Archives

Récord de compravenda de terra agraria no ano 2021 en Galicia

No ano 2021 acadáronse en Galicia os valores máximos de mobilidade de terras rústicas por compravenda dende o ano 2008. En total, transaccionáronse 18.820 hectáreas, das cales 6.124 son de superficie agraria útil e as 12.696 restantes de monte. Así o reflicte o último informe elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras que foi presentado este martes no pazo de Quián, no marco dunha reunión presidida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Neste informe analízase a situación do mercado de terras rústicas na comunidade entre os anos 2008 e 2021.
A superficie media de parcela agraria mobilizada é de 0,25 hectáreas
Segundo este informe, ao comparar o período 2020-2021 co bienio previo, o incremento da superficie transaccionada foi dun 54%. Neste senso, o Observatorio Galego de Mobilidade de Terras indica que no bienio 2020-2021 realizáronse 66.926 operacións de compravenda, das cales 24.174 foron de superficie agraria útil e 42.752 de monte. Maior mobilidade de terras nas zonas produtoras de leite No relativo á taxa de mobilidade, no conxunto de Galicia situouse nun 0,94% no ano 2021, polo que experimentou un incremento notable dende o ano 2019, cando estaba no 0,57%. Estas taxas de mobilidade son superiores na metade norte da comunidade, coincidindo coas principais comarcas gandeiras de vacún de leite, e especialmente na provincia da Coruña.
O mercado de compravenda acadou uns 230 millóns de euros no ano 2021
O tamaño medio da parcela involucrada mantívose estable, cunha cifra aproximada de 0,3 hectáreas: 0,25 ha de superficie agraria útil e 0,33 ha para monte. Deste xeito, o mercado de compravenda de terreos rústicos en Galicia acadou un volume de arredor de 500 millóns de euros no período 2019-2021, dos cales 230 millóns corresponden só ao ano 2021. Prezos No referido aos prezos, os datos case igualan os máximos de toda a serie analizada dende o ano 2008, na contorna de 1,2 €/m2 de media; con 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil fronte aos 0,82 €/m2 para o monte.
O prezo medio pagado é de 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil e 0,82 €/m2 para o monte
O Observatorio Galego de Mobilidade de Terras xorde dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo do Observatorio é recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia, co fin de mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre estas terras para poder deseñar e implantar políticas públicas e aproveitar mellor a terra e os recursos do territorio.

Por que as granxas noutros países europeos resisten mellor as crises do sector lácteo?

Vacas leiteiras en Irlanda, onde a alimentación se basea no pasto A suba das materias primas e doutros custos de produción, como o gasóleo ou a electricidade, está a poñer contra as cordas aos produtores de leite galegos. Analizamos como están a vivir os gandeiros doutras zonas de Europa a situación actual e por que a súa maneira de producir é máis resiliente. Resiliencia foi unha desas palabras que trouxo a pandemia. Aplicado ao sector lácteo referiríase á súa capacidade de resistir os vaivéns dun mercado desregulado desde o ano 2015 en Europa no que xogan de xeito determinante factores como a demanda internacional e o prezo do leite ou as cotizacións das materias primas para a alimentación do gando. A autosuficiencia das granxas e a súa diversificación produtiva ou a fortaleza da industria láctea e o nivel de participación nela dos gandeiros son algunhas das claves de por que, no contexto europeo, a situación actual non está a afectar por igual a todos os países.

Comida de importación

Cos prezos actuais de materias primas como o millo (que no último ano pasou de custar 180€ a tonelada a estar hoxe a 327€), a colza (que pasou de 320€ a 460€) e a soia (que de 380€ púxose a 523€), seguir suministrándolles ás vacas unha ración elaborada en base a produtos importados é un luxo que cada vez menos ganderías se van poder permitir sen notalo nas súas marxes de beneficio.
A PAC avanza cara a unha vinculación entre superficie, número de cabezas e importe das axudas a percibir
Neste contexto de insumos polas nubes, o aumento da base territorial é fundamental para reducir custos de alimentación do gando. Tamén para implementar unha agricultura máis sustentable, con superficie dabonda onde botar o purín e aproveitar todo o seu potencial como fertilizante e na que levar a cabo cultivos forraxeiros, de cereal e proteicos substitutivos da soia que permitan reducir a dependencia das importacións, (un obxectivo de Bruxelas), así como prácticas de cultivo respectuosas co medio ambiente que poidan supoñer un importe extra nas axudas da PAC en aplicación dos ecoesquemas.

Duplicar a base territorial

As explotacións lácteas galegas deberían duplicar a súa base territorial, principalmente pola vía do arrendamento de terras, se nos comparamos con outros grandes produtores de leite europeos. Un bo redimensionamento da superficie das explotacións permitiría que as granxas mesmo se introducisen na produción de materias primas para concentrados. Está comprobado que cultivos como o trigo ou a couza poden producirse en Galicia con bos rendementos e habería superfice abandonada apta para acollelos en amplas zonas da comunidade.
O 55% da enerxía da ración das vacas de leite galegas vén de concentrados e só o 45% das forraxes producidas na explotación
En Galicia o 55% da enerxía da ración das vacas vén de concentrados e só un 45% das forraxes producidas na explotación. En Dinamarca, por exemplo, as porcentaxes son inversas: o 40-45% da enerxía procede de concentrados e o resto da explotación. Xunto ao factor terra, dispoñer dun asesoramento técnico cualificado e independente preséntase como un elemento imprescindible para a mellora da calidade dos silos de herba, co que aproveitar todo o potencial produtivo de Galicia neste ámbito.

A responsabilidade da Administración

A Xunta de Galicia leva máis de 30 anos asistindo impasiva á desaparición de explotacións e ao abandono da terra en amplas zonas de Galicia, onde as praderías e as terras de cultivo deixaron paso aos eucaliptos (na metade norte de Galicia) e ás matogueiras (na provincia de Ourense). Malia que a lexislación xa impedía a forestación de terras agrarias, na realidade non houbo ningún tipo de vixiancia ou control oficial sobre este fenómeno, que se foi extendendo a medida que a idade de xubilación obrigaba ao peche de explotacións sen relevo. O Goberno galego tomou medo cando os lumes forestais do outono do 2017 cercaron a cidade de Vigo. Até entón semellaba non ser consciente da dimensión real do problema malia as miles e miles de hectáreas que levan ardendo, ano si e ano tamén, por toda a xeografía galega.
A moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos
Pero as medidas adoptadas desde entón (limpeza de faixas de protección, por exemplo) están sobre todo encamiñadas a protexer as vivendas dos lumes, máis que a facilitar terras ás explotacións en activo e a moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos. En maio do ano pasado entraba en vigor a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, con escasos resultados prácticos até o momento, máis alá dun sinfín de anuncios oficiais de proxectos de aldeas modelo e polígonos agroforestais sementados por múltiples concellos galegos, na maior parte dos casos ubicados en lugares que caeron xa no abandono máis extremo e onde non existe demanda real de superficie agraria nin produtores para traballala. A Xunta avanzou a súa intención de mobilizar 150.000 hectáreas de terras en desuso, pero de momento só ten aprobadas 19 aldeas modelo que suman unhas 600 hectáreas repartidas en 8.500 parcelas de máis de 2.190 veciños.
A Consellería atópase cun dilema difícil de solventar: onde hai terra baleira non hai explotacións e onde están as explotacións non abunda a terra
Pero pouco ou nada se está a facer para que as granxas ubicadas nas principais comarcas produtoras (como O Xallas ou A Terra Chá) poidan ampliar a súa base territorial, máis que agardar que peche o veciño e arrende as fincas. A Lei de Recuperación da Terra Agraria finánciase con fondos europeos, ao igual que os Plans de Mellora e a incorporación de mozos á actividade agraria. Sen embargo, dos novos instrumentos de mobilidade de terra (creación de aldeas modelo e polígonos agroforestais) non se van encargar as Oficinas Agrarias Comarcais, que tramitan os Plans de Mellora e son as que están en contacto coas explotacións e coñecen as súas necesidades, senón a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) encargada da xestión do Plan Leader e as subvencións para desenvolvemento rural con cargo aos fondos do PDR.
Os Plans de Mellora financiaron nos últimos anos a construción de naves e a compra de maquinaria pero non a adquisición de terras
A ampliación de superficie agraria, vía compra de terras ou alugueiro, non forma parte das prioridades dos Plans de Mellora. De feito, só é subvencionable destinar como máximo o 10% da axuda solicitada a mercar superficie, unha medida pensada sobre todo para poder facerse coa parcela onde construír a nova nave, máis que para gañar terras de labor ou superficie de produción. É posible obter un Plan de Mellora para dobrar o número de cabezas sen aumentar a superficie, pero non dobrar a superficie sen aumentar o número de cabezas para gañar en autosuficiencia. É dicir, a axudas da Administración estiveron até agora destinadas a incrementar a produción sen ter en conta o modo de incrementala.

“É posible producir leite con menos concentrado”

César Resch é enxeñeiro agrónomo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e participa en distintos proxectos europeos vinculados co sector lácteo, como Dairy4Future, nos que mantén contacto con distintos centros de investigación de Francia, Irlanda ou Portugal, polo que é bo coñecedor da realidade actual e o modelo de produción leiteira destes países. César considera arriscado o sistema de produción polo que apostou Galicia e reclama un cambio de paradigma que blinde ás explotacións leiteiras fronte a futuras crises. “Non é posible facer unha restruturación dun día para outro nin estou propoñendo quimeras, pero deberíamos aproveitar o potencial que temos para producir leite en base a forraxe, tendo oportunidade de facer unha gandería diferente”, argumenta.
Afrontar os hándicaps que temos leva tempo pero nalgún momento hai que empezar. Un deles é o consumo excesivo de penso
“Ao mellor non podemos ter vacas de 12.000 litros pero si de 9.000 litros con 200 gramos de concentrado e dando máis graxa e proteína”, exemplifica. E propón comezar a andar ese camiño porque “os grandes cambios estruturais da agricultura e gandería, como calquera cambio da vida, levan tempo, pero hai que facer planificación e cumprila; un exemplo diso é Irlanda”, compara.  “Modelo intensivo sen cabeza” César califica o sistema que se foi impoñendo de xeito maioritario nas explotacións leiteiras galegas de “modelo intensivo sen cabeza”. “Facer unha ración a base de soia ten un risco altísimo. É un modelo que ten os pés de lama e que se tambalea cada vez que vén un problema de prezos nas materias primas”, asegura.
O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén en canto á utilización do terreo; aquí sen embargo centrouse na vaca
“O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén. Por exemplo, o sistema irlandés é moi intensivo na utilización do terreo, con parcelas nas que obteñen de 14 a 15 toneladas de materia seca de herba por hectárea. Aquí a produción centrouse na vaca, alí centrouse na terra”, diferencia. Producir leite a base de penso é “cómodo” César afirma que o sistema galego “é un modelo moi cómodo e mentres a relación custo do concentrado-prezo do leite sexa favorable todo vai ben, pero unha granxa que usa 400 gramos de concentrado por litro de leite ten un problema se sube o concentrado”, asegura. “En Galicia chegou a instalarse hai anos o modelo de Castela, implantado por Nanta, de producir leite a base de alimentar as vacas con concentrado a discreción e palla. Ese modelo funciona só cando a relación de prezo leite e penso é favorable”, di.
O modelo imperante en Galicia funciona só cando a relación de prezo entre leite e penso é favorable pero se non o mudamos volveremos caer na seguinte crise
 “Espero que as cousas se reconduzan, porque o feito de que o millo estea a 400 euros a tonelada é pura especulación e esa tensión o mercado non a aguanta”, di, polo que reclama a intervención pública en materia de enerxía e alimentos. “O mercado de materias primas debería estar máis intervido para evitar estes movementos especulativos no mercado”, defende.
O problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade; se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor
Pero insiste en que “o problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade de concentrado. Se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor. Esa, a de basear as racións no penso, é unha debilidade estrutural das explotacións galegas”, afirma. “O consumo de concentrado nas granxas de Galicia, sobre todo naquelas que se teñen como referente, é excesivo”, asegura César.
En Francia úsase un terzo menos de concentrado para alimentar as vacas e unha parte das ganderías sementan tamén cereal
“Cando sometes o sistema a unha situación de estrés é onde se ven as debilidades. Hai unha debilidade clara e estrutural da dependencia de insumos externos, sobre todo pensos e nomeadamente cereal e proteoxinosas. E aínda que o problema actual de prezos se solucione, volveremos caer na seguinte crise se non cambiamos o modelo”, di. Alimentación de precisión e forraxes de calidade  “O reto tecnolóxico está en producir, nese modelo, 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado, e é certo que pode ser un bo negocio para o subministrador de concentrados, pero crea estruturas moi dependentes para o gandeiro co risco que iso leva implícito”, argumenta.
O reto  está en producir 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado
“O reto está na mellora da calidade das forraxes tanto na súa capacidade de subministrar enerxía como proteína, pois tamén seguimos a ter unha excesiva dependencia de proteína exóxena nas granxas de leite”, aclara. Para lograr o obxectivo de producir 40 litros de leite con só 8 quilos de penso é necesario apostar por unha alimentación de precisión, máis personalizada, que diference as vacas en función da súa produción e a súa fase de lactación, e tamén ordenar os partos mediante unha planificación das xestacións para un maior aproveitamento da produción forraxeira.
O modelo que están levando en Holanda baséase na eficiencia dos recursos e en producir leite con só 200 gramos de concentrado por litro
“É o que están facendo en Holanda, levan ese modelo, con moito pasto fresco e moita eficiencia dos recursos. Non teñen resultados espectaculares pero son moi resilientes e aguantan nos momentos malos”, afirma. Producir cereal en Galicia “Galicia importa 3.000 millóns de quilos de materia prima para facer pensó ao ano. Producimos cero; impórtase todo. É imposible que para o ano que vén podamos procudir o 50% diso, pero por algo hai que empezar”, propón César.  “Temos terreo e terreo bo para facelo, temos hectáreas abandonadas que son aptas para cereal na provincia de Ourense.  É desexable que produzamos para reducir a dependencia excesiva de insumos externos que temos”, di.
A produción de cereal é anecdótica en Galicia; é un dos grandes hándicaps que temos
“Unha parte granxas francesas procucen os seus propios cereais e iso fai que teñan menos peso dos imputs de concentrado”, relata César. A maioría das explotacións galegas móvense en valores entre os 350 e os 430 quilos de penso por cada 1.000 litros de leite, cando en Francia están por debaixo dos 300 quilos. “É certo que teñen menos produción por vaca”, recoñece. Diversificación para reducir riscos e ter ingresos complementarios Outra das características das ganderías francesas é o seu carácter diversificado. En Galicia a economía das explotacións leiteiras depende exclusivamente da venda de leite, mentras noutros países europeos compleméntase con outros ingresos. “No caso galego a especialización en leite é moi grande, sen actividades salientables nas explotacións fóra diso. O produtor francés é máis agricultor. Na Bretaña, ademais de producir leite, as granxas teñen tamén horta extensiva de brásicas (repolo e coles), que son producións complementarias que non compiten coa produción de forraxe e en Normandía é moi habitual que o gandeiro de leite plante tamén cereal e leguminosa”, explica César.
Nun mercado liberalizado como é o do leite trala fin das cotas, e polo tanto máis volátil, contar con outras fontes de ingreso paralelas é un xeito de asegurar a rendibilidade
Ese modelo de gandeiro-agricultor, con policultivo e actividades diversificadas, permite ás explotacións non depender tanto dun único produto. “A especialización leva a que sexas máis eficiente no que fas, pero tamén ten os seus riscos. É importante non poñer todos os ovos na mesma cesta. As explotacións galegas deberían diversificar con iniciativas que non compitan coa produción de forraxe”, razoa. Extensificación: gañar base territorial César defende a necesidade de levar a cabo “un cambio de paradigma para aproveitar máis os recursos que temos”. "Non é producir menos senón que é producir diferente. A diminución de insumos externos nas explotacións de leite debe de ser unha prioridade. Necesitamos mobilizar máis SAU para as explotacións de leite", di.  Por iso é partidario de executar políticas públicas para favorecer o uso por parte das explotacións da terra que está desaproveitada. “Perdeuse moita superficie nas explotacións, sabémolo por datos da PAC, aínda que desde o ano 2011 non haxa datos oficiais da Xunta”, explica.
Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible
Estímase unha perda dun 30% da Superficie Agraria Últil (SAU) galega nos últimos 30 anos. "Reverter esta situación é unha prioridade máxima. A dependencia da importación de materias primas crea unha debilidade estrutural. A SAU perdida está agora en Arxentina, Brasil ou EE.UU", argumenta. O modelo actual de produción de leite en Galicia é tamén consecuencia das políticas públicas implementadas nas últimas décadas. “Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible”, compara.
En Francia para comprar cota había que comprar terra tamén
“En Francia para comprar cota había que comprar terra, mentres en España o mercado de cota foi totalmente libre. A tendencia do modelo galego susténtase en que as granxas medraron en animais e en leite pero o ritmo de crecemento en hectáreas non avanzou en paralelo”, indica. “A base superficial das explotacións en Francia ou en Irlanda é moi superior á nosa. Nós estamos nunha ratio de 2,5 vacas por hectárea, e eles están bastante por debaixo das 2 UGM e iso é o que lles da por flexibilidade”, di.
A granxa máis grande que hai en Francia non chega ás 800 vacas
A día de hoxe a produción media en Galicia é de máis de 400.000 litros por explotación, case a mesma que en Francia, onde “a granxa máis grande que hai non chega ás 800 vacas”, explica César. Outros Estados membros da UE, como os Países Baixos, tamén estableceron na práctica límites ao crecemento da súa cabana gandeira, por medio neste caso das limitacións aos fosfatos instauradas a partir do ano 2017. Perda de efectivos En Galicia a perda de efectivos agrarios e gandeiros é unha constante nas últimas décadas, unha merma acentuada tamén no sector leiteiro. “Tiñamos 90.000 unidades produtivas nos anos 80 e agora son pouco máis de 6.000”, lembra César. Esta tónica xeral en España, compartida por outros países europeos, rómpese en Irlanda. “Foi o único país da UE que desde os anos 80 incrementou o número de ganderías de leite”, destaca. Hoxe son 18.500 as explotacións lácteas no país.
Desde os anos 80 Irlanda tivo máis altas de productores no sector lácteo ca baixas e na actualidade conta con 18.500 explotacións leiteiras
Esta tendencia continúa na actualidade e, de feito, Irlanda é, xunto con Polonia, o país da UE que máis está a incrementar a súa produción de leite desde o final das cotas lácteas no ano 2015, pero fíxoo sen variar o seu modelo produtivo tradicional, baseado no pasto.
Irlanda foi o país da UE que máis incrementou a produción de leite desde o fin das cotas lácteas, pero fíxoo sen variar substancialmente o seu modelo produtivo baseado no pasto
“Algunhas explotacións intensificáronse algo e algunhas explotacións de vacún de carne pasáronse ao leite pero o seu crecemento está baseado na planificación e o asesoramento público”, explica César. Os prezos: un factor determinante Deste xeito os gandeiros irlandeses pasaron dunha produción equivalente á española no 2015 a superala amplamente a día de hoxe. Irlanda produce xa máis leite ca España, 8,5 millóns de toneladas ao ano fronte ás 7,5 españolas, cun ritmo de crecemento do 10% anual. É ademais, neste momento, o país da UE co prezo do leite máis alto en orixe, por enriba dos 45 céntimos, cando a media europea se sitúa nos 42 céntimos e a española en 37. A produción irlandesa está enfocada á transformación industrial e á exportación, polo que tamén notan en maior medida a baixada de prezos cando as cotizacións internacionais dos produtos lácteos se resinten.
Italia, que tamén ten un sistema intensivo de produción, resiste mellor nestes momentos por uns prezos do leite en orixe máis elevados
Tamén ten unha maior orientación ao mercado Italia, que ten tamén un sistema intensivo de produción, pero que neste momento se defende mellor por uns prezos do leite en orixe máis elevados. No conxunto da UE, Irlanda é o país no que os gandeiros están a gañar máis diñeiro, xa non só polos bos prezos, senón tamén polos baixos custos de produción, o que permite unha mellor marxe aos seus produtores de leite.

