Archives

Obradoiros sobre extracción de resina e cultivo de oliveiras

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias ofrece dous obradoiros dentro das Xornadas de Formación para Oportunidades de Negocio. O primeiro obradoiro será o día 29 de febreiro e tratará sobre a extracción de resina de piñeiro como oportunidade de negocio. Este curso impartirase en modalidade online, a inscrición será gratuíta e pode facerse mediante este enlace. A formación inclúe tanto a explicación de aspectos técnicos como o mercado e as maneiras de comercializar o produto. Como reforzo desta formación, contarase co testemuño da comunidade de montes de Baroña onde se están facendo traballos de extracción. Aquí pódese consultar o programa do obradoiro de extracción de resina. O segundo obradoiro será o día 1 de marzo e impartirase en modalidade presencial. Será no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago de Compostela. Estará focalizado no cultivo de oliveiras e a súa explotación. A inscrición tamén será gratuíta a través deste formulario. A xornada contará cunha presentación de Oligalicia: Grupo Operativo da Oliveira en Galicia. Tamén falarán sobre a recuperación de variedades de oliveira en España. Haberá palestras con especialistas e profesionais do sector como Centro Tecnolóxico da Carne e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, produtores como a cooperativa Proligal ou empresas como Ouro de Quiroga, CentoXCento e Aceites Abril. O programa pode consultarse neste enlace.

Resina á carta para revalorizar a produción

O grupo de innovación PICARE (“Revalorización dos piñeirais galegos a través da calidade da resina”) continúa o seu labor, xa iniciado no 2022. O grupo, liderado pola empresa FORESIN, mantén o seu foco de atención na calidade da resina xa que se trata dunha peza crave na competitividade e viabilidade do sector resineiro e sobre o que non hai suficiente coñecemento. A medida que avanza a nosa investigación alégranos ir vendo que as nosas premisas iniciais estaban ben expostas. A resina é unha materia prima natural que substitúe en gran de medida a derivados do petróleo, e agora, ademais, estamos a comezar a comprobar que contén parámetros que, se se entregan á industria cuns determinados valores, pode ter gran interese pola súa calidade e valor engadido na elaboración de derivados de segunda e terceira transformación. Obxectivos, aproximación metodolóxica e resultados esperados do grupo de investigación:

Obxectivo 1. Determinar os parámetros de calidade de interese pola industria de transformación

Un dos obxectivos de PICARE, unha vez se caracteriza a resina e identifican as principais industrias consumidoras que a demandan, é determinar cales son os factores de monte que inflúen sobre estes parámetros para saber se, dalgunha maneira, pódese actuar sobre eles. Queremos desenvolver un modelo produtivo focalizado na optimización da calidade da materia prima. A caracterización da resina pode chegar a ser determinante na clasificación da mesma en función do seu uso final e pode variar en función dos seguintes parámetros:
  • Metodoloxía de extracción; identificáronse diferenzas na composición química da trementina e a colofonia, que son os principais derivados da resina, segundo o método de extracción. Os métodos de extracción en envases pechados conservan maior porcentaxe de compoñentes volátiles fronte a métodos extractivos con envases abertos, sendo estes últimos, por exemplo, os que conteñen maior porcentaxe de colofonia.
  • Especie forestal a resinar; existen diferenzas notorias entre as especies de ‘Pinus pinaster’ e ‘Pinus radiata’, por exemplo, entre os parámetros químicos que afectan á caracterización da resina.
  • Parcela; estudos recentes (GO ACREMA) demostraron que as condicións de localización da parcela difiren á hora de resinar, a súa exposición, a pendente, etc.
  • Pasta estimulante; a composición química da pasta empregada afecta á hora de elixir o método de resinación.
Para determinar estes aspectos, a empresa FORESIN, xunto con Xagoaza Pinaster, mantivo reunións presenciais e en liña con industrias españolas e portuguesas co obxectivo de coñecer as esixencias de primeira e segunda transformación (tanto de colofonia como de trementina). Desta forma, a partir dos resultados obtidos desta parte do traballo, xunto coa caracterización da resina a nivel laboratorio, que tamén se fará dentro deste proxecto, conseguirase elaborar un catálogo de clasificación da resina en función do seu uso final.

Obxectivo 2. Determinar os principais factores que modulan os parámetros de calidade da resina de ‘Pinus pinaster’

A resina é unha substancia complexa composta por unha mestura de terpenos volátiles e de ácidos resínicos que se sabe que varía en función da especie, do ambiente ou do método de extracción, entre outros moitos factores {Rubini, 2022 #314}. Con todo, o coñecemento sobre as fontes de variación que determina a composición da resina é aínda moi limitado, especialmente a nivel intraespecífico. Algunhas investigacións previas comprobaron que a resina de ‘Pinus pinaster’, a especie resineira por excelencia a nivel nacional, varía en función da orixe xenética e do ambiente onde se atopa {Arrabalde, 2005 #337}. Este último traballo, clave no contexto do presente proxecto, limítase, con todo, a un reducido número de poboacións (5) e de ambientes (3), estes últimos concentrados nunha área xeográfica moi reducida do centro de España. Aproveitando unha extensa de rede de ensaios xenéticos establecida pola Xunta de Galicia en colaboración co grupo TRAGSA (socio colaborador do proxecto) na zona interior de Galicia no 2006, no proxecto PICARE ampliamos o estudo anterior buscando discriminar o efecto xenético, ambiental e a súa interacción sobre a composición terpénica da resina de ‘Pinus pinaster’. A rede de ensaios conta con 7 parcelas establecidas en ambientes moi contrastantes (da Mata e Zas, 2023) no que seguimos a produción e calidade da resina nun total de 14 poboacións de ‘Pinus pinaster’ procedentes de 6 rexións de procedencia diferentes (2 poboacións por rexión) e 2 poboacións melloradas xeneticamente para a produción de madeira (Landas-Francia e Sergude-Galicia Costa) (Figura 1a).
Figura 1A) Distribución das poboacións de ‘Pinus pinaster’ estudadas (círculos) e dos ensaios xenéticos que mostreamos (asteriscos). Todas as poboacións están presentes en todos os ensaios, o que permitirá a discriminación de ata que punto é a xenética ou o ambiente (ou a súa interacción) a que condiciona as propiedades da resina. As 14 poboacións agrúpanse en 7 rexións de procedencia (distintas cores), incluíndo dúas orixes que proceden de programas de mellora xenética para a produción de madeira (“SEL”). B) Detalle dun dos ensaios xenéticos durante o proceso de mostraxe mediante técnicas de microresinación.
Ao comezo do verán de 2023 realizamos as mostraxes de resina nestes ensaios mediante técnicas de microresinación {Zas, 2020 #224}. Mediante a aplicación de feridas de pequena dimensión (1.5 cm de diámetro) e a instalación de dispositivos especialmente deseñados para colleitar a resina que emana por estas feridas en viais de laboratorio prepesados (Figura 1b), estas técnicas permiten non só cuantificar o potencial produtivo das árbores, senón tamén muestrear resina libre de impurezas e con mínimas perdas por evaporación. A razón de 12 árbores muestreados por poboación e ensaio e dous viais por árbore, recollemos un total de 2352 viais de resina. Unha vez no laboratorio, os viais pésanse para determinar a produción de resina e as mostras procésanse para a determinación da composición de mono, sesqui e diterpenos mediante cromatografía de gases por unha banda e a determinación de propiedades físico químicas de interese industrial por outro. Na actualidade, traballamos na determinación de i) a cor (escala Gardner 0-18) ii) o índice de acidez (mg KOH/g mostra),iii) a altura e o tempo de cristalización, iv) a porcentaxe de resina volátil (por métodos gravimétricos tras gradiente térmico) e (v) o perfil e contido de terpenos volátiles (mono e sesquiterpenos) e non volátiles (diterpernos ou acedos resínicos) mediante cromatografía de gases . Estas últimas análises son as máis complexas e consomen moito tempo e orzamento, pero permiten unha caracterización pormenorizada dos compostos terpénicos presentes na resina (identificados por GC-MS) e cuantificar a súa abundancia tanto a nivel relativo como absoluto (cuantificados por GC-FID) (Figura 2).
Figura 2. Exemplo dun cromatograma obtido no cromatógrafo de gases con detector de ionización de chama (GC-FID) para a análise de terpenos volátiles (mono e sesquiterpenos) nunha das mostras de resina analizada. A mostra de resina volatilízase e faise pasar por arrastre dun gas inerte (hidróxeno) a través dunha longa columna dentro dun forno baixo un determinado programa de gradiente térmico. Os distintos terpenos presentes na resina flúen dentro desta columna con maior ou menor facilidade e por tanto chegan ao final do percorrido a distintos tempos (eixo horizontal na figura). Estes tempos de retención son específicos de cada composto e axudan á identificación que se completa mediante cromatografía de gases-masas (GC-MS). Mediante un detector de ionización de chama (FID) obtense un sinal para cada composto en forma de pico (eixo E na figura) cuxa área é proporcional á cantidade do composto e coa que, xunto á inclusión de distintos estándares internos de concentración coñecida, podemos cuantificar con moita precisión os compostos presentes na mostra.
Coñecer a composición da resina e os factores ambientais e xenéticos que afectan a esta é vital para optimizar os aproveitamentos resineiros no noso país, para obter unha resina de alta calidade e por tanto de maior valor engadido. Desde o GO PICARE partimos da hipótese de que a resina de ‘Pinaster nacional’, que se asume é de alta calidade, só poderá competir no mercado se somos capaces de asegurar e certificar esta calidade. Este é o resultado final que persegue este grupo operativo.

