Archives

Recomendan aplicar fitosanitarios protectores nas cepas afectadas polo pedrazo en Sober

As tormentas dos últimos días están a causar estragos en cultivos en distintos puntos de Galicia. Unha das zonas afectadas foi o concello de Sober, onde unha tromba de pedrazo rexistrada o pasado domingo provocou importantes danos nos viñedos. Este xoves desprazouse ata a zona o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, para coñecer de primeira man os danos ocasionados. Con el estaban o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Juan Casares, técnicos da Oficina Agraria Comarcal de Monforte de Lemos, o presidente da denominación de orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández. Precisamente, os técnicos da Evega e da OAC estanse encargando de orientar ós produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas. Así, os técnicos da Xunta recomendan aplicar ata o vindeiro sábado 4 de xuño diversos produtos fitosanitarios protectores, co fin de evitar máis danos e tendo en conta as previsións meteorolóxicas para estes días. Na medida do posible, tamén recomendan realizar a poda en verde das cepas, rebaixando a lonxitude dos gromos máis desenvolvidos en aproximadamente 1/3 da súa lonxitude. Neste senso, cabe sinalar que os técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie dunhas 11,5 hectáreas as vides quedaron sen follas nin acios. Tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, noutras 74,8 hectáreas adicionais. Con todo, o director apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifeste o total dos estragos.
Aconsellan ós produtores e adegueiros afectados solicitar asesoramento coa OAC de Monforte e Castro Caldelas
Así, José Luis Cabarcos comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados. Nese senso, os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento no teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte. Cabarcos tamén sinalou que estas recomendacións fitosanitarias serán enviadas á oficina agraria comarcal de Castro Caldelas, por proximidade tamén ás zonas afectadas, cuxo número de teléfono é o 988 788 827.

Seguros agrarios

Doutra banda, dende a Consellería de Medio Rural tamén recordaron que este ano destinaron 7 millóns de euros, un 17% máis que o orzamento do ano pasado, ás axudas para fomentar os seguros agrarios. Cabarcos incidiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. “Coas axudas da Xunta para impulsar a contratación destes seguros perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o rexistrado, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións”, sinalou o responsable de Agacal. Cabe sinalar que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro, segundo a liña da que se trate, e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. Así, a Xunta concede estas axudas de forma directa ós agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2022 e de liñas gandeiras dos plans 2021 e 2022, formalizadas este ano.

-Consulta aquí a orde do DOG sobre as axudas para contratar os seguros agrarios. 

Nova liña de axudas da Xunta a produtores de uva, castaña e pataca afectados polas xeadas e as saraibadas

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a convocatoria de axudas do IGAPE para o acceso a financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabiadas deste ano, así como para as explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia.

Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, cooperativas, sociedades civís ou comunidades de bens, dos sectores anteriores e que se visen afectados polas xeadas ou sarabiadas deste ano.

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto regular o contido e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento bonificado dirixido ás explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas dos días 27 e 28 de abril de 2017, ás explotacións produtoras de pataca, cereal e horta afectadas pola sarabia do día 6 de xullo de 2017 e ás explotacións produtoras e transformadoras de uva, castañas e de froiteiras afectadas polas sarabiadas do día 27 de agosto de 2017, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.

Os apoios poderán materializarse a través de dúas liñas:

Liña 1. Refinanciamento de pasivos.
Liña 2. Apoio ao circulante.

Esta nova liña de axudas para préstamos bonificados ten un importe de 1.000.000,00 €, para o exercicio 2018.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de febreiro de 2018.

As entidades financeiras deberán comunicar ao Igape a súa decisión sobre a concesión da operación financeira, ata o 26 de marzo de 2018.

Unións Agrarias advirte de que “0 90% dos viticultores quedan fóra destas axudas”

Pola súa parte, o sindicato Unións Agrarias denuncia que esta nova liña de axudas “non vai supoñer ningunha mellora para situación dos produtores porque é un calco da anterior”.

“O igual que na anterior convocatoria, na que se habilitaban 500.000 euros, despois de ter comprometido o titular da Xunta 10 millóns de euros, (…) no caso da viticultura, só as adegas encaixan coa personalidade xurídica que marca para os requisitos dos solicitantes e non así o 90% dos viticultores das catro denominacións de orixe afectadas, que teñen esta actividade como complemento e polo tanto non figuran como autónomos”.

Neste sentido, desde a organización agraria esíxese “transparencia para coñecer o destino do medio millón de euros da anterior convocatoria que acabou no peto de solo 13 solicitantes, o cal dá que pensar que non foron agricultores os destinatarios das axudas para cubrir os xuros dos créditos de refinanciamento”.

 

“Axudas trampa” ao agro?

Xeadas tardías, saraiba, seca e lumes deixan no agro consecuencias preocupantes este 2018. Non só polas perdas directas que xeraron, senón pola sospeita fundada de que estes son os primeiros efectos dun cambio climático que se agravará no futuro. Ante a situación excepcional vivida esta campaña no agro, as organizacións agrarias denuncian o “abandono” da Xunta e califican de “axudas trampa” as liñas de apoio da Administración autonómica. En demanda de solucións á crise meteorolóxica, Unións Agrarias presentou onte a “gran mobilización” que prevé facer en Santiago o sábado 18 de novembro, en tanto o Sindicato Labrego presentou onte en Ourense unha proposta de plan de choque para enfrontar a situación. O diagnóstico é común nas dúas organizacións agrarias. Consideran un “engano” as liñas de axudas publicadas pola Xunta para enfrontar os efectos de lumes, seca, saraiba e xeadas. Roberto García. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, resume o que considera un sentir común no agro sobre as liñas de axudas da Xunta: “As axudas non solucionan nada. Son unha simple operación de marketing dirixida a crear na opinión pública urbán a falsa idea de que se está apoiando ao agro”, sostivo onte en rolda de prensa. Danos na viticultura García cuestiona as liñas de axudas publicadas nas últimas semanas pola Xunta, “Preséntase ante a opinión pública unha parafernalia de axudas que ás veces nin existe. O presidente da Xunta anunciou hai meses que habería 20 millóns de euros en préstamos a interese cero para enfrontar os danos das xeadas tardías na viticultura. A realidade é que houbo só 500.000” -asegura o secretario xeral de Unións-. “A maiores, só se lle permitía a súa solicitude ós viticultores a título principal, co que se excluíu ó 95% dos viticultores de Galicia, que teñen que manter unha segunda actividade para sobrevivir”. Desde o Sindicato Labrego afondan no mesmo argumento de “abandono da Administración”. “En determinadas zonas do Ribeiro e de Valdeorras, a xeada e a saraiba levou máis do 60% da produción. Moitas familias quedan case sen ingresos pero teñen que repoñer plantas, seguir coidando o viñedo e pagar as cotas da Seguridade Social. Para que queremos un crédito se non o podemos pagar”, cuestiona Bernardo Estévez, responsable do sector víticola do Sindicato Labrego. Axudas pola seca As axudas para a seca publicadas esta semana por Medio Rural deixan tamén fríos a Unións e a Sindicato Labrego. “Non se orientan a financiar novas captacións nin a ampliar as existentes, co cal non se aborda o problema de fondo, que é a falta de auga”, cuestiona Roberto García. Na mesma liña, o Sindicato Labrego critica os apoios da Xunta para balsas, cisternas e bebedoiros móbiles. “Eu non podo desprazarme dez quilómetros cada día buscar unha cisterna de 3.000 litros de auga, que é o que consumen as miñas vacas”, explica Samuel Formoso, un gandeiro de vacún de carne de Vilar de Barrio (Ourense) que participou na rolda de prensa do Sindicato Labrego. “Tamén subvencionan a construción de balsas -engadiu Formoso-. “Pero, ¿para que queremos balsas se non hai auga?”. O produtor lembra ademais que, ante a falta de pastos, moitas explotacións están alimentando agora ás vacas coa herba que gardaban para o inverno, polo que se aveciñan máis gastos a curto prazo.
"Eu deixei a cidade para vivir no rural. Sen embargo, aconséllolle aos meus fillos o mesmo que me aconsellaron meus pais: que marchen" (Samuel Formoso, gandeiro)
Lumes Os lumes é outro dos puntos de discordia. “Dos 20 millóns de euros anunciados en medidas, hai 1,5 millóns de axudas para o agro. É unha cantidade que, nunha boa parte, case se gastaría en paliar as perdas das granxas que se queimaron e que perderon todos os seus animais, polo que as cantidades que lle van chegar ao final aos afectados van ser mínimas”, pronostica García. Tanto o Sindicato Labrego como Unións continúan as súas demandas cunha longa enumeración de problemas. Desde a perda de servizos públicos no rural, como sanidade, educación e transporte ata o “catastrazo do IBI” ou as dificultades que deixan os lumes na gandeiría extensiva. “Eu vivía na cidade e apostei por vivir no rural. Sen embargo, hoxe estoulle aconsellando aos meus fillos o mesmo que me aconsellaron meus pais: que deixen o rural. É triste ter que dicirlle isto aos teus propios fillos, cando poderían ter aquí o seu medio de vida, pero o desamparo das diversas administracións non nos deixa outra saída máis que o abandono”, concluía Samuel Formoso.
Samuel Formoso, Isabel Vilalba e Bernardo Estévez, na rolda de prensa do Sindicato Labrego.

