Archives

Como facilitar o relevo xeracional e o acceso á terra a persoas alleas ao sector agrogandeiro

O Grupo Operativo TERRACTIVA vén de publicar unha recompilación de experiencias inspiradoras a nivel europeo sobre como facilitar o acceso á terra agraria tanto a novos/as entrantes (persoas alleas ó sector agrario con intención de incorporarse ao mesmo) como a explotacións existentes que non contan cun relevo garantido. "A compilación de experiencias demostra o carácter estratéxico deste grupo de agricultoras/es emerxentes ao tempo que ratifican a necesidade de xerar ferramentas que faciliten a abordaxe dos principais desafíos que enfrontan", salientan desde este grupo operativo, do que forman parte entre outras a EFA Fonteboa, o GDR das Mariñas, a Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal e o Laboratorio do Territorio da USC. Dende o Reino Unido, pasando por Austria ou Galicia, detállase como cada rexión desenvolve unhas ferramentas propias motivadas polas distintas realidades que enfrontan. Así mesmo, recolle tamén os distintos instrumentos de mobilidade e de xestión e recuperación de terras que actualmente existen en Galicia, así como un breve resumo da situación actual deste perfil a nivel galego.

Facilitar o acceso de persoas alleas ao sector

Este será o derradeiro ano de traballo para o Grupo Operativo TERRACTIVA. O proxecto comezou a andar a finais do ano 2022, centrado na facilitación da entrada no sector agrario de persoas alleas, as chamadas novas e novos entrantes, finalizando na actualidade co desenvolvemento de diferentes guías especialmente enfocadas no apoio a persoal técnico das distintas entidades de acompañamento e asesoramento no eido agrario (GDRs, Oficinas Rurais, Cooperativas, diversas asociacións e fundacións, etc.). Nos vindeiros meses publicaranse outros recursos cos cales o grupo pretende xerar unha base metodolóxica e orientadora que as entidades dispostas deberán “aterrar” no seu territorio para poder traballar segundo o método proposto. Paralelamente, o grupo desenvolverá unha serie de talleres para o achegamento das ferramentas ao persoal obxectivo que poida estar interesado no emprego das mesmas. Terractiva é un proxecto beneficiario das axudas para a execución de proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A publicación está dispoñible na web de Terractiva: Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Experiencias inspiradoras.

Gandería Gallardo SC: producir leite en intensivo coidando o medio ambiente

Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián, na explotación familiar en Mazaricos Gandería Gallardo SC é un exemplo de explotación leiteira con relevo xeracional e novas instalacións que está a sentar as bases para producir leite cumprindo coas esixencias medioambientais que desde Bruxelas se están a impoñer para o sector. Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián están á fronte desta gandería familiar situada no lugar de Outeiro, en Mazaricos. Adrián estudou en Fonteboa e incorporouse hai 4 anos á granxa familiar. Foi o momento no que decidiron construír un novo establo que lles permitise traballar máis cómodos e ter a posibilidade de seguir aumentando ao número de cabezas sen as limitacións de espazo, almacenamento de xurro e proximidade ás vivendas que tiñan até entón.
Na nave vella non había máis que anacos de galpóns e moito traballo; era facer algo novo ou abandonar
“Na nave vella, que estaba ao lado da casa, estabamos moi apertados. Non había máis que anacos de galpóns por todos os lados e moito traballo. Así que nese momento ou faciamos unha nave nova ou había que abandonar a actividade”, recoñece Francisco. Separáronse do núcleo de casas e construíron unha instalación nova con capacidade para unhas 110 cabezas e xa pensada para dobrar o número de animais. Mesmo a sala de muxido quedou dimensionada para iso, polo que unicamente terían que incorporar máis puntos de muxido sen mudar o sistema interno. “É unha sala de 16 puntos neste momento, pero ampliable a 24”, indican. En previsión, medrar A sala de muxido da granxa xa foi feita pensando na colocación de máis puntos no futuro Adrián ten un irmán máis pequeno, Samuel, que neste momento ten 12 anos. “Se el quere seguir tamén coa granxa habería que aumentar ao número de cabezas para que puidesen vivir os dous da explotación”, razoa Francisco. “Podemos dobrar a nave actual tanto para a parte de atrás como para o lado, polo que poderiamos chegar a 300 e pico vacas en produción”, explica. A intención a curto prazo non é chegar a muxir tantos animais, pero si traer para a nova nave toda a recría que teñen no establo vello, para teren deste xeito todo máis á man e máis cómodo á hora de traballar. “A nova nave xa foi feita pensando na comodidade para o día de mañá, tendo en conta a falla de man de obra”, destaca Adrián. Reunir todo o gando na mesma instalación tamén lles vai permitir ter máis controlados aos animais.
Sigo traballando de camioneiro varios días á semana; contamos con apoio familiar e o reforzo dunha persoa contratada para poder facelo
Neste momento atenden a explotación Francisco e Adrián, con axuda doutros membros da familia e o reforzo puntual dunha persoa contratada os días nos que Francisco mantén o seu outro traballo, de camioneiro, ao que adica dous ou tres días á semana. “Os domingos cubro as libranzas nun camión de recollida de leite, os luns levo vacas para os matadoiros de Bandeira e Ribadavia e algúns mércores vou con xatos ao mercado de Amio”, relata.   Produción estable con boas calidades O benestar animal é outro dos aspectos nos que poñen énfase nesta gandería Gandería Gallardo SC móvese nestes momentos nuns 32 litros por vaca ao día de media, cun 4% de graxa e un 3,50% de proteína. A calidade hixiénica sitúase en menos de 10.000 xermes e 133.000 células somáticas. Poñen moito énfase na limpeza da sala de muxido e as camas do gando son de carbonato mesturado con serrín (70% de serrín e 30% de carbonato).   Entregan o leite que producen a Leyma desde fai 6 anos, logo dunha mala experiencia previa con Lácteos Pérez Oliveira. “Antes vendiamos o leite á queixería da Pereira, pero cando foi á quebra deixounos con 4 meses sen cobrar, fora un pau duns 50.000€ naquel momento”, lamenta Francisco. 60 ha de superficie Normalmente fan un único corte de herba antes de labrar o millo en case todas as fincas Malia teren aumentado ao número de cabezas nos últimos anos seguen mantendo a suficiencia alimentaria da explotación, grazas a iren collendo tamén fincas en paralelo. Gandería Gallardo atópase nunha zona na que hai máis explotacións leiteiras, o que fai que o terreo estea buscado. Os prezos rondan os 10-12 €/ferrado (nesta zona son de 424 m2), aínda que existe variabilidade en función das características da parcela e a súa situación nun abano que se move entre os 8 e os 15€.
A finca que temos máis lonxe está a un cuarto de hora
Dispoñen de 60 hectáreas de superficie agraria, das que botan a millo 36. “Este ano botamos tamén 3 hectáreas a veza para cumprir coa PAC”, explica Adrián. “Facemos o ensilado a finais de abril para botar o millo, se se pode, a principios de maio”, explica. Habitualmente fan un só corte de herba para ensilar, agás nas leiras nas que a herba vai moi adiantada. “Neses casos facemos un primeiro corte polo San Xosé para ter outro igual a finais de abril. Senón a herba faise moi vella e colles fibra pero ese silo non vale para dar leite”, razoa.
Normalmente procuramos ir a un corte só de herba a finais de abril para botar o millo a principios de maio
Fan fincapé na calidade dos ensilados, tanto de herba como de millo, que comparten protagonismo na súa ración. A colleita de millo deste último ano foi moi boa nesta zona, duns 10.000 kg máis por hectárea, até chegar a unha media duns 63.000 kg/ha. “Nós botamos 6 hectáreas menos de millo que na anterior campaña e recollimos moita máis cantidade”, explica Francisco. Aínda que encheron os silos, non teñen pensado reducir a superficie labrada na vindeira sementeira. “Nunca podes baixar a garda, porque non sabes como che vai vir o ano”, advirte. E pon o exemplo da Mariña de Lugo, que mantén habitualmente boas medias de produción de millo e sen embargo o último ano, debido á seca, a colleita foi moi escasa. “As ganderías de aló viñan mercar millo aquí e tamén se venderon nesta zona moitos rolos de herba para Cataluña, onde tamén houbo moita seca”, conta Francisco. Parte dos traballos agrarios fanos eles mesmos e outra parte contrátanos. “Fomos investindo algo nos últimos anos en maquinaria e agora podemos facer nós máis cousas”, aclara. Mercaron, por exemplo, unha cisterna nova para sacaren o purín. É unha cisterna convencional, pero contan que non lles afecte a nova normativa de xurros que establece restricións para botalo co sistema de prato. “Nós temos case todas as fincas en pendente e de menos de 2 hectáreas”, din.

Mellora da calidade do xurro e uso de enerxías renovables

Cisterna mercada pola explotación para a aplicación do xurro, con sistema de prato invertido Francisco e Adrián son conscientes de que para poderen seguir producindo leite nos vindeiros anos, ademais de contar con instalacións axeitadas que favorezan o benestar animal, as explotacións van ter que cumprir cunha serie e esixencias medioambientais. E nese aspecto están convencidos de que “as ganderías familiares galegas podemos ser un exemplo de economía circular”. No seu caso, están a apostar tanto polas enerxías renovables como pola optimización na utilización do xurro producido na propia gandería, buscando reducir as emisións e a necesidade de insumos químicos. Para mellorar a calidade fertilizante do purín e reducir o seu cheiro Gandería Gallardo SC emprega a solución a base de bacterias que comercializa a empresa galega Bioprana. “Nós botamos no pozo os restos da comida e tamén o millo podre e as bacterias roen todo, queda todo líquido e dese xeito podemos botalo coa cisterna, non temos que andar botando esterco, e o purín ten máis materia orgánica tamén”, destaca Francisco.
O que gastas nestes produtos para mellorar o purín afórralo despois en fertilizante químico, porque tes que usar moitos menos abonos
A maiores, á hora de botar o xurro nas terras e pradeiras engádenlle, a través dun sistema de dosificación na propia cisterna, moléculas fixadoras do nitróxeno da marca Vizurra, que evitan o efecto lavado e a perda de nutrientes. “Aguántanche máis as pradeiras, mantéñense máis verdes e cando xea non lle ataca igual cas outras. Antes botabas o xurro e se che chovía perdías todo o que botaras. O que gastas nestes produtos afórralo despois en abono, porque tes que botar moito menos”, insiste. “Nós só usamos un pouco agora para a herba e despois para o millo, porque o millo ten que comer senón non hai produción”, asegura.
Vexo lóxico que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro
“Europa vai esixir agora este tipo de produtos mellorantes para o xurro, igual que quería facer cos inxectores, pero eu penso que usando este tipo de aditivos non serían necesarios os inxectores, porque as emisións redúcense moito. Eu vexo ben que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro, iso si. Por exemplo, sería ideal tres veces ao ano: nas pradeiras para ensilar, no momento de sementar o millo e cando levantas o millo e sementas a herba”, di. Pero iso implica “ter fosa con capacidade suficiente, algo que permite despois aforrar moitos cartos, porque doutro xeito estalo tirando seguido e cando che fai falla non o tes”, recoñece. O pozo de purín de Gandería Gallardo SC, con capacidade para case 2 millóns de litros de almacenamento de xurro, permítelles gardar o abono orgánico xerado polo gando para os momentos nos que é máis necesario, reducindo deste xeito as necesidades de fertilizantes químicos da explotación. “Temos capacidade de almacenamento para 6 meses”, destaca Francisco.
A cisterna fixo agora un ano que a mercamos; non ten inxectores pero agardamos non ter que cambiala e que nos sirva para seguir botando o xurro con ela
Hai un ano mercaron unha cisterna de 14.000 litros coa intención de botaren eles mesmos o purín. É unha cisterna convencional, sen inxectores, pero agardan poder seguir usándoa malia a entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios, por un lado dado que a maioría das súas fincas son de pequeno tamaño e teñen máis dun 10% de pendente e por outro lado porque conta cun sistema de prato invertido, que a Xunta vai autorizar como método de aplicación en Galicia. Autoprodución de enerxía Placas solares instaladas no teito da sala de muxido da explotación Outra das apostas desta gandería familiar nos últimos anos foi a instalación de paneis solares e baterías acumuladoras para autoabastecerse de enerxía eléctrica sen necesidade de estaren conectados á rede, unha decisión que tamén lles permite un aforro económico. 
Queren que botemos o gando fóra por benestar animal pero ese benestar animal acábase cando vén o lobo
Francisco e Adrián ven compatible a actividade agrogandeira co coidado do medio ambiente e a biodiversidade pero consideran necesario un control da fauna salvaxe. A carón da granxa dispoñen dunha carballeira á beira do río de case dúas hectáreas polo que, di Francisco, “se non fora polo lobo, no verán podiamos ter as vacas secas e as xovencas fóra porque teñen sombra e auga dispoñible”. “Desde Europa queren que botemos o gando fóra e cando veñen os de benestar animal facer as auditorías dinnos que iso puntúa moitísimo, pero o benestar animal haino mentres non vén o lobo”, razoa.
https://www.campogalego.gal/granxas-desconectadas-da-rede-electrica-unha-opcion-para-non-depender-do-prezo-da-luz/

