segar as primeiras parcelas. “O millo era da altura da colleitadora e ía en bo estado”, describe. “O ano pasado fora regular tirando a mal pero este ano de momento vai ben a cousa; palla polo menos vai haber”, asegura. O forte da campaña prevese desde mediados de setembro ata a primeira semana de outubro, “un pouco antes que o ano pasado porque se sementou tamén antes”, xustifica Kiko. “Ensilouse máis cedo a herba e botouse antes o millo, e despois choveu algo en maio e xuño, non pasou coma o ano pasado, que non caera nada”, lembra.

“O principal problema que está a haber na zona de Muxía, Santa Comba e Mazaricos é o verme”

Na zona do Xallas, outra das grandes áreas que acaparan o groso da produción de millo en Galicia, foi un verán no que non choveu moita cantidade, pero choveu bastantes veces, polo que a nivel climatolóxico non houbo demasiado problema. Sen embargo, está habendo contratempos en relación a determinadas pragas. A cooperativa Ganxabar, que xestiona a alimentación en conxunto para 8 granxas da zona, botou 850 hectáreas de xeito escalonado, por tramos, e o primeiro silo está previsto facelo na segunda semana de setembro. “De momento parece que o cultivo este ano vén algo adiantado, pero vai depender como veña o tempo de aquí en diante”, explican.
Vai un pouco máis adiantado, pero se chove nestas semanas iso sempre retrasa un pouco a recollida
En canto aos rendementos agardados, espéranse producións “correctas”, similares ao ano pasado, no entorno das 45 toneladas por hectárea de media. “Non foi un ano seco, medrou bastante rápido e de momento presenta moi ben. Está bastante adiantado pero se chove nestas semanas iso sempre retrasa un pouco a recollida”, indica Jesús Otero. “Nunca acordamos tanto ataque de rosquilla coma este ano” Na provincia da Coruña as pragas castigaron con forza este ano o cultivo de millo. “En xeral houbo moitísimo problema coa rosquilla, nunca acordamos tanto ataque, no momento inicial leváronse plantas por diante e houbo que resementar bastante. Na zona de Mazaricos houbo granxas que tiveron que volver labrar máis do 10% da superficie, aínda que non foi algo xeralizado nin afectou a todas as explotacións por igual. Esas fincas tratáronse con herbicidas e houbo que volver a labralas con ciclos máis curtos, polo tanto as producións neses casos van ser menores”, detalla Jesús.  
Agora non é recomendable entrar a tratar contra o verme porque destrozas o millo e con dron non está permitido, o único que se pode facer é tratar á man polo exterior
Superado ese problema inicial, “neste momento o principal problema é o verme”, di. “Se ten para escoller vai primeiro á pradeira pero cando acaban na pradeira saltan ao millo. Na zona de Muxía, Santa Comba e Mazaricos está habendo bastante ataque, e onde entra afecta de xeito moi importante á planta, porque come toda a folla e afecta tamén á mazorca”, explica.

Comeza o ensilado do millo en Galicia e en Asturias xa empezaron hai máis dunha semana

Esta pasada semana comezou a campaña do ensilado do millo en Galicia, en concreto en concellos do Sur da provincia de Lugo, nos que a calor e a seca obrigan normalmente a empezar antes estes traballos. En concreto, o equipo de maquinaria da cooperativa Aira estivo ensilando estes días en concellos como Taboada ou Chantada. Velaquí un vídeo do ensilado na Crear SC de Chantada e unha foto dunha das parcelas da gandería SAT Seixas:

En Asturias a forte seca fixo que se adiantara moito a campaña

Situación máis complicada estana a vivir os gandeiros de Asturias, onde a forte seca deste verán, con ausencia de ventos do nordés que aportasen humidade, como sole ser habitual nesta época, minguou notablemente a colleita. «En mayo vinieron veinte días de sol y nació muy mal, luego hubo plaga de rosquilla, que lo comió, y en junio llegó la seca», comenta ao xornal El Comercio Manuel Ángel Fernández, que sementou varias leiras de millo en Manzaneda (Gozón), e puntualiza que este ano «tenemos un 50% menos de lo que debería haber». Deste xeito, hai dúas semanas que nos concellos da comarca do Eo-Navia, limítrofe coa provincia de Lugo, xa comezaron a ensilar o millo debido á seca.

Impacto da seca nas ganderías: Unións insta á Xunta a actuar

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar sen demora para axudar a paliar a forte suba de custos de produción que a seca está a provocar nas explotacións agrogandeiras. A organización lamenta que a administración autonómica “deixe pasar o tempo sen activar unha soa das medidas abordadas na Mesa da Seca convocada hai xa dous meses”; e apela ao compromiso da Consellería co sector produtor para “dar un paso á fronte e dar luz verde ao anticipo da PAC e á liña de axudas directas solicitadas por Unións Agrarias na xuntanza de xuño”. Unións Agrarias lamenta que o encontro do grupo de traballo convocado pola Consellería do Medio Rural a finais de primavera “unicamente lle teña valido á administración autonómica para tirar a foto”. “Dous meses despois nin unha soa das medidas de apoio ao sector produtor que a organización agrogandeira puxo sobre a mesa nese encontro ten sido posta en marcha. Mentres, agricultores e gandeiros lidian coa difícil coxuntura provocada polo encarecemento dos insumos, o estancamento do mercado de carne e a rebaixa dos prezos do leite imposta polas industrias”, advirten. A falla de precipitacións dos últimos meses ten feito que insumos básicos escaseen e disparen o seu prezo, especialmente a palla e o resto de forraxes. Un encarecemento adicional que se suma ao que o sector xa viña padecendo a raíz da invasión de Ucraína e que ten dado lugar a un escenario cada vez máis complicado para a rendabilidade do sector produtor. Así, se uns meses atrás adquirir un camión de palla custaba no entorno dos 1.200 euros, a escaseza provocada pola seca ten elevado o prezo ata os 2.600 euros. Unha contía que coa suma dos portes pode chegar a supoñer un desembolso de ata 4.000 euros para boa parte das explotacións galegas. Unións Agrarias entende que “negarlle a Galicia as axudas que si están a recibir outras Comunidades Autónomas para facer fronte a este escenario resulta totalmente discriminatorio; xa que o encarecemento de insumos como a palla é idéntico para todas as explotacións, sitúense onde se sitúen”. Por iso insta á Xunta a “actuar con medios propios e a impulsar o apoio decidido que o sector precisa”.

