Archives

Deixarán os grandes tractores paso ás frotas de pequenos robots autónomos no campo?

Serán as frotas de robots autónomos o futuro da agricultura en lugar dos grandes tractores? Esa é unha das alternativas que puxo sobre a mesa o investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Dionisio Andújar, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado en días pasados en Lugo. “Estamos xa ante outro novo ciclo da agricultura, onde o reto é producir máis alimento dunha forma máis sostible. Atopámonos inmersos nunha nova revolución agrícola: a agricultura dixital”, apunta Andújar. Nesta nova fase, que o investigador acuña como agricultura dixital, a automatización dos traballos vinculada á agricultura de precisión deixa paso a unha agricultura que camiña da man da innovación. Xunto cos avances tecnolóxicos, o novo perfil dos gandeiros e agricultores, cunha maior formación e con grandes empresas interesadas no sector primario, abre camiño a este novo modelo. Unha das alternativas innovadoras que se barallan é a utilización de frotas de robots autónomos que poidan asumir os traballos realizados nestes momentos con grandes máquinas agrícolas. Do mesmo xeito que a súa compañeira do CSIC Ángela Ribeiro apuntara algunhas das vantaxes das frotas de robots de pequeno tamaño, Andújar sinala que estas frotas de autómatas de pequeno tamaño poden ser unha opción fronte aos grandes investimentos en maquinaria agrícola que se levan realizando nos últimos anos. Flota de robots autónomos para sementeira de Fendt. // Foto de Fendt. Estes sistemas multirobots teñen, entre outras vantaxes, ser máis facilmente reemplazables en caso de avaría, ademais de poder asumir labores de maneira máis localizada. É o caso, por exemplo, da solución proposta por casas comerciais como Fendt e a súa frota de robots pensados para sementeira localizada que realizan mediante sistemas de gps. Aínda que tamén é certo que esa é unha realidade que, polo momento, apenas chegou ao campo de forma xeneralizada. Así, algunhas grandes marcas só presentaron polo momento prototipos, sen chegar a desenvolvelos de forma estandarizada. Outras firmas desenvolveron estas frotas sen que resulten propostas que faciliten un manexo sostible, é o caso, por exemplo, de frotas de robots empregadas para o sulfatado, ás que lles falta implementar sistemas que permitan unha aplicación máis selectiva.

Tecnoloxía para unha agricultura máis sostible

Uns dos retos que asume esta agricultura dixital é lograr unha produción máis sostible a nivel ambiental deixando atrás un manexo sistemático dos cultivos. Optimizar o abonado e os tratamentos fitosanitarios en función das necesidades específicas ou realizar plantacións diferenciais son exemplo deste novo modo de proceder. “Se os cultivos son heteroxéneo non ten sentido que todos os imputs sexan para actuar de forma homoxénea. Tratar os cultivos coma se fosen homoxéneos levounos aos problemas que hai hoxe en día na agricultura, desde resistencias das pragas, residuos fitosanitarios en solos e auga, a perda de biodiversidade no campo…”, sinala o investigador.
“Se os cultivos son heteroxéneos non ten sentido que todos os imputs sexan para actuar de forma homoxénea. Esta forma de proceder levounos a problemas por resistencias, contaminación e perda de biodiversidade”
Fronte a esta problemática, os avances tecnolóxicos poden permitir aplicacións máis localizadas e selectivas. Baixo estas premisas traballaron no proxecto europeo Eit-Food Dacweed, no que tamén participou o CSIC e que busca atallar as malas herbas dunha forma máis efectiva e sen ter que recorrer á aplicación de herbicidas de forma xeneralizada. “Vemos, procesamos e trátase”, resume o investigador o procedemento seguido. Maquinaria desenvolvida no marco do proxecto europeo Eit-Food Dacweed. No caso do tratamento de malas herbas, a identificación das especies é un dos maiores obstáculos a superar, debido ás similitudes entre especies ou o aspecto diferente que presentan en función da fase de crecemento na que se atope. Actualmente con este método de detección e control de malas herbas en tempo real teñen xa máis de 40 especies herbáceas identificadas e case un millón de etiquetas xeradas, o que lles permite que a detección e identificación das malas herbas sexa cada vez máis precisa. Aínda que, un dos inconvenientes desta proposta é o seu elevado prezo, polo que ademais de contar con tecnoloxía adecuada, outra das prioridades sobre as que incide Andújar é a necesidade de dispoñer de solucións económicas que poidan chegar ao campo.

Solucións adaptadas ao sector

Neste afán por expor propostas alcanzables, Andújar desenvolveu un sistema de tratamento de malas herbas buscando botar man de tecnoloxías que xa están presentes en moitos dos tractores actuais como o sistema Isobus, que permite a comunicación tanto entre tractores como equipos dos principais fabricantes, e botando man de cámaras máis asequibles. Teñen xa o prototipo funcionando aínda que pendente de melloras. Andújar tamén sinala que nesa procura dunha agricultura máis sostible, o tratamento mecánico das malas herbas vólvese unha alternativa moi atractiva. De feito, o investigador traballou no desenvolvemento dunha grade de púas para malas herbas, que desenraiza as malas herbas. Trátase dun sistema que integra tanto o uso de ultrasóns para a detección de biomasa e a presenza de malas herbas, como cámaras para adaptar o tratamento. Grade de púas flexibles activadas por ultrasons.

O valor dos datos

Outro dos eixos fundamentais da innovación na agricultura e a gandería, do mesmo xeito que noutros sectores, é a obtención de datos que permitan contar coa información necesaria para axustar o manexo. “A información é moi útil, pero hai que saber manexala”, sinala o investigador. Así, é que moitos produtores e gandeiros atópanse que despois de ter recollido os datos para mellorar a súa explotación, quedan sen poder xestionar dunha forma axeitada toda esa información, é aí onde a innovación e a robótica teñen tamén un papel fundamental no desenvolvemento de ferramentas que poidan procesar ese volume de información.
Os avances tecnolóxicos permiten unha maior obtención de datos en granxas e explotacións que achegan información valiosa, o que fai necesaria unha regulación sobre este tratamento e o acceso a estes datos
Nesta xestión, obtención e tratamento de datos queda aínda pendente de resolver a protección deste tipo de información dado o valor que pode chegar a alcanzar. Así, os datos obtidos nunha gandería ou explotación agrícola ademais de revelar información importante para o propio sector tamén resultan de gran interese e mesmo imprescindibles para que a tecnoloxía se axuste cada vez máis ás necesidades do campo. Neste sentido, tanto o investigador como os asistentes á xornada celebrada en Lugo recalcaron a necesidade de que esta obtención de datos por parte das grandes empresas se compense aos produtores. Aínda que, na actualidade as grandes firmas están a obter estes datos, ben sexa a través da maquinaria como dos dispositivos e aplicacións, sen chegar a compensarllo ou mesmo advertirllo aos produtores polo que tampouco hai opción a negarse a este transvasamento de información. Así, desde os sistemas incorporados no tractor para a elaboración de mapas ou a aplicación coa que se xestiona o abonado pormenorizado da parcela poden acabar proporcionando información interesante non só ao gandeiro ou agricultor. Por iso é polo que son moitas as voces que reclaman xa a regulación e control sobre o acceso que se ten deses datos para que se poida compensar aos produtores e que teñan a capacidade de decidir que facer con esta información.

Robots 4.0 en viñedos galegos para facilitar a vendima

“A robótica en agricultura ten e vai ter moito sentido e mesmo menos limitacións que outros ámbitos nos que hai postas moitas esperanzas, coma os coches autónomos”. Así de clara se amosaba a investigadora Ángela Ribeiro, que traballa no Centro de Automática e Robótica, centro mixto entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade Politécnica de Madrid, durante a súa participación no Ciclo de Conferencias en robótica agrícola e gandeira celebrado recentemente en Lugo.
“En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”
Ribeiro reivindicou ademais os importantes avances en robótica e dixitalización do agro que se están levando a cabo en España e que sitúan ao país na vangarda tecnolóxica. “En España xa se están deseñando e desenvolvendo solucións tecnolóxicas moi interesantes. Deberiamos crear e vender tecnoloxía”, recomenda. A investigadora sinala que, mentres en tarefas como a preparación dos solos e sementeiras se ten avanzado moito na robotización, na produción da colleita aínda queda moito sobre o que traballar. Un dos exemplos sobre este avance da robotización no campo no manexo da colleita é o proxecto Flexigrobots, no que está a traballar Ribeiro nestes momentos. Neste caso buscan o desenvolvemento dunha plataforma para sistemas multi-robot autónomos, flexibles e heteroxéneos que facilite a automatización intelixente no manexo de precisión de cultivos. Trátase dun proxecto internacional no que participan tamén empresas e organismos de países como Finlandia, onde se centran no cultivo de colza; así como en Centroeuropa, que traballan en plantacións de arandos. En España, o CSIC traballa en viñedo. Ademais, está a desenvolverse en viñas galegas, grazas á colaboración da adega de Rías Baixas, Terras Gauda, situada na subzona do Rosal. Primer prototipo de robot de asistencia á vendima. Colaboración cunha vendimiadora nas Bodegas Terras Gauda en setembro de 2021.

Facilitar a vendima

Aínda que o proxecto aínda está en plena fase de desenvolvemento, xa levaron a cabo probas nos viñedos galegos durante a pasada vendima e patentaron a plataforma de asistencia á vendima, que está pensada para facilitar a vendima, e que resulta especialmente interesante naquelas zonas onde arrastrar as caixas das uvas vólvese un traballo físico esgotador. A plataforma, na que se carga a caixa, segue ao operario mentres este vendima. Trátase de que identifique e siga a un operario concreto, adaptándose ao seu ritmo de recollida e permanecendo a unha distancia de menos de medio metro. “Nas primeiras probas a persoa que vendimiaba estaba pendente do robot e tentaba inconscientemente adaptarse a el, pero buscamos xusto o contrario, que sexa o robot quen se adapte ao ritmo do vendimiador”, explicaba Ribeiro.
O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado
O robot recoñece e segue a un único viticultor que localiza mediante un identificador situado nun medallón que leva colgado. Ademais, o sistema conta cun receptor GPS para os desprazamentos que teña que realizar aos puntos de recollida e carga. O obxectivo do robot é acurtar os tempos que a uva pasa na caixa esperando ao seu traslado, xa que se trata de que unha vez que a caixa estea chea, outro robot veña a substituílo e este mentres poida trasladar a caixa ata o punto de recollida. Neste sentido, máis que un único robot, a idea coa que traballan desde o CSIC é en desenvolver unha frota de robots que traballe cooperativamente cos vendimiadores.

Frotas de pequenos robots 4.0

Do mesmo xeito que expoñen no proxecto Flexigrobots coa automatización na vendima, Ribeiro apunta cara a un novo salto na robotización da agricultura, no que se aposte polas frotas de robots de pequeno tamaño que poidan realizar labores de forma autónoma e baixo a supervisión dun operario. “Defendemos a implantación da robótica no campo con frotas de pequenos robots”, explica Ribeiro. A utilización destas frotas de pequenos robots presenta vantaxes como: -Son menos perigosos. Ao tratarse de robots de pequeno tamaño os riscos e consecuencias derivados de que se produza un fallo son menores para o ser humano. Con este tipo de tecnoloxía increméntase a seguridade. -Fácil substitución. Ao traballar cunha frota se un dos equipos se estraga pode substituírse por outro de maneira que poida realizarse a tarefa, a diferenza do que ocorre coas grandes maquinarias automatizadas, onde un fallo pode atrasar de maneira importante a tarefa ou mesmo comprometer o cultivo ao ser máis complexa a súa substitución. - Ao tratarse de robots de menor tamaño tamén se reduce a compactación do terreo, que adoita ser un dos inconvenientes de utilizar grandes maquinarias en agricultura. -Tamén supoñen un menor gasto en comparación co desembolso que supoñen outras maquinarias de maior tamaño. -Do mesmo xeito que a maquinaria tradicional e de maior tamaño, estas frotas, a pesar de ser autónomas, requiren por seguridade da supervisión dun operario.

Aproveitar e adaptar tecnoloxía para o campo

Máis aló do desenvolvemento de novas propostas tecnolóxicas innovadoras, tamén se está traballando en aproveitar e adaptar aos traballos no campo solucións xa existentes. É o caso, por exemplo, da adaptación que fixeron desde o CSIC dun vehículo eléctrico convencional transformándoo nun vehículo automatizado que se empregue na mostraxe do viñedo, para detectar pragas como a Botryte. Robot autónomo basado en Twizy para a inspección de viñedos. A Rioxa 2017. Así, optaron por utilizar o modelo de coche eléctrico Twizy de Renault para este uso. As prestacións que presenta este vehículo, como a súa robustez, a súa autonomía de 80 quilómetros, a súa recarga mediante un enchufe convencional ou o seu baixo prezo (11.000 euros fronte aos 60.000 euros que poden custar outros robots de campo equivalentes) convertérono nunha opción competitiva para a súa automatización. Con el realizaron mostraxes en viñedos da Rioxa con cámaras RGB-D, que achegan profundidade na toma de imaxes e que permiten unha maior precisión na elaboración de mapas de volumes que permiten contar con información de utilidade como o grao de afectación de patóxenos do viñedo, como a Botryte, para o seu posterior tratamento. “Con estas mostraxes pódese extraer moita información sobre o viñedo, útil para o xestor”, apunta a investigadora. Cabe destacar que, nesta liña de automatización e adaptación da tecnoloxía, o equipo de investigadores liderado por Ribeiro no CSIC xa deu importantes pasos, debido a que foron dos primeiros en integrar a utilización de drons nos tractores, comezando xa en 2007 co seu uso. A frota de robot terrestres RHEA e a Estación Base desde onde se supervisaba o traballo da frota de robots utilizando unha Interfaz Gráfica de Usuario, que proporcionaba unha recreación realista en tempo real do traballo dos robots. Ademais, participou no desenvolvemento de proxectos europeos de gran impacto como RHEA (Robot fleets for Highly Effective Agriculture and forestry management), co que conseguiron os primeiros pasos en tractores autónomos que realizaban o traballo de campo supervisados por un operario desde unha estación base, co apoio de programas informáticos para a detección rápida dos problemas que xurdían durante o traballo e a procura de solucións eficaces para atallar os mesmos canto antes, preferiblemente sen a intervención do operario e sen deter o traballo dos robots.

Foro en Lugo sobre robotización do sector agrogandeiro e forestal

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC aborda o progresivo proceso de robotización que está a experimentar o sector agrogandeiro e a súa incidencia na realización das actividades agroforestais e gandeiras, no marco dunhas xornadas que citarán no centro universitario lugués os días 11 e 12 de xullo representantes dalgunhas das empresas multinacionais de referencia nestes ámbitos, ademais de investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC. A directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; o coordinador do grao en Robótica da USC, Roberto Iglesias, e o profesor da mención da especialidade en Agrorobótica incluída neste título de grao, Javier Bueno Lema, presentaron este xoves este programa formativo e de divulgación sobre a realidade actual e as tendencias futuras da robótica agroforestal e gandeira, un foro aberto a toda a comunidade universitaria e demais cidadanía interesada na temática que reunirá no Campus Terra a catro representantes do mundo da empresa e da investigación.

Programa

O responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, abrirá este programa de relatorios o 11 de xuño, a partir das 10.00 horas, no salón de graos da EPS de Enxeñaría de Lugo, coa charla titulada ‘Robotización de explotacións de vacún de leite’, durante a que tratará algún dos aspectos dos xa xeneralizados robots de muxido, así como respecto doutras aplicacións desenvolvidas por esta multinacional que centra a súa actividade na prestación de recursos e servizos para explotacións de vacún de leite. O enxeñeiro agrónomo Germán Martínez, que é presidente de Kubota España e vicepresidente de Ventas da División de Tractores Kubota en Europa, dará continuidade á primeira quenda de intervencións deste foro coa charla ‘Exemplos de innovación de kubota para o futuro sostible da agricultura’, na que avanzará algunhas das últimas achegas nas que está a traballar esta multinacional con sede en Xapón. A segunda xornada deste ciclo sobre robótica agroforestal e gandeira céntrase no labor que desenvolve a comunidade científica. Así, os investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Dionisio Andújar e Ángela Ribeiro, ofrecerán o 12 de xullo cadanseu relatorio baixo o títulos ‘Robots intelixentes en Agricultura. O futuro xa está aquí’ e ‘Cultivando con datos: cara a agricultura robótica de precisión’.

Inscrición

O prazo de inscrición nestas xornadas permanece aberto ata o 11 de xuño na páxina web https://roboticalugo.com, onde as persoas interesadas poden formalizar de balde a súa participación nun evento que xa contabiliza un elevado número de participantes. O aforo é limitado e as persoas que o soliciten recibirán o seu corresponde diploma de asistente ao remate das xornadas.

Terras Gauda participa nun proxecto europeo para robotizar parte dos traballos na viña

A adega Terras Gauda (O Rosal, Pontevedra) súmase a un proxecto europeo centrado na robotización dos traballos no campo. No marco da iniciativa, denominada FlexiGrobots, desenvolverase unha plataforma que combinará a intelixencia artificial e o big data para optimizar a xestión do viñedo e doutros cultivos. O proxecto, no que participan 16 empresas e grupos de investigación de 8 países, desenvolverá probas nos viñedos de Terras Gauda, que é o campo piloto escollido en España. Ensaiarase alí a plataforma de aplicacións combinada cun sistema de robots. Os robots, que operarán tanto a pé de campo como de xeito aéreo, buscarán traballar coa máxima precisión, de xeito moi localizado, tomando decisións en tempo real e baseadas na evidencia dos datos recollidos. O director enolóxico de Terras Gauda, Emilio Rodríguez Canas, considera que o progreso para a adega é notable: “Se no seu momento xa nos situamos á vangarda do sector vitivinícola nacional cun proxecto de viticultura de precisión iniciado no 2014, agora o paso é de xigante pola capacidade e versatilidade dos robots para realizar diferentes tarefas no viñedo, como a vixilancia e detección de enfermidades, o tratamento preciso e localizado destas, e o apoio aos vendimiadores nos labores de recollida da uva; todo iso cunha exactitude máxima”. O proxecto que se desenvolve en Terras Gauda para viñedo conta coa participación de Seresco, compañía encargada das solucións de software; da Universidade de Wageningen e do Centro Superior de Investigacións Científicas (Csic). Viñedo de Terras Gauda. Consorcio multidisciplinar Os socios do proxecto Flexigrobots son Atos (España), CSIC (España), Seresco (España), Bodegas Terras Gauda (España), Centre for European Policy Studies -CEPS (Bélxica), Wageningen University & Research (Países Baixos), International Data Spaces Association - IDSA (Alemania), BioSense Institute (Serbia), Zeleni hit (Serbia), Art 21 (Lituania), AgriFood Lithuania, Agrosmart (Letonia), Probot OY (Finlandia), Natural Resources Institute Finland - LUKE (Finlandia), VTT Technical Research Centre (Finlandia), y MTECH Digital Solutions (Finlandia).

Vantaxes e inconvenientes dos sistemas de alimentación robotizada

Os sistemas de alimentación automatizada, que mediante un robot preparan e distribúen a ración ao gando, empezan a implantarse nalgunhas ganderías de vacún de leite, aínda que o seu elevado custo dificulta a súa extensión. Neste sentido, en Francia veñen de presentar un dos primeiros estudos independentes sobre as vantaxes e inconvenientes que supón esta nova tecnoloxía para os gandeiros. A análise, realizada pola Cámara de Agricultura do País do Loira e polo Institut de L´Élévage (IDELE), partiu dos datos ofrecidos por 10 constructores deste tipo de robots presentes no mercado francés e de enquisas a dez ganderías francesas que estaban equipadas con este dispositivo (había 160 granxas de vacún de leite en Francia con estes robots de alimentación no ano 2018).

As catro etapas dos sistemas de alimentación automatizada:

Como punto de partida, os sistemas de alimentación automatizada constan de catro etapas: -Zona de almacenamento das materias primas (silo de millo, de herba, penso, palla...etc).  -Cociña: Edificio a onde se levan e se almacenan de forma temporal os diferentes ingredientes da ración. Cada 1 ou 3 días hai que repoñer comida para que a prepare o robot para a súa distribución. -Preparación da ración.  -Distribución da ración mediante robots, que se desprazan ou ben sobre rodas ou por un rail. A almacenaxe das materias primas pode ser directamente no solo (grupo B de sistemas) ou en caixóns metálicos específicos (grupo de sistemas A, C, D e E).

Oportunidades e prácticas alimentarias co robot de alimentación

-Permite adaptar a ración a distintos lotes de animais (en lactación, secas, xovencas...etc), o que é interesante sobre todo para grandes rabaños. -O refugallo na comida redúcese ao mínimo. -Aumenta a frecuencia da distribución da ración no pesebre: pásase de 1 ou 2 veces ao día que se fai co carro mesturador a 7,6 veces ao día, no caso das granxas analizadas en Francia. ¿En que medida este incremento da frecuencia na distribución da comida no pesebre repercute na produción de leite e no comportamento dos animais? O estudo realizado polo IDELE e a Cámara de Agricultura do País do Loira conclúe que ten máis repercusión no incremento da produción de leite a mellora do benestar animal que a incorporación do robot de alimentación. “Son claves as condicións de partida, como cubículos suficientes, superficie de pesebre e de bebedoiros por vaca, que dispoñan dunha área de exercicio non cuberta...etc, algo que non se vai corrixir se incorporamos o robot de alimentación”, conclúen. En todo caso, subliñan que “se a alimentación xa está optimizada (calidade das forraxes, frecuencia do arrimado da comida, e ausencia de estrés no pesebre) antes de implantar o sistema de alimentación automático, pouco efecto vai ter no incremento da produción de leite, e mesmo pode ter un efecto negativo no caso de frecuencias moi elevadas de distribución da comida. O óptimo estaría en 6 veces ao día”.

A conservación do ensilado, un aspecto clave

O tempo que o ensilado pasa en bloques dende que se extrae do silo, pasa á zona de almacenaxe da cociña e chega ao pesebre é un dos puntos críticos dos sistemas de alimentación robotizada. Neste sentido, os autores do estudo lembran que se ben no inverno, a baixas temperaturas o silo de millo non sofre proceso de fermentación ata pasadas 48 horas dende que se desensilou, sen embargo durante o verán pode haber risco pasadas tan só 24 horas e mesmo 12 horas. . Neste sentido, os autores do estudo conclúen que “antes de plantearse a autormatización da alimentación é imprescindible que a gandería teña forraxes perfectamente conservadas e desensiladas”.

Menos tempo de traballo para a alimentación

Unha vantaxe evidente dos sistemas de alimentación automática é a mellora nas condicións de traballo. Neste sentido, o estudo realizado en Francia conclúe que: -Redúcese nun 55% o tempo que de dedica á preparación e distribución da ración, dedicando o 60% dese tempo a aprovisionar a cociña e o restante a tarefas de limpeza da cociña, programación, mantemento... -Flexibilidade e facilidade de remprazo durante a fin de semana. En todo caso, comparando o sistema automatizado mediante robot sobre rodas , con outros tres sistemas (desensilar co cazo do tractor e logo mesturar nun carro mezclador arrastrado vertical, cun carro mesturador propio equipado con desensilador e cun carro mesturador en CUMA), a ganancia de tempo varía moito, do 52%, ao 29% no segundo caso, pero baixa ao 19% no caso de que o traballo o fago un carro mesturador propiedade de varias granxas.

Costes económicos: Compensa a partir de 300 vacas en muxido

O estudo tamén analizou os custos do sistema de alimentación segundo o tamaño do rabaño. Neste sentido, conclúen que con 150 vacas alimentadas ou menos o custo dispárase a 40 euros por toneladas de leite producido e que compensa a partir de 300 vacas, onde o custo baixa a 24 euros, chegando a 14,4 euros nas ganxas de 800 vacas ou máis, aínda que nestes casos existe o problema de saturación do robot. Ademáis, os autores do estudo tamén compararon os custos do sistema de alimentación automarizada nunha granxa de 300 animais (180 vacas en lactación) con respecto a outros sistemas de alimentación, concluíndo que todos resultan menos custosos: 4,4 euros de aforro por cada 1000 litros no caso de desensilador e carro mesturador vertical, 1,6 euros menos no caso de carro mesturador en propiedade e 5,1 euros de aforro no caso de ter contratado o carro mesturador dunha CUMA.

Conclusións:

Neste estudo elaborado polo IDELE e a Cámara de Agricultura do País do Loira conclúen que: -É preciso facer unha diagnose de cada granxas antes de implantar un sistema de alimentación automática. -O investimento neste sistema é demasiado elevado para os efectos limitados que ten, tanto en incremento da produción como en aforro de custos. -No caso de granxa que xa teñan optimizada a alimentación (calidade das forraxes, arrimado frecuente, ausencia de estrés no pesebre...etc) non hai ganancias co sistema de alimentación robotizado. -O investimento si pode ser interesante para grandes rabaños, pero existen outras solucións como conformación de lotes alimentarios, mellora da calidade das forraxes..etc. -No caso dos grandes rabaños permite sortear as dificultades para contratar persoal.

Podes ver aquí o vídeo da presentación do estudo

Fabricantes de sistemas de alimentación robotizada e variacións:

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Curso sobre solucións sustentables de robotización para empresas agroalimentarias

Sicasoft celebra o webinar “Claves para reducir custos mediante automatización robótica de procesos (RPA) en empresas agroalimentarias”, que terá lugar o vindeiro mércores, 21 de outubro, ás 10.00 horas. O evento celébrase para mostrar como a tecnoloxía RPA está ao alcance de calquera compañía e como se poden reducir os custos de procesos de negocio repetitivos e con alta carga de traballo manual expondo o proxecto realizado na azucreira ACOR. Os relatores que forman parte deste webinar son Francisco Muñoz, director de planta de ACOR; Ignacio Riera, Channel Alliance Manager Southern Eurupe de UiPath, e Jose Luís Madrid, CEO de Sicasoft. “Cunha hora de duración, o tres relatores explicarán como se aplica a automatización robótica de procesos a un proceso de negocio no sector agroalimentario, os beneficios obtidos e a oportunidade que se abre para a empresa a través de proxectos de moi curta duración e rápido retorno de investimento polo aforro xerado”, explican desde Sicafot. Todas as empresas que queiran apuntarse, poden inscribirse a través do formulario que se atopa na páxina web de Sicasoft e nas súas redes sociais. Unha vez rexistrado, o usuario recibirá no seu correo electrónico o acceso ao webinar a través dunha ligazón. A inscrición é gratuíta até completar un aforamento de 100 persoas.

Primeiros resultados do Lely Vector na gandaría SAT A Campa

O sistema de alimentación automática Lely Vector permite unha precisión e eficiencia de alimentación que comprobamos en números cada día que transcorre na gandaría SAT A Campa (Curtis-A Coruña). Isto débese á consistencia na forma de traballo, desde o momento en que se carga o primeiro ingrediente, ata que se realiza a descarga da ración no pesebre. Este proceso non supera as 2:30 horas de intervalo na entrega, e execútase en función da cantidade de comida dispoñible no pesebre cada 30 minutos.

A alimentación realízase con dúas boles (Mixing and Feeding Robot (MFR) polas súas siglas en inglés) Lely Vector tanto nas 250 vacas de leite muxidas en robot (dous parques, un para as de raza Holstein e outro para as de raza Jersey) como no establo antigo que alberga 112 vacas muxidas na sala e 80 vacas secas. Distribúense un total de 4 racións diferentes ao día e prepáranse en función do consumo para que non exista alimento sobrante no momento da descarga.

O Lely Vector comezou a funcionar en marzo deste ano nesta gandaría galega e desde entón producíronse algúns cambios:

-As Holstein producían unha media total de 4500 kg de leite diarios antes de introducir o sistema de alimentación Lely Vector, mentres que a na actualidade mantéñense por riba de 5000 kg totais de leite.

-As Jersey producían unha media total de 2700 kg de leite diarios antes e actualmente están por riba de 3000 kg.

-Ambos os grupos de vacas agora realizan 350 muxidos ou máis cando anteriormente en poucas ocasións chegaban. Mantivéronse ao redor de 125 Jerseys e 110 Holstein. A eficiencia de alimentación é de 1,7 en ambos os parques.

Lely Vector en Sat A Campa: 

– Tiempo en cocina para el llenado y arrimado de ingredientes: 8 h
– Flexibilidad en orden de carga de ingredientes para conseguir previsión a largo plazo • Reparte en función de lo consumido (mide la altura del pesebre con un láser colocado al final del recorrido del arrimado)
• Todo en uno (arrima, mide y calcula la próxima carga y descarga)
• No quedan restos en el carro (lectura constante, favorece la rutina de alimentación)
• Consumo eléctrico/bol: 2,6 €/día Comida siempre fresca: no quedan restos en el pesebre, ya que reparte cada 2 h de media y no requiere limpiar el pesebre con frecuencia Tras la distribución del Vector, las vacas acuden por goteo al pesebre

Así funciona o sistema de alimentación automática Lely Vector:

O sistema Lely Vector consta dunha cociña onde se almacenan os ingredientes para a carga mediante unha pinza, o bol ou robot de mesturado e alimentación onde se carga, mestura e reparte a ración e as rutas polas que se despraza o bol ou MFR (robot de mesturado e alimentación).

– A cociña: Os ingredientes disponse en casillas pintadas no chan que recoñece o sistema de alimentación mediante o software ou se almacenan en silos grandes, varía coa presentación e o tamaño de partícula do alimento.

Os ingredientes dispersos na cociña cárganse mediante unha pinza que estima o peso que recolle e que posteriormente no MFR ou bol pésase. As casillas de ensilado énchense cunha desensiladora.

-Os boles ou MFR. Coordínanse para repartir, medir e empuxar a comida no pesebre. O sistema calcula a cantidade necesaria a preparar e repártea ao longo de cada pesebre segundo a prioridade por alimento consumido. A destacar:

. Reparte en función do consumido (mide a altura do pesebre cun láser colocado ao final do percorrido do arrimado)

. Todo nun (arrima ou empuxa, mide e calcula a próxima carga e descarga)

. Non quedan restos no carro (lectura constante, favorece a rutina de alimentación).

. Consumo eléctrico/bol: 2,6 €/día

. Permite elaborar distintas racións segundo as necesidades de cada lote de animais.

-As rutas: Configúranse as rutas de desprazamento manualmente para indicar ao sistema os puntos reset, así como de inicio e de fin. Para a navegación empréganse bandas metálicas no chan ou muros facendo de guía.

Como o notan as vacas?

Existe un cambio no comportamento da inxesta das vacas:

– Asistencia periódica (non hai picos)
– Moi consistente e preciso (non inflúe o factor humano)
– Minimiza o efecto fermentación (interacción entre ingredientes que conservan as súas calidades propias)
– Silencioso; non contamina
– Prepara racións específicas segundo as necesidades e tan pequenas como para un animal que se atope só nun pesebre, por exemplo, a área de separación

Cambios con respecto ao carro unifeed:

Con respecto ao unifeed, a alimentación automatizada mediante Lely Vector incrementou a proporción de partículas longas, que proporcionan a fibra máis efectiva da ración. Tras as 2 horas de consumo mantense a consistencia na proporción de ingredientes en función do tamaño de partícula, o cal indica que a escolla foi mínima.

Estas son a principais vantaxe do Lely Vector con respecto ao carro unifeed:

Tempo requirido (man de obra): Tempo en cociña para o enchido e arrimado de ingredientes de tan só 8 horas semanais (variará en función do tempo de preparación de ensilados).

Carga de ingredientes:

-Flexibilidade na orde de carga de ingredientes.

-Cociña: previsión a longo prazo. Almacenar ingredientes para 2-5 días (en función do tamaño da cociña e calidade de conservación dos ingredientes).

Repartición e arrimado da comida:

– Reparte en función do consumido (mide a altura do pesebre).
– Todo nun (arrima, mide-calcula a próxima carga e descarga).

Consistencia e subministración frecuente de comida:

– Asistencia periódica (Non hai picos).
– Silencioso e non contamina.
– Moi consistente e preciso (Non intervén o factor humano).
– Minimiza o efecto fermentación (repartición constante e frecuente).

Comida sempre fresca:

– Comida sempre fresca: non require limpar o pesebre con frecuencia.
– Non quedan restos no carro (funcionamento constante).

Custos:

– Consumo eléctrico do Lely Vector: 2,6 €/día.
– Importante aforro en comida: menos desperdicios e as vacas son máis eficientes

Produción:

-Incremento do tempo de inxesta e do tempo de rumia.
-Incremento da produción superior a 1,5 kg media/día.
-Aforro en consumo de MS/vaca/día
-Maior eficiencia de alimentación

SAT Arenas: A gandaría líder de Cantabria en produción e pioneira en robotizar a alimentación

A gandaría cántabra SAT Arenas logrou converterse nos últimos anos nun referente en innovación e boa xestión en vacún de leite, non soamente en Cantabria senón a nivel español. Propiedade de dous gandeiros socios, Eduardo Entrecanales e Alfonso de la Fuente, esta explotación con 122 vacas en muxido, acometeu nos últimos anos importantes melloras en benestar animal, manexo de cultivos e robotización que lle permitiron situarse como líder en produción en Cantabria, cunha media de 13.900 litros por vaca e lactación normalizada a 305 días, unha lonxevidade media de 4 partos por animal e soamente un 18% de reposición. Situada no municipio cántabro de Camargo e socia da cooperativa Agrocantabria, a historia de SAT Arenas remóntase varias xeracións atrás. “O meu avó, Gerardo Entrecanales empezou coa gandaría, e xa nos anos 50 munguía 30 vacas. Logo colleu o relevo o meu pai, Tino Entrecanales, que aumentou o rabaño, instalou o circuíto de muxido e posteriormente unha sala de 5x2 puntos”, explica Eduardo, que se incorporou á gandaría familiar en 2003 mentres estudaba empresariais. “Foi nese ano cando creamos a sociedade formada por min, Alfonso de la Fuente, outro mozo gandeiro de Escobedo; o meu pai tino, hoxe falecido, e a miña nai Bea, sendo Alfonso e eu gandeiros a título principal. Fomos medrando e pasamos a unha media de 100 vacas en muxido, até o ano 2010 cando decicimos instalar dous robots de muxido, modelo Lely A3, e aumentamos até 122 vacas en produción”, engade. Até hai pouco esta granxa de 122 vacas en muxido e 1,8 millóns de litros de produción, era atendida unicamente polos dous socios. “Hai dous anos contratamos a Tino, un estudante que fixo aquí as prácticas do curso de agropecuaria de Centro Integrado de Formación Profesional La Granja, coa idea de coller máis tempo libre”, explica Eduardo. Isto permitiulles librar 1,5 días á semana e gozar duns 20 días de vacacións ao ano.

Produción media e ración

Na actualidade SAT Arenas produce algo máis de 1,8 millóns de litros de leite ao ano, cunhas calidades do 3,79% de graxa e 3,32 de proteína no que levamos de ano. A media de produción por vaca é de 13.900 litros a 305 días a 3 muxidos, o que a converte desde fai tres anos na máis produtiva de Cantabria. Pero máis que eses datos, Eduardo Entrecanales destaca as lactaciones vitalicias, “pois estamos de media en algo máis de 60.000 litros por vaca”. “Mesmo temos 8 vacas presentes con máis de 100.000 quilos de produción vitalícia e varias con máis de 90.000 quilos. É dicir, contamos con moitas vacas con máis de 30 quilos por día de vida, o que é o dato importante, e mesmo temos unha vaca con 5 partos que chegou aos 37,5 quilos producidos por día de vida. En definitiva, estamos a lograr unha produción eficiente”, subliña. Para lograr estas producións a alimentación do gando componse da seguinte ración: As vacas en produción reciben 27 kg de silo de millo, 18 kg de silo de raigrás, 1,2 kg de palla picada de trigo e cebada, 7 kg de penso e en robot entre 7 e 7,5 quilos de penso, en función da época do ano e momento da lactación. “Como contamos con robot, que dá o penso en función da produción de cada vaca, hai unha ración base e outra personalizada. O penso do robot non se varía nunca e é máis enerxético; o que se cambia é o penso do pesebre, en función das calidades da forraxe”, precisa. Para mellorar as calidades do leite empezaron a engadir metionina na ración, o que lles permitiu pasar de 3,15 de proteína e 3,5 de graxa a 3,79 de graxa e entre 3,20 e 3,32 de proteína.

Xenética e benestar animal

Xunto á alimentación, outra das claves de SAT Arenas para mellorar a rendibilidade é a selección xenética. “Buscamos unha vaca balanceada, polo que á hora de elixir os touros temos en conta o tipo, que teña bos ubres e patas, produción alta, sólidos por riba da media e todos os caracteres de saúde (lonxevidade, fertilidade das fillas, RCS por baixo da media)”, explica este gandeiro. Desde 2013 tamén xenotipan todas as tenreiras para recriar unicamente os animais de maior potencial xenético. “A xenónomica axúdanos a tomar decisións de que vacas criar e de cales non e ás mellores sacámoslles embrións. Estamos satisfeitos cos resultados, e de feito levamos 3 anos sendo os primeiros de Cantabria en índices xenéticos en gandarías con máis de 75 reprodutoras”, destaca. Nas vacas de menor valor inseminan con razas cárnicas. Así, entre 35 e 40% das vacas en produción son fecundadas con seme de Azul Belga, buscando touros con facilidade de parto. Grazas á mellora nos datos de lonxevidade a taxa de reposición de SAT Arenas baixou até o 18%. En canto á recría desde ao ano 2005 envíana a Rancho Las Nieves, en Zaragoza, por problemas de espazo no establo e de man de obra. “Estamos contentos, porque nos quita bastante traballo e as xovencas veñen moi ben criadas”, valora. Pero sen dúbida, un aspecto fundamental para incrementar os datos produtivos e de lonxevidade desta gandaría foi a mellora en benestar animal. Así, lembra que “en 2008 ampliamos o establo e as vacas pasaron de estar en colchoneta a cubículos de area, e só con esa mellora xa notamos entre 4 e 5 litros máis de leite cada día e un descenso nas células somáticas”. Outras melloras de benestar foron a instalación de ventiladores de helicóptero e o derrubo das paredes de bloque para mellorar a ventilación da nave. Para iso, instalaron portóns de chapa microperforada que permanecen abertos todo o tempo, menos cando chove ou cando o sol dá no pesebre. Tamén instalaron chan de goma en toda a nave, tanto en corredor de cornadiza como en corredor de acceso ao robot para mellorar o confort de patas. Ademais, destaca que “a instalación do robot de muxido tamén supuxo outra mellora importante para o benestar animal, ademais de permitirnos mellorar a lonxevidade e pasar de 35 litros de produción a un media de 42”.

