Archives

Obradoiro práctico de sanidade vexetal no cultivo do castiñeiro

O Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense organiza un obradoiro práctico sobre a sanidade vexetal no cultivo do castiñeiro. A xornada celébrase o vindeiro luns, día 9 de outubro, en quenda de tarde, de 15.30 a 19.30 horas. Polo seu carácter práctico terá lugar nos soutos do concello ourensán de Maceda. O punto de encontro dos participantes é o Castelo de Maceda. No curso abordarase o seguimento fitosanitario das plantacións de castiñeiro, co obxectivo de lograr mellorar o seu estado sanitario. Explicarase a aplicación de técnicas de prevención e integradas que permitan tanto o seguimento como a curación das principais doenzas. O obradoiro estará impartido por Miguel Ángel Vázquez De la Mata, responsable de Viveiros Castanea Sativa. A xornada está dirixida a persoas que desenvolvan actividades nos sectores agrarios, alimentario e forestal, cuxo ámbito de actuación sexan zonas rurais. As persoas interesadas en participar deben realizar a presolicitude na oficina virtual de Medio Rural. Tamén poden solicitar máis información sobre a xornada enviando un email a jose.manuel.novoa.blanco@xunta.gal ou chamando ó 988 386 516.

Curso para tratamentos de sanidade vexetal aplicados con drons

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza catro xornadas teórico-prácticas sobre tratamentos aéreos con drons en sanidade vexetal en Monforte de Lemos. Os obradoiros impartiranse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal os días 27, 28, 29 e 30 de setembro cun horario de mañá desde as 10.00 ata as 14.15 horas. O obxectivo desta acción formativa é dar a coñecer os conceptos básicos nos tratamentos aéreos, as normativas ás que están suxeitos e os drons como maquinaria agrícola alternativa para a realización de tratamentos preventivos, mellorantes ou curativos en sanidade vexetal. A iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e da cadea forestal-madeira. O programa formativo recolle primeiramente a evolución e tendencia da agricultura dando conta de diferentes esixencias normativas, para logo abordar a xestión integrada de pragas e a agricultura de precisión, con revisión de conceptos e exemplos prácticos. Deseguido, tratarase a normativa sobre seguridade aérea e sanidade vexetal e os tratamentos con drons, para finalizar cunha demostración atendendo á preparación de equipos, ao voo e á comprobación de eficiencia do tratamento. A preinscrición en liña xa está accesible nesta páxina cubrindo os datos necesarios, e ademais pode atoparse o referido curso. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.

Convocatoria de axudas para empresas e produtores afectados por pragas de corentena

A Consellería do Medio Rural indemnizará economicamente a aqueles propietarios cuxos cultivos foran danados polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) coa publicación da correspondente orde, que conta cun orzamento inicial de 75.000 euros.

Poderán ser beneficiarias destas indemnizacións as persoas, tanto físicas como xurídicas, e as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais se vexan afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas debido á declaración de praga por parte da autoridade competente. Así mesmo, tamén poderán optar a estas indemnizacións as pemes agrarias.

En concreto, as axudas buscan paliar as perdas derivadas da couza guatemalteca da pataca, por entrega de producións que se tivesen que destruír nas zonas afectadas, e polo fungo ‘Fusarium’ en viveiros adicados á produción de planta de coníferas.

O prazo para a súa presentación será de tres meses contados a partir do día de mañá.

Nova liña de axudas para bioseguridade en viveiros e transporte do gando

A Consellería do Medio Rural anuncia que convocará en breve unha nova liña de axudas para a bioseguridade. Son as primeiras axudas financiadas con Fondos Next Generation que se publicarán en Galicia derivadas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo Goberno central. Trátase dunha orde cun orzamento de preto de 1 millón de euros dirixida a viveiros (490.324 euros) e a centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando (410.578 euros), tal e como foi repartido na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, o pasado mes de outubro. Estas achegas convocaranse en réxime de concorrencia competitiva e os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización. Mentres, as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40 % e o 70 % do proxecto. No caso das axudas aos viveiros, búscase financiar as instalacións de protección fronte a insectos vectores para produtores de materiais vexetais de reprodución. O obxectivo é manter ese material libre de determinados organismos nocivos, considerados de corentena consonte a normativa comunitaria de sanidade vexetal. O control deste material de reprodución é esencial na difusión destes organismos, pois está formado por sementes, plántulas, froiteiras ou outros materiais que posteriormente comercializan os viveiros. A axuda céntrase no control dos insectos que actúan como transmisores destes organismos nocivos instalando, por exemplo, estruturas de mallas ou dobre porta nos viveiros. En canto aos centros de desinfección, perséguese financiar investimentos de bioseguridade para mellorar os centros de limpeza de vehículos de transporte de gando por estrada, ou para a construción de novos centros con esa finalidade. O seu obxectivo é modernizar estes centros e que haxa o número suficiente para evitar a transmisión de enfermidades polo uso de vehículos sen limpeza axeitada. Coas novas achegas, poderíanse financiar solados, peches ou lectores de matrículas, entre outras actuacións.

Reforzo á sanidade animal e vexetal

Coa nova liña de achegas, anunciada durante o Consello da Xunta celebrado este xoves, búscase consolidar Galicia como a comunidade coa mellor situación sanitaria gandeira en relación coas enfermidades dentro dos programas oficiais de erradicación, ó incidir na mellora dos centros de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de gando. Nese senso, Galicia vén de ser declarada a finais de 2021 rexión libre de tuberculose bovina, ademais de ser rexión libre de brucelose bovina, ovina e caprina. En canto á sanidade vexetal, dende a Consellería do Medio Rural apuntan que están levando a cabo unha loita contra diversos organismos nocivos de corentena, algúns dos cales contan con insectos transmisores. É o caso do psílido africano dos cítricos, praga na que se están a ver importantes éxitos a través da loita biolóxica, pero que tamén precisa de medidas de control nos centros produtores de material vexetal. Dende Medio Rural sinalaron que os fondos que asignou o Ministerio a Galicia son insuficientes para cumprir os obxectivos xerais das axudas, pero agárdase acadar con eles, cando menos, avances significativos.

A Xunta salienta a boa evolución da loita contra a praga do psílido africano dos cítricos

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, afirmou hoxe na comisión 7ª do Parlamento galego que a loita biolóxica contra o psílido africano dos cítricos (Trioza erytreae) “evoluciona de xeito favorable, logrando co parasitoide Tamarixia dryi unha dispersión de máis de 4 km dende os puntos de solta e un parasitismo sobre este tipo de psila superior ao 70%” Así o dixo ao tempo que destacou que a Xunta está a contribuír á erradicación deste organismo de corentena máis aló da comunidade, tendo cedido preto de 30.000 parasitos a Portugal, Asturias, Cantabria e País Vasco o ano pasado. Nesa liña, José Balseiros sinalou que Galicia está liderando a loita biolóxica mediante a Tamarixia dryi ao criar este insecto eficaz contra o psílido africano nun viveiro situado na localidade ourensá de Maceda. Unha cría -dixo- con vontade de continuidade que arrancou en 2019, tras as primeiras soltas efectuadas nos concellos pontevedreses do Rosal, O Grove e Portas, neste caso con parasitos procedentes do Instituto Canario de Investigacións Agrarias (ICIA). En 2020 repetiuse a experiencia xa con máis de 14.000 parasitoides criados integramente en Maceda, tanto en Galicia como en Portugal, país ao que se entregaron case 9.000 insectos. Tras realizar novas soltas en 2021 nos lugares con afectación na comunidade, a maiores dos parasitos entregados tamén ás rexións veciñas (Portugal -máis de 12.000-, Asturias -máis de 11.000-, Cantabria -máis de 4.000- e País Vasco -máis dun milleiro-), o obxectivo da Xunta neste exercicio é duplicar o número de exemplares de Tamarixia dryi que se ceiben contra o psílido africano dos cítricos, tanto en Galicia como nos territorios próximos, para poder eliminalo a medio prazo. Nesa dirección, o director xeral aseverou que se continuará aplicando o plan de erradicación e intensificando a produción do parasitoide desta psila, unhas accións que -xunto cos tratamentos fitosanitarios- supuxeron desde 2016 un investimento duns 1,8 millóns de euros por parte do Goberno galego. Neste importe inclúense os 415.000 euros presupostados para este ano, o maior orzamento da serie histórica.

Lanzan unha app para consultar os fitosanitarios autorizados en España

FRAC España (Comité de Acción contra Resistencias a Funxicidas), e IRAC España (Comité de Acción contra Resistencias a Insecticidas), lanzaron as súas Apps de consulta para IOs e Android. Estas aplicacións permiten a consulta de sustancias activas autorizadas en España, con indicación do grupo ao que pertencen segundo os seus modos de acción. A clasificación de Modos de Acción (MdA) ten como obxectivo que os usuarios teñan unha base sólida para levar a cabo un manexo sustentable dos fitosanitarios e evitar problemas de resistencia.

Xornadas de Sanidade Vexetal e Sustentabilidade

O Grupo Fisaplant da Universidade da Coruña organiza a próxima semana unhas Xornadas de Sanidade Vexetal e Sustentabilidade, que teñen por obxectivo divulgar o papel que xoga a sanidade vexetal na sociedade actual.

Debido á pandemia mundial do Covid-19, as sesións celebraranse por videoconferencia. Desde o luns 30 de novembro e até o xoves 3 de decembro en horario de tarde abordaranse algunhas das principais problemáticas en sanidade vexetal en cultivos hortícolas, como o pemento, así como no viñedo, o oliveiral ou as froiteiras. Tamén se tratarán alternativas sustentables aos herbicidas ou actuacións para controlar especies como a herba da pampa.

As persoas interesadas en participar nas sesións poderán inscribirse de forma gratuíta nesta ligazón. As prazas son limitadas de tal modo que os asistentes recibirán un correo cunha ligazón de acceso para cada día. Tanto as charlas como as mesas redondas impartiranse en castelán. Así mesmo, desde a organización facilitarase un certificado de asistencia a quen o necesite.

A continuación detallamos o programa das xornadas:

Luns 30 de Novembro

15:30 – 16:00 horas. Presentación das Xornadas

16:00 – 16:45 horas. “Problemática das pragas introducidas e estratexias de control sustentable” Pedro Mansilla, Estación Fitopatolóxica do Areeiro

16:45 – 17:30 horas. “Licenza para matar…a Verticillium: Cara a un control integrado da verticilose en pemento” José Díaz, Grupo Fisaplant, Universidade da Coruña

17:30 – 17:45 horas. Pausa

17:45 – 18:30 horas. “O virus do bronceado: impacto no cultivo de pemento e tomate e o seu control” Javier Veloso, Grupo Fisaplant, Universidade da Coruña

18:30 – 19:15 horas. ” Viticultura atlántica: sanidade e sustentabilidade” Cristina Cabaleiro, Grupo de Viticultura e Sanidade Vexetal, Universidade de Santiago

19:15 – 20:00 horas. Mesa redonda entre os relatores

Martes 1 de Decembro

16:00 – 16:45 horas. “Control sustentable da Podremia Parda en froita de óso” Antonieta de Cal, Departamento de Protección Vexetal, INIA

16:45 – 17:30 horas. “Pragas habituais de incidencia local e o seu control” Pedro Mansilla, Estación Fitopatolóxica do Areeiro

17:30 – 17:45 horas. Pausa

17:45 – 18:30 horas. “Control biolóxico de enfermidades vasculares dentro dunha estratexia de control integrado: Fusariose do banano e Verticilose da oliveira” Carmen Gómez-Lama, Instituto de Agricultura Sustentable-CSIC

18:30 – 19:15 horas. “Vésenos o plumeiro: formas de control alternativas da herba da Pampa” Jaime Fagúndez, Grupo Biocost, Universidade da Coruña

19:15 – 20:00 horas. Mesa redonda entre os relatores

Mércores 2 de Decembro

16:00 – 16:45 horas. “Como levar a cabo un control sustentable de Botrytis cinerea a través do uso de funguicidas” Dolores Fernández, Universidade de Málaga, Instituto de Hortofruticultura Subtropical e Mediterránea ‘La Mayora’ (IHSM-UMA-CSIC)

16:45 – 17:30 horas. “Control integrado de malas herbas” Iñigo Loureiro, Departamento de Protección Vexetal, INIA

17:30 – 17:45 horas. Pausa

17:45 – 18:30 horas. “Plantas contra plantas: Como utilizar os compostos naturais para substituír aos herbicidas tradicionais” Adela Sánchez, Grupo de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas, Universidade de Vigo

18:30 – 19:15 horas. “Manexo sustentable de patóxenos e fatiga do solo en cultivos hortícolas” María del Mar Guerrero, Departamento de Protección de Cultivos, Imida

Xoves 3 de Decembro

16:00 – 16:45 horas. “Deseño de novas ferramentas para o control de oídios”Alejandro Pérez, Universidade de Málaga, Instituto de Hortofruticultura Subtropical e Mediterránea ‘La Mayora’ (IHSM-UMA-CSIC)

16:45 – 17:30 horas. “As micorrizas: unha alternativa no control de pragas e enfermidades” María José Pozo, Estación Experimental do Zaidín-CSIC

17:30 – 17:45 horas. Pausa

17:45 – 18:30 horas. “Detección de bacterias fitopatóxenas: o primeiro paso no control de bacteriose”Jaime Cubero, Departamento de Protección Vexetal, INIA

18:30 – 19:15 horas. “Enfermidades de plantas cultivadas producidas por bacterias: O caso de Pseudomonas syringae pv. syringae” José Antonio Gutiérrez, Universidade de Málaga, Instituto de Hortofruticultura Subtropical e Mediterránea ‘La Mayora’ (IHSM-UMA-CSIC)

19:15 – 20:00 horas. Mesa redonda entre os relatores

20:00 – 20:15 horas. Clausura das xornadas

Xornada sobre sanidade forestal

O Distrito Forestal XI Lugo–Sarria organiza unha xornada sobre sanidade forestal o xoves 22 de outubro. No curso abordaranse doenzas e pragas das principais especies forestais con presenza en Galicia como as coníferas, o castiñeiro, o carballo e o eucalipto. A sesión terá lugar no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en horario de 16.00 a 20.00 horas. O taller será impartido polo fitopatólogo Pedro Mansilla, que liderou durante máis de 30 anos o traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (Pontevedra). Esta acción está aprobada dentro do plan de formación do agro galego 2020 (2020/170) e está cofinanciada con fondos europeos. A xornada está dirixida a persoas propietarias, titulares ou xestoras forestais. Os interesados en participar no curso deberán presentar as solicitudes no distrito de Lugo ou no enderezo electrónico pilar.vega.alonso@xunta.gal.

-Descarga aquí o modelo de solicitude.

 

Avances na loita contra o gorgullo do eucalipto

O sector forestal desenvolveu durante os tres últimos anos un proxecto para mellorar a loita contra o gorgullo do eucalipto. A iniciativa impulsou experimentos para perfeccionar a loita biolóxica e probou novos fitosanitarios, todo elo co obxectivo de aumentar o control da praga. En colaboración coas Administracións de Galicia, Asturias e Cantabria, tamén monitoreou a evolución dos danos do gorgullo, constatando a súa reducción nos últimos anos. En Galicia, segundo os datos da Xunta, a praga que defolia os eucaliptos reduciuse un 29,8%. En Asturias, o proxecto constatou unha redución dos danos dun 14%, en tanto en Cantabria a baixada foi do 30%. Para o monitoreo de danos, fixéronse tanto evaluacións terrestres como por dron, constatándose que ambas lograban conclusións similares. Recomendacións Como mellor vía para un axeitado control da praga, o proxecto recomenda aumentar a formación dos propietarios forestais na detección do gorgullo e en prospeccionar o seu estado, de cara a que poidan aplicar solucións rápidas nas súas propiedades. A principal vía de combate da praga estase centrando nas soltas de depósitos de ovos parasitadas polo ‘Anaphes nitens’, o insecto parasitoide do gorgullo. O proxecto concluiu que a solta ideal era de 100 ‘Anaphes’ por hectárea e propón ademais que continúe a investigación para incorporar novos parasitoides, en concreto o ‘Anaphes inexpectatus’, que pode ser complementario ó ‘Anaphes nitens’. En último termo, o Grupo Operativo de Sanidade do Eucalipto, impulsor do proxecto, avoga tamén por ampliar o rexistro forestal de fitosanitarios con produtos de orixe natural. Actualmente, só está autorizado o produto ‘Epik’, co que se trataron 110 hectáreas en Asturias, en concellos como Castropol, Villaviciosa, Pravia ou Salas, así como outras 150 hectáreas en Cantabria (Meruelo, Piélagos, Polanco, etc.). Ademais, fixéronse experimentos en Cantabria coas sustancias activas Metaflumizona (nome comercial Alverde) y Azadirachtin (nome comercial Zenith) co obxectivo de dispoñer de novos produtos para cando caduque o único que está autorizado nestes momentos, o Epik, comparándose tamén a eficacia dos distintos fitosanitarios.

O Goberno creará en Lugo o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación creará este ano en Lugo, no edificio da Fundación CETAL, o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, coincidindo coa celebración durante 2020 do Ano Internacional da Sanidade Vexetal. Esta decisión, declarou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, “enmárcase na crecente ameaza que supoñen para as nosas producións agrícolas o incremento dos intercambios comerciais con terceiros países, os riscos potenciais e a necesidade do control dos mesmos”, así como “o propio cambio climático, coa aparición de novas pragas e patoloxías nocivas que se suman ás xa existentes”. A creación deste organismo é parte da política de descentralización institucional do Goberno de España. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como organismo responsable de designar os laboratorios de referencia a nivel nacional, decidiu crear un Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal dentro da súa propia estrutura administrativa, co obxectivo de converterse no Laboratorio Español de Referencia en Sanidade Vexetal e cuxas funcións, de acordo coa Lei 43/2002, de Sanidade Vexetal, serán: a)     Harmonizar os métodos e técnicas que teñan que utilizarse polos laboratorios de sanidade vexetal das comunidades autónomas. b)     Participar en programas nacionais de prospección de pragas. c)      Emitir preceptivamente informe previo á declaración de existencia dunha praga de corentena aparecida por primeira vez no territorio nacional. d)     Realizar as actividades relacionadas co cumprimento dos programas de aplicación de boas prácticas de laboratorio que sexan da súa competencia. e)     Participar nos programas coordinados e efectuar as análises ou ensaios que, a efectos arbitrais, ou con outros fins, lle sexan solicitados.