Medidas

A organización insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia habilite circulante a coste 0 e posibilite o anticipo das axudas da PAC para agricultores e gandeiros. “Unha medida que suporía un importante balón de osíxeno nun verán especialmente complicado para as explotacións galegas, que non poden seguir agardando”, defende. Unións Agrarias lamenta que “nin o anticipio da PAC nin tampouco as axudas directas para sectores en crise como a gandería de vacún de carne e a apicultura teñan sido atendidas aínda pola Xunta”. Ao igual que as outras medidas solicitadas pola organización agrogandeira, como o aumento do tope de apoio aos seguros agrarios ata o máximo permitido. “Neste momento a administración autonómica financia apenas o 14% dunhas pólizas ás que o goberno central aporta un 36%; un 50% en total, cando a normativa en vigor fixa o tope máximo desa achega no 70%”, advirten. Unións Agrarias lembra a necesidade de impulsar a extensión dos seguros agrarios. “Unha ferramenta -destacan- moi importante á hora de facer fronte a eventualidades climáticas como as que se teñen dado na zona do Ribeiro e na Ribeira Sacra a consecuencia do pedrazo e as treboadas, e coa que a día de hoxe seguen sen contar un bo número de profesionais do campo”. Nese senso, a organización avoga tamén polo apoio autonómico a pólizas colectivas para OPAs e organizacións de produtores. A organización agrogandeira insiste ademais na necesidade de que a Xunta de Galicia incorpore veterinarios suficientes para impulsar a campaña de vacinación da lingua azul. “A paralización da mesma ten provocado unha situación de bloqueo nas explotacións, que non poden sacar ao mercado animais que xa están en idade de abandonar as granxas por carecer da pertinente vacina, unha situación que atenta contra a rendabilidade das explotacións e que está a supor un encarecemento dos seus custos”, advirten.

Créase un grupo de traballo para avaliar os efectos da seca nos custos de produción

Tal e como pactara a Consellería do Medio Rural co sector, esta mañá constituíuse en Santiago un grupo de traballo para facer seguemento dos efectos que está causando a seca nos custos de produción do agro en Galicia. O impacto déixase notar en cuestións como o prezo das forraxes, pois un camión de palla está a día de hoxe a 2.600 euros, cando hai uns meses rondaba os 1.200 euros, compara Unións Agrarias. “Con portes, pódese chegar ós 4.000 euros nunha granxa galega”, advirte Unións. O novo grupo de traballo está integrado pola propia Xunta, polas organizacións agrarias clásicas (Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga Galicia), pola Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e polo Consello das IXPs de Vacún de Galicia. Trala reunión, a Xunta emitiu un comunicado sinalando que houbo consenso en emprazar de novo ó Ministerio de Agricultura a aumentar as axudas pola seca para Galicia. Desde Unións Agrarias, pola súa banda, emitiron outro comunicado no que sinalan que lle demandaron á Xunta a convocatoria de axudas complementarias ás do Ministerio. Esta organización agraria pediu tamén un maior apoio ós seguros agrarios, que gañan importancia para cubrir as perdas das explotacións ante fenómenos meteorolóxicos extremos. Unións propón que a Xunta eleve o apoio á contratación de seguros, pois na actualidade os contratantes dun seguro agrario teñen un apoio do 50% do custo (36% a cargo do Ministerio e 14% a cargo da Xunta). A organización agraria lembra que a normativa europea permite apoios de ata o 70%. Entre os sectores para os que se considera de especial interese a contratación de seguros, Unións subliña o vitivinícola, pois de novo este ano houbo xa episodios de pedrazo nalgunhas denominacións de orixe, como o Ribeiro ou a Ribeira Sacra. A organización agraria é tamén partidaria de que se habilite unha fórmula para posibilitar a contratación colectiva de seguros a través de organizacións de produtores ou de organizacións agrarias.

“É un erro acumular palla por medo a que siga subindo, a que hai agora é vella e de peor calidade”