A Xunta recibe case 1.000 solicitudes para recuperar 21.400 hectáreas de terras abandonadas

Terra abandonada na zona do Regadío do Val de Lemos, en Monforte O Consello da Xunta analizou este xoves o informe da Consellería do Medio Rural no cal se detallan as solicitudes recibidas sobre superficies de terras en estado de abandono ou infrautilización, a través da manifestación de interese de proxectos do sector primario e agroalimentario galego, así como doutros interesados neste eido. En total, a Xunta recibiu preto de 1.500 iniciativas de pequenas e medianas empresas, entre enquisas simplificadas e proxectos, que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. De todas elas, un total de 994 indican a localización xeográfica da terra demandada e supoñen a posta en valor de 21.322 hectáreas. Algo máis de 13.200 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva gandeira. Destas, preto do 94% da superficie, é dicir, máis de 12.400 ha, correspóndese con peticións de gandaría bovina, seguida pola ovina co 2,7%, unhas 350 hectáreas.
A maior parte das peticións proceden de explotacións de gando vacún de leite e de carne
O informe da Consellería de Medio Rural recolle tamén que máis de 1.900 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva agrícola, das cales o 40,8% corresponde con viñedo (779,1 ha), seguida do 28,7% para froiteiras (547,5 ha), o 8,4% para cultivos forraxeiros (161 ha) e o 7,2% para plantación de pataca (137 ha). No caso da orientación produtiva forestal demandáronse algo máis de 1.400 hectáreas e as variedades máis frecuentes son as frondosas caducifolias (369 ha) e as coníferas (344 ha). O resto de superficie demandada (máis de 4.700 ha) sería para explotacións que demandan terras mixtas, é dicir, para produción agrícola, gandeira ou forestal. Análise da demanda de terra por concellos Tras esta primeira revisión, constátase que existen demandas de superficie no ámbito de concello para 197 dos 313 concellos de Galicia. Os concellos con maior demanda de superficie na provincia da Coruña foron o de Dumbría (é o de maior demanda de superficie con 382 ha), Cerdido, Narón, Camariñas, Muxía e Arzúa. No tocante á provincia de Lugo, a demanda de terra céntrase no concello de Friol (este é o concello de Galicia con maior superficie demandada con 2.577 ha, das que 2.524 ha son para gandaría e 53 ha de orientación mixta), O Incio, Cervantes, Guitiriz, Becerreá e Begonte.
Dumbía na Coruña, Friol en Lugo, Avión e Beariz en Ourense e Rodeiro en Pontevedra son os concellos nos que hai máis solicitudes
Xa na provincia de Ourense, os concellos de Avión e Beariz son os que presentan unha maior demanda (correspondente a unha única solicitude coa que suman 2.000 ha), seguidos dos de Viana do Bolo, Lobios e A Veiga. Finalmente, no tocante á provincia de Pontevedra, destacan os concellos de Rodeiro (é o de maior superficie demandada con 730 ha), A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Silleda e O Rosal. Iniciativa de carácter non vinculante Cómpre sinalar que a convocatoria de manifestación de interese de proxectos autonómicos é unha iniciativa de carácter non vinculante que permite identificar os interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central, ao tempo que axudará a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego.
A Xunta quere poñer en marcha de 200 aldeas modelo
Así, o obxectivo final deste plan nacional é a reactivación económica a curto e medio prazo e a transición cara a unha economía sustentable e resistente a longo prazo. Nesa liña, e no marco desta iniciativa, a Xunta presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o Polo para a transformación de Galicia como un proxecto transformador que promoverá o desenvolvemento de catro proxectos tractores e catro proxectos transversais, cos cales afrontar os catro grandes retos (transición ecolóxica, transición xusta, transición dixital e loita contra o despoboamento e o reto demográfico).
A demanda total de terras agrarias en Galicia ascende a máis de 200.000 hectáreas
Doutra banda, cómpre sinalar que nesta primeira revisión da manifestación de interese, concluíuse que existe unha necesidade adicional de 213.101 hectáreas de terra agraria, que non puido ser xeolocalizada e, polo tanto, non foi posible relacionala coas terras que se mobilizarán cos instrumentos de recuperación de terras. Por este motivo, a Consellería do Medio Rural porase en contacto cos solicitantes destas terras co fin de que precisen con maior exactitude a localización xeográfica das terras requiridas. Deste xeito poderán confrontarse estas necesidades coas terras que se mobilizarán a través dos instrumentos de recuperación que se poñan en marcha ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

O sector vitivinícola demandada 10.000 hectáreas

A maiores destes proxectos, as cinco denominacións de orixe vinícolas galegas solicitaron máis de 10.000 hectáreas para o desenvolvemento de polígonos agroforestais destinados a viñedo, que se levarán a cabo no marco da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, á marxe dos fondos Next Generation.  Tendo en conta o potencial do sector vitivinícola galego de calidade, a Consellería solicitoulle a cada un dos cinco consellos reguladores (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra) que delimitaran xeograficamente os ámbitos propostos para o desenvolvemento de polígonos agroforestais destinados a viñedo acollido a cada DOP.
A denominación de orixe que máis superficie solicitou foi Ribeira Sacra, seguida de Rías Baixas
Así, o conxunto das cinco denominacións de orixe dos viños demandaron máis de 10.000 hectáreas, distribuídas en 2.230 ha para a DOP Rías Baixas, 1.434 para a DOP Ribeiro, 311 para a DOP Valdeorras, 407 para a DOP Monterrei e 5.781 ha para a DOP Ribeira Sacra. A recuperación desta superficie demandada polos consellos reguladores vinícolas levarase a cabo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia co fin de reforzar estes selos de calidade mediante figuras de mobilización de terras.

(V) En que países da UE é máis fácil para os mozos acceder a base territorial?

Pablo precisa máis terras para que a súa gandería, situada no concello de Bóveda, poida medrar Pablo Rodríguez é un mozo do concello lugués de Quiroga que sempre quixo ser gandeiro. No 2016, con tan só 18 anos, decidiu cumplir o seu soño. Puido facelo porque no concello de Bóveda, no lugar de A Portaxe, seu avó tivera unha pequena explotación de vacas de leite e de carne e aínda conservaba as terras. "De meus avós herdei as fincas, 20 hectáreas ao redor da explotación todas chas e boas de traballar", explica Pablo, que montou unha nave nova na que hoxe moxe 51 vacas. Pero no prazo de dous anos ten previsto dobrar o número de cabezas e para iso necesitará máis terra. Na súa mesma situación atópanse moitos outros mozos, non só en Galicia, senón tamén no resto de Europa. Contar con superficie agraria é unha das premisas para case calquera actividade vinculada á terra que se pretenda montar no medio rural. A tenza de terreo, ben sexa en réxime de posesión ou utilización, tórnase en moitos casos un obstáculo insuperable, sobre todo para aquelas persoas que non proceden do ámbito rural, cando pretenden a súa incorporación ao sector. Condicionado pola dispoñibilidade de terras e tamén polo seu prezo, é un problema que, malia ás casuísticas particulares que se poidan dar nas diferentes rexións e países, en distintas zonas dun mesmo país ou mesmo en áreas concretas do territorio, como sucede no caso de Galicia, comparten a maioría de mozos e mozas de toda a UE, segundo o diagnóstico realizado nos últimos anos a nivel europeo. Cara a unha gobernanza comunitaria da terra A regulación dos usos da terra e a lexislación sobre a súa transacción compete aos distintos Estados, pero o Parlamento Europeo tomou conciencia a partir do ano 2015 desta problemática, instando ás autoridades comunitarias (que xa regulan aspectos relacionados dentro da Política Agraria Común) a adoptar medidas para camiñar cara a unha gobernanza comunitaria da terra na UE que harmonice a lexislación tan dispar que existe nestes momentos nos distintos países membros.
O cambio climático está a facer minguar a superficie agraria e estímase que o 20% da SAU europea xa sofre problemas derivados do quecemento global
"O chan é, por unha banda, unha propiedade e, por outra banda, un ben público, e está suxeito a unha obriga social. O chan é un recurso cada vez máis escaso que non pode aumentarse e que representa o fundamento do dereito humano a unha alimentación sa e suficiente, así como dunha multitude de servizos ecosistémicos vitais, polo que non pode ser considerado unha mercadoría normal. Ademais, o chan sofre unha ameaza por partida dobre: por unha banda, pola perda de superficie agrícola debida ao selado, á urbanización, ao turismo, aos proxectos de infraestrutura, aos cambios de uso e forestación e á expansión da desertificación como consecuencia do cambio climático (o 20 % das terras agrícolas europeas xa padece problemas derivados do cambio climático), e, por outro, pola concentración de terras en mans de grandes explotacións agrícolas e investidores alleos á agricultura; e corresponde ás autoridades controlar e limitar a perda de superficie agrícola", argumenta a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo nun informe aprobado en marzo de 2017 sobre a situación da superficie agraria na UE, titulado Como facilitar o acceso dos agricultores á terra?, no que pide aos Estados membros que controlen os prezos de compra e aluguer das superficies agrícolas. "Hai unha carencia xeral de datos exhaustivos, transparentes, actualizados, de calidade e harmonizados a nivel europeo sobre os prezos e volumes do mercado de terras en Europa. Esta afirmación é válida tanto para a compra de terras e parcelas como para os prezos dos alugueres, sobre dereitos de uso, estruturas de propiedade e de arrendamento, e a evolución dos prezos e os volumes no mercado, así como indicadores sociais e ambientais pertinentes a escala europea, e en moitos Estados membros estes datos só se recompilan e publican de forma incompleta", engade. Establecemento de dereitos preferentes "En moitas rexións os prezos de compra e aluguer das terras agrícolas teñen alcanzado un nivel que fomenta a especulación financeira, impedindo, en termos económicos, a numerosas explotacións agrarias manter as terras arrendadas ou proceder á ampliación das superficies necesaria para a supervivencia de explotacións de tamaño pequeno e medio. Ademais, os mozos que queren establecerse atópanse con maiores dificultades de acceso á terra debido ao seu custo, en particular cando non son descendentes de agricultores", indica o informe do Parlamento Europeo. "En moitos Estados membros, os prezos de compra e, nalgúns casos, tamén os de arrendamento de superficies agrícolas xa non están baseados nas rendas obtidas mediante a produción de alimentos", razoa a Cámara comunitaria, polo que pide aos Estados membros que, "a fin de alcanzar os obxectivos da PAC", outorguen "prioridade" aos pequenos e medianos produtores locais, aos mozos e aos novos agricultores —velando pola igualdade de xénero no acceso— á hora de adquirir e arrendar terreos agrícolas, "recorrendo aos dereitos preferentes en particular nun momento de crecente interese por parte de actores alleos á agricultura na adquisición das devanditas terras".
A Eurocámara pediu aos Estados que outorguen "prioridade" aos pequenos e medianos produtores locais e aos novos agricultores á hora de adquirir e arrendar terreos agrícolas
O Comité Económico e Social Europeo (CESE) aprobou en xaneiro de 2015 un ditame titulado O acaparamento de terras: chamada de alerta a Europa e ameaza para a agricultura familiar, no que recomenda que en todos os Estados membros da UE se introduza un límite máximo de adquisición de terreos agrícolas para as persoas tanto físicas como xurídicas. Quen estea por baixo deste límite, debería dispoñer de dereitos preferentes. Número e porcentaxe de explotacións con máis de 100 hectáreas de terreo por países A política sobre o solo é competencia dos Estados membros, que poden impoñer restricións ás transaccións cando estea en xogo a seguridade enerxética ou alimentaria nacional ou cando exista un interese público superior que xustifique esas limitacións. Permítense as restricións para evitar a especulación, conservar as tradicións locais e garantir unha adecuada utilización da terra. A xuízo do CESE, deberían concederse aos Estados membros máis posibilidades de regular os seus mercados de superficies agrícolas e establecer restricións para iso. Ao mesmo tempo, estas restricións limitan o principio establecido polos Tratados da libre circulación de mercadorías e capitais. "A este respecto, —di o CESE— cabe sinalar que os prezos das terras agrícolas e as rendas dos cidadáns dos Estados membros son moi diferentes, polo que é necesario dar unha resposta á cuestión de se a libre circulación de capitais e o libre mercado ofrecen as mesmas oportunidades a todos os cidadáns e persoas xurídicas á hora de adquirir terras". Libre circulación de capitais ou limitacións á adquisición de terras? "A terra non é unha mercadoría calquera que pode fabricarse en grandes cantidades. A terra é un recurso limitado, polo que non deberían aplicárselle as habituais regras do mercado. A propiedade da terra e a utilización das superficies deben regularse máis estritamente", considera o Comité Económico e Social Europeo, que pide ao Parlamento e ao Consello Europeos reflexionar sobre "se a libre circulación de capitais debe garantirse igualmente no caso do alleamento e adquisición de terras e explotacións agrícolas, en particular en relación con terceiros países, pero tamén dentro da UE". O mercado de terras agrícolas nos Estados membros da UE está regulado de formas moi distintas. Mentres que nalgúns países existen restricións, outros carecen delas, o que dá lugar a unha desigualdade entre países. Nalgúns Estados, todas as compras de superficies agrícolas requiren unha autorización oficial, independentemente do país de orixe do comprador. Este é o caso, por exemplo, de Francia, Alemaña e Suecia. Ao mesmo tempo, hai países como Hungría e Lituania nos que se fixaron límites máximos para as superficies agrícolas que poden obrar en poder dun único propietario.
En Francia, Alemaña e Suecia as compras de superficies agrícolas requiren dunha autorización oficial e países como Hungría e Lituania fixaron límites para a superficie que pode posuír un único propietario
En Francia, son as organizacións rexionais de planificación territorial rural (Sociétés d’Aménagement Foncier et d’Etablissement Rural, SAFER) as que regulan as transaccións de terras. As SAFER son organismos cuxa tarefa consiste en acompañar aos produtores agrarios, en especial aos novos agricultores, no proceso de reestruturación da propiedade da terra e en garantir a transparencia do mercado das propiedades rústicas. En Suecia, as compras de terreos en zonas pouco poboadas requiren unha autorización. Á hora de conceder estas autorizacións, examínanse a formación ou a experiencia previa e ás veces tamén se esixe o requisito de que o comprador resida no terreo que adquiriu. En Suecia, só as persoas físicas poden adquirir superficies agrícolas.
En Bélxica, Italia e Francia os arrendatarios de superficies agrícolas ostentan un dereito preferente en caso de alleamento dos terreos
En Lituania, as persoas xurídicas están autorizadas a adquirir terras a condición de que polo menos o 50% da súa renda total proveña da actividade agraria. As persoas físicas e xurídicas nacionais poden posuír ata 500 hectáreas de terra. Bulgaria prorrogou unha moratoria sobre a adquisición de terras de labor que expiraba o 22 de outubro de 2013, ampliándoa ata 2020, xa que recoñeceu o perigo inminente que se cernía sobre as superficies agrícolas do país, debido a que en Bulgaria o prezo das terras, pero tamén o poder adquisitivo dos agricultores, son moito máis baixos que nos países máis prósperos da UE. Compras encubertas e mediante homes de palla En Europa está a producirse unha transformación da propiedade, aínda que a opacidade existente non permite moitas veces ver o fenómeno en toda a súa magnitude. “Non todas as operacións de compravenda se rexistran e as transaccións de superficies entre persoas xurídicas non adoitan ser suficientemente transparentes, por exemplo, no caso das adquisicións realizadas por empresas filiais e asociadas”, recoñece o Comité Económico e Social Europeo no seu ditame de xaneiro de 2015. O acaparamiento de terras na Unión Europea concéntrase nos países do Leste, con clara preferencia do investimento directo estranxeiro por Romanía, Bulgaria, Hungría e Polonia, segundo o estudo Acaparamento de terras na UE, elaborado tamén en 2015 polo Transnational Institute a solicitude da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo. Os principais actores implicados nesta actividade son grandes grupos de bancos, fondos de seguros ou empresas de capital privado, que controlan unha parte cada vez máis crecente das terras agrícolas europeas e aparece así unha nova categoría de investidores, non ligados tradicionalmente ao sector primario, que, baixo a consigna da diversificación, crearon fondos especializados de investimento agrícola para diversificar os seus riscos.
O acaparamiento de terras na Unión Europea concéntrase nos países do Leste. En países como Bulgaria o sector agrario ten recibido investimentos estranxeiros procedentes de China, Kuwait, Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Israel nos últimos anos
Grandes empresas agroalimentarias, con capital procedente de todo o mundo, empezáronse a asentar en Europa. En países como Bulgaria o sector agrario ten recibido investimentos estranxeiros procedentes de China, Kuwait, Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Israel nos últimos anos. O estudo sinala que non hai estatísticas oficiais sobre a propiedade estranxeira das terras agrícolas, pero en Romanía estímase que máis do 10% está en mans de investidores de fóra da UE e entre un 20% e un 30% adicional está controlado por empresas doutros países da UE. A UE abriu procedementos de infracción a países como Hungría polos denominados pocket contract, un tipo de transacción que roza a ilegalidade e que supón que terras agrícolas a nome de cidadáns húngaros son, na práctica, propiedade de estranxeiros. Tendo en conta eses contratos, estímase que un millón de hectáreas (o 15% da superficie agrícola húngara) estaría en mans de propietarios foráneos, principalmente, doutros Estados membros da UE. Aínda que en Polonia os cidadáns estranxeiros non estaban autorizados a comprar terras ata maio de 2016, baixo unha fórmula parecida á utilizada en Hungría, a través de compradores substitutos (a compra faina un agricultor polaco quen máis tarde cede o control a compañías estranxeiras), antes de que finalizase esta prohibición, investidores neerlandeses, daneses, alemáns e británicos eran propietarios de polo menos 200.000 hectáreas na provincia polaca de Pomerania do Oeste. Prezos que se disparan A consecuencia destes movementos de compra masiva de terras é o seu encarecemento. Trala unificación de Alemaña, no territorio da antiga RDA disolvéronse as cooperativas de produción agrícola e moitas desas terras foron compradas por empresas do oeste, incrementando os prezos, que chegaron a dobrarse. En Irlanda, que incrementou notablemente a súa produción láctea nos últimos anos cun sistema baseado no pastoreo, o prezo das terras multiplicouse por cinco desde o ano 2000. Entre o 2000 e o 2009 os prezos incrementáronse en Dinamarca un 151%, en Romanía un 150%, en Bulgaria un 116% e en Lituania un 230%. En España o prezo das terras de cultivo é 10 veces máis alto que en Polonia, por exemplo. Prezos da terra nos distintos países en euros por hectárea Na rexión francesa de Bordeus compradores chineses adquiriron 100 adegas de viños e en Sardeña compañías con capital deste mesmo país compraron terras para a construción de campos de produción de enerxía solar, multiplicando os prezos da terra na rexión por tres. Un exemplo significativo das consecuencias das adquisicións de terras é Escocia, onde hai 200 anos unha área do tamaño dos Países Baixos dividiuse en unidades de entre 8.000 e 20.000 hectáreas, que se venderon a investidores. Neste territorio residían entre 1,5 e 2 millóns de persoas. A día de hoxe este terreo está despoboado por mor da agricultura industrial. O Parlamento escocés traballa actualmente nun proxecto para repoboar a zona, pero isto é considerablemente máis custoso que se o modelo de agricultura baseado nas pequenas explotacións se tivese mantido. Outros exemplos permiten entrever a magnitude da concentración produtiva en Europa: en Romanía as maiores explotacións agrícolas xestionan aproximadamente 65.000 hectáreas, mentres que en Estonia a maior granxa leiteira ten máis de 3.000 vacas.

