Archives

Evolución da produtividade nos rabaños con robot de muxido Lely

Desde o Lely Center Los Corrales analizaron a evolución de 30 granxas que decidiron instalar robot de muxido hai un ano e non cambiaron as instalacións en ningún aspecto excepto o necesario para incorporar o robot. Colléronse a media de datos dun ano antes e despois da instalación do robot.

Estas granxas incrementaron nun ano a produción en todos os casos. En concreto, coas mesmas vacas, aumentaron a produción total de leite por día nunha media que vai de 120 a 650 kg de leite totais por cada granxa (ver gráfica de cada unha das granxas un ano antes e outro despois da instalación do robot).

As granxas ordenáronse de menor a maior número de vacas (33 a 240 animais) xa que non houbo unha variación maior de 2 a 5 animais por granxa na transición de sala a robot. Os valores de calidade de leite mantivéronse ou variaron lixeiramente. A graxa variou nun rango de 0 a 0,83 puntos mentres que a proteína variou de 0 a 0,60 puntos.

Con respecto á valoración dos tetos nunha escala de 1 a 4 (considerando puntas abertas e hiperqueratose neste último), todas as granxas movéronse entre unha puntuación media de 1-2 puntos cunha variación nula ou insignificante na transición de sala a robot.

Da devandita avaliación concluíuse que a transición de sala a robot foi significativamente positiva en moitos dos casos xa que se incrementou a cantidade de leite producido sen repercusións a nivel de saúde do ubre.

Así asesoran aos gandeiros os técnicos de Lely 

Yolanda Trillo Dono é Farm Management Support (FMS) de Lely, a compañía líder en España en robots de muxido para ganderías de vacún de leite. As siglas en inglés poden sonar un pouco alleas pero traducido ao galego é técnico de asesoramento en granxa. “É dicir, somos as persoas que estamos en contacto directo co gandeiro traballando conxuntamente con el antes, durante e despois da instalación do robot de muxido para que o proceso sexa exitoso e se traduza nun aumento do benestar animal, da calidade de vida do gandeiro e da rendibilidade económica da granxa, cun incremento da producción de leite e unha reducción das patoloxías do ubre”, explica Yolanda.

Visitamos con ela unha das granxas que veñen de instalar un robot Lely, Gandería Pose, no concello coruñés de Coristanco, para coñecer como é o día a día dun FMS de Lely

Baldomero SC, unha explotación asturiana centrada no confort e a alimentación do gando

"Aquí está o traballo de toda unha vida e de toda unha familia. Isto era unha explotación dos meus pais, no ano 81, cando me incorporei, había 8 vacas", lembra Manuel Álvarez, que aos seus 59 anos e co apoio do seu fillo e a súa nora segue á fronte desta gandeiría do concello asturiano de Tineo que se modernizou para afrontar con garantías o futuro. Pero Manuel é deses gandeiros vocacionais que cren que a tecnoloxía axuda pero non pode sustituír ás persoas e por iso mantén as dúas máximas coas que sempre guiou á súa explotación: confort para os animais e alimentación de calidade.
O confort das vacas non está reñido co confort dos gandeiros, proba diso son os robots
Esa é a clave, ao seu xuízo, da produción de leite. Por iso a nave primitiva coa que empezou hai 26 anos, e que segue hoxe en pleno funcionamento, foi reestruturada por completo nestes últimos anos, nos que reformou os cubículos e ampliou os patios. Algunhas obras foron para corrixir erros iniciais: "o peor investimento que fixen foi no seu día comprar xanelas e portas cando fixen a nave, gastei 2 millóns de pesetas e 10 anos despois xa sacara todas as portas e ventás", conta. "Antes non se tiña tanto en conta o confort e o benestar da vaca. Nós aquí buscamos ese confort para os animais, aínda que iso non está reñido co confort dos gandeiros, proba diso son os robots", afirma.
O peor investimento que fixen foi mercar no seu día portas e ventás cando fixen a nave, gastei 2 millóns de pesetas e 10 anos despois xa sacara todas as xanelas e as portas
As instalacións complétanse hoxe con outra nave de produción e instalacións para as vacas secas, de recente construción. "Non temos sitio para ter postparto, pero separamos ás primerizas do resto, contamos con dúas naves para leite e temos en cada unha un lote diferente, nunha nave primeirizas e na outra multíparas", explica. O establo principal foi construído en 1993 pero desde entón foi reformado en busca de maior confort para as vacas A énfase nos coidados, que son en moitos casos personalizados e adáptanse ás necesidades de cada animal, fai que logren lonxevidades importantes que mesmo aumentaron coa introdución dos robots de muxido na granxa. "En dous anos, desde que puxemos os robots, pasamos dunha media de duracón de 2,5 anos a 2,9", indica Manuel.
Coa introdución dos robots aumentaron a lonxevidade dos animais e contan con varias vacas en produción que pasan dos 100.000 quilos vitalicios
Baldomero Aneta Alan é a avoa desta gandeiría. Con case 13 anos e filla dun touro de monta, esta vaca vai polo décimo parto con máis de 130.000 quilos de leite producidos. "É o animal que máis produciu nesta granxa, goza de todos os privilexios e merece morrer na cuadra", afirma o seu dono. Coma ela, hai outras tres vacas centenarias na corte, que tamén pasan dos 100.000 quilos de produción vitalicia. Mercan 1.400 toneladas de millo Ensilaron en bolas parte do millo comprado para usalo no verán A segunda das premisas que Manuel busca na súa gandeiría é unha boa alimentación. "Eu quero forraxes de calidade porque dun bo millo e un bo raigrás a un mal millo ou un mal raigrás pode haber 3 litros diarios por vaca de diferenza na produción e o traballo e o resto de gastos son os mesmos", razoa. A ración de produción desta gandeiría contén 20 quilos de silo de millo, 14 de silo de raigrás, 1 quilogramo de palla, 8 de concentrado (máis o punteo do robot) e 2 de alfalfa. Para garantir a calidade da ensilaxe de millo que usan na ración en Baldomero SC optaron por mercar a materia prima.
Producir millo non é barato en ningún sitio e desta forma estamos asegurando a produción. Comprámolo por baixo de 6 céntimos/quilo
"Producir millo non é barato en ningún sitio e desta forma estamos asegurando a produción. Se o sementas non o aseguras", xustifica. "Aínda que o prezo oscila en función da produción que haxa ese ano, mércoo sempre por baixo de 6 céntimos o quilo", indica. O último ano compraron 1,4 millóns de quilogramos de millo, que trouxeron de Navia e da finca que Alimerka posúe en Villaviciosa. Foron un total de 60 tráileres que ensilaron na explotación, tanto en silos de gabia como tamén unha parte, a que non lles cabía na pila, en rolos. "Para o verán é mellor, porque non se quenta. O único problema é o custo. Foron uns 10.000 euros a maiores os rolos que fixemos este ano", explica. Silo de herba co 18% de proteína Introduciron animais de raza angus nas 30 hectáreas de pastos non cultivables que posúen Baldomero SC dispón dunha superficie total de 70 hectáreas de terreo, aínda que lles resultan insuficientes porque menos da metade son cultivables. "Que poidamos traballar só son 32 hectáreas, aínda que cunha chea de leiras. Levamos un pobo enteiro, Ese de San Vicente, pagamos renda a todos os veciños, e levamos moitas parcelas de monte de xubilados, pero atopar aquí base territorial mecanizable non é doado", asegura Manuel.
Renovamos 15 hectáreas máis ou menos todos os anos e pasamos tres días enteiros pechando para o xabaril
Esas características de minifundio e difícil orografía da súa superficie agraria fan que non sementen millo. "Non botamos millo porque para iso hai que ter fincas grandes. Botamos raigrás nas 32 hectáreas e renovamos cada ano a metade. Levantamos 15 hectáreas máis ou menos todos os anos e pasamos tres días enteiros pechando para o xabaril", explica. Maquinaria en común con outras 5 explotacións O ano pasado obtiveron 800 toneladas de raigrás co 18% de proteína, "que tamén vale diñeiro", afirma. "Se botas millo tes que sacrificar iso porque a leira que produce millo non produce ese raigrás", razoa. Esta explotación asturiana comparte a maquinaria con outras 5 gandeirías da zona a través de SAT Trébol, creada con esta finalidade. "Case todo o traballo agrícola facémolo nós, temos maquinaria en común entre 5 gandeiros", explica Manuel. "Iso permítenos ter máis maquinaria e reducir custos. Temos abonadora, sementadora e rolo e traballamos día e noite cando facemos a sementeira do raigrás, por exemplo", engade. O último tractor que mercaron en Baldomero SC ten oito anos e acumula xa máis de 8.000 horas de traballo. Con tres deses gandeiros que comparte maquinaria, Manuel quería montar tamén un centro de recría en conxunto, pero o proxecto non saíu adiante por non atopar un lugar idóneo no que facer as instalacións, así que "cada un de nós tivemos que buscarnos a vida pola nosa conta", di. Sen instalacións para a recría Logo de 15 días nos boxes as xatas son enviadas ao Rancho Las Nieves de Zaragoza A falta de instalacións para facer a recría na propia granxa empurrou a Manuel a externalizar esta parte do proceso de reemprazo necesario de animais da explotación. "Non temos instalacións para recría, non temos sitio para elas e dannos moito traballo. Por iso mandámolas ao Rancho Las Nieves de Zaragoza desde hai dous anos, porque senón teriamos que facer un investimento importante. A orografía aquí é complicada, só a cimentación da nave de produción de hai 20 anos custou máis que a nave enteira noutros sitios e coa nave de recría que necesitariamos agora igual. Por iso preferimos muxir un pouco máis e sacar desa forma para pagar a recría fóra", conta.
Teriamos que facer un investimento importante nunha nave para as xatas. Por iso preferimos muxir un pouco máis e sacar desa forma para pagar a recría fóra
Baldomero SC mantén nestes momentos 83 animais no centro de recría privado de Zaragoza. As tenreiras marchan con 15 días de vida, nos que extreman os coidados neonatais nos boxes ("limpar e desinfectar os boxes é fundamental cada vez que se saca un becerro", afirma Manuel) e regresan entre os 7 e os 7 meses e medio de preñadas para que dispoñan de 2 meses ata o parto para facer a adaptación en Tineo. Teñen un touro que usan como semental nas repetidoras Inseminan con sexado a todas as primeirizas e con azul belga ás vacas. "Miramos moito a facilidade de muxido porque co robot é básico. Unha vaca ou un touro duro de muxido penalizámolos. Estivemos moi xustos, ao límite da capacidade dos robots cando só tiñamos dous e non podiamos permitirnos o luxo de ter unha vaca que tarda 14 minutos en muxirse", argumentan. Contan ademais con semental para as repetidoras. "A min o touro é o animal que máis diñeiro me deixa cada ano, porque empreña todos os anos entre 12 e 14 vacas", razoa Manuel. Vacas secas: de pastoreo a ración Ata abril de 2018 Manuel tiña no pasto tanto ás xovencas como ás vacas secas. Dedicaba para iso 30 das 70 hectáreas de superficie das que dispón a gandeiría, aquelas que non serven para ser labradas. Pero ao empezar a enviar a recría ao Rancho Las Nieves tamén adoptou outra decisión a respecto das vacas secas, ás que construíu unha instalación para telas a cuberto.
As vacas pasan só 45 días secas e tes que alimentalas ben se queres ter leite. Desde que están con ración noto que paren mellor e teñen un pico de lactación máis alto
"Agora están poucos días secas, só 45 días, e tes que alimentalas ben se queres ter leite, por iso agora témolas con ración", explica. A súa alimentación inclúe 5 quilos de penso de preparto, 10 quilos de raigrás, 7 de palla e 2 de avea. Instalacións para as vacas secas, onde son alimentadas con silo de herba, palla, avena e penso de preparto Aínda que Manuel recoñece que "ter ás vacas secas no prado era moi fácil, pero agora están mellor e teñen máis capacidade de dixestión, noto que paren mellor e teñen un pico de lactación máis alto", afirma. Nas leiras que ata o de agora pacían as xovencas e as vacas secas mantén de momento dous lotes de recría ("deixei na casa dous grupos de becerras porque tiña algunha xersei e no Rancho Las Nieves penalízante se non medran segundo os índices que teñen, que son para frisoas", explica), algún cabalo de montura e animais de raza angus (tres vacas coas súas crías e tres machos cebados para bois). Son probas que está a facer, pero son 30 hectáreas de terreo e Manuel recoñece que non sabe aínda o que fará ao final con esas leiras.