Almacén de palla nunha explotación de leite da provincia de Lugo Os custos de alimentación das granxas de vacún de leite e de carne seguen a incrementarse. Esta semana producíronse subas considerables da palla e a alfalfa na Lonxa de León, unha das de referencia xunto coa de Salamanca e Binéfar. A revalorización foi de 30€ en tonelada na palla e 20 na alfalfa. A seca que viven amplas zonas produtoras de cereal en España fai prever unha menor colleita este ano na campaña que comeza dentro dun mes e está a disparar os prezos da palla que hai almacenada do ano pasado. Coa suba producida na sesión deste mércores, a paca grande de palla enteira de cebada de categoría 1ª pasou de valer 90€ a 120. A ese custo habería que engadir entre 30 e 35€ do proceso de picado e outros 25€ máis de portes, polo que a tonelada de palla posta nunha explotación galega sitúase agora mesmo nos 175-180€.
O prezo da palla triplicouse no último ano
Con eses prezos, traer un camión de palla, que en setembro roldaba os 2.500€, pasa agora dos 4.000. A escalada de prezos, que se viña producindo nos últimos meses (desde hai un ano o prezo da palla multiplicouse por tres, pasando dos 40€ en maio de 2022 a 120 na actualidade), fíxose máis evidente nas últimas sesións (a palla de cebada de 1ª calidade duplicou o seu prezo no último mes, pasando de 60 euros en León na sesión celebrada o pasado 5 de abril aos 120€ co que pechou este mércores).
Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima
 “Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima”, xustifican os responsables da Lonxa de León. A seca, que está a reducir os pastos e a mermar as colleitas de forraxe, está a provocar unha maior demanda por parte das ganderías e tamén unhas malas previsións de colleita de cereal para a campaña que comeza a finais de xuño coa cebada e segue en xullo co trigo. Nerviosismo e especulación “Hai moito nerviosismo tanto por parte dos gandeiros que mercan como por parte dos agricultores que venden, o que está a provocar especulación no mercado”, asegura José Antonio González, nutrólogo de CLUN responsable da formulación da ración húmida que elabora o CAVI de Irmandiños. Na súa opinión, “o propio gandeiro é o que está xerando en boa medida a especulación e provocando a suba dos prezos ao acaparar o produto”. “Se nunha explotación se consumían ao ano 10 camións de palla e ata agora os ía mercando escalonadamente, a medida que lle ían facendo falta, pero agora de repente os quere mercar todos xuntos e almacenalos, por medo a que siga subindo o prezo, iso inevitablemente provoca esa suba”, razoa. Palla de peor calidade Ademais de ser unha das razóns da escalada de prezos, “acumular palla é un erro”, asegura, porque “até dentro dun mes non se inicia a nova campaña nin se comeza a colleitar, polo que a palla que está vindo agora é palla vella, da campaña pasada, que pasou o inverno fóra, porque a capacidade de almacenamento en orixe é limitada”, di.  “É certo que hai unha grande incertidume e ninguén sabe neste momento que vai pasar dentro dun mes ou dous, pero a incertidume o que non te pode levar é a facer toleadas”, afirma José Antonio, que teme un empeoramento na calidade da palla que está a chegar ás explotacións.
Acumular palla é un erro, porque a que hai agora é palla vella que pasou o inverno fóra
“Vai depender do provedor, pero eu penso que o que vai acontecer é que ante a escaseza vaise meter para picar palla de peor calidade, que noutras circunstancias non se usaría para a alimentación do gando”, indica. Por iso, recomenda “tranquilidade” ás explotacións á hora de pechar acordos de compra e non teme que se produza desabastecemento. “Aínda que a produción de cara á colleita deste ano será menor, as dúas campañas anteriores foron boas e hai palla antiga acumulada á que se lle dará saída este ano ao haber bos prezos”, razoa. Outro factor que vai provocar un aumento do valor da palla, ademais da menor produción, vai ser a caída nas cotizacións dos cereais. “O 70% da superficie de cereal de Castela é secano e aí o gran vai render moi pouco. Ademais, os cereais están baixando, desde os 380-400€/tonelada que valían o ano pasado aos 230€ actuais. Iso vai facer que o agricultor queira compensar esa diferenza no prezo da palla, aproveitando a escaseza”, explica. Alimentación de vacas sexas e xovencas e cebo dos xatos de carne Nas ganderías de vacún de leite galegas o uso da palla é habitual na alimentación de vacas secas e xovencas, así como na cama quente da recría. “Nas racións de produción case non se usa, pode botarse un quilo como moito para compensar o exceso de humidade do silo de primeiro corte de herba, pero as racións de xovencas levan normalmente de 2,5 a 4 quilos de palla e as das vacas secas entre 4 e 6 quilos”, explica José Antonio, que dentro do seu traballo leva a cabo tamén asesoramento nas explotacións.
As racións de secas levan normalmente entre 4 e 6 quilos de palla e as das xovencas entre 2,5 e 4
No caso das ganderías de vacún de carne, o consumo de palla concéntrase sobre todo no cebo dos xatos e en estralos. Ao igual que nas becerras de recría nas explotacións de leite, a palla que se emprega habitualmente na cama quente é de peor calidade e dun prezo menor.

