Archives

Ponte da Boga presenta o seu novo viño rosado da Ribeira Sacra

A adega Ponte da Boga acaba de presentar en Madrid o seu novo viño rosado, Academia, amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra. “Trátase dun viño rosado fresco, fragante e divertido, que conserva a elegancia e complexidade características desta adega”, destacan. Academia é un viño 100% Mencía con crianza sobre lías en depósito e barrica durante 4 meses. De cor rosa pálido, case ocre, achega intensos matices e aromas froiteiros. A súa maridaxe perfecta está asociada a peixes e aves. Sobre Ponte da Boga Ponte da Boga é a adega de Corporación Hijos de Rivera situada no municipio de Castro Caldelas, na Ribeira Sacra ourensá, que foi fundada en 1898 por unha familia orixinaria da zona. En 2005 a adega pasou a ser propiedade de Corporación Hijos de Rivera e desde entón, investiu gran parte dos seus esforzos no ámbito da investigación co obxectivo de recuperar variedades autóctonas de uva, practicamente abandonadas, coas que elaborar viños de forte personalidade e, sobre todo, de firme identificación coa zona.

A D.O. Valdeorras iniciará os trámites para amparar os viños rosados

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, reunido esta mañá na sede do organismo, decidiu iniciar os trámites para recoñecer e amparar os viños rosados no seu prego de condicións. Deste xeito, o territorio amparado valdeorrés sigue a senda da DO Ribeiro, que o amparou como viño espumoso, e da DO. Ribeira Sacra, que o recoñeceu como viño tranquilo. Dáse así resposta a unha crecente demanda dos viños rosados, que “cada vez contan cunha meirande aceptación no mercado”, tal e como salienta o presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando. De feito, malia que sen estar aínda amparados polo selo de calidade ou marchamo da D.O., na comarca de Valdeorras “polo menos sete adegas están xa a elaborar este tipo de viños”. Ao iniciar os trámites para o seu recoñecemento, “o Consello Regulador dá resposta ás demandas destas adegas”, conclúe García Pando. Máis alá dos godellos e mencías Para o presidente do Consello Regulador, “incoporar os rosados ao prego de condicións do territorio amparado enriquecerá, sen lugar a dúbidas, o catálogo de produtos vinícolas da D.O. posto que evidencia o extraordinario potencial do territorio amparado máis alá dos godellos e mencías”. Xunto a isto, o Pleno do Consello Regulador decidiu hoxe participar nas feiras de Prowein, que entre o 15 e o 17 de marzo se celebra na cidade alemá de Düsseldorf, e na Wine & Gourmet de Tokio, que terá lugar na capital nipona entreo 15 e o 17 de abril. O organismo tamén participará, xunto a outras denominacións de orixe galegas, nun evento promocional conxunto promovido polo Igape en Londres (Decanter Spain & Portugal Encounter) o vindeiro 24 de febreiro.

Máis información:

Os viños rosados ábrense camiño nas adegas galegas

Os viños rosados ábrense camiño nas adegas galegas

Nos últimos anos, as adegas galegas están comezando a ampliar a súa produción cara elaboracións como os viños rosados para incrementar a súa oferta e, ó mesmo tempo, atraer a un consumidor máis novo, que opta por este tipo de viños. Aínda incipiente, a produción de viños rosados en Galicia foi xa recoñecida nos regulamentos de condicións da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, como viño tranquilo, e da DO Ribeiro, como viño espumoso.
Este ano a produción de rosados na Ribeira Sacra é de 20.000 litros e por primeira vez comercialízase baixo o amparo da DO
Este ano a produción dos viños rosados na DO Ribeira Sacra chega ós 20.000 litros producidos por 9 adegas que, por primeira vez poden comercializalo baixo o amparo da Denominación de Orixe. “Este tipo de viños aínda representan moi pouco con respecto á totalidade que se produce na zona. As adegas están empezando a elaboralos”, indica Beatriz Soto, directora técnica da DO Ribeira Sacra.

4 regras básicas para os rosados

Elaborar viños rosados ó amparo da DO Ribeira Sacra implica que a adega debe axustarse ó regramento disposto para este tipo de viños. Hai catro pautas básicas que os rosados deben cumprir para poder comercializalos baixo esta denominación de orixe. - O 100% das uvas empregadas deben ser tintas. Deben utilizarse só uvas das variedades autorizadas na denominación de orixe. En concreto, na DO figuran como tintas preferentes a Mencía, Brancellao, Merenzao, Sousón, Caiño Tinto, Caiño Longo e Caiño Bravo e teñen como autorizadas tamén a Garnacha, Tintorera, Mouratón, Araúxa e Gran Negro. - Tanto os viticultores como as parcelas deben figurar no rexistro da DO. - Só se permite unha maceración máxima do líquido co bagazo de 48 horas. - O rendemento de extracción non pode ser superior ó 40%. “É un proceso no que se busca empregar o mellor mosto, o primeiro viño, por iso se opta por un rendemento tan baixo. Procúrase obter un viño coa mellor calidade”, matiza Soto.
Os viños rosados deben elaborarse só con uvas tintas das variedades autorizadas e cun rendemento e maceración mínimos
Ademais destas regras, os viños rosados, ó igual có resto dos viños elaborados na DO, teñen que pasar un proceso de verificación dos parámetros analíticos, nun laboratorio acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac). Tamén se comproban as características organolépticas e sométense a unha cata do comité na que se avalía se cumpre ou non coas características marcadas para considerarse como rosados da Ribeira Sacra.

Os viños rosados da Evega

Dado o interese que suscitan os viños rosados, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal) comezou no 2016 un estudo sobre o potencial que presentan as variedades galegas para a elaboración dos viños rosados. A investigación realizouse no viñedo que a Evega ten en Ribadumia o que permitiu estudalas distintas variedades nas mesmas condicións climáticas de cultivo. Tiñan unha densidade de plantación de 4.000 cepas por hectárea en espaldeira.
“En Galicia temos un potencial moi grande para producir rosados de calidade”; María Graña, tecnóloga da Evega
En concreto, o estudo fíxose con variedades de Mencía, Caiño Tinto, Espadeiro, Merenzao, Mouratón, Brancellao, Sousón, Pedral, Castañal e Loureiro Tinto. “En Galicia temos un potencial moi grande para producir rosados de calidade diferenciada que poden ser moi apreciados nos mercados”, indica María Graña, tecnóloga da Evega e que integrou o equipo de investigación xunto con Juan Carlos Vázquez e Beatriz Castiñeiras.

A experiencia

A investigación comezou coa vendima manual de 30 quilos de uva por cada variedade que permaneceron nunha cámara a 10 graos durante 24 horas. Logo, despalillárona e foron variando os tempos de maceración de cada variedade para obter a cor teórica máis idónea. A continuación, realizaron o sangrado do mosto por gravidade e engadiron enzimas pectolíticas para mellorar o desfangado estático que durou entre 24-48 horas, en función da limpeza dos mostos e a compactación dos fangos. O mosto limpo traségano e incorporáronlle lévedo activado Sacharomyces cerevisiae var. cerevisiae.
Foron variando os tempos de maceración para obter a cor idónea de cara variedade
A fermentación alcohólica realizárona a unha temperatura controlada de 18 ºC, incorporáronlle bentonita (0,5 g/L) en torno a densidades de 1,040-1,020 para mellorar a limpidez e estabilidade dos viños. Terminada a fermentación alcohólica, fixeron a trasfega do viño e incorporaron sulfuroso a doses moderadas, para evitar a precipitación excesiva de materia colorante e previr a oxidación das microvinificacións. Logo dun tempo de maduración e afinado dos viños, en torno os 5-7 meses, segundo a campaña, procedeuse ó embotellado, sen facer máis correccións. Ademais, analizaron os viños no laboratorio e sometéronos a unha cata de expertos.