Plan de choque proposto polo Sindicato Labrego fronte á crise meteorolóxica

- Axuda á compra de forraxes para o gando afectado pola seca, do mesmo xeito que se fixo para explotacións afectadas polos lumes. - Axudas para restaurar praderías. - Axudas para repoñer as cepas dos viñedos que se estragaron pola seca, as sarabias ou a xeada. - Axudas directas a aquelas explotacións gandeiras ou agrícolas que sufriron unha merma importante de produción. - Adianto do cobro das axudas da PAC para garantir a liquidez das granxas con dereito a estas axudas. “Trátase dun simple trámite administrativo que xa se ten feito noutras ocasións e que, dada a situación de emerxencia, non entendemos por que non se fai”, cuestiona o Sindicato Labrego. - Condonación das cotas da Seguridade Social para as explotacións afectadas pola crise climática. - Redución ou exención de impostos como o IBI ás explotacións afectadas. Seguros agrarios e diálogo A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, tamén criticou que a Xunta se escude na contratación de seguros agrarios para enfrontar os problemas derivados do cambio climático. “Os seguros agrarios son un gran engano. As nosas granxas teñen serias dificultades para custear a súa simple continuidade, como para ter que pagar seguros. É inviable. No caso dunha explotación gandeira, falamos de ter que contratar seguros para a seca, enfermidades do gando, accidentes, ataques da fauna salvaxe... É imposible custear tantos seguros para cubrir todas as eventualidades que pode sufrir unha gandería ou calquera outro tipo de explotación”, sostivo Vilalba. Para a secretaria xeral do SLG, a Xunta ten a obriga de artellar un plan de choque co obxectivo de garantir a continuidade de miles de granxas que, por mor das inclemencias meteorolóxicas, están ao borde da creba. “O papel das granxas, tanto como produtoras de alimentos, como á hora de manter vivo o rural e xestionado o territorio é indispensable para a nosa sociedade. Temos unha grande potencialidade para producir alimentos de calidade, pero precisamos que as diversas administracións aposten decididamente por elas con plans de consenso cos diversos sectores e que contemplen o medio e longo prazo”, defende Vilalba. Por parte de Unións Agrarias, tamén houbo un chamamento á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a sentarse a dialogar. “Desde febreiro non se senta con representantes das organizacións agrarias”, criticaron.

Axudas do IGAPE para viticultores, e produtores de castaña e pataca afectados polas xeadas e a saraiba

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) publica este venres no Diario Oficial de Galicia as bases das liñas de apoio para o acceso ao financiamento bancario para viticultores, e produtores de castaña e pataca afectados polas xeadas e a saraiba.

En concreto, poderán acceder a estas liñas de financiamento as pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos que desenvolvan a actividade económica de produción ou transformación de uva ou castañas e se viran afectadas polas xeadas dos días 27 e 28 de abril ou polas sarabias do 27 de agosto, así como as produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas polas sarabias do día 6 de xullo.

Os posibles beneficiarios limítanse a varios concellos das provincias de Lugo e de Ourense.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as comunidades de bens, sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda.

Neste caso, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

Liñas de apoio:

Os apoios poderán materializarse a través de dúas liñas:

Liña 1: refinanciamento de pasivos.
Liña 2: apoio ao circulante.

Trátase, por tanto, de préstamos bonificados polo IGAPE, a custo cero, para financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos.