A colleita de alfalfa redúcese a un 25% do que sería un ano normal debido á seca

A campaña de ensilado de herba deste ano en Galicia foi máis dispar, con baixadas de produción en determinadas zonas. Iso fai que as necesidades de compra de forraxe por parte das explotacións se incrementen, sobre todo naquelas que andan xustas de base territorial. Pero a carestía trasladouse tamén a cultivos como a alfalfa ou a veza, empregados polas ganderías para suplir a falta de silo de herba. A alfalfa é pouco utilizada na actualidade polas explotacións leiteiras galegas, agás naquelas que teñen falta de forraxe, polo que o seu encarecemento vai ter unha escasa repercusión na conta de resultados das granxas.
A alfalfa e a soia son dous cultivos proteicos que perderon protagonismo nas racións do gando leiteiro en Galicia nos últimos anos
Esta semana a alfalfa subiu na Lonxa de León 20€ e cotiza a 420 euros a paca grande en rama. A ese prezo habería que engadir o deshidratado e o porte até unha granxa en Galicia. A suba a respecto do mes pasado é neste caso de 60€, pero con respecto a fai un ano practicamente se dobrou o prezo, pois en maio de 2022 cotizaba a 228€ en rama e 320€ deshidratada. A razón da suba de prezos é dobre: por un lado unha menor colleita, debido á menor superficie labrada (na última campaña reduciuse a superficie adicada a alfalfa, que acada unhas 250.000 hectáreas no conxunto de España, pola competencia do trigo, a cebada ou a colza debido aos bos prezos) e á menor produción lograda por hectárea e, por outro lado, un incremento da demanda exterior, sobre todo de países como China ou Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos.
O 75% da produción española de alfalfa expórtanse, o que exerce unha grande presión sobre o mercado
Castela e León e Aragón son as dúas principais zonas produtoras de alfalfa en España e o comportamento do mercado nunha e na outra está a ser diferente. “Castela é unha bomba de reloxería este ano, porque hai unha peor colleita nas parcelas de secano e porque alí conviven agricultores e gandeiros, polo que se incrementa a demanda. Iso fai que estea máis cara a alfalfa en rama en Castela que a alfalfa xa deshidratada en Aragón, porque en Castela están competindo en prezo os deshidratadores e os gandeiros para facerse coa materia prima”, explica José Antonio. A alfalfa deshidratada procedente de Aragón sitúase sen embargo entre os 390 e os 400€/tonelada, máis cara se é dos primeiros cortes.
A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal
No caso da veza, que comezou a cotizar esta semana, a tonelada sitúase en 320€. “A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal”, explican desde a Lonxa de León.  

Os produtores de Ternera Gallega Suprema cobrarán unha axuda directa por quilo de carne certificada

O conselleiro José González, durante a reunión mantida este luns en Lugo con Gandeiros Galegos da Suprema Os tractores e gandeiros concentrados desde o pasado xoves diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo levantaron este luns pola tarde a súa protesta, que manteñen aínda diante da Subdelegación do Goberno, despois de comprometerse o Conselleiro de Medio Rural, José González, a habilitar unha liña de axudas directas para os produtores de Suprema que compense a diferenza existente neste momento entre os custos de produción e os prezos actuais de venda dos xatos, que se sitúan no entorno dos 5,60-5,70€. Esta axuda extraordinaria, que chegaría xa este ano ás ganderías, non se pagaría por vaca nutriz nin por número de hectáreas, senón por quilo de carne certificada dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, cun importe final de entre 80 céntimos e un euro por quilo canal, segundo os cálculos que fan desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, en función do montante total de quilos certificados a final de ano como Suprema dentro da IXP.
A axuda pagaríase en función dos quilos de carne certificados por cada gandería dentro da IXP Ternera Gallega Suprema e prolongaríase por un mínimo de dous anos
A Xunta disporá para iso dunha partida de entre 10 e 12 millóns de euros anuais, que se prolongará durante un mínimo de dous exercicios. “Comprometéronse a axilizala o antes posible para sacala este ano ou, en caso de que saia no 2024, tratar de facer un anticipo este ano, como se fixo coa axuda pola guerra de Ucraína”, explica Santiago Rego. O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema indica que o compromiso acadado por parte da Xunta cos produtores foi o de manter esta axuda un mínimo de dous anos, tratando de habilitar fondos FEADER para iso, ao igual que fixo nas axudas autonómicas pola guerra de Ucraína abonadas a semana pasada, e, se non fose posible, con fondos propios, segundo as palabras do propio conselleiro. O obxectivo, sinalou, é que “non se perdan explotacións de vacún de carne en extensivo pola situación insostible de incremento dos custos de produción, sen que o prezo sexa capaz de compensalo”.  Axudas por prevención de incendios José González avanzoulles tamén aos gandeiros que o anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais, que prepara a Xunta, prevé axudas directas para gandeiros en extensivo que, mediante a súa xestión do territorio, colaboren na prevención do lume.
Estas axudas anuais a partir de 2024 financiaríanse con partidas destinadas a prevención de lumes e non con fondos destinados a gandería
Esta liña de axudas, que está aínda sen concretar, pagaríase aos gandeiros en función do número de hectáreas pastoreadas e podería entrar tamén a colaboración coa Administración en tarefas como o desbroce de camiños e pistas. “Falta que se aprobe a lei que está en proxecto para dotar o orzamento necesario, pero estes fondos serían de prevención de lumes, non de gandería e a convocatoria sairía no 2024”, avanza Santiago Rego. Flexibilizar o abonado de pradeiras en pastoreo No relativo a Política Agrícola Común para o actual período 2023-2027, a Xunta comprometeuse a estudar unha modificación da norma autonómica que regula os fondos de desenvolvemento rural do segundo piar da PAC para facer máis flexible o uso de fertilizantes na axuda agroambiental de fomento de pastos, permitindo a utilización de abonos químicos, así cono a manter durante os 5 anos de vixencia as axudas por Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) nas áreas que non son de montaña. En canto á axuda por vaca nodriza, que compete ao Ministerio, tanto a Xunta como a asociación de gandeiros concordaron en pedirlle ao Goberno central que modifique as contías das axudas directas asociadas á produción incluídas no primeiro piar da PAC para dotar de máis fondos o vacún de carne. Discriminación no reparto das axudas pola seca Na reunión, ambas partes incidiron tamén na importancia de facer presión ante o Ministerio de Agricultura para que incremente de 39,25 a 157 euros a axuda por vaca nutriz de carne contemplada no Real decreto publicado o pasado venres para facer fronte á seca.
Non estaremos tan afectados pola seca pero si polos custos de produción, porque vánsenos encarecer moito os cereais e a palla
“Levantamos a protesta e sacamos os tractores de diante da Xunta pero seguimos manténdoa na Subdelegación do Goberno, pola inxustiza do reparto das axudas da seca. Non pode ser que a nós nos dean só o 25%, porque ademais de penalizarnos na axuda imos sufrir tamén un incremento de custos nos insumos, porque moitos deles veñen desas zonas onde hai seca e vánsenos encarecer os cereais ou a palla, que xa está a 170€ a tonelada”, argumenta Santiago Rego. Desde a asociación de produtores de Suprema síntense “enganados” por parte da subdelegada do Goberno, que o mesmo día da manifestación, o pasado xoves, lles avanzaba que o importe da axuda sería de 100€ por vaca nutriz. “Primeiro dinnos unha cousa e agora resulta que é outra totalmente distinta, non poden anunciar un día 100€ e ao día seguinte poñer 39 no BOE sin dar explicación algunha”, asegura Santiago Rego.

“Que cada un cebe como queira, no prado ou na corte, pero hai que facer unha boa finalización dos animais”

Na reunión entre a Consellería e os gandeiros houbo tamén acordo sobre a necesidade de implementar melloras no Regulamento e no funcionamento da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O conselleiro José González pediulles aos responsables da asociación Gandeiros Galegos da Suprema que lle remitan por escrito as súas demandas e suxestións concretas, que incluirán nun documento con 7 propostas. Entre elas atópanse aspectos polémicos, como o feito de que se marquen como Suprema os xatos pasteiros. “Nós entendemos que hai que facer unha boa finalización dos animais e que cada un faga ese cebo como queira e onde queira, pero o que non pode ser é que se estean certificando algúns dos animais que se están certificando agora. Pódese facer o cebo no prado, pero hai que cebar”, opina Santiago Rego.
A asociación Gandeiros Galegos da Suprema remitirá á Consellería un documento con 7 propostas para mellorar o funcionamento da IXP Ternera Gallega
Outra das propostas que fan desde a asociación de produtores é a ampliación das razas admitidas. “Neste momento están admitidos os cruces con limusín ou blonde, pero necesitamos abrir o abano cara a novas razas como pode ser a salers”, detalla. Finalmente, desde a Asociacion Gandeiros Galegos da Suprema piden “que haxa unha homoxeneización e unificación na presentación das canais nos matadoiros”. Actualmente hai tres tipos de canal, desde o tipo 3, con maior capa exterior de graxa, ao tipo 1, máis pelada, o que inflúe nos quilos de carne pagados aos gandeiros, polo que solicitan unificar os tres tipos de canal nun só, para que non haxa tanta disparidade.

Galicia crea un grupo de traballo para abordar a seca e o aumento de custos no agro

O sector agrario de Galicia reuniuse hoxe coa Consellería do Medio Rural para abordar a situación no agro pola seca e o aumento de custos de produción. Se ben a seca en Galicia polo de agora a penas tivo impacto, sí que o problema xa se deixou notar no encarecemento das forraxes, con casos como a palla, que triplicou o seu prezo. Sobre a mesa estivo ademais o desaguisado que provocou o Ministerio de Agricultura coas axudas pola seca. As axudas do Ministerio de Agricultura pola seca e o aumento de custos, anunciadas o xoves pasado, poden quedar de exemplo para o futuro de como convertir en mala unha medida en principio boa. O Ministerio acordou destinar máis de 600 millóns ó agro pola actual crise, acompañando os apoios de beneficios fiscais e medidas de flexibilización da PAC, pero cometeu dous erros claros. Primeiro, non consultou a medida nin con comunidades autónomas nin con organizacións agrarias e cooperativas, co risco que iso implica, e segundo, anunciou datos errados. Agricultura comunicou o pasado xoves que as granxas de vacún de carne se beneficiarían dun apoio de 100 euros por vaca, un apoio que no caso do vacún de leite fixaba en 40 euros e no ovino e caprino de carne en 15 euros. Ao día seguinte, o Boletín Oficial del Estado chegou coa sorpresa de que os importes eran outros. No sur de España, nas comunidades máis afectadas pola seca, 157 euros por vaca de carne, 61 polas de leite e 18 por ovella e cabra de carne, pero en Galicia e na Cornisa Cantábrica, un 25% desas cantidades: 39,25 euros por vaca nutriz, 15,25 por vaca de leite e 4,5 por ovella e cabra. Entre medias, Castela e León e comunidades do centro, co 50% dos apoios. O cambio dos números, obviamente, sentou mal en Galicia. A Xunta, organizacións agrarias, cooperativas e a IXP de Vacún de Galicia mantiveron hoxe un encontro no que acordaron solicitar unha reunión urxente co Ministerio, a fin de pedirlle que rectifique a orde de axudas. “O Ministerio ten que ter en conta o aumento de custos das forraxes que están experimentando as granxas galegas pola seca xeralizada” -defende o conselleiro de Medio Rural, José González-. “Tampouco vemos lóxico que dúas provincias con condicións climáticas semellantes, como Zamora e Ourense, teñan un trato tan diferente”, advirte González, dado que os gandeiros de Zamora cobrarán o dobre que os de Ourense. A falta de axudas para os apicultores galegos, “que no mellor dos casos ingresarán 15.500 euros en conxunto” -pronostica o conselleiro-, é outro dos motivos do malestar. Grupo de traballo O sector acordou ademais crear un grupo de traballo en Galicia para facer un seguemento da seca e do aumento de custos no agro. O obxectivo é tanto trasladarlle ó Ministerio a evolución da situación como adoptar posibles medidas propias. “Temos que pensar que esta seca non é unha situación coxuntural, senón estrutural” -apunta a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “Non se precisarán só axudas para os sectores máis afectados, tamén será preciso adoptar medidas en infraestruturas para o almacenamento da auga e para aumentar a base territorial das explotacións”, defende. Por parte de Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, considerou “moi importante” a creación do grupo de traballo, pois “Galicia pode verse nun mes en problemas de seca como os que teñen agora outros territorios”, valorou. De cara ó futuro, en caso de que se agudice a crise de seca e custos, García apuntou que unha posibilidade pasaba pola convocatoria de axudas autonómicas, ben con fondos Feader -previa autorización de Bruxelas-, ben con fondos propios da Xunta. Preguntado a ese respecto, o conselleiro non negou tal posibilidade de axudas complementarias, se ben subliñou que o prioritario era que o Ministerio de Agricultura modificase a súa orde de axudas pola seca, que considera “electoralista e discriminatoria con Galicia”, unha postura que compartiu o responsable de Asaga Galicia, Francisco Bello.

