Archives

“Bodegas Marqués de Vizhoja vai plantar 50 novas hectáreas de viñedo en Rías Baixas e relanzar a oferta de enoturismo”

-Estamos en Bodegas Marqués de Vizhoja, nunha contorna histórica e rodeados dunha das maiores plantacións de viñedo de Rías Baixas. Cal é a historia que hai detrás desta adega? Bodegas Marqués de Vizhoja xurdiu no ano 1968 e aínda non existía a DO Rías Baixas e o meu pai e o meu avó elaboraban este viño, comprando tamén uvas na zona do Tea. Houbo un premio moi importante e o premio foi unha folla de parra, e de aí o meu pai viu que a folla ía ser o selo de Marqués de Vizhoja. Observou ao seu ao redor e viu que todo eran marqueses e condes e por iso decidiu que ía ser o marqués da vide e da folla. Cando fixo as etiquetas coa folla do premio, déronse conta que puxeron o D por unha Z e ao meu pai gustoulle máis e deixárono así. Foi un erro pero saíu xenial e fonéticamente escoitábase mellor. -Contades con 40 hectáreas de viñedo, poucas adegas en Rías Baixas poden presumir de contar con tanto viñedo propio. Como foi o proceso de adquisición e plantación de viñedo no voso caso? Estamos en Galicia, e por tanto na terra do minifundio. E en Arbo, máis minifundio aínda... Nós queremos concentrar case todos os viñedos ao redor da adega, como os pagos franceses. Ter un castelo, no noso caso, aquí en Galicia é un pazo, cos viñedos ao redor. Agora mesmo temos unha ampliación de 50 hectáreas novas nun terreo por riba da adega, é dicir, seguimos no mesmo municipio, no mesmo pobo. Iso non é nada fácil co minifundio galego, ás veces compramos terreos de 500 ou 1000 metros cadrados.. É unha das grandes problemáticas e agora mesmo creo que se está dotando dunha serie de ferramentas para que a parte do campo en Galicia podámola atender mellor porque do contrario a xente non vai vir ao rural. Logo temos a problemática dos incendios, aquí padecémolo moito, un ano queimóusenos media hectárea, pero iso pásanos a todas as adegas. -Nos últimos anos grandes adegas de fóra de Galicia están a tentar asentarse tamén na DO. Rías Baixas. Coas características da vosa adega supoño que teriades máis dunha oferta de compra....Pódesnos comentar algo? Como valoras o momento actual que está a vivir a DO? A DO está a vivir uns anos moi bos, está a facelo francamente ben, co formato, inducidos tamén polas adegas....E estamos a competir cun prezo para dar o caché que necesita Rías Baixas. A uva ten un prezo bastante alto para o que é a uva a nivel de España. As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia. Pero ninguén me veu chamar á porta para comprar a adega, supoño porque van buscando adegas máis pequenas e alcanzables de comprar que a nosa.
 As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia
-Descríbenos como son os vosos viñedos e que características destacarías... Nós fomos uns pouco pioneiros no de ir a espaldeira e non a parra. O meu pai foi das primeiras persoas que apostaron polo sistema de espaldeira en Galicia. Temos un chan e orientación moi boa, chan granítico, estamos rodeados dun val, por iso queremos todo ao redor do noso propio val, aos pés do Río Miño, o cal nos dá unhas pequenas humidades, e estamos no interior de Rías Baixas, éntranos un pouco da brisa do Atlántico a traves do Miño pero somos unha zona de interior e cremos que a zona de Tea e Arbo é a mellor zona da DO. Rías Baixas e por iso aquí queren vir outras adegas e estanse asentando ao redor de O Condado. -Estamos no arranque da colleita 2024. Como foron os labores de poda e as primeiras fases do ciclo vexetativo desta campaña? Esta campaña como todas, temos moi claros as nosas formulacións e protocolos de traballo, están suficientemente claro como temos que actuar pero ás veces a climatoloxía xóganos boas ou malas pasadas. Este ano ía todo moi ben ata que veu un xaneiro que parecía verán case, chegando a temperaturas de case 30º na zona e empezou co seu ciclo vexetativo, daquela os fríos están a paralo un pouquiño e agora empezan os primeiros brotes. A climatoloxía é a que nos vai a dar os pasos a seguir, pois os nosos protocolos de actuación van en función da climatoloxía. -A fertilización xoga un papel clave o a produción e calidade da uva. Que protocolos seguides? Todos os anos facemos moitas analíticas de campo, de zonas. Hai que facelas e sobre iso actuamos. Cos abonos, con todo, imos estudando a planta día a día e imos facendo cambios. O que non se usa desde hai moitísimos anos son herbicidas nin abonos naturais de cabalo, coello... Porque creo que hai restos que non son bos, antibióticos... Usamos unhas técnicas moi exactas para conservar o medio ambiente e ter un solo que se protexa a si mesmo, trátase de volver á cultura dos nosos avós, e iso non o consegues nin nun ano, nin en dous nin en tres. Tentamos ser o máis ecolóxicos posibles. -Empregades abonos e emendas de Ecocelta. Que vos levou a empregar os seus fertilizantes e que vantaxes valorades? É unha moi boa compañía que aposta por ser o máis natural posible e potenciar os nosos solos, e son un dos nosos provedores. -En canto ao laboreo do chan, que protocolos seguides para o control da cuberta vexetal? Creo que o mundo, xa non só falo de Galicia, está a darse conta de que hai que ter chans vexetais, non podemos arar os solos e deixalos secos. Pola contra, se deixamos capas vexetais hai humidade, natureza, insectos... Teñen que ter vida, se os deixamos desprotexidos todo vai ser deserto, e co cambio climático moito peor. Por iso hai que seguir protocolos dependendo das zonas, non é igual unha zona máis alta ou unha zona máis baixa, ou segundo o tipo de inclinación.. Pero reitérome en que ten que haber capa vexetal e natureza sempre. -Que estratexias seguides en Marqués de Vizhoja para controlar o mildiu? Como todas as adegas, sulfatamos, non nos queda outra. Pero hai unha cousa clave, en 12 horas somos capaces de tratar todo o noso campo e iso é algo importantísimo. Porque pode chover, entrar fin de semana...e como entre a espora é moi difícil combatela. O ano pasado houbo zonas que foi un verdadeiro desastre, houbo xente que como nós, tivo unha colleita magnífica, de feito a DO aprobou un aumento de produción en campo, pero houbo xente que non chegou a recoller nada, porque se tardas dous días e éntrache a espora, estás acabado, e máis se entra o fin de semana e empezas a traballar o luns. Xa non es capaz de erradicala. Iso si, hai que investir en campo, traer tractores, desbrozadoras...
Co mildio se tardas dous días en tratar e entra a espora, estás acabado
-Estamos nunha zona onde xa foi detectada pola Xunta a presenza da Flavescencia Dourada. Como valorades as medidas adoptadas para frear a súa propagación? É outra enfermidade máis. O que vive do campo ten que convivir con isto. Isto non é novo e xa vén doutros países que o están combatendo. A Xunta está a xogar un bo papel, está a pór detectores polas zonas do Río Miño, pois vennos a través de Portugal, e hai que estar moi atentos, vixiar e educar ao persoal que temos en campo para que eles tamén vexan como é e sobre todo traballar con trampas que hai que estar a controlar constantemente. É unha cousa moi perigosa e temos que estar todos moi de acordo nos protocolos a seguir, porque do contrario poden vir os viñedos abaixo e sería un desastre económico para todos. -Que outras técnicas aplicades para mellorar a calidade da uva? O primeiro, cada planta é cada planta. Ti tes que estudar á planta, cada planta é única, como as persoas. Hai plantas moi antigas e outras que son máis novas, temos de todo tipo de idades, é un protocolo de aprender a observar á planta para sacarlle unha boa uva. E logo hai que facer podas en verde, tirar acios ao chan, e iso doe ás veces un pouquiño, pero hai saber que cargas lle podemos dar a cada planta, especialmente despois da floración. -Que rendementos logrades nun ano normal nos vosos viñedos? Comprades tamén uva a viticultores? Si, compramos uva, pero sempre ao redor da adega. Non compramos uva de fóra do Condado do Tea. Os rendementos en campo van variando, cada ano é distinto. O ano pasado foi bo, pero unha media normal pode ser entre 8 ou 10 mil quilos por hectárea. Pero reitérome en que depende da climatoloxía, é moi complicado. Este ano non sabemos pero gustaríame sabelo. -O voso viño máis coñecido é Marqués de Vizhoja. Que destacarías da súa elaboración e características? Cantas botellas vides elaborando e onde están os seus principais mercados? É un viño fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas por temas comerciais. É un viño afrutado, novo, un viño que nunca falla e que sempre che vai deixar quedar moi ben. Logo ten moi boa presentación e un prezo moi razoable, por iso véndense case 2 millóns de botellas. Logo está a Torre La Moreira, un albariño 100% que se elabora a partir das uvas das viñas de ao redor da adega e coas novas ampliacións. En canto a Señor da Folla Verde é o noso viño típico da subzona do Condado, é a nosa marca máis elitista, máis alto de gama e máis especial. -O prezo de venda ao público da botella de Marqués de Vizhoja está nos 4,65 euros. Como logrades ser tan competitivos en prezo mantendo a calidade? Con moito traballo, amor e ganas.
“A decisión de deixar o viño Marqués de Vizhoja fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas foi por estratexia comercial pura e dura”
-Este viño tamén se atopa fóra de DO. Rías Baixas. Que vos levou a non amparalo baixo o Consello Regulador? No ano 1985 o meu pai adquiriu o que é a finca A Moreira e aí é onde decidimos montar as adegas Marqués de Vizhoja que antes as tiñamos en Vigo. Desde aí foron pasando os anos e apareceu a DO Rías Baixas e o meu pai nun principio non quixo meterse por estratexia comercial e un tema de prezos. Marqués de Vizhoja xa vendía unha boa cantidade de viño por medio mundo e decide deixar que ese viño de autor seguise o seu camiño, e facer dúas novas liñas comerciais: unha Torre La Moreira, que é 100% albariño, e un Señor da Folla Verde que é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureira e 15% treixadura. Esa foi un pouco a estratexia comercialmente, por iso temos viños dentro da DO e Marqués de Vizhoja está fóra da DO, foi estratexia comercial pura e dura. -Dentro de DO tedes "Torre La Moreira" e "Señor da Folla Verde". Que destacarías destes viños -elaboración, cata, número de botellas- e como está a ser a súa acollida no mercado? Torre La Moreira é 100% albariño, está na DO só se vende en hostalaría e tendas especializadas e anda nunha franxa de 8-10 euros. Señor da Folla Verde é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureiro e 15% treixadura. É o noso viño máis elitista, comercialmente andará entre uns 13-15 euros. Estes dous viños son elaborados 100% con uvas dos nosos viñedos e implican coidados diferentes. -Completades o voso portfolio coa elaboración de licores, con formatos novos. Que vos levou a dar este paso e que destacarías destes produtos? No mundo licores temos o que hai que ter: augardente, licor de herbas, licor café e a nosa famosa e recoñecida crema. Decidimos facer unhas monodoses para os carajillos e sobremesas. Na hostalaría reenchíanse moitas botellas e o consumidor non sabe o que está a beber por iso fixemos estas monodoses antichorreo, é un invento que recibiu moitos premios a nivel mundial, é unha cousa moi específica que non hai en moitos sitios e é a mesma tecnoloxía que se usa no mundo farmacéutico. Fixámonos nos monodoses das salsas nas hamburgueserías e pensamos en facer algo parecido pero cunha tecnoloxía que asegure a calidade do produto.
 “As nosas monodoses de licor de herbas, licor café e augardente garanten ao cliente a autenticidade do produto”
A crema é o que máis nos custou elaborar, é a única crema galega de 19º. Hai moitas cremas no mercado que parecen leite ou nata, entón quixen elaborar unha moi boa crema. -Bodegas Marqués de Vizhoja tamén aposta polo enoturismo, unha área de negocio en Galicia na que aínda queda camiño para a súa profesionalización. Que destacarías da vosa experiencia e cales consideras que son as claves para que sexa unha actividade rendible para unha adega? Estamos vinculados co enoturismo porque temos un marco impresionante, un pazo, viñedos ao redor, e traballamos moito o enoturismo. Agora témolo paralizado porque estamos a preparar o pazo e un proxecto moi importante a nivel enoturismo. É un turismo que está en auxe, polo que temos que seguir sendo punteiros, e máis coa contorna impresionante que temos aquí.
“Imos plantar 50 novas hectáreas de viñedo”
-En que proxectos de futuro estades a traballar? As novas 50 hectáreas que temos para poder plantar e tamén hai uns marcos de plantacións, variedades, algúns cambios en tema campo. E logo o gran proxecto de enoturismo que temos entre mans. -Como ves a adega dentro de 10 anos? Vai seguir sendo unha adega 100% familiar e seguirei traballando pois terei 60 anos, e seguirán formándose e traballando os meus sucesores para cando chegue o día do relevo. -Por último e non menos importante, a viticultura é unha actividade que xera moita riqueza e emprego no rural. De que cifras estamos a falar no caso de Bodegas Marqués de Vizhoja? O rural hai que asentalo, somos galegos, vivimos diso. Nós, como empresa, queremos loitar por asentalo. Estamos nunha facturación duns 7 millóns de euros, unha das adegas máis importantes de Galicia. Temos 30 traballadores e no novo proxecto entrará un bo número de persoas que amen a terra. -Algo máis que queiras engadir? Convidar aos consumidores que sigan consumindo Marqués de Vizhoja, viños da DO Rías Baixas e viños galegos, seguir triunfando no mundo enteiro.