O orzamento do IGAPE para esta liña de apoios é de 500.000 euros para o exercicio 2017.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 20 de outubro.

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado nas entidades financeiras comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 20 de outubro de 2017.

As entidades financeiras deberán solicitar as axudas financeiras no Igape, en nome do interesado, até o 15 de novembro de 2017.

Consulta aquí toda a información.

A Xunta aproba axudas de préstamos bonificados para os produtores afectados pola xeada e a saraiba

O Consello de Goberno da Xunta aprobou este xoves unha nova liña de axudas de 500.000 euros para facilitar o acceso das explotacións agrarias afectadas polas xeadas e sarabias deste ano a préstamos bonificados, a custo cero, para financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos. A Xunta intenta paliar así os graves danos producidos polas xeadas de abril e pola saraibada de finais de agosto a, entre outros, viticultores e produtores de castaña, unha parte importante dos cales quedaron este ano coa produción moi minguada. Sen embargo, de momento nada se di no acordo do Consello da Xunta se incluirán nesta liña de axudas aos apicultores e aos gandeiros afectados pola seca, polo que haberá que agardar á publicación da orde de axudas no Diario Oficial de Galicia. A nova liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a mobilización de financiamento bancario, con préstamos a partir de 3.000 euros sen custos financeiros, para que as explotacións agrarias afectadas polas xeadas e as sarabias poidan funcionar con normalidade, aprazando os seus pagamentos para facer fronte ás previsibles reducións de ingresos, e para agardar polo cobro, se é o caso, das indemnizacións dos seguros. Deste xeito, as explotacións produtoras ou transformadoras de uva, pataca, castaña, cereal e outros produtos de horta ou froiteiras poderán aprazar os seus pagamentos adaptándoos aos ingresos e reforzar, ao mesmo tempo, as súas estruturas financeiras como empresas. Cun orzamento inicial de 500.000 euros, que se poderá ampliar en caso de ser necesario, a nova liña financeira facilitará a mobilización de 3,5 millóns de euros en préstamos bonificados–a custo cero– para circulante ou refinanciamento de pasivos, co obxectivo de que as explotacións agrarias prexudicadas poidan facer fronte ás consecuencias da adversa climatoloxía. As solicitudes poderán presentarse ata o 15 de novembro As solicitudes poderán presentarse ata o día 15 do próximo mes de novembro e, deste xeito, os agricultores terán a posibilidade de acceder ao financiamento habilitado para facer fronte a previsibles reducións de ingresos ou para agardar polo cobro das indemnizacións dos seguros que lles correspondan.

As organizacións agrarias reclamaban axudas directas

As organizacións agrarias, en especial Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e a Fruga, veñen reclamando dende as fatídicas xeadas de finais de abril que a Administración puxera en marcha axudas directas para viticultores e demais produtores agrarios afectados. Tamén subvencións nas cotas á Seguridade Social e redución dos módulos do IRPF. Neste sentido, o secretario de Agricultura de Unións, José Ramón González, lembra que “malamente se pode endebedar un viticultor se non vai ter colleita este ano para devolver os préstamos”. “Estas axudas non valen para nada, agás para algunha adega ou industria agroalimentaria que pode aproveitalas para refinanciar a súa débeda con préstamos baratos”, advirte. José Ramón González conclúe que “a única medida efectiva para paliar a grave situación na que se atopan moitos produtores debido ás inclemencias meteorolóxicas deste ano é mediante axudas directas, unha medida que permite a Comisión Europea a través das axudas de mínimis, e que outras comunidades gobernadas polo PP, como A Rioxa, si puxeron en marcha”. E en opinión de Xurxo Álvarez, presidente da FRUGA e viticultor de Cenlle, na comarca do Ribeiro, “esta medida non é unha axuda; en todo caso é unha medida que favorece ás entidades bancarias, non a nós”.
 

