Archives

Investimento millonario do Ministerio para modernizar o regadío na Limia, con temor a canto terán que pagar os agricultores

Despois de moitos anos de reclamacións e de atrasos a modernización do regadío na comarca ourensá da Limia, a principal zona de produción agrícola de Galicia, especialmente en pataca e cereal, parece por fin empeza a ser unha realidade. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presidiu esta mañá en Ourense o acto de sinatura dunha adenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), adscrita ao ministerio, e a comunidade xeral de regantes Nova Limia, pola que se eleva a 35 millóns de euros o proxecto para a modernización integral desta rede. O ministro destacou o alcance social deste investimento, porque vai permitir consolidar o cultivo da pataca na comarca da Limia, ademais de impulsar outros. O proxecto actúa sobre unha superficie regable de 2.576 hectáreas e beneficia a 1.822 agricultores. Este proxecto de modernización permitirá substituír o uso da auga superficial do río Limia e os seus afluentes por augas subterráneas obtidas de 42 pozos cuxas captacións foron autorizadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e que se integrarán en 4 redes de rega. As obras inclúen a construción de tres balsas elevadas cunha capacidade de almacenamento de 75.000 metros cúbicos de auga. A infraestrutura equiparase de sistemas telemáticos e autocontrol, e para dotar de enerxía á rede de rega construiranse sete plantas fotovoltaicas. Tras o acto de firma, o ministro trasladouse a Xinzo de Limia para visitar a zona regable e coñecer detalles in situ sobre as actuacións que se van executar.

Obras previas realizadas pola Xunta con fondos propios e advirte da necesidade de "evitar sobrecustos innecesarios para os regantes"

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, que asistiu ao acto, puxo en valor esta actuación como mostra da colaboración administrativa. Así, lembrou que esta modernización do regadío da Limia veu precedida da construción de pozos e do seu sistema de bombeo, un fito no que a Xunta asumiu a totalidade do investimento. Neste sentido, resaltou que tanto o corenta pozos executados como o sistema de bombeo foron financiados ao 100% con fondos propios da Xunta de Galicia cun custo total de preto de 7 millóns de euros. O titular de Medio Rural engadiu que a modernización do regadío da Limia "foi froito dunha negociación conxunta entre a Xunta de Galicia e o Ministerio" e que, neste proceso, "a comunidade autónoma foi a que reclamou a necesidade de afrontar esta actuación nunha comarca chave do campo galego, como é A Limia". Niste mesmo sentido, o conselleiro trasladou a súa preocupación polo feito de que se poida "gastar diñeiro de forma inútil por parte das administracións públicas ou polos regadores". Isto, explicou, porque o esquema deseñado para o financiamento desta iniciativa ten "ineficiencias que están a repercutir nun sobrecusto para os propios produtores". Engadiu que "a nosa posición non quere dicir que non valoremos o esforzo económico que fai o goberno central, pero temos o deber de defender e estar ao lado dos regadores para que poidan ter o regadío a un custe asumible e conforme ao pactado". José González lembrou que os regantes tiñan unha perspectiva de afrontar o 20% dun orzamento inicial de 15,9 millóns de euros mais IVE, que foi o importe polo que se asinou o primeiro convenio. Porén, coa adenda que se asina hoxe, o custo da modernización vaise a un total de 35 millóns de euros máis o correspondente IVE. A esta cantidade téñense que engadir unha serie de custos adicionais que terán que afrontar os regadores, entre os que destacan os custos financeiros do aval que se require para a execución do proxecto, que supoñen preto de 2 millóns de euros máis. Neste escenario, o conselleiro trasladou hoxe que, tanto a Xunta como a Deputación de Ourense, cumprirán os compromisos asumidos cos regadores para que o custo por hectárea fose asumible pola súa banda e conforme ao pactado. Ao mesmo tempo, demandou un "compromiso adicional" por parte do Goberno central para evitar "sobrecustos innecesarios que, en ningún caso, repercuten na mellora da obra". Para aliviar o desembolso que terán que realizar os regantes, o conselleiro avogou de novo por buscar fórmulas alternativas no modelo de financiamento. En concreto, sinalou a necesidade de que o Goberno central valore a posibilidade de introducir un cambio normativo para que non se repercuta o IVE que non se pode deducir polos regadores, algo que beneficiaría o desenvolvemento destes proxectos no conxunto do Estado. De non ser isto posible, instou o Ministerio a asumir neste caso concreto o 80% do imposto da actuación -é dicir, 5,6 millóns- que senón terían que pagar os regantes. Ademais, González tamén suxeriu que non fose necesario avalar as obras, "co consiguinte aforro para os regantes de case 2 millóns de euros", sempre co obxectivo de evitar cargas económicas que non repercuten nunha mellora da actuación e facilitar a viabilidade dun proxecto que é, lembrou, "fundamental para o futuro da comarca da Limia".

Investigadores do Campus Terra explican os beneficios da rega para a mellora da xestión das viñas

A xestión da rega para as vides é fundamental para o desenvolvemento da calidade para ter vendimas de calidade, mais non só iso, tamén é necesario saber xestionar o rego das viñas sen que signifique un gasto adicional para a explotación vitivinícola. Desde xeito, investigadores do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e do Instituto de Ciencias da Vide y do Viño (ICVV) integrados na unidade CropQuality, asociada ao CSIC presentan no congreso internacional que rematou este venres no Rioja Fórum de Logroño solucións técnicas e tecnolóxicas que contribúen a optimizar a xestión dos viñedos e a satisfacer as necesidades hídricas destes cultivos. A delegación universitaria formada polos enxeñeiros agrónomos Javier J. Cancela, María Fandiño e Marta Rodríguez, acompañados das doutoras María José Motilva e Mar Vilanova, do ICVV-CSIC, aproveitaron a súa participación neste foro internacional sobre o sector vitivinícola para dar conta dos resultados de tres proxectos de investigación que demostran os beneficios que reporta o axeitado manexo da rega para a xestión dos viñedos e mesmo para a calidade do viño. O Campus Terra da USC compartiu deste xeito coa comunidade científica internacional os as pescudas e os resultados dos traballos desenvolvidos durante os últimos anos ao abeiro dos proxectos ‘Viniot’, financiado ao abeiro do programa Interreg Sudoe; ‘Irrivitis’, unha iniciativa de I+D que conta con dotación orzamentaria a través do Plan Nacional, e ‘Go Regavid’, unha proposta dun grupo operativo participado pola USC que se traduciu na creación e testaxe dunha ferramenta informática de xestión da rega capaz de avaliar as necesidades hídricas actuais do viñedo e de predicir as futuras. Estas tres liñas de investigación serviron para demostrar os múltiples beneficios que produce o correcto manexo da auga de rega no viñedo, xa sexa variando a frecuencia da súa aplicación ou ben estudando os efectos sobre a produción e mesmo sobre a calidade dos caldos, segundo indican estes investigadores. A delegación da USC aproveitou asemade a súa participación neste foro internacional para expoñer avances no sistema de axuda á xestión da rega das vides e do viñedo baseados na actualización dos coeficientes culturais e das predicións climáticas, dúas melloras acadadas grazas ao traballo desenvolvido en colaboración coa empresa tecnolóxica Monet Viticultura. Outra das contribucións que trasladaron os investigadores e colaboradores da unidade CropQuality da EPS de Enxeñaría asociada ao CSIC concretouse na presentación e posta en común dos resultados do efecto da rega en tres variedades incluídas na DO Ribeiro e dispostas en diferentes densidades. Esta liña de traballo desenvolvida en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (AGACAL-EVEGA)da Xunta de Galicia, lembran estes investigadores, inclúe análises respecto da eficiencia da auga e sobre os efectos que provoca tanto na produción como na calidade de la uva.

“Non é rendible económicamente ter terras a 30 km da granxa”

