Archives

Descende o número de ganderías e animais pertencentes a Acruga

A asemblea anual celebrada este venres tivo lugar no Pazo de Feiras de Lugo extremando as medidas de distanciamento entre o medio cento de socios participantes Continúa descendendo o número de ganderías socias en Acruga e o número de animais de raza rubia galega rexistrados, cunha perda de 1.000 reprodutoras no último ano, segundo o balance realizado este venres na asemblea anual da entidade, que prevé un final de ano "crucial para o sector". Como cada ano por estas datas, este con certo atraso pola crise sanitaria, Acruga fixo balance do exercicio anterior nunha asemblea xeral celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, extremando as medidas de seguridade entre os asistentes, como distanciamento e uso de máscara, e prescindindo nesta ocasión dos actos lúdicos habituais, xa que non houbo nin homenaxe a xubilados nin a tradicional comida. Si que se tivo lugar igual a asemblea, á que acudiron uns 60 socios e socias, e na que se detallaron os datos que definen o exercicio 2019, un ano marcado por bos números en canto a vendas, prezos medios en poxas e exportación de seme, entre outros aspectos, pero tamén cifras que falan dun lixeiro estancamento no crecemento de explotacións e animais.
Os datos do exercicio pasado son bos en canto a vendas, récord en prezos medios en poxas e exportación de seme, pero continúan a tendencia dos últimos anos en perda de explotacións e número de cabezas
As ganderías rexistradas descenderon no último ano, pasando de 1.749 a 1.735. Tamén o número de animais baixou dos 38.710 do 2018 aos 35.476 do pasado exercicio. O descenso foi menor no número de reprodutoras, unhas mil menos, o que sitúa ao 2019 cun rexistro de 27.000 vacas nodrizas. Prevense meses difíciles Un aspecto que quedou patente entre os asistentes é a incerteza sobre os próximos meses, que xera preocupación e inquietude entre os gandeiros de Acruga. Unha das cuestións que a actual dirección puxo de manifesto na asemblea é como se vai a encarar o que queda de ano e as medidas a tomar para facer fronte á particular crise que atravesa o sector da carne co descenso da demanda e, por tanto, dos prezos.
Prevese que se poidan celebrar as poxas de Adai a próxima fin de semana e en outubro e as de Pedrafita e A Fonsagrada en setembro
Ante este difícil panorama, os esforzos de Acruga irán encamiñados a promover máis axudas institucionais para os gandeiros de rubia galega, e a seguir adiante cos distintos convenios e programas de axuda. Ademais, para o que queda de ano, espérase que se poidan celebrar algunhas das poxas do calendario de feiras, entre elas moitas de peso, como Adai, a próxima fin de semana e no mes de outubro, ou as de Pedrafita e Fonsagrada, en setembro. Novo récord no prezo medio de venda en poxas en 2019 Gráfico que mostra a evolución do prezo medio alcanzado nas subastas de Acruga na última década Será nestas feiras cando se poderá avaliar realmente se a venda de animais en poxas e os bos prezos alcanzados en 2019 se manteñen tamén neste 2020. De feito, o prezo medio do pasado ano foi de 2.359 euros, o que supón un novo récord na historia das poxas organizadas pola asociación. Se o dato do prezo medio é bo, aínda é mellor o que recolle o número de animais adxudicados: un 96% de exemplares adxudicados nas dez poxas celebradas ao longo do ano. Isto explícase, en boa parte, pola alta calidade xenética e morfolóxica das xovencas presentadas, así como polo seu valor desde o punto de vista produtivo e reprodutor. Gran parte das xovencas presentadas a estas poxas proceden do rabaño de elite da granxa Gayoso Castro, onde Deputación de Lugo e Acruga traballan desde hai anos na mellora da selección de animais de alto valor, que logo se ofrecen nestas poxas. De feito todos os exemplares procedentes deste centro adxudicáronse. Venda de seme Evolución da venda de seme de raza rubia galega Outro dos datos positivos que amosa o balance do 2019 é a recuperación da venda e exportación de doses de seme, trala importante caída do ano 2018. As vendas de doses de seme de raza rubia galega ao exterior, practicamente duplicaron en 2019 os datos do 2018, achegándose aos números do 2017, que estableceron un récord no que se refire a este apartado. Brasil e Uruguai centran a exportación ao exterior, que supera as vendas que se realizan no mercado nacional. Outro dos aspectos sobre os que se informou aos gandeiros na asemblea de hoxe foi sobre os convenios con diferentes organismos e institucións que se levaron a cabo ao longo de 2019, moitos dos cales se desenvolverán tamén nos próximos anos.
Seleccionáronse 25 sementais como doantes para o Banco de Xermoplasma Nacional xestionado polo Ministerio de Agricultura en Colmenar Viejo
Entre estes destacan, por exemplo as axudas a asociacións do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para traballar na conservación, mellora e fomento das razas puras autóctonas, un convenio ao que se acolleu Acruga. A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega tamén levou a cabo ao longo do 2019, e dependente do mesmo ministerio, a xestión do Libro Xenealóxico e outro proxecto para o envío de seme de raza rubia ao Banco de Germoplasma Nacional, en Colmenar Viejo, coa finalidade de preservar a raza. Seleccionáronse 25 sementais como doantes baixo o criterio de máxima distancia xenética, unha elección dos xenetistas que busca garantir a variabilidade xenética da raza. Implantación de embrións Ganderías participantes no programa de mellora xenética da raza mediante implantación de embrións Acruga tamén continuou desenvolvendo o programa de Consolidación e Diversificación da Raza Rubia Galega, dependente da Consellería do Medio Rural, un convenio que se renovou a principios deste mesmo ano e que, por tanto, estará vixente ata 2022. Grazas a este programa están a intensificarse os traballos de selección de reprodutores, co fin de recuperar e mellorar a variabilidade xenética da raza, mediante dúas liñas de traballo: a obtención de descendentes machos de alto valor xenético e a formación dun núcleo aberto de reprodutoras de elite con carácter de doadoras de embrións. En 2019 participaron 74 ganderías, con 152 embrións colleitados e 68 implantados, o que supón un gran avance con respecto a exercicios anteriores. Hai que lembrar que a participación neste programa leva aparelladas diversas compensacións económicas para os gandeiros. Tamén ata 2022 estará vixente o convenio asinado coa Deputación de Lugo para a recría de xovencas na Granxa Gayoso Castro, así como outra linea de axudas directas aos gandeiros de Lugo polas femias rexistradas no rexistro definitivo. Estudo xenómico da raza rubia galega A importancia do estudo da xenómica da raza é desde hai anos uno dos obxectivos principais da asociación que preside César Dourado. Por iso é polo que no 2019 Acruga se acolleu ao Programa de Selección Xenómica en Raza Rubia Galega, utilizando un chip de SNPS de alta densidade. O programa desenvólvese desde 2019 ata 2021 e na que será a súa segunda anualidade levará a cabo a análise xenómica de 1.000 animais. Participan no devandito proxecto, ademais de Acruga, o departamento de xenómica da USC, Unizar, e Xenética Fontao. Co Grupo Opetarivo Exportgen, Acruga está inmerso nun proxecto de tres anos, que conta coa participación de Feagas, Asturgen e ANCE. O seu obxectivo a creación dunha estrutura de comercialización que facilite a exportación de material xenético de razas autonómicas españolas e elaboración dun plan estratéxico de internacionalización que dinamice e facilite a exportación. Este ano íase a promocionar a raza con asistencia a feiras internacionais e visitas de posibles compradores doutros países, iniciativas que se tiveron que pospoñer a causa do Covi-19. Si se están preparando estudos de mercado, publicidade, catálogos, e demais material promocional noutros idiomas.