As gandarías galegas apenas se beneficiarán das axudas do Goberno central pola seca

O Boletín Oficial do Estado publica este venres a orde de axudas extraordinarias do Goberno Central ao sector agrícola e gandeiro para paliar os efectos da seca confirmando o que xa se temía: Os 355 millóns de euros en axudas aos gandeiros de vacún de leite, vacún de carne, ovino e caprino para compensalos pola seca e o aumento de custos de produción beneficiarán principalmente aos produtores das Comunidades Autónomas máis afectadas pola seca en 2023: é dicir, Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Rexión de Murcia e Comunitat Valenciana. Pola contra, as gandarías situadas en Galicia, Principado de Asturias, Illes Balears, Cantabria, Euskadi e Canarias apenas recibirán axudas.

Como se repartirán as axudas por sectores gandeiros?

Os 355 millóns de euros repartiranse en contías estimadas de 197 millóns de euros para os produtores de carne de vacún (vacas nutrices), 117,4 millóns de euros para os produtores de carne de ovino e caprino, 17, 4 millóns de euros para os produtores de leite de vaca, e 2322 millóns de euros para os produtores de leite de ovella e cabra.

Canto recibirán de axudas as gandarías en cada comunidade autónoma?

A) Comunidades con alta afectación da seca: Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección alta (Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Rexión de Murcia e Comunitat Valenciana), os importes das axudas serán os seguintes: 157 euros por vaca de carne (nutriz). 18 euros por ovella e cabra de carne. 61 euros por vaca de leite. 11 euros por ovella e cabra de leite. b)  Comunidades con afectación media da seca: Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección media ( Castela e León. Comunidade de Madrid. A Rioxa. Comunidade Foral de Navarra), recibirán como máximo unha axuda de até o 50% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva no apartado a): 76,5 euros por vaca de carne (nutriz). 9 euros por ovella e cabra de carne. 30,5 euros por vaca de leite. 5,5 euros por ovella e cabra de leite. c) Comunidades con afectación baixa da seca: Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección moderada (Galicia, Principado de Asturias, Illes Balears, Cantabria, Euskadi e Canarias) até o 25 % dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva no apartado a): 39,25 euros por vaca de carne (nutriz). 4,5 euros por ovella e cabra de carne. 15 euros por vaca de leite. 2,75 euros por ovella e cabra de leite.

Máximo de axudas por produtor:

Para os produtores de leite de vaca establécese un máximo de 725 animais subvencionables por beneficiario. Os produtores de vacas nutrices (gandarías de carne) percibirán o 100% dos importes mencionados nos parágrafos anteriores para as 250 primeiras vacas, e un 50% dos mesmos desde a 251 até a totalidade do seu censo. Os produtores de ovellas e cabras percibirán o 100% dos importes respectivos para os primeiros 2.000 animais, e o 50% dos mesmos para o resto dos seus animais elixibles. No caso de que cos importes unitarios establecidos se superase o importe estimado para cada grupo de produtores, poderanse alterar ditos importes por grupo sempre que dita alteración non implique a superación da contía total máxima da axuda. No caso de que non resultase posible a alteración mencionada, realizarase un axuste lineal dos importes unitarios. Non se concederán axudas cando o importe a percibir por beneficiario resulte inferior aos 200 euros.

A Xunta di que “é unha clara discriminación aos gandeiros galegos”

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de trasladarlle ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación o que cualifica de “discriminación territorial inaceptable” que prexudica a Galicia, tras analizar as medidas do Goberno central para paliar a seca e os efectos da invasión rusa de Ucraína que hoxe se publican mediante Real Decreto-lei no Boletín Oficial do Estado (BOE). Malia a valoración inicial positiva de onte, ao entender que se atendían demandas que viñan sendo reiteradas desde Galicia, o conselleiro rexeita hoxe de plano o detalle das medidas, “ao confirmarse -asegura- a discriminación da nosa comunidade”. Así, no caso dos sectores cárnico e lácteo, o titular de Medio Rural considera “inaceptable” que Galicia só poida recibir un 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, porcentaxe destinada ás comunidades que o Goberno central establece como de afectación moderada pola seca, situación na que tamén se atopan -por exemplo- o resto de autonomías da Cornixa cantábrica. Deste xeito, esas primas que onte se anunciaron “a bombo e platillo”, segundo José González, quedarán en menos de 40 euros por vaca nutriz de carne e en 15 euros no caso do vacún de leite. “No caso da apicultura, dos 5 millóns previstos para o conxunto do Estado, para Galicia virán unicamente 15.500 euros, outra cantidade considerada insuficiente para a nosa comunidade”, advirte. Segundo o titular de Medio Rural, estes datos constatan que se está a materializar unha “discriminación por territorios no caso das axudas directas”, malia que na exposición de motivos se explica claramente que as medidas aprobadas se deben tamén ao incremento de custos de produción derivado da invasión rusa de Ucraína, un incremento que afecta de cheo aos gandeiros galegos, “sen que os prezos en orixe sexan capaces de cubrir aínda ese incremento”, puntualiza. Deste xeito, o conselleiro amosa “un rexeitamento frontal ao que considera unha discriminación territorial que afecta a Galicia e que só vén confirmar, di, que as medidas aprobadas unicamente responden a un fin electoralista, a 15 días dos comicios municipais”.

Consulta aquí o decreto publicado no BOE

Axudas para as granxas de leite e de carne pola seca e o aumento de custos

O Consello de Ministros aprobou hoxe destinar 355 millóns de euros ós gandeiros de vacún de leite, vacún de carne, ovino e caprino para compensalos pola seca e o aumento de custos de produción. Agricultura lembra que a escasez de choivas mermou os pastos e obrigou a un aumento da compra de forraxes e pensos, que están máis caros a consecuencia da guerra de Ucraína. O decreto do Goberno establece unha contías de axudas de 100 euros por vaca de carne, e 15 por ovella e cabra de carne. En vacún de leite, pagaranse 40 euros por vaca e en ovino e caprino de leite 10 euros por animal. As axudas abonaranse directamente a través do Fondo Español de Garantía Agraria a tódalas explotacións que sexan beneficiarias das axudas da Política Agraria Común (PAC). No sector gandeiro, o Ministerio de Agricultura apunta ademais que, como xa se anunciara, hai 5 millóns de euros para o sector apícola. En total, a gandería contará con 355 millóns de euros en apoios. Agricultura Os sectores agrícolas disporán dun volume de axudas de 276,7 millóns de euros. O Ministerio de Agricutlura determinará os cultivos, zonas e contías das axudas, en función dos distintos graos de afección da seca nos cultivos. Para elo, teranse en conta os datos gubernamentais de evolución hidrolóxica e climática. Medidas fiscais O decreto do Goberno, que conta coa participación de multitude de Ministerios (Agricultura, Facenda e Traballo, entre outros), adoptou tamén unha serie de medidas fiscais: - Quedan eximidas do pago do Imposto de Bens Inmobles as propiedades de titulares de explotacións agrarias que sufriran no 2023 unha reducción do rendemento neto das actividades agrarias de polo menos un 20% en zonas con limitacións naturais ou dun 30% no resto de territorios. - Exímense do imposto de sociedades e do IRPF as axudas dos ecorrexímenes da PAC. - O decreto aprobado hoxe inclúe tamén numerosas minoracións nos coeficientes, de entre o 30 e o 50% para os sectores gandeiros, así como outros para parte dos sectores agrarios. - Cómpre lembrar ademais que Facenda anunciou o 25 de abril unha rebaixa para o sector agrario, ó reducir un 25% liñal o rendemento neto para o Imposto da Renda para tódolos gandeiros e agricultores que tributen no sistema de módulos. - Aprobado un aprazamento no pago das cotas á Seguridade Social. No caso dos traballadores por conta propia, aprázanse as cotas de xuño a setembro. No réxime especial agrario por conta allea, as cotas de maio a setembro. - Rebaixas no canon dos agricultores con dereito de rego que viran reducidos os aportes que poden empregar.

Flexibilización da PAC

O real decreto que se aprobou hoxe contempla que o Ministerio de Agricultura estableza os criterios para que as comunidades autónomas poidan flexibilizar determinados requisitos das axudas da PAC, ó obxecto de que a seca non represente un impedimento para cumprir coa normativa de condicionalidade reforzada, ecorrexímenes e axudas asociadas. Acórdase ampliar ademais ata o 30 de xuño o prazo para a presentación de solicitudes. Doutra banda, decidiuse igualmente atrasar a implantación do caderno dixital de explotación, que estaba previsto que comezase o 1 de setembro do 2023. Agricultura decidiu que a posta en marcha do caderno se faga en 4 fases, en función do tipo de explotación, arrancando o 1 de xaneiro do 2024.
Apoios á financiación A maiores das axudas directas e dos beneficios fiscais, o decreto contempla apoios á bonificación, en concreto 20 millóns de euros para bonificar créditos na liña ICO- MAPA – SAECA. Igualmente amplíase a liña de financiación de avais que son precisos para solicitar estes créditos. Seguros agrarios O Ministerio de Agricultura aumenta en 40 millóns de euros a partida destinada a subvencionar os seguros agrarios. Esta dotación permitirá cubrir ata o 70% do custo das pólizas que teñan cobertura do risco de seca e que estean xa contratadas. Este 70% é a porcentaxe máxima que permite a normativa europea. https://www.campogalego.gal/gandarias-galegas-apenas-se-beneficiaran-das-axudas-goberno-central-pola-seca/