Manuel Sieira, de Noia, estudante na EFA Fonteboa, con Claudio Cremonesi, xunto ao sistema de regadío e abonado utilizado na granxa Fenil Prestini, durante a súa estancia formativa esta primavera na rexión de Lombardía Azienda Agricola Fenil Prestini é unha granxa familiar da rexión de Lombardía, ao norte de Italia, onde se concentra a produción láctea do país. Atendida xa pola terceira xeración, moxe 220 vacas e cultiva unha finca de 50 hectáreas de regadío que rodea ao establo. Nos últimos anos, as explotacións da zona seguiron un proceso de incremento xeralizado no número de cabezas, desencaenando problemas de nitratos no chan. Pero os irmáns Cremoneni prefiren axustar o tamaño do seu rabaño ás 65 hectáreas de superficie total que manexan e diversificar os seus ingresos cara á produción e biometano e electricidade. As plantas de biogás son habituais en Lombardía e preséntanse como parte da solución para a xestión sostible do xurro que producen as granxas. A ecuación complétase cunha intensiva rotación de cultivos, que aumenta a demanda de abonos orgánicos e facilita a súa utilización. Zona vulnerable Fenil Prestini achégase ás 500 cabezas de gando: 220 vacas en muxido, 35 secas e 230 animais de recría entre tenreiras e xovencas. Está situada no municipio de Verolavecchia, na provincia de Brescia, nunha zona declarada vulnerable por presenza de nitratos. Esta circunstancia condiciona a fertilización das terras, limitada a 170 unidades de nitróxeno por hectárea. “Por agora o control que se leva a cabo non é moi rigoroso, as autoridades fan a vista gorda porque senón todas as granxas desta zona teriamos que pechar”, recoñece Claudio Cremonesi, que xunto aos seus irmáns Tiziano e Cristina están á fronte desta explotación. Separador e planta de biogás As camas son de colchoneta de goma con palla e material secante por enriba Para tratar de solventar os problemas de exceso de xurros da granxa, van instalar un sistema combinado que inclúe un separador sólido-líquido e unha planta de biogás de 250 Kw de potencia. Xa dispoñen das autorizacións necesarias para a instalación e o custo previsto é de 1,5 millóns de euros. “Trátase dun sistema novo con tecnoloxía holandesa. É unha planta que non necesita instalacións de formigón, senón que vén montada nun contedor de polietileno, o que abarata moito a montaxe. Unha planta de biogás desta potencia que requira de obras e instalacións en formigón sairía por 2,5 millóns de euros”, explica Claudio. Para tratar de rendibilizar o investimento e completar a capacidade da planta, recibirán os xurros de varias granxas veciñas, ás que devolverán o material digestado para abonar con el as súas terras. 50 hectáreas de regadío nunha peza a carón da granxa A terra agrícola arredor da granxa foi concentrada e o sistema de rego mellorado hai 20 anos A granxa dos irmáns Cremonesi dispón dunha leira de regadío en propiedade de 50 hectáreas nunha soa peza rodeando o establo que destinan á produción de forraxe e cereal para a alimentación do gando. “A auga é fundamental para a produtividade da terra”, recoñece Claudio, doutor en Zootecnia de formación e que se incorporou no ano 2000, ao acabar os seus estudos, á granxa familiar que rexentaba o seu pai. Foi entón cando fixeron toda a transformación da superficie produtiva, cunha completa restructuración da terra para mellorar o regadío. “Xuntamos as terras nunha especie de concentración privada. Eran leiras moito máis pequenas pero xa eran da nosa propiedade, se fosen de distintos propietarios tería sido moito máis difícil porque habería distintas mentalidades”, recoñece. Rotolone para regar e abonar Hoxe en día xa non usan as canles de rega, senón un sistema mediante mangueira enrolada conectada ao tractor denominado rotolone. “Usámolo tanto para regar con auga como para abonar con xurro”, explica Claudio. Dispoñen de 400 metros de mangueira cos que cobren toda a superficie ao redor do establo, permitindo facer pasadas de 120 metros de ancho. “É un sistema máis eficiente que a canle de rega, porque calculas mellor a auga”, asegura. Nesta zona de Lombardía as precipitacións sitúanse entre os 1.200 e os 1.300 litros por metro cadrado ao ano pero as choivas concéntranse sobre todo nos meses de outubro e novembro e de febreiro-marzo e abril.
O sistema conéctase a distintas tomas procedentes do pozo de xurro que hai repartidas pola finca
“O resto do ano regamos cada 7 ou 8 días, porque son chans areosos que reteñen pouca auga”, aclara Claudio. O rotolone permite tamén conectar o sistema de rega a distintas tomas procedentes do pozo de xurro que hai repartidas pola finca para fertilizar os cultivos. É un método que usan a maior parte de explotacións da zona. O custo é menor que o dunha cisterna de tubos colgantes ou inxectores. “Comprámolo hai 12 anos e custounos 50.000 euros”, detalla Claudio. Produción de alfalfa e millo O millo e a alfalfa son dous dos cultivos principais de Fenil Prestini. A rotación inclúe tamén mestura de cereal de inverno con leguminosa nas fincas nas que non hai alfalfa, que ocupa máis ou menos unha cuarta parte da superficie total da explotación.  “As ganderías nesta zona están a abandonar a alfalfa porque dá traballo e é difícil de lograr un bo secado, pero é un cultivo moi importante para nós por varios motivos: necesita pouca auga, fixa nitróxeno e mellora o terreo ao ter raíces moi profundas”, destaca Claudio.
A alfalfa é moi importante porque necesita pouca auga, fixa nitróxeno e mellora o chan
Cultivan 15 hectáreas cada ano de alfalfa. Seméntana cada 5 anos e vana rotando por toda a superficie agraria da explotación. Este ano fixeron 6 cortes, un cada 25-30 días. Os primeiros, en abril, ensilados en microsilos (rolos) e despois, a partir de maio, secada como feno. No resto das terras cultivan millo en rotación intraanual con cereal de inverno. “O millo empezamos a labralo en abril e acabamos a finais de maio. Como regamos, obtemos producións superiores a 60.000 quilos por hectárea”, detalla. Tras ensilar o millo, labran unha mestura de veza, trigo e cebada, que recollen na primavera, apostando por técnicas de mínimo laboreo das terras. “É imposible facer sementeira directa nesta zona porque a normativa obriga a enterrar inmediatamente o xurro”, explica Claudio. Fano mediante un sistema de inxectores conectado ao tractor e ao rotolone. Aproximadamente o 50% do traballo agrario fano eles directamente e o outro 50% contrátano a empresas de servizos.  “Deseconomía” de escala Fenil Prestini é autosuficiente en produción forraxeira, pero compra soia, fariña de millo, palla e concentrado. Está situada no corazón da produción láctea italiana, unha zona onde abundan as ganderías de tamaño medio (250 vacas) e outras máis grandes, que apostaron por medrar nos últimos anos, aínda que Claudio considera que “non é economicamente rendible ter terras a 30 km da granxa”, que sería para eles a única forma de incrementar a superficie agraria e poder aumentar cabezas de gando. “Nesta zona está a concentrarse a produción e transformación de leite, mentres no resto de rexións de Italia está a descender. As granxas grandes traballan con economía de escala pero non hai que pasarse, porque as granxas demasiado grandes producen deseconomía de escala”, afirma.
Non se pode chamar enerxía verde a producir electricidade con alimento
Por iso opina que “o futuro das granxas de leite será diversificar ingresos coa produción de enerxía”. Eles xa comezaron a facelo, coa instalación de 99 Kw de placas solares e dispoñen xa da autorización para a instalación dunha planta de biogás na que producirán enerxía só con xurro e outros restos orgánicos, como subproductos agrícolas, xa que para Claudio “non se lle pode chamar enerxía verde a producir electricidade con alimento”. Recría propia Outro exemplo insostible para Claudio é o que segue unha granxa próxima, con 2.000 vacas en muxido e que non fai recría. “Compran xovencas acabadas de parir a outras granxas, aprovéitanlle esa lactación ás vacas e envíanas ao matadoiro en canto deixan de dar leite, sen volver a inseminarlas”, describe. Fenil Prestini, en cambio, cobre as súas necesidades de reemprazo con recría propia, que completa todo o proceso de crecemento na propia explotación. Os primeiros 15 días de vida as tenreiras están en boxes individuais non opacos, para que os animais poidan verse, tocarse e socializar. Ás dúas semanas de vida pasan a estar aloxadas de dúas en dúas ata o destete, que se produce entre os tres meses e os tres meses e medio. Lotes por tamaño Manuel Sieira, cunha das vacas dun dos dous lotes nos que están divididos os animais de producción As 220 vacas en muxido están repartidas en dous lotes, pero non se distribúen segundo produción nin se dividen en primíparas e multíparas, senón por tamaño. “Nun lote temos ás vacas máis grandes e no outro ás que son máis pequenas. Desta forma os animais están moi tranquilos porque non hai dominancias e pelexas pola comida”, argumentan. A ración é a mesma para os dous grupos. “As grandes comen máis cantidade e as pequenas menos, pero a composición é idéntica, así hai menos complicación”, asegura. Nestes momentos leva 21 kg de ensilaxe de cereal de inverno; 8,5 kg de fariña de millo; 4,5 kg de alfalfa; 2,8 kg de soia e 4,2 kg de concentrado, aínda que habitualmente contén 21 kg de silo de millo e 7 kg de ensilaxe de cereal de inverno. “Acabamos o silo de millo porque o ano pasado houbo moi mala produción, só chegamos ao 45.000 kg por hectárea”, explica.