Especulación e acaparamento de terras en Europa

A FAO advirte da "crecente competencia pola terra e a auga". Máis ou menos, a cada habitante do planeta correspóndenlle 2.000 m2 de terras agrícolas. As superficies aptas para a agricultura están repartidas entre os habitantes de forma moi diferente segundo os países, polo que algúns Estados tentan aumentar esa proporción de terras mediante adquisicións noutros países. Este acaparamiento de terras concéntrase en gran medida en África, América do Sur e outras rexións, incluídas algunhas zonas de Europa, nas que a terra é relativamente barata en comparación cos países desenvolvidos e a media mundial. A maioría dos investidores proceden de China, a India, Corea do Sur, Exipto, os Estados do Golfo, Brasil e Sudáfrica, aínda que algúns deles tamén son orixinarios de EEUU e os Estados membros da UE. Estes procesos tamén teñen lugar dentro de Europa, onde o acaparamiento de terras agrícolas ten lugar especialmente nos países de Europa Central e Oriental. O informe da Comisión de Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo do ano 2017 alerta a respecto da concentración de terras agrícolas na UE e fai unha serie de recomendacións para facilitar o acceso dos agricultores á terra. "Aínda que o nivel dos prezos das terras agrícolas nos Estados membros da Unión é desigual, a concentración de terras segue avanzando dun modo constante en toda Europa e, con iso, as repercusións negativas para os agricultores. O alcance e o ritmo de concentración de terras son alarmantes, especialmente en países como Romanía, Hungría e Bulgaria. Con todo, mesmo en Alemaña, Italia ou España, non resultan descoñecidas estas situacións", indica.
O 1% das compañias agrícolas controla o 20% das terras de cultivo da UE e o 3% controla o 50%, un grao de concentración que se sitúa ao nivel de países como Brasil, Colombia e Filipinas
O grao de concentración das terras agrícolas en Europa e o desequilibrio na utilización da terra na Unión sitúase ao nivel de países como Brasil, Colombia e Filipinas, onde se dá unha distribución desigual da propiedade da terra. "A venda de superficies a investidores e holdings non agrarios é un problema urxente no conxunto da UE e que, tras o fin das moratorias que limitaban a venda de chan a estranxeiros, particularmente os novos Estados membros vense sometidos a unha presión especialmente forte para modificar as súas lexislacións, xa que os prezos do chan relativamente baixos aceleraron a venda de superficies agrícolas a grandes investidores", asegura a Eurocámara. Concentración da terra en mans dos grandes perceptores da PAC En 2013, só o 3,1% das explotacións da Europa dos Vintesete controlaba o 52,2% da superficie cultivable europea e, pola contra, o 76,2% das explotacións dispoñían unicamente do 11,2% das terras agrícolas. "Esta situación é contraria ao modelo europeo dunha agricultura sostible, multifuncional e caracterizada por explotacións agrícolas familiares", afirma o Parlamento Europeo, que asegura que "esta distribución desigual da superficie agrícola corresponde a unha distribución desigual das subvencións da PAC, dado que os pagos directos, que constitúen a maior parte do gasto da PAC, realízanse principalmente por hectárea". Evolución do número de pequenas explotacións (de menos de 10 hectáreas) nos distintos países En España, o 1,3% dos perceptores da PAC recibe o 23,4% do diñeiro total das axudas que chegan desde Bruxelas. Percepción de axudas e posesión de terras son dous factores relacionados e que ademais se retroalimentan.
O pago único por superficie no marco do primeiro alicerce da PAC favorece a adquisición de terras por parte dos grandes produtores, principais perceptores das axudas
O Comité Económico e Social Europeo (CESE) advirte no seu ditame de 2015 de que "a concentración de terras agrícolas conduce a unha concentración das axudas da PAC" e á súa vez de que "unha razón da concentración de terras en Europa é o pago único por superficie no marco do primeiro alicerce da PAC, xa que proporciona aos grandes produtores unha maior capacidade económica e, por conseguinte, vantaxes e máis capital para seguir adquirindo terras". Investidores alleos á agricultura e especuladores financeiros Para o Europarlamento, "os pagos directos da PAC atraen cara ao negocio da terra a fondos de pensións e compañías de seguros que están a adquirir terras cultivables en cantidades alarmantes". "As causas da concentración de terras na Unión son variadas. Así, debido á crecente demanda de alimentos, pensos, materias primas renovables para os combustibles e as industrias química e téxtil, e fontes de enerxía non fósiles, a adquisición de terreos atópase entre as opcións de investimento e de obtención de beneficios mellores e máis seguras para investidores de todo o mundo. Así pois, dado que a adquisición de superficies agrícolas considérase un investimento seguro en moitos Estados membros, especialmente desde que estalou a crise económica e financeira de 2007, investidores alleos á agricultura e especuladores financeiros, como fondos de pensións, compañías de seguros e empresas, están a adquirir terras cultivables en cantidades alarmantes. Unha das consecuencias deste feito é a transferencia dos beneficios e das tributacións do espazo rural ás sedes das grandes empresas e o seu modelo empresarial adoita caracterizarse por estar máis interesado na especulación coa terra que na produción agrícola", asegura o Parlamento europeo no seu informe de 2017.
Capitais financieiros alleos ao sector do agro están a comprar terras e incrementando a especulación sobre elas. Os novos donos van desde bancos a fondos de investimento e de pensións
Tanto en Europa como no resto do mundo, o chan agrícola volveuse un obxecto de especulación financeira e o valor deste desprazouse do que é o seu uso orixinal. Capitais financeiros especulan coa terra para gañar rendas co seu aluguer, co seu valor ambiental (ao cobrar axudas destinadas a reducir a emisión de dióxido de carbono ou mediante a produción de enerxía renovable), e a través da explotación dos recursos naturais do terreo (auga e biodiversidade)”, recolle o estudo titulado Acaparamento de terras na UE, elaborado en 2015 polo Transnational Institute (TNI) a solicitude da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo. Competencia entre produción de alimentos e de biocombustibles Ademais, indica, "algunhas das políticas e subvencións da Unión apoian os esforzos expansionistas de explotacións agrícolas ou atraen a investidores alleos á agricultura cara ao negocio da terra. Por exemplo, os pagos directos por superficie favorecen de forma unilateral ás grandes explotacións. Xeran o mesmo efecto os programas de axuda da Unión ou dos Estados membros que, por exemplo, fomentan as fontes de enerxía non fósiles e, con iso, a competencia polo chan. A demanda de alimentos e forraxe, de enerxías non fósiles e de materias primas renovables para as industrias de carburantes, química e téxtil e para a bioeconomía crece constantemente e con ela tamén o prezo do chan". Debido ao incremento da demanda de materias primas renovables, en moitos lugares os cultivos enerxéticos están a competir pola terra coas producións agrícolas. En Inglaterra, por exemplo a produción de variedades de millo para biogás ocupa unhas 100.000 hectáreas de superficie. "No que respecta ao uso das superficies agrícolas, a produción de alimentos debería ter prioridade sobre os biocarburantes", asegura o CESE.
En España a concentración da distribución fixo que 6 cadeas de supermercados (Mercadona, Carrefour, Día, Eroski, Lidl e Auchan) controlen o 70% do mercado de alimentos
Tamén se incrementa a demanda de alimentos a nivel global, polo aumento da poboación mundial e a mellora do poder adquisitivo familiar en amplas clases sociais dos países emerxentes. Con todo, a Eurocámara indica que "a elevada concentración de poder en sectores do mercado alimentario da Unión podería afectar negativamente aos dereitos dos consumidores e reducir os ingresos dos agricultores". En España, por exemplo, a concentración da distribución fixo que 6 cadeas de supermercados (Mercadona, Carrefour, Día, Eroski, Lidl e Auchan) controlen o 70% do mercado de alimentos. A situación é similar na maioría de países da UE. En Alemaña, as 4 principais cadeas de distribución (Aldi, Lidl, Edeka e Rewe) representan o 85% do mercado.

Radiografía da situación da superficie agraria en Galicia:

(I) Onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas? (II) A polarización no uso da terra: intensificación nunhas zonas e abandono noutras (III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE (IV) Case un terzo do territorio galego está a mato ou abandonado (VI) Tres leis en só 15 anos contra o problema endémico do minifundio