O prezo da alfalfa sobe un 60% con respecto a fai un ano

As explotacións de leite galegas son sobre todo deficitarias en proteína. A herba é moitas veces difícil recollela en condicións idóneas, polo que a calidade do silo baixa e moitas ganderías vense obrigadas a corrixir estes déficits coa introdución de alfalfa na ración. Pero este ano prevense dificultades de subministro e prezos moi elevados. Neste momento unha paca grande de alfalfa posta nunha granxa galega aproxímase aos 400 euros. “O prezo está disparado”, recoñece José Antonio González, nutrólogo de CLUN en Ribadeo, que leva a cabo asesoramento a explotacións e é o responsable da formulación da ración húmida que se elabora no CAVI de Irmandiños e que se sirve diariamente a 68 ganderías e 3.500 vacas da Mariña, A Pastoriza e o occidente de Asturias. 
A paca grande de alfalfa deshidratada, que equivalería a unha tonelada, supera en orixe os 350€, ao que habería que engadir uns 30€ de portes
O prezo en orixe sitúase arredor dos 350€ e a iso habería que engadir os portes, duns 30€ por mor da suba do gasóleo, o que sitúa o prezo final nunha explotación galega nuns 380 ou 390 euros. “O ano pasado posta na ración, xa con porte, estaba a 240€, un 60% menos”, compara José Antonio. Menor produción e maior demanda este ano A alfalfa que chega a Galicia procede sobre todo de Castela e León e Aragón, onde a cotización nas lonxas de León, Salamanca ou Binéfar está a marcar unha clara tendencia alcista nas últimas semanas. A razón da suba de prezos é dobre: por un lado unha menor colleita e por outro lado un incremento da demanda exterior, sobre todo de países como China ou Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos. “O 75% da produción española de alfalfa expórtanse. Están saíndo contedores cheos, o que exerce unha grande presión sobre o mercado”, asegura José Antonio.
Están a saír contedores cara a China e Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos
A dispoñibilidade tamén se reduciu con respecto a outros anos e o técnico de Clun augura escaseza nos vindeiros meses. "As ganderías que non a compraran xa, porque preferiron agardar a ver como resultaba a campaña de millo, cando a vaian pedir xa non a vai haber, porque nos vindeiros meses non creo que haxa acceso a ela”, vaticina. A seca sufrida este ano provocou unha redución moi importante na cantidade de alfalfa recollida. En secano, en zonas de Castela a Mancha e Castela e León, o rendemento foi a metade do habitual, uns 1.500 quilos por hectárea e no mellor dos casos déronse dous cortes.
Nos vindeiros meses vai escasear, a dispoñibilidade vai ser moi pouca e non vai haber acceso a ela
En regadío, concentrado en lugares como o Val do Ebro, a produción foi similar a outros anos, pero a maior custo, debido a que se encareceu o rego por mor do prezo da auga e sobre todo a electricidade. Ademais, na última campaña reduciuse a superficie adicada a alfalfa, unhas 250.000 hectáreas no conxunto de España, pola competencia do trigo, a cebada ou a colza debido aos bos prezos. Uso de alfalfa en anos de mala colleita de millo ou herba O uso de alfalfa nas racións das vacas de leite foi a menos nos últimos anos. “Fai anos, cando a alfalfa estaba a 180€, había ganderías en Galicia que non usaban silo de herba, botaban 3 quilos de alfalfa e con iso, silo de millo e penso cubrían, pero aos prezos que está hoxe tanto o concentrado como a alfalfa non é viable”, di o técnico de Clun. Hoxe en día a maioría das ganderías intentan ser autosuficientes nas forraxes, pero cando a produción de herba ou millo escasea ou a calidade dos ensilados é deficiente aos nutrólogos non lles queda máis remedio que recurrir a ela.
No CAVI estamos a botar só 1kg de alfalfa para secar un pouco a ración
“Hai algunhas granxas onde aínda se usa”, admite. Este sería un ano proclive, tendo en conta a mala colleita de millo en amplas zonas de Galicia. Noutras ocasións o uso da alfalfa serve para compensar o exceso de humidade do primeiro corte de silo de herba. É a función que lle dan, por exemplo, no CAVI de Irmandiños, onde están a usar 1 kg de alfalfa por vaca e día.  

“Dóeme ter que mercar forraxes fóra podendo producilas aquí, onde temos as cunetas cheas de herba”

Campo de produción de alfalfa en regadío na provincia de Huesca Nas ganderías en extensivo que practican o pastoreo co gando, agás en zonas como o norte da provincia de Lugo, este non foi tampouco un bo ano. A falta de precipitacións no verán e as olas de calor acabaron por secar anticipadamente os pastos. “Os prados están moi secos e boa parte dos gandeiros xa non levan as vacas ao pasto e aliméntanas a base de alfalfa e outras forraxes, o que está a supoñer un novo gasto extra para as ganderías”, explica Rocío Corral, presidenta da cooperativa Coafor, de Forcarei.
A seca está a acentuar a falta de pasto, obrigando ás ganderías de leite que fan pastoreo a recurrir á alfalfa
Nas ganderías de carne a falta de pasto está obrigando a consumir o silo e a herba seca do inverno. Nas de leite, a mala colleita de millo en moitas zonas tampouco augura un ano sen ter que mercar insumos. “Sinceramente, a min dóeme a cabeza ter que ir mercar forraxes a Aragón ou a Castela e León podendo producilas aquí, onde temos as cunetas cheas de herba. Hai poucos lugares cun clima tan benigno coma o noso para producir forraxes, por iso é un desperdicio deixar terras baleiras”, afirma José Antonio. Facendo ben as contas, di, o silo de herba posto na ración sae entre 50 e 60 euros a tonelada, un custo oito veces menor que o da alfalfa actualmente. A palla sobe 25€ Palla nunha explotación de leite da provincia de Lugo Outra forraxe que experimentou unha suba importante este ano é a palla. Por mor da seca, a produción de trigo ou cebada en Castela foi menor este verán (o Ministerio de Agricultura calcúlaa nun 23% menos), o que sumado á maior demanda por parte da gandería extensiva, debido á redución dos pastos, está a elevar o prezo. 
Cos prezos actuais, un camión de alfalfa ronda os 9.000 euros e un de palla os 2.500
A palla empregada en Galicia, ben nas camas do gando, ben na alimentación, por exemplo das vacas secas nas explotacións de leite ou dos xatos de engorde nas de carne, subiu este ano unha media de 25€. Incluíndo os portes, a paca grande de palla posta nunha explotación galega ronda nestes momentos os 90€ se a palla é enteira e os 110€ se é picada.