Archives

Curso online sobre prevención de riscos laborais en actividades agropecuarias

O Sindicato Labrego Galego convoca un curso de formación para a prevención de riscos laborais nas actividades agropecuarias. Esta formación farase de maneira online desde o 11 de marzo até o 19 de abril. En total serán 40 horas de formación. Os puntos que se tratarán neste obradoiro serán os conceptos básicos de saúde e seguridade no traballo, a prevención de riscos xerais, aplicar primeiros auxilios así como o coñecemento de elementos básicos na prevención dos riscos laborais. De aí pasarase a tratar os riscos específicos da actividade agraria así como o tratamento da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Pódese encher o formulario neste enlace.

Prevención de accidentes no uso do tractor

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está implementando en Galicia o programa 'A túa vida sen voltas', unha iniciativa para potenciar o uso de elementos de seguridade cando se usa un tractor. Búscase reducir ao menor número posible os riscos que pode traer o uso de maquinaria agrícola aplicando as medidas de seguridade aprobadas por diferentes organismos autonómicos, nacionais e da Unión Europea. Esta guía, como o resto da documentación desta campaña, foi deseñada e elaborada polo grupo de traballo do sector agrario da  Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), no que o Issga  participa activamente. O seu obxectivo é remarcar a  importancia da instalación de estruturas de protección e o cinto de seguridade, así como no uso destes elementos. A continuación nomearanse unha serie de puntos clave a seguir.

1-A estabilidade

A estabilidade inclúe os seguintes conceptos: -O centro de gravidade, resultado das forzas aplicadas sobre o tractor (peso, por exemplo). Se o tractor ten dúas rodas motrices o centro de gravidade está entre os dous eixes, máis cerca do traseiro, lixeiramente riba del e no plano transversal medio do tractor. -Zona de estabilidade: é un espazo delimitado polas liñas imaxinarias que unen os puntos onde o pneumático toca co chan. Esta zona está influída pola distancia entre os diferentes puntos. Canto máis distancia entre os eixos e máis ancho de vía da máquina, máis estabilidade e menos risco de envorcamento. O equilibrio será estable cando as forzas actuantes sobre o tractor conflúan no centro de gravidade. O vehículo volve á posición de estabilidade grazas ao seu peso. -Envorco lateral e cara atrás: o primeiro dáse cando o centro de gravidade traspasa as liñas de estabilidade laterais. O segundo cando o punto de gravidade traspasa a liña de estabilidade de atrás. Os tractores con tracción nas catro rodas son máis estables por teren o punto de gravidade máis adiantado que os tractores con tracción en dúas rodas. Por outra parte, aqueles tractores con ancho de vía estreito tampouco son moi estables ao reducir a lonxitude de liñas de estabilidade, ao revés daqueles cun ancho de vía máis aberto. Tampouco ofrecen garantía de estabilidade os tractores altos pois o punto de gravidade tamén está elevado -Forza centrífuga: é a forza coa que o tractor tende a envorcar cando describe un movemento circular. Esta forza (Fcf) é a suma da velocidade coa masa do tractor e a curvatura da traxectoria. Esta forza é directamente proporcional á masa do tractor e inversamente proporcional ao radio da curvatura da traxectoria. A Fcf é maior canto máis pesado é o tractor e máis pechada é a curva. Se o radio da curvatura queda reducido á metade a Fcf é dobre. (A Fcf é igual á velocidade elevada ao cadrado). Se duplicamos a velocidade coa que circulamos a Fcf é 4 veces superior. Se triplicamos a velocidade a Fcf multiplícase por 9. Unha viraxe dun tractor nun terreo horizontal produce unha forza resultante R causada polo peso do vehículo máis a forza centrífuga, con esta manobra elevamos o centro de gravidade. Por iso, virando cara arriba sumando estes factores o risco de dar volta (envorcar) aumenta. Coa Fcf podemos contrarrestar o efecto da pendente. Cando o xiro se fai costa abaixo, a resultante, R, tende a orientarse cara o centro de gravidade.

2-Situacións perigosas e normas de seguridade

-Terreos con desnivel: En terreos con desnivel débese circular afastado de zonas con desnivel. Tamén se debe deixar un espazo moi amplo para facer unha manobra xunto a un desnivel. Se existe o risco de derrube no terreo deberanse tomar distancias de seguridade dependendo de onde estea máis firme o chan. Non é recomendable circular sobre bordos con vexetación pois poden ocultar desniveis ou fochancas. Se se circula entre parcelas que están en diferentes niveis débese tomar o acceso axeitado ou o construído para tal finalidade. Evitar subir e baixar os noiros ou paredes de desnivel. -Xiros, cambios de sentido e circulación en pendentes: A circulación a velocidades elevadas nunha curva pode provocar un envorcamento (o mesmo unha manobra rápida querendo estabilizar o tractor). Se se realizan xiros amplos hai que reducir a velocidade antes dunha curva ou, se se vai por unha pendente ou con equipos pesados, debemos cambiar o sentido da marcha. -Circulando nun plano inclinado: o punto de gravidade queda desprazado cara a liña de estabilidade lateral e a Forza centrífuga pode empurrar o tractor facendo que caia sobre o lado máis inclinado. -Os cambios de sentido na marcha sobre unha pendente deben facerse con manobras lentas para que a parte de diante do tractor quede na zona máis baixa do terreo. Irase marcha atrás para subir. Logo, para baixar, débese ir marcha atrás segundo a dirección de máxima pendente e volver virar o tractor en sentido descendente para seguir en sentido oposto (cola de andoriña). -Evitar subir pendentes acentuadas levando apeiros pesados ou remolques cargados. -Se descendemos con xiro en pendente arrastrando un remolque, débese facer coa marcha máis curta para non perder o control do tractor. -Subir as pendentes marcha atrás e baixar cara adiante. Se levamos equipo enganchado na parte dianteira do tractor débese subir para adiante e baixar marcha atrás. -É moi recomendable usar o ancho de vía máximo do tractor.

3-Irregularidades do terreo

-Non circular sobre obstáculos ou depresións do terreo porque poden ocasionar perdas de equilibrio. A maior velocidade e máis inclinación do terreo o tractor pode envorcar. -Ir a velocidades moderadas e axeitadas ao estado do terreo.

4-Sistemas de freado e aceleracións bruscas

-Durante unha circulación normal nun desprazamento os pedais de freo deben estar axustados cun ferrollo de bloqueo para que as rodas de atrás freando a un tempo. Frear de maneira descompensada pode provocar o envorcado, o mesmo cando frea unha soa roda debido á forza centrífuga. -Os freos asimétricos deben aplicarse só para terreos agrarios e velocidades moi reducidas. -Débese evitar a aceleración e o freado brusco con cambios de velocidade progresiva.

5-Chans esvaradíos

-Ir a alta velocidade por terreos inseguros e esvaradíos pode provocar unha caída. O mesmo se se circula por un desnivel. En ambos os casos recoméndase reducir a velocidade.

6-Bloqueo rodas traseiras, atrancos ou resistencias no terreo

-Non se recomenda usar calzos nas rodas motrices nin acelerar de súpeto. -O envorque para atrás pode producirse cando o eixo de atrás non pode virar, e isto fará que o chasis rote arredor do eixo elevando a parte de diante do tractor. -Sempre se recomenda o uso doutro tractor para liberar o que non se pode mover tirando del marcha atrás. -Durante os traballos no campo co tractor se este queda atrancado non se debe acelerar nin embragar de maneira brusca. Convén usar elementos ou apeiros recomendados para este labor. -Se se eleva a parte de diante do tractor deberase desembragar inmediatamente para que o tractor volva a unha posición segura.

7-Circulación con equipos acoplados

-Usar equipos suspendidos que polo seu peso ou dimensións non fagan envorcar. Lembrar que cando se colocan equipos ao tractor o centro de gravidade trasládase aos límites da zona de estabilidade. Todo dependerá de onde se coloquen e do seu peso. -Os equipos deben ter unhas dimensións e peso óptimos que non ofrezan resistencia ao avance do tractor creando movementos perigosos. -Arando deberase evitar volteo do arado durante o mesmo momento que se vira o tractor durante os cambios de sentido do labor, (voltear sempre antes ou despois do cambio de sentido da marcha). -Cando se opere lateralmente por pendentes, os equipos enganchados deberán estara adaptados á parte superior da pendente achegándose o máximo ao chan. -Non remolcar cargas acopladas no punto máis alto do enganche tripuntal do tractor, isto aumenta o ángulo de tiro e o apancamento da carga. A acción provocará que o centro de gravidade se aproxime á liña de estabilidade traseira. Recoméndase usar unha barra de tiro. -Colocaranse os contrapesos diante se levamos remolque con carga ou equipo suspendido. Isto mellora a estabilidade e mantén o punto de gravidade. -Aumentarase a velocidade de maneira progresiva. -Comprobar que o lastrado é idóneo para cada situación de traballo consultando o manual de instruccións do acoplado.

8-Cargador frontal

-A elevación da pa do cargador frontal despraza o centro de gravidade cara adiante e arriba, reducindo a estabilidade e aumentando o risco de envorco. Para evitar isto, é mellor usar un contrapeso recomendado. -Colocar a carga tan perto do chan como sexa posible antes de iniciar o desprazamento. -Se o tractor levanta de atrás a pa bate ao chan antes de que o tractor envorque. -Verificar a ausencia de obstáculos, depresións, etc. -Os desprazamentos e xiros deberán efectuarse a baixa velocidade e a pa deberá estar baixa antes de xirar. Recoméndase non baixar pendentes coa pa cargada.

