Archives

Máis de 350 asistentes en Portomarín á xornada de portas abertas en gandería Abrita SC

Máis de 350 asistentes déronse cita este xoves, 18 de abril, na xornada de portas abertas na gandaría Abrita SC, unha explotación situada no concello lugués de Portomarín, na parroquia de Vilaxuste. A granxa conta desde o ano 2022 con catro robots de muxido Lely Astronaut A5 e un arrimador de comida Juno Flex da firma holandesa.

A xornada estivo organizada por Lely en colaboración con ABS, De Heus, Agrícola Calvo, Case e BASF.

Asistiron a esta xornada máis de 350 visitantes, principalmente gandeiros de Galicia, pero tamén de Asturias, Cantabria e Castela, que puideron coñecer in situ unha das mellores granxas de vacún de leite do sur da provincia de Lugo.

“A valoración é moi positiva tanto por parte de Lely, como dos patrocinadores, e sobre todo dos visitantes e dos propietarios de gandería Abrita SC, unha granxa que dende que incorporou os robots de muxido incrementou a produción unha media en 6 litros por vaca e día. Boa mostra da súa satisfacción é que para o vindeiro ano teñen previsto seguir medrando e instalar un quinto robot de muxido”, explica  Juan Alonso, responsable de márketing de Lely en Galicia. 

Os asistentes puderon coñecer de primeira man esta gandería e tamén ver o seu peculiar deseño para a instalación dos robots, en L curta, con dous robots por lote, con entre 115 e 120 vacas en produción por cada lote.

“Agradecemos a asistencia de todos os gandeiros, máxime nun momento de actividade no campo co ensilado da herba, e por suposto a gandería Abrita SC e aos patrocinadores, por entre todos lograr que fora unha xornada formativa moi interesante e tamén de carácter festivo”, destaca o representante de Lely.

Xornada de portas abertas en gandaría Abrita SC, unha granxa de Portomarín con 4 robots de muxido Lely

José Manuel Rodríguez xunto cos seus fillos Manuel e Rubén Rodríguez O 18 de abril a partir das 10 da mañá, Lely organiza unha xornada de portas abertas na gandaría Abrita SC, unha explotación situada na provincia de Lugo no concello de Portomarín, na parroquia de Vilaxuste. A granxa conta desde o ano 2022 con catro Lely Astronaut A5 e un arrimador Juno Flex da firma holandesa. Esta granxa familiar encabézana José Manuel, Manuel e Rubén Rodríguez, que contan ademais coa axuda de catro empregados para todas as tarefas relacionadas coa súa explotación. Hai que lembrar que ás súas 500 vacas, entre muxido, secas e xovencas, hai que sumar case 180 hectáreas de terreo das cales se encargan eles mesmos.  Manuel Rodríguez comenta que “levamos 25 anos nesta nave, agora mesmo temos 250 vacas en muxido con catro robots”. José Manuel, o seu pai, contaba que “empezamos con sete vacas na granxa vella hai moitos anos e temos ido medrando até o que temos na actualidade”.  Para pór os robots de muxido, Manuel di que “fixemos unha ampliación para meter os robots, levamos máis de dous anos e medio e a verdade é que estamos encantados”. Da adaptación dos seus animais, este gandeiro lucense di que “desde os primeiros meses démonos conta de que acertaramos plenamente, porque o traballo cambiou como do día á noite”, engadindo que “o traballo con robots é moito máis levadeiro”. O número de avarías das máquinas é tamén unha gran vantaxe que lle ven ás máquinas de Lely. “Se tes ben os robots, con auga e luz, o robot non para. As avarías son mínimas. A verdade é que estamos moi contentos, porque a máquina funciona á perfección”, comenta Manuel Rodríguez. En canto a números, Manuel fala dun gran incremento na produción das súas vacas. “O cambio foi de entre 5 e 6 litros máis por vaca e por día, este incremento dá dabondo para pagar os robots e gañar diñeiro”, asegura o gandeiro. Para a adaptación, os primeiros meses foron os que máis lles custaron, xa que puxeron a funcionar as máquinas en dúas fases, primeiro instalaron dous robots, e logo os outros dous. Aínda así, Manuel Rodríguez asegura que “en dous meses as vacas estaban afeitas e producindo máis litros de leite”.  José Manuel, o pai, asegura que “nós non quedamos nunca ningunha noite enteira aquí para afacer o gando, a verdade é que nos levou dous meses pero volveriámolo facer porque os beneficios son extraordinarios”.  Na granxa, conta Manuel que “traballamos nós e temos catro empregados, porque facemos todo nós, tanto os labores de agricultura como na granxa”.  Grazas á instalación dos robots “suprimimos seis horas de traballo diario de dúas persoas, que son 12 horas ao día”, conta Manuel. Agora “a xente pode atender mellor as cousas, e podemos estar pendentes moito máis de todo”, comenta o gandeiro. Para os robots recoñece que “non fai falta unha man de obra tan cualificada, polo que é máis fácil atopar persoal”. En Abrita SC compaxinan o traballo cos robots Lely Astronaut A5 coa sala de muxido, cun lote de vacas moi pequeno. “Grazas a isto non temos problemas nos robots, o único que temos en sala son as vacas que están enfermas, ou que requiren da nosa intervención. Así as vacas están moito máis aliviadas e os robots con moito máis tempo libre e sen perder muxidos con leite que non se vai aproveitar”, asegura Manuel Rodríguez.  A granxa está dividida en dous lotes, con dous robots en cada zona. “Temos 110 vacas en cada lote, metemos moi poucos atrasos, ao redor de 4 vacas por cabina á mañá e á tarde, o número é moi levadío, porque dáche moi pouco traballo e moita flexibilidade”, afirma o gandeiro. Manuel Rodríguez di ademais que “grazas aos robots xa non ves leite nas camas, e os animais están moito mellor”. O seu irmán Rubén é o encargado de facer o carro de comida para as vacas, e conta que “metemos 11 quilos de herba, 26 de millo, 2,5 de silo de herba de inverno, e 8 quilogramos de concentrado na ración”. A maiores “punteamos no robot unha media de seis quilos por vaca e por día”, comenta. As camas son de carbonato e serrín, e Rubén Rodríguez di que “as camas gradámolas sempre á mañá e repásanse pola tarde”. A mellor cama para Abrita é a area, “pero para a agricultura é a peor, polo que nos decidimos por este tipo de cama”, finaliza Rubén. O deseño nesta granxa lucense estaba moi claro, querían pór os robots en forma de L. “Era a única forma que viamos para que se puidese compartir área de contención e que quedase moi cómodo para o traballo diario”. Ademais, di Manuel Rodríguez, “podes pasar dun robot a outro en moi poucos metros, algo que é moi práctico”.  O bo servizo e a forma de traballar de Lely “foi o que nos axudou a tomar a decisión, nós estamos moi contentos con todo”, asegura Manuel.  José Manuel só lle pon unha única pega ás máquinas de muxido, que é “non térmolas posto antes, porque a verdade é que estamos encantados, grazas aos robots isto cambiou moitísimo”. As inseminacións fanas sempre a partir dos 60 días, “salvo vacas de 70 litros para arriba”, comenta Manuel Rodríguez. “Traballamos en exclusiva con ABS o tema do seme e os acoplamentos, levamos desde xaneiro traballando 100% con eles pero aínda é pronto para facer algunha valoración, aínda que seguro que a relación vai ser moi positiva, porque nos coñecemos de hai moitos anos”. O que buscan nas súas vacas é “velocidade de muxido e quilos de leite, e como non queremos aumentar moito máis o número de vacas, por iso decidímonos polo programa que nos propuxo ABS”, di Manuel. En Abrita SC non externalizan ningún servizo para os seus animais, “desde que nace a vaca ata que se marcha, está nas nosas instalacións, contamos con máis de 500 vacas en total”, asegura Manuel. Ademais dos robots de muxido Lely Astronaut A5, nesta explotación láctea contan cun arrimador de comida Lely Juno Flex. “Estamos moi contentos, porque o vemos moi necesario. O arrimador é completamente esencial, porque ao arrimar a comida, as vacas comen máis, e por conseguinte, dan máis litros de leite e non temos restos, algo moi cómodo para nós”, conclúe Manuel Rodríguez. 

Lely Astronaut A5: A mellor opción de muxido para a súa granxa


O robot de muxido Lely Astronaut A5 é, sen ningún tipo de dúbida, a mellor opción para o muxido robotizado nunha granxa de vacas de leite. A súa fiabilidade, unida á rapidez de conexión, fan que este robot sexa o máis rápido e eficiente do mercado.

Grazas ao tráfico libre, que Lely implementa en todas as granxas con robot de muxidura, as vacas serán completamente libres de facer o que queiran durante todo o día. É básico que a vaca poida dispor do seu tempo como desexe e que non se lle prive de nada. O animal ten que decidir cando comer, deitarse, beber e ser muxida. Este catro factores farán que a vaca estea mellor, e por conseguinte, que produza máis litros de leite.

O Lely A5 fará que o gandeiro teña moito menos traballo físico dentro da súa granxa, xa que se elimina o tempo que se dedicaba antes ao muxido, substituíndoo por unha máquina fiable e cunhas altas capacidades, que permite extraer todo o leite das vacas dun establo.

Sempre se fala do número de vacas que pode munguir un robot, e de feito esta é unha pregunta moi recorrente dos gandeiros que están a pensar en robotizar o muxido na súa granxa. Pero a verdade é que non hai unha cifra exacta, xa que o robot de muxido dedícase a sacar o leite das vacas e cada explotación terá o seu número óptimo de animais. Factores como, por exemplo, a velocidade de muxidura e a cantidade de leite diario de media na explotación, marcarán sen dúbida a capacidade da máquina. Así, en Galicia podemos atopar desde granxas con 55 vacas en robot, até explotacións que moxen máis de 70 animais.

O Lely Astronaut A5 permite ás vacas gozar dunha liberdade de movementos óptima dentro do box de muxido. Características como o brazo híbrido e o concepto I-flow (entrada e saída recta do box de muxido) contribúen ao ritmo natural das vacas e incrementan a capacidade do robot de muxido. Unha vaca sa e tranquila produce máis leite de forma moito máis fácil e cómoda, tanto para o animal como para o gandeiro, xa que terá menos tarefas diarias que realizar.

Todos os gandeiros buscan reducir ao máximo o custo por quilogramo de leite producido. O Astronaut A5 conta cun número limitado de movementos eléctricos rápidos e resolutivos, que o converten nun sistema de baixo consumo enerxético e cunha precisión sen precedentes. O innovador brazo híbrido, ten un maior alcance e un axuste máis rápido e seguro, o que permite reducir o consumo de enerxía e aumentar o rendemento do propio robot, podendo realizar máis muxidos e sacar máis litros de leite que outros robots doutras marcas no mercado.

O Lely Astronaut A5 está deseñado tendo en mente dúas premisas: a lonxevidade e a fiabilidade. Canto máis confíe no Astronaut, maior uso poderá facer das horas que lle aforrará e a flexibilidade que lle proporcionará no traballo diario. Para lograr a excelencia en termos de fiabilidade e tempos de actividade, elimináronse os compoñentes críticos e prolongado a vida útil doutros. Este Astronaut está fabricado para ofrecer a máxima tranquilidade durante moitos anos aos gandeiros. Xa que o investimento dun robot de muxido ten que poder rendibilizarse nun prazo medio duns cinco anos, pero unha vez desquitado o investimento da máquina esta ha de poder traballar durante moitos máis anos na explotación para obter unha maior rendibilidade.

O Lely Astonaut A5 é o mellor robot do mercado, pero tamén o é o seu servizo técnico e de instalación. As persoas que traballan o Lely, están debidamente cualificadas, para os labores que desempeñan, con cursos e reciclaxes continuas para estar á última sobre calquera detalle do robot de muxido. Este servizo traballa en Galicia os 365 días do ano as 24 horas do día para velar polo bo funcionamento dos robots. Cada técnico ten asignada unha furgoneta, a cal vai equipada cunha gran cantidade de pezas, que fan case imposible que non poidan solucionar unha avaría nun tempo record, sen perder un minuto en que o Astronaut non estea a facer o seu traballo, que é sacar litros de leite.

O A5 tamén permite unha medición do leite das vacas moito máis precisa e minuciosa. O robot, grazas ao seu MQC, verifica o fluxo de leite, a cor, a temperatura, o nivel de lactosa, o nivel graxa e proteína e a condutividade do leite. O leite monitorízase de forma continua por cada cuarto para axustar o proceso de muxido, garantir a súa calidade e detectar desvíos.

O Lely Astronaut A5 conta ademais cunha serie de extras que se lle poden incluír para que a máquina poida ter máis características que fagan do día a día do gandeiro e das súas vacas algo moito máis sinxelo:

MQCC-2: Este é o reconto de células somáticas. Isto baséase nun test de california que se fai mediante un reactivo mesturado cunha mostra de leite que determine a cantidade de células dos animais de forma individual.

Pura: Esta é a desinfección por vapor das tetoeiras. Cando estas van os jetters de lavado desinféctanse con vapor a 164 graos de temperatura eliminando calquera problema.

Pura, un accesario do Lely Astronaut A5

Báscula: Serve para pesar o animal dentro do box de muido grazas ás súas catro células de peso. Este opcional serve para saber se unha vaca está a perder peso por exemplo, para unha inseminación.
Meteor: Este é o lavado das patas das vacas. Unha vez entren dentro do box de muxido o Lely Meteor procederá á limpeza das patas traseiras e á súa desinfección cando o marque o gandeiro.

Titania: Este é un dispensador líquido para algún tipo de corrector para as vacas. O que pode mesturar ese corrector co penso granulado que comen as vacas durante o muxido.

Gandaría Gómez González: Máis de 17 anos co seu robot de muxido Lely Astronaut A3

Juan Carlos Gómez González na súa gandería

A gandaría Gómez González, en Bretoña (A Pastoriza), na provincia de Lugo, foi a precursora do muxido robotizado na zona, cando aínda en Galicia había moi poucas unidades instaladas. O seu propietario, Juan Carlos Gómez González, dixo que “fun a Asturias ver o primeiro A2, por esta zona non había ningún robot, vin un A2 con vacas vermellas e tiña unha conexión sobresaliente, despois vimos uns en Sarria e a verdade é que non tardamos en tomar a decisión”.

Este gandeiro lucense é moi claro ao ser preguntado por que escolleu Lely: “Escollemos Lely porque era o mellor”, comenta con firmeza. O seu robot de máis de 17 anos de antigüidade ten todas as actualizacións posibles e é un robot, segundo Juan Carlos, que “dá menos problemas que cando era novo”.

Para o propietario desta explotación láctea da provincia de Lugo é básico que “o que queira ter un robot de muxido, ten que facerlle bos mantementos, tanto ou máis ca un coche”.”O robot vai mellor hoxe que antes, ten máis capacidade e o servizo técnico está máis preparado que cando empecei coa máquina”, afirma Juan.

Despois de 17 anos de funcionamento “a máquina está completamente rendibilizada”, comenta Gómez González. Para Juan, “o investimento nun robot de muxido é bastante forte, pero tes que poder amortizalo pronto, porque aí é onde está a verdadeira marxe”.

O seu primeiro Lely A3 leva máis de 1.000.000 de muxidos realizados de forma exitosa, e para Juan Carlos a clave para que dure e siga sendo rendible é sempre “facerlle un bo mantemento, do que Lely ocúpase á perfección”.

Anos despois Gómez González bota a vista atrás e móstrase satisfeito: “Este robot saíu ben e para nós era o apropiado, se non fóra ben teríamos cambiado de marca ou volto á sala, e foi todo o contrario”, porque a súa experiencia coa marca holandesa foi e é “sobresaliente”.

Tan contento estaba Juan Carlos que fai tres anos decidiu “meter unha segunda unidade, e cos A4 e A5 no mercado non dubidei nin por un momento en meter un A3”, comenta. Para este gandeiro lucense, o seu Lely Astronaut A3 é “unha máquina sobradamente contrastada e que traballa de forma moi eficiente2. Ademais, comenta que “na miña gandaría as vacas xa están afeitas á forma de entrar e saír, mesmo ao ruído da máquina, polo que non vin a necesidade de pór outro modelo que non fose este e, unha vez máis, non me equivoquei”.

A súa granxa está dividida en dous parques diferentes, un para cada robot de muxido. No segundo parque, como comenta o gandeiro, “estou limitado de espazo e suelo ter as vacas máis duras de muxir, as que teñen algún problema”. Juan Carlos non ten ás súas vacas separadas por partos. “Pensei que este era o sistema que mellor se adaptaba á miña forma de traballar no día a día cos animais”, comenta.

En canto aos seus animais, o 80% son vacas frisoas, “pero teño bastantes vacas fleckvieh para mellorar as calidades, para o robot as fleckvieh son vacas moi dóciles, adáptanse moi ben”. A vaca da raza austriaca máis lonxeva na súa granxa é de terceiro parto e, segundo Juan, “aínda é moi cedo para valorar a súa produción e a súa duración en anos”.

Nestes momentos, as vacas fleckvieh desta granxa lucense sitúanse nos 35 litros de media. Aínda que Gómez González tamén afirma que “no robot téñoas cun quilo menos de penso que ás frisoas, xa que son vacas que non necesitan tanto penso como a holstein”.

A ración nesta gandaría componse de 22 quilos de millo, 13 de herba, 8 quilos de bagazo, 6 quilos de mestura e 0,3 de palla. A media de penso fornecido en robot é de 5,5 quilos por vaca e día. Con esta alimentación e un bo manexo dos seus animais, Juan Carlos consegue unha produción próxima aos 38 quilos de leite por vaca e por día, e unha media de muxidos de 3,5.

Ademais dos robots de muxido Lely Astronaut A3, a gandaría de Juan Carlos Gómez González conta tamén cun arrimador de comida Lely Juno 150. “Co arrimador levo uns cinco anos e é outro gran investimento, xa que se nota sobradamente un aumento de produción, pero tamén comen as vacas máis comida ao longo das 24 horas”.

Juan Carlos volve repetir que a súa experiencia con Lely “é inmellorable, se che vai ben cunha máquina é difícil cambiar porque estás contento, se non fose unha boa experiencia non levaría tantos anos coa marca”.

O manexo diario que realizan na granxa é, segundo Gómez González, o seguinte: “Fago as camas entre dúas ou tres veces por día. Cando
chegamos ao establo metemos os atrasos e facemos as camas, que son con carbonato e serrín en cama de colchón, cunha proporción de 80% de carbonato e 20% de serrín”.

Este gandeiro lucense comenta ademais que “as vacas que se arriman ao robot son vacas sempre con algún problema, quitando as vacas primerizas”. “Se unha vaca está ben, accede soa ao robot, só hai algunha con coxeira ou con algunha enfermidade que lle custa máis acceder ao Lely Astronaut”, explica.

As xovencas para Juan Carlos “aprenden moi rápido a acceder ao muxido, case non hai que pelexar con elas”. Este gandeiro de Bretoña afirma que “entre os dous robots arrimo un total de 4 ou 5 vacas á mañá e algunha menos pola tarde”.

Remontándose 17 anos atrás no tempo, Gómez González lembra que “cando puxemos o robot subimos uns dous litros de leite diarios por vaca”, aínda que tamén destaca que “empezamos con bastantes vacas, 70, e sempre o tivemos bastante saturado de animais ata que metemos a segunda unidade”.

Para Juan Carlos o importante non é que “o robot se pague só, que é certo, o primordial para min é a calidade de vida que me dá este sistema”. “Cando montei o robot os meus pais estaban a piques de xubilárense e necesitaba buscar algunha alternativa, e a verdade é que non me equivoquei escollendo o muxido robotizado de Lely”, recoñece.

Nesta gandaría lucense se moxen sobre unhas 100 vacas nos dous robots Lely A3. Para o traballo diario, Juan Carlos conta con dous empregados que tamén lle axudan coas vacas de carne que ten.

En canto á xestión, fala de que os tres “só traballamos catro días xuntos, o resto estamos a librar, eu o que quero é que os traballadores estean cómodos e a gusto, de nada me serve ter un único empregado traballando moitas horas e non estando ben, é mellor ter dúas persoas e levar ben o traballo”, apunta.

Para Gómez González os robots Lely “están dabondo demostrados e comprobados á hora de funcionamento”, e grazas a eles “trabállase dunha forma diferente que na sala, é menos físico e require menos cualificación”.

Juan Carlos pensa que se tivese que viaxar no tempo 17 anos atrás “seguiría apostando por Lely, é a mellor marca do mercado, coas mellores prestacións e, sobre todo, co mellor servizo técnico”.

Ademais recalca que “se mpta que Lely ten un persoal amplo moi cualificado para atender todas as máquinas, algo que se agradece moito, porque cando hai algún problema o que queres é que se solucione canto antes, e nese sentido desde Agrotec Entrecanales son unhas máquinas, desde Bruno até calquera técnico sempre teñen a solución a calquera problema”, conclúe o gandeiro.

Uns 350 gandeiros asisten a unha xornada sobre robots de muxido de Lely nunha gandería de Val do Dubra

Uns 350 gandeiros e gandeiras procedentes de toda Galicia, e tamén de Asturias, participaron hoxe nun encontro sobre o emprego de robots de muxido, organizado pola marca holandesa Lely, experta en maquinaria e robótica agrícola. Tivo lugar na Gandería Queirugueira, do Val do Dubra, socia de CLUN. 


A Gandería Queirugueira leva xa catro anos empregando esta tecnoloxía, mediante tres robots e un arrimador de comida, todos da marca Lely. Durante a xornada os asistentes tiveron a oportunidade coñecer o seu funcionamento e as principais vantaxes que lles poden aportar no seu día a día.

“Foi unha xornada moi positiva, no que os gandeiros puideron ver en funcionamento un robot Lely Astronaut A 3 e dous Lely Astronaut A 5, é dicir, o pasado e o presente de Lely. As impresións que levamos foron moi boas, porque os visitantes puideron ver in situ como un matrimonio e unha empregada atenden sen ningún problema unha granxa con 180 vacas en muxido, logrando unha produción media no día de hoxe de 42 litros por vaca. É dicir, grazas á robotización, logran calidade de vida, conseguen resolver o problema da falta de man de obra e incrementan a rendibilidade da granxa”, destaca Juan Alonso, responsable de márketing de Lely en Galicia. 

Un momento do xantar

A robotización da gandería: Unos 370 robots de ordeño ya instalados en Galicia

José Antonio González é un dos técnicos de CLUN especializado en robots de muxido. Explica que acompañan aos gandeiros á hora de valorar en cada caso se incorporar ou non esta tecnoloxía, realizando un estudo de custos e rendibilidade. Nesta liña, sinala que a produción pode incrementarse entre un 8 e un 12% anual por animal. Ademais, apunta que tamén se produce unha mellora desde o punto de vista hixénico-sanitario. E, á hora de conseguir persoal estable, asegura que os potenciais traballadores prefieren operar con tecnoloxía fronte ao sistema manual.

“Cómpre ter en conta que cada robot atende a uns 60 animais e fan tres muxidos ao día, que é o ideal; as explotacións gandeiras normalmente só realizan dous debido á falta de man de obra. Son capaces de levar a cabo o proceso de forma completamente automatizada, o que significa que non é necesario que un operador estea presente durante o muxido, o que aforra tempo e esforzo, favorecendo a flexibilidade horaria e, polo tanto, a conciliación da vida familiar e laboral. Ademais, estas máquinas traballan as 24 horas, o que permite manter ou mesmo ampliar o número de animais. A falta de man de obra, unido a que as novas xeracións apostan por actualizar as explotacións e mellorar a súa calidade de vida, fai que a implantación desta tecnoloxía nas ganderías galegas sexa imparable” -manifesta o técnico de CLUN-.

Por outro lado, con esta tecnoloxía favorécese o benestar animal porque os robots están deseñados para proporcionar unha contorna confortable e tranquila para as vacas durante o muxido. Os animais poden entrar e saír do robot cando o desexen, o que reduce a tensión e mellora a súa comodidade.

Ademais, cada vaca é identificada e monitoreada de forma individualizada polo robot. Isto posibilita un seguimento preciso e en tempo real da produción de leite, do estado de saúde da vaca e outros datos relevantes para os gandeiros. Así mesmo, o robot pode detectar problemas de saúde de xeito temperán, o que axuda a previr enfermidades e mellorar a eficiencia do muxido.

Na actualidade en Galicia hai instalados unos 370 robots de muxido. En canto aos requisitos para que unha gandería poida optar á súa mecanización, os técnicos sinalan que debe dispor de corredores amplos para favorecer o acceso dos robots. Pola súa parte, as vacas deben ter unha determinada morfoloxía tanto de ubres como de patas.

 

Xornada de portas abertas o 9 de novembro en Gandaría Queirugueira, unha granxa con 3 robots Lely Astronaut

O próximo día 9 de novembro, Lely celebrará unha xornada de portas abertas na Gandaría Queirugueira, no Val do Dubra (A Coruña) , a partir das 10:00 e ata as 18:00 horas. A xente que o desexe poderá acudir para coñecer unha gandaría de 180 vacas en muxido con 3 robots Lely Astronaut.

As xornadas de portas abertas son o momento perfecto para coñecer o día a día dunha granxa robotizada e ver como se xestiona o traballo diario nesta gandaría da Coruña.

Gandaría Queirugueira é unha explotación familiar xestionada polo matrimonio de Marcos Blanco e Patricia Vázquez, que exercerán de anfitrións para todo o mundo e contestarán as preguntas dos asistentes sobre o manexo do robot, produción diaria, reprodución, alimentación….Ademais, o persoal comercial de Lely tamén atenderá e resolverá calquera dúbida que os gandeiros poidan ter en relación aos robots de muxido.

Esta gandaría do Val do Dubra leva máis de catro anos traballando con dous Lely Astronaut A5 e cun Lely A3. “Arrincamos primeiro cun A5 e co A3, e seis meses despois puxemos o seguinte A5”, comenta Marcos Blanco.
Queirugueira ten a súa granxa dividida en tres parques diferentes, un por cada robot de muxido. Ademais das 180 cabezas en produción, teñen unhas 400 cabezas en total entre recría e secas. En canto ao terreo, xestionan unhas 115 hectáreas para abastecer aos seus animais de comida.

Con respecto á produción de leite, esta granxa rolda os 41 litros por vaca e día, o que se traduce en máis de 7.000 litros diarios de produción de leite.

A nave, parte de formigón e parte de ferro, foi feita para os robots de muxido e para que cada lote traballase de forma independente.

Os gandeiro Marcos Blando di que “non noto diferenza entre o A3 e os A5, é certo que se a vaca é máis intranquila, o A5 é máis rápido, pero o A3 é tamén unha gran máquina”. No selado si nota algunha diferenza porque “ao selar por láser, o A5 é máis preciso, aínda que por conseguinte tamén lle leva máis tempo esa acción”, apunta.

Onde máis diferenzas atopa é nas entradas aos robots, “as vacas entran e saen mellor dos A5 ao poder facelo recto, iso é unha gran vantaxe, xa que así a vaca non perde nada de tempo nin na entrada nin na saída”, argumenta Marcos.

Cando se lle pregunta ao gandeiro porqué escolleu Lely teno claro, “é o que máis tempo leva no mercado, nós queriamos ir ao seguro, e Lely era e é a mellor opción”. Pasados case cinco anos desde que se puxeron a funcionar os Astronauts en Queirugueira, Marcos non se arrepinte “en absoluto, non sei que pasaría con outra marca, pero sei que fixemos o mellor para nós”.

O traballo diario é en grao sumo levadío para estes gandeiros da Coruña, que ademais contan con dous empregados “para que nos boten unha man no día a día, xa que tamén realizamos todo o traballo de laboreo”, conta Marcos. En canto aos atrasos, arriman vacas dúas veces ao día, “á primeira hora da mañá metemos os atrasos, e logo outra vez sobre o seis da tarde”. Non todos os días arriman as mesmas vacas, “pero é unha cifra que non chega a ser do 10% total do rabaño”, asegura.

Algo fundamental para Marcos e a súa muller Patricia é “ter sempre os robots ben coidados e limpos, dentro de que isto é unha granxa de vacas”, pero non lles gusta “ter as cousas desorganizadas, e para iso os robots son a mellor opción”.

A alimentación tamén é unha parte fundamental para Blanco, “temos unha ración bastante pesada pero moi boa para o animal”, nesta gandaría non dan moito penso no robot, “somos conservadores neste caso”. Desta forma, Marcos di que “as vacas están máis estables e pican máis a produción no pico de lactación, arrincan mellor así, xa que sempre queremos evitar os empachos e os brotes acidóticos”. A media de penso en robot por vaca e por día é de “4,5 kg de concentrado, e así vainos ben, tanto para a saúde da vaca como para as calidades”.

A alimentación das vacas en Gandaría Queirugueira é de 7 kg de concentrado na cornadiza, con 4 kg de gran húmido, 30 de millo, 10 de herba e 300 gramos de palla. “Tentamos que as vacas non se poñan brandas con esta composición de ración”. Marcos asegura que “non por dar máis penso a vaca acode máis ao robot, ten que haber un equilibrio bo e unha achega enerxética extra que axude ao animal a producir máis leite”.

A dixestibilidade e a calidade das forraxes son básicos “para que todo vaia ben, as vacas cunha ración máis dixestible móvense e circulan moito mellor”.

O tres robots de muxido Lely Astronaut contan con áreas de separación, mesmo no lote do A3 teñen unha cama quente que usan como parideira, e así “temos ás vacas máis preto dos robots”. O uso destas áreas de separación é “para vacas máis delicadas e para aqueles animais que non queremos que compitan con outros dentro da corte”. En Queirugueira “non separamos celos, e mesmo usamos esas áreas para secar as vacas dunha forma máis natural, coa ración das vacas secas”.

O tres lotes de muxido úsanos indistintamente, “non distribuímos con ningunha orde lóxica, mesturamos todas as vacas e ímolo xestionando segundo os partos e os secados de cada parque”, explica Marcos. “Antes tiñamos un robot só para as xovencas, pero ao final decidimos mesturar todo, para nós é mellor”.

As xovencas afanse moi rápido ao robot, aínda que para Blanco non hai unha regra establecida, opina que “adoitan ser animais máis áxiles cos que non hai que traballar moito tempo”.

Os cubículos son de ferro e as camas de area, coas cales Marcos asegura que están moi contentos. “Non hai nada que nos encaixase mellor na cama, antes tiñamos carbonato con serrín, pero non é comparable coa area”. Da composición da cama das vacas, di Blanco que “só ten un problema, cando o material cae da cama -ri-”. O rendemento que dá esta cama é “confort e un benestar para a vaca incrible”, apunta o gandeiro.

Para a reprodución, en Gandaría Queirugueira utilizan “seme sexado nas xovencas, salvo que algunha se alargue no tempo, e tamén o usamos coas vacas que son de elite, logo usamos algo de seme convencional para animais máis adultos e carne, porque senón, non teriamos onde meter tanta vaca”.As vacas teñen colares de celo, rumia, inxesta e tensión por calor. “Unha vez entendes ben o sistema non queres outra cousa”. Os colares dan moita información individualizada de cada animal, “todos os datos son sumamente fiables e de interese para nós”, di Marcos. A rumia “fai que nos despreocupemos dos animais, porque nos avisa se a vaca pode ter algún problema”. Para Blanco, “cantos máis datos teñas, mellor podes xestionar todo”.

Os robots Lely Astronaut non teñen ningún extra, salvo a báscula que vén de serie co Lely A3. Para Marcos, os extras “non están mal, pero se tes ás vacas ben, nin os necesitas nin os botas de menos”.

O aumento da produción nesta gandaría coruñesa foi significativo, “foi máis ou menos duns catro litros por vaca e día”, asegura Marcos. “Pero é que ao final nesta granxa houbo moitos cambios, melloramos o confort e as instalacións ao facelas por e para o robot de muxido, pensando sempre no benestar das vacas”. Antes tamén gozaban dunha boa produción, pero o que notan agora en Queirugueira é “que non temos fluctuacións nas producións, estamos mellor e máis estables nese sentido”.Para este gandeiro do Val do Dubra, “canto máis cómodas e mellor estean as vacas, máis leite dan”, por iso buscan sempre o maior confort para todos os seus animais.

Esta granxa conta tamén cun arrimador de comida Lely Juno Flex, algo que para Blanco é “fundamental, sobre todo pola noite, así cando chegas pola mañá todas as vacas teñen a comida ao seu alcance na cornadiza”.

O carro fano unha vez ao día, sempre pola mañá, menos na tempada de máis calor, que o fan dúas veces por día.

Para Marcos, os robots de muxido “deixan moito máis tempo para atender ben a todo, temos moita máis flexibilidade que antes e estamos moi contentos, pero traballar hai que traballar”, finaliza.

“Pasamos de producir leite desde a excelencia como gandeiros a facelo desde o punto de vista da rendibilidade como empresa”

Hai máis de 50 anos, cando o seu avó se asentou en Fisteus, ao lado de Curtis, coas súas 5 vacas nunca imaxinou unha granxa con máis de 1.000 cabezas. “O crecemento sempre estivo no ADN da familia”, di Alberto Lamas, que está á fronte dunha gandería que moxe na actualidade 450 vacas e produce uns 15.000 litros diarios de leite. Ese crecemento experimentado por SAT A Campa obrigouno a tomar nos últimos anos decisións pensando a explotación desde unha óptica empresarial. “Pasamos de producir leite desde o punto de vista da excelencia como gandeiros a facelo desde o punto de vista da rendibilidade como empresa”, asegura. O paso da man de obra familiar a depender de traballadores contratados foi o detonante para cambiar o tipo de gando e para apostar pola robotización de tarefas como o muxido ou a alimentación. “Sen os robots e sen buscar a facilidade de manexo nas vacas non seriamos capaces de levar esta granxa con só 6 empregados”, di convencido. Décadas de crecemento constante A Campa sempre foi, en certo modo, unha gandería adiantada ao seu tempo. Pioneira no sistema de estabulación libre e sala de muxido, foi tamén das que apostou no seu día por animais de alto valor xenético e pola implantación e venda de embrións. En 1995 montaron a súa propia queixería, Queinaga, dentro da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, para transformar e valorizar o seu leite e, necesitados de máis materia prima, no 2008 mercaron outra granxa en Cesuras, a 5 km da Campa, cunha capacidade para 150 cabezas, para dobrar a produción.
Alberto está hoxe á fronte da granxa e o seu pai da queixería
No 2019, xa con 180 animais en muxido na Campa e 200 en Cesuras, fixeron un novo establo para concentrar en Curtis toda a produción e destinar a granxa de Cesuras á recría. “Hai 15 anos tiñamos 150 vacas e hoxe estamos muxindo 450”, destaca Alberto, que non ten en mente a día de hoxe seguir aumentando máis. De vacas e touros top a animais funcionais Cando se incorporou, no ano 2010, fíxoo apostando por animais de alto valor xenético. “Cheguei a mercar unha vaca de 22.000 euros en Silleda e xunto con outras dúas ganderías, San Rian e Grilo, tivemos o touro factor vermello número un do mundo, nacido aquí en Galicia, na esquina de Europa, que foi vendido en 40.000€ para ABS Inglaterra”, lembra.
Cando me incorporei cheguei a comprar unha vaca de 22.000 euros nunha subasta en Silleda, pero hoxe cambioume a mentalidade
Agora, con 35 anos, recoñece que lle cambiou a mentalidade. “Ségueme gustando a vaca, igual que me gusta o cabalo, pero hai que mirar a rendibilidade. Cando eu me incorporei empecei a tope coa xenética, indo a concursos e mercando animais en todas as subastas, pero dinme conta de que hai máis mundo ca iso. Tocar ese extremo serviume para ver que non era o camiño”, opina. Paso a Procross buscando facilidade de traballo Hai 5 anos comezou a cruzar as vacas frisonas que tiña na procura de animais máis resistentes e doados de manexar. “Empecei a cruzar cando a situación da granxa cambiou. A medida que as necesidades de man de obra contratada se foron incrementando necesitabamos simplificar o manexo do gando e buscar facilidade de traballo diario. As vacas cruzadas ofrecen iso”, asegura. Hoxe moxen 450 vacas: 140 jersey e o resto holstein puras e cruzadas, que xa representan o 35% das vacas en produción e están a aumentar día a día, a medida que as frisonas puras van abandonando o establo.
O aumento do volume e a necesidade de man de obra externa leváronme a cruzar
“Estamos xa inseminando todo con Procross”, indica, completamente convencido da decisión que tomou. “Moita xente que empeza a cruzar para antes de tempo, porque os primeiros cruces son máis desiguais e ao telas mesturadas coas outras o primeiro que notas é unha pequena baixada de produción, pero os resultados vense a máis longo prazo”, afirma. Un lote jersey para lograr diferenciación no leite Antes de empezar a cruzar, Alberto mercou vacas de raza jersey traídas de Dinamarca. “Introducimos a raza jersey para buscar nicho de mercado e diferenciarnos. Nesa época o leite valía pouco e era todo igual”, di. De modo que cando construíu o novo establo fixo toda unha ala da nave adaptada ao tamaño desas vacas, con cubículos máis pequenos (112 centímetros nas jersey fronte a 128 nas frisonas).
As jersey son áxiles e moi curiosas e van máis ao robot, pero tamén son delicadas
Aquel leite con máis sólidos serviulle para acceder a empresas como Inleit ou Entrepinares pero as dificultades de manexo eran semellantes ás que tiña no rabaño frisón. “É certo que logrei o obxectivo de ter un leite diferente, pero dinme conta de que coa raza jersey tiña os mesmos problemas que coa holstein e que se quería ir a máis volume de gando esa raza tampouco me valía, porque a jersey tamén é delicada, se a apertas dache, como a frisona, pero tamén rompe”, afirma. Da vaca individual ao rabaño Co cambio de concepto de gandería familiar a empresa Alberto tivo que cambiar tamén o modo de entender e xestionar a granxa. “Hoxe en día non é a vaca a que condiciona a rendibilidade de calquera explotación, porque a xenética non é xa o principal factor limitante da produción de leite. Si o son, en cambio, aspectos como o grado de cualificación da man de obra, a calidade das forraxes ou a comodidade das instalacións. E, sen embargo, moitas veces seguimos mirando para a vaca e non para esas outras cousas”, argumenta.
O 80% das vacas que se van ao matadoiro nunha granxa de leite fano porque non empreñan
“Na actualidade, o 80% das vacas que se van ao matadoiro nunha granxa de leite fano porque non empreñan. A reprodución é o principal factor de descarte hoxe nunha explotación. Polo tanto, eu sabía que tiña que cambiar iso se quería medrar en cabezas e en rendibilidade económica”, razoa. “A holstein non é a raza que máis me compense. Ás veces é mellor un todoterreo que un Ferrari, porque non se dan as condicións para ir a 300 km/h e porque os gastos de mantemento son menores; é un pouco o que pasa coa holstein”, compara.
En equipo a vaca cruzada traballa moito mellor que a holstein
Desde o punto de vista empresarial e de conxunto, di, “as vacas procross aportan homoxeneidade e uniformidade nunha granxa, non destaca unha sobre a outra. En equipo as vacas cruzadas traballan moito mellor que as frisonas puras; iso téñoo claro”, afirma. Aposta pola robotización Xunto aos cambios xenéticos, a outra gran evolución de SAT A Campa nos últimos anos foi a da automatización. Na nave nova teñen instalados 4 robots de muxido e un sistema autónomo de alimentación para o gando. “Grazas á robotización somos capaces de atender 450 vacas en ordeño entre 6 persoas”, asegura Alberto, que pensa que a modernización das granxas é indispensable para que os mozos tomen o relevo nas explotacións.
Para min segue a ser máis doado de traballar nunha sala de muxido que con robots, pero aportan outras vantaxes
Na nave antiga, onde segue muxindo en sala, fai tres muxiduras diarias. “Os robots de muxido teñen vantaxes e desvantaxes a respecto da sala”, recoñece. “No meu caso unha primeiriza fai máis leite na sala que no robot, porque na sala fai tres muxiduras si ou si, mentres que no robot tarda 2 meses, mentres non lle perde o medo, en lograr os tres pases”, afirma. Produción e sólidos No establo novo, onde moxe 240 animais, o 60% jersey, a media de produción contando as jersey é de 35 litros, ao 4,30% de graxa e 3,70% de proteína. “No inverno baixo un par de litros de produción, pero subo ao 4,80% de graxa”, explica Alberto. O lote de frisonas e cruzadas están en 44 litros de media diaria e a estratexia de crecemento da explotación pasa por seguir apostando polo gando procross e manter un núcleo jersey puro co que contribuír a incrementar as calidades.
Venden o leite a Inleit, Entrepinares e Queinaga
A produción total de SAT A Campa é duns 15.000 litros diarios e venden o leite a tres compradores distintos: Inleit, Entrepinares e Queinaga, á súa propia queixería. Nos tres casos, as porcentaxes de sólidos son fundamentais nos procesos de transformación industrial do leite que levan a cabo. 190 hectáreas de superficie SAT A Campa traballa unha superficie agraria dunhas 190 hectáreas, das que sementaron a millo este ano 150 hectáreas, tras ensilar 170 de herba. “Facemos dous cortes antes de labrar o millo e no resto tres cortes e herba seca”, explica. “Para nós nesta zona é máis doado traballar o millo que a herba. Eu recoñezo que a herba dá leite, pero é difícil ensilala ben, porque non sempre consegues 4 días de bo tempo no momento óptimo, moitas veces ou se che pasa ou cóllela mollada”, di.
Nesta zona é máis doado de traballar o millo que a herba
No caso do millo, sen embargo, logran producións por enriba dos 50.000 kg por hectárea. “Nesta zona sempre temos moi boas colleitas de millo, porque sempre chove algún día no verán e hai humidade polas noites”, explica. Alberto bota man dunha empresa de servizos para facer os traballos agrarios, agás para sacar o purín, que o fan eles directamente. “Cando hai que facer os traballos hai que facer moitas hectáreas en pouco tempo e deixa de ser factible ou rendible facelo ti”, afirma. Alimentación diferenciada e camas de compost Robot de alimentación, que realiza unha ración para as vacas jersey e outra para as frisonas e cruzadas Neste momento a alimentación é diferente no caso das vacas jersey, que teñen unha menor inxesta aínda que un maior índice de conversión a leite, debido a que as necesidades de mantemento corporal son inferiores polo seu tamaño. No resto das vacas en produción a ración é a mesma, aínda que Alberto recoñece que as súas necesidades non son iguais. “O feito de ter mesturadas no establo as vacas cruzadas e as holstein puras impídeme lograr unha maior eficiencia, porque a enerxía que necesita a vaca procross é inferior á holstein, polo que non estamos optimizando ao máximo a alimentación”, admite. “A medida que o número de vacas frisonas vaia reducíndose iremos axustando máis a ración”, avanza. Para as camas do gando, seguen mantendo a area como material de recheo no establo antigo, pero instalaron un separador con célula hixienizadora para a fracción sólida do purín, que utilizan nos cubículos da nave de produción máis recente, construída no 2019.

Ampliación da queixería para triplicar a súa capacidade produtiva

SAT A Campa foi unha das primeiras explotacións en incorporarse á Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, abrindo a súa queixería en 1995 como estratexia para valorizar o leite que daban as súas vacas. Co paso dos anos, ao igual que o fixo a granxa, tamén a queixería foi medrando, até verse obrigada na actualidade a mercar leite doutras explotacións da zona. Queinaga transforma neste momento uns 20.000 litros diarios de leite, pero está ampliando as súas instalacións para triplicar a súa capacidade queixeira. Alberto está convencido de que só transformando o leite se poderá acadar un bo prezo no futuro, polo que non ten en mente seguir aumentando ao número de vacas e á produción de leite na granxa, senón apostar pola queixería incrementando o volume de leite convertido en queixo nela.
A industria ten vantaxe porque sempre vai haber leite en abundancia no mercado
“As industrias válense da abundancia de leite para pagar pouco por el e iso eu non vexo que vaia cambiar a curto prazo, porque hai moitas explotacións que se meteron nos últimos anos en créditos e investimentos para medrar e eses gandeiros están obrigados a dar leite, necesitan producir leite a toda costa, aínda que sexa a base de traballar día e noite; pero esa non é a miña filosofía”, di.  “A queixería é un mundo máis difícil pero tamén multiplica máis que a granxa. Ao principio empezas pola gandería porque é o máis fácil, pero a nosa intención agora non é medrar máis en número de vacas, senón crecer coa queixería”, explica.
De cara ao futuro prefiro seguir crecendo coa queixería; a día de hoxe non teño previsto medrar máis coa gandería
Na queixería, situada enfronte da granxa, elaboran queixo Arzúa-Ulloa e Tetilla en diversos formatos, así como manteca cocida para repostería, que se obtén da graxa que queda no soro resultante de facer os queixos. Producen uns 2.500 kilos diarios de queixo, que venden principalmente en Galicia, aínda que tamén exportan a outros países, como Portugal, Reino Unido ou mesmo China. “Evolucionar e medrar sempre foi un pouco o lema da familia”, recoñece Alberto.
Queinaga e Queizuar (Bama) son hoxe as dúas grandes queixerías da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa
Apostan pola calidade para os seus produtos e defenden que o crecemento non está reñido con manter o sabor e a elaboración tradicional. De feito, Queinaga acadou na última edición da Cata dos Queixos de Galicia dúas medallas de ouro, unha para o seu queixo tetilla e outra para o Arzúa-Ulloa.
Luis Lamas é neste momento o presidente do Consello Regulador 
Carmen Vázquez, a nai de Alberto, segue a ser a mestra queixeira. O seu pai, Luis Lamas, é neste momento o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, logo de substituír este ano a Xosé Luis Carrera, de Arqueixal, que presidiu a denominación durante 24 anos.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Glogal Genetics

Carioni, a granxa ecolóxica máis grande de Italia, con 1.500 vacas e 1.000 hectáreas

Sara Carioni, xunto a Adrián Fernández, Antón Chaín, Mateo García e Brais Cajide, alumnos da EFA Fonteboa que esta primavera fixeron prácticas nesta gandería italiana En 1920 a familia Carioni empezou a producir leite con 5 vacas na súa pequena granxa de Trescore Cremasco, no límite entre as provincias de Cremona e Bérgamo. Un século despois e propiedade na actualidade de Tommaso Carioni e os seus irmáns Mario e Tiziana, converteuse na explotación ecolóxica máis grande de Italia. Nela realizaron prácticas esta primavera catro alumnos da EFA Fonteboa dentro do programa de intercambio europeo Erasmus+. Situada na zona agrícola de Crema, a 50 minutos da cidade de Milán, a granxa da familia Carioni é hoxe unha empresa diversificada, que transforma a súa produción láctea en queixos e outros produtos e que cultiva tamén hortalizas coas que fai conservas.
A granxa da familia Carioni é hoxe un exemplo de emprendemento agrícola recoñecido en Italia
A importante dimensión alcanzada garante todo o ciclo produtivo, desde a produción de forraxes e a cría do gando ata a transformación e venda directa dos seus produtos lácteos, un modelo de emprendemento agrícola recoñecido con numerosos premios en Italia. A procura da autosuficiencia enerxética levounos a investir tamén en placas solares e biodixestores para o aproveitamento do metano xerado polo xurro. En ecolóxico desde o 2015 Vista aérea das instalacións onde se atopan as vacas de produción de leite ecolóxico, a queixaría e a planta de biogás Na súa evolución como empresa, souberon fusionar tradición e investimentos nas tecnoloxías máis avanzadas para abrirse camiño no mercado. Un crecemento constante iniciado fai máis de medio século pero que se multiplicou na última década. O pai de Tommaso, Francesco Carioni, incrementou nos anos 60 a cría de gando leiteiro e o cultivo da terra coa produción de hortalizas. Seguindo o seu exemplo de diversificación, no ano 2000 os seus fillos montaron unha queixería e empezaron a transformar o leite que producían en queixo fresco e curado de distintas denominacións de orixe, como Salva Cremasco ou Taleggio. Pero é a partir de 2015 cando se produce o gran salto na empresa familiar, coa conversión a ecolóxico e o lanzamento de Carioni Food & Health, que resume a filosofía actual do grupo: adaptarse ás demandas do consumidor producindo alimentos de calidade, saudables, e que preserven o medio ambiente. 1.000 hectáreas de terreo Sistema de rega, con 600 metros de mangueira e pivote Desde entón duplicaron varias veces o tamaño da granxa e estenderon a súa superficie agraria, que suma na actualidade 1.000 hectáreas repartidas por 3 das 20 rexións italianas: Lombardía, Emilia Romagna e Marche. “Facemos dous cultivos ao ano. As rotacións son moi importantes en ecolóxico para manter o chan e evitar as malas herbas”, asegura Sara Carioni, que se encarga do manexo de datos, a certificación ecolóxica das terras e a gandería e do sistema automatizado de alimentación, formado por tres robots Triolet. A ración inclúe silo de trigo, silo de herba, pastone de millo, fariña de millo, torta de soia, fariña de chícharo e palla ou herba seca. Na actualidade só saen ao pasto as vacas secas, pero a partir da próxima primavera sairán tamén as vacas en produción. “Para iso temos que cambiar a estrada principal de sitio e necesitamos a autorización do Concello”, explica Sara. Cultivos para alimentación humana e animal A cultivo de xirasol destinan 150 hectáreas As vacas aliméntanse con forraxes ecolóxicas producidas nas terras que xestiona a propia granxa e coa importación de subministracións procedentes doutras áreas e doutros países, por exemplo millo de Europa do leste, que chega cada semana en tráiler por estrada. Cultivan 250 hectáreas de trigo, 150 de millo, 150 de xirasol, 100 de cebada e 100 de herba para o gando e, para alimentación humana, 60 hactáreas de colza, 60 de chícharo e 50 de soia. Contan con terras en distintos municipios (Trescore Cremasco, Casaletto Vaprio, Crema, Romanengo, Pantigliate, Vignate) de varias provincias (Milán, Lodi, Cremona). Realizan directamente eles mesmos unha parte importante dos traballos agrícolas, para o que dispoñen dun amplo parque de maquinaria, aínda que tamén subcontratan algúns labores específicos en momentos concretos. Tres granxas Vacas de produción ecolóxica, con 600 cabezas en muxidura e previsión de dobrar no plazo de 4 anos A gandería conta con 1.500 cabezas totais repartidas en varias localizacións. O establo principal alberga a 600 vacas adultas en produción ecolóxica en Trescore Cremasco, que se complementa cunha granxa aparte para a recría. A poucos quilómetros, en Casaletto Vaprio, Carioni mantén outra explotación que produce en convencional cun cento de vacas en muxidura.
Producen diariamente 18.000 litros de leite ecolóxico e transforman o 40% da produción
A media de produción é duns 30 litros por vaca e día, cun 4,2% de graxa e un 3,5% de proteína. Das granxas da familia Carioni saen diariamente uns 18.000 litros de leite ecolóxico e 2.800 de convencional. Transforman o 40% da produción, á que dan saída a través da venda directa en tendas propias, situadas en Brescia e na estación central de Milán. Son tamén socios da cooperativa Granarolo, á que subministran leite ecolóxico co que elaborar produtos de alimentación infantil. “Págannos pouco, só 69 céntimos por litro, uns 12 céntimos máis que o convencional”, quéixase Sara. Exportación Entre os produtos elaborados encóntranse queixos con denominación de orixe, leite fresco e distintas conservas A demanda interna italiana está “saturada”, afirma. “É necesaria unha regulación da produción de leite porque, a falta de normas, o mercado italiano foi invadido por materia prima procedente do estranxeiro, o que provocou unha baixada de prezo que pon en dificultades aos gandeiros italianos”, asegura. Por iso apostan por abrir mercados fóra, a través da exportación e internacionalización dos seus produtos. Tras converterse en provedores oficiais de McDonald’s Italia, iniciaron contactos en destinos afastados como Australia, Asia ou EEUU.

Seguir medrando coa innovación constante como bandeira

Sara Carioni, xunto aos alumnos galegos, no establo de produción ecolóxica Sara é a cuarta xeración na gandería iniciada polo seu bisavó fai máis dun século e representa o cambio tecnolóxico polo que está a apostar Carioni. “A innovación foi a clave da nosa evolución e do noso crecemento”, asegura Sara. A pesar de vivir un crecemento exponencial nos últimos 10 anos, tanto en cabezas de gando como en hectáreas de terreo, o seu obxectivo a curto prazo é seguir crecendo. “O noso obxectivo en 4 anos é duplicar o número de vacas en produción, pasando das 600 actuais a 1.200”, detalla.
Aquí non se cuestiona o tamaño das explotacións, porque a sustentabilidade non depende diso senón de como se fagan as cousas
“Aquí non se cuestiona o tamaño das explotacións, hainas de máis de 1.000 vacas e non existe límite legal respecto diso e na miña opinión pode ser sostible unha granxa deste tamaño, porque non depende do número de vacas senón de como se fagan as cousas”, argumenta. Robotización Zona de carga de forraxes e concentrado do robot de alimentación Para acompañar ese crecemento, a granxa da familia Carioni aposta por un alto nivel tecnolóxico nos seus procesos de produción, tanto agrícolas como gandeiros. “Tanto o robot de alimentación como os de muxido que estamos a montar están xa pensados e deseñados para chegar ás 1.200 vacas en produción”, explica.
Están a substituír o muxido en sala dúas veces ao día por 20 robots
Trátase dun sistema pioneiro, da marca italiana TDM, no que os robots non están situados no medio dos distintos lotes de animais, senón nunha instalación aparte, á que se conducen as vacas para muxirse, igual que se se levasen á sala de muxido. Os robots están dispostos en forma de semicírculo ao redor dunha sala de espera central para grupos de 150 vacas. “Para a nosa visión de futuro, unha sala de muxido rotativa non cumpría coas nosas expectativas, porque o noso obxectivo é robotizar a granxa”, conta Sara. Cambio no rol dos traballadores Iso non vai eliminar man de obra, considera, pero si que vai cambiar as súas funcións e o perfil dos traballadores, porque “a partir de agora necesitaremos menos operarios e máis técnicos informáticos”, afirma.
Dan emprego a máis de 60 persoas
Con todo, matiza, “aínda que se traballe con computadores e se manexen datos, as vacas hai que coñecelas igual, e a terra tamén”, salienta. En total dan emprego a entre 60 e 65 persoas nas distintas patas do grupo: agricultura, gandería, transformación, distribución e comercialización. Agricultura de precisión Cisterna con sistema de inxección para o xurro No cultivo da terra, practican a agricultura de precisión, instalando sistemas de rega por goteo capaces de medir as necesidades hídricas específicas de cada parcela e tipo de cultivo. “O clima está a cambiar moito, nesta zona temos entre 80 e 100 días de choiva ao ano, pero nos dous últimos anos choveu moito menos, a cantidade de precipitación foi moi inferior, polo que se fai imprescindible o regadío”, asegura. “Faciámolo por turbina e este ano incorporamos unha mangueira de 600 metros con pivote”, detalla.
No verán a temperatura alcanza os 35 graos e no inverno as mínimas caen ata os 5 graos baixo cero
A produción ecolóxica ten ademais outros requirimentos. “Non podemos usar nada de abono químico, polo que unicamente fertilizamos con abonos orgánicos, mediante xurro líquido inxectado e esterco sólido que enterramos ao momento para reducir as emisións”, explica. Este profundo coñecemento da produción agrícola desde un punto de vista científico, a aplicación de boas prácticas agronómicas e os investimentos en tecnoloxías avanzadas permitíronlles mellorar a produtividade das terras. Recría propia Malia estar en produción ecolóxica, só as vacas secas saen a pacer ao exterior das instalacións Carioni pretende duplicar nos próximos 4 anos o número de cabezas de gando en base á súa propia recría, para o que están inseminando a todas as vacas con seme holstein, usando sexado en xovencas e vacas de primeiro parto. “Levamos 2 anos facéndoo para medrar máis rápido”, indica. Con todo, os problemas de amontoamento das tenreiras están a atrasar o seu crecemento e dificultando este obxectivo. Danlles 5 litros de costro ás tenreiras ao nacer, o que lles axuda a arrincar moi ben nas primeiras semanas de vida, pero despois o seu crecemento vese freado a medida que pasan aos lotes grupais, polo que se ven obrigados a ampliar a idade de destete nalgúns casos ata os 4 meses de idade. Benestar animal As camas nas novas naves son de colchoneta de látex Desde fai 6 anos contan con certificación de benestar animal. “É unha demanda dos consumidores que compran os nosos produtos e unha garantía de bo manexo para os nosos clientes”, argumenta Sara. As naves de produción construídas hai 5 anos dispoñen de cubículos con colchón de látex para o gando e nas máis antigas a cama é de palla picada.
A certificación non ten en conta a innovación; está un pouco desfasada
A certificación ten en conta a comodidade do aloxamento no que se atopan os animais, a ausencia de ruídos no establo, a abundancia de bebedoiros e prazas de cornadiza, a amplitude das instalacións, o raiado dos chans e outros aspectos construtivos, pero non as innovacións tecnolóxicas, polo que Sara considera que este tipo de certificacións quedáronse xa “desfasadas”. Autosuficiencia enerxética Parque de maquinaria, co tractor que usa o biometano como combustible Outro dos obxectivos de Carioni é lograr ser unha explotación autosuficiente desde o punto de vista enerxético. Para iso están a instalar paneis solares para autoconsumo en todos os teitos das naves.
Pola noite seguen funcionando os robots de alimentación e manteñen as luces dos establos acendidas para estimular a inxesta
“O prezo da electricidade multiplicouse por catro o ano pasado e o custo da factura disparóusenos, pero cando instalemos todas as placas seremos autosuficientes enerxeticamente”, destaca Sara. Ademais, desde o ano 2010 dispoñen dunha planta de biogás de gran tamaño, con dúas turbinas de 1 kw/h de potencia cada unha, o que lles permite inxectar á rede eléctrica a enerxía equivalente ao consumo de 3.000 familias.
Dispoñen dun tractor New Holland que utiliza biometano como combustible
A planta aliméntase de xurro de vaca, esterco de galiña, ensilado de cereal e raigrás, cebada das fincas que non están en ecolóxico, avea, fariña de millo, o soro da queixaría e diversos subproductos. O material dixestado é utilizado posteriormente nas terras como abono. Esta granxa italiana é pioneira tamén na procura de fontes renovables alternativas para a maquinaria. “Ata o de agora produciamos só electricidade, pero imos transformar a planta para facer biometano”, avanza Sara. Dispoñen xa do primeiro tractor que utiliza biometano como combustible, da marca New Holland.

“As vacas cruzadas van máis ao robot porque son máis vivas”

Jose Rodríguez, xunto a un dos dous robots do seu establo, onde a metade son xa vacas cruzadas No lugar de Nogueiras, na parroquia de Ferroi (Guntín), atópase Gallardo SC, unha gandería familiar que medrou e se profesionalizou nos últimos 20 anos, cun novo establo, muxido robotizado e unha aposta clara na actualidade polos cruzamentos no gando. Buscaban animais versátiles e que se adaptaran ben aos robots de muxido para reducir a carga de traballo. Jose Rodríguez atende a granxa coa axuda de 3 empregados. Contan na actualidade con 210 cabezas totais (110 vacas en muxidura, 20 secas e unhas 80 xatas e xovencas de recría) logo dun importante crecemento que se acelerou hai 5 anos. “Os meus pais tiñan unha gandería pequena con 19 vacas; cando realmente se empezou a medrar foi cando me incorporei eu no ano 2003. Fixemos un establo novo para 32 vacas que fomos despois ampliando a medida que iamos medrando”, explica.   Nova nave en 2020 Ao ir aumentando de tamaño, Gallardo SC necesitaba unhas novas instalacións para a recría. Con esa intención deseñaron unha nova nave no 2019 para xovencas preñadas e vacas secas pero un ano despois decidiron duplicar a súa capacidade, instalar dous robots de muxido e pasar para ela as vacas en produción, levando os lotes de secas e recría para o outro establo.
Fixemos un primeiro establo no 2003, no que agora temos a recría e as secas, e no 2020 pasamos todos os animais en produción a unha nova nave
Con esa decisión lograron ter unhas cómodas instalacións para todo o rabaño, que facilitan o benestar do gando e o traballo diario na granxa. “O establo vello non era moi antigo e iso permitiunos lograr moi boas condicións para os lotes de recría e vacas secas, equiparables aos das vacas en produción”, indica Jose. A próxima reforma estará pensada para mellorar o espazo destinado ás becerras pequenas, que son as que están neste momento un pouco máis apertadas, recoñece. Secado e postparto en sala Zona de separación a carón dos robots para ter máis vixiadas ás vacas recén paridas Seguen dispoñendo da sala de muxido no establo construído no 2003, o que lles permite utilizala tanto para vacas recén paridas como para facer o secado, de maneira que minimizan os posibles problemas nos robots, ao teren neles unicamente animais que xa están fóra dos períodos máis críticos da lactación.
O manexo do lote de produción nos robots vólvese máis sinxelo ao non meter as vacas para secar e as recén paridas
“Cando temos 5 ou 6 vacas para secar levámolas para o outro establo, cambiámoslles a alimentación, substituíndo a ración de leite pola ración de secas, e muxímolas na sala durante uns días ata poñerlles o secado”, explica Jose. Do mesmo xeito, o postparto tamén o fan habitualmente na sala, aínda que contan tamén cun espazo a carón dos robots nos que separar vacas para poder vixialas máis exhaustivamente, sobre todo no caso das frisonas.
Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito
“Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito. Nós os primeiros días témolas controladas ao lado do robot. Ás frisonas de máis de 3 partos poñémoslles calcio e un bolo de Kexxtone. Facémolo por sistema porque se unha entra en cetose e acaba en desprazamento de abomaso supón máis gasto”, razoa Jose. “Á hora do parto miramos moito por elas, e nos primeiros días de secado tamén”, recoñece. O control da calidade de leite fáillelo Seragro e están a facer secado selectivo. Venda de recría A lonxevidade é unha das características destacadas desta explotación. “Intentamos chegalas aos 5 partos pero nas frisonas non imos máis aló, porque irse a un sexto parto sería arriscarse a ter problemas e como dispoñemos de recría dabondo imos facendo relevo de animais a través de descartes voluntarios”, explica.
A través do relevo voluntario imos metendo xovencas máis produtoras para elevar a media da granxa
Teñen na actualidade 210 cabezas totais e están a vender o excedente de recría, tanto becerras como xovencas. “Con 30 ao ano xa nos sobraría para cubrir a nosa taxa de reemprazo. Como estamos moi por enriba desa cantidade podemos permitirnos substituír vacas por xovencas máis produtoras para incrementar deste xeito a media de produción da granxa e vender a recría que nos sobra”, indica. Cruzamentos Empezaron a incorporar vacas cruzadas no ano 2017, nunha fase de crecemento da granxa, e ao ver o rendemento que daban optaron por inseminar con montbeliarde e rojo sueco tamén os animais da casa. “Fixeramos unha viaxe a Portugal e trouxeramos 4 xovencas a parir aquí. Vimos que eran animais con máis fortaleza e a día de hoxe xa inseminamos todo con Procross”, conta.
Ás veces invirten a orde dos cruces, poñendo primeiro rojo sueco para buscar animais de menor tamaño
“Até o ano pasado estabamos cruzando a metade das vacas e a outra metade non, pero vemos que funciona e agora xa estamos cruzando todo, neste momento a ningunha frisona pura lle estamos poñendo frisón, ou ben a inseminamos con montbeliarde ou ben con rojo sueco”, detalla. “Gústame unha vaca de tamaño medio, o cruce con rojo sueco a min gústame moito porque é unha vaca máis pequena e con moi boas calidades de ubre”, asegura. A media mensual de células somáticas nesta granxa está nas 123.000, con 12.000 xermes de bacterioloxía. As camas de produción e das vacas secas son de area, as xovencas están en colchoneta e as becerras en cama quente de palla. 42 litros de produción por vaca e día Entregan o leite a Entrepinares desde o ano 2014. Rondan os 42 litros de produción por vaca e día, cun 4,20% de graxa e 3,55% de proteína. “Son producións de frisona pero con máis calidades. Antes empregabamos esmartamina e ácido palmítico, pero agora xa non. A produción estase mantendo e para min as cruzadas son vacas máis resistentes e con máis mobilidade cara ao robot. Son vacas máis activas, que acoden máis a muxirse”, destaca.
"Hai vacas Procross que pican moi alto e son superiores a moitas frisonas"
Teñen os animais de produción repartidos en dous lotes, un por cada robot. Nun están os de primeira e segunda lactación, cun máximo de 57 vacas, e noutro as vacas multíparas, con entre 52 e 54 cabezas. Non saturar os robots Gallardo SC ten neste momento 110 animais nos robots. Prefiren non telos saturados para ter neles un tráfico máis fluído e acadar desta maneira medias de 3 muxidos diarios. “Non queremos pasar dos 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite, porque temos comprobado que metendo 120 animais logras ás veces menos leite porque baixas nas medias de entrada ao robot”, explica.
Procuramos non ter máis de 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite
Na sala levaban xa 4 anos facendo tres muxiduras ao día e logrando altas producións, polo que non notaron un incremento importante nos litros por vaca ao pasar aos robots, senón que o aumento do leite no tanque veu dado polo incremento da capacidade da granxa nuns 25 animais máis en produción. Un manexo diferente Ademais de destacar a maior mobilidade de cara ao robot e o incremento das porcentaxes de sólidos, Jose asegura que as vacas cruzadas “non necesitan tantos coidados porque son mellores en saúde, patas e fertilidade”.
As vacas cruzadas saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo que dura unha frisona pura
“Non é unha vaca que haxa que manexar igual ca unha frisona. As holstein teñen lactacións máis longas. As procross, sen embargo, saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo porque podes inseminalas antes”, explica. Gallardo SC logra unha taxa de preñez do 37% nas vacas procross, con 1,97 doses de media, fronte ao 29% e 2,13 doses das frisonas, que representan o 57% do rabaño total da gandería neste momento, fronte ao 43% de vacas cruzadas.
"Quero vivir das vacas e non para as vacas; para min que non haxa problemas é moi importante"
 “As frisonas necesitan unhas instalacións perfectas e moitas máis atencións; a mesmos coidados, as cruzadas dan moitos menos problemas. En tema de medicamentos non hai que tratalas tanto, é algo que notamos claramente”, asegura. Incremento dos ingresos polas vacas de desvelle Ademais dos ingresos pola venda da recría sobrante, Gallardo SC está a obter tamén un maior retorno polas vacas que manda ao matadoiro. “O valor do desvelle aumenta. As vacas cruzadas se lles estiras a lactación collen moitos quilos e co que che deixan no matadoiro están pagando a xovenca que queda no seu sitio”, destaca Jose.
A maioría dos descartes son voluntarios. Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros
Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros.  A maioría dos descartes son voluntarios, debido á presión das xovencas, o que fai que a porcentaxe de primeiros partos no establo estea situado no 35,5%. O promedio de partos dos animais enviados ao matadoiro é de 3,5, cunha produción vitalicia media de 44.886 quilos. Sexado e azul belga Jose tiña medo cando empezou a cruzar e preferiu non arriscar. “Por medo ao cambio probei só coa metade do rabaño e non puxen os mellores touros; ese foi un erro que cometín, pero hoxe téñoo claro: débense utilizar os mellores touros que se poidan, iso si que llo recomendaría a calquera”, insiste.   “Cando empezamos a nosa mentalidade era distinta e posiblemente nos equivocamos niso. Hoxe, sen embargo, estamos poñendo os mellores touros de cada raza e estamos usando sexado nas primeirizas. De segundo parto para arriba, só nas mellores vacas; sóbranos moitas xatas cos primeiros e segundos partos, polo que no resto poñemos azul belga”, conta.
Destetan entre os dous meses e medio e os tres meses, dependendo do tamaño da xata
Insemina ás xatas ao ano e logran que a media de idade ao primeiro parto sexa agora de 22,3 meses. “Algunha poderíamos inseminala antes, pero como andamos sobrados non as apuramos, pero sempre paren antes de cumprir  os dous anos”, asegura. 4 hectáreas de regadío Gallardo SC traballa 65 hectáreas, das que botan a millo 26. Rotan con herba en case todas, salvo en 3 bastante molladas nas que é difícil entrar no inverno. Aumentaron á superficie nestes últimos dous anos a medida que incrementaban o número de cabezas. Das 26 hectáreas labradas a millo, 4 son de regadío. Están a carón do río e réganas cun aspersor, o que lles permite garantir nelas producións de máis de 60.000 quilos por hectárea. Este ano, ademais, sementaron un ciclo máis longo. Procuran facer eles a maior parte do traballo agrario, aínda que nas campañas contratan fóra para axilizar as tarefas de sementeira e ensilado. “Nós aramos e pasamos a rotofresa, pero o purín veñénnolo sacar, porque senón a nós levaríanos moito tempo facelo”, explica Jose.
Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, lévache todo bastante máis tempo
“Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, por iso lévache bastante máis tempo”, quéixase. “Seis hectáreas que temos lonxe usámolas para facer un bo corte de herba para ensilar”, indica. O custo da alimentación nesta granxa sitúase entre 3,5 e 3,7€ o quilo de materia seca, cun subministro de 20 kg MS en pesebre e 6 máis de media no punteo do robot. Venlles o carro da cooperativa Aira a facer a ración todos os días e estanlle botando 24 kg de silo de millo, 14 de silo de herba e 8 de concentrado, máis 6,5 quilos de concentrado a maiores de punteo do robot de muxido.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Sala, robot ou rotativa: cando optar por un sistema de muxido ou outro?

O muxido é unha das tarefas diarias esenciais nunha explotación de produción de leite. Con distintas opcións dispoñibles no mercado, a escolla dun sistema ou outro vai condicionar o manexo do gando, os turnos de traballo ou mesmo a alimentación das vacas. Por iso, a elección da máquina de muxido é unha das decisións máis importantes á hora de poñer en marcha unha granxa ou reformar unha existente. “Antes de decidirse por un sistema ou outro, hai que analizar ben unha serie de condicionantes: tipo de explotación, dispoñibilidade de man de obra, número de vacas a muxir, perspectivas de crecemento, etc”, recomenda Andrés Mejuto, presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (AGATEM).
Hai que ter en conta o tipo de vaca que hai na explotación e a persoa que a vai muxir
“Hai que analizar a máquina, o animal e o gandeiro, é dicir, o que dá a vaca, as instalacións que tes e a persoa que vai muxir. En función de todo iso é cando hai que optar por unha máquina de muxir ou outra, pero moitas veces non se ten nada diso en conta”, di. Establos de nova construción ou remodelacións Outro dos aspectos decisorios ten que ver coa facilidade de instalación, tendo en conta neste sentido se se trata dun establo de nova construción ou é necesario facer obras de adaptación para o cambio dun sistema de muxido por outro nunha granxa xa existente. “Poñer robots moitas veces obriga a quitar prazas e perder uns cubículos, pero nalgún caso é moito máis doado pasar dunha sala a un robot que cambiar ou aumentar a sala”, asegura Andrés, porque “hai que seguir muxindo todos os días durante o tempo que duran as obras e cambiar a sala pode levar tranquilamente un mes se se monta unha un pouco grande”, indica.
É moito máis doado pasar dunha sala a un robot que substituír unha sala por outra no mesmo sitio
Por iso, di, se nunha explotación segue funcionando a sala mentres se poñen os robots non supón tanto problema como cambiar unha sala por outra no mesmo sitio. “Convértese moitas veces nun problema gordo, é unha cousa que hai que pensar moito, porque hai que muxir todos os días 2 ou 3 veces nunha sala que vai estar en obras e as vacas estrésanse porque acabas variándolles os horarios para aproveitar máis tempo para traballar”. Para evitar este tipo de perxuizos, explica, hai ganderías que optan por construír dende cero a nova sala de muxido noutra ubicación ou nun edificio aparte, para seguir mantendo operativa durante ese tempo a vella sala. Esta opción recoméndaa, sempre que sexa posible, sobre todo en casos nos que se vai incrementar moito a capacidade da sala pero cóntase cun espazo reducido ou cunha sala de espera de escasas dimensións. Número de cabezas estabilizado ou en aumento Unha das disxuntivas que deberían influír na escolla do sistema de muxido é o tamaño futuro da explotación a medio ou longo prazo. “Se a gandería está estabilizada escollerá unha máquina acorde ao número de cabezas que ten, pero se ten pensado medrar ten que ter en conta como o vai facer porque o robot, nese sentido, obrígate a facelo de 50 en 50 vacas e moitas veces coa recría da propia explotación non chega. A sala dáche máis flexibilidade nese sentido”, afirma Andrés.
Inflúe o tamaño de explotación presente e futuro porque se un quere medrar, en función do sistema de muxido que teña, ten que pensar como facelo
Pero mesmo no caso de instalar unha sala, as decisións de crecemento futuro teñen que ser tidas en conta. “A sala hai que dimensionala, xa non só no número de puntos a instalar, senón na capacidade das infraestruturas de condución do leite ou na conexión eléctrica”, exemplifica. Se se ten pensado medrar xa pode quedar preparada para iso, di. “O ideal cando un establo está evolucionando é meter unha sala de muxir de liña baixa, porque se adapta moito mellor, e deixar o foso xa preparado. Nese caso só habería que aumentar a condución de leite e a bomba de baleiro acorde ao número de novos puntos a instalar”, explica. Distintos tipos de salas de muxido en función da produción por vaca Dentro das salas de muxido tamén as hai de varios tipos en función da colocación dos animais e aínda que “é cuestión de gustos ou do espazo dispoñible escoller unha ou outra”, Andrés recomenda ter en conta o número de muxidos diarios que se realizan e o nivel produtivo do rabaño.  “O muxido traseiro eu recomendaríao só para vacas de alta produción, de máis de 40 litros diarios. As vacas co ubre cheo non teñen máis remedio que abrir as patas, pero se estás a tres muxiduras ou tes vacas con pouca produción a vaca pecha as pernas e é difícil moitas veces poñer a pezoneira por atrás. Ao meu modo de ver, a sala máis cómoda para colocar e que menos problemas dá é unha sala en espiña, aínda que moitas veces non é posible por problemas de espazo e móntase unha semitraseira”, detalla.
A sala en espiña é a que menos problemas ten; eu unha traseira só a recomendaría para vacas de alta produción, por enriba de 40 litros a 2 muxiduras
Independentemente do tipo de colocación, Andrés recomenda sempre salas de liña baixa para vacas de alta produción. “O muxido é máis rápido e o nivel de baleiro menor”, di. Do mesmo xeito, engade, “as salas con medición electrónica, que son as que se poñen hoxe en día, son mais eficientes porque podes variar os parámetros e regular a pulsación en función da produción da vaca”. Lotes de muxido en sala e número de animais por robot Á hora de muxir, cando se distribúe o gando por lotes de produción, precísase un maior diámetro para a saída cara ao tanque de frío. “Se metes as vacas de moito leite xuntas necesitas unha sala con diámetros de condución máis fortes que se o gando entra mesturado”, explica Andrés. No caso dos robots, unha das claves para evitar retrasos é calcular ben o número de animais por cabina en función da súa produción e da velocidade de muxido do gando. “A vaca cando ten sensación de que precisa muxirse acude ao robot, pero se está ocupado dá a volta e igual xa non volve entrar”, razoa Andrés, que considera que os modelos de tráfico libre teñen “menor complicación” que os de tráfico dirixido.
Moitas veces o problema do robot é que está muxindo 65 ou 70 vacas
Con máis dun robot, a distribución en lotes dos animais, ao igual que no caso do muxido en sala, permite elaborar racións de alimentación diferenciadas, pero, a maiores, tamén é posible puntear de xeito individualizado o concentrado en función dos litros de leite producidos por cada vaca.   Man de obra Aínda que a proliferación actual de robots de muxido é en gran parte unha consecuencia directa da falta de man de obra dispoñible no sector, Andrés asegura que “un robot esixe moita máis man de obra que unha sala, porque hai que estar as 24 horas pendente del”. “Moitas veces o problema do robot é que moxe 65 ou 70 vacas. Se ten pouca carga de animais haberá menos atrasadas e podes esperar a pola mañá para metelas, pero se está saturado non”, aclara.
O robot esixe ser un gandeiro moi profesional e tamén é necesaria man de obra para atendelo
En canto aos problemas de células, di, “hainos igual no robot que na sala”. “Unha parte do problema pode ser a máquina, porque actúa 2 ou 3 veces ao día enriba do ubre e se non está ben calibrada ou non funciona axeitadamente pode causar danos, pero outra parte do problema procede habitualmente da cama, o manexo ou a alimentación”, argumenta. Robot vs sala: custo do litro de leite Na súa opinión, nunha explotación de 170 vacas en produción o debate entre poñer sala ou montar tres robots debe despexarse en termos económicos, máis que de man de obra. “Hai que pensar canto vai custar o litro de leite e hoxe pode haber tranquilamente entre 4 e 5 céntimos de diferenza a favor da sala, porque o robot aumenta o consumo de luz e de penso e incrementa os gastos de mantemento”, opina.  
O robot limítate máis, porque te obriga a medrar de 50 en 50 animais
“É certo que as vacas no robot aumentan á produción, pero fano ao aumentar o consumo de penso e nunca foi rendible producir litros de leite a base de penso”, afirma. En canto ás salas de muxido, insiste en que “hai que dimensionalas en función das necesidades da granxa”. “O muxido hai que facelo rápido, senón a xente que está operando cansa e perde a concentración. Muxir é un traballo delicado que esixe facelo ben, pero se pasas moitas horas o que queres ao final é acabar, aínda que sexa de calquera maneira. O máximo recomendado serían dúas horas máis o tempo de lavado”, indica. Cando optar por unha rotativa? Aínda que cada vez se ven máis robots de muxido instalados en ganderías de maior volume de produción, “os establos moi grandes escapan dos robots”, considera Andrés, que tampouco recomenda as salas rotativas para ganderías e pequeno tamaño. 
Para non ter que reducir a velocidade de xiro ten que haber como mínimo 3 persoas muxindo
“Hai rotativas pequenas, de 24 ou 32 puntos, pero tamén as hai de 60, pero para rendibilizar unha sala rotativa cantas máis vacas muxas mellor, pero sempre a partir de 100 vacas en produción”, di. Entre outros motivos, porque “nunha rotativa de colocación exterior hai que ter como mínimo 3 persoas funcionando: unha preparando ubres, outra poñendo pezoneiras e outra aplicando sellador e atallando os problemas que poidan xurdir”, indica. “Se falta man de obra hai que retrasar a velocidade de xiro, pero desa maneira xa non é eficiente unha rotativa”, asegura. O mesmo acontece nunha sala convencional: “nunha sala de 24 puntos podes muxir con 2 persoas ou con 1 soa, pero non é rendible, porque pode implicar ter a sala funcionando en baleiro a metade do tempo e a sala desgástase igual funcionando sen vacas que con elas, son horas de funcionamento igual”, insiste. “Hai que equilibrar o número de operarios cos puntos a atender para non ter as vacas moito tempo na sala, porque non están agusto”, lembra. Vida útil das instalacións “Todas as máquinas de muxir, sexa cal sexa, estropéanse sempre cando están en funcionamento”, di. Por iso, independentemente do sistema de muxido que un teña, é preciso levar a cabo un axeitado mantemento das instalacións, a maquinaria e os elementos de reposición, como gomas o pezoneiras.
As avarías nas máquinas de muxir prodúcense sempre á hora de muxir
“Depende do gandeiro, do meticuloso que sexa, e do mantemento que se faga da instalación, pero a vida útil dunha sala pode pasar dos 30 anos funcionando perfectamente. As salas quédanse normalmente anticuadas porque as vacas aumentaron moito á produción e as conducións de leite non teñen o diámetro axeitado e iso pode provocar moitos problemas de células”, explica. Ese aspecto hai que telo en conta tamén antes de ampliar a sala. “Se aumentas aos puntos tes que ter en conta o promedio actual de produción por vaca e día, o número de operarios que hai normalmente no foso muxindo a un tempo e o número de puntos cos que se conta para saber se as conducións que hai van ser suficientes para ese fluxo de leite que imos mandar”, recomenda.
Unha máquina funcionando mal non é unha máquina de muxir, senón unha máquina de mallar nas vacas
Ampliar unha sala, sobre todo se xa quedou previsto, “é máis barato que mercar outro robot”, di. “O segundo robot é máis doado de montar, pero ás veces se se tarda moito tempo xa non é posible sen cambiar todo o sistema porque os novos modelos pode que non sexan compatibles co antigo, a non ser que se instale un como o que tés de segunda man”, indica. En canto á vida útil dun robot, afirma: “normalmente cando o acabas de pagar xa está el tamén acabado”. Finalmente, sobre as salas rotativas, di, “son máquinas caras e complexas porque levan moitos automatismos”. En caso de avaría no sistema de rotación, acostuma haber problemas para liberar o gando. “Se che queda atrancada, que non poidas sacar as vacas, é un follón, porque tes que ter a eses animais sen comer, beber ou muxirse mentres non vén o técnico e a repara, e poden pasar un par de horas”, describe.

“A rotativa obrígate a andar máis rápido”

Sala de muxido rotativa de Gandería Barbeiro no establo de Arante (Ribadeo) Gandería Barbeiro conta con dous sistemas de muxido diferentes nos seus establos: sala paralela en Alfoz e sala rotativa interior en Ribadeo. Nos dous casos son instalacións de 20 puntos nas que moxe un operario só, polo que é posible comparar a eficacia dos dous sistemas. “Nun rabaño homoxéneo no que non haxa retardos é un pelín máis rápida a rotativa. A rotativa obrígate a sacar máis vacas, hai unha diferenza duns 10 animais por hora”, explica Juanjo Fraga. En Alfoz están muxindo na actualidade unhas 250 vacas a un ritmo de entre 85 e 90 vacas por hora, mentres en Ribadeo moxen 210 a un ritmo de entre 90 e 95 vacas á hora, detalla.
A paralela vai ao ritmo teu; na rotativa tes que ir ti ao ritmo dela para non retardala
“A rotativa é moi práctica, pero hai que estar máis atento, porque tes que atender varios puntos simultaneamente, mentres que na paralela o sistema é máis mecánico porque traballas en bloque, é dicir, entran 10 vacas xuntas, fas o predipping ás 10, colocas pezoneiras ás 10 e unha vez retirado fas o selado ás 10. A paralela vai ao ritmo teu, na rotativa tes que ir ti ao ritmo dela e se non das feito retárdala ti e ao final o que fas é baixarlle o rendemento á sala”, razoa.   “Un operario con 20 puntos ten que andar rápido en calquera das dúas para que non haxa retrasos, na paralela o ideal sería 16 puntos para un operario”,  recoñece. Tres muxidos Sala de muxido paralela de 20 puntos no establo de Gandería Barbeiro de Lagoa (Alfoz) Nos dous casos, tanto en Alfoz como en Ribadeo, están a facer tres muxiduras diarias ás 7 da mañá, ás 3 da tarde e ás 10 da noite con dous turnos de traballo de dúas persoas por turno: unha para muxir e a outra de apoio para meter vacas e facer camas. “Con 4 persoas amañamos o muxido nas dúas granxas pero temos sempre outras 4 persoas de reforzo para que haxa sempre un mínimo de 2 persoas por turno por se houbese calquera incidendia”, conta. A intención de Juanjo é ampliar a curto prazo a capacidade dos dous establos para achegarse aos 500 animais en produción en cada un deles, dobrando a capacidade actual das instalacións. “Contando a recría e as secas estariamos xa practicamente na capacidade máxima legal fixada para as explotacións leiteiras, 850 UGM”, calcula.
Aumentando o número de vacas queremos restar tempos mortos e optimizar as salas sen facer grandes investimentos en instalacións de muxido
Nese momento pasarán a tres turnos de traballo de 8 horas e aumentarán o tempo de funcionamento das dúas salas até as 18 horas diarias. “Queremos restar tempos mortos e optimizar as salas sen facer grandes investimentos en instalacións de muxido, que ao final é o máis caro”, di. Nin robots nin unha rotativa exterior Juanjo non ve factibles os robots para un tamaño de granxa como o que van ter as súas. “Eu o robot véxoo para muxir 120 ou 180 vacas, máis de aí xa non. Para as 200 vacas máis que imos ter en Alfoz teriamos que poñer 3 cabinas de robot máis, que serían 300.000 euros. Coa sala ese investimento non o temos que facer”, compara.
O robot non o descarto no futuro, pero ten que aparecer unha alternativa de robot para este volume de animais
En canto ao persoal necesario, di, “na sala actual de 20 puntos en 6 horas imos poder muxir casi 500 vacas cunha persoa soa e non eres capaz de atender esas vacas en robot co dobre de xente”, considera. Non descarta incorporar sistemas de muxido robotizado no futuro, pero di que “ten que aparecer unha alternativa de robot para este volume de animais, porque na vindeira primavera imos ter 500 vacas en muxido en Alfoz e teriamos que ter 10 robots”, evidencia.
Non vexo factible unha sala rotativa exterior para unha granxa de tamaño medio
Tampouco ve viable a instalación dunha rotativa exterior porque multiplicaría as necesidades de persoal. “Non a vexo factible para unha granxa de tipo medio porque fan falta 3 persoas para atendela”, asegura. Gandería Barbeiro fixo investimentos nos últimos anos para modernizar os seus sistemas de muxido. En Ribadeo a sala rotativa orixinaria, do ano 2007, era unha Gascoigne, pero foi remodelada no 2019 mantendo unicamente a estrutura e cambiando toda a parte de muxido polo sistema Afimilk. “Témola actualizada na parte electrónica de medición e identificación”, explica Juanjo. No caso da sala paralela de Alfoz, da marca Fullwood, foi montada no ano 2013 e xa lle actualizaron a identificación cun sistema máis moderno.  

“Non concibo a nosa granxa sen os robots”

Un dos tres robots de muxido que Lebón SC ten na súa explotación de Samos Hai xa case 20 anos que Lebón SC moxe en robot. Esta explotación de Samos foi unha das primeiras ganderías de Galicia en incorporar o sistema de muxido robotizado para as súas vacas. Manuel López fixera unha viaxe a Holanda, onde vira por primeira vez os robots, que aínda non se vendían en España. Estaba facendo o establo novo e xa non montou sala. Hoxe o seu fillo Marcos di non concebir a explotación sen os robots. “Vista a falta de persoal que hai, non me vexo muxindo nunha sala. Unha granxa familiar como a nosa a 3 muxiduras sería inviable e cos robots logro un promedio de 3 muxidos e unha produción por vaca entre 44 e 45 litros diarios. A media por lactación superou os 14.000 litros en 2022 no Control Leiteiro”, detalla. Contan na actualidade con tres Lely A5, despois de incorporar o último o pasado mes de xaneiro. O muxido robotizado, di Marcos, mellorou moito desde aquel primeiro Lely A2 montado no ano 2004. Esa evolución do sistema de muxido acompañou o crecemento desta gandería. No ano 2010 montaron o segundo robot, no 2018 cambiaron os dous por un modelo máis moderno e hai 5 meses instalaron o terceiro.
Non queremos ter máis de 55-60 vacas por robot, en función da época do ano
Marcos non se sinte condicionado pola capacidade do robot á hora de ir medrando. Neste momento está muxindo 145 vacas repartidas nas tres unidades, pero a súa intención é ir incrementando paulatinamente o número de vacas por cabina ata as 55-60 como máximo, dependendo da época do ano.   Flexibilidade horaria e calidade de vida Dos robots Marcos destaca “a flexibilidade horaria e a calidade de vida que che dan”. “Eu non me vexo ás 10 da noite nun establo todos os días do ano. Nós, salvo en campaña, na que as xornadas laborais sempre se alongan, ás 8 da tarde rematamos o traballo. Ao día seguinte empezamos ás 7 e media a meter atrasos, que normalmente son moi poucos, pero se un día vas ás 9 tampouco non pasa nada. A flexibilidade horaria é outra. Pero penso que os gandeiros valoran pouco ter un horario”, di. A gandería aténdena 3 persoas, pero muxindo nunha sala tres veces diarias as necesidades de persoal serían moito maiores para poder cubrir os distintos turnos e as libranzas, di. “A nosa granxa pode atendela unha persoa soa. Nunha sala iso non sería posible. Nós temos un obreiro e enténdese perfectamente cos robots porque o traballo é moito máis sinxelo”, di.
Aínda que te chame unha vez ao mes, prefiro iso que ter que muxir os 30 días
Hai que estar pendente dos avisos pero asegura que “poucas veces hai que ir porque o robot pare de muxir”. “Aínda que te chame unha vez ao mes, prefiro iso que ter que muxir os 30 días”, argumenta. Marcos non concibe a día de hoxe a súa explotación con sala de muxido. “Sería volver atrás”, considera, aínda que respecta que outros gandeiros aposten por outras opcións. “Cada un ten que escoller o sistema que mellor se lle adapte ou no que se sinta máis cómodo”, opina.   Con todo, considera imparable a robotización das ganderías de leite. “A demanda de robots non para de medrar. Antes dicíase que os robots eran para granxas pequenas pero agora hai tamén explotacións grandes con robots. Polo centro de España hai granxas de 6 e 8 robots”, exemplifica.

Tráfico fluído de vacas en muxido robotizado

O número de ganderías galegas que utilizan robot de muxido segue cmedrando ano tras ano. Os motivos máis importantes que favorecen o abandono dos sistemas de muxido tradicionais son, por orde de importancia:

-A flexibilidade laboral.

-O aumento da produción leiteira, grazas a un terceiro muxido nos animais máis produtivos e a un eficiente punteo de concentrado nos animais que máis o requiren.

-O maior control do rabaño pola alta cantidade de información que obtemos dos nosos animais.

O principal obxectivo do equipo de nutrición de De Heus é conseguir altas producións de leite sen perder esa flexibilidade laboral, que se sinala como motivo número un, cando nunha gandaría óptase pola instalación deste sistema de muxido automatizado (AMS). Para iso, estes sistemas automáticos necesitan que o tráfico de vacas sexa fluído e VOLUNTARIO. Non é aceptable que teñamos que perder man de obra para empurrar máis do 10% das vacas en lactación cara ao robot, varias veces ao día. Se esta fose a situación actual do establo, a gandeira/o estaría máis suxeita/o que coa antiga sala de muxido, e os datos de eficiencia produtiva-económica nunca serían bos.

Dabondo son coñecidos os factores propios do establo, que van favorecer ou empeorar o fluxo de vacas ao robot:

-Deseño das instalacións: amplitude de corredores e zona de espera, localización do robot (luz e ventilación).

-Saúde do rabaño: problemas de patas ou outro tipo de patoloxías.

-Conservación e dixestibilidade das forraxes.

Desde a alimentación, en De Heus, como empresa especializada en nutrición animal, enfocamos este reto desde os distintos puntos dun estrito protocolo:

Robot Expert: é unha ferramenta informática rápida e sinxela a disposición dos nosos técnicos en campo, que analiza e axiliza a toma de decisións, independentemente da marca de robot e do número de cabinas que atopa no establo.

-Concentrados para robot (Goalfeed): son a última xeración de pensos de gama que demostraron nos últimos anos unha seguridade dixestiva, palatabilidade e granulación magníficas, alicerces básicos para alcanzar un bo tráfico cara ao robot.

-Alta cualificación en nutrición das persoas encargadas de planificar a ración a pé de granxa: esta é unha alimentación disociada, coa mestura en carro e o penso que lle proporciona o robot. A complexidade que une a estas dúas variables fai que os nosos técnicos teñan en conta os puntos críticos máis importantes que nos van axudar a alcanzar o noso obxectivo: densidade enerxética, proteína soluble, dixestibilidade, conservación das forraxes, picado, mesturado e arrimado do unifeed, etc. Con iso, formúlase un penso en fariña que vai ser específico para cada granxa, xa que non hai dúas explotacións que cultiven as forraxes exactamente igual, nin terán as mesmas cantidades de silo dispoñibles para o número de animais cos que traballan.

-Configuración dos accesos ao muxido e táboas de alimentación: os programas informáticos que acompañan aos robots permiten modificar as curvas de alimentación e os permisos de muxido. Só un técnico en alimentación con experiencia e cualificación debería modificalas polo seu inmediato impacto na frecuencia de muxiduras.

 

 

O 16 de febreiro coñece desde dentro Lodos e Pérez, unha granxa láctea referencia en Galicia


O vindeiro xoves 16 de febreiro a gandaría Lodos e Pérez abrirá as súas portas para quen desexe coñecela grazas a unha iniciativa de Lely. Será un día festivo onde coñecer a granxa, observar como traballan os gandeiros, e ver unha das mellores explotacións en canto a media de quilos por vaca e día.

Lodos e Pérez, situada no concello de Pastoriza (Lugo), suma un rendemento de máis de 47 quilos de media de leite por vaca e día, o que rolda o tres millóns de quilos anuais producidos polo seu tres Lely Astronaut A5. As súas vacas, a súa produción, os seus robots, a súa edificación e o bo facer no traballo diario son a engrenaxe perfecta para ser considerada unha das mellores granxas do vello continente.

A xornada de portas abertas comezará ás 10 da mañá e rematará sobre as 6 da tarde, tempo máis que suficiente para ver o traballo dos gandeiros, poder falar con eles e ver o manexo dunha granxa que leva máis de tres anos funcionando cos robots de muxido Lely Astronaut.

Esta explotación láctea familiar ten á cabeza a dous irmáns, Alfonso e Juan Lodos. En decembro de 2019 comezaron a muxir con dous Lely Astronaut A5 pero agora “xa temos tres”, comenta Alfonso. Para este gandeiro as vantaxes son “o número de muxidos que fan as vacas” e tamén “o aumento de produción”, necesario, como di, “para paliar todo o investimento”.

O cambio para as vacas desta granxa foi moi grande, xa que “foron moitas as melloras, o cambio das instalacións e as comodidades que teñen aquí as vacas”. Iso para Alfonso Lodos “fai que todo repercuta na produción”. A pesar de que a súa media de produción sempre foi bastante boa, cos robots Lely agora é “extraordinaria, chegando a superar os 50 quilos por vaca e día en certos momentos do ano”, como di o gandeiro.

Para Alfonso, o segredo está “na estabilidade”. “Unha boa alimentación, o muxido, a base xenética…. é un cúmulo de cousas”, asegura. “Pero as cousas non saen se non hai tamén un bo traballo detrás”, subliña este gandeiro.

Despois de máis de tres anos de traballo cos Astronaut, Alfonso está “moi contento con Lely e co servizo que proporciona”. “A día de hoxe non me exporía outra opción que non fose a que teño”, matiza.

A maiores dos robots, contan tamén cun arrimador de comida Lely Juno, “indispensable para que as vacas sempre teñan a ración ao alcance”, puntualiza Alfonso.

Para Juan Lodos, que leva toda a parte de veterinaria dentro da explotación, os bos datos teñen que ver “co bo traballo de todos os días” e con facer as cousas con “puntualidade”, ademais de “non ter ningunha vaca improductiva na explotación”.

Juan tamén comenta que a recría 2é fundamental, porque grazas a iso conseguirás unha vida produtiva maior de cada vaca”, que é “o que queremos en Lodos e Pérez”.

O traballo cambioulles moito desde que pasaron de sala a robot, pero “máis sen dúbida a organización”, como di Juan Lodos, xa que “agora temos un horario cunha certa flexibilidade”. A maiores, no muxido, este sistema robotizado “ten moitas vantaxes”. Así, en canto ao muxido, Juan non ve “ningunha anomalía”. “Nós na granxa -engade- non temos ningún problema nas vacas relacionado cun mal muxido”, o que fala ben dos Lely A5.

Agora mesmo Juan comenta que “non temos os robots sobrecargados”. En concreto, andan nunha media de 160-165 animais en muxidura ao longo do ano, e con 55 vacas por robot. “Todo vai perfecto, pero tamén temos que ter en conta que temos vacas de moita produción, o que lles fai ocupar máis tempo a máquina”, afirma Juan.

Ademais, en Lodos e Pérez tamén cambiou todo o relacionado coa reprodución. “Temos un período de espera voluntario máis longo, non inducimos celos”, comenta Juan. O único que fan é “resincronizar as vacas que están baleiras”, pero gozan dunha boa fertilidade.

Nas vacas contan con colares de celo, rumia, inxesta e tensión por calor a nivel de rabaño que “dannos unha información continua e simplificada extraordinaria”, di Juan Lodos, que engade que estes datos dos colares fan que “detectes moito máis rápido un problema”. “Grazas a estes dispositivos agora temos moito máis control de todo, non temos a necesidade de explorar vacas ou pasar tempo mirando para elas porque os datos dos colares son sempre fiables e fan que tamén mellores en moitos aspectos máis”, finaliza Juan.

Como adaptar os establos para unha correcta instalación dun robot de muxido?

Cada vez é máis común nas ganderías de vacún de leite facer inversións de cara a automatización do muxido. Algunhas granxas deséñanse desde 0 cunha infraestrutura adaptada á robotización, pero outras -a maioría- fan reconversións de sistemas tradicionais. “Creo que cando unha granxa inverte en equipos de muxido entre o 70% e o 80% opta por un modelo automatizado en lugar de sala rotativa”, explica en declaracións a Campo Galego Jack Rodenburg, asesor canadense en vacún de leite e experto en robot de muxido.  En calquera caso, “a reconversión pode obter bos resultados se o proxecto está ben plantexado, pero pola contra, pode perderse rendibilidade se non hai un espazo adecuado ao redor dos robots”, explica o asesor canadense. Se a renovación non contempla a separación das vacas para o seu manexo pode que non optimice o sistema e necesite unha maior cantidade de man de obra. Deste xeito, “as mellores renovacións soen consistir en engadir unha pequena sección ao final da granxa para os robots con espazo de manexo detrás deles”, concreta. Igualmente, antes de proceder a unha robotización, o asesor lácteo recomenda atender a outras cuestións de vital importancia que pasan desapercibidas: “Se o gandeiro cré que a súa granxa actual provoca coxeiras, mastite ou vacas cansadas é necesario que solucione estes problemas antes de automatizar o muxido; o benestar animal é fundamental para a obtención duns bos índices de produción de leite por vaca”, recalca Rodenburg.
“Se o gandeiro cree que a súa granxa actual provoca coxeiras, mastite ou vacas cansadas é necesario que solucione estes problemas antes de automatizar o muxido” (Jack Rodenburg)
Entón, se existe a posibilidade e a necesidade de ampliar unha granxa “os establos libres existentes con prazas pequenas e pasillos estreitos poden converterse nunha excelente opción para xovencas, polo que, se a ampliación forma parte do plan, construír unha nova sección para as vacas e renovar o antigo para as xovencas, sería a solución ideal”, especifica o asesor lácteo. En canto á distribución, “grupos de 120 vacas con dous robots por grupo é o ideal nestes momentos porque reduce o estrés cando un dos dous cae; os grupos de máis de 120 vacas fan que a recollida sexa máis difícil, aínda que con algúns sistemas de localización de vacas, os grupos de 180 vacas tamén se leva ben nas leiterías máis grandes de Canadá”, opina Rodenburg. Neste sentido, reforza a idea de que “os robots son unha excelente opción para grandes granxas, e así mesmo, considera que os rabaños máis grandes perden leite porque as vacas teñen que camiñar máis lonxe e esperar máis tempo baixo máis estrés nas zonas de espera abarrotadas”. Outra das cuestións a ter en conta é que “os robot poden achegar o muxido aos lugares onde descansan as vacas e reducir o tempo de espera así como o tempo que pasan camiñando dun lado a outro; por exemplo, moitas leiterías estadounidenses na que a sala de muxido rotativa está ao límite da súa capacidade están vendo moi rendible engadir partes robotizadas no mesmo lugar, é dicir, comezan a muxir as vacas frescas nas salas e trasladan as vacas de muxido rápido con bo ubre aos robots”, avanza o experto canadense.

Previsións de futuro: Robots para a xestión do xurro 

No último ano, a subida dos custes de produción e o abandono do rural poñen enriba da mesa problemáticas en torno á man de obra de granxas. “Despois da Covid, os custes da man de obra e os problemas para encontrar axuda empeoraron polo que se prevé un rápido crecemento na adopción do muxido robotizado e dos sistemas de alimentación automatizados para vacas e tenreiros; estes últimos poden ter unha rendibilidade maior que a os propios robots de muxido”, comenta Jack Rodenburg. A adopción destas tecnoloxías nas ganderías baseadas en pastos “demostrou ser un reto” e aínda que o seu desenvolvemento foi lento “os robots de muxido móbiles que muxen as vacas cerca de onde comen son o seguinte paso lóxico para aquelas zonas nas que o muxido baseado nos pastos é rendible”, prognostica o canadense. Por outra banda, cómpre ter en conta que na actualidade existe un interese crecente en termos de sustentabilidade, por iso no curto prazo “o mellor é centrarse no aumento de produción por vaca mediante un maior énfase na comodidade do animal, especialmente cun mellor control da calidade do aire e da temperatura, pero tamén con estratexias de alimentación máis sofisticadas”, afirma o asesor lácteo. Na mesma medida fai fincapé en que “entre as formas máis directas de minimizar o impacto medioambiental nunha granxa está a xestión de estercos, a través do cal se pode reducir as emisións e reducir a necesidade de fertilizantes comerciais. Por iso, quizais algunhas das novas áreas nas que deberíamos buscar oportunidades para a automatización sexa na robótica de manexo de estercos, así como na aplicación de auga sobre os cultivos dunha forma máis oportuna e precisa”, adianta.

“O sistema de cotas en Canadá protéxenos das importacións e dános un prezo alto do leite"

O baño de pés no carril de separación á saída do robot é a mellor opción para xestionar este proceso coa mínima man de obra e o máximo control. Fonte: Jack Rodenburg En Canadá existen dous modelos de granxas típicas máis marcados: aquelas que muxen entre 200 e 500 vacas en granxas modernas con salas rotativas, que son de propiedade familiar, pero contan con man de obra contratada e unha media de 50 a 70 animais por traballador; e “aqueloutras moi presentes tamén, con rabaños máis pequenos, que muxen entre 40 e 60 vacas, moitos dos cales seguen aloxados en cortellos de curral, utilizando unicamente man de obra familiar”, describe Jack Rodenburg.  Unha das principais diferenzas é o sistema por cotas que rexe o mercado lácteo canadense co complemento do programa de control de calidade ‘ProAction’ lanzado en 2011. O sector canadense está protexido contra a competencia de produtos importados mediante un complexo sistema que controla a produción interior mediante o establecemento de cotas, polo cal existen organismos encomendados á súa distribución e ao seu cumprimento, e así mesmo, establecen un límite para a produción leiteira destinada á comercialización nacional. “A miña sensación é que formato de estabulación para vacún de leite é similar a España, cunha diferenza substancial sobre o prezo do leite. O noso sistema de cotas protéxenos continuamente das importacións e proporciónanos un prezo do leite o suficientemente alto como para que as explotacións establecidas e razoablemente eficientes sexan sempre rendibles”, destaca Rodenburg.
“O noso sistema de cotas protéxenos continuamente das importacións e proporciónanos un prezo do leite o suficientemente alto” (Jack Rodenburg)
Estas diferenzas poden influír na implantación de robots de muxido? Aínda que o asesor lácteo canadense afirma non ter cifras para España fai fincapé en que a súa sensación “é que a adopción do muxido robotizado é un pouco máis rápida en Canadá, porque con bos ingresos, os gandeiros teñen máis confianza para adoptar unha tecnoloxía máis custosa”. Por este motivo, “arredor do 20% das nosas granxas teñen robots e ese número está medrando rapidamente”, apunta.

Jack Rodenburg: “Co robot de muxido as vacas teñen que sentirse seguras”

A comodidade das vacas e a eficacia do traballo están entre as prioridades da implementación dun muxido robotizado en granxa do asesor lácteo canadense Jack Rodenburg. O paso dos anos demostroulle que “as vacas cómodas producían máis leite e que o leite extra custaba moi pouco”, afirma este experto, coautor dun dos poucos manuais sobre muxido robotizado. Deste xeito., parámetros como os espazos preto do robot, entre os pesebres e nos corredores, xunto a unha boa ventilación e xestión do estrés térmico son cuestións que favorecen o benestar animal, e polo tanto, a produción láctea. Falamos con sobre as claves para sacarlle o máximo proveito ao robot de muxido nas granxas.  Vostede leva máis de 40 anos traballando no sector do vacún de leite, achegando solucións para un maior confort dos animais. Que lle levou a traballar neste sector? Empecei a traballar como asesor lácteo en Canadá en 1974, así que xa son 48 anos. Medrei nunha pequena explotación leiteira de estabulación fixa e vin a necesidade crítica de que a nosa industria no estado de Ontario se convertese á estabulación libre tanto pola mellora da eficiencia do traballo como pola mellora do confort das vacas. Asesorar aos produtores que estaban cambiando a granxas de estabulación libre naquela época permitiume centrarme en ofrecer o máximo confort á vaca. Tamén traballei moito en nutrición leiteira naquel entón, pero a experiencia rápido me demostrou que as vacas cómodas producían máis leite, e que o leite extra custaba moi pouco.
"As vacas cómodas producen máis leite e este leite extra custa moi pouco"
O seu campo de especialización é o das solucións de enxeñaría para mellorar o benestar dos animais e aumentar a eficacia da súa produción. En que temas se centra? Deseño granxas para clientes de todo o mundo, e as miñas prioridades son a comodidade das vacas e a eficacia do traballo. A énfase na comodidade das vacas vira ao redor duns establos cómodos e ben deseñados, con frontes abertas para que as vacas poidan moverse cara adiante e, preferiblemente, con camas de area que proporcionen unha base limpa e seca que ofreza un excelente agarre para levantarse e deitarse, ademais dun lugar limpo e seco para os ubres cunha exposición mínima dos tetos ás bacterias. Tamén me aseguro de que haxa suficiente espazo no pesebre e nos corredores para que as vacas poidan comer e moverse sen obstáculos. Nunha granxa robotizada, o espazo preto dos robots tamén é importante para garantir que as vacas tímidas se sintan seguras ao ir alí a muxirse. Outro criterio importante é poder separar facilmente ás vacas no robot e ofrecer un lugar onde poidan ser tratadas, examinadas e manipuladas co mínimo estrés para a vaca e o operario. Por outro lado, a ventilación e a xestión do estrés térmico son cuestións clave para a comodidade das vacas. Ademais, un bo deseño para a manipulación do xurro e o penso son áreas importantes para o aforro de man de obra. Se nos centramos na vixilancia das vacas, no seguimento do seu comportamento ou nas ‘granxas intelixentes’, cal é o camiño a seguir para optimizar o rendemento da tecnoloxía na granxa? Creo que as recentes melloras na duración das baterías fan prever que nos próximos dez anos esta tecnoloxía será moito máis práctica. O investimento ten que basearse no aforro de tempo de xestión e na mellora do rendemento, e nunha granxa leiteira ben xestionada. A miúdo é difícil atopar a rendibilidade. Por exemplo, se ten moi poucos casos de mastite clínica, os contadores de células somáticas que proporcionan recontos diarios de células en todas as súas vacas non ofrecen ningún beneficio real. Os mellores resultados obtéñense coa pedometría, que reduce o tempo de observación dos celos, e coa monitorización da rumia, que pode identificar ás vacas con problemas metabólicos. Así que o meu consello é comprar as cousas que funcionan e que teñen en conta aquilo no que se gasta o tempo agora, pero ser cauteloso coas cousas que responden ás preguntas que non é necesario facer. Unha parte do teu traballo dedícase ao deseño e xestión de sistemas de muxido automatizados e á creación de explotacións adaptadas, entre outros. Que aspectos teñen que ser diferentes nas instalacións dunha granxa robotizada e unha tradicional? Co muxido robotizado, as vacas teñen que sentirse seguras ao ir muxirse soas, polo que é importante un espazo aberto diante dos robots con vías de escape en ambas as direccións. Os establos cómodos para que as vacas poidan deitarse de 12 a 14 horas ao día, dan como resultado máis espazo nos corredores, unha maior frecuencia de muxido e menos vacas pendentes de muxir. Raspar os corredores de esterco ou xurro cos tractores é demasiado molesto, polo que estas granxas deberían ter arrobadeiras mecánicas, rascadores robóticos ou listóns para que as vacas non se distraian. A separación das vacas para o seu manexo realízase durante todo o día en momentos imprevisibles, polo que as instalacións para iso deben estar ben deseñadas e necesítanse diferentes protocolos para realizar este traballo de forma eficiente. As granxas de seis filas con alimentación perimetral, é dicir, con corredores de alimentación no exterior a ambos os dous lados, funcionan moi ben para isto. Ademais dunha infraestrutura adecuada, que factores favorecen a eficacia do robot? Os pensos granulados de boa calidade e as dietas con alto contido en forraxes altamente dixeribles permiten un muxido frecuente e unha alta produción. As vacas seleccionadas para unha boa colocación dos tetos e unha velocidade de muxido superior á media reducen o tempo no box e melloran a eficiencia do robot. Manter os ubres libres de pelo segundo sexa necesario durante a lactación tamén mellora o tempo de axuste e reduce as faltas.
"O intervalo de tempo de muxido en robot é un carácter herdable para seleccionar as vacas"
Como debe adaptarse a alimentación ou a xenética a unha granxa robotizada? Deberíase criar para que teñan tetos ben situados e dun tamaño moderado. Ademais, unha vaca con boas patas e cascos para que camiñe con confianza facilita a dinámica de muxido; en definitiva, débese seleccionar para ter unha velocidade de muxido media ou mellor. As granxas lácteas de todo o mundo necesitan controlar un novo dato sobre as nosas vacas, e é o intervalo de tempo medio desde que unha vaca é apta para o muxido ata que entra no box voluntariamente. Creo que isto é altamente herdable e axudaranos a seleccionar as vacas que van ao robot cando queremos que o fagan. A alimentación debe incluír no robot un penso granulado duro que non se desfaga ao manipulalo. E as táboas de alimentación no robot deben reflectir o que ocorre coa inxesta no pesebre. Está desenvolvendo agora algún proxecto que poida supoñer un avance no sector lácteo? Aínda que non teño un papel directo no desenvolvemento de tecnoloxía, si que fago consultarías con innovadores e de cando en vez participo en probas piloto de novos proxectos e equipos. A demanda de produtos lácteos segue aumentando en todo o mundo. A pesar de todos os retos aos que se enfronta a industria, creo que o futuro é o suficientemente brillante como para que os emprendedores sigan atopando novas solucións. Cando eu era un neno, unha hora de traballo na nosa granxa daba lugar a uns 35 litros de leite. Hoxe, algúns dos meus clientes producen máis de 10 veces esa cantidade por hora con vacas que producen o dobre de leite e cunha tecnoloxía que lles permite manexar 5 veces máis vacas que hai 60 anos. Confío plenamente en que isto continuará no futuro.