Funcións do Laboratorio Nacional

Así mesmo, no ámbito do Regulamento 2017/625, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios, o Laboratorio Nacional de Referencia realizará as seguintes funcións: a)     Colaborará cos laboratorios de referencia da Unión Europea e participarán nos cursos de formación e nos ensaios entre laboratorios comparados que organicen estes laboratorios. b)     Coordinará as actividades dos laboratorios oficiais designados de conformidade co fin de harmonizar e mellorar os métodos de análises, ensaio ou diagnóstico de laboratorio e a súa utilización. c)      Cando sexa necesario, organizará ensaios entre laboratorios comparados ou ensaios de aptitude entre os laboratorios oficiais, garantirán un seguimento apropiado dos devanditos ensaios e informarán as autoridades competentes dos resultados dos devanditos controis e seguimento. d)     Velará por que se difunda ás autoridades competentes e aos laboratorios oficiais a información que achegue o laboratorio de referencia da Unión Europea. e)     Proporcionará, dentro do ámbito da súa misión, asistencia científica e técnica ás autoridades competentes para a aplicación dos plans nacionais plurianuais de control e dos programas coordinados de control que se adopten. f)       Cando sexa pertinente, validará os reactivos e lotes de reactivos, establecerán e manterán actualizadas listas de sustancias e reactivos de referencia dispoñibles e de fabricantes e provedores das devanditas sustancias e reactivos. g)     Poderá impartir cursos de formación para o persoal dos laboratorios oficiais designados. h)     Asistirá ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no diagnóstico dos brotes de pragas de vexetais, e en caso de partidas non conformes, mediante a realización de diagnósticos de confirmación e estudos de caracterización e taxonómicos con cepas patógenas illadas ou mostras de pragas. Ademais o Laboratorio Nacional dará servizo de diagnóstico ás mostras de produtos e material vexetal procedentes de terceiros países enviadas polos Puntos de Control en Fronteira (PCF). A asistencia do Laboratorio Nacional aos controis fitosanitarios en fronteira é imprescindible para identificar de forma precisa e áxil no tempo as sospeitas que suscita a presenza de organismos cuxa identificación non pode levar a cabo nas instalacións dun PCF. Todo iso co fin de determinar se o envío é conforme ou non, en base ao risco que devandito organismo poida comportar. No caso das exportacións, moitos países destino das exportacións españolas requiren a presentación de análise de laboratorio que acrediten a boa condición fitosanitaria dos nosos envíos. Neste sentido, a dispoñibilidade dun Laboratorio Nacional de Referencia tamén é clave para o desenvolvemento das vendas ao exterior de España. O Laboratorio Nacional integrará todos os ámbitos necesario para dar un servizo integral en bioloxía molecular, técnicas inmunoenzimáticas, microbiología e entomología para que poida atender necesidades de diagnóstico masivo para situacións concretas, como as que requiren os riscos actuais da sanidade vexetal. Lograrase así mesmo unha sinerxía en equipos e en custos, da que agora non se dispón. O MAPA colabora con 6 centros recoñecidos como referencia para distintas pragas ou enfermidades, dependentes doutras tantas universidades e centros de investigación, cuxas funcións como laboratorios de referencia serán asumidas progresivamente polo Laboratorio Nacional. Actualmente a Fundación CETAL xa é o Laboratorio Nacional de Referencia en todas as actuacións de control oficial, no ámbito do Programa de Control Oficial da Produción Primaria Agrícola tal e como establece o Real Decreto 578/2017. Esta referencia quedará automaticamente incorporada ao Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal. O inmoble da Fundación CETAL será empregado para a creación do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal que, ao tratarse dun centro dependente orgánicamente do Ministerio, a través da Dirección Xeral da Sanidade da Produción Agraria, achegará á cidade de Lugo unha actividade xeradora de emprego estable, de maior calidade, con maior proxección, conectada coa actividade universitaria da cidade.

Querella pola coordinación da Sanidade Vexetal en Pontevedra

A designación dunha coordinadora de Sanidade Vexetal en Pontevedra, dependente da Subdelegación do Goberno, centra unha querella da Asociación de Ingenieros Agrónomos del Estado. Este colectivo anuncia en nota de prensa que vén de presentar unha querella polos presuntos delitos de falsidade documental e uso dunha certificación falsa para acceder ó posto de coordinadora de Sanidade Vexetal. A Asociación sinala na súa querella que para acceder á praza, a hoxe coordinadora tería presentado documentación supostamente acreditativa da súa “experiencia en aplicación de lexislación comunitaria e nacional en funcións de inspección e control fitosanitario de vexetais e produtos vexetais en réxime de importación e exportación”, cando en realidade “podería ser que nunca tivera o recoñecemento preciso para realizar controis fitosanitarios nin traxectoria profesional na materia, aportando documentos acreditativos falsos”. O colectivo sostén que a actual coordinadora carece da titulación universitaria precisa para facer inspeccións de Sanidade Vexetal. A Asociación culpa tamén á Administración de mirar para outro lado, pois sostén que foi coñecedora do asunto logo de ter adxudicada a praza en marzo do 2018. O corpo de enxeñeiros agrónomos do Estado lembra, por último, a importancia dos controis en fronteira (portos, aeroportos, etc.) para evitar a entrada de pragas e enfermidades vexetais procedentes doutros países.

A avespiña do castiñeiro consolida a súa expansión a toda Galicia

A avespiña do castiñeiro, que xa a finais do 2017 estaba presente en case toda Galicia, consolidou a súa expansión no último ano, gañando peso nas grandes zonas produtoras do oriente ourensán e chegando ás últimas comarcas do occidente galego que quedaban libres da praga, coma o Barbanza ou o Rosal. A avespiña xa causou este ano serias perdas nalgunhas comarcas produtoras, coma o Caurel lucense, e o sector teme que os danos vaian a máis o próximo ano na gran zona de castaña de Galicia, o oriente ourensán. O principal problema da praga é que logra unha progresión natural meteórica, pois cada avespiña pon ó ano entre 100 e 200 ovos, polo que a infestación masiva dos castiñeiros prodúcese nun curto periodo, en 2-3 anos. Fronte a iso, a única vía de loita pasa pola solta de ‘Torymus sinensis’, un insecto que parasita as postas das avespillas, contribuíndo así ó control das súas poboacións. Nun inicio, nos primeiros anos da praga, o Ministerio de Agricultura só autorizou soltas experimentais de ‘Torymus’ de carácter puntual, se ben xa o pasado ano permitiu a liberación de maiores cantidades, o que permite encarar o combate da avespiña. No 2018, soltáronse en Galicia uns 700.000 ‘Torymus’, distribuídos en 20.000 viais, con máis dunha trintena de insectos en cada vial. Deses 20.000 viais, 8.500 corresponderon a Ourense, 7.600 a Lugo, 2.500 á Coruña e 1.437 a Pontevedra. Para esta campaña, a Administración prevé dobrar a loita biolóxica, coa liberación no medio de 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’. As soltas, segundo a metodoloxía deseñada pola Xunta, deberanse facer cando as bugallas causadas pola avespilla teñan entre 1 e 3 centímetros de diámetro. Os preavisos para programar a solta faranse con antelación, en canto os castiñeiros estean con folla.
Tratamento de árbores afectadas polo chancro.

Chancro do castiñeiro

Outro problema que enfrontan os castiñeiros nos últimos anos, o chancro, que está en vías de remisión, centra tamén un programa específico de combate, mediante a inoculación de cepas hipovirulentas nas árbores afectadas. No último ano, caeron os castiñeiros inoculados ata 7.000, fronte ós 23.000 do 2017, se ben para este 2019, a Administración prevé aumentar de novo a presión sobre a enfermidade para chegar a 18.000 pés tratados.

A enfermidade da banda marrón do piñeiro chega ás portas de Galicia

Tres localidades asturianas limítrofes con Galicia, Vegadeo, Castropol e Taramundi, presentan afección da banda marrón do piñeiro, unha enfermidade de cuarentena que está a diezmar os montes do País Vasco. O problema, que xera preocupación entre os propietarios forestais, chegou a Asturias procedente de Galicia, segundo aseguran medios de comunicación na comunidade veciña. A Xunta, sen embargo, nega que a banda marrón estea a afectar a piñeirais galegos. Os problemas ligados coa banda marrón e a banda vermella do piñeiro desencadeáronse esta primavera – verán no País Vasco de xeito explosivo, ata o punto de que un terzo das masas de piñeiro insigne ('Pinus radiata') da comunidade foral están afectadas. O calor e a humidade da primavera semella que foron un factor determinante na propagación virulenta dos fungos, ao entender dos investigadores. A enfermidade fúnxica xa era coñecida no País Vasco desde hai décadas, pero sen derivar nunha praga incontrolable como a deste ano.
Cómpre evitar o alarmismo, pois aínda no caso de declararse en Galicia, a enfermidade fúnxica podería actuar con menor virulencia ó sucedido no País Vasco
A banda marrón e a banda vermella actúan secando parte das follas dos piñeiros, provocando a súa caída temperá. Esa situación deriva nun debilitamento das árbores e nun retraso do seu crecemento. Estas enfermidades fúnxicas non teñen porque ser necesariamente mortais para o piñeiro, se ben hai consenso en que na situación na que se atopan os piñeirais do País Vasco, cunha afección extrema da enfermidade, a situación será dificilmente recuperable para parte das masas. O problema preocupa en extremo ós propietarios forestais e ás institucións no País Vasco. O Goberno vasco solicitará autorización para executar tratamentos aéreos de óxido cuproso na próxima primavera e xa se traballa en alternativas de futuro, como a busca de familias de piñeiro radiata menos susceptibles a estes fungos ou a plantación de especies alternativas, coma o piñeiro marítimo (Pinus pinaster), a ‘Criptomeria japonica’ ou o eucalipto. En Asturias, a praga de corentena foi detectada este outono en tres localidades limítrofes con Galicia, Vegadeo, Castropol e Taramundi. Na comunidade veciña, asegúrase que a enfermidade chegou a Asturiras procedente de Galicia, se ben a Consellería do Medio Rural, consultada por ‘Campo Galego’, nega a existencia da enfermidade nos piñeirais galegos. A principal especie dos piñeirais galegos é o piñeiro marítimo, tamén chamado piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), que é pouco susceptible á praga, pero na provincia de Lugo a conífera dominante en parte das comarcas do interior é o piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), unha situación que xera preocupación entre os propietarios forestais, dada a virulencia coa que se manifestou no último ano en Euskadi a enfermidade da banda marrón. Desde o sector forestal advírtese tamén de que aínda que a enfermidade estivese presente en Galicia, podería manifestarse dun xeito menos virulento ó sucedido no País Vasco, polo que cómpre evitar o alarmismo. A próxima primavera - verán, época propicia para o desenvolvemento do fungo, será clave para analizar a situación nos montes galegos. Máis información - Ficha da banda marrón e da banda vermella do piñeiro (Pdf). Fonte: Neiker Tecnalia.

Recomendacións para o coidado das maceiras, kiwi e cítricos durante estes días

A Consellería de Medio Rural e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, publicaron estes días senllos avisos fitosanitarios sobre o coidado das froiteiras durante estes días. Resumimos a continuación os boletíns:

Maceiras:

1) Incidencias fitopatolóxicas -Pulgón cincento (Disaphys plantaginea): Estamos a punto de comenzar o período crítico para o ataque deste pulgón. Só é prexudicial en maceira. As fundatrices aparecen despois do desborre e os primeiros danos danse nas follas do propio corimbo. O período crítico vai desde o callado do froito ata que ten o tamaño dunha avelá (25 mm). Cara finais de xuño aparecen as femias aladas, que migran á Correola (Plantago sp.), onde desenrola varias xeracións, voltando a finais de outono a poñer os ovos na maceira. Existe unha correlación positiva entre maceiras con floración de cedo e ataque deste pulgón, fronte ás de floración tardía, que sofren en menor medida este ataque. -Pulgón verde (Aphis pomii): Sen incidencias. -Pulgón laníxero (Eriosoma lanigerum): Sen incidencias. Aínda así, estamos chegando ó período crítico para a maceira, que vai de maio a agosto. As maceiras inxertadas nos patróns clonais MM (Malling Merton) son resistentes a esta praga. -Verme da mazá (Cydia pomonella): Cydia pomonella é un lepidóptero cuxo verme fai galerías no interior do froito de maceiras e pereiras. Tamén ataca ás nogueiras, marmeleiros e albaricoqueiros. Lembrar que para que se produza o primeiro voo anual dos primeiros adultos debemos acadar 400 grados/día, segundo a fórmula bioclimática. Neste sentido, dende o 1 de xaneiro até o día 11 de abril, acadáronse 173,1 grados/día. Na mesma data nos anos anteriores, os grados/día eran: 2017 - 468,1 grados/día. 2016 - 211,8 grados/día. 2015 - 266,0 grados/día. Esta diferencia significativa é debida á baixa temperatura media que se acadou nos meses de xaneiro, febreiro e marzo do ano en curso. Isto dános unha idea da importancia do clima no desenvolvemento desta praga. Outras condicións para a aplicación dos tratamentos é a existencia de dúas capturas de adultos/trampa x semana, comezando a contar grados/día cando a temperatura crepuscular (temperatura do ocaso + 2 horas) sexa maior a 15’5 ºC durante dous días seguidos. -Broca (Zeuzera pyrina): Sen incidencias. -“Orugueta del almendro” (Aglaope infausta): Sen incidencias. É unha praga máis frecuente no centro e sur da península que en Galicia. Ten preferencia polas especies silvestres e cultivadas dos xéneros Prunus sp. e Crataegus sp., pero tamén pode atacar a maceiras e pereiras. Detectouse por primeira vez en Galicia no ano 2008. -Gurgullo da flor (Anthonomus pomorum): Debemos estar atentos ás posibles incidencias desta praga. É un coleóptero cuxos danos presentan una densidade baixa pero, de xeito ocasional, incrementa a súa poboación orixinando danos nas flores. A presencia de flores secas e pechadas son síntomas do seu ataque. En ocasións, obsérvase o furado por onde saíu o adulto que se criou no interior da flor. Esta praga apareceu nas plantacións semi-abandonadas de maceiras de sidra da Estrada (Pontevedra) no mes de maio de 2016. -Moteado (Venturia inaequalis): Causado polo fungo do xénero Venturia, as infeccións prodúcense sempre que se dan condicións favorables para o fungo. As peritecas son as formas invernantes do moteado, estas evolucionan e van formando ascosporas maduras, capaces de producir a infección primaria en combinación con condicións favorables á infección (humidade e temperatura) e un estado sensible da maceira. A partir do estado fenolóxico C3 (orella de rato), temos posibilidades de infección. Polo tanto, estamos entrando nun período moi sensible e, sobre todo, se aparecen condicións de humidade favorable (períodos de chuvia prolongados e, incluso, orballos intensos). -Oidium (Podosphaera leucotricha): Época de perigo relativo. 2) Recomendacións: En maceiras que estean en estado fenolóxico igual ou anterior a C/C3 (orella de rato), podemos aplicar un tratamento funxicida a base de cobre que ten como finalidade previr os ataques de fungos cando a xema está a hincharse. Este sería o caso de todas as variedades sidreiras e algunhas das variedades de mesa. En maceiras que superen o estado fenolóxico C/C3 (variedades de mesa máis avanzadas), é imprescindible un tratamento preventivo cun funxicida de contacto, mellor que un funxicida sistémico, xa que, no estado actual das maceiras, temos pouco desenrolo vexetativo, o que perxudica a absorción do mesmo. Este funxicida de contacto, pode ir unido a un insecticida que controlaría o ataque do pulgón cincento. Lembrar sempre que é aconsellable alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia. 3) Observacións: Respecto á contía das horas/frío (temperaturas inferiores a 7ºC no período novembro-febreiro), acadáronse un total de 943,16 na estación de Mabegondo, Abegondo (A Coruña), fronte ás 809 do ano pasado ou as 386,1 do 2016. Téñase en conta que as necesidades das maceiras oscilan entre as 700-900 horas/frío. Os meses que aportaron máis horas/frío foron decembro (264,16) e, sobre todo, febreiro (295). O feito de ter chegado a 943,16 horas/frío, asegúranos unha floración uniforme (non escalonada) que terá efectos positivos na polinización e callado dos froitos.

Kiwi:

Bacteriose: As precipitacións constantes desta última temporada son condicións moi favorables a estas patoloxías do kiwi. Por iso, e tendo en conta que a brotación é unha etapa sensible que debe ser protexida, é moi importante aplicar un tratamento neste momento. Segundo o Rexistro de Produtos do Ministerio os produtos autorizados son certos cobres (oxicloruro de cobre 38%, 52%, 70%; sulfato tribásico de cobre 19% e hidróxido cúprico 13,6% + oxicloruro de cobre 13,6%) ademais de Bacillus amyloliquefaciens subesp. plantarum, cepa D747 25%. Non esquezer tampouco neste caso as boas prácticas agrícolas para previr a dispersión da enfermidade: hixiene a nivel de calquera maquinaria, roupa ou utensilios necesarios nas plantacións (evita a dispersión da bacteria); abonado equilibrado (especialmente de nitróxeno en forma amoniacal); evitar as regas por aspersión, etc.

Cítricos:

Phytophthora spp: Tamén as abundantes precipitacións acaecidas ata agora teñen favorecido os ataques destes fungos. Na súa contención son fundamentais as medidas culturais ou agronómicas de tipo favorecer a drenaxe no terreo ou recoller os froitos caídos e os podres que haxa na árbore. Ademais, agora que empeza a brotación convén aplicar un tratamento con fosetil-Al 80% (funxicida que non se lava coas choivas pero que ten moi limitado o número de aplicacións ao ano), ou mancozeb ou formulados de cobre sós ou combinados con outros funxicidas (consulte aos técnicos).

Melocotoeiro:

Lepra: Novamente, a elevada humidade destes meses induce a pensar que a incidencia desta enfermidade será elevada na campaña que se inicia. Por iso, tan pronto sexa posible haberá que aplicar un tratamento (consulte aos técnicos sobre que funxicida empregar).