Venda en conxunto do leite e prezo de 51 céntimos

Azienda Agricola Fenil Prestini produce unha media de 36 litros por vaca e día, logrando unha media por lactación de 10.000 litros por vaca e ano, ao 4% de graxa e 3,5% de proteína. Comercializa toda a súa produción a través de Agrilatte, unha cooperativa de venda de leite en conxunto formada por un cento de granxas. A industria de transformación, fundamentalmente queixeira, permite lograr unha maior revalorización da materia prima. “Nestes momentos estamos a cobrar o litro a 51 céntimos, pero hai un ano cobrabamos a 42 e fai dous a 36”, quéixase Claudio. O 55% do leite da cooperativa destínase a fornecer a queixerías da denominación de orixe Granna Padano, a que conta con maior tradición en Lombardía, e outro 10% para queixos da DOP Asiago, na rexión limítrofe de Venecia. O resto véndese como leite líquido. Sala de muxido de orixe irlandesa A familia Cremonesi muxe dúas veces ao día (de 2 a 5 da mañá e da tarde) nunha sala de 18 puntos pero con capacidade para 36 vacas. “É unha sala moi funcional que che permite colocar as pezoneiras aos dous lados. Desta forma con só 18 pezoneiras muxes a 36 vacas porque mentres nun lado estás muxindo, no outro metes vacas e preparas ás outras 18; así reduces tempos mortos e custos, debido a que se necesita unha menor potencia eléctrica, bomba de baleiro, etc. Cun só operario e 18 puntos somos capaces de muxir 100 vacas á hora”, destaca. Claudio visitou distintas granxas en Irlanda tras facer a súa tese universitaria e decidiu importar este sistema de muxido, da marca Dairymaster, para a súa granxa. “Os gandeiros veciños dicíanme que estaba tolo. A sala montámola no ano 2001 e custounos 85.000€”, lembra.
É unha sala moi funcional que permite reducir tempos mortos; con 18 pezoneiras e un só operario muximos 100 vacas á hora
No canto de usar colares ou podómetros, este sistema irlandés utiliza microchips nos crotais, que proporcionan todos os datos de celos, rumia, produción etc. e a sala de muxido conta á súa saída cunha porta selectora que separa automaticamente a vacas que é necesario inseminar ou tratar. O relevo xeracional nas granxas italianas Claudio estudou 5 anos no Instituto Técnico Stanga, o centro de formación agraria con sede en Cremona, e tras incorporarse á explotación familiar decidiu seguir formándose compatibilizando o traballo na granxa co estudo na universidade e unha estancia posterior en Cork (Irlanda). Reivindica a complementariedade entre a formación teórica e a práctica e destaca a capacidade de transferencia de coñecemento e innovación do sistema público irlandés, onde a propia universidade tiña unha granxa comercial de 200 vacas para as prácticas dos alumnos e a adopción de innovación. Claudio ten unha filla de 16 anos, Stefania, que estuda en Stanga. Este ano fixo o primeiro curso e, tras completar a súa formación no centro (5 anos), ten pensado dar o salto á Universidade (outros 5 anos) para facer Veterinaria. Dificultades de man de obra Os traballadores de orixe india, paquistaní e exipcia son os que máis abundan nas granxas lombardas Na granxa dos Cremonesi traballan dous empregados, un indio que se encarga do muxido e outro paquistaní que realiza tarefas de limpeza, alimentación e coidado do gando. “Estamos a buscar máis persoas para traballar pero é moi difícil atopar. Pagamos 2.200 euros máis vivenda ao empregado que se encarga de muxir e 1.600€ máis casa ao outro operario. Son soldos bos; non entendo como a xente non quere traballar nisto”, lamenta Claudio, que observa unha gran desconexión da sociedade actual co mundo agrario. “En 1980, cando eu me inscribín no Instituto Técnico Stanga, todos eramos fillos de agricultores; hoxe só o 10% dos alumnos proceden dunha explotación agrícola ou gandeira”, compara.

“As vacas cruzadas van máis ao robot porque son máis vivas”

Jose Rodríguez, xunto a un dos dous robots do seu establo, onde a metade son xa vacas cruzadas No lugar de Nogueiras, na parroquia de Ferroi (Guntín), atópase Gallardo SC, unha gandería familiar que medrou e se profesionalizou nos últimos 20 anos, cun novo establo, muxido robotizado e unha aposta clara na actualidade polos cruzamentos no gando. Buscaban animais versátiles e que se adaptaran ben aos robots de muxido para reducir a carga de traballo. Jose Rodríguez atende a granxa coa axuda de 3 empregados. Contan na actualidade con 210 cabezas totais (110 vacas en muxidura, 20 secas e unhas 80 xatas e xovencas de recría) logo dun importante crecemento que se acelerou hai 5 anos. “Os meus pais tiñan unha gandería pequena con 19 vacas; cando realmente se empezou a medrar foi cando me incorporei eu no ano 2003. Fixemos un establo novo para 32 vacas que fomos despois ampliando a medida que iamos medrando”, explica.   Nova nave en 2020 Ao ir aumentando de tamaño, Gallardo SC necesitaba unhas novas instalacións para a recría. Con esa intención deseñaron unha nova nave no 2019 para xovencas preñadas e vacas secas pero un ano despois decidiron duplicar a súa capacidade, instalar dous robots de muxido e pasar para ela as vacas en produción, levando os lotes de secas e recría para o outro establo.
Fixemos un primeiro establo no 2003, no que agora temos a recría e as secas, e no 2020 pasamos todos os animais en produción a unha nova nave
Con esa decisión lograron ter unhas cómodas instalacións para todo o rabaño, que facilitan o benestar do gando e o traballo diario na granxa. “O establo vello non era moi antigo e iso permitiunos lograr moi boas condicións para os lotes de recría e vacas secas, equiparables aos das vacas en produción”, indica Jose. A próxima reforma estará pensada para mellorar o espazo destinado ás becerras pequenas, que son as que están neste momento un pouco máis apertadas, recoñece. Secado e postparto en sala Zona de separación a carón dos robots para ter máis vixiadas ás vacas recén paridas Seguen dispoñendo da sala de muxido no establo construído no 2003, o que lles permite utilizala tanto para vacas recén paridas como para facer o secado, de maneira que minimizan os posibles problemas nos robots, ao teren neles unicamente animais que xa están fóra dos períodos máis críticos da lactación.
O manexo do lote de produción nos robots vólvese máis sinxelo ao non meter as vacas para secar e as recén paridas
“Cando temos 5 ou 6 vacas para secar levámolas para o outro establo, cambiámoslles a alimentación, substituíndo a ración de leite pola ración de secas, e muxímolas na sala durante uns días ata poñerlles o secado”, explica Jose. Do mesmo xeito, o postparto tamén o fan habitualmente na sala, aínda que contan tamén cun espazo a carón dos robots nos que separar vacas para poder vixialas máis exhaustivamente, sobre todo no caso das frisonas.
Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito
“Para que unha holstein chegue ao cuarto ou ao quinto parto non podes deixala parir e esquecerte dela, hai que coidalas moito. Nós os primeiros días témolas controladas ao lado do robot. Ás frisonas de máis de 3 partos poñémoslles calcio e un bolo de Kexxtone. Facémolo por sistema porque se unha entra en cetose e acaba en desprazamento de abomaso supón máis gasto”, razoa Jose. “Á hora do parto miramos moito por elas, e nos primeiros días de secado tamén”, recoñece. O control da calidade de leite fáillelo Seragro e están a facer secado selectivo. Venda de recría A lonxevidade é unha das características destacadas desta explotación. “Intentamos chegalas aos 5 partos pero nas frisonas non imos máis aló, porque irse a un sexto parto sería arriscarse a ter problemas e como dispoñemos de recría dabondo imos facendo relevo de animais a través de descartes voluntarios”, explica.
A través do relevo voluntario imos metendo xovencas máis produtoras para elevar a media da granxa
Teñen na actualidade 210 cabezas totais e están a vender o excedente de recría, tanto becerras como xovencas. “Con 30 ao ano xa nos sobraría para cubrir a nosa taxa de reemprazo. Como estamos moi por enriba desa cantidade podemos permitirnos substituír vacas por xovencas máis produtoras para incrementar deste xeito a media de produción da granxa e vender a recría que nos sobra”, indica. Cruzamentos Empezaron a incorporar vacas cruzadas no ano 2017, nunha fase de crecemento da granxa, e ao ver o rendemento que daban optaron por inseminar con montbeliarde e rojo sueco tamén os animais da casa. “Fixeramos unha viaxe a Portugal e trouxeramos 4 xovencas a parir aquí. Vimos que eran animais con máis fortaleza e a día de hoxe xa inseminamos todo con Procross”, conta.
Ás veces invirten a orde dos cruces, poñendo primeiro rojo sueco para buscar animais de menor tamaño
“Até o ano pasado estabamos cruzando a metade das vacas e a outra metade non, pero vemos que funciona e agora xa estamos cruzando todo, neste momento a ningunha frisona pura lle estamos poñendo frisón, ou ben a inseminamos con montbeliarde ou ben con rojo sueco”, detalla. “Gústame unha vaca de tamaño medio, o cruce con rojo sueco a min gústame moito porque é unha vaca máis pequena e con moi boas calidades de ubre”, asegura. A media mensual de células somáticas nesta granxa está nas 123.000, con 12.000 xermes de bacterioloxía. As camas de produción e das vacas secas son de area, as xovencas están en colchoneta e as becerras en cama quente de palla. 42 litros de produción por vaca e día Entregan o leite a Entrepinares desde o ano 2014. Rondan os 42 litros de produción por vaca e día, cun 4,20% de graxa e 3,55% de proteína. “Son producións de frisona pero con máis calidades. Antes empregabamos esmartamina e ácido palmítico, pero agora xa non. A produción estase mantendo e para min as cruzadas son vacas máis resistentes e con máis mobilidade cara ao robot. Son vacas máis activas, que acoden máis a muxirse”, destaca.
"Hai vacas Procross que pican moi alto e son superiores a moitas frisonas"
Teñen os animais de produción repartidos en dous lotes, un por cada robot. Nun están os de primeira e segunda lactación, cun máximo de 57 vacas, e noutro as vacas multíparas, con entre 52 e 54 cabezas. Non saturar os robots Gallardo SC ten neste momento 110 animais nos robots. Prefiren non telos saturados para ter neles un tráfico máis fluído e acadar desta maneira medias de 3 muxidos diarios. “Non queremos pasar dos 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite, porque temos comprobado que metendo 120 animais logras ás veces menos leite porque baixas nas medias de entrada ao robot”, explica.
Procuramos non ter máis de 115 animais nos robots, sobre todo se hai moitas vacas con poucos días en leite
Na sala levaban xa 4 anos facendo tres muxiduras ao día e logrando altas producións, polo que non notaron un incremento importante nos litros por vaca ao pasar aos robots, senón que o aumento do leite no tanque veu dado polo incremento da capacidade da granxa nuns 25 animais máis en produción. Un manexo diferente Ademais de destacar a maior mobilidade de cara ao robot e o incremento das porcentaxes de sólidos, Jose asegura que as vacas cruzadas “non necesitan tantos coidados porque son mellores en saúde, patas e fertilidade”.
As vacas cruzadas saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo que dura unha frisona pura
“Non é unha vaca que haxa que manexar igual ca unha frisona. As holstein teñen lactacións máis longas. As procross, sen embargo, saen antes en celo e podes conseguir un parto máis no mesmo tempo porque podes inseminalas antes”, explica. Gallardo SC logra unha taxa de preñez do 37% nas vacas procross, con 1,97 doses de media, fronte ao 29% e 2,13 doses das frisonas, que representan o 57% do rabaño total da gandería neste momento, fronte ao 43% de vacas cruzadas.
"Quero vivir das vacas e non para as vacas; para min que non haxa problemas é moi importante"
 “As frisonas necesitan unhas instalacións perfectas e moitas máis atencións; a mesmos coidados, as cruzadas dan moitos menos problemas. En tema de medicamentos non hai que tratalas tanto, é algo que notamos claramente”, asegura. Incremento dos ingresos polas vacas de desvelle Ademais dos ingresos pola venda da recría sobrante, Gallardo SC está a obter tamén un maior retorno polas vacas que manda ao matadoiro. “O valor do desvelle aumenta. As vacas cruzadas se lles estiras a lactación collen moitos quilos e co que che deixan no matadoiro están pagando a xovenca que queda no seu sitio”, destaca Jose.
A maioría dos descartes son voluntarios. Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros
Este ano levan vendidas 15 vacas, a unha media de 1.800 euros.  A maioría dos descartes son voluntarios, debido á presión das xovencas, o que fai que a porcentaxe de primeiros partos no establo estea situado no 35,5%. O promedio de partos dos animais enviados ao matadoiro é de 3,5, cunha produción vitalicia media de 44.886 quilos. Sexado e azul belga Jose tiña medo cando empezou a cruzar e preferiu non arriscar. “Por medo ao cambio probei só coa metade do rabaño e non puxen os mellores touros; ese foi un erro que cometín, pero hoxe téñoo claro: débense utilizar os mellores touros que se poidan, iso si que llo recomendaría a calquera”, insiste.   “Cando empezamos a nosa mentalidade era distinta e posiblemente nos equivocamos niso. Hoxe, sen embargo, estamos poñendo os mellores touros de cada raza e estamos usando sexado nas primeirizas. De segundo parto para arriba, só nas mellores vacas; sóbranos moitas xatas cos primeiros e segundos partos, polo que no resto poñemos azul belga”, conta.
Destetan entre os dous meses e medio e os tres meses, dependendo do tamaño da xata
Insemina ás xatas ao ano e logran que a media de idade ao primeiro parto sexa agora de 22,3 meses. “Algunha poderíamos inseminala antes, pero como andamos sobrados non as apuramos, pero sempre paren antes de cumprir  os dous anos”, asegura. 4 hectáreas de regadío Gallardo SC traballa 65 hectáreas, das que botan a millo 26. Rotan con herba en case todas, salvo en 3 bastante molladas nas que é difícil entrar no inverno. Aumentaron á superficie nestes últimos dous anos a medida que incrementaban o número de cabezas. Das 26 hectáreas labradas a millo, 4 son de regadío. Están a carón do río e réganas cun aspersor, o que lles permite garantir nelas producións de máis de 60.000 quilos por hectárea. Este ano, ademais, sementaron un ciclo máis longo. Procuran facer eles a maior parte do traballo agrario, aínda que nas campañas contratan fóra para axilizar as tarefas de sementeira e ensilado. “Nós aramos e pasamos a rotofresa, pero o purín veñénnolo sacar, porque senón a nós levaríanos moito tempo facelo”, explica Jose.
Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, lévache todo bastante máis tempo
“Nesta zona son fincas pequenas porque non temos concentración parcelaria e é difícil traballar, por iso lévache bastante máis tempo”, quéixase. “Seis hectáreas que temos lonxe usámolas para facer un bo corte de herba para ensilar”, indica. O custo da alimentación nesta granxa sitúase entre 3,5 e 3,7€ o quilo de materia seca, cun subministro de 20 kg MS en pesebre e 6 máis de media no punteo do robot. Venlles o carro da cooperativa Aira a facer a ración todos os días e estanlle botando 24 kg de silo de millo, 14 de silo de herba e 8 de concentrado, máis 6,5 quilos de concentrado a maiores de punteo do robot de muxido.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Recta final para modernizar 2.576 hectáreas de regadío na Limia

