Archives

Nova oportunidade para instalar colares intelixentes ao gando

A Consellería do Medio Rural vén de convocar unha liña de subvencións que contempla, entre outros investimentos, a instalación de colares de monitorización do gando, o que se converte nunha nova oportunidade para instalar Rumi, o sistema galego de xeolocalización que permite ter aos animais controlados en todo momento.

As axudas, por importe de máis de 2.500 euros por gandería, requiren facer un investimento mínimo de 5.000€. Para chegar a esta cantidade, as explotacións poden solicitala de xeito individual ou ben en agrupación con outras 4 ganderías, o que ademais se valora no baremo de puntos que se ten en conta á hora da concesión.

O prazo de solicitude remata o día 31 de xullo e a tramitación realízase de xeito telemático. Poden beneficiarse destas axudas tanto explotacións de leite en intensivo e extensivo como explotacións de carne. Desde a empresa galega Innogando, creadores de Rumi, facilitan a documentación necesaria para a tramitación desta subvención, que permite aforrar a metade do custo dos colares. 

Contacto

Para obter máis información sobre o sistema Rumi e a tramitación das axudas para comezar a beneficiarse das súas vantaxes na explotación pódese chamar ao número 644 586 245, contactar por whatsapp ou tamén enviar un email a hola@innogando.com.

Os datos sempre á man en todo momento

Os colares intelixentes Rumi funcionan a través dunha aplicación para teléfono móbil moi doada de usar, para que o gandeiro poida ter sempre as alertas na man sen necesidade de estar diante dun ordenador. Non é necesario tampouco instalar unha liña de internet na granxa, o que supón tamén un aforro.

As alertas chegan ao teléfono móbil do gandeiro, o que permite telas sempre á man, sen necesidade de estar diante dun ordenador

Rumi funciona tanto en interior, para gando estabulado, como en exterior, mesmo en lugares sen cobertura de telefonía móbil, habituais en moitas zonas rurais de Galicia, mediante a colocación dunha antena na propia granxa con alcance de até 10 km e os colares levan incorporada unha pequena placa solar que autorrecarga as baterías do dispositivo para que non sexa necesario cambialas, o que evita ter que coller o gando que se atopa fóra.

Rumi permite monitorizar o 100% da granxa e complementa a toma de datos do robot ou a sala de muxido

Precisamente esta é unha das vantaxes de Rumi con respecto a outros sistemas existentes no mercado, a súa versatilidade, xa que permite adaptarse ás condicións de cada explotación, sendo ademais compatible con sistemas de muxido robotizado, aos que complementa.

Detección de celos, a mellor maneira de aforrar cartos nunha granxa

Un dos beneficios que aportan os colares Rumi é o control de celos. Ao estaren dotados de localización GPS e monitorización en tempo real, ofrecen unha solución para ter as vacas e a recría controladas en todo momento, o que mellora a efectividade reprodutiva da granxa. 

Isto proporciona tranquilidade aos gandeiros e unha maior eficiencia produtiva a través do control absoluto do rabaño, porque un celo detectado a tempo supón unha inseminación máis viable e unha vaca máis rendible (menor número de doses, menor intervalo entre partos e maior número de lactacións).

O colar intelixente permite un seguemento completo e individualizado dos animais durante as 24 horas do día, tanto se están estabulados como se saen ao prado

O dispositivo tamén emite alertas sobre o retraso na inseminación, por exemplo, se unha xovenca cumpre 14 meses e non foi inseminada ou se transcorreron 60 días tralo parto dunha vaca e non saíu en celo, datos sobre os seguintes celos previstos ou outros que axudan ao control reprodutivo, como a lista das vacas inseminadas hai 30 días para proceder á súa revisión.

Control da recría noutra nave

O seguimento das becerras e xovencas é hoxe unha eiva importante en moitas explotacións leiteiras. Malia que o futuro dunha explotación está na súa recría, as ganderías están tan centradas moitas veces no seu día a día no coidado das vacas en produción que se esquecen da descendencia, que é realmente onde está o verdadeiro potencial de crecemento e mellora dunha gandería. 

En moitos casos, incluso se a granxa ten robot de muxido ou sala dixitalizada que aporte datos das vacas en produción, a recría segue a facerse a cegas. Pero cando se acada un volume importante de animais isto supón un problema porque é imposible ter un control individualizado de cada animal.

Os colares intelixentes permiten un control individualizado en tempo real de cada animal, mesmo se as xovencas están noutra nave lonxe da explotación ou na pradeira

A isto súmase un factor engadido. O crecemento das ganderías nos últimos anos levounas ademais en moitos casos a alugar instalacións para a recría que están mesmo distantes varios quilómetros da nave principal, o que dificulta aínda máis o seu seguemento, algo que agora resolve Rumi, enviando datos en tempo real de cada un dos animais ao teléfono móbil do gandeiro.  

Ao acurtar a idade do primeiro parto son necesarias menos xovencas para cubrir a taxa de reposición da granxa

Por iso, a solución que aporta Rumi supón un apoio importante para as ganderías de leite, xa que permite aforrar tempo e gañar en tranquilidade. O seguimento continuo axuda a optimizar a recría, adiantándose a enfermidades e detectando os celos, o que permite adiantar con garantías a primeira inseminación e a idade do primeiro parto e, polo tanto, o momento en que as explotacións comezan a recuperar o investimento realizado na recría. Ao estaren producindo antes, afórrase na súa alimentación e o seu retorno económico é maior.

Solucións nutricionais para a fase de posparto

A fase de transición é un período crítico no ciclo reprodutivo das vacas leiteiras que abrangue desde o final da lactación até a concepción da seguinte preñez. Durante esta etapa, os animais experimentan cambios hormonais e metabólicos significativos, que poden ter un impacto na reactivación folicular e na fertilidade.

Convén ter en conta que uno dos alicerces nesta fase de transición é a inxesta de materia seca. Os nutricionistas sempre pomos o foco na inxesta preparto, porque está intimamente relacionada coa inxesta posparto. É dicir, unha vaca que come pouco antes de parir comerá pouco no posparto, acentuando o balance enerxético negativo. Estes animais teñen máis probabilidades de ter cadros de cetose, maior mobilización de graxa, esforzo metabólico a nivel hepático e aumento do estrés oxidativo. Todo isto xera moita inflamación.

En De Heus apostamos fortemente polo manexo da transición co programa Prelacto, pondo o foco na inxesta e no control da hipocalcemia, para así poder afrontar unha nova lactación con garantías. Nesta fase, todas as vacas sofren un cadro inflamatorio subagudo e un balance enerxético fisiolóxico, que debemos saber manexar tamén no posparto.

Neste proceso inflamatorio do periparto, fundamental para que a vaca supere todos os cambios fisiolóxicos do parto, libéranse citoquinas proinflamatorias e proteínas de fase aguda, xerando á súa vez unha resistencia fronte á insulina, que á súa vez favorece a mobilización graxa. A alta demanda repentina de glicosa por parte da glándula mamaria fai que múltiples tecidos compensen a escaseza da dieta, facéndose resistentes á insulina, xerándose un escenario hormonal que permite o catabolismo tisular e a mobilización de aminoácidos e glicerol, procedente do músculo e o tecido graxo.

Unha vez que a vaca pare, sen ningún trastorno metabólico, os obxectivos son a recuperación máis rápida posible da inxesta de materia seca e facer fronte ao balance enerxético negativo e a este proceso inflamatorio. Nas gandarías de hoxe en día, con grupos posparto ou robots, pódese optar por racións de posparto ou puntear a vacas concretas como estratexia para conseguir animais máis sans, de maior produción e sen perder condición corporal. Debemos lembrar que aquelas vacas con mobilización graxa son vacas cun status inmunitario menor, predisponente a enfermidades como a cetose e o desprazamento de callar, con menor reactivación ovárica; en definitiva, vacas menos eficientes e con maior probabilidade de descarte.

 “Definir unha ración posparto pode ser unha estratexia adecuada para conseguir ou mellorar rendementos nas nosas vacas”

Por tanto, se o manexo nolo permite, é dicir, o deseño do establo, o número de animais ou o dispensador automático, definir unha ración posparto pode ser unha estratexia axeitada para conseguir ou mellorar rendementos nas nosas vacas: ter picos de leite máis altos e sostidos, baixar os días abertos, mellorar a taxa de preñez, a taxa de reposición e subir a produción vitalicia da explotación.

Desde un punto de vista nutricional é importante avaliar que estratexias podemos utilizar nesta fase, sempre cubrindo os requirimentos de enerxía, proteína e minerais e pondo ao fígado como peza angular do posparto. O principal é recuperar a gluconeogénese e evitar unha excesiva oxidación de triglicéridos no fígado que aboque á cetose ou fígado graxo. Para iso, unha boa estratexia é utilizar precursores glucogénicos, que estimulen a produción de glicosa para satisfacer a alta demanda nos primeiros días posparto.

A dixestibilidade das forraxes e a calidade da ración son fundamentais para aumentar rapidamente a inxesta, xa que forraxes demasiado fibrosos dilúen a ración e limitan a inxesta.

Outro punto de vista é aumentar a proteína metabolizable e aminoácidos concretos que, á parte dos requirimentos nutricionais definidos, teñen efectos concretos no metabolismo lipídico hepático, como a colina e a metionina. A metionina tamén ten un papel fundamental na resposta inmune e o proceso inflamatorio posparto. Por outra banda, o fígado pode ter unha actividade ureoxénica diminuída, polo que a proteína degradable debe ser controlada.

Outra estratexia é controlar a adicción de graxas na ración posparto, xa que poden deprimir a inxesta nesta fase e aumentar a mobilización graxa.

SincroFresh, a gama de pensos específicos de De Heus para posparto

En De Heus optamos por un manexo concreto no período seco para asegurar o éxito posparto, pero sen esquecer que, despois do parto, existen estratexias e manexo na nutrición de precisión para lograr mellores rendementos e buscar situacións de máxima eficiencia. Dentro da gama de solucións nutricionais específicas, en De Heus deseñamos racións para posparto e contamos coa gama SincroFresh, pensos específicos para esta fase para utilizar como suplemento en carro ou robots.

A importancia do período seco no ciclo reprodutivo das vacas

A fase de transición en vacas leiteiras é un período crítico no ciclo reprodutivo das vacas, que ocorre entre o final da lactación e a concepción da seguinte preñez. Durante este período, os animais experimentan cambios hormonais e metabólicos significativos, que poden ter un impacto na reactivación folicular e na fertilidade.

Convén ter en conta que un dos alicerces nesta fase de transición é a inxesta de materia seca. Os nutricionistas sempre pomos o foco na inxesta preparto, porque está intimamente relacionada coa inxesta posparto. É dicir, unha vaca que come pouco antes de parir comerá pouco no posparto, acentuando o balance enerxético negativo. Estes animais teñen máis probabilidade de ter cadros de cetose, maior mobilización de graxa, esforzo metabólico a nivel hepático e aumento do estrés oxidativo. Todo isto xera moita inflamación.

Este balance enerxético negativo pode ter un impacto negativo na saúde das vacas e a súa capacidade para concibir. Cando unha vaca experimenta un balance enerxético negativo, o seu corpo prioriza a conservación de enerxía para as funcións corporais esenciais, desviando enerxía para liquidar o status inflamatorio que se xera tras o parto e deixando atrás outras actividades, como a produción de leite, que será menor, e a reactivación ovárica.

Por tanto, teñen relación o período seco e a transición co reprodutivo das explotacións? A resposta é si.

A reactivación folicular refírese á produción de folículos ováricos maduros, que son necesarios para a ovulación e a concepción. Durante a fase de transición, os niveis de hormonas como a insulina, o cortisol e o estróxeno aumentan, mentres que os niveis de proxesterona diminúen.

Estes cambios hormonais poden afectar negativamente á reactivación folicular e a ovulación, o que pode diminuír a fertilidade nas vacas.

Unha vez que paren, as vacas teñen que reactivar a actividade ovárica seleccionando os folículos que van iniciar a ciclicidade, até chegar a un folículo dominante, grazas aos pulsos de FSH e LH procedentes do hipotálamo e aos niveis de insulina altos. Unha vez que a vaca madure ese folículo dominante, ovulará e formará o corpo lúteo, que xerará a proxesterona para iniciar a dinámica folicular correcta. Esta sería a dinámica folicular correcta nunha vaca que nos permitiría ciclar sen problema a partir dos 45 días.

“As vacas que perden moita condición corporal tras o parto poden ter diminuída a súa ciclicidade ovárica”

En situacións con baixa inxesta de materia seca posparto, con mobilización graxa e cetosie, a dominancia e selección do folículo a nivel ovárico e os pulsos de LH están diminuídos. Estas vacas con baixos pulsos de LH e con baixos niveis de insulina e glicosa polo balance enerxético negativo dan lugar a folículos atrésicos e a ovarios que non ovulan. Non hai estradiol, non hai ciclicidade, polo que podemos relacionar este fallo do arranque dos celos da nosa gandaría cun déficit enerxético do posparto.

Por tanto, cando avaliamos unha taxa de primeira inseminación baixa, alongamentos do período de espera voluntario por ovarios sen actividade, con folículos pequenos sen dominancia, hai que desviar a vista ao lote de secas, á inxesta de materia seca na transición e á condición corporal das vacas frescas. Poderiamos aventurarnos a asegurar que as vacas que perden moita condición corporal tras o parto poden ter diminuída a súa ciclicidade ovárica.

Por tanto, é importante para os gandeiros e os profesionais da saúde animal monitorizar e mellorar os factores nutricionais e de manexo durante a fase de transición para maximizar a reactivación folicular e a fertilidade nas vacas leiteiras. Isto pode incluír a provisión dunha dieta equilibrada e adecuada, unha xestión adecuada do estrés e unha atención á saúde e o benestar das vacas.

Aautor: Miguel Iglesias Naredo. Responsable Técnico de Vacún de Leite en De Heus

A reprodución: unha das bases para o diagnóstico de problemas na granxa

Os problemas nas granxas corresponden a cuestións de reprodución, enfermidades, nutrición, manexo ou ambiente, entre outros, por iso “é necesario aprender a escoitar ás vacas”, sinala a consultora veterinaria experta en reprodución Aurora Villarroel. Isto significa que a través da monitorización da actividade destes animais pódense detectar problema de forma temperá. A disposición de programas e biosensores que mediante algoritmos permiten saber se unha vaca está comendo, está rumiando ou mesmo se está ou non en celo representa unha oportunidade para optimizar o manexo da granxa, sempre e cando “os sistemas de biosensores usen algoritmos que detecten cambios dentro do que fai cada vaca durante cada día, e non en comparación co resto da granxa”, destaca Villarroel.

Atención especial á reprodución animal

O uso de sensores biolóxicos, como podómetros, permiten monitorizar os celos das vacas e ter controlados os seus ciclos reprodutivos. A partir da medición de certos parámetros de reprodución e dos cambios que presentan as vacas pódense diagnosticar prematuramente problemas nas granxas. Para interpretar estes datos cómpre ter claro cal é o esquema de reprodución ideal posto que o animal que se desvíe del seguramente teña un problema, ven sexa algunha enfermidade ou fallo nutritivo, de manexo, etc. “Unha vaca sa ten o primeiro celo cara os 10-15 días en leite, o seguinte uns 20-25 días máis tarde, e logo cada 20-25 días, e no seguinte é onde se empezan a inseminar” explica a consultora veterinaria. A pesar disto, é necesario ter en conta que a actividade normal moitas veces non se cumpre polo contexto do animal. “A situación real é estrés por calor, por frío, déficits alimentarios, e demais cuestións que levan a que o esquema de celos dunha vaca ideal non se cumpra”, afirma Villarroel. Deste modo, “en moitas granxas vemos vacas en anestro aínda dous meses despois de parir, polo que eu fíxome en cantos animais saíron en celo durante o primeiro mes e o período voluntario de espera total”, comenta. A consultora veterinaria pon o exemplo real de tres granxas con períodos de espera de 50 días, ou sexa que comezan a inseminar a partir da 8ª semana. Nesta comparativa a porcentaxe de anestro foi de entre o 3,07 e o 5,55%. Aínda así, pode haber anestros temperáns que se deben á multitude de casuísticas dentro das vacas; “por exemplo, tiven casos de vacas con celos aos 10 días, pero ás que lle falta o celo do día 30 e o dos 50 días, de forma que non teñen o segundo celo ata os 70-80 días e o terceiro ata os 90-100 días, a pesar de que se lle administraron tratamentos hormonais con prostaglandina. Pode ser problema dunha mala administración das hormonas ou algunha enfermidade das vaca”, exemplifica Aurora Villarroel. “Durante a miña carreira teño probado que cantos máis ciclos teña unha vaca antes de inseminarse mellor quedan preñadas porque o nivel de proxesterona é maior. Segundo un meta-análise publicado en 2016, ter múltiples celos antes de inseminar mellora a concepción un 27% de promedio. Nas miñas granxas vin un aumento de entre 15 e 100 días ‘open’ cantos máis ciclos se salte unha vaca”, detalla Villarroel.
“Ter múltiples celos antes de inseminar mellora un 27% de media a concepción” (Aurora Villarroel)
Sen embargo, segundo a consultora veterinaria “o que algunhas granxas fan é poñer GnRH e facer ovular as vacas antes de comezar co protocolo de sincronización, incluso entre a 3ª ou a 4ª semana despois de parir”, agrega. Para evitar estes tratamentos é necesario ter un manexo axeitado para contar con ovulacións naturais, que, ademais ten mellor concepción. Logo, unha vez que decidimos en que ciclo inseminar hai que aprender cando deemos inseminar. “En moitas granxas atópome con que as vacas están en celo entre as 6 e as 30 horas, e non todas saen á mesma, nin lles dura o mesmo”, afirma Villarroel. Partindo de que a única forma de que haxa concepción é se temos o espermatozoide e o ovocito vivos ao mesmo tempo no mesmo sitio, “se temos o ovocito vivo unhas 10 ou 12 horas, e o esperma ao redor dunhas 12 horas, a única forma de ter éxito é aproximar a inseminación máis á ovulación”, recomenda a veterinaria. “A tendencia maioritaria para inseminar sitúase entre as 8 e 10 horas tras ver os primeiros síntomas de celo, cunha taxa de concepción que ronda o 35%; sen embargo, se retrasamos a inseminación chegamos ao 63% de concepción na primeira inseminación con vacas en primeiro parto, e por riba do 50% en vacas adultas”, sintetiza Aurora Villarroel. En definitiva, “para min ningunha vaca debería inseminarse antes do día 90, con iso conseguimos que haxa varios celos antes. O recomendable é esperar a inseminar entre 80 e 100 días”, recalca Villarroel. Ademais, hai que ter en conta que “as vacas inseminadas entre 12 e 16 horas despois da última actividade son as que resultan en mellor concepción”, amplía.
“Para min ningunha vaca debería inseminarse antes do día 90, con iso conseguimos que haxa varios celos anteriores” (Aurora Villarroel)
Por outra banda, outros factores aos que prestar atención relacionados coa reprodución é o estrés por calor, as necesidades nutritivas das vacas leiteiras, a partición de enerxía ou as posibles enfermidades. Por iso, é necesario aclarar que “cando sube a temperatura baixan a intensidade dos celos” ou mesmo que “a vaca nova necesita enerxía para medrar e para reproducirse, e posta nas dúas opcións daralle prioridade ao crecemento, e se por riba están enfermas directamente esqueceranse de reproducirse”, concreta a consultora Aurora Villarroel. En definitiva, pódese concluír con que o uso de monitores de actividade representa unha oportunidade para o diagnóstico prematuro de problemas de saúde a nivel do rabaño. “O uso de sistemas automatizados proporciónanos novos síntomas clínicos aos que non estamos afeitos prestar atención”, destaca Aurora Villarroel.

“É imposible manexar de forma rendible unha granxa sen saber o que fai cada vaca ao día”

Aurora Villarroel é unha consultora veterinaria, experta en reprodución e saúde en vacún de leite que desde hai case dúas décadas traballa en Estados Unidos, compatibilizándoo con charlas e conferencias como a que impartiu recentemente en Madrid no Congreso Mundial de Buiatría. Falamos con ela sobre as claves para mellorar a reprodución en granxas de vacún de leite, sobre a importancia do monitoreo e tamén sobre a situación do sector produtor e da profesión veterinaria en Estados Unidos. -Vostede é consultora veterinaria e experta en saúde do rabaño e na súa reprodución. Onde está posto o foco nos Estados Unidos no campo da reprodución animal e de benestar animal? Que cuestións son as prioritarias? Cada vez estase oíndo máis o futuro problema da posible prohibición do uso de hormonas de forma xeral a todas as vacas. Algunha granxa xa está a usar este argumento como tema de márketing para diferenciar o seu produto e poder cobrar máis polo seu leite ou a súa carne. É por isto que moitos gandeiros investiron en sistemas de vixilancia de actividade para detectar celos. Por fin estamos a ver tamén un incremento do período de espera voluntario, que se está abordando tanto desde a perspectiva de mellorar a taxa de preñez, así como a mellora do benestar das vacas e conseguir unha vida produtiva máis longa. No tema do benestar animal está a salientarse moito o maximizar o tempo de descanso, pero esquecendo que as vacas que se deitan demasiado non están ben. Como case todo, non por ser máis é mellor.
“Creo que é imposible manexar de forma rendible unha granxa sen saber o que fai cada vaca ao día”
-Como consultora veterinaria, que vantaxes ofrece o uso práctico de sensores biolóxicos de cara ao benestar animal? E para a reprodución? É curioso estar a responder estas preguntas agora. Levo traballando con podómetros e medidores de muxido con datos reais varias veces ao día para cada vaca desde que traballaba en Tauste Ganadera, SA alá nos anos 1997-2000. Xa faciamos cousas como cambiar a hora de inseminación para inseminar máis tarde, máis preto da ovulación, ou detectar vacas en anestro nos primeiros 50 días postparto e intervir para arranxalas antes de que fose hora de inseminalas, detectar vacas quísticas, etc. En canto ao benestar animal, podo dicir que detectabamos vacas enfermas entre 2 e 7 días antes de que se lles vise algo evidente clinicamente. Por tanto, podiámolas tratar cando o problema aínda era leve, e sacabámolas adiante antes…Obviamente non podiamos salvalas a todas, pero moitos dos meus clientes sorpréndelles o moito que baixa a taxa de eliminación involuntaria por enfermidade ou morte unha vez que empezan a usar o sistema correctamente. En realidade, eu fíxenme veterinaria con estas ferramentas e a verdade é que me é imposible ver como se pode manexar unha granxa de forma rendible sen poder ver especificamente o que fai cada vaca cada día. A que dificultades se enfronta o avance da súa aplicación? O maior problema que eu vexo é que ningún sistema vale para todas as granxas configurado de forma estándar. Gústame comparar os sistemas de biosensores cun coche. Cando nos poñemos ao volante dun coche novo, o primeiro que facemos é axustar o asento e os espellos para poder usar os pedais ben e ver o que nos interesa ver. Cos biosensores é o mesmo. Unhas granxas queren enfocar máis a atopar mastites e non se preocupan tanto de problemas dixestivos, mentres que outras enfocan máis a atopar cetoses subclínicas. Os algoritmos dos biosensores para cada granxa non poden ser os mesmos, e de feito, poida que ata o sistema non sexa o mesmo, xa que non todos os sistemas dispoñibles comercialmente poden facer o mesmo. -"As vacas hai que escoitalas", foi unha das afirmacións que utilizou, nalgún dos seus relatorios. A que se refería? As vacas van dicindo o que facemos ben e o que facemos mal, o que lles gusta e o que non, pero o seu idioma é en forma de cambios en produción de leite, concentración de graxa, pasos (actividade), tempo de descanso, condutividade, inxesta de auga, etc. A palabra chave aquí é “cambios”, e a única forma de detectar eses cambios é sabendo que é o que fan de forma normal e monitorear cando o que fan non é normal. Cando tiñamos 20 vacas nunha granxa era fácil ver que unha “non andaba ben”, que era o que lle diciamos ao veterinario. Non só en España, en EE.UU. dicir ADR (ain’t doing right) e este termo usábase moito nas fichas computarizadas. O bo que temos hoxe coa tecnoloxía, é que podemos crear algoritmos que detectan estes cambios por nós, co que podemos tratar vacas individualmente en granxas grandes. Hoxe isto coñécese baixo o termo de “manexo por excepción”. En verde la actividad de la vaca y en azul la leche. Esta vaca debería salir de nuevo en celo el día 50, y el día 70 aproximadamente, y no lo hizo; de este modo, hay un problema que identificar. Fuente: Aurora Villarroel -Se tivese que ofrecer un abano de aplicacións prácticas que levar a cabo para mellorar a reprodución animal nunha granxa, que recomendaría? De onde temos que partir? Desde o día que se seca a vaca no parto anterior. Unha cousa que aprendín durante estes 26 anos traballando con podómetros é que as vacas sas saen en celo cara aos 10-15 días en leite, e logo seguen cada 17-25 días (cunha media de 23 días). Sabemos que os folículos que ovulan hoxe empezáronse a diferenciar hai polo menos 60 días. Curiosamente, se as vacas non saen en celo o día 10 despois do parto e miramos que pasou hai 60 días, atopámonos co secado. Non vin aínda ningún estudo que vincule o período do secado coa reprodución ao ano seguinte, aínda que a información sobre o desenvolvemento do folículo data dos anos 70 ou menos. Se non temos forma de monitorear estes celos, non sabemos se as vacas realmente están sas ou non, e non sabemos onde enfocar a prevención de futuros problemas. As vacas leiteiras seleccionáronse xenéticamente para producir leite, en xeral en detrimento da reprodución, pero esta información enturbouse co uso de hormonas. Unha vez que se usan hormonas, interférese co patrón cíclico natural da vaca. Gústame comparar os óvulos cos fetos. Se inducimos unha vaca para parir antes de tempo, sabemos que ese feto non vai ter a mesma vitalidade inicialmente que un xestado a tempo completo.
 “Temos que conseguir que as vacas demostren todos os celos empezando o día 10 despois do parto”
Na miña opinión, o mesmo pasa cun óvulo que se induce a ovular antes de que estea completamente maduro. Non é lóxico pensar que estes óvulos van ser iguais que os que maduran completamente ao longo dos 7 días ou así que deberían crecer. A diferenza está en que un tenreiro pode tirar cara a adiante 2-3 días máis tarde se come ben, mentres que un ovulo perde a habilidade de fertilización nunhas poucas horas. Ademais, aínda que se fertilice, se non ten o que hai que ter para manter o concepto, morre e resulta nunha vaca baleira. O meu enfoque é traballar cos nutriólogos e veterinarios das granxas para conseguir a máxima produción de leite coas vacas máis sas e lonxevas posible. Para iso temos que conseguir que as vacas demostren todos os celos empezando o día 10 despois do parto.
“Os sistemas de biosensores deben de usar algoritmos que detecten cambios dentro do que fai cada vaca cada día, non en comparación co resto da granxa”
-Do mesmo xeito, que cuestións pasan desapercibidas en canto ao benestar animal nas granxas, e como se deben atallar? Na miña opinión, o maior problema en canto a benestar animal é que non sabemos realmente como medilo. Moita xente supón que é tempo de descanso, pero non se sabe realmente canto tempo é ideal, e cando é demasiado. En realidade, como todo, dependerá da vaca e do período da lactación no que se atope. Unha vaca de 4º parto preñada de 6 meses vai deitarse máis tempo que unha xovenca de primeiro parto na primeira semana despois de parir, ou mesmo cando está preñada de 6 meses. Volvemos ao mesmo, os sistemas de biosensores deben de usar algoritmos que detecten cambios dentro do que fai cada vaca cada día, non en comparación co resto da granxa. Non todos funcionan así. -Por último, participou recentemente en Madrid no Congreso Mundial de Buiatría. Que destacaría desta edición? A variedade e calidade das presentacións. Creo que todos saímos de Madrid dicindo que temos que escoitar varias das presentacións en liña, porque estabamos noutra e queriamos oír as dúas. O bo é que vivimos na era tecnolóxica que nos permite facer isto e non perder as presentacións ás que non puidemos ir.

“O maior problema das granxas de vacún de leite en Estados Unidos tamén é a falta de man de obra”

Vostede licenciouse nas Palmas de Gran Canaria, traballou como directora veterinaria en Tauste Gandeira S.A., e despois trasladouse a Estados Unidos, onde se especializou en Reprodución e Saúde do Rabaño, e fixo un Máster de Veterinaria Preventiva. Que a motivou a profesionalizarse nos Estados Unidos? A verdade é que sempre quixen vir a EE.UU. Desde moi pequena sabía que estaba no sitio equivocado. Veño de familia viaxeira, así que se cadra é xenético! Estados Unidos caracterízase, entre outras, polo potencial gandeiro. Que formato de granxa de leite é o maioritario? Grandes establos robotizados, de muxido manual...? EE.UU. é máis do dobre de grande que a Unión Europea, así que hai diferenzas entre estados. Os estados do leste son máis tipo europeo con granxas máis pequenas en xeral (200-300 vacas), aínda que tamén as hai grandes (2000 e máis). No oeste todo é máis grande e as granxas adoitan ter 1500 vacas ou máis. Estamos nun momento de cambio como en todo o mundo. Debido ás marxes tan xustas de produción, as granxas teñen que medrar ou especializarse nalgunha cousa nova como a produción de queixos artesáns ou vender directamente ao cliente. En todo caso, o maior problema de todas as granxas é a man de obra, co cal se está vendo cada vez máis tecnoloxía en todas as granxas. É un bo momento para as ganderías de vacún de leite en Estados Unidos? Non. Estamos todos nunha situación de custos altos, presións administrativas e de grupos externos con axendas en contra da gandería. Hai que ter moito aguante agora mesmo.
“En Estados Unidos os veterinarios si somos recoñecidos como persoal médico”
Que diferenzas percibe entre o desenvolvemento profesional da veterinaria en Estados Unidos con respecto a España? En Europa adquirimos unha base moi ampla cobre a que non dá tempo a edificar moito. Aquí en EE.UU. a base é menos ampla porque se enfocan en formar rápidamente a profesionais que poden saír da facultade facendo cirurxías e medicina básica sen supervisión. Logo teñen un sistema que require facer certas horas de clases cada ano para manter a licenza (chámase “educación contínua”). Os programas de CE son moi variados, pero en xeral de moito nivel que permiten edificar aínda máis alto, ou máis robusto, ou diversificar. Enfróntanse a problemáticas diferentes aos que teñen en España? A verdade é que estou bastante desconectada dos problemas de España, pero polo que leo no grupo de WhatsApp da miña facultade, en España están a enfrontarse a moita regulación da profesión sen o recoñecemento apropiado como persoal médico. Aquí non temos este problema. Os veterinarios somos recoñecidos como persoal médico e como contribuíntes á medicina humana baixo o sistema de One Health. En Estados Unidos tamén temos regulación administrativa, pero temos a oportunidade de contribuír coa nosa opinión antes de que se implemente algunha lexislación nova, e moitas veces funciona para abrirlles os ollos aos políticos a que a decisión que querían tomar non é a correcta…Outras veces non funciona e temos que lidar coas consecuencias.

Curso gratuíto en Lugo sobre inseminación e mellora reprodutiva bovina

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre mellora reprodutiva e inseminación bovina. O obradoiro darase o día 5 de xullo no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. A acción formativa terá un horario tanto de mañá, dende as 9:00 ás 14:00 horas; coma de tarde, dende as 16 ás 21 horas. O programa deste curso aborda unha serie de nocións sobre este tipo de gando, a súa anatomía, os síntomas do celo e as diferentes técnicas e métodos de inseminación artificial e tratamento do seme. Así mesmo, faranse prácticas sobre os coñecementos adquiridos nunha explotación bovina. A inscrición no curso pode facerse online a través desta ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 933, ou enviarse un correo a oac.svo.lugo@xunta.es

“Os veterinarios temos que incorporar programas informáticos que nos darán máis satisfaccións a nós e aos nosos clientes”

Coñecemos a experiencia co programa de xestión Uniform-Repro de Manuel Morales, especialista e responsable da sección de vacún da firma Oceva Sociedad Cooperativa, veterinarios expertos en vacún e ovino en Zamora.

-Como é OCEVA S. Coop? Cóntanos un pouco da súa historia e como é na actualidade.
OCEVA é un equipo veterinario fundado en 1990. O seu obxectivo inicial era dar servizos de clínica e reprodución en porcos, ovellas e vacas. Actualmente o equipo está composto polos tres socios fundadores, dous veterinarios contratados e servizos administrativos. Dispón dun local na cidade de Zamora onde están centralizadas as oficinas, laboratorio, sala de reunións e almacén. Os servizos ampliáronse, sumando á clínica e reprodución, outros relacionados coa xestión das ganderías e servizos de Nutrición.

Como crees que evolucionarán as ganderías de produción de leite no futuro?
-Na miña opinión, están a evolucionar día a día e moi rapidamente. O crecemento das granxas é algo inevitable, este crecemento implica o aumento de rendibilidade por dilución dos custos fixos, mellora da eficiencia, mellor organización dos recursos humanos, respecto polo medio ambiente, mellora constante do benestar animal e humano e tecnificación e robotización dos procesos.

-Cal vai ser o papel dos veterinarios nos devanditos cambios?
-O veterinario, pola súa formación e situación no organigrama da granxa, é unha figura clave, converténdose no asesor principal sobre os piares básicos da produción leiteira. O servizo veterinario actual, baseado en visitas periódicas ás ganderías posiciónanos como profesionais que dispoñen de gran información sobre o status sanitario e produtivo dos animais, o estado das instalacións, os programas de manexo e alimentación, os programas sanitarios e a capacidade profesional dos traballadores.

“A toma de decisións ten que estar baseada na análise dos parámetros produtivos, reprodutivos, sanitarios, económicos… e os programas de xestión facilítano moito”

-Paréceche importante ter un programa de xestión? Por que escolliches UNIFORM-Repro?
-Si, penso que é imprescindible. A toma de decisións ten que estar baseada na análise dos parámetros produtivos, reprodutivos, sanitarios, económicos etc…. E os programas de xestión facilítano moito. Durante moitos anos utilicei outros programas que quedaron obsoletos e despois de valorar as posibilidades que había no seu momento, optei por UNIFORM- Repro porque me pareceu o máis completo para as necesidades que tiñan os meus clientes, algúns dos cales, xa dispoñían del.

-Que ferramentas ou informes de UNIFORM-Repro utilizas máis?
-Principalmente o modulo de xestión reprodutiva, follas de traballo, informes de parámetros clínicos, reprodutivos e calidade de leite.

-Que tres aspectos destacarías máis do programa que che axudaran a facer seguimento aos gandeiros?
• Informes Reprodutivos moi completos e adaptables a cada circunstancia.
• Follas de traballo en granxa e planificación de tarefas simples, flexibles e eficaces.
• Uso da aplicación móbil polos gandeiros, que simplifican a toma de datos e fan que en todo momento a información da granxa estea dispoñible para todos os interesados.

-Resultouche sinxela a adaptación a UNIFORM?
-En realidade, levaba moitos anos utilizando Repro GTV e como ocorre con todos os cambios, custoume un pouco adaptarme. O certo é que, despois de tres anos, estes temores iniciais desapareceron, en liñas xerais estou moi satisfeito coa decisión e o manexo diario non supón ningún problema. O rexistro de datos e elaboración de informes diarios é moi rápido e sinxelo.

-Como valoras o servizo de asistencia?
-Satisfactorio, xeran confianza, resolven as dúbidas e axúdanme en todo aquilo que necesito.

-Como foi a adaptación á app de UNIFORM ou ao programa dos gandeiros cos que traballas?
-Hai de todo, os gandeiros novos adaptáronse moi ben e practicamente fano todo desde a app, eliminando as fichas de campo e fichas de traballo. Pero tamén hai unha alta porcentaxe que utilizan a app soamente para consultar animais e tarefas. Hai que dicir que tanto uns como outros están moi satisfeitos.

“Actualmente o maior reto é analizar eficiencias e rendibilidade económica na gandería e UNIFORM facilítanos a información para facelo”

-Cal é o maior reto ao que fas fronte actualmente? Como che axuda UNIFORM-Repro a superalo?
-Actualmente o maior reto é analizar eficiencias e rendibilidade económica. UNIFORM facilítanos a información para facelo, proporcionándonos índices técnico económicos fiables á hora de toma de decisións importantes como elección dos sistemas de sincronización de celos, reposición e eliminación de animais, idades a primeira inseminación, períodos de espera voluntarios, cambios en alimentación en base á calidade e cantidade de leite, eficacia de tratamentos veterinarios, secado selectivo…etc.

-Crees que é importante para as empresas como a túa empregar o programa de xestión UNIFORM? Por que recomendarías UNIFORM- Repro a outros veterinarios?
-Creo que é importante e imprescindible, sen unha boa xestión dos datos é imposible unha toma de decisións sensata. No Século XXI, é impensable unha empresa onde non se calcule con exactitude os custos de produción, o peso de cada partida de gastos, a eficiencia da man de obra, a eficiencia dos nosos animais e en xeral a eficiencia de cada un dos procesos da empresa.

Á vez que o sector, os veterinarios temos que adaptarnos a estas novas circunstancias e incorporar ás nosas ferramentas habituais (fonendo, termómetro, bisturís…), programas informáticos que nun futuro non moi afastado darannos máis satisfaccións a nós e aos nosos clientes.

 

O Laboratorio de Mouriscade engade parámetros exclusivos as súas análises e amplía oferta ós pensos avícolas e porcinos

O laboratorio Finca Mouriscade, situado en Lalín e dependente da Deputación de Pontevedra, agarda converterse nun referente europeo en analítica nutricional para o sector primario despois de que se alcanzaran dous acordos  cos laboratorios Dairy One e Evonik. "Será o único en Europa capaz de ofrecer analíticas NIR dun nivel tan alto, cunha amplísima variedade de parámetros exclusivos para o gando vacún, o porcino e a avicultura", anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na última reunión do comité de seguimento, constituído meses atrás dentro do Plan de Dinamización de Mouriscade emprendido pola institución provincial. O avance prodúcese tralo acordo alcanzado para acceder ás bases de datos dos dous laboratorios, o que convirte a Mouriscade nun centro punteiro e engade o control nutricional das cabanas porcina e avícola ao vacún, algo que xa viña facendo o centro do Deza, pero agora incrementado con novos parámetros. "A confluencia de análise para ruminantes e monogástricos, xunto ao amplísimo abano de parámetros nutricionais exclusivos que se van medir, colócanos como unha referencia internacional", incidiu a presidenta. O laboratorio poderá tamén facer análises para outras especies como pavos e peixes.
Será o único laboratorio nacional no que analizar en torno a 50 materias primas e pensos para polos de engorde, poñedoras, pavos, porcos e peixes
O acordo co laboratorio alemán Evonik é pioneiro en España polo seu elevado nivel de medicións. A Finca será a única de todo o Estado en analizar en torno a 50 materias primas e pensos para polos de engorde, poñedoras, pavos, porcos e peixes. Mouriscade poderá valorar así parámetros nutricionais dos principais nutrientes e determinar o cálculo de enerxía, aminoácidos, calidade de procesado e ácidos graxos. Esta colaboración coa empresa tamén permite avaliar o contido de ata 51 ácidos graxos en 16 ingredientes de pensos, unha opción única a nivel mundial xa que Evonik é o único laboratorio de Europa que fai as calibracións necesarias para ofrecer este servizo. "É un dos piares do noso gran diferencial", explicou a presidenta provincial.

Prezos das análises

O custo do servizo, xa aprobado na Xunta de Goberno da Deputación, vai dende os 12 euros para a análise de ácidos graxos, 15 para a análise proximal e cálculo de enerxía, 42 para aminoácidos e 45 euros para os indicadores de calidade de procesado térmico e factores antinutricionais en fontes proteicas  para alimentación animal. O acordo con Dairy One permite ofrecer o servizo NIR Plus. "Realizaranse análises de ensilados e racións Unifeed, como ata agora, e a maiores incorporaranse ao seu catálogo de matrices a gran maioría das forraxes destinadas á alimentación de rumiantes", comentou Carmela Silva.
Nas analíticas de forraxes e racións Unifeed engadiranse indicadores como a dixestibilidade da fibra e do amidón, calidade de proteina, azucres ou a conservación do ensilado
Os certificados de ensaio emitiranse cun significativo aumento de parámetros incorporando aos informes NIR importantes indicadores como a dixestibilidade da fibra e do amidón, calidade da proteína, azucres, macrominerais, ácidos graxos e calidade de conservación de ensilados. Pese á mellora, as tarifas NIR Plus redúcense, xa que pasan dos 18 euros actuais a 15. "É unha importante rebaixa", valorou a presidenta. A mandataria provincial resaltou tamén que os acordos "minimizan o tempo de emisión de resultados e aumentan a capacidade para procesar un gran número de mostras con menos costes por analítica". Ademais reducen os residuos xerados e o consumo enerxético. "A fiabilidade nos resultados está  garantida, pois ambos provedores NIR son organizacións de referencia con gran experiencia nas calibracións a partir de procedementos de análise oficiais suxeitos aos máis estritos controis de calidade", engadiu.

Outras melloras no laboratorio

Aos acordos súmanse outras accións no laboratorio das que deu conta a presidenta. Así, a Deputación optimizou os procedementos de análise físico-químicos e microbiolóxicos, renovou a acreditación ENAC das técnicas de análise e lanzou unha aplicación móbil para consultar os resultados das analíticas e obter os certificados. Tamén se adquiriron balanzas e cámaras de incubación de microbioloxía, e dotouse á planta de biogás de conectividade á rede de datos para monitorizar a información xerada nesta instalación. Estas melloras supuxeron un investimento próximo aos 100.000 euros en 2021.

Implantación de embrións

Na xuntanza tamén se puxo ao tanto ós participantes do estado do programa de transferencia embrionaria da finca despois de que a finais de 2020 e no primeiro semestre de 2021 a Deputación adquirise 60 embrións a tres empresas, e foron todos eles implantados. Ata agora acadáronse 30 preñeces e naceu unha tenreira, que é filla de BWH Channel CMP ET anterior número 1 por ICO e actual nº 7. "Continuaremos con esta aposta pola xenética, e para iso temos xa previsto no próximo orzamento un investimento similar para o ano  2022, entre 40.000 e 50.000 euros", explicou. Por outra banda, Carmela Silva informou de que xa está comprado o laboratorio móbil, pendente de subministro pola problemática internacional de subministros nos chips de automoción. Tamén se retrasou, por razóns sanitarias o inicio das visitas á finca por parte de centros universitarios, colectivos do sector e centros de Formación Profesional. Con todo, xa comezaron as primeiras visitas, como a realizada hai unhas semanas por parte de gandeiros e técnicos de nutrición animal para comprobar in situ os resultados dos ensaios de cultivo de millo forraxeiro que se están a desenvolver en colaboración con Limagrain Iberica.

Proxecto Next Generation 

A presidenta adiantou que a Deputación está a traballar "nun potente proxecto en colaboración con varios socios internacionais para o tratamento de puríns" para optar aos fondos europeos Next Generation. "Mouriscade era unha das entidades máis descoñecidas desta administración fóra do territorio do Deza, e grazas ao Plan de Dinamización estamos a converter a finca nunha referencia internacional", reivindica. Silva avanzou ademais que preparan xa unha programación especial de cara o vindeiro ano con motivo da celebración dos 50 anos de traxectoria da Finca ó servizo do sector gandeiro.