Diferencias na cor

“Este tipo de viños é moi esixente no control dos procesos de elaboración, sobre todo naqueles que teñen que ver coa consecución da cor desexada”, indica María Graña. Por iso, un dos aspectos nos que se centrou o estudo foi en determinar algunhas resolucións con respecto á cor e ás distintas variedades que xa observaron nos tempos de maceración.
Na investigación obtiveron un amplo arco de tons diferenciados entre as 10 variedades estudadas
Así, as uvas de Brancellao e Merenzao precisaron maceracións máis longas (entre 2 e 3 horas). Pola contra, as variedades Sousón, Castañal, Loureiro Tinto e Caíño Tino case non maceraron ó ter mostos xa cunha cor moi intensa. Mentres, Mencía precisou maceracións en torno a 1 hora e para as variedades Pedral, Mouratón e Espadeiro o tempo de maceración oscilou entre os 15 minutos e as 2 horas. Así, en canto á cor en mosto, no estudo destacan as variedades Sousón e Castañal cos mostos de maior intensidade colorante, fronte a Mouratón, Merenzao e Espadeiro. Os rosados de Sousón, Castañal e Loureiro Tinto mantiveron as coloracións máis altas e as menores luminosidades, fronte a Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Espadeiro cos rosados de menor coloración e maior luminosidade.
O carácter ácido dos viños galegos aportan un equilibrio e frescura moi apreciada na elaboración dos rosados
Dado que o primeiro aspecto que busca o consumidor potencial dun rosado é normalmente a súa cor, na investigación, entre as 10 variedades estudadas, obtiveron un arco amplo de tons dende o rosa framboesa para Sousón, Castañal e Loureiro Tinto, ata as cores máis pálidas de pel de cebola para Merenzao e Brancellao; nas gamas intermedias atópanse Mencía con rosa amorodo, Espadeiro e Pedral con rosa grosella e rosa salmón para Mouratón e Caíño Tinto. Ademais de incidir na importancia da cor, dende a Evega, en base á súa experiencia, tamén concretan que nos viños rosados é fundamental acadar un bo equilibrio de protección dos viños fronte á oxidación, e polo xeral, evitar a fermentación maloláctica. Destacan que o carácter ácido dos viños galegos aporta un equilibrio e frescura moi apreciada na elaboración dos rosados.

Os viños rosados na DO Navarra

Á hora de falar de viños rosados, a DO Navarra é un dos territorios españois onde máis presenza e tradición teñen, sendo un referente. De feito, os viños rosados representan o 25% da produción desta denominación e as primeiras referencias deste tipo de viños datan do 1920, aínda que, non sería ata o 1950 cando se formalizaría o seu recoñecemento. “Os viños rosados chegaron a supoñer máis do 50% da produción vinícola desta zona en determinadas épocas”, explica o enólogo Gonzalo Celayeta. En canto á elaboración dos rosados na DO Navarra, o experto destaca tres factores que diferencian ós viños elaborados baixo esta denominación: -Elaboración co método de sangrado. Na elaboración non poden exercer ningunha presión externa, senón que o mosto debe caer polo seu propio peso. “Iso fai que o rendemento sexa moito menor pero o mosto é de maior calidade e un viño máis elegante”, valora o enólogo. Así, contan cunha menor produción pero de maior calidade. -A principal variedade utilizada é Garnacha. “Neste tipo de viños é moi importante a acidez e a froita que aporta empregar esta variedade”, concreta o enólogo. -A ubicación. Celayeta incide en que o frescor e os PH máis baixos que teñen este tipo de viños ó ser elaborados en zonas do norte de España resultan beneficiosos e determinantes. O enólogo tamén puntualiza que os rosados son viños con certa complexidade debido principalmente á súa cor. “Son moito máis delicados cós tintos e mesmo cós brancos. Son viños que se oxidan moito máis fácil ca un tinto, teñen menos estrutura e evolucionan máis rápido polo que hai que pór bastante esmero”, conclúe Celayeta.

Xornada sobre elaboración de viños rosados e oportunidades comerciais

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza para o vindeiro 9 de abril unha xornada técnica sobre “Retos e innovacións no mercado: os viños rosados en Galicia”. E é que este tipo de viños presentan moi boas perspectivas comerciais, sobre todo para a exportación e para o consumo entre a xente nova. Así, un informe da Organización Internacional da Viña e do Viño certifica que o consumo de viño rosado medrou un 20% dende o ano 2002 a nivel internacional. E a previsión para os próximos anos é que aumente a demanda destes viños nun 7%, fronte aos brancos e tintos que o farán sobre o 4%. De aí o interese da EVEGA por organizar esta xornada, de carácter gratuíto e na que participarán diferentes expertos neste tipo de viños. Desenvolverase no salón de actos do Centro sociocultural de Sober (Lugo) en xornada de mañá. Conta coa colaboración do Concello de Sober, a Fundación Juana de Vega e o CRDO Ribeira Sacra. O prazo de inscrición rematará o día 8 de abril. Pode descargar aquí o programa e a folla de solicitude: https://evega.xunta.gal/es/xornadas-tecnicas-retos-e-innovacions-no-mercado-os-vinos-rosados-en-galicia/

Vía Romana presenta un dos primeiros viños rosados da Ribeira Sacra

A Adega Vía Romana presentou este luns en Belesar (Chantada) un viño rosado elaborado con uva mencía cento por cento, que corresponde á anada de 2017 e que comezará a comercializarse no mes de decembro. Á presentación asistiu o xerente da adega Juan Luís Méndez acompañado de Paula Carballada, directora técnica da adega, Óscar Gonzalez, enólogo. e en representación de Chantada Contra o Cancro, Manuel Vázquez. Trátase dun novo produto innovador desta adega da Ribeira Sacra, que se caracteriza por unha evolución constante desde a súa creación en 1997 pero que sempre coida a calidade para elaborar viños que non entenden de présas. Neste sentido hai que lembrar que Vía Romana xa foi a primeira adega galega en presentar un viño vegano. En palabras da súa directora técnica, Paula Carballada, o viño rosado "é fácil de beber e é máis asequible para un público máis novo". Aínda que o rosado non está amparado de momento baixo a Denominación de Orixe Ribeira Sacra trátase dun paso máis para ampliar a oferta dadas as características da zona. Sen embargo, o novo viño Vía Romana Rosado ten un fin primordialmente benéfico doando 1,5€ por cada botella á Asociación Chantada Contra o Cancro. Neste sentido, Manuel Vázquez dedicou unhas palabras de agradecemento á adega e moi especialmente a Juan Luís Méndez "En nome de Chantada Contra o Cancro quero agradecer a Vía Romana e especialmente a Juan Luís, toda a axuda recibida desde que a asociación naceu en decembro de 2016",destacou.

"Esta será a primeira de moitas anadas da Vía Romana Rosado"

Vía Romana Rosado, en cata, presenta unha cor vermella cereixa brillante; toques de caramelo de amorodo e matices de pétalos de rosa, no seu recendo. Mentres que ao probalo nótase fresco, persistente e mantén unha acidez que pide un segundo grolo. Este rosado procede das cepas propias que teñen entre 20 e 60 anos e para a súa presentación ao público necesitou 8 meses en depósito e outro seis meses máis en botella. Juan Luís Méndez, director xerente da Adega Vía Romana, sinalou que "esta edición limitada de Vía Romana Rosado para nós é moi especial polo carácter benéfico que ten e será a primeira de moitas anadas deste rosado colaborando coa asociación Chantada Contra o Cancro". Por outra banda, nesta primeira presentación Juan Luís Méndez, aproveitou para falar do próximo lanzamento de Vía Romana anada 2017, que igualmente sairá ao mercado en decembro deste ano, con 120.000 botellas.