Obxectivo 3 e obxectivo 4. Posta a punto de tecnoloxía NIRs para determinación calidade e validación dos modelos a escala operativa

Dentro destes obxectivos, o traballo levado a cabo por CETEMAS no proxecto PICARE continúa o labor iniciado en proxectos anteriores, desenvolvendo sistemas de análises de resina e de compoñentes principais mediante técnicas instrumentais sinxelas, rápidas e non destrutivas que permitan coñecer características de interese industrial dunha forma eficaz. Análise de resina con tecnoloxía NIRs. A espectroscopía NIR empregouse de novo coa finalidade de analizar unha poboación de mostras representativas da variabilidade que se expón no proxecto, en concreto o estudo de fontes de variación que poden contribuír ás características da resina, para poder obter a súa pegada espectral, que será enfrontada aos valores de caracterización obtidos por métodos de laboratorio. Cada mostra de resina procedente da microrresinación nas sete parcelas que forman parte do proxecto, someterase á análise NIR mediante o equipo Lab Spec 5000 (Analytical Spectral Device, US) cun rango espectral de 350-2500nm. Xunto cos datos obtidos mediante as analíticas clásicas de laboratorio, realizadas por MBG (CSIC) e CETEMAS, poderanse desenvolver modelos de predición NIRs que permitan caracterizar as resinas dunha forma rápida e sinxela, fuxindo das tediosas técnicas de análises requiridas na actualidade para o devandito obxectivo. Os pasos a realizar, unha vez que se conclúa a análise NIRs e clásica serán:
  • Construír unha base de datos con variabilidade, enfrontando a pegada espectral da resina cos datos obtidos en laboratorio (% volátil, índice de acidez, cor, perfil de ácidos resínicos e perfil terpénico obtido mediante GC-MS).
  • Estudar o desenvolvemento de posibles modelos que permitan predicir parámetros de caracterización de resinas, ou a súa posible clasificación dunha forma semi cuantitativa.
  • Validar os modelos para poder concluír se son adecuados ou non para tal finalidade.
A posta a piques deste tipo de metodoloxías instrumentais supoñerá un avance técnico importante, que permitirá impactar nun sector en auxe, como é o resineiro, ao poder levar a cabo a caracterización do produto de forma rápida e sinxela, proporcionando un valor engadido ao mesmo á hora da súa comercialización en diferentes sectores industriais. Aínda queda traballo por facer na caracterización da resina que iremos realizando durante este ano 2023-2024, pero cremos que imos polo camiño de posicionar a resina galega como unha materia prima de calidade, cun valor diferencial no mercado que entronca claramente cos principios de bioeconomía.
Queda traballo por facer, pero imos polo camiño de posicionar a resina galega como materia prima de calidade, cun valor diferencial no mercado
O equipo de traballo PICARE está conformado pola Misión Biolóxica de Galicia, entidade pertencente ao Centro Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC), a Fundación Centro Tecnolóxico e da Madeira (CETEMAS). Como empresas; Xagoaza Pinaster SL, Sinerxias Sostibles Resiforest SL (FORESIN) e Transformación Agraria (TRAGSA) e como profesional libre, Roberto Alfonso Touza. Referencias: Centro Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC); Roberto Touza, Ana Cao, Margarita Lema e Rafael Zas. Sinerxias Sostibles Resiforest SL (FORESIN); *Érika Martínez e María Escudeiro. Fundación Centro Tecnolóxico e da Madeira (CETEMAS); Amelia González e Juan Majada. PICARE encádrase dentro das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O Grupo Operativo “Revalorización dos piñeirais galegos a través da calidade da resina” está financiado nun 100 % e foi dotado dunha cantidade de 178.000 euros para executar durante as anualidades 2022, 2023 e 2024. Financiado por:

Curso de xestión integral de piñeiros en Monforte

A firma Foresín realizará desde o 30 de outubro até o 11 de novembro un curso sobre o manexo do piñeiro en Lugo. A acción formativa levará por nome "Xestión Integral de Piñeiros: madeira, resina, cogomelos e gando". O obxectivo deste curso é formar ás persoas asistentes no aproveitamento integral do bosque de piñeiro en todos os seus aspectos. Durante a realización do curso de impartirán conceptos sobre o aproveitamento resineiro como medio para a xestión integral das masas de piñeiro, para que o alumnado adquira os coñecementos precisos para obter madeira de pino de calidade, resina, cogomelos e se considere o gando como medio alternativo para o control do sotobosque. O curso realizarase no Centro de Interpretación Terras do Miño (Lugo), terá unha duración de 40 horas e as datas van do 30 e 31 de outubro a 2,3,6,7,8, 10 e 11 de novembro. A actividade está financiada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Contacto para mais información distrito.forestal9@xunta.gal 982 828 620 Inscripcións https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas

Curso en Silleda sobre técnicas de extracción de resina

A localidade pontevedresa de Silleda acollerá ao longo do mes de setembro un curso gratuíto sobre técnicas de extracción de resina. A actividade está organizada pola consultora forestal Foresin xunto a Axencia Galega de Calidade Alimetaria, AGACAL.  O curso impartirase na oficina agraria comarcal e nel trataranse os principios básicos dun aproveitamento resineiro así como a viabilidade económica do mesmo, diferentes métodos de extracción e rematarase cunha visita guiada á unha explotación resineira profesional.  A duración desta actividade formativa é de 36 horas que se impartirán os días 18, 19, 20, 21, 25, 26 e 27 de setembro Contacto para máis información: juan.antonio.ortega.martinez@xunta.gal ou 886 159 475 Inscripcións: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas

Oferta de emprego de Foresin en traballo forestal

A empresa FORESIN está ampliando o seu equipo de traballo e actualmente busca incorporar máis persoal ao Departamento de Xestión Forestal, na parte de traballos forestais.

Que tarefas realizará?

As tarefas principais que deberá desenvolver, como parte do equipo, son:
✔ Execución de traballos de campo para a extracción de resina, tanto nas parcelas de investigación como nas de produción.
✔ Toma de datos en campo sobre produción de resina.
✔ Apoio en visitas de campo sobre compostaxe.

Que tipo de persoa buscan?

Para poder desenvolver estas tarefas buscan unha persoa:
✔ Á que lle guste o traballo de campo, especialmente en contornas forestais.
✔ Con capacidade de traballo en equipo, xa que traballarás en coordinación diaria con todo o equipo de FORESIN.
✔ Con ganas de aprender e evolucionar profesionalmente. A empresa sinala que o sector do aproveitamento resineiro resulta aínda descoñecido en Galicia, así que non é preciso que a persoa teña coñecementos específicos pero si ganas de aprender e formarse.
✔ Responsable, eficaz e resolutiva na execución do seu traballo.
✔ Con capacidade de comunicación e flexibilidade para adaptarse ás diferentes tarefas.

Que ofrecen?

Foresin é unha empresa en constante crecemento e desenvolvemento, polo que a persoa que se incorpore deberá gustarlle o que fai e querer ter percorrido na empresa.

Ofrece:
✔ Xornada completa.

✔ Moi bo ambiente de traballo, nun equipo de profesionais de diferentes perfís que acompañarán á persoa en todo o seu proceso formativo.

O lugar de traballo implicará desprazarse entre as provincias de Lugo e Coruña.Pódese enviar o curriculum a: informacion@foresin.es

Xornada en Lugo sobre aproveitamento resineiro

Foresin e o Distrito Forestal IX Lugo-Sarria organizan o vindeiro 8 de xuño unha xornada sobre o aproveitamento resineiro.  Falarase sobre os traballos realizados nunha parcela de experimentación que Foresin ten no Río Rato de Pinus radiata. Tamén se comentarán os resultados, a calidade da resina en P. radiata. Rematarase a xornada cunha visita a parcela para amosar o traballo e onde se verán os diferentes métodos de extracción de resina usados ata agora para mellor os rendementos dos resineiros e a calidade da resina recollida. A actividade é aberta ó público sen necesidade de inscripción previa.