Manexo da base territorial

Tino, Eduardo e Alfonso diante dun dos dous robots de muxido cos que contan Polo que respecta á xestión da base territorial, en SAT Arenas contan con 46 hectáreas de superficie repartidas en varias leiras nun radio de 2 quilómetros ao redor da corte: 3 hectáreas son en propiedade e o resto en aluguer. “Aquí foron pechando moitas gandarías e quedamos soamente 5, pero o terreo é xusto e non hai moitas posibilidades de aumentar”, recoñece Eduardo. En 28 hectáreas sementan millo, normalmente un ciclo 300 ou 350, do que nos últimos anos lograron boas producións, cunha media de 50 toneladas de materia húmida por hectárea. Probaron tamén a sementar ciclos 500 e 600, sobre todo en parcelas a barbeito, chegando ás 60 toneladas por hectárea. Na elección da variedade priman a dixestibilidade, aínda que perdan en porcentaxe de amidón, que se stiúa nunha media de entre o 30 e o 32%, cun 30% de materia seca. O resto da superficie repártese do seguinte xeito: en 22 hectáreas rotan o millo con raigrás italiano, 4 hectáreas están a poula, en 3 cultivan alfalfa e o resto, unhas 15 hectáreas, son pradarías permanentes de raigrás inglés ou pradarías naturais. “Decidimos realizar un ensaio coa alfalfa e estamos a conseguir boas calidades, con entre un 17 e un 20% de proteína, e uns 6 cortes. O problema que lle vemos é que complica o manexo, porque temos que facer bólas, e se lle dás moita ás vacas baixa a inxesta, pois resúltalles menos palatable. A vantaxe é que coa alfalfa ese terreo osixénase máis e fíxase nitróxeno, co que se despois de 4 anos decidimos sementar millo os resultados produtivos deberían ser bos”, explica Eduardo. Outro ensaio que realizaron é o engadido de bacterias á fosa de xurro para reducir as emisións amoniacais. “Levamos pouco tempo, e si que é certo que os malos cheiros baixaron moito. En canto á mellora na capacidade fertilizante do xurro aínda non podemos dar datos”, asegura. Onde si contan con resultados fiables en con PROFER, o programa de fertilización á carta da cooperativa DELAGRO. “Empezamos hai 4 anos: Primeiro os técnicos analizaron o terreo, logo formularon un abono químico adaptado ás necesidades de cada parcela e a verdade é que durante os últimos tres anos logramos colleitas de millo moi boas, axudados tamén pola climatoloxía, pois choveu cando debía para o desenvolvemento da planta”, recoñece este gandeiro .

Pioneiros en España en instalar o Lely Vector

SAT Arenas tamén é a explotación de vacún de leite onde se instalou o primeiro Lely Vector en España, o sistema automatizado de alimentación, que se sumou ao dous robot de muxido Lely Astronaut A3 cos que conta desde hai unha década. Entre as súas vantaxes destaca “o aforro en gasoil, xa que consome entre 2,5 e 3 euros ao día de electricidade; os animais dispoñen de alimento fresco 10 veces ao día segundo demanda, así como que o almacenamento da comida se realiza cada tres días, os luns, mércores e venres, co que reducimos o noso tempo de traballo”. O vector realiza a mestura, distribúea na cornadiza, e arrímaa cando é necesario. Ademais, Eduardo Entrecanales valora que “a eficiencia é absoluta, xa que con esta subministración frecuente de comida as vacas consomen un 4% menos de alimento, pero producen un 3% máis de leite, cunha media de 41/42 litros por vaca e día”. Antes de compralo para substituír ao carro mesturador arrastrado, en SAT Areas realizaron unha visita a varias gandarías de Italia que constaban con este sistema de alimentación robotizado. “Tiñamos medo de que quecesen os tacos da comida, sobre todo os de forraxe, pero vemos que están frescos, a pesar de levar varios días. Outro temor era que se parase a máquina a cotío, peo vemos que funciona sen interrupcións”, afirma.

Tendencias de sensores en granxas de vacún de leite

Proxecto aínda non comercial que analiza con sensores a pisada das vacas para anticipar a detección de coxeiras. As innovacións tecnolóxicas están a permitir a cada paso un maior control sobre todos os parámetros de saúde, alimentación e produción das vacas. Unha rede europea, 4D4F, que agrupa a gandeiros, técnicos e empresas do sector, compilou máis de 100 sensores comerciais que se poden atopar no mercado. Desde os xa utilizados hai anos, como os podómetros de reprodución, até novas tecnoloxías que advirten dun inminente parto ou que axudan na detección de coxeiras, entre outros. Na rede 4D4F resumen a potencialidade dos sensores cun lema: "Vacas felices, gandeiros contentos e consumidores satisfeitos". Hai consenso tamén en que os sensores son unha ferramenta que pode axudar a mellorar o manexo dos animais, pero non substitúen a unha correcta xestión das explotacións. Facemos un repaso por algunhas das gamas de sensores dispoñibles para gandarías de leite coa axuda de Aida Xercavins e Aranzazu Varvaró, técnicas do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA) de Cataluña, unha das entidades que participa na rede 4D4F. "Hai unha serie de tecnoloxías de sensores que no vacún de leite están moi implementadas, sobre todo podómetros de reprodución ou ferramentas para o control da saúde da ubre, pero hai outros aspectos onde a implementación é menor" -explica Aida Xercavins-. "Por exemplo, existen xa diversos sensores comerciais que emiten prealertas de parto nas vacas ou tecnoloxías que axudan na detección de coxeiras e que poden ser moi interesantes para as granxas", valora. O proxecto 4D4F organízase en 12 grupos de interese, que son os seguintes: Saúde da ubre, Coxeiras, Nutrición, Reprodución, Actividade e comportamento, Enfermidades metabólicas, Tenreiros e recría, Datos de muxido, Xestión de datos, Manexo dos pastos e un último orientado ó caprino: Instalacións, e tecnoloxías para Cabras leiteiras. Aínda que a páxina web do proxecto está en inglés, pódense atopar en español artigos e guías de boas prácticas para o uso de sensores para cada grupo de interese. O avance dos sensores no vacún de leite, orientados ás granxas máis profesionalizadas, dependerá de factores como o prezo, as melloras que acheguen para a granxa ou a súa maior ou menor facilidade de implementación. Pode consultarse unha listaxe de máis de 100 sensores comerciais no chamado almacén de tecnoloxías da rede 4D4F. Repasamos a continuación algúns deles.

Detección de partos

Saber cando vai dar a luz unha vaca é útil para levala a tempo ao curral de parto ou para proporcionarlle asistencia inmediata ao animal e á cría recén nada. No mercado hai diferentes sensores que predín o parto en base a aspectos como o movemento da cola, a temperatura corporal ou mesmo o propio inicio do parto por un sensor na canle vaxinal.
  • Movemento da cola. Trátase dun sensor non invasivo que se coloca na cola do animal unha semana antes do parto. Pode prever con gran precisión cando a vaca terá a cría medindo os patróns de movemento da cola provocados polas contraccións do parto. Cando as contraccións alcanzan certa intensidade e repítense con máis frecuencia, o sensor envía un aviso a un teléfono móbil, aproximadamente unha hora antes do parto. Así funciona, por exemplo, o sensor de Moocall. O sensor conta con batería recargable que dura 30 días e pode ser reutilizable noutros animais.
  • Termómetro vaxinal. Esta ferramenta monitorea a temperatura dos animais e envía alertas prepartos ao móbil que permiten monitorear a preparación para o parto e estar alí no momento preciso. O sistema Vel`Phone, por exemplo, avisa ao gandeiro 48 horas antes do parto e novamente 2 horas antes de que se inicie. Se o parto se vai producir durante a noite, o sistema conecta unha alarma ao móbil para avisar ao gandeiro co tempo de antelación que marque e que lle permita desprazarse á corte. O termómetro vaxinal é expulsado no inicio do parto, de forma que non interfere no proceso.
Outra posibilidade é o monitoreo diario da temperatura dos animais, por exemplo co uso de bolos ruminais, de xeito que advirte ao persoal de calquera posible incidencia na saúde do animal. Existen tamén tecnoloxías que combinan un sensor de movemento de cola coa monitorización da temperatura na canle vaxinal.

Avisos de temperatura alta nas tenreiras

O desafío de detectar o gando enfermo é unha tarefa fundamental para o persoal das granxas. A temperatura alta é tipicamente un dos primeiros síntomas da enfermidade respiratoria bovina e maniféstase 24-72 horas antes de que se aprecien síntomas visuais, como a falta de apetito ou a deshidratación. Deste xeito, monitorear continuamente a temperatura das tenreiras pode ser un sistema sinxelo para identificar o gando que se pode atopar en problemas. Unha ferramenta para monitorear a temperatura dos animais é un crotal colocado na orella da tenreira, que mide a temperatura cada 15 minutos. Se o animal excede os 39,7 ºC durante un período de 6 horas, o sistema activa unha alerta consistente nunha luz led intermitente no pendente, que é visible desde uns 12 metros. Xata co crotal de temperatura. A recomendación da casa fabricante é utilizar os crotais de temperatura a partir das dúas semanas de vida do animal e ata que ten ao redor de 2,5 meses de vida, pois é o período crítico no desenvolvemento das tenreiras. Os ensaios feitos en granxas comprobaron que o dispositivo permite reducir o uso de antibióticos, así como a taxa de mortalidade por enfermidade respiratoria bovina. Esa mellora repercute ademais nun maior crecemento dos animais, aumentando a súa ganancia diaria de peso, e posibilita a anticipación da data de parto.