(VI) Tres leis en só 15 anos contra o problema endémico do minifundio

Pradeiras recuperadas nun monte antes improdutivo en Neipín, na Pontenova De cumprírense os plans iniciais da Xunta, frustrados polo adianto electoral, a nova Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias que se tería que ter aprobado neste 2020 sería a terceira norma en menos de tres lustros para o mesmo fin: poñer a producir a terra agraria en Galicia, evitar o abandono de superficies cultivables e favorecer a transferencia de fincas entre propietarios que non as usan e agricultores e gandeiros que as precisan. Era o mesmo obxectivo que perseguían as leis de mobilidade de terras do 2007 e do 2011. Así pois, a gran pregunta sería por que non funcionaron as normas anteriores? E a resposta tamén é clara: porque non se aplicaron. Por iso, a nova Lei que ultimaba a Consellería cando o presidente Alberto Núñez Feijóo anunciou eleccións para o 5 de abril, terá, cando retome a súa tramitación, no seu cumprimento efectivo o seu principal reto. A norma terá que loitar, unha vez sexa aprobada polo Parlamento, contra unha realidade enquistada que tratamos de analizar en Campo Galego nunha serie de artigos temáticos específicos publicados ao longo das últimas semanas. Pero a súa publicación no DOG e entrada en vigor, que agora se retrasará, non garante o seu éxito se non se aplica. O problema vén de vello e as solucións non son novas. O profesor da USC Edelmiro López identificaba xa no ano 1995 na súa tese de doutoramento os problemas da mobilidade de terras en Galicia e a tendencia que se estaba a dar en moitas explotacións de incrementar a súa superficie utilizada pola vía de bouzar fincas de monte da súa propiedade nun contexto de escasa mobilidade do mercado de terras, aumentando así a súa ratio superficie agrícola utilizada/superficie total ante a imposibilidade de arrendar ou comprar terra das explotacións que deixaran a actividade na súa mesma área xeográfica.
O que no 2007 era necesario hoxe é imprescindible. Perdimos unha década pero benvido sexa o consenso (Edelmiro López)
"O problema xa existía daquela, ou xa se vía, non é algo de agora", asegura hoxe. Por iso cando de 2005 a 2009 tivo responsabilidades na Xunta de Galicia como director xeral de Desenvolvemento Rural durante o Goberno bipartito foi un dos impulsores do Banco de Terras. "Iso que era necesario no 2007, cando se aprobou a Lei do Banco de Terras, hoxe é imprescindible. Perdimos unha década e o problema acentuouse pero as condicións para aplicar medidas son mellores nestes momentos, fundamentalmente porque o partido co maior apoio social de Galicia e coa maior implantación no rural, que hoxe está gobernando, non se opón, como facía daquela, senón que é quen impulsa a norma", destaca. Para Edelmiro, "a unanimidade neste campo é un obxectivo a lograr polo que aínda que perdimos 10 anos, benvido sexa se agora é posible ese consenso", insiste. Sen coñecer polo miúdo a nova norma que quedou en stand by por mor das eleccións, considera que lle "dá continuidade ao Banco de Terras e crea instrumentos para o aproveitamento colectivo, como son os polígonos agroforestais, que recollen tamén a filosofía das Unidades de Xestión Forestal que se creaban no 2007", di. "Os cambios nos usos da terra non se producen en poucos anos e lograr revertilos tampouco leva pouco tempo. Os cambios neste aspecto van ser lentos. Apróbase a lei, logo hai que afinar os instrumentos e logo aplicalos. Penso que facer algunha proba a modo experimental previo é interesante", opina.
Dadas as dificultades para ampliar a súa superficie, as explotacións tiveron que orientar a súa estratexia cara á intensificación produtiva co conseguinte aumento de inputs externos
Igual que xa facía na súa tese no ano 95, cinco anos despois, no 2000, Edelmiro facía de novo unha análise semellante da situación das terras en Galicia nun estudo titulado O sector agrario galego ás portas do século XXI: balance das súas transformacións recentes, publicado na Revista Galega de Economía. A análise básica realizada daquela é válida 20 anos despois, algo indicativo do pouco que se avanzou en materia de xestión do territorio. "A falta de mobilidade da terra provocou que nestes anos se acentuase o que constitúe un dos problemas fundamentais e un dos maiores paradoxos da nosa agricultura: que, sendo a terra o factor escaso por antonomasia e o principal límite da produtividade do traballo, exista, en cambio, un pésimo aproveitamento deste ben, cun volume moi elevado e cada vez maior de superficies de alto potencial agrario que están abandonadas ou dedicadas a outros usos (basicamente forestais). Iso limitou o incremento da produtividade do traballo, así como da produción e renda por explotación e fixo, ademais, que este incremento tivese que operarse en gran medida pola vía dunha crecente intensificación (dadas as dificultades para ampliar a súa superficie agraria, as explotacións sobreviventes tiveron que orientar a súa estratexia en boa parte cara á intensificación produtiva co consecuente aumento de inputs)", indicaba. E proseguía o artigo: "A orixe última do problema son os obstáculos á mobilidade da terra. As causas últimas desa situación, os factores que explican ese bloqueo, son moi diversos, pero hai que destacar especialmente un marco legal que privilexia de forma absoluta a libre disposición das terras polos propietarios fronte ao que serían as necesidades colectivas –unha asignación máis racional deste ben en tanto que factor produtivo–. Neste sentido, unha tarefa fundamental que debería propoñerse a política de estruturas agrarias en Galicia nos próximos anos sería a de corrixir eses obstáculos á mobilidade da terra, buscando sobre todo mobilizar produtivamente as enormes extensións hoxe abandonadas". Lexislar en favor dos que queren usar a terra Finalmente, advertíase de que "a cuestión é delicada no plano social. Isto fai que as reformas deban abordarse con suma cautela, de forma gradual e buscando o maior consenso social; pero, recoñecendo eses condicionantes, trátase dunha tarefa absolutamente ineludible se queremos construír un sector agrario sólido e con estruturas eficientes. E, doutra banda, ese proceso (o sometemento dos dereitos dos propietarios de terras a unha ordenación colectiva) non é máis que a tendencia xeral que, con maior ou menor forza segundo os países, veuse dando en toda a Europa occidental ao longo do século XX". Por iso, hoxe Edelmiro estima que é unha boa idea que se modifique na futura Lei de Mobilidade de Terras o equilibrio entre os dereitos dos donos das terras sen usar e o das explotacións e persoas emprendedoras que queiran usalas, tal como propuxo tamén fai anos o Foro Económico de Galicia nun documento titulado Unha estratexia para a Galicia rural do século XXI. Diagnóstico e propostas para o debate que o propio Edelmiro asinaba xunto á tamén profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago Mar Pérez Fra.
Até agora saía moi barato ter as terras sen producir porque temos un marco legal que privilexia a libre disposición dos propietarios fronte ás necesidades colectivas en tanto factor produtivo que é o solo
"É boa idea que se lexisle en favor de quen quere poñer as terras a producir fronte a quen ten a propiedade e desde o poder público pode ofrecerse garantías aos propietarios para animalos e fomentar deste xeito o entendemento entre os donos das terras e os emprendedores", asegura, "cunha adecuada ordenación para evitar o acaparamento pero evitando que unha minoría de propietarios descoñecidos, emigrados, etc. poida bloquear o desenvolvemento dunha zona agrícola", di. A intervención pública para garantir o uso produtivo da terra é unha ferramenta coa que están dacordo todos os expertos consultados. "O mercado de terras non se amaña por si só, fan falla políticas públicas", defende Francisco Sineiro, mentres que Eduardo Corbelle e Rafael Crecente, no artigo titulado Urbanización, Forestación e Abandono. Cambios recentes na paisaxe de Galicia, 1985-2005, publicado no ano 2014 na Revista Galega de Economía, xa afirman que "á vista dos resultados, semella que a importancia territorial da diminución da superficie agrícola (unha diminución do 15% en vinte anos, equivalente a case o 5% da superficie da Comunidade Autónoma) xustifica en gran medida os esforzos lexislativos realizados para poñerlle freo, tanto no referente á competencia con outros usos agrarios como no relativo aos procesos de urbanización". Cumprimento efectivo "Temos problemas de mobilidade de terras, iso é unha evidencia, pero cada vez que se aproba unha nova lei non se analiza por que non funcionaron as anteriores. Pensamos que cunha nova lei resolvemos o problema, pero as leis, ademais de aprobalas, teñen que ter un percorrido práctico. Esas medidas por moito que se poñan no DOG se logo non van acompañadas dos medios suficientes para aplicalas é moi difícil que funcionen. Eu espero que a nova lei veña acompañada de medios. O marco legal actual permitiría facer cousas que non se fixeron nestes anos, por iso a principal innovación por parte das Administración con esta lei sería a de empezar por aplicar a lei. Non coñezo ningunha rexión europea con máis leis relacionadas co territorio como Galicia, pero non aplicamos ningunha. Se o fixesemos empezariamos a saber se funcionan ou non", asegura Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago.
De pouco serve ter un hospital se despois non tes persoal sanitario, eu espero que a nova lei veña acompañada de medios e que se aplique (Quico Ónega)
O Banco de Terras foi creado mediante a Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, aprobada polo Goberno bipartito da Xunta (Diario Oficial de Galicia, nº 104, de 31/05/07). Este proxecto foi arrefriado co cambio de Goberno na Xunta producido no 2009. O novo executivo modificou a normativa do Banco de Terras mediante a aprobación da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras (Diario Oficial de Galicia, nº 205, de 26/10/11). "Non querían desenvolver nin activar o Banco de Terras pero tampouco o eliminaron basicamente porque os gandeiros profesionais queríano e estaban dacordo coa norma", considera Edelmiro. O tópico do apego á terra dos galegos O 85% das fincas que hai no Banco de Terras son de titularidade pública, algo que a priori poría en dúbida a validez ou eficacia das medidas de adscrición voluntaria para a ordenación de usos, aínda que Quico achácao tamén á falta de interese real até o de agora para que esta ferramenta funcionase. "Segue sendo aplicable a diagnose de que de pouco serve ter un hospital se non tes persoal sanitario. Co Banco de Terras pasa un pouco iso, durante moitos anos houbo un déficit de persoal crónico que ralentizou a incorporación de fincas privadas", asegura. "Autoimpoñémonos moitas veces tópicos que puideron ser certos no seu momento pero 30 anos despois cambian moito as cousas", asegura Eduardo Corbelle. “Fai 10 anos este proceso de mobilidade de terras non se podería facer porque aínda había moito apego ás leiras, pero hoxe para moitos herdeiros estas fincas son un auténtico problema”, xustifican tamén desde a Consellaría do Medio Rural, impulsor da nova norma.
Autoimpoñémonos moitas veces tópicos que puideron ser certos no seu momento, pero 30 anos despois cambian moito as cousas (Eduardo Corbelle)
O medio rural ocupa 4/5 partes do territorio galego, pero nel só vive o 25% da poboación, cando a mediados do século XX esa porcentaxe era do 80%. Ademais, só ao redor do 15% das persoas ocupadas que residen no rural teñen como actividade principal a agricultura. "A técnica para recuperar unha terra abandonada sabémola pero o desafío é como abordar o aspecto social da mobilidade de terras en Galicia e como atraemos novos usuarios para esas terras", di Quico, polo que pide que se traballe tamén a través na nova Lei nos aspectos sociais da actividade agraria, como son por exemplo a falta de relevo xeracional en moitas das explotacións. A necesaria versatilidade da norma Pasto permanente nunha explotación de vacún de carne en Xermade Serve unha lei única para o conxunto de Galicia, tendo en conta que a situación produtiva e de mantemento da actividade agrogandeira é diferente nas distintas zonas? A maioría dos expertos concordan en que, dadas as notables diferencias existentes no territorio galego en canto a nivel de uso e tendencia ao abandono, a nova Lei debe ter versatilidade para poder adaptarse ás distintas circunstancias. "Debe ser útil na diversidade de situacións, a Lei non pode ter todo previsto, teñen que ser logo os técnicos de campo e os diferentes actores encargados de poñer en marcha a lei os que actúen con versatilidade en función das características de cada parcela", di Quico, que considera tamén que "é interesante facer proxectos piloto antes da aprobación da norma para aprender deles e incorporar esa experiencia logo á Lei".
O mercado de terras non se amaña por si só, fan falla políticas públicas pero presentar unha nova lei a 5 ou 10 anos é unha fuxida cara adiante, fan falta medidas urxentes (Francisco Sineiro)
"Aínda que a norma se aplique para o conxunto do territorio, fan falta medidas urxentes e plans de ordenación concretos para as zonas de maior actividade agraria e gandeira. Decir por exemplo que o sector lácteo é un sector estratéxico para Galicia e dedicarlle só o 8% do territorio fala por si só", argumenta Sineiro, que considera que "presentar agora unha nova lei cun prazo para aplicala entre unhas cousas e outras a 5 ou 10 anos vista é unha fuxida cara adiante". Sineiro fai retrospectiva de por que estamos nesta situación e que se deixou de facer ou non se fixo ben e pide que se establezan e se apliquen "normas de protección e separación de usos". "Non pode ser que terras de grande interese agrario se usen para a forestación sen regulación efectiva", di. Concentracións parcelarias que se eternizan Outra das dúbidas que xorde é qué vai pasar coa figura das concentracións parcelarias, unha das ferramentas clásicas de mellora da produtividade da terra e loita contra o minifundio, un problema endémico do noso agro, pero que resultou pouco efectiva para ordenar o territorio galego no seu conxunto. As primeiras concentracións parcelarias comezaron a facerse en Galicia na década dos 60 e 70 pero moitas parroquias de importantes zonas produtoras non teñen acometido aínda, medio século despois, ningún proceso deste tipo, ben por falta de interese e unanimidade veciñal, ben por falta de dilixencia da Administración, que é quen pilota estes procesos, nos casos de parroquias que teñen concentracións parcelarias solicitadas desde fai ducias de anos. A Xunta destina anualmente uns 20 millóns de euros a estes procesos. A aprobación da nova Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, en substitución da lei de reforma agraria de 1973 e da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia (modificada parcialmente posteriormente pola Lei 12/2001, do 10 de setembro), tratou de axilizar estes procesos. Pero aínda así moitas das concentracións parcelarias, normalmente conflitivas, acaban eternizándose. Por iso a Xunta quere ampliar de catro a seis anos o prazo de vixencia das declaracións de impacto ambiental das parcelarias, un trámite previo necesario actualmente, para que non caduquen se xorden problemas, cos veciños ou de outra índole, que fagan non se rematen en prazo. Un total de 104 parcelarias están neste momento sen rematar en Galicia, moitas delas iniciadas fai máis de 10 anos e noutros 17 casos as concentracións están rematadas á espera da entrega dos títulos aos novos propietarios. Afectan en total a máis de 100.000 hectáreas de superficie, aínda que a meirande parte é superficie forestal, xa que só unha de cada tres concentracións parcelarias que se está a levar a cabo ten lugar en terreo agrícola. Permutas de parcelas e figuras de xestión conxunta Son moitas máis as parroquias que teñen solicitado novas concentracións, que agora poderían verse relegadas nalgúns casos polas novas figuras de ordenación, como poden ser por exemplo os polígonos agroforestais. Son instrumentos que non tocan a propiedade, que se mantería repartida, senón que inciden sobre o aproveitamento en conxunto, pero que tamén levarían aparellados investimentos necesarios para a agregación das fincas e posterior reparto entre varios solicitantes, no caso de habelos. O pequeno tamaño das parcelas e a súa dispersión é un dos principais problemas que lastra o desenvolvemento do sector agrogandeiro e forestal en Galicia pero Sineiro considera que as concentracións parcelarias "era un traballo que había que ter feito fai 30 anos, cando a maioría dos propietarios eran tamén agricultores e gandeiros, hoxe hai que facelas só alí onde é máis urxente e se necesitan, porque son investimentos importantes que hai que asegurar para o fin para o que se fixeron, evitando que despois esas terras queden no abandono, se urbanicen ou se planten", di. A maiores doutras alternativas á concentración parcelaria tradicional, como os novos polígonos agroforestais, a agrupación de parcelas mediante permutas é un mecanismo que pode axudar a mellorar o problema en moitos casos. Leva aparellados uns custes moitos menores e, en principio, un tempo de realización moito máis curto. Outra das virtudes é que pode empregarse só cunha parte das persoas propietarias ou agricultoras dunha área e mesmo que os participantes non incorporen ao proceso todas as súas parcelas. As últimas modificacións legais de carácter autonómico fixeron que as permutas de fincas rústicas carezan de tributación, pero existen outra serie de gastos de carácter técnico ou notarial que seguen a pesar sobre o peto dos propietarios dispostos a facer permutas entre as súas fincas. Por iso, algún concello como o de Friol, onde conviven explotacións leiteiras e de vacún de carne pero onde un bo número de parroquias do municipio non conta con concentración parcelaria, conta cunha liña de axudas específicas para subvencionar o 50% destes gastos.

Valoración dos sindicatos agrarios: solicitude de medidas urxentes específicas para zonas produtoras e dúbidas sobre os criterios de asignación de fincas

A nivel sindical, a nova Lei de Mobilidade de terras recíbese con cautela, aínda que existe unanimidade na súa necesidade. Para o Sindicato Labrego Galego, as políticas de mobilidade de terras “non só son necesarias, senón que se antollan indispensables”. Pero poñen o énfase noutro aspecto: "É clave que a Xunta de Galicia faga cumprir a lei e protexa os solos agrarios con valor agronómico, para evitar a competencia das plantacións de eucaliptos”, subliña Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG. Desde o Sindicato Labrego, advirten tamén de que “tal e como están deseñados os plans piloto de mobilidade de terras, crean serias dúbidas sobre os criterios de asignación de fincas que se están a seguir" e defenden que “o reparto debe facerse en base a uns baremos transparentes, obxectivos e públicos que primen aspectos para a concesión como a proximidade das granxas solicitantes a esas terras, a incorporación de xente moza ou a fixación de poboación no rural” e con medidas que eviten o acaparamento de terras.
UUAA cre que a nova Lei é "pouco imaxinativa" para zonas con máis carencias de SAU e o SLG teme que se produza "acaparamento" nas terras que se porán a producir
Unións Agrarias, pola súa banda, ve "aspectos positivos" no avance feito pola Consellería, aínda que cree que a nova Lei "é pouco imaxinativa para as zonas con máis carencias de SAU". Unións Agrarias valora positivamente a filosofía da Lei trasladada polo conselleiro José González ao sector no último Consello Agrario, celebrado no mes de decembro, que din, "pode ser eficaz para a mobilidade en zonas abandonadas, pero pouco imaxinativa para aquelas comarcas máis produtivas nas que hai maior presión polo acceso a terra". Para a organización agraria, a falta de terra e o abandono "é unha problemática de primeiro nivel que debe ser abordada desde un plano integral", polo que, tal como esixiu UUAA, debe facerse "sen abandonar a finalización das concentracións parcelarias que están en marcha e o inicio daquelas que sexan de especial interese para o mantemento e expansión da actividade agraria en determinadas comarcas", defende Roberto García.

Radiografía da situación da superficie agraria en Galicia:

(I) Onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas? (II) A polarización no uso da terra: intensificación nunhas zonas e abandono noutras (III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE (IV) Case un terzo do territorio galego está a mato ou abandonado (V) O acceso á terra, un factor limitante para a incorporación de mozos á actividade agrogandeira en toda Europa

O adianto electoral frustra a aprobación da Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias

Terras desaproveitadas no Val de Lemos A Lei de Mobilidade de Terras non será unha realidade nesta lexislatura e posiblemente non vexa a luz este ano. O adianto electoral anunciado no día de onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, dá ao traste coa intención da Consellería do Medio Rural de dotarse dunha norma coa que enfrontar a continua perda de superficie agraria que se está a producir en Galicia. O proxecto de Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias foi anunciado para o pasado mes de novembro pero aínda non entrou no Parlamento. A Xunta tería decidido retrasar a aprobación da nova norma en busca de consenso en ano electoral e na Consellería admiten que as présas iniciais por sacar adiante a norma tornáronse en cautela ás portas das eleccións. Aínda que foi anunciada polo propio conselleiro do Medio Rural, José González, para finais de 2019, a aprobación definitiva da nova Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias terá agora que agardar á nova lexislatura e á toma de posesión do novo Goberno galego saído dos comicios do día 5 de abril. A estas alturas o proxecto de Lei aínda non entrara no Parlamento (a Xunta limítabase a anunciar que "proximamente" iniciaría a súa tramitación parlamentaria) e a inmediata disolución da Cámara galega impedirá xa que o poida facer até o segundo semestre do ano como moi cedo e sempre que o novo Executivo non decida introducir cambios ou mesmo elaborar un novo texto normativo.
O temor a que a nova Lei fose considerada intervencionista e crease rexeitamento social ás portas dunhas eleccións autonómicas fixo que nas últimas semanas se retrasase a súa aprobación no Consello da Xunta
Por iso, o retraso (quizais intencionado) da súa entrada no Parlamento fará probablemente que a norma non entre en vigor este ano. Tralas eleccións do 5 de abril os deputados electos deberán tomar posesión e, logo da constitución da Cámara, deberá elexirse presidente da Xunta, que á súa vez nomeará aos novos conselleiros. Co novo Goberno formado a Lei deberá ir ao Consello da Xunta e, de aí, ao Parlamento, cando este inicie as súas sesións de traballo. Que a nova normativa para a mobilidade de terras quede ou non aprobada definitivamente antes de que remate 2020 dependerá tamén da consideración coa que sexa tramitada na Cámara. Se entra como proxecto de Lei ten unha tramitación e se entra como anteproxecto ten outra diferente e ese é un aspecto que vai depender da decisión do propio Parlamento galego. Temor ao castigo nas urnas dos propietarios de terras abandonadas O temor a que a nova Lei fose considerada demasiado intervencionista e crease rexeitamento social ás portas dunhas eleccións autonómicas fixeran nas últimas semanas que se retrasase a súa aprobación no Consello da Xunta, paso previo á súa remisión ao Parlamento. Presións internas desde sectores do propio Goberno e o partido que o sustenta obrigaron a recuar nas súas intencións á Consellería do Medio Rural, onde admiten que as présas iniciais por sacar adiante a norma tornáronse en cautela e en querer explicala ben antes a medida que se achegaba a data dos comicios. Na argumentación que dan desde a Xunta apelan á búsqueda de consenso. "Estamos traballando desde a Consellería en dúas novas normas, o anteproxecto de Lei de Xestión de Residuos Gandeiros para regular o uso dos xurros e a Lei de Mobilidade de Terras. Se por nós fora estarían xa as dúas no Parlamento, pero, pola súa trascendencia, non é bo aprobalas con urxencia, é mellor explicalas antes. Así que a présa que tiñamos ao principio transformouse nun desexo de querer explicalas ben, tres meses máis é o de menos se acertamos para que sexa unha norma útil e eficaz e para que non teña rexeitamento social", admitía a finais de xaneiro o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, a Campo Galego, cando aínda se contaba con esgotar a lexislatura, que acabaría oficialmente en outono de non terse producido o adianto electoral anunciado onte.
Se por nós fora tanto a lei de mobilidade de terras como a de xestión de xurros estarían xa no Parlamento pero pola súa trascendencia non é bo aprobalas con urxencia, é mellor explicalas antes (José Balseiros)
O propio conselleiro do Medio Rural, José González, que anunciara para novembro a entrada da nova Lei na Cámara galega, así como os demais altos cargos políticos e técnicos da Consellería adicaron as últimas semanas, desde o pasado mes de decembro, a explicar os principais pormenores da nova norma aos distintos sectores vinculados co rural, presentando un adianto da nova lei ao Consello Agrario, ao Consello Forestal, a asociacións e colectivos profesionais como os enxeñeiros agrícolas e forestais, aos Consellos Reguladores das cinco D.O. de viño galegas ou mesmo en reunións explicativas con veciños solicitadas polos alcaldes. "Escoitar antes ao sector é positivo porque hai aportacións que enriquecen a norma, igual que as experiencias piloto previas que estamos xa probando e que serven como espello", aseguraba Balseiros. Un texto articulado que non chegou a facerse público As espectativas que había postas na nova norma para favorecer a posta en produción da superficie cultivable e que agora queda en stand by eran moi altas: "Sen dúbida, vai supoñer un antes e un despois", afirmaba Balseiros. O borrador do que todo o mundo falaba de oídas (a Consellería non facilitou cando menos o documento a Campo Galego malia telo solicitado) carecía até o de agora de maior concreción que o avanzado polo propio conselleiro e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, en distintas comparecencias públicas. Pero descoñecíanse a día de hoxe os pormenores do articulado normativo, os prazos de aplicación e a proposta orzamentaria que debía acompañar a execución da nova lei. E mesmo algunhas das cuestións recollidas inicialmente estaban a ser valoradas e non se descartaban cambios previos á súa tramitación e mesmo tamén durante ela. "O espíritu non vai cambiar, pero a regulamentación e o articulado é probable que sufra aínda modificacións para poñer esta Lei en consonancia con outras que xa esisten (como a Lei do Solo ou a Lei de Montes) para que non a limiten na súa aplicación", avanzaba o director xeral de Gandería semanas atrás. Aínda que a Lei de Mobilidade de Terras depende de Agader, José Balseiros aseguraba que eran moitas as persoas interesadas en montar un proxecto no rural galego que acudían diariamente ao seu departamento a preguntar, porque ter superficie dispoñible dabonda é un dos condicionantes fundamentais en moitos casos para poñelos en marcha. Medidas para evitar o bloqueo das ferramentas de ordenación Recuperar terras abandonadas para facilitar base territorial ás explotacións creando así riqueza e emprego no rural para evitar deste xeito os incendios forestais foi o obxectivo primordial que se marcou o José González cando se fixo cargo da Consellería do Medio Rural fai case ano e medio (a finais de setembro de 2018). A súa medida estrela para logralo era precisamente a futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, unha norma da que se falou moito durante todo o seu mandato. A nova Lei apostaba por unha serie de medidas voluntarias para favorecer a mobilización de terras a través de ferramentas como os polígonos agroforestais, os proxectos de xestión conxunta da terra, a iniciativa de aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario, pero reservábase a capacidade para impedir o bloqueo por parte dunha minoría de propietarios a este tipo de proxectos de ordenación. Tamén se impulsaban dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que estaba previsto axilizar, e o Banco de Explotacións. Este último serviría para facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian deixar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade, co fin de evitar o seu desmantelamento e o das terras que as conforman. A lei xorde, precisamente, como resultado das conclusións do ditame da Comisión do Parlamento Galego creada a raíz dos incendios forestais de 2017 e abrangue as terras con vocación agraria, forestal e gandeira, é dicir, os tres usos fundamentais do solo rústico galego. Para animar os arrendamentos ou a compra-venda de terras, contemplábanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras. O fin último era dar seguridade xurídica tanto aos propietarios da terra como aos arrendadores, así como permitir que a Xunta de Galicia poida intervir en todas aquelas parcelas cuxo propietario está ilocalizable.

Ensaios previos con distintos proxectos piloto

Encontro do conselleiro de Medio Rural con veciños da aldea modelo de Osmo, en Cenlle Namentres finalizaba a redacción da norma para a súa aprobación parlamentaria, a Xunta avanzou nunha serie de plans piloto de mobilidade de terras anunciados en comarcas como Lemos, Ancares, Courel, O Ribeiro ou Verín. As terras destes proxectos piloto, con concesións que poden chegar aos 30 anos de arrendamento, forman parte dos denominados polígonos agroforestais. A intención da Consellería do Medio Rural é probar o funcionamento desta ferramenta en 15 lugares experimentais cunha superficie total dunhas 10.000 hectáreas de terras abandonadas de alta calidade agraria, para poñela a disposición de agricultores e gandeiros interesados en cultivala. Estas iniciativas seguen adiante e, a priori, non se verían afectadas pola convocatoria electoral. O departamento que dirixe José González actuará como intermediario entre propietarios e arrendatarios, confiando en que estes alugueiros constitúan un complemento interesante para moitos pensionistas. No caso das parcelas ilocalizables, as rendas que se paguen está previsto que vaian ao erario público da Xunta de Galicia. O investimento previsto nestas iniciativas é de 2,7 millóns de euros e están en marcha polígonos agroforestais no Courel, Ancares e Val de Lemos, na provincia de Lugo, así como en Cualedro, Oímbra e Arnoia, na de Ourense. En fase de proxecto ou previstos hai outros en Vilalba, Quiroga, O Barco de Valdeorras, o Baixo Miño ou A Cañiza. O Banco de Terras actúa como instrumento de identificación de áreas de gran aptitude agraria e elevado grao de abandono, de elemento para a concentración da oferta a través da dinamización das persoas titulares dos terreos e de posta en contacto e arbitraxe entre titulares e axentes, tales como cooperativas ou empresas agrarias, interesados en promover proxectos produtivos agrarios de gran envergadura. As aldeas modelo De xeito parello tamén se está comezando a instaurar a modo experimental outra das ferramentas novidosas da futura Lei, as denominadas aldeas modelo. Xa son seis as declaradas pola Xunta. Son Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei), Trabazón (O Irixo), Trascastro (O Incio) e Osmo (Cenlle). Nelas a Consellería do Medio Rural busca un aproveitamento produtivo das franxas de prevención contra incendios forestais arredor dos núcleos habitados para dar cumprimento deste xeito ás distancias de plantacións establecidas na Lei 7/2012 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia. Nestes seis casos concretos suporá actuar nun total de case 138 hectáreas, correspondentes a máis de 3.800 parcelas de preto de 800 propietarios. As fincas terán un uso produtivo diferente en cada aldea modelo, centrándose na maioría dos casos en gandeiría extensiva tanto de porco celta como de razas autóctonas bovinas, aínda que tamén se fará cultivo de cereais nalgúns casos. A Consellería do Medio Rural informaba o pasado mes de novembro de que recibiu xa 47 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo por toda a xeografía galega, das que están en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas en case 13.000 parcelas duns 3.200 propietarios.

Radiografía da situación da superficie agraria en Galicia:

(I) Onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas? (II) A polarización no uso da terra: intensificación nunhas zonas e abandono noutras (III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE

Fruga reclama unha regulación do leite de pastoreo acordada co sector

A Federación Rural Galega (Fruga) reclama á Xunta de Galicia que os futuros cambios normativos para a produción de leite de pastoreo sexan consensuados co sector. "Demandamos do señor conselleiro que calquera tipo de modificación en relación á produción de leite en pastoreo se acorde con todos os axentes do sector", solicita Fruga, que afirma que "a intención da Consellería de pór colares GPS ás vacas que fan pastoreo fai pensar que non confía nos gandeiros que optan por este modelo produtivo". O anuncio da Consellería do Medio Rural sobre a súa intención de regular a produción e comercialización de leite de pastoreo, avanzado polo director xeral de Gandería, José Balseiros, a Campo Galego, foi entendido desde Fruga como un ataque ao sector produtor, cando as críticas vertidas por Balseiros ían dirixidas fundamentalmente ás industrias que están a empregar esta marca sen estar aínda regulada, do mesmo xeito que tamén supeditou os termos concretos da nova normativa á súa aceptación por parte de industrias e produtores. "Dende FRUGA non nos opoñemos a un regulamento que defina con claridade o que significa esta práctica porque é evidente que é preciso perfeccionar o sistema, o que non entendemos é a intención da Xunta de pór colares GPS ás vacas, algo insólito, que o único que vai supor son problemas para as explotacións gandeiras, e en moitos lugares até dubidamos da súa cobertura, ademais dos custos que isto leva aparellado para moitos gandeiros e gandeiras que a día de hoxe estamos a producir en base ó pastoreo", insiste Elías Somoza, coordinador da Federación Rural Galega en Lugo. 800 explotacións practican pastoreo na actualidade en Galicia "Actualmente en Galicia, hai perto de 800 explotacións lácteas producindo leite de pastoreo, práctica que se está estendendo a outras comunidades do Estado, mesmamente en Baleares. Igualmente parécenos unha falta de respecto pór en dubida estas marcas, cando realmente a produción de leite de vacas que saen a pacer é o fenómeno máis natural que pode existir, e ao mesmo tempo contribúe a reducir os custos de produción. Parece ser que a Xunta non confía nin nos gandeiros e gandeiras que producen este tipo de leite, nin nas empresas encargadas de velar pola súa correcta certificación", engade.
Non nos parece de recibo que o conselleiro de Medio Rural intente cargarse este sistema produtivo. Estamos a falar dun modelo que priman as novas políticas europeas e noutros puntos do planeta a produción de leite vai neste camiño
"Existen marcas de pastoreo, que levan implícito o selo de Galega 100%, co cal non entendemos como se pode dubidar desta trazabilidade. En cambio a propia Xunta debería de preocuparse por axilizar as altas e as baixas no Rexistro de Calidade Diferenciada (RECALDI), que actualmente presenta importantes atrasos na súa xestión", reclama Elías. "Si realmente esta produción ten saída nos mercados e Galicia presenta unhas cualidades físicas, orográficas e climáticas propicias para o pastoreo, o que ten que facer o conselleiro de Medio Rural é promover este sistema de produción, e non pór atrancos para a súa consolidación. Estamos a falar dun modelo produtivo do cal viven moitas familias no rural galego, con prácticas sustentables, que cada día son máis primadas nas novas políticas europeas. É evidente que moitas destas explotacións son de tamaño medio, aspecto que parece que non lle gusta á actual dirección da Xunta de Galicia, mais deberían saber que gracias a elas son moitos os postos de traballo directos e indirectos que se crean, e noutros puntos do planeta parece que a produción de leite vai nese camiño. E desde logo non nos parece de recibo que o conselleiro de Medio Rural intente cargarse este sistema produtivo", critican. "Un novo problema" para as explotacións que están neste tipo de produción En opinión de Fruga, o mecanismo que está a estudar a Xunta para evitar a fraude na utilización da marca de pastoreo, mediante a instalación de colares GPS nas vacas supón "un novo problema" para as explotacións que están neste tipo de produción. "Nós consideramos que a Consellería tería que promover e facilitar este tipo de producións e non pór trabas para a súa práctica. O sistema de colares nos animais non é preciso para controlar se as reses saen a pacer ou non, chega con outro tipo de controles. Actualmente son frecuentes as visitas das empresas certificadoras ás explotacións para comprobar in situ se o pastoreo se está realizando", razoa o coordinador da Federación Rural Galega en Lugo.
Poñer colares GPS ás vacas é algo insólito que o único que vai supoñer son problemas para as explotacións gandeiras, e en moitos lugares até dubidamos da súa cobertura. Non son necesarios, chega cos controles que fan nas visitas in situ ás explotacións as entidades certificadoras
Fruga argumenta que se a Consellería do Medio Rural quere realmente favorecer este tipo de producións "o que ten que facer é traballar en políticas de mobilidade da terra, como o banco de terras, ou outras iniciativas". "Vemos como a superficie agraria útil segue a descender en Galicia de forma considerable, cando moitas explotacións aínda que queiran reconverterse ao pastoreo téñeno difícil pola falta de terras, e por parte da Consellería mírase para outro lado, permitindo a forestación de terras agrarias", considera Elías Somoza.

(IV) Case un terzo do territorio galego está a mato ou abandonado

Terra abandonada na zona do regadío do Val de Lemos, en Monforte Galicia ten máis superficie a mato que adicada á agricultura e á gandeiría. O sector produtor da nosa comunidade emprega unhas 700.000 hectáreas de terreo, o que representa menos dunha cuarta parte da superficie total galega, mentres a superficie a mato é dunhas 900.000 hectáreas, o que equivale a case un terzo do territorio. Mobilizar esa superficie e poñela a disposición dos produtores que a precisen é o obxectivo principal da nova norma que prepara a Xunta. Pero son varios os factores a ter en conta para entender como se chegou a esta situación e tamén para dilucidar que posibilidades reais de actuación existen en cada zona, en función da calidade das terras que están abandonadas, o de determinará os seus posibles usos, así como da existencia ou non de axentes interesados na súa posta a producir. Así pois, a primeira cuestión sería establecer canta superficie abandonada hai en Galicia e que aptitude produtiva ten. Eduardo Corbelle, do Laboratorio do Territorio da USC, cuantifica, logo da análise de mapas de usos de solos que cubren a totalidade do territorio, que "a superficie cuberta por mato é de algo menos de 900.000 hectáreas". Pero aínda que por simplificar se tenda a considerar todo o mato como superficie abandonada, "a aptitude produtiva é moi diversa", engade o seu compañeiro Quico Ónega. O profesor Díaz Fierros caracterizou produtivamente os solos de Galicia en catro tipoloxías básicas: cultivos esixentes tipo millo, terras que non sendo boas para millo si o serían para pradeira, solos aptos para produción forestal de madeira de piñeiro e terreos non produtivos desde o punto de vista agrícola ou forestal.
En Galicia hai máis de 150.000 hectáreas de terras que están a mato que serían aptas para cultivo máis ou menos intensivo con boas ou moi boas aptitudes pero non van estar dispoñibles pasado mañá (Edelmiro López)
"É certo que cando menos unha parte das terras que actualmente están ocupadas por formacións de mato poderían ser obxecto de aproveitamento agrícola ou gandeiro algo máis intensivo e pasar, polo tanto, a ser consideradas SAU", asegura Eduardo Corbelle. En concreto, di, "cando menos unhas 100.000 hectáreas ocupadas por mato terían unha aptitude boa ou moi boa para produción de pastos e desas 100.000, arredor da metade incluso serían boas ou moi boas para a produción de millo", detalla. O profesor de Estutura Económica Edelmiro López incrementa esa cifra e considera que "en Galicia hai máis de 150.000 hectáreas de terras que están a mato que serían aptas para cultivo máis ou menos intensivo con boas ou moi boas aptitudes, pero non van estar dispoñibles pasado mañá", advirte.
Non todas as fincas abandonadas son realmente mobilizables: por un lado ten que ser viable tecnicamente poñelas a producir e por outro ten que haber xente interesada en traballalas, e en moitos lugares faltan xestores para as terras (Quico Ónega)
É algo no que tamén concordan Eduardo e Quico. "A transformación desa superficie en superficie de uso agrícola ou gandeiro (nalgúns casos trataríase dunha recuperación, na medida en que se tratase de superficies que viñan sendo aproveitadas de xeito similar ata hai unhas décadas) tería un custo económico (investimento), e quizais algún custo ambiental que estaría pendente de ser avaliado", di Eduardo, aínda que aclara que "só unha pequena parte desa superficie (probablemente menos de 5.000 ha) está incluída en Rede Natura 2000". "Tendo en conta a superficie que está hoxe a mato que valería para cultivar e a que podería ser aproveitada como pasto case aumentariamos nun 50% a superficie agraria actual, pero non podemos facer esas contas tan simples. Haberá que ver que esas fincas sexan realmente mobilizables, por un lado porque tecnicamente sexa viable poñelas a producir e por outro lado porque neses lugares haxa xente interesada en traballalas, porque ao mellor nos atopamos con que en moitos sitios faltan xestores para as terras", argumenta Quico. Falta de relevo xeracional En Galicia pecha máis dunha explotación por día e a situación pevese que continúe nesta década a ese ritmo, xa que o 40% das explotacións de leite, por exemplo, (unhas 3.000) teñen como titular a unha persoa física cunha idade superior a 55 anos, polo que no intervalo que vai até dentro de 10 anos poderían pechar sen ter a ninguén que os suceda. "Se unha parte moi importante das explotacións non ten relevo dentro da propia explotación haberá que buscalo fóra. En Francia, onde o problema é semellante, teñen xa ferramentas e unha visión específica para iso", conta Quico Ónega.
É necesario mobilizar a oferta, pero tamén hai que contar coa demanda. Se unha parte moi importante das explotacións non ten relevo dentro da propia explotación haberá que buscalo fóra (Quico Ónega)
"Cando falamos de mobilizar terras temos que ter en conta a oferta e a demanda. A realidade hoxe en Galicia é que onde hai demanda de terra existe pouca oferta e onde hai oferta de terras paradas non hai demanda", argumenta. Por iso, di, "non é só unha cuestión de lexislar para recuperar terras abandonadas, é un verdadeiro reto de enxeñería social, porque se calculamos que a superficie media de explotacións de vacún profesionalizadas en Galicia pode andar nas 40 hectáreas, temos 5.000 persoas nesas zonas onde temos terras baldías dispostas a incorporarse e a comezar desde cero?", pregúntase. "Por outro lado é unha grande oportunidade e pode ser un foco de emprego para moita xente", asegura. "Pero para iso temos que ver como logramos atraer a esas persoas ao rural, procedentes en moitos casos desde ámbitos alleos ao sector. En definitiva, é necesario mobilizar a oferta, pero tamén hai que contar coa demanda", conclúe. Propietarios descoñecidos Quico pon sobre a mesa unha dificultade engadida: "hai que ver primeiro que saibamos onde están realmente esas terras que están abandonadas, a quen pertencen e que legalmente sexan accesibles", di. O minifundio e a fragmentación da propiedade é un hándicap que arrastra historicamente o sector agrogandeiro galego. O 97% da superficie total de Galicia é solo rústico, pero a nosa comunidade é un puzle de 11 millóns de parcelas catastrais pertencentes a 1,6 millóns de propietarios (un 8% deles descoñecidos para a Administración) e tal escenario enrédase aínda máis pola desactualización dos datos de propiedade. Catastro ten mal identificada a propiedade de arredor dun 30% das terras rústicas de Galicia. A Consellería do Medio Rural proxecta cambiar o escenario na futura Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terra Agraria de Galicia, atribuíndolle á Xunta a propiedade de toda terra que continúe sendo descoñecida tras un proceso de investigación sobre a titularidade da mesma.
Haberá que ver como se concreta legalmente no articulado da norma a intención da Xunta de atribuirse a titularidade das terras de propiedade descoñecida
Pero haberá que ver como se concreta legalmente no articulado da norma esta intención da Xunta de atribuirse ao seu favor a titularidade das terras de propiedade descoñecida para que despois esas fincas poidan ser incorporadas a posibles figuras de xestión conxunta da terra, coma polígonos agroforestais ou Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