Capón Holstein SC, novas instalacións para seguir producindo leite en base á herba

Águeda e Miguel, xunto ao seu fillo Lucas, no novo establo de Capón Holstein SC Capón Holstein SC é unha gandería familiar de Chantada que está de estrea. Teñen novo establo co que buscan asegurar unhas óptimas condicións de produción para os próximos anos, nos que aspectos como o benestar animal ou o coidado do medio ambiente terán un peso determinante na viabilidade das granxas leiteiras. Co obxectivo de lograr maior calidade de vida para eles e maior confort para o seu gando, no mes de setembro meteron ás súas vacas nas novas instalacións, que acollen ás vacas en produción nunha ala e á recría na outra metade. Manuel Capón, a súa filla Águeda e o seu xenro Miguel están á fronte desta explotación ubicada no lugar de Andemil, pertencente á parroquia de Vilauxe, que malia aumentar ao número de cabezas segue apostando polo pastoreo e o silo de herba para alimentar ás súas vacas, malia teren feito xa algún cambio no sistema de manexo. Eles, no seu xeito de traballar, pero sobre todo as súas vacas, están aínda no proceso de afacerse ás novas instalacións. Terceira xeración de gandeiros A incorporación de Águeda fai tres anos marcou o punto de inflexión para esta gandería familiar e foi o detonante para decidiren construír o novo establo. “As únicas instalacións que tiñamos eran unha cornadiza de 30 puntos e unha sala de muxido en espiña de peixe de 6 puntos en liña única. Para poder quedarnos nós tiñamos que aumentar porque obviamente con 30 vacas non iamos poder vivir, e dispoñer tamén de condicións de traballo boas, así que había que modernizarse”, razoa.
O establo vello tiña 33 anos; tiñamos que modernizarnos e aumentar ao número de cabezas para poder quedarnos coas vacas
Ela representa xa a terceira xeración de gandeiros na casa. “Empezou o meu avó con vacas de carne. Despois, cando o meu pai se quixo quedar, pasáronse ao leite e trouxeron as vacas holstein”, conta. O seu home tamén procede de familia gandeira. Miguel é de Cantabria, pero xa leva 15 anos en Galicia. Boas calidades Neste momento están muxindo unhas 65 vacas, cunha media de produción que está por enriba dos 30 litros e niveis altos de graxa (4,26%) e proteína (3,40%). Co cambio para a nova cuadra notaron xa un incremento de produción nas primeirizas e agardan que se vaia trasladando tamén ás vacas adultas a medida que se vaian afacendo ás novas instalacións. “Non estaban afeitas aos cubículos e a moitas aínda lles custa deitarse neles”, recoñecen. A zona de recría do novo establo conta con cama quente para as xatas e cubículos para as xovencas próximas ao parto para que melloren a súa adaptación de cara ao momento de pasaren ao lote de produción, no que as vacas descansan en camas de carbonato e serrín. 
Vir para aquí supuxo un cambio moi grande, de manexo, de alimentación e de instalacións, ao que as vacas aínda se están afacendo
O cambio para o establo novo tamén coincidiu coa campaña de vacinación da lingua azul nesta zona do sur de Lugo. “Viñemos para aquí coa vacina recén posta”, lembra Águeda, que agarda que a chegada da primavera e a saída do gando a pacer se note de maneira importante no tanque do leite. Levan entregando o leite a Danone “toda a vida”. “Eu non recordo outra empresa”, di Águeda, e de cara á vindeira renovación de contratos agarda “que os prezos se manteñan”. “É necesario para que as explotacións poidamos facer investimentos”, asegura. No seu caso, o novo establo custoulles máis de 360.000 euros. Mellora na recría Zona de recría do novo establo, onde as xatas están até que son inseminadas Aínda que na media de produción do rabaño non tiveron un incremento moi elevado, no caso da recría, de pasar de facela fóra, no prado, a poder completala a cuberto, o salto foi grande e positivo. “As xovencas chegan moito mellor ao parto e iso nótase despois no leite que dan”, asegura Miguel. “Ata agora esa era unha das cousas nas que flaqueabamos”, admite.
Ao pasar a facer a recría dentro as xovencas chegan moito mellor ao momento do parto e iso nótase despois no leite que dan
“Antes a recría faciámola toda no prado porque non tiñamos instalacións, o único que tiñamos para elas era unha cornadiza que usabamos só para inseminar. Agora as xatas e xovencas están todas dentro e penso que iso se vai notar moito”, augura Águeda. As vacas secas seguen estando un mes fóra, o que favorece a súa recuperación, e as xovencas cando empreñan tamén pasan 2 ou 3 meses, en función da época do ano, na pradeira, pero despois volven para o establo para ter un maior control sobre elas a medida que se achega o momento do parto. Manter o pastoreo Nos plans de Capón Holstein non entra prescindir do pastoreo, pero contar cunhas boas instalacións, que permiten maior confort aos animais e que están dimensionadas para o número actual de cabezas que teñen, permitiulles variar o sistema de manexo que facían do gando, pasando dun sistema totalmente extensivo “por necesidade” a un sistema semiextensivo que ten en conta as condicións meteorolóxicas e a calidade do pasto á hora de saíren as vacas a pacer. “Antes tiñamos todo fóra, tanto as becerras como as vacas de leite, que só viñan a muxirse e a comer o penso e o silo nas épocas nas que non había pasto fóra, pero despois pasaban tanto o día como a noite no prado. Non tiñamos nada estabulado porque non tiñamos outra alternativa. Agora as vacas en produción saen pacer só polo día e nas épocas nas que hai pasto”, explica Águeda.
Manexan unhas 115 hectáreas de superficie pero na zona non hai concentración parcelaria
A alimentación das vacas en produción supleméntase agora todo o ano con silo de herba e concentrado, mentres que para a recría empregan herba seca e penso. Manexan unhas 115 hectáreas, concentradas en dúas localizacións principalmente, en Andemil e en Xedive. Nas fincas que están no entorno do establo novo fan pastoreo coas vacas de leite, mentres que nas parcelas máis alonxadas teñen o lote de xovencas preñadas e vacas secas. O resto dos prados resérvanos para a produción forraxeira. O malo é, recoñecen Águeda e Miguel, o pequeno tamaño das fincas nesta zona, na que non hai concentración parcelaria, o que dificulta o manexo do gando e encarece os traballos de ensilado ou abonado. “Iso é agora o que nos faltaba a nós para poder traballar cómodos, a concentración”, piden. Socios de Aira Vista da nova granxa desde a zona de almacenaxe do xurro Esta gandería de Chantada é socia da cooperativa Aira, que lles proporciona a maioría dos servizos técnicos, de maquinaria e alimentación que precisan, o que lles permite aforrar custos, optimizar os investimentos e centrar os seu tempo no coidado do gando. “Aira subminístranos o penso, fainos o ensilado, préstanos o servizo de carro mesturador, o de podoloxía, lévanos a xestión, todo”, resumen. Na parte veterinaria, están na ADSG da cooperativa, aínda que a reprodución, o control da calidade do leite e a parte clínica fana eles, xa que tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios.   
Tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios
A formación representa hoxe en día un valor básico para estar á fronte dunha explotación leiteira, aseguran. Águeda fixo Veterinaria e Miguel estudou un ciclo medio de FP na rama agraria, o que lles permite ter coñecementos suficientes e capacidade técnica para adaptarse ás novas normativas que están a chegar, como a do veterinario de explotación ou a relativa ao SIEX e o caderno dixital.

Décadas de aposta pola boa xenética

Desde que Manuel Capón, o pai de Águeda, se fixo cargo da gandería familiar nos anos 80 e cambiou as vacas de carne que había na casa por animais de raza holstein, a mellora xenética sempre foi unha das súas teimas. “O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e un namorado das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico e eu seguín os seus pasos”, recoñece Águeda, que desde pequena acompañaba ao seu pai e ao seu irmán Roi nos concursos de gando aos que acudían habitualmente, unha experiencia que agarda que agora poidan vivir tamén os seus fillos Lucas e Blanca.
Capón Holstein era unha das explotacións habituais nos concursos de gando
“Neste momento paramos un pouco de ir por todos os cambios pero esperamos reanudar”, adiantan. Teñen obtido premios destacados tanto no certame autonómico como no Concurso da Moexmu. Neste momento atenden a granxa entre os tres (Águeda, o seu pai e o seu home), pero Manuel está xa próximo á xubilación, polo que non teñen en mente seguir medrando. “Para nós os dous sos as 72 vacas en muxido que nos collen no establo son dabondo”, din.
O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico
Ter que levar e traer as vacas ao pasto todos os días suponlles un traballo extra, aínda que reduciron bastante a distancia que percorren, que antes chegaba aos 2 km, e atopar man de obra “formal e preparada” non é doado, di Miguel.   Venda de recría Fai moitos anos que non mercan vacas e o crecemento que tiveron para entrar no establo novo cubrírono todo con recría propia. Nos últimos anos as xovencas que criaban fixéronlles falta para eles, pero unha vez estabilizada a granxa nas 72 vacas en produción (a capacidade total do establo), teñen pensado volver vender recría a outras explotacións, como facían antes.
Nós non buscamos vacas de concurso, pero unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite
Empregan seme sexado nas xovencas e tamén nalgunhas vacas adultas e buscan “animais funcionais”. “Nós non buscamos vacas de concurso, senón unha combinación de todo, pero eu penso que unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite, vai todo un pouco da man”, asegura Águeda. “Seleccionamos bastante e nas primeirizas que xa non nos convencen poñemos carne para seguir mantendo un nivel morfolóxico alto no conxunto do rabaño”, explica. Aínda que neste momento, pola necesidade de medrar para encher a capacidade do establo novo, a metade do rabaño son primeirizas, a media de lactacións no conxunto das vacas en produción sitúase nos tres partos, o que dá unha idea da lonxevidade que acadan.

Xan das Bouzas, unha gandería mixta con vacún de leite e carne, ovino e caprino e cabalo de monte

As vacas de leite da explotación pacendo nas fincas que están máis cerca da casa En Curros, pertencente á parroquia de Santa María Maior (Mondoñedo), os terreos son costentos, o que limita o seu uso para os cultivos agrícolas e a mecanización. Pero son aptos para o pastoreo, que é a base do manexo e a alimentación que fan na gandería Xan das Bouzas. Esta explotación, que combina gando vacún de leite e de carne, cabalos do monte e gando ovino e caprino, está rexentada na actualidade por Alba Recalde e Moisés García, dous mozos que contan aínda coa axuda dos pais de Moisés, María José e Luciano. Traballan 200 hectáreas de terreo, o 65% en propiedade e o 35% en aluguer e a superficie de pastoreo está repartida por ata 5 concellos diferentes: Mondoñedo, Lourenzá, Riotorto, Abadín e Trabada.
Moitas fincas teñen unha pendente pronunciada e só nos valen para pacer co gando
A maior parte das fincas teñen unha pendente pronunciada, que condiciona o seu manexo. “Moitas fincas non nos valen para sega, porque non valen para andar cos tractores; o que facemos é pacelas co gando que temos: vacas, bestas, cabras e ovellas. Temos un pouco de todo”, aclara Alba. “O que come a besta non o come a vaca” Vacas e cabalos do monte nos pastos do alto da serra Unha das características desta explotación é precisamente esa, a súa diversidade de animais. Ademais de ser unha gandería mixta de vacún, con 30 vacas de leite (máis 12 xovencas de recría) e 160 vacas de carne (máis os xatos e 25 xovencas de recría) nun CEA e noutro, de modo monte, outras 90 vacas; teñen tamén a maiores 35 ovellas, 30 cabras e 300 bestas e cabalos.  Manexar tanto gando nunha superficie tan dispersa é bastante complexo e traballoso, recoñecen. “Estás pendente do gando todos os días a todas as horas. Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación”, conta Alba.
Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación
Para facilitar os movementos entre as diferentes parcelas, cando se trata de fincas distantes, dispoñen dun camión para o transporte do gando. “Intentamos non concentrar moitas cabezas na mesma finca para que non precisen tanto manexo, pero aínda así necesitan manexo igual”, asegura.   Gando no monte abertal Unha das pozas de auga que teñen no monte para que beba o gando. Cando no verán achican pola seca soben a auga para elas en cisternas para enchelas Parte do gando (arredor do 50% do censo) pasta no monte abertal. Son vacas e bestas adaptadas á climatoloxía destas zonas altas e tamén a este tipo de pasto e que manexan en conxunto.
No inverno as bestas e as vacas castigan moito o monte e fan que o pasto vaia mellorando
“As bestas abren o monte para as vacas. A vaca non come o que come a besta, comen herbas máis brandas. As bestas do monte só comen toxo e herbas duras; axudan a ter o monte limpo, porque ningún outro animal come o que elas comen, e deste xeito fan que ese pasto vaia mellorando”, explica. Unha parte do monte abertal é propio da gandería (unhas 100 hectáreas) e outra parte comunal, aínda que dos corenta e poucos comuneiros da parroquia só catro ou cinco casas teñen gando no monte. “Somos poucos os veciños que aproveitamos o monte, pero de cara a facer a PAC nós só podemos declarar 4 hectáreas”, aclara. Petición de queimas controladas Unha das zonas de monte que se foi pechando de vexetación, onde sería precisa unha queima para rexenerar o pasto A alimentación das vacas e cabalos do monte consiste no pastoreo da vexetación espontánea, tanto toxo como herbáceas, pero na medida en que o toxo envellece a súa dixestibilidade e aproveitamento diminúe e a proporción de herbáceas tamén. “Solicitamos no mes de decembro para facer queimas controladas nas zonas de monte con máis vexetación, que non son tractorables, aínda que non temos aínda ningunha resposta. Se noutros lugares se fan, non vemos o motivo polo que aquí non se poderían facer tamén. Nós tentamos facer desbroces onde se pode, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco. Hai zonas nas que se non nos dan as queimas como alternativa é imposible entrar alí e acábanse volvendo improdutivas, porque hai toxos que agora xa non os comen as bestas”, relata.
Tentamos facer desbroces, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco
“Por culpa da broza perdemos zonas produtivas e co tamaño de explotación e número de cabezas que temos necesitamos superficie que produza. Ademais, deste xeito hai máis risco de lumes", di Alba, que defende a utilidade das queimas controladas para a rexeneración do monte para lograr un control efectivo do mato en combinación co gando. Ataques do lobo O último ataque do lobo causou baixas no rabaño de ovellas O principal depredador do gando do monte é o lobo. “O 45% das baixas que temos hoxe son por causa do lobo. Nos últimos tempos nesta zona aumentou moito a presenza do lobo e os seus ataques. Se non fora polo lobo unha egua pode vivir entre 18 e 20 anos”, conta Alba. A maiores das baixas directas, os ataques tamén provocan abortos e outros problemas reprodutivos. “A besta que perde a súa cría ten máis dificultades para empreñar polo estrés que lle provoca o enfrontarse ao lobo para intentar defendela. Unha besta que pare hoxe aos 9 días pode volver empreñar se está co garañón pero se durante esa xestación hai un ataque do lobo á grea o máis probable é que aborte ”, di.
Se non se toman medidas co lobo as bestas, e o gando do monte en xeral, corren moito perigo de desaparición
“As poldras case todas as criamos, porque con tanta baixa necesitámolas para reposición. Se non se toman medidas co lobo as bestas corren moito perigo de desaparición, ao igual que o resto do gando do monte. E cando se dean conta e tomen medidas pode que xa sexa tarde”, alerta Alba.
O lobo mátanos o 45% das bestas e o 40% das ovellas. Non é un problema menor
O rabaño de ovellas é tamén outro dos afectados polos frecuentes ataques do lobo. “No último ataque de lobo que tivemos papounos 15 cabezas de ovino en dous días. E iso que tiñamos peche de malla”, relata. Entre 400 e 600 euros por poldro Entre as 300 bestas contan con 54 de pura raza galega Para o lobo, os poldros son unha presa máis doada que os xatos, polo que a presenza de cabalos no monte reduce os ataques ao gando vacún. “Mentres hai poldros non comen os xatos e é certo que o valor dos poldros é menor que o dos xatos, pero cando acaban os poldros despois comen tamén os xatos”, matiza Alba. “Os poldros que sobreviven vendémolos a través de Puraga, os que son de Pura Raza Galega, e o resto lévanos tratantes”, conta. Os prezos dependen da calidade dos animais e do seu peso e oscilan entre os 3 e os 4 euros o kg canal. “O prezo mellorou moito, aínda que na actualidade baixou algo, pero podía ser unha carne moito máis valorada”, defende.
O prezo mellorou moito nos últimos anos, aínda que agora baixou algo, pero falta que a carne de cabalo sexa máis valorada
O peso dos poldros oscila entre os 80 kg dos do monte aos 300 kg das razas de maior tamaño, que teñen pechados en fincas máis baixas. A idade oscila entre os 9 meses e o ano, mentres que nos de pura raza galega está entre os 7 e os 8 meses. “Ás bestas do monte nunca lles damos suplemento, só controlamos que teñan auga. Desde o meu punto de vista se lles damos suplemento non nos rendiría telas, non me parece viable”, detalla. Este ano tivemos un verán duro, apertou a seca e non había moita auga. Temos unhas pozas feitas e levamos auga con cisterna para que poidan beber”, explica. "O gando do monte é difícil de controlar, xa que o monte abertal é unha extensión grande e sen peche. Cando facemos movementos necesitamos ter cabalos de montura para dirixir e guiar o gando”, conta. Aumento de superficie e mantemento das vacas de leite Teñen mastíns como cans de garda para defender o gando dos ataques do lobo Fai 8 anos, cando Moisés e Alba comezaron a traballar na gandería familiar, era máis pequena. Ao ir aumentando ás cabezas de gando foron incrementando tamén a superficie. “Co noso sistema de manexo, se aumentas aos animais tes que aumentar tamén ao terreo”, di Alba. Trataron de buscar zonas máis baixas, como o val de Lourenzá, onde os invernos son máis suaves. “As vacas de leite, cando as secamos, levámolas para alí”, explica. Malia aumentar ao número de cabezas sobre todo nas vacas de carne, non quixeron abandonar a produción de leite. As 30 vacas que moxen garántenlles uns ingresos estables todos os meses, mentes que nas de carne “se lle morre a cría perdiche a ganancia de todo o ano”, razoa.
As vacas leiteiras están día e noite fóra; só entra á corte para muxirse e comer o silo e o penso
Das vacas de leite encárganse sobre todo Alba e María José. A alimentación é a base de pastoreo, suplementado con silo de herba e concentrado. “Están fóra día e noite, só entran para muxirse e comer o penso e o silo”, indica. Están certificados en pastoreo e benestar animal e entregan o leite neste momento a Lactalis. Nas vacas leiteiras traballan coas razas frisona e coa montbeliard e nas de carne con rubia galega, asturiana, limusín ou angus. En canto aos touros, a maioría son limusín, buscando sobre todo facilidade de parto.

“A baixada do gando para as San Lucas é algo moi bonito de ver, pero dá moito traballo”

Alba, a cabalo durante os traballos para baixar a grea para as San Lucas do ano pasado Ademais da vertente produtiva, o manexo do gando cabalar ten en Galicia unha parte cultural, vencellada a labores como a rapa ou a feiras anuais como as San Lucas ou as Quendas.   “Se as San Lucas seguen mantendo a súa esencia tradicional cos cabalos como protagonistas é por xente coma nós. Se os gandeiros non baixaramos os cabalos do monte habería as orquestras e os postos ambulantes, pero non habería a feira. Perderíase igual que se foi perdendo en moitos outros sitios”, razoa Alba.
O que dá vida ás San Lucas é o cabalo, pero só tres explotacións baixamos xa gando do monte para a feira
Só tres ganderías fan a día de hoxe a baixada do gando desde o monte ata o campo da feira. O domingo anterior xuntan o gando. É un traballo complicado e moitas veces dificultado pola néboa mesta habitual no alto do Fiouco ou en Campo do Oso. “Tes que estar adaptado a andar no monte cos cabalos para xuntar o gando. Axúdanos moita xente, porque 300 bestas non se guían entre catro”, conta. “A baixada do gando para as San Lucas é moi bonito de ver, pero dá moito traballo. Dannos unha pequena axuda por baixar o gando, estableceuse nos últimos 5 anos, pero a baixada a nós suponnos moito traballo. Ademais, temos perdas, porque hai abortos, porque as bestas sofren moitísimo”, explica.   Manter as tradicións Rapa das bestas no curro de Campo do Oso “Trataremos de seguir loitando para que nos valoren”, di Alba. “Se todos tiramos a toalla e non houbera xente coma nós non se manterían as tradicións. Somos unha das explotacións máis grandes desta zona, ninguén aquí ten tantas bestas coma nós. Facemos dúas rapas, unha en Campo do Oso e outra privada na mangada que temos nós en Curros”, conta.   Relevo asegurado Logotipo da explotación Xan das Bouzas é a día de hoxe unha das ganderías máis grandes da comarca da Mariña e Moisés e Alba destilan paixón polo que fan, un entusiasmo que souberon trasmitir aos seus fillos. Porque malia a súa xuventude (el ten 34 anos e ela 27), esta parella de gandeiros albisca xa relevo xeracional que está por vir, o do seu fillo Íker, que ten agora 11 anos e é un apaixoado do gando. “Ou moito me engano ou vai seguir coa gandería”, di orgullosa a súa nai. Sofía, a súa irmá, ten agora 4 anos, a mesma idade coa que Íker comezou a baixar a cabalo ás San Lucas.

“Din que nos axudan, pero ao final todo son trabas e impedimentos”

Jónathan Cives, diante das novas instalacións do seu cebadeiro en Mazaricos O sector agrogandeiro protesta desde fai semanas por toda Europa. Unha das queixas unánimes: a burocracia. É unha palabra denostada pero á que ás veces custa poñerlle rostro. Jónathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son cotitulares de Gandería Melenas SC, unha explotación familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Adícanse a cebar becerros, uns 300 ao ano, a maioría animais marcados co selo da IXP Ternera Gallega. Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016, cando el enfermou, e en setembro de 2020, tras faceren os dous o curso de incorporación, el e a súa muller constituíron Melenas SC, garantindo deste xeito o relevo xeracional na granxa.
O único que pretenden é dar a entender que se axuda a todo o mundo cando non é certo
Na teoría, ao tratarse de dúas persoas menores de 40 anos, unha delas muller, deberían ter garantidos os apoios existentes destinados a facilitar o asentamento de mozos e mozas no rural, así como aquelas outras liñas de axuda destinadas a garantir a rendibilidade da explotación, máis tendo a consideración de prioritaria, como é o seu caso. Pero na práctica, di, a realidade é outra ben distinta. “O único que se pretende aquí é dar a entender que se axuda a todo o mundo, cando á hora da verdade son todo trabas, impedimentos e burocracia”, quéixase Jónathan. Un terzo menos no Plan de Mellora Logo de incorporárense, Jónathan e Silvia pediron un Plan de Mellora para faceren un novo establo con capacidade para 600 animais. En xaneiro do 2021 presentaron a solicitude da axuda, sobre un orzamento total de 358.000€. No mes de xullo veulles aprobada, cunha subvención concedida de 161.000€. Puxéronse mans á obra e fixeron a nova nave, na que acabaron gastando máis do orzamentado inicialmente pola suba dos materiais. "Todo o que se fixo no 2022 foi moito máis caro. De feito, a Xunta ao ano seguinte subiu os importes dos distintos módulos, pero a min colleume antes diso", quéixase. Cando a obra xa estaba rematada e certificada veulle unha inspección. Había un problema, pero non co obxecto da subvención e o destino dos cartos, nin coa construción realizada, senón co mantemento do emprego declarado na solicitude.
Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois
O traballador que tiña contratado marchou no mes de febreiro e non foi quen de reemprazalo até o mes de agosto. "É complicado atopar man de obra para traballar nunha granxa", xustifica Jónathan, que segue mantendo esa UTA a día de hoxe (a obriga era conservala cando menos 5 anos despois da certificación da obra). Pero nas bases da convocatoria establecíase que non podían pasar máis de 3 meses en caso de substitución do traballador e ao final o resultado daquel expediente foi que perderon 53.000 euros, un terzo do importe total concedido. “Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois e mentres non nos ingresaban os cartos cada 3 meses tiñamos que pagar 800 euros de intereses”, lembran. Denegación das axudas PEL Despois de rematar a obra da nova nave, Melenas SC precisaba incorporar algunhas melloras en canto a equipamento, entre outras un taximilk para dar o leite aos becerros e unhas arrobadeiras que facilitasen a limpeza automática do establo e o benestar dos animais. Para iso, quixeron aproveitar as axudas PEL para autónomos da Deputación da Coruña, con varias liñas, entre elas unha para investimentos en bens inventariables e outra para contratación de persoal. “O ano pasado, cando saíu a convocatoria de subvención para maquinaria, solicitámola, pero veunos denegada porque a empresa non podía ter máis de 5 anos de antigüidade e aínda que eu a herdei da miña nai fai 3 anos, como xa existía antes dixéronnos que non cumpriamos coas bases”, denuncia Jónathan. Pero non foi o único “chasco” que se levou coas axudas PEL. O ano pasado pediron tamén a liña de contratación de persoal e concedéronlles 15.700€, pero veulles aprobada no mes de setembro, sen tempo material para gastar eses cartos en só tres meses, polo que renunciaron á subvención.
Non é lóxico que ás granxas nos poñan un límite de 20.000 euros e para o resto de empresas sexa de 100.000
Pero contrataron igualmente a un traballador e cando saíu a convocatoria deste ano volveron solicitar a axuda da Deputación destinada a fomento do emprego, coa "sorpresa" de que desta volta só lles concederon 4.300€, alegando a existencia dun tope máximo por beneficiario de 20.000€ en 3 exercicios e computando neste cálculo os 15.700€ aos que renunciaron no ano anterior. “É un absurdo”, di Jónathan, porque esa axuda non a cobramos. Ademais, quéixase de que para gandería o límite estea fixado nos 20.000 euros cando para o resto de empresas o tope máximo está establecido en 100.000, “cando moitas granxas temos feito investimentos moito máis elevados que calquera comercio e afrontamos gastos moi superiores na maioría dos casos”.     

“Prefiren devolver os cartos a Bruxelas antes que dárnolos aos produtores de aquí”

Melenas SC ceba uns 300 becerros ao longo do ano, a maior parte dentro da IXP Ternera Gallega Jónathan considera “unha trampa e un engano” a maioría das axudas e subvencións anunciadas polas distintas Administracións para apoiar ao sector. Como exemplo, di, a que sacou a Xunta este ano destinada aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega. No seu caso, corresponderíanlle 36€ por animal sacrificado o ano pasado baixo o selo de Ternera Gallega, pero quéixase que de non será así, pois esta liña de subvencións tamén está sometida ao réxime de mínimis, polo que limita a 20.000€ en tres exercicios (o actual e os dous anteriores) o importe máximo de axudas públicas percibidas. “É dicir, se recibes a da Deputación non podes optar á da Xunta porque te pasas da limitación de mínimis”, argumenta. No seu caso, tamén computarían os intereses dun crédito ICO que solicitou fai 3 anos.
Enganan á xente, se é unha axuda extraordinaria por xato sacrificado para compensar o baixo prezo da carne non debería estar sometida á normativa 'de mínimis'
“Enganan á xente, porque a Consellería anunciou esta axuda xusto antes das eleccións para gañar votos, pero á hora da verdade moitos gandeiros non a imos poder cobrar; a maioría de gandeiros están contando con eses cartos pero non saben aínda o que implica unha subvención de mínimis. Se fixeche algunha obra no establo con subvención, xa non a cobras por que te pasas”, di Jónathan, que considera que esta axuda excepcional para compensar os baixos prezos da carne en orixe, que se dá polo número de animais sacrificados por cada explotación, “debía estar fóra de todo isto”. Trala súa experiencia co Plan de Mellora, unha axuda que convoca a Xunta pero que se financia a través dos fondos da PAC, así como co resto de subvencións dependentes doutras Administracións e que tamén se financian en boa parte con fondos comunitarios, Jónathan redefine o concepto de burocracia como “burrocracia”. “Ao final prefiren mandar os cartos de volta a Bruxelas antes que darllos a un gandeiro de aquí que produce alimentos, crea emprego e coida o territorio”, conclúe.

“O gando para as mulleres e o campo para os homes; vexo eses roles na maioría das explotacións”

O Grupo Lence xuntou este martes en Lugo a gandeiras que entregan o leite a Río e a Leyma O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, serve todos os anos para visibilizar a contribución feminina nos distintos eidos da sociedade. Nas explotacións leiteiras, e no rural galego en xeral, as mulleres sempre xogaron un papel fundamental pero non sempre recoñecido. O Grupo Lence organiza desde fai tres anos, baixo o lema Gandeiras con Actitude Río, xuntanzas nas que participan mulleres que forman parte das súas explotacións provedoras. Pretenden fomentar a relación entre elas e contribuír a que adquiran ferramentas de liderado e autoestima para que pouco a pouco poidan ir gañando peso na toma de decisións nas súas ganderías. 
Leite Río inicia esta semana, con motivo do 8-M, unha campaña publicitaria nas principais cadeas de televisión onde as gandeiras son as protagonistas
“Está moi ben estar con xente que comparte as mesmas vivencias ca ti e que está pasando polo mesmo. Cada unha temos a nosa situación persoal, pero deste xeito sentímonos máis apoiadas e arroupadas”, aseguran algunhas das participantes. Aproveitamos a última destas xornadas, que tivo lugar este martes en Lugo, para falar con tres destas mulleres, que representan nalgúns casos un cambio xeracional e de mentalidade no sector.

“Eu véxolle ao sector moito futuro”

Leticia Míguez ten 23 anos e acaba de incorporarse á gandería familiar, Gandería Míguez, ubicada en Valadares, na parroquia de Meavía, pertencente ao concello pontevedrés de Forcarei. É unha explotación familiar con relevo que está a medrar. O seu pai, José, marchou traballar fóra moi novo pero sempre tivo a ilusión de volver. “Cando volveu o meu avó tiña 7 vacas e hoxe estamos en camiño das 300 cabezas”, conta Leticia. A gandería aténdena os seus pais, ela e os seus dous irmáns, e contan neste momento con dous empregados. O seu pai está ás portas da xubilación (ten 65 anos) e tiveron unha oferta para mercarlles a granxa, pero Leticia non quixo. Esa decisión levouna a tomar as rendas da explotación. “Eu véxolle futuro ao sector”, di.
Tivemos unha oferta de compra, pero fun eu a que non quixo vender
Malia a súa idade, fala coa naturalidade de quen sempre estivo aí, coa mesma coa que decidiu dar continuidade á gandería familiar. “A fin de contas sempre estiven involucrada na granxa, aínda que agora se oficializara”, evidencia. Seguir medrando e modernizando as instalacións Entre Leticia e o seu pai hai 42 anos de diferenza e un gran salto xeracional que ela percibe. “Parecémonos moito, pero ao mesmo tempo temos visións xa moi diferentes. A súa é unha visión máis conservadora en relación aos avances que están vindo. Eu tamén procuro ser cauta, porque ás veces non se sabe moi ben que é o que vén”, matiza.
Son neste momento a maior explotación leiteira do concello de Forcarei pero queren seguir medrando “con calma e con cabeza”
Están muxindo a día de hoxe 128 vacas e son xa a maior gandería de leite do concello de Forcarei pero tanto Leticia como os seus irmáns queren seguir medrando. “Queremos seguir aumentando ás vacas, non nos marcamos límites, pero queremos medrar con calma e con cabeza”, asegura. Ao mesmo tempo que aumentan o seu tamaño para gañar volume, están tratando tamén de modernizar a explotación. Leticia estudou enxeñería mecánica e trata de aplicar a súa formación á gandería. “Pedimos un Plan de Mellora para meter un segundo robot de muxido e imos pór unha amamantadora para a recría”, conta. Recoñece que a súa presenza, pola súa idade pero tamén por ser muller, aporta unha nova visión á granxa familiar. “Quero introducir novos métodos de traballo e tratar de innovar”, avanza. Até agora axudaba sobre todo co papeleo, pero a raíz dun accidente que tivo a súa nai involucrouse máis no traballo diario da explotación, onde aínda ve diferenzas entre homes e mulleres.
Din que a dixitalización é para acabar co papeleo pero cada vez temos máis. O único cambio é que chos mandan por email pero despois ti telos que imprimir
“Relégase moito ás mulleres ao coidado do gando, mentres que o campo é para os homes. Iso está como moi diferenciado; vexo na maioría das granxas eses roles. De feito, cando eu me incorporei foi porque a miña nai rompera un pé e tiven que dar eu un paso á fronte e pórme a atender ás becerras e ao coidado dos animais. Esa labor de vixiancia nas explotacións eu penso que a fan sobre todo as mulleres”, afirma Leticia.

“Sempre tiven claro que dun xeito ou doutro quería quedar no rural”

Nerea Aneiros ten 25 anos e incorporouse o ano pasado, xunto ao seu irmán Alejandro, á explotación familiar, Granxa O Caxigo, de Cerdido, na provincia da Coruña. Neste momento están a acometer un importante proxecto de ampliación en Moeche que os converterá nunha das explotacións de referencia na comarca de Ferrolterra. “A nosa era unha explotación familiar pequena. Estaban os meus pais sos e muxían unhas 40 vacas. O establo era moi vello e non daba xa para máis. Eles aínda son relativamente novos pero sen facer establo novo non podían avanzar moito máis. Por iso estabamos nunha situación na que ou faciamos unha nave nova e tirabamos os catro para diante ou senón terían que mirar de pechar a porta e adicarse a otra cousa porque tiñan unha carga de traballo moi elevada polas instalacións que tiñamos”, explica Nerea.
Eu e o meu irmán medramos no medio das vacas e sempre nos gustou isto; eu tiña moi claro que fose dun xeito ou doutro quedaría no rural
Logo dalgún momento de dúbida, Nerea e Alejandro decidiron meterse de cheo no proxecto, para o que contaron co apoio entusiasta dos seus pais, Francisco Javier e Ana Belén, que sempre incentivaron que os seus fillos continuaran na explotación. Tradición e formación Xunto a esa procedencia de familia gandeira, tanto Nerea como o seu irmán representan unha nova xeración con formación técnica. Alejandro é enxeñeiro agrónomo e Nerea estudou en Fonteboa e agora está a facer Veterinaria en Lugo. Despois dunha etapa "rebelde" na que dicía non querer saber nada da granxa, Nerea decidiu estudar o ciclo superior de FP da rama agraria na EFA Fonteboa de Coristanco, que lle devolveu "a ilusión e as gañas". A súa formación en Fonteboa deulle ademais a oportunidade de visitar outros países, cunha estancia en Irlanda onde aprendeu que "en Galicia facemos as cousas igual ou mellor que noutros sitios pero noutros países ser gandeiro ten un prestixio e unha consideración social que non temos aínda aquí", afirma. Pasar de 40 a 200 vacas O ambicioso proxecto que están a levar a cabo, cun investimento próximo ao millón de euros, permitiralles pasar das 40 vacas actuais a case 200, e tamén dar un salto tecnolóxico coa incorporación de catro robots de muxido. “Aínda estamos coa obra pero non falta moito e contamos poder cambiar as vacas xa no verán”, explica Nerea. É consciente de que o cambio para a nova nave vai supoñer mudar por completo o xeito de traballar e tamén vai incrementar as necesidades de superficie agraria.
Cun forte investimento, de arredor dun millón de euros, están a construír un novo establo en Moeche con dous robots dobres para perto de 200 vacas en produción
Na zona na que se atopan, a gandería de leite foi esmorecendo nos últimos anos. Iso é tamén unha vantaxe, pois facilítalles o acceso a base territorial. “Estamos preto de Ortigueira, que era unha zona gandeira moi importante pero a día de hoxe quedan poucas granxas e as que quedan non están a medrar porque non teñen relevo, así que o día de mañá vai haber menos aínda”, asegura. “Sen xente nova non hai futuro no sector”, di, e aínda que recoñece que a situación e a consideración da muller nas explotacións está a mellorar, é consciente de que aínda están en minoría na toma de decisións en moitas granxas. Non acontece así na súa, pois os seus pais teñen en conta a opinión tanto dela como do seu irmán Alejandro. “Eles teñen a voz da experiencia e nós a formación técnica. Facemos moi bo equipo”, conclúe.

“Queriamos xuntarnos varias granxas pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir”

Rosa Neira ten 47 anos e é a titular dunha gandería en pastoreo de 55 cabezas en Santiago de Saa, no municipio de Lugo. “A granxa era dos meus pais e agora lévoa eu soa”, explica. Está muxindo neste momento 37 vacas e considera que “as granxas pequenas como a miña teñen pouco futuro, pero tampouco non ofrecen moitas posibilidades para podernos xuntar”, lamenta.   “Fai un ano estivemos mirando de xuntarnos entre varios veciños e facer unha explotación entre todos pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir. A Administración, en vez de animarnos a unirnos o que facía era poñérnolo todo negro, de maneira que tivemos que aparcar ese proxecto e cada un tivo que seguir coa súa granxa en solitario”, conta. Iso, no seu caso, supuxo “cortarlle as ás”, di, porque ela soa non pode afrontar un proxecto ambicioso para modernizar a explotación, algo que en conxunto si que vía factible. “Eramos 5 granxas e reuniamos máis de 300 cabezas, con perspectivas de seguir medrando”, destaca.
O proxecto consistía na unión de 5 granxas; xuntabamos máis de 300 cabezas
Rosa defende que só as granxas viables e dun certo tamaño poderán atopar relevo xeracional. Por iso, a súa decisión de sumarse a unha iniciativa conxunta dese tipo respondía ao obxectivo de dar continuidade á gandería que antes tiveran os seus pais. “Eu non o facía só coa idea de labrarme un futuro para min, senón tamén para a miña filla, que ten agora 12 anos”, asegura. “A min non me dá medo seguir adiante eu soa, pero mellor íamos os 5 veciños xuntos. Seriamos de inicio 6 ou 7 traballadores e, aínda que despois algún se fora xubilando, era unha boa maneira de seguir”, defende. Atrancos legais Das 5 explotacións que estaban de acordo en fusionarse, tres delas eran granxas pequenas, coma a súa, e dúas ganderías un pouco máis grandes. Pero o feito de que algunha delas fora xa unha sociedade complicaba as cousas, xa que os obrigaban á disolución previa de todas a fórmulas xurídicas existentes para poderen xuntarse de novo.  
Obrigábannos á disolución previa de todas as sociedades para poder xuntarnos
“As gañas tiñámolas todas, pero desde a Xunta non nos axudaron nada; foron tantas as trabas que nos puxeron que ao final eles mesmos botaron para atrás o proxecto”, quéixase. “Para min era unha meta importante e non entendo como cada vez que nos reuniamos cos funcionarios da Consellería todo eran problemas”, reitera.   Era un proxecto no que ela estaba moi ilusionada e que non dá aínda por perdido, pero polo que non pode agardar moito máis tempo. “Teño 47 anos e se tardamos moito igual daquela xa non me interesa meterme como socia e me compensa máis traballar de empregada e alugarlles as fincas”, razoa.

