Archives

Detectado na Estrada un caso illado de EEB

A Consellería do Medio Rural notificou ao Ministerio de Agricultura a detección dun caso illado de encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) coñecida popularmente como enfermidade das vacas tolas. O animal estaba afectado pola variante atípica, cepa tipo H, pero non supón un risco nin para a saúde pública nin a sanidade animal. O bovino afectado é un animal de raza conxunto mestizo e de 22 anos de idade. O exemplar pertencía a unha gandería de carne do concello pontevedrés da Estrada. O animal morreu na explotación e o seu cadáver foi trasladado ao centro de destrución de cadáveres autorizado, onde previamente ao seu procesamento se tomou a correspondente mostra para diagnóstico de EEB. Deste xeito, o bovino non entrou na cadea alimentaria, polo que non existiu ningún risco directo nin indirecto para a saúde pública, tal e como informan dende Medio Rural. A mostra foi enviada dende o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia ao Laboratorio de Algete, Laboratorio Nacional de Referencia das EETs, que confirmou o resultado positivo de EEB, comunicando que se trataba dunha cepa atípica tipo H. Conforme ao programa oficial de vixilancia desta enfermidade, os servizos veterinarios realizaron a correspondente investigación epidemiolóxica e comprobaron que non existían outros animais vivos que compartisen ningún risco co animal afectado, polo que non é posible a aparición de novos casos vinculados a este foco, que polo tanto se considera como resolto. Tampouco cómpre adoptar outras medidas sanitarias preventivas.

Mínimo risco de aparición da enfermidade

A forma atípica de EEB corresponde con formas naturais e esporádicas desta enfermidade que aparecen en todas as poboacións bovinas nunha taxa moi baixa. Estes casos desenvólvense de forma natural e detéctanse como resultado dunha vixilancia reforzada das encefalopatías esponxiformes transmisibles. A diferenza do que acontecera cando se desatara a crise das vacas tolas en Reino Unido a finais dos anos 90 e que obrigara tamén ó sacrificio dun elevado número de vacas en Galicia a comezos dos anos 2000, a aparición desta forma atípica da enfermidade non está vinculada co consumo de pensos contaminados nin outras causas coñecidas. O último foco declarado de EEB en Galicia foi tamén un caso illado de EEB atípica nunha única res de máis de 18 anos, no ano 2019, no concello coruñés de Ortigueira. Esta enfermidade continúa a ser obxecto de vixilancia no marco do programa nacional plurianual de vixilancia, control e erradicación da encefalopatía esponxiforme bovina, que permitiu que se outorgara a España, desde o ano 2016, o estatuto de país de risco insignificante da aparición desta patoloxía. A existencia deste caso non afecta ao mantemento deste estatuto.

Ultímase a nova norma de sanidade e protección animal durante o transporte

O Ministerio de Agricultura arranca hoxe o período de segunda audiencia pública do proxecto do real decreto sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte para recadar a opinión das organizacións representativas do sector e da cidadanía interesada. A nova norma forma parte do paquete lexislativo de acompañamento do Plan Estratéxico da PAC. Esta segunda consulta pública permanecerá aberta do 8 ao 16 de febreiro. A introdución de melloras para aumentar a protección dos animais durante o transporte estivo motivada polo seguimento da implementación do real decreto de 2016 sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte, pois a través de controis oficiais evidenciáronse estas necesidades. Entre as cuestións que aborda, a nova norma inclúe as circunstancias baixo as cales un movemento se considera unha actividade económica. Así mesmo, os propietarios dos medios de transporte poderán solicitar a súa autorización de forma independente á autorización de transportista. Con respecto ao transporte en buques de gando, inclúe a obrigatoriedade de dispoñer de lazareto para aloxar aos animais enfermos en cada unha das cubertas do buque. E, en relación ao transporte a través de aeroportos, especificouse o tipo de formación que deben recibir os operadores que manipulen os animais.