Archives

A composición dos viños do Ribeiro: análise e oportunidades

Un estudo realizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal), as universidades galegas e outros centros estatais aborda a análise de viños do Ribeiro para coñecer máis sobre a súa composición e as oportunidades que se lle presentan, ó ter maior información sobre o seu perfil químico e aromático. Un dos eixos deste traballo foi avaliar a composición química básica, ó tempo que fixeron unha análise microbiolóxica, un proceso realizado dende a Evega. En concreto dispoñían de 163 viños brancos e 57 tintos procedentes de adegas particulares e proporcionados a través do Consello Regulador do Ribeiro. Foron viños das campañas entre 2017 e 2022. Nesta análise química avaliaron aspectos como a acidez total e volátil, a presenza de ácido láctico, málico e tartárico, a cantidade de azucre ou o grao alcohólico, entre outras. Unha das análises significativas foi a da presenza de aminas bióxenas nos viños, xa que estas aminas son compostos nitroxenados derivados dos aminoácidos por descarboxilación, que resultan tóxicas. Algunhas delas poden provocar dor de cabeza, palpitacións ou tensión nas persoas máis sensibles. Presenza de aminas bióxenas nos viños do Ribeiro. Nos viños atoparon as aminas putrescina, histamina, tiramina e cadaverina entre outras, pero a amina con maior presenza foi a putrescina, seguida da tiramina e a histamina. A presenza destas aminas deuse tanto nos viños brancos coma nos tintos, sendo maior o contido nos tintos. Aínda que non hai un límite legal para o contido de aminas bióxenas no viño, na Unión Europea hai recomendacións para o contido de histamina de non superar entre 2-10 miligramos por litro. Os viños do Ribeiro atópanse por debaixo destes valores.
“É recomendable escoller bacterias láctica para a fermentación maloláctica que non produzan aminas bióxenas nos viños”: Pilar Blanco, investigadora do Evega
“Estas aminas poden proceder da propia uva ou da fermentación maloláctica, por iso é recomendable escoller bacterias lácticas que non as produzan”, explica Pilar Blanco, investigadora do Evega e coordinadora do proxecto.

Recomendacións para previr alteracións químicas dos viños na adega

A investigadora Pilar Blanco apunta algunhas recomendacións básicas que poden axudar a previr alteracións de orixe microbiana nos viños. -Manter unhas condicións hixiénicas axeitadas na adega. - Procurar que a uva entre en boas condicións. -Evitar paradas fermentativas, procurando ter viños cunha concentración de azucre por debaixo de 2 gramos por litro. -Manter un sulfitado axeitado, de entre 25 -30 miligramos por litro. -É importante garantir unha conservación axeitada: manter os depósitos en cheo, pechados e a baixa temperatura. -Debe realizarse unha filtración micróbica dos viños antes de realizar o embotellado.

Quedan residuos nos viños?

Outro dos aspectos que se abordou nesta investigación é a presenza de residuos nos viños derivados do uso de tratamentos fitosanitarios no viñedo. Neste sentido, o investigador e profesor da USC, Isaac Rodríguez Pereiro, recoñece que non existe unha lexislación sobre os niveis máximos de residuos en viño e tampouco unha relación entre a presenza de residuos no viñedo e os solos que poida relacionarse co viño. “Non hai unha correlación directa entre residuos de uva e viño, nin entre persistencia ambiental e transferencia ó viño”, sinala Rodríguez. Con todo, coñécense de forma aproximada os factores de transferencia de certos compostos da uva ó viño durante a vinificación. O investigador apunta que o carácter sistémico, a alta persistencia e a polaridade son variables que favorecen o paso de residuos da uva ó viño. Concentracións medias e valores máximos para residuos de funxicidas e insecticidas en viños da D.O.P. Ribeiro. A maior parte dos compostos atopados no viño son residuos de funxicidas (55%), seguidos de residuos de insecticidas (29%). Aínda así, como sinala Rodríguez, os valores máximos foron da orde de 200 nanogramos por mililitro de compostos como Carbendazim, Dimethomorph, Fluopicolid ou Metalaxyl. “Atopáronse niveis inferiores ó 10% de niveis máximos de residuos permitidos en uva”, explica o investigador.
“No Ribeiro faise un bo seguimento das normativas sobre os residuos máximos permitidos e os compostos autorizados”: Isaac Rodríguez, investigador USC
Ó mesmo tempo, tamén sinala que é posible que haxa marxe para reducir a presenza de compostos como o Metalaxyl, pero “en xeral, no Ribeiro faise un bo seguimento das normativas sobre os residuos máximos permitidos e os compostos autorizados”, explica Rodríguez.

O perfil aromático

Ó igual que analizaron a súa composición química, a investigación tamén abordou a avaliación da composición aromática destes viños. Desta labor encargouse a investigadora do CSIC, Mar Vilanova de la Torre, no Instituto de Ciencia da Vide e do Viño – ICV da Rioxa. En total, analizaron 145 mostras de viños de diferentes colleitas (2017-2021) e dos vales do Avia, Miño e Arnoia. Todos eles avaliáronos no ano 2022, polo que algúns dos viños tiveron unha evolución na propia botella dende o 2017, mentres outros foran embotellados só uns meses antes. Desta análise amósase que os viños do ano 2017 e 2018 en brancos e o 2018 e 2020 en tintos foron os de maior concentración de compostos aromáticos. No 2018 deuse a maior concentración de terpenos e C13-norisoprenoides, tanto en viños brancos coma tintos. “Estes compostos primarios proceden da uva e é moi interesante que estean en grandes cantidades, posto que aportan aromas florais e afroitados ós viños”, explica Vilanova.
“Os viños brancos e tintos do val de Arnoia conteñen maiores concentracións de compostos volátiles responsables do aroma”: Mar Vilanova de la Torre, investigadora do CSIC en Logroño
Ademais, a nivel de vales, os viños brancos e tintos do val de Arnoia conteñen maiores concentracións de compostos volátiles responsables do aroma, caracterizados pola maior parte das familias de compostos. “Nos brancos atopouse unha maior concentración de terpenos e C13-norisoprenoides no Val de Avia e nos tintos no Val de Arnoia”, explica a investigadora.

Na procura da pegada dactilar dos viños do Ribeiro

O proxecto completouse co desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a protección da marca. “Queriamos ter unha ferramenta que axude a controlar o canal de produción e distribución do viño e ofrecer así unha trazabilidade completa ó cliente, ó tempo que se protexe a marca”, explica Eva López Rituerto, responsable do Laboratorio de RMN da Estación Enolóxica de Haro, na Rioxa.
Desenvolven unha ferramenta para establecer unha pegada dactilar dos viños que permite comprobar a orixe e amosar a súa trazabilidade
Este método bota man dunha mostra de viño coa que se obtén un espectro tan complexo que se lle coñece como pegada dactilar do viño. Estes espectros úsanse para construír modelos de orixe e variedade, cos que se comprobará a coherencia dos viños con eles. Este método ofrece unha vía para evitar fraudes en compras a granel de viño, na etiquetaxe ou no proceso de elaboración do viño. “É preciso que os viños da base de datos sexan autentificados primeiramente polo Consello Regulador, de xeito que se poida ter unha comparativa válida”, explica a experta. Aínda que nesta primeira fase só traballaron cun modelo para a identificación de viños brancos, buscan estender o uso desta ferramenta e contar con modelos tamén para os tintos, de maneira que se poidan identificar os viños da DO Ribeiro.

Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

Coa vendima arrancando en tódalas Denominacións de Orixe, adegas e viticultores miran os prezos da uva que se marcarán nesta campaña. Nestes primeiros días da vendima aínda se están asinando contratos e fixándose prezos. As variedades brancas seguen mantendo unha gran demanda, sobre todo o Albariño e o Godello. Con todo, este ano os prezos parecen estabilizarse logo do boom que experimentaran o ano pasado, cando chegaran a pagarse a 3,5 euros. Prevese que esta campaña o prezo das uvas brancas en Galicia se poida chegar a pagar a 2,8 euros, segundo apuntan tanto industria coma produtores. Do mesmo xeito que aconteceu noutras campañas, haberá diferencias de prezos entre as distintas demarcacións e variedades. Mentres, as tintas acusan unha caída da demanda e do valor. Nalgunhas zonas xa se están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos e mesmo hai viticultores que deixarán sen recoller parcelas con Garnacha debido á baixada dos prezos.

Prezos por variedades e DO’s

Facemos un percorrido polas distintas DO’s para coñecer os prezos que se están pagando por variedades e territorios:

Rías Baixas

Na terra do Albariño esta uva, xunto con outras variedades brancas que se cultivan, segue a ter unha elevada demanda nesta campaña. Estímase que o prezo da uva Albariña se situará entre os 2,5 e 2,8 euros, lonxe dos 3,5 euros que chegaran a pagarse puntualmente o ano pasado, logo da entrada no mercado de novas adegas foráneas que demandaban máis uva e incrementaran o prezo.

Ribeiro

Nesta campaña no Ribeiro mantéñense os prezos en valores semellantes ós dos últimos anos, aínda que se aprecia unha lixeira suba con respecto da última vendima, segundo indican dende o sector. Así, as uvas brancas de variedades autóctonas situaranse arredor de 1,5 e 1,8 euros, en función da variedade e da calidade. En concreto, a Treixadura está pagándose entre 1,5 e 1,7 euros, según indican viticultores da zona. Mentres, as uvas de Palomino están a 0,85 euros.

Ribeira Sacra

Os prezos reséntense para as uvas tintas da Ribeira Sacra. “A saturación do mercado dos viños españois está pasando factura tamén ós viños galegos tintos”, explica Carlos Basalo, responsable da área de viticultura en Unións Agrarias. No caso das uvas de Godello, a variedade branca con maior demanda nesta denominación, os prezos mantéñense arredor dos 2 euros, mesmo poden superarse de xeito puntual naquelas uvas de maior calidade. “Na Ribeira Sacra cada vez hai máis Godello, está habendo un cambio importante cara a esta casta”, sinala Basalo.

Valdeorras

Nesta Denominación de Orixe, o Godello segue a marcar os prezos máis altos e as uvas desta variedade sitúanse unha campaña máis nun prezo de entre 1,8 e 2 euros. “O Godello en Valdeorras ten este prezo, se queres esta uva tes que pagalo, levan anos que se sitúa arredor dos 2 euros”, apunta Basalo. En canto ós tintos, os prezos da Mencía nesta campaña atópanse entre os 70 ou 80 céntimos, aínda que tamén se están pagando ata a 90 céntimos en función da calidade da uva, segundo apuntan os viticultores da zona.

Monterrei

Do mesmo xeito que en Valdeorras, o Godello tamén se sitúa arredor dos 2 euros en Monterrei. Aínda que tamén hai ofertas puntuais que mesmo se supera esta cantidade, aínda como recoñecen no sector, son casos moi puntuais. Mentres, nesta DO acúsase unha forte caída da demanda das uvas tintas. Agárdase que a maioría das uvas se paguen en torno ós 90 céntimos ou 1 euro, pero xa hai casos de adegas que están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos.

Caída da demanda dos tintos

Esta campaña parece que os maiores problemas se presentarán na venda dos viños tintos. Como sinalan dende o sector, unha das principais causas é caída da demanda dos viños tintos españois, como o Ribera del Duero e en especial a baixada experimentada nos últimos tempos do Rioja, debido á saturación do mercado destes viños.
“Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”: Carlos Basalo, responsable de viticultura de Unións Agrarias
“O problema é que cada día os viños galegos véndense en mercados máis globais polo que aféctanos tamén a baixada de demanda doutros viños, que pasan a ocupar o lugar dos nosos no mercado”, explican dende Unións Agrarias. Mentres os Riojas tiñan uns prezos máis altos que os Mencías galegos, convivían no mercado. Porén, ó saturarse o mercado do Rioja, estes están baixando os prezos e pasan a facer competencia directa cos Mencías galegos. “Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”, apuntan dende Unións. Mentres, outros viños galegos de variedades tintas como Sousón ou Brancellao, castas que marcan outras liñas de mercado, non están experimentando esa caída da demanda e mantéñense a prezos semellantes ós doutros anos.
Os viños brancos continúan á alza tanto a nivel mundial como en Galicia
Na situación contraria atópanse na actualidade os brancos, tanto a nivel mundial, onde están experimentando un moi bo momento, como en Galicia, onde os viños brancos teñen unha alta demanda. Dende distintos ámbitos apuntan a que isto se debe ó incremento do consumo dos branco por parte das mulleres, que comezan a achegarse máis ó mundo do viño e fano de man deste tipo de viños. Por outra banda, tamén o cambio climático, e o incremento das temperaturas, está motivando que se comece antes co consumo de brancos, máis asociados ó bo tempo e a un consumo estival. No caso dos brancos galegos, ademais dos esforzos de internacionalización que se fixeron dende as distintas DO’s e en especial por parte de Rías Baixas, a entrada de grandes grupos adegueiros foráneos nos últimos anos tamén está contribuíndo a esa expansión e a continuar aumentando o interese por estes viños. Tamén son significativos os recoñecementos que acadan os viños brancos galegos pola súa calidade, que están favorecendo que cada vez se coñezan máis fóra do territorio galego.

Vixiantes ante a entrada de uva foránea

A alta demanda e os prezos que se manexan para as variedades brancas provocan que haxa certa preocupación á entrada de uva de fora de Galicia, procedente de Portugal, onde o Albariño está pagándose a pouco máis de 35 céntimos; ou mesmo outras variedades como o Verdejo, dende Rueda. “Estamos reclamando que se extremen as inspeccións para que non chegue a entrar esa uva, xa que provocaría que se desvirtúen os brancos galegos”, indican dende Unións Agrarias. Neste senso dende Medio Rural, volveuse activar por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe. No marco das accións do Plan de control de vendima 2023 inclúese o control da procedencia na entrada das uvas a adega. Nesta campaña participarán 18 controladores da Xunta que velarán porque se cumpra a lexislación durante a vendima.

Galicia agarda unha gran vendima que supere os 75 millóns de quilos de uva

Aínda non rematou agosto e a vendima comezou xa en tódalas Denominacións de Orixe. Nalgunhas delas foron adegas puntuais, pero noutras, como é o caso de Valdeorras, a comezos desta semana xa estaban realizando a recollida da uva unhas 30 adegas. Mesmo nas denominacións onde a vendima adoita comezar a mediados de setembro, coma Rías Baixas, están xa cos traballos nalgunhas adegas. As previsións de tódalas DO’s apuntan a un incremento da produción o que fai prever que en termos xerais sexa unha vendima que supere ás cifras do ano pasado, cando se acadaran os 70,2 millóns de quilos de uva recollida. Pese a que nalgunhas demarcacións, coma as Rías Baixas ou o Ribeiro houbo unha forte presión de mildio, hai unha gran calidade de uva e están entrando en adega acios en moi boas condicións, o que fai prever tamén moi bos resultados. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe para coñecer as previsións que manexan nestes primeiros días da campaña.

Rías Baixas: Vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

Nalgunhas subzonas da DO Rías Baixas xa comezou a vendima nestas últimas semanas de agosto e prevese que se vaian sumando máis adegas. A calor apurou mesmo as previsións iniciais do Consello Regulador, que apuntaban xa a un adianto da vendima a comezos de setembro, posto que o habitual nesta demarcación é que se inicie a mediados dese mes. Nas Rías Baixas prevese que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. Estímase que se logre un rendemento medio de 10.507 quilos por hectárea.
Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022
En parte este incremento da produción débese ó aumento da superficie vitícola. En concreto, neste último ano sumáronse 114 hectáreas de viña, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Ribeiro: Agárdase unha vendima extensa, pese a comezar xa en agosto

No Ribeiro tamén se adiantaba o inicio da vendima e cinco adegas comezaban xa os traballos a pasada semana para recoller as uvas de maduración máis temperá, coma o Godello, dalgunhas parcelas situadas en zonas baixas. Xa nas súas inspeccións técnicas realizadas polo persoal do Consello Regulador en días previos apuntaban que algunhas variedades se atopaban nun excelente grao de maduración para a recollida. Aínda que comezou máis cedo ca outros anos, prevese que sexa unha vendima que se prolongue no tempo, case ata mediados de outubro, xa que algunhas variedades e nalgunhas comarcas de gran altitude as uvas aínda non acadaron o grao de maduración axeitado.
Prevese que nalgúns viñedos a vendima non se faga ata mediados de outubro
As previsións iniciais apuntaban tamén a que pode ser unha campaña con boa colleita en canto a cantidade se refire, aínda que puidera verse reducido o número de quilos final pola seca dos últimos meses. Con todo, podería volver situarse nas medias dos últimos anos ou superarse. O ano pasado nesta DO recolléronse un total de 10,3 millóns de quilos de uva.

Valdeorras: A calor da última semana apurou a maduración do Godello e boa parte das adegas comezaron a vendima

As altas temperaturas da semana pasada precipitaron o inicio da vendima na DO Valdeorras, onde as previsións iniciais apuntaban a que a recollida da uva comezase aínda nesta semana. Así, adegas como Godeval e Sampayolo iniciaban xa arredor do día 20 os primeiros labores de recollida da uva, sendo tamén das vendimas máis adiantadas. “Temos xa unhas 30 adegas coa vendima e agárdase que nesta semana se sigan sumando máis”, explican na DO. O calor deses días fixo que aumentase o grao alcohólico das uvas e se acadase o óptimo para a recollida. “Algunhas adegas comentábannos que neses 4 días incrementouse case 2 graos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Nalgunhas zonas, as plantas tamén acusan xa certo estrés hídrico, con risco de deshidratación, o que motivou que non se agardase máis para a súa recollida. “O Godello está maduro e, salvo que haxa malas condicións que obriguen a paralizalos traballos, agárdase que se recolla como é habitual nun mes e medio, polo que a finais de setembro case teríamos rematada a vendima”, concretan no Consello Regulador. Faltan por comezar as cooperativas, que están ultimando a campaña, de xeito que se prevé que na próxima semana estean xa boa parte das adegas coa vendima.
Están tendo uns rendementos de 11.000 quilos por hectárea cunha uva excelente, cun sabor, acidez, grao alcohólico e pH moi bos
“Están entrando acios cun bo peso e unha boa calidade. Todo apunta a que sexa unha vendima espectacular, porque a pel da uva está resistente, a uva ten sabor e ten acidez e pH moi bos”, indican nas valoracións iniciais dende o departamento técnico. Tamén están a ter uns bos rendementos, que se sitúan arredor dos 11.000 quilos por hectárea, o que fai prever que se superen tamén os 7,5 millóns de quilos de uva entre brancos e tintos. Así, agardan recoller máis de 5 millóns de quilos de uva só das variedades brancas. Pese ás boas previsións xerais, algunhas pequenas adegas tiveron problemas co mildio que afectou de xeito considerable á produción. “Non foron despistes, senón que foron tratamentos cos que non se acertou e logo foi moi difícil de controlar”, apuntan. Aínda que son casos puntuais, as perdas polo mildio chegan a reducir á metade a colleita.

Ribeira Sacra: Comezou xa de xeito puntual a recollida de uva en variedades brancas e tintas

Na Ribeira Sacra as primeiras uvas recolléronse o 22 de agosto, pero nesta primeira semana de vendima só se fixeron traballos puntuais. “Polo momento só entraron 70.000 quilos de uva”, explicaban dende o Consello Regulador. Nesta semana, fixarase a data recomendada para o inicio da vendima, polo que nos próximos días arrancará o forte do traballo en boa parte das adegas. Así, recolléronse aquelas variedades que acadaron xa o seu grao óptimo de maduración. O que máis se recolleu por agora é Godello, cuns 26.000 quilos, así como Albariño. Con todo, non só hai recollidas xa variedades brancas, que adoitan madurar antes, senón que tamén se recolleron xa uvas de Mencía ou Merenzao.
Agardan que cheguen chuvias nestes días que contribúan á maduración da uva e a paliar a seca que acusan nestes meses
Ademais, a uva recollida ten unha moi boa calidade. “Esperemos que chova algo para que dea un último empurrón ás viñas que aínda que non maduraron”, apuntan dende o departamento técnico. Pese a que as cepas máis vellas teñen unha gran resistencia á seca, nesta DO non se produciron chuvias dende as treboadas de xuño e as plantas máis novas acusan a escaseza de auga e nalgunhas parcelas as viñas teñen xa as follas secas e mesmo hai acios con certa deshidratación. En canto a rendementos, as previsións iniciais apuntan a que se poidan situar preto dos 6 millóns de quilos que se obtiveron o ano pasado, xa que os ataques de mildio e a seca afectaron en certa medida.

Monterrei: Afronta unha das vendimas máis prematuras coa uva nunhas condicións sanitarias excelentes

“Estamos ante unha das vendimas máis prematuras nesta DO”, explican dende o departamento técnico da Denominación de Orixe Monterrei. O pasado domingo, día 27, comezaban a recollerse as primeiras uvas. Nesta semana foron incorporándose xa varias adegas e espérase que nos próximos días se sigan sumando boa parte das 28 adegas que integran a DO. Comezouse coa recollida do Godello, así como de parcelas con Merenzao, unha variedade coñecida na zona popularmente como Bastardo. Tamén se recolleron xa uvas de Mencía naquelas parcelas cun grao óptimo de maduración. Se as condicións climáticas non apuran os traballos de recollida da uva, agárdase que esta sexa unha vendima longa, xa que comenzou moi cedo e irá facéndose de xeito gradual, segundo vaian madurando as variedades nas distintas zonas. “Comézase nas zonas de val, onde a uva xa está madura, para ir subindo en altitude onde a maduración é máis tardía”, detallan.
Contan superar os 6,4 millóns de quilos de uva recollidos o ano pasado, xa que se está a incrementar a superficie de viñedo
Aínda que nalgunhas parcelas hai xa plantas con certo grao de estrés hídrico, as abondosas precipitacións de xuño e a capacidade de resistencia da planta, fan que as cepas vaian resistindo. O estado sanitario da uva a comezos da campaña era excelente. Agardan superar as cifras do ano pasado, no que se recolleran 6,4 millóns de quilos de uva, xa que se incrementou a superficie de viñedo. “A demanda constante dos nosos viños fai que tamén aumente o número de hectáreas plantadas”, apuntan. A demarcación conta a día de hoxe con 720 hectáreas de viñedo.

“Puxemos de acordo a 146 propietarios; o minifundio pode pasar de ser freo a un motor”

San Antón de Remuíño é unha parroquia do concello da Arnoia, na comarca do Ribeiro, que coma moitas outras aldeas ourensás sofre un grave problema de avellentamento poboacional e abandono da actividade agraria. Pero os veciños de Remuíño non se resignan a ver esmorecer a súa aldea. “Quedamos 45 veciños no pobo, onde o 70% supera os 75 anos”, detalla Eduardo Fariñas, presidente da Asociación de Propietarios de Predios de Remuíño. A asociación foi creada en febreiro de 2020, xusto antes do confinamento, coa intención de dar forma legal á idea na que levaban varios anos traballando: agrupar as fincas para poder recuperar a actividade produtiva, centrada tradicionalmente na viticultura pero que co paso dos anos se foi abandonando debido ao reducido tamaño das parcelas.   
Empezamos en febreiro de 2020 creando a asociación, pero había xa un movemento no pobo a favor de agrupar as fincas. Falar de reestruturar era un tema tabú até fai poucos anos, pero hoxe xa non o é
 “O interese por parte da xente é total. Os propietarios recibiron a proposta moi ben e convencer aos veciños foi relativamente sinxelo. Sempre que se fala de propiedade temos detrás o mantra do apego ás fincas, pero esa perspectiva en Galicia xa cambiou. A percepción que nós temos, en base á nosa experiencia, é que no rural hoxe xa se ve por parte da xente que é necesario dar una volta ao modelo de propiedade tradicional para poder seguir adiante”, afirma Eduardo. O 80% das fincas da aldea están abandonadas “Só un 15 ou 20% do pobo está produtivo neste momento. Debido ao minifundio que hai, é inviable o traballo para a xente que queira asentarse cunha parcela minimamente dimensionada. O Ribeiro ten un problema neste momento de produción porque con fincas pequeniñas non se pode traballar e crear unha parcela cunha superficie óptima para traballar resulta moi complicado”, explica.
A denominación de orixe máis antiga de Galicia está a perder produción de maneira acelerada na última década
Remuíño atópase no corazón do Ribeiro, unha denominación de orixe que está a perder produción de maneira importante nos últimos anos. Nas dúas últimas décadas a capacidade efectiva de produción de uva na Denominación de Orixe reduciuse á metade, cun descenso da superficie produtiva dun 18% desde o 2016. Superficie media de 300 metros cadrados Ligado á alta idade media dos viticultores (preto da metade teñen máis de 65 anos) e ao baixo grao de profesionalización dunha parte dos produtores, o excesivo minifundio é un dos factores que ameaza o futuro da produción de viño no Ribeiro. A Denominación de Orixe conta con 1.374 hectáreas, que están divididas en 20.542 parcelas, unha estrutura da propiedade que dificulta a remuda xeracional. “En Remuíño quedan 5 familias con xente nova traballando o campo. Adícanse fundamentalmente ao viñedo, complementado con outras actividades agrícolas, pero a actividade principal é a viticultura”, conta Eduardo.  “Algún deles tivo que cambiar e mercar entre 150 e 180 parcelas para conseguir una hectárea de viñedo, que xa lle permite traballar mecanizadamente e sacar uns rendementos axeitados. Hoxe é inviable pensar que se van traballar as fincas como hai 50 anos”, argumenta.
Quedan 5 familias con xente nova adicada á agricultura, algunha delas tivo que mercar e cambiar máis de 150 parcelas para conseguir xuntar unha hectárea de viñedo
O polígono agroforestal proposto polos veciños contaría cunha superficie de 260 hectáreas, distribuídas en 9.000 fincas cunha superficie media de 300 metros cadrados que “urxen unha restruturación que permita non so mellorar a dimensión das fincas senón tamén aumentar a viabilidade técnica, económica e social” das iniciativas produtivas, defenden desde a asociación. Propietarios ilocalizables Ademais dunha poboación envellecida e o pequeno tamaño das parcelas, os impulsores da iniciativa de agrupamento das parcelas atopáronse con outro atranco: a dificultade para saber de quen eran as fincas. “Localizar a todos os propietarios é moi complicado, eu diría que imposible”, asegura Eduardo.
No Ribeiro houbo moita emigración a Sudamérica e quedaron moitas parcelas sen repartir en herdanza porque no seu momento había unha cultura de non facer partixas
Logo dun exhaustivo traballo de busca, concluíron que entre un 11 e un 14% dos propietarios non son localizables. “No Ribeiro houbo moita emigración a Sudamérica e quedaron moitas parcelas sen repartir en herdanza porque no seu momento había unha cultura de non facer partixas, polo que en moitos casos figuran como propietarios persoas que serían bisavós dos actuais donos. Isto fai que sexa imposible localizar a moitos deses descendentes dos veciños emigrados no seu día”, explican.
Tivemos que traballar de xeito exhaustivo; temos mapas con todas as fincas delimitadas
A Asociación de Propietarios de Predios de Remuíño está formada neste momento por 146 donos de fincas, o 94% dos propietarios localizables, e aportan o 89% da superficie total das terras. “Os non localizables, a cantidade de superficie que aportarían é pouca, pode ser un 5% do total”, detallan.   “A lei do 2021 aporta ferramentas interesantes” O interese dos veciños de Remuíño por dar unha saída á superficie abandonada do pobo vén de atrás. “Comezamos a traballar coa lei de reestruturación do 2015 pero pedía o acordo dos propietarios do 90% da superficie. Por iso todos os proxectos quedaban parados. Pero a lei do 2021 abre un xeito de traballar diferente, máis sinxelo. Agora baixa a necesidade de acordo ao 70% da superficie e iso faino moito máis doado”, explica Eduardo.
A Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia esixe o acordo dos propietarios de cando menos o 70% da superficie
Outra das novidades que aporta a Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, pensando nos casos de fincas con donos descoñecidos, como acontece en Remuíño, é a posibilidade de incorporación ao Banco de Terras. “A lei de febrero de 2021 permite que se poida facer igual un reagrupamento aínda que haxa propietarios ilocalizables, deixando a propiedade pendente de que alguén a poida reclamar durante 10 anos”, contan desde a asociación. Viño, horta e monte Vista aérea de Remuíño, con leiras e vides no entorno das casas e montes de piñeiro e castiñeiro rodeando o pobo A necesidade de terras para viñedo que se demanda hoxe no Ribeiro sería a principal finalidade do proxecto de agrupamento de terras de Remuíño, pero os veciños queren que o novo polígono teña carácter agroforestal para sacar partido tamén ao monte da parroquia. “Temos piñeiros de 25, 30 e 40 anos. Moitos deles están no seu turno de corta, pero neste momento non é viable facelo porque sería cortar 2 aquí, 5 alí e 7 no outro lado e, nesas condicións, non hai interese por parte das empresas madeireiras. Facendo una xestión conxunta de todo o monte poderíanse ter uns ingresos xa inmediatos”, explican.
A nosa proposta sería que a actuación fose integral, en todo o terreo que conforma o pobo e que rodea as casas
Por iso, a proposta de usos que desde a asociación fan para as 260 hectáreas incluiría distintos tipos de aproveitamento: “a parte principal sería para cubrir a demanda de terras de viñedo que hai neste momento no Ribeiro; outra parte sería para horta, sobre todo para pemento de Arnoia; e o resto para monte. En total serían unhas 100 hectáreas forestais e o resto para viñedo e horta”, detallan. Defenderse contra o lume A superficie de monte que rodea o pobo foi plantada con piñeiros e castiñeiros pero hoxe está totalmente abandonada, “porque cunha superficie media de 300 metros cadrados non se pode aproveitar a madeira e facer cortas e plantacións, e na zona de castiñeiros o mesmo.
En Remuíño o día que haxa un lume non queda absolutamente nada, non hai maneira de paralo, o risco é inmenso
O coidado do monte e a súa xestión suporía, ademais dun beneficio económico para os veciños, poder reducir o risco de incendio. “A nosa proposta sería que a actuación fose integral, en todo o terreo que conforma o pobo e que rodea as casas. No Ribeiro e na Arnoia non hai moitos incendios, pero en Remuíño o día que haxa un lume non queda absolutamente nada non hai maneira de paralo, o risco é inmenso”, din. Emigración e repoboación Remuíño perdeu nos últimos 20 anos un terzo da súa poboación. Á primeira ola de emigración a América veu despois unha segunda, na que a xente moza marchou ás cidades en busca de traballo. É o caso de Eduardo. El traballa na Coruña, aínda que a súa nai segue vivindo en Remuíño, e igual que otros veciños está moi implicado no proxecto.
Tiven que marchar por traballo, pero as miñas orixes están en Remuiño e vou moito alí
“Collemos pola man este tema una xeración nova e entre os 146 propietarios que xa aceptaron e asinaron o pre-compromiso para levar a cabo un polígono agroforestal de iniciativa pública encóntranse, por un lado, todos os que residindo en Remuíño dedican actualmente a súa produción á comercialización e, por outro, os que coñecendo a posible potencialidade agraria da zona queren aproveitar a oportunidade que a reestruturación lles brindaría para proxectar e executar novas explotacións”, explica. “Se isto vai adiante, os proxectos xorden sós. Ademais da demanda de terra para viñedo, xa temos tres persoas interesadas en facer plantacións de castiñeiro para froito. Se se fai a reestruturación, logo procede facer unha actuación de recuperación das vivendas e dos camiños, porque o pobo ten potencial e hai casas que se poderían rehabilitar para asentar poboación”, defende. Agardando pola Xunta “A ilusión dos propietarios neste momento é inmensa e gustaríanos que a Xunta acompañase este proxecto porque vai supoñer seguro un punto de inflexión non só para Remuíño senón para o Ribeiro”, di convencido Eduardo. “Esperamos que a Xunta poida ver neste proxecto as posibilidades que pode dar á zona”, engade.
Estamos agardando pola Xunta, porque o traballo fundamental, o de poñer de acordo aos veciños, xa llo demos feito
Os veciños de Remuíño están vivindo con extraordinaria ilusión os pasos que se foron dando desde o inicio do proceso até o momento da presentación dos pre-compromisos asinados, o 25 de novembro de 2021, e agardan desde entón con entusiasmo que a Xunta de Galicia aborde este proxecto. “Toda a documentación foi presentada en novembro 2021. Estamos poñendolle á Xunta enriba da mesa un tema que pensamos que está listo. O traballo fundamental xa llo damos feito, porque o básico e fundamental é o acordo dos propietarios e conseguimos que os veciños estean de acordo. A Consellería pedíanos firmar un pre-compromiso para entrar a formar parte dun polígono de iniciativa pública e entendemos que cumprimos con creces os requisitos que nos pedía a normativa. Presentouse a documentación e estamos a expensas de que se produza algunha comunicación e a Consellería dea un paso adiante e aborde este proxecto”, din.

Posta en valor das vellas adegas de Pousadoiro

Conxunto de adegas de Pousadoiro Remuíño ten un barrio bodegueiro singular, o de Pousadoiro, cun conxunto de 80 adegas antigas situadas nun outeiro ao que noutro tempo subía a procesión das rogativas para pedir unha boa colleita. “As bodegas do pobo están todas xuntas, son adegas antigas, temos documentación do ano 1635 onde xa se falaba das bodegas que había e do canon en viño que tiñan que pagar á parroquia de San Salvador de Arnoia”, conta Eduardo. O conxunto de adegas de Pousadoiro están colocadas en ladeira no medio dos terreos de viñedo. Son pequenos edificios cúbicos de planta rectangular construidos a turramonte, aproveitando a parede natural do terreo, con muros portantes de mampostería granítica, dinteis de cantería e cuberta de tella.
É un complexo moi curioso que ten potencial tanto para a produción de viño como para outros usos de restauración ou turísticos
“Son 80 adegas que están semisoterradas, é un complexo moi curioso que ten posibilidades doutros aproveitamentos ademais do da produción de viño. Estamos elaborando un dosier para presentar tamén á Xunta para poñelas en valor. Teñen potencial tanto para a agricultura como para outros usos de restauración ou turísticos”, explican. Como a dos viñedos, a situación das bodegas tamén é de abandono neste momento. “En conxunto pode haber 3 ou 4 veciños que elaboran nelas viño para autoconsumo e outras 2 ou 3 que as teñen máis para para dar un paseo e ir de visita e todo o demais está abandonado, en moi boas condicións ata agora pero sen uso”, describen. Un exemplo para outros lugares O espíritu de colectividade vén de vello en Remuíño, que durante a Segunda República foi un dos núcleos activos do socialismo en Ourense. Desta volta, a unión do pobo busca poñer en valor os seus recursos, neste momento infrautilizados, loitar contra o abandono e dar cabida a proxectos novos que dinamicen a economía do rural.
Reestruturar a terra na parte norte de Galicia é máis doado, na nosa zona é moito máis complicado
Pode ser ademais un modelo a imitar noutros lugares de Galicia. “Estamos convencidos de que si, sobre todo no sur de Galicia, onde a estrutura da propiedade é moi complicada e hai un problema importante de minifundio e de descoñecemento dos propietarios. Reestruturar na zona norte de Galicia é máis doado”, opina Eduardo. “A nosa experiencia pode servir a outros. Demostramos que se á xente lle presentas proxectos ben deseñados os veciños enténdeno porque ven que é una necesidade. Falar de reestruturar era un tema tabú até fai poucos anos, pero hoxe xa non o é”, asegura.
Pensamos que o de Remuíño pode ser un modelo de actuación para a comarca do Ribeiro
Os propietarios de Remuíño son conscientes de que hai que poñer en valor o rural e deron os pasos necesarios para non ser un freo, senón un motor, neste proceso, aceptando unha reestruturación da superficie que permita aproveitar os recursos agrarios dispoñibles e fixar poboación. “Pensamos que o de Remuíño pode ser un modelo de actuación para a comarca do Ribeiro, onde o minifundio segue a ser un problema para a posta en valor da súa potencialidade agrícola, facilitando por medio deste tipo de iniciativas unha estrutura e dimensión axeitada a proxectos novos”, defende Eduardo.

Fin de semana para disfrutar da Feira do Viño do Ribeiro

Este venres, 29 de abril, comeza a Feira do Viño do Ribeiro, que se prolongará ata o domingo, 1 de maio, cun amplo programa de actividades enolóxicas, gastronómicas e musicias. O recinto da Alameda de Ribadavia volverá encherse de actividades, entre as que destacan: •          Exaltación e degustación dos viños do Ribeiro •          Cata Popular (cataranse a cegas os viños das adegas e colleiteiros presentes na Feira do Viño do Ribeiro) •          Catas comentadas con recoñecidos sumilleres •          Gala Entrega Premios da Cata Popular •          Zona de gastronomía (Food Trucks e pulpeira) •          Música en directo en sesións de viño-aperitivo (13.30 h – 15.00 h) e sesión nocturna (21.30 h – 23.00 h) •          Ribeirolandia (Actividades para nenos con atraccións, colchonetas e monitores) •          Visitas guiadas ao Castelo de Ribadavia e ao Museo do Viño de Galicia •          Sons do Viño (actuacións musicais en diversas rúas e prazas do conxunto histórico de Ribadavia) •          Exposición dos carteis históricos da Feira do Viño do Ribeiro A feira contará con 34 participantes con caseta propia, 20 adegas e 14 colleiteiros da D.O. Ribeiro. O pregón deste ano correrá a cargo de D. Arsenio Paz, propietario de Bodega A Vilerma e un dos grandes pioneiros e impulsores do momento actual da D.O. Ribeiro. Entre as principais actividades desta edición destacan as Catas comentadas, que contarán coa presencia de Susana Barros e de Juanjo Figueroa Treus, que serán os encargados de guiar as sete catas que haberá dos viños de adegas e colleiteiros presentes na FVR. Susana Barros, actualmente sommelier no Hotel Marriot Santo Mauro Luxury Collection en Madrid, local asesorado por Rafa Peña (Restaurante Gresca, Barcelona) impartirá as catro catas da xornada do sábado. domingo será Juanjo Figueroa, Presidente de AGASU (Asociación Galega de Sumilleres) e director técnico do Instituto Galego do Viño, así como sumiller do Lume de Carozo (Vigo) o que leve a cabo as tres catas de ese día. Por outra parte, unha actividade xa moi consolidada, como é a Cata Popular, volverá a ter o seu espazo dentro da programación. Será na tarde do venres e ao longo de todo o sábado no local social da Magdalena onde, como en anos anteriores, o público participante catará a cegas os viños que se presenten ao concurso, dos que sairán os viños premiados nas diferentes categorías (branco de adegas, branco de colleiteiros e tintos). Dentro do recinto haberá unha zona gastronómica, con varias Food Trucks e unha pulpeira, que estarán acompañadas na sesión viño aperitivo (en torno ás 14.00 h) e na sesión nocturna (a partir das 21.00 h) de varios artistas musicais que farán bailar e gozar aos asistentes. Os máis cativos tamén disporán do seu espazo en Ribeirolandia, onde poderán xogar e divertirse mentres os seus familiares degustan un viño tranquilamente. Como actividades complementarias, poderase visitar o Museo do Viño de Galicia, admirando as fermosas paisaxes da zona e coñecer un pouco máis da cultura histórica e do mundo do viño do Ribeiro. Tamén se levarán a cabo visitas durante toda a fin de semana ao Castelo de Ribadavia e no local da Magdalena, haberá unha exposición permanente durante todo o evento, de tódolos “carteis históricos das edicións da Feira do Viño do Ribeiro”. Pódese seguir toda a información sobre a Feira do Viño do Ribeiro na súa web e redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter).

Vendima 2021: Galicia agarda unha gran colleita en cantidade e calidade

É tempo do tintado e a maduración da uva, a poucas semanas xa para que comece a vendima en Galicia. Este ano, as previsións son boas e agárdase que mesmo se poidan acadar vendimas históricas en zonas como as Rías Baixas. A inestabilidade meteorolóxica deste verán está a atrasar a maduración e tamén propiciou episodios de mildio tardío nas distintas comarcas vitivinícolas. Con todo, o estado sanitario dos viñedos está a ser moi bo e agárdase unha colleita de calidade. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe (DO) para coñecer o estado dos viñedos e as previsións para esta vendima:

Rías Baixas: Vendima récord de case 44 millóns de quilos

Este ano na Denominación de Orixe Rías Baixas calculan unha recollida de 43,7 millóns de quilos de uvas, un 27% máis que na colleita de 2020, e cuns posibles rendementos medios de 10.455 quilos por hectárea. Sería a maior colleita da historia da DO, superando a anterior marca: 41 millóns de quilos de uva recollidos en 2011. O aumento de produción débese a unha taxa de brotación elevada e homoxénea, cunha fertilidade media-alta, unha media en valores do 91,3 %, segundo recolle o informe elaborado polo equipo técnico. Así mesmo sinala que as diminucións deste ano foron pouco significativas, con valores medios do 10%, que se atribúen nun 5% ao corremento de flor, un 2,8% á meteoroloxía (xeadas) e un 2,4% a pragas. Os datos foron presentados a finais do mes de xullo e recollidos na primeira semana dese mesmo mes. Polo momento as previsións non variaron aínda que haberá que agardar á vendima para confirmalas. Tamén apuntan a que será unha vendima moi heteroxénea, posto que algúns viñedos sufriron perdas de uva polos ataques tardíos de mildio, e mesmo hai unha porcentaxe de cepas afectadas por mildio larvado. Con todo, apuntan a que se trata de predios de pequenos viticultores, co que os danos non representan unha porcentaxe relevante. Este ano a vendima vén con certo atraso en comparación co 2020 e non se agarda que comece ata o 10 de setembro, aínda que poden recollerse certas parcelas sobre todo para a elaboración de escumoso, en auxe nos últimos anos. En calquera caso, o momento óptimo virá dado polo resultado dos controis de maduración que cada unha das adegas inscritas realicen nos seus viñedos. Na recta final previa á vendima, dende o Consello Regular recomendan manter vixiados os viñedos e prestar especial atención ós prazos de corentena dos produtos para garantir as mellores condicións para a vendima.

Ribeiro: A incidencia do mildio reduce a cantidade de uva prevista

As continuas chuvias e as temperaturas frescas que caracterizaron os primeiros meses de verán fan mudar as previsións iniciais que manexaban no Consello Regulador do Ribeiro. “En xuño as estimacións que tiñamos facían prever unha colleita moi boa, pero a climatoloxía condicionou non só o proceso de maduración senón que propiciou condicións para pragas endémicas como o mildio”, valora Juan Casares, presidente do Consello Regulador. Deste xeito agardan unha menor cantidade de uva da que cabía esperar a comezos de verán. Os episodios de precipitacións provocaron a aparición tanto de mildio, como de oídio e mesmo danos por botrite, aínda que dun xeito irregular polo territorio do Ribeiro. “Aínda que se reducirá a cantidade de uva, o Ribeiro é sinónimo de calidade, co que a calidade á hora da recollida está garantida”, reivindica Casares. A diferenza do acontecido o ano pasado, onde as altas temperaturas ocasionaron que as viñas sufriran estrés hídrico e se adiantara a colleita, nesta vendima recupéranse as datas habituais para a recollida de uva no Ribeiro. Agardan comezar os traballos a mediados do mes de setembro. Nestas últimas 5 semanas, dende o Consello Regulador activaron un dispositivos de inspeccións prevendima para realizar os controis precisos. A este equipo sumaranse máis profesionais para garantir tanto a orixe como a calidade na recollida da uva.

Valdeorras: A vendima arrancará a finais de agosto nos viñedos máis adiantados

En terras de Valdeorras agardan que a vendima arranque xa a finais de agosto. Aínda sen concretar unha data fixa, no Consello Regulador apuntan a que os predios con viñedos máis adiantados comezarán a recollida de uva arredor do 28 de agosto. O groso da vendima tardará algúns días máis. Prevese recoller unha cantidade de uva semellante á dos últimos anos, arredor dos 6 millóns de quilos. Porén, este ano tiveron variacións nos viñedos o que pode ocasionar tamén un incremento. “Estivemos incorporando novos viñedos, sobre todo da variedade Godello, e dando de baixa predios con cepas vellas que xa tiñan unha baixa produción ou con variedades como a Xerez ou Garnacha que non estaban tendo a mesma saída comercial”, explican dende o órgano regulador. Así, aínda que se manteñen nas 1.200 hectáreas de viñedo, estes cambios poden deixar tamén variacións no balance final da recollida de uva. O estado sanitario dos viñedos é bo pese a que houbo brotes de variedade de afeccións dende mildio, oídio ou black rot, pero que conseguiron ser controladas. “Dende que no 20218 houbera un ataque moi forte de mildio, os viticultores teñen os viñedos moi controlados e vixiados ademais de realizar prácticas que permitan a ventilación das cepas e melloren o estado sanitario das plantas e a uva”, indican no Consello Regulador.

Ribeira Sacra: Máis gastos e traballo para lograr a uva

Na maior parte das viñas da Ribeira Sacra a vendima agardará para setembro. “Pode haber algunha viña que se poida recoller xa na última semana de agosto, pero son casos anecdóticos e singulares”, explica José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador. Prevén que as primeiras uvas se recollan na primeira fin de semana de setembro, unha semana máis tarde do que se fixo o ano pasado. De feito, os controis de maduración realizados por técnicos do Consello Regulador comezaranse a realizar a vindeira semana. “Está máis atrasada que outros anos”, apunta Beatriz Soto, directora técnica da DO. No Consello Regulador agardan unha produción de arredor de 6 millóns de quilos, o que deixaría cifras semellantes ás manexadas tamén o ano pasado. A inestabilidade meteorolóxica deste ano provocou ataques importantes de mildio. “Con este tempo tivemos máis traballo no viñedo e tamén máis gastos para conseguir garantir a uva en boas condicións”, sentencia Rodríguez. O tempo xogou tamén malas pasadas nesta DO onde unha treboada de saraiba arrasou os viñedos da zona de San Fiz, en pleno corazón da Ribeira Sacra, arrasando a colleita. “O tempo é tan cambiante que ata que teñamos vendimiado non estamos tranquilos, agora está bo o que está axudando á maduración, pero tamén se pode botar a auga e fastidiarnos a vendima”, recoñece Rodríguez.

Monterrei: Agárdase unha moi boa colleita en cantidade e calidade

Tamén son boas as previsións este ano en Monterrei. Aínda queda case un mes para o inicio da vendima, que se prevé comece a mediados do mes de setembro. “Esta campaña vén con certo atraso se a comparamos coa do ano pasado, pero cómpre recordar que a 2020 viñera adiantada e xa comezáramos a vendimar a finais de agosto”, explican dende o Consello Regulador. Deste xeito, a vendima en Monterrei regresa ás datas habituais nesta zona. O viñedo atópase nun moi bo estado fitosanitario o que fai prever unha moi boa colleita tanto en calidade como en cantidade, tal e como indican os técnicos da DO. “As altas temperaturas dos últimos días están favorecendo a maduración das uvas, xa que ata o de agora vírase un certo atraso no estado fenolóxico”, indican no Consello Regulador. Aínda que é cedo para facer estimacións precisas, agardan que a colleita de uva volva situarse nas cifras que se manexaron o ano pasado, arredor dos 5,6 millóns de quilos. As recomendacións dende o Consello Regulador para estes días previos á vendima céntranse en controlar a eliminación das follas para favorecer a circulación do aire e a maduración da uva.

Pazo Lalón, así se elabora o Mellor Viño Branco de Galicia en 2020

“Este branco é un fiel reflexo da variedade autóctona Treixadura, do terruño. É un viño con moito volume e onde priman os sabores a froita do país como a mazá”. Así describe Eduardo González Bravo o seu viño Pazo Lalón, que foi considerado o Mellor Branco de Galicia na pasada edición das Catas de Galicia, que se celebrou a finais do 2020. A distinción foi tamén un recoñecemento para a tradición e a paixón pola vitivinicultura que leva amosado esta adega familiar do Ribeiro, asentada en Leiro (Ourense). “Para nós este premio é un orgullo, xa que o viño é a herdanza que nos deixou meu pai”, valora Eduardo, que traballa a diario na adega xunto co seu irmán Tomás.
“Para nós este premio foi un orgullo, xa que o viño é a herdanza que nos deixou meu pai”
A adega aséntase na antiga casa grande de Lalón, construída no ano 1204, e que foi propiedade do convento de Allariz e da familia dos Ulloa. No 1992 comezou a produción de viño, aínda que José González, o pai de Eduardo, adquiriuna xa a comezos dos anos 80. “Meu pai era hostaleiro no Carballiño (Ourense) polo que mercaba os viños no Ribeiro e sempre tivo a ilusión de facer o seu propio viño”, recorda. A adega está situada nunha antiga casa grande que data de 1204.

Variedades autóctonas

Asesorado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), José recuperou e plantou novos viñedos nas proximidades da adega. A finais dos anos 80 plantaron unhas 8 hectáreas, boa parte deles de Treixadura, ademais doutras variedades autóctonas como Albariño, Loureira ou Torrontés. Hoxe en día Pazo Lalón conta con preto dunhas 12 hectáreas de viñedo. A parcela principal está situada nas proximidades da adega e abrangue unhas 8 hectáreas. Trátase dun viñedo plantado na ladeira sur de Gomariz e conducido en espaldeira de arriba a abaixo e con orientación norte-sur. Ademais, dispoñen doutras 2 hectáreas tamén no lugar de Gomariz e ás que se engaden 1,5 hectáreas na parroquia próxima de Cabanelas (O Carballiño, Ourense).
A adega está especializada nas variedades brancas. A maior parte das cepas son de Treixadura e este ano sacarán ó mercado o seu primeiro tinto
Nestes viñedos predominan as variedades brancas. A maior parte das cepas son de Treixadura, que supón o 65% das cepas. Arredor dun 10% son de Albariño e un 5% de Loureira e outro tanto de Torrontés. Nos últimos anos tamén comeza a aproximarse ás variedades tintas e conta cuns 4.000 metros cadrados plantados de Sousón, Mencía e Caíño Longo. “Tiñamos unha produción de tinto mínima que ata agora destinabamos para autoconsumo e este será o primeiro ano que sacaremos ó mercado tamén un tinto”, comenta Eduardo. No outono aportan caliza de magnesio para correxir as carencias dos solos graníticos.  Este ano tamén queren renovar parte do viñedo. “Unha das nosas prioridades vai ser rehabilitar o viñedo. Pensamos arrancar algunhas cepas que temos danadas, sobre todo por enfermidades da madeira como a Yesca, pero imos seguir apostando polos brancos e pola Treixadura”, apunta o viticultor.

Fieis ó terruño e á identidade do viño

Eduardo reivindica unha vitivinicultura apegada tanto ó terruño, á identidade das variedades autóctonas que colleita, como ás elaboracións máis tradicionais, combinadas coa tecnoloxía actual. Deste xeito, no viñedo optan por reducir ó máximo os tratamentos fitosanitarios. “Non chegamos a estar en ecolóxico, pero si traballamos con esa liña”, explica o viticultor.
Rexeitan utilizar herbicidas e antibotríticos nas súas vides e aplican o menor número de tratamentos de sulfatos
Así, refusan empregar ningún tipo de herbicida nos viñedos, tampouco aplican antibotríticos, e o uso de sulfatos redúcese ós mínimos tratamentos imprescindibles. “Ó ter boa parte do viñedo na ladeira sur de Gomariz, que é unha zona solleira e ventilada, redúcense os tratamentos, con todo hai anos como o pasado que o mildio afecta moito e merma a produción”, comenta. Adoitan ter unhas producións de 5.000 quilos por hectárea. Acostuman facer clareos de acios para adecuar a carga de cada cepa. Tentan manter sebes naturais nas marxes do viñedo. “Estes espazos rematan sendo refuxios de fauna que nos beneficia á hora de controlar pragas no viñedo”, detalla. Nos primeiros anos de produción, tamén optaron por sementar centeo durante o inverno para na primavera soterralo. “Resultou ser un aporte de materia orgánica moi importante, pero unha vez que conseguimos o nitróxeno necesario deixamos de facelo para non alterar o solo”, indica. Agora aportan caliza e compost orgánico que mercan a Ecocelta e co que atende as necesidades das cepas. Na adega, buscan potenciar e respectar as calidades das variedades autóctonas, polo que optan por intervir o menos posible na evolución dos dous viños que elaboran e que comercializan baixo as marcas Pazo Lalón e Eduardo Bravo. “O viño elaborámolo botando man da máxima tecnoloxía, pero tentando manternos fieis á tradición”, apunta o adegueiro.
Realizan un pé de cuba para conseguir realzar as características das variedades autóctonas
Nos seus viños tampouco engaden formentos químicos, senón que optan por realizar sempre un pé de cuba, unha preparación que se fai antes das primeiras vendimas ó recoller as uvas máis maduras a unha temperatura axeitada, deixando que comece a fermentación. “Controlar a temperatura e realizar o pé de cuba permítenos traballar cos formentos propios das nosas variedades, que resaltan os matices varietais dos viños, como é no caso da Treixadura a mazá, ou na Loureira os aromas a lavanda”, detalla o adegueiro. Comercializan as marcas Eduardo Bravo e Pazo Lalón. Son viños cunha alta graduación, que adoita situarse entre os 13 e os 13,5 graos de alcohol. “Ó estar o viñedo nunha ladeira sur, as nosas uvas adoitan madurar sempre moito, o que eleva a graduación dos nosos viños”, concreta Eduardo. Teñen unha produción dunhas 25.000 botellas do seu viño Pazo Lalón, elaborado a base de Treixadura e Albariño. Este ano, dada a incidencia de mildio que acusaron, a produción foi de 17.000 botellas. O outro viño que comercializan é Eduardo Bravo, elaborado con Treixadura, Loureira, Albariño e Torrontés. Neste caso trátase dunha elaboración cunha crianza sobre leas duns 2 meses e que logo van clarificando por gravidade. Deste viño adoitan producir unhas 21.000 botellas, e esta colleita tamén se viu reducida a produción a unhas 19.000 botellas. Este ano tamén pretenden sacar o mercado o seu primeiro tinto e un branco de barrica, un monovarietal de Treixadura. No traballo diario da adega, xunto ós dous irmáns, teñen tamén un empregado. O cadro de persoal increméntase en dous operarios máis para traballos como a poda ou o atado das cepas e chega ás 10 persoas na época da vendima. Na adega traballan os irmáns, Eduardo e Tomás, e contan cun empregado durante todo o ano.

Viños para a restauración

O principal mercado dos seus viños é a canle Horeca, en parte pola súa tradición e vinculación coa hostalaría. “O 95% dos nosos viños comercializámolos en establecementos hostaleiros”, explica González Bravo. O establecemento familiar o Mesón do Xamón, que rexentan en pleno centro de O Carballiño, é outro dos destinos dos seus viños. Pese a estar centrados na restauración e dadas as restricións derivadas da crise sanitaria do Covid-19, xa comercializaron boa parte da súa produción. “Nos meses de verán conseguimos darlle saída á maioría, e agora só nos queda entregar un último pedido para dala por rematada”, comenta Eduardo. Tamén comercializan unha parte da súa produción en cidades como Barcelona, Madrid e exportan a México ou Francia.

É necesario regar o viñedo en Galicia?

Malia que a rega do viñedo non é unha práctica habitual en Galicia, as consecuencias do cambio climático están levando a estudar o aporte de auga ás cepas, en función das condicións dos viñedos e do tipo de produción que se procure. O investigador José Manuel Mirás Avalos, durante a súa estapa profesional na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), levou a cabo distintas experiencias de rega de viñedo en Galicia, que aportan información sobre os cambios que provoca o aporte de agua puntual no viñedo.
“A rega é unha das ferramentas que os viticultores podemos empregar para paliar algúns problemas causados polo cambio climático”
“A rega é unha das ferramentas que os viticultores podemos empregar para tentar paliar algúns problemas causados polo cambio climático”, explica o investigador José Manuel Mirás, ó tempo que xustifica que se propoña esta práctica nunha rexión cunha climatoloxía tan húmida como é Galicia e onde o viñedo non acostuma a regarse, a diferenza doutros cultivos. “Algúns estudos recentes apuntan a que os viñedos se están desprazando cara ó norte para lograr rebaixar a temperatura e mitigar a seca”, concreta o investigador. As súas experiencias de rega centráronse en viñedos situados en tres das cinco denominacións de orixe galega. En concreto, os traballos realizáronse en viñedos que a Evega ten no Ribeiro, así como en fincas de adegas comerciais nas Rías Baixas e Valdeorras, entre o 2012 e o 2014.

Coñecer o estado hídrico do viñedo

“Aínda que en Galicia o volume de precipitacións non varíou moito polo momento, si se están observando cambios na distribución das chuvias e un incremento da temperatura”, explica o investigador, botando man de estudos realizados con datos tomados na Estación Meteorolóxica de Lourizán. Estas variacións no réxime de chuvias levan a ter en conta o estrés hídrico que soportan os viñedos e optar por prácticas que poidan mitigalo, como pode ser a rega. “Non en tódalas etapas de desenvolvemento da vide o estrés hídrico resulta igual de prexudicial para o viñedo, xa que hai momentos como o desenvolvemento da vexetación no que as vides son moi sensibles e pode provocar problemas a posteriori na maduración”, indica Mirás.
Coñecer as consecuencias do estrés hídrico no viñedo en cada etapa é fundamental á hora de avaliar realizar regas
Coñecer as consecuencias do estrés hídrico no viñedo en cada etapa é fundamental á hora de avaliar realizar regas. “Para que a rega sexa efectiva hai que coñecer as necesidades da planta, distintas estratexias de rega e ter en conta variables meteorolóxicas. Regar o viñedo non é só botar auga ás cepas”, concreta o investigador. Ademais, Mirás recorda que, pese a que en Galicia non adoita haber problemas durante o desenvolvemento da vexetación, xa que abondan as precipitacións precisamente un dos anos do estudo, no inverno de 2012, a situación de seca que se estaba a dar facía peligrar algúns viñedos. “No mes de febreiro levaba 50 días sen chover, e en viñedos novos estaban inxectando auga ás cepas con camións cisternas”, recorda. O alto contido en area e a baixa capacidade de retención de auga de boa parte dos solos dedicados á viticultura en Galicia fai que se contemple a rega en casos puntuais. Pola contra, durante a fase de envero e callado da uva, un estrés hídrico moderado pode resultar moi beneficioso para o viñedo. “Nesta fase permite controlar un crecemento vexetativo excesivo sen afectar ó desenvolvemento da uva”, explica Mirás. Co obxectivo de lograr un estrés hídrico axeitado, sen ter mermas na produción, nin na calidade dos viños, Mirás apunta distintos métodos para determinar o estrés hídrico. O recoñecemento visual da planta é xa un indicativo de se está sometida a un estrés hídrico excesivo. Porén, “cando comezan a verse indicios na planta pode ser xa un pouco tarde para actuar”.
Un dos métodos máis eficaces para coñecer o estrés hídrico do viñedo é a colocación dunha rede de sensores no solo
Os datos meteorolóxicos poden contribuír á estimación das necesidades hídricas, pero ó estar limitados ás estacións meteorolóxicas, pode haber desaxustes coa finca onde se sitúa o viñedo. Un dos métodos máis eficaces é a colocación dunha rede de sensores para estimar a cantidade de auga presente no solo. “É preciso contar cunha rede e non só cun sensor porque pode haber moita diferencia entre as distintas zonas dunha mesma parcela”, puntualiza o experto. Tamén se poden tomar medicións na propia planta, nas que se avalía a súa capacidade para reter a auga. Aínda que non existe un rango de valores específicos para determinar os umbrais de estrés hídrico para a planta, Mirás recomenda empregar os utilizados en Francia onde os valores por debaixo a 0,6 megapascais indican que a planta non sufre estrés hídrico.

Experiencias de rega do viñedo en Galicia

As experiencias de rega de viñedo en Galicia ofreceron resultados diversos ó tratarse tanto de variedades diferentes como de zonas con características climáticas diversas. O resultado das regas, aínda que con variacións entre as DO, deixa mínimos incrementos da produción, así como mostos máis acedos e con variacións organolépticas. Coñecemos as investigacións en detalle:

Rías Baixas

A investigación realizada nas Rías Baixas levouna a cabo nunha finca comercial de O Rosal con cepas de Albariño, o que lles obrigou a utilizar unha metodoloxía un pouco diferente. “Non podíamos permitir que a produción se vise afectada, polo que neste caso vimos as diferencias cunhas cepas que empregamos como testemuña de secaño, en comparación coas prácticas que levaban a cabo no resto da parcela”, explica. Precisamente no tempo de estudo, entre marzo e outubro, as condicións meteorolóxicas foron moi favorables para o viñedo, posto que a distribución das chuvias foi abundante e homoxénea, con picos que mesmo chegaron a 50 milímetros diarios, mentres as regas houbo anos nos que non supuxeron máis de 16 milímetros, o que en palabras do experto son valores moi insignificantes. “A nosa experiencia demostrounos que, alomenos baixo as condicións do estudo, a rega do viñedo nas Rías Baixas non está xustificada”, concreta.

Ribeiro

Nos estudos realizados no Riberio avaliaron a rega de 3 variedades: Albariño, Godello e Treixadura, na parcela experimental da Evega. Neste caso, apreciaron diferencias entre as cepas de secaño e as de rega, así como entre as variedades. Das tres campañas de estudo, o ano 2013 foi no que constataron un maior estrés hídrico, sendo a maior parte do ciclo seco. Pese a iso, só detectaron un lixeiro estrés hídrico para o viñedo nas zonas de secano e durante a última fase da campaña, polo que a estratexia de rega tampouco marcou unha gran diferenza con aquelas plantas que permaneceron en secaño. “A rega incrementou o vigor vexetativo das cepas e a produción, en canto ó peso medio dos acios, para o promedio das tres campañas”, detalla Mirás. Tamén observaron diferenzas entre as variedades de Godello e Treixadura. Os niveis de estrés foron moderados e mesmo chegaron a ser severos no caso da Treixadura, na última fase da campaña do 2013. Precisamente, no caso desta caste coa rega conseguiron que o peso do acio fose maior, co que conseguiron unha maior produción, ademais de contar con plantas con maior vigor. No caso da Treixadura, no Ribeiro, coa rega das cepas conseguiuse incrementar o peso do acio. A investigación, ademais das probas no viñedo e na adega, tamén incluíu catas de profesionais e consumidores, e foi nesta valoración onde se observaron maiores diferencias no caso dos viños de Godello. “Os consumidores preferían os viños procedentes do tratamento de secaño antes que os do rega, a pesar de que había moi pouca diferencia entre eles”, detalla o experto. Diferenzas entre as cepas de secaño e de rega do Godello no Ribeiro.

Valdeorras

No caso dos viñedos de Valdeorras empregaron dous sistemas de regad diferentes: soterrado e superficial. Pese a que nesta zona as condicións climáticas foran máis limitantes, tamén a capacidade de retención de auga do solo é superior, o que tamén influíu nos resultados, tal e como concreta o experto. No 2013 detectáronse maiores diferenzas entre as cepas de secaño e as de rego en Valdeorras. As diferenzas entre o tratamento de secaño e os que tiñan rego producíronse, sobre todo no segundo e no terceiro ano, onde se observaron valores de estrés hídrico lixeiro e elevado, respectivamente. “Coa rega houbo unha tendencia a acadar maiores producións polo peso dos acios, ó tempo que os mostos foron máis acedos y con menor grao de alcohol”, concreta o experto.

31 bodegas participarán na Feira do Viño do Ribeiro

A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 57ª edición, terá lugar os vindeiros días 1, 2 e 3 de maio de 2020, no recinto da Alameda, en Ribadavia (Ourense), acaba de pechar o prazo de inscrición para as adegas e colleiteiros. A organización do evento (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) amosan a súa satisfacción e queren destacar o gran interese do sector por participar no principal evento vitivinícola da comarca e un dos máis senlleiros do territorio nacional. A inauguración será a mañá do venres, día 1 de maio, mentres que a entrega de premios, como novidade nesta edición, terá lugar tamén pola mañá, o domingo día 3 de maio, co obxectivo de que o público dispoña de tempo suficiente para visitar as casetas dos gañadores dos premios da cata popular. Na presente edición alcanzarase o número de 31 participantes (entre adegas e colleiteiros), dato que amosa a consolidación da Feira do Viño do Ribeiro como evento enogastronómico e cultural de referencia a nivel autonómico. As adegas e colleiteiros serán convocados, proximamente, para unha reunión na que se sortearán os postos e na que se lles informará das actividades e novidades que este ano se levarán a cabo na Feira do Viño do Ribeiro. Mentres tanto a organización continúa a traballar nas actividades e novidades da próxima edición, que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.

“Na Idade Media en Galicia contábamos cun bo viño que se exportaba a Inglaterra”

O doutor en Historia da arte e xefe da área de Cultura Xacobea, Francisco Singul Lorenzo, ten abordado en distintos traballos a relación que existiu entre o viño e o Camiño de Santiago xa dende a Idade Media. Con el coñecemos o consumo de viño que se facía nesa época, así como a evolución da viticultura propiciada ó abeiro dos mosteiros. -Que relación gardan o viño e o Camiño de Santiago? Manteñen unha relación estreita xa que o Camiño de Santiago iníciase na alta Idade Media e tanto o consumo como a produción de viño forma parte desa época. Non é un caso illado, xa que o viño está na propia dieta habitual que se tiña na Idade Media. Así, calquera que estivera peregrinando e pasara por terras como o norte de España, tales como Aragón, Navarra, Rioxa, Castela e León, O Bierzo ou Galicia, ten un contacto con zonas vitivinícolas. Así é que había unha relación obvia entre o Camiño e unha área de produción de viño ampla. Deste xeito, os peregrinos que seguían, por exemplo o Camiño Francés, era doado que recibiran tanto nos mosteiros como nos hospitais reais ou nas pousadas e nas tabernas viño, posto que era un elemento máis da dieta.
"Na Idade Media, había un gran consumo de viño xa que era un elemento máis da dieta e pola cantidade de actos litúrxicos"
Ten unha gran importancia a hospitalidade, tanto monástica como civil cara ó peregrino. Así é que á marxe de proporcionarlle un leito tamén lle daban sustento e é aí onde o viño aparece, xa que era parte da dieta, era entendido como un alimento máis. Houbo unha relación directa e importante e moi rica durante moitos séculos entre viño e Camiño. Ademais de ser un elemento da dieta da época, tamén había un elevado consumo de viño derivado dos actos litúrxicos, posto que se encadeaban as misas nos mosteiros e o viño era un elemento imprescindible para o cerimonial. De feito, os mosteiros teñen un peso importante, sobre todo no Camiño Francés, o que fai que haxa unha relación tamén entre o viño e o Camiño. -Que consumo de viño podían ter os mosteiros daquela? Naquela época era moi célebre a Cuba do Mosteiro de Sahagún, en Tierra de Campos (León), pois dicían que contaba con 1.000 cántaras, xa que tiña unha produción e un consumo moi elevados. Este consumo era tanto para usos litúrxicos como para civís e sempre rebaixado con auga. -Mantense esa relación entre o viño e o Camiño aínda na actualidade? Dende logo. Non foi algo puntual da Idade Media senón que se mantén o longo da historia. As peregrinacións a Compostela comezan no século IX e hai un desenvolvemento moi longo e existe unha relación moi evidente e que aínda se aprecia na actualidade. Hoxe en día se pensamos en calquera dos distintos camiños, dende o Francés ata o Primitivo ou o Camiño Portugués, teñen unha facilidade obvia para entrar en contacto coas denominacións de orixe en Galicia e no resto de España tamén, como o Rioxa. -Foi máis notable esta relación nalgún punto de Galicia? Concretamente Santiago, ademais de ser o centro das peregrinacións, era un excelente mercado tanto de viños do Ribeiro como de importación, con viños que chegaban de Aragón, Portugal ou Francia. É curioso que o Códice Calixtino cando fala de Galicia di que era pobre en viño pero rica en sidra, pero hai que contextualizar que se está a falar da actual provincia de Lugo, aínda que ben é certo que os monxes de Samos tiñan xa viñedos no Bierzo e eran consumidores de viño para usos litúrxicos. O viño era un peza fundamental da dieta na Idade Media: pan e viño.
“Xa na lexislación de Afonso X se indicaba que non conviña mesturar os distintos viños pero si era habitual engadirlle auga”
Tamén cómpre matizar que se adoitaba rebaixar o viño con auga xa que era un viño moi duro. Xa na lexislación de Afonso X se indicaba que non conviña mesturar os distintos viños pero si era unha práctica habitual engadirlle auga. -Tratábase dun viño moi forte ou había outros motivos para rebaixalo? Polo xeral tratábase de viños fortes polo que se procedía a engadirlle auga. Tamén era unha práctica habitual para tentar evitar problemas de embriagadez, posto que a Igrexa, xa dende San Paulo recomendaba rebaixalo con auga. -Tamén se ten referido que a mala calidade da auga dalgunhas zonas na Idade Media facía que se engadise viño á auga co gaio de conservala. Acontecía isto en Galicia? En xeral, cando se viaxaba foran comerciantes ou peregrinos, a xente que levaba auga para o seu camiño adoitaba engadirlle algo de viño para que se conservase durante máis tempo. -Como era o viño que se elaboraba en Galicia na Idade Media? No caso de Galicia, eu diría que polo xeral era un viño bo, posto que ademais de dedicalo ó consumo propio tamén había unha importante cantidade que se destinaba á exportación. Durante os séculos XIV e XV houbo unha importante exportación de viño dende Galicia a Inglaterra, ó non poder os ingleses ter acceso ós viños de Bordeos, polo tema da Guerra dos 100 anos. Houbo unha exportación moi importante de viño do Ribeiro que en poucos días chegaba ós portos de Inglaterra. Era un viño apreciado. Ademais, en Compostela, que era unha cidade cosmopolita, había tamén viños de importación. -Daquelas, era máis popular o viño tinto ou había tamén brancos? O viño que se consumía era fundamentalmente tinto, xa que para os usos litúrxicos gardaba unha maior similitude cerimonial co sangue de Cristo. -Podería estimarse a superficie de viñedo que había na Idade Media en Galicia? É realmente moi complicado facer unha estimación diso, pero si se coñece que había unha gran demanda de viño e que se incrementou a superficie de viñedo. As demarcacións das denominacións de orixe que hoxe hai en Galicia sábese que teñen unha orixe moi antiga que se remonta á Idade Media. A propia Historia Compostelana apunta que xa no século XI había viñedos na zona do Morrazo que foran atacados polos almorábides. Había unha superficie vitivinícola importante xa en Galicia. Sabemos que nos séculos XIV e XV aumentou. Medrou en zonas como a Ribeira Sacra e sobre todo no Ribeiro, que daquelas era moi coñecido, sobre todo polos ingleses, e tamén se chegou a plantar noutras áreas.
“A gran demanda de viño que houbo nos séculos XIV e XV fixo que mesmo houbese viñedos en zonas coma Betanzos, sen tradición vitícola”
En zonas coma Betanzos, onde non había unha tradición vitícola ata o momento, chegouse a plantar vide, dada a alta demanda de viño que había. Santiago de Compostela funcionaba como un centro de redistribución. O Cabildo de Compostela tiña viñedos e ademais había un gran consumo ó ser considerado un alimento e tamén para os actos litúrxicos. -En que medida o Camiño de Santiago influíu na viticultura en Galicia? No desenvolvemento da viticultura en Galicia tivo moita influencia o monacato xa que tiña moita superficie e o viño era fundamental tanto para a dieta diaria como para os oficios relixiosos. Así foi que as distintas ordes de monacato foron fundamentais á hora da expansión da superficie cultivable de viñedo ou as novidades tecnolóxicas que se ían incorporando.
“No desenvolvemento da viticultura en Galicia tivo moita influencia o monacato”
Non foi tanto unha ligazón directamente coas peregrinacións pero si coa Igrexa e principalmente coa monástica. Esta relación apréciase tanto en Galicia como no resto de Europa. -Chegou a exportarse por medio das peregrinacións castes de viñedos? É un tema do que non se ten moita información ó respecto. A orixe do viño remóntase á época dos Romanos e parece que durante a Idade Media houbo unha expansión importante. Dende o punto de vista histórico non hai documentación que dea conta se puideron traerse ou levarse castes cara outros lugares. -Teñen un pasado común os camiños dos arrieiros coas distintas rutas do Camiño de Santiago? O Camiño dos Arrieiros era unha vía moi importante para traer o viño do Ribeiro ata Santiago, onde entraban na cidade pola antiga porta de Mazarelos, onde daquela estaba o mercado vello. Era un camiño medieval certamente importante e seguro que daquela coincidiría que transitaban por el peregrinos, pero per se, non era un camiño de peregrinación, senón que era un camiño comercial. Tamén é certo que os camiños de peregrinación eran camiños multiúsos que servían como medio de comunicación, para o exército, para usos comerciais... pero no caso dos camiños dos arrieiros creo que tiñan un compoñente máis comercial que de peregrinación, iso non quere dicir que non transitaran por el tamén peregrinos.

“O vinagre é un produto que aínda non se valora en Galicia”

Xoán Pablo Lorenzo botou seis anos investigando e experimentando sobre a elaboración do vinagre antes de que Vinagres do Ribeiro comezase a funcionar no 2017. Aínda que, como el mesmo recoñece, naceu “enriba dunha adega”. Esta adega familiar do Ribeiro proporcionoulle un coñecemento do viño e foi tamén o xermolo para que se decidira a elaborar vinagres. Hoxe, só dous anos despois de comezaren a comercializarse, os seus vinagres artesanais xa son coñecidos por destacados cociñeiros galegos e obtiveron recoñecementos ó máis alto nivel. “A idea do vinagre xurdiu coa intención de dar valor a aquelas castes non preferentes que hai no Ribeiro e que doutro xeito son viñedos que van quedando abandonados, porque ás adegas pequenas non lles é rendible ter segundas marcas, nin cambiar por outras castes” explica Xoán.
Cos vinagres buscaba pór en valor un subproduto e aproveitar aquelas castes de viño non preferentes
Ó mesmo tempo, Lorenzo reivindica deste xeito a importancia da paisaxe do Ribeiro, como un valor máis, apostando pola conservación de socalcos e viñedos cunha longa traxectoria. “Como xa están facendo noutras zonas, como a Ribeira Sacra, hai que atopar a forma de conservar esta paisaxe e ó mesmo tempo aproveitala”, apunta.

Un camiño de experimentación

Ata chegar a dar cos vinagres que hoxe elaboran, Xoán afanouse nun proceso de experimentación no que buscou asesoramento de profesionais da restauración e en centros de referencia no sector culinario, como a Escola Internacional de Cociña de Fernando Pérez, en Valladolid; ou na elaboración do vinagre, como a Asociación Vinavin, de Córdoba. “O vinagre é un produto que non se valora en Galicia, a xente non o contempla como unha alternativa e quixemos darlle un valor engadido”, indica Xoán.
Xoán Lorenzo estivo seis anos experimentando sobre a elaboración do vinagre para acadar os produtos axeitados
Unha vez que logrou dar cos produtos, o programa de apoio a empresas agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, axudoulle a darlle forma á proposta empresarial e concretar aspectos claves para a comercialización. “O programa axudoume a definir ben as estratexias a seguir e pensar ben nos puntos fortes e na competencia dos meus produtos”, recorda o produtor.

Vinagres do Ribeiro

Os tres vinagres que comercializa na actualidade. //Foto: Brais Lorenzo. Os vinagres que elabora nesta adega do lugar de Berán, en Leiro (Ourense), baixo a marca Albarro están aromatizados con distintas herbas e pensados para empregalos en diferentes elaboracións culinarias. O primeiro vinagre que sacou ó mercado foi o Albarro XP I, elaborado a partir de viño branco, cunha acidez de 6 graos e aromatizado con loureiro. É un vinagre pensado para acompañar pescados, mariscos e a elaboración de escabeches e marinados. Tamén elaborado con viño branco e un 15% de viño tinto, o Albarro XP II está aromatizado con fiúncho e ten unha acidez medio grao maior. Este tipo de vinagre está destinado ó aliño de ensaladas. A última caste que ten agora no mercado é o Albarro XP III, cun 80% de viño tinto e aromatizado con allo, unha acidez de 7 graos e destinado a preparación de guisados e escabeches de caza e carnes.
Comercializa tres vinagres aromatizados con loureiro, fiúncho e allo, elaborados con viño branco e tinto
O produtor pensa tamén en comezar a comercializar unha liña de vinagres sen aromatizar que poidan empregarse nas conservas gourmet. “En Galicia temos unhas conservas que cada vez procuran máis a calidade, pero ó igual que son fundamentais uns bos mariscos e moluscos, tamén é imprescindible un vinagre de calidade”, concreta o produtor. Esta industria conserveira, tal e como indica Lorenzo, está a empregar na actualidade arredor dun millón de litros de vinagre ó ano.

Proceso artesanal

Un dos aspectos que diferencia a Vinagres do Ribeiro é que son froito dun proceso de acetificación completamente artesanal realizado en barricas de madeira que están adaptadas ó método Orleáns. Este procedemento confírelle ós vinagres unhas características organolépticas especiais posto que as barricas permiten a ventilación e unha maduración lenta.
O vinagre elabórase dun xeito artesanal, cunha maduración lenta e ventilada e sen ningún tipo de sulfitos
Cada vinagre macera entre 15 e 20 días coas distintas plantas para conseguir aromatizarse antes de someterse durante varios meses a un proceso de crianza. Logo, realiza un proceso de filtrado medio para evitar impurezas pero que lle permite conservar un aroma e sabor intenso que os caracteriza. Embotéllaos mediante sacas, de maneira que sempre está a traballar co vinagre orixinal. “Pódese dicir que estamos a elaborar o vinagre cunha crianza do 2017”, explica o produtor. Pipos onde se cría o vinagre. Ademais, durante todo o proceso non lle engade ningún tipo de sulfitos  para estabilizar o vinagre de maneira que, aínda despois de embotellalo, o vinagre pode sufrir variacións que dan conta de que é un vinagre natural. “Dende un principio queriamos elaborar un produto diferenciado de calidade e artesanal”, explica Xoán. Así é que Vinagres do Ribeiro é o único fabricante que elabora vinagres artesanais de uva en Galicia e dos poucos en facelo tamén a nivel nacional. Na actualidade, en Galicia só hai outro produtor industrial de vinagre de viño.
“Os vinagres máis prestixiosos nunca proceden dun gran viño, xa que non é o tipo de uva o que marca a diferencia, senón o proceso”
Tal e como explica o produtor, na elaboración do vinagre a clave está no procedemento e non tanto nas castes de uvas que se empreguen. “Os vinagres máis prestixiosos nunca proceden dun gran viño, xa que non é o tipo de uva o que marca a diferencia, senón o proceso” , reivindica Lorenzo. Todo o viño que merca procede da zona do Ribeiro e busca que sexa un “viño san ó que se lle disparase o acético e non serva para comercializar como viño pero que nos permita elaborar un vinagre de calidade”, concreta. Recoñece que o vinagre está tan infravalorado que moitos viticultores creen que o que non lles vale a eles xa se pode empregar para facer vinagre. “Houbo quen chegou a ofrecerme pipas vellas que xa non lle servían para o viño porque para facer vinagre ben me valerían. Ese é o concepto xeralizado que aínda teñen moitos viticultores”, indica.

Recoñecemento internacional

A aposta pola calidade que fixo Lorenzo xa lle ten valido, nos escasos dous anos que os seus vinagres levan no mercado, o recoñecemento ó máis alto nivel, o último este mesmo mes de novembro. Por segundo ano consecutivo, o seu Albarro XP I logrou a distinción de ouro no certame internacional Vinavin, que se celebra en Córdoba, e no que se dan cita preto dun cento de vinagres do máis alto nivel.
Por segundo ano consecutivo, o seu Albarro XP I logrou a distinción de ouro no certame internacional Vinavin
Porén, outro dos logros de Vinagres do Ribeiro é ser xa un produto coñecido e empregado por algúns dos máis prestixiosos cociñeiros galegos. O seu mercado polo de agora concéntrase en Galicia pero comeza a abrirse paso tamén en zonas como Tarragona, Málaga, Valladolid ou Canarias, de man de distribuidores. Ademais, coa venta directa por internet os vinagres comercialízanse en Asturias, País Vasco ou Madrid, entre outros destinos. O obxectivo a medio prazo é situarse nunha produción que ronde os 6.000 ou 7.000 litros ó ano, que lle permitan seguir cun proceso artesanal como o que realiza. Polo momento, para o vindeiro ano agarda poder elaborar e comercializar arredor de 3.600 litros.

Que rutas seguía o viño do Ribeiro no medievo?

Na época medieval, o viño do Ribeiro era coñecido non só en todo Galicia senón que xa traspasaba fronteiras cara zonas do norte da cornixa cantábrica, outros territorios coma Inglaterra ou mesmo viaxaba xa en expedicións como a de Colón a América, segundo recollen os documentos da época. Neste trasfego comercial do viño do Ribeiro, a Ruta dos Arrieiros, é unha das pegadas históricas que evidencia esta comercialización.
“Non se pode falar dunha única ruta dos arrieiros, senón que hai varios camiños nas marxes do Avia”, (José Luis Sobrado, historiador)
Porén, como ben sinalan expertos como o historiador José Luis Sobrado, “non se pode falar dunha única ruta dos arrieiros, senón que hai varios camiños que eran empregados para o transporte do viño, principalmente cara a cidades como Pontevedra ou Santiago”, sinala.

As rutas dos arrieiros

Aínda que nos últimos anos se está a reivindicar como Ruta dos Arrieiros, a que transcorre pola marxe esquerda do río Avia, tal e como explica o historiador, existen outras alternativas nas marxes deste río que dan boa conta do transporte de viño que se levou a cabo nestas zonas. “Hai un patrimonio histórico moi rico e abundante que evidencia a importancia da comercialización do viño por estas terras, dende bodegas históricas, pazos, pontes ou castelos”, indica o historiador. Pese a que unha parte importante destas rutas dos arrieiros, que confluían próximas ó Avia, foron substituídas co paso do tempo por novas vías de comunicación e empregadas para a construción de estradas, o patrimonio próximo evidencia a súa existencia. “Sábese que tiña que existir máis dunha ruta polo patrimonio que hai a ambas marxes e pola escaseza de pontes para cruzar o río, o que evidencia, unha vez máis, que non había unha única ruta”, concreta o historiador. Rutas dos arrieiros próximas ó río Avia, en Ourense, onde se localizaban granxas, pontes e castelos. Tamén hai algúns tramos onde os antigos camiños dos arrieiros se conservan en moi bo estado. “Agora mesmo hai distintos concellos que están tentando recuperar estes antigos treitos que, nalgúns casos, están moi ben conservados”, indica o historiador. Á marxe de construcións como os castelos, pazos ou as pontes, a existencia dun importante número de granxas monásticas é, segundo explica o historiador, outra das claves para reforzar a idea de que existan varios camiños de arrieiros. Estas antigas granxas pertenceron a diversos mosteiros que, aínda sen ser do Ribeiro, se asentaron nestas zonas mediante estas estruturas que lle permitían garantir un subministro de viño procedente dos terreos que tiñan en propiedade. Así, algúns dos mosteiros máis importantes de Santiago como San Martiño Pinario e San Paio ou o cabido da catedral tiñan granxas no Ribeiro. Tamén o mosteiro de Sobrado dos Monxes (A Coruña) ou o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos en Lousame (A Coruña) contaban con granxas nesta zona. As granxas funcionaban como pequenas sucursais do mosteiro, cunha administración similar, e xestionaban o territorio que tiñan nesta zona.
O achado de nova documentación sobre o transporte do viño recolle o importante tráfico que rexistraban estas rutas
Normalmente un monxe, acompañado por outro persoal da granxa, encargábase de xestionar os viñedos dos que dispoñían e cos que abastecían as necesidades dos mosteiros. A excepción dalgunha granxa que tamén contaba con outros cultivos de cereais, os viñedos eran o principal aproveitamento destas granxas que tamén xeraban un fluxo de transporte de viño na zona. O achado de nova documentación sobre o transporte do viño, localizada recentemente e que están a estudar, recolle o importante tráfico que rexistraban estas rutas. “Nestas rutas había unha gran afluencia de arrieiros e de animais que viñan expresamente ó Ribeiro polo viño chegados desde distintos puntos ó longo de todo o ano”, concreta o historiador. De feito, Sobrado tamén incide en que a existencia de moitas pequenas vilas e pobos, así como dun rico patrimonio histórico nestas zonas polas que conflúen os camiños dos arrieiros, produciuse gracias ó viño.

Unha rede de rutas de comercio

Xunto coas rutas que transcorren próximas ó río Avia, en Galicia existían outros fluxos comerciais do viño do Ribeiro cara a cidades como Pontevedra ou Santiago, que é xa un punto de peregrinacións. “A Santiago chega unha importante cantidade de viño do Ribeiro, xa non só polas necesidades da cidade senón polo consumo que teñen os peregrinos mentres están alí”, explica o historiador.
En Pontevedra recadábanse máis impostos co viño do Ribeiro que coa pesca
Son moitos os peregrinos que, ademais, queren levar de Santiago non só a bendición da peregrinaxe senón tamén o viño do Ribeiro. “Sábese que nos barcos que partían para Inglaterra nos que marchaban os peregrinos tamén se levaban importantes cantidades de viño do Ribeiro”, indica Sobrado. Así, o porto de Noia é outro punto destacado do comercio do viño na Idade Media. Pontevedra foi outro dos núcleos destacados para a comercialización do Ribeiro durante o medievo. O seu porto foi un dos enclaves onde se embarcaba viño con destino a zonas como Asturias ou o País Vasco. O viño do Ribeiro converteuse nesa época nunha importante fonte de ingresos para a cidade. “Nunha vila pesqueira e de mariñeiros como era no medievo Pontevedra, recadábanse máis impostos co viño que co peixe”, explica o historiador José Luis Sobrado. Fluxos comerciais na Idade Media dende as zonas de produción do viño.

Os riscos do transporte do viño dende o Ribeiro

O transporte do viño fixo que estas rutas fosen moi concorridas e á par perigosas. “Ó saberse que había mercadorías de valor é ben sabido que tamén había bandidos que tentaban aproveitar a oportunidade”, indica o historiador. Eran, ademais, frecuentadas por señores e cabaleiros que tamén se volvían obxectivos para os asaltos.
A rede viaria medieval resultaba perigosa pola presenza de bandidos
Tal e como explicaba o historiador durante a súa participación nas xornadas organizadas polo Consello Regulador do Ribeiro sobre “A pegada histórica do viño no Camiño de Santiago”, os castelos e as torres servían tamén a modo de protección nestas rutas, o que contribuía a garantir que o viño chegase ó destino. Sobrado tamén incide en que esta rede viaria medieval era de carácter público pero estaba xa sometida a impostos.

Preocupación no sector do viño polo Brexit e as medidas de Trump

A D.O. Rías Baixas exporta neste momento o 30% da súa produción, con EEUU e Reino Unido como principais destinos Representantes das cinco Denominacións de Orixe galegas mostran a súa fonda preocupación por como poden acabar afectando aos adegueiros da comunidade as medidas proteccionistas que se aveciñan nos Estados Unidos e no Reino Unido, dous dos países de destino dos viños galegos, que foron incrementando a súa cota de mercado exterior nos últimos anos. Alén de supoñer un freo ás exportacións a estes países polo encarecemento do produto, as distintas marcas terán que respostar ao cambio de condicións aplicando distintas medidas en función da marxe comercial coa que conten neste momento, reducindo nalgúns casos a rendibilidade existente ou buscando outros mercados que poidan asumir o volume de viño destinado a eses dous mercados. Aínda que a suba arancelaria afectará en teoría máis a aqueles produtos con menor valor engadido, é dicir, de menor prezo ou menor marxe de venda, e no caso das exportacións de viños galegos sitúanse no lado contrario, ao tratarse de viños dun segmento medio alto ubicados en moitos casos nun mercado máis gourmet, cun prezo medio de exportación maior que a media dos viños españois exportados, os efectos do incremento impositivo acabarán deixándose sentir tamén.
Rías Baixas exporta o 30% da súa produción total por un valor de 40 millóns de euros
A maior ou menor afectación terá que ver co volume exportado de xeito individual por cada adega e tamén co peso que para cada unha delas supoñen os mercados de EEUU e Reino Unido. No conxunto das Denominacións de Orixe, a máis afectada será Rías Baixas, que destina á exportación xa neste momento o 30% da súa produción total. Ademais, para os viños albariños galegos os mercados estadounidense e británico son vitais, pois en conxunto representan máis da metade das súas vendas no exterior. En total, 9.579.273 de botellas de Rías Baixas vendéronse nos mercados de exportación durante 2018, que supoñen algo máis de 7 millóns de litros, dos que 3,8 millóns de litros viaxaron cara a EEUU e Reino Unido. "O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados. Se che incrementan os prezos en destino vía aranceis vólveste menos competitivo e prevemos que iso poida afectar ás vendas cun descenso importante", recoñecen no Consello Regulador. Os problemas para vender en Estados Unidos e Inglaterra a partir de agora engádense a unha colleita que non foi boa en canto a cantidade, cun descenso importante este ano na produción de uva, o que por outra banda sen embargo pode mitigar dalgún xeito o efecto do descenso previsto nas exportacións, ao producírense este ano nas Rías Baixas uns 4 millóns de litros de viño menos que na colleita do 2018, unha cantidade equivalente ao volume de exportación a EEUU e Reino Unido. O oco deixado poderían ocupalo viños italianos ou californianos No caso dos EEUU as novas condicións fixadas pola Administración Trump están claras: incremento adicional dos aranceis vixentes nun 25% ás importacións de determinados produtos agroalimentarios (viño envasado, aceite, queixos, carne de porco, embutidos, zumes e froitas) procedentes da maioría dos países da UE, entre os que se atopa España, Francia, Reino Unido e Alemania, como integrantes do consorcio Airbus, pero non Italia, por exemplo.
"O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados" (Agustín Lago, D.O. Rías Baixas)
Isto supón que o posible oco que deixasen os viños galegos podería ser ocupado por competidores italianos, por exemplo, aos que non afectarían os novos aranceis (no caso italiano a suba de aranceis só afectaría aos licores, pero non aos viños), ou mesmo por viños norteamericanos, da zona de California, por exemplo. A falta de que este venres se publique a lista definitiva de produtos (as novas condicións arancelarias entrarían en vigor a partir desa mesma data), o novo gravame incrementado nun 25% aplicaríase aos viños embotellados cun volume de até 2 litros e unha graduación inferior aos 14 grados. Outras denominacións, menos afectadas O resto de denominacións de orixe galegas tamén se verán prexudicadas polo incremento de taxas norteamericana, pero veranse menos afectadas debido ao seu menor volume de exportación, agás algún caso individual dalgunha adega concreta. A media de exportación no resto de denominacións ronda o 10%, con lixeiras variacións: entre o 8 e o 10% no Ribeiro, o 12% en Monterrrei e entre o 10 e o 11% no caso de Valdeorras. O volume de venda no exterior para as 96 adegas inscritas no Consello Regulador da Ribeira Sacra sitúase no 10%. Igual que no caso das Rías Baixas, os Estados Unidos e o Reino Unido son dous dos principais destinos, supoñendo tamén neste caso máis da metade das exportacións. Con todo, o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, relativiza os posibles efectos sobre os viños da Ribeira Sacra. "No noso caso non vai ser moi relevante, porque estamos menos expostos que os que traballan con marxes moi pequenas nos que uns céntimos de incremento arancelario pode supoñer quedar por baixo do límite da rendibilidade. A suba de taxas aduaneiras afecta sempre máis aos viños máis baratos do centro de España, que son tamén os que máis se exportan, que aos viños de calidade galegos, porque afecta máis aos viños que se moven por prezo", di.
"Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños" (Jorge Mazaira, D.O. Valdeorras)
Na mesma situación están en Valdeorras. Na denominación que preside José Luis García Pando exportan un volume que está entre o 10 e o 11% da produción total das 40 adegas inscritas, con EEUU, Reino Unido e Alemania como principais destinos. "Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños", recoñece Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador. "Unha suba arancelaria do 25% como a que se plantexa en EEUU vai incrementar os custos e se vas cun prezo moi xusto vas ter menos capacidade de asumir ese incremento, polo que as medidas anunciadas por Trump van afectar máis ou menos en función da política de prezos levada a cabo por cada adega nos últimos anos e a marxe de beneficio coa que traballen", explica. "Son mercados globais, onde vendes aquí e alí, e este tipo de medidas aféctannos a todos en maior ou menor medida, aínda que seguramente haberá outras denominacións máis afectadas que a nosa por unha simple cuestión de volume de exportación", argumenta o responsable técnico dos viños de Valdeorras. Reorientar a política de internacionalización das adegas O mercado galego asume o 70% da produción de viño do Ribeiro e o resto do Estado arredor doutro 20%. Exportan, polo tanto, entre un 8 e un 10% da súa produción anual. Os viños do Ribeiro viaxan principalmente cara ao Reino Unido e centroeuropa dentro da UE, tamén cara a Asia e Xapón e cara a EEUU, México e Colombia no continente americano.
"O Reino Unido é un país onde case non hai viño, polo que a incidencia dos novos aranceis tralo Brexit vai afectar a todos por igual, tanto aos viños galegos como aos franceses, aos italianos ou aos da Rioja" (José Manuel Rodríguez, D.O. Ribeira Sacra)
"Coido que para nós os efectos das medidas en Estados Unidos non van ser tan importantes como noutras denominacións, porque temos exportación a EEUU pero non é relevante. A exportación ao Reino Unido si que é máis relevante que aos Estados Unidos", recoñece Juan Casares, presidente do Consello Regulador. "As empresas terán que adaptarse a esas novas taxas, facer unha reflexión e reorientar a política de internacionalización das adegas cara a novos nichos de mercado", considera, porque "cun arancel do 25% máis vai ser moi difícil competir", opina. O presidente dos viños do Ribeiro afirma que "o Brexit tampouco é unha boa nova" e rexeita o modo de actuar tanto de Donald Trump como de Boris Johnson. "Cada país é soberano, pero non comparto as medidas ultraproteccionistas que van contra a lóxica dos mercados neste momento e que prexudica ás dúas partes, porque saen perdendo os exportadores pero tamén os consumidores deses países, que se ven privados dunha variedade de produtos que van deixar de ter", razoa. Agardando polas condicións finais do Brexit Outras denominacións tampouco se verían moi afectadas polas medidas de Trump pero seguen con atención os acontecementos relativos ao Brexit. Os viños da D.O. Monterrei teñen no Reino Unido o seu principal destino exterior. En conxunto, o volume de exportación dos viños desta denominación sitúase no 12% e 10 serían as adegas máis afectadas. "Estados Unidos supón para nós pouca porcentaxe de vendas, pero o Reino Unido si que absorbe unha cantidade importante, de feito, o ano pasado foi o principal país de destino dos nosos viños polo que unha suba brusca de aranceis neste caso si que sería máis problemático", indican no Consello Regulador.
"Inglaterra foi o ano pasado o principal destino dos noso viños, pero até que non saibamos como quedan finalmente as condicións trala saída do Reino Unido da Unión Europea non saberemos cal vai ser a indicencia real do Brexit" (Miguel López, D.O. Monterrei)
Os viños de Monterrei están aumentando nos últimos anos as súas vendas no exterior, aínda que os seus principais destinos están dentro da Unión Europea, co Reino Unido á cabeza, seguido de Holanda, Bélxica ou Alemania. "En EEUU xa sabemos que ao subirnos os aranceis vainos prexudicar na exportación, pero a incidencia non será moi significativa porque o volume de exportación a ese país tampouco é moi elevado, pero no caso do Brexit, que nos collería máis de cheo, aínda non temos unha idea clara de como vai afectar porque non sabemos como vai quedar, non o saben nin sequera eles, e até que non saibamos como quedan finalmente as condicións para a exportación de viños non saberemos a incidencia real que poida ter o Brexit", razoa Miguel López, o director técnico da denomiación. Como vai afectar aos competidores? Tralo acordo alcanzado nas últimas horas entre a Comisión Europea e o Goberno de Boris Johnson para unha saída pactada a partir do vindeiro 31 de outubro, falta por coñecer a letra pequena do acordo, así como as condicións para o periodo de transición previsto até finais de 2020. Estados Unidos é un país onde se produce viño, polo que as medidas proteccionistas poderían incentivar o consumo interno de viño. Pero o caso do Reino Unido é diferente. "Inglaterra é un país onde case non hai viño e as novas condicións tralo Brexit van afectar por igual a todos os nosos competidores, por exemplo, os franceses ou os italianos, á hora de enviar os seus viños ao Reino Unido", razoa José Manuel Rodríguez.

Galicia exportou o pasado ano 20 millóns de litros de viño por valor de 45 millóns de euros

Evolución das exportacións de viño de Galicia. As cinco Denominacións de Orixe galegas exportaron o pasado ano 20 millóns de litros de viño, por valor de 45 millóns de euros, logrando un prezo medio de 2,21 euros por litro. Desde o ano 2000 o valor das exportacións dos viños galegos multiplicouse por tres, pasando de 17 millóns de euros a comezos deste século a 50 millóns no ano 2017, o exercicio de máis facturación até o momento. Ao longo destes anos, as exportacións foron diversificándose e ampliando o abano de países aos que se dirixen. Os principais destinos dos viños galegos hoxe en día son Estados Unidos, o Reino Unido, China e Canadá onde as vendas sumaron 19,6 millóns no 2018. Norteamérica, que xa no 2000 era un dos principais mercados para os viños galegos, continúa afianzándose e as ventas no pasado ano alcanzaron os 14 millóns de euros. As adegas galegas están a exportar en valor un 41,5% a Estados Unidos e Reino Unido. Se a isto engadimos China, a cifra sobe até o 50%. Galicia ocupa na actualidade o 12º lugar en volume e o 13º en valor do conxunto das Comunidades Autónomas. As tres primeiras comunidades por valor na categoría de viños brancos envasados son Castela e León, Cataluña e Galicia, cos viños albariños das Rías Baixas como punta de lanza. Ademáis, a recuperación do mercado británico dende 2016 e o crecemento do de Estados Unidos e Alemania dende o 2014 potenciou as exportacións da Denominación Rías Baixas. Na actualidade, das 184 adegas adscritas a denominación Rías Baixas, 103 atópanse en plans de exportación. Destas, medio cento exportan os seus viños a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños desta denominación con 2.468.535,50 litros no 2017 e 2.373.862,93 litros o pasado ano. En total, España exporta a Estados Unidos 300 millóns de euros anuais en viño.
 

“No Ribeiro estamos a darlle máis valor ao viticultor, e iso debe traducirse nos prezos da uva”

Juan Manuel Casares Gándara acaba de cumprir 2 anos como presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a DO máis antiga de Galicia. No ecuador do seu mandato comenta as principais transformacións que realizaron e avanza os cambios que teñen previsto realizar nos vindeiros meses. Levas dous anos á fronte do C.R.D.O. Ribeiro ¿Que balance global fas deste período? Coido que en termos globais o balance é moi positivo tanto a nivel persoal como profesional. Estamos a colocar ao Ribeiro no camiño da excelencia. Repasando os obxectivos que me marcara como presidente podo comprobar como o 75% están cumpridos ou a piques de facerse unha realidade. Falo da mellora da organización interna do Consello Regulador; da xestión eficiente dos seus recursos; da posta en valor da comarca como un territorio que representa moito máis que viño e da potenciación intelixente da política de promoción. Outros obxectivos como a obtención da acreditación pola ENAC atópase nun momento de agarda polos resultados, pero eu intúo que poden ser satisfactorios.
"Do que me sinto máis orgulloso é de que estamos a revalorizar a figura do viticultor
Aínda así, o obxectivo do que me sinto máis orgulloso é de que estamos a revalorizar paseniño a figura do viticultor a través das medidas encamiñadas a conseguir que vexan recompensado o seu esforzo nuns prezos máis razoables. O incremento dos controis previos nos viñedos; o esforzo económico nun operativo inspector de vendima eficiente e a actualización do noso rexistro vitícola, debéranse traducir nunha mellora dos prezos da uva, ou cando menos con esa finalidade traballamos. Unha das medidas máis salientables que puxestes en marcha foi a campaña para perseguir a fraude co uso do nome Ribeiro en viños turbios, moitos deles nin sequera envasados no territorio da DO ¿Cal é a magnitude deste problema? ¿Que resultados nos podes avanzar desta iniciativa? Teño que apuntar que esta medida encádrase noutra moito máis global que persigue o cumprimento das funcións dun Consello Regulador como garante da orixe e calidade do produto e a defensa da súa marca. Hoxe en día a potencia comercial da marca Ribeiro non só se basea na calidade que representa senón tamén na seguridade que transmite. Son xa unha ducia os casos de fraudes no uso do noso nome que temos detectado e informado pero este número aumenta todos os días grazas á colaboración de todos. Ata o de agora conseguimos que algúns deles rectificaran pero doutros aínda non temos resposta.
 “Teño intención de poñer en marcha un programa de controis presenciais nos puntos de venda para evitar fraudes coa marca Ribeiro”
É a miña intención poñer en marcha un programa de controis presenciais nos puntos de venda dentro das posibilidades económicas que temos. Tamén quero procurar a implicación das administracións (ICA, Consumo, Saúde Pública, etc.) para coordinarnos en accións inspectoras e, se for o caso, sancionadora . Unha das figuras diferenciadoras do Ribeiro son os colleiteiros ¿Fai falta diferenciar aínda máis as súas producións por parte do Consello Regulador? O colleiteiro constitúe unha figura senlleira e tradicional do Ribeiro. É un elemento máis da peculiariedade desta Denominación de Orixe en comparanza con outras entidades de Galicia e de España. Cuantitativamente constitúen un grupo numeroso dentro do global das adegas inscritas no Consello Regulador do Ribeiro, aínda que o seu peso produtivo é proporcionalmente moito máis pequeno polas características especiais que deben cumprir. Independentemente das miñas conviccións persoais de corte galeguista e tradicionalista, como presidente entendo que, máis alá da súa condición ou volume de produción, todas as adegas do Ribeiro son iguais e todas son tratadas atendendo ás mesmas regras. Dentro dun campo de xogo con regras iguais e coñecidas, cada quen ten que buscar comercialmente como diferenciarse. Unha vez iniciada a vendima, ¿Que previsións de produción e calidade tedes para este ano no Consello Regulador? Sempre fuxín de dar cifras estimativas e seguirei nesa mesma senda; prefiro ser dono dos meus silencios que reo das miñas verbas. Aínda así, avanzarei este ano agardamos unha moi boa colleita.
“Este ano agardamos unha colleita excelente e deberan mellorarse os prezos da uva”
Falar de Ribeiro e falar de calidade é referirse sempre a verbas sinónimas e este ano non vai ser distinto neste sentido. A calidade tanto sanitaria coma organoléptica da uva que está a entrar nas adegas é excelente. ¿En que prezos se está movendo a uva este ano no Ribeiro? Como xa dixen, o incremento dos controis previos nos viñedos; o esforzo económico nun operativo inspector de vendima eficiente e a actualización do noso rexistro vitícola, deberan traducirse nunha mellora dos prezos da uva. Evidentemente esta é a forma en que o Consello Regulador pode mellorar a vida das persoas, neste caso os viticultores, a través de implementar todas as medidas que eviten calquera tentativa de praxe pouco ortodoxa e que solidariamente favorezan o aumento dos ingresos que obteñen os produtores. Para min é unha cuestión de xustiza social que se resume en dar a cada quen o que lle corresponde. Precisamente, ante as boas previsións de colleita, autorizastes dende o Consello Regulador un incremento do 25% nos rendementos máximos autorizados de quilos de uva por hectárea. ¿En que límites se situarán en concreto este ao para as distintas castes amparadas? No noso prego de condicións establécese que en determinadas casos e atendendo ás características climatolóxicas, entre outras, dunha colleita, os rendementos establecidos para as distintas variedades poden ser incrementados ata un 25%. No pleno do CRDO Ribeiro entendeuse que este ano, despois doutros dous anteriores cuantitativamente nefastos, e diante da moi boa colleita que se albiscaba, tecnicamente era pertinente e necesario aplicar esta medida. Esta medida era unha das demandadas por organizacións como Unións Agrarias, que sen embargo a considera insuficiente para evitar a fraude, e pide outras como a posta en marcha dun rexistro público de contratos de compravenda de uva da vendima, ou que dende os Consellos Reguladores, unha vez rematada a vendima, se certifique unha aprobación de colleita en todas as denominacións de orixe ligando a este dato a posterior expedición de contraetiquetas. ¿Como valora estas propostas e por que non poñen en marcha? Os axentes sociais, representados nos sindicatos agrarios como poden ser Unións Agrarias, están a desenvolver un papel fundamental durante este período. Teñen unha maior participación na vida diaria do Consello e están abertos a procurar os consensos necesarios para marcar o futuro desta comarca vitivinícola histórica, sen renunciar aos seus postulados e á súa función social. Isto é algo que quero agradecer de antemán como presidente do Consello Regulador. Eu teño que dicir que no CRDO Ribeiro toda proposta é analizada, debatida e sometida ao veredicto do sistema democrático en que se basea o funcionamento do seu pleno. Agora ben, hai que apuntar tamén que un Consello Regulador ten unhas funcións determinadas e unhas limitacións legais concretas, aínda que poida servir de interlocutor coas entidades que posúen outras. No tocante ás nosas funcións, como xa repetín, implementamos todas as medidas necesarias para facer inspección e control e, consecuentemente, sermos garantía de orixe e calidade dun produto senlleiro que se chama Ribeiro.
“Actualizamos un rexistro vitícola que xa tiña 25 anos de antigüidade”
¿Que garantías se ofrecen no Ribeiro para evitar a entrada de uva foránea ou de que o excedente de uva fóra do límite autorizado se venda a baixo prezo? ¿En que habería que mellorar? O noso maior aval é o paquete de medidas que deseñamos con éxito o ano pasado e que estamos a mellorar colleita a colleita no seu desenvolvemento. Así, a actualización dun rexistro vitícola que contaba con 25 anos de antigüidade; un plan de inspección en viñedo previos á vendima cun protocolo de estimación de rendementos aplicado a 150 explotacións este ano; a información polo miúdo ao viticultor sobre as cantidades máximas de uva por variedades que pode entregar; o cambio no modelo e formato da tarxeta do viticultor e finalmente un operativo de vendima con 24 persoas. Este é o noso aval de cumprimento e a mellor garantía de seguridade para un consumidor cando aposta por un Ribeiro. A este respecto, a Consellería de Medio Rural ven de presentar un novo plan para evitar a fraude nesta vendima. ¿Como o valora? A Consellería do Medio Rural puxo á nosa disposición 5 controladores que reforzan as tarefas de control do operativo de vendima propio do Consello Regulador do Ribeiro. Asemade, como todos os anos, estamos coordinados coas forzas e corpos de seguridade do Estado quen desenvolven labores de control na rede viaria. Insisto, isto non é unha novidade senón algo que se leva facendo dende hai anos. ¿Algo máis que queiras engadir? Gustaríame salientar que outra das novidades que estamos a desenvolver é un traballo conxunto coa outra pata do banco do Ribeiro: a Ruta do viño do Ribeiro. Adoito dicir que o Ribeiro é moito máis que viño e isto tradúcese na praxe nunha promoción da comarca vitivinícola histórica de Galicia aproveitando todos os recursos que ten, uns tanxíbeis como o termalismo, a paisaxe e o patrimonio arquitectónico ligado ao viño máis importante da Península. Mais tamén hai outros intanxíbeis como son as tradicións e a nosa rica historia. Estes son os alicerces nos que se apoia a marca que estamos a lanzar ao mercado enoturístico “O camiño do viño” en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño.