Archives

Formación dos alumnos do Centro Agroforestal de Lourizán nas illas Cíes

Un grupo de 12 alumnos de segundo curso do ciclo superior de Xestión Forestal e Medio Natural do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán, localizado en Pontevedra, levaron a cabo unha viaxe formativa ás Illas Cíes ao longo de catro días para valorar a aprendizaxe adquirida dentro desta disciplina educativa. Baixo a tutela do persoal do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e do profesorado do CFEA, os estudantes tiveron a posibilidade de actuar dentro dos espazos desta contorna natural para desenvolver in situ, e con especialistas altamente cualificados, actividades vinculadas cos aspectos modulares recollidos dentro da oferta formativa do Ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural. Deste xeito, puideron abordar cuestións de botánica agronómica, topografía, fitopatoloxía, proxecto de viveiros, técnicas de educación ambiental, xestión cinexética, defensa contra os incendios forestais e xestión da conservación de montes e do medio natural. A finalidade desta visita foi a de analizar as posibilidades, tanto da contorna como a nivel material e humano, para establecer un proxecto pedagóxico e accións formativas para a realización da FCT -formación en centros de traballo- por parte dos alumnos, e na liña da transferencia de coñecemento por parte do persoal dos parques nacionais cara os estudantes. Este proxecto buscou a recollida de material vexetativo de interese singular para que os alumnos os poidan replicalos nos viveiros do CFEA de Lourizán, coa fin da súa propagación e engorde para entregalos posteriormente tanto aos técnicos de parques naturais como do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, co obxectivo final de que os alumnos rematen o peche deste ciclo produtivo coa posta en práctica de diferentes técnicas de plantación, baixo a dirección técnica e seguimento da trazabilidade por parte de dito persoal se isto fose preciso.

“A sociedade tería que premiar ós propietarios que conservaron as Fragas do Eume ou o Courel”

Antonio Rigueiro Rodríguez é o presidente da Asociación Forestal de Galicia e un fondo coñecedor da realidade do monte galego. Dende o ano pasado que se xubilou, é catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago. Ademais, durante 14 anos exerceu como director da Estación Científica do Courel, o que lle permitiu estar en contacto directo coa realidade da montaña lucense. Con el abordamos algunhas das cuestións que preocupan ós propietarios forestais, como o anteproxecto da lei de incendios, o minifundio que predomina en moitas zonas de Galicia, así como os problemas do Catastro ou as limitacións que hai nas zonas cunha protección especial e Rede Natura. -Dende a Asociación Forestal de Galicia teñen presentado unha serie de alegacións ó anteproxecto da Lei de Loita contra os incendios forestais de Galicia, en concreto pola xestión das faixas de seguranza arredor dos núcleos de poboación. En que se basean? -Comprendemos que o primeiro que hai que protexer son os pobos, as casas e a vida das persoas, pero tamén entendemos que é un tema de protección civil. É dicir, que esa necesidade de manter limpas estas faixas non é responsabilidade dos propietarios, mentres que tal e como está redactado o anteproxecto de lei, conságrase esa responsabilidade só para o propietario forestal. Estímase que o importe de manter limpas todas as faixas secundarias custaría uns 85 millóns de euros, aínda que hai algunhas que se atopan xa cunha actividade agropecuaria que as mantén limpas, co que este investimento reduciríase a 30 millóns de euros. A nosa proposta é que isto sexa financiado polas Administracións e que non recaia esa obriga nos propietarios forestais.
