Archives

O Sindicato Labrego continuará coas mobilizacións pola falta de fondos para as axudas de ecolóxico

A resolución das axudas para granxas e produtores en ecolóxico en Galicia agrava o descontento do sector. O Sindicato Labrego destaca que máis do 80% de persoas que solicitaron apoios para a conversión a agricultura ecolóxico quedaron fóra dos apoios. A organización apunta que proseguirá as mobilizacións e que trasladará as súas queixas no Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) e no Consello Agrario Galego. “Das 150 granxas que solicitaron a axuda para conversión só lle foi concedida a axuda pública a 26, denegándoselle a 124. Ademais, solicitaron a axuda de mantemento 281 granxas, pero só foron concedidas 172, así que 109 granxas quedan fóra”, critican desde o Sindicato Labrego. Así mesmo, a organización apunta que a insuficiente dotación de fondos para a agricultura en ecolóxico “deixa fóra a 30 de 35 produtores que solicitaron a conversión, e tamén quedaron sen axuda a maioría dos que solicitaron a de mantemento de agricultura ecolóxica, concedendo só 36 de 93”, sinalan. Segundo o Sindicato, este ano acadouse a incorporación de 150 novas granxas ao modelo ecolóxico, sen embargo, “a piques de rematar o 2022, e despois de promocionar desde a propia Consellería do Medio Rural a existencia de axudas para facilitar esta transición de convencional a ecolóxico, a Administración trasladoulle ao sector, 6 meses despois da solicitude da PAC, que faltan máis de 2 millóns de euros para estas axudas”, afirman. Actualmente, “a Superficie Agraria Útil galega inscrita actualmente en agricultura ecolóxica é só do 5,15%, moi lonxe do obxectivo do 25% estipulado pola UE para o 2030”, conclúen desde o SLG.

Aberto o prazo de solicitude para axudas á innovación no sector agroforestal

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola cal se convocan as axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos, e tecnoloxías no ámbito agroforestal. As persoas interesadas teñen un prazo dun mes, a partir de mañá, para presentar de forma telemática as solicitudes. Estas achegas teñen un orzamento de 2,4 millóns de euros e están cofinanciada co Feader no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Os obxectivos destas subvencións céntranse na mellora da competitividade dos produtores primarios, integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de réximes de calidade. As súas pretensións son engadir valor aos produtos agrarios, e ao mesmo tempo, contribuír a facilitar a entrada no sector primario de agricultores adecuadamente formados, o uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios, e a promover o subministro e uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, residuos e demais materia prima non alimentaria, para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

As áreas prioritarias de actuacións subvencionables son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria agroalimentaria, a bioeconomía, e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector. Os beneficiarios desta liña de subvencións poderán ser organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura, e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

Resoltas as axudas para enerxías renovables en granxas

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas concedidas correspondente á convocatoria para proxectos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética, en empresas de produción agrícola primaria. Concedéronse un total de 420 axudas. As axudas concedidas repártense en tres liñas diferentes: proxectos de enerxías renovables térmicas, eléctricas e os de aforro e eficiencia enerxética. A dotación total conxunta suma máis de 3,7 millóns de euros, sendo as iniciativas eléctricas as que reciben a maior cantidade de diñeiro, a cal supera os 3,2 millóns de euros. As cantidades por subvención concedida, no caso das renovables térmicas varía entre os 4.200€ e os 52.500€; nas eléctricas oscila entre un mínimo de 1.235€ a un máximo de 100.000€, e nas iniciativas pola eficiencia enerxética e o aforro van desde os 2.500€ ata os 27.700€.