Vídeo da tractorada en Viana para reclamar axudas pola seca

Poucos habitantes da montaña oriental de Ourense, nos concellos de Viana do Bolo, A Gudiña, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa, lembran un ano tan malo para o agro. E é que ás xeadas de finais de abril, que botaron a perder gran parte da produción de castaña, de mel e de pastos e forraxes para o gando, seguiulle unha das primaveras e dos veráns máis secos que se recordan, que contribuíu a empeorar as casos. A situación é de tal gravidade que hai ganderías que teñen series dificultades incluso para atopar auga para os seus animais, xa que os puntos de carga de incendios que a Consellería do Medio Rural lles permitiu utilizar están tamén secos na maioría dos casos. Ante este panorama, ducias de gandeiros da comarca volveron sacar este xoves os seus tractores ás rúas de Viana do Bolo por segunda vez para esixir á Administración que lles axude para poder superar este ano e poder alimentar ao gando. O sentimento xeneralizado é de agravio ante as medidas para axudar aos produtores afectados pola seca que si se adoptaron noutras Comunidades Autónomas, pero incluso en Galicia, onde a Xunta si axudou aos viticultores da Ribeira Sacra prexudicados polas xeadas do pasado ano ou aos do Ribeiro, en concreto aos de Cenlle e de Castrelo de Miño, que padeceron a saraibada a finais do mes de agosto.

Video da tractorada: 

Moitos gandeiros teñen serias dificultades para atopar auga para os animais Neste sentido, Unións Agrarias, organizadora da tractorada deste xoves en Viana do Bolo, estima que “só no sector da castaña se perderon 1,5 millóns de kilos, o que ven a ser 1,5 millóns de euros, e isto provocará graves dificultades para moitas explotacións gandeiras, que teñen a este froito como un complemento de renda”. No caso da gandería extensiva o problema reside, segundo a organización agraria, “na falta de pasto e auga o que está a incrementar en mais de 2 euros por vaca e día os custes de produción”. “Unha situación que tamén se estende á apicultura, que neste ano non se agarda colleita senón que haberá que gastar diñeiro para alimentar as abellas”, advirten. A tractorada de hoxe, que saíu pasadas as 11:30 horas da mañá da explanada do campo de fútbol de Viana, e na que participaron arredor duns 70 tractores, percorreu as rúas da vila ata regresar ao punto de partida. A pasada semana a Consellería do Medio Rural anunciou que a Xunta destinará 1,5 millóns aos agricultores afectados por fenómenos climáticos adversos, unha medida que se podería concretar no Consello da Xunta deste xoves.

A Xunta destinará 1,5 millóns aos agricultores afectados por fenómenos climáticos adversos

O Consello da Xunta aprobará en breve unha liña de financiamento para os agricultores afectados por fenómenos adversos, dotada con 1,5 millóns de euros para as anualidade 2017/2018. Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras reunirse esta mañá cos alcaldes dos concellos ourensáns de Cenlle, Gabriel Alén, e de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, para avaliar os danos rexistrados en ambos municipios pola treboada de sarabia do pasado día 27 de agosto. A titular de Medio Rural explicou tamén que a Xunta solicitaralle ao Goberno central a realización de desgravacións no IRPF para os agricultores damnificados. Así mesmo, avanzoulles que se lles dará prioridade a ambos concellos nos criterios de reparto das diferentes axudas da consellería. Por outra banda, a conselleira incidiu na importancia dos seguros agrarios como fórmula para facer fronte a este tipo de situacións e lembrou que Medio Rural destina este ano 4,7 millóns de euros a financiar a contratación de pólizas. A Consellería estuda se se pode declarar a zona de emerxencia nos concellos de Cenlle e Castrelo de Miño, os máis afectados pola saraiba Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a conselleira explicou aos rexedores os resultados dos informes preliminares elaborados por técnicos de Medio Rural sobre a afectación do pedrazo nos cultivos de viñedo. Segundo a Consellería “os estudos constataron que este fenómeno meteorolóxico adverso causou a rotura de ramas e follas, así como danos na pel das uvas e a caída de acios, que poden repercutir nunha diminución da cantidade de froito recollido, así como na redución da súa calidade”. Estes danos centráronse en ambos concellos de Castrelo de Miño e Cenlle, na comarca do Ribeiro, polo que a consellería está realizando os estudos pertinentes para determinar se procede solicitar a declaración de zona de emerxencia. En todo caso, tamén se constatou, segundo Medio Rural, que “en explotacións pequenas ou que teñan bodega propia os danos poden reducirse cunha rápida recollida e estrullado da uva”. Por iso, por parte dos técnicos aconséllase acelerar a vendima, co fin de minimizar as consecuencias deste episodio adverso. Neste senso, a conselleira coincidiu cos alcaldes en que a uva que non se viu afectada ten unha excepcional calidade. Os sindicatos agrarios, especialmente Unións Agrarias, o Sindicato Labrego e a Fruga, veñen reclamando dende o pasado mes de abril axudas directas para os viticultores e os gandeiros afectados polas adversidades climáticas, unha petición que ata o de agora non atendeu a Consellería do Medio Rural, alegando que serían ilegais as axudas directas e que a solución está na contratación de seguros. Porén, dende as organizacións agrarias replican que as pólizas non están adaptadas á realidade da viticultura en Galicia, polo que non resultan atractivas para os viticultores. Ademais, lembran que en setembro de 2016 a Consellería si aprobou axudas directas paras os viticultores da Ribeira Sacra afectados pola saraiba.