O presidente da Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias SEIASA, Francisco Rodríguez Mulero, asinou este mércores na Coruña un convenio con varias comunidades de regadores da Limia (Ourense) para activar un investimento de 15.900.000 euros (IVE non incluído), en obras de modernización de regadíos no marco da Fase II do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). O "Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas A Limia 2022" -estes pozos foron financiados pola Xunta de Galicia cun investimento duns 6 millóns de euros- comprende as comunidades de regantes de Lamas-Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Salvador de Sabucedo e beneficia a 1.855 regadores que cultivan 2.576 hectáreas nos municipios de Xinzo de Limia, Trasmiras, Sarreaus e Porqueira, na provincia de Ourense.

Modernización dos regadíos

O obxectivo da actuación é substituír os actuais sistemas de rega con motobombas diésel e tubaxes de aluminio superficiais, por modernas redes de rega presurizadas alimentadas por captacións de augas subterráneas e con telecontrol. As novas infraestruturas estarán dotadas con estacións de bombeo e filtrado, hidrantes, instalacións solares fotovoltaicas e elementos de regulación e almacenamento, de tal forma que o agricultor dispoña dunha toma de auga a presión próxima á súa parcela e integrada nun sistema de automatización e telecontrol. A instalación de tubaxes enterradas permitirá mellorar a eficiencia no transporte da auga bombeada desde as captacións até as parcelas, o que se traducirá nun aforro de até o 20 % dos recursos. A implantación de enerxías renovables evitará a actual dependencia das enerxías fósiles como o diésel e reducir así o custo e as emisións de gases de efecto invernadoiro. O sistema de automatización e telecontrol fará posible dixitalizar a xestión da rega de forma integral. Todas as actuacións incluídas do "Plan de Mellora da Eficiencia e Sustentabilidade de Regadíos" do PRTR están cofinanciadas por fondos Next Generation da Unión Europea. A achega pública será dun máximo do 80 % do custo dos gastos elixibles, mentres que cada comunidade de regantes deberá achegar o resto. As obras deberán estar finalizadas en 2026. No acto de firma participaron o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Alfonso e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz. Ao acto acudiu tamén o conseller de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, entre outras autoridades.

A veciñanza da Montaña luguesa recolle 700 sinaturas para a preservación dos banzados nos Ancares

A veciñanza dos Ancares fixo chegar á sede da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, en Oviedo, a súa preocupación sobre a ameaza de eliminar os banzados e presas tradicionais dos ríos dos Ancares. “Algúns destes banzados son infraestruturas de orixe medieval, fundamentais para a viabilidade das explotacións gandeiras da zona, xa que permiten a rega e que os prados sigan sendo produtivos no verán e nas épocas de seca coma as que estamos sufrindo na actualidade”, apuntan desde o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares. Impacto medioambiental positivo Ademáis do seu impacto directo na actividade agrogandeira, os prados de regadío conforman unha paisaxe en mosaico, rompendo coas zonas de monte e evitando en gran medida a propagación dos incendios. Tamén contribúen a fixar máis CO2 no solo e forman parte do patrimonio tradicional e agrogandeiro deste territorio da montaña. Un membro do CDR Ancares e un gandeiro do territorio, achegáronse á cidade de Oviedo en representación da veciñanza da montaña, para reunirse co Comisario de Aguas Gonzalo Gutiérrez. Nesta xuntanza fíxose entrega das numerosas firmas que se recolleron no territorio reivindicando a defensa dos banzados tradicionais. A Confederación está inventariando os banzados Por parte da Confederación transmitiuse nesta xuntanza unha mensaxe de calma á veciñanza e manifestouse que se está facendo un inventario no territorio para ver cales banzados están en uso e cales non. A partir deste inventario, convocarase unha xuntanza aberta á cidadanía para confirmar se os banzados catalogados como en desuso realmente o están. Finalmente, os banzados en desuso que supoñan un problema para o ecosistema fluvial ou para a protección civil, serán derribados. Por outra parte, os banzados que están en uso e que non teñan a correspondente autorización legal, deberán ser legalizados. “Desde a Confederación Hidrográfica do Cantábrico comprometéronse a facer un acompañamento técnico para a tramitación de ditas autorizacións, de forma que se facilite a súa legalización”, sinalan desde o C.D.R. Ancares. https://www.campogalego.gal/compromiso-da-confederacion-hidrografica-cantabrico-para-manter-os-banzados-en-activo-na-montana-lucense/

Seminario online de proxectos sobre innovacións no mundo do viño

O vindeiro martes 4 de xullo, ás 10h, celebrarase un seminario en liña gratuíto sobre estratexias innovadoras para a xestión sostible dos recursos nas viñas. Na xornada presentaranse os Grupos Operativos galegos PLASMOWINE e REGAVID, cuxos contextos se enmarcan dentro desta temática. Representantes das entidades participantes en ambos os proxectos explicarán os traballos que están a realizar para cumprir cos obxectivos propostos. O Grupo Operativo galego PLASMOWINE busca desenvolver un sistema de axuda á toma de decisións que permita determinar o momento óptimo para a aplicación de tratamentos fitosanitarios contra o mildiu. Deste xeito, o proxecto pretende minimizar a afección desta enfermidade nas viñas galegas, apostando por unha viticultura de calidade, rendible, sostible e respectuosa co medio ambiente. Doutra banda, dentro das condicións de cambio climático onde se observa unha tendencia á baixa nas precipitacións, o Grupo Operativo galego REGAVID pretende implementar unha ferramenta que permita modelizar as necesidades hídricas reais da viña e predicir os requirimentos de rega a futuro. No marco das actividades de divulgación dos proxectos, organízase este webinar de presentación en liña gratuíto que servirá como punto de partida para dar a coñecer os proxectos entre os distintos axentes do sector e público en xeral. Nesta xornada, as empresas que conforman os Grupos Operativos galegos expoñerán os obxectivos e actividades a desenvolver nos proxectos de innovación. Así mesmo, comentarán, de primeira man, o papel de cada unha das empresas e o impacto positivo que PLASMOWINE e REGAVID terán no sector vitivinícola. O webinar contará cos relatorios de representantes das diferentes entidades galegas que participan en ambos os proxectos. Para o proxecto PLASMOWINE participarán Monet Viticultura, a Universidade de Vigo, a Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra, a adega Viña Costeira e a Fundación Empresa-Universidade galega (FEUGA). Pola súa banda, para o proxecto REGAVID participarán Monet Viticultura, a Universidade de Santiago de Compostela, a adega Martín Códax e FEUGA. https://forms.office.com/e/8bwah7s3wV" rel="noopener" target="_blank">Inscricións neste enlace. Financiados polas axudas para a execución da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

Así é a produción de leite e biogás en Lombardía, a Galicia italiana

Explotación láctea con 600 vacas en muxidura en Cremona, na rexión italiana de Lombardía O val do Po, o gran río que atravesa o norte de Italia desde os Alpes a Venecia, é a gran arteria agrícola e gandeira do país. E entre as rexións ao seu paso destaca Lombardía, a Galicia da produción de leite italiano. Con preto de 5.000 explotacións lácteas pechou 2022 con case 6 millóns de toneladas, o 46% da produción láctea do país. Tras o final das cotas lácteas, o incremento de produción foi constante, acelerándose nos últimos anos (un 4,85% en 2021 respecto a 2020 e un 1,24% en 2022, a pesar da seca). Nos tres primeiros meses deste ano, sen embargo, descendeu un 0,8%.
A rexión de Lombardía conta con 5.000 explotacións e produce o 45% do leite italiano
Lombardía xa adiantou a Bretaña como segunda rexión produtora de leite na UE e sitúase só por detrás de Southern, en Irlanda. A rexión italiana produce o dobre de leite que Galicia, que coas súas 6.000 ganderías de leite, produce 3 millóns de toneladas, o 40% da produción española, pero está aínda moi lonxe das primeiras rexións europeas.
Cunha superficie un 20% inferior a Galicia, Lombardía produce o dobre de leite
Lombardía conta cun tamaño medio de explotación que dobra ás granxas galegas e unha produción enfocada á elaboración de queixo, principalmente Grana Padano, que garante prezos estables aos gandeiros, en moitas ocasiones socios tamén das queixerías. Incremento de produción tralo final das cotas lácteas Nos últimos anos, a produción de leite de vaca en Italia aumentou significativamente. Tralo final das cotas en 2015 as entregas pasaron de 11,1 millóns de toneladas en 2015 a 13 millóns en 2022.
Preto do 80% do leite italiano prodúcese nos distritos do norte: Lombardia (46%), Emilia Romagna (16%), Véneto (9%) e Piamonte (9%)
A maior parte do aumento da produción tivo lugar nas rexións do norte (Lombardía +19 %, Emilia Romagna +15 %, Véneto +6,0 %, Piamonte +15 %), pero tamén nalgunhas rexións do sur (Puglia, Sicilia e Basilicata 11%, Calabria +17%). As provincias lombardas de Cremona, Lodi, Brescia ou Mántova están entre as principais produtoras de leite de Italia. Só Cremona produce o 12% do leite do país e Brescia, de maior tamaño, ao redor do 15%. Italia importa 1 de cada 5 litros de leite Pero pese ao aumento de produción, Italia, do mesmo xeito que España, é deficitaria en leite. Importa 1 de cada 5 litros consumidos e transformados no país. Grazas á maior autosuficiencia lograda nos últimos anos polo sector produtor (hoxe é do 80%), as importacións do estranxeiro diminuíron con respecto a fai 10 anos. Italia importa leite líquido en cisternas de países como Austria e Alemaña, pero tamén de países do leste de Europa, como Polonia, Romanía, Eslovaquia ou Lituania. O prezo medio deste leite spot sitúase nestes momentos en 45,5 céntimos, 10 por baixo do leite producido en Italia. O prezo medio do leite en orixe en Lombardía situouse no primeiros catro meses de 2023 en 55,53 céntimos, con diferenzas de ata 7 céntimos entre os gandeiros que entregan a cooperativas que elaboran Gran Padano, como Soresina, que están a cobrar ao redor de 60 céntimos, e gandeiros que entregan a industrias privadas máis enfocadas ao leite líquido, como Parmalat.
Existe unha diferenza de 7 céntimos entre gandeiros que entregan a queixarías e os que o fan a industrias de leite líquido
Do mesmo xeito que no resto de países europeos, houbo unha corrección á baixa esta primavera. Nas granxas italianas o prezo medio de venda en orixe, que no mes de febreiro situábase en 57,4 céntimos, baixou a 53,73 en maio. Aínda así, é significativamente superior ao de anos anteriores, xa que en marzo de 2022 o prezo medio situábase en 40,5 céntimos e en marzo de 2021 en 36 céntimos. Transformación en queixos Os queixos, con grande variedade e formatos, ocupan una ampla zona nos supermercados italianos A industria láctea italiana produce unha gran variedade de queixos tradicionais. Esta tradición quesera está testemuñada por 37 queixos DOP e por numerosos queixos locais. A produción láctea de Lombardía está claramente enfocada á elaboración de queixos (o 43% do leite muxido na rexión transfórmase en queixos). Os máis coñecidos, como o Grana Padano, o Gorgonzola ou o Mascarpone, prodúcense en chaira padana, ao norte do río Po, mentres que ao sur, na veciña rexión de Emilia Romagna, o protagonista é o Parmesano.
Italia exporta unhas 250.000 toneladas de queixo, case a metade da súa produción
Pero existen ademais unha infinidade de pequenas produciones locais de queixos, en provincias como Lodi, Cremona ou Brescia, como o Bela Lodi, o Salva Cremasco, o Pannerone ou o Provolone Valpadana ou o Bagoss di Bagolino. Máis ao norte, na provincia de Bérgamo, ao pé dos prealpes, cada val ten o seu queixo típico, como o Taleggio, o Branzi, o Agrì di Valtorta ou o Strachitunt. O Grana Padano, a referencia na zona Cámara de secado en una quesería de la denominación de origen Grana Padano en Cremona O Grana Padano é o queixo con Denominación de Orixe italiana máis producido. No conxunto de 2022 a produción foi de 202.000 toneladas, acaparando o 34% da produción láctea de Lombardía e nos catro primeiros meses de 2023 a súa produción aumentou un 5% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Un total de 127 queixerías fabricantes, que producen máis de 5,2 millóns de queixos ao ano (cada queixo pesa unha media de 38 kg), transforman 2,7 millóns de litros de leite ao ano, practicamente a produción láctea de Galicia. O leite procede de 3.835 as explotacións.
O 65% da produción de Grana Padano está en mans de cooperativas de gandeiros
O 65% da produción de Grana Padano está en mans de queserías pertencentes a cooperativas de gandeiros e o 35% restante é producido por queserías propiedade de industrias privadas. Papel das asociacións de produtores Ademais de ANAFIBJ, encargada do control leiteiro e o libro xenealóxico das razas frisoa, parda e xersei, con 9.280 explotacións e 1,1 millóns de vacas rexistradas, a maior parte dos produtores lácteos forma parte dalgunha organización de produtores. A principal organización agrícola italiana é a Confederazione Nazionale Coltivatori Diretti, (COLDIRETTI), que reúne a un millón e medio de afiliados e é a principal organización agrícola a nivel europeo.
A produción media por vaca en Control Leiteiro sitúase en 11.245 litros por ano, cun 3,86% de graxa e un 3,35% de proteína
A segunda organización agrícola italiana en importancia é a Confederazione Generale dell'Agricoltura Italiana (Confagricoltura), que reúne ás granxas máis grandes e é favorable aos OMG. Integra a unha rede a nivel de organizacións a nivel rexional e provincial, como Libera Associazione Agricoltori Cremonesi, a maior asociación de agricultores de Cremona, con 1.600 afiliados, que posúe un xornal, A Provincia, creado hai 75 anos e que presta especial atención á información agro-gandeira nas súas páxinas.
Libera Associazione Agricoltori Cremonesi é a propietaria do xornal A Provincia, que presta especial atención nas súas informacións ao sector agro-gandeiro
Outras organizacións relevantes son a Confederazione Italiana Agricoltori (CIA) e a Confederazione Produttori Agricoli (Copagri), xurdida en 1991 dun movemento contra o pago da supertasa por parte das ganderías lácteas. O papel destas asociacións de produtores ten gran relevancia en Lombardía. Estas organizacións prestan servizos administrativos e burocráticos ás granxas, como a tramitación da PAC, e, sobre todo, exercen unha importante influencia política. Importantes cooperativas como Granarolo e Soresina Italia conta ademais con importantes grupos cooperativos, como Granarolo, con sede en Bolonia pero que recolle leite por todo o país e ten forte presenza en Lombardía.
Granarolo está máis enfocada ao leite líquido, yogurt e queixo fresco, mentres Soresina céntrase nos queixos tradicionais italianos
A outra gran cooperativa italiana é Soresina, orixinaria desta localidade da rexión de Lombardía. Formada por 220 ganderías socias, integrou a outras catro cooperativas no seu seo e o seu forte son produtos como o Semente Padano, o provolone ou a manteiga.
En provincias como Cremona conviven varias cooperativas con planta de transformación nun radio de 25 km
En provincias como Cremona conviven varias cooperativas con planta de transformación nun radio de 25 km. Algunhas destas cooperativas teñen máis de 100 anos, como Ca de Stefani, e outras teñen unha forte vocación internacional, como Produttori Latte Associati Cremona (PLAC). Lactalis toma posicións Parmalat pertence ao grupo Lactalis, ao igual que algunhas das principais queixerías italianas A multinacional francesa Lactalis, propiedade da familia Besnier, converteuse na principal industria privada de Italia tras comprar Parmalat, durante décadas o buque insignia da industria láctea italiana e que chegou a ser compañía mundial líder en envasado de leite UHT, cunha importante presenza en Suramérica e Australia. Parmalat viuse envolvida nun escándalo financeiro maiúsculo en 2003, trala fraude contable de 14.000 millóns de euros causado polo seu fundador, Calisto Tanzi, que foi encarcerado tras facer perder o seu diñeiro a miles de investidores.
Unhas 5.000 granxas italianas fornecen leite a Parmalat, buque insignia da industria láctea italiana ata a súa quebra en 2003
En España Parmalat desembarcou en 1983 a través dun acordo con Reny Picot, chegando tamén a ser propietaria de Clesa antes de pasar a mans de Nova Rumasa e actualmente dun grupo de cooperativas galegas lideradas por CLUN integradas en ACOLACT. A compañía italiana estivo a piques de desaparecer e tras recuperarse da bancarrota foi comprada por Lactalis, ao adquirir en 2011 un 80% do seu capital social e ampliar a súa participación en 2019 ao 100% do accionariado.
Por fortuna nós tiñamos cooperativas fortes e iso evita o monopolio de Lactalis (Elisabeta Quaini, vicepresidenta de Libera Associazione Agricoltori Cremonesi)
“Lactalis desembarcou con moita forza en Italia. Por fortuna nós tiñamos cooperativas fortes e iso evita o monopolio de Lactalis. Sen as cooperativas, iso sería un problema”, afirma Elisabetta Quaini, titular dunha explotación de 1.300 cabezas e vicepresidenta de Libera Associazione Agricoltori Cremonesi, integrada en Confagricultura. A súa gandería, Barbiselle Società Agricola, situada no municipio de Persico Dosimo (Cremona), é socia da cooperativa Soresina, con quen ten un contrato anual para subministrar leite á súa queixería. Está a cobrar o leite a día de hoxe a 60 céntimos, fronte aos 54 que está a pagar Lactalis aos seus gandeiros en Italia, aínda que o sistema de cobranza é diferente. En Soresina o gandeiro financia á cooperativa e recupera o diñeiro ao ano seguinte. “Cobramos un anticipo cada mes, que supón ao redor do 70% do prezo de venda do leite e en marzo de cada ano facemos contas en función do prezo de venda do queixo e cobramos o outro 30%”, explica Elisabetta.
Lactalis comprou nos últimos anos as marcas de queixo italiano máis prestixiosas, como Invernizzi, Locatelli, Galbani, Castelli ou Ambrosi
Parmalat continúa máis enfocada ao leite líquido, nata, yogurt e sobremesas lácteas, ademais de zumes de froitas, pero Lactalis segue diversificando a súa presenza en Italia con adquisicións no mundo dos embutidos e os queixos, como a recente compra de Ambrosi, con sede na provincia lombarda de Brescia e dedicada á produción de queixos de pasta dura como Parmesano e Semente Padano, ou de Nuova Castelli en 2020, como antes fixera xa coas marcas máis prestixiosas da tradición láctea italiana, tales como Invernizzi, Cademartori, Locatelli ou Galbani. Pero a pesar da presión que Lactalis exerce sobre as empresas italianas, algunhas delas, como Auricchio, fundada en 1877 e especializada en queixo provolone, seguen voando por libre, con gran prestixio en Italia e forte vocación internacional. Agricultura na zona máis rica e industrializada de Italia Con 10 millóns de habitantes, Lombardía é unha das rexións máis poboada da UE, só por detrás das alemás Renania do Norte-Westfalia e Babiera. Trátase da rexión italiana con máis renda per cápita e onde a industria compite coa agricultura por man de obra e superficie. Debido fundamentalmente á industrialización e a sobreconstrucción, Lombardía perdeu máis de 150.000 hectáreas de terras agrícolas nas últimas décadas, algo similar ao ocorrido en Galicia, aínda que neste caso por culpa do abandono e a forestación. Aínda así, a superficie agraria útil da rexión italiana achégase ao millón de hectáreas, un 30% máis que en Galicia.
Cun 20% menos de superficie, Lombardía dispón dun 30% máis de SAU que Galicia
En canto aos usos da terra, só unha cuarta parte da SAU de Lombardía está destinada a prados permanentes, mentres as tres cuartas partes restantes son terras de cultivo. Un completo sistema de regadío, con canles deseñadas nalgúns casos na Idade Media, garanten altas producións, con dúas colleitas por ano. Seca e cambio climático Pero o cambio climático está a provocar unha tropicalización do clima, con menor cantidade de días de choiva. A seca agudizouse nos últimos dous anos, sobre todo en 2022, con temperaturas elevadas e unha notable redución do caudal do río Po como consecuencia dunha menor cantidade de neve nos Alpes.
Provincias como Cremona, Lodi ou Brescia dispoñen dun amplo sistema de regadío pero escasea a auga para alimentalo
Este ano 2023 segue o mesmo patrón, aínda que choveu con intensidade na primavera, como evidenciaron as inundacións sufridas a mediados de maio na veciña Emilia Romagna. Pero son episodios illados e torrenciais que non resolven o problema. Tras seis meses sen precipitacións de forma regular, os campos de cultivo acusan a seca e o caudal de auga existente non garante a rega necesaria.
A falta de choivas nos últimos dous anos está a revelarse como un problema para a agricultura non coñecido ata o momento na zona
A precipitación media anual é 850 mm e o clima é continental, con oscilacións importantes entre estacións. Os veráns son calorosos e secos e os invernos tépedos, con presenza habitual de néboas en zonas chairas. A temperatura media anual é de 18°, superando os 35° en xullo e agosto e roldando os 0° de decembro a febreiro. Agricultura e gandería intensiva Tanto en Lombardía como nas demais rexións do val do Po lévase a cabo unha agricultura moi intensiva, con multitude de cultivos destinados tanto a alimentación humana e animal como á produción de biogás. Nas granxas lácteas o protagonista é o millo, con producións que superan os 60.000 quilos por hectárea grazas ao regadío. As rotacións inclúen outros cereais, como cebada ou trigo (tanto para colleita en gran como para ensilaxe), leguminosas como veza ou alfalfa (ensilada e en heno) e gramíneas como o raigrás.
O prezo de compra da terra sitúase entre os 60.000 e os 70.000€ por hectárea e o alugueiro en 1.000€ anuais
Nos últimos anos aumentou tamén a plantación de tomate dentro destas rotacións, desprazando as principais zonas de cultivo do sur de Italia cara ao norte. O Consorzio Casalasco do Pomodoro, xurdido en 1977 como cooperativa, aínda que comprada máis tarde por Parmalat e vendida en 2007, aglutina a 800 agricultores que transforman e comercializan a súa produción de tomate baixo ao marca Pomi. Ademais de gando vacún, Lombardía posúe un importante número de granxas de porcino, destinadas á elaboración de embutidos e salamis. A gandería intensiva, tanto láctea como porcina, e o crecemento experimentado no tamaño das explotacións, derivou en exceso de xurros e contaminación por nitratos das augas. Problemas de contaminación Boa parte da chaira padana está declarada zona vulnerable. Nestas áreas limítase a 170 unidades de nitróxeno (tanto orgánico como químico) o máximo de fertilización dos chans, elevándose ao dobre, a 340 unidades, en zonas non vulnerables.
Superada a restrición que supoñían as cotas lácteas ao crecemento das granxas, a limitación a día de hoxe son os nitratos
Superada a restrición que as cotas lácteas supuxeron durante anos para o crecemento das granxas leiteiras italianas, o problema a día de hoxe en zonas como Lombardía é a ausencia de terra dispoñible e as limitacións fixadas aos nitratos, que condiciona o tamaño da explotación en función das hectáreas de terreo. Ademais da contaminación por nitratos, existe tamén un problema de contaminación atmosférica. En Lombardía as fosas de xurro non están cubertas pero na actualidade está a estudarse a posibilidade de obrigar ás granxas para cubrilas.
Está a discutirse a posibilidade de impoñer a obrigatoriedade de cubrir todas as fosas de xurro
Rexístranse altos índices de emisións, tanto de metano como doutros gases de efecto invernadoiro, debido á presenza en moitas zonas tanto de granxas como de industria (metalúrxica e siderúrxica, automóbil, etc). Non só Milán, a capital de Lombardía, é un importante polo industrial, senón que toda a rexión está salpicada de industrias, que van gañando aos poucos terreo ás granxas. De feito, Brescia é xa a primeira provincia industrial de Europa. Proliferación de plantas de biogás Nos últimos anos, debido ao exceso de xurros e ás políticas de incentivos estatais e rexionais, moitas explotacións optaron pola construción de plantas de biogás, que mitigaron en parte os problemas de contaminación e serviron para diversificar os ingresos das explotacións cara á produción e venda de enerxía eléctrica. En Italia, as empresas xeradoras de electricidade están obrigadas desde o ano 2005 a garantir que unha porcentaxe da mesma está xerada a partir de fontes renovables. Para iso, poden comprar certificados verdes a produtores individuais, tales como granxas que dispoñan de plantas de biogás ou placas solares.
A maioría de granxas diversificaron os seus ingresos coa produción de enerxía, tanto a partir de biogás como de placas solares
A política italiana de incentivación da tecnoloxía do biogás está ligada a incentivos económicos, que foron variando as condicións para a súa cobranza. Inicialmente bastaba con usar un 25% de xurros, o que derivou nunha utilización masiva de cultivos como millo e triticale nas plantas. Actualmente esta porcentaxe investiuse, obrigando a usar máis xurro e subproductos industriais (soro das queserías ou restos da transformación de tomate), permitindo unicamente un 25% de cultivos enerxéticos. As novas plantas que se están montando na actualidade son de menor tamaño e están enfocadas á produción de biometano para automoción, fronte ás primeiras que se instalaron nas explotacións, de gran volume e destinadas á produción de enerxía eléctrica. Man de obra e relevo xeracional Stefano Cattaneo é profesor de Agronomía no Instituto Técnico Agrario Stanga, a principal institución pública de formación tanto de carácter superior como profesional de Cremona, enfocada ao sector agrogandeiro e especializada en transformación láctea industrial e xestión do territorio. O Instituto Stanga conta con 4 sedes e 800 alumnos, pero só unha pequena porcentaxe acaba na agricultura e a gandería. “Moitos alumnos cando acaban os seus estudos empezan a traballar en granxas pero despois cambian á industria química ou siderúrxica, onde pagan máis. Os soldos en agricultura son normalmente máis baixos, os horarios peores e hai que traballar as fins de semana. O soldo basee nunha granxa rolda os 1.200 euros e na industria está en 1.400-1.500€”, describe.
Só unha pequena porcentaxe dos estudantes de Stanga son fillos de gandeiros
Atopar man de obra é un dos principais problemas das explotacións. Case o 12% da poboación de Lombardía é de orixe inmigrante e nas granxas lácteas, abundan os traballadores de India, Paquistán ou Exipto. Pero por encima das dificultades de man de obra e substitución xeracional e das limitacións ambientais, Stefano afirma que “o principal problema para os gandeiros segue sendo o prezo do leite, demasiado baixo aínda a respecto dos custos de produción”.

Creación dunha rede de intercambio entre Galicia, Francia, Italia e Irlanda

Elisabetta Quaini, xunto ao director de Fonteboa, Luis García, e alumnos do centro de Coristanco que se atopan nunha estadía en Lombardía O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, situado en Coristanco, trata de impulsar unha rede de intercambio formativo para os seus alumnos entre as principais rexións de produción láctea de España, Francia, Italia e Irlanda. De forma habitual, os alumnos de Produción Agropecuaria de Fonteboa manteñen ao longo dos distintos cursos escolares estancias en granxas de Bretaña, Normandía e Cork, que este ano ampliáronse tamén a Lombardía.
EFA Fonteboa envía aos seus alumnos a estancias en países europeos e recibe en Galicia a estudantes estranxeiros
Esta primavera, por primeira vez, 7 alumnos de Fonteboa cumpren unha estancia de 3 meses en tres granxas de produción de leite das provincias de Cremona e Brescia, que o centro de Coristanco pretende manter e ampliar no futuro. “A nosa intención é crear unha rede de intercambio formativo con algunhas das principais zonas lácteas de Europa. Consideramos que estas estancias en granxas son moi positivas para os nosos alumnos, xa que lles permite ter unha visión moito máis ampla dos distintos sistemas de produción de leite”, argumenta Luís García, director de EFA Fonteboa.
Hoxe en día para facerse cargo dunha granxa ou simplemente traballar nela necesítase formación específica e multidisciplinar
O centro aposta polo sistema de alternancia dos seus alumnos, alternando as clases presenciais na aula cos períodos formativos nas explotacións porque “hai realidades que un gandeiro pode explicar e transmitir moito mellor que nós, os profesores, sobre o día a día da granxa e a motivación para dedicarse a este sector”, admite Luís. Desde Fonteboa preténdese aproveitar ademais estas estancias de alumnos no estranxeiro, dentro do programa Erasmus+ europeo, para fomentar tecer unha rede entre centros de formación, técnicos e gandeiros destes países fomentando visitas e intercambios entre rexións punteiras na produción láctea da UE.

Compromiso da Confederación Hidrográfica do Cantábrico para manter os banzados en activo na montaña lucense

Os banzados, pequenas presas para desviar a auga de ríos para a rega de prados, poderán manterse na montaña lucense e non serán derrubados. É máis, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico facilitará o proceso de regularización de todos aqueles que estean nunha situación de alegalidade e que estean a ser empregados. É o compromiso que Unións Agrarias conseguiu este mércores na xuntanza mantida en Oviedo co presidente e o comisario de Augas dese organismo. Un encontro que a organización agrogandeira propiciou, tendo en conta a preocupación xerada polo posible derrube dunhas estruturas, moi importantes para o mantemento das praderías, das que depende a gandería dos concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o responsable de Coordinación Sectorial da organización, Félix Porto, desprazáronse este mércores ata Oviedo para defender o mantemento dos banzados existentes nos municipios da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Son unhas estruturas imprescindibles para as explotacións da zona, pois grazas a elas poden manter os prados de rega e contar con alimento para o gando nos meses de seca, dende abril ata outubro. Reunión de Unións Agrarias coa Confederación Hidrográfica. Os representantes de Unións Agrarias saíron do encontro co compromiso explícito da Confederación de respectar o mantemento de todos os banzados en uso. Ademais, ambos organismos colaborarán para facilitar a regularización de todos aqueles que estean a ser empregados por agricultores e gandeiros pero non conten coa necesaria concesión administrativa. Con ese obxectivo, procederase ao inicio dun expediente de legalización no que Unións Agrarias se implicará facilitando aos peticionarios a elaboración de toda a documentación e a execución dos trámites precisos. Os banzados son elementos fundamentais para a actividade agrogandeira na zona da montaña lucense. Trátase de sistemas de rego centenarios rexidos por quendas de uso establecidas dende máis de 200 anos atrás que garanten o mantemento das praderías, fundamentais para a gandería tradicional en extensivo sobre a que se asenta boa parte da economía da zona. Son estruturas de non máis de metro e medio de alto construídas na súa maioría en pedra que permiten o tránsito da fauna acuática e que garanten un uso sustentable dos recursos naturais, xa que o caudal de auga que subministran permite o mantemento dos prados. O número de banzados existentes na área afectada é altísimo e dá boa mostra da importancia dos mesmos, podendo existir máis de 300. A súa eliminación suporía a perda de superficies de labor e de pasto imprescindibles para as explotacións gandeiras da zona e implicaría un importante golpe para a economía do sector, xa moi castigado polos altos custos de produción e os baixos prezos.

A Xunta reclámalle ao Goberno Central que cumpra o seu compromiso para modernizar o regadío na Limia

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou este martes pola tarde na xunta xeral da comunidade de regantes da Limia, onde reafirmou o compromiso da Xunta co proxecto de modernización dos regadíos da zona, facéndose cargo da construción de pozos para a captación de augas subterráneas e tramitando na actualidade a instalación de equipos de bombeo e de electrificación. Así, na reunión púxose de relevo que estes traballos beneficiarán as comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia -hoxe fusionadas-, que comprenden un ámbito territorial de 4.105 hectáreas distribuídas en 6.964 parcelas de 3.342 propietarios. Nese sentido, púxose en valor o esforzo presupostario para financiar ao 100%, e con fondos integramente autonómicos, o proxecto de construción de 40 pozos na Limia para a captación de augas subterráneas, incluíndo o IVE da actuación. Ademais, na actualidade estase a tramitar tamén o financiamento da instalación de equipos de bombeo e de electrificación para continuar coa modernización. A isto aínda hai que sumar o proxecto de limpeza das canles desta zona sufragado polo Goberno central, grazas ás xestións levadas a cabo pola Xunta. Deste xeito, o titular de Medio Rural reclámalle ás administracións o cumprimento dos compromisos xa adquiridos co proxecto. De feito, no caso do executivo de Madrid, comprometérase a asumir o 80% do custo total -IVE incluído- do investimento necesario para afrontar o proxecto de modernización do regadío da Limia. Cómpre lembrar que os regantes non poden deducir o IVE das obras de modernización. Nesa dirección, desde a Xunta destácase que dito IVE non deducible é un custo elixible a efectos de poder financialo cos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia asignados polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para ditas obras.

En proxecto a mellora do regadío do Val de Lemos

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou este xoves en Madrid no Pleno da Mesa Nacional do Regadío, no que se abordou o proxecto de modernización do regadío do Val de Lemos (Lugo). En concreto, dende a Xunta pídenlle ó Goberno central que concrete os orzamentos paras estas melloras e se poida dar resposta a unha demanda histórica da zona. Cómpre lembrar que en maio, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Universidade de Santiago (USC) asinaron un convenio de colaboración para analizar como reactivar as comunidades de regantes de Val de Lemos. Trátase de redactar un plan integral, que conta cun orzamento de 290.000 euros e un prazo de execución de 18 meses. Pola súa banda, Inés Santé apuntou que a Administración galega comezou a avaliar a posibilidade de desenvolver un proxecto de regadío nesta bisbarra lucense. Para iso, solicitoulle ao Ministerio de Agricultura a urxente necesidade de orzamentar dito proxecto, máis aínda tendo en conta que se incrementa o orzamento nacional para a segunda fase dos regadíos.

A modernización do regadío na Limia

Por outra banda, a directora xeral tamén solicitou un incremento do orzamento para a modernización do regadío da Limia (Ourense), ao verse encarecidas as materias primas das obras a realizar. Sandé destacou os 6 millóns de euros de fondos propios da Xunta para a perforación de 40 novos pozos -obras que se incrementaron nun 50% sobre o presuposto inicial- que permitirán completar a rede de pozos de regadíos en catro comunidades de regantes. Como sinalaron dende a Consellería, a perforación dos pozos xa está rematada e agora están a traballar para determinar o caudal de cada un deles e o ano que vén realizarán o seu bombeo e electrificación. Ademais, a directora xeral lembrou que estas obras son necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes.  Doutra banda, o Ministerio ten acordado 16 millóns de euros para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

Avanzan os traballos de construción de novas captacións de auga para o regadío da Limia

A Xunta segue traballando na mellora e modernización do regadío da Limia, coa perforación dos 40 novos pozos que completarán así a rede de captacións desta bisbarra ourensá. Prevese que a finais de febreiro estean os 40 pozos aforados, é dicir, co caudal exacto determinado para cada un deles. Desta maneira, obterase o caudal exacto de cada pozo, o que resulta fundamental para deseñar a futura rede de regadíos. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou este venres as obras de tres dos pozos e avanzou que o orzamento total que se vai investir neles ascende a case 6 millóns de euros, contando as actuacións de bombeo e electrificación dos pozos.
Están a traballar na zona dúas perforadoras, que nos vindeiros días completarán as obras nos tres primeiros pozos
Dos tres pozos que hoxe supervisou o conselleiro, un deles xa está finalizado, outro está en perforación e, no terceiro, están a comezar cos traballos relativos ao ensaio dos bombeos e o seu control hidrolóxico para o correcto dimensionamento dos grupos de bombeo.  Na actualidade traballan na zona dúas perforadoras con equipos completos e prevese rematar a perforación dos pozos nestes días. Paralelamente, estanse a realizar os traballos de acondicionamento dos terreos onde se emprazan. Convenio entre o Goberno central e autonómico Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que estas obras foron necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA  e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante polas comunidades de regantes.
O Ministerio financia o 80% do custo e as 4 comunidades de regantes o 20%
Por último, o conselleiro de Medio Rural e a directora xeral aproveitaron para visitar as instalacións da oficina de información do regadío da Limia, situada no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). A través desta oficina, infórmase a todos os interesados sobre os avances na mellora e modernización do regadío e nas prácticas para lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos. 

16 millóns de euros para a limpeza das canles de rega

José González puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da Limia, unha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros.  Así mesmo, o titular de Medio Rural referiuse tamén aos outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.
Melloraranse 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes á rede viaria dos 12 concellos que conforman a comarca
A este montante, subliñou o conselleiro, súmase un millón de euros máis de fondos propios da Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense para a reparación de camiños desta bisbarra. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.

Produtores da Limia piden axudas directas para a enerxía do regadío

A Asociación de empresarios, gandeiros e agricultores da Limia (Adegal) solicítalle á Consellería de Medio Rural que habilite unha liña de axudas directas ás producións en regadío debido ó incremento dos custos da enerxía que se leva producindo dende hai meses. Reclaman estas axudas para poder competir en condicións semellantes ás doutros competidores directos como Castela e León ou o País Vasco, onde as administracións autonómicas xa habilitaron estas compensacións para mitigar o impacto da suba da enerxía, derivada en gran medida pola guerra de Ucraína. Así, tal e como apuntan dende Adegal, Castela e León concede 250 euros por hectárea ás superficies de pataca e remolacha, tomando como referencia as declaracións únicas da PAC, ó igual que o País Vasco. En ambos casos, as axudas non terán que solicitarse, se non que se concederán de oficio.

Aumento dos custos

Este ano, as Comunidades de Regantes da Limia pasaron a multiplicar por tres a factura da electricidade, atravesando serias dificultades para facerlle fronte. Por outra banda, os agricultores que traballan con gasóleo, encareceron máis do dobre os custes de rego con respecto á campaña do ano anterior. “Dende Adegal consideramos que para que as producións da Limia se poidan equiparar nas mesmas condicións ós nosos competidores veciños máis directos (Castela e León) débese conceder unha axuda directa ós titulares de explotacións agrícolas por importe de 250 euros por hectárea de cultivo de pataca para paliar así os sobrecustos da enerxía”, valoran dende o colectivo. Ademais, apuntan que estas axudas son de vital importancia no sector da pataca, punteiro na Limia, pero sen prexuízo de ampliarse a todos os cultivos en regadío.

Formación en Bergondo para crear pequenas instalacións de rega dos cultivos

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar do 3 ao 7 de outubro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo (Bergondo) un curso sobre compoñentes, replanteo e montaxe de pequenas instalacións de rega. Esta formación será presencial e celebrarase en horario de tarde (de 16,00 h. a 20,00 horas). A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, ten como obxectivo que os participantes poidan interpretar un plano dunha instalación de rega, facer a estacaxe correspondente e acometer a súa montaxe coa apertura de gabias, tendido da tubaxe, conexións das distintas pezas de conexión e regadores, probas de estanqueidade e tapado definitivo da rede construída. O curso está dirixido á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. A inscrición pode facerse a través do seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfea.guisamo@edu.xunta.gal