Preocupación entre os gandeiros asistentes pola evolución dos prezos nos próximos meses

Animais sacrificados coa marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Galega Os baixos prezos actuais de comercialización da carne e a incerteza sobre a evolución dos próximos meses centrou boa parte das intervencións dos gandeiros asistentes á asemblea. Acruga mantén desde hai anos un convenio co matadoiro Baixomiño para o sacrificio e comercialización de canles dos seus asociados coa marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Galega. Con todo, a maioría dos socios de Acruga comercializan por libre ou por outras vías as súas reses, de tal forma que só unha pequena porcentaxe dos 35.000 animais rexistrados en Acruga comercialízanse mediante este acordo, que segundo os datos facilitados na Asemblea son de media uns 40 tenreiros semanais os sacrificados. Unha das esixencias que os asistentes fixeron á directiva de Acruga foi a de mellorar os prezos das canles de rubia nos matadoiros. Os baixos prezos actuais xeran gran descontento entre os produtores, pero o representante do matadoiro Baixomiño, presente na asemblea, indicou que non se prevén subidas relevantes a curto prazo. Outras vantaxes máis aló do prezo Desde a directiva explicaron que hai varias vantaxes para os gandeiros que se acollen ao servizo de comercialización de canles de Acruga como transporte gratuíto; maior rendemento de canles; venda asegurada en épocas de pouca demanda (como está a ocorrer con esta crise sanitaria) e pagos a curto prazo (aproximadamente 8 días). Con todo, moitos dos gandeiros asistentes sinalaron que os prezos seguen sendo baixos e que se debería traballar e negociar cos matadoiros para lograr un maior beneficio económico.
Existe malestar coa canle de comercialización de Acruga polos baixos prezos pagados pero o representante de Baixomiño informou de que non se prevén subidas importantes nos próximos meses
Desde hai anos Acruga ten vixente un convenio con Ternera Gallega para promocionar a marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Galega. No 2019 rexistrouse un incremento de animais certificados e sacrificados baixo esta marca. Ademais, como parte da colaboración con Ternera Gallega, Acruga tomou parte, en 2019, na iniciativa Exaltacións Gastronómicas na Provincia de Lugo, posta en marcha pola Deputación de Lugo e a Asociación Provincial de Hostalería de Lugo en máis de 50 restaurantes cun bo resultado de participación. Tamén a través da asociación de hostaleiros lucenses, Acruga promocionou a súa carne nas casetas da Volta Ciclista España 2019. Sector crítico Precisamente a promoción da carne centrou un dos moitos debates que se sucederon ao termo da asemblea de hoxe. A maior parte dos gandeiros e gandeiras asistentes reclamaron á directiva unha mellor promoción da carne de Rubia Galega no mercado para que o consumidor diferencie esta raza do resto das denominacións integradas en Ternera Gallega.
As solicitudes de auditorías externas en materia de xestión e de pureza xenética non chegaron a votarse
As augas andan revoltas desde hai algún tempo en Acruga, con peticións de auditorías externas solicitadas, tanto sobre a xestión da entidade, como sobre a xenética da raza, que con todo non chegaron a votarse na asemblea celebrada este venres ao ser consideradas "rogos e preguntas". Tampouco chegou a votarse o anuncio da directiva de subida de cotas prevista. Ata o de agora existía unha especie de tarifa plana, con dous baremos, de 30 e 60 euros, en función do número de animais. Acruga pretende modificar este sistema para que sexa proporcional ao número de cabezas de cada explotación, cunha cota inicial de 30 euros para as primeiras 10 cabezas e a partir de aí un euro por animal.

Poxas de Acruga este fin de semana en Cervantes e Seoane do Courel

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (Acruga) participará este sábado en Cervantes na I Feira na Defensa do Gandeiro de Montaña e o domingo organiza outra poxa en Seoane do Courel. A subasta deste sábado en Cervantes comezará ás 12 horas e os gandeiros terán a súa disposición 5 exemplares maiores de 21 meses procedentes da Granxa Gayoso Castro. O prezo de saída está fixado en 1.800 euros e como é habitual, os gandeiros que adquiran os animais terán unha axuda á compra de Caixa Rural Galega por importe de 200 euros. Acruga tamén estará presente en Cervantes na exposición de gando, xa que os animais que representarán á raza rubia gallega pertencen a socios da asociación con granxas en Cervantes. Subasta en Seoane do Courel En Seoane do Courel, Acruga celebrará este domingo 12 de maio outra poxa con cinco novillas preñadas. É a segunda subasta que organiza neste concello da montaña lucense, logo da realizada o pasado ano, que se pechara con tódolos animais vendidos a un prezo medio de 2.150 euros. A poxa de Seoane comezará ás 12.30 horas, aínda que a retirada de tarxetas para participar poderá facerse desde unha hora antes.