Advirten de que o agro de Ourense atópase en “situación de emerxencia, ante a pasividade da Xunta”

O sindicato Unións Agrarias demándalle á Xunta que declare a provincia de Ourense como “zona de emerxencia” ante as graves perdas que están a ocasionar no agro as adversidades climáticas. Así o reclamou esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela o responsable de Producións Agrarias e Extensivas de Unións, José Ramón González. E é que ás xeadas de abril, que arrasaron boa parte dos viñedos de Ourense, sumóuselle agora a saraibada do pasado domingo, e unha forte seca que está poñendo nunha situación crítica aos gandeiros. Perdas de máis de 14,5 millóns de euros para os viticultores Deste xeito, José Ramón González cifrou “en máis de 14,5 millóns de euros as perdas para os viticultores a consecuencia das xeadas de abril e do pedrazo deste domingo”. Unhas perdas que se repartirían, segundo os cálculos do sindicato, en 6,5 millóns de euros no Ribeiro, 2,5 millóns de euros na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, outros 2,5 millóns na D.O. Valdeorras e entre 1,8 e 2 millóns de euros que deixarían de percibir os viticultores de Monterrei. “Estamos a falar de que eses 14,5 millóns de euros saen do peto dos viticultores, que en moitos casos este ano non terán ningún ingreso e si un incremento dos gastos de entre un 10 e un 15% para coidar a segunda brotación das vides tras as xeadas”, advertiu. Peche na oficina agraria comarcal de Viana este xoves para solicitar axudas para os gandeiros e os apicultores Pero a difícil situación económica para o agro da provincia esténdese tamén á zona de Montaña de Ourense, onde as tres principais producións (castaña, gandería de carne e apicultura) víronse tocadas este ano a consecuencia das xeadas e da forte seca. “Estamos a falar de que só na castaña calculamos que se perderon 1,5 millóns de kilos, o que ven a ser 1,5 millóns de euros, e isto provocará graves dificultades para moitas explotacións gandeiras, que teñen a este froito como un complemento de renda”, advertiu o responsable de Unións Agrarias.
 José Ramón González: “Hai xente moza que se incorporou este ano na provincia de Ourense e está nunha situación moi difícil”
Un exemplo é o de María Páez, gandeira de Viana presente na rolda de prensa quen, moi afectada, explicou que “a día de hoxe teño serias dificultades para atopar auga para as miñas vacas, non houbo forraxe debido á forte seca e agora estounas alimentando co que terían que comer no inverno”. “Non sei como vou facer nos próximos meses”, confesou. Unha situación que tamén se estende á apicultura, un sector en auxe en Ourense, pero que este ano “non só é que os apicultores non recollan mel, senón que teñen que gastar diñeiro para alimentar as abellas”. Neste sentido para denunciar esta situación e reclamar axudas á Consellería do Medio Rural mañá está previsto un peche indefinido na Oficina Agraria Comarcal de Viana do Bolo. Reclaman axudas directas, bonificacións nas cotas á Seguridade Social e redución dos módulos As demandas de Unións Agrarias á Xunta de Galicia para que os agricultores e gandeiros podan superar este ano de desastres climáticos pasan por: -Axudas directas por superficie para os viticultores afectados polas xeadas e pola saraiba. “Son posibles e legais porque o ano pasado a Consellería xa as aprobou para os viticultores da Ribeira Sacra”, subliñou José Ramón González. -Liñas de crédito do Igape para que as explotacións gandeiras e vitícolas podan facer fronte aos gastos. -Bonificación por parte do Ministerio de Traballo do 90% das cotas á Seguridade Social dos viticultores e gandeiros afectados. -Redución por parte do Ministerio de Facenda dos módulos para os sectores afectados. Ademais, José Ramón González advertiu de que “o sur de Galicia, e sobre todo a provincia de Ourense, está este ano nunha situación de emerxencia”, polo que defendeu que “non estaría mal que a Xunta de Galicia declarase zona de emerxencia”. O responsable de Unións denunciou tamén que “a situación peor é a de moita xente moza que se incorporou este ano á viticultura e á gandería, a veces comprometendo o patrimonio dos pais, e que este ano terán que facer fronte a unha situación económica moi negativa”.