Imaxes térmicas para mellorar a identificación de coxeiras

Cámara térmica para complementar as inspeccións do gando. Os podómetros, que son utilizados para monitorear os movementos dos animais e avisar de celos e coxeiras, poden complementarse cunha tecnoloxía de cámaras con imaxes térmicas que permiten detectar o punto concreto da lesión. Un ensaio nunha granxa coa ferramenta Cow Alert, que monitorea todos os movementos dos animais, identificou 7 vacas con problemas. Desas, 5 non presentaban síntomas visibles de coxeiras, pero o uso de cámaras térmicas da empresa Miracle Tech permitiu detectar que catro delas tiñan problemas específicos nas pezuñas que precisaban de tratamento. O gandeiro recoñeceu que se non fóra pola cámara térmica, que permitiu identificar o punto exacto das lesións, probablemente non lle tería botado unha segunda ollada a esas vacas, en aparencia sas. A combinación das dúas tecnoloxías permitiu mellorar o control das coxeiras na granxa. Outras posibilidades de futuro das imaxes térmicas coas que se está experimentando abordan cuestións como a detección do momento óptimo de inseminación ou a identificación temperá de casos de mastite. Sensores de presión Un segundo sistema que pode axudar a mellorar a detección das coxeiras é un sensor de presión, pero non está dispoñible aínda comercialmente. O sensor é unha alfombrilla, colocada nun corredor polo que as vacas circulan polo menos unha vez ao día, que analiza as pegadas de cada animal (colocación, presión relativa dos cascos, etc.) e que advirte á granxa se detecta problemas de coxeira.

Sensores ruminais e de alimentación

A medición automática da actividade de masticación e rumia pódese usar para detectar transtornos alimentarios e metabólicos. Entre os sensores que se están comercializando, figuran bolos ruminais, crotais e colares. Repasamos algúns deles.
  • Crotais na orella, como o dispositivo Smartbow. O sistema monitorea continuamente a localización, actividade e rumia das vacas. A tecnoloxía baséase no feito de que as vacas teñen patróns característicos de movemento das súas orellas que permiten identificar os celos e problemas de rumia. O sistema, conectado a un software, está baseado na intelixencia artificial, pois aprende do comportamento e das pautas de actividade de cada vaca, de xeito que se vai autoaxustando para mellorar a súa precisión. Smartbow pódese conectar coa maioría de programas de xestión de granxas, como Uniform Agri.
  • Colares no pescozo. Os sensores de movemento colocados no pescozo, que avisan á granxa dos celos do animal, tamén poden ser útiles para monitorear o tempo que o animal pasa comendo (forraxe ou pasto). Un dos sistemas comercializados produce alertas se os tempos de alimentación se desvían en exceso da media dos 10 días anteriores, de xeito que a granxa teña información puntual de comportamentos anómalos. Un sistema similar é o de SCR, que monitorea a actividade e a rumia dos animais, producindo alertas de celos e de saúde.

Alimentación de precisión

A alimentación é o maior custo nas granxas de leite e ten unha gran influencia no rendemento e saúde dos animais. A alimentación de precisión, coa identificación das vacas en tempo real, permite alimentar aos animais individualmente. Repasamos algúns sistemas de alimentación automática, de análise de alimentación ou de cualificación automática da condición corporal dos animais.

Robots de alimentación móbiles

Os roubos de alimentación permiten automatizar a alimentación de forraxe, concentrado ou de ambos á vez. Ou tamén poden simplemente achegar a comida e remesturala.
  • Robots de alimentación Existen diversos sistemas de robots de alimentación xa no mercado, ben por robots suspendidos ou conducidos por railes no solo. Son ferramentas que automatizan a alimentación dos animais, pois se encargan de pesala, mesturala e transportala. Pódense ver exemplos como o de Hetwin ou o Lely Vector. Sistema suspendido para distribuír a ración. Outra opción é o sistema de cadea sobre o corredor de alimentación, consistente nunha cinta transportadora combinada cunha arrobadera que deixa caer a ración ao longo de todo o corredor.
  • Distribuidor de pacas e bolos Pode optarse por distribuír toda a alimentación de forma automática ou só parte dela, como un sistema automático de raís que distribúe pacas ou bolos a través do corredor de alimentación. As pacas ou bolos de herba seca van suspendidas e o mecanismo encárgase de desenrolalos.
  • Robots que achegan e mesturan Existen tamén no mercado diversos modelos de robots que lle achegan a ración ás vacas. Un singular é o de Delaval, que non só achega a comida, senón que a volve a mesturar para presentala máis homoxénea e dificultar a elección por parte das vacas.
  • Dispensadores individuais de concentrado

    No pesebre, as vacas dominantes poden desprazar a algúns dos animais e aumentar así a súa inxesta de concentrado. Iso pode ter efectos negativos tanto para esas vacas, que teñen maior risco de engorde e de acidificación do rume, como para os animais que consomen menos enerxía, que poden así ver minguada a súa produción ou atrasar o seu crecemento. Para solucionalo, pódense situar en distintos puntos da corte dispensadores individuais de concentrado, de xeito que se elimine o concentrado da ración do carro e se distribúa só polos dispensadores individuais. Eses alimentadores identifican a cada vaca, equipada cun sensor no pescozo, e proporciónanlle a cantidade de concentrado, que se determina en función de factores como a idade, produción ou etapa de lactación. Ademais, o sistema divide a ración en diferentes tomas ao longo do día para evitar a acidificación do rume.

    Pesada automática do gando

    Hencol traballou nun proxecto experimental a partir do seu sistema automático de pesada de gando. O obxectivo do sistema, orientado ao gando de vacún de carne, é o de analizar o estado corporal dos animais e facer prognósticos de crecemento. En caso de desviacións sobre o esperado, o sistema xera alertas para advertir á granxa e optimizar a produción de carne. Existen tamén experiencias de pesada automática para vacún de leite que monitorean as tendencias de perda ou aumento de peso de cada animal. Esta ferramenta é unha pasarela con sensores que se coloca nun corredor de circulación dos animais. Combinada coa identificación de cada vaca, mide o peso do animal cada vez que pasa. Trátase dun sistema que se adoita usar a nivel de grupo e son populares en pastoreo para xestionar a planificación do pasto e valorar a necesidade de cantidades adicionais de forraxe ou concentrado.

    Sistema para puntuar a condición corporal

    Máis eficaz que o peso, no que inflúen factores como o leite, comida e auga, pode ser a medición da condición corporal do animal. Delaval desenvolveu un sistema con cámara, que se pode engadir aos seus robots de ordeño para puntuar a condición corporal dos animais. No caso de que a condición corporal baixe dun determinado nivel, o sistema envía unha alerta.

    Análise da forraxe na granxa

    O habitual é que as mostras de forraxe sexan enviadas a un laboratorio para a súa análise, pero a tecnoloxía NIR (estrectoscopia con infravermello próximo) permite analizar a forraxe en tempo real na granxa, o que axuda a optimizar a ración do rabaño. Xa existen no mercado autocarros mesturadores que incorporan a tecnoloxía NIR.

Smart Agri Hubs, un proxecto europeo para levar as novas tecnoloxías ao sector lácteo galego

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Medio Rural, participa en Smart Agri Hubs, un proxecto europeo de innovación que procura acelerar a transformación dixital do sector agroalimentario e máis especificamente do lácteo. Trátase dun proxecto europeo titulado co acrónimo Smart Agri Hubs, que pretende levar as novas tecnoloxías ao sector agropecuario. Dos 28 experimentos que se desenvolven no marco deste proxecto por  toda a xeografía europea, o número 23 realízase integramente en Galicia, dirixido a un sector estratéxico da nosa economía como é o da produción de leite. Este experimento  é coordinado e dirixido pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través do CIAM. Os datos globais do proxecto (SmartAgriHub) son os seguintes. ·         108 socios beneficiarios directos. 56 partners subcontratados. ·         9 clusters rexionais. ·         28 Experimentos de Innovación Emblemáticos (FIEs) ·         48 meses de duración (iniciouse oficialmente o 01 de novembro de 2018). ·         Orzamento total: 22,4 millóns de euros. O CIAM coordina e dirixe un experimento de innovación centrado na dixitalización de todos os eidos da cadea de produción primaria do leite.

Obxectivos:

Pretendese implementar melloras en todos os pasos da cadea de produción leiteira (produción de forraxe, mestura e manexo do alimento, operacións na corte e planificación xeral de recursos). Para isto aproveitaranse os beneficios que brindan as tecnoloxías dixitais, que proporcionarán produtos e servizos aos usuarios finais, tanto agricultores como gandeiros ou cooperativas, e coa colaboración da USC e de Gradiant que xunto ao CIAM actuarán como centros de competencia. Deste xeito, procúrase mellorar a eficiencia na utilización dos recursos para a produción de forraxe e o aproveitamento do uso dos recursos propios das explotacións agrícolas combinando datos de múltiples fontes (aérea, climática, análise de chans, etc.). Trátase tamén de incrementar o rendemento da produción animal a través da mellora das condicións de cultivo, coa optimización da mestura de alimento e a alimentación de precisión. Outro dos obxectivos é aumentar a sustentabilidade do proceso, de xeito que se incremente a inxesta de precisión reducindo a perda de alimento e se mellore o uso eficiente dos recursos naturais das explotacións. Trabállase, así mesmo, na mellora da monitorización e no manexo das operacións e condicións nas cortes que permitan dispoñer de parámetros claves no rendemento e na saúde animal e as interaccións co medio, integrando múltiples fontes de datos na planificación de recursos. Por último, probarase e demostrarase a dispoñibilidade dos produtos e servizos mellorados en condicións reais e sitios específicos (o propio CIAM, o Campus Terra e explotacións leiteiras en entornos reais de traballo).