Vacas premiadas na XXI Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara

Este martes celebrouse na Pobra de San Xiao a XXI Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara, que congregou a centos de visitantes e na que se degustaron máis de 1.000 quilos deste produto. Ademais da gastronomía, na feira tamén se celebrou un concurso morfolóxico da raza Rubia Galega, organizado por ACRUGA, e no que participaron varias gandarías da provincia. Os resultados foron os seguintes: -Primeiro premio en touros: Finca Villadangos, de Sabarei (O Corgo) -Primeiro premio en xovencas: Finca Villadangos, de Sabarei (O Corgo) -Primeiro premio ao mellor lote: Finca Villadangos, de Sabarei (O Corgo) -Primeiro premio en vacas: Manuel Pereiro Velaquí algunhas fotos do gando premiado:

Gandería O Bañal: De 15 a 0 ataques do lobo ao gando grazas aos mastíns

O Bañal SC é unha gandería de vacún de carne con 70 nais de raza Rubia Galega situada na aldea do Bañal, concello das Pontes, nunha única finca de 200 hectáreas, das que 60 están a pradería. Un auténtico luxo en Galicia, onde o minifundismo e a separación entre as parcelas encarece os custos de produción. Isto foi posible grazas a Enrique Martínez, un constructor de Oleiros cuxa paixón pola natureza, a gandería e a caza o levou nos anos 70 a mercar fincas nesta aldea. “Meu avó empezou a xuntar fincas mercándollas aos veciños ata xuntar esta finca de 200 hectáreas. Ao comezo gran parte estaba a monte, polo que tivo que traballar moito para ir limpándoo e converténdoo en praderías e en plantacións forestais, sobre todo de piñeiro de Oregón e de Eucaliptus Globulus, que ocupan unhas 140 hectáreas”, explica Rubén Pita Martínez, neto de Enrique, e que combina a dirección de varias empresas familiares na Coruña coa súa gran paixón, a explotación gandeira e forestal que lle legaron os seus pais, Manuel e Antonia. “A min isto encántame porque dende pequeno viña aquí co meu avó nos fins de semana e nas vacacións. Gústame traballar aquí e ver que o gando medra ben e que imos mellorando as plantacións forestais. Ves como se completa o ciclo da vida e das estacións”, recoñece. Sen embargo, hai 4 anos estiveron a piques de pechar a explotación debido aos ataques dos lobos ao gando, que pace en extensivo e en réxime de liberdade todo o ano, día e noite. O problema, tal como explica Rubén, non era novo, dada a proximidade da finca ao Monte Caxado, lugar onde tradicionalmente se localizaron mandas de lobos. “Dende que empezamos a traballar con vacún de carne hai 40 anos meu avó e meus pais recordan problemas co lobo, pero nos últimos 10 anos os ataques ao gando incrementáronse e a situación volveuse insostible porque perdíamos polo menos entre 10 e 15 xatos ao ano e mesmo algunha vaca”, explica. Ante a inviabilidade económica de pechar a finca de 200 hectáreas cunha malla fixa e con pastor eléctrico, Rubén decidiu buscar asesoramento en Joan Alibés, un gandeiro de ovino e caprino de Meira (Lugo) que tamén ofrece servizos de aconsellamento a outros gandeiros a través da entidade Beealia. “Joan veu aquí, viu como era a explotación, localizou as mandas de lobos e vimos que a solución era meter mastíns e parcelar en fincas máis pequenas para que os cans puideran defender mellor o gando. O plan foi a tres anos: O primeiro ano metemos unha femia, Linda, que veu sendo unha cadeliña e que tivemos que afacer ao gando manténdoa durante uns 4 meses coas vacas estabuladas dun veciño e empregado noso”, explica Rubén. Pasado ese período de adestramento no que o can asume que as vacas son a súa familia veu o seguinte paso de acostumar a Linda a estar permanentemente coas vacas no prado, día e noite. Logo chegaron Mera, outra femia, e o pasado ano Sil, un macho, completando o equipo de 3 protectores que Joan Alibés lle aconsellou para as características de Gandería O Bañal.
“No primeiro ano pasamos de ata 15 xatos mortos por ataques dos lobos a 0”
“O resultado foi espectacular: No primeiro ano pasamos de 10 ou 15 xatos mortos por ataques dos lobos a 0. E dende que os temos non volvemos ter problemas a pesar de que o lobo segue rondando, porque o vemos”, destaca. A aprendizaxe de protección do gando vaise transmitindo de forma natural dos cans máis vellos aos cadelos que se incorporan. Como obstáculos iniciais, Rubén recoñece que “ao principio ás vacas non lles gustaba que os mastíns andivesen polo medio, pero estes patrullan o perímetro das fincas e sempre están co gando”. Tamén tiveron algún susto con algún xato que escapou ao monte porque os cans, cando son novos, queren xogar con eles. “Pero quedou niso, porque os becerros acababan volvendo”, subliña. O instinto de protección dos mastíns lévaos a que se podan mostrar agresivos cando morre un xato na finca, pois permanecen ao lado do cadáver para protexelo. “Estamos moi satisfeitos cos resultados, e o que gastamos en penso compénsase de sobra”, destaca Rubén. O exemplo de Gandería O Bañal levou a varios veciños da contorna a incorporar tamén mastíns para protexer o gando dos ataques dos lobos.

Vacas e becerros con 0 gramos de penso

As 70 vacas nais coas que contan en Gandería O Bañal son de raza Rubia Galega, a que mellor se adapta ás duras condicións desta zona de montaña, con invernos fríos e chuviosos. “O meu avó e os meus pais probaron coa Blonda de Aquitania pero non se adaptaba ben”, recoñece. Tanto nas vacas como nos touros que empregan -cambian o touro cada 5 anos- buscan como primeiro criterio a facilidade de parto e logo boa conformación de canais. “As vacas están no prado día e noite todo o ano, polo que queremos vacas rústicas e con 0 complicacións nos partos, que pairan soas, e cara aí orientamos a nosa selección xenética”, explica.
 “Buscamos vacas rústicas e que pairan soas sen problema”
Venden cada ano entre 50 e 60 becerros cunha idade de entre 6 e 8 meses, alimentándose exclusivamente do leite da nai e do pasto. Dende hai 3 anos todos os xatos mércallos un cebadeiro de Lugo que lles fai un remate final con cereais. A explotación está dada de alta tanto na IXP Ternera Gallega Suprema como no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). A alimentación das vacas é únicamente en base a pasto, complementando no inverno con silo de herba e herba seca que recollen na propia explotación. Para limpar o mato das 120 hectáreas de bosque que circundan a zona de pasteiros en Gandería O Bañal contan tamén con dúas mandas de 14 eguas e dous garañóns. Neste gando, si que seguen padecendo perdas de poldros debido aos ataques dos lobos.

Mellora das pradeiras

Un aspecto no que están a centrar os esforzos en Gandería O Bañal é en mellorar a produtividade das pradeiras e no manexo do pasto. “Non imos aumentar o número de cabezas de gando pero si que pensamos mellorar a rendibilidade das forraxes. En 2017 empezamos resementando unha pradeira cunha mestura de Fertiprado, especial para zonas de montaña de Galicia e na que se inclúen unhas 15 especies de gramíneas e de leguminosas, e os resultados foron moi bos, polo que imos intentar anovar 2 ou 3 pradeiras cada ano”, explica Rubén.

Gandería O Bañal en imaxes:

Anterior
Siguiente

Unhas 300 hectáreas para a explotación forestal

Ademais das 200 hectáreas da finca de O Bañal, a familia de Rubén conta con outras 300 hectáreas en diversas fincas de As Pontes. Neste sentido, un dos obxectivos de Rubén dende que se involucrou na dirección da empresa familiar foi mellorar a rendibilidade das plantacións forestais, a principal vía de ingresos desta explotación. “Tiñamos moito eucalipto globulus que non medraba porque non se adapta ben á zona e está comesto polo gurgullo. O que estou facendo é cortar esa madeira e volver plantar con eucalipto nitens, que lle compramos a Mañente polos bos resultados que vemos en crecemento e en sanidade”, asegura. No caso das masas de piñeiro, pretenden manter as máis próximas ás zonas de pastoreo do gando, pois sérvelles de acubillo no inverno. Ademais, está traballando para racionalizar as quendas de corta, co obxectivo de que cada ano se planten e se corten unhas 10 hectáreas de monte, garantindo uns ingresos todos os anos. “No caso do eucalipto nitens, vemos viable nesta zona facer cortas cada 12 anos e reinvestir ese mesmo ano parte dos ingresos en volver plantar e en facer os abonados e limpezas que corresponden”, detalla.
 Para a venda da madeira fan subastas ao mellor prezo entre 3 ou 4 madeiristas
Para os traballos forestais (plantación, mantemento dos cortalumes, abonado..), agás para a corta, así como para o coidado do gando Rubén e a súa familia contan con tres traballadores asalariados: Servando, Lolo e Suso. Para a venda da madeira fan subastas ao mellor prezo entre 3 ou 4 madeiristas. “Non vendemos por tonelada senón a prezo por lote, pois do contrario hai que agardar a que corten e a que che paguen e vai pasando o tempo, e o que nos interesa é volver plantar rápido”.

Pagan 4.000 euros por unha xovenca de Rubia Galega na poxa de Adai

Había boas previsións por parte da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) para a feira de Adai deste sábado, pero os resultados en canto a adxudicacións e prezos superaron os prognósticos máis optimistas. O prezo medio das 12 xovencas que saíron a poxa foi de 2.300 euros. A marca estableceuna unha femia que alcanzou os 4.000 euros, pagados por un gandeiro de Céltigos, en Sarria, tras unha animada poxa. A xovenca, propiedade dun gandeiro de Lugo e que partía cun prezo de 1.800 euros, protagonizou outro dos momentos máis intensos da mañá cando arrastrou aos seu manexador e acabou soltándose e correndo polo interior do valado. Ante o nerviosismo do animal, os organizadores preferiron proceder á súa poxa sen presentala ante os asistentes e sen ofrecer o habitual “paseíllo”. Non parece que isto botará para atrás aos posibles compradores que se encerellaron nunha rifada poxa, que finalizou coa mencionada marca. O oito xovencas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, que tamén partían dun prezo de saída de 1.800 euros, foron adxudicadas todas elas por encima dos 2.000 euros salvo unha. Outra das reses logrou un prezo de 2.850 euros. En canto aos machos, presentáronse oito á poxa e adxudicáronse cinco a varios gandeiros da provincia de Lugo. O touro de Acruga procedente da nave de testaxe adxudicouse en 2.200 euros, mentres que o resto de machos de poxaron por prezos que oscilaron entre os 1.900 e os 2.550 euros. Concurso Nacional de Raza Rubia Galega: A gandaría de Manuel López Quiroga é a gran vencedora O concurso nacional de Raza Rubia Galega, que este ano celebrou a súa edición 31, distinguiuse este ano por unha alta participación. Cinco gandarías coparon todos os premios deste certame e entre todas elas sobresaíu a gandaría de Samos de Manuel López Quigoga, gañador en cinco do sete seccións do concurso. En concreto, obtivo o primeiro premio nas categorías de sementais de máis de 26 meses; xatos de 14 a 26 meses; becerros de 8 a 14; xovencas de 18 a 24; e na sección de vacas paridas, na que "Cuca", unha vaca xa coñecida entre os gandeiros ao gañar varios concursos como o Miss Vaca Galicia de hai uns anos, levou tamén o primeiro premio na categoría de vacas paridas. Manuel López Quiroga, cunha explotación en Samos dunhas 120 cabezas, aseguraba hoxe tras facerse con este cinco premios que o segredo dos seus exemplares non é outro que "a boa xenética, moitos pastos e herba, e un bo coidado dos animais". Tamén destacou na entrega destes galardóns a Gandaría Santalla, do Corgo, que logrou un primeiro premio na sección de machos e femias ata 8 meses; e outro catro terceiros premios noutras tantas seccións. A gandaría de Palas de Rei de Vilar Varela fíxose con dous segundos premios nas seccións de xatos de 14 a 26 meses e na de becerros de 8 a 14. Mentres, a explotación de Francisco Lago Álvarez, de Castroverde, conseguiu tres segundos premios noutras tantas seccións. Outra das gandarías que estiveron presentes nesta selecta lista foi a de Manuel Fernández Rodríguez, de Lugo, que gañou o terceiro premio en xatos de 14 a 26.