A conselleira abre a porta a declarar zona catastrófica os concellos de Castrelo de Miño e Cenlle

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vinculou a posible declaración de zona catastrófica, que solicitaron municipios da comarca do Ribeiro tras os recentes episodios de sarabia, a que os estudos que están a realizar determinen que se produciron os condicionantes necesarios, nunha zona que definiu como "moi concreta e centralizada". Preguntada tras unha visita a unha granxa en Santiso pola solicitude que expuxeron os municipios ourensáns de Cenlle e Castrelo do Miño, circunscribiu a declaración a que se dean "unha serie de condicionantes, que hai que estudar". A Consellería, explicou, ten que realizar os seus estudos e, no caso de que determinen que se dan as condicións de zona catastrófica, trasladalos a Vicepresidencia da Xunta e despois ao Ministerio. Seguros agrarios "Desde o minuto cero púxenme en contacto cos distintos presidentes das denominacións de orixe e por parte desas denominacións están a facerse as valoracións, igual que das oficinas agrarias, e se se dan as circunstancias fariamos a declaración pertinente e veriamos ata que punto podería chegar o Ministerio e a Xunta de Galicia", asegurou. Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, visitará unha explotación vacún de leite No entanto, mostrouse crítica coa postura transmitida por sindicatos como Unións Agrarias, insinuando que ten "a impresión de que houbo xente que estivo de vacacións e de súpeto agora ten ganas de traballar". "A min paréceme moi ben que a xente traballe polo agro pero hai que traballar no día a día", engadiu. Ángeles Vázquez, que instou aos sindicatos a que se poñan en contacto con ela porque "por agora non o fixeron", afirmou que falar de "annus horribilis" non é algo que se corresponda coa realidade. Admitiu que foi "un ano malo" para o sector viticultor en determinadas zonas, pero, en cambio, "nas Rías Baixas, se non cae unha sarabia, a colleita vai ser espectacular, igual que na Ribeira Sacra". A conselleira matizou que hai zonas "concretas e centralizadas" que "non están a pasar por un moi bo ano", ao verse afectadas primeiro pola xeada en Ourense, con afeccións importantes "pero non as que anunciaba Unións Agrarias e outros sindicatos"; despois pola seca e, finalmente, pola sarabia, polo que "agora se está facendo a valoración pertinente, sobre todo na zona do Ribeiro". En canto á actuación que está a desenvolver a Consellería de Medio Rural, apuntou que se puxo en marcha unha liña de financiamento para apoiar con máis contía "o que son os seguros en si", co que se persegue "facer o posible para que ao agricultor e ao gandeiro non lle resulte custoso ter un seguro". Nesta liña, volveu a insistir na necesidade de profesionalizar o sector, xa que Galicia é das comunidades na que "menos tanto por cento hai de asegurados" no sector agrícola, algo que atribuíu a que "algo fallou", tanto "desde os tomadores de seguros que son os propios sindicatos e que, polo tanto, tamén terán que dicirlle ao propio agricultor que é o que estiveron a facer ata agora" como desde a propia administración "tal vez por non preocuparse". Finalmente, fixou o reto en lograr un sector cada vez máis profesional, coa achega de "cada vez máis recursos" para que os seguros sexan alcanzables e estean adaptados. Unións: “A consellería non fixo nada por adaptar os seguros de viñedo á realidade galega, nin tampouco por incrementar as axudas á contratación” Unións Agrarias retrucoulle á conselleira por boca do seu responsable de producións agrarias, José Ramón González: “a conselleira tira balóns fóra e intenta enganar á opinión pública”, advertiu. “Primeiro porque a Consellería podería subvencionar ata un 65% a contratación de seguros, cando neste momento está a subvencionar só o 40%, e en segundo lugar porque a Consellería nunca se preocupou de adaptar as pólizas á realidade galega”, engadiu. Neste sentido, lembrou que “os seguros de viñedo están pensados para as grandes parcelas do sur de España pero non para a realidade vitícola de Galicia, e por iso non se contratan, porque ao viticultor sáelle moi caro e ten moi poucas posibilidades de cobrar”. Puxo como exemplo, que se teñan que asegurar todas as viñas, independentemente do risco de cada unha delas, ou que as valoracións das castes de uva autóctonas non estean actualizadas.
 