Terras Gauda entra no capital de adegas Gargalo, en Monterrei

Terras Gauda, a popular adega de Rías Baixas, entra en adegas Gargalo, o proxecto de Roberto Verino na D.O. Monterrei, cun 25% do capital. O equipo humano de Terras Gauda, en estreita colaboración co de Adegas Gargalo, asumirá a xestión de todas as áreas de actividade, principalmente a dirección enolóxica, empresarial e comercial, loxística, internacionalización, e enoturismo, entre outras; lideradas por profesionais con longa traxectoria no sector. Ambos os grupos adegueiros darán forma á xa acordada participación do 25% de Terras Gauda no capital social de Adegas Gargalo dado o potencial do Godello e os viños tintos da D.O. Monterrei. Esta incorporación ao seu proxecto empresarial é unha alianza estratéxica forxada polos puntos de identidade común: diferenciación, orgullo de pertenza aos seus respectivos territorios, a posta en valor das variedades nobres e a procura da excelencia en todos os procesos. En definitiva, a elaboración de viños únicos, en comuñón coas súas orixes, guiados pola sustentabilidade, desde o máximo respecto á preservación da contorna, con vocación de transcender ás xeracións futuras. José María Fonseca e Roberto Verino cualificaron o acordo como “un pacto entre cabaleiros” durante a presentación en Adegas Terras Gauda. Ambos coinciden en que, con esta unión, suman forzas en busca dun obxectivo común. Trátase dun compromiso a medio e longo prazo sobre a base dos valores que comparten, a estreita relación entre ambas as sociedades, o traballo ben feito e a amizade persoal que os une, que parte do respecto e a admiración muta. O equipo humano do grupo, en colaboración co da adega de Monterrei, asumirá a xestión de todas as áreas de actividade: dirección enolóxica, empresarial e comercial, exportacións, loxística, e enoturismo, entre outras, achegando a súa experiencia e coñecemento para reforzar o posicionamento de Adegas Gargalo no mercado nacional e internacional, diversificar as súas canles de venda e potenciar a diferenciación dos seus viños. O modelo do grupo adegueiro está avalado por unha traxectoria de éxito e a súa relevancia no sector vitivinícola. Polo potencial de crecemento da Adega Gargalo, trátase dun acordo estratéxico para o Grupo Terras Gauda, que lle permitirá incluír no seu porfolio o excelente e prestixioso Godello Gargalo, moi demandado polos diferentes mercados tanto en hostalería como nas canles de distribución, e tintos doutra denominación de orixe galega de referencia. Adegas Gargalo Fundada por Roberto Verino, a súa identidade construíuse sobre a elaboración de viños de alta calidade co carácter da terra e a vocación de ser un referente de prestixio dentro do viño galego. Tamén con vontade de liderar os viños de alta gama preservando a natureza, respectando o medio ambiente e comprometidos coa sociedade e a contorna. Actualmente, cultiva diferentes variedades autóctonas, prioritariamente godello, nas súas 20 hectáreas de viñedo emprazadas en lugar privilexiado, ao pé do Castelo de Monterrei en Verín. Grupo Terras Gauda A vocación universal, a visión a longo prazo, o respecto á orixe, crear viños de marcada singularidade e manter a autenticidade de cada unha das adegas define a filosofía empresarial do grupo, cuxas raíces están no Rosal. O seu proceso de expansión está baseado na diferenciación, a sustentabilidade, a internacionalización e na diversificación xeográfica, que se iniciou nas Rías Baixas, desde onde deu o salto ao Bierzo (Adegas Pittacum), o Val do Douro (Quinta Sardonia) e a D.O. La Rioja (Compañía de Vinos Heraclio Alfaro). Na actualidade, comercializa máis de 2,8 millóns de botellas, cun nivel de exportacións do 30% e está presente en 70 mercados de todo o mundo, con Estados Unidos, Reino Unido, Noruega, Alemaña e Puerto Rico como países de referencia.

Xa están á venda as entradas para a Ruta do Viño Rías Baixas

O enoturismo en Rías Baixas é presente e futuro. É arraigamento, riqueza e vida neste atractivo territorio vitivinícola. Por iso, a Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño de Galicia é unha proposta máis que consolidada na Ruta do Viño Rías Baixas, que pon ao dispor do enoturista a partir de hoxe a venda de entradas para as actividades previstas para a fin de semana do 10 ao 12 de maio. Un amplo programa consistente en visitas gratuítas a 26 das súas adegas asociadas, 11 actividades diferentes con motivo desta xornada e 9 buses do viño con máis de 200 prazas por algunha das subzonas da Ruta do Viño Rías Baixas. Como novidade, estes autobuses sairán por primeira vez das cidades de Ferrol e Ourense, e manterán as súas saídas habituais desde Pontevedra, Santiago e Vigo. Para completar a proposta a Ruta do Viño volve poñer en marcha a actividade “Música e Viño polo río Miño” ampliando os horarios dado o éxito cultivado na edición anterior. Como remate desta proposta de actividades tamén se recuperan as visitas teatralizadas, que terán lugar o domingo e horarios de mañá e tarde. Toda a información para reservar as visitas gratuítas a adegas e o acceso ás entradas para actividades e buses atópase na web: www.rutadelvinoriasbaixas.com A iniciativa, promovida pola Axencia de Turismo de Galicia en colaboración coas cinco Rutas do Viño da comunidade, ten como principal obxectivo dar a coñecer a ampla oferta enoturística dos distintos territorios a través de diferentes tipos de propostas. O presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Pepe Simón, quen convida a coñecer a cultura do viño de Rías Baixas a través de Primavera de Portas Abertas, considera que “é unha gran oportunidade para gozar do enoturismo en Rías Baixas, coñecer de primeira man a elaboración dos nosos viño, a historia das nosas adegas e a tradición dunha das rexións vitivinícolas máis importantes de España”. 26 adegas abertas Ademais do amplo programa de actividades, un total de 26 adegas asociadas ao Roteiro do Viño Rías Baixas ofrecerán visitas guiadas gratuítas ás que se pode acudir libremente. Recoméndase consultar horarios e aforos coas propias adegas, así como reservar. As adegas que ofrecerán estes percorridos son as seguintes: Adega e Viñedos Paco & Lola, Adega Eidos, Adegas Galegas, Adegas Terra de Asorei, Adegas Valmiñor, Adega Casa dá Barca, Adega Viña Cartín, Adegas As Laxas, Adegas Fillaboa, Adegas Martín Códax, Adegas Santiago Ruiz, Adegas Viña Nora, Adegas Vionta, Bouza de Carril, Gil Armada, Lagar dá Cachada, Lagar de Besada, Lagar de Fornelos, Mar de Frades, Pazo Baión, Pazo de Rubianes, Señorío de Rubiós, Quinta Couselo, Terras Gauda, Torre Penelas e Viña Moraima. 9 Buses do Viño A oferta do Roteiro do Viño Rías Baixas volve poñer ao dispor do público os tradicionais “Buses do Viño”. As entradas estarán dispoñibles a partir de hoxe na súa web: www.rutasdelvinoriasbaixas.com. O sábado 20 de maio poñerase ao dispor dos interesados 9 autobuses desde Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Os puntos de saída e chegada dos Buses do Viño serán a Praza de Galicia (Ferrol), Parque de San Lázaro (Ourense), a parada da Rúa Cánovas del Castillo-Centro Comercial A Laxe (Vigo); a Praza de Galicia-Hiperxel (Pontevedra) e a parada do autobús metropolitano na Rúa A Rosa (Santiago de Compostela). A continuación, detállanse os distintos itinerarios e actividades: Sábado, 11 de maio Desde Ferrol Autobús 9 IDA: 9 h. Ferrol (Praza de Galicia) VOLTA: 20,30 h Ferrol (Praza de Galicia) 11.00 h Mar de Frades 12.30 h Lagar da Cachada Tempo libre para comer en Sanxenxo 17.00 h Adega Eidos Desde Ourense Autobús 3 IDA: 10 h Ourense (Parque de San Lázaro) VOLTA: 19,30 h Ourense (Parque de San Lázaro) 11.00 h Adegas Galegas 12.30 h Adega Señorío de Rubiós Tempo libre para comer en Salvaterra de Miño 17.00 h Adegas As Laxas Desde Santiago de Compostela Autobús 1 IDA: 9.00 h Santiago (Rúa da Rosa, parada bus metropolitano) VOLTA: 20.00 h Santiago (Rúa da Rosa, parada bus metropolitano) 11.00 h Adegas Terras Gauda 12.30 h Adega Santiago Ruíz Tempo libre para comer na Roseira / A Guarda 17.00 h Adega Quinta Couselo Autobús 8 IDA: 10.00 h Santiago (Rúa da Rosa, parada bus metropolitano) VOLTA: 19,30 h Santiago (Rúa da Rosa, parada bus metropolitano) 11.00 h Adegas Vionta 12.30 h Lagar de Besada Tempo libre para comer en Sanxenxo 17.00 h Adega e Viñedos Paco & Lola Desde Pontevedra e Vigo IDA: 9.30 h Pontevedra (Praza de Galicia-Hiperxel) / 10.00 h Vigo (Rúa Cánovas del Castillo- Centro Comercial A Laxe) VOLTA: 19.30 h Vigo (Rúa Cánovas del Castillo- Centro Comercial A Laxe) / 20.00 h Pontevedra (Praza de Galicia-Hiperxel) Autobús 2 11.00 h Adega Valmiñor 12.30 h Adega Quinta Couselo Tempo libre para comer no Rosal/ A Guarda 17.00 h Adegas Lagar de Fornelos Autobús 4 11.00 h Adegas As Laxas 12.30 h Viña Nora Tempo libre para comer en Salvaterra de Miño 17.00 h Adegas Fillaboa Desde Vigo e Pontevedra (Outros horarios e destinos) IDA: 9,45 h. Vigo (Rúa Cánovas del Castillo- Centro Comercial A Laxe) / 10,15 h (Praza de Galicia-Hiperxel) VOLTA: 19 h Pontevedra (Praza de Galicia-Hiperxel) / 19,30 h Vigo (Rúa Cánovas del Castillo- Centro Comercial A Laxe) Autobús 5 11.00 h Adegas Terra de Asorei 12.30 h Adega Bouza de Carril Tempo libre para comer en Cambados 17.00 h Gil Armada Autobús 6 11.00 h Viña Moraima 12.30 h Viña Cartín Tempo libre para comer en Villagarcía de Arousa 17.00 h Pazo de Rubianes Autobús 7 11.00 h Casa da Barca 12.30 h Adegas Martín Códax Tempo libre para comer en Cambados 17.00 h Adega Torre Penelas Actividades especiais Para aqueles que buscan experiencias orixinais ou diferentes ofrécense as seguintes propostas especiais con motivo da Primavera de Portas Abertas dos Roteiros do Viño de Galicia, as dúas primeiras organizadas polo Roteiro e o resto polos seus asociados. Novamente toda a información e a compra das entradas está na súa web: www.rutadelvinoriasbaixas.com Música e viño polo río Miño A Ruta do Viño Rías Baixas organiza un concerto de música en directo a bordo dun barco histórico polo río Miño no que gozar de todos os sentidos mentres tomamos un viño da Denominación de Orixe Rías Baixas. Sábado 11 e domingo 12 de maio, ás 12.30 h e ás 18.00 h. Duración aproximada: unha hora e cuarto. Prezo: 10 € / persoa. Saída: Desde o embarcadoiro de Goián. Visitas teatralizadas na Adega Pazo Baión. O Roteiro do Viño Rías Baixas proponche participar nas visitas teatralizadas que combinarán as artes escénicas co enoturismo. Desta forma, os visitantes poderán coñecer de forma diferente a elaboración do viño coa presenza de actores coñecidos no ámbito galego. A actividade será o domingo 12 en horarios: 10.30 h, 12.30 h e 17.00 h. Prezo 10 €/ persoa. Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea “Arabo”. Visita guiada gratuíta ao devandito centro. Venres 10 e sábado 11 de maio, de 11.00 a 14.00 h, 17.00 a 19.00 h. Domingo 12, de 11.00 a 14.00 h. Más información: Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea “Arabo”. Museo da Ciencia e do Viño. Visita guiada ás instalacións do museo. Venres 10, sábado 11 e domingo 12 de maio, de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 19.00 h. Entrada individual: 5 € adulto, 3 € maiores de 65 anos e 2 € menores entre 6 e 18 anos. Entrada en grupo (máis de 15 persoas): 3 € adulto, 2 € maiores de 65 anos, 1 € menores entre 6 e 18 anos. Catamarán pola Ría de Arousa. A navieira Mares do Grove propón un roteiro guiado en catamarán –con visión submarina- pola ría de Arousa e visita ás bateas. Haberá degustación de viño Albariño Rías Baixas, refrescos e mexillóns. Sábado 11 de maio, ás 12.00 h. Prezo: 18 € / persoa. Cata a cegas, camelia té e viños. Con Pazo Quinteiro da Cruz vive unha experiencia sensorial que che fará gozar en plena natureza, facendo un percorrido de cheiros sorprendente, un xogo co que potenciar os sentidos, especialmente os do gusto e o olfacto. Roteiro de Sendeirismo “Muiños do Xuliana”: A adega Señorío de Rubiós organiza unha xornada de enoturismo en familia cun tramo guiado de 2,5 kilometros do roteiro de sendeirismo na que se visitarán os “Muiños do Xuliana”, terminando cunha visita á adega e ás súas instalacións nas que degustaremos dúas dos seus viños. Domingo 12 de maio, ás 10.00 h. Prezo: 23 € / persoa. Orixe das Albariño Rías Baixas en Lantaño. A adega Viña Cartín organiza unha visita guiada ao lagar medieval e unha cata dos seus viños (se as condicións meteorolóxicas non o permiten farase no seu lugar unha presentación fotográfica na propia adega). Requírese reserva previa. Sábado 11 de maio, de 12.00 h. Prezo: 15 € / persoa (grupo mínimo de 15 persoas). Visita Galicia “Cheese Lovers”. Adegas Vionta propón unha viaxe por Galicia a través da combinación perfecta de tres dos seus viños con queixos galegos. Unha maridaxe coidadosamente seleccionada no que se degustarán viños da adega con personalidade única, acompañados con queixos de primeira calidade das Denominacións de Orixe Queixo tetilla e San Simón dá Costa, aos que se suma o Galmesano. Domingo 12, ás 12 h. Prezo 19 €/ persoa. Mar de Frades vive en azul. Experiencia na que a adega fusiona a cata coa gastronomía, buscando os matices que proporcionan os aromas, sabores e texturas. Esta proposta comeza cun agradable paseo e explicación do viñedo e a viticultura nas viñas a pé de adega, con vista ao Val do Salnés. Posteriormente terá lugar unha maridaxe de tres Albariños-Rías Baixas premium, acompañados de tres pequenas propostas gastronómicas a base de produtos marítimos típicos galegos. Sábado 11, ás 13,00 h. Prezo 30 €/ persoa. Sesión “Wine truck”. Valmiñor ofrece unha degustación de viños e petiscos amenizada con música no exterior das súas instalacións. Os viños serán servidos no seu “wine truck”. Domingo 12 de maio, de 12.00 a 14.00 h. Prezo: 5 € / persoa (inclúe dúas copas de viño).

Amplo programa de actividades na Festa do Viño da Ulla 2024

O edificio Fontán, na Cidade da Cultura, acolleu a presentación da cuadraxésimo segunda Festa do Viño da Ulla, que se celebrará en San Miguel de Sarandón, Vedra, os vindeiros 13 e 14 de abril. A comisión organizadora e o concello de Vedra deron conta das novidades desta XLII Festa do Viño da Ulla. Ademais das actividades desa fin de semana a Festa leva aparelladas as Xornadas Técnicas sobre a Cultura do Viño que se celebraran do 10 ao 12 de abril. O sábado 13 contarán coa II ruta de coches antigos e o domingo 14 coa II ruta moteira ambas percorreran boa parte dos viñedos da Subzona Ribeira do Ulla. En ambos os dous casos visitarase unha adega e haberá unha cata degustación. As inscricións serán ao módico prezo de 5 euros persoa e as prazas son limitadas e a inscrición cerrarase o martes día 9 as 22,00 horas. A Festa terá ademais actividades de éxito xa recoñecido en anteriores edicións, como a cata concurso que este ano vai pola sua VI edición , que se celebrará o sábado e entregará os premios o domingo. A tarde do sábado 13 a partir das 18:00 h. abrirá as súas portas a mostra de viños na que participan 12 adegas. Logo chegarán as actuacións de música tradicional, Charanga e a actuación do grupo de danza urbana mesturada con muiñeira Lil-Kids, gañadores do programa de Tv GOT TALENT 2023 . Pola noite a partir das nove haberá sesión de DISCO-MOVIL e a partires das dez e media actuará a recoñecida orquestra PARIS DE NOIA, pa rematar a noite de novo con sesión con sesion de DISCO-MOVIL O domingo terá lugar a entrega dos premios da VI Cata concurso e o tradicional nomeamento de novos membros da Orde dos Amigos/as do Viño da Ulla. O pregón este ano correrá a cargo do presentador do programa da TVG “A Voltas co Prato” FRAN CAÑOTAS. Finalmente as actuacións ao longo de todo o día Charanga, Grupo O FIADEIRO e xa no serán tocaralles o turno a FESTICULTORES TROUPE, REBELDIA e pa rematar FAMILIA CAAMAGNO poñerán o broche a XLII Festa do Viño da Ulla. Contarase tamén cun espazo gastronómico para degustar viño e tapas.

Recomendan aplicar o primeiro tratamento contra o mildio nas viñas máis desenvolvidas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte da posibilidade de aplicar o primeiro tratamento contra o mildio, polo menos naquelas viñas que conten cun maior desenvolvemento da vexetación, debido ás condicións climatolóxicas pasadas e actuais, aínda que non aparecera a primeira mancha. Este aviso chega despois de que os captadores que o centro ten instalados nas viñas ao abeiro do proxecto europeo Plasmowine, detectasen xa esporas no ambiente, debido ás temperaturas das últimas noites, que foron superiores, favorecendo así o patóxeno. O persoal de Areeiro recomenda ademais que, para este primeiro tratamento, se empregue un funxicida que protexa tamén os novos crecementos das vides, pois na maioría das viñas as cepas aínda están a agromar, e que non se lave coa choiva, pois agárdanse precipitacións nos próximos días. Ademais, se a viña estivo infectada con ‘black rot’ na anterior campaña, é aconsellable utilizar un funxicida con efecto fronte a este fungo. Ante a escaseza de masa foliar, o centro dependente da Deputación aconsella facer os tratamentos con pistola e non con atomizador (ou evitar sen accionar o ventilador). Tamén no relativo ás viñas, Areeiro advirte de importancia de estar pendente das follas danadas pola sarabia e polos ventos dos últimos días, pois as feridas poden ser portas de entrada de certos patóxenos, e informa da aparición de caracois nalgúns predios.

Roteiro do Viño Rías Baixas, unha proposta para esta Semana Santa

As empresas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas, integrada no Club de Produto de las Rutas del Vino de España, presentan coa chegada da primavera e a Semana Santa ofertas enoturísticas para todo tipo de visitantes. Esta Ruta ofrece un itinerario enoturístico para poder gozar en familia, coa parella, con amigos ou en soidade. Ademais, é o único itinerario galego incluído na Guía de Roteiros Enolóxicos Accesibles para Todas as Persoas editada pola Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF). Roteiro da Camelia Esta época do ano é a mellor para gozar da floración das camelias, plantas procedentes de China e Xapón que chegaron a Galicia no século XVIII. A Ruta do Viño Rías Baixas conta con varios xardíns de Excelencia Internacional, os cales abren as súas portas esta Semana Santa para o gozar do visitante. En primeiro lugar esta Pazo Quinteiro da Cruz, que conta con máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades, entre elas a sinensis, a partir da cal elaboran o seu propio té 100% orgánico e ecolóxico, colleitado e elaborado de forma artesanal e do cal ofrecen degustacións. As visitas organízanse a través da súa páxina web pedindo cita previa. A continuación está o xardín botánico do Castelo de Soutomaior, o cal foi o primeiro de España en ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional de Camelia pola Sociedade Internacional da Camelia. Conta con máis de 400 exemplares de camelia, 18 deles centenarios, e o seu conxunto arquitectónico data do século XII. Despois temos o Pazo de Rubianes, que organiza experiencias diarias a 19 € durante toda a Semana Santa ás 11:30, nas cales inclúen a visita guiada aos xardíns e viñedos, a adega e ao interior dalgúns dos edificios máis representativos do Pazo. A visita finaliza coa degustación do viño Albariño Pazo de Rubianes. Degustacións de viños da D.O. Rías Baixas Varias adegas da Denominación Rías Baixas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas amplían tamén as súas ofertas de visitas e degustacións. A Adega Gil Armada convida o público a visitar o Pazo de Fefiñáns xunto coas viñas de albariño, a horta do pazo e o bosque de especies autóctonas que ten arredor. O percorrido finaliza na destilería artesanal Gil Armada, onde se obteñen os augardentes Gil Armada tomando como referencia os métodos tradicionais de Galicia. Doutra banda, a adega Paco & Lola estende os seus horarios, ofrecendo visitas tanto pola mañá como pola tarde en varias quendas para que ninguén se perda a oportunidade de gozar das experiencias que ofrecen. Dispoñen da “Visita Clásica”, na cal o visitante se mergulla nun percorrido guiado polas instalacións da adega que termina coa degustación de tres viños, e a “Visita Gourmet”, que a maiores inclúe unha maridaxe con conservas gourmet. Tamén a adega Martín Códax oferta diferentes propostas ao gusto do cliente: a visita “Orixe”, que contén o percorrido da adega máis unha cata comentada maridada con queixos, as proposta “Ondas do Mar”, na cal se maridan tres viños con conservas gourmet, e a oferta “Creacións Singulares”, que permite gozar dos seus viños máis especiais e de produción limitada, acompañados por elaboracións con produtos de km 0. A adega Quinta de Couselo engade ao repertorio habitual de catas de viños con queixos galegos unha “Cata Solpor”, na cal o cliente gozará do anoitecer na terraza da adega mentres degustas os seus viños de gran calidade. Pazo Baión sorprende tamén coa súa exclusiva experiencia de “Cata do enólogo”, na cal os seus enólogas/enólogos guiarán ao visitante a través un percorrido polas viñas e a adega. O cliente terá a oportunidade de coñecer de primeira man o excepcional traballo levado a cabo na propiedade, e na degustación, os viños para catar serán da súa elección. E aproveitando esta época, a Adega Granbazán inclúe á clásica visita á adega e degustación dos seus viños o goce dun bo cocido galego, destacando así a gastronomía tradicional galega típica desta época. Propostas enogastronómicas e de descanso Continuando coa gastronomía, o restaurante de Quinta de San Amaro abriu recentemente as súas portas con horario de mediodía e noite. A cociña combina o mellor da cociña galega cunha carta de viños que dá especial importancia á Denominación de Orixe Rías Baixas. E se o visitante quere complementar a súa visita cunha noite descanso, o seu hotel dispón dunha gran variedade de packs na súa páxina web adaptados ao gusto do hóspede. Tamén recentemente abriu as súas portas o Hotel Spa Nanin Praia, que volve cunha oferta moi especial para este tempo chuvioso: se chove durante a estancia entre o 27 e 31 de marzo de 2024, regalan por cada día de choiva unha noite de aloxamento gratis. En Augusta Eco Wellness Resort céntranse nos hóspedes máis pequenos, ofrecendo a maiores das súas luxosas estancias un programa de actividades e talleres deseñados especialmente para eles: xardinería, pintura, cociña, manualidades e moito máis.

Bodegas Granbazán adquire 16 novas hectáreas nas Rías Baixas

Bodega Gran Bazán expándese adquirindo a parcela lindeira á súa adega, a Finca Tremoedo (Vilanova de Arousa), pasando a ter un total de 36 hectáreas, aumentando así a superficie de produción nun 55%.

A adega, baixo o liderado empresarial de Pedro Martínez (Bodegas Baigorri), conta co talento contrastado do seu enólogo, Diego Ríos, nomeado ‘Enólogo novo do ano en Rías Baixas’, que cumpre o seu quinto ano á fronte da adega. Bodega Granbazán afianza a súa política de crecemento e expansión empresarial coa adquisición da leira anexa á súa adega, en pleno corazón do Val do Salnés. Ata o de agora a adega contaba cun total de 15 hectáreas, despois de que hai uns anos adquiriuse a leira O Muro, de 5 hectáreas. Na actual fase de expansión incorpóranse 16 hectáreas máis de plantación, o que permite a Granbazán contar xa cunha superficie total de 36 hectáreas de Albariño. A operación de compra dos terreos considérase estratéxica para o grupo empresarial, xa que a súa proximidade á adega permite dar continuidade á calidade e identidade dos seus viños, que xa contan cun importante recoñecemento nacional e internacional pola súa personalidade, elegancia e polo alto potencial de envellecemento que presentan, que ata o de agora se caracterizaban por un rendemento de produción baixo, unha media de case 50 anos de antigüidade e chans de granito ricos en minerais do val do Salnés.

As exportacións de viños da DO. Rías Baixas acadaron os 60,5 millóns de euros no 2023

A Denominación de Orixe Rías Baixas celebrou este martes un xantar cos medios de comunicación de Santiago aos que trasladou o bo momento que viven os viños galegos, en concreto os de Rías Baixas como Denominación de Orixe máis grande de Galicia. Durante o encontro o presidente e o secretario da Denominación de Orixe, Isidoro Serantes e Ramón Huidobro, trasladaron aos medios de comunicación a súa aposta pola calidade na que levan traballando desde a constitución do Consello Regulador e que lle está permitindo incrementar o valor destes viños atlánticos tanto a nivel nacional como internacional. En España A nivel nacional, Rías Baixas está entre as Denominacións de Orixe mellor situadas, segundo datos da Consultora NielsenIQ no seu informe de setembro de 2023. Os viños de Rías Baixas mostran o seu bo posicionamento no mercado español nas canles de alimentación e HORECA, sendo a cuarta D.O. en valor de vendas de viño con Denominación de Orixe. Posición que mellora, ascendendo ao segundo lugar en ambas as canles cando falamos de valor en viño branco con denominación. Mercado internacional Dentro desta estratexia de apostar polo valor e calidade dos viños de Rías Baixas, levada a cabo polo seu Consello Regulador, as exportacións en 2023 mostraron un ascenso en valor dun 2,54% alcanzando os 60.594.125 €, resultando un prezo medio exworks de 7,78 € o litro. Estados Unidos segue ocupando a primeira posición en valor, seguido de Reino Unido, Porto Rico, Irlanda, México, Suecia, Países Baixos (Holanda), República Dominicana, Alemaña e Canadá. Os dez primeiros destinos representan case o 80% do valor das vendas internacionais. O continente americano é o que máis viño desta denominación de orixe galega importa.

Os viños de Rías Baixas conseguen máis de 180 premios en 2023

Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas sumaron 184 galardóns na súa participación en concursos enolóxicos nacionais e internacionais durante 2023. Os premios obtivéronse en 9 citas establecidas no calendario oficial da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV) ás que concorreron as distintas adegas adscritas á denominación desde xaneiro ata decembro de 2023. Do conxunto de galardóns, 13 son da categoría Gran Ouro, Platino ou Best in show, 44 de Ouro, 69 de Prata, 49 de Bronce, 8 recomendacións e un trofeo. Os viños de Rías Baixas destacados corresponden na súa maioría á vendima 2022, cun total de 124. Esta foi cualificada como ‘Boa’, aínda que nos últimos anos pódese observar un incremento das distincións ás vendimas máis antigas, que cada vez máis chaman a atención dos xuíces. Entre os mellores viños brancos do mundo Estes premios nos máis prestixiosos concursos internacionais corroboran o posicionamento dos viños de Rías Baixas como uns dos mellores brancos do mundo. Así, en España obtiveron moi bos resultados en concursos consolidados como os organizados pola Unión Española de Catadores (UEC): os Bacchus 2023, que premiaron a 31 Rías Baixas (6 Gran Bacchus de Ouro, 22 Bacchus de Ouro e 3 de Prata). Por outra banda, os Vin España, concurso nacional de viños organizado pola Federación Española de Enoloxía, outorgaron ás marcas da D.O. Rías Baixas un total de 14 premios: 4 gran ouros, 5 ouros e 5 pratas. A nivel internacional, os viños Rías Baixas conseguiron 65 galardóns nos Decanter World Wine Awards (2 ouros, 32 pratas, 30 bronces e 1 best in show), aos que se suman tamén as 31 medallas e 1 trofeo do International Wine Challenge (2 ouros, 17 pratas, 3 bronces e 8 recomendacións). Outros concursos internacionais que premiaron aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas son: o Challenge International du Vin, con 1 premio (1 ouro); o Concurso Mundial de Bruxelas, con 18 galardóns (2 grandes ouros, 7 ouros e 9 pratas); o Mundus Vini, con 4 premiados (2 ouros e 2 pratas) e o IWSC International Wine & Spirit Competition, con outros 17 premios (1 prata e 16 bronces). A presenza destes viños por todo o mundo queda constatada coa súa participación tamén en Citadelles du Vin, con 3 medallas (3 ouros). A tendencia observada nos certames internacionais dos últimos anos é un incremento nos premios das vendimas máis veñllas, aínda que seguen abundando os viños do último ano, neste caso 2022 que obtiveron 124 galardóns. Pero resulta rechamante que as restantes 40 marcas de Rías Baixas galardoadas sexan de vendimas antigas como a 2021 (con 22 galardóns), tamén a 2020 e 2018 (con 12 cada unha), a 2019 (con 7), ou as 2017 e 2016 (con 3 cada unha) e a 2015 (con 1 premio). Nesta liña cabe destacar o Best in Show a unha vendima 2018 no Decanter e un ouro una a 2018, tamén unha Medalla de Ouro a un 2021 no Concurso Mundial de Bruxelas, así como os 4 Gran Ouro de Vin España a 2 vendimas de 2021 una de 2018 e outra de 2016, ou os Gran Bacchus de Ouro para unha marca da vendima 2016 e dúas da 2021.

Adegas de Rías Baixas sacan máis 136.500 botellas de espumoso de calidade

A gama Rías Baixas - Espumoso de Calidade mostra a súa mellor cara en Nadal, cunha produción de 136.666 botellas neste ano. Na actualidade son 19 adegas, con 32 marcas, as que elaboran este tipo de viño, que se comezou a producir na Denominación de Orixe Rías Baixas en 2012. Esta denominación fixo unha aposta por este produto, que cada vez é máis coñecido e apreciado polo consumidor, e cualifica 102.500 litros como Espumoso de Calidade, na súa maioría branco. No ano 2009 o regulamento do Consello Regulador acolleu este produto, de acordo coa normativa europea, que distingue entre Espumoso e Espumoso de Calidade. Como engade o director técnico, Agustín Lago, "aínda que é unha elaboración que cada vez é máis coñecida e se consome todo o ano, hai que ter en conta que a finais de novembro e decembro é cando máis se intensifica a súa cualificación". A normativa aplicada ás Rías Baixas Espumoso de Calidade admite variedades, tanto brancas como tintas, desta denominación e distingue diversos tipos segundo o nivel de azucre. Estes son: Brut Nature (sen azucre engadido), Extra Brut, Extra Seco, Seco, Semiseco e Doce (que leva maior cantidade de azucre). Todos os Rías Baixas Espumoso de Calidade seguen o método tradicional do champenoise para a súa elaboración.

Rías Baixas consolida unha viticultura sostible cunha aposta pola investigación e a innovación

A racionalización dos tratamentos e da fertilización da viña son algúns dos eidos nos que as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas están a facer importantes esforzos dende hai tempo. Así é que son eixos nos que se centran algúns dos proxectos de investigación de I+D+i que están levando a cabo na actualidade e en colaboración con distintos centros de investigación, como o CSIC ou as universidades galegas. Un exemplo, en Martín Códax están a traballar en varias liñas de investigación coas que procurar unha viticultura máis sostible. A fertilización dos viñedos é unha das áreas nas que están a centrarse. Dende o ano pasado están a analizar o papel das cubertas vexetais para lograr unha fertilización máis respectuosa co medio ambiente. Trátase dun proxecto no que tamén colaboran as adegas da DO Paco&Lola e Altos de Torona, así como a Universidade de Vigo, e que terá continuidade aínda no 2024. Polo momento xa estiveron a realizar probas na pasada tempada ó sementar unha cuberta con gramíneas e leguminosas (avea e veza), que logo incorporaron como abono verde ó viñedo. “Con este estudo agardamos ter datos sobre como contribúen as cubertas naturais sementadas na fertilización das viñas ó incorporalas como abono verde, coa intención de reducir o aporte de fertilizantes sintéticos”, explica Miguel Tubio, director técnico da adega.
A adega Martín Códax estuda os beneficios das cubertas vexetais, xa sexan para incorporalas como abono en verde ou como cubertas permanentes, para labrar menos os viñedos
Non é o único traballo de investigación sobre prácticas máis sostibles que están a desenvolver nesta adega. Así, tamén relacionado directamente co mantemento do solo, levan xa 3 anos traballando en colaboración coa firma Agroasesor sobre prácticas de agricultura rexenerativa, como as cubertas vexetais permanentes, de maneira que se reduza o labrado do solo do viñedo. “Estamos vendo o gran potencial que este tipo de prácticas pode ter para incrementar a biodiversidade e fertilidade do solo e mesmo chegar a facer captura de carbono”, concreta Tubio. Outra iniciativa orientouse ó manexo da auga. Facer unha rega eficiente e un control das necesidades de auga das cepas foron os obxectivos marcados polo grupo operativo Regavid, no que tamén participou Martín Códax en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que é unha mostra da aposta pola innovación e a investigación para conseguir unha optimización dos recursos, xa que lles permite deseñar plans de rega do viñedo acordes ás necesidades da planta e facer un uso da auga máis eficiente.

Innovación para loitar contra as pragas no viñedo

A aplicación de tratamentos dos viñedos é outra das preocupacións nas adegas, por iso en Martín Códax tamén desenvolveron, en colaboración coa Universidade de Lleida unha investigación para realizar unha aplicación diferencial de tratamentos. En base a modelos de predición e tendo en conta o estado vexetativo da planta, grazas a imaxes aéreas conseguiron unha aplicación de tratamentos máis localizada e reduciron case nun 30% o emprego de fitosanitarios. “É preciso que a obtención destas imaxes sexa máis sinxela para que poidamos facer un uso mellor destas técnicas”, valoran dende a adega.
A aplicación localizada de fitosanitarios ou a detección precoz de pragas son algunhas das prácticas incorporadas por adegas das Rías Baixas para un manexo máis sostible
Buscar un control máis efectivo das pragas no viñedo foi tamén o obxectivo dun proxecto iniciado pola adega Lagar de Fornelos, no que en colaboración coa investigadora Cristina Cabaleiro abordaron estratexias para a protección das cepas de Albariño fronte o virus do enrolado da vide na zona do Rosal, onde se atopa a adega. “Moitas veces non se lle dá moita importancia a este virus, pero as cepas afectadas envellecen dun xeito prematuro e baixan moito os rendementos do viñedo, xa que a súa presenza estresa moito a planta”, explica Ángel Suárez, enólogo e director técnico da adega.
Lagar de Fornelos traballa en estratexia fronte ó virus do enraldo da vide
Coa intención de lograr un maior coñecemento sobre o desenvolvemento da enfermidade na subzona, así como dos insectos vectores que a transmiten (a cochinilla, entre outros), comezaron un traballo de investigación co que tamén estableceron pautas preventivas para combatela. “Apostamos por incorporar prácticas para a prevención da aparición tanto da enfermidade como do vector”, explica Suárez. Así, todas as novas plantas que adquiren son certificadas, o que lles ofrece unha maior seguridade a nivel sanitario, ó conter un menor risco de infección de virus. Ademais, inciden na formación do persoal que traballa nos viñedos para conseguir unha detección precoz do vector e poder atallar a súa presenza con tratamentos enfocados ás zonas afectadas.

O potencial vitivinícola das variedades autóctonas

Unha das liñas de investigación na que están centrándose varias adegas da DO Rías Baixas é na recuperación ou conservación de variedades autóctonas, debido ó potencial vitivinícola que amosan. A adega Viña Moraima, situada en Barro (Pontevedra), é unha das adegas que aposta polas castes autóctonas. No seu caso, e en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, están dedicando importantes esforzos á recuperación da variedade branca Ratiño. “Levamos máis de 10 anos tentando recuperar esta caste, que durante moito tempo foi moi cultivada nesta zona”, explica Roberto Taibo, enólogo da adega.
A adega Viña Moraima traballa en colaboración co CSIC para a recuperación da variedade branca Ratiño
A escasa produción e o sensible que esta variedade resulta foron os principais motivos polos que foi deixando de cultivarse a Ratiño. Con todo, hoxe consérvanse aínda cepas vellas en distintos viñedos, pero non se están a facer plantacións específicas desta variedade. En Viña Moraima destacan o potencial desta variedade e están a facer microvinificacións que lles permiten obter datos de interese para coñecer a evolución deste viño. “Polo momento conseguiuse xa que se incluíse esta variedade como apta para a elaboración de viño e agora o seguinte paso sería que o Consello Regulador tamén a ampare entre as autorizadas, xa que sería un paso moi importante para a recuperación da variedade”, detallan dende a adega. En Viña Moraima traballan tamén con outra variedade autóctona e minoritaria, o Caíño tinto. “Aínda que tamén é unha variedade cunha baixa produción e moi sensible, séguese cultivando nas Rías Baixas”, indica Taibo. Na adega contan cunha produción limitada de Caíño tinto procedente de viñas centenarias e que destinan a elaboración de viños de garda. No Baixo Miño, a adega Señorío de Rubiós tamén se interesou por outra variedade minoritaria, o Castañal, e en colaboración coa USC comezaron un traballo de recuperación desta caste na zona. “Conseguimos os portainxertos e plantamos unha parcela, pero polo momento estamos á espera de ter produción. Contamos facer a primeira vendima no 2024 e poder ver resultados e ir introducíndoa nos nosos viños”, explican dende a adega. Do mesmo xeito, firmas como Adegas Terrae ou Valmiñor abriron liñas de investigación para mellorar o potencial vitivinícola, optimizar a xestión do viñedo e ter maior información sobre os efectos do microclima das zonas de produción e a incidencia de enfermidades fúnxicas en variedades autóctonas, como o Castañal ou Caíño tinto, entre outras.
  • Branded content

A D.O. Rías Baixas, exemplo do I+D+i galego na investigación vitivinícola

As adegas adheridas ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas mostran músculo como sector empresarial e profesional coa súa aposta decidida polo I+D+i. Unha enquisa realizada entre as empresas amparadas pola denominación de orixe evidencia que, actualmente, un total de 24 adegas realizan traballos de investigación en diferentes campos, nos que están implicados preto dun cento de expertos cun investimento próximo aos 7 millóns de euros. Esta cifra deixa patente a importancia que lle dá á investigación o sector vitivinícola das adegas amparadas baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas. Estas iniciativas recaen sobre 24 adegas, das 181 asociadas, de diferentes tamaños e con proxectos de distinta envergadura e temática. Na súa maioría, son investigacións relacionadas co viñedo, entre as que destacan os estudos sobre a recuperación de variedades autóctonas, propias da zona, pero tamén hai un crecente interese polos traballos de viabilidade da produción ecolóxica na denominación. Con todo, a temática preferida polas adegas ten que ver co comportamento dos fermentos autóctonos. Tamén centra a atención do sector os coidados da viña: a racionalización dos tratamentos da viña e a fertilización. Sen esquecer o interese polos tratamentos preventivos contra as enfermidades fúnxicas propias nesta zona, que promoveron investigacións no campo da teledetección para a localización precoz das enfermidades, a protección das variedades fronte aos virus, a mellora do potencial vitivinícola das variedades galegas a través da optimización agronómica e o efecto do microclima na incidencia das enfermidades fúngxias. Tampouco se pode esquecer os traballos de investigación no campo da comparativa entre os sistemas de condución da vide (emparrado vs enreixado), nin dos estudos da actividade encimática na viña, ou da zonificación. Outras cuestións que espertan o interese en Rías Baixas son as relativas á sustentabilidade ambiental no viñedo e a economía circular, así como o manexo integrado da viña mediante a aplicación de auga ozonizada en pulverización e o desenvolvemento dun itinerario enolóxico para elaborar viños libres de dióxido de xofre. En canto á elaboración de viños, ademais dos traballos con fermentos, imos atoparnos cunha ampla oferta de elaboracións vínicas experimentais, a vinificación con biotecnoloxía; a elaboración de espumosos con variedades autóctonas; o estudo do comportamento das lías, a mellor conservación dos viños e a xestión do osíxeno dentro da adega. Tamén hai adegas investigando nos novos sistemas de etiquetaxe Smart Label. Estes estudos ocupan a 97 profesionais, entre os que hai persoal da adega ou outros contratados para o desenvolvemento destas investigacións, como poden ser licenciados superiores, doutores e enólogos. Moitos destes traballos están vinculados ás universidades galegas e a centros de investigación públicos e privados. Para o desenvolvemento destes traballos, as 24 empresas implicadas destinan 6.907.584,97 €. Das cales 11 industrias fano a través de fondos propios ou vantaxosos créditos e, as restantes, contan con subvencións a través de diferentes organismos europeos como plans FEDER ou do CEDETI; nacionais a través de axudas outorgadas polo Ministerio de Industria ou de Ciencia, Innovación e Universidades; autonómicos a través de subvencións da Xunta ou a EVEGA.

A DO. Rías Baixas celebra este domingo o Día Mundial do Enoturismo cunha cata no castelo de Soutomaior

Coñecer ben os viños dunha determinada zona vai máis aló do seu simple consumo, hai que saber saborealos, olelos e sentilos. É por iso que se lanza a pregunta: Coñeces ben os viños de Rías Baixas? Neste sentido o Roteiro do Viño Rías Baixas propón poñer a proba os cinco sentidos na IX Cata Amateur Roteiro do Viño Rías Baixas. Que mellor maneira de celebrar o Día Europeo do Enoturismo que participar nesta atractiva cata no Castelo de Soutomaior. Dezaseis adegas asociadas con 20 referencias poderán aproba as habilidades de ata un centenar de participantes. Só tes que apuntarte na web: www.castelodesoutomaior.com. A cita desenvolverase este domingo, 12 de novembro, na contorna do Castelo de Soutomaior, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra. Con esta actividade quérese poñer en valor a calidade dos viños de Rías Baixas, así como as súas posibilidades gastronómicas, culturais e turísticas. Xa que ademais de propoñer un reto aos concursantes, tamén contará con música en directo, cunha degustación de produtos de ANFACO e un paseo pola contorna do Castelo de Soutormaior. Todos os ingredientes necesarios para conmemorar o Día Mundial do Enoturismo. O concurso O IX Concurso de Cata Amateur, dará comezo ás 11.00 horas, poñerá a proba os sentidos das persoas asistentes coa degustación, nunha primeira parte, de cinco viños de Rías Baixas. O catador Nacho Costoya, quen conducirá este acto, ofrecerá as indicacións necesarias para unha correcta cata, centrándose nas distintas fases (visual, olfativa e gustativa). Sobre as mesas atoparanse referencias en grao sumo diverso, desde os monovarietal de uva albariño, plurivarietales, ata elaboracións especiais de crianza sobre leas. A segunda parte do concurso centrarase nunha cata a cegas na cal se degustarán 3 dos 5 viños previamente presentados. Aquí será onde os participantes poñerán a proba os seus dotes de cata, de maneira que deberán acertar as referencias seleccionadas para esta segunda volta. Participar pode ter premio Como non podería ser doutra maneira, o Roteiro do Viño Rías Baixas premiará a todos aqueles concursantes que saian vitoriosos desta edición. Todos os gañadores recibirán un pack, composto por un sacacorchos, unha botella de viños de Rías Baixas e unha bolsa de tea. Ademais, entre todos os gañadores sortearase un Enopack para dúas persoas, consistente en aloxamento a media pensión e visita a unha adega para dúas persoas no Roteiro do Viño Rías Baixas Música en directo e degustación de produtos A IX Cata Amateur Roteiro do Viño Rías Baixas incluirá música en directo que correrá a cargo de Dani Barreiro & Friends. Un espectáculo eclético para todos os públicos e todos os gustos. Ademais, a partir das 13 h., aqueles participantes que o desexen poderán visitar libremente o Castelo de Soutomaior. A xornada coa que se conmemorará o Día Mundial do Enoturismo finalizará cunha degustación de conservas achegadas por ANFACO- CECOPESCA, que unha vez máis mostra o seu apoio a esta asociación sen ánimo de lucro, do mesmo xeito que o fai a Deputación de Pontevedra nesta data tan especial. Por iso, o Roteiro do Viño Rías Baixas agradece a ambas as entidades o seu apoio a esta iniciativa que busca enxalzar non só a cultura do viño, senón tamén o turismo, a gastronomía que forman parte das Rías Baixas

A vendima 2023 da D.O. Rías Baixas acadou máis de 44 millóns de quilos

A D.O. Rías Baixas vén de ofrecer os seus datos da vendima de 2023. A D.O. salienta que a calidade e cantidade na vendima 2023 da D.O. Rías Baixas con 44.358.546 quilos recolleitos, un 8,44% máis que a campaña anterior. Unhas cifras que permitirán a esta denominación de orixe manter as súas vendas no mercado nacional e internacional. A campaña deste ano resúmese en 47 días de recollida, na que estiveron implicadas 166 adegas e 4.628 viticultores. O inicio da vendima na D.O. Rías Baixas tivo lugar o pasado 21 de agosto, coa uva destinada á elaboración de espumosos, e finalizou o 6 de outubro. “A uva foi vendimada maioritariamente no período comprendido entre o 2 e o 15 de setembro, 14 días nos que se recolleu o 84% da colleita, cun pico o 8 de setembro no que se alcanzou a cifra récord de 4,45 millóns de quilos”, explica o informe do Departamento Técnico, o cal fala de “unha vendima tranquila con algúns días inestables pero cunha entrada da uva en adega cunha gran calidade e perfecto estado de madurez”. O rendemento medio por hectárea nesta campaña foi de 9.877 kg/ha, moi parecido á colleita de 2017. Trátase dun valor superior á media dos últimos 10 anos, que foi de 8.600 kg/hectárea. Vendo a calidade da uva e tras as primeiras valoracións dos enólogos en Rías Baixas, as expectativas para os viños do ano 2023 son moi boas e alcanzarán unha produción estimada de 30.500.000 litros. Con esta perspectiva, o Consello Regulador poderá iniciar a estratexia marcada polo seu Plan Director 2030, recentemente presentado ás adegas. O ciclo da colleita 2023 caracterizouse por un inverno cálido e húmido, unha primavera cálida e seca, que propiciou unha taxa de brotación do 87,7%, cun elevado índice de fertilidade. As diminucións supuxeron un valor medio do 11%, cunha incidencia maior na subzona de Condado do Tea. Desagregación por variedades A vendima comezou coa recollida das variedades destinadas á elaboración dos viños espumosos de calidade, logo seguíronlle as uvas brancas, especialmente a albariño, cuxo ciclo vexetativo é máis curto e a súa maduración máis temperá. Finalmente pasouse ás tintas e vendimas tardías. Na D.O. Rías Baixas, as variedades brancas representan o 99,26% da uva recollida, abanderada pola albariño, que chegou aos 42.848.472 kg, seguida pola caiño branco, a loureira, a godello e finalmente a treixadura. As variedades tintas representan o 0,74% do total, coa variedade Sousón como principal, seguida pola caiño tinto e mencía. En canto á produción por subzonas, o Val do Salnés continúa sendo a de maior produción cun 68,7% do total, seguida polo Condado do Tea cun 17,7% e O Rosal co 12,2%. Na presente campaña de vendima participaron 166 adegas elaboradoras. Un total de 4.628 viticultores recolleron uva nas 4.491,67 hectáreas de superficie produtiva rexistradas na Denominación de Orixe Rías Baixas, o que supuxo un aumento de 170,27 hectáreas, un 3,93%, con respecto á vendima de 2022.