Archives

O Slg defende a suba do salario mínimo interprofesional no agro

O Sindicato Labrego Galego, diante da posición contraria á suba do salario mínimo interprofesional (SMI) das tres principais organizacións agrarias do Estado (COAG, ASAJA e UPA), quere manifestar “o seu total desacordo con esa postura”. “Pola contra, o Sindicato Labrego apoia a suba do SMI de maneira rotunda, clara e inequívoca porque manter o salario mínimo no nivel actual supón legalizar a pobreza e a exclusión social e económica de miles de traballadores e traballadoras do agro”, subliñan a través dun comunicado. Neste sentido, dende a organización agraria reivindican que os fondos da Política Agraria Común (PAC) se orienten cara a esta finalidade, “de maneira que non haxa necesidade de tirar dos orzamentos públicos do Estado ou das comunidades autónomas para garantir esa renda mínima básica para o agro”. “Podería acadarse simplemente aplicando a PAC cun carácter social, repartindo os seus fondos realmente entre os labregos e as labregas, e non malgastando cantidades millonarias que van parar maioritariamente a familias terratenentes, latifundios, corporacións industriais, grandes empresas, especuladores e fondos de investimento”, engaden. Ademais, recordan que “o Goberno ten potestade para lexislar, a través da reforma da Lei da Cadea Alimentaria, de cara a que os labregos e labregas perciban prezos polo produto do seu traballo que deixen unhas marxes de beneficio dignas e nunca baixen dos custes de produción”. Tamén dende o Sindicato Labrego reclaman que “a pensión mínima digna se iguale co salario mínimo interprofesional porque, precisamente, as persoas na última etapa da súa vida é cando son máis vulnerables e precisan, máis que nunca, manter un nivel adquisitivo suficiente para vivir eses últimos anos sen perder a súa dignidade”. “Facer da agricultura unha profesión digna e ben remunerada é un paso indispensable para conseguir frear o abandono do rural. De nada nos vai servir dotar de Internet ou conectividade 5G ao rural se a xente que vive no campo non ten cartos para custear eses servizos. As familias volverán ao rural se teñen un medio de vida digno para vivir nel; en caso contrario, teremos que afacernos a un campo cada vez máis abandonado para satisfacción de Ence, das compañías mineiras e da industria enerxética”, concluén.

Advirten de que a suba do salario mínimo disparará un 50,4% os custos laborais para os agricultores

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) alerta de que a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) aos 1.000 euros prevista polo Goberno “podería supor un aumento do 50,4% dos custos laborais para os agricultores, ao pasar de 967 euros por traballador/mes en 2018 a 1.455 euros en 2020”. Así o recolle a simulación realizada polos Servizos Técnicos de COAG en base os datos reais dunha explotación media, con 2-3 traballadores fixos: Neste sentido, desde o COAG aseguran que “avogamos por uns salarios dignos e un emprego de calidade no campo pero nun contexto de caída de rendas ( -8,6% en 2019) e de entrada sen control de importacións que non cumpren nin coa máis mínima cobertura social e laboral dos seus traballadores, a importante subida dos custos laborais expúlsanos do mercado”. “Resulta inasumible para as pequenas e medianas explotacións con 2-3 traballadores fixos. O noso custo laboral diario no sector agrícola (69 euros), multiplica por 14 o salario dun xornaleiro en Marrocos (5 euros/ día). Estamos a anos luz de poder trasladar ao prezo dos nosos produtos o incremento de custos, nun mercado desregulado no que se impón a lei da selva. A presión en prezos e custos está a asfixiar ás explotacións familiares”, subliñou o responsable da área de Relacións Laborais de COAG, Eduardo López, á vez que vaticinou destrución de emprego en sectores que demandan man de obra de forma máis intensiva, como o de froitas e hortalizas. Ante esta situación, esta organización pedirá ao Ministerio de Traballo participar na mesa de diálogo social que se abra cos diferentes axentes para abordar a suba do SMI. Ademais, nun hipotético escenario de novas subidas, COAG reclamará medidas compensatorias para os profesionais agrarios, vía bonificacións das cotizacións á Seguridade Social e IRPF.