A Xunta destaca o potencial resineiro do monte galego

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou este martes na inauguración da Xornada final de exposición de resultados do Grupo operativo Acrema, celebrada na Escola Politécnica Superior de Lugo. Na súa intervención destacou o labor da produción resineira en prol da multifuncionalidade do monte e o fomento dos recursos forestais non madereiros, tal e como se contempla no Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Tamén, José Luis Chan indicou que, grazas a este aproveitamento, ao mesmo tempo que se produce, estase a crear emprego de calidade, o que se traduce en fixación da poboación rural. Todo isto sen descoidar a sinerxía coa prevención de incendios forestais e a compatibilidade co resto de aproveitamentos forestais. Así mesmo, o director xeral lembrou que coa publicación do decreto de aproveitamentos forestais, no que se regula por primeira vez en Galicia o aproveitamento da resina, a Consellería do Medio Rural deu resposta ás peticións demandadas polo sector. Do mesmo xeito, destacou a aposta que está a facer o Goberno galego a prol da preparación dos montes que despois se resinarán, no marco da convocatoria por case 10 millóns de euros de accións silvícolas que vén de ampliar o seu prazo de solicitude deica o 10 de abril. Tamén aludiu aos 9 millóns de euros en achegas da Axencia Galega da Industria Forestal para investimentos en maquinaria e instalacións, cuxo prazo de solicitudes remata este venres 17 de marzo. Neste caso, poden subvencionarse bens de equipo e instalacións de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de resina. Posteriormente, a xornada continuou ao longo do día con diversas charlas que abordaron temas como a produtividade e optimización dos sistemas de extracción de resina, os efectos da resinación sobre o crecemento, defensas e reprodución das árbores ou os métodos de análise da calidade da resina , entre outros. Así, contouse con expertos de entidades como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, as universidades de Santiago de Compostela e Vigo, a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) de Lugo, a consultora ambiental Foresin e o asturiano Centro Tecnológico Forestal y de la Madera (Cetemas).

“Os efectos da resinación sobre o piñeiro son moi pequenos e ás veces incluso son positivos”

Abordamos co investigador da Misión Biolóxica de Galicia, Rafael Zas, os avances que lograron no marco do proxecto Go Acrema sobre a resposta dos piñeiros fronte á extracción de resina. Os seus resultados poden ter efecto directo nos procedementos empregados polos resineiros nos piñeirais galegos. Tamén traballaron sobre as pastas estimulantes máis utilizadas para a produción de resina. Coñecemos as súas conclusións e recomendacións. -Desde a Misión Biolóxica centráronse en estudar a resina, que aspectos abordaron? -No grupo de investigación da Misión Biolóxica, que se chama Xenética e Ecoloxía Forestal, dedicámonos a tentar entender como os piñeiros se defenden dos seus inimigos naturais e as interaccións que os piñeiros teñen cos insectos e patóxenos que os rodean. -É a resina un método defensivo do piñeiro? -Sen dúbida. No caso dos piñeiros, a resina é o mecanismo de resistencia máis característico e importante que teñen fronte aos seus inimigos, de aí o noso interese pola resina. Poderíase dicir que a resina do piñeiro é un paradigma do sistema de defensas en plantas, xa que é unha substancia superespecializada orientada a protexer ás árbores das agresións exteriores. A resina ten propiedades antifúnxicas, repelentes de insectos e ten a capacidade de selar as feridas das árbores. -Ata que punto a extracción da resina debilita ao piñeiro? -Esa é unha dúbida que sempre estivo presente e había moita preocupación especialmente cando se comezou a barallar a opción de resinar nas zonas atlánticas, como Galicia ou Asturias, onde a sanidade dos piñeirais é un pouco delicada, especialmente pola afección do nematodo e do fusarium. Precisamente un dos nosos traballos no proxecto Acrema centrouse en valorar a repercusión do aproveitamento resineiro sobre aspectos defensivos das árbores. Como era esperable, as árbores responden ás agresións que supón a resinación tentando aumentar o investimento defensivo, é dicir producindo máis resina ou outros compostos defensivos, preto das zonas de resinación, á conta dunha redución nas partes máis afastadas. En principio, os efectos da resinación para o piñeiro son moi pequenos e non sempre son negativos. Ás veces son efectos mesmo positivos. Hai máis capacidade defensiva en árbores resinados que en non resinados, dependendo do tecido. -Pode ser unha vía de entrada para outro tipo de patóxenos? -Cos resultados non podemos ser aínda moi concluíntes, xa que nos centramos en estudar o investimento da árbore en defensas. Desde ese punto de vista, non son máis susceptibles as árbores resinadas. Aínda que hai que estudar máis en detalle se a resinación pode ser un foco de risco, a miña impresión é que non o vai ser, dada a capacidade da árbore de responder ás agresións. Así, o esperable é que non sexa un factor de maior risco, pero hai que comprobalo de forma experimental. -Pódese seguir resinando aínda que avance o nematodo do piñeiro, como xa están a facer en Portugal? -Sería partidario de facelo, xa que non hai ningunha evidencia de que esta actividade puidese ser prexudicial e favoreza o avance do nematodo. Ademais, a teoría dinos que as árbores tenderán a ser máis resistentes ao vector do nematodo. Con esas premisas creo que pode ser esaxerado manter a prohibición de resinar nesas zonas.
“Hai unha resposta clara do piñeiro fronte á resinación, cun maior fluxo de resina cara ás zonas de resinación. Trasládase a resina da copa ás zonas das feridas”
-Hai diferenzas significativas no comportamento dos piñeiros, unha vez están sometidos á extracción de resina? -Os piñeiros, como case todas as plantas, son capaces de recibir e reaccionar ante estímulos externos. É moi evidente a súa capacidade de percibir que están a ser atacadas por un inimigo e aumentar a súa defensa. Isto é precisamente o que ocorre coa resinación. Hai unha resposta clara fronte á resinación, cun maior fluxo de resina cara ás zonas de resinación. Hai un traslado de resina da copa ás zonas das feridas. Tamén hai variacións no contido nutricional dos tecidos da copa, que se ven mermados. Mesmo hai alteracións na capacidade reprodutiva das árbores, pero non sempre son respostas negativas. -Inflúe o método de resinación na produción de resina? Hai un movemento do fluxo de resina en función da forma de resinar? -Aínda que non son a persoa máis indicada para responder, claramente o método de resinación e a pasta que se utiliza ou a forma de aplicala ás feridas afecta á produción de resina. -No seu estudo contaron con piñeiros que foron resinados durante 3 ou 5 anos, móstranse diferenzas?  -Para estudar os efectos da resinación fixémolo en dous montes, un en Caldas e outro en Pantón, onde un levaba sendo resinado 3 campañas e outro 5, pero non podemos comparalos entre si porque son dous montes diferentes. Aínda así, os resultados son bastantes consistentes, é dicir os efectos son moi parecidos. Hai unha resposta moi clara local ao redor das feridas de resinación nos dous sitios e unhas lixeiras variacións de distintos caracteres na copa das árbores que suxire que hai unha traslocación. Evidencia que a resposta das árbores consiste en trasladar recursos á zona onde está a ser agredida. Eses mínimos efectos da resinación en ambolos dous montes poden deberse tamén a que os piñeiros están nun ambiente moi propicio para o seu desenvolvemento, moi abundante en recursos.
“Nos piñeirais que só vaian a resinarse 5 campañas, o ideal sería ir realizando picas cara arriba sobre a mesma cara”
-Como pode condicionar este fluxo da resina os traballos de extracción en campo? -Tería repercusións á hora de definir como é a secuencia das feridas das picas que se fan nos piñeiros. En concreto, onde se acumula maior cantidade de resina en anos seguintes é na zona da cara resinada e por encima da pica. O ideal sería, en campañas sucesivas, tender a ir realizando picas cara arriba sobre a mesma cara. -É correcto seguir traballando como se está facendo ata o de agora? -En Galicia tampouco hai árbores que fosen resinados moito máis alá de 5 campañas seguidas, como ocorre en zonas produtoras como Castela, onde se está resinando durante 25 anos e onde ao final terminas por ter que cambiar de fronte. En zonas nas que se vaia a resinar só durante 5 anos é recomendable que se faga nunha cara, empezando desde abaixo e ir subindo. -No marco do proxecto Go Acrema analizaron 15 pastas estimulantes. Con que obxectivo se fixo esta comparación? -Por unha banda, todo o coñecemento que hai en España sobre o mundo da resina procede de experiencias realizadas na meseta castelá, principal produtor e aínda que a especie é a mesma que en Galicia, as condicións son moi diferentes. Cabía a dúbida de se esas pastas estimulantes que alí estaban a dar resultados tamén ían funcionar de igual maneira nos piñeirais atlánticos, cunhas condicións ambientais e silvícolas diferentes. Por outra banda, todas estas pastas estimulantes están formuladas a base de ácidos moi corrosivos e buscábanse pastas alternativas que fosen máis benignas para a saúde dos traballadores e do ambiente. Así, aproveitamos uns métodos que tiñamos para avaliar a capacidade defensiva das árbores estimando o fluxo de resina, coñecidos como microrresinación, para estimar a produción cun método tradicional. Desta maneira, con este método rápido e áxil, puidemos avaliar moitas pastas, en diferentes lugares e moitas árbores. -Que tipo de pastas avaliastes dentro do proxecto Go Acrema? -Moitas das pastas que avaliamos son comerciais e utilizadas en distintas partes do mundo. Tamén se incluíron outras froito da innovación, buscando esas pastas que fosen máis sostibles. Así, dentro do consorcio de Acrema, os distintos socios foron achegando as súas ideas. En concreto desde a Misión Biolóxica probamos unha alternativa relacionada co uso dunha fitohormona, involucrada na detección da árbore desde que é danada ata que reacciona. -Cales son as que mellores resultados en materia de sustentabilidade están a demostrar? -En xeral, as alternativas nas que se reduce a presenza de ácidos corrosivos son menos eficaces, polo que non hai ningunha solución innovadora que poida substituír aos ácidos clásicos. Aínda que si hai pastas desenvolvidas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán que teñen interese. Trátase dunha alternativa baseada na fitohormona do ácido salicílico, que está a proporcionar bos resultados. Tamén hai outras pastas que non se estaban utilizando no mercado nacional e que funcionaron ben.
“Tras a análise, podemos ofrecer recomendacións das pastas estimulantes que mellor funcionan nos piñeirais galegos”
-Hai algunhas pastas das analizadas que sexan unha boa alternativa para utilizar en piñeirais galegos? -Hai unha selección das pastas analizadas que funcionan moi ben nos piñeirais galegos. Grazas á investigación, podemos dar recomendacións sobre as que mellor funcionan. -Tamén levaron a cabo un estudo do potencial resineiro do piñeiro do país (Pinus pinaster). Que conclusións destacan? -No último ano do proxecto e utilizando eses métodos de microrresinación, fixemos unha mostraxe xigantesca e que nos permitiu avaliar o potencial de produción de resina nunha gran cantidade de montes distribuídos desde a vertente da costa atlántica noroeste ata a montaña de Soria e Burgos. Realizamos unha mostraxe en máis dun cento de parcelas e detectamos unha variación moi grande. Polo momento, estamos pendentes de analizar os datos para poder determinar os factores que determinan esa variación. -Aínda que queda por realizar esa análise, pode adiantar xa algo sobre iso? -Vimos unha gran variabilidade e esta non é trivial, xa que non detectamos polo momento ningún factor que poida explicar o seu porqué. Non hai factores a primeira vista que expliquen porqué un piñeiral produce máis resina que outro. Así, hai piñeirais nunha mesma zona que poden chegar a producir ata 5 veces máis cantidade de resina que outros. Tamén detectamos parcelas superproductoras en Galicia que estarían ao nivel das de Castela, pero está aínda pendente de ser confirmado estatisticamente. Isto sumado a que en Galicia temos 400.000 hectáreas de piñeiral ratifica o potencial resineiro dos piñeirais galegos, que non só é de interese por ser unha alternativa produtiva para os montes, senón polo ben que xera o aproveitamento resineiro no piñeiral, xa que recupera a relación do piñeiral co home. Desta maneira, cóidanse máis os piñeirais e redúcese o risco de abandono e incendios forestais. -Estades a traballar noutros proxectos sobre resina? -Dentro da mesma liña dos traballos que se realizaron no marco do proxecto Go Acrema, estamos agora empezando a traballar noutras iniciativas coas que buscamos seguir dando continuidade aos avances en resina. Por unha banda, trátase do grupo operativo rexional Picare, destinado a afondar sobre a caracterización da calidade da resina para conseguir a revalorización da resina de calidade, o que supón seguir investigando nos avances conseguidos co proxecto Go Acrema. Analizaremos os factores que determinan a calidade para saber canto vén dado pola xenética ou polo ambiente. Por outra banda, estamos a iniciar o proxecto Tapines, que está destinado a estudar máis en profundidade a repercusión do aproveitamento resineiro non só sobre a fisioloxía da árbore individual senón as súas interaccións co ecosistema.

Proyecto financiado por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en el marco del Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020 con un importe de 558.710,55 euros. El importe del proyecto es cofinanciado al 80% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) y al 20% por fondos de la Administración General del Estado (AGE), tal como se establece en el Real Decreto 169/2018, de 23 de marzo. El organismo responsable del contenido es el GO-ACREMA y la Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) como autoridad de gestión encargada de la aplicación de la ayuda FEADER y nacional correspondiente.

“Desenvolvemos un simulador que permitirá calcular o potencial resineiro de calquera piñeiral”

O grupo PROePLA é un dos integrantes do proxecto Go Acrema centrado na produción de resina. Abordamos co profesor da Escola Politécnica de Lugo, Manuel Marey, que é un dos destacados integrantes deste grupo, a súa participación no proxecto. A análise de datos da produción de resina que realizaron amosa diferencias entre os métodos de extracción, a influencia das pastas e unha gran variabilidade entre as árbores unha vez sometidas a estes tratamentos. Coñecemos máis polo miúdo as súas conclusións iniciais e os avances prácticos que suporá para o sector, co desenvolvemento de ferramentas que axuden a coñecer a capacidade resineira dunha masa de piñeiros. -Por que decidides comezar a traballar sobre a resina? -Por unha banda hai unha compoñente persoal, xa que a impulsora do proxecto Érika Martínez, foi alumna miña na Escola Politécnica Superior de Enxeñería. Sempre foi unha alumna moi destacada e con moita iniciativa e que mantivo un vínculo con grupos de investigación da Universidade unha vez rematados os seus estudos. Ela coñecía a traxectoria de PROePLA na modelización e elaboración de sistemas de apoio á decisión, un ámbito no que estamos especializados e cando nos pediu colaboración decidimos ir adiante co estudo da resina. -Foi a primeira vez que traballastes sobre a resina? -Correcto. nós non eramos expertos na resina. Nós somos expertos no proceso de crear simuladores, é dicir creamos artefactos informático-matemáticos que permiten simular ou modelizar escenarios de comportamentos con determinadas variables. Neste caso centrámonos na produción de resina como antes fixéramos coa produción de leite, entre outros temas. Apetecíanos tamén abrirnos a novos retos. Entendemos que na Universidade hai que estar saíndo constantemente da zona de confort e así o fixemos con este proxecto, foi un novo desafío. Tamén é interesante que fose un tema no que non eramos expertos porque achegarte por primeira vez a el ten a vantaxe de non caer nos apriorismos que teñen aqueles profesionais da materia.
“Buscábamos saber o potencial resineiro dunha masa de piñeiro en Galicia, Asturias e Castela e León, sometidos a diferentes prácticas de extracción de resina dacordo a un deseño experimental”
-En que consiste o traballo que levastes a cabo? -Ocupámonos de formular o inventario de recollida de datos do proxecto Acrema, despois de facer todo o proceso de obtención do resultado do potencial resineiro das masas de piñeiro pinaster da zona do ámbito do proxecto, que abarca Galicia, Asturias e boa parte de Castela e León. En primeiro lugar fixemos o deseño e localización desas posibles zonas nas cales interesaría ter unha parcela puntual de extracción de resina para poder ter unha caracterización da produción resineira no ámbito de actuación do proxecto. Logo, centrámonos na modelización da produción de resina, é dicir, a partir dos datos obtidos en campo por outros membros do proxecto Acrema ser capaces de saber o potencial produtor do piñeiro pinaster para poder establecer unha mapificación e caracterización. En definitiva, buscábamos saber o potencial resineiro dunha masa de piñeiro en Galicia, Asturias e Castela e León, sometidos a diferentes prácticas de extracción de resina dacordo a un deseño experimental. -Que datos se procesaron? -Temos un set de datos moi rigoroso, pero non tan amplo como nos gustaría. Existen datos históricos de produción de resina, especialmente en Castela León, pero que teñen a dificultade de que foron tomados con criterios distintos,  o que facía que non puidesen ser utilizados para a construción de modelos, pois conducirían presumiblemente a erros nos resultados obtidos. No proxecto Acrema partíuse dunha recollida de datos seguindo premisas estadísticas e científicas, que supoñían unha recollida de mostras de forma controlada en todo momento e tendo individuos de control nas parcelas nas que se producía a medición. A recollida de datos ten a súa complexidade, xa que se trata dunha recollida repetida durante un ano no monte, nunhas 15 picas con condicións meteorolóxicas cambiantes, estado do matorral, etc. En concreto, tomáronse datos de macrorresinación en tres parcelas de Galicia, unha en Asturias e outra en Coca (Castela e León). -Que marxe de erro ten este modelo? -Estamos en disposición de construír modelos que permiten predecir a produción de resina cun marxe de erro que pode oscilar entre un 14% (nos mellores casos) e un 27% de erro (naqueles casos con peor axuste). Isto conseguiuse xa que fixemos un tratamento dos datos con criterios científicos e fíxose unha modelización con técnicas estadísticas das máis modernas, empregando Machine Learning ou algoritmos tipo Random Forest. É a primeira vez que temos constancia que se empregan estas técnicas neste ámbito. -Estamos ante un feito que pode ter relevancia a nivel mundial para o sector? -Neste proxecto, os investigadores Óscar López e Luis Franco fixeron unha revisión exhaustiva das publicacións científicas a nivel mundial sobre a produción de resina e cremos que a forma de modelizar que propoñemos pode resultar de moito interese para a comunidade científica. Estamos pendentes da publicación de varios artigos coas conclusións obtidas, pero nós estamos moi satisfeitos cos resultados.
“O emprego da pasta supón que a produción se incrementa en torno a un 700%”
-Analizastes tamén diferentes técnicas de extracción, o modelo tradicional e o circular, así como o uso das distintas pastas que favorecen a produción de resina. Que conclusións se poden sacar ó respecto? -A pasta explica a produción de resina. En mediana, o emprego da pasta supón que a produción se incrementa en torno a un 700% en comparación á produción dos piñeiros de control, aqueles ós que non se lle aplicou ningunha pasta. A partir de aí detectamos comportamentos un pouco distintos. Maioritariamente o método tradicional ía mellor que o circular, pese a que se aprecia que o método circular é máis rápido e a curva de aprendizaxe é máis curta, ademais de resultar unha recollida da resina máis limpa de impurezas. Mentres, o tradicional esixe certa pericia, esforzo e traballo por parte do resineiro. O mesmo que acontece coas pastas, tamén se observa certa variabilidade nas parcelas. -A pesar desa variabilidade, é mellor un método de extracción que outro? -A variabilidade dos resultados fai difícil escoller un como mellor, pero si se observa que o rendemento do método circular en termos de tempo de traballo é menor. Resultados de produción (gramos) das árbores resinadas a oito picas nas parcelas de Galicia e Asturias no ano 2021. -No caso da pasta, hai variabilidade entre pastas ou entre a reacción dos piñeiros? -Tivemos certa homoxeneidade cos exemplares de control, situándose en torno á media, o que nos indica que no potencial xenético e nas características dasométricas das árbores non se observa esa variabilidade. Así, unha vez que empregas as pastas as árbores reaccionan de forma moi variable, podendo dende multiplicar a produción, como antes indicaba sete veces en mediana, ata quedar en valores semellantes ás árbores de control. -O propio proceso de extracción inflúe na produción de resina? -Observamos diferencias entre as distintas picas, o que nos amosa que a produción non é homoxénea ó longo do ano. Tamén vimos que árbores que comezan producindo unha gran cantidade de resina tenden a producir menos a final de temporada e no caso doutras árbores prodúcese o fenómeno oposto. Así, ó longo do ano hai un comportamento bastante cambiante. -Tivestes variación tamén entre as dúas campañas? -Si. Observamos que en determinadas parcelas o ano 2021 e 2022 foron moi distintos en canto á produción obtida ó longo da campaña, aínda que de media teñen certas similitudes. Estamos traballando nunha función matemática que permita ver as variacións que se producen ó longo do ano para que o resineiro poida tomar decisións unha vez comezada a campaña, pero tamén neste senso as variacións antes sinaladas dificultan a modelización.
“As pastas provocan unha estimulación na produción de resina moi variable ó longo do ano”
-Esta variabilidade supuxo unha dificultade para desenvolver este modelo? -Témonos atopado con procesos difíciles, pero o proceso de modelizar a produción de resina resultou un dos máis complexos pola gran variabilidade que detectamos. O modelo non se pode adaptar a unha media por parcela ou zona, hai que traballar con árbores individuais. Ese foi o motivo polo que traballamos con técnicas como o Machine Learning, que che permiten individualizar. O valor medio por parcela non resulta o mellor indicador unha vez que se aplican pastas, xa que provoca unha reacción de estimulación na produción moi variable nas diferentes árbores da parcela e tamén ó longo da campaña. Ábrese un camiño moi interesante para seguir investigando e así coñecer por que  se producen esas variacións. -Que perspectivas hai de que os resultados logrados por vós no marco deste proxecto teñan unha aplicación práctica e directa polo sector da resina? -Ademais do modelo produtivo, desenvolvemos unha páxina web cun simulador, que presentaremos o próximo mes na xornada final de exposición de resultados que se vai celebrar o 14 de marzo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. Este simulador é unha ferramenta que ten acceso á información catastral, o que permite seleccionar unha parcela, unha vez feito isto debe introducirse o tipo de tratamento (circular ou tradicional) e o tipo de pasta que se emprega, así como os datos dasométricos dos piñeiros (diámetro normal, altura total e número de árbores...). Unha vez introducidos estes datos calcúlase o potencial resineiro, o volume de resina que se pode extraer, desa masa de piñeiros. Esa páxina web e o simulador serán de acceso libre, polo que calquera persoa poderá empregala. É unha ferramenta moi semellante a outras xa empregadas como o visor SigPac. Simulador de produción de resina elaborado por PROePLA dentro do proxecto GO ACREMA. -Esta iniciativa forma parte do proxecto Go Acrema, como o valoras? -É un proxecto moi ambicioso e amplo e estanse logrando resultados interesantes. Por parte da impulsora do proxecto houbo un esforzo importante tanto para conseguir fondos como logo para a súa xestión. No noso caso estamos moi satisfeitos cos resultados e ter colaborado neste proxecto. -E resúmenos, por último, o que é PROePLA, o voso grupo de investigación. -PROePLA e o acrónimo de Proxectos e Planificación. É un grupo de investigación da Universidade de Compostela, con 25 anos de historia e que leva acumulados éxitos como é ser o grupo de referencia competitiva. Nestes anos leva feito un labor de investigación e de transferencia nos sectores agrícolas, forestais e gandeiros. É un grupo transversal que conta con profesionais cunha alta actividade tanto investigadora como de transferencia. É un grupo cun gran apego ó rural.

Proyecto financiado por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en el marco del Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020 con un importe de 558.710,55 euros. El importe del proyecto es cofinanciado al 80% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) y al 20% por fondos de la Administración General del Estado (AGE), tal como se establece en el Real Decreto 169/2018, de 23 de marzo. El organismo responsable del contenido es el GO-ACREMA y la Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) como autoridad de gestión encargada de la aplicación de la ayuda FEADER y nacional correspondiente.

 

Tecnoloxía NIRs aplicada á determinación da calidade das resinas: a innovación da tradición

O Centro Tecnolóxico, Forestal e da Madeira, Cetemas, en Asturias, colabora na mellora da produtividade das masas de piñeiros e o seu aproveitamento resinero. A calidade da resina é o eixo dos traballos desenvolvidos desde dito centro. O seu traballo permitirá dispoñer de ferramentas de baixo custo para caracterizar a calidade da resina, o que supón importantes vantaxes para o sector, tanto para as industrias como para os resineiros. Coñecemos co investigador e director do Cetemas, Juan Majada, así como coa investigadora principal do proxecto, Amelia González Lanzo, a investigación e os avances que lograron ata o momento. -Por que decidiron centrar os seus esforzos na calidade da resina? -No sector resinero, do mesmo xeito que ocorre con outros sectores do ámbito forestal, a rendibilidade está centrada na facturación por volume e non hai unha valorización en prezos por calidade do produto. Por iso, cando hai 3 anos empezamos a traballar no proxecto expuxemos un enfoque diferencial que incluíse o desenvolvemento de tecnoloxías para poder caracterizar a resina, tanto no momento da recollida como durante a transformación, de forma que se poidan revalorizar por calidades os produtos que se obteñan, e que implique maior ganancia tanto para quen extrae a resina como para o propietario forestal. -Que factores determinan a calidade da resina? -O concepto de calidade de resina é moi amplo, polo que á hora de avalialo poden establecerse distintos chanzos. Así, desde o punto de vista da empresa resineira, unha resina de calidade é aquela que ten un alto rendemento nos produtos de interese, é dicir, unha porcentaxe elevada de compoñentes principais (trementina e colofonia) e poucas impurezas. Eses compoñentes da resina á súa vez teñen unha composición química coas súas peculiaridades que lle fan ser máis adecuados para ser utilizados por unhas empresas de segunda transformación ou outras. Así, por exemplo, a presenza dalgúns compostos limita que poidan empregarse esas resinas para fins farmacéuticos ou de perfumería. -Que compoñentes se teñen en conta para analizar a calidade da resina? -Na análise de calidade da colofonia ou a trementina téñense en conta, entre outros parámetros, a acidez, a cor, as impurezas ou a porcentaxe no que se atopan determinados compoñentes. Eses dous compoñentes principais da resina procésanse na industria de segunda transformación para a obtención de produtos derivados, polo que a industria en cada modelo de negocio busca certos compostos que lles faciliten ese proceso industrial.
“Caracterizar e clasificar a resina pola súa pureza ou calidades permite obter un maior prezo polo destino que se lle poida dar”
-En que consistiu o traballo realizado desde Cetemas? -Expúxose aplicar unha tecnoloxía sinxela, versátil e económica (tecnoloxía NIRs) que permitise obter unha ferramenta de caracterización da resina e poder darlles un prezo maior ás resinas puras obtidas polos métodos innovadores de Acrema ou polo destino que poida ter, ou por ambolos dous motivos. Con esta ferramenta poderase preseleccionar a resina en función do uso que se lle queira dar, conseguindo un produto máis competitivo. -Dispoñen xa desta ferramenta? Cal é o seu funcionamento? A ferramenta baséase na aplicación da espectroscopía do infravermello próximo (NIRs), e consiste en facer incidir un feixe de radiación cunha lonxitude de onda determinada sobre a mostra. O comportamento da mostra fronte a esa radiación é captada por un detector que xera un sinal (espectro) o cal relacionamos cos datos obtidos en laboratorio con técnicas tradicionais. A partir destes datos e aplicando softwares específicos podemos desenvolver modelos para predicir estes valores. O obxectivo final é lograr unha análise da resina de forma rápida, xa que tradicionalmente a análise da calidade realízase en laboratorio con metodoloxías tediosas e que requiren tempo, persoal e que ademais xeran abundantes residuos. -Que vantaxes proporcionará o uso de técnicas NIRs? -Son técnicas que, unha vez implementadas e validadas, son rápidas, sinxelas e non destrutivas, xa que a mostra non se destrúe como ocorre nas análises clásicas de laboratorio. Estas ferramentas permitirían automatizar estas análises, ademais de ser moi versátiles e existir unha gran variedade de dispositivos no mercado que poderían adaptarse á análise da resina, de tal forma que case in situ poderíase determinar a calidade da resina, predicindo unha serie de parámetros de interese. Unha análise de NIR dura menos de 1 minuto, polo que proporciona unha vantaxe importante. -Sería significativo para o sector coñecer desta forma a calidade da resina? -Poderíase caracterizar e agrupar a resina por lotes en base á súa orixe xeográfica e a súa calidade, de maneira que se clasificaría con rastrexabilidade para diferentes usos.
“O uso da tecnoloxía NIR permitiría tamén unha rastrexabilidade de orixes xeográficas de calidade, que pode ser de interese para as industrias”
-Poderíanse facer estas análises NIR en campo? -Podería adaptarse, cos dispositivos adecuados, para facer un cribado inicial xa sexa no monte ou a fábrica. No monte préstase máis atención a lograr unha extracción rápida e eficaz, polo que sería máis operativo facelo en fábrica, permitindo unha vantaxe considerable para determinar grao de impurezas e calidades. Isto permitiría tamén unha rastrexabilidade clasificando e agrupando lotes en función da calidade para utilizar despois nun destino e utilidade diferente segundo a súa composición. -Cando poderá estar operativa esta para a análise da resina? -Por agora estamos a traballar en adaptar a tecnoloxía, para que poida aplicarse ás mostras de resina e comprobando que parámetros de interese para a caracterización da resina se poden predicir. Os resultados son prometedores e para esta primavera esperamos ter resultados máis robustos. O éxito da tecnoloxía NIRs está condicionado en dispoñer dunha poboación de calibración (mostras) moi ampla, que sexa representativa da variabilidade das mostras para poder desenvolver modelos robustos que permitan unha predición fiable. -Á hora de obter resina de maior pureza, resulta determinante o método de extracción para lograr unha resina de calidade? -O primeiro paso abordado no proxecto, ademais de avaliar resina de distintos puntos de recollida e especies, foi avaliar o rendemento comparativo dos diferentes métodos de extracción. Nesta análise inclúese a cantidade de resina que se recolle, así como cal é a porcentaxe de compoñentes principais. Sen entrar nunha análise de compoñentes, recoller a resina sen impurezas á industria suponlle un gran avance, xa que cos métodos tradicionais de extracción chegan na resina desde follas ou cortizas do piñeiro, así como insectos, o que implica que de media a resina teña entre un 10 - 15% de impurezas, polo que as fábricas deben asumir un proceso de limpeza. Estas impurezas, ademais de reducir o volume de resina utilizable, xeran un residuo en fábrica, polo que recibir a resina máis limpa para a industria é xa en si mesma unha vantaxe. Ademais, un dos obxectivos que ten o proxecto é desenvolver e avaliar métodos de extracción da resina que implican modelos de xestión diferentes aos clásicos de recollida de resina. A intención é definir métodos de traballo para os resineiros adaptados a este tipo de tecnoloxías que son un pouco diferentes. Estas innovacións xa permiten recoller unha resina pura, o que se traduce nun maior rendemento na composición química con maior valor e é máis interesante para determinados usos, xa que se están probando indutores ecolóxicos, o que abriría a ampliar o uso da resina en sectores como a biomedicina e cosmética.
“Co método de extracción pechada lógrase unha resina máis pura e cunha maior porcentaxe de trementina”
-Que avances hai xa en canto aos métodos de extracción? -Comparáronse dúas metodoloxías de extracción: o método pechado, no que a resina non ten contacto co aire fronte ao método tradicional ou de pica ascendente. A primeira ollada xa se aprecia que co método pechado lógrase unha resina máis pura, e ademais lógrase unha maior porcentaxe de trementina. Tamén afecta o índice de acidez, dentro do rango que se considera adecuado para o uso das colofonias, así como a parámetros como o grao de cor que resulta máis adecuado e unha mellora na composición química de compostos de interese. Doutra banda, dentro do proxecto está a traballarse con distintos inductores para conseguir que o piñeiro manteña esa capacidade de resinación durante máis tempo, o que alonga os tempos entre as revisións que debe facer o resineiro, de maneira que se consegue unha maior rendibilidade ao poder reducir o número de visitas. -Hai diferenza entre a resina dos Pinus pinaster e Pinus radiata? Cal proporciona resina de maior calidade? -Analizamos tanto mostras de resina de Pinus pinaster e radiata extraídas tanto con métodos tradicionais como en bolsa pechada. Viuse que as porcentaxes de trementina máis elevadas sempre os alcanza o Pinus pinaster. O Pinus radiata achégase bastante, pero non chega a eses valores, polo menos nas mostras que manexamos polo momento. Son resultados preliminares e cun número de mostras non moi elevado no caso de Pinus radiata.
"Constatamos que hai árbores superprodutores, que producen unha cantidade inxente de resina, dispersos en todo o territorio nacional"
-Hai diferenzas na calidade da resina entre os piñeirais de distintas zonas xeográficas? -A nivel xeral e cos mesmos métodos de extracción, constatouse unha lixeira maior produción media en zonas máis mediterráneas como Segovia fronte ás zonas máis atlánticas como a costa coruñesa. Débese a cuestións climáticas. O interesante é que tamén constatamos que hai árbores superprodutores, que producen unha cantidade inxente de resina, dispersos en todo o territorio nacional, o que confirma que a produción resineira tamén pode ser viable nas rexións máis atlánticas. Proyecto financiado por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en el marco del Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020 con un importe de 558.710,55 euros. El importe del proyecto es cofinanciado al 80% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) y al 20% por fondos de la Administración General del Estado (AGE), tal como se establece en el Real Decreto 169/2018, de 23 de marzo. El organismo responsable del contenido es el GO-ACREMA y la Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) como autoridad de gestión encargada de la aplicación de la ayuda FEADER y nacional correspondiente.

Creado o Observatorio de datos da resina

Resinación polo método de pica tradicional e con bolsa. Foto: Ismael Muñoz O Grupo Operativo Resinlab, integrado por centros de investigación de Castela e León, Castela-A Mancha e Estremadura, crea o Observatorio de Datos da Resina co obxectivo de achegar transparencia a un sector clave na xestión forestal sostible das masas de Pinus pinaster e na xeración de rendas nalgunhas provincias. No Grupo Operativo RESINLAB, Rede de Territorios para o impulso da actividade resineira, propietarios, xestores, investigadores, resineiros e a industria de transformación traballan conxuntamente para innovar nos procesos de obtención da resina; nos modelos profesionais que permitan unha maior rendibilidade a resineiros e propietarios; e na mellora da cadea de valor que garanta o mantemento da actividade e do mercado nacional.
Dispoñer de transparencia facilita ao sector tomar as mellores decisións sobre o aproveitamento e a venda do produto
Forman parte deste proxecto como socios: CESEFOR, COSE, JOGOSA, ADISGATA, FAFCYLE, Sociedade Cooperativa PINASTER, Industrial Resinera VALCAN S.A. e LURESA Resinas S.L. “Dispoñer de transparencia facilita ao sector tomar as mellores decisións sobre a actividade, o aproveitamento e a venda do produto. Mostrará a importancia económica, social e cultural que a resinación ten en numerosos municipios e o potencial que ten como xerador de emprego e rendas rurais”, comenta Aída Rodríguez, coordinadora do GO Resinlab. Información sobre a situación do mercado O Observatorio de Datos da Resina nace despois da recompilación de información entre diversas administracións e organismos públicos e entrevistas en profundidade cos protagonistas da actividade como propietarios, resineiros e industria de primeira e segunda transformación da resina natural.
Este Observatorio achegará transparencia a un sector clave na xestión forestal de masas de Pinus pinaster e na xeración de rendas nalgunhas provincias
Recollerá información sobre a actividade da resinación, os resineiros, a industria e o mercado e permitirá a resineiros e propietarios tomar as mellores decisións cun maior coñecemento da situación do sector en cada momento. Completarase con información sobre a balanza comercial e o mercado internacional e contará co asesoramento dun grupo de expertos científicos, técnicos e de xestión. Toda a información estará accesible nun portal web que estará dispoñible antes do mes de marzo, cando remata o traballo do GO Resinlab. Asesoramento a propietarios O Observatorio da Resina estrutúrase en catro grandes bloques:
  • Bases de datos sobre o aproveitamento para a súa consulta e un visor xeográfico
  • Rede de expertos que farán un labor de asesoramento
  • Repositorio de Publicacións científicas, técnicas e de divulgación que se atopan publicadas e que achegan información sobre o sector resineiro
  • Ferramenta dixital para a toma de decisións e medir a rendibilidade da explotación
Toda esta información estará en aberto nun portal web onde se poderán consultar, entre outros, os datos sobre:
  • Municipios resineiros
  • Industrias de transformación
  • Parcelas de ensaio do GO Resinlab
  • Produción por provincia
  • Prezos da resina
  • Número de resineiros por provincia
  • Prezos de materiais
  • Alugueiros de piñeiro
  • Datos de Seguridade Social para o traballador
  • Axudas por provincia
  • Superficie pinaster e superficie potencialmente resinable
  • Comercio exterior e a balanza comercial
O directorio de expertos reúne xa a máis de 50 profesionais que achegan coñecemento e experiencia para solucionar problemas que poidan ter os novos resineiros ou resineiras, propietarios ou mesmo a industria. A intención é que o Observatorio estea activo máis aló da terminación do grupo operativo. Para iso, asináronse acordos de colaboración con estes expertos, celebraranse reunións anuais e actualizaranse os datos do Observatorio, dos experimentos nas parcelas nas que se desenvolveron distintos ensaios para a mellora do aproveitamento e o repositorio de documentos técnicos e de consulta. Ferramenta de toma de decisións Colofonia almacenada. Foto: Ismael Muñoz A ferramenta de apoio á toma de decisións (TDD) está organizada para os tres actores principais da cadea de valor da resina: resineiros, propietarios e industria de transformación. Organízase en dúas partes diferenciadas: por unha banda, responde ás principais dúbidas que poden afectar a cada un deles para emprender a súa actividade, recibir axudas ou desenvolver da forma máis eficiente e sostible a resinación. Por outro, ofrece dúas ferramentas para que o resineiro calcule a rendibilidade do seu aproveitamento e para que o propietario poida coñecer o valor do monte de piñeiro pinaster que queira resinar.
Con estas ferramentas calquera resineiro de forma moi sinxela poderá decidir se lle vai a interesar ou non a actividade
Para o resineiro, a Universidade Politécnica de Madrid (UPM) creou unhas táboas de consulta nas que o resineiro pode comprobar a rendibilidade que terá o seu traballo en función do número de piñeiros en resinación, a produción e o prezo da resina. Tamén dispoñerá dunha calculadora, en formato Excell, na que o resineiro poderá introducir os seus datos de número de piñeiros resinados e prezo final da resina na campaña e calcular a súa rendibilidade de forma máis axustada ás súas circunstancias. “Con estas ferramentas calquera resineiro de forma moi sinxela poderá analizar en que escenario vai atopar en función de distintas variables e poida decidir se lle vai a interesar ou non a actividade. Trátase de facilitar a actividade e a súa rendibilidade”, comenta Patricia Gómez, da Confederación de Selvicultores COSE. Parcelas de ensaio Para o propietario forestal a información complétase cunha ferramenta para coñecer o valor do monte de piñeiro pinaster que queira resinar ou vender, en función de se se trata dun monte desarbolado ou plantado e da idade do piñeiral, ou de se dispón ou non de subvención. As parcelas experimentais están situadas en Huerta del Marquesado (Cuenca), Cobeta (Guadalaxara), Tabuyo del Monte (León), Nieva (Segovia), Cuéllar (Segovia), Tardelcuende (Soria), Gata (Cáceres) e Siberia (Badaxoz). Este proxecto de innovación recibiu unha subvención de 568.974,77 € cofinanciado ao 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e ao 20% por fondos da Administración Xeral do Estado.

“Hai maior demanda de resina de piñeiro que oferta, polo que os derivados de hidrocarburos cobren ese oco”

O brasileiro Alejandro Cunningham acumula máis de 40 anos de experiencia no resinado de piñeiros, un sector no que pasou por distintas áreas, desde a investigación e os servizos ós resineiros ata a industrialización e o mercado internacional. Na actualidade, dirixe o Instituto Brasileiro de Química do Piñeiro. Falamos con el para coñecer a situación do mercado internacional e a súa opinión sobre as perspectivas para a resina en Galicia, no contexto da produción ibérica. -Como valora a situación actual do sector da resina vexetal? -Hai unha demanda global debido a que a produción en China está a caer de forma sostida dende os últimos 10 anos e non hai outro país ou lugar que sexa capaz de cubrir esta baixada de produción de China. O balance total é negativo, todos os anos se produce menos resina no mundo da que se producía. Mentres, a demanda global é crecente, da orde dun 3% mundial ao ano. A caída da produción en China é tal que, a día de hoxe estase producindo a nivel mundial a mesma cantidade que hai 20 anos. Alejandro Cunningham. -Que cifras manexa na actualidade China na produción de resina vexetal? -China segue sendo o principal produtor de resina vexetal, cunha produción anual dunhas 350.000 toneladas de resina. Aínda que, a produción en China é ineficiente e con prezos altos, o que provocou que a produción fose reducíndose desde o 2006. Así é que leva 15 anos caendo, mentres que os soldos no ámbito rural no país están a se incrementar, polo que o resineiro ten máis poder adquisitivo, pero a técnica segue sendo ineficiente, o que provoca que non haxa bo rendemento. -Cunha demanda crecente e a caída da produción en China, principal produtor, pode dicirse que é un bo momento para a resina? -Si, dende logo, pero do mesmo xeito que nos últimos 10 anos. O problema é quen aproveita ese bo momento, xa que hai demanda de resina, pero esta demanda está a ser cuberta por resina de derivados de hidrocarburos, non por resinas vexetais.
“En China o prezo da resina sitúase 1.000 dólares por tonelada por encima do prezo que se paga en Brasil”
-Cal é a situación dos prezos e mercados da resina na actualidade? -O prezo medio da resina sitúase ao redor dos 1.500 dólares por tonelada e entre os países produtores hai unha diferenza duns 250-300 euros no prezo. Con todo, no 2012 había uns 1.000 dólares por tonelada de diferenza entre grandes produtores. Así, dependendo de como se resine hai unha importante diferenza de prezo, que vai desde os 500 aos 1.000 dólares. En China o prezo da resina sitúase 1.000 dólares por tonelada por encima do prezo que se paga en Brasil, o que fai que a produción en China sexa insostible. Prezos da resina en China, Brasil e España desde 2012 ata a actualidade. Fonte: Rosineb, Aresb, BPCI. -Brasil foi durante moito tempo uno dos produtores destacados de resina vexetal. Segue séndoo? Que cifras manexa? -A produción de resina en Brasil duplicouse nos últimos 6 anos, das 100.000 toneladas por ano pasou a 210.000 toneladas por ano, cun crecemento lento. Hai áreas dispoñibles para plantar máis piñeiros e piñeiros para resinar, pero non se prevé que siga aumentando a produción, senón que se manteña. En Brasil o problema é a man de obra, xa que aínda que é unha actividade intensiva non resulta atractiva fronte a outras actividades como a construción civil, principalmente porque a maioría dos resineiros deben desprazarse ás zonas rurais e prefiren quedar traballando na cidade. -En España a estacionalidade da actividade, ao só resinar na primavera - verán, é un dos hándicaps para o resineiro. Ocorre o mesmo no Brasil? -En Brasil, debido ao clima a actividade é anual. Ademais é un esquema diferente, xa que en Brasil os resineiros son operarios da empresa, non son autónomos. -Evolucionaron en Brasil as técnicas de extracción da resina nos últimos anos? -A técnica está bastante afinada aquí. O incremento da produción que se experimentou debeuse ao incremento das áreas resinadas, non se introduciron cambios na técnica de extracción. Hai dous mundos diferentes na produción de resina. Por unha banda está a técnica americana, que é a mesma que  se vén utilizando tamén en España e Portugal. Doutra banda, en países como China, Indonesia, Vietnam e países africanos seguen resinando con técnicas antigas. -Que factores motivaron que Brasil se situase como un dos principais produtores? -En Brasil o problema básico é a produción de resina por hectárea de terra, xa que esa terra pode utilizarse para outros cultivos, polo que hai que competir. Isto non ocorre en zonas de España, como Galicia, onde a maior parte dos piñeirais atópanse en terreos que son só aptos para plantacións forestais, pero en países como Brasil compítese con soia ou cana de azucre, polo que o rendemento da resina debe ser grande para que sexa rendible, de aí tamén que os custos de produción sexan tamén baixos. Na zona da Península Ibérica non adoita haber máis de 300-400 piñeiros por hectárea, mentres que en Brasil chégase a 1.100 piñeiros por hectárea, onde os piñeiros están plantados cada 3 metros e seguindo unha liña, o que marca grandes diferenzas. No Hemisferio Sur os piñeirais foron todos plantados, o que levou a unha maior ordenación e control que naqueles países como España onde boa parte dos piñeirais xurdiron aínda de forma espontánea e con repoboacións naturais. Así, en Brasil un operario pode resinar entre 7.000 a 10.000 árbores e iso non acontece nin en España nin en China. -Cal é o destino da resina producida en Brasil? -Brasil é o maior exportador. Hoxe en día exporta unhas 30.000 toneladas de resina en bruto, sen procesar; unhas 100.000 toneladas de colofonia e unhas 20.000 de aguarrás. O principal destino desta produción brasileira é a Península Ibérica, xa que hai unha relación histórica moi próxima entre os 3 países, posto que a resinación chegou nos anos 70 a Brasil procedente de España e Portugal.
“En España hai que buscar a verticalización da cadea de produción, non pensar só na produción da resina”
-Que lugar ocupa España na produción de resina vexetal? Que cifras manexa España? Na Península Ibérica o crecemento está estancado nos últimos 10 anos. A produción de resina en España e Portugal non alcanza para operar unha soa fábrica de resina en Brasil durante un ano. Así, se esta resina sae fóra dos mercados nacionais, o seu prezo terminará sendo o do mercado, onde compite con grandes produtores como China, Brasil ou Arxentina. -Europa ten posibilidades de competir na produción de resina? -Hai un mercado minorista para bases un tanto especiais. En Europa, ademais da Península Ibérica, hai produción en Turquía, Grecia ou Bielorrusia, pero en todos estes países producen cantidades mínimas, da orde de 1.000 ou 500 toneladas ao ano. Produción mundial da resina en 2021. // Fonte: Brazilian Pine Chemical Institute (BPCI). -Fálase de que Galicia ten un gran potencial resinero Comparte esta opinión? -O potencial resinero en Galicia é interesante para fábricas que estean asentadas en Galicia e que estean a dirixir a súa produción a algún uso específico. O que non ten sentido é saír ao mercado para competir con Brasil, China ou Indonesia, xa que Galicia non ten produción para competir a nivel mundial dese xeito. Probablemente a produción de Galicia se sitúe ao redor das 1.000 toneladas por ano e iso é o que consome unha fábrica de Brasil en 15 días. En Galicia e en España hai que buscar a verticalización da cadea de produción, non pensar só na produción da resina senón na colofonia e o aguarrás e en usos que poida ter en fábricas.
“A situación internacional provocou que en Brasil haxa un stock de resina maior que a produción de resina dun ano de España e Portugal”
-A situación bélica en Europa está a influír directamente ao mercado da resina? - Desde logo. A día de hoxe en Brasil hai un stock de resina maior que a produción de resina dun ano de España e Portugal. O mercado está paralizado. En China a Covid-19 paralizou o mercado e agora a guerra paralizou tamén Europa, onde ao dispararse os custos da enerxía, as fábricas europeas que van transformar a colofonia e o aguarrás procedente de Brasil tamén reduciron ou pararon a súa produción. É unha gran preocupación que Europa non estea a comprar. Este stock pode supoñer un impacto para o mercado español e portugués, xa que en canto haxa algo de movemento, Brasil vai querer vender esa resina, aínda que para iso baixe o prezo. -Hai outros factores ou actores a nivel mundial que vaian determinar a evolución do mercado nos próximos meses? -Por unha banda temos en Asia a China parada, mentres en India a actividade continúa. En Europa a actividade tamén está paralizada. O terceiro actor destacado é Estados Unidos, que segue adquirindo aínda produto, pero as informacións que se están dando en temas de consumo e inflación non son para nada alentadoras, o que pode derivar en que diminúan a compra de resina. Para Sudamérica, en especial para Brasil e Arxentina, se se reducen as exportacións cara a EEUU pode supoñer un gran problema. -Que tendencia cabe esperar para a resina a curto/medio prazo? - A medio prazo os retos pasan por afrontar a situación mundial, tanto o stock de resina que hai no Brasil, coma a situación bélica que hai en Europa e que está a afectar aos fluxos de comercio internacional. -Cales son os desafíos que se presentan para o sector resineiro? -A cada país produtor preséntanselle os seus retos. En Brasil o reto é lograr man de obra, en China é dispoñer de piñeirais para resinar, en Arxentina segue sendo a falta de resineiros. En México é unha mestura, faltan piñeiros e xente que resine… En España e Portugal o reto é tamén conseguir o interese da xente polo resinado, máis aínda co modelo de produción que se ten, xa que ao ser unha actividade que realizan autónomos en lugar de estar contratados, os riscos (coma os lumes e a seca) asúmenos os propios resineiros.

Proyecto financiado por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en el marco del Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020 con un importe de 558.710,55 euros. El importe del proyecto es cofinanciado al 80% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) y al 20% por fondos de la Administración General del Estado (AGE), tal como se establece en el Real Decreto 169/2018, de 23 de marzo. El organismo responsable del contenido es el GO-ACREMA y la Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) como autoridad de gestión encargada de la aplicación de la ayuda FEADER y nacional correspondiente.

   

Curso de aproveitamento resineiro en Vimianzo

Vimianzo acolle este mes un curso sobre aproveitamento resineiro como vía para a xestión integral dos piñeirais, con usos de madeira, resina, cogomelos e gando. A formación, impartida pola empresa Foresín, ten entre os seus obxectivos dotar ós propietarios forestais e profesionais do sector das competencias técnicas relacionadas coa xestión integral dos piñeirais mediante o uso de madeira, resina, cogomelos e gandería. O curso é de balde e ten unha duración de 40 horas. Datas: 16, 17, 18, 21, 22, 23 e 24 de Novembro - 9h a 13h 25 e 26 de Novembro - 9h a 15h Localización: Casa da cultura de Vimianzo (R/Braña, s/n, Vimianzo) Información: informacion@foresin.es 680208320 - 611413582 Preinscripción: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas

Unha alianza de empresas e centros de investigación busca posicionar a resina galega como un produto de calidade, con valor diferencial

Na actualidade, a resina constitúe unha ‘commodity’, unha materia prima que cotiza no mercado estatal e internacional a prezos estándar de referencia, sen valor engadido. Co obxectivo de posicionar a resina galega como unha materia prima de calidade, cun valor diferencial no mercado, un conxunto de empresas e centros de investigación teceron unha alianza a través do grupo operativo PICARE (Piñeiros – Calidade – Resina).

O obxectivo de PICARE é identificar as propiedades da resina que demandan as principais industrias consumidoras e, a partir desa base, determinar os factores en monte que inflúen sobre esas propiedades. De forma simultánea, tamén se implementará unha tecnoloxía que permita analizar de forma áxil a calidade da resina.

A cuestión é que a calidade da resina presúmese como unha peza clave na competitividade e viabilidade do sector resineiro, pero ata a data hai unha carencia de coñecemento sobre a materia. O grupo operativo PICARE xurde para avanzar nese terreo. Primeiro, identificando as necesidades das distintas industrias consumidoras de resina (cosméticas, farmacéuticas, agroquímicas, etc.) e en segundo lugar, determinando factores en monte para optimizar a calidade da resina, en función das demandas do mercado.

PICARE está impulsado por Foresin, unha consultora ambiental especializada en proxectos de I+D+i, que teceu unha alianza con centros de investigación e empresas especializadas neste sector.

Desde este punto de vista, o equipo de traballo PICARE queda conformado pola Misión Biolóxica de Galicia, entidade pertencente ao Centro Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC), o Centro de Investigación Forestal de LOURIZÁN, pertencente á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (CIF LOURIZÁN-AGACAL), a Fundación Centro Tecnológico y de la Madera (CETEMAS), así como polas empresas Xagoaza Pinaster SL, Sinergias Sostenibles Resiforest SL (FORESIN) e Transformación Agraria (TRAGSA). Tamén forma parte do grupo un profesional independente, Roberto Alfonso Touza.

Medición de calidades da resina

Desde un punto de vista industrial, a determinación de parámetros de calidade de forma convencional implica técnicas de análises diversas, tediosas, con gran investimento de tempo, man de obra, consumo enerxético e xeración de residuos. Fronte a iso, con PICARE preténdese desenvolver un sistema automático e innovador de caracterización mediante técnicas de espectroscopía NIR, que permita clasificar a resina en función da súa calidade dunha forma rápida, limpa, non destrutiva e económica.

Cun maior coñecemento sobre a composición da resina do piñeiro de Galicia, PICARE busca presentar información crucial para desenvolver un modelo produtivo focalizado na optimización da calidade da materia prima. Esa mellora da calidade permitirá aumentar a rendibilidade do sector resineiro galego, logrando, ademais, un forte impacto científico, social e ambiental, segundo o proxecto do grupo operativo.


PICARE encádrase dentro das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O Grupo Operativo “Revalorización dos piñeirais galegos a través da calidade da resina” está financiado nun 100 % e foi dotado dunha cantidade de 178.000 euros para executar durante as anualidades 2022, 2023 e 2024.

Financiado por: