Archives

A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) bovina chega a Galicia

A Xunta declara os dous primeiros focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en dúas explotacións de gando bovino nos concellos coruñeses da Capela e Abegondo. En ambos casos só un animal do total do censo presentaba sintomatoloxía compatible con esta enfermidade. Así, os servizos veterinarios oficiais procederon de inmediato á toma de mostras dos animais sospeitosos, que no día de hoxe foron confirmados positivos a dita enfermidade polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid. Neste senso, cómpre sinalar que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais. A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Afectación ao gando

Así mesmo, cabe salientar que a EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres, fundamentalmente cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico só o gando bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía. No caso do gando cabrún non é sensible a esta enfermidade. En canto aos estudos preliminares realizados en España, nas comunidades autónomas afectadas este ano por EHE presentan un dato de morbilidade media (número de animais que presentan síntomas respecto ao total do rabaño) do 7,53% e unha mortalidade media nos animais afectados inferior ao 1% (0,51%). No gando vacún pode presentarse clínica moderada, con febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema da ubre, síntomas que normalmente desaparecen en aproximadamente dúas semanas. En canto ao gando ovino e cabrún, non hai constancia de enfermidade clínica nos animais. Ademais, cómpre sinalar que non existe vacina nin tratamento curativo específico fronte ao virus da EHE. Por iso, as medidas preventivas posibles a tomar respecto a esta enfermidade serán: Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente zonas con lama ou materia orgánica húmida, zonas de elección para a cría para estes mosquitos. Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno. No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.

Prevención de infeccións por carrachas en gando vacún

As carrachas son un parásito moi a ter en conta na gandería, sobre todo na extensiva, pois a súa picadura pode transmitirlle axentes patóxenos ó gando. Son causa dunha serie de enfermidades, englobadas baixo o termo piroplasmoses, e da anaplasmose, que se caracterizan por síntomas como febre, diarrea ou anemias. A prevención destas enfermidades esixe ter en conta os vectores de transmisión, entre os que hai que incluír non só a carrachas como vector biolóxico directo, senón tamén vectores mecánicos que facilitan o contaxio de animais infectados a outros, como insectos ou agullas, Resumimos a intervención sobre este problema do profesor da Facultade de Veterinaria (Universidade de Santiago, USC) Ceferino López, que interviu nos recentes encontros gandeiros da ADS Xundeva, en Lalín. Que enfermidades poden transmitir as carrachas? Entre as máis habituais figuran a babesiose e a theileriose, como piroplasmoses, un tipo de enfermidades parasitarias producidas por protozoos; e a anaplasmose, xerada por infección bacteriana . Da theileriose, pénsase que non ten parásitos hospedadores en Galicia, pero sen embargo están a rexistrarse casos na comunidade. A babesiose, que se incuba durante 1-2 semanas, caracterízase por síntomas como febre, apatía, constipación, anemia, caída da produción de leite e hemoglobinuria (orina de cor avermellada). En Galicia adoita producirse unha tolerancia natural no gando extensivo por infección continuada, pero danse casos clínicos, sobre todo en animais novos cunha orixe externa á explotación ou en animais maiores non resistentes. Manexo Existen factores de manexo que poden aumentar tamén os casos clínicos de babesiose no rabaño, por exemplo, cando se incrementa o uso do pastoreo ou cando se amplía o tamaño do rabaño e os animais se aproximan máis á vexetación do borde dos prados, propicia para albergar máis carrachas. Determinadas prácticas poden agravar o problema, como o uso dunha mesma agulla para todo o rabaño, pois o axente patóxeno pode así pasar duns animais a outros, tanto na babesiose como noutras enfermidades, como a theileriose, que presenta síntomas similares á babesiose. Isto podería explicar a presenza de Theileria en Galicia -onde se pensa que non ten hospedadores naturais-. A entrada en Galicia de animais da zona mediterránea, onde a Theileria é endémica, puido propiciar a expansión do problema, ben por medio de insectos picadores, ben polo uso de agullas contaminadas, ainda que se considera moito mais fácil a transmisión mediante unha agulla no caso da anaplasmose. “Demostrouse que hai un 60% de posibilidades de infección co uso de agullas dende un animal infectado con Anaplasma a un san”, subliñou Ceferino López. Unha medida básica de prevención consiste no uso de agullas dun só uso e en desinfectar despois de cada utilización o instrumental empregado para a colocación de crotais e descornados. O control dos insectos picadores nas cortes, sobre todo se hai positivos no rabaño, resulta tamén fundamental. Anaplasmose Outra das enfermidades que transmiten as carrachas é a anaplasmose, cunha sintomatoloxía tamén similar á babesiose, con deshidratación e problemas dixestivos, pero sen hemoglobinuria. Existe un tipo de anaplasmose, provocada por Anaplasmae phagocytophilum, que tamén pode afectar ás persoas e contaxiarse de animais a humanos, puidendo xerar enfermidades graves. Control O control do principal vector de todas estas enfermidades, as carrachas, é complicado. Resulta conveniente controlar o movemento dos animais por ‘zonas boas’, sen vexetación propicia para as carrachas, e pode ser aconsellable a redución da masa vexetal ou a execución de roturacións en determinadas parcelas. Outras pautas a ter en conta son a limpeza e illamento das naves, tratando de manter un entorno limpo ao seu redor, e o uso de insecticidas acaricidas. En zonas endémicas, é conveniente tamén evitar a entrada de animais de zonas libres do problema. Os casos clínicos agudos precisarán, en calquera caso, de tratamentos puntuais.

Control da bacterioloxía do leite

O control da bacterioloxía do leite é clave para ter unha maior sanidade na explotación, mellor calidade de leite, mellor prezo do mesmo e maior seguridade alimentaria. A lexislación europea esixe ás explotacións de gando vacún unha calidade hixiénica do leite para a súa recollida. A bacterioloxía ten que estar por debaixo das 100.000 bacterias/ml e as células somáticas por debaixo das 400.000 células/ml. As centrais lácteas priman a consecución de mellores números, variables segundo a industria, pero que adoitan estar por debaixo das 20.000 bacterias e por debaixo das 125.000 células somáticas. Para un control axeitado da bacterioloxía e das células somáticas é necesario facer un traballo pormenorizado e exhaustivo en toda a explotación. Calquera cousa que se realice mal nesta, inflúe na calidade hixiénica do leite. O primeiro que hai que facer é unha correcta interpretación dos datos que nos achegan os diferentes laboratorios interprofesionais do leite, que nos dan unha información valiosa para a correcta interpretación e poder, desta forma, poñer os medios axeitados para a corrección necesaria do problema. Datos de análise do leite Normalmente adoitamos quedar, á hora de ver os resultados, nas medias da graxa, proteína, bacterioloxía e células somáticas. E a verdade é que hai que ir máis alá. Por enriba das medias, é necesario analizar os distintos resultados que ofrecen as analíticas das mostras tomadas ao longo do mes. Como norma xeral, podemos dicir que: Os resultados das mostras individuais indícannos como vai a explotación en canto a alimentación, sanidade e manexo. É necesario fixarse nas variacións/oscilacións dos parámetros medidos e comprobar se as subas coinciden con cambios de corte, manexo da alimentación, cambios na dieta, condicións climáticas, saneamento, vacinacións, estrés, etc. Control bacteriolóxico Para controlar un problema bacteriolóxico en granxa, o primeiro que hai que ver é se este aumento está asociado ou non a un incremento no número de células somáticas.

Se hai bacterioloxía alta e células somáticas baixas:

Revisar a limpeza do circuíto, a rutina no uso do deterxente alcalino e ácido, a presión do lavado, dobraduras e estreitezas no circuíto. Un parámetro moi importante é a temperatura da auga de lavado. O enxaugado consegue auga fría e a limpeza co deterxente alcalino clorado é con auga quente. Se este auga quente está a temperatura maior de 70ºC, provoca que o cloro do deterxente se volatilice e perda a súa función de desinfección. O deterxente ácido débese usar é estes casos un mínimo de 4 veces por semana. Revisar o funcionamento do tanque de frío: canto antes baixe a temperatura do leite mellor e esta debe estar a 4ºC. Revisar así mesmo o correcto lavado deste tanque. Toma de mostras o máis correcta posible: limpeza do cazo de recollida, correcta identificación, conservación en refrixeración da mostra... As mostras de leite deben ser recollidas tras unha axitación do leite de mínimo 5 minutos para que a mostra sexa o máis homoxénea posible.