9-Estruturas para evitar envorcos

-Uso de ROPS (Roll Over Protective Structure), estruturas que evitan ou limitan riscos ao condutor no caso de perda de punto de gravidade do tractor durante o seu uso habitual. -O ROPS absorbe a enerxía de impacto. -O condutor pode acabar esmagado se non se usan ROPS. -Dun bastidor: leva dous postes. -De dous bastidores: leva catro postes. -Poden ser dous postes colocados diante do condutor ou detrás. -Fixos ou abatibles. Estes últimos deberán estar homologados e cando se usen estarán ben despregados. A instalación de ROPS: Séguese o Anexo I do Real Decreto 1013/2009, páxina 19, onde figuran as datas de entrada para o uso obrigatorio dos ROPS, aínda que son moitos os tractores que non os usan. Ante a falta de ROPS as solucións pasan por mercar un novo tractor que os teña instalados de serie. Isto supón un custo elevado por iso poden colocarse ROPS sobre tractores xa en uso. Os ROPS deberán estar homologados e ensaiados para o modelo de tractor sobre o cal se colocarán (bases na web do MAPA). En caso de non haber ROPS homologados para un modelo determinado poden instalarse conforme ao establecido no Manual de Reformas Vehiculares. Tamén pode seguirse este procedemento para substituír ROPS danados.

10-Cinto de seguridade

O cinto deberá estar dentro da zona de seguridade da ROPS seguindo o Regulamento da UE número 167/2013, que obriga a inclusión do cinto de seguridade na homologación do tractor (agás tractores de categoría T3 e C3 con masa en baleiro a 400 kg). A instalación do cinto seguirá as pautas establecidas no Real Decreto 866/2010. Se non ten puntos de ancoraxe deberanse instalarse uns homologados ou, substituír por un novo asento con puntos de ancoraxe.

Descarga aquí a guía sobre “A túa vida sen voltas”

Prevención de problemas músculo-esqueléticos no traballo con gando vacún

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ofrece unha guía para que os e as traballadoras en granxas de gando vacún poidan desenvolver o seu labor evitando o risco de padecer dores e outros problemas nos músculos e articulacións (transtornos músculo-esqueléticos ou TME) durante a súa actividade.

Boas prácticas

O punto de partida é un decálogo de boas prácticas recomendadas para evitar o cansazo e a fatiga, ademáis dos problemas derivados da actividade continua. Estas son as dez claves para previr os TME neste tipo de actividade laboral: 1- Realizar exercicios de quecemento e estiramento de pescozo, ombro, brazos, pernas e lombo, antes de comezar a xornada laboral en calquera época do ano. 2- Cada 2 horas recoméndase facer pausas acompañadas de estiramentos da musculatura do pescozo, os ombros, os brazos, as pernas e o lombo de cara a evitar sobrecargas sempre que sexa posible. 3- Usar roupa axeitada á temperatura: Nos días de calor levar roupa adecuada así como empregar protección solar e nos días de baixas temperaturas empregar prendas que axuden a manter a temperatura corporal e evitar as contracturas. 4- Empregar ferramentas lixeiras e con suxección ergonómica cando sexa posible evitando así altos niveis de esforzo e adaptalas ás características da persoa que as manipula. 5- Os asentos dos tractores deberán ter sistemas de amortecemento para reducir impactos e vibracións na zona lumbar. 6- As costas deberán manterse rectas coas pernas flexionadas (para enviarlles a carga) e cos pés separados (máis equilibrio) cando se realicen tarefas con ferramentas. 7- Nos movementos durante a manipulación de cargas con ferramentas é recomendable moverse lentamente e de maneira suave, e recoller pouca carga (mellor realizar o dobre de repeticións coa metade de carga). 8- As ferramentas deberán usarse coas dúas mans, con luvas axustadas e os pulsos rectos. A suxección deberá realizar agarrando totalmente o mango (sobrepoñendo os dedos polgar e índice). 9- Alternar os traballos co tractor e outras tarefas durante a xornada. 10- Espaciar o máximo posible no tempo as tarefas que presenten maior risco de transtorno músculo-esquelético. A seguir infórmase dunha serie de tarefas que reúnen factores de risco de TME:

En explotacións de leite:

-Muxir o gando -Facer as camas -Pasar unha pá para retirar as bostas -Sacudir a malla para quitar as bostas secas -Acomodar e pasar o engazo por debaixo da malla -Alimentar o gando -Retirar o sobrante do comedeiro -Descompactar o silo -Repartir o silo de herba coa galleta ou forcada

En explotacións de carne:

-Facer a cama - Retirar o esterco -Padexar o esterco -Carrexar o estrume á corte -Padexar o estrume -Acomodar o estrume -Alimentar o gando - Desfacer a paca de herba -Carrexar a herba ó comedeiro -Limpar ó redor e debaixo dos comedeiros -Repartir herba no comedeiro -Traballo de campo (con tractor e apeiros) -Conducir o tractor mirando cara adiante -Conducir o tractor mirando cara atrás

Exercicios de quecemento

Estes exercicios faranse sempre e cando non haxa contraindicación médica. 1) Exercicios de quecemento para ombros e pescozo -Pescozo: 10 xiros á dereita 10 xiros á esquerda -Coa man sobre a cabeza tirando á esquerda e dereita: 20 segundos á dereita 20 segundos á esquerda -Empurrando cara adiante a cabeza colléndoa coas mans pola caluga (20 segundos) Empurrando cara a arriba a cabeza cos puños pechados (20 segundos) -Brazos erguidos e xirando o tronco (20 segundos): 10 xiros cara adiante 10 xiros cara atrás -Cruzando alternativamente o brazo dereito e logo o esquerdo, tocando coa man o omóplato contrario, xirar a esquerda e dereita: 20 segundos á dereita 20 segundos á esquerda -Levantando os brazos sobre a cabeza e cruzando as palmas das mans para estirar músculos (20 segundos) -Apoiando o brazo dereito e logo o brazo esquerdo contra a parede facendo forza para estirar pectorais: 20 segundos o dereito e 20 segundos o esquerdo 2) Exercicios de quecemento para brazos e pernas: -Subir os brazos e entrelazar as mans sobre a cabeza (20 seg) -Estirar os brazos cara a adiante entrelazando as mans á altura do peito (20 seg) -Dez xiros coas articulacións de cada man -Abrir pernas e ir pouco a pouco dobrando até tocar coas mans o chan. (20 seg) -Posición sentado en “flor de loto” para estirar músculos internos das pernas (20 seg) -Xiros cos xeonllos, dez á dereita e dez á esquerda -Traer a perna co xeonllo dobrado co pé mirando cara o lado contrario cara o peito (20 segundos cada perna) -Facer “zancada” cunha perna dobrada 90º e a outra cara atrás dobrada 90º sen tocar o chan co xeonllo (20 segundos cada perna) 3) Exercicios de quecemento lumbar: -Xiros rotando os cadrís (dez á dereita e dez á esquerda) -Xiros rotando o tronco sobre os cadrís (dez á dereita e dez á esquerda) -Dobrar cara atrás as costas mantendo a zona lumbar dereita e a cabeza cara atrás (20 segundos) -Abrir as pernas e levar o tronco guiado coas mans a dereita e esquerda (20 segundos á dereita e 20 segundos á esquerda) -Dobrar o tronco lateralmente á esquerda e dereita cos brazos estirados e collidos das mans (vinte segundos á dereita e vinte segundos á esquerda) -Dobrar lentamente cara adiante e tocando coas palmas das mans no chan dobrando lixeiramente os xeonllos (20 seg) -Dobrar cara adiante deixando caer a cabeza, o tronco e os brazos sen tocar o chan (20 segundos) -Deitados levaremos o xeonllo da perna ao peito axudándonos coas mans (20 segundos cada perna)

Exercicios de acondicionamento:

-Día 1: -Apoiados en mans e pés mirando cara arriba, ergueremos unha perna e xiraremos á esquerda e dereita. Faremos tres series con dez repeticións en cada perna. -Deitados no chan coas pernas dobradas ergueremos a zona lumbar cos brazos extendidos para apoiarnos a cada lado. (3 series e dez repeticións) -Deitados, viraremos a cabeza á dereita co brazo dereito, a perna dereita dobrarémola cara a esquerda colléndoa coa man esquerda (3 series de 10 segundos) -Collendo un peso lixeiro coas mans inclinaremos cara adiante erguendo cara atrás unha das pernas aguantando o equilibrio coa outra. (3 series e 10 repeticións con cada perna) -Anasados, collendo un peso lixeiro coas mans, subiremos amodo até colocar o peso sobre a nosa cabeza. (3 series de 10 repeticións) -Levantamento de pesos coas dúas mans estirando os brazos até a fronte (3 series de 10 repeticións) -Deitados lateralmente levaremos un brazo até tocar coa palma da man o ombreiro contrario (3 series de 10 repeticións) -Día 2: -Sentados, coas pernas dobradas xeonllos cara arriba, rotación de tronco a esquerda e dereita (3 series de 10 repeticións a cada lado) -Deitados boca abaixo faremos unha plancha estirando o corpo (3 series de 10 repeticións) -Apoiados en mans e xeonllos dobraremos as costas cara arriba contraéndoas (3 series de 10 repeticións) -Dereitos, deixaremos caer levemente o tronco cara adiante mirando na mesma dirección botando cara atrás os glúteos para volver á primeira posición (3 series de 10 repeticións) -Cun peso collido coas mans e coas pernas abertas subiremos e baixaremos mantendo o equilibrio e glúteos cara atrás (3 series de 10 repeticións) -Colleremos dous pesos, un en cada man, e elevaremos amodo até poñer as mans á mesma altura dos ombros (3 series de 10 repeticións) -Tumbados de lado, apoiando a cabeza nunha man, aguantaremos un peso coa man libre e logo, apoiando o antebrazo estendido sobre o corpo, levantaremos o peso desde o cóbado coa man (3 series de 10 repeticións de cada lado) -Día 3: -Tumbados cos pés para arriba, pernas elevadas, apoiándonos nas mans e brazos estendidos, levantaremos a área lumbar movendo as pernas para máis arriba (3 series de 10 repeticións) -Planchas laterais apoiando sobre o cóbado do brazo aguantando en liña recta e apoiando sobre os pés. (3 series de 10 repeticións por cada lado) -Apoiados nas mans e xeonllos estiraremos para adiante un brazo e unha perna para atrás (3 series de 10 repeticións por cada lado) -Zancadas de 90º co xeonllo que movamos e o mesmo que o outro só que non pode tocar o chan. Levaremos pesos en cada man (3 series de 10 repeticións cada lado) -Planchas con brazos ou flexións con brazos (3 series de 10 repeticións) -Movemento cara adiante e cara a atrás cos brazos dobrados con pesos en cada man, alternando (3 series de 10 repeticións) -De pé, extenderemos o brazo de lado e dobraremos en 90º o cóbado para adiante aguantando un peso. Subiremos o brazo desde o cóbado co peso apuntando cara arriba (3 series de 10 repeticións en cada brazo)