Minifundio crónico e desconexión co medio rural

Os usos tradicionais e os costumes históricos do medio rural galego, por exemplo no reparto de herdanzas, propiciaron o minifundio dos terreos rústicos galegos e unha atomización da propiedade que chega aos nosos días. Galicia ocupa tan só o 6% do territorio español, pero ten o 16,5% da superficie rústica española e o maior número de parcelas catastrais de España, pois alberga a quinta parte dos titulares catastrais de rústica censados a nivel nacional, e o 28,3% de todas as parcelas rústicas que hai en España. Galicia lidera ademais ás comunidades autónomas españolas con maior número de parcelas catastrais por titular, tendo incluso a superficie media máis pequena por parcela catastral, proclamándose así a comunidade autónoma co maior grao de parcelamento rústico de toda España, ademais con gran diferenza sobre todas as demais. A superficie media de parcela por titular en Galicia (1,70 ha.) é tres veces menos que a media española (5,74 ha.) e mentres en Galicia cada titular ten unha media de case 7 parcelas, no conxunto España non chega a 5 parcelas por titular.
Na nosa comunidade hai 11 millóns de parcelas rústicas pertencentes a 1,6 millóns de propietarios, é dicir, dous de cada tres galegos posúe cando menos unha finca rústica
A parcela catastral de rústica en Galicia ten unha superficie media de apenas 0,26 hectáreas, é dicir que unha parcela de rústica en Galicia ten un tamaño medio de pouco máis de 2.500 m2. Ourense concentra case a terceira parte de parcelas catastrais de rústica de Galicia e o maior número de titulares están na Coruña e Pontevedra, ao redor de medio millón censados en cada unha. Lugo é a provincia galega con maior superficie media por parcela catastral rústica e Pontevedra ten as parcelas máis pequenas de Galicia. Edelmiro López aporta un dato en relación á desconexión progresiva da poboación co medio rural e o uso da terra. "Nos anos 60 tiñamos 830.000 persoas adicadas á agricultura en Galicia, segundo o censo agrario daquela época, e había unha identificación clara entre habitante do rural, propietario de terras e traballador do sector agrario. Hoxe, segundo a Enquisa de poboación activa, só 50.000 persoas se adican á agricultura en Galicia, polo tanto, desplomouse o número de persoas que traballan na agricultura mentres o número de propietarios non diminuiu, senón que mesmo seguiu aumentando. Esa desconexión é unha das orixes do problema e a ecuación a resolver é como consegues que as terras deses centos de miles de propietarios que non as traballan se poñen a disposición de quen si ten interese en facelo", argumenta. Segundo a metodoloxía DGURBA empregada pola Comisión Europea, un total de 263 concellos (o 84% dos municipios galegos) recibirían a definición de rurais pola súa baixa densidade de poboación. Neles viviría o 37% da poboación galega actual pero con niveis de avellentamento moi elevados. Ese avellentamento da poboación trasládase tamén á propiedade da terra. Seis de cada dez donos de terras agrarias en Galicia  teñen máis de 55 años, mentras que os agricultores e gandeiros menores de 35 anos representan só o 2% do total.

Radiografía da situación da superficie agraria en Galicia:

(I) Onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas? (II) A polarización no uso da terra: intensificación nunhas zonas e abandono noutras (III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE

(III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE

Plantación de eucaliptos nunha antiga pradeira en Donalbai (Begonte) Hai pouca investigación sobre as dinámicas de uso do solo en Galicia e menos aínda que chegen até o día de hoxe", asegura Quico Ónega, profesor do Máster Universitario en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio da USC e membro do Laboratorio do Territorio (Laborate). Pero con independencia dos datos cuantitativos, unha realidade semella clara: xunto ao descenso da superficie agraria, o monte foi perdendo nas últimas décadas o seu uso como aproveitamento agrogandeiro e centrouse na produción forestal de madeira. Ese feito ten incidencia tamén sobre o cálculo da superficie agraria útil. "Teriamos que analizar a consideración do mato, que hoxe por simplificar consideramos superficie abandonada pero noutro tempo non era así. No 1987 comparado con hoxe pastoreábase máis monte, e ese mato era SAU, hoxe pastorease menos, pero habería que ver que vexetación hai nese mato e que uso se fai dela", exemplifica Quico.
Desde comezos da década dos 60 até os anos 80 fóronse deixando de aproveitar polo gando unhas 820.000 hectáreas de monte
O profesor Francisco Sineiro puña datos no ano 2006 a esa superficie agroforestal que se foi deixando de pacer e que pouco a pouco ou ben foi quedando en situación de abandono ou foi colonizada polas plantacións de piñeiros e eucaliptos ou invadida pola aparición espontánea desas e outras especies. "Desde comezos de 1960 até 1980 fóronse deixando de aproveitar polo gando unhas 820.000 hectáreas de monte", calculaba Sineiro. Decisións administrativas en favor do monte e en detrimento da superficie agraria As plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos foron gañando inicialmente terreo no franquismo a medida que o gando ía deixando de aproveitar o monte e posteriormente, a partir da entrada na UE, coa acelerada desaparición de explotacións, que as fixo prescindir das súas terras Segundo datos do avance do cuarto Inventario Forestal Nacional, no ano 2011 había en Galicia 2.030.681 hectáreas de monte, das que 1.424.094 estarían arboradas (eucaliptos, frondosas, piñeiros, bosques de ribeira, etc). Se atendemos aos datos dos Inventarios Forestais anteriores, a superficie arborada teríase duplicado en Galicia desde o 1950 ao 1975 como consecuencia das campañas de reforestación do franquismo en montes tanto privados como abertais e comunais.
A escaseza de cota láctea establecida para Galicia en 1986 e a concesión de axudas para a forestación de terras agrarias a partir de 1992 tiveron consecuencias no proceso de perda de superficie agraria en Galicia
Foi quizais a primeira gran transformación da paisaxe galega como consecuencia do cambio de uso do solo. Pero as decisións gubernativas en favor do monte tiveron en máis ocasións claras repercusións sobre o descenso da superficie agrícola. A entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea no ano 1986, o establecemento das cuotas lácteas que limitaron o crecemento e desenvolvemento do sector leiteiro galego ou a primeira gran reforma da Política Agraria Común a partir do ano 1992 e a concesión de axudas á forestación de terras agrarias derivadas do Regulamento europeo 2080/1992 tiveron tamén consecuencias no proceso de perda de superficie agraria en Galicia. 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos Desde o final do franquismo, o incremento de 294.733 hectáreas de monte arborado experimentado no últimos 40 anos –os datos referidos a Galicia do primeiro Inventario Forestal Nacional (1.129.361 hectáreas) foron tomados no ano 1973 e os máis recentes, pertencentes ao cuarto Inventario Forestal Nacinal (1.424.094 hectáreas), son do 2010– non se tería producido todo a costa de plantar monte raso, como até entón, senón que unha parte dese incremento (unhas 150.000 hectáreas) serían consecuencia da forestación de terras con outros usos anteriores, maioritariamente agrícolas, mesmo con concesión de axudas públicas para estas plantacións nos anos 90. Da forestación realizada mediante plantacións, cando menos unha parte ten a súa orixe no réxime de axudas derivado do Regulamento 2080/92 CE, activo durante o período 1994-2001. Ana Isabel García Arias e Mar Pérez Fra estimaron no ano 2001 o efecto deste programa, a partir dos datos do Ministerio de Agricultura, en 46.157 ha forestadas entre os anos 1994 e 1998. "Probablemente a importancia do programa foi maior na medida en que serviu como exemplo a seguir por moitos propietarios privados que decidiron realizar plantacións pola súa conta, o que suporía que a superficie forestada sen axudas ocupou superficie agrícola en moita maior proporción que a que recibiu subvencións", afirma Eduardo Corbelle, do Laboratorio do Territorio. Polo tanto, engade, "a ocupación de terras agrícolas de boa calidade por plantacións forestais, e en xeral a competencia entre o uso agrícola ou gandeiro e o de produción de madeira, non semella ter sido unha consecuencia directa das políticas públicas de fomento da forestación, senón máis ben da iniciativa privada nun contexto de escasa regulación dos cambios de uso".
As axudas á forestación de terras outorgadas de 1994 a 2001 serían as responsables directas da plantación e desaparición de 50.000 hectáreas de superficie agraria
Desde 1986, ano de entrada do Estado español na CEE, a superficie gañada polas repoboacións forestais sería mesmo maior a 378.718 hectáreas, mentres nese mesmo periodo se terían perdido en Galicia perto de 200.000 hectáreas de uso agrícola. Máis de tres cuartas partes do incremento da superficie forestal arbolada en Galicia nas últimas tres décadas produciuse nas provincias de Lugo e de Ourense, onde a superficie plantada aumentou un 40 e un 30 por cento respectivamente entre o primeiro e o terceiro Inventario Forestal. Os eucaliptais foron sen dúbida os protagonistas deste cambio de uso na terra e no monte producidos en Galicia desde o último cuarto do século XX, multiplicándose por 6 a superficie destinada a esta especie na nosa comunidade, pasando das 27.639 hectáreas do IFN1, ás 46.494 do IFN2, ás 174.211 do IFN3 e ás 248.169 hectáreas do IFN4 (máis 39.814 hectáreas de repoboacións novas). Ademais destas masas monoespecíficas, o eucalipto aparece noutras 124.414 hectáreas mesturado co piñeiro do país (pinus pinaster) e comparte presenza co carballo en máis de 21.517 hectáreas. O maior avance do eucalipto teríase producido nas provincias da Coruña e Lugo, onde por exemplo se tería multiplicado por 18 a súa presenza, pasando de 4.000 a máis de 73.000 hectáreas na actualidade. Os piñeirais de piñeiros do país alcanzan a súa maior extensión en A Coruña, pero posúen maior representación en Pontevedra. Finalmente, máis de dous terzos dos piñeirais de piñeiro insigne concéntranse en Lugo e algo máis da cuarta parte en A Coruña. O piñeiro insigne (Pinus radiata) ocupa actualmente case 100 mil hectáreas, sendo a especie que máis se expandiu tras os eucaliptos durante o tránsito do pasado ao presente século. As masas forestais produtivas de eucaliptos e piñeiros ocupan en conxunto 690 mil hectáreas de extensión que representan case a metade do monte arborado galego, preto da terceira parte da superficie forestal de Galicia e case unha cuarta parte do total do territorio galego. Na actualidade, as plantacións de eucaliptos son xa as masas forestais arboradas máis abundantes en Galicia, constituíndose nos principais protagonistas da paisaxe forestal galega, ocupan unha extensión próxima a 300 mil hectáreas que representa máis do 20% do monte arborado galego, case 15% da superficie forestal total e o 10% do territorio galego.
A superficie arbolada galega de masas produtivas representa respecto ao total do Estado só o 3,9%. Sen embargo a produción anual da nosa comunidade equivale a máis do 50% da madeira cortada en España
Os piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), que foron os máis estendidos ata finais do século XX, son agora a segunda formación arborada máis abundante de Galicia, representando máis do 15% do monte arborado galego. Estes piñeiros galegos, que gañaron terreo moi rápido desde a segunda metade do século XX, fórono perdendo durante o último cuarto do século XX, para acabar cedendo ao eucalipto o seu protagonismo na paisaxe forestal galega do século XXI, segundo acreditan os datos rexistrados no IFN4. A porcentaxe de superficie forestal que ten Galicia respecto ao seu territorio (69%) é a mesma que teñen Finlandia e Suecia. O monte arbolado ocupa o 70% da superficie forestal galega, o que representa que case a metade do territorio galego está plantado. O monte desarbolado ocupa á súa vez unha quinta parte do territorio total da comunidade e representa case unha terceira parte da superficie forestal de Galicia. "Grande parte do monte desarbolado galego son montes veciñais en man común e preto da metade do monte desarbolado de Galicia atópase na provincia de Ourense", afirma a Consellaría do Medio Rural no documento elaborado no 2015 para a revisión do Plan Forestal de Galicia.

A Administración endureceu os cambios de uso pero segue sen haber control efectivo e actuacións de oficio

A normativa é hoxe moito máis estrita á hora de permitir os cambios de uso do solo rústico, aínda que en moitos casos eses impedimentos para converter terras agrarias en forestais só quedan no papel. A falta de vixiancia de oficio e de control de cumprimento da norma por parte da Administración levaron ao seu incumprimento sistemático até o de agora, mesmo con plantacións de terras que entraran en concentracións parcelarias. A Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016) establece dentro do solo rústico distintas categorías de protección, entre as que se atopan a agraria e a forestal. Dacordo coa norma, no solo rústico de especial protección agropecuaria (as fincas de concentracións parcelarias terían todas esta consideración) está absolutamente prohibida a plantación de especies forestais como piñeiros ou eucaliptos. Só se poderían plantar especies destinadas á produción de froito (castiñeiros, nogueiras) e no caso doutras frondosas (carballos, bidueiros) só se autorizaría despois de que a finca pase dous anos no Banco de Terras sen que nese prazo ninguén solicitase o seu arrendamento.
No solo rústico de especial protección agropecuaria está absolutamente prohibida a plantación de piñeiros e eucaliptos e para transformar chan forestal a agrario é preciso un informe de impacto ambiental
En canto aos solos de especial protección forestal, segundo a Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) poderían reconvertirse a uso agrario previa comunicación a Medio Rural e informe de impacto ambiental da Consellería de Medio Ambiente superficies de até 15 hectáreas que estean a mato ou de menos de 5 no caso de estaren plantadas con piñeiros, eucaliptos ou frondosas de menos de 10 anos. Os Concellos teñen responsabilidade tamén no establecemento, vixiancia e mantemento dos solos agrarios. Son as entidades locais as que, a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou do Plan Básico Municipal (no caso de concellos de menos de 5.000 habitantes), delimitan o solo rústico, aínda que a clasificación como agrario ou forestal depende da Xunta desde o 2016.

(II) A polarización no uso da terra en Galicia: intensificación nunhas zonas e abandono noutras

Obras de ampliación dunha explotación na parroquia de Álvare (A Pastoriza) unha das de maior produción de leite de Galicia A parroquia de Álvare, na Pastoriza, é un lugar especializado na produción de leite. Tanto que as dúas ducias de explotacións que hai na parroquia non deixan de medrar día a día e producen entre elas soas máis leite que moitas comunidades autónomas do Estado. Tamén rivalizan pola terra. En Álvare non queda un metro de terra sen labrar e os pés de eucalipto están en clara desvantaxe fronte aos de millo. Igual que acontece noutras zonas de Galicia, as explotacións precisan terra, pero hai pouca dispoñible. É unha situación que tamén se dá noutros concellos da Terra Chá e noutras comarcas de Galicia, como Xallas, Ordes ou o Deza, mentras en amplas zonas da nosa comunidade as leiras quedan baldías por non haber quen as traballe. É a cara e a cruz da moeda da evolución da superficie agraria en Galicia nas últimas décadas, unha disparidade que se segue a acrecentar. Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago, indica que o que se produciu foi "unha regresión continua en termos agregados da SAU en Galicia con aguante nalgún concello vinculado a explotación leiteira e en menor medida nalgún outro con gandeiría de carne". Polarización da produción agrogandeira en Galicia "A evolución desigual da superficie agraria en todo Galicia nos últimos 30 anos é un factor relevante, porque se vai polarizando a explotación da terra", engade. "Perdese SAU e ese proceso non se freou aínda mentres a produción tende a concentrarse en zonas concretas. Malia que os concellos con máis produción leiteira foron quen de manter a súa superficie agraria e nalgún outro, como por exemplo en Cervantes e algún lugar puntual de Ourense, estanse dando procesos de recuperación paulatina con expansión da gandeiría de carne, hai outras zonas onde o descenso foi moito máis acusado", explica. "O periodo posterior á entrada de España na Comunidade Económica Europea foi un periodo moi dinámico no que as principais tendencias de cambio se distribuíron de xeito desigual polo territorio", afirmaban tamén Eduardo Corbelle e Rafael Crecente no artigo Urbanización, Forestación e Abandono. Cambios recentes na paisaxe de Galicia, 1985-2005, publicado no ano 2014 na Revista Galega de Economía.
O abandono vai por parroquias: a costa urbanizouse e forestouse, a montaña foi quedando a hermo e o centro de Galicia especializouse e intensificou a produción de leite
A análise feita neste traballo a nivel parroquial suxire unha tendencia á diferenciación e á especialización entre diferentes zonas: as áreas costeiras aparecen caracterizadas polo dominio da forestación e da urbanización, as áreas de montaña polo dominio das cubertas naturais, que aumentan como consecuencia da falta de actividade humana, "e distínguese claramente unha área intermedia na que a actividade agrícola e gandeira non só se mantén senón que, mesmo, se incrementa", aseguran. "O corolario é obvio e suxire que non é necesaria –nin probablemente desexable– a aplicación das mesmas políticas (de desenvolvemento rural pero tamén de ordenación do territorio ou de planeamento urbanístico) en todo o te-rritorio de Galicia", conclúen. Aumento da SAU en zonas leiteiras Os distintos expertos afirman que os concellos do núcleo duro da produción de leite en Galicia mantiveron ou mesmo aumentaron (pola vía de roturar fincas de monte) a superficie agraria nos últimos anos ao tempo que se perdía a pasos axigantados no resto do territorio. "A cabana gandeira concéntrase en cada vez menos concellos e hoxe o 80% das vacas de leite de Galicia concéntrase en 20 concellos, cando en Galicia hai 314", argumenta Quico. Corbelle e Crecente identificaban como “zonas de gandería moderna” estes lugares onde a terra mantivo o seu uso agrario predominante. "Esta é a verdadeira reserva agrícola de Galicia, pero aínda así nela tamén se incrementa a superficie ocupada por plantacións de arborado, polo que é plausible supoñer que estas últimas supuxeron unha forte competencia e, polo tanto, ata certo punto un obstáculo para a mobilidade e a reestruturación do sector agrícola e gandeiro", afirman.
A produción de leite de Galicia no ano 1995, con 70.000 explotacións, era de 1,5 millóns de toneladas. Hoxe as 7.400 que quedan en activo producen 2,7 millóns de toneladas.
A produción de leite en Galicia non deixou de medrar malia a desaparición acelerada de explotacións (no ano 1995, con 70.000 explotacións, a nosa comunidade producía 1,5 millóns de toneladas; hoxe as 7.400 que quedan en activo producen 2,7 millóns de toneladas) e trala desaparición das cotas lácteas no ano 2015 mesmo se disparou, cun incremento do 12% en tres anos. Con todo, esta produción está concentrada cada vez máis nun menor número de zonas do territorio. Os 20 concellos maiores produtores de leite en Galicia (por esta orde: Mazaricos, A Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito, Chantada, Pol, Guntín, Mesía, Trazo, Rodeiro, Lugo, Silleda, Taboada, Guitiriz e Tordoia) suman 1'3 millóns de toneladas, practicamente a metade da produción de leite de Galicia. Trala desaparición das cotas lácteas estes 20 concellos aumentaron un 25% a súa produción de leite, o dobre que o conxunto de Galicia. Intensificación e dependencia  Produción de millo nunha explotación da comarca de Sarria "A produción de leite foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España", evidencia o profesor de Estrutura Económica da USC e impulsor do Banco de Terras Edelmiro López, que identificaba xa na súa tese doutoral no ano 1995 esta tendencia á concentración produtiva e as dificultades existentes para a mobilidade da terra na nosa comunidade. As explotacións de leite galegas dispoñen dun promedio dunhas 20 hectáreas de superficie agraria, a metade das que manexa de media unha granxa leiteira no resto de Europa. E esa imposibilidade de incrementar a superficie agraria en paralelo ao número de cabezas de gando levou á intensificación do sector leiteiro galego acentuando a súa dependencia de factores externos como os incrementos de prezos dos cereais a nivel internacional. "As explotacións tiveron que aumentar a súa escala de produción porque a marxe por unidade, é dicir, por vaca e por litro de leite, foise facendo menor. Isto lévate a unha inercia na que te vas especializando no traballo gandeiro e relegando o traballo agrario. Ese modelo funciona ben cando tes garantidos os insumos necesarios, como o penso ou as forraxes, a prezos baixos e estables pero é problemático en momentos de subas ou desaxustes", asegura Edelmiro.
A produción de leite foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España
Hoxe prodúcese máis leite por granxa en Galicia debido ao incremento do seu tamaño e á mellora da eficiencia produtiva pero con menos superficie (350.000 hectáreas no ano 1989 fronte ás 220.000 do ano 2016) o que fai que a dependencia de concentrados ou da adquisición de forraxes ou outros elementos da ración aumente. "Só unha quinta parte da superficie en Galicia está destinada a cultivos e pastos cando en Europa é o dobre", indica. Por iso considera que un dos obxectivos que debería perseguir a nova Lei de mobilidade de terras que está a elaborar a Xunta ten que ser o de "aumentar as producións de bens agrarios nos que somos deficitarios e que agora compramos fóra", tanto destinados a alimentación humana (cereais e produtos hortofrutícolas) como a alimentación do gando (cereais e forraxes), de maneira que sexa posible "substituir alimentos para o gando que agora temos que importar por alimentos producidos na propia explotación", o que xeraría, di, un dobre beneficio: "aforro económico ás gandeirías e aforro de diñeiro público en apagar lumes no verán", conclúe.

Case un terzo das terras das explotacións que pechan non se incorpora ás que continúan en activo

Á fragmentación da propiedade (que fai que sexa pouco rendible traballar moitas fincas polo seu pequeno tamaño e a súa dispersión) engádese a escasa mobilidade de terras en Galicia, o que dificulta o crecemento e redimensionamento das explotacións que continúan en activo ao impedir o incremento parello das cabezas de gando e da superficie agraria útil da que dispoñen. Edelmiro López advertía xa desta situación no ano 2000 nun estudo titulado O sector agrario galego ás portas do século XXI: balance das súas transformacións recentes, publicado na Revista Galega de Economía, no que analizaba o período 1986-2000: "Da análise da transferencia das terras liberadas por esas unidades desaparecidas ás que continúan en activo os datos suxiren que se mantiveron en esencia as pautas observadas nas décadas precedentes, é dicir que a maior parte desas terras non foron vendidas nin cedidas en arrendamento a outros agricultores, senón que quedaron desmovilizadas para a produción agraria". Esta situación non variou substancialmente e continúa dándose a día de hoxe en niveis importantes. Da pouca transferencia de terras que se produce na nosa comunidade actualmente dá testemuño un dato que aporta o profesor Francisco Sineiro, segundo o cal un 29% das terras que tiñan as explotacións leiteiras que pecharon en Galicia na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo. Analizando os datos da Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, que publica o INE, dos anos 2007 e 2016, a superficie utilizada polas explotacións leiteiras tería descendido desde 303.000 hectáreas a 215.000. "Serían 88.000 hectáreas menos destinadas á produción de leite en 10 anos", evidencia Sineiro, que pon de manifesto que "non se trata tan só de dispoñibilidade, senón tamén de tamaño das parcelas, porque ás veces aínda que haxa fincas dispoñibles non se poden incorporar se están lonxe ou se son pequenas", razoa.
A terra foi o gran factor limitante para as explotacións no pasado e aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC
Esta falta de superficie aproveitable é un freo á mellora da produtividade das explotacións e mesmo supón un risco para a súa viabilidade futura. "A terra foi o gran factor limitante para as explotacións no pasado e aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC", asegura. A resistencia de moitos propietarios a vender ou ceder o uso dos seus terreos é un problema de ideosincrasia de Galicia que cómpre cambiar e que se pode estimular mediante medidas fiscais e facendo cumprir a lexislación sobre usos da terra. "O mercado de terras non se amaña por si só, fan falla políticas públicas", defende Sineiro, que engade que "a responsabilidade de manter os usos agrarios da terra é tanto da Xunta como dos Concellos a través dos Plans Xerais de Ordenación Municipal". "En moitos sitios vemos como se fixeron urbanizacións ou polígonos industriais en terras agrarias de alto valor, mesmo foron feitas infraestruturas deste tipo en fincas que entraran en concentracións parcelarias", indica.

(I) A onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas?

Vista do concello do Páramo, con concentracións parcelarias pendentes desde fai décadas Canta superficie agraria hai en Galicia? Como foi a súa evolución nos últimos anos? Cantas terras produtivas se foron perdendo a medida que ían desaparecendo as explotacións que as mantiñan? En que situación se atopan esas fincas? Cantas delas cambiaron de uso e pasaron a ser monte? En total, canta superficie abandonada hai hoxe en Galicia? Canta desa superficie podería ter usos agrarios? Que habería que facer para recuperala e que se fixo mal até o de agora? Son preguntas ás que trataremos de dar resposta nos vindeiros días nunha serie de artigos nos que, coa axuda de expertos, analizamos cal é a situación actual de partida á que se enfronta a nova Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias que ultima a Xunta e que, segundo avanza a Consellería de Medio Rural, aínda que sen concretar datas concretas nin prazos para a súa aprobación, está a piques de iniciar a súa tramitación parlamentaria. Esta é a radiografía do uso da terra en Galicia, os seus déficits e as súas posibilidades. A nosa comunidade perdeu nos últimos 30 anos máis de 150.000 hectáreas produtivas, un 20% da súa superficie agraria útil, e ten neste momento preto de 900.000 hectáreas a mato, unha parte delas cunha moi boa aptitude produtiva, cando paradoxicamente moitas das explotacións que seguen en activo teñen precisamente na escaseza de terra dispoñible un dos principais freos á súa actividade.
A superficie agrícola utilizada actualmente en Galicia estaría algo por baixo das 700.000 hectáreas, o que representa menos dunha cuarta parte do territorio total da comunidade
Co 6% do total da superficie rústica do Estado, Galicia concentra o 28% do número total de fincas existentes en España. A nosa comunidade ten 11 millóns de parcelas rústicas pertencentes a 1,6 millóns de propietarios, o que quere dicir que dous de cada tres galegos posúen cando menos unha finca rústica, que cada propietario na nosa comunidade conta de media con 6,6 parcelas e que a parcela media non chega aos 2.500 metros cadrados de superficie. A persistencia destes graves déficits estruturais (escasa superficie útil por explotación e reducido tamaño das parcelas) limita o crecemento do sector agrario galego. Se ben se ten producido nas últimas décadas unha restruturación do sector como consecuencia da desaparición de dúas de cada tres explotacións nos últimos 30 anos, a situación da terra non mudou substancialmente (máis alá do incremento producido na superficie por explotación, motivado en grande medida polo efecto estatístico da notable redución no número de explotacións) e as reticencias tradicionais a figuras como o alugueiro ou as dificultades para a mobilidade da terra, moitas delas de carácter cultural ou motivadas por unha lexislación laxa, fan que unha parte das hectáreas das explotacións que pechan non se transfiran ás que seguen en activo, pasando a situación de abandono ou á forestación. Falta de datos fiables actualizados No caso das explotacións máis profesionalizadas ou que reciben fondos da PAC existen datos fiables e actualizados vencellados ás declaracións obrigatorias necesarias para ter dereito a estas axudas e ferramentas como o Sistema de Información Xeográfica de Identificación de Parcelas Agrícolas (SIGPAC) aportan datos sobre os usos nas distintas parcelas. O problema xorde á hora de contabilizar a totalidade da superficie agraria. "Temos dificultades para poñerlle datos reais a canta superficie agraria útil hai en Galicia. Parece mentira pero a día de hoxe temos datos aproximados, pero fidedignos non hai", asegura Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago. Concorda con esta apreciación o seu compañeiro Eduardo Corbelle: "é difícil dar estimacións moi precisas respecto da superficie ocupada por un determinado uso ou cuberta. A razón ten que ver con diferencias metodolóxicas, de escala ou de criterio entre as fontes existentes. Na miña opinión, as cifras que todos manexamos a día de hoxe deberían tomarse con certa prudencia, porque pode haber variacións de varios miles ou decenas de miles de hectáreas facilmente atribuíbles a estas diferenzas metodolóxicas", afirma.
"Temos dificultades para poñerlle datos reais a canta superficie agraria útil hai en Galicia. Parece mentira pero a día de hoxe temos datos aproximados, pero fidedignos non hai", asegura Quico Ónega
Unha das bases de datos máis empregadas, e que permite facer unha evolución histórica das últimas décadas, é a Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, que publica o INE. Sen embargo, ao tratarse dunha enquisa está baseada nas respostas emitidas por agricultores e gandeiros, sen que exista comprobación exhaustiva da veracidade das respostas. "Enquísanse as explotacións en sentido amplo, igual que nos censos agrarios que publica o IGE, pero son fontes declarativas nas que a fiabilidade non é absoluta", indica Quico. O problema para facer comparanzas históricas son tamén os cambios metodolóxicos feitos tanto na Enquisa de Estrutura coma no Censo Agrario ao longo dos anos, o que provoca variacións estatísticas nos resultados obtidos. Para salvar a subxectividade das respostas das distintas enquisas no Laborate traballan con fontes alternativas de tipo cartográfico. "O problema é que as metodoloxías para mapeos de coberturas vexetais en España e Europa non son de todo precisas porque utilizan como unidade mínima a hectárea, e nunha hectárea en Galicia pode haber moitos usos", evidencia Quico. Cal é a superficie agraria total de Galicia? Se botamos man da última Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas publicada polo INE, con datos do 2016, a SAU en Galicia situaríase en 621.643 hectáreas, aínda que para Quico este dato declarativo estaría varios miles de hectáreas por debaixo da realidade, algo que constataría a análise comparativa con ferramentas cartográficas. En calquera caso, a superficie agrícola utilizada actualmente en Galicia achegaríase a algo menos de 700.000 hectáreas, segundo as magnitudes que manexan no Laboratorio do Territorio. Esta é unha estimación derivada da análise do Sistema de Información da Ocupación do Solo de España (SIOSE) na súa edición máis recente, de 2014. "No momento actual, probablemente esta sexa a mellor fonte para realizar a estimación", afirma Eduardo.
O 40% da superficie de Galicia sería apta para o cultivo do millo pero só a metade tería unha aptitude boa ou moi boa para cultivos esixentes coma este, segundo a caracterización produtiva dos solos de Galicia realizada por Díaz-Fierros en 1984
A superficie agraria útil representa aínda non unha cuarta parte a superficie total de Galicia, a metade que na UE, onde en numerosos países a superficie agraria chega a supoñer en moitos casos o 50% do territorio. "O feito de que a SAU actual ocupe menos dun terzo da superficie total de Galicia ten relación coa capacidade produtiva dos nosos solos, que tende a ser menor do que normalmente pensamos", asegura este experto. Pon como exemplo o Mapa de Capacidade Produtiva dos Solos de Galicia, publicado por F. Díaz-Fierros e F. Gil en 1984, e que segue a ser unha referencia na actualidade e que suxire que só o 40% da superficie de Galicia sería apta para o cultivo de millo. "E dese 40% só a metade tería unha aptitude boa ou moi boa para ese cultivo", matiza Eduardo. A aptitude produtiva do solo O rendemento que as explotacións galegas obteñen da terra dispoñible é elevado, mesmo por enriba da aptitude produtiva do chan. A falta de superficie fai que moitas gandeirías intensivas sementen a millo, por exemplo, fincas con pendentes elevadas, nas que existe risco de perda de solo por arrastre, ou nas que o éxito do cultivo e o rendemento final por hectárea está sometido en moitos casos a condicionantes climatolóxicos, con colleitas escasas en anos secos. A falta de terra fai tamén que se repita o cultivo ano tras ano nas mesmas fincas, obrigando a unhas maiores necesidades de fertilización polo desgaste do solo. É algo que se constata nas declaracións para o cobro de axudas da PAC. Segundo os datos aportados por Eurostat no 2010, o 60% da SAU estaría sometida en Galicia a reximes produtivos de alta intensidade, e o restante 40% da superficie repartiríase a partes iguais entre media e baixa intensidade produtiva.
Os terreos con pendente inferior a 12% son de vocación e uso agrícola preferente e máis dun millón de hectáreas en Galicia atoparíanse por baixo dese nivel, a partir do cal hai maior risco de erosión 
Máis da metade do territorio galego atópase por enriba dos 400 metros de altitude e o 63% da Superficie Agraria Útil da nosa comunidade estaría clasificada como zona desfavorecida, segundo os criterios aplicados polo MAGRAMA para o establecemento do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A pendente media do territorio galego é case do 20%, limiar de pendente crítica que segundo os expertos sinala o inicio do arrastre do solo, en función das súas características, tendo en conta que o inicio da erosión do terreo adoita comezar a partir do 12% de pendente, dependendo do tipo de solo. Os terreos con pendente inferior a 12% son, pois, de vocación e uso agrícola preferente e máis dun millón de hectáreas en Galicia atoparíanse por baixo do nivel de pendente do 10%.

O periodo de maior perda de SAU deuse de 1985 a 2005

Se botamos man dos datos oficiais do Ministerio de Agricultura, os correspondentes coa Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas realizada polo INE, nos últimos 30 anos Galicia tería perdido un total de 88.643 hectáreas de superficie agraria, o que equivalería ao 12,5% da SAU existente en 1987. Sen embargo, a maioría de expertos consultados consideran que esta cifra queda moi curta e que a perda de terra de uso agrícola neste periodo sería moi superior, con cifras que dobrarían as das estatísticas oficiais. "A Enquisa de estrutura das explotacións minusvalora a perda de SAU producida en Galicia", afirma Quico Ónega. Concorda con el Eduardo Corbelle: "os censos agrarios non son unha fonte fiable para a estimación de superficies nin no relativo ás cantidades totais nin no tocante ás tendencias que seguen. O censo do ano 1989 estimaba un total de 657.038 ha de superficie agrícola (suma de terras labradas e terras para pastos permanentes), mentres que os datos publicados correspondentes ao censo do ano 2009 estimaban un total de 647.599 ha. Trátase dunha variación neta moi reducida (o 1,4% da superficie agrícola do ano 1989) comparada coa obtida da análise cartográfica dos mapas de uso do solo (o 15,7% da superficie agrícola no período 1985-2005)".
Da comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura, a perda de SAU no periodo de 1985 a 2015 sería de entre 160.000 e 185.000 hectáreas
Aínda coas variacións estatísticas que poida haber en función das fontes utilizadas, o que semella claro é que en Galicia produciuse nas últimas décadas unha perda de superficie agraria que foi constante. Con todo, o periodo de maior regresión da SAU coincide co periodo posterior á entrada na Comunidade Económica Europea e o establecemento das cotas lácteas. "O período posterior á entrada de España na CEE significou para Galicia a continuación e afondamento da transformación da paisaxe que comezara en décadas anteriores. A característica que resume este período é fundamentalmente a expansión da superficie arborada e a diminución da superficie dedicada ao uso agrícola ou gandeiro" afirmaban Eduardo Corbelle e Rafael Crecente no artigo Urbanización, Forestación e Abandono. Cambios recentes na paisaxe de Galicia, 1985-2005, publicado no ano 2014 na Revista Galega de Economía, e que, da comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura, estimaba en 145.000 hectáreas a superficie agraria útil perdida nas dúas décadas posteriores á entrada na CEE. Non existen datos posteriores acadados por este mesmo sistema da comparanza de mapas de usos da terra, pero Eduardo indica que "sabemos que a superficie agraria continuou baixando nestes últimos anos e que entre os anos 2005 e 2014 probablemente se perdeu entre o 2 e o 5% da SAU existente en 2005". Iso suporía a perda de entre 15.000 e 40.000 hectáreas a maiores das perdidas no periodo anterior, polo que o descenso total acumulado desde 1985 a 2015 sería de entre 160.000 e 185.000 hectáreas. Urbanización, forestación e abandono A perda de SAU en Galicia nas últimas décadas débese a tres factores: a urbanización de terras agrícolas, a forestación e o abandono. O traballo de comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura de Eduardo Corbelle e Rafa Crecente chega á conclusión de que de 1985 a 2005 aumentaron a superficie urbanizada e a de arborado e diminuíu a ocupada pola agricultura e a gandería, á vez que grandes áreas do territorio ficaron abandonadas. "En todo caso, a área total que deixou de ser obxecto de aproveitamento agrícola ou gandeiro parece terse repartido practicamente a partes iguais entre a que foi abandonada (e que foi cuberta polo mato ou polas formacións de frondosas como parte dun proceso de revexetación espontánea) e a que mudou de uso como consecuencia dunha decisión deliberada dos seus propietarios (que a reforestaron para producir madeira, ou que decidiron construír nela)", indican.
A caída da SAU repártese a partes iguais entre as terras que foron forestadas e urbanizadas e as que foron abandonadas por ausencia de actividade
"O arborado foi, en termos absolutos, o tipo de cuberta do solo que máis aumentou durante os vinte anos analizados. En conxunto, a superficie clasificada como arborado nos Mapas de cultivos e aproveitamentos pasou de 985.000 ha no ano 1985 a 1.254.297 ha no 2005, estimacións coherentes cos resultados do Inventario Forestal Nacional (IFN): o IFN2 estimaba 1.045.376 ha de monte arborado e de monte arborado ralo no ano 1993, e o IFN3 en 1.405.452 ha no ano 2002", detallan. En base ao mapeo do territorio realizado durante o período estudado (1985-2005) aseguran que "coexistiu a revexetación espontánea e a forestación de terras agrícolas de moi boa calidade (37.700 ha e 39.600 ha, respectivamente)". A comparanza das fontes cartográficas de usos do solo revelaría os seguintes datos para esas dúas décadas: forestación de áreas de mato e de superficie agrícola (235.000 e 158.000 ha, respectivamente), paso a mato de áreas de arborado produtor de madeira (131.000 ha), decrúa de áreas de mato para uso agrícola ou gandeiro (130.000 ha) e abandono a mato de áreas de uso agrícola anterior (106.000 ha).
Unhas 30.000 hectáreas da mellor superficie agrícola perdéronse para sempre como consecuencia de procesos de expansión urbanística e construción de infraestruturas
"Hai unha parte moi importante de superficie agraria perdida nas últimas décadas non por abandono senón por expansión urbanística, construción de infraestruturas ou industrializada, que estaría perdida para sempre ou cando menos a medio ou longo prazo, trátase en moitos casos da mellor terra produtiva de Galicia e que xa é pouco recuperable", asegura Quico. "En total, aproximadamente 103.100 ha de terra agrícola de boa calidade foron ocupadas por outros usos, das cales 26.800 ha fórono dun xeito irreversible ao ser ocupadas por cubertas de tipo artificial", cuantifica o estudo de Eduardo Corbelle e Rafa Crecente. A comparación con datos da capacidade produtiva do solo revela que a urbanización e o mantemento do uso agrícola ou gandeiro tiveron lugar principalmente nas terras de maior calidade produtiva, mentres que a forestación se concentrou en terras de calidade intermedia e o abandono afectou ás de peores características. "A análise de correspondencias entre os cambios de uso e a clase de solo na que tiveron lugar suxire que tanto a superficie que se mantivo con uso agrícola como a que era agrícola e foi ocupada por edicificacións ou cubertas artificiais aparecen asociadas aos solos de mellor calidade. As áreas de expansión do uso agrícola (arrotea de áreas de mato, frondosas ou arborado produtor de madeira) aparecen asociadas a solos de calidade intermedia, ao igual que a forestación de terras agrícolas. O avance de áreas de mato e frondosas aparece ligado a solos de peor calidade e con risco de erosión, e nestes solos tamén se concentran as plantacións de arborado que substituíron ás frondosas e ao mato", detallan.

Galicia afonda na perda de superficie agraria útil

A perda de superficie agraria útil en Galicia mantén a tendencia das últimas décadas, segundo revelan os datos sobre a estrutura das explotacións agrícolas que vén de presentar recentemente o Instituto Nacional de Estatística (INE). Do 2013 ao 2016, Galicia perdeu 34.000 hectáreas, máis dun 5% da súa superficie agraria total. A comunidade acumula nese periodo a metade da superficie agrícola útil que se perdeu no conxunto de España. O problema da perda de terras no agro, advertido desde hai tempo por organizacións agrarias e investigadores, apunta á dificultade de manter na agricultura a superficie das explotacións que cesan na actividade. Esas terras, en parte dos casos, ou ben quedan abandonadas ou ben son forestadas. Das 621.000 hectáreas agrarias que o INE contabiliza en Galicia, preto de 200.000 corresponden ás granxas de leite, que teñen de media arredor de 20 hectáreas, moi lonxe das 51 hectáreas de media dunha granxa láctea europea. Para manter a competitividade do sector lácteo galego, calcúlase que son precisas 130.000 hectáreas adicionais a disposición das explotacións. Debate A situación de perda de superficie agraria chegou este mes ó Parlamento, onde o grupo de En Marea presentou unha proposición non de lei na que require a implementación de medidas eficaces para frear a perda de superficie agraria, de explotacións e de man de obra no agro. Se no 2007, Galicia tiña 748.000 hectáreas agrícolas, segundo os datos do INE, na actualidade está en 621.000 hectáreas. A formación política incide ademais en que boa parte da superficie perdida corresponde ós pastos, que se reduciron na última década un 22%. O dato de perda de pastos contrasta coa recente proposta do Plan Forestal de Galicia, no que a Xunta compromete unhas 225.000 novas hectáreas de pastos en terreos forestais nos próximos 20 anos. Queda por saber como e onde se vai acometer esa expansión dos pastizais, proxectada no borrador do Plan Forestal de Galicia.

As granxas do Norte de España teñen a metade de terras da media europea

As ganderías do Norte de España estanse achegando á media europea en produtividade por animal, pero aínda están moi lonxe en base territorial. Se unha granxa en Europa conta con 51 hectáreas de media, no Norte de España a media quédase en menos da metade, 21,7 hectáreas. Un informe sobre a estrutura das explotacións lácteas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, subliña a prioridade de aumentar a base territorial das explotacións, cuestión na que o apoio público ós arrendamentos se presenta clave. O aumento da base territorial supón un beneficio evidente, o fortalecemento dun sistema de produción baseado nas forraxes producidas na propia explotación. O gasto en concentrados das explotacións de maior tamaño do Norte de España sitúase entre os 12 e os 16 euros por 100 quilos de leite. A media europea quédase nos 9 euros. Outra cuestión a ter en conta é que a asignación de dereitos de pago básico da PAC está referida á superficie da explotación e, dado o proceso de converxencia dos pagos unitarios rexionalizados, isto podería ser causa de que as ganderías con menos base territorial vexan mermados os seus ingresos da PAC. Datos básicos das explotacións As ganderías da zona Norte de España achéganse ás europeas en rendementos, pero a carencia de base territorial pesa na dimensión dos rabaños. A produción media por vaca sitúase no Norte en 7.323 quilos por lactación, oscilando entre os 4.491 quilos das granxas máis pequenas ata os 10.437 quilos de media das explotacións que superan os 500.000 quilos anuais. É un dato similar ó da media española, 7.335 quilos por vaca e ó europeo, 7.488 Kg. /vaca, pero a distancia radica na dimensión das explotacións: 232 toneladas de produción media ao ano no Norte de España polas 323 toneladas medias no conxunto estatal e as 401 da UE-15. Se se compara a produción media por hectárea, o informe recolle que nas comunidades autónomas do norte a media sitúase en 9.900 Kg./hectárea, cun abano que vai dos pouco máis de 3.000 das granxas máis pequenas ós 19.000 das de maior dimensión. A media europea sitúase en 7.800 quilos por hectárea, en tanto a media no conxunto do Estado está nos 12.500 quilos por hectárea. Superficie media das granxas. [Definicións: SAU, Superficie Agraria Útil. Explotacións no estrato 1 (menos de 25 toneladas), estrato 2 (25-75), estrato 3 (75-175), estrato 4 (175-325), estrato 5 (325-500), estrato 6 (+ 500 toneladas ano). Acceso á terra O 62% da terra das explotacións da zona norte está en propiedade, en tanto o 27,8% está en arrendamento e un 9,2% cedida en precario. A maior tamaño de granxa, menor porcentaxe de terras en propiedade. As explotacións de máis de 500.000 quilos dispoñen de máis terras arrendadas (48,5%) que en propiedade (43,3%). En Europa, a porcentaxe media de terras arrendadas chega ó 63%, en tanto no conxunto de España está no 46%. Durante os últimos 10 anos, o 60% das granxas aumentou a súa base territorial, sendo a vía máis frecuente usada polas ganderías o arrendamento (usado polo 61% das que aumentaron terras), seguida da cesión (25%), a roturación de monte (24%) e a compra (20%). Diversidade de granxas As comunidades autónomas do Norte de España presentan unha gran diversidade de explotacións. As explotacións máis pequenas, con menos de 175.000 quilos de produción, representan o 60% do total. Xestionan o 37% da superficie agraria útil e producen o 20% do leite da zona. O outro extremo represéntano as granxas con máis de 325.000 quilos anuais, que son un 20% do total, pero producen o 60% do leite e ocupan outro 37% das terras agrarias.
As granxas de máis dimensión teñen unha intención maioritaria de permanencia no sector
A intención de permanencia no sector é maioritaria entre as explotacións de maior dimensión. Só se detectou un 5-9% de granxas con desexo de abandonar e en case un 60% dos casos teñen a sucesión garantida. Aproximadamente un 35% das granxas desexaban aumentar a súa produción e tiñan entre as súas prioridades o aumento da base territorial e a mellora do manexo da explotación. Entre as granxas pequenas, a situación é a inversa. Hai unha maioría que pensa en abandonar e só un 20% ten o relevo garantido. Os datos corresponden a unha enquisa realizada na campaña 2013-2014. A evolución da situación confirma a vontade de abandono das granxas máis pequenas. Desde o remate da enquisa ata decembro do 2016, abandonaron un 14% das granxas do norte de España, se ben a produción de leite aumentou no mesmo periodo. Contexto O informe sobre a estrutura das explotacións do Norte de España elaborouse a partir de 461 enquisas, con máis de 100 preguntas, a granxas de diversos estratos de produción de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra. O traballo, coordinado polo Instituto Nacional de Investigación Agraria (Inia), contou coa participación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. As enquisas fixéronse maioritariamente na campaña 2013-2014, se ben o traballo foi aínda publicado recentemente.

Os obstáculos á mobilidade das terras agrarias en Galicia

A estrutura da propiedade en Galicia, con 1,7 millóns de propietarios de fincas rústicas, a competencia cos usos forestais e urbanos e a desconexión entre oferta e demanda son os maiores obstáculos para a mobilidade das terras agrarias en Galicia. E para superalos requírese unha decidida actuación da Administración Pública, para poñer en produción as máis de 114.000 hectáreas de Superficie Agraria Útil que están abandonadas, das que 46.000 son terras de alto valor agrario. Esta son algunhas das conclusións do proxecto “Propiedade e mobilidade do mercado de terras en Galicia”, que promove a Fundación Juana de Vega e o AGADER por medio do Banco de Terras e que desenvolve o Grupo de Investigación da USC (LaboraTe). Os seus resultados foron avanzados este martes polo director da fundación, José Manuel Andrade, dentro do curso de verán da USC: “Que facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galicia” que ata o venres se celebra no Campus de Lugo.

Obstáculo I: A estrutura da propiedade da terra en Galicia

O “pequeno” semella máis caro e menos móbil Así, tal e como se aprecia na gráfica, o prezo por metro cadrado tende a ser maior nas parcelas máis pequenas. Ademais, as parcelas obxecto de compra-venda son lixeiramente máis grandes que a media das parcelas catastrais en Galicia (0,35 ha e 0,25 ha de media, respectivamente). O mesmo patrón parece advertirse coas taxas de arrendamento. Relación entre prezo mediano (€/m²) (esquerda) e a SAU en arrendamento (logit) (dereita) coa área media da parcela rústica (ha). Elaboración propia a partir dos datos da ATRIGA e as estatísticas da Dirección Xeral de Catastro) Unha hipótese explicativa apuntaría á concorrencia de máis demandantes potenciais en parcelas pequenas. De feito, pódese resaltar que os prezos son moi variables en parcelas de pequeno tamaño, mentres que por enriba de 0,4 ha fanse relativamente estables. Neste senso, procesos de reestruturación parcelaria onde hai demanda de terras, poderían axudar a mellorar a mobilidade e a reducir o prezo. Cotitularidade e absentismo afectan ao funcionamento do mercado En moitos concellos, existen máis titulares de terra que habitantes. Nestes casos, aparecen prezos máis baixos. Os datos tamén suxiren que o prezo é lixeiramente inferior cando o vendedor é un propietario absentista, en comparación a cando este é residente. Podería explicarse como consecuencia de maiores custos de transacción asociados ás operacións de venta. Pola contra, o réxime en copropiedade semella non ter unha relación clara co valor dos prezos. Ambas particularidades do réxime de tenza, copropiedade e absentismo, vense lixeiramente corrixidas a través do mercado. A terra, un activo económico “especial” No caso da venda, os estudos de caso suxiren que moitos propietarios son reticentes a transferir as súas propiedades, pero é difícil identificar as principais motivacións. Esta reticencia tórnase menor cando se trata de establecer acordos de arrendamento. Na medida en que os propietarios perden o vínculo coas súas terras e os motivos polos cales lles poida interesar mantelas vaian relacionándose máis coa rendibilidade potencial, cabe plantexar a hipótese de que a súa propensión a vender aumente. Esto sería máis certo nos lugares nos que as rendas esperadas das tenzas son baixas. Así, cabe preguntarse se a relación negativa existente, aínda que feble, entre o número de titulares por habitante e os prezos de compravenda apuntarían xa nesa dirección.

Obstáculo II: Interacción/Conflito entre usos

O prezo da terra rústica ten relación coas dinámicas de urbanización O mercado de terras rústicas, aparentemente dominado polos sectores agroforestais, vese aínda así claramente influído en determinadas zonas por dinámicas típicamente urbanas. Os valores de prezo de terra rústica son máis elevados onde a densidade de poboación é máis elevada e tamén onde maior proporción de terra agrícola pasou a usos tipicamente urbanos (residenciais, industriais, infraestruturas). Usos forestais e agrícolas compiten tamén en zonas de demanda potencial alta por parte das explotacións agrarias A presenza de explotacións interesadas en incrementar a superficie que xestionan non levou a menores taxas de forestación, nin de terras agrícolas nin de terras de mato. A produción de madeira compite activamente coa produción agrícola e gandeira, e non se limita a ocupar o que esta última xa non utiliza.

Obstáculo III: Desconexión entre oferta e demanda de terras

Oferta e demanda de terras están parcialmente desacopladas Existen grandes superficies de boa aptitude agrícola actualmente abandonadas en zonas nas que a demanda non é elevada. As explotacións presentes nesas zonas teñen unha importancia relativa moito menor, tanto en termos territoriais, como en absorción potencial de máis terra. Densidade de explotacións agrarias de alta demanda de terras (exp./km2). Elaboración propia a partir de Censo Agrario, 2009. Superficie de boa aptitude agraria cuberta a mato. (Carballal et al., 2013) Fluxo da información: as explotacións teñen dificultades para acceder a terras a certa distancia As explotacións estarían interesadas en terras nun radio de 2,5 km, pero semella que só son activas buscando, ou capaces de atopar, nun radio de menos de 1 km. Isto acentúase sobre todo cando se trata de propiedades de absentistas. Isto relaciónase coa dificultade de acceso á información en canto a que terras hai dispoñibles, que aptitude teñen, que posibilidades de acceso á mesma, etc. Co despoboamento progresivo, a situación vai a peor. A demanda de terras fora das zonas de maior dinamismo agrario é menor, pero existe Esta situación podería relacionarse nalgunhas áreas con demandantes de terras interesados en iniciar unha actividade agraria, e non tanto de explotacións existentes. Tal feito representaría unha oportunidade para dinamizar o mercado nas zonas de menor demanda actual.