“É un agravio para o resto de propietarios que só se subvencione a limpeza de faixas secundarias das parroquias con risco alto de incendios. Penalízanse as zonas con menos lumes”
-Na actualidade, a Administración (Xunta e Fegamp) están a impulsar rozas bonificadas en arredor de 150 parroquias consideradas como de alta prioridade. Como valorades ese sistema? - Pensamos que é un agravio para aqueles propietarios de terreos en faixas secundarias de parroquias cun risco de lume baixo, que deben asumir a súa limpeza. Mentres, ós propietarios con parcelas en parroquias prioritarias (aquelas que rexistran maior número de lumes) a Administración subvenciónalle estes desbroces. É un agravio para o resto dos propietarios que se subvencione a limpeza de faixas secundarias destas parroquias e que non se faga o mesmo co resto de parroquias, xa que deste xeito as que menos lumes teñen estanse castigando, no canto de saír favorecidas. -Outro dos temas sobre os que se leva moito tempo debatendo é o minifundismo forestal e agora volve estar de actualidade coa creación das agrupacións de xestión conxunta. Que perspectivas teñen sobre elas dende AFG? -Temos esperanzas postas nelas, logo de que houbera outros intentos por afrontar o minifundio como foron as UXFOR (no bipartito) ou máis recentemente as SOFOR, e que non deron moito resultado. Agora estamos agardando que o día 23 deste mes de xuño, no Consello Forestal, se presente o borrador dos estatutos destas agrupacións de xestión conxunta e un borrador do tipo de contrato que deberán asinar os propietarios. A superficie mínima son 10 hectáreas, como mínimo deben ser 3 propietarios e teñen que estar de acordo os propietarios do 75% da superficie. Este é un requisito moi importante, xa que en Galicia hai bastante rexeitamento ó asociacionismo para a xestión da terra, polo que o feito de que non teña que ser o 100% da superficie pode ser decisivo para que poidan ir adiante. Tamén supoñemos que as axudas das Administracións irán encamiñadas a este tipo de agrupacións, polo que tamén pode ser un incentivo para a súa creación.
“Estamos agardando a que se presenten os estatutos para poder crear as agrupacións de xestións conxunta”
-Que traballo están a realizar cos seus socios para fomentalas? - A nosa intención é fomentar a súa creación entre os nosos asociados porque cremos que pode ser un xeito de superar o minifundismo. Xa o estamos facendo con iniciativas como as desenvolvidas con Promas da Mariña e na provincia da Coruña, que dalgunha maneira xa case son agrupacións de xestión conxunta. Falta darlle a forma legal, para o que é preciso que se presenten eses estatutos, que xa chegan con case dous anos de atraso.
“Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de preto do 40% da superficie forestal”
-Xunto co minifundio, unha das trabas para a xestión dos montes é a problemática do Catastro en Galicia, que presenta erros, falta de actualización, propietarios descoñecidos... Que impacto ten nos propietarios? -É unha reclamación recorrente, de feito o tema volveuse a tratar na última asemblea da Asociación que celebramos a finais do mes de abril. Volveremos enviar unha petición para entrevistarnos co delegado do Catastro, ó non ter polo momento contestación, xa que queremos poder tratar a situación con el. Houbo moitas revisións do Catastro, pero seguramente a que está vixente sexa unha das peores. Hai un gran número de parcelas con erros na cartografía ou na identificación do propietario e mesmo moitas delas de propietarios descoñecidos. Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de entre o 35 e 40% da superficie de monte, segundo datos do Agader. En Galicia tampouco é unha porcentaxe nada desprezable, posto que posiblemente se atope entre un 20 e un 30%. Estes erros xeran ós propietarios un importante prexuízo, xa que mesmo se están dando casos de venda de madeira por parte de persoas que non son os propietarios da parcela. -Como se podería solucionar este problema? -Hai distintas medidas que se poden tomar. Por un lado tratar de aclarar a propiedade e actualizar o catálogo en canto ós propietarios para que figuren os propietarios actuais e non os seus antepasados. Tamén habería que mellorar a cartografía, botando man das novas tecnoloxías, que poden contribuír a ter referencias de gran calidade. E sen dilatalo moito no tempo, sería conveniente facer un novo Catastro. -A demanda da mellora da fiscalidade dos propietarios particulares e comunidades de montes é outra das liñas de traballo da AFG dos últimos anos, en que se basea a proposta que se fai dende a Asociación? -Un dos aspectos máis importantes ten que ver co tratamento fiscal que teñen moitos propietarios forestais. Aqueles propietarios que se deben acoller ó sistema de estimación directa para a venda en madeira, ó ter xa ese réxime para a súa actividade principal, teñen un agravio fronte ós propietarios que para a venda de madeira poden facer unha estimación obxectiva (funcionarios, pensionistas...). A aqueles que o fan por estimación directa só se lles permite desgravar os gastos que tiveron ó longo dos anos (podas, desbroces...). Tendo en conta que se trata de quendas de corta que poden chegar a varias xeracións é difícil que se garden os recibos durante este tempo. Mentres, os que poden acollerse a unha estimación obxectiva, simplemente se lle aplica un coeficiente en función do tipo de especie (de crecemento rápido é o 0,26% e para as de crecemento lento do 0,13%). Realmente é un tratamento moi favorable e buscamos que se poida estender a tódolos propietarios. -Hai posibilidades de logralo? Tiveron resposta a esta petición? -O Ministerio de Transición Ecolóxica móstrase partidario, pero as reticencias veñen por parte de Facenda, que xa rexeitou a proposta. Seguiremos traballando para conseguir un trato máis xusto para os propietarios.

"Sería interesante incrementar a superficie forestal pública adquirindo espazos de gran valor ecolóxico"

-Unha cuestión recurrente nas asembleas da AFG son as complexidades que supón o manexo de áreas forestais en Rede Natura. Cales son as principais limitacións nestes espazos? -Hai limitacións que están xa contempladas no propio Plan director da Rede Natura. Non se poden plantar determinadas especies, como eucaliptos. É unha medida acertada, xa que en Galicia tamén debemos de ter algúns espazos preservados. Tampouco se poden instalar parques eólicos e mesmo hai limitacións para as cortas de frondosas. O problema é que estas directrices limitan o aproveitamento dos propietarios, por iso dende a AFG defendemos que se manteñan este tipo de espazos protexidos, pero se compense ós propietarios polo lucro cesante destes montes, que adoitan ser moi valiosos. Debería de premiarse ós propietarios que permitiron que espazos naturais de gran valor como as Fragas do Eume ou a Serra do Courel cheguen ós nosos días e non limitarlle a actividade e o uso. Eles interprétano como un castigo e non obteñen ningún tipo de compensación, cando estes espazos repercuten nun beneficio para o resto da sociedade. Habería que establecer un sistema de compensación para estes propietarios. -No caso das Fragas do Eume, hai unha percepción dos visitantes ó espazo de que o cultivo do eucalipto está moi estendido, nas partes media - altas do val, principalmente. Como presidente da xunta reitora do Parque Natural, como se conxuga aí a conservación dun espazo natural e os dereitos dos propietarios? -É certo que hai tenzas de eucalipto e houbo incendios que permitiron que o eucalipto se fose estendendo. Tamén hai unha conciencia de que nun parque destas características non haxa esta especie, de feito acaba de aprobarse agora o plan reitor do Parque Natural, que leva un atraso duns 25 anos. Neste plan establécense zonas onde os usos son moi limitados, xa que son as de maior valor pola súa biodiversidade, e outras nas que hai máis usos permitidos. Tamén se limitan especies ou as infraestruturas, para así conservar o espazo. Por outra parte, a Consellería de Medio Ambiente habilitou liñas de axuda para a transformación destes eucaliptais en montes de frondosas ou outras especies. Ademais, desenvolveu un plan de compra para adquirir parcelas nas Fragas do Eume, atendendo a unha reivindicación histórica dos propietarios. É unha medida que considero acertada, non só para o parque do Eume senón para a Rede Natura en xeral, posto que en Galicia a administración pública só ten un 2% da superficie forestal e sería interesante que se fose incrementando, centrándose nestes espazos de gran valor ecolóxico e onde os propietarios teñen moitas limitacións. -Vaiamos a outro espazo natural, como é a Serra do Courel. Como bo coñecedor dos montes do Courel polo seu traballo na Estación Científica da USC, como valora a situación da Serra? -O Courel, xunto cos Ancares, está nunha zona especial de conservación e é o espazo máis extenso da Rede Natura que temos en Galicia, con 110.000 hectáreas. Estamos en zonas de montaña con poboación envellecida e escasa e cunha redución moi significativa da actividade agrogandeira, con abandono dos terreos agrícolas e forestais. Tamén hai plantacións de piñeiro que non teñen un tratamento silvícola axeitado e o lume pode acabar afectando a moito territorio, como xa aconteceu. -Logo daquel lume houbo críticas ás superficies repoboadas con piñeiro na serra. Cre que foron un problema? -Hai colectivos na Serra do Courel que creen que eses piñeirais foron unha das causas para que o incendio fose tan virulento. É certo que os piñeirais que estaban abandonados arderon, pero tamén arderon moitas zonas de matogueira e aínda que arderon menos, tamén se queimaron algunhas zonas de frondosas (soutos e carballeiras). Mesmo chegou a estar ameazada a Devesa da Rogueira, un símbolo do Courel.
"En Vilar están mirando de facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais... que servan de experiencia piloto para a restauración doutras áreas do Courel"
-Como habería que enfocar a restauración do espazo? -Hai iniciativas da Administración para a recuperación e plantación de novos soutos. Nas zonas de matogueira vaise recuperando pouco a pouco. Tamén é certo que se perdeu terra, xa que tras o lume houbo importantes choivas. Nesas zonas a recuperación será moito máis lenta, mesmo no caso do mato. Hai algunha iniciativa a pequena escala en Vilar para facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais... que serva de experiencia piloto para ver o que se podería realizar noutras áreas do Courel. -Nos últimos anos vivimos grandes lumes en zonas como Ancares, Courel ou Valdeorras. Veremos máis lumes así nos próximos anos? -Por desgracia coido que si. Estamos vivindo os efectos do cambio climático co incremento das temperaturas e as secas. Tal e como amosan os datos por exemplo do último ano hidrolóxico (setembro de 2021 - setembro 2022), as precipitacións en Galicia foron a metade da media dos últimos anos. Estes períodos de seca prolongada e altas temperaturas favorecen os grandes lumes, que son moi difíciles de atallar e perigosos. -A seca é un aliado para os lumes no monte, pero que efectos pode ter o estrés hídrico nas enfermidades e pragas forestais? -Tanto a seca como efecto do cambio climático, así como a globalización, relaciónanse coa expansión de pragas e de especies invasoras. Un exemplo diso é que nos últimos anos houbo unha elevada afectación de banda marrón, que afecta sobre todo ó piñeiro insigne, aínda que esta campaña hai menos incidencia. Temos que estar alerta e non podemos baixar a garda. No eucalipto viuse nos últimos anos en determinadas comarcas unha explosión do fungo Mycosphaerella, pero tamén se está tendo xa algunha planta resistente. Aínda que aparecen problemas sanitarios, tamén se está avanzando en investigación e na obtención de plantas melloradas e resistentes. Cada vez trabállase máis con solucións respectuosas co medio, coma no caso da avespiña do castiñeiro ou o gurgullo do eucalipto, contra os que se están conseguindo resultados favorables coa loita biolóxica.
“Debería priorizarse a investigación aplicada, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia”
- Cales deberían ser os obxectivos prioritarios na investigación forestal en Galicia? -Aínda que é importante a investigación básica, tamén debería priorizarse a investigación aplicada ó sector, é dicir, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia. Sería interesante que a Administración establecera un plan de investigación agrogandeiro e forestal para atender os problemas destes tres subsectores.

"Búscase que Galicia tamén poida producir madeira de frondosas de calidade"

-Coñecidos os novos datos de superficies por especies no novo Inventario Forestal de Galicia, como valora a situación do monte galego? -Seguimos tendo a mesma superficie global de arborado (1.400.000 hectáreas) e de matogueira (600.000 hectáreas). O que cambia con respecto ós datos de anteriores inventarios forestais é o reparto, con máis superficie de frondosas, temos tamén algo máis de eucalipto e menos piñeiro. Hai que ter en conta tamén que esas 600.000 hectáreas de masas de frondosas non son de plantacións con material xenético de calidade, nin con tratamentos silvícolas axeitados, nin están pensadas para a produción de madeira de calidade, que é algo que Galicia tamén necesita. Son masas de frondosas en moitos casos froito do abandono e que teñen un importante valor paisaxístico, pero non produtivo.
