Archives

Campaña de promoción dos viños da IXP Ribeiras do Morrazo

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo pon en valor a cultura do viño na IXP Ribeiras do Morrazo a través dunha bitácora de 14 pezas audiovisuais. Deste xeito, coincidindo co día mundial do enoturismo, ven de publicar un vídeo divulgativo da bitácora audiovisual da “RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS" Trátase de 14 pezas audiovisuais para darlle voz aos legatarios do patrimonio, aos viticultores e a todos aqueles que posúen coñecementos, experiencias e vivenciais vencelladas á cultura do viño nas súas múltiples dimensións humanas, históricas, artísticas e culturais. A “Ruta dos viños oceánicos” que o GDR está a desenvolver, é un itinerario enoturístico  e cultural que percorre os atractivos turísticos dos concellos da IXP Ribeiras do Morrazo (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela)  tendo a cultura do viño fío condutor.

A “Ruta dos Viños Oceánicos”, unha aposta polo enoturismo na IXP Ribeiras do Morrazo

Inaguración da exposición. Foto: GDR Pontevedra-Morrazo Este mércores 18 de outubro tivo lugar na sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo, en Pontevedra,  a inauguración da exposición “A Ruta dos Viños Oceánicos”, un itinerario enoturístico e cultural pola Indicación Xeográfica Protexida, Ribeiras do Morrazo que esta a impulsar este GDR. A exposición está baseada nunha realidade histórica, antropolóxica e económica que xira arredor da tradición vitivinícola na comarca do Morrazo, así como nos concellos de Pontevedra, Redondela e Poio. Trátase dunha ruta inspirada nos principios definitorios marcados pola UNESCO para os Itinerarios Culturais e que une os diferentes concellos e comarcas cuxa arraigada tradición cultural tivo como protagonista os viños e as castes da IXP Ribeiras do Morrazo. A ruta xira en torno a tradición vitivinícola das terras da IXP Ribeiras do Morrazo, o forte carácter atlántico, o patrimonio material e inmaterial, a gastronomía e a cultura; e percorre os principais atractivos dos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela. Ao acto de inauguración asistiron os alcaldes , alcaldesas e demáis representantes dos concellos do territorio, as adegas da IXP e numerosas persoas ligadas ao mundo do viño e do turismo. Na xornada ademais de dar a coñecer os valores da ruta , púidose desfrutar da actuación musical de Xabier Blanco e, por suposto, dos viños de Ribeiras do Morrazo.

Próximas actividades

Entre o 27 de outubro e 24 de novembro celebraranse 4 eventos temáticos, cunha mesa redonda ou faladoiro, una peza musical relacionada co tema do coloquio e catas comentadas para probar e coñecer mellor os viños de Ribeiras do Morrazo. Velaquí o programa:

Distinción para o “viño da area” dos viñedos centenarios de Cangas do Morrazo

Viñadores do Atlántico, o proxecto de distribución de Hijos de Rivera que busca impulsar o desenvolvemento sostible e a economía local das zonas vitivinícolas galegas, escolleu á adega EntreVideiras para esta edición e o seu viño María Soliño, elaborado a partir de uvas provenientes de viñedos centenarios situados en Cangas do Morrazo. A compañía, a través de Viñadores do Atlántico, selecciona adegas galegas que traballan na recuperación de cepas autóctonas baixo unhas prácticas responsables e que poñan en valor a cultura da terra. Estes proxectos vitivinícolas, apoiados por Hijos de Rivera a través da súa consolidada rede de distribución e comercialización, xeran un impacto positivo real na súa contorna. Fernando Yáñez, que lidera a división de viños de Hijos de Rivera, sinala que “mediante Viñadores do Atlántico, buscamos establecer novas conexións colaborativas coas adegas galegas, co propósito de impulsar a recuperación de cepas autóctonas e resaltar o potencial enolóxico presente nas diversas áreas vitivinícolas". Para a súa edición 2023, Viñadores do Atlántico fixouse no viño dunar María Soliño IXP Ribeiras do Morrazo, elaborado pola adega EntreVideiras. Este “viño da area”, bautizado así pola localización das súas cepas no complexo dunar protexido de Nerga-Donón en Cangas do Morrazo, provén dun dos poucos viñedos prefiloxéricos que se poden atopar en España. Estes redutos son moi escasos a nivel mundial, sendo Galicia un dos lugares onde maior concentración hai. Precisamente, foi a area do terreo a que permitiu que as vides sobrevivisen a praga de filoxera que arrasou as plantacións europeas durante a segunda metade do século XIX. O insecto, que se alimentaba das follas e raíces da vide, rapidamente propagouse polo vello continente, arrasando con varios millóns de hectáreas de viñedos en España e Francia. Unicamente aquelas plantacións situadas en chans arenosos e pedregosos puideron sobrevivir á praga. Este viñedo ten ademais características únicas propias desta zona, como o alcance das súas raíces, enterradas a máis de tres metros de profundidade e cunha antigüidade de máis de cen anos. Á súa vez, as viñas atópanse elevadas grazas a estruturas de madeira realizadas a partir de materiais da propia zona de colleita, o que os fai especialmente respectuosos coa contorna. César Alonso, enólogo e copropietario de EntreVideiras, resalta a importancia de preservar estes viñedos tan singulares. “A Ribeira do Morrazo é moi importante natural e etnográficamente, albergando un terreo non moi explotado que conserva unha cultura vitivinícola ancestral, con variedades autóctonas tradicionais e sen híbridos. Agradecemos a Hijos de Rivera o seu apoio e que nos seleccionaran nesta terceira edición do programa Viñadores do Atlántico”. María Soliño, natural de Cangas do Morrazo, é a seleccionada para ser a imaxe deste viño dunar. Acusada inxustamente de actos de bruxería no ano 1621 xunto a outras 8 mulleres, a historia de María lémbrase a través de lendas e romarías populares na súa Cangas natal, converténdose nun emblema do patrimonio cultural galego que Hijos de Rivera, a través de Viñadores do Atlántico, tamén trata de protexer. Un recoñecemento ás mulleres galegas que durante gran parte do século XX tivéronse que facer cargo do coidado dos viñedos mentres os homes atopábanse traballando no mar. O viño María Soliño, exemplo da frescura atlántica que caracteriza a tradición vitivinícola galega, é elaborado con uva das variedades albariño e loureira vendimiada manualmente durante os primeiros días de setembro, data na que a froita se atopa no seu punto óptimo de madurez. O despalillado e a maceración da uva enteira realízase a baixa temperatura durante 10 horas. Tras unha fermentación alcohólica controlada a 16ºC e a súa posterior crianza en depósito sobre lÍas, o viño é clarificado con arxilas e filtrado a través de placas de celulosa antes do seu embotellado.

As catro IXPs dos viños de Galicia alíanse para “medrar xuntas”

Seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e quince adegas das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación que se presenta o vindeiro 4 de novembro ás 17.30 no Pazo da Cultura de Pontevedra para "dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro". As IXP galegas relacionadas co sector vitícola queren apoiarse e unir forzas para medrar xuntas. Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre elas, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. 

As accións que se levarán a cabo

Entre as accións previstas no proxecto está a celebración de xornadas de dinamización e Túneles do Viño ligados a cada un dos GDR. As xornadas perseguirán a dinamización, divulgación e animación interna, abordando retos de futuro, a dinamización da viticultura e a procura dunha mellor percepción social e coñecemento das IXP, dos seus viños e dos territorios. Os Túneles do Viño son outra das actividades contempladas no proxecto. Parellas ás xornadas, realizaranse no territorio de cada unha das IXP de viño galegas e funcionarán como espazo de mostra, promoción e degustación de todas as referencias de viño amparadas baixo o selo das IXP. Realizaranse varias catas ao longo do día co obxectivo de facilitar a participación de diferentes perfís sociais: institucional, canle HORECA, sector vitivinícola e outros axentes. Ademais, co obxectivo de impulsar o potencial enoturístico das comarcas que inclúen as IXPs, traballarase tamén na identificación dos elementos, contidos e actividades de interese enoturístico, creando unha rede de establecementos colaboradores coas IXP a partires dun receitario de menús enogastronómicos. Complétase esta acción coa elaboración dun documento-guía de adaptación das adegas ao enoturismo que lles permita aos operadores das IXP crear e mellorar nas súas instalacións zonas de exposición de viños, cata ou degustación. Tamén se traballará o posicionamento dixital das IXP mediante a construción dunha plataforma web promocional, unha campaña publicitaria e a elaboración dun plan de comunicación. Cartaz de presentación do proxecto das IXP Viños de Galicia

Presentación e Túnel do Viño en Pontevedra

A primeira xornada de dinamización, que servirá como acto de presentación do proxecto, celebrarase o xoves 4 de novembro ás 17.30h horas no Pazo da Cultura de Pontevedra e contará cun espazo para a divulgación, centrado na calidade dos viños amparados polas IXP, a cargo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e unha mesa redonda. Na mesa redonda abordaranse a importancia dos recursos enoturísticos, as oportunidades de mercado, os novos modelos de consumo e a caracterización oceánica e ribeirá dos viños das indicacións galegas. Participarán Luís Paadín (profesor e Técnico de Viticultura e Enoloxía da Universidade de Vigo), Antonio Portela (experto en cata de viños, viticultura e enoloxía) e Rafa Quintía (antropólogo e economista). O primeiro dos túneles, correspondente á IXP Ribeiras do Morrazo, realizarase en Pontevedra o sábado 20 de novembro de 2021 na nova sede do grupo coordinador, GDR Pontevedra Morrazo no lugar de Os Campos nº 19 de Mourente. Nesta ligazón podes descargar o dossier con toda a información do proxecto.   

As viñas centenarias do Morrazo que resistiron á praga da filoxera

A finais do século XIX, o sur de Europa foi vítima dunha das pragas máis agresivas da historia: a filoxera. Este insecto parasitario emparentado cos pulgóns chegou como invasor nas importacións de esgallos de vides americanas, que se mercaban para facer fronte a unha praga de oídio que estaba descontrolada, ata aquel momento, en todo o vello continente. Malia que as intencións eran controlar a praga de oídio, os danos colaterais foron inesperados. A filoxera acabou con gran parte das vides autóctonas que non estaban adaptadas a este insecto e forzou aos viticultores europeos a enxertar as súas viñas nas variantes americanas. O avance da praga foi imparable en todo o continente agás nalgúns puntos moi singulares. Un deles, as viñas dunares da comarca do Morrazo (Pontevedra). Na aldea de Donón, en Cangas do Morrazo, aínda hoxe pódense atopar unhas poucas viñas autóctonas con algo máis de cen anos que, sen estar enxertadas en variantes americanas, resistiron as pragas de filoxera. Esa fortaleza non foi casual. O principal motivo de que estas viñas plantadas no areal da praia de Barra resistisen foi a súa peculiar técnica de cultivo. As raíces de tódalas viñas percorren entre dous e tres metros de profundidade de area branca antes de atopar a materia orgánica que lles permite vivir. O ataque maioritario da filoxera prodúcese a través das raíces das viñas, aínda que o traspaso entre cultivos afastados faino na súa forma alada. É no momento da migración á raíz cando o ataque é devastador. Os insectos comezan a picar nas raíces das viñas para alimentarse das substancias nutricionais e acaban por podrecer a planta enteira. O feito de que as raíces das viñas desta aldea da comarca do Morrazo estean soterradas en máis de dous metros de area branca, imposibilita a viabilidade da filoxera. Esta peculiaridade é unha excepción nos cultivos vitivinícolas de Europa e iso foi o que fixo que o enólogo galego César Alonso comezase a investigar nel e conseguise a cesión dun terreo de cultivo na aldea de Donón. No seguinte vídeo falamos con el das peculiaridades do cultivo.

A Deputación de Pontevedra aposta pola profesionalización dos viticultores da IXP Ribeiras do Morrazo

A Deputación de Pontevedra asinou este venres un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Viticultura (AGV) para mellorar a profesionalización dos viticultores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ‘Ribeiras do Morrazo’ e crear viños de calidade que poidan ser atractivos para os consumidores. O vicepresidente provincial César Mosquera e o presidente da AGV Roberto Rivas Reboredo manifestaron a importancia de que os produtores, especialmente xente nova que colla o testemuño de explotacións actuais, aproveiten as potencialidades das variedades autóctonas. Segundo explicou Mosquera o convenio ten como obxectivo prestar apoio aos viticultores de oito concellos da provincia (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela), xa que moitos deles quedaron fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas a pesar de contar con uva de calidade. “A reconversión do sector levou a que parte da produción quedase comprometida. En lugares con variedades específicas e de pouca extensión estas corrían serio risco de desaparición polo deterioro da xestión e da produción”, explicou o nacionalista, para engadir que é preciso que exista apoio institucional para potenciar e recuperar a zona agora que hai unha figura de protección como é a IXP ‘Ribeiras do Morrazo’. De feito, a intención do convenio entre Deputación e AGV -valorado en 40.000 euros- é sentar as bases de coñecemento e experiencia para que os produtores poidan profesionalizarse e transformar as súas explotacións de xeito que aproveiten a creación da nova indicación xeográfica protexida como unha apertura ao mercado do viño, ofertando caldos coa personalidade propia deste territorio que sexan interesantes para os consumidores. Segundo explicou o presidente da AGV, a día de hoxe a vitivinicultura nos oito concellos de ‘Ribeiras do Morrazo’ vive problemas estruturais comúns ao medio rural galego: avellentamento da poboación activa, abandono das explotacións e cultivos, e de perda de superficie agraria útil dedicada a viñedo, ben por arranque e abandono, ou ben por cambio de uso do solo. Todo isto, dixo Rivas, “leva consigo á perda de superficie de cultivo e de dereitos, e consecuentemente á redución da capacidade produtiva e de desenvolvemento futuro tanto do sector produtivo como do elaborador”. Rivas Reboredo agradeceu o apoio da Deputación e recoñeceu que, unha vez xa está aprobada a figura de protección da IXP, “hai que seguir dando pasos adiante coa formación dos produtores para intentar que non se perda nin un metro de variedades autóctonas”: “Temos que fomentar novas adegas que leven os nosos viños polo mundo e debemos facer un plan de reestruturación potente para adaptar os viñedos ás variedades da IXP, para o que precisamos apoio técnico para dar pulo á zona”.

Programa formativo

O programa formativo e de asesoramento para a recuperación de castes autóctonas de vides na indicación xeográfica protexida ‘Ribeiras do Morrazo’ desenvolverase ao longo dos oito concellos que forman parte da indicación xeográfica de xeito que se facilite a participación e o acceso as actividades dos viticultores do territorio. As actividades a desenvolver artellaranse sobre tres eixos principais. O primeiro eixo terá actividades de formación a viticultores e titulares de predios dedicados a viñedo explicando as posibilidades produtivas e de cultivo das castes autóctonas como alternativa economicamente viable de explotación agraria. Tamén se establecerá un soporte técnico, por medio de persoal técnico cualificado, que prestará servizos de asesoramento aos viticultores sobre a actualización e regularización de parcelas no rexistro vitícola (RVG) e abondará nas castes autóctonas na indicación xeográfica protexida e as súas características, posibilidades de cultivo e potencial produtivo, así como aspectos técnicos das plantacións e o cultivo das vides. Por último desenvolveranse xornadas divulgativas, mesas redondas sobre o cultivo da vide e a produción de uva de calidade, que incorporarán relatorios e presencia de expertos e profesionais relevantes do sector da vitivinicultura. A creación de ‘Ribeiras do Morrazo’ naceu dos viticultores, furancheiros e adegueiros, organizados tanto en asociacións de carácter local como a través da Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra, agrupando a máis de 200 socios. Os primeiros movementos déronse antes do 2010, mais foi no 2013 cando a Federación, coa colaboración técnica da Asociación Galega de Viticultura (AGV), impulsou a formación dunha promotora para a creación da IXP. No ano 2014 os Plenos das oito corporacións municipais aprobaron acordos de apoio á creación da figura da IXP no seu territorio. Foi aprobada 0 9 de xaneiro do 2018 pola Comisión Europea ‘Ribeiras do Morrrazo’ inclúe sete castes ou variedades de vides tintas e outras sete brancas: Brancellao, Caíño Tinto, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón, por unha banda, e Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés por outra. A día de hoxe a Consellería do Medio Rural ten contabilizados 25.414 viticultores no ámbito de actuación, máis de 150 furanchos ou loureiros, e sete adegas rexistradas das cales catro (situadas en Marín, Poio, Redondela e Vilaboa) xa están a elaborar viño ao amparo da IXP con uva da colleita 2017 grazas a unha aprobación transitoria d a Xunta de Galiza. En canto á superficie, os datos revelan que ‘Ribeiras do Morrazo’ abrangue unhas 2.340 hectáreas de viñedo con máis de 73.000 parcelas, o que supón que o tamaño medio das parcelas é duns 320 metros cadrados e que cada viticultor ten unha superficie media de viñedo inferior aos 1.000 metros cadrados.

Saen ao mercado as primeiros viños certificados pola nova IXP Ribeiras do Morrazo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu este venres á creación da asociación de adegas Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, que integra ás primeiras bodegas comercializadoras deste novo selo de calidade. Trátase da adega Reboraina (Redondela), Areeiros (Vilaboa), Ardán (Marín) e Mercedarios San Juan de Poio (Poio). A todas elas, Ángeles Vázquez felicitounas polo seu traballo, primeiro de posta en marcha da nova indicación e agora, unha vez aprobado o selo de calidade, por comercializar o viño baixo esta marca. “Temos que remontarnos ao 2013, cando diferentes asociacións, viticultores e adegueiros se uniron para crear unha IXP propia da zona, que hoxe xa é unha realidade”, declarou a conselleira. Neste sentido, a titular de Medio Rural lembrou que a do pasado outono foi a primeira vendima amparada por este selo regulador a nivel estatal e, polo tanto, estanse xa vendendo as primeiras botellas da IXP Ribeiras do Morrazo. En xaneiro conseguiuse tamén o recoñecemento a nivel europeo, a todos os efectos. A conselleira sinalou que, unha vez pechado este trámite, é hora de mirar cara o futuro e apostar pola “profesionalización, promoción do produto e a internacionalización do mesmo”. Para abordar este camiño ofreceu o apoio da Xunta. Neste sentido, Ángeles Vázquez animou aos viticultores a emprender proxectos de mobilidade de terras para loitar contra a fragmentación do territorio e deste xeito ser máis competitivos. Superficie e variedades A superficie produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo está entre as 1.000 e 1.500 hectáreas nos concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela. Nesta zona hai 25.414 viticultores que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo. Para a elaboración destes viños a variedade de uva máis representativa é a de albariño, pero tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.