Archives

Unións Agrarias advirte dun incremento de roubos durante a corentena

Unións Agrarias advirte dun incremento de roubos que se está a dar no rural galego, coincidindo coa limitación de movementos derivados do Estado de alarma. Trátase de delitos que teñen por obxectivo os pendellos e cortes que se atopan a certa distancia dos núcleos habitados, polo que a ausencia de veciños preto facilita a comisión do delito. A organización agraria apunta que está a recibir na súa rede de oficinas constantes queixas por parte dos afiliados polos recorrentes roubos de apeiros e gando nalgunhas aldeas e vilas. Así, en Avión (Ourense) produciuse o roubo dun touro e varias vacas en días pasados, mentres que en Lalín tamén se denunciaba o roubo de colmeas e cordeiros a varios veciños, como recollía a prensa local. Os pastores eléctricos ou as placas fotovoltaicas están a ser algúns dos obxectos máis substraídos. Tamén se están dando casos onde os ladróns levan todos aqueles apeiros que atopan, mesmo aínda que só sirvan para comercializar como chatarra. “A menor presencia de persoas no espazo público provoca que os delincuentes se sintan máis seguros na súas actividades ilegais pola falta de testemuñas ou denuncias”, apuntan dende Unións.

Reforzar a seguridade no rural

Unións Agrarias dirixiuse ó delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, co obxectivo de que se reforcen as patrullas rurais e se adapten os protocolos de protección á situación actual de confinamento. A entidade agraria amosou o seu apoio ó traballo e dedicación que a Garda Civil e a Policía están realizando nestes momentos, pero ó mesmo tempo pide maior vixilancia en vilas e aldeas para evitar que os agricultores e gandeiros perdan maquinaria, colleitas ou animais, tendo en conta a situación económica na que se atopan. Solicitan incrementar a intensidade na vixilancia e seguridade do rural para frear no posible os roubos e impedir que cheguen ó mercado negro as colleitas e as pezas da maquinaria substraída e logo desmantelada, así como modificar as penas por reincidencia no Código Penal e que se realice unha valoración do dano que produce o roubo na actividade diaria das explotacións. Por outra banda, e dada a media de idade alta dos habitantes do rural, apuntan que unha maior presencia de axentes da orde axudaría a xerar un clima de maior tranquilidade e menor vulnerabilidade entre os veciños.

Denuncian o roubo de colmeas nos Ancares

A empresa Meles Anta, a maior produtora e comercializadora de mel de Galicia, denuncia un roubo nun dos seus colmenares, situado no concello lucense de Becerreá, na comarca dos Ancares. O roubo produciuse hai dúas semanas, aproveitando o fin de semana. Os delincuentes levaron un total de 12 colmeas de transhumancia e 25 alzas de mel. As colmeas levan impresos os números de explotación e na tapa teñen o holograma de Industrias Domínguez. “É un tipo de colmea co que en Galicia soamente traballamos nós, polo que son fáciles de identificar. Quen realizou o roubo sabía o que facía e tiña coñecementos”, asegura David Corral, propietario de Meles Anta. O tirón da apicultura, con alta demanda de enxames, xunto aos bos prezos do mel, incrementaron os roubos nos colmeares durante os últimos anos. Desde Meles Anta agradecen a colaboración cidadá para atopar as colmeas roubadas. Aquelas persoas que queiran facilitar información poden chamar ao 982 426 435 ou escribir un correo electrónico a administracion@mielesanta.com

Consellos para evitar roubos de colmeas

O roubo de colmeas, sobre todo no sur de Galicia, é un problema que cada vez preocupa máis aos apicultores. Só na Agrupación Apícola de Galicia, unha das principais organización do sector xunto coa Asociación Galega de Apicultura, teñen rexistrados 1.200 roubos de colmeas, aínda que salientan que realmente producíronse moitos máis xa que calculan que soamente se denuncian o 30% dos roubos. Para evitalos, dende o Grupo de Roubos no Campo (ROCA) da Garda Civil na provincia da Coruña dan os seguintes consellos aos abelleiros: As cámaras de vídeo serven como medio de proba no xulgado e como sistema de disuasión porque son visibles para os delincuentes. Os sistemas de aviso antipenetración non serven de proba nun xuízo, pero permiten a posibilidade de coller aos ladróns no acto e de frustrar o roubo. Por exemplo, unha alarma sonora que avisaría se o ladrón pasa o valado do apiario ou abre a porta. Hai cámaras que mandan unha mensaxe ao móbil do dono no caso de detectar algunha penetración no perímetro. A instalación de GPS nas colmeas pode ser eficaz, sempre e cando sexa difícil extraelo e envíe un aviso á central de alarmas. Recoméndase instalar un valado perimetral arredor do apiario, con porta e candado. Deste xeito evítanse os roubos oportunistas e elévase a pena, o que ten un efecto disuasorio. En concreto, coa entrada en vigor do novo Código Penal xa non se pode falar de falta ou delito, xa que todos son delitos, considerados como leves, menos graves ou graves. No caso dun roubo con forza nas cousas ou escalo, como o roubo de colmeas pechadas por un valado, agrávase a conduta e pasaría a ser delito menos grave. Gravar un número de serie nas colmeas de xeito que sexa incorruptible, por exemplo, gravalo a lume..etc. E anotar o número de serie, xa que facilitará moito o traballo da Garda Civil para localizalas. En xeral, dende o grupo ROCA da Garda Civil recomendan aos apicultores a implementación de calquera tipo de marca exclusiva do autor, sexa esta visible ou non detectable a simple vista, tanto na colmea coma nos cadros: unha marca de pintura, unha riscadura, un tipo de material específico, unha cor atípica, etc Seguir os consellos xerais do Decálogo para Evitar Roubos na Agricultura e na Gandería, difundido pola Garda Civil. Por último, dende o grupo ROCA da Coruña lembran que o novo Código Penal inclúe unha figura agravada de furto cando a vítima é unha explotación agrícola ou gandeira e o delito lle causa un dano grave. Nese caso a condena é máis grave e aumenta a unha pena de cadea de 1 a 3 anos.

Decálogo para evitar roubos na agricultura e na gandería

Decálogo elaborado polo Grupo ROCA da Garda Civil. 1 A colaboración entre a Garda Civil e o sector agrícola e gandeiro é unha peza clave. ACUDA A NÓS E FÁLENOS DAS SUAS INQUEDANZAS. 2 Se observa movementos ou persoas estrañas próximas ás explotacións anote os datos (matrículas, descricións, datas, horas, etc.) e comunique esa INFORMACIÓN á Garda Civil. 3 CAMBIE A RUTINA de traballo na explotación agrícola polo menos unha vez por semana. 4 Na medida do posible prepare LUGARES DE SEGURIDADE para a custodia de material agrícola e instale ou simule algún sistema de vixilancia. Evitar ter os apeiros de labranza diseminados nas leiras e sen vixilancia. Intentar reunilos nun sitio protexido, valado e cunha porta con candado, e á vista dende a vivenda propia ou da dun veciño. 5 COMPROBE as pechaduras de fiestras e portas cando saia da instalación agrícola. Procurar manter unha actitude de seguridade. Recoméndase tamén instalar algún sistema de seguridade como un valado e unha porta con candado. Hai que ter en conta que se a instalación agrícola non ten unha porta aberta o delito sería considerado un furto ou falta, pero se para roubar o ladrón ten que forzar o candado xa sería considerado un delito de roubo con forza nas cousas, con penas maiores. Neste caso, o ladrón pensaríao máis á hora de cometer este delito. 6 MARQUE, anote e garde a NUMERACIÓN da maquinaria -número de serie-, ferramentas e pezas de valor. Unha fotografía pode ser moi útil nunha investigación en caso de roubo. 7 Non deixe obxectos de valor á vista. DIFICULTE a acción do delincuente. 8 Se están presentes durante un roubo na instalación PROTÉXANSE nun lugar seguro e non se enfronte aos intrusos. Intentar quedarse cos datos do ladrón e intentar quitar fotos. Ter pensado de antemán un protocolo para aplicalo nestes casos evitando improvisacións. Por exemplo: medidas de autoprotección encerrándose nunha estancia segura coas persoas que haxa na casa, chamar ao 062 e aos veciños..etc. 9 Despois dun roubo ou calquera tipo de actividade delitiva CHAME INMEDIATAMENTE ao 062. Non toque nada nin pise pola zona. O factor tempo é fundamental para recuperar os obxectos roubados e deter aos ladróns. 10 Unha DENUNCIA non formulada é unha posibilidade máis para o delincuente. Recoméndase denunciar sempre ante a Garda Civil.