A industria láctea prevé unha Galicia coa metade de granxas e máis produción de aquí a dez anos

Participantes no II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030” Unha Galicia de aquí a dez anos cun incremento da produción de leite, representando máis do 50% do total de España, pero con entre 2000 e 3000 ganderías menos, fronte ás arredor de 5600 que hai neste momento. Este é o escenario que ten en perspectiva a industria láctea para os vindeiros anos e ao que terá que adaptarse, coas implicacións que iso suporá en canto a relacións contractuais estables coas ganderías. De momento, a “fidelización” das granxas proveedoras é un obxectivo común para a maior parte do sector industrial para asegurarse o suministro de leite a presente e a futuro. Así se puxo de manifesto esta mañá na terceira e última xornada do II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030”, organizado polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Se a primeira xornada estivo adicada á debater sobre os retos de sustentabilidade (económica, social e medioambiental) para as ganderías de vacún de leite, e a segunda á análise dos mercados de produtos lácteos, a terceira xornada deste venres serviu para que representantes de sete importantes industrias lácteas de Galicia (Lactalis, Grupo Lence, Queserías Entrepinares, CLUN, Inleit, Naturleite e queixerías TGT) presentasen as súas prioridades na relación cos produtores, asi como a súa análise do sector. Xa pola tarde, o II Foro Empresarial Lácteo concluíu coa presentación do libro “El sector lácteo en España”, a cargo de Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do estudo.

Lactalis: “Nos próximos 7 anos contamos con que entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia”

Por parte das industrias lácteas a súa previsión é que a produción se concentre máis en Galicia, polas súas boas condicións para a produción de forraxes, existencia de tradición gandeira e de servizos para o sector (veterinarios, maquinaria, centros de investigación...etc), incrementando o seu peso do 41% actual ao 50% do total do estado. Neste sentido, Juan Manuel Fiz, xefe de compras de Inleit pronosticou que “de aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España, pero iso si, con entre 2000 e 3000 ganderías, máis eficientes e con relevo xeneracional”. Ante a pregunta sobre que pasará co arredor do 1 millón de toneladas de leite que actualmente se concentran nas ganderías dos estratos con pequenas ou medianas produccións, Juan Manuel Fiz considerou que "non hai que dramatizar que desaparezan granxas porque normalmente as terras e as vacas acaban sendo adquiridas ou alugadas por explotacións con relevo e polo xeral con maior eficiencia, polo que mantemos ou incrementamos a capacidade produtiva".
Juan Manuel Fiz (Inleit): "De aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España"
Na mesma liña se pronunciou Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis en Galicia: "Si que contamos con que nos próximos 7 anos entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia, pero a produción vaise manter ou incrementarse". A representante da principal industria láctea da comunidade engadiu que "estamos en Galicia nunha taxa do 6% de desaparición anual de granxas de vacún de leite, mentres que a media española está no 6,5%, co cal non é moi diferente a evolución". Recoñeceu que este proceso obrígaos como industria a incidir máis na fidelización das ganderías proveedoras, para asegurarse o subministro presente e, sobre todo, futuro. Non obstante, subliñou que "nós non podemos dicirlle a un provedor que non peche a granxa se o seu fillo non quere seguir". "Estamos falando de que neste momento o investimento medio para construír un establo novo é de 7000 euros por vaca, e coas novas esixencias que veñen pode subir até os 10000 euros, polo que é comprensible que, se non hai relevo garantido nunha explotación, os propietarios se boten atrás á hora de facer unha ampliación e medrar", subliñou.

Rafael García (CLUN): "Boto de menos por parte da administración un plan para reducir o peche de explotacións"

As relacións estables coas ganderías tamén lle interesan á industria láctea para manter a súa eficiencia produtiva e reducir custos. Asi o destacou Rubén García, responsable de compras en Galicia de Queserías Entrepinares: "Como empresa interésanos fidelizar aos gandeiros para ter menos riscos de cara ao futuro. Ademáis, se cambiamos de explotación con frecuencia estamos perdendo eficiencia como industria láctea". Unha visión diferente aportouna Rafael García, responsable da cooperativa CLUN na comarca de Ames e Negreira, xa que precisamente boa parte das ganderías socias da cooperativa son do estrato medio en canto a produción. "Eu boto de menos unha actuación por parte da administración para frear o peche desas 2000 ou 3000 ganderías que se prevé que cesen a actividade nos próximos anos. En Francia, Suíza ou Italia o que fixeron é limitar en parte os queixos amparados con Denominación de Orixe ou IXP aos elaborados con leite producido en base a pasto, o que axudou a que os prezos se sitúen incluso nos 0,70 euros o litro e favorece que se manteñan moitas ganderías de pequeno e mediano tamaño e en zonas de montaña", apuntou. Na mesma dirección de apoiar o mantemento das pequenas e medianas ganderías, Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis, defendeu que o Goberno permita que os establos con vacas trabadas podan seguir activos. "É razoable que exixan a estabulación libre para as novas granxas que se constrúan, pero deberían permitir que pudesen seguir en funcionamento os establos con vacas trabadas, moitos deles con medias de produción moi altas, o que é indicativo de que as vacas poden expresar todo o seu potencial xenético e non están sometidas a estrés. Isto é por exemplo o que fixo a Unión Europea coa soia, que permite seguir importando de terras que foron deforestadas para o cultivo antes de xaneiro de 2021, polo que non ten ningún sentido que non aplique a mesma regra aos establos con vacas trabadas".

Algúns datos clave das principais industrias lácteas de Galicia:

-Cooperativas Lácteas Unidas: Uns 150 millóns de litros recollidos no 2023 dunhas 300 ganderías socias. Algo máis de 240 millóns de euros de facturación, entre pensos, leite e outros servizos. -Queserías Entrepinares: Maior fabricante nacional de queixo, o 80% del comercializado a través de Mercadona. Procesan na súa queixería de Vilalba algo mais de 250 millóns de litros de leite, dos que algo máis de 200 son recollidos a 170 ganderías galegas. -Inleit: Na súa planta de Teixeiro (Curtis) descompoñen o leite por procedementos físicos en nata, proteínas, lactosa e minerais, que venden a outras industrias alimentarias. Exportan o 70% destes derivados a fóra da Unión Europea. Aínda que o proxecto inicial estaba destinado a elaborar produtos secos, cada vez máis están comercializando máis produtos frescos, como natas, a outras industrias alimentarias de España e da Unión Europea, debido aos menores custos enerxéticos de elaboración. -Lactalis: Multinacional familiar francesa e principal industria láctea de Galicia, con dúas plantas en Vilalba e Nadela. En Galicia recolleron no 2023 un total de 508 millóns de litros a 1179 ganderías. -Naturleite: Empresa pertencente á cooperativa andaluza COVAP e cunha planta en Meira na que envasan leite UHT e leite fresco para Mercadona, un produto en aumento que xa representa o 20% da súa produción. Recollen en Galicia uns 165 millóns de litros. -Leite Río: Segunda empresa en volume de recollida en Galicia, con 475 ganderías que lle subministran leite. O pasado ano facturaron 260 millóns de uros, o dobre que en 2028. -TGT: A queixería Teodoro García Trabadelo comprou dúas queixerías na Pereira (Mazaricos) dedicada a queixo barra e queixo Tetilla e outra no concello coruñés do Pino especializada en queixo Arzúa Ulloa. En toda España en 2023 facturaron uns 500 millóns de euros. 1 de cada 4 queixos que se comericalizan en España é do grupo TGT. O 60% do queixo que comecializan é español -o 20% del é elaborado polo propio grupo TGT e o resto comprado a outras industrias queixeiras- e o 40% do restante é importado doutros países, polo que consideran que existe moita marxe de mellora para incrementar a produción de queixo en España.

O SLG denuncia que segue sen abonarse a PAC do 2023 a moitos beneficiarios

O Sindicato Labrego Galego calcula que a día de hoxe hai varios milleiros de granxas que inda non cobraron absolutamente ningún dos importes e anticipos da PAC anunciados pola Xunta en novembro pasado, de igual xeito que tamén están sen pagar as contías asociadas aos ecorrexímenes. "Non se deron pagado en decembro porque a Administración non fixo os trámites requeridos para proceder aos mesmos e a 24 de xaneiro inda non cobrou ninguén", denuncia o SLG.  "Esta situación de incerteza económica na que se atopan milleiros de granxas galegas débese á mala organización da Consellería do Medio Rural, polo que esiximos que dote ao Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) de persoal e medios dabondo para poder tramitar os expedientes en tempo", solicita Ana Rodríguez, economista do SLG especialista en políticas agrarias.  Retrasos nas resolucións de plans de mellora e incorporacións O Sindicato Labrego tamén denuncia que seguen pendentes de publicación pola Consellería as resolucións das axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións do ano 2023 cando este luns se publicou no DOG a convocatoria destas axudas para 2024.
Vén de publicarse a convocatoria do 2024 cando aínda están pendentes de resolución das solicitudes de plans de mellora e axudas de incorporación do 2023
Este feito implica consecuencias negativas directas para as granxas solicitantes, xa que, por unha banda, "aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2023 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perderán a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por térense tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto", denuncia Ana Rodríguez.  Ademais, as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda na nova convocatoria publicada, perderán varios días ou semanas do prazo establecido para a mesma, aberto desde o pasado 22 de xaneiro, ao notificárselle a denegación do 2023 coa nova convocatoria xa en marcha.
É necesario que o prazo para solicitar as axudas de incorporación á actividade agraria estea aberto todo o ano
"Queremos chamar a atención sobre a irresponsabilidade da Consellería ao reincidir nunha cuestión que prexudica un aspecto socialmente tan sensible como é a incorporación de novas persoas labregas á produción de alimentos. A tendencia ao despoboamento do medio rural é patente, e prevese que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estean xubiladas no ano 2030", alerta o SLG. Para dinamizar a incorporación de persoas mozas á actividade agraria, desde o Sindicato Labrego reiteran á Xunta de Galicia a demanda de que o prazo de solicitudes de axudas de incorporación estea aberto durante todo o ano, non unicamente durante dous meses, tal como está establecido neste momento.

Axuda de incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos: Claves para solicitala

A Consellería do Medio Rural publicou este luns a convocatoria de axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas -os coñecidos como plans de mellora-, así como para a creación de empresas de agricultores mozos, para o desenvolvemento de pequenas explotacións e, como novidade, para a incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos. Esta última medida, á que se destina un orzamento de 3 millóns de euros, tamén a aprobou este ano a veciña comunidade de Asturias. O seu obxectivo é intentar paliar a grave falta de relevo e de activos nun sector estratéxico para a sociedade, como é o da produción de alimentos. Ampliar as axudas de incorporación máis alá dos 40 anos é unha vella reivindicación das organizacións agrarias e beneficia especialmente a persoas que se incorporan dende outras actividades profesionais, moitas veces na busca dun traballo con maior estabilidade, en contacto coa natureza e que permita conciliar mellor a vida laboral e familiar. Resumimos a continuación as claves desta nova liña de axudas:

Quen a pode solicitar?

As persoas que desexen acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas novas deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Ter entre 41 e 55 anos de idade, ambos incluídos. b) Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou tela cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda. c) A explotación en que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia. d) Posuír o nivel de capacitación profesional mínimo de 150 horas no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento.

Que documentación hai que presentar?

e) Presentar un plan empresarial co seguinte contido mínimo: a. Unha descrición da situación inicial da explotación agraria, indicando as fases e os obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación. b. Unha descrición da situación unha vez realizado o plan de empresa, incluíndo, polo menos, os seguintes datos: i. Superficie da explotación, especificando a superficie dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva. ii. Maquinaria, equipamentos, melloras territoriais e edificacións. iii. Composición e dedicación da man de obra. iv. Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación. v. Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura de financiamento e rendibilidade. vi. Actuacións que se van realizar. c. Un plan de investimentos (información detallada sobre investimentos e prazos), se é o caso, en que indiquen as melloras que se van realizar, establecendo o seu impacto no cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo auga eficiente, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o require, prestando especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000. d. Información detallada, se é o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agraria, incluíndo as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos. f) Permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda. g) Participar no programa de titorización ás persoas agricultoras novas que presta a Consellería do Medio Rural. O proceso de incorporación deberá ser tutelado polo persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da área comarcal onde se localice a explotación agraria. h) Non ter recibido axuda por primeira instalación, nin considerarse instalado.

Contía máxima da axuda:

1. O importe da axuda será de 25.000 euros, que poderá incrementarse ata os 55.000 euros en función da aplicación dos seguintes criterios: a) 10.000 euros por ser muller. b) 10.000 euros por explotación localizada en zonas con limitacións naturais de montaña. c) 10.000 euros por explotación de agricultura ecolóxica. d) 10.000 euros por titularidade compartida. No suposto de que se instalen varias persoas simultaneamente na mesma explotación, os incrementos establecidos nas alíneas b), c) e d) repartiranse a partes iguais entre as persoas que se instalen. 2. No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 25.000 euros.

Para máis información contacte aquí coa súa oficina agraria comarcal

“Que xente allea ao campo entre a traballar no sector é unha necesidade, pero tamén unha gran oportunidade”

Quico Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio da USC, é un dos responsables do proxecto Terra Activa, grupo operativo centrado na investigación e apoio aos novos entrantes na agricultura. En que consiste Terra activa e como xurdiu? Nas últimas décadas tíñamonos centrado moito en analizar os obstáculos dende o lado da oferta de terras, pero cada vez máis o problema en grandes áreas de Galicia é do lado da demanda, porque os xefes de explotación. son moi maiores e non existe relevo xeracional, polo que, ou se fai algo ou moitas terras van quedar abandoadas. Vimos a oportunidade de plantexar esta temática no marco da convocatoria do ano pasado do plan estratéxico da PAC dirixida a crear Grupos Operativos para desenrolar proxectos de innovación e desenvolvemento. Decidimos presentarnos para dar apoio e soporte aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón a través das entidades públicas e privadas que potencialmente poden axudar a estes novos. A contía é 177.644 euros e conta con fondos autonómicos, estatais e europeos. Que son os grupos operativos, quen forma parte e que obxectivos ten? Os Grupos Operativos son sempre colaborativos entre diferentes axentes do ámbito da investigación e innovación pero tamén produtores do sector primario para que haxa unha verdadeira transferencia de coñecemento, ou mellor dito, unha colaboración efectiva en pé de igualdade entre os parceiros para levar unha idea á práctica. Non se trata de que os investigadores lle digan aos produtores como facer. Trátase de que xuntos traten de levar á práctica algunha idea ou concepto do que xa existe coñecemento teórico. No noso caso as entidades colaboradoras serían a Escola de Formación Agraria de Fonteboa (EFA Fonteboa), o Laboratorio do Territorio da USC, Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal e o GDR Mariñas-Betanzos e outros tres colaboradores que non son beneficiarios directos, Slow Food Compostela, Granxas Lousada SC e Eloy Galván, produtor das Mariñas. O primeiro obxectivo sería investigar e coñecer se efectivamente este fenómeno de incorporación de xente de fora do sector se está dando en Galicia e en que condicións, que necesidades teñen e como se lles pode dar apoio para que podan levar a cabo os seus proxectos no rural. Un segundo obxectivo sería xerar esas ferramentas de apoio aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón para as organizcións e institucións que poidan colaborar con eles potencialmente, porque pensamos que así tería máis impacto. O que intentamos, por exemplo, é que un grupo de desarrollo rural monte unha oficina ou ventana de apoio específica para os novos entrantes. Nestes tres anos esperamos crear unha serie de guías e recursos que unha entidade poda usar se quere apoiar ou asesoras aos novos entrantes no seu territorio. Sería dirixido a grupos de desenvolvemento rural, cooperativas, ONGs, a propia administración autonómica… Que a Consellería de Medio Rural utilice estes materiais en oficinas rurais sería o ideal. Un último obxectivo implícito sería por enriba da mesa o debate sobre a definición concreta de novos entrantes, a súa importancia e as súas problemáticas, que son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares e xa mamaron esa cultura desde pequenos.
“As problemáticas dos entrantes son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares”
Que se entende por novo entrante e que características e necesidades presentan? É unha persoa que se incorpora á agricultura por primeira vez, sen experiencia previa na agricultura, frecuentemente con experiencia noutros eidos e procedente da cidade. Na reforma da PAC do 2023 xa se fala explicitamente deste concepto de novos entrantes e da necesidade de apoialos. Tradicionalmente existían dúas liñas de axudas: subvencións para agricultores mozos, deseñadas a fillos de agricultores e as de mellora de explotacións agrarias. Nesta nova reforma recoñécese a importancia de telos en conta, considerando que as axudas clásicas estaban pensadas nun modelo de relevo familiar e aparece unha nova liña de axudas para maiores de 40 anos que non cumplen os requisitos de agricultores mozos e que se incorporan por primeira vez ao sector primario. Unha cousa destacable dos nosos estudos é que dos case 100 novos entrantes que localizamos nos últimos 10 anos, a metade está adoptando modelos de produción agroecolóxica, o que pulveriza os rexistros xerais de Galicia onde non chega nin ao 10% do sector. Estes modelos de produción priorizan moito a conservación do solo, a biodiversidade e boa xestion da auga e dos recursos naturais, o que significa que está entrando no sector xente con interese na xestión sustentable que apostan por un modelo de produción principalmente ecolóxico, sexa con certificado ou sen el. Dos 100 casos analizados en Galicia, 64 eran homes sendo o rango de idade máis común dos 26 aos 35 anos. Pouco máis da metade optan por produción vexetal, pouco máis dun cuarto pola produción animal e menos dun cuarto pola produción mixta. Dentro dos homes, o 65% optou pola explotación animal. En canto ás problemáticas xa se teñen feito estudos noutros sitios, pero este fenómeno e relativamente recente. Hai liñas comuns que atopamos, como o tema do acceso á terra, formación, acceso a financiación, o integrarse nun sector e nun lugar novo, a falta de contactos e de coñecementos, a relacion cos diferentes axentes e as súas dificultades, especialmente para a xente que ven do mundo urbano. Nestes casos pode haber problemas de integración social pero o máis normal é que os novos entrantes acaben sendo axentes dinamizadores do territorio, especialmente nas zonas máis deprimidas demográficamente, xa que moitas veces son familias con posibilidades de relevo xeracional. Outra dificultade que non pensamos que sería tan problemática e acabou sendo o principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.
“Máis da metade dos novos entrantes optan por produción vexetal”
Por que existe tanta crítica á burocracia? É un problema tan grande? Cando falamos de agricultura, a realidade administrativa e burocrática é moi complexa porque é unha actividade que abrangue moitas áreas, polo que é moi difícil coñecer todas as normativas e nos obliga a pasar por un montón de sitios diferentes para obter informacións sesgadas porque hai cuestións que teñen que ver coa actividade económica e a fiscalidade, outras con normativas medioambientais e de manexo da terra, da auga, dos recursos naturais, con cuestións urbanísticas, de benestar e saúde animal, trazabilidade, comercialización, laboral, … Ás veces parece que hai unha mala intención dos que mandan que o queren poñer difícil pero penso que ten que ver con que é unha actividade que toca moitos ámbitos… É unha consecuencia inmediata e intrínseca da propia actividade. Precisamente as administracións deberían esforzarse en plantexar un ámbito administrativo sensato, porque ás veces nos pasamos de rosca e os propios gandeiros non ven as normas sensatas e saen a rúa a protestar, como é lóxico. Como a actividade agraria toca tantas áreas, as AAPP deberían facer un esforzo moito maior en ordear e darlle coherencia á normativa. Pola contra, recurren ao DOGa ou ao BOE practicamente para todo. Ademais, o sector agrario é tan diverso que é dificil facer unha norma que teña en conta esa diversidade, o cal complica tamén a súa aplicación real (para exemplo, o Decreto ‘dos puríns’). Para alguén que empeza de cero e que non é consciente de toda a normativa e aspectos administrativos que ten que aprender a cumplir cando vai comezar a súa explotación, non hai quen o informe de forma simultánea e integral, ten que ir a moitos sitios e se entera tarde de moitas normas. O primeiro tema é enterarse de todo o que nos afecta e despois valoralo. Isto non é nada fácil. Ti fas un plan pero non eres consciente dos límites legais ou os descubres tarde e xa tes que cambialo e ao mellor xa invertiches diñeiro. Tendo en conta o que se vai sabendo, este colectivo é máis probable que apoie as iniciativas de protección ambiental. É dicir, de partida amosan sensibilización por unha xestión responsable dos recursos naturais. Que apoie unha norma en concreto, tamén vai depender de como estea planteada. Esto non significa que no sector ‘tradicional’ non haxa sensibilidade, pero si é certo que é máis difícil mudar prácticas xa establecidas.
O principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.
Cal é a situación demográfica de Galicia respecto ás explotacións agrarias e por que son importante as axudas aos novos entrantes? Salvo pequenas excepcións, a situación a nivel autonómico, estatal e europeo é moi delicada, e vai a peor. En Galica, temos algúns datos que son preocupantes aínda que atopamos grandes diferencias según a zona. No 2020 só o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos a nivel galego e a nivel español o dato é moi similar. Unhas 230 mil hectáreas son xestionadas por maiores de 60 anos e só 100 mil xestionadas por menores de 40 anos. A agricultora europea, e especialmente a galega, é familiar, o que significa que o relevo nas explotacións é intrafamiliar. Continúan as explotacións que xa había, pero non se abren novas, no mellor dos casos. Se o xefe dunha explotación é maior de 55 anos e non ten relevo, o máis probable é que xa non o vaia ter. É dicir, non chega con convencer aos fillos dos agricultores e gandeiros a que continúen, temos que centrarnos tamén en que aparezan novos agricultores que non veñan do sector, sexa collendo explotacións xa en marcha ou creando novas explotacións. Ou se comeza a incentivar máis a creación de moitas máis explotacións das que xa hai ou quedarán moitas hectáreas abandoadas en pouco tempo. É certo que o impacto cuantitativo dos novos entrantes é moi modesto de momento, pero ten un gran potencial cualitativo, ademais dunha vía indispensable para garantir o relevo na agricultura galega e europea, e unha oportunidade de emprego para persoas que busquen alternativas laborais. Isto pasa en toda Europa salvo algunhas excepcións como Polonia ou Austria, onde os xefes de explotacións menores de 40 anos supera o 20%. Seguimos coa idea de que Galicia é un país agrario, pero que explotacións quedan realmente? Moi poucas e localizadas en cada vez menos áreas. A relativa concentración xeográfica é moi relevante. O sector lácteo, por exemplo, vaise concentrando cada vez máis en menos áreas moi especializadas. Según o IGE, no 2022 o 75% das vacas de muxidura estaban en 44 municipios (14% do total)… Algo parecido pasa co viño, que se concentra na zona de DO e máis da metade da SAU censada polo Censo Agrario se concentraría en pouco máis de 40 municipios. O sector intensivo ten outras dinámicas, non xestiona tanta terra para o cultivo, pero precisa de terra para xestionar os puríns. O obxectivo político a nivel UE na década dos 80 ou dos 90 era ter menos explotacions pero máis grandes e competitivas, pero dalgun xeito nos pasamos de rosca. Asumíase que o axuste estructural era a vía para a ‘modernización’ do sector agrario. De novo, o problema é que o sector agrario europeo é moi diverso como para aplicar as mesmas políticas por igual, e en zonas como Galicia, o axuste significou en boa medida abandono e despoboamento. Para buscar posibles solucións sería interesante analizar as políticas que se están adoptando noutros países europeos, pero isto daría para facer outro artigo a parte.

As Pontellas SC: “Ao pasar a ecolóxico reducimos moito estrés e gañamos calidade de vida”