Actividades:

Entre as actividades previstas destaca a utilización de imaxes multiespectrais e da sensorización para a predición da produción e o contido en proteína de cultivos coma o millo, que se desenvolverá en tres parcelas do CIAM. Deste xeito, obteranse algoritmos preditivos da produción e a calidade da forraxe, contribuíndo á detección temperá de estrés dos cultivos. Tamén se levará a cabo a optimización de alimentación automatizada baseada en forraxe, para unha maior eficiencia na produción leiteira. Para iso, no CIAM realizarase a fase experimental ou proba piloto e de demostración, e corroboraranse os resultados en oito explotacións en contorna real de traballo. Mellorarase a eficiencia da materia seca do alimento e a utilización de nutrintes nas racións baseadas en forraxe de vacas leiteiras, vendo como incide na composición do leite (graxa, proteína, urea, perfil de ácidos graxos). Isto desenvolverase mediante a optimización do equilibrio de mesturas de alimentos e as características físicas da fibra, utilizando calibracións de análises de forraxe desenvolvidas no CIAM e o control remoto dun innovador mesturador ALLTECH, xunto cun dispositivo emisor de datos para o control da actividade. Os datos das características dos animais e alimentos, a información da granxa, o rendemento e calidade do leite, os custos, etc. cargaranse nun sistema remoto de software e, unha vez analizados, emitirase un informe, dispoñible en formato dixital para os agricultores no seu teléfono ou ordenador. En canto á monitorización automatizada das actividades na corte, desenvolverase un prototipo robótico autónomo para esa monitorización remota, recompilando datos ambientais (temperatura, humidade, calidade do aire); parametrización de actividade dos animais (tempo de movemento, sono, alimentación, rumia, condición corporal, interacción social) e  indicadores de rendemento, produción, benestar animal, sanidade,  etc). Así mesmo, desenvolverase un software de xestión de granxas mellorado con interoperabilidade con múltiples provedores de maquinaria. Terá capacidade para integrar automaticamente datos de diferentes provedores de maquinaria agrícola e diferentes formatos de documentos, para proporcionar aos técnicos información detallada. Esta servirá para unha xestión técnica que poida brindar un mellor asesoramento, integrando nun único dispositivo toda a información necesaria para a toma de decisións (datos de produción de salas e robots de muxido, consumo de enerxía, escaneo detallado de documentos, etc). Dentro do proxecto Smart Agri Hubs, a AGACAL, a través doutro dos seus centros de investigación, EVEGA, tamén participa no experimento número 21 en temas relacionados coa detección temperá de enfermidades na vide.

Máis información: ·         https://www.smartagrihubs.eu/flagship-innovation-experiments?region=iberia&sector= ·         http://www.ciam.gal/sp/index/?r=proxectos.detalle&id=352

Máis de 100 gandeiros e técnicos asisten en Lugo a unha xornada sobre a incorporación da informática ao vacún de leite

A xornada ‘Smart farming, novas tecnoloxías na produción de leite’, organizada polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (ProePla) da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo congregou este xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC a máis dun cento de produtores, gandeiros, técnicos e empresas ligadas ao sector de vacún de leite, que presentaron neste foro algunhas das achegas máis innovadoras. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, salientou na apertura desta xornada que o futuro do agro galego pasa en boa medida pola súa revolución tecnolóxica e pola progresiva implementación de medidas e avances innovadores, un proceso ao que o Campus Terra da USC non só quere contribuír, senón que aspira a converterse en polo de referencia para todos os axentes implicados neste proceso. Neste senso, Valcárcel salientou que a temática deste foro está aliñada cos obxectivos estratéxicos da sede universitaria luguesa, tanto no que afecta ao perfil das titulacións incluídas na súa oferta docente como a parte das liñas de I+D+i que se desenvolven. A existencia de centros e plataformas de investigación ligadas ao sector leiteiro, como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) como a futura Granxa Experimental do Campus Terra da USC, que entrará en funcionamento en meses nos terreos que dispón a Deputación Provincial de Lugo na Granxa Gayoso Castro no concello de Castro de Rei, son exemplos que proban a ligazón do campus lugués coa sector primario, dixo. Unha vez rematada a sesión inaugural, un acto que contou tamén coa participaron da xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias, e no que o catedrático o catedrático do e coordinador de grupo ProePla da USC, Manuel Marey, salientou que a celebración destas xornadas de transferencia de tecnoloxía ao sector primario, un programa que xa vai pola súa quinta edición, permiten dar visibilidade á necesaria simbiose que debe existir entre a USC, o tecido empresarial e as administracións políticas, a fin de favorecer así un círculo virtuoso que redunde en beneficio do medio rural e das súas xentes. O propio Manuel Marey abriu a quenda de relatorios da xornada cunha conferencia que se desenvolveu baixo o título ‘A investigación en Smart farming: perspectiva da Spanish Journal of Agricultural Research (SJAR)’. De seguido e no marco desta contextualización da xornada, a investigadora de doutoramento na USC Alba Vázquez falou das futuras oficinas agrarias virtuais, mentres que o subdirector xeral de Formación e Innovación Agroforestal de Agacal, José Antonio Portos, pechou a sesión matinal cunha charla sobre o impulso da innovación agraria desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria. A celebración da xornada ‘Smart farming, novas tecnoloxías na produción de leite’ serviu tamén de escenario para que diversas empresas do sector, tales como Alltech, Aresa, Corteva-Pionner, DeLaval e Durán Maquinaria, realizasen cadansúa presentación dos seus respectivos catálogos de innovacións de que dispoñen neste ámbito. Unha vez rematadas as quendas de relatorios e a sesión de presentación a cargo das empresas, as persoas participantes nesta xornada de transferencia de tecnolóxica tiveron a oportunidade de visitar, xa en quenda de tarde, unha explotación situada no municipio de Castro de Rei, SAT Varela, en cuxas instalacións as empresas convidadas fixeron unha demostración práctica das súas innovacións aplicadas ao día a día da produción láctea.

A Xunta participa nun proxecto europeo de dixitalización do sector lácteo

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, participa nun proxecto europeo de innovación que procura acelerar a transformación dixital do sector agroalimentario e máis especificamente do lácteo. O CIAM, integrado na Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), coordina e dirixe un experimento de innovación centrado na dixitalización de todos os elos da cadea de produción primaria do leite. O obxectivo da iniciativa é implementar melloras en todos os pasos desa cadea, desde a produción de forraxe ata a mestura e manexo do alimento, pasando pola planificación xeral de recursos e por operacións na corte. Para iso, aprovéitanse os beneficios que brindan as tecnoloxías dixitais, implicando a cinco pemes que proporcionarán produtos e servizos aos usuarios finais, tanto agricultores como gandeiros ou cooperativas, e coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e de Gradiant.

Unha agricultura e unha gandería máis eficientes

Deste xeito, procúrase mellorar a eficiencia na utilización dos recursos para a produción de forraxe e a optimización do uso dos recursos propios das explotacións agrícolas combinando datos de múltiples fontes (aérea, climática, análise de chans, etc.). Trátase tamén de incrementar o rendemento da produción animal a través da mellora das condicións de cultivo, coa optimización da mestura de alimento e a alimentación de precisión. Outro dos obxectivos pasa por aumentar a sustentabilidade do proceso, de xeito que se incremente a inxesta de precisión reducindo a perda de alimento e se mellore o uso dos recursos naturais, mediante o aproveitamento intelixente de xurros para minimizar as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, ao chan ou aos cultivos. Traballarase, así mesmo, na mellora da monitorización e no manexo das operacións e condicións nas cortes e tamén na optimización da toma de decisións mediante a integración de múltiples fontes de datos na planificación de recursos. Por último, probarase e demostrarase a dispoñibilidade dos produtos e servizos mellorados en condicións reais e sitios específicos (o propio CIAM, o Campus Terra e explotacións leiteiras en condicións reais de traballo). Entre as actividades previstas salienta a utilización de imaxes multiespectrais e da sensorización para a predición da produción e o contido en proteína de cultivos coma o millo, que se desenvolverá en tres parcelas do CIAM.

“As granxas en Alemaña invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias automatizadas”

O pasado mes de febreiro un grupo de técnicos galegos das empresas Xesga, Seragro e Adial visitaron tres granxas de alta tecnoloxía no estado de Saxonia, no leste de Alemaña. Así, en Brademburgo visitaron Watenbourg Company "Lansingk", propiedade dun gandeiro de orixe holandesa que rexenta unha gandaría de preto de 1 .000 vacas que son muxidas por dezaseis robots. A segunda das granxas visitadas foi Lausitzer Hügelland Agrar AG, unha antiga cooperativa saxona que instalou unha sala rotativa robotizada que nos seus 21 puntos moxe unhas 500 vacas . E a terceira, tamén en Sajonia, foi Wesenitzal, unha explotación que dispón dun sistema de alimentación de carro mesturador robotizado " Lely vector". A visita estivo guiada por Rebeca Cembranos Bruzón, unha enxeñeira agrícola española que traballa desde hai anos para algunhas das granxas de vacún de leite máis punteiras do estado alemán de Saxonia, unha das principais rexións europeas produtoras de leite. Con ela falamos de como é a produción nestas granxas. Como xurdiu o teu interese pola gandaría de vacún de leite? O meu interese xurdiu xa na Universidade cando na materia de Racionamento calculabamos as racións para vacún leiteiro, vacún de carne, porcos, galiñas poñedeiras... E que che levou a traballar en Alemaña? A razón de traballar en Alemaña foi o balonmán. Tanto en España como en Alemaña dediqueime profesionalmente a xogar a balonmán. Con 25 anos deime conta que se quería algún día desempeñar un traballo relacionado coa miña carreira non debía de deixar moito tempo entre os estudos e o mundo laboral. Así que aproveitando a mala situación económica do club alemán naquel momento funme a xogar a un club da 3ª Liga alemá co obxectivo de que me buscasen traballo a cambio de xogar no seu equipo. Alí coñecín a Thomas Mitzscherlich, enxeñeiro agrónomo, que me ensinaría tanto a práctica como a teoría do traballo que hoxe exercito. A el débolle que hoxe despois de 6 anos gozar asesorando ás explotacións e axudando a optimizar os seus recursos. Cóntanos como é o traballo que desempeñas nas granxas alemás.. O traballo que desempeño baséase nunha análise continua dos parámetros de produción; sanitario, manexo, nutricional e económico. A visita “in situ” é a que nos revela onde se atopan eses problemas e finalmente adóptanse as súas medidas e solucións. Como valorarías o nivel sanitario da cabana alemá de vacún de leite? O nivel sanitario das granxas alemás é moi desigual. Non se pode dicir que unha granxa con instalacións antigas teña un estado sanitario peor ou mellor que unha granxa moderna co confort máis alto para o animal. A diferenza está no manexo, a sensibilidade na alimentación e sobre todo no persoal. Na rexión de Saxonia o rendemento medio de leite por vaca de matadoiro é de 26.640 kg ao longo da súa vida e o rendemento medio por vaca viva na granxa de 20.734 kg. Estes parámetros varían moito entre granxas. As miñas mellores explotacións alcanzan un rendemento medio de 40.000 kg de leite por vaca de matadoiro ao longo da súa vida e case 30.000 kg de leite por vaca viva en produción. ¿Como son en xeral as granxas nas que traballas: número medio de vacas, produción media por vaca, calidades medias do leite, número de partos....etc? As vacas que asesoro teñen de media sobre 500 vacas lactantes máis a reposición, así que en total, uns 1.000 animais. A produción media por vaca e en 305 días de produción, que é como se mide en Alemaña, corrixida a 4 % graxa e 3,4% de proteína está entre 10.500 e 11.000 kg.
 “No conxunto de Alemaña a media de produción por vaca áchase en 9.843 kg con 4,04 % graxa e 3,45% proteína”
No estado alemán de Saxonia a media está en 9.794 kg de leite con 3,93% graxa e 3,41% proteína. No conxunto de Alemaña a media sitúase en 9.843 kg con 4,04 % graxa e 3,45% proteína. A media de tempo entre partos en Saxonia é de 404 días. Están a aumentar a súa produción e a súa cabana gandeira nos últimos anos? No estado de Saxonia obsérvase ambos os comportamentos. As granxas que apenas investiron nos últimos 20 ou 30 anos tenden a abandonar a produción gandeira e céntranse só no cereal. Doutra banda, explotacións que deron o paso de investir e que producen de forma rendible tenden a duplicar a súa cabana gandeira. Como  están os prezos do leite neste momento? Percibes optimismo nos gandeiros en canto a que é rendible neste momento producir leite? Actualmente o prezo base é de 30,5 cts e este é co 4% de graxa e 3,4 % de proteína. Iso significa que gandarías con boas calidades poden conseguir actualmente un prezo final entre 34 e 36 cts por kg. de leite neto. En canto ao optimismo, depende de cada gandaría. As explotacións que dominan a súa produción ven futuro no leite. Con todo, o gandeiro alemán non é máis que un produtor e que simplemente fornece o seu leite á industria láctea. Este tenta optimizar os seus recursos ao máximo e a industria conseguir a súa materia prima o mais barata posible.
“Actualmente o prezo base é de 30,5 cts e este é co 4% de graxa e 3,4 % de proteína”
¿Como adoita ser a ración nas gandarías de vacún de leite nas que traballas? Cando quilos de concentrado engaden de media na ración? Unha ración de alto rendemento ten entre 60 % de forraxe e o resto concentrados, correctores minerais e vitamínicos. Unha ración de alto rendemento onde o lote ten un consumo de 25 kg de materia seca ao día, ten entre 10 e 11 kg de concentrado. As principais forraxes son ensilados de herba tanto de pradaría como de ray grass, ensilado de millo, ensilados de alfalfa e ensilado de centeo. Está a estenderse a robótica nas gandarías de vacún de leite, tanto en muxido como en alimentación? Si, a tendencia é que as gandarías na zona de Saxonia invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias case ou totalmente automatizadas. O motivo que move a moitas granxas a investir na robótica é o feito de non atopar a persoal cualificado. Doutra banda hai explotacións que deciden investir en salas de muxido menos sofisticadas e invisten no seu persoal.
“A tendencia é que as gandarías na zona de Saxonia invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias case ou totalmente automatizadas”
En que aspectos crees que están a mellorar máis as gandarías alemás, e en concreto para as que traballas? Nas explotacións que teño a sorte de exercer o meu traballo estou a observar como crece a sensibilidade polo detalle na produción. A primeira vista realizan todas as gandarías o mesmo traballo, pero unhas alcanzan o 12.000 kg de leite e outras quedan no 9.800 kg de leite. A diferenza radica xustamente nesa sensibilidade polos detalles na produción. Cales son as principais fortalezas que destacarías das granxas para a que traballas? A principal fortaleza que destacaría das miñas granxas é a paixón e entusiasmo coa que tanto os xefes/as da produción como os propios traballadores levan día a día o seu traballo. Pola contra, ¿en que áreas crees que existe máis marxe de mellora? Dentro da produción, uns dos puntos máis importantes de mellora é a recría das xovencas, en especial o manexo do costro e os primeiros 70 días de cría das tenreiras ata que se destetan. En Alemaña, as perdas de vacas primeirizas nalgunhas granxas son de máis dun 30%. O tema ambiental é unha das preocupacións das granxas de vacún de leite? O tema ambiental en Alemaña está moi presente. O estado elabora unhas leis, sexan os decretos da fertilización, do abono, de cría de animais... que non deixan case marxe á produción e que en moitos casos significan un factor económico moi alto para o gandeiro e agricultor.

Imaxes das granxas de vacún de leite de Saxonia: 

SALA DE MUXIDO ROTATIVA CON 6 BRAZOS ROBOTIZADOS GRANXA CON 16 ROBOTS SISTEMA DE ALIMENTACIÓN UNIFEED ROBOTIZADO  

Auguran unha “transformación extraordinaria” do sector gandeiro coa dixitalización e o big data

Sensores que miden en tempo real os niveis de humidade, CO2, a temperatura e o consumo de auga ou que permiten saber a cantidade diaria de penso que come cada animal son algunhas das aplicacións que introducen as novas tecnoloxías nas explotacións gandeiras, que vivirán unha auténtica revolución tecnolóxica en menos dun lustro. Así o afirma Carlos Piñeiro, experto en xestión de datos e análises da produtividade no sector gandeiro, que esta mañá participou en Santiago na “XX Xornada Técnica Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso ( FITP)” á que asistiron máis de 150 representantes do sector en Galicia. A entidade, creada pola Asociación Galega de Fabricantes de Pensos Compostos ( Agafac), abordou durante o encontro, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos, os últimos avances en produción gandeira, nutrición animal e fabricación de pensos e reuniu a destacados expertos nas distintas materias. O vicepresidente de Agafac, José María Fernández Monje, inaugurou o acto. “As granxas dixitalizadas non son ciencia ficción e as súas vantaxes son extraordinarias” No seu relatorio “Bioseguridad e control ambiental nas explotacións gandeiras”, Piñeiro mostrouse convencido de que no próximos catro anos “haberá un cambio extraordinario” nas explotacións galegas e do resto de España porque a transformación dixital é imparable e o uso do Big Data no sector xa é unha realidade. “As granxas dixitalizadas non son ciencia ficción e as súas vantaxes son extraordinarias, tanto en niveis de produción como na saúde dos animais, do seu benestar”, explicou tras destacar a importancia de que as explotacións, granxas e cooperativas cumpran as normas de bioseguridade en favor do benestar animal. “Aqueles gandeiros máis disciplinados neste aspecto teñen os seus animais máis sans, menos mortalidade e un maior rendemento produtivo”, subliñou o técnico. gmp. Galis, o mellor sistema de seguridade alimentaria Durante a xornada, Mariano Gorrachategui, presidente da Comisión Técnica da Confederación de Fabricantes de Alimentos Compostos ( Cesfac), abordou as novas técnicas en control de calidade e o seu efecto na optimización de procesos. Neste sentido, destacou que a seguridade alimentaria será maior canto máis controis se fagan e máis axiña se realicen. “Os controis deben estar presentes en todas as fases do proceso para obter niveis nutricionais óptimos”, lembrou Gorrachategui, á vez que sinalou que as plantas e fábricas de pensos están cada vez máis automatizadas. Na súa intervención, tamén encomiou os esforzos do sector no campo da seguridade alimentaria e asegurou que Galicia, “ten un dos mellores, senón o mellor, sistema de España, o gmp. Galis”, de Agafac. Pola súa banda, Rubén Miranda, profesor da Universidade de León, disertou sobre a microbiota intestinal, mentres que José Francisco Pérez, da Universidade Autónoma de Barcelona, pronunciou a conferencia “Aditivos fitoxénicos na alimentación de animais monogástricos”. Finalizada a presentación dos relatorios e informes, a xornada pechouse cun debate coa participación dos asistentes á xornada, cuxo acto de clausura presidiu o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
 

Sobre Agafac

Agafac é unha organización profesional constituída para defender os dereitos dos fabricantes galegos. Forman parte da entidade 29 empresas cuxa fabricación representa máis do 85 por cento das toneladas de pensos que se producen en Galicia. A asociación ten desde 2005 o seu propio sistema de seguridade para controlar as materias primas: chámase gmp. Galis e conta co aval da Xunta de Galicia, que tamén realiza as súas propias análises, tal e como marca a lexislación vixente.