A Fruga esíxelle á Xunta axudas para os viticultores do Ribeiro afectados pola saraiba

A Federación Rural Galega (Fruga) esíxelle á Consellería do Medio Rural que se reúna coas organizacións agrarias para acordar liñas de axudas aos viticultores, neste caso do Ribeiro, afectados pola saraiba deste domingo. “Despois das xeadas de abril viñeron os incendios do verao, e xa para rematar de acabar con todo, este fin de semana chegou o pedrazo que afectou a distintas zonas do Ribeiro o que vai provocar que este ano practicamente non se poda vendimar nin un só acio, co que a perda, nalgúns casos, pode ser total”, advirten dende a Fruga. Neste sentido, a organización agraria esixe a celebración da reunión prometida xa no mes de maio pola Consellería do Medio Rural para tratar a situación dos sectores afectados polas calamidades climáticas deste ano (xeadas, seca e agora saraiba), un encontro que non se chegou a producir. Fruga: "Hai zonas no Ribeiro nas que este ano non se vai vendimar nin un só acio" Así, Xurxo Álvarez, presidente da Fruga e viticultor do concello de Cenlle e afectado tanto polas xeadas de abril como polo pedrazo de agosto lamenta que “o ensimesmamento e o autismo da conselleira lle impida ver as graves dificultades polas que están pasando moitos e moitas agriculturas por causa das distintas adversidades climáticas”, Ademais, deplora o que considera “incapacidade ou a recusa, desta responsábel política, a manter un mínimo diálogo coas organizacións agrarias co fin de procurar solucións a todos estes problemas”.

Recomendacións da Evega sobre os tratamentos na viña tras a saraiba

O departamento técnico de viticultura da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), ven de publicar unhas recomendacións técnicas ante o episodio de saraiba acaecida o 27 de agosto, e que afectou a zonas de viñedo da provincia de Ourense. Dende un punto de vista xeral, a Evega lembra que os danos da sarabia nos acios cursan coa aparición de  roturas e magulladuras dos bagos, de maior ou menor intensidade segundo o tamaño e a duración da sarabia. Os danos colaterais que se producen nesta situación poden ser dende podremias, oxidacións ata outras alteracións prexudiciais. Ante esta situación, nas parcelas en que a vendima se ía a producir de forma inmediata, “só cabe realizala o antes posible, xa que é moi previsible que os danos aumenten considerablemente co paso dos días”, aseguran os técnicos da Evega. Ademais, lembran que “deberase seleccionar a uva san e desbotar aquela que presente danos”.

Recomendan aplicar antibotrítico nas parcelas con segundas brotacións

En canto ás parcelas que teñan colleita procedente das segundas brotacións primaverais, por mor dos danos producidos polas xeadas acaecidas durante o mes de abril en moitos viñedos, a Sección de Viticultura da Evega lembra que “están aínda en prazo de poder aplicar un fitosanitario antibotrítico”. Neste sentido, subliñan que “os produtos de máis interese son os que teñan un menor prazo de seguridade dende o intre de aplicación ata o momento da colleita”. Nesta situación cabe destacar o preparado a base de Eugeniol 3,3% + Geraniol 6,6% + Timol 6,6% [CS] P/V con 7 días de prazo de seguridade. "Os demais antibotríticos rexistrados teñen prazos de seguridade de 14, 21 ou máis días, e elixirase sempre o fitosanitario en función do prazo de seguridade e da eficacia esperada”, conclúen. A Sección de Viticultura da Evega está integrada por Emilia Díaz Losada, María Graña Caneiro e Juan Carlos Rodríguez Abalos.