Hai masas de frondosas cun importante valor paisaxístico que se terán que conservar sen aproveitamentos, pero noutra parte das frondosas sería de interese aplicar tratamentos silvícolas
-Que sería preciso para crear unha oferta de frondosas atractiva para a industria da madeira? -Nalgunhas zonas, onde teñan un maior valor paisaxístico e de conservación do medio, sobre todo aquelas que estean en zonas de Rede Natura, haberá que conservalas. Mentres, aquelas nas que se poida facer un aproveitamento produtivo, sería de interese aplicar tratamentos silvícolas axeitados para lograr un aproveitamento madeireiro de calidade. Precisamente, no próximo Consello Forestal presentarase o Plan de Aproveitamento de Frondosas de Galicia para producir madeira de calidade, nel tamén se inclúe facer plantacións con material xenético de calidade. O obxectivo é que Galicia, que é un produtor de madeira, sobre todo de eucalipto e piñeiro, tamén poida producir madeira de calidade de frondosas, xa que estase a importar este tipo de madeira. - No caso do eucalipto, cuxa superficie se incrementou con respecto dos últimos datos que se manexaban no 2009, cando acabe a moratoria no 2025, como sería partidario de regular a especie? -Esta moratoria foi aprobada polos 3 grupos políticos do Parlamento, entón cabe pensar que se busque de novo ese consenso. Podería suceder que continúe a moratoria, unha opción que preferirán os que teñen eucalipto, xa que eles poderían seguir cortando e plantando, ó tempo que se limitaría a competencia e a caída de prezos por exceso de produción. Tamén podería darse a situación de que se levantase por completo a moratoria, o que podería ocasionar que volva haber un gran interese por plantar eucaliptos, o que seguramente á súa vez levaría a unha nova moratoria a curto prazo.
Tras a moratoria do eucalipto, unha opción é establecer certas limitacións xeográficas e de superficies mínimas para esa especie
Unha terceira vía é que se establezan certas limitacións á hora de realizar plantacións de eucaliptos. Limitar o territorio onde plantar esta especie e fixar unha superficie mínima, para atallar o mosaico de eucalipto que había antes da moratoria por toda Galicia. Deste xeito, poderíase superar o minifundio e fomentaríase a xestión do monte de xeito conxunto, como coas agrupacións de xestión conxunta ou coas comunidades de montes. Penso tamén que debería limitarse a proporción de eucalipto en nova superficie de plantación, sendo mínima, e que o resto teña que plantarse con outras especies.
"A moratoria do eucalipto e a suba do prezo da madeira de piñeiro de calidade favoreceu que se incremente o interese dos produtores polo piñeiro"
- O piñeiro foi nos últimos 15 anos unha especie en regresión, se ben os datos apuntan a un aumento das plantacións en monte. Hai que ser optimistas sobre o futuro do piñeiro? -Penso que si. É verdade que dende que se comezou a falar da moratoria e xa anos antes se estaba vendo un boom do eucalipto, en parte polo prezo alto que se estaba pagando polo eucalipto en comparación co piñeiro. Mentres o eucalipto para trituración podía rondar os 30 euros a tonelada, no piñeiro para o mesmo fin o prezo caída ata os 15 euros. Pero, dende hai un par de anos, o prezo da madeira de piñeiro mellorou notablemente e hoxe a tonelada de piñeiro de calidade para a serra pode chegarse a pagar a 60 ou 80 euros a tonelada, mentres que a de eucalipto está a menos da metade. Isto, xunto coa moratoria do eucalipto, favorece que o propietario se anime a plantar piñeiro, aínda que a quenda de corta sexa un pouco máis longa. No ano 2022 plantáronse unhas 5.000 hectáreas de piñeiro en Galicia (2.000 de piñeiro insigne e 2.000 de piñeiro do país e unhas 1.000 de piñeiro silvestre) e vendéronse uns