José Antonio e Ana xunto ao seu fillo Luis, incorporado á granxa familiar Na parroquia de Candai, en Outeiro de Rei, ubícase a gandería As Pontellas SC, unha granxa de produción de leite ecolóxico que rexentan José Antonio López Corredoira e Ana Rodríguez Íñiguez e á se está a incorporar o seu fillo José Luis. A historia desta gandería familiar remóntase a fai máis de 40 anos, cando o pai de José Antonio montou varios cebadeiros de becerros para comercializar a coñecida como carne branca (carne de tenreiros alimentados exclusivamente con leite e sacrificados antes dos 4 meses), cunha produción en cadea duns 700 animais. Debido á caída na demanda deste tipo de xatos, unha das naves construídas para albergar o cebadeiro foi reconvertida despois, fai uns 35 anos, para meter vacas de leite. “Daquela estabamos en convencional e tiñamos medias de 32 litros diarios”, conta José Antonio. Pero aquel sistema tan intensivo non o convencía. “Era moito estrés porque había que estar todo o día pendente das vacas se querías ter esa produción”, recoñece.
A nosa granxa hoxe é un relax. Cando estabamos en intensivo non era así, era un estrés continuo, había que estar todo o día pendente das vacas
Buscando un punto de equilibrio entre litros e horas de traballo, nun primeiro momento decidiron extensificar a produción a través do pastoreo en convencional pero logo xa optaron por pasar a ecolóxico. “Hai uns 15 anos que estamos en ecolóxico, pero antes de pasarnos a ecolóxico xa levabamos 7 ou 8 anos facendo pastoreo”, lembra. Co cambio de sistema de produción cambiou tamén o nivel de dedicación necesario. “Hoxe a nosa granxa é un relax. Levantámonos ás 9 da mañá, ás 9 e media da mañá chegamos á granxa e ás 11 e media xa temos todo listo. Logo botamos as vacas ao pasto e ata as 7 da tarde non volvemos a vir para aquí”, conta José Antonio. A clave, a xestión do pasto Pero malia o sinxelo que semella o sistema produtivo que teñen adoptado, é necesario facer unha xestión axeitada das pradeiras. “O ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer”, di.
Producir en ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer
Para lograr un mellor aproveitamento do pasto, raciónano en función da súa calidade e dos suplementos forraxeiros aportados no pesebre. “Abro ás vacas en función da herba que haxa na parcela, as veces ábrolles dúas veces ao día para que teñan pasto fresco e non pisen tanto”, explica. Dificultades para aumentar á superficie Dispoñen en total de 54 hectáreas, polo que precisan acadar altas producións tanto de pasto como de forraxe para depender o menos posible das compras externas fóra da explotación. “De superficie estamos moi xustos, pero aquí non hai máis terreo dispoñible”, admiten.
Nesta zona plantouse moito eucalipto e non hai xa moitas máis fincas para coller
“Por esta zona plantouse moito eucalipto e case todo o que queda a prado xa o levamos nós”, engaden, polo que a falta de superficie agraria dispoñible limita a capacidade desta explotación para seguir medrando. Entre becerras de recría, xovencas, vacas secas e vacas en produción, As Pontellas ten neste momento unhas 100 cabezas, das que a metade son animais en lactación. “Para ter máis vacas teriamos que ter máis terreo e non hai”, lamenta José Antonio. Resementeiras sen arar a terra Maquinaria para estender as bostas das vacas e resementar as pradeiras Até agora a estratexia que seguían para aumentar a produtividade das fincas era a de ir renovando unha media de 6 hectáreas cada ano para ir mellorando deste xeito a produción e a calidade da herba, pero a finais do ano pasado adquiriron maquinaria para resementar as praderías sen necesidade de aralas. “A máquina que mercamos permite distribuir as bostas e ao mesmo tempo botar semente. O que facemos é pasala cando saen as vacas da finca e logo botamos unha capa de purín por enriba, así imos implantando as variedades de herba que nos interesa sen necesidade de abrir o terreo”, explica José Antonio. Unha encamadora para repartir o silo Coa mecanización da maior parte dos traballos buscan facer máis levadeiras as tarefas diarias da granxa e ter que traballar menos horas. Dispoñen por exemplo dunha encamadora que empregan tamén para repartir o silo e a herba seca tanto no lote de vacas en produción como no de vacas secas.
Temos maquinaria de todo tipo para facer o traballo o máis cómodo posible
“É unha máquina moi polivalente, que nos vale tanto para estrar como para a alimentación. Metemos o rolo enteiro de silo ou de de herba seca dentro da encamadora e pasamos con ela polo pasillo de alimentación. A encamadora encárgase de ir desfacendo o rolo e repartíndoo polo pesebre. Para o silo ten ademais outra vantaxe, xa que o deixa moi esponxoso e cómeno moi ben”, asegura. Entre 15 e 19 litros de media de produción ao longo do ano Sala de muxido da explotación, de 12 puntos, onde moxen ás 9 e media da mañá e ás 7 e media da tarde O pasto e as forraxes producidas na explotación son a base da alimentación do gando. “O consumo de penso na nosa granxa é mínimo, estamos nos 4 quilos por vaca de media”, conta. O concentrado subminístrallelo a cooperativa asturiana Campoastur. “Levo con eles, mercándolles o penso, desde que empecei en ecolóxico”, lembra José Antonio. As 100 cabezas só consomen uns 6.000 kg de penso ao mes xa que suplementan o pasto sobre todo con silo e herba seca. A pasada primavera fixeron uns 800 rolos de silo e uns 200 de herba seca, pero o verán foi seco e tiveron que empezar a suplementar xa no mes de xuño. “Esta é unha zona na que as fincas acusan a seca e por iso reduciuse moito o pasto”, explica.
Levamos con Campoastur desde que nos pasamos a ecolóxico. Só con pasto chegar a 20 litros é difícil
A produción media de leite da granxa sitúase nos 15 litros por vaca e día nos meses de verán e inverno, subindo a 18-19 litros na primavera. José Antonio recoñece que “só con pasto e silo de herba é difícil chegar a 20 litros”. Pero está convencido de que a rendibilidade dunha explotación como a súa vén polo aforro de custos. “Trátase de ter os menos gastos posibles, dar o menos penso posible e usar a maquinaria tamén o menos posible para que a maior parte do que se ingresa quede libre”, xustifica.
Este ano fixeron uns 800 rolos de silo de herba e uns 200 de herba seca
A estratexia de alimentación en épocas de pouco pasto pasa por suplementar con forraxes propias e unha pequena cantidade de concentrado. “Pola mañá dámoslles entre 2 e 3 quilos de penso e despois, antes de sacalas ao pasto, intentamos meterlles bastante comida, tanto herba seca como silo de herba, para que cando chegan ao prado leven xa no estómago e non necesiten pacer tanto, porque eu notaba que no inverno se saían moi baleiras botaban todo o día pacendo e iso facía que baixaran á produción porque non se deitaban en todo o tempo e as vacas para producir leite necesitan descanso”, afirma. Teñen tamén un autocargador con segadora co que traen ás veces herba das fincas que están máis alonxadas para que as vacas a coman no pesebre.  
Estamos nun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína e en 110.000 células somáticas
A media de calidades móvese arredor dun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína. Desde que se pasaron a ecolóxico entregan o leite a Lactalis; antes, durante os anos que fixeron pastoreo en convencional, venderon tanto a Larsa como a Leyma. Neste momento o prezo final xa con IVE e sumando as primas por calidades e por benestar (nivel excelente), sitúase nos 73 céntimos. Teñen contrato até marzo, asinado no mes de setembro e José Antonio confía en que os prezos se manteñan de cara á renovación. “Europa está tirando cara este modelo de produción, se queren fomentar isto e animar a máis xente a pasarse a ecolóxico non tería sentido que nos baixasen o prezo”, razoa. Protexer as vacas das inclemencias meteorolóxicas Nave para vacas secas, que teñen cama quente de palla e saída ao pasto Unha das máximas de manexo que utilizan nesta gandería é a do benestar animal. “Nós non temos as vacas fóra nin cando chove moito nin con moito sol. Ter ás vacas á auga os días de inverno para min non é benestar animal, e igual nos días de sol no verán. As vacas o calor lévano mal, e o calor para elas é a partir de 25 grados”, matiza José Antonio.
Nin chovendo nin con moito sol temos as vacas fóra. Eu miro polo seu benestar porque tamén é o meu
Por iso no verán, os días que vai moita calor, botan as vacas a pacer pola mañá e recóllenas nas horas centrais do día, para que estean cando aperta o sol a cuberto no establo, para volver botalas pola tarde de novo a pacer. “Dá máis traballo, pero penso que as vacas están mellor. Por un lado evítaslles as horas de máis calor e minimizas riscos de mamite transmitido pola mosca”, asegura.   Para levalas e traelas ao pasto manexa el só o rabaño, coa axuda do seu can. No entorno da granxa teñen 10 hectáreas de terreo e para o resto das fincas, algunhas delas a quilómetro e medio de distancia, van por camiños de terra sen asfaltar.
Para iren ao pasto levámolas por camiños de terra, as nosas vacas case non pisan o asfalto
“Moitos deles eran camiños que estaban pechados de maleza, pero desde que botamos as vacas fóra volvéronse abrir”, explica. Estes vellos camiños de servizo evitan que o rabaño teña que ir polas pistas. “O alcatrán ás vacas non lles fai nada ben, moitas coxeiras danse por culpa das areas”, di José Antonio.

"En que me beneficia a min meterme en 250 vacas?"

Están a muxir neste momento 50 vacas e non teñen previsto aumentar moito o número de cabezas As Pontellas ten o relevo xeracional asegurado. Luis, o fillo de José Antonio e Ana, vai cumprir 20 anos e está a facer a incorporación á explotación. O que o convenceu para tomar a decisión foi a calidade de vida que ve que teñen os seus pais. “Aquí non fai falla levantarse ás 6 da mañá nin traballar unha chea de horas”, di. Por iso, coa súa incorporación Luis non pensa dobrar o establo ou o número de cabezas, unha práctica común en moitas explotacións intensivas cando se incorpora o fillo. “Como moito eu meterei 10 vacas máis, pero non teño previsto medrar ao tolo, nin aproveitar as axudas para iso, porque en que me beneficia a min meterme en 250 vacas?”, pregunta.
Non quero dobrar o número de cabezas; quero calidade de vida
“Iso suporía facer unha nave nova, ter que mercar un tractor máis grande, buscar máis terras, contratar un ou dous empregados, en definitiva, moito máis traballo para gañar o mesmo a fin de mes e perder calidade de vida”, razoa.    “O que queremos é baixar ao traballo mantendo os ingresos e a viabilidade da granxa; non aumentar ao traballo. Non quero dobrar ao número de cabezas; quero calidade de vida”, di convencido. Traballo familiar Nesta gandería familiar repártense as distintas tarefas a realizar para atender tanto o gando coma o traballo agrario sen necesidade de man de obra externa. “Facemos nós todo, desde abonar ou ensilar a atender aos animais”, explican. A recría é unha das tarefas que lles rouba tempo. Destetan aos tres meses e completan o proceso noutro establo, onde teñen as xovencas. No caso das vacas secas, contan cunha instalación con cama quente na que teñen ademais acceso libre ao pasto. Animais de recría, que destetan aos tres meses A lonxevidade nas súas vacas é moi elevada e a reposición que necesitan para cubrir as baixas é realmente pequena, aínda que ao querer medrar algo están a recriar algún animal máis dos necesarios. “Aquí con media ducia de xovencas ao ano amañariamos, temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente”, conta José Antonio. A saúde xeral do rabaño é moi boa, o que reduce gastos en medicamentos. “Aquí o veterinario é moi raro que veña”, conta José Antonio. “Partos atendemos tamén moi poucos, un ou dos ao ano. Normalmente amáñanse soas para parir, e levamos 15 anos sen problemas de patas e sen ter que recurtar cascos”, explica.
Nós con recriar media ducia de xatas ao ano amañamos; temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente
As Pontellas dispón de animais moi rústicos que se adaptan ben ao pastoreo. Comezaron cruzando as vacas holstein puras que tiñan con touros de razas como a roja sueca, a jersey, a montbeliard ou a parda alpina, en función das características da vaca. Para o segundo cruzamento usaron seme fleckvieh en todas as xovencas e na actualidade están volvendo a poñer frisón para incrementar a capacidade produtiva. “Para min a vaca que mellor nos funciona é o cruce de frisón con rojo sueco; é unha vaca que ten corpo, que dá leite e que é moi resistente”, asegura José Antonio.

O Campo, unha explotación leiteira que atende ao gando e ao traballo agrario

  Maricarmen e o seu fillo Aarón na súa granxa de Viladonga (Castro de Rei) A simbiose gando-terra é un binomio perfecto. Permite pechar o círculo do aproveitamento de recursos: as forraxes alimentan ao gando e o xurro á terra. Se a iso lle sumamos ter maquinaria para facer case todos os traballos agrarios, o resultado é a gandería O Campo, situada na parroquia de Viladonga, no concello de Castro de Rei. Á fronte desta granxa está unha muller, Maricarmen Barreiro Irimia, que colleu a explotación hai máis de 20 anos do seu avó Federico. Tiñan daquela 30 vacas en produción, na corte na que hoxe está a amamantadora das becerras. Na actualidade, tras construír un establo novo que acumula xa dúas ampliacións, están muxindo 180 animais, con 320 cabezas totais.
Cando nacín aquí xa había vacas; eu collín a granxa do meu avó
Na súa mente está seguir medrando, se os prezos do leite seguen compensando. “A ver como segue isto, se pagan o leite como deberan animariámonos a ampliar”, di pensando na incorporación, dentro de dous anos, do seu fillo Aarón.   Unha explotación con relevo O Campo medra con paso firme porque “ao meu fillo encántalle isto”, di orgullosa Maricarmen. Aarón ten agora 16 anos e está a acabar a ESO. Despois ten pensado facer un ciclo de gandería e incorporarse á granxa familiar, na que hoxe xa bota unha man. “Gústame a maquinaria, pero tamén me gusta o gando”, conta. “Son cousas moi diferentes pero as vacas gústanme, é un traballo máis continuo e máis tranquilo”, opina. “Cando naces nunha granxa valo mamando desde pequeno, para min é un traballo bonito”, di.
As vacas gústanme; é un traballo máis continuo e máis tranquilo que o da maquinaria
Aínda que a gandería O Campo non acode a concursos, a Aarón gústalle axudar a preparar vacas, e leva dous anos asistindo ás xuntanzas do Clube de Xóvenes Gandeiros. Á súa nai gústalle que vaia, pero ela é máis práctica: “Aquí estamos para buscar a máxima rendibilidade; eu quero unha vaca que dea ben leite e boas calidades, non me importa o corpo que teña porque non a quero para mirar para ela, aínda que hai aspectos da morfoloxía que evidentemente son importantes, como por exemplo que teña unhas boas patas ou unha boa ubre. Se o pode ter todo mellor, pero senón priorizo a produción e os sólidos”, aclara. Aposta polos sólidos e 38 litros de media Maricarmen atende a granxa coa axuda de Aarón e de tres empregados, todos inmigrantes, un deles de Marrocos e dous irmáns de Guinea Ecuatorial. Os tres traballadores, que xa levan 5 anos na explotación, fan turnos de xornada continua: o que está pola mañá de 6 a 2 e o que está pola tarde de 2 a 9. Gandería O Campo moxe 2 veces ao día, ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, e logra unha produción media por vaca e día de 38 litros, cun 3,95% de graxa e un 3,43% de proteína.
Entregan a Queserías Sarrianas, que lles baixou dous céntimos o prezo do leite no último contrato
Dispoñen de carro mesturador propio para facer diariamente as distintas racións de alimentación do gando. Fai unha para vacas de leite, outra para as secas e unha terceira para as xovencas de recría. Maricarmen é quen se encarga de facer o carro segundo as indicacións que lle marca o nutrólogo. Neste momento na ración de produción están metendo 37 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba e 10,5 de concentrado. A incógnita dos robots Instalaron paneis fotovoltaicos en previsión á colocación robots de muxido no futuro Hoxe moxen nunha sala de 20 puntos pero non descartan automatizar esta tarefa no futuro se optan por seguir medrando e a man de obra escasea. Maricarmen considera que ese é un dos principais problemas que ten hoxe o sector, pero pensa que a nivel técnico e de manexo as granxas galegas están ao nivel, ou mesmo por diante, das de outros países europeos. “Creo que nalgunhas cousas, como en instalacións, por exemplo, a día de hoxe levámoslles nós vantaxe”, asegura.
É difícil atopar xente para traballar; nós tivemos unha época na que paraban pouco tempo
En previsión á posible colocación dos robots no futuro instalaron paneis fotovoltaicos, mediante unha subvención do INEGA. “Muxindo en sala non se lles saca o mesmo rendemento, pero cos robots son imprescindibles para que non se dispare a factura da luz”, considera Maricarmen.
Eu preferir prefiro a sala, porque nela ves todo: vacas coxas, vacas enfermas. É un sitio onde podes detectar moitas cousas
Ao contrario do que acostuma suceder nestes casos, Aarón prefire a sala aos robots. “Dime que se poño os 4 robots non se incorpora”, conta a súa nai. “Habendo xente para traballar é moito mellor a sala, porque acabas de muxir e sabes que acabache ata o día seguinte. Eu en condicións normais prefiro a sala, pero o malo é atopar a xente e cada vez vai ser peor”, xustifica Maricarmen. Aarón prefire as salas robotizadas ou o sistema de batch milking aos robots convencionais. “Levas as vacas a unha sala de espera, igual que para a sala de muxido convencional, e van entrando a muxirse soas, así tamén te aseguras que todas as vacas pasan e que non queda ningunha, porque un ou dous robots aínda os atendes, pero desde que tes tres ou catro, ou un volume importante de animais, a cousa complícase bastante e, ou estás sempre na granxa, ou é imposible”, di. “Como o muxido robotizado está cambiando e evolucionando moito cando el se incorpore e teña que tomar decisións neste sentido pode que xa haxa cousas novas”, engade a súa nai. Recría propia Ao igual que o traballo agrario ou a alimentación, nesta granxa fan tamén eles mesmos todo o proceso de recría, para o que acondicionaron unha ala da corte vella para poñer unha amamantadora para as becerras e mercaron o establo a un veciño que deixou as vacas para ter as xovencas.   Cando nacen as tenreiras fan o encalostrado e logo están unha semana en boxes individuais antes de pasar á amamantadora. Téñena desde fai uns 5 anos. Supúxolles aforrar traballo, pero non notaron un incremento considerable no crecemento das becerras e si un aumento nas enfermidades. “Antes de ter a amamantadora dabámoslles ás becerras leite de vaca e ían mellor; agora temos máis problemas de pneumonías. Penso que se xunta un pouco todo: por un lado a instalación, porque ao ser a nave vella é baixa e pouco ventilada, e por outro os problemas de contaxio que se dan ao mamar todas da mesma tetina”, di Maricarmen.
A amamantadora, cando vas a moito volume, tela que ter, porque as xatas dan moito traballo
Destetan a partir dos dous meses. “Se unha xata a vemos moi pequeniña deixámolas uns días máis”, explica Maricarmen. Despois van pasando polos distintos lotes ata o momento da inseminación, que fan entre os 13 e os 14 meses, novamente en función do seu crecemento. “Miramos máis o corpo que a idade”, explica. “Levámolas para inseminar xa na outra granxa e despois volven parir aquí, traémolas un mes antes e metémolas nun espazo onde temos a parideira, onde paren antes de pasar aos cubículos”, indica. As camas da nave principal son de area e fanas dúas veces ao día, coincidindo coa muxidura. Traballan con dous lotes de produción (primeirizas e multíparas) e as vacas dúranlles unha media de tres partos. Novas normativas e máis burocracia Maricarmen quéixase da carga burocrática que asumen as explotacións e que se vai incrementar coa entrada en vigor o vindeiro ano do Caderno Dixital, así como dos novos requisitos e esixencias derivados das últimas normativas aprobadas en materia de abonado, fitosanitarios ou medicamentos. “Agora póñeno todo moi complicado para producir e hai que pagar por todo. Agora non che pode o veterinario nin receitar un calcio; tencho que vir poñer el, e iso acarrea un custo. Eu a cada vaca que paría metíalle un calcio por rutina, de maneira preventiva. Pero hoxe, tal como está o tema dos antibióticos, non queren que curemos nin nos deixan previr”, quéixase.
Producir hoxe é moi complicado; non queren que curemos nin nos deixan previr
“Para min poñer un calcio nun parto é moi importante para non ter que curar despois, pero se por cada vaca que pare na granxa tes que chamar ao veterinario, deixa de ser viable”, afirma. O mesmo, di, vai pasar con outras normativas de recente aplicación, en materia de benestar animal ou fertilización, e sobre a próxima entrada en vigor do Caderno Dixital utiliza unha frase ben expresiva que resume o sentir de todo o sector: “menudo lío”.

O Trigueiro, unha empresa de servizos para diversificar ingresos e facer os traballos no momento óptimo

En paralelo á gandería, contan cunha empresa de servizos agrarios, O Trigueiro, que leva Toni, o home de Maricarmen, que ademais de atender as necesidades da granxa traballa para outras explotacións. “Antes traballabamos moito máis para outras ganderías desta zona, pero cada vez menos, porque a granxa nosa xa absorbe moitas horas de traballo da maquinaria e é difícil compatibilizalo, porque cando os demais queren botar o millo nós estámolo botando tamén, cando o queren recoller pasa o mesmo”, contan.
Priorizamos o traballo para nós e ás veces é difícil de compatibilizar co de fóra
Optan por priorizar as súas sementeiras e ensilados para que a calidade da ración sexa a axeitada. “A vantaxe de ter ti a maquinaria é que fas os traballos cando queres e como queres e nunca se che pasa ou se che molla a herba nin se che seca demais o millo e se hai unha praga cóllela a tempo, porque non esperas por ninguén”, argumenta Maricarmen. 95 hectáreas nas que fan dobre cultivo Traballan en total unhas 95 hectáreas para a súa explotación, todas na zona na que se atopa a granxa. Fan dobre cultivo de millo e herba en case toda a superficie. “Quedarán unhas 10 nada máis”, explica Maricarmen. “Esta é unha boa zona de millo, dase ben e logramos boas producións; este ano sacamos moito”, conta. Até agora botaban raigrás como cultivo de inverno, pero este ano empezaron a botar leguminosas para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes da PAC.
Nesta zona dase ben o millo; sacamos boas producións
Nos últimos anos foron modernizando o seu parque de maquinaria e contan con tecnoloxía de última xeración, como tractores con sistema de autoguiado e aperos para facer agricultura de precisión (sementeira variable, dosificación de fitosanitarios), co que reducen custos e insumos. “É positivo para os cultivos porque ao non haber solapes os cultivos non levan máis sulfato nesas zonas e non se retrasa o seu crecemento”, conta Aarón.   Especializados en sacar a area dos pozos do purín Ademais da maquinaria para os traballos agrarios, O Trigueiro dispón tamén de camións, cos que transportan, por exemplo, area para as camas, e unha retroescavadora para retirala dos pozos de purín.
Contan cun parque de maquinaria amplo, co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo
Contan cun parque de maquinaria amplo (tractores, segadoras, remolques para transporte de forraxe, cisterna de purín con tubos colgantes, estercador), co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo, e tamén están especializados en sacar a area dos pozos do purín e distribuíla en fincas con moita arxila, onde axuda a mellorar a capacidade de drenaxe do solo.
https://www.campogalego.gal/instalar-paneis-solares-nunha-ganderia-de-leite-pode-aforrar-entre-o-45-e-o-60-da-factura-da-luz/

A Xunta dará axudas en 2024 aos maiores de 41 anos que se incorporen ao agro e aos xubilados que cedan a súa granxa ao Banco de Explotacións

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitan a Feira da nabiza e do queixo de Curtis. Foto: Moncho Fuentes / AGN O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitou hoxe a Feira desta localidade coruñesa. Nesta cita, o conselleiro avanzou que proximamente se aprobarán as novas partidas anuais, para 2024, de apoio aos investimentos en explotacións -os coñecidos como plans de mellora-, as de incorporación de mozos ao rural e para a instalación de pequenas explotacións, cunha dotación total de 44 millóns de euros, o que supón máis de 5 millóns respecto a este ano. En concreto, para as axudas de incoporación de menores de 41 anos a partida ascenderá a 16 millóns de euros. A maiores, neste vindeiro ano contarase con tres novas liñas de axudas. A primeira, como xa adiantou o conselleiro no Parlamento Galego, en materia de incorporación de novas persoas agriculturas -cunha idade comprendida entre os 41 e os 55 anos- para a cal se destina un montante total de 3 millóns de euros. De seguido, esta vez tamén no referido á remuda xeracional, implantarase unha achega de 500.000 euros destinada a persoas agricultoras que se xubilen cedendo a súa explotación ao Banco de Explotacións co obxecto de asegurar esa remuda. En terceiro lugar, porase en marcha unha axuda para investimentos non produtivos por valor de 2 millóns de euros dirixidos a explotacións agrarias, centrada na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario. Estas liñas enmárcanse dentro dos 83 millóns de euros incluídos nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 destinados a accións que permitan seguir afondando na remuda xeracional -con máis de 4.500 mozos incorporados ao sector primario dende 2009 a través destas axudas- e a competitividade do agro galego.

As vantaxes de monitorizar o gando con Rumi: o exemplo da gandería O Neno

Javier Lombao incorporouse no ano 2019 á gandería de vacún de carne que tiña a súa sogra no lugar de Bocacarreira, no concello de Begonte. Hoxe conta con 19 reprodutoras e 32 hectáreas de terreo, nas que fai pastoreo co seu gando.

Javier non se adica a tempo completo a atender as súas vacas, xa que traballa como empregado noutra explotación de leite, polo que para el contar cun sistema de monitorización que lle permitira ter controlados aos seus animais en todo momento era algo imprescindible.

Ou estás todo o día mirando para as vacas ou se non fora por estes dispositivos habería problemas que non detectarías a tempo

Hai un ano decidiuse a instalar os dispositivos Rumi, que fabrica a empresa Innogando, e está moi satisfeito co resultado. Agora pode coñecer a distancia e en tempo real, a través do teléfono móbil, o que está a acontecer no prado, algo que lle dá “moita tranquilidade”.

Alertas ao móbil

A gandería O Neno ten o seu gando dividido en dous lotes e repartido polas distintas fincas coas que contan. Se acontece calquera imprevisto, por exemplo que unha vaca se bote (os colares están provistos de localización GPS), recibe unha alerta para avisalo.

Javier ten o gando en dous lotes e en distintas fincas

Pero a monitorización continua e individualizada de cada un dos seus animais permítelle ademais ter un coñecemento exhaustivo e pormenorizado do estado reprodutivo e de saúde de cada vaca. “Gracias á aplicación ves cousas que doutra maneira non verías, a non ser que pasases as 24 horas do día coas vacas mirando para elas”, di.

Avisador de partos

O control dos celos é un aspecto esencial para mellorar a rendibilidade dunha explotación de vacún de carne e cando se fai un manexo en extensivo, coas vacas sempre fóra, ás veces non é doado velos. Por iso Rumi é de gran axuda, asegura Javier, “porque non se che pasa un”.

Xunto coa detección de celos, outra das funcións que este gandeiro máis valora dos dispositivos de Innogando é o avisador de partos. “Colócasllo no rabo á vaca cando ves que está próxima e no momento en que se pon a parir chámante por teléfono para avisarte que a cría vai nacer. Chegas e normalmente xa está cos pés de fóra; é efectivo ao 100%”, describe.

É efectivo ao 100%; chegas e normalmente o xato xa ten os pés de fóra

Desta maneira, o gandeiro pode acudir ao lugar no que está a vaca no momento xusto para presenciar o proceso e supervisar que todo vai ben, podendo actuar en caso de ser necesario para salvar o xato ou axudar á vaca. “Todos os que temos vacas sabemos o que é ter que levantarte 4 ou 5 veces na noite para vixiar se se pon de parto; desta maneira evítaste todo iso”, asegura.  

A tecnoloxía, clave para que a xente moza siga no rural

Por iso, di convencido, “instalar os Rumis foi moi boa cousa”. “É un investimento que merece moito a pena facer, porque mellora o meu benestar e o do meu gando”, argumenta. “Facilitar as cousas ao gandeiro”, di, é clave para que a xente nova se incorpore ao sector e siga habendo explotacións no rural.

“Nesta parroquia, Bóveda, só quedamos dúas ganderías de carne e unha de leite e na parroquia do lado, O Castro, xa non queda ningunha, nin de leite nin de carne”, conta.

Contacto

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com