Descarge aquí o decálogo completo. 

“Anotar o número de serie é crucial para recuperar a maquinaria agrícola roubada”

O cabo Víctor Castro, responsable do Grupo ROCA da Garda Civil na provincia da Coruña. Dende a sede do grupo en Santiago de Compostela controlan a práctica totalidade das áreas rurais da provincia da Coruña. ¿Que é o Grupo ROCA? Os Grupos de Investigación de Roubos no Campo (ROCA), foron creados dentro da Garda Civil hai ano e medio co obxectivo é reducir os roubos nas explotacións agrícolas e gandeiras. En Galicia hay catro comandancias, catro equipos, un por cada provincia. Na da Coruña, somos 3 axentes, pero estamos coordinados co resto de axentes da Garda Civil e de equipos de investigación. ¿En que situación se atopa Galicia neste tipo de roubos no medio rural? A estatística de Galicia, polo que sei, é das máis baixas de España, e máis na provincia da Coruña. Nos últimos meses estamos a notar un descenso nos roubos, aínda que isto non significa que sexa un problema grave e preocupante. ¿Hai algunhas zonas dentro do rural nas que se produzan máis roubos? Canto máis deshabitado estea o lugar máis perigo hai, polo tanto explotacións gandeiras e casas abandonadas son as máis preferidas para cometer estes delitos. Polo demais, non hai unha comarca que destaque máis que outra dentro da provincia da Coruña. ¿Cales son os obxectos que máis se extraen nos roubos no agro? O máis denunciado é a chatarra: arados que están mal custodiados, e demais apeiros agrícolas. Despois séguenlle o gasóleo e en terceiro lugar maquinaria lixeira como motoserras, desbrozadoras...etc. ¿É moi difícil recuperar este material roubado? Depende de varios factores. Se o propietario ten o número de serie da máquina apuntado facilita e axiliza moito á Garda Civil a súa localización. Así, temos tido casos de recuperar material roubado que foi recuperado en horas grazas a que o denunciante tiña anotado o número de serie. ¿Cal adoita ser o destino desta maquinaria agrícola roubada? O destino é sempre a comercialización, case nunca é para ser usada polo ladrón. A venda pode ser directamente a particulares que encargaron o roubo, o que supón un delito xa que tamén sería autor do roubo. A outra forma de venda é a través de chatarrerías ou de tendas de compra-venda de segunda man, ou, por último, a venda directa. ¿Hai bandas organizadas que rouban no rural galego? Non temos constancia de que haxa unha organización estruturada en Galicia que se dedique a este tipo de roubos. No rural galego, actúan tanto delincuentes estranxeiros, que están en Galicia de xeito itinerante. E logo están os delincuentes locais, xa coñecidos e que actúan nunha zona concreta. Tanto uns como outros poden estar máis ou menos organizados. Algúns rouban de xeito organizado e outros rouban o venres para gastar os cartos durante a fin de semana. ¿Que aconsellades para evitar este tipo de roubos? Como normas xerais, anotar o número de serie da maquinaria. Tamén axuda se se dispón de fotos dos obxectos roubados. Por outra parte, recomendamos cambiar de vez en cando a rutina de traballo na explotación agrícola, para ser menos previsible para os ladróns. E ante un roubo, chamar sempre ao 062. Axentes do grupo ROCA da provincia da Coruña. ¿Notades que está en alza o roubo de colmeas? Na provincia da Coruña a suba é mínima, pero Polo que nos comentan os apicultores, nas provincias de Ourense e de Pontevedra si que hai un aumento do roubo de colmeas. ¿Cal foi o roubo no agro que máis lle sorprendeu? Tivemos un roubo nunha explotación de horta que tiña unha torre metálica na entrada da explotación na que puña o cartel e roubáronlla. Non foi difícil recuperala. Tamén roubaron mazás nunha explotación preto de Santiago. Unha queixa común é que os axentes chegades ao lugar do roubo tarde... Sempre chegamos ao sitio o antes posible, pero priorizamos outras actividades, para deter ao ladrón cando o roubo xa se fixo. É certo que somos poucos axentes pero tamén que as demarcacións son moi grandes e que as estradas no rural galego son as que son.