Para non esquecer:

-Facer rutinas de quecemento e estiramento de pescozo, ombros, brazos, pernas e lombo, antes do inicio da xornada. -Realizar pausas de polo menos 10 minutos cada 2 horas para descansar, e facer sempre que sexa posible estiramentos de pescozo, ombros, brazos, pernas e o lombo. -Empregar ferramentas lixeiras e con empuñadura ergonómica (para reducir os esforzos de manipulación), e incorporar asentos con amortecemento nos tractores (para protexer a espalda das vibracións). -Nas tarefas con ferramentas, manter o lombo recto, coas pernas flexionadas (para trasladarlles a carga) e os pés separados (para obter un maior equilibrio e seguridade). -Nas tarefas de manipulación de cargas con ferramentas realizar movementos suaves, e procurar recoller pouca carga (sempre é mellor facer o dobre de repeticións coa metade de carga). -Manexar as ferramentas coas dúas mans, empregando luvas ben axustadas, mantendo os pulsos rectos, e agarrando totalmente o mango (superpoñendo os dedos polgar e índice). -Manter unha alimentación equilibrada, e evitar os hábitos pouco saudables (alcohol, tabaco, etc.). -Realizar bos descansos fóra do traballo. Durmir ben é fundamental para que o corpo se recupere e evitar lesións. -Acondicionar o corpo polo menos 3 días á semana: traballar a elasticidade, practicar pilates ou facer exercicios de fortalecemento muscular. -Ao longo da xornada, tentar espaciar o máximo posible no tempo as tarefas que presentan un maior risco de TME.

Descarga aquí a guía do Issga para previr os trastornos músculo-esqueléticos nas ganderías de vacún

Riscos a ter en conta nas cortas forestais

O sector forestal galego é unha fonte de riqueza e de xeración de emprego para o rural, cunha facturación de máis de 2700 millóns de euros en 2022. E unha peza clave en toda a cadea monte industria é a realización dos aproveitamentos forestais, unha tarefa na que existe unha importante marxe de mellora para reducir a sinistralidade laboral. Neste sentido, desde o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), centro dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, acaban de realizar en Mondoñedo e Lugo dúas xornadas técnicas de sensibilización sobre os riscos nos aproveitamentos forestais, en colaboración coa Asociación de Primeira Transformación da Madeira de Lugo (LugoMadera), e que foron impartidas por Miguel Ameijide Seijas, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais e enxeñeiro técnico forestal na devandita asociación.

1) Sinalizar os aproveitamentos forestais

Como punto de partida para reducir os riscos de accidente resulta clave planificar os aproveitamentos forestais, e un primeiro paso para iso sería sinalizar a zona onde se vai a realizar a corta de madeira. "Sinalizar os aproveitamentos forestais é o comezo dunha boa planificación", subliña o técnico de LugoMadera. E é que os traballadores, o persoal de mantemento ou os transeúntes poden verse ameazados polos traballos forestais realizados nas proximidades de estradas, camiños, etc. Por tanto, as pistas, camiños forestais, rurais, etc. que dan acceso aos aproveitamentos forestais deberán estar sinalizados indicando a toda persoa que poida circular por eles os riscos que implica o aproveitamento. Existen distintos modelos de sinalización, pero en todo caso, deben ser claras e visibles, tanto para traballadores como para terceiros, e é preciso revisalas periodicamente para cerciorarse de que están ben colocadas. A sinalización debe informar sobre os perigos, as prohibicións e obrigacións de todos os traballadores que accedan.

2) Planificar como se vai a realizar o aproveitamento forestal

O seguinte paso antes de realizar a curta sería planificar como se vai a realizar o aproveitamento forestal, para o que existen distintos modelos de documentos por parte do Issga. Na devandita planificación débese deixar constancia dos seguintes datos: -Datos do aproveitamento: quen promove, monte, polígono, parcela, data, municipio, provincia -Relación de traballadores que traballan no aproveitamento -Empresa ou empresas que interveñen no aproveitamento -Identificar as máquinas que interveñen no aproveitamento -Identificar as máquinas e que equipos desenvolven os traballos Pero tamén no documento débese: -Identificar os factores de riscos que existen no aproveitamento -Identificar os factores de riscos que atopamos nos aproveitamentos para dar as instrucións de seguridade.

3) Factores de riscos que podemos atopar nun aproveitamento forestal

A este respecto, debemos identificar e analizar os distintos factores de riscos que podemos atopar nun aproveitamento. En concreto, debemos dar instrucións aos traballadores: -Se temos liñas eléctricas no aproveitamento. -Se nos atopamos árbores enganchadas e/ou apeadas. -Informar das condicións orográficas que podamos atoparnos (pendentes, precipicios, etc.) -Se existe presenza de niños de avispas velutinas.

4) Factores meteorolóxicos: a calor

As altas temperaturas poden provocar golpes de calor aos traballadores forestais, polo que tamén se deben extremar as precaucións neste sentido. A este respecto, o Ministerio de Sanidade ofrece un sistema gratuíto para recibir no correo electrónico e no teléfono móbil a predición das temperaturas e do nivel de risco da provincia solicitada. https://www.sanidad.gob.es/ciudadanos/saludamblaboral/planaltastemp/2023/home.htm

5) Medidas preventivas contra o frío, a choiva e os fortes ventos

Para unha planificación correcta dos aproveitamentos forestais debemos ter en conta as condicións meteorolóxicas adversas para poder paralizar os traballos no caso de que sexa necesario. Os traballadores deben ter medidas de abrigo e protección fronte ao frío e a choiva e a dirección, mentres que a intensidade e dirección do vento é un importante factor a ter en conta nos aproveitamentos forestais.

6) Medidas de emerxencia:

Débese xeolocalizar a parcela e xeolocalizar tamén un punto de encontro para que poidan chegar os medios externos a prestar auxilio a calquera persoa accidentada. Lémbrase que o teléfono de emerxencias é o 112. "A organización en caso dunha emerxencia salva vidas", conclúe Miguel Ameijide.

Prevención de riscos laborais no sector agrogandeiro para mulleres embarazas e lactantes

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), ten a disposición da cidadanía unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”. Estes son os puntos clave a ter en conta para reducir os riscos para a saúde das mulleres: 

1) Características da muller en situación de embarazo, posparto e lactación

Como punto de partida hai que ter en conta que o embarazo supón unha serie de cambios na muller cuxo obxectivo é asegurar a supervivencia e o axeitado desenvolvemento do fetol. Malia ser un proceso fisiolóxico, o certo é que algúns destes cambios poden limitar a capacidade funcional da traballadora grávida e a súa tolerancia a determinadas condicións da contorna laboral. Os cambios máis relevantes da muller embarazada maniféstanse a nivel circulatorio, no peso corporal, na postura e no equilibrio, na lasitude ligamentosa e na frecuencia urinaria. Durante o posparto a muller presenta cambios tales como molestias urinarias, cansazo, alteracións emocionais, falta de sono, incontinencia urinaria que poden limitala na realización das súas tarefas. E no período de lactación a traballadora pode ter molestias a nivel físico coma sensibilidade nos seos, presenza de gretas ou mastite; dificultades para a produción de leite por substancias químicas ou por condicións de traballo estresantes; inconvenientes á hora de poder compatibilizar a xornada laboral coas tomas, así como no desenvolvemento daquelas tarefas nas que existan axentes nocivos que se poidan transmitir por contacto ou polo leite materno.

2) Boas prácticas para evitar os riscos no embarazo e na lactación

Riscos físicos:

-Calor ou frío extremos:en xeral considéranse situacións ambientais con posible risco para o embarazo aquelas nas que a temperatura é maior de 28°C ou menor de 10°C. Como medidas preventivas aconséllase: • Empregar roupa de traballo adecuada á temperatura. • Non realizar traballos en lugares ou momentos do día con altas ou baixas temperaturas. • Beber líquidos con frecuencia.

Ruído:

A exposición a ambientes ruidosos no traballo é prexudicial para a embarazada e para o feto. A protección da nai non elimina o risco para o feto. Medidas preventivas: • Evitar os ruídos molestos e intensos. • Se non pode evitar o ambiente ruidoso, reducir o tempo de exposición, cambiar o momento de realización da tarefa ou trocala con outra persoa.

Vibracións:

Estar exposta ás vibracións cando se utilizan tractores, colleitadoras, empacadoras, debulladoras, sementadoras, pas mecánicas, etc. e no manexo de equipos manuais como motocultores, motoserras, rozadoiras, etc. que pode ser prexudiciais para o embarazo.  Como medidas preventivas suxírense: • Evitar ou reducir o seu uso sempre que se poida. • Vixiar o estado das ferramentas ou maquinaria agrícola que se vaia utilizar.

Radiación non ionizante:

A exposición a campos electromagnéticos, ultravioletas, infravermellos, radiofrecuencia, microondas e ultrasóns poden ter efectos adversos para o embarazo e o feto. Como medidas preventivas aconséllanse: • Evitar a exposición durante o embarazo e a lactación.

Caídas, golpes e choques:

Ao realizar traballos en altura, en chans esvaradíos, ao traballar entre animais, usar ferramentas e maquinaria agrícola, etc., pódense sufrir accidentes que che causen lesións á muller e ao feto. Medidas preventivas: • Evitar os traballos sobre superficies elevadas, inestables ou escorregadizas. • Evitar as tarefas nas que se poida recibir golpes. • Tentar non circular por terreos irregulares e conducir a baixa velocidade, sen freadas ou sacudidas fortes.

Riscos químicos:

Algúns produtos químicos poden ser perigosos para o embarazo e a lactación natural. Entre estes encóntranse os canceríxenos, os mutáxenos, os tóxicos para a reprodución, os alteradores hormonais e os neurotóxicos que se poden atopar en praguicidas, deterxentes, disolventes, etc. Medidas preventivas: • Ler a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que se empreguen, onde informan se é perigoso para mulleres embarazadas ou para a lactación natural. É preciso fixarse nas frases R ou H que indican perigo para o embarazo e a lactación. • Se é perigoso, é necesario cambialo por outro que non o sexa se é posible, e senón seguir as medidas preventivas que indica o fabricante do produto. • Traballar con ventilación axeitada para reducir a concentración ambiental de partículas coma o po e a néboa, vapores e gases perigosos. • Usar equipos de protección individual (EPI) axeitados e en bo estado. • Gardar e lavar por separado a roupa de rúa e a de traballo. • Coidar a hixiene persoal durante o traballo e nunca comer, beber ou fumar se se están a manipular produtos químicos.

Riscos biolóxicos:

Algunhas enfermidades infecciosas contraídas durante o embarazo poden producir danos no feto. Transmítense polo contacto con animais, produtos de abortos ou partos, estercos, xurros, augas residuais, solos e materiais contaminados por virus, bacterias, endoparásitos…, coma por exemplo, a Brucella abortus, a Listeria monocytogenes e o Toxoplasma gondi. Medidas preventivas: • Realizar ás inspeccións sanitarias aos animais. • Evitar o contacto con animais enfermos ou mortos, coas súas placentas ou outros tecidos e cos materiais contaminados, esterco e xurros. • Eliminar os residuos biolóxicos de forma axeitada. • Empregar equipos de protección axeitados: luvas, máscara, roupa e calzado. • Gardar e lavar por separado a roupa de traballo e a de rúa. • Seguir normas de hixiene persoal, lavar as mans con frecuencia. • Limpar e desinfectar os lugares e os materiais de traballo.

Riscos ergonómicos e psicosociais:

Sobre os riscos ergonómicos, as posturas forzadas que se manteñen durante moito tempo poden resultar daniñas para a embarazada e o feto, por exemplo, cando se traballa de crequenas, axeonllada, sentada, de pé ou co tronco inclinado. Medidas preventivas: • Realizar cambios posturais frecuentes. • Realizar pausas para descansar ao longo da xornada laboral. • Utilizar roupa e calzado cómodos. • Recoméndase usar medias de compresión venosa A manipulación manual de cargas e a aplicación de forza ao arrastrar ou empurrar poden producir danos á traballadora grávida e durante a lactación debido aos cambios fisiolóxicos propios deste estado, como é o aumento de volume do abdome que dificulta o manexo das cargas. Medidas preventivas: • Evitar aquelas manipulacións que supoñan un risco de sufrir golpes a nivel do abdome. • Durante os seis primeiros meses de embarazo: - Se o manexo de cargas é reiterado, o peso máximo recomendado é de 5 quilos. - Se o manexo de cargas é intermitente, o peso máximo recomendado é de 10 quilos. • A partir do sétimo mes de embarazo, evitar a manipulación manual de cargas. Os riscos psicosociais tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: Estes riscos tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: - No caso de traballadoras do campo hai que ter en conta o horario de traballo, as xornadas prolongadas, o ritmo de traballo imposto pola tarefa, o gran volume de traballo en determinadas épocas do ano, o estrés derivado dos investimentos, do uso de novas tecnoloxías, o aumento da burocracia, e as posibles perdas económicas. - No caso de traballadoras forestais: illamento, inestabilidade laboral, problemas para conciliar a vida laboral e familiar, etc. Medidas preventivas: • Evitar as xornadas prolongadas. Tentar facer unha xornada diaria igual ou menor de oito horas. • Evitar a sobrecarga de traballo, reducir o volume e o ritmo. • Realizar pausas máis longas e frecuentes. • Procurar ter un asento ou apoio axeitado cando se realizen tarefas de pé. • Adoptar medidas que permitan a conciliación da vida laboral e familiar. • Evitar situacións de estrés. • Favorecer as condicións axeitadas para a lactación.

12 Consellos útiles:

1- Protéxete da calor, do frío extremo e dos ambientes húmidos. Utiliza roupa e calzado cómodo, seguro e axeitado á estación do ano.

2- Tenta facer pausas frecuentes, evita as xornadas longas, descansa e durme as horas necesarias.

3- Bebe auga e toma refrixerios nutritivos sempre que sexa posible. Non debes saltar as comidas por mor do traballo.

4- Evita os ruídos molestos e intensos. Os protectores auditivos protéxente a ti pero non ao feto, en especial, a partir do quinto/ sexto mes de embarazo.

5- Reduce o traballo con maquinaria para non estar exposta a vibracións nin a ruídos.

6- Evita levantar pesos, facer esforzos, realizar movementos bruscos e adoptar posturas forzadas.

7- Se traballas de pé, débeste sentar de cando en vez.

8- Non fagas traballos sobre superficies elevadas, inestables nin preto dos animais.

9- Emprega equipos de protección individual axeitados.

10- Le sempre a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que vaias manipular porque poden ser prexudiciais para o embarazo, o feto e a lactación.

11- Evita o traballo con esterco, xurro e animais enfermos ou mortos.

12- Evita, sempre que sexa posible, as tarefas estresantes.

Descarga aquí a guía completa do ISSGA

Aprender a través de xogos para reducir os accidentes no sector forestal, unha nova técnica que se implanta con éxito en Galicia

Adaptar a formación en prevención de riscos laborais á nova realidade social, cunha cada vez presenza cada vez maior das novas tecnoloxías na nosa vida cotiá, para reducir a sinistralidade laboral no sector forestal. Esa é a idea que levou ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), centro dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a apostar pola gamificación; é dicir, o emprego de mecánicas de xogo en contornas e aplicacións non lúdicas co fin de potenciar a motivación, a concentración, o esforzo, a fidelización e outros valores positivos comúns a calquera xogo. Deste xeito, o Issga comezou a programar no ano 2021 cursos de “Gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal”, que se impartiron en diferentes centros formativos de Galicia. En concreto, neste 2023 impartíronse 3 cursos no CFEA de Lourizán, un no IES San Rosendo de Mondoñedo; outro no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e outra formación no CFEA de Sergude. Cada curso ten unha duración de 15 horas lectivas repartidas en tres xornadas e nas que participan entre 10 e 20 alumnos e cun carácter eminentemente práctico. Así, o alumnado dispón dos medios técnicos e materiais para o desenvolvemento das accións formativas (motoserras, material de mantemento e reposto, equipos de protección individual – cascos con pantalla e protectores auditivos, perneiras anticorte, botas de seguridade e luvas anticorte, ...). O persoal docente conta cunha ampla experiencia académica e profesional na rama forestal e en prevención de riscos laborais. Precisamente para coñecer de primeira man como son estes cursos e as vantaxes que supón a gamificación, falamos con Segundo Ruiz Lemos, Enxeñeiro Técnico Forestal, e que leva impartidos varios destes cursos. -En que consiste a gamificación e que vantaxes supón a nivel pedagóxico? A gamificación é unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo ou profesional coa finalidade de acadar mellores resultados, ben sexa para asimilar mellor certos coñecementos ou para mellorar algunhas habilidades concretas, entre outros obxectivos. Este tipo de aprendizaxe vén gañando terreo nas metodoloxías de formación debido ao seu carácter lúdico, que facilita a interiorización de coñecementos dunha forma máis amena, xerando unha experiencia positiva no alumnado. O modelo de xogo realmente funciona porque consegue motivar aos alumnos, desenvolvendo un maior compromiso das persoas, e incentivando o ánimo de superación. Para elo empréganse unha serie de técnicas mecánicas e dinámicas extrapoladas dos xogos. -No caso concreto da formación para a prevención de riscos laborais no sector forestal, que vantaxes aporta? A formación en materia de prevención de riscos laborais é un tipo de formación que o alumnado percibe como tediosa e pouco dinámica. Ao incluír a gamificación nesta tipoloxía de formación acadamos unha maior implicación por parte dos participantes, o que conleva maior atención e asimilación de conceptos con moita máis facilidade. Mediante simulacións, coa aparencia de xogos, relacionadas con acontecementos ou procesos da actividade forestal, preténdese analizar e anticipar situacións de risco sen prexuízo do posible erro por parte do alumno. Nun sentido amplo, a través do xogo, logramos influír nos hábitos dos usuarios no ámbito da prevención de risco laborais durante a realización de diferentes actividades propias do sector forestal. -Que levou ao Issga a apostar por esta modalidade de formación? Como dixen antes, este tipo de formación é moito máis dinámica e amena para o alumnado o que propicia un maior aproveitamento por parte dos participantes. Apostar por este tipo de formación, ademais de facilitar o proceso de aprendizaxe e a asimilación de conceptos, aporta unha maior formación de carácter práctico aos participantes. -Por qué motivos se está a empregar a gamificación na formación en centros de ensino e non tanto para os profesionais xa en activo no sector forestal? O uso da gamificación na formación, en xeral, ten moita mellor acollida entre un perfil de alumnado máis novo, xa que os profesionais en activo no sector forestal, posiblemente debido á súa idade, son algo máis reticentes, de entrada, a un tipo de formación no que teñen que participar de xeito máis activo e a través de diferentes simulacións ou dinámicas grupais. Isto non quere dicir que na formación que levamos a cabo para profesionais en activo no sector forestal non se empregue tamén a gamificación. De feito tamén a empregamos, aínda que en menor medida. -Que destacarías da acollida dos cursos de gamificación por parte do alumnado? Os cursos de gamificación están tendo unha moi boa acollida por parte do alumnado participante. De feito, o Issga leva ofertando esta formación, aos centros de Formación Profesional da familia agroforestal, dende o ano 2021 e, en todas as edicións, o grao de satisfacción foi moi elevado. -E en concreto das actividades prácticas que se realizaron co alumnado para a prevención de riscos no sector forestal? Dentro das actividades prácticas que se realizaron co alumnado poderiamos destacar o emprego da app Alertas Issga, que é unha aplicación do Issga para informar e sensibilizar sobre as boas prácticas en prevención de riscos laborais a través dun xogo de test. Tamén ten moi boa acollida a dinámica na que os alumnos asumen o papel de xefes do equipo de traballo e son os encargados de planificar as diferentes tarefas a levar a cabo nun aproveitamento forestal centrándose na seguridade dos traballos. E, por suposto, a actividade que máis éxito ten é a de traballo real coa motoserra. Nesta actividade son os alumnos os que, supervisados polos docentes, levan a cabo o apeo e procesado de árbores. Para isto dótase aos participantes dos seus correspondentes EPI (Equipos de Protección Individual) e maquinaria. -Que melloras ou correccións consideras que é preciso introducir neste tipo de formación? Aínda que esta formación xa se imparte con grupos reducidos (máximo 15 alumnos e 2 docentes), sería ideal poder facelo cun menor número de alumnos por docente xa que, dese xeito, cada participante tería a posibilidade de realizar máis prácticas específicas coas que perfeccionar diferentes técnicas de traballo. De todos os xeitos, estamos a traballar en novas actividades para introducir en cursos futuros, que permitan unha maior interacción por parte do alumnado. Gustaríame engadir que esta formación posibilita que un elevado número de persoas adquiran unha serie de coñecementos e se familiaricen con diferentes técnicas de traballo, que no futuro incrementarán a súa seguridade e a dos seus compañeiros e compañeiras durante a súa actividade profesional no sector forestal.

“O gandeiro debe axudar a que o veterinario poda traballar de xeito seguro”

O pasado ano o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, puxo en marcha a campaña “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”, unha acción coa que se pretende reducir os accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún. A campaña, que se desenvolve en colaboración coa Consellería do Medio Rural, xa chegou a unhas 12.600 explotacións galegas cunha acollida moi positiva. Entre este ano e o 2024 prevén chegar a outras tantas para reducir o risco de accidentes tanto dos veterinarios, como das outras persoas que traballan nas ganderías. Falamos con Gema Bértoa Veiga, Enxeñeira Agrónoma e Técnica superior de seguridade e saúde laboral no Issga Lugo, e coordinadora da campaña. -No ISSGA presentastes en 2022 unha campaña específica de prevención de riscos laborais do traballo do persoal veterinario nas explotacións gandeiras, principalmente de vacún. ¿Como xurdiu esta iniciativa e que axentes están implicados? Esta iniciativa xurdiu no Grupo de Traballo de Sinistralidade, creado polo Pleno do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, do día 10 de novembro do 2020. Este grupo ten vocación eminentemente técnica e a súa finalidade é a investigación e obtención de datos sobre as causas da sinistralidade en Galicia, co obxectivo de plantexar estratexias para a súa redución. Esta campaña enmárcase dentro das actuacións do grupo, co obxectivo de reducir a sinistralidade nos sectores, actividades ou operacións que se poidan considerar de actuación prioritaria. O grupo de traballo está formado por unha parte polas Administracións Públicas (a Dirección Xeral de Relacións Laborais e o ISSGA) e por outra parte as organizacións sindicais (CIG, UGT-Galicia e CC.OO) e as Organizacións empresariais (CEG). A raíz dos traballos desenvolvidos no seno deste grupo de traballo, e trala análise da sinistralidade grave en Galicia que amosa que no sector gandeiro se producen accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún, decídese levar a cabo unha campaña dirixida a este sector denominada “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotacións de gando vacún”, que inclúe, entre outras, as seguintes medidas: 1. Elaboración de documentación técnica polo ISSGA: - Carteis: “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”; “Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable” - Cuadrípticos: “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”; “Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable” 2. Difusión de material, en formato impreso nas explotacións gandeiras, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e, en formato dixital, a través da páxina web e outros medios dixitais. 3. Sensibilización a través de redes sociais. Un dos obxectivos desta campaña é chamar a atención dos gandeiros sobre a importancia que ten o dispor de instalacións axeitadas e mantelas limpas e en bo estado, de cara a evitar accidentes, do propio gandeiro ou daquelas persoas que deban realizar traballos nelas, como é o caso dos veterinarios. Esta campaña, realízase en colaboración coa Consellería do Medio Rural e pretende concienciar da importancia da prevención destes riscos laborais existentes nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos. -Un ano despois da súa posta en marcha, como avaliades a acollida e os resultados desta campaña de prevención? A campaña ten unha duración plurianual co obxectivo de facer chegar a documentación a case 25.000 explotacións de gando vacún galegas. A día de hoxe, segundo datos proporcionados pola Consellería do Medio Rural fíxose entrega da documentación en aproximadamente 12.600 explotacións de gando vacún a través da campaña de saneamento da Consellería de Medio Rural e nas que os técnicos fixeron entrega persoal de dita documentación aos gandeiros.
 “Ata agora chegamos coa campaña a unhas 12.600 explotacións gandeiras de Galicia e a acollida foi moi boa”
Durante o ano 2023, e ao longo do ano 2024 continuarase coa campaña de reparto, facéndolle entrega da documentación a aquelas explotacións que aínda están pendentes de visitar. Os carteis foron enviados tamén aos diferentes Servizos Provinciais, para o seu reparto ás Oficinas Rurais. Está previsto facer en breve un novo reparto dirixido a todas estas oficinas. En xeral, a acollida desta acción foi moi boa. Durante o último ano notouse unha mellora nas instalacións e unha maior colaboración por parte dos gandeiros á hora do manexo dos animais. Tamén é importante destacar que por parte da Consellería do Medio Rural estanse impulsando melloras nas instalacións para evitar riscos para o gando e para o persoal actuante. Un exemplo é o plan de execución de pastizais en zonas forestais no que se prevé, dentro das actuacións a desenvolver, a instalación de mangas de manexo, das que a maioría das explotacións gandeiras non dispoñía anteriormente. -Cales son os principais riscos asociados ao traballo dos veterinarios nas explotacións gandeiras? Os principais riscos asociados ao traballo dos veterinarios nas explotacións gandeiras son, en primeiro lugar os axentes biolóxicos, seguido dos causados por seres vivos, sobreesforzos, axentes químicos, axentes físicos, golpes contra obxectos... entre outros. Cabe destacar que o principal axente material é o gando vacún e que as principais causas dos accidentes son debidas a cornadas/pisadas/patadas/mordeduras. -Cales son os erros máis comúns en canto a prevención que acaban en sinistros? Cando se produce un sinistro laboral débese principalmente á ausencia e/ou non aplicación de medidas de prevención e/ou protección durante a realización das diferentes tarefas, así como o exceso de confianza. Nas explotacións gandeiras existen riscos laborais tanto para o titular, como para o persoal traballador e as persoas que por razón do seu traballo acceden ás instalacións. Este é o caso do persoal veterinario que debe actuar nas explotacións gandeiras (campañas de saneamento gandeiro, servizos veterinarios oficiais, agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira, actuacións clínicas,...) Moitos dos accidentes nas explotacións gandeiras prodúcense cando hai proximidade ou contacto cos animais, e para evitalos é preciso ter en conta as súas reaccións, manter en bo estado as instalacións e dispor de medios adecuados para facer os traballos de forma segura. -Que medidas de prevención se deberían poñer en práctica por parte do veterinario antes de comezar os seu traballo nunha gandería? É obrigatorio e necesario coordinarse co propietario da explotación para desenvolver as actividades na explotación. O persoal veterinario debe estar informado dos traballos que se estean a desenvolver e lles poidan influír e dos riscos e medidas preventivas que compre adoptar, mediante a correspondente xestión preventiva. Ademais debe adoptar medidas de prevención para o manexo do gando, como poden ser as seguintes: - Extremar as medidas de hixiene persoal en toda a explotación pecuaria. - Manexar sempre con prudencia os animais e ter presente o seu comportamento imprevisible. - Extremar a precaución con exemplares non habituados á presenza do ser humano e/ou que leven longos períodos soltos. - En campo aberto, achegarse sempre aos animais en diagonal frontal, de xeito que o animal non se vexa sorprendido, e tampouco se sinta ameazado. - Cando se conduza o gando en grupo, evitar ir diante del. A posición lateral sempre é máis segura.
“Na corte hai que evitar pasar entre as vacas e as paredes ou os pesebres”
- Nas operacións na corte, evitar pasar entre os animais e as paredes e os pesebres, especialmente de maneira lateral ou posterior. - Para as operacións delicadas, empregar os pesebres coma parapetos. Para operacións de vacinación, inxeccións, inseminado, castración e toda operación delicada na que se corra o risco de reaccións estrañas por parte do animal, proceder sempre a unha suxeición adecuada do animal previa á operación. -As instalacións xogan un papel clave para previr accidentes nunha granxa. Neste sentido, como pode axudar o gandeiro á hora de reducir o risco de accidentes tanto por parte do veterinario como para o resto de persoas que traballan na granxa? O gandeiro debe proporcionar seguridade nas actuacións do persoal veterinario e para elo: - Debe procurar que as instalacións sexan seguras tanto para el como para o persoal veterinario e facer un manexo axeitado dos animais. - As instalacións deben estar o máis limpas posibles e sen excrementos. As superficies do chan deben ser lisas , non escorregadizas, sen chanzos e ocos que poidan causar caídas dos animais e das persoas. - Acompañar ó persoal externo que acceda á explotación e encargarse, no posible, da inmobilización dos animais e de mantelos tranquilos. - Colaborar co persoal veterinario e seguir as súas indicacións relativas a como inmobilizaloo mellor, en función da instalacións e das actuacións que vaian facer. - Asegurarse de dispor de medios para a inmobilización dos animais e de que están en bo estado. Melloralos se é posible, pois serán máis seguros para o gandeiro e para os demais. O servizo veterinario ou o servizo de prevención de riscos do gandeiro, de ser o caso, poderano aconsellar. - En todo caso, sempre que sexa posible, os animais deben estar suxeitos antes de que o persoal veterinario entre no establecemento, evitando así que os animais se asusten e escapen. - Débese evitar que, no momento da manipulación, estean animais doutras especies soltos (cans, aves de curral, porcos...) xa que poden asustar ó gando que se vai inmobilizar. Tamén se debe evitar que acudan persoas alleas ao traballo que se realiza. - Impedir que os outros animais da explotación, diferentes daqueles sobre os que se actúan, poidan golpear ó persoal veterinario: Asegurarse que exista espazo suficiente cos animais. Poñer barreiras físicas entre os animais (barrotes...) Separar o animal que se vai tratar do resto de animais da explotación. - Unha vez que se actúe sobre un animal, seguir as instrucións do veterinario relativas a retiralo e traer o seguinte. -E no manexo do gando, que pautas debemos seguir para reducir a sinistralidade? Débense seguir medidas preventivas xerais e específicas. Como medidas preventivas xerais: - Manexar os animais con prudencia, son imprevisibles. - Achegarse a eles por diante ou lateralmente, no seu ángulo de visión ou falando suavemente. - Non asustalos voceando ou facendo espaventos. - Acostumar ós animais ao manexo e ao contacto coas persoas. - Non quedar pechado nunha zona reducida xunto a animais de gran tamaño. - Conducilos en grupo por un lateral, axudado dunha vara, sen asustar ou agredir o gando. -Extremar as precaucións en situacións que poden agravar os riscos (celo, postparto, animais enfermos ou especialmente agresivos...). - Tratar de substituír canto antes os animais especialmente agresivos. No caso de traballar en cortes, currais, con coleiras ou trabadizas: - Se é posible, non entrar por detrás dos animais para evitar patadas. Se hai que traballar por detrás deles, debe existir suficiente espazo dispoñible. - Se se vai traballar por diante, non efectuar operacións a través dos barrotes con risco de atrapamento e asegurarse da inmobilización da cabeza (corda nos cornos amarrada ao lado oposto, na barra lateral ou na trabadiza...) - Se se traballa con coleiras ou trabadizas, adoptar medidas adicionais de seguridade para evitar riscos, tales como: Comprobar que os animais están inmobilizados antes de que acceda o persoal veterinario. Asegurarse de que exista espazo suficiente ou barreiras físicas cos animais. Se existen barras laterais de separación dos animais, situarse detrás delas. Cando o indique o persoal veterinario, soltar os animais de un en un. - Se se vai traballar en cortes ou currais: Non permitir o acceso ata que os animais estean inmobilizados. Evitar situarse entre dous animais. Evitar situarse ente o animal e a parede ou un elemento físico. Ademais, nas mangas: - Traballar lonxe dos barrotes verticais para evitar os atrapamentos. - Apertar ben os animais contra o lado sobre o que se vaia traballar neles. - En caso de mobilidade de cabeza do animal, reforzar a inmobilización (mediante o uso de cabezada atada con dúas voltas á manga de manexo). - Intentar situarse o máis afastado posible da manga. - En caso de ter que subirse a algún barrote da manga, vixiar as puntas dos pés e vixiar a zona de acceso para evitar danos ao baixar. -Couces e cornadas son as causas principais de accidentes co gando vacún, a veces con desenlace mortal. Que pautas deberíamos seguir para reducir estes sinistros? Ademais das medidas que describín anteriormente, deberíanse empregar sistemas de inmobilización e medidas de contención física nos animais. Algúns sistemas de inmobilización son, por exemplo: - Sistemas de amarre posto-coleira -Sistemas de cornadiza autotrabante ou trabaliza. - Sistemas de manga de manexo (metálica, de madeira...). Outros sistemas (suxeición ao comedeiro ou bebedeiro móbil, a unha parede, a unha árbore, en curral,...) Entre as medidas de contención física destacaría: - Suxeición do animal completo (mordaza torácica, poldros ou mangas...). - Suxeición da cabeza (cadea, cabezada ou cornada, mochetas, narigón ou aneis nasais...) - Suxeición dun membro anterior (levantado por un axudante con corda...). - Suxeición de ambos membros posteriores (lazada ou peso en oito, mordaza bilateral para o prega da virilla, cadea para a fixación tendinosa bilateral...). - Suxeición dun membro posterior -Cada vez son máis o persoal externo á familia que traballa como asalariado nas ganderías galegas, moitos deles de fóra de España. Para cando unha guía específica de prevención de riscos laborais para este colectivo? No ano 2015 publicouse no ISSGA unha guía de “Prevención de Riscos Laborais en Explotacións de Gando Vacún”, dentro da campaña os ATENDE do ISSGA, Agro. Neste documento descríbense medidas preventivas no mantemento dos lugares de traballo, manexo dos animais, utilización de maquinaria e equipos , manipulación manual de cargas, emprego de axentes químicos, vixilancia da sáude, risco da muller no agro, etc. -Algo máis que queiras engadir? Si. Gustaríame engadir que, neste novo curso educativo 2023-2024 ofértase un Ciclo formativo de Formación Profesional de Grao Superior da familia agraria “Gandaría e asistencia en sanidade animal”. Neste ciclo o alumnado aprenden a xestionar a produción gandeira e realizar traballos especializados de apoio a equipos veterinarios, programando e organizando os recursos materiais e humanos dispoñibles, e aplicando os plans de produción, calidade, sanidade e benestar animal, prevención de riscos laborais e protección ambiental, de acordo coa lexislación vixente. Neste ámbito, o ISSGA está estudando proporcionar aos alumnos dos centros nos que se imparte dito ciclo formativo a documentación técnica que elaborou para a campaña específica de prevención de riscos laborais do traballo do persoal veterinario nas explotacións gandeiras. Este potencial persoal traballador de explotacións gandeiras deben coñecer cales son as medidas de prevención no manexo dos animais, cales son os sistemas de inmobilización, as medidas de contención física nos animais ... , de tal xeito que, dende o inicio da súa formación profesional, integren a prevención de riscos laborais na súa actividade.

Esta información foi elaborada en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

Recomendacións para previr accidentes nos traballos de tala e roza no monte

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ISSGA, órgano técnico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais, ven marcando o sector primario, en particular a actividade forestal, como obxecto prioritario das súas accións pola súa importancia económica e no tecido empresarial galego. Neste ano 2023 unha das principais causas dos accidentes de traballo mortais é a caída dunha árbore enriba do persoal traballador; ademais, a maioría deles son traballadores estranxeiros, maioritariamente romaneses, xa que é un colectivo predominante neste sector. Isto fai necesario fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade asociada a estes postos de traballo facendo un esforzo por chegar a todo o persoal traballador traducindo os documentos a aqueles idiomas predominantes nesta actividade como é o caso do romanés. Neste sentido, o eixo principal da campaña informativa do IGGA está na prevención dos riscos laborais en dúas das operacións con maior risco nos traballos de aproveitamento forestais no monte como son a roza e tala, establecendo recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas e apoiadas/enganchadas. “É fundamental a formación e información do persoal traballador sobre os riscos máis habituais asociados a estas actividades e establecendo as medidas de protección e prevención asociadas á súa execución”, destacan dende o ISSGA. A campaña vai dirixida tanto ás empresas como ao persoal traballador do sector forestal contando coa participación activa dos servizos de prevención propios, mancomunados e alleos nesta loita contra a sinistralidade mortal.

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas

Referímonos a aquela árbore que unha vez que o motoserrista realizou os cortes para a súa corta polo pé non cae ao chan, quedando en pé sen iniciar a súa caída. Nesta situación é importante: Informar o resto de compañeiros en monte da existencia da árbore sentada. Indicar aos medios de axuda a dirección das vías de escape para a entrada e saída da árbore. Nunca abandonar o monte deixando unha árbore sentada sen sinalizar. Aplicar todas as medidas necesarias ou solicitar axuda para abatelo. Como recomendacións específicas ante unha árbore sentada aconséllase: Realiza a secuencia correcta de cortes para a corta polo pé en función das características da árbore que se vai cortar. No caso de que sexa necesario, utiliza a(s) cuña(s) para asegurar que a espada da motoserra non se quede atrapada e para dirixir a caída da árbore cara á zona planificada. Se a árbore non inicia a súa caída, toma a decisión máis axeitada á situación que se che presente: -Se observas que podes cambiar a dirección da corta e estás seguro de que cortarás a árbore sen problemas cara a esa nova dirección, e dispós de novas vías de escape, realiza un novo corte a uns 10 cm como mínimo por enriba do primeiro na dirección escollida. -Se observas que non podes cambiar a dirección da corta e que a árbore está asegurada, é dicir, que ten os cortes ben realizados respectando a bisagra obrigatoria e cunha/s cuña/s introducidas no corte de caída, podes saír da zona de influencia da árbore pola(s) vía(s) de escape sen perder de vista a árbore, pide axuda e informa ao resto de compañeiros do monte, e sinaliza a zona de influencia da árbore que está sentada cando sexa necesario. A entrada e saída a base da árbore, tanto para ti motoserrista como para os medios de axuda (p.e. maquinaria, peón etc.) realizarase polas vías de escape establecidas. Ten en conta que se a árbore non está asegurada, permanecer na base á espera de que a árbore inicie a súa caída, avisando ao resto de compañeiros de tal situación de risco, é a situación máis segura para ti. Unha vez que inicia a súa caída, abandona a base da árbore sen perdela de vista e colócate nunha zona segura para non ser alcanzado

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas / enganchadas

A árbore enganchada ou apoiada é aquela que está sostida por outras árbores próximas. Neste caso cómpre lembrar: -Non se pode permanecer / transitar na zona de influencia da árbore enganchada/apoiada se non é para abatela de xeito -Non cortar nunca unha árbore sobre a que hai outra enganchada/apoiada -Non derrubar unha árbore sobre outra árbore enchanchada/apoiada -Non gabear por unha árbore enganchada/apoiada para tentar baixada ao chan Medidas de prevención xerais a ter en conta En ambos documentos do ISGGA facilítanse as recomendacións xerais e específicas e a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas neste traballos incidindo no risco que supón unha árbore sentada ou apoiada/enganchada e na importancia de planificar, coordinarse e seguir un procedemento de traballo axeitado. Algúns dos aspectos clave son: -nunca traballar de xeito illado no monte -observar o entorno da árbore para ver se hai obstáculos -sinalización -coordinación -comprobación da dirección de caída natural da árbore -procedementos seguros e axeitados -identificación das vías de escape -realización do corte de xeito seguro -zonas de influencia de árbores enganchadas -utilización doutros medios mecánicos, etc.

Soportes da campaña en galego, castelán e romanés

Os soportes dispoñibles son tanto en formato dixital como físico e cómpre destacar que están dispoñibles en galego, castelán e tamén en romanés, como consecuencia da importante incorporación de persoas traballadoras de Romanía nos últimos anos. Deste xeito, dende o ISSGA facilitan a comunicación, a transmisión de información e o entendemento entre o resto de persoal traballador e coa empresa, cuestión que esta debe cuidar especialmente, tal como se pon de manifesto nos datos de sinistralidade laboral que reflicte o importante incremento nos accidentes de traballadores estranxeiros. O número de exemplares dispoñibles para a súa difusión é de de 4.000 nos tres idiomas (500 en castelán, 1.500 en galego e 1.000 en romanés).

Grupo de traballo

Os documentos técnicos foron elaborados polo grupo de traballo técnico de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA formado por persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España, e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo por medio do servizo de prevención mancomunado LugoMadera. Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.

Descarga aquí a alerta do ISSGA sobre recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas / enganchadas

Descarga aquí a alerta do ISSGA sobre recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas

Cursos do ISSGA sobre manexo seguro da motoserra e a rozadoira

 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), organiza 6 cursos teórico-prácticos para a prevención de riscos laborais no manexo da motoserra e rozadoira, co que se formarán preto dun centenar de persoas. As dúas primeiras edicións dos cursos serán no CFEA de Lourizán nas seguintes datas:
  • 26, 27 e 28 de abril de 9:00 a 14:00
  • 10, 11 e 12 de maio de 9:00 a 14:00

Identificación dos cursos

  • Nº de edicións: 6

  • Duración: 15 horas lectivas repartidas en tres xornadas de 5 horas cada unha

    <!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101886&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->
  • Nº de prazas por edición: 15

  • Modalidade: presencial

  • Custo dos cursos e financiamento: a asistencia a estes cursos será gratuíta para as persoas seleccionadas.

    <!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101887&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->
  • Datas: os cursos impartiranse durante os meses de abril a novembro do 2023.

  • Acreditación da formación: ao remate de cada curso o ISSGA expedirá certificado de asistencia ao alumnado.

Lugares

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101888&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Provincia

Concello

A Coruña

Narón

Brión

Lugo

O Vicedo

Lugo

Ourense

O Barco de Valdeorras

Pontevedra

Oia

 

A elección das sedes destas actividades do Issga vén motivada pola relevancia do ámbito forestal na zona, os datos de sinistralidade e a alta demanda deste tipo de formación por parte dos profesionais do sector.

Obxectivo

Proporcionar unha formación específica en prevención dos riscos laborais ás persoas traballadoras e profesionais do sector forestal e da actividade de silvicultura, coa finalidade de fomentar a adquisición de habilidades nesa materia, mellorar a calidade do traballo destas tarefas de especial risco e sensibilizar na importancia da prevención para diminuír os accidentes laborais no sector.

Programa

  • A seguridade e a saúde no traballo

  • A prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria forestal

  • Os equipos de protección individual (EPI)

  • Planificación dos traballos de aproveitamento

  • Primeiros auxilios e primeira intervención en caso de accidente

  • Prácticas de manexo seguro da motoserra

  • Prácticas de manexo seguro da rozadoira

A parte práctica ten unha importancia fundamental no desenvolvemento do programa formativa en canto supón case a totalidade da formación, que se desenvolve na maior parte na parcela seleccionada en cada concello identificando os dispositivos de seguridade das máquinas, realizando os labores de mantemento, montaxe e desmontaxe e o seu manexo utilizando diferentes técnicas de traballo.

Destinatarios

Diríxense a persoas en activo que desenvolven a súa actividade no sector agrario, forestal e de xardinaría.

En canto aos criterios de selección, terán prioridade aquelas persoas con vinculación laboral ou formación (previa ou actual) na materia; unha vez seleccionado este grupo por orde de inscrición, selecciónanse o resto de persoas, tamén seguindo a mesma orde.

Ás persoas seleccionadas facilitaráselle os equipos de protección individual (EPI) necesarios para o seu desenvolvemento.

Inscricións

O ISSGA publicará a correspondente convocatoria na súa páxina web, https://issga.xunta.gal/gl, a manterá actualizada toda a información relacionada con esta actividades formativa.

Sector forestal

A formación diríxese a un sector estratéxico da economía galega e pretende sensibilizar ao persoal en materia preventiva, ampliando as súas capacidades e favorecendo a aprendizaxe continua sobre a materia.

Motoserra e rozadoira

Estas dúas ferramentas atópanse entre as máquinas de traballo que maior sinistralidade ocasionan no sector forestal, principalmente nas actividades da silvicultura e explotación forestal, aínda que tamén en xardinaría, nas que son máquinas imprescindibles nos traballos de corta polo pé, a derrama, a tronza ou a poda de árbores, entre outros.

A motoserra é unha máquina con elementos afiados que traballa a gran velocidade e ten gran poder de corte. Os principais riscos no seu uso son os seguintes:

  • Rebote

  • Retroceso

  • Tiróns bruscos

  • Exceso de percorrido de corte

  • Desvío da traxectoria de corte

  • Rotura da cadea

  • Caídas, tropezóns e esvaróns

  • Vibracións

  • Cortes e golpes

  • Sobreesforzos

  • Queimaduras/incendios

  • Proxeccións

  • Ruído

  • Factores biolóxicos

  • Climatoloxía adversa

Antes de usar estas máquinas é de vital importancia coñecer o seu funcionamento e os sistemas de seguridade e protección.

Ningún equipo de protección individual (EPI) ou accesorio de seguridade ofrece unha protección absoluta contra as lesións e tampouco substitúe unha técnica de traballo segura. Polo tanto, é imprescindible observar os consellos de seguridade incluídos nas instrucións de uso tanto do EPI como da máquina.

É fundamental acadar a plena integración da prevención en todos os labores, procesos e actividades do ámbito forestal, desde antes do comezo do traballo ata a desmontaxe da maquinaria sen esquecer o seu mantemento e sistemas de seguridade así como os aspectos relacionados coa planificación dos traballos á hora do recoñecemento previo da parcela e a organización do método de traballo.

Aspectos clave dos cursos ISSGA

  • Destinados a un sector prioritario, estratéxico e preferente da economía galega como é o forestal

  • Dan continuidade ás accións realizadas neste sector nos últimos anos polo Issga, achegando información sobre o uso seguro de equipos de traballo, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de formación presenciais, de carácter eminentemente práctico e con prácticas reais

  • Integradores da PRL dende a formación

  • Sensibilización do persoal en materia preventiva

  • Enfoque amplo, máis alá das responsabilidades legais

  • Mellora e aumenta das capacidades e a eficacia do persoal traballador

  • Fomento e promoción da aprendizaxe permanente e o desenvolvemento profesional continuo

  • Responden á realidade galega actual de sinistralidade

  • Alto grao de demanda

  • Perfil do alumnado con distinto grao de experiencia e formación

  • Gratuítos

  • Facilítanse os equipos e os EPI

  • Contidos con especial fincapé na planificación, procedementos, instrucións e operacións con maior risco

  • Contidos formativos consensuados co grupo de traballo de sinistralidade laboral e postos en coñecemento do grupo de traballo técnico no ámbito forestal co obxecto de coñecer as necesidades e poñer en común a realidade de empresas e persoal traballador do sector

Curso sobre primeiros auxilios no sector agroforestal

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- ten previsto celebrar a semana que vén no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo, un curso sobre primeiros auxilios no sector agroforestal. Dita formación celebrarase en horario de tarde -de 16,00 a 20,00 horas- os vindeiros xoves 19 e venres 20 de maio.