"O robot funciona se funciona o gandeiro, e as amamantadoras igual"

Instalaron os dous primeiros robots fai dous anos debido á escaseza de man de obra Baldomero SC contaba ata fai dous anos cunha sala de muxido de só 7 puntos. Tiña 26 anos pero modernizárana. "Estaba ben, pero botaba todos os días 7 horas muxindo, eran moitas horas", admite Manuel. Así que optaron por substituír á súa vella sala por tres modernos robots de muxido, empurrados pola dificultade para atopar man de obra. "Tirámonos aos robots hai dous anos por falta de man de obra. Tivemos un empregado durante sete anos que vivía aquí coa súa muller porque lles poñemos casa e agora temos outro inmigrante senegalés co que tamén estamos moi contentos. Se o empregado vale hai que pagarlle, pero aínda así non atopas", lamenta.
Eu non quero medias de 35 litros co robot, esa media xa a tiña na sala, eu quero medias superiores a 40 litros co robot e con esa diferenza é coa que vas pagar o robot
Mamadou Ba é "coma un máis da casa", afirma Manuel. "Pero necesitaba outro coma el porque a subvención que recibimos para modernizar a granxa obríganos e porque, a verdade, fainos falta", insiste. Agora mesmo traballan na granxa Mamadou, Manuel, o seu fillo (que tamén se chama Manuel e que se incorporou en 2007) e a súa nora Lara. A súa filla Lorena vive en Oviedo e bota unha man as fins de semana e a súa outra filla, Sandra, que tamén estivo vinculada á explotación, agora vive en Menorca. A súa muller, Oliva, está xa xubilada. "Todos na familia, eu, a miña muller e os nosos tres fillos, estivemos vinculados á gandeiría. En Tineo hai vacas e pouco máis, do que vive este concello é das vacas e o día que se enche a vila é cando os gandeiros imos comprar", asegura Manuel, que reivindica o seu oficio, aínda que, admite, "unha cousa é que che guste e outra que sexa rendible". Desaturar os robots Como todas as gandeirías que incorporan robots de muxido, Baldomero SC tivo que facer fronte a un importante investimento que esperan rendibilizar cun aumento de produción motivado tanto polo incremento no número de animais como na súa maior produtividade individual. "Hai gandeiros que non logran sacar todo o rendemento ao robot porque o robot funciona se funciona o gandeiro e as amamantadoras igual. Eu non quero medias de 35 litros co robot, esa media xa a tiña na sala, eu quero medias superiores a 40 litros co robot e con esa diferenza é coa que vas pagar o robot", afirma.
Contan neste momento con 155 vacas en muxido pero a Consejería obrígaos a alcanzar as 170, para o que tiveron que instalar un terceiro robot
Fai seis meses instalaron o terceiro robot para lograr desaturar os dous que colocaron inicialmente. "Puxemos os robots hai dous anos coa idea de ter 130-140 vacas pero a Consejería de Agricultura do Principado fíxanos que temos que ter 170 vacas. Esa foi a razón pola que tivemos que poñer o terceiro robot. Non era a nosa intención medrar, pero obrígannos para poder xustificar a subvención do Plan de Mellora. A Administración baséase en criterios e táboas vellas e por máis que lles explicas que eses baremos de produción por vaca non son os de hoxe en día non che fan caso. Pouco sabe de vacas o que só as ve desde detrás dunha mesa de despacho", quéixase Manuel.
Ao saturar os robots baixas á produción porque o día ten 24 horas e non dá para máis. Cando tiñamos só 2 robots vendiamos menos leite con 150 vacas que con 135
Baldomero SC conta neste momento con 315 cabezas, 155 delas en muxido e están a aumentar ata completar o número de vacas esixido polo Principado no terceiro robot instalado, aínda que non queren sobrecargar as unidades de muxido, dada a súa experiencia. "Ao saturar os robots baixas á produción porque o día ten 24 horas e non dá para máis. Nós tiñamos 41 litros de media ao instalar os dous robots iniciais pero a medida que iamos aumentando animais fomos baixando produción ata chegar a 39 litros cando estabamos con 151 vacas en muxido en 2 robots. Vendiamos menos leite con 150 vacas que con 135 e para facer sitio tiñamos que secar a todas as vacas que baixaban de 25 litros", explica. Gran campioa nacional no ano 1999 en Silleda Manuel acode co seu gando a concursos morfolóxicos desde hai 30 anos. Comezou viaxando coas súas vacas cando a súa filla Sandra era pequena. "Gumersindo De la Riera é o técnico que leva alimentación e reprodución de toda a vida na nosa gandeiría e o foi o que nos iniciou nos concursos", lembra.
A base principal dunha gandeiría de leite é producir litros de leite, os máis posibles, e producilos o máis barato posible. Os concursos son un hobbie, aínda que para producir leite tamén necesitas un bo ubre e unhas boas patas
Aínda que ten claro que "a base principal dunha gandeiría de leite é producir litros de leite, os máis posibles, e producilos o máis barato posible" e que "os concursos son un hobbie", argumenta que "están relacionados tamén coa produción de leite porque unha vaca de concurso necesita un bo ubre e boas patas e para producir leite tamén, porque dese modo estás a asegurar máis produción e máis lonxevidade", razoa. Baldomero Aneta Alan, a avoa da granxa con 10 partos e máis de 130.000 litros producidos En 1999 Manuel logrou coa súa vaca Baldomero Tania Lee o título de Xovenca Gran Campioa Nacional no concurso celebrado en Silleda e fai tres anos acudiron a Italia onde gañaron unha das seccións cunha das súas tenreiras. Pero nesta gandeiría deixaron un pouco de lado nos últimos anos os concursos para centrarse nos cambios que están a introducir para a modernización e redimensionamento da explotación. "Só seguimos indo aos concursos de Tineo e Llanera, os de aquí ao lado, porque ir a un concurso cústache moitos cartos e tamén porque antes pasabámolo moi ben e o de menos era gañar, pero agora hai catro que o queren gañar todo e converteuse xa case nunha profesión para eles e xa non é divertido", argumenta. Socio fundador de Central Lechera Asturiana El Prado é un lugar costento e de difícil acceso Socio fundador de Central Lechera Asturiana, Manuel afirma que "as condicións para ter vacas en Galicia son fantásticas, mágoa que non tiverades outras cousas" e aínda que é crítico con algunhas das decisións tomadas polas cooperativas, destaca a súa función e o seu valor para o gandeiro. "Nós mereciamos un premio por producir leite aquí", asegura. El Prado, o lugar onde se atopa a súa gandeiría, non é un sitio de fácil acceso. "Todo o que sacas daquí ou entra aquí é complicado, vén por unha estrada estreita, pendente e con curvas", describe. Tanto que chegar entre lusco e fusco con algún dos 60 tráileres de millo para ensilar que compraron o ano pasado converteuse nunha auténtica odisea.
As condicións para ter vacas en Galicia son fantásticas, mágoa que non tiverades outras cousas. Antes o gandeiro pensaba que o inimigo era o veciño, hoxe veste só. É moi triste
Desde a súa dilatada experiencia como gandeiro, Manuel reflexiona sobre o futuro do sector. "Dentro de 10 anos acabáronse os problemas de xurros e falta de base territorial porque moitas explotacións actuais terán pechado. Nesta parroquia de Callada eu coñecín máis de 30 gandeirías, unha en cada casa e hoxe queda unha de carne e 5 de leite, pero só esta con relevo xeracional. Tres delas xubilaranse no prazo de 5 anos. En todo Tineo pasa o mesmo, hai 300 gandeirías pero poucas con relevo e a media de idade dos gandeiros en Asturias é de 60 anos. É moi triste, antes o gandeiro pensaba que o inimigo era o veciño, hoxe veste só", conclúe.

Tecnoloxía ao servizo do muxido robotizado e os resultados produtivos

A tecnoloxía converteuse nun aliado indispensable para optimizar o manexo nas granxas e lograr os mellores resultados produtivos e económicos dunha explotación. Muxir máis de 1.000.000 litros de leite ao ano é neste momento posible grazas á utilización de novos sistemas como o muxido robotizado. Estes sistemas existen desde hai décadas, pero nos últimos anos o ritmo de instalación de novos robots foi medrando, especialmente en España.

Hai agora un ano, De Heus presentou RobotExpert®, unha ferramenta de análise de datos en granxa que achega un novo enfoque á xestión do muxido robotizado. Para o seu desenvolvemento a compañía realizou unha extensa investigación en máis de 1.500 granxas, estudando os distintos factores que afectan á eficiencia do muxido robotizado.

«RobotExpert é unha ferramenta de análise de datos na granxa que achega un novo enfoque á xestión do muxido robotizado»

Os datos solicitados, xunto aos obtidos nunha granxa experimental situada en Zeewolde (Países Baixos), deron lugar a esta nova ferramenta que permite ao gandeiro elevar o potencial do robot a un nivel superior, profundando en conceptos relacionados coa mellora da produción, a alimentación máis saudable, a saúde do ubre, a optimización da composición do leite, a correcta actividade das vacas, o incremento da capacidade, a diminución de restos de penso e a mellora da calidade de leite.

A experiencia reportada polos gandeiros que xa utilizaron RobotExpert® non puido ser máis positiva. “Achéganos a unha nutrición individualizada de forma práctica e comprensible, simplificando os procesos dentro do rabaño, permitíndonos axustarnos ás reglaxes específicos dos distintos sistemas de muxido robotizado e logrando con todo iso a máxima eficiencia de cada robot”.

“Achéganos a unha nutrición individualizada de forma práctica e comprensible, simplificando os procesos dentro do rabaño e permitíndonos obter a máxima eficiencia de cada robot”

“Grazas a RobotExpert®, -explica outro dos gandeiros que xa o implantou con gran éxito na súa explotación-, dispomos dunha fantástica ferramenta que nos permite realizar unha profunda e exhaustiva análise de todos os parámetros que inflúen no rendemento dun robot, optimizando a toma de decisións e mellorando os beneficios económicos da granxa”.

SAT As Pandas, 47 litros de media nunha explotación robotizada

Juan e Moisés na nave de produción, ubicada na parroquia de Goiriz No ano 2008 catro familias das parroquias de Goiriz e Román, en Vilalba, decidiron xuntarse e constituir unha SAT para traballar máis cómodos e poder medrar. Desa unión naceu unha explotación que hoxe ten 300 cabezas e que logra medias de produción de 47 litros por vaca e día. SAT As Pandas constitúe unha das referencias na comarca chairega en canto a altas producións cun sistema de muxido robotizado. Pero entregan a Entrepinares, polo que, ademais de litros, tamén precisan calidades. Andan no 3,80% de graxa e 3,30% de proteína e cando inseminan é unha das cousas que teñen en conta á hora de escoller os touros. "Todos os anos fomos aumentando á produción e hoxe andamos nos 6.800 quilos diarios", conta Moisés Vispalia, dunha das dúas familias que quedan hoxe na explotación logo do falecemento dun dos catro membros orixinarios e da xubilación doutro. Xunto a Moisés traballan na SAT a súa irmá Nuria, Juan Pernas, outro dos socios iniciais, e un empregado. "Libramos pouco, traballamos dúas fins de semana seguidas e descansamos unha", explica Juan. Acaban de incorporar o terceiro robot A explotación comezou a funcionar na súa actual ubicación no ano 2011 xa con dous robots de muxido e o pasado mes de decembro incorporaron un terceiro para desconxestionar o sistema. "Tiñamos 140 vacas en produción en dous robots, estabamos moi sobrecargados", conta Juan. Na actualidade están muxindo 144 animais e a súa intención é medrar até os 160 e estabilizarse nesa cifra, malia que contan con 170 cubículos na nave de produción. "Non compensa ter os robots saturados. Cando puxemos o terceiro robot, coas mesmas vacas pasamos a producir 500 litros máis ao día simplemente pasando dunha media de 2,5 muxidos diarios de 3,5", detallan. Por iso, di Juan, "non nos imos obsesionar con encher o terceiro robot e poñernos outra vez en 70 vacas en cada un como tiñamos antes".
Non compensa ter os robots saturados. Cando puxemos o terceiro robot, coas mesmas vacas pasamos a producir 500 litros máis ao día simplemente pasando dunha media de 2,5 muxidos diarios de 3,5
O terceiro robot instalárono ao fondo da nave de produción, na parte exterior, sen necesidade de facer máis obra que un pequeno cobertizo onde colocalo. Pero nesa zona era onde tiñan o lote das secas e das xovencas próximas ao parto, o que os obrigou a trasladalas. Para buscarlles unha nova ubicación ampliaron o establo nun dos laterais, onde situaron agora ademais das secas e as xovencas próximas, a parideira e o espazo para a recría máis pequena, até o momento do destete. Até agora as becerras nada máis nacían e tomaban o costro eran trasladadas a outra corte, onde teñen a recría, aproveitando as antigas instalacións dunha das ganderías que constituíron a SAT pero están máis a desmán que a carón das vacas en produción. "Queremos traer para aquí a amamantadora e as xatas máis pequenas para telas máis vixiadas", explica Moisés. Recría propia Toda a recría que usan en SAT As Pandas é da propia explotación. "Criamos todo nós e cando tiñamos só os dous robots vendiamos algo para vida porque nos sobraba e a falta de sitio nos robots limitábanos", indica Juan. Do coidado da recría encárgase Nuria na antiga explotación familiar. "Dámoslles o costro e están en boxes até os 15 días, que é cando pasan á amamantadora até os 70 ou 75 días cunha curva de lactación que comeza en 6 quilos de leite e remata en 9", detalla Moisés. Unha vez destetadas, as becerras pasan a un primeiro lote até os 6-7 meses de vida e posteriormente a outro até os 12-13 meses. A continuación van ao lote de inseminación, xa en cubículos, ao igual que están as preñadas. Con 7 meses de xestación, as xovencas volven para a nave de produción, ao lote de preparto, para adaptarse á nave e aos cubículos.
A xenética está moi globalizada e tes aquí os mesmos touros que fóra porque son descendentes das mesmas familias
Empregan só algo de sexado nas primeirizas e case todo o seme que utilizan é de Xenética Fontao. "A xenética está moi globalizada e tes aquí os mesmos touros que fóra porque son descendentes das mesmas familias", di Moisés. Por iso, só de xeito puntual botan man de algunha dose de touros franceses ou holandeses en busca de máis graxa e proteína. Unha parte da recría está en extensivo e os ataques de lobo xa comezan a ser frecuentes pola zona. "Temos as xovencas fóra pero están ben pechadas e de momento non nos afectou, pero o lobo xa se ve por aquí, antes non había, pero vímolos xa a 200 metros da casa", advirte Moisés. Nave modular tipo invernadoiro Un grafitti de Pablo Laherty decora a entrada ao establo Cando no ano 2008 formaron a SAT decidiron construír o actual establo nunha finca de 10 hectáreas alonxada das casas. "Entramos aquí no 2011, estivemos dous anos esperando polos permisos e logo botamos outro ano facendo a nave", lembran. "Antes de poñer un pé aquí xa levabamos 30.000 euros gastados nos permisos", quéixase Moisés, que di que "a Administración cada vez pon máis trabas para facer cousas, máis requisitos para traballar".
A Administración cada vez pon máis trabas para facer cousas, máis requisitos para traballar
Cando fai un ano engadiron un corpo máis á nave modular tipo invernadoiro pola que se decantaron no 2011 obrigáronos a facer un estudo xeolóxico sobre o terreo malia ser unha parcela chá e tratarse dunha estrutura metálica moi sinxela. Foi unha das razóns que lles fixo optar por este sistema construtivo no seu momento en vez de polo tradicional de pórticos de formigón. "Era máis barato e como se abre polo teito funciona moi ben para ventilar cando vai calor", engade Moisés. Na entrada ao establo, no lugar onde se atopa a leitería, dous dos robots e a oficina na parte superior, un gran mural de 50 metros cadrados decora a parede exterior. É obra dun dos grafiteiros galegos de maior prestixio, Pablo Lage Sanjurjo, coñecido como Pablo Laherty, que asina as súas obras como Van-Kraft e que ten raíces familiares en Vilalba. Mellora continua A ampliación do establo que fixeron o ano pasado, de 1.000 metros cadrados, para as vacas secas, o lote de preparto e as becerras pequenas engádese a toda unha serie de melloras que foron facendo nas instalacións nos case 10 anos que levan no actual emprazamento. Despois de construir a nave no ano 2011 fixeron os silos, un almacén para a palla e a herba seca e outro a maiores de 40x15 metros para a maquinaria.
As melloras hai que pagalas mes a mes, ninguén chas regala, e o prezo do leite está igual que fai 30 anos
Ademais dos robots de muxido e a amamantadora para as becerras, foron incorporando outras melloras tecnolóxicas, como o arrimador automático de comida. "Xa cho esixen os robots, porque muxindo na sala as vacas de noite teñen menos actividade, pero cos robots o funcionamento é 24 horas e tiñamos que vir de noite arrimar porque quedaban sen comida", conta Moisés, que indica que "as melloras hai que pagalas mes a mes, ninguén chas regala, e o prezo do leite está igual que fai 30 anos". Ademais, considera que "o prezo actual do leite é enganoso porque os contratos están asinados con prezos indexados sobre o valor de mercado dos produtos lácteos que vende a industria pero non sobre os custos de produción que ten o gandeiro". Por iso, asegura, "para os gandeiros os contratos non serven máis que para ter garantida a recollida pero o prezo vai depender de diversos factores, o único que ten garantido o prezo de compra da materia prima co contrato é a industria", argumenta.

"Botamos cada vez menos millo por culpa do xabarín"

Os danos do xabarín obrigounos a reducir de 30 a 23 os quilos de silo de millo na ración SAT As Pandas traballa unhas 130 hectáreas de terreo, todas cerca, pero con outro problema: o do minifundio. "Non hai concentración e son arredor de 400 parcelas, só temos fincas grandes nas que son nosas porque fomos xuntando pero o resto a maioría son pequenas e mal feitas", explica Moisés. A metade da superficie é alugada ou cedida e o resto pertence ás explotacións que formaron a SAT. A parroquia de Goiriz conta con 3.000 hectáreas de terreo e eles son a explotación de leite máis grande das que quedan. "Non temos problema de base territorial nesta zona, pero necesitabamos unha reorganización do territorio xa, todo avanza nas granxas menos iso", demanda.
Necesitamos unha reorganización do territorio xa, todo avanza nas granxas menos iso
O reducido tamaño das parcelas e as dificultades para traballalas suponlles maiores gastos e máis horas de maquinaria. "Contratamos a colleitadora para a recollida do millo e da herba, o resto facémolo nós todo", explica Juan. O porco bravo obrigounos a variar a ración Dispoñen de carro propio Ao problema do minifundio engádese o do xabarín. Os danos provocados polo porco bravo obrigounos a ir reducindo a superficie de millo que labraban. "Cada vez botamos menos millo. Comezamos sementando 50 hectáreas e agora reducimos a 40 e como siga así o xabarín teremos que deixar de labralo. Nos últimos anos vimos aumentar moito os danos", conta Juan. "É imposible pechar 20 ou 25 fincas, que son nas que botamos o millo, e moitas delas están pegadas ao monte", engade Moisés. Nesta explotación usan o millo para renovar as fincas, polo que van rotando as parcelas nas que o sementan cada ano, pero o xabarín tamén lles desfai despois a pradeira.
No verán a ración das vacas de leite fana dúas veces ao día para que non queza e sexa máis apetecible
Co condicionante do porco bravo e a diminución na superficie que adican a millo víronse obrigados a variar a ración diaria de alimentación para que lles chegara para todo o ano. "Pasamos de dar 30 quilos de silo de millo a case igualar co de herba", explica Juan, que é o que se encarga normalmente do carro. A ración das secas e a da recría leva herba seca A ración de produción está neste momento en SAT As Pandas en 23 quilos de silo de millo, 22 de silo de herba, 7 de penso (aos que hai que engadir os outros 7 de punteo do robot) e medio quilo de herba seca. Nos días de calor do verán ás vacas de leite fanlles a ración dúas veces ao día para que non queza e sexa máis apetecible e o resto do ano sírvenllela unha vez ao día. Fan ademais unha vez cada dous días as racións para as vacas secas e a recría. No caso das secas empregan só herba seca, penso e morea, mentres que no caso das xovencas leva herba seca, silo de herba, silo de millo e un quilo de penso. O problema da area na balsa do purín A area desfana cun axitador e sácana coa cisterna mesturada no medio do purín Contan con carro propio autopropulsado, do mesmo xeito que tamén dispoñen dun importante parque de maquinaria para a realización por parte deles mesmos de case todas as labores agrícolas. Para botar o purín, por exemplo, mercaron unha cisterna un pouco máis grande e que tivese remexedor para que a area que usan para as camas das vacas en produción non quedase depositada no fondo da cisterna. "Empezamos coa area no ano 2011 cando viñemos para a nave nova. Como cama para as vacas é moi boa pero é un material que dá problemas de desgaste e á hora de sacala da balsa. Nós remexémola cun axitador e sacámola coa cisterna no medio do purín, pero tivemos que cambiar tamén a cisterna por unha que nos servise para levar a area", conta Moisés. Pero agora se se fai obrigatorio o uso de inxectores para o purín poida que o método que empregan actualmente xa non lles funcione e teñan que volver varialo.

Pedrón A Ponte, unha gandeiría que busca ser máis eficiente e optimizar os robots

Juan Carlos Pita Valiña, xunto ás súas vacas en San Martiño de Goberno. As explotacións leiteiras deben contar cunha estratexia a longo prazo porque traballar con animais require que os cambios que se fagan han de ser meditados. Contar cunha liña clara dá estabilidade ás gandeirías e garante ver resultados. Pero ás veces as circunstancias mudan e tamén hai que ter capacidade de adaptación para superar as dificultades. Pedrón A Ponte SL é unha desas explotacións que acabou nos robots por problemas de persoal. "Quedei sen xente e en tres días merqueinos", recoñece Juan Carlos Pita Valiña, o seu propietario. "Non tiña pensado pasarme aos robots nin investir niso de momento, tiña outros plans, que pasaban por seguir medrando coa sala de muxido que tiña, pero dun día para outro a situación da granxa cambiou e houbo que reaccionar", explica.
"Caín nos robots porque non tiña máis remedio ao marcharme de golpe dous traballadores"
Esta gandeiría situada en San Martiño de Goberno, en Castro de Rei, contaba fai un ano con tres traballadores contratados, ademais do propio Juan Carlos. Estaba David, que é un mozo veciño de tan só 21 anos que segue na explotación, un empregado marroquí que levaba 3 anos na granxa e unha traballadora rumana que levaba 5. "Eu tiña o problema de persoal resolto, pero de golpe marcháronme dous dos traballadores e topeime cun problema gravísimo", conta. Así que Juan Carlos recoñece: "caín nos robots porque non tiña máis remedio". "Acababa de facer unha ampliación da granxa pensando nos tres traballadores cos que contaba. Aumentaramos un cacho á nave de produción coa idea de poñernos en 150 vacas en muxido pero de repente cambioume a situación", lembra. A comezos de 2019 mercaron dous robots de segunda man e reduciron os animais Foi entón cando sacrificou algúns dos cubículos para colocar os dous robots Lely A3 de segunda man que mercou dun día para outro. E non lle quedou máis remedio que reducir a cabana até as 125 vacas que muxe hoxe para adaptarse á capadidade máxima dos robots. Aquel cambio brusco supuxo a xubilación da sala de muxido traseira de 16 puntos que tiña e unha redistribución de tarefas e da maneira de traballar na explotación. O cambio non foi para nada doado. O primeiro robot comezou a funcionar no mes de xaneiro e o segundo estaba xa operativo en febreiro pero Juan Carlos non garda bo recordo daqueles días. "Nós pasámolas moi gordas á hora de empezar cos robots, estivemos 6 meses metendo vacas seguido, era penoso", lembra.
As vacas non lles entraban nos robots até que lograron axustar a ración en pesebre ao punteo de concentrado que fai a máquina no momento do muxido
Até que deron co fallo. "Foi un problema de alimentación, cando pasas aos robots hai que cambiar a ración en pesebre para pasar a suplementar no robot e adaptar a ración do carro ao punteo de concentrado que fai a máquina no momento de muxir. Tardamos meses en dar axustado iso, que é cuestión de ir facendo pequenos cambios", di. Ángel Ávila foi quen lles resolveu o problema e é hoxe o nutrólogo da explotación. A ración neste momento téñena en 25 quilos de millo, 14 de silo de herba e 6,7 de mestura de cereais, que se suma ao punteo de concentrado que fai o robot, que se sitúa nuns 5,3 quilos de media por animal. Tratando de recuperar os 41 litros por vaca e día Agora dispoñen de 125 vacas en produción Pedrón A Ponte está aínda tratando de recuperar o nivel de produción que tiña antes de poñer os robots. "En sala chegamos a 41 litros", lembra. Daqueles 41 litros de  media de produción por vaca e día baixaron a 38, con 3,70 de graxa e 3,32 de proteína. "Ao arrincar mal custa máis recuperar o nivel que tiñas, pero a principio de ano conto estar xa ao 90%", di. Hoxe está xa nunha media de 40 litros co 3,95 de graxa e o 3,32 de proteína. "Imos mellorando e malia empezar mal cos robots hoxe estou contento con eles", afirma. Ao dar correxido os retrasos iniciais na entrada de vacas ao robot incrementaron a media de muxiduras. "Cando tiñamos a sala estivemos unha época a 3 muxiduras diarias e logo volvimos outra vez a 2 por tema de man de obra. Agora cos robots estamos logrando medias de 2,8 muxidos ao día e iso que estamos no límite máximo da capacidade dos robots en canto a número de animais", explica Juan Carlos.
Ao teren que reducir o número de vacas para axustarse á capacidade dos robots aproveitaron para descartar a aqueles animais que tardaban máis en muxirse
"Agora o que nos queda é ir seleccionando máis as vacas e descartar aquelas con menor fluxo de leite, que son as que tardan máis en muxirse", engade. "Estaba muxindo 140 vacas na sala pero tiven que reducir os animais en produción para axustarme á capacidade máxima dos robots, así que aproveitei para facer moita limpeza. Ademais, xa cha piden os propios robots, as vacas con tetos mal colocados ou moi duras non serven", argumenta. Gañaron calidade de vida Pero malia ás lembranzas negativas, o cambio trouxo cousas boas. Unha vez pasado ese duro proceso de adaptación, Juan Carlos recoñece vantaxes, sobre todo en calidade de vida e maior flexibilidade de horarios. A organización do traballo na granxa mudou por completo porque "traballar con robots é totalmente distinto a como se traballa na sala", asegura.
"Os robots permítenche gañar dúas horas pola mañá e outras dúas pola noite para facer outros traballos"
"Agora chegamos ás sete da mañá e mentres que se fan as camas vanse metendo as vacas que non entraron, que poden ser unhas 5 ou 6 en cada robot, e ao acabar de facer as camas xa tes acabado o muxido. Antes até as 10 da mañá estabas liado entre muxir e lavar a sala de espera e a sala de muxir. Son dúas horas que gañas pola mañá e pola noite para facer outros traballos. E antes pola noite non rematabamos nunca até despois das 9 e hoxe ás 8 temos todo listo", argumenta. Pedrón A Ponte segue mantendo dous empregados, fronte aos tres que tiña antes de instalar os robots. "No día a día afórranche un empregado e cando un dos dous que temos colle vacacións atendemos perfectamente eu e máis o outro traballador que queda, mesmo se un día puntual temos que quedar unha persoa soa tamén nos amañamos. Antes cando muxiamos na sala eramos 4 traballando e cando un collía vacacións era complicado para organizámonos os 3 que quedabamos para os descansos", di.
Teñen as vacas en dous lotes cun robot en cada lote e as distintas tarefas están asignadas sempre á mesma persoa para que sexan rutineiras
Seguen mantendo xornadas partidas pero con menos horas. "Pola tarde un empregado comeza ás 5 e o outro ás 5 e media. Cada un ten asignados os seus traballos para que non se pisen. Eu en vez de ter xente que faga de todo prefiro ter tarefas distribuidas para que as faga sempre a mesma persoa e dese xeito as mecánicas de traballo sexan sempre as mesmas e o traballo sexa rutineiro", defende. Ser máis eficientes As camas son de serrín con carbonato Juan Carlos é enxeñeiro técnico agrícola de formación e tomou o relevo da explotación familiar que rexentaban os seus pais Carlos e Elisa, xa xubilados. "No 2004 xuntámonos cun tío meu de Santa Leocadia e fixemos unha SAT. Construimos unha nave nova con fosa de purín e silos e xuntamos aquí todo o gando. Muxiamos 50 vacas daquela. Logo fomos criando e mercando para ir aumentando o número de animais até que xa se nos quedou pequena a cuadra, así que fixemos unha ampliación para chegar a 110 en produción. Seguimos facendo obras, como máis silos e refixemos a nave vella para meter a recría. Todos os anos fixemos algunha obra, non é que non tiveramos onde meter os cartos, o que pasa é que unha obra pide outra. A última foi o ano pasado, cando fixemos outro silo e ampliamos un cacho a nave coa idea de poñernos en 150 vacas en muxidura", explica. Pero aquela idea de seguir medrando mudou ao instalar os robots e agora a estratexia é outra: ser máis eficientes. "Temos 125 vacas en produción hoxe, que é o número co que nos quedaremos. As perspectivas de futuro non son aumentar porque iso obrigaríanos a instalar outro robot máis, son ser máis eficientes e sacar o máximo rendemento ás vacas que temos, en definitiva, axustar o máis posible os gastos mellorando os ingresos", resume. "Queremos producir o mesmo leite con 125 vacas nos robots que antes con 140 na sala, é dicir, co aumento de produción que nos teñen que dar os robots compensar a baixada no número de cabezas", engade. Volver facer a recría na propia explotación Por falta de espazo tiveron que recriar de maneira externa o 20% das becerras Trala última ampliación, e descontando os cubículos que tiveron que desmontar para colocar os robots, Pedrón A Ponte dispón hoxe de 138 camas para un total de 125 vacas en muxidura, algo que a Juan Carlos lle permite meter antes ás xovencas para que se afagan a andar no medio do rabaño de produción e tamén aos robots. "O que fago é baixar antes as xovencas para a nave de produción desde a da recría para que teñan máis tempo para adaptarse", explica. Ao baixar ao número de cabezas as necesidades de recría tamén diminuiron, ao tempo que os descartes serviron para baixar a idade media do establo e a taxa de reemprazo. "Con tanta limpeza que fixen hoxe teño o 50% das vacas en produción primeirizas e o ano que vén vaime sobrar recría", conta.
Trala "limpeza" que fixeron a metade das vacas en produción son primeirizas
Ademais de poder vender becerras, Juan Carlos vai poder aforrar na súa crianza. Malia que fai a recría na propia explotación (cos animais divididos en 11 lotes por idades de entre mes e medio e dous meses para que os grupos sexan o máis equilibrados posibles e os animais medren por igual), por problemas de espazo vírase obrigado nos últimos anos a externalizar parte dela. "A que me colle téñoa na casa e o resto mándoa ao Rancho Las Nieves de Zaragoza e á explotación dun particular de Castroverde, Pepe, de Córneas, que fai recría para outras granxas. No centro de recría de Castro non puidera entrar ao principio e tiven que buscar esta solución porque non me cabían as xatas na casa. Teño fóra da explotación arredor dun 20% das becerras, pero agora cos robots ao reducir o número de cabezas vou necesitar menos recría e vaime coller o 100% na explotación", detalla. Contratan os traballos de campo pero teñen carro propio Só dispoñen de cisterna de purín e carro mesturador Pedrón A Ponte ten tamén contratados outros traballos, como a inseminación, da que se encarga o grupo de veterinarios de Castro, ou as labores agrícolas, para as que bota man de empresas de servizos. "Contrato os traballos agrarios porque a maquinaria é algo que non me gusta nada e ao final non te podes dedicar a todo. Se queres ter a cuadra ben ou tes moita xente ou tes que encargar os traballos de campo". Iso reduce considerablemente as necesidades de maquinaria da explotación. "Se botas contas, para unha explotación deste tamaño case non compensa ter ningún apero, quitado os que traballan todos os días, como a cisterna, o carro mesturador ou a telescópica, que son os que teño, pero os aperos que traballan só en campaña non se dan desquitado", considera. En total esta gandeiría dispón dunhas 60 hectáreas de superficie, moitas delas arrendadas, das que botan unhas 40 a millo. Aínda que contrata os traballos, ensila na explotación e conta con carro mesturador propio para elaborar as distintas racións para o gando. Ademais da de produción, fai unha para as vacas secas con silo de herba, silo de millo, penso e herba seca. Esa mesma ración úsaa para as xovencas desde os 10 meses en adiante, até o parto. Antes, entre os 5 e os 10 meses, failles unha ración específica no carro con herba seca, penso e melaza. Até esa idade as becerras están con herba seca e penso desde o momento do destete, que se produce aos 2 meses e medio de vida. Adquisicións para facilitar o manexo diario Achegadora de comida Unha parte das adquisicións que Juan Carlos foi facendo ultimamente, ademais da dos robots, buscan facilitar os traballos diarios e aforrar en man de obra. "É certo que moitas das últimas decisións e cambios que fomos facendo ultimamente estiveron motivados por problemas de persoal. Por exemplo, arrimabamos a comida á man pero no momento que quedei sen un dos empregados e coincidiu que o outro estaba de vacacións fun mercar o arrimador por agobio", describe.
"Cando puxen os robots aumentoume considerablemente a factura da luz, que case se me dobrou"
Os robots ou os achegadores automáticos son inventos que axudan ao gandeiro, pero tamén incrementan o consumo de electricidade nas granxas. "Foi algo que a min ninguén me dixo pero despois vino no consumo. Cando puxen os robots aumentoume considerablemente a factura da luz, que case se me dobrou. Por ser un aparato pequeno non quere dicir que non consuma, porque está traballando as 24 horas do día", explica. Outro dos traballos que hai que facer todos os días nas explotacións son as camas. Para reducir o tempo necesario fíxose cunha telescópica á que lle saca moito partido. "Para min foi a mellor compra dun apero que fixen, desde que a tes pregúntaste como puiden estar tanto tempo sen ela", recoñece. Emprégaa, por exemplo, para encher os cubículos. Os da zona de produción e os das secas son de mestura de serrín e carbonato. Tamén usa a telescópica para sacar o esterco da recría. Unha parte está en palla e outra parte en serrín. "A palla está cara pero é máis rápido nas terras. O serrín tamén abona, pero a degradación é máis lenta", indica Juan Carlos.

RobotExpert: máxima eficiencia en ordeños robotizados

Muxir máis de 1.000.000 quilos de leite por ano cun sistema de muxido automático é absolutamente posible, segundo os especialistas en robots de De Heus. Desde un punto de vista netamente económico maximizar a produción de leite por robot é a base da rendibilidade dunha granxa. Co fin de lograr este obxectivo, son necesarios algúns factores de éxito como un bo deseño do establo, unha ración adecuada e ben equilibrada e unha boa configuración dos axustes do robot.

A Frecuencia de Muxido (Número de muxidos/vaca/día) e a Cantidade de leite por ordeño determinan a cantidade de leite por robot e día. O máximo retorno ao investimento dun robot de muxido conséguese cando as vacas logran adaptar a súa rutina diaria de comportamento utilizando o robot practicamente sen intervención do home. Sen embargo, diversos estudos demostran que entre o 4 e o 25 % das vacas teñen que ser empuxadas ao robot para ser muxidas. Isto constitúe unha ineficiencia que ten un impacto importante a nivel custos de man de obra, perda de produción de leite e benestar das vacas. Optimizar entón a frecuencia de muxido e a consistencia desta no tempo será un factor crave para a eficiencia dun sistema de ordeño robotizado.

O % de ocupación do robot (densidade de animais), o nivel de produción, o estado de lactación, o confort dos animais, a palatabilidade do penso no robot, a configuración de axustes do robot e o deseño da ración PMR (Partial Mix Ration) son os factores que máis inflúen na frecuencia de muxido.

Neste sentido, as interaccións entre a actividade, o comportamento dos animais, a alimentación, a inxesta, a saúde e a produción de leite son complexas e vólvense aínda máis complexas no muxido voluntario.

Normalmente en situacións de campo un dos factores presentes na gráfica 1 será limitante. A tarefa dos técnicos de De Heus é pescudar que aspecto está a limitar a maximización do rendemento do robot e definir unha estratexia correctiva.

Gráfica 1: Factores limitantes no rendemento do robot de muxido

Por exemplo, nunha granxa de 63 vacas en muxido e 2,8 muxidos por vaca e día. Isto supón uns 176 muxidos por día. Se a produción é de 12 litros por munguido, conseguiriamos un total de 2.112 litros de leite por día. Sen embargo, se a produtividade por muxido aumenta até os 14 litros, a produción diaria será de 2.470 litro por día, o que supón unha media de case 40 litros. O aumento da produción de leite de 33 a 40 litros de leite por vaca e día é un paso moi grande e claramente posible a través da optimización da capacidade dun robot.

Pola contra, se nesta granxa prodúcense 10 litros de leite por muxido, serán necesarios 3,3 muxidos por vaca e día, para alcanzar os 2.112 litros, Este dato é pouco probable xa que para esta produción 2,7 muxidos sería un número máis lóxico e realista. Neste caso a produción será entón de 12,3 litros de leite por muxido.

Un obxectivo de mellora sería conseguir máis de 2 Kg de leite/minuto de tempo en robot

Cando se expoñen obxectivos de produción deste tipo, un dos puntos a considerar é o tempo necesario para muxir as vacas. Os novos modelos de robot melloran a eficiencia do tempo da vaca no robot para poder munguir máis vacas por unidade.

O tempo do animal no robot é o resultado da suma de: Tempo de preparación e estimulación do ubre + Tempo de muxido + Tempo post-muxido

Normalmente o tempo da vaca no robot rolda os 7 minutos. A tecnoloxía dos robots permite reducir os tempos pre e post muxido, pero o tempo de muxido (Kg leite /minuto) é un factor directamente relacionado coa xenética do animal pois vacas con maior velocidade de muxido son capaces de producir maior cantidade de leite en menos tempo, e isto afecta de maneira considerable á capacidade do robot.

Un obxectivo de mellora sería conseguir máis de 2 Kg de leite/minuto de tempo en robot, é posible que ao revisar os datos atopémonos con animais que superan os 7 minutos de tempo en robot e con todo son moi eficientes porque os quilos de leite por minuto no robot son altos e as súas producións medias moi elevadas.

En situacións onde se busca o máximo rendemento do robot, priorizando a máxima ocupación e produción individual, as vacas con fluxos de leite baixos serán sen dúbidas un serio impedimento e a selección xenética da granxa debe apuntar nesa dirección. Hoxe en día é perfectamente posible utilizar touros mellorantes en velocidade de muxidocon valores por riba de 100 nos catálogos de sementais.

A velocidade de muxido está tamén relacionada cos restos de concentrado sen consumir. É necesario realizar os axustes correctos da velocidade de subministración e a cantidade de concentrado por visita. Nalgunhas marcas de robot é posible configurar individualmente e fixar a alimentación no robot como prioritaria, en caso de ter tempo libre no robot. O obxectivo sería ter o menor número de animais con máis de 1 Kg de restos de concentrado..

Gráfica 2: Capacidade de Dias en Leite vs Velocidade de muxido

O obxectivo dos programas de alimentación en sistemas PMR é deseñar racións ao mínimo custo que cubran os requirimentos nutricionais de cada animal, optimizando a produción de leite e a saúde dos animais.

Nos sistemas TMR (Total Mix Ration) tradicionais, as racións cobren os requirimentos nutricionais dos animais en función do tipo de animal media para o que se deseñe a ración. Con todo, esta ración pode non ser adecuada para outros animais dentro do grupo, fundamentalmente debido ao momento de lactación no que se atope, nivel de produción etc. Esta é outra clara vantaxe da alimentación en sistemas robotizados PMR onde unha parte de alimento fornécese na ración base e, a outra, a través das escalas de subministración do penso no robot, permitindo así achegarnos máis aos requirimentos nutricionais de cada animal.

Para estimular unha alta produción de leite é necesaria unha ración de alta calidade que incentive o número de visitas ao robot. Racións PMR cunha alta densidade de enerxía na ración base correlaciónanse cunha maior cantidade de vacas menos activas e como consecuencia menor número de visitas ao robot. Cambios bruscos no % de humidade na dieta base e o tamaño de picado afectarán negativamente ao número de visitas ao robot.

Normalmente, as vacas con menos actividade adoitan ser animais avanzados na lactación que cobren os seus requirimentos nutricionais maioritariamente coa ración base e, como consecuencia, presentan menor interese por entrar ao robot para consumir concentrado.

Se deseñamos unha ración base para 27 litros de leite, para conseguir cubrir a fenda con respecto á produción de leite obxectivo, será necesario deseñar unha táboa de suplementación de penso no robot.

O correcto equilibrio entre a ración base e a suplementación no robot determinarán, o número de visitas ao robot e a produtividade dos animais.

Se a cantidade media de muxidos do rabaño é de 2,8 por vaca e día, e unha vaca fresca está a ser muxida 3.3 veces por día de media, se o máximo consumo de penso por visita é de 3 kg, este animal poderá consumir 9.9 Kg. Cunha ración base de 27 litros por vaca e día, a suma da ración base máis o concentrado inxerido no robot será suficiente para que as vacas alcancen rapidamente altas producións, maximizando así os picos de produción. De aí a importancia do número de visitas ao robot nos primeiros 100 días en muxido.

Que factores hai que controlar durante este período clave?

-Correcta transición do período pre ao postparto.
-Produción ao pico de leite para multíparas e primíparas.
-Días en lactación ao pico de leite en ambos os grupos.
-Configuración da táboa de suplementación de concentrado para cada grupo.
-Número de muxidos por grupo e días en lactación.
-Condición corporal dos animais neste período.

É importante coidar a palatabilidade do penso que fornecemos no robot. Numerosos traballos de investigación coinciden en que, sen o incentivo da subministración de concentrado no robot, a frecuencia de muxido será baixa e variable. As vacas entran no robot para consumir penso, non para ser muxidas. Por iso, é necesario incentivar aos animais para que acudan ao robot de forma voluntaria cun concentrado ben deseñado e que incorpore na súa composición unha selección de ingredientes con alta apetecebilidade como son os cereais, DDGS, melaza e polpa de remolacha, entre outros.

A presentación do concentrado debe ser un pellet de alta durabilidade. Traballos de investigación con produtos en fariña ou multipartícula, demostraron que a asistencia ao robot diminúe significativamente. O mesmo ocorre coa presenza de finos nos produtos, que xeran rexeitamentos e, como consecuencia, baixa o consumo de penso e o número de entradas ao robot.

Gráfica 3: Produción de leite: DEL vs Media de muxidos

Gráfica 4: Produción de leite: DEL vs Media produción de leite.

Gráfica 5: Ración: DEL vs Kg concentrado programados.

Nas Gráficas 3, 4 e 5, podemos observar a relación directa entre o número de muxidos, a asignación de penso e a produción de leite. A suplementación de penso no robot realízase inicialmente en función dos Días en Leite (DEL) até un día prefixado, próximo ao pico de produción. A partir de aí, suplementase segundo o nivel de produción. É un punto de especial atención porque non todas as vacas chegan ao pico no mesmo momento e tampouco coa cantidade de leite esperado, polo que hai que prestar especial atención ao deseño da táboa de suplementación para evitar desfasamentos que provocarían caídas na produción, menor persistencia da curva de produción ou perdas na condición corporal.

Nas gráficas anteriores, obsérvase unha tendencia que frecuentemente se dá na práctica: en multíparas o pico de produción de leite alcánzase aproximadamente aos 60 días en leite e nas xovencas, aos 80 días. Despois desta data, os permisos de acceso ao robot cambian e as vacas necesitan atopar un novo ritmo nas visitas ao robot. Se a táboa de suplementación non está correctamente deseñada, as vacas terán unha inxesta de penso máis baixa e producirán menos leite.

Se a produción de leite continúa baixando, a asistencia ao robot diminúe, redúcese a inxesta de penso e por tanto a persistencia da curva de produción será menor. A orde indicada na imaxe superior funcionará de forma incorrecta.

O incremento continuo de granxas con muxido robotizado implica traballar con sistemas de alimentación máis complexos, pero nutricionalmente máis eficientes. O cambio dun sistema de muxido en sala non só implica un cambio na maneira na que os animais se munguen senón tamén na forma en que se alimentan e se comportan.

Cando existen problemas en granxas con robot a miúdo adóitanse relacionar directamente coa nutrición, pero debemos ter en conta que estes problemas poden ser o resultado de diversos factores e merecen unha análise máis profunda. En moitos casos a análise demostra que algúns axustes do robot foron fixados tempo atrás para situacións distintas da granxa e deberían ser revisados, co cal primeiro deberiamos realizar unha análise global e logo pensar na ración máis adecuada.

O deseño de racións nestes sistemas require dunha análise moi pormenorizada dos datos produtivos e do comportamento das vacas. É fácil sentarse fronte ao computador do robot e perderse na enorme cantidade de datos que diariamente se xeran neste sistema. Neste momento debemos preguntarnos: Cales son os obxectivos desta granxa? E como podemos medilos?

Neste sentido, RobotExpert é unha ferramenta de De Heus Nutrición Animal que permite aos nosos técnicos realizar unha análise en profundidade dos datos produtivos das granxas relacionados cos aspectos máis importantes da produción de leite.

A combinación FeedExpert + RobotExpert permite o achegamento a unha nutrición individualizada de precisión, dunha forma práctica e comprensible, simplificando os procesos dentro do rabaño, axustándonos aos reglajes específicos dos distintos sistemas de muxido robotizado e logrando a máxima eficiencia de cada robot de muxido con independencia dos condicionantes das explotacións.

Máis información nesta ligazón

Pros e contras do robot de muxido e requisitos antes de instalalo

A dificultade para atopar man de obra xunto coa importante presión comercial está levando a que cada vez máis ganderías, especialmente en Galicia, Asturias e Cantabria, instalen robots de muxido. Non obstante, o que moitas veces se presenta como a garantía de comodidade para o agricultor tamén presenta os seus inconvenientes e require ter en conta unha serie de consideracións antes de compralo. Neste sentido, a empresa Queserías Entrepinares organizou o pasado xoves en Vilalba (Lugo) unha xornada técnica para os seus gandeiros na cal dous expertos na área, Xabier Bermúdez Salgueiro, veterinario de FarmVet, e Arnau Álvarez, asesor de rabaños leiteiros, explicaron os pros e contras do robot de muxido. Xabier Bermúdez comezou realizando un repaso por este dispositivo, que se ideou en Holanda nos anos 90 como unha ferramenta para gandarías con pouca dispoñibilidade de man de obra, e que no ano 2001 chegou a España e no 2004 a Galicia. Nesta comunidade xa existen algo máis de 300 robots e o seu número non para de aumentar, do mesmo xeito que na Cornixa Cantábrica, onde se axusta a un tipo de gandaría familiar, de tamaño medio e con pouca dispoñibilidade de man de obra. “A expectativa de gañar comodidade e calidade de vida, xunto á enorme presión comercial xogan tamén un papel moi importante que explican o aumento das vendas destes aparellos”, recoñece Xabier Bermúdez.

Que hai que ter en conta antes de comprar un robot de muxido?

Segundo o veterinario de Farm-Vet antes de pensar en comprar un robot de muxido o gandeiro debería facerse as seguintes preguntas: -¿Imos partir de instalacións novas? Nese caso deberían adecuarse ao robot de muxido. -Se partimos dunhas instalacións antigas, é necesario prever como vai ser o tráfico das vacas cara ao robot, se van ter confort suficiente e se se vai xerar unha boa hixiene entre muxidos, xa que cada aparello mungue unhas 60 vacas. -Tamén é necesario ter en conta se prevemos medrar, xa que o robot pode ser un factor limitante para o crecemento das gandarías. De feito, as grandes granxas de vacún de leite non contan con robot, ao serlles máis rendible neste momento contratar man de obra. -O gandeiro tamén se debe preguntar cal é o obxectivo que persegue coa compra do robot: maior calidade de vida, maior produción de leite por vaca, máis calidade de leite, máis datos sobre os nosos animais e se esta información vai ser realmente utilizada....

Requisitos morfolóxicos e de bioseguridade no rabaño antes de instalar o robot de muxido

O robot require que as vacas teñan unha boa morfoloxía de ubre e de patas para poder realizar correctamente o muxido. Isto pódenos obrigar a realizar un importante descarte no noso rabaño, o que debe ser tido en conta. En concreto: -As vacas deben ter unha boa inserción de ubre e colocación dos tetos. Así, tetos moi xuntos ou moi separados adoitan provocar problemas ao brazo do robot para determinar a súa posición e levar a que queden sen munguir. -Vacas con malos aplomos, como patas demasiado xuntas tamén van causar problemas de muxido ao robot. -Muxibilidade: “A miña experiencia é que o robot non soporta ben vacas duras de muxir nin ás que se administrou oxitocina en sala”, asegura Xabier Bermúdez. Un dos gandeiros presentes na xornada de Entrepinares, e que conta con robot de muxido, explicou que para evitar descartar vacas produtivas por estes motivos segue munguindo en sala as vacas con mala morfoloxía de ubre, evitando así o seu descarte. Por outra banda, e dado que cada robot moxe de media unhas 60 vacas, pode ser un foco de propagación de enfermidades do ubre. Para evitalo sería recomendable realizar un descarte dos seguintes animais: -Vacas infectadas e diagnosticadas con microorganismos potencialmente contaxiosos, como Streptococcus Agalactiae, Streptococcus Aureus, Protothecas e Mycoplasma, que deben ser determinados mediante unha proba PCR en tanque.
 “Co robot de muxido aumentan os descartes e as esixencias de bioseguridade”
-É necesario extremar a bioseguridade na granxa, sobre todo na entrada de animais. É aconsellable que caso de comprar animais se verifique que están libres destes patóxenos contaxiosos, esixindo unha proba PCR a nivel de ubre. -É necesario tamén preguntarse se se descartan as vacas crónicas, pois mentres nunha sala de muxido pódense deixar para o final, nun robot non, co que pode ser unha foto de propagación destes patóxenos do ubre. -No caso de dous ou máis gandeiros que se unen para construír unhas novas instalacións en común, xuntar os rabaños e instalar un ou varios robots de muxido é necesario que todos os socios traballan antes, en orixe, cun técnico de calidade do leite para que non se propaguen enfermidades do ubre ao unir os rabaños.

Manexo das vacas con robot de muxido:

O manexo das vacas despois de instalar o robot de ordeño cambia substancialmente para o gandeiro, sobre todo durante os primeiros meses, no que os animais se teñen que adaptar e é preciso calibrar o aparello. Neste sentido é necesario ter en conta que: -O gandeiro vai deixar de ver as vacas 2 ou 3 veces ao día, como se fai na sala de muxido, onde máis problemas se detectan. É certo que o robot proporciona multitude de información que é analizada polo gandeiro na pantalla do computador. Pero isto non substitúe o contacto visual, polo que o gandeiro debería seguir pasando tempo observando as súas vacas. -Co robot as vacas gañan en benestar, con menor sobremuxido, pero tamén é certo que aumenta o risco de infeccións do ubre. Porén, é preciso destacar que ao realizar 3 ou máis muxidos por vaca ao día, o robot provoca un efecto lavado dos xermes que colonizan as glándulas mamarias. -Ás veces co robot prodúcese unha sobreestimulación dos tetos, co que a vaca non é munguida correctamente. Neste sentido, é necesario lembrar que só o 20% do leite atópase na cisterna do ubre, mentres que o 80% restante é leite alveolar, que precisa dunha estimulación correcta para ser muxido. -É imprescindible configurar os parámetros de muxido do robot, adaptándoos a cada gandaría en particular. En concreto, é necesario adecuar a cada granxa tanto o baleiro, como a frecuencia e a relación de pulsación. A este respecto, pódese avaliar se un robot está muxindo ben ou non mediante unha avaliación da condición dos esfínteres dos tetos. Un dos gandeiros presentes na xornada, e que conta con robot, compartía a necesidade de realizar un axuste frecuente do aparello: “Hai que calibrar a máquina todas as semanas, pois unha vaca pódelle dar unha patada e desequilibrar o brazo, e non revisalo só cando vén o técnico a facer a revisión”, destaca. -É certo que o robot dispón de varias ferramentas para avaliar a saúde do ubre, como a condutividade, o RCS por extrapolación ou o RCS por cálculo de células. Sen embargo, os datos que facilita o Control Leiteiro seguen sendo máis precisos que os do robot, existindo unha diferenza de entre un 5 e un 25% entre un e outro. “O Control Leiteiro con robot segue sendo necesario porque é máis fiable. E se o gandeiro fai ou quere realizar secado selectivo, aínda é máis aconsellable seguir en Control Leiteiro”, subliña Xabier Bermúdez.

Aspectos económicos a ter en conta á hora de comprar un robot de muxido

Pola súa banda, Arnau Álvarez, asesor de gandarías leiteiras, explicou na xornada organizada por Queserías Entrepinares as vantaxes e os inconvenientes do robot de muxido desde o punto de vista económico. É necesario matizar que Arnau procede dunha comunidade, Cataluña, onde practicamente non hai robots de muxido de momento debido a que o tamaño medio das gandarías é maior e resúltalles máis rendible realizar o muxido en sala. Como punto de partida, este asesor recomendou que o gandeiro reflexione sobre as seguintes preguntas: -Cal é o custo do persoal na súa gandaría? -Cuantos traballadores monguen e que tempo lle dedican? -Canto pode aforrar un robot de muxido? -Que vantaxes supón ter menos traballadores? Inconvenientes do robot de muxido: -A vida útil é de entre 7 e 15 anos. -O valor económico residual se queremos vendelo usado é de entre un 10 e un 30% do seu custo. -Maior necesidade de cash flow na gandaría para poder pagar o investimento e/ou a débeda. O prezo dun robot novo rolda os 150.000 euros, aínda que existen variacións segundo a marca. -Maior custo de financiamento: intereses. -Payback ou tempo de amortización de entre 6 e 15 anos, maior que nunha sala de muxido, que adoita ser de 1 a 5 anos. -Os gastos de mantemento e de reparación adoitan situarse entre 5.000 e 10.000 euros ao ano por robot. -O penso que se debe utilizar no robot, de tipo pelletizado, é máis caro.
 “É máis complicado medrar con robot de muxido pero mellórase en calidade de vida e en produción”
-Seguros asociados á maquinaria e ás instalacións. -Medrar con robot de muxido é máis difícil porque sería necesario aumentar o número de robots e tamén as instalacións. Vantaxes: -Mellora da calidade de vida dos gandeiros. -Incremento variable da produción de leite. -Aforro de persoal e maior eficiencia do que temos contratado. -Imaxe social de gandaría equipada con alta tecnoloxía. É necesario preguntarse se é tamén o que queren os consumidores e se se pode tirar proveito desa imaxe.

¿É posible combinar robot de muxido con pastoreo?

Cada vez son máis os gandeiros que en Galicia están a introducir robots de muxido automático nas súas explotacións. Trátase, en todos os casos de vacas estabuladas en granxas intensivas. Pero, sería posible muxir con robot nun sistema en extensivo? Este foi un dos aspectos abordados nas xornadas sobre Vacún de leite e pastoreo celebradas recentemente na Escola Politécnica do Campus Terra de Lugo, onde distintos expertos internacionais deron conta de distintas experiencias levadas a cabo nos seus países. Foi o caso de Bernardette O'Brien, procedente de Irlanda, un país que basea a súa produción láctea no pastoreo pero isto non impide que se poidan aplicar sistemas de robotización, asegurou. Neste sentido, explicou que en Irlanda estase a probar desde hai 5 anos un método experimental de muxido automático en vacas que pasan todo o día en réxime de pastoreo, consistente en dividir a superficie dispoñible en tres bloques de parcelas en torno á nave onde estaría ubicado o robot. As vacas irían rotando polas parcelas en función das horas do día e para pasar das parcelas dunha sección a outra terían que pasar polo robot, aínda que non todas serían muxidas, senón só aquelas que o precisasen. Co sistema de rotación de parcelas post-muxido motívase á vaca para ir ao robot, porque o animal sabe que despois de ser muxida vai ir a unha parcela con pasto novo, actuando deste xeito como premio ou aliciente.
“A introdución dun robot permite a redución do 60% do traballo na granxa”
Aínda logrando unha produción por vaca menor que en animais estabulados, este método permite aplicar altas frecuencias de muxido propias de vacas de alta produción a animais que pasan todo o día pacendo, mantendo deste xeito altas inxestas de pasto, optimizando a frecuencia de muxido e reducindo o traballo aparellado a esta tarefa. "Nas granxas irlandesas a seguinte xeración non quere muxir e é difícil contratar traballadores con coñecementos que sexan eficientes muxindo. A introdución dun robot permite a redución do 60% do traballo na granxa, arredor dunhas 24 horas por vaca e ano", explicou esta técnica do Teagasc, a autoridade pública de carácter gobernamental para o desenvolvemento da agricultura e a alimentación en Irlanda. Chama a atención outro factor nesta experiencia levada a cabo en Irlanda con respecto á introdución de robots de muxido en granxas galegas. Mentres no sistema intensivo galego o habitual é unha ratio de 60 animais por robot, Bernardette O'Brien explicou que en Irlanda están a muxir "sen ningún problema" 80 vacas cun só robot e a intención é "chegar a 90 vacas por robot", se ben é certo que as vacas irlandesas, tanto de raza frisoa como jersey, son vacas de menor capacidade produtiva que as galegas (a media en Irlanda está en 4.798 quilos de leite por vaca e ano con 4,1% de graxa e 3,45% de proteína). Mapa de pastoreo en explotacion con ordeño automatico Produción moi estacional pola acumulación de partos a comezos da primavera Os gandeiros irlandeses non moxen todo o ano. Unha das peculiaridades propia do sistema lácteo do país é a concentración dos partos, que fai que a produción sexa moi estacional. "As vacas pasan dous meses estabuladas polo mal tempo, que coincide coa época de secado, mentres que de febreiro a novembro deixan o establo e pacen fóra. Por iso, recoméndase agrupar o 90% dos partos a comezos da primavera, para axustar o pico de produción de pasto co momento de maior necesidade de inxesta da vaca, de xeito que o pico de produción de leite faríase practicamente sen concentrados", explica Bernardette. A dieta dunha vaca irlandesa no verán, por exemplo, sería deste xeito: 17,5 quilos diarios de materia seca procedente de pasto e tan só medio quilo diario de concentrado, polo que os quilos totais de penso que comería ese animal durante toda unha lactación anual non superaría os 350, suplindo as épocas de escaseza de pasto con silo de herba. De cumprir estas recomendacións, esta experta considera que a marxe de beneficios das granxas irlandesas incrementaríase notablemente. Pero este modo de produción estacional supón outro dos grandes desafíos a ter en conta á hora de muxir de xeito automático vacas en pastoreo en Irlanda: tentar que o número de muxidos diarios por vaca, que se sitúa de media en 1,5, non baixe durante o pico de lactancia que se produce nos meses de abril e maio, coincidindo coa maior produción de pasto. Aínda que a maioría dos gandeiros irlandeses agrupan o maior número de partos posibles a comezos da primavera, tamén os hai, aínda que son unha minoría, os que fan agrupación de partos en dúas épocas co obxectivo de producir o 60% do leite na primavera e o outro 40% en setembro, unha época con mellores prezos debido á escaseza de leite. Pero isto ten unha desvantaxe: "supón ter que muxir todo o ano", conta Bernardette. Limitación: as parcelas non poden estar a máis de 700 metros do robot de muxido Un dos condicionantes que ten o uso de robots de muxido en explotacións extensivas é que reduce practicamente á metade a distancia máxima á que poden estar situadas as parcelas onde pacen as vacas, que non poderían estar afastadas máis de 700 metros do lugar onde estivese instalado o robot. Isto fai, por un lado, que as parcelas próximas ás explotacións adquiran especial importancia e, polo tanto especial valor económico. Segundo os cálculos do Teagasc irlandés, unha parcela extra situada ao lado da estabulación que puidese destinarse a pastoreo podería pagarse en aluguer a até a 350 euros por hectárea. Por enriba dese prezo límite deixaría de ser viable o pastoreo e sería máis rendible alugar outra finca, aínda que estivese lonxe, para facer forraxe. A opción do ensilado da herba destas fincas preséntase en Irlanda como principal alternativa para as superficies máis afastadas no caso de explotacións extensivas, aínda que hai outros métodos para integrar estas parcelas no pastoreo. En Francia, por exemplo, onde unha explotación media de 60 vacas manexa até 100 hectáreas de terreo, as fincas máis distantes úsanse para a cría das xovencas ou mesmo para a produción de carne, de maneira que moitos gandeiros galos combinan a produción en extensivo de leite nas parcelas máis próximas e de carne nas máis afastadas. Incremento do 50% da produción total do país sen abandonar o pastoreo     Ao revés do que acontece en Galicia, en Irlanda nos últimos anos os produtores de carne están entrando na produción láctea. Isto fai que Irlanda estea a ser un dos países da UE que máis aumentou a produción de leite desde o fin das cotas lácteas. "O obxectivo é que no ano 2020 poidamos producir un 50% máis que no último ano de cotas lácteas, neste momento estamos xa no 40% de incremento", asegurou a representante da Irish Agriculture and Food Development Authority. Irlanda conta con 15.000 explotacións, con 69 vacas de media, pero subsisten aínda moitas granxas familiares con menos de 30 cabezas. A parte sur do país é a parte onde se practica máis intensamente a produción leiteira porque é onde é máis eficiente producir leite, en boa medida pola maior produción de pasto desta zona. Só o 10% do leite producido no país ten como destino o consumo en líquido. O restante 85% expórtase como produtos lácteos, como queixo, manteiga ou leite destanato en po, sobre todo a países asiáticos como China. O destino final do leite irlandés fai que a calidade sexa moi importante, tanto polas necesidades das industrias transformadoras como debido aos requirimentos fixados para a exportación de produtos lácteos. O prezo medio ao que cobran o leite os gandeiros irlandeses é de 31 céntimos por litro.
“O ensilado de herba supón un gasto engadido de entre 54 e 80 euros por tonelada de materia seca”
Practicamente o 100% das explotacións irlandesas fan pastoreo, pero nos últimos anos, a raíz sobre todo da eliminación das cotas lácteas, algúns gandeiros decidíronse a producir leite sen pastoreo, xa que nalgúns casos a dispoñibilidade de pasto era un factor limitante para o crecemento das explotacións, porque é difícil ter superficie agraria suficiente preto da explotación e porque a distancia máxima á que é posible facer pastoreo condiciona o número máximo de cabezas. Pero Bernardette ve inconvenientes neste cambio de modelo: "O pastoreo cero aumenta o custo da colleita e consume moito tempo ao produtor se o fal el mesmo" asegura. Segundo os seus cálculos, o ensilado de herba supón un gasto engadido con respecto ao pastoreo de entre 54 e 80 euros por tonelada de materia seca en función do volume ensilado.

Sistemas de medición e de xestión para a optimización dos pastos    

"A formación fixo que moitos produtores irlandeses lograran nos últimos anos producir máis leite coa mesma superficie", asegura Bernardette O'Brien. O organismo público ao que ela pertence fornece aos gandeiros de ferramentas para mellorar o seu sistema de produción e está a aplicar as novas tecnoloxías á optimización da base principal da produción de leite do país: o pasto. "O incremento do pasto na dieta das vacas ten un efecto positivo nos beneficios da explotación e a maior dispoñibilidade de pasto depende en boa medida da boa xestión das fincas en pastoreo", asegura. Segundo os seus cálculos, a rendibilidade por hectárea increméntase en 267 euros por cada tonelada adicional de pasto utilizado para o sistema lácteo. Entre outros, Bernardette destaca como puntos clave para acadar unha alta utilización do pasto a renovación dos pasteiros ou o incremento do número de pastoreos. As explotacións irlandesas obteñen de media 13,9 toneladas de materia seca por hectárea e teñen unha media de 2,35 vacas por hectárea, pero esta experta recomenda incrementar esa densidade de animais até 2,9 vacas por hectárea porque "cantos máis animais pacendo maior produción de pasto", asegura. En Irlanda, que non ten problemas de seca, prodúcense dous picos de produción de pasto, un en abril-maio e outro en agosto. Tamén considera fundamental controlar as alturas da herba pre e post pastoreo aplicando métodos de medición obxectivos. "As granxas pequenas calibran a ollo e hai xente que fai moi boas estimacións, pero ese sistema é moi subxectivo e só vale se ese seguemento das parcelas o fai sempre a mesma persoa", indica. Por iso recomenda usar herbímetros, que son uns aparatos de medición que poden ser manuais (Jenquip) ou automáticos (Grasshopper), que ademais de facer as medicións e gardar os datos, está dotado dun xeolocalizador que identifica as parcelas e permite almacenar as sucesivas lecturas e manexar os resultados a través dunha aplicación no teléfono móbil (PastureBase), unha especie de base de datos que interpreta os resultados e fai os cálculos en función dos datos obtidos nas medicións e dos parámetros e variables introducidas polo gandeiro.
 A combinación de Grasshopper e PastureBase preséntase como unha ferramenta fundamental de apoio ao gandeiro
A combinación de Grasshopper e PastureBase preséntase como unha ferramenta fundamental de apoio ao gandeiro para a xestión do pastoreo ao aportarlle a información que precisa para tomar decisións que lle permiten optimizar o pasto e facer un uso máis eficiente do principal alimento das súas vacas en base ao coñecemento da masa herbácea semanal, da cantidade e calidade do pasto dispoñible ao de directrices sobre a demanda de alimento ou a provisión e utilización do pasto, días de pastoreo en cada parcela en función do número de cabezas, etc. O uso destas ferramentas tecnolóxicas á xestión do pasto permite ademais aos gandeiros irlandeses prever o rendemento dos seus pasteiros e facer unha xestión axeitada dos momentos en que hai superávit, retirando a herba sobrante en forma de forraxe para empregar logo como suplemento nos momentos de déficit. Bernardette recomenda eliminar os excesos de pasto "canto antes", para que esas parcelas volvan o antes posible de novo ao ciclo de rotación de parcelas en pastoreo. Esta experta considera que o gando debe entrar a pacer unha finca cando a masa herbácea dispoñible está entre 1.300 e 1.500 quilos de materia seca por hectárea e cambiar de parcela cando a altura da herba que está a ser pacida se sitúe entre 4 e 4,5 centímetros. O ensilado debería facerse cando a masa herbácea chegue a 2.500 quilos de materia seca por hectárea.