Archives

Axudas compensatorias por sacrificio do gando en caso de baleirado sanitario

A través desta Orde a Xunta establece dúas liñas de axudas:

1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nunha explotación de gando bovino, ovino e cabrún, rexistrada en Galicia, por motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.

2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais a consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Importe das indemnizacións

En canto á primeira liña de axudas, os cálculos para a determinación das compensacións faranse multiplicando o valor en euros da marxe bruta de cada unidade de produción polo número de unidades de produción que consten como datos oficiais referidos á explotación afectada na Consellería do Medio Rural e do Mar. Resultará así un importe anual que, dividido entre 365 días, determinará o importe diario, que será multiplicado polo número de días de inactividade.

Con respecto ás axudas para a compra de animais bovinos, ovinos ou cabrúns destinados á reposición poderán concederse nas contías e cos límites seguintes:

1. 400 euros por animal adquirido da especie bovina e 40 euros por animal comprado para o gando ovino e o cabrún (houbese ou non baleiro sanitario na explotación); estes importes por animal serán incrementados nun 10 % se a explotación pertencía a unha ADSG na data de sacrificio/morte dos seus animais.

Tendo en conta os importes establecidos neste punto, o importe total da axuda será ata un máximo de 20.000 euros por persoa beneficiaria nos casos de baleiro sanitario da explotación, e ata un máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria nos casos en que non se realizase o baleiro sanitario da explotación.

Axudas para a indemnización por sacrificio obrigatorio de animais

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 800.000 euros a axudas para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

Os beneficiarios destas achegas serán os titulares de explotacións gandeiras correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia. Serán propietarios de animais e/ou produtos que foron sacrificados/mortos e/ou destruídos de forma obrigatoria por orde da Consellería (autoridade competente en sanidade animal) e por mor da aplicación de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades animais.

Para ter dereito ás indemnizacións é imprescindible cumprir a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal. Tamén é de obrigado cumprimento estar ao día dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais; que as explotacións gandeiras estean correctamente rexistradas; e que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio dos animais, ordenado pola autoridade sanitaria competente.

Por regra xeral, s contías das indemnizacións serán as que correspondan en cada momento segundo os baremos ou prezos oficiais aprobados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Podes consultar aquí os últimos publicados, correspondentes ao ano 2011: http://boe.es/boe/dias/2011/04/14/pdfs/BOE-A-2011-6713.pdf.

Prazo de solicitudes e resolución

O prazo de presentación de solicitudes será ata o vindeiro 30 de novembro de 2015. O prazo máximo para a resolución dos expedientes é de cinco meses, contados dende o inicio do procedemento de concesión.

No caso de que durante a instrución do ano 2014 houbera solicitudes de indemnizacións presentadas en tempo e forma por persoas interesadas -así como informes para proposta de resolución emitidos polos servizos de gandaría provinciais- e que non se puideron tramitar durante o ano pasado, teranse en conta no procedemento de concesión de indemnizacións para este ano 2015 e ao abeiro desta orde, sen necesidade de que ditas persoas interesadas presenten un novo formulario de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o 30 de novembro.

Máis información nesta ligazón:http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150114/AnuncioG0165-020115-0004_gl.html