Se hai Bacterioloxía baixa e células somáticas altas:

Problema máis complexo xa que adoita estar relacionado coa presenza de mamite, sobre todo de carácter subclínico. Importante primeiro identificar os animais con mamite, xa sexa a través do CMT ou a través do sistema Mastimilk. Este último ten a vantaxe da súa inmediatez, fiabilidade e poder facer todos os animais e todos os cuarteróns nunha soa sesión de muxidura. Unha vez identificados os animais, convén facer toma de mostras para a identificación e antibiograma do xerme implicado. Esta identificación serve, así mesmo, para orientarnos na orixe do problema. Non é o mesmo a presenza dos estafilococos coagulase negativos que un aureus, estreptococo, ambientais ou un corynebacterium. Revisión da rutina de muxidura, testaxe da sala (importante) Revisión da hixiene da cama, salas de espera, aspersores de auga en caso de zonas cálidas, etc. Revisión do protocolo de selado de mamilas, rotación dos principios activos, revisión da punta das mamilas... Individualizar a explotación: Cada unha delas ten un problema diferente e polo tanto a solución é distinta. Revisión da alimentación: Un parámetro importante é o nivel de urea en leite. Esta urea dános información do aproveitamento da proteína da porción. Se está alta, o que podemos afirmar é que hai un exceso de proteína degradable, que se transforma en amoníaco e que vai a ril e fígado transformándose en urea. Esta urea, se está alta, diminúe a inmunidade, aumenta o índice de mamite e diminúe a fertilidade. Isto é doado de comprobar cando as vacas saen a pasto verde, onde hai un maior impulso de leite, un aumento nas mamites e un aumento no número de inseminacións. Cando isto acontece, hai que facer unha modificación na fórmula do penso para aumentar a enerxía rápida da porción. Revisión do protocolo de secado das vacas: Uso de cánulas en función dos xermes activos na explotación. Este período é importante e inflúe na incidencia de mamites posteriores e na cantidade de leite producida por vaca. Este período ten tres fases importantes: -Fase de Involución activa: A vaca déixase de muxir, prodúcese un aumento da presión intramamaria, a mamila acúrtase e ensánchase. É unha fase crítica que dura máis ou menos 3 días. É o período principal para mamite por coliformes e estafilococos. -Fase de Involución Estable: Período de maior inmunidade mamaria, maior actuación da lactoferrina e onde se produce a renovación celular. A súa duración é variable e é o período que se pode acurtar en duración. -Fase de Calostrogénesis: Aproximadamente 15 días antes do parto. Aumenta a circulación sanguínea, síntese de costro e a produción de inmunoglobulinas. Pódense producir edemas mamarios. Baixa a lactoferrina defensiva e é un período de risco para a entrada de bacterias patóxenas. A alimentación durante o secado é fundamental: É importante ter claros os niveis de calcio e magnesio se se usan sales aniónicos no preparto. Así mesmo, é importante controlar o nivel de betahidroxibutirato en sangue e glicosa, xa que hai unha diminución na sensibilidade dos tecidos á insulina e a vaca, incapaz de usar a glicosa como fonte de enerxía, usa a graxa como fonte, producíndose un aumento dos corpos cetónicos e con iso a cetse, causando unha baixada de inmunidade, problemas de retención de placenta, metrite, mamite e coxeiras.

Se hai Bacterioloxía alta e Células Somáticas altas:

Aplícase todo o anterior, extremando a identificación dos animais, tratando as vacas con mamites clínicas e retirando o leite que vai a tanque. Eses animais móxense ao final e valórase se van a secado. O recomendable é tratar os animais que van a secado coma se fose unha mamite clínica, comprobar a curación e pasala a secado co tratamento correspondente. É habitual que vacas que se secan con mamite clínica cheguen a parto con mamite. Esas vacas teñen perdida a lactación, teñen peor costro e adoitan ser animais propensos a máis patoloxías.