A Deputación de Lugo renovará próximamente o convenio con Acruga

Darío Campos xunto ao presidente de Acruga, César Dorado O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades da Xunta de Galicia e do Concello do Corgo, participou na LXXXIX Poxa Nacional de Raza Rubia Galega e no XXXI Concurso Nacional que tivo lugar este sábado no recinto gandeiro de Adai, no municipio do Corgo, coa colaboración do Executivo Provincial. O Goberno da Deputación mantén un importante convenio de colaboración con ACRUGA achegando na pasada anualidade 172.000 euros para a recría de xovencas na Granxa Gayoso Castro, na que actualmente hai unhas 150 cabezas. Proximamente asinarase a renovación do mesmo, mantendo a aposta do goberno provincial pola actividade gandeira. Campos Conde subliñou que “con este tipo de iniciativas, xa asentadas no calendario lucense, incentivamos a economía local, especialmente no rural, a través da promoción de exemplares de calidade como o son as máis de 120 reses que hoxe temos aquí”.

Resultado da poxa de Acruga na Granxa Gayoso Castro

A poxa de xovencas que Acruga celebrou este sábado pola mañá nas novas naves da granxa Gayoso Castro finalizou coa venda de 29 das 32 xovencas presentadas. As preñadas acadaron, tras a venda dos 16 animais presentados, un prezo medio de 2.000 euros. A maior cotización foi, con todo, para unha vaca parida que se vendía conxuntamente coa súa cría de 10 días, e que foi adquirida por un gandeiro de Friol por 2.350 euros. O prezo medio das reses preñadas, de 2.000 euros, mantén a liña dos rexistrados no resto de poxas que Acruga organizou ao longo deste ano. O bo tempo axudou a que a poxa desta mañá en Castro de Ribeiras de Lea, a cuarta edición que leva a cabo na granxa Gayoso Castro, congregase a numeroso público e que a poxa estivese animada. Pouco antes de comezar, un total de 32 gandeiros sacaron o cartón que lles permite poxar. O saldo desta nova poxa foi de 29 reses adxudicadas das 32 presentadas, un balance que desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega cualificaron de "positivo". Á poxa acudiu o deputado provincial de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, tamén responsable da granxa Gayoso Castro, e o presidente de Acruga, César Dorado. Adxudicáronse xovencas para ganderías de toda Galicia As 16 xovencas preñadas, cun prezo de saída de 1.800 euros, foron adquiridas por gandeiros da Coruña, Friol, Antas de Ulla, Pedrafita do Cebreiro, Palas de Rei, Becerreá, Outeiro de Rei e Lalín. Adxudicáronse todas cun prezo medio de 2.000 euros, cifra similar ás obtidas no resto de poxas celebradas por Acruga neste 2016. A maior cotización foi a que alcanzou unha vaca parida que se poxaba coa súa cría de apenas 10 días, pola que un gandeiro de Friol pagou 2.350 euros. Trátase de Rubén Penín Rouco, titular dunha explotación familiar dunhas 55 cabezas en Portela, que explicaba ao termo da poxa que era a primeira vez que acudía a unha poxa deste tipo. A calidade das xovencas parecíalle moi boa, o que lle levou a longo prazo a poxar e adquirir ata 9 exemplares dos poxados hoxe. Das outras 15 vacas, sen preñez, adxudicáronse 12, cun prezo medio de 1.655 euros, aínda que hai que ter en conta que ao tratarse de xovencas sen xestación o prezo de saída situouse en 1.600 euros. Os compradores foron gandeiros procedentes de Becerreá, Friol e Palas de Rei, ademais da explotación Eloy Gómez Crespo y Otros, que adquiriu seis destes exemplares para destinar á súa explotación de Ourense, cunhas 30 cabezas de gando, que cambiou a súa actividade de vacún de leite a carne.

Adxudicadas 5 xovencas por 1.800 euros cada unha en Pedrafita

A poxa de Acruga celebrada esta mañá no mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro finalizou coa adxudicación de tres das cinco xovencas presentadas á poxa, uns animais que foron adquiridos por gandeiros con explotacións nos municipios de Palas de Rei e de Pedrafita. A pesar de que se tratou dunha poxa concorrida, só se sacaron nove cartóns de posibles compradores e, finalmente, as reses vendéronse ao prezo de saída, fixado en 1.800 euros, cunha axuda de 200 euros por xovenca, achegada pola entidade Caixa Rural. O gandeiro local Jesús Ángel Lago Gancedo, que rexenta unha explotación familiar en Pedrafita, adquiriu dous dos tres animais poxados onte, para aumentar a súa explotación, actualmente con 135 cabezas de gando. Jesús Lago explicou ao termo da poxa que coas dúas xovencas adquiridas onte son xa 46 os animais que comprou, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. A súa gandería contaba nos seus primeiros anos con reses de asturiana e cruzamento, pero nos últimos anos decidiu apostar pola Rubia Galega, polas súas boas características e polos seus excelentes resultados, que lle permiten, dixo, abastecer a carnicerías e a locais de hostalería. Así, entre outras boas calidades das xovencas de Rubia Galega procedentes do citado centro de recría, Jesus Lago destacou a súa “boa facilidade de parto, o fácil manexo e as excelentes calidades produtoras destes animais”. Á poxa asistiron o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, o presidente de Acruga, César Dorado, e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, quen emprazou aos gandeiros á seguinte poxa que acollerá este municipio no mes de setembro.

Acruga poxa este martes seis xovencas en Pedradita do Cebreiro

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, acode eses martes a Pedradita do Cebreiro para celebrar unha nova edición da poxa de xovencas preñadas, que comezará ás 12.30 da mañá. Acruga levará seis exemplares, todos eles de idades comprendidas entre os 22 e os 25 meses e cunha preñez de entre catro e seis meses. Como xa é habitual nas poxas organizadas por Acruga, os animais proceden da granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, onde en colaboración coa Deputación de Lugo a asociación traballa no centro de recría para lograr unha coidada selección de animais, co que forma un rabaño de elite, avalado polas boas características xenéticas, produtoras, morfolóxicas e reprodutoras. Os prezos de saída para estas seis xovencas preñadas fixáronse en 1.800 euros, cunha axuda á compra de 200 euros, grazas ao apoio da entidade Caixa Rural. A retirada de cartóns poderase facer unha hora antes, desde as 11.30, no mesmo recinto feiral. O presidente da Acruga, César Dorado, lembra os resultados de feiras anteriores para falar das boas perspectivas para esta feira, xa que nas dúas poxas celebradas en abril e setembro de 2015, adxudicáronse todas as xovencas preñadas presentadas á poxa. As razóns que, segundo César Dorado, levan aos gandeiros para adquirir estas xovencas son as boas características das mesmas e as garantías que supón a súa procedencia do centro de recría. "Son xovencas preñadas que se adquiren cunha media de 24 meses de idade, o que supón un importante aforro nos custos de mantemento que se requiren para recriar unha novilla destas características. Ademais, a axuda á compra de 200 euros tamén é un incentivo para os gandeiros que deciden poxar por un destes exemplares", explica Dorado Pin.

Vendidas as cinco xovencas presentadas por ACRUGA na poxa de Boimorto

A poxa celebrada esta fin de semana en Boimorto (A Coruña) finalizou coa adxudicación das cinco xovencas que Acruga levou á poxa. Todas elas cubríronse polo seu prezo de saída, fixado en 1.700 euros, ao ser xovencas sen preñar. Coma sempre, os gandeiros que conseguiron estes exemplares, todos eles da provincia de Lugo, contaron cunha axuda á compra por parte da Caixa Rural. A próxima cita de Acruga será o próximo domingo, día 5 de abril, no mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro, onde se subhastarán cinco xovencas preñadas, procedentes do rabaño de elite do centro de recría da granxa Gayoso Castro.