Archives

Aitor Rodriguez, un novo viticultor nun dos viñedos máis antigos da Ribeira Sacra

Falamos con Aitor Rodríguez, fundador e administrador xeral de Bico de Lagar, viño tinto Mencía da DO Ribeira Sacra. Coñecemos como traballan nesta adega e como foi a colleita deste ano. Aitor Rodríguez e o seu tío queren facer unha aposta pola calidade e a produción en ecolóxico, aínda que de momento aínda non contan coa certificación do CRAEGA, que esperan conseguilo nuns anos. A súa viña A Salamanca, situada na zona de Eivedo, en Vilachá de Salvadur, en Pobra do Brollón (Lugo), xa aparece mencionada en documentos históricos de 1403. Como empezou o proxecto Bico de Lagar? O proxecto empezou a planearse en 2019 co meu tío. Non tiñamos pensado facer nada serio e ao final metémonos na compra das viñas e finalizámolas en 2020, cando adquirimos a propiedade da Salamanca. Empezou como un xogo entre tío e sobriño e ao final estase convertendo en algo moi bonito para nós. Onde están situadas as viñas e que extensión e características teñen? As viñas sitúanse na Ribeira Sacra, concretamente na zona de Eivedo, que xunto con Os Conventos e Lagares conforman o tres ribeiras vitícolas de Vilachá de Salvadur. O viñedo da Salamanca abarca dúas parcelas e ten datación de 1403, xa que pertenceu ao Mosteiro de Montederramo. Ten unha extensión duns 6000 metros cadrados. Logo temos outra parcela que nos cedeu un veciño, que está un pouco máis arriba e ten unha extensión duns 1600 metros cadrados. A diferenza da Salamanca, esta é de cepas centenarias en vaso. A orientación das viñas é totalmente sur, no embude de Quiroga, onde temos bastantes correntes de vento e así evitamos botrite e outros posibles problemas. Xeolóxicamente son parcelas moi especiais. En primeiro lugar atopamos moito “ollo de sapo”, un mineral que tamén se atopa noutras leiras próximas pero creo que é unha gran singularidade. Ademais, na viña A Salamanca, atopamos bastante seixo branco, o que é máis raro mesmo, tanto nesta ribeira como entras viñas de Galicia. O solo e a climatoloxía son os dous factores que máis inflúen na uva e aquí por sorte temos unhas condicións moi boas, evítanse moitos custos en sulfatos e enfermidades
“Xeolóxicamente son parcelas moi especiais, pois temos moito ollo de sapo e bastante seixo, algo moi especial nun viñedo”
Que variedades de uva cultivades? Estamos todo con Mencía, de feito Bico de Lagar elabórase con Mencía 100%. Teremos uns 60 ou 70 kg de Garnacha en cepas soltas, que se foron replantando fai 50 ou 40 anos, son cepas vellas. Logo temos 3 cepas de Tempranillo e non temos nada de uva branca. Valorades producir en ecolóxico? Pois está complicado porque antigamente neste viñedo daban herbicidas, entón entendo que para conseguir agora o certificado ecolóxico terían que pasar varios anos, e nós só levamos desde 2020. Non traballamos con herbicidas, só usamos rozadora e sachamos as cepas e socalcos. Á hora dos tratamentos, tentamos non dar sistémicos, pero este ano foi imposible se queriamos recoller uva. Pero tentamos facer todo o máis ecolóxico posible, tanto en viña como en adega. Mirar moi ben a acidez da uva, que entre perfecta en adega. Un dos nosos obxectivos é tentar achegarse o máximo posible ao cultivo e elaboración en ecolóxico.
“Un dos nosos obxectivos é tentar achegarse o máximo posible ao cultivo e elaboración en ecolóxico”
Resulta difícil conseguir traballadores? Difícil non, imposible, como quen di. A viña xestionámola entre o meu tío, que é o meu socio, e eu. De cando en vez contamos coa axuda dalgún familiar, en momentos moi puntuais. Meter a unha persoa contratada todo o ano creo que sería moi complicado para unha adega pequena como a nosa, pero ben, todo se andará, tentaremos poder facelo. Como xurdiu o nome Bico de Lagar e que significa? Xurdiu un día nun bar co meu bo amigo arqueólogo Xurxo Ayán. Empezamos a deliberar, interesouse moito polo proxecto. Un día chamoume e díxome: Aitor, creo que teño o nome para o viño. A verdade é que me encantou. O nome Bico de Lagar atopámolo nos documentos recompilados durante a escavación dos Conventos. Cando os monxes e señores feudais viñan aquí a cobrar os tributos, podíanse levar calquera cousa, desde animais, comida, ou mesmo mulleres. Cando viñan a esta zona dos Conventos, que pertencía a eles, gustáballes tanto o viño de aquí, que usaban a expresión a bico de lagar para referirse a cando bebían coas ánforas de barro sobordando no bico (no bordo). Debían beber até caer redondos. Ademais, queremos facer un cambio de etiquetaxe porque en principio tiñamos só unha referencia, pero agora mesmo queremos sacar tres referencias distintas, porque queremos facer tres viños diferentes. Todos levarán o nome Bico de Lagar pero cada referencia levará un nome a parte, para diferencialo. Cada etiqueta vai levar unha imaxe distinta, que en principio corresponderá coa parcela da que é a uva. Onde elaborades o viño? Un dos nosos obxectivos é facer unha adega propia, pero até agora, como non temos, estamos a elaborar nunha adega de Quiroga chamada Terraza de Outeiro, con Juan e Noemí, que se portaron incriblemente ben e somos uns privilexiados de poder elaborar viño coa súa axuda. Empezaron case ao mesmo tempo que nós pero a un nivel máis profesional e con bastantes máis hectáreas de viñedo. Contan con última tecnoloxía en adega, dixitalizada, cubas refriXeradas, moi dixitalizado, cuns coidados e coñecementos extraordinarios. De aí sae un dos mellores viños da Ribeira Sacra, acaban de gañar varios premios. Como é o proceso de elaboración do voso viño? A vendima é 100% manual, cortamos todo a man con tesoiras ou navallas, carrexamos arriba con caixas, e tentamos empezar canto antes para facelo á primeira hora da mañá e evitar que a uva entre en adega con moita temperatura. Mentres vendimamos facemos unha selección da uva, pero este proceso de selección xa empeza antes cando quitamos acios que vemos que non medran ben ou teñen problemas. Se hai uvas secas quitámolas uns días antes. Despois levámolo á adega en transporte, e facemos outra selección manual refugando acios secos ou mildio. Por último despalillamos e botámolo a fermentar á cuba. Faise un proceso moi estrito na limpeza da adega, desinfectando totalmente, tratando a uva o mellor posible e ao final cada mestriño ten o seu libriño. Tentamos non botarlle nada raro, nada de tartárico, aínda que ás veces é inevitable, como o primeiro ano. O ano pasado, por exemplo, non fixo falta botarlle nada. A verdade é que estamos moi contentos co noso proceso de elaboración e a nosa evolución.
“A vendima é 100% manual, cortamos todo a man e carrexamos arriba con caixas”
Como foi a colleita deste ano? A verdade é que foi complicada sacala adiante. Houbo moitos problemas nestas zonas coas tormentas do mes de xuño e xullo, que nos obrigou aos viticultores a pór moita máis atención e esforzos na viña, coidando tamén do mildeu, que foi unha praga complicada. Viñeron días de choiva e calor e propagouse moito pero controlouse a tempo e non xerou demasiados problemas finalmente. Baixamos moi pouco a produción respecto doutros anos, o cal é moi bo sinal.
“Tivemos que vendimiar o 26 de agosto, un mes antes que o ano pasado”
Sobre a vendima, todos pensamos que teriamos que empezar a mediados de setembro pero finalmente tivemos que vir o 26 de agosto, un mes antes que o ano pasado. Houbo días de calor extrema nos que chegamos a temperaturas superiores aos 40 graos aquí na Ribeira, o que fixo que se disparase a gradación da uva, pero ao adiantala conseguimos sacar a uva cunha boa gradación, sobre 13 graos.

Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

Coa vendima arrancando en tódalas Denominacións de Orixe, adegas e viticultores miran os prezos da uva que se marcarán nesta campaña. Nestes primeiros días da vendima aínda se están asinando contratos e fixándose prezos. As variedades brancas seguen mantendo unha gran demanda, sobre todo o Albariño e o Godello. Con todo, este ano os prezos parecen estabilizarse logo do boom que experimentaran o ano pasado, cando chegaran a pagarse a 3,5 euros. Prevese que esta campaña o prezo das uvas brancas en Galicia se poida chegar a pagar a 2,8 euros, segundo apuntan tanto industria coma produtores. Do mesmo xeito que aconteceu noutras campañas, haberá diferencias de prezos entre as distintas demarcacións e variedades. Mentres, as tintas acusan unha caída da demanda e do valor. Nalgunhas zonas xa se están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos e mesmo hai viticultores que deixarán sen recoller parcelas con Garnacha debido á baixada dos prezos.

Prezos por variedades e DO’s

Facemos un percorrido polas distintas DO’s para coñecer os prezos que se están pagando por variedades e territorios:

Rías Baixas

Na terra do Albariño esta uva, xunto con outras variedades brancas que se cultivan, segue a ter unha elevada demanda nesta campaña. Estímase que o prezo da uva Albariña se situará entre os 2,5 e 2,8 euros, lonxe dos 3,5 euros que chegaran a pagarse puntualmente o ano pasado, logo da entrada no mercado de novas adegas foráneas que demandaban máis uva e incrementaran o prezo.

Ribeiro

Nesta campaña no Ribeiro mantéñense os prezos en valores semellantes ós dos últimos anos, aínda que se aprecia unha lixeira suba con respecto da última vendima, segundo indican dende o sector. Así, as uvas brancas de variedades autóctonas situaranse arredor de 1,5 e 1,8 euros, en función da variedade e da calidade. En concreto, a Treixadura está pagándose entre 1,5 e 1,7 euros, según indican viticultores da zona. Mentres, as uvas de Palomino están a 0,85 euros.

Ribeira Sacra

Os prezos reséntense para as uvas tintas da Ribeira Sacra. “A saturación do mercado dos viños españois está pasando factura tamén ós viños galegos tintos”, explica Carlos Basalo, responsable da área de viticultura en Unións Agrarias. No caso das uvas de Godello, a variedade branca con maior demanda nesta denominación, os prezos mantéñense arredor dos 2 euros, mesmo poden superarse de xeito puntual naquelas uvas de maior calidade. “Na Ribeira Sacra cada vez hai máis Godello, está habendo un cambio importante cara a esta casta”, sinala Basalo.

Valdeorras

Nesta Denominación de Orixe, o Godello segue a marcar os prezos máis altos e as uvas desta variedade sitúanse unha campaña máis nun prezo de entre 1,8 e 2 euros. “O Godello en Valdeorras ten este prezo, se queres esta uva tes que pagalo, levan anos que se sitúa arredor dos 2 euros”, apunta Basalo. En canto ós tintos, os prezos da Mencía nesta campaña atópanse entre os 70 ou 80 céntimos, aínda que tamén se están pagando ata a 90 céntimos en función da calidade da uva, segundo apuntan os viticultores da zona.

Monterrei

Do mesmo xeito que en Valdeorras, o Godello tamén se sitúa arredor dos 2 euros en Monterrei. Aínda que tamén hai ofertas puntuais que mesmo se supera esta cantidade, aínda como recoñecen no sector, son casos moi puntuais. Mentres, nesta DO acúsase unha forte caída da demanda das uvas tintas. Agárdase que a maioría das uvas se paguen en torno ós 90 céntimos ou 1 euro, pero xa hai casos de adegas que están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos.

Caída da demanda dos tintos

Esta campaña parece que os maiores problemas se presentarán na venda dos viños tintos. Como sinalan dende o sector, unha das principais causas é caída da demanda dos viños tintos españois, como o Ribera del Duero e en especial a baixada experimentada nos últimos tempos do Rioja, debido á saturación do mercado destes viños.
“Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”: Carlos Basalo, responsable de viticultura de Unións Agrarias
“O problema é que cada día os viños galegos véndense en mercados máis globais polo que aféctanos tamén a baixada de demanda doutros viños, que pasan a ocupar o lugar dos nosos no mercado”, explican dende Unións Agrarias. Mentres os Riojas tiñan uns prezos máis altos que os Mencías galegos, convivían no mercado. Porén, ó saturarse o mercado do Rioja, estes están baixando os prezos e pasan a facer competencia directa cos Mencías galegos. “Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”, apuntan dende Unións. Mentres, outros viños galegos de variedades tintas como Sousón ou Brancellao, castas que marcan outras liñas de mercado, non están experimentando esa caída da demanda e mantéñense a prezos semellantes ós doutros anos.
Os viños brancos continúan á alza tanto a nivel mundial como en Galicia
Na situación contraria atópanse na actualidade os brancos, tanto a nivel mundial, onde están experimentando un moi bo momento, como en Galicia, onde os viños brancos teñen unha alta demanda. Dende distintos ámbitos apuntan a que isto se debe ó incremento do consumo dos branco por parte das mulleres, que comezan a achegarse máis ó mundo do viño e fano de man deste tipo de viños. Por outra banda, tamén o cambio climático, e o incremento das temperaturas, está motivando que se comece antes co consumo de brancos, máis asociados ó bo tempo e a un consumo estival. No caso dos brancos galegos, ademais dos esforzos de internacionalización que se fixeron dende as distintas DO’s e en especial por parte de Rías Baixas, a entrada de grandes grupos adegueiros foráneos nos últimos anos tamén está contribuíndo a esa expansión e a continuar aumentando o interese por estes viños. Tamén son significativos os recoñecementos que acadan os viños brancos galegos pola súa calidade, que están favorecendo que cada vez se coñezan máis fóra do territorio galego.

Vixiantes ante a entrada de uva foránea

A alta demanda e os prezos que se manexan para as variedades brancas provocan que haxa certa preocupación á entrada de uva de fora de Galicia, procedente de Portugal, onde o Albariño está pagándose a pouco máis de 35 céntimos; ou mesmo outras variedades como o Verdejo, dende Rueda. “Estamos reclamando que se extremen as inspeccións para que non chegue a entrar esa uva, xa que provocaría que se desvirtúen os brancos galegos”, indican dende Unións Agrarias. Neste senso dende Medio Rural, volveuse activar por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe. No marco das accións do Plan de control de vendima 2023 inclúese o control da procedencia na entrada das uvas a adega. Nesta campaña participarán 18 controladores da Xunta que velarán porque se cumpra a lexislación durante a vendima.

Galicia agarda unha gran vendima que supere os 75 millóns de quilos de uva

Aínda non rematou agosto e a vendima comezou xa en tódalas Denominacións de Orixe. Nalgunhas delas foron adegas puntuais, pero noutras, como é o caso de Valdeorras, a comezos desta semana xa estaban realizando a recollida da uva unhas 30 adegas. Mesmo nas denominacións onde a vendima adoita comezar a mediados de setembro, coma Rías Baixas, están xa cos traballos nalgunhas adegas. As previsións de tódalas DO’s apuntan a un incremento da produción o que fai prever que en termos xerais sexa unha vendima que supere ás cifras do ano pasado, cando se acadaran os 70,2 millóns de quilos de uva recollida. Pese a que nalgunhas demarcacións, coma as Rías Baixas ou o Ribeiro houbo unha forte presión de mildio, hai unha gran calidade de uva e están entrando en adega acios en moi boas condicións, o que fai prever tamén moi bos resultados. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe para coñecer as previsións que manexan nestes primeiros días da campaña.

Rías Baixas: Vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

Nalgunhas subzonas da DO Rías Baixas xa comezou a vendima nestas últimas semanas de agosto e prevese que se vaian sumando máis adegas. A calor apurou mesmo as previsións iniciais do Consello Regulador, que apuntaban xa a un adianto da vendima a comezos de setembro, posto que o habitual nesta demarcación é que se inicie a mediados dese mes. Nas Rías Baixas prevese que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. Estímase que se logre un rendemento medio de 10.507 quilos por hectárea.
Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022
En parte este incremento da produción débese ó aumento da superficie vitícola. En concreto, neste último ano sumáronse 114 hectáreas de viña, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Ribeiro: Agárdase unha vendima extensa, pese a comezar xa en agosto

No Ribeiro tamén se adiantaba o inicio da vendima e cinco adegas comezaban xa os traballos a pasada semana para recoller as uvas de maduración máis temperá, coma o Godello, dalgunhas parcelas situadas en zonas baixas. Xa nas súas inspeccións técnicas realizadas polo persoal do Consello Regulador en días previos apuntaban que algunhas variedades se atopaban nun excelente grao de maduración para a recollida. Aínda que comezou máis cedo ca outros anos, prevese que sexa unha vendima que se prolongue no tempo, case ata mediados de outubro, xa que algunhas variedades e nalgunhas comarcas de gran altitude as uvas aínda non acadaron o grao de maduración axeitado.
Prevese que nalgúns viñedos a vendima non se faga ata mediados de outubro
As previsións iniciais apuntaban tamén a que pode ser unha campaña con boa colleita en canto a cantidade se refire, aínda que puidera verse reducido o número de quilos final pola seca dos últimos meses. Con todo, podería volver situarse nas medias dos últimos anos ou superarse. O ano pasado nesta DO recolléronse un total de 10,3 millóns de quilos de uva.

Valdeorras: A calor da última semana apurou a maduración do Godello e boa parte das adegas comezaron a vendima

As altas temperaturas da semana pasada precipitaron o inicio da vendima na DO Valdeorras, onde as previsións iniciais apuntaban a que a recollida da uva comezase aínda nesta semana. Así, adegas como Godeval e Sampayolo iniciaban xa arredor do día 20 os primeiros labores de recollida da uva, sendo tamén das vendimas máis adiantadas. “Temos xa unhas 30 adegas coa vendima e agárdase que nesta semana se sigan sumando máis”, explican na DO. O calor deses días fixo que aumentase o grao alcohólico das uvas e se acadase o óptimo para a recollida. “Algunhas adegas comentábannos que neses 4 días incrementouse case 2 graos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Nalgunhas zonas, as plantas tamén acusan xa certo estrés hídrico, con risco de deshidratación, o que motivou que non se agardase máis para a súa recollida. “O Godello está maduro e, salvo que haxa malas condicións que obriguen a paralizalos traballos, agárdase que se recolla como é habitual nun mes e medio, polo que a finais de setembro case teríamos rematada a vendima”, concretan no Consello Regulador. Faltan por comezar as cooperativas, que están ultimando a campaña, de xeito que se prevé que na próxima semana estean xa boa parte das adegas coa vendima.
Están tendo uns rendementos de 11.000 quilos por hectárea cunha uva excelente, cun sabor, acidez, grao alcohólico e pH moi bos
“Están entrando acios cun bo peso e unha boa calidade. Todo apunta a que sexa unha vendima espectacular, porque a pel da uva está resistente, a uva ten sabor e ten acidez e pH moi bos”, indican nas valoracións iniciais dende o departamento técnico. Tamén están a ter uns bos rendementos, que se sitúan arredor dos 11.000 quilos por hectárea, o que fai prever que se superen tamén os 7,5 millóns de quilos de uva entre brancos e tintos. Así, agardan recoller máis de 5 millóns de quilos de uva só das variedades brancas. Pese ás boas previsións xerais, algunhas pequenas adegas tiveron problemas co mildio que afectou de xeito considerable á produción. “Non foron despistes, senón que foron tratamentos cos que non se acertou e logo foi moi difícil de controlar”, apuntan. Aínda que son casos puntuais, as perdas polo mildio chegan a reducir á metade a colleita.

Ribeira Sacra: Comezou xa de xeito puntual a recollida de uva en variedades brancas e tintas

Na Ribeira Sacra as primeiras uvas recolléronse o 22 de agosto, pero nesta primeira semana de vendima só se fixeron traballos puntuais. “Polo momento só entraron 70.000 quilos de uva”, explicaban dende o Consello Regulador. Nesta semana, fixarase a data recomendada para o inicio da vendima, polo que nos próximos días arrancará o forte do traballo en boa parte das adegas. Así, recolléronse aquelas variedades que acadaron xa o seu grao óptimo de maduración. O que máis se recolleu por agora é Godello, cuns 26.000 quilos, así como Albariño. Con todo, non só hai recollidas xa variedades brancas, que adoitan madurar antes, senón que tamén se recolleron xa uvas de Mencía ou Merenzao.
Agardan que cheguen chuvias nestes días que contribúan á maduración da uva e a paliar a seca que acusan nestes meses
Ademais, a uva recollida ten unha moi boa calidade. “Esperemos que chova algo para que dea un último empurrón ás viñas que aínda que non maduraron”, apuntan dende o departamento técnico. Pese a que as cepas máis vellas teñen unha gran resistencia á seca, nesta DO non se produciron chuvias dende as treboadas de xuño e as plantas máis novas acusan a escaseza de auga e nalgunhas parcelas as viñas teñen xa as follas secas e mesmo hai acios con certa deshidratación. En canto a rendementos, as previsións iniciais apuntan a que se poidan situar preto dos 6 millóns de quilos que se obtiveron o ano pasado, xa que os ataques de mildio e a seca afectaron en certa medida.

Monterrei: Afronta unha das vendimas máis prematuras coa uva nunhas condicións sanitarias excelentes

“Estamos ante unha das vendimas máis prematuras nesta DO”, explican dende o departamento técnico da Denominación de Orixe Monterrei. O pasado domingo, día 27, comezaban a recollerse as primeiras uvas. Nesta semana foron incorporándose xa varias adegas e espérase que nos próximos días se sigan sumando boa parte das 28 adegas que integran a DO. Comezouse coa recollida do Godello, así como de parcelas con Merenzao, unha variedade coñecida na zona popularmente como Bastardo. Tamén se recolleron xa uvas de Mencía naquelas parcelas cun grao óptimo de maduración. Se as condicións climáticas non apuran os traballos de recollida da uva, agárdase que esta sexa unha vendima longa, xa que comenzou moi cedo e irá facéndose de xeito gradual, segundo vaian madurando as variedades nas distintas zonas. “Comézase nas zonas de val, onde a uva xa está madura, para ir subindo en altitude onde a maduración é máis tardía”, detallan.
Contan superar os 6,4 millóns de quilos de uva recollidos o ano pasado, xa que se está a incrementar a superficie de viñedo
Aínda que nalgunhas parcelas hai xa plantas con certo grao de estrés hídrico, as abondosas precipitacións de xuño e a capacidade de resistencia da planta, fan que as cepas vaian resistindo. O estado sanitario da uva a comezos da campaña era excelente. Agardan superar as cifras do ano pasado, no que se recolleran 6,4 millóns de quilos de uva, xa que se incrementou a superficie de viñedo. “A demanda constante dos nosos viños fai que tamén aumente o número de hectáreas plantadas”, apuntan. A demarcación conta a día de hoxe con 720 hectáreas de viñedo.

Finca Míllara: o potencial dos viños da Ribeira Sacra

Finca Míllara é unha pequena adega encaixada na Ribeira Sacra. O traballo coa súa propia uva en bancais de viticultura heroica outórganlle unha forte diferenciación en mercados nacionais e internacionais. A súa ampla gama de viños está acompañada de frescura, en paralelo a unha aposta pola recuperación de castes como brancellao ou merenzao que lle outorgan maior complexidade aos viños. Outro dos rasgos distintivos desta zona é o entorno privilexiado. O potencial de Finca Míllara e doutras bodegas da Ribeira Sacra para a distinción no enoturismo fai que este lugar, ubicado na caída ao Encoro dos Peares, sexa un reclamo para moitas persoas. Os seus obxectivos futuros céntranse na mellora dos seus viños, en seguir avanzando no manexo das súas terras e no incremento do turismo enolóxico desta zona, sempre desde un amplo respeto a este territorio histórico. Os viñedos principais desta adega teñen unha extensión dunhas 12 hectáreas, o que fai que sexa unha produción reducida de viño. Igualmente, esta maneira de traballar permite xerar un produto de calidade que compite en mercados internacionais.

Corga Brancellao 2018, un viño ecolóxico galego premiado con 91 puntos na Guía Parker

The Wine Advocate, a revista que publica cada dous meses o prestixioso crítico estadounidense Robert Parker, distingue na súa última edición a un viño ecolóxico galego: “Corga Brancellao 2018”, un monovarietal elaborado por Pereimos 2007, unha pequena adega do concello ourensán da Pobra de Trives, e inscrita no Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Falamos con Benigno Pereira Ramos, propietario e impulsor deste proxecto que nos seus escasos seis anos de vida xa leva recollido grandes distincións. A Adega Pereimos 2007 entra pola porta grande na Guía Parker. ¿Como o valoras? Estamos moi contentos. Somos unha adega moi nova e é a primeira vez que nos califican. Conseguimos colocar catro de seis viños e todos cunha puntuación por riba de 90 (nun baremo de 50 a 100, equivale a excelente). Ademais, é importante porque as catas fanse de xeito anónimo, sen que nin sequera te enteres. En concreto, o noso Corga Barrica 2016 logra 88 puntos; o Corga Barrica Mencía 2015 recibiu 89 puntos; o Corga Brancellao Barrica 2017 90 puntos; a mesma puntuación que o Corga Mencía 2019 e o Corga Ecolóxico Brancellao 2018 logrou 91 puntos. Como son os viñedos nos que se produce o Corga Ecolóxico Brancellao 2018? Neste momento temos algo máis de 2 hectáreas de viñedo, plantadas por nós a maioría no 2013, e case todo de Brancellao, menos 1450 metros cadrados que están plantados con Godello. Son cepas cultivadas en ecolóxico nunha zona privilexiada para o viñedo como é a ribeira do Bibei e que están agora entrando en plena producción. O noso Brancellao é o primeiro viño galego que entra na Guía Parker e con cepas de 5 anos, o que rompe o mito de que con uvas de cepas novas non podes elaborar grandes viños. Na nosa adega procuramos sobre todo a calidade. Para unha mostra, da vendima do 2018 sacamos aproximadamente só uns 300 gramos de uva por cepa. Queremos seguir aumentando a superficie e apostar polos viñedos de montaña, pero solicitar dereitos de plantación estase convertendo nunha odisea para min. Por qué apostastes por unha variedade galega minoritaria como é a Brancellao? Apostamos pola Brancellao porque é autóctona de Galicia. Ademais, como buscaba unha produción diferenciada animeime a meterme co Brancellao por facelo máis difícil, pois non é doado vendelo como se te presentas cun Mencía, pero se queres ir a calidades diferenciadas, sorprender e ir a outros mercados había que elixir algo novo. Probamos a vinificala soa e o seu viño transmite esa frescura e matices da variedade. A súa cor é moito máis clariña que a maioría das castes tintas, pero moi fino; é un viño que déixase beber moi ben. Trátase dun viño do ano, sen crianza en barrica, pero que aguanta perfectamente en botella. No 2018 elaboramos 1800 botellas e da vendima do 2019 fixemos 4500 botellas. Prevemos que vaia subindo, pois co viñedo que temos hai capacidade para producir unhas 15000 botellas. Como acolleron os consumidores con este viño tan singular? Estámolo vendendo tanto en Madrid, como na Coruña, Lugo, área de Compostela, pero tamén en viñotecas e restauración. Evidentemente, non é un viño para gran consumo pois son cantidades pequenas. O Corga Brancellao Ecolóxico 2018 é un viño que ten todo para ser exportable a mercados como o holandés, alemán ou norteamericano, onde se aprecian e valoran os viños ecolóxicos e os viños xóvenes con alegría e frescor como o noso. Para comercializar o viño eco hai que entrar noutras canles especializadas. Resúltavos moito máis difícil producir en ecolóxico? Non temos problemas especiais por cultivar en ecolóxico, porque producir en ecolóxico entra dentro da miña mentalidade, de apostar pola economía circular e reducir o impacto ambiental, algo que tamén aplico na miña actividade principal, que é a producción de queixos. Ademais, axúdame o apostar por variedades autóctonas, con menores producións que as castes foráneas, pero moito máis resistentes e adaptadas ao territorio. Como exemplo, no ano 2018 houbo na floración un ataque moi forte de mildeu pero o Brancellao da miña adega salvouse. Tamén destacaría que este ano a mencía está un pouco danada polo Black Rot pero ao Brancellao non lle afectou. As condicións de orografía e clima desta zona tamén axudan moito, pois o canón do río Bibei ten unha ventilación natural, de forma que a partir das 6 ou 7 da tarde móvese o aire e créase unha corrente de aire seco que reduce o ataque de moitas enfermidades fúnxicas. E polo resto só é traballar a viña conforme ás normas do CRAEGA, sen empregar produtos sistémicos, nin herbicidas nin fertilización química, dunha forma máis respetuosa co medioambiente, como facían os nosos antergos. Que te levou a apostar pola viticultura na Pobra de Trives? Aínda que a miña carreira profesional fíxena na industria láctea, en Queixerías Bama, da que son propietario, sempre fun máis labrego que industrial. Veño dunha familia gandeira, que facía queixo e lembro un consello do meu avó: “Cando podas compra terra que non se está fabricando máis”. Por circunstancias varias, no ano 2010 merquei esta propiedade na Pobra de Trives: unha finca de 37 hectáreas e un pazo do ano 1630 no que acabei instalando a adega. Vinlle posibilidades ao viñedo e tamén aos soutos que ocupan a maior parte da finca, con 2500 castiñeiros que plantei. É un proxecto lento, e no caso do viñedo calculaba que en 10 anos podía dar os seus froitos, como así está sendo.
"Esta zona é ideal para producir tintos e brancos diferenciados"
¿Por qué elixín este lugar? Acabei en Trives porque probei un viño da adega Chao do Couso, o Alcouce, un mencía en barrica marabilloso e entroume gusto por ese viño e foi o que me levou a visitar a zona e a descubrir esta finca, cuxos propietarios estaban en México. Tiña claro que se o único que mercaba era un inmoble ao cabo do tempo ia estar aburrido, pero se tiña un proxecto era outra cousa. En canto aos castiñeiros, se a avespiña o permite, en dez anos deberían andar producindo uns 100.000 kilos de castaña ao ano. É unha actividade coa que disfruto e de momento creei 3 postos de traballo fixos durante todo o ano, creo que isto é facer desenvolvemento rural. Nesta zona hai centos de hectáreas de viñedo abandonadas, nunha terra ideal para elaborar viños tintos e brancos de calidade que poderían competir a nivel mundial. A Xunta debería buscar un xeito para poñelos en producción e a disposición de quen os queira traballar.

Os viños de pago: ¿Unha alternativa para Galicia?

Os coñecidos como viños de pago gozan dunha das proteccións xeográficas que engloba producións máis exclusivas e valoradas. Aínda que Galicia carece, polo momento, de viños enmarcados nesta clasificación, os produtores galegos comezan a valorar estas opcións como unha alternativa para a posta en valor dos seus viños. Recentemente unha xornada organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra – Courel no concello do Saviñao abordou as producións singulares dentro das Denominacións de Orixe, e os viños de pago centraron a sesión. “A corrente que se aprecia nos últimos anos no sector é cara unha especialización e nese marco é onde os viños de pago poden ser unha opción a valorar”, explicaban os organizadores da xornada.
As grandes adegas apostan cada vez máis polos viños de pago e na Ribeira Sacra tamén hai xa exemplos de viños de parcela
As grandes adegas están apostando en gran medida por estas producións ligadas a unha parcela e que gozan dunha protección debido á súa singularidade. Dado o potencial de zonas vitivinícolas de Galicia como a Ribeira Sacra en canto a producións diferenciadas, estas alternativas contémplanse como unha opción compatible coa Denominación de Orixe (DO). Así, é posible que adegas incluídas baixo a DO poidan encamiñarse cara a unha produción de viños de pago, viños máis diferenciados e para un mercado máis exclusivo. Coñecer as esixencias que se lle fan ós viños de pago e o modo de traballo dunha das adegas máis importantes na elaboración deste tipo de viños foron os eixos que centraron esta xornada.

Carácter diferenciador

O principal distintivo dos viños de pago é o seu carácter diferenciador. Tal e como apuntou o catedrático de viticultura da Universidade Politécnica de Madrid e vicepresidente da Organización Internacional da Viña e o Viño, Vicente Sotés, as características do terreo e a orientación son fundamentais para conferir a marca de identidade destes viños. “Nunha zona como a Ribeira Sacra, onde se fai unha viticultura heroica debido ós bancais que predominan na súa paisaxe, con pequenas producións e onde as peculiaridades das parcelas son diferentes, o viño de pago pode ser tamén unha alternativa”, valoran dende a organización da xornada. De feito, son varias xa as adegas que están a elaborar viños de parcela no marco desta denominación de orixe.
Adegas como Algueira, Abadía da Cova ou Guímaro están xa a comercializar viños de parcela, con características diferenciadas
Algunhas das adegas máis importantes da Ribeira Sacra como Adega Algueira, Abadía da Cova ou Adegas Guímaro están comezando a comercializar xa baixo unha marca específica viños de parcela, cunhas características diferenciadas ó resto das fincas que conforman a súa produción.

A normativa dos viños de pago

Unha das preguntas máis frecuentes á hora de abordar as oportunidades que ofrecen os viños de pago é a posibilidade de convivir cunha Denominación de Orixe, unha posibilidade factible a nivel normativo segundo explicou o enxeñeiro agrónomo e diplomado superior en viticultura e enoloxía, Luis Leza. Os viños de pago poderían ser unha opción máis para adegas que xa se atopan baixo o amparo da DO Ribeira Sacra.
A trazabilidade é un dos aspectos claves para os viños de pago
Ó igual que a Denominación de Orixe ou as Indicacións Xeográficas Protexidas teñen uns requisitos vinculados ó territorio, no caso dos viños de pago estes céntranse nas parcelas nas que se produce ese viño. Asegurar a trazabilidade deses viños é un dos aspectos fundamentais que debe garantirse para poder recibir a distinción como viño de pago. Estas producións vincúlanse ademais á calidade que se certifica e verifica en tódolos procesos de elaboración do viño, dende os coidados ó viñedo, a vendima ou a elaboración feita na adega.
Vista aérea da Abadía Retuerta Le Domaine.

A aposta de Abadía Retuerta

Un dos principais referentes dos viños de pago en España é a adega Abadía Retuerta Le Domaine, situada no municipio de Sardón de Duero, en Valladolid. A pesar das diferencias estratéxicas que poida haber entre esta adega e os viticultores da Ribeira Sacra, dado que se trata dunha adega propiedade dun destacado grupo farmacéutico, o seu traballo cos viños de pago aséntase nos mesmos criterios de exclusividade e vinculación co territorio que deberan seguir os produtores galegos. O director xeral de Abadía Retuerta, Enrique Valero Quintana, quen ademais participou nos traballos de posta en marcha da propia adega, detallou que un dos primeiros pasos para a obtención de viños de pago consistiu no estudo pormenorizado dos terreos. Estas análises en detalle da parcela permitíronlle establecer diferentes subparcelas que agora están dando lugar tamén a distintos pagos diferenciados que conforman a súa produción.
Un dos primeiros pasos en Abadía Retuerta foi a análise en detalle do terreo e hoxe elaboran distintos viños de pago nas subparcelas
Valero Quintana explicou que a calidade dos seus viños de pago é froito dun traballo minucioso que implica esforzos continuados e que en ocasións, se os viños obtidos finalmente non acadan a calidade esperada non chegan a embotellar, nin comercializar eses viños. A xornada tamén incluíu unha cata, dirixida polo enólogo Alfonso Losada Quiroga, de tres dos viños de pago da adega, que serviu para apreciar as grandes diferentes que pode haber entre os viños de pago aínda que procedan dunha mesma adega. Hoxe en día, a aposta de Abadía Retuerta, ademais dos viños de pago, está a ser o enoturismo, converténdose nun dos mellores aloxamentos destacado por diferentes guías de prestixio. Precisamente, o enoturismo é outro dos ámbitos ós que as adegas da Ribeira Sacra comezan a mirar máis nos últimos tempos e que coa candidatura a converterse en Patrimonio da Humanidade tamén gaña forza como unha oportunidade máis para os vitivinicultores.

“Na Idade Media en Galicia contábamos cun bo viño que se exportaba a Inglaterra”

O doutor en Historia da arte e xefe da área de Cultura Xacobea, Francisco Singul Lorenzo, ten abordado en distintos traballos a relación que existiu entre o viño e o Camiño de Santiago xa dende a Idade Media. Con el coñecemos o consumo de viño que se facía nesa época, así como a evolución da viticultura propiciada ó abeiro dos mosteiros. -Que relación gardan o viño e o Camiño de Santiago? Manteñen unha relación estreita xa que o Camiño de Santiago iníciase na alta Idade Media e tanto o consumo como a produción de viño forma parte desa época. Non é un caso illado, xa que o viño está na propia dieta habitual que se tiña na Idade Media. Así, calquera que estivera peregrinando e pasara por terras como o norte de España, tales como Aragón, Navarra, Rioxa, Castela e León, O Bierzo ou Galicia, ten un contacto con zonas vitivinícolas. Así é que había unha relación obvia entre o Camiño e unha área de produción de viño ampla. Deste xeito, os peregrinos que seguían, por exemplo o Camiño Francés, era doado que recibiran tanto nos mosteiros como nos hospitais reais ou nas pousadas e nas tabernas viño, posto que era un elemento máis da dieta.
"Na Idade Media, había un gran consumo de viño xa que era un elemento máis da dieta e pola cantidade de actos litúrxicos"
Ten unha gran importancia a hospitalidade, tanto monástica como civil cara ó peregrino. Así é que á marxe de proporcionarlle un leito tamén lle daban sustento e é aí onde o viño aparece, xa que era parte da dieta, era entendido como un alimento máis. Houbo unha relación directa e importante e moi rica durante moitos séculos entre viño e Camiño. Ademais de ser un elemento da dieta da época, tamén había un elevado consumo de viño derivado dos actos litúrxicos, posto que se encadeaban as misas nos mosteiros e o viño era un elemento imprescindible para o cerimonial. De feito, os mosteiros teñen un peso importante, sobre todo no Camiño Francés, o que fai que haxa unha relación tamén entre o viño e o Camiño. -Que consumo de viño podían ter os mosteiros daquela? Naquela época era moi célebre a Cuba do Mosteiro de Sahagún, en Tierra de Campos (León), pois dicían que contaba con 1.000 cántaras, xa que tiña unha produción e un consumo moi elevados. Este consumo era tanto para usos litúrxicos como para civís e sempre rebaixado con auga. -Mantense esa relación entre o viño e o Camiño aínda na actualidade? Dende logo. Non foi algo puntual da Idade Media senón que se mantén o longo da historia. As peregrinacións a Compostela comezan no século IX e hai un desenvolvemento moi longo e existe unha relación moi evidente e que aínda se aprecia na actualidade. Hoxe en día se pensamos en calquera dos distintos camiños, dende o Francés ata o Primitivo ou o Camiño Portugués, teñen unha facilidade obvia para entrar en contacto coas denominacións de orixe en Galicia e no resto de España tamén, como o Rioxa. -Foi máis notable esta relación nalgún punto de Galicia? Concretamente Santiago, ademais de ser o centro das peregrinacións, era un excelente mercado tanto de viños do Ribeiro como de importación, con viños que chegaban de Aragón, Portugal ou Francia. É curioso que o Códice Calixtino cando fala de Galicia di que era pobre en viño pero rica en sidra, pero hai que contextualizar que se está a falar da actual provincia de Lugo, aínda que ben é certo que os monxes de Samos tiñan xa viñedos no Bierzo e eran consumidores de viño para usos litúrxicos. O viño era un peza fundamental da dieta na Idade Media: pan e viño.
“Xa na lexislación de Afonso X se indicaba que non conviña mesturar os distintos viños pero si era habitual engadirlle auga”
Tamén cómpre matizar que se adoitaba rebaixar o viño con auga xa que era un viño moi duro. Xa na lexislación de Afonso X se indicaba que non conviña mesturar os distintos viños pero si era unha práctica habitual engadirlle auga. -Tratábase dun viño moi forte ou había outros motivos para rebaixalo? Polo xeral tratábase de viños fortes polo que se procedía a engadirlle auga. Tamén era unha práctica habitual para tentar evitar problemas de embriagadez, posto que a Igrexa, xa dende San Paulo recomendaba rebaixalo con auga. -Tamén se ten referido que a mala calidade da auga dalgunhas zonas na Idade Media facía que se engadise viño á auga co gaio de conservala. Acontecía isto en Galicia? En xeral, cando se viaxaba foran comerciantes ou peregrinos, a xente que levaba auga para o seu camiño adoitaba engadirlle algo de viño para que se conservase durante máis tempo. -Como era o viño que se elaboraba en Galicia na Idade Media? No caso de Galicia, eu diría que polo xeral era un viño bo, posto que ademais de dedicalo ó consumo propio tamén había unha importante cantidade que se destinaba á exportación. Durante os séculos XIV e XV houbo unha importante exportación de viño dende Galicia a Inglaterra, ó non poder os ingleses ter acceso ós viños de Bordeos, polo tema da Guerra dos 100 anos. Houbo unha exportación moi importante de viño do Ribeiro que en poucos días chegaba ós portos de Inglaterra. Era un viño apreciado. Ademais, en Compostela, que era unha cidade cosmopolita, había tamén viños de importación. -Daquelas, era máis popular o viño tinto ou había tamén brancos? O viño que se consumía era fundamentalmente tinto, xa que para os usos litúrxicos gardaba unha maior similitude cerimonial co sangue de Cristo. -Podería estimarse a superficie de viñedo que había na Idade Media en Galicia? É realmente moi complicado facer unha estimación diso, pero si se coñece que había unha gran demanda de viño e que se incrementou a superficie de viñedo. As demarcacións das denominacións de orixe que hoxe hai en Galicia sábese que teñen unha orixe moi antiga que se remonta á Idade Media. A propia Historia Compostelana apunta que xa no século XI había viñedos na zona do Morrazo que foran atacados polos almorábides. Había unha superficie vitivinícola importante xa en Galicia. Sabemos que nos séculos XIV e XV aumentou. Medrou en zonas como a Ribeira Sacra e sobre todo no Ribeiro, que daquelas era moi coñecido, sobre todo polos ingleses, e tamén se chegou a plantar noutras áreas.
“A gran demanda de viño que houbo nos séculos XIV e XV fixo que mesmo houbese viñedos en zonas coma Betanzos, sen tradición vitícola”
En zonas coma Betanzos, onde non había unha tradición vitícola ata o momento, chegouse a plantar vide, dada a alta demanda de viño que había. Santiago de Compostela funcionaba como un centro de redistribución. O Cabildo de Compostela tiña viñedos e ademais había un gran consumo ó ser considerado un alimento e tamén para os actos litúrxicos. -En que medida o Camiño de Santiago influíu na viticultura en Galicia? No desenvolvemento da viticultura en Galicia tivo moita influencia o monacato xa que tiña moita superficie e o viño era fundamental tanto para a dieta diaria como para os oficios relixiosos. Así foi que as distintas ordes de monacato foron fundamentais á hora da expansión da superficie cultivable de viñedo ou as novidades tecnolóxicas que se ían incorporando.
“No desenvolvemento da viticultura en Galicia tivo moita influencia o monacato”
Non foi tanto unha ligazón directamente coas peregrinacións pero si coa Igrexa e principalmente coa monástica. Esta relación apréciase tanto en Galicia como no resto de Europa. -Chegou a exportarse por medio das peregrinacións castes de viñedos? É un tema do que non se ten moita información ó respecto. A orixe do viño remóntase á época dos Romanos e parece que durante a Idade Media houbo unha expansión importante. Dende o punto de vista histórico non hai documentación que dea conta se puideron traerse ou levarse castes cara outros lugares. -Teñen un pasado común os camiños dos arrieiros coas distintas rutas do Camiño de Santiago? O Camiño dos Arrieiros era unha vía moi importante para traer o viño do Ribeiro ata Santiago, onde entraban na cidade pola antiga porta de Mazarelos, onde daquela estaba o mercado vello. Era un camiño medieval certamente importante e seguro que daquela coincidiría que transitaban por el peregrinos, pero per se, non era un camiño de peregrinación, senón que era un camiño comercial. Tamén é certo que os camiños de peregrinación eran camiños multiúsos que servían como medio de comunicación, para o exército, para usos comerciais... pero no caso dos camiños dos arrieiros creo que tiñan un compoñente máis comercial que de peregrinación, iso non quere dicir que non transitaran por el tamén peregrinos.

Preocupación no sector do viño polo Brexit e as medidas de Trump

A D.O. Rías Baixas exporta neste momento o 30% da súa produción, con EEUU e Reino Unido como principais destinos Representantes das cinco Denominacións de Orixe galegas mostran a súa fonda preocupación por como poden acabar afectando aos adegueiros da comunidade as medidas proteccionistas que se aveciñan nos Estados Unidos e no Reino Unido, dous dos países de destino dos viños galegos, que foron incrementando a súa cota de mercado exterior nos últimos anos. Alén de supoñer un freo ás exportacións a estes países polo encarecemento do produto, as distintas marcas terán que respostar ao cambio de condicións aplicando distintas medidas en función da marxe comercial coa que conten neste momento, reducindo nalgúns casos a rendibilidade existente ou buscando outros mercados que poidan asumir o volume de viño destinado a eses dous mercados. Aínda que a suba arancelaria afectará en teoría máis a aqueles produtos con menor valor engadido, é dicir, de menor prezo ou menor marxe de venda, e no caso das exportacións de viños galegos sitúanse no lado contrario, ao tratarse de viños dun segmento medio alto ubicados en moitos casos nun mercado máis gourmet, cun prezo medio de exportación maior que a media dos viños españois exportados, os efectos do incremento impositivo acabarán deixándose sentir tamén.
Rías Baixas exporta o 30% da súa produción total por un valor de 40 millóns de euros
A maior ou menor afectación terá que ver co volume exportado de xeito individual por cada adega e tamén co peso que para cada unha delas supoñen os mercados de EEUU e Reino Unido. No conxunto das Denominacións de Orixe, a máis afectada será Rías Baixas, que destina á exportación xa neste momento o 30% da súa produción total. Ademais, para os viños albariños galegos os mercados estadounidense e británico son vitais, pois en conxunto representan máis da metade das súas vendas no exterior. En total, 9.579.273 de botellas de Rías Baixas vendéronse nos mercados de exportación durante 2018, que supoñen algo máis de 7 millóns de litros, dos que 3,8 millóns de litros viaxaron cara a EEUU e Reino Unido. "O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados. Se che incrementan os prezos en destino vía aranceis vólveste menos competitivo e prevemos que iso poida afectar ás vendas cun descenso importante", recoñecen no Consello Regulador. Os problemas para vender en Estados Unidos e Inglaterra a partir de agora engádense a unha colleita que non foi boa en canto a cantidade, cun descenso importante este ano na produción de uva, o que por outra banda sen embargo pode mitigar dalgún xeito o efecto do descenso previsto nas exportacións, ao producírense este ano nas Rías Baixas uns 4 millóns de litros de viño menos que na colleita do 2018, unha cantidade equivalente ao volume de exportación a EEUU e Reino Unido. O oco deixado poderían ocupalo viños italianos ou californianos No caso dos EEUU as novas condicións fixadas pola Administración Trump están claras: incremento adicional dos aranceis vixentes nun 25% ás importacións de determinados produtos agroalimentarios (viño envasado, aceite, queixos, carne de porco, embutidos, zumes e froitas) procedentes da maioría dos países da UE, entre os que se atopa España, Francia, Reino Unido e Alemania, como integrantes do consorcio Airbus, pero non Italia, por exemplo.
"O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados" (Agustín Lago, D.O. Rías Baixas)
Isto supón que o posible oco que deixasen os viños galegos podería ser ocupado por competidores italianos, por exemplo, aos que non afectarían os novos aranceis (no caso italiano a suba de aranceis só afectaría aos licores, pero non aos viños), ou mesmo por viños norteamericanos, da zona de California, por exemplo. A falta de que este venres se publique a lista definitiva de produtos (as novas condicións arancelarias entrarían en vigor a partir desa mesma data), o novo gravame incrementado nun 25% aplicaríase aos viños embotellados cun volume de até 2 litros e unha graduación inferior aos 14 grados. Outras denominacións, menos afectadas O resto de denominacións de orixe galegas tamén se verán prexudicadas polo incremento de taxas norteamericana, pero veranse menos afectadas debido ao seu menor volume de exportación, agás algún caso individual dalgunha adega concreta. A media de exportación no resto de denominacións ronda o 10%, con lixeiras variacións: entre o 8 e o 10% no Ribeiro, o 12% en Monterrrei e entre o 10 e o 11% no caso de Valdeorras. O volume de venda no exterior para as 96 adegas inscritas no Consello Regulador da Ribeira Sacra sitúase no 10%. Igual que no caso das Rías Baixas, os Estados Unidos e o Reino Unido son dous dos principais destinos, supoñendo tamén neste caso máis da metade das exportacións. Con todo, o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, relativiza os posibles efectos sobre os viños da Ribeira Sacra. "No noso caso non vai ser moi relevante, porque estamos menos expostos que os que traballan con marxes moi pequenas nos que uns céntimos de incremento arancelario pode supoñer quedar por baixo do límite da rendibilidade. A suba de taxas aduaneiras afecta sempre máis aos viños máis baratos do centro de España, que son tamén os que máis se exportan, que aos viños de calidade galegos, porque afecta máis aos viños que se moven por prezo", di.
"Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños" (Jorge Mazaira, D.O. Valdeorras)
Na mesma situación están en Valdeorras. Na denominación que preside José Luis García Pando exportan un volume que está entre o 10 e o 11% da produción total das 40 adegas inscritas, con EEUU, Reino Unido e Alemania como principais destinos. "Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños", recoñece Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador. "Unha suba arancelaria do 25% como a que se plantexa en EEUU vai incrementar os custos e se vas cun prezo moi xusto vas ter menos capacidade de asumir ese incremento, polo que as medidas anunciadas por Trump van afectar máis ou menos en función da política de prezos levada a cabo por cada adega nos últimos anos e a marxe de beneficio coa que traballen", explica. "Son mercados globais, onde vendes aquí e alí, e este tipo de medidas aféctannos a todos en maior ou menor medida, aínda que seguramente haberá outras denominacións máis afectadas que a nosa por unha simple cuestión de volume de exportación", argumenta o responsable técnico dos viños de Valdeorras. Reorientar a política de internacionalización das adegas O mercado galego asume o 70% da produción de viño do Ribeiro e o resto do Estado arredor doutro 20%. Exportan, polo tanto, entre un 8 e un 10% da súa produción anual. Os viños do Ribeiro viaxan principalmente cara ao Reino Unido e centroeuropa dentro da UE, tamén cara a Asia e Xapón e cara a EEUU, México e Colombia no continente americano.
"O Reino Unido é un país onde case non hai viño, polo que a incidencia dos novos aranceis tralo Brexit vai afectar a todos por igual, tanto aos viños galegos como aos franceses, aos italianos ou aos da Rioja" (José Manuel Rodríguez, D.O. Ribeira Sacra)
"Coido que para nós os efectos das medidas en Estados Unidos non van ser tan importantes como noutras denominacións, porque temos exportación a EEUU pero non é relevante. A exportación ao Reino Unido si que é máis relevante que aos Estados Unidos", recoñece Juan Casares, presidente do Consello Regulador. "As empresas terán que adaptarse a esas novas taxas, facer unha reflexión e reorientar a política de internacionalización das adegas cara a novos nichos de mercado", considera, porque "cun arancel do 25% máis vai ser moi difícil competir", opina. O presidente dos viños do Ribeiro afirma que "o Brexit tampouco é unha boa nova" e rexeita o modo de actuar tanto de Donald Trump como de Boris Johnson. "Cada país é soberano, pero non comparto as medidas ultraproteccionistas que van contra a lóxica dos mercados neste momento e que prexudica ás dúas partes, porque saen perdendo os exportadores pero tamén os consumidores deses países, que se ven privados dunha variedade de produtos que van deixar de ter", razoa. Agardando polas condicións finais do Brexit Outras denominacións tampouco se verían moi afectadas polas medidas de Trump pero seguen con atención os acontecementos relativos ao Brexit. Os viños da D.O. Monterrei teñen no Reino Unido o seu principal destino exterior. En conxunto, o volume de exportación dos viños desta denominación sitúase no 12% e 10 serían as adegas máis afectadas. "Estados Unidos supón para nós pouca porcentaxe de vendas, pero o Reino Unido si que absorbe unha cantidade importante, de feito, o ano pasado foi o principal país de destino dos nosos viños polo que unha suba brusca de aranceis neste caso si que sería máis problemático", indican no Consello Regulador.
"Inglaterra foi o ano pasado o principal destino dos noso viños, pero até que non saibamos como quedan finalmente as condicións trala saída do Reino Unido da Unión Europea non saberemos cal vai ser a indicencia real do Brexit" (Miguel López, D.O. Monterrei)
Os viños de Monterrei están aumentando nos últimos anos as súas vendas no exterior, aínda que os seus principais destinos están dentro da Unión Europea, co Reino Unido á cabeza, seguido de Holanda, Bélxica ou Alemania. "En EEUU xa sabemos que ao subirnos os aranceis vainos prexudicar na exportación, pero a incidencia non será moi significativa porque o volume de exportación a ese país tampouco é moi elevado, pero no caso do Brexit, que nos collería máis de cheo, aínda non temos unha idea clara de como vai afectar porque non sabemos como vai quedar, non o saben nin sequera eles, e até que non saibamos como quedan finalmente as condicións para a exportación de viños non saberemos a incidencia real que poida ter o Brexit", razoa Miguel López, o director técnico da denomiación. Como vai afectar aos competidores? Tralo acordo alcanzado nas últimas horas entre a Comisión Europea e o Goberno de Boris Johnson para unha saída pactada a partir do vindeiro 31 de outubro, falta por coñecer a letra pequena do acordo, así como as condicións para o periodo de transición previsto até finais de 2020. Estados Unidos é un país onde se produce viño, polo que as medidas proteccionistas poderían incentivar o consumo interno de viño. Pero o caso do Reino Unido é diferente. "Inglaterra é un país onde case non hai viño e as novas condicións tralo Brexit van afectar por igual a todos os nosos competidores, por exemplo, os franceses ou os italianos, á hora de enviar os seus viños ao Reino Unido", razoa José Manuel Rodríguez.

Galicia exportou o pasado ano 20 millóns de litros de viño por valor de 45 millóns de euros

Evolución das exportacións de viño de Galicia. As cinco Denominacións de Orixe galegas exportaron o pasado ano 20 millóns de litros de viño, por valor de 45 millóns de euros, logrando un prezo medio de 2,21 euros por litro. Desde o ano 2000 o valor das exportacións dos viños galegos multiplicouse por tres, pasando de 17 millóns de euros a comezos deste século a 50 millóns no ano 2017, o exercicio de máis facturación até o momento. Ao longo destes anos, as exportacións foron diversificándose e ampliando o abano de países aos que se dirixen. Os principais destinos dos viños galegos hoxe en día son Estados Unidos, o Reino Unido, China e Canadá onde as vendas sumaron 19,6 millóns no 2018. Norteamérica, que xa no 2000 era un dos principais mercados para os viños galegos, continúa afianzándose e as ventas no pasado ano alcanzaron os 14 millóns de euros. As adegas galegas están a exportar en valor un 41,5% a Estados Unidos e Reino Unido. Se a isto engadimos China, a cifra sobe até o 50%. Galicia ocupa na actualidade o 12º lugar en volume e o 13º en valor do conxunto das Comunidades Autónomas. As tres primeiras comunidades por valor na categoría de viños brancos envasados son Castela e León, Cataluña e Galicia, cos viños albariños das Rías Baixas como punta de lanza. Ademáis, a recuperación do mercado británico dende 2016 e o crecemento do de Estados Unidos e Alemania dende o 2014 potenciou as exportacións da Denominación Rías Baixas. Na actualidade, das 184 adegas adscritas a denominación Rías Baixas, 103 atópanse en plans de exportación. Destas, medio cento exportan os seus viños a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños desta denominación con 2.468.535,50 litros no 2017 e 2.373.862,93 litros o pasado ano. En total, España exporta a Estados Unidos 300 millóns de euros anuais en viño.
 

A USC forma a viticultores da Ribeira Sacra para adaptarse ao cambio climático

Investigadores do grupo Proxectos e Planificación (Proepla) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC participaron este mércores nunha xornada de transferencia de viticultura a produtores da Ribeira Sacra nas instalación de que dispón en Doade (Sober) a adega Regina Viarum.

Esta actividade de formación e divulgación sobre as consecuencias que pode deparar o cambio climático para os chans e as augas da zona Atlántica de Europa encádrase no marco do proxecto europeo RiskAquasoil, un programa Interreg destinado a desenvolver políticas de prevención para o sector agrícola.

A xornada comezou cunha presentación do proxecto Interreg Atlántico RiskAquaSoil, a cargo do director da Asociación Climatolóxica da rexión central e suroeste de Garona (ACMG) , Jean François Berthoumieu. De seguido, algúns investigadores implicados nesta actuación afondarán sobre as estratexias de control de solos e auga en viñedos galegos coa presentación dos resultados dalgúns dos proxectos xa realizados. Nesta quenda de presentacións participaron como relatores José Manual Mirás, do Cebas-CSIC, de Murcia, e o profesor da EPS de Enxeñaría e investigador do grupo Proepla da USC Javier J. Cancela.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Evitar a perda de solo pola erosión

Os investigadores participantes aproveitaron a súas respectivas intervencións para, ademais de formar e introducir na materia ao público presente, presentar os resultados dos traballos xa desenvolvidos no marco deste proxecto. A erosión do chan, a súa compactación, así como as crecidas de canles de auga, que son algunhas das consecuencias previstas das variacións abruptas nos ciclos climáticos na zona atlántica, centraron algunha das exposicións, nas que tamén se fixo especial fincapé na necesidade de desenvolver plans de xestión específicos nas explotacións agrarias para mitigar o impacto destes efectos do cambio climático.

A xornada de transferencia de viticultura desenvolvida na adega Regina Viarum de Sober, en cuxas propiedades se desenvolveron algún dos traballos de campo programados no proxecto RiskAquaSoil, completouse cunha visita a viñedos desta adega da Ribeira Sacra, nos que os investigadores implicados no proxecto RiskAquaSoil tomaron datos sobre perdas de chan, estado hídrico das viñas e compoñentes da produción e o vigor vexetativo das cepas no contexto das investigacións asociadas ao proxecto.

Unha vez rematadas estas sesións formativas, os máis de medio centenar de viticultores que tomaron parte na xornada tiveron a ocasión de visitar parte das instalacións de Regina Viarum, cuxos responsables salientaron a súa satisfacción por colaborar neste proxecto. A implicación desta adega no programa Interreg RiskAquaSoil proba a aposta de Regina Viarum pola investigación e pola sustentabilidade na súa estratexia, sinalan.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

¿É posible facer viño sen realizar tratamentos contra mildio e oídio?

O mildio e o oídio son unhas das enfermidades que máis quebradeiros de cabeza traen aos viticultores galegos hoxe en día. Para combatelas, na viticultura tradicional, recórrese a tratamentos fitosanitarios que poden ter que repetirse segundo a incidencia. Estas solucións fitosanitarias terminan por afectar á calidade do viño, ademais de xerar un impacto no medio ambiente e elevar os custos de produción e implicar un risco sanitario para os viticultores que están a diario expostos a estes produtos químicos. A iso engádese, tal e como apuntan desde o sector, que cada vez sexa máis complicado atallar a enfermidade polas limitacións de produtos e doses actuais.
"Na natureza existen fontes naturais de resistencia a mildiu e oídio en vides americanas e asiáticas"
Pero, é posible producir viño sen realizar tratamentos fitosanitarios contra estas enfermidades? Esta é a pregunta que se formularon no Instituto Murciano de Investigación e Desenvolvemento Agrario e Alimentario, Imida, e agora comezan a ter os primeiros resultados. Este centro de investigación buscou a resposta a través da mellora xenética das castes para lograr así variedades con maior resistencia a estas enfermidades. "Afortunadamente existen fontes naturais de resistencia a estas enfermidades na propia natureza, tanto en vides americanas como asiáticas", explica Leonor Ruiz García, investigadora do Imida, que participou recentemente nas xornadas celebradas en Pantón (Lugo) sobre os retos que supón o cambio climático e estas enfermidades á viticultura.

Variedades resistentes

Nestas variedades americanas e asiáticas con resistencia ao mildio e oídio, a comunidade científica, a través de programas de mellora xenética desenvolvidos, sobre todo, en Alemaña, conseguiu identificar os xenes responsables da resistencia a estas enfermidades. Logrouse concretar tamén marcadores moleculares, secuencias de ADN que están próximas a estes xenes, e que facilitan a súa identificación.
Buscan lograr unha planta que conteña polo menos dous xenes resistentes ao mildio e outros dous ao oídio
Estes avances proporcionan que se acurte o proceso e lograr resultados máis pronto, como detalla a experta. "Identificar os xenes e estes marcadores permítenos non ter que esperar a ver os resultados en campo, senón que podemos tomar unha folla das variedades xerminadas e comprobar se herdaron os xenes de resistencia, de maneira que pasamos a campo só aquelas que herdaron os xenes que confiren a resistencia", explica a investigadora. A investigación do Imida centrouse en realizar cruzamentos dirixidos dalgunhas destas variedades resistentes con castes utilizadas na viticultura española. Decantáronse por utilizar como variedade nai Monastrell, unha das clásicas variedades de zonas do sur de España como Alacante, Yecla ou Jumilla.
Realizaron cruces de Monastrell con variedades resistentes como Regent, Kishmish vatkana, Vitis romanetii e Solaris
O obxectivo dos seus cruzamentos é lograr unha planta que conteña, polo menos, dous xenes resistentes ao mildio e outros dous ao oídio, para iso empregaron distintas variedades que poidan achegarllo. "Cando se inicia un programa de mellora deste tipo non abonda con introducir un xene de resistencia senón que cantos máis xenes se introduzan mellor, porque iso asegúranos que a resistencia sexa máis duradeira e estable ao longo do tempo. Pero iso, vai implicar maiores prazos", explica Ruiz. Unha das variedades que achega esta resistencia ás enfermidades é a Regent, unha das máis cultivadas en Alemaña, e que conta con xenes resistentes tanto para oídio como para mildio. Ademais traballaron con Kishmish vatkana e Vitis romanetti ámbalas variedades resistente ao oídio, así como coa Solaris, utilizada en países nórdicos e que presenta resistencia ao mildio.

Primeiras plantas resistentes

Aínda que, como recoñece a investigadora, o ideal sería empezar cos cruces ao mesmo tempo, axustáronse á súa dispoñibilidade e comezaron realizando cruces con Regent. Dos primeiros cruzamentos lograron 1.200 híbridos pero deles só 192 plantas tiñan os xenes resistentes a oídio e mildio.
Obtiveron 14 plantas con tres xenes de resistencia, un contra mildio e dous contra oídio
De aí comezaron a cruzar con Kishmish vatkana, para seguir sumando xenes resistentes. En 2017 obtiveron xa 650 sementes que plantaron. Con todo, unha vez que brotaron e puideron realizar as probas, só 14 plantas herdaran os tres xenes que se esperaba, un de resistencia a mildio e dous contra o oídio. O ano pasado comezaron tamén outro programa de cruzamento das plantas que tiñan en produción de Monastrell x Regent con V. romanetii. "O interese de cruzar con Vitis romanetii é que o xen contra o oídio é dominante nesta planta o que nos vai facilitar que logo se transmita ás seguintes", xustifica a experta.

Variedades que convenzan

Á hora de realizar estes cruces, que teñen como obxectivo principal buscar variedades resistentes a estas enfermidades, entran tamén en xogo outros factores. Ademais da gran variabilidade que presentan as novas plantas obtidas, outras limitacións veñen pola aceptación que estas variedades teñan dentro do sector. Así, é o caso por exemplo da Vitis romanetii, onde a experta ten receos de que esta variedade sexa apoiada, a pesar dos resultados de resistencia que poida ofrecer. Este foi tamén un dos motivos que os levou a comezar a traballar con Regent xa que "a pesar de proceder do cruzamento de viníferas por vides americanas xa é unha variedade que se recoñece como Vitis vinifera, xa que cada vez que se van facendo cruzamentos a proporción de vide americana é cada vez menor e vai quedando relegada. O obxectivo é chegar a quedarnos só cos xenes que nos interesan da vide americana e que o resto de información xenética sexa o da nosa variedade tradicional. Isto lógrase cruzando sucesivamente pola variedade tradicional, conseguindo así manter a tipicidad e calidade dos nosos viños", concreta a experta. O proxecto atópase agora pendente de iniciar tamén as cruces con Solaris e de comprobar os resultados en campo e verificar se estas novas plantas son realmente máis tolerantes e non acusan os efectos destes fungos. Tamén comeza unha etapa na que testar as características destas novas plantas. "Ademais de ser exemplares resistentes buscamos plantas de calidade. É un proceso moi longo pero que merece a pena", conclúe a investigadora.

A situación noutros países

Mentres, noutros países levan anos xa utilizando estas variedades cunha maior resistencia a mildio e oídio. É o caso de países como Alemaña, Austria ou Suíza onde entre 2007 e 2010 autorizaron a utilización de variedades resistentes como a Regent ou Solaris. Tamén Italia deu o paso en 2013 para admitir estas vides con maior resistencia, do mesmo xeito que Francia ou Reino Unido.
Con estes cruces non se eliminan por completo os tratamentos fitosanitarios, pero, en Alemaña reducíronse nun 80%
A utilización destas variedades tampouco supuxo a eliminación total dos tratamentos fitosanitarios senón que se reduciu notablemente o número de aplicacións necesarias. "Estas variedades resistentes non implican que se vaia a eliminar ao 100% a incidencia destes fungos, xa que iso dependerá tamén das condicións climatolóxicas, pero está a lograrse que a súa incidencia sexa menor e sexan necesarios moitos menos tratamentos. Reduciuse o número de tratamentos nun 80% na maioría dos casos. Dependendo como sexa a climatoloxía chegouse a que non sexa necesario ningún tratamento", ratifica a investigadora. Deste xeito, no caso de países como Alemaña lograron colleitas con apenas 3 tratamentos.

Novas variedades fronte ao cambio climático

A investigación de variedades resistentes a estas enfermidades foi a segunda parte dun proxecto de investigación que o Imida iniciou fai xa máis de 20 anos sobre variedades que se adaptasen mellor fronte á nova climatoloxía que o quecemento global está a ocasionar e que afecta directamente á viticultura. Tamén aquí utilizaron como variedade nai a Monastrell que cruzaron con Cabernet sauvignon, Syrah, Tempranillo, Barbera e Verdejo. O seu obxectivo neste proxecto era obter variedades coas que lograr unha maduración máis tardía, menos alcol, incrementar a acidez e unha maior tolerancia á seca.
Lograron 10 novas variedades de viños tintos e 3 brancos logo de cruzar Monastrell con Cabernet sauvignon, Syrah, Tempranillo, Barbera e Verdejo
Tras contar con case 1.600 cruces analizados, foron realizando unha selección até quedar con 10 variedades de viños tintos e 3 brancos, xa que aínda que todas as variedades que se usaron nun principio son tintas, ao cruzalas tamén foron xurdindo plantas de uvas brancas. Neste momento, 6 delas atópanse en pleno proceso de rexistro destas variedades tanto a nivel nacional como internacional. A pregunta que queda agora no aire é se en España se poderán utilizar estas variedades resistentes. É preciso un traballo de información e transferencia que necesita da implicación tanto dos investigadores como do sector vitivinícola, adegueiros, consellos reguladores das distintas denominacións de orixe e da administración, como apuntaron na xornada.

¿Como vai afectar o cambio climático á produción de uva na Ribeira Sacra?

Adaptarse ás novas condicións derivadas do cambio climático é un dos retos que se lle presenta á viticultura actual. O sector afronta xa algunhas destas consecuencias que afectan directamente ás colleitas e que comezan a ser cada vez máis evidentes. Fronte a estes cambios na climatoloxía barállase modificar tanto o manexo como mesmo as variedades que se empregan. Así o puxeron de manifesto distintos expertos o pasado xoves en Pantón (Lugo), nunha xornada centrada en analizar as posibilidades polas que pode optar a viticultura na Ribeira Sacra.
A alteración das condicións climáticas obriga a repensar as técnicas de cultivo e cuestionarse as variedades actuais
O incremento da temperatura, as vagas extremas de seca, os episodios máis intensos de ‘gota fría’ ou a escaseza de chuvias regulares son algúns destes cambios no clima que están a transformar o cultivo da uva. En definitiva, estase a producir unha alteración das condicións medias do clima o que dificulta e obriga a repensar as técnicas de cultivo e mesmo a cuestionarse se continuar coas variedades actuais ou optar por outras alternativas que se adapten mellor a este panorama. A dificultade inicial que se presenta con estes cambios na climatoloxía para a viticultura, en concreto, e para a agricultura, en xeral, é coñecer as consecuencias que traerán para unha zona determinada, co gaio de poder mitigalas ou adaptar os procesos de xeito que se consegan bos resultados igualmente.

Cambios nas colleitas

“Cada vez é máis difícil ter colleitas homoxéneas e regulares por, entre outros factores, un adianto da maduración e un maior déficit hídrico durante o ciclo produtivo”, resume o catedrático de viticultura da Universidade Politécnica de Madrid, Vicente Sotés Ruiz, un dos expertos que se deu cita en Pantón nesta xornada. Un estudo realizado en Francia referido por Sotés concreta que, a causa destas novas condicións climáticas, estase a detectar un aumento do alcohol e o azucre dos viños, unha baixada da acidez, así como a modificación dos perfís aromáticos.
Sotés Ruiz: “As vides máis resistentes non serán as máis rústicas senón aquelas con maior capacidade de adaptarse”
Ademais dos cambios nos perfís dos viños, contémplanse novos retos para a viticultura por mor da escaseza de auga. Sotés tamén insistiu en que a dispoñibilidade de auga vai ser un factor condicionante para os viñedos. Neste caso destacou que o modelo de bancadas predominante na Ribeira Sacra fai que esta zona poida resultar máis resilente ó estrés hídrico. Sotés puntualizou que as vides máis resistentes non serán as máis rústicas senón aquelas que teñan unha maior capacidade de adaptación. Neste camiño cara unha viticultura adaptada a estes cambios climáticos, Sotés tamén incidiu na importancia que vai ter o manexo e no primordial que será que as prácticas que se leven a cabo estean adaptadas a cada zona e ás necesidades concretas que se vaian detectando.

Novas variedades resistentes

Nesta adaptación ás novas condicións climáticas tamén se está a cuestionar o axeitadas que resultan as variedades actuais que se traballan. Sobre a mesa está o debate de optar por plantas que sexan máis resitentes, non só a estas variacións do clima senón tamén ás pragas que afectan ós viñedos vinculadas tamén á meteoroloxía, como o mildio e o oídio. A restrición de produtos funxicidas e de tratamentos fitosanitarios está a facer que se estean a estudar novas variedades melloradas xenéticamente que poidan ser máis resistentes, como indicou a investigadora do Instituto Murciano de Investigación y Desarrollo Agrario y Alimentario (Imida), Leonor Ruiz. De feito, neste centro levan 20 inmersos nun proxecto por lograr variedades máis resistentes fronte ó cambio climático e agora comezan a obter xa resultados.
En Murcia lograron variedades máis resistentes ós efectos do cambio climático e traballan en castes máis tolerantes ó mildio e oídio
Nestes anos levaron a cabo un proceso de selección xenética con Monastrell como variedade nai cruzada con Cabernet sauvignon, Syrah, Tempranillo, Barbera e Verdejo. Agora atópanse en pleno proceso de rexistro de seis variedades de viños tintos nos que procuraban unha maduración tardía, menos alcohol e incrementar a acidez así como lograr unha maior tolerancia á seca. Ademais, neste centro de investigación, tamén están a traballar sobre a obtención de variedades resistentes ó mildio e oídio mediante cruzamentos con variedades de vide americana e asiática que son resistentes. “Contar con estas variedades non implica que se eliminen por completo os tratamentos fitosanitarios pero chegan a reducirse nun 80%”, apunta a experta.

Revisión das variedades actuais

Aínda que as novas variedades poidan ser unha alternativa a valorar, a investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Emilia Díaz Losada fixo un percorrido e análise polas distintas variedades que poden supoñer, a día de hoxe, alternativas viables para paliar os efectos do cambio climático, sobre todo entre aquelas castes que son propias de Galicia.
En Galicia contabilízanse 30 variedades e entre elas algunhas son alternativas con características a ter en contra fronte ó cambio climático
Non en van, en Galicia, contabilízanse un total de 30 variedades recoñecidas dentro das distintas denominacións de orixe, o que fai que a comunidade galega ocupe o sexto lugar por número de variedades a nivel nacional, pese a non ser das zonas con máis superficie adicada ó cultivo do viño. A experta aludiu ás características que teñen variedades como o Brancellao, o Merenzao, o Sousón así como os Caíños bravo, tinto e longo que poden convertelos en alternativas viables pola súa maduración máis tardía ou pola súa resistencia a pragas. Mesmo nalgúns casos trátase de variedades cunha alta produción, como é o Caíño longo que adoita superar a produción do Mencía. En definitiva, todas as alternativas propostas en Pantón procuran facer que “a viticultura siga a ser rendible para que continúe a ser unha forma de vivir neste territorio”, como apuntou o presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González.
J. M. Rodríguez, presidente DO Ribeira Sacra: "Precisamos que a viticultura siga a ser rendible para que continúe a ser unha forma de vivir neste territorio"
A rendibilidade do viñedo é tamén clave para conseguir o relevo xeracional que agora mesmo precisa esta actividade na Ribeira Sacra. “A maioría dos viticultores temos xa máis de 60 anos, precisamos que a viticultura sexa rendible para que resulte atractivo para a xente adicarse a isto”, comenta Rodríguez. Nun sector cada vez máis profesionalizado, que pasou de contar con 20 adegas no 1996 ás máis de 90 que contabiliza na actualidade, Rodríguez insistiu na importancia de que todos os sectores sumen esforzos. “Temos que ser capaces de reivindicar a nosa singularidade e para iso tan importante son as ladeiras cheas de viñas, como os soutos coidados e rendibles, como as ganderías que poida haber na cima do monte ou o turismo”, concluíu.

Un emigrante aposta por recuperar 100 hectáreas de viñedo na Ribeira Sacra para producir viño branco

Lorenzo López, responsable dunha das maiores cadeas de hoteis de Canarias, Hoteles López, e orixinario do concello lucense de Pantón, está a traballar para recuperar e poñer en produción unhas 100 hectáreas de viñedo no seu municipio natal, o que o convertería nun dos principais adegueiros da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Despois de abandonar con 17 anos a súa parroquia natal de Deade, este emigrante traballou en Alemaña e posteriormente en Canarias, onde posúe 7 complexos hoteleiros en Gran Canaria e en Fuerteventura, que suman unhas 5.000 habitacións. Agora quere reinvestir parte da súa fortuna na súa terra natal nun proxecto que engloba, ademais do viñedo, a adquisición e recuperación para a hostalaría da antiga casa reitoral de Pantón, e a apertura dunha gasolineira na estrada N-120. En total, o investimento podería rondar os 15 millóns de euros. 800.000 botellas con destino aos seus hoteis de Canarias En canto ao viñedo, segundo fontes do sector vitivinícola, a través da creada Adega O Castro xa adquiriu 80 hectáreas, principalmente na parroquia de Espasantes. O seu obxectivo é plantar variedades brancas, Godello e Treixadura, coa intención de chegar a elaborar unhas 800.000 botellas con destino aos seus hoteis de Canarias, así como para a exportación a Alemaña. “É un proxecto serio. Primeiro veu falar co Consello Regulador, tamén llo planteou ao Concello de Pantón e foi adquirindo propietario a propietario unhas 80 hectáreas, o que en Galicia é un auténtico logro. Non é un cazasubvencións nin un que fai as cousas sen preguntar. Ten un proxecto serio que están sendo dirixido dende o punto de vista técnico polo Grupo Abante de Monforte, con recoñecida experiencia no sector”, sinalan fontes coñecedoras da iniciativa. Ademais da creación de postos de traballo directos -só para o mantemento das 100 hectáreas de viñedo serían precisas unhas 20 persoas- os viños de Lorenzo López non competirían cos do resto da DO, xa que os brancos só supoñen un 7% da produción, de Ribeira Sacra, e suporían un importante apoio publicitario para esta comarca.

Programa do curso“A Ribeira Sacra: Paisaxe, patrimonio e terra de viños”

‘A Ribeira Sacra: Paisaxe, patrimonio e terra de viños’ é o título do curso incluído na programación dos cursos de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que se desenvolverá do 26 ao 30 de xuño na Casa da Cultura de Monforte de Lemos.

Estruturado en 35 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas na temática, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior do Campus Terra Ignacio J. Díaz-Maroto Hidalgo.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Monforte de Lemos, pasa por afondar no coñecemento da Ribeira Sacra como terra cuxa historia remóntase a tempos inmemoriais e na que se conservan fondas tradicións ademais de insólitas paisaxes.

Descubrir o patrimonio que fala da profundidade da fe das comunidades monásticas que deixaron a pegada na Ribeira Sacra, coñecer a súa etnografía e a súas paisaxes únicas, e apreciar a cultura arredor do viño que ten nos socalcos a súa máxima expresión, constitúen outros dos cometidos específicos que buscan acadar os promotores deste seminario estival da USC.

Estruturado en relatorios e sesións lúdicas e formativas cunha orientación máis práctica, o director deste curso da Universidade de Verán 2017 convidou a participar como relatores no mesmo a profesionais, docentes e investigadores de recoñecido prestixio en diversas áreas do coñecemento, que abranguen desde a cultura tradicional ata a conservación, transformación e convivencia da paisaxe, patrimonio etnográfico e arqueolóxico, orixe e castas vitinícolas…

O curso inclúe ademais de táboas redondas unha visita didáctica pola Ribeira Sacra, así como a diversas adegas e a unha olería de Guindivós. As persoas que formalicen a sua matrícula neste curso poderán tamén participar nunha sesión de cata de viños das últimas anadas da D.O. Ribeira Sacra.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 16 de xuño.

Programa do curso

Día 26

8:30 Recepción dos asistentes ao curso e entrega da documentación

9:00 Inauguración do curso Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra Alcalde do Concello de Monforte de Lemos Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela (USC)

9:30 Conferencia inaugural: a cultura tradicional na Ribeira Sacra Germán López Quiroga, presidente do colectivo de poetas da Ribeira Sacra

11:30 Pausa – Café

12:00 A transformación da paisaxe na Ribeira Sacra ao longo dos séculos Ignacio J. Díaz-Maroto Hidalgo, profesor de Paisaxismo Forestal da USC

15:30 A convivencia entre as paisaxes naturais e as transformadas pola acción humana Emilio Díaz Varela, profesor de Ordenación e Planificación do Territorio e do Medio Natural da USC

17:00 Pausa – Café

17:30 Grande área paisaxística Ribeiras Encaixadas do Miño e do Sil. Catálogo e directrices da paisaxe de Galicia Inés Santé Riveira, directora do Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia

Día 27

9:00 Á procura do valor universal extraordinario da Ribeira Sacra Ana Goy Diz, profesora de Historia da Arte da USC

10:30 Elementos senlleiros que xustifican valores excepcionais: a escaleira monumental na Ribeira Sacra Miriam Elena Cortés López, investigadora do grupo IACOBUS da USC

12:00 Pausa – Café

12:30 Ribeira Sacra: protección constitucional e características máis salientables para a súa declaración como Patrimonio Mundial da Unesco José Julio Fernández Rodríguez, director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) da USC

15:30 O son da Ribeira Sacra, dende Pedro Fernández de Castro Andrade y Portugal, Conde de Lemos (1576-1622), ata a actualidade Carlos Diéguez Beltrán, presidente da Asociación Nacional de Directores de Banda

17:00 Pausa – Café

17:30 O patrimonio etnográfico e histórico-artístico da Ribeira Sacra José Antonio Quiroga Díaz, director do Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao, Lugo)

Día 28

9:00 Saída de campo, percorrido pola Ribeira Sacra Lucense coa colaboración do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Itinerario: Monforte de Lemos – Doade – Adega Algueira – Embarcadoiro de Doade – Adega Ponte da Boga

No treito entre Doade e o embarcadoiro, faranse diferentes paradas para observar sobre o terreo o cultivo tradicional do viñedo nos socalcos

16:00 Olería Figulus, artesanía cerámica de Gúndivos – Adega Guímaro – Ecomuseo de Arxeriz – Monforte de Lemos

Durante a visita as distintas adegas teremos a oportunidade de catar seus afamados caldos co asesoramento dos enólogos das mesmas

Día 29

9:00 Proxecto: Á luz das mámoas. Socialización e investigación do patrimonio megalítico na Terra do Saviñao Alba Losada García, Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais

10:30 A área arqueolóxica de Abuíme e Piñeiró. Posibilidades de xestión dun destino cultural en terreos de monte comunal Diego Iglesias Barrilero, titulado en Conservación e Restauración de Bens Culturais

12:00 Pausa – Café

12:30 A divulgación e posta en valor do patrimonio da Comarca de Lemos Tito Diéguez Sánchez, subdirector do xornal El Progreso

15:30 Personalidade e características máis salientables dos viños da Ribeira Sacra Luis Díaz Álvarez, afamado catador e periodista experto en viños da Voz de Galicia

17:00 Pausa – Café

17:30 A recuperación de castes vitivinícolas tradicionais Fernando González Algueira, viticultor e propietario de Adega Algueira

Día 30

9:00 Orixe do produto, calidade e promoción dos viños da DO Ribeira Sacra José Manuel Rodríguez González, presidente do Consello Regulador da DO

10:30 Calidade fronte a cantidade: perspectivas de futuro dos viños da Ribeira Sacra Beatriz Soto González, directora técnica do Consello Regulador da DO

12:00 Pausa – Café

12:30 Panel de cata con viños das últimas anadas da DO Ribeira Sacra Luis Díaz Álvarez, afamado catador e periodista experto en viños da Voz de Galicia

Panel de cata coa colaboración das adegas Algueira, Guímaro e Ponte da Boga

14:30 Acto de clausura e entrega de diplomas Directora técnica do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra Técnico da Área de Cultura do Concello de Monforte de Lemos

Finca A Mata: un exemplo exitoso de diversificación e produción sustentable

Finca A Mata é unha explotación agrogandeira situada na aldea de Langullo, no concello ourensán de Manzaneda, que leva apostando con éxito pola diversificación de producións, aproveitando os recursos do medio dunha forma sostible e creando valor engadido. Queixo de leite de vaca, becerros, cordeiros, uvas, viño ou castañas son as producións que saen desta finca situada nun entorno paisaxístico privilexiado como son os canóns do río Bibei. “O meu obxectivo non é gañar cartos rápido, senón traballar dunha forma sostible que me permita vivir dignamente á miña familia e ás vindeiras xeracións durante moito tempo”, resume Fernando Álvarez, un home que se sente feliz neste entorno e coa súa actividade. Xunto á súa compañeira, Ana Pérez, e a dous empregados, traballan unha finca de 80 hectáreas, que permite combinar con éxito múltiples aproveitamentos. Namorado do campo dende cativo, Fernando estudou Enxeñería Agrónoma na Politécnica de Lugo. Tras finalizar os estudos, decidiu volver á súa casa natal e dedicarse á actividade gandeira e vitícola. Iso si, superando moitos obstáculos: “Son o único dos catro irmáns que decidiu quedar no agro, e como mozo tiven que superar unha presión social moi grande para que me dedicara a outra actividade, dende os que me dicían que isto é unha escravitude e que me ía arruinar aos que me advertían de que non ía topar unha muller que quixera vivir comigo no campo”, recoñece Fernando. Hoxe, case 28 anos despois, grazas ao esforzo e á confianza no seu proxecto e á aposta pola diversificación e por producir aproveitando os recursos do entorno, fixo posible que finca A Mata sexa non só rendible económicamente senón tamén unha fonte de emprego e un atractivo turístico no concello de Manzaneda. Producen leite de vaca en base a pastoreo e elaboran queixo para o mercado local Unha das principais actividades de Finca A Mata é a gandería de vacún de leite. Contan cun rabaño de 30 vacas de raza Holstein, das que 24 son reprodutoras e o resto recría. Como no resto da explotación, a estratexia é producir aproveitando ao máximo os recursos do entorno, neste caso a herba, minimizando a compra de forraxes e pensos. Deste xeito, as vacas pacen día e noite nas 30 hectáreas de pradeiras permanentes -non fan renovación- coas que contan nesta explotación. En verán e en inverno, cando se acaba o pasto, os animais reciben silo de herba e herba seca, producidos tamén na propia finca, e un suplemento de cebada e millo. Para a época estival, en Finca A Mata contan tamén con 2 hectáreas de pradeira en regadío.
Fernando: “No leite a pesar de que producimos menos, gañamos máis”
Con esta ración os rendementos medios roldan os 20 litros por vaca e día, unha produción modesta comparada cos sistemas máis intensivos, pero que ,como asegura Fernando, “a pesar de que producimos menos gañamos máis”. Este sistema semiextensivo tamén lle permitiu reducir considerablemente os gastos veterinarios -”practicamente non hai mamites, coxeiras ou problemas de cuajares”, destaca- incrementar a lonxevidade dos animais ata superar os 8 partos de media por vaca e reducir notablemente a taxa de reposición. Grazas tamén ás menores necesidades de recría, o 80% das inseminacións son con razas cárnicas. Os becerros son criados na propia explotación, con leite das vacas durante os dous primeiros meses de vida -subminístranllo en cubos-, e tralo destete son cebados con herba, cereal e soro procedente da elaboración de queixos. “Cebámolos durante algo máis de tempo, ata os 10 ou 11 meses de vida, e deste xeito acadan un peso duns 200 kilos canal, pero sen penso, e ao mesmo tempo a carne está máis feita e ten mellor textura e sabor”, destaca Fernando. Os tenreiros véndenllos a un carniceiro local, constituíndo unha importante fonte de ingresos para a explotación. Pero a principal actividade económica de Finca A Mata é a queixería na que transforman os arredor de 60.000 litros de leite que producen ao ano nuns 6.000 kilos de queixo. A queixería familiar comezou a funcionar no ano 2010 como unha alternativa ante a decisión das industrias lácteas de deixar de recoller nesta comarca do oriente ourensán. Elaboran un queixo tipo país e con pouco sal con gran aceptación nos mercados locais de Manzaneda, Pobra de Trives, Castro Caldelas e O Barco de Valdeorras. “Os nosos clientes valoran a calidade do noso leite e temos cada vez máis demanda, sobre todo de xente que ven visitar a explotación e aproveita para mercalo”, explica Fernando.
“Utilizo as ovellas para rozar e ir creando pasteiros”
Para lograr os pastos que lle dan o sabor e valor nutricional diferenciado ao queixo A Mata, as ovellas cumpren un papel fundamental. Un rabaño de 100 destes pequenos ruminantes encárganse non só de limpar os prados despois de que pazan as vacas, senón tamén de ir rozando e abonando as ladeiras a monte para ir creando pasteiros de forma natural. “Ademais, dan un cordeiro ao ano, máis non lles podo pedir”, bromea Fernando. Recuperando bancais de viñedos da época romana A outra fonte de ingresos importante de Finca A Mata é o viñedo, situado nunha ladeira de socalcos orientados ao sul sobre o val do río Bibei, que segundo Fernando xa datan da época dos romanos. Este viñedo ocupa unhas 20 hectáreas, que dende o ano 1998 foi recuperando do abandono. Hoxe ten recuperadas 11 hectáreas, inscritas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e está en proceso de limpeza e posta en produción das outras 9. Ao igual que cos pasteiros, as ovellas desempeñan un labor fundamental como coidadoras destes viñedos, pacendo a cuberta vexetal e abonando o solo entre os meses de outubro e marzo. “Traballo de forma ecolóxica, sen utilizar herbicidas, e esta capa vexetal no mes de xuño seca coa calor e sirve tamén de protección contra a erosión”, explica Fernando.
 “Centreime na produción de uva de calidade”
En canto ás variedades, o 80% das cepas son de Mencía, un 10% de Godello e outro 10% restante de Garnacha Tintoreira. Tras probar nos primeiros anos coa elaboración e comercialización do seu propio viño, a falta de tempo e a necesidade de simplificar os procesos, levouno a optar por centrarse na produción de uva de calidade que lla vende a unha adega da Ribeira Sacra e só vinifica e comercializada baixo a súa marca, “Ladeira da Mata”, unhas 3.000 botellas. “Se ben é certo que as producións son baixas, arredor de 60.000 kilos nun ano bo, a uva destes socalcos é de excelente calidade e resulta moi apreciada”, destaca Fernando. Esta explotación multifuncional completa a súa actividade con 5 hectáreas de carballo americano e de castiñeiro e coa próxima apertura dun aloxamento de turismo rural. “O meu proxecto sempre foi pechar o ciclo e que a xente viñera a degustar e a mercar o que producimos á propia explotación”, explica Fernando. Un soño, o de ser feliz vivindo en e do agro, que, malia as trabas burocráticas, este labrego de vocación foi conseguindo grazas á súa determinación e visión de futuro.
Anterior
Siguiente
As ovellas axudan a crear e a abonar os pastos

Tres ideas de Fernando Álvarez:

-"A administración debería poñer menos trabas burocráticas aos que queremos seguir vivindo do agro e vender os nosos produtos a un prezo digno". -"O meu obxectivo é seguir dedicándome ao que me gusta e criar aos meus fillos onde eu nacín". -"Animo á xente nova a que viva na aldea, e aposte por traballar de xeito profesional aproveitando os recursos do entorno e xerar valor engadido". Contacto: ladeiradamata@hotmail.com