O obxectivo do curso é resolver de maneira efectiva situacións derivadas de accidentes no sector agroforestal e familiarizar aos asistentes con técnicas de soporte vital básico. Así, darase unha formación sobre a anatomofisioloxía e a postura lateral de seguridade, para logo levar a cabo prácticas de manobras de mobilización e recuperación, vendaxes e reanimación cardiopulmonar.

Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101886&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural contacun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar a solicitude de preinscrición correspondente, que debe remitirse cuberta ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 881 043.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101887&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Campaña de prevención de riscos en 25.000 ganderías de vacún de Galicia

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver a campaña “Fai da túa explotación de gando vacún, un lugar seguro e saudable”, dirixida tanto aos propietarios das granxas como ás persoas traballadoras. Con esta iniciativa, a Xunta pretende concienciar da importancia da prevención dos riscos laborais nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos. Na elaboración dos contidos tivéronse en conta tanto a tipoloxía como as causas dos accidentes laborais neste sector. A campaña insírese no Plan de actuación do ISSGA no marco das actividades consensuadas polo grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que ten entre as súas funcións traballar para reducir a sinistralidade en sectores considerados prioritarios. Os primeiros materiais da campaña xa se están a distribuír entre as explotacións galegas grazas á colaboración do Issga coa Consellería do Medio Rural. Estase a entregar documentación técnica e material divulgativo en formato físico pero tamén está a dispor das persoas interesadas en formato dixital. O obxectivo da Xunta consiste en achegar a documentación da iniciativa de carácter plurianual a unhas 25.000 explotacións de gando vacún galegas. Este ano visitaranse unhas 9.000 aproveitando a campaña de saneamento da Consellería do Medio Rural, durante as que os técnicos farán entrega persoal da documentación.

Prevención de riscos

A campaña fai fincapé na protección de riscos tanto nos lugares de traballo como no manexo dos animais, da maquinaria, dos produtos químIcos, e coas cargas. Ademais insta aos propietarios a protexer ás mulleres traballadoras durante o embarazo, a lactación e a maternidade. Tal e como informa o Issga, as instalacións das granxas deben adaptarse a cada un dos animais polo que cómpre realizar un correcto mantemento e evitar o risco de caída de altura nos silos. Outra das recomendacións consiste en limpar e desinfectar as dependencias e equipos con frecuencia e mantelas ordenadas. No manexo de animais indícanse as diferentes técnicas de manexo e como evitar o contaxio de enfermidades, garantindo situacións seguras e empregando técnicas e dispositivos e medios auxiliares específicos. En canto á maquinaria e equipos, asesórase en materia de seguridade viaria e o uso seguro de vehículos e outros aparellos. O material divulgativo ofrece consellos para a correcta manipulación, almacenaxe e xestión de envases e residuos dos produtos químicos. Tamén se recollen aspectos relativos á manipulación manual de cargas relacionadas co embarazo e a lactación, sinalando aquelas situacións que se deben evitar como os traballos con calor ou frío extremo, con maquinaria, que supoñan sobreesforzo ou as xornadas prolongadas.

Curso en liña sobre prevención de riscos laborais para o sector agropecuario

O SLG organiza un curso en liña de prevención de riscos laborais específico para o sector agropecuario. A formación é dun total de 40h e terá lugar entre o 14 de febreiro e o 27 de marzo. Esta acción está dirixida a persoas que están desempregadas, traballando por conta allea ou autónomas, así como empresarias, e alumnado dos centros de formación e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais na actividade agropecuaria. Para participar é necesario inscribirse neste formulario. O obxectivo desta formación é profundizar nos conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, nos riscos xerais e a súa prevención, nos primeiros auxilios, nos elementos básicos da xestión da prevención dos riscos laborais, nos riscos específicos da actividade agraria, e na perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Dese xeito, proporcionarase a formación que establece o Anexo IV do regulamento dos servizos de prevención -Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro- que establece a regulación necesaria para o desenvolvemento das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais na actividade agropecuaria.

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas enganchadas

As árbores que quedan enganchadas ou apoiadas noutras próximas tras seren cortadas sole ser unha situación habitual e que implica un elevado risco para as persoas que participan nas labores forestais. Neste sentido, a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), ten a disposición do sector unha práctica guía sobre “Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas enganchadas”.

A) Recomendacións xerais para evitar que as árbores quedan apoiadas ou enganchadas:

• Planifica correctamente os traballos. • Emprega procedementos seguros e axeitados para a corta polo pé. • Se malia todo acontecese que, ao derrubar unha árbore, esta queda apoiada sobre outra árbore, derrúbaa canto antes, utilizando sempre un procedemento de traballo seguro. Extrema as precaucións en situacións tales como: • Leiras nas que xa existen árbores apoiadas/enganchadas debido a derribas por ventos etc. • No momento de comezar un aproveitamento manual dunha leira polo interior da masa forestal debido a distintas causas (presenza de edificacións, estradas, liñas eléctricas, danos a leiras colindantes etc). • En tarefas de corta manual con motoserra durante un aproveitamento debido a erros de planificación, execución incorrecta de técnicas de corta polo pé etc. • En traballos de clara/entresaca cando se realiza a corta polo pé de xeito manual.

B) Recomendacións específicas:

As tarefas que realices para desenganchar unha árbore apoiada, poden desencadear situacións perigosas, polo que debe procederse con extremo coidado. Libera as árbores enganchadas/apoiadas en canto sexa posible. Deixar unha árbore enganchada/apoiada supón un perigo importante para todo o que acceda a esa zona. Traballos previos: • Non transites, nin traballes na zona de influencia de caída da árbore enganchada, mentres non se realice a corta polo pé segura da árbore. • Avisa a todo o persoal da localización da árbore enganchada. • Asegúrate de que ninguén entre na zona de influencia de caída da árbore. • Revisa a existencia de pólas inseguras na zona de traballo. • Avalía con detalle as posibles traxectorias de caída da árbore para elixir o método de corta máis seguro. • Non abandones o monte sen delimitar a zona de influencia de caída da árbore enganchada (p.e. con cinta de alta visibilidade). Derriba de árbores: No caso de árbores que consideres que poidas voltear manualmente con seguridade, lembra: -Corta a bisagra, empezando polo seu centro e mantendo unha pequena parte desta no lado sobre o que queres que vire a árbore. -Con axuda dunha panca de derriba, empuxa en dirección contraria a onde te atopas, tal e como se observa na imaxe. Cando teñas que utilizar medios mecánicos, selecciona o máis axeitado en función das condicións do lugar de traballo, do arboredo, e as limitacións da maquinaria: - Guindastre máquina de saca/procesadora - Cabrestante máquina de saca/procesadora - Cabrestante manual ou tráctel Engancha a árbore pola parte inferior do tronco (o máis abaixo posible) e tira dela ata que caia ao chan. Os operarios que participen na operación situaránse fóra da zona de perigo (zona de caída da árbore a derrubar e zona de alcance en caso de rotura do cable). Recoméndase o uso de cabrestantes manuais de corda en lugar dos de cable, para evitar os perigos derivados da rotura do cable.

C) Lembra:

-NUNCA cortes unha árbore sobre a que hai outra enganchada/apoiada. -NUNCA permanezas/transites na zona de influencia da árbore enganchada/ apoiada se non é para abatela de xeito seguro. -NUNCA derrubes unha árbore sobre outra árbore enganchada/apoiada. -NUNCA gabees por unha árbore enganchada/apoiada para intentar baixala ao chan E sobre todo, NUNCA TRABALLES DE XEITO ILLADO NO MONTE

Descarga aquí a guía completa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) sobre “Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas enganchadas”

Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia

Xornada este xoves en Xermade sobre prevención de accidentes no uso da maquinaria agrícola

Durante o mes de outubro, a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) continuará coa organización en varios puntos da comunidade dunha serie de “Xornadas divulgativas sobre a Prevención de Riscos Laborais no uso de Maquinaria Agrícola”. Nesta ocasión, terá lugar este xoves 7 de outubro, a partir das 11:30 da mañá, nas instalación do Restaurante Tino en Momán, Xermade (LUGO). Todas estas xornadas formativas, que contan coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade, terán unha duración aproximada de 2 horas e media, e serán impartidas por un experto en Prevención de Riscos Laborais. En cada sesión trataranse os seguintes módulos: • Prevención de riscos no uso de maquinaria agrícola • Prevención de riscos no uso de productos fitosanitarios A asistencia ás xornadas será libre e gratuíta ata completarse o aforo. Tódolos asistentes recibirán un tríptico informativo e documentación de interese xeral. Para o correcto desenvolvemento das actividades, ASAGA intentará ter en cada sesión algún tipo de maquinaria agrícola para que os asistentes poidan seguir de primeira man as medidas de seguridade que teñen que adoptar ao utilizar os tractores ou apeiros para a actividade agrícola e gandeira. Na xornada que terá lugar este xoves en Momán (Xermade), contarán coa presenza dunha manipuladora telescópica da marca JCB, módelo 536-95, AGRIXTRA. Nesta ocasión, os equipos son cedidos pola empresa especializada en maquinaria agrícola Millares Torrón, S.L. Ao final do acto servirase un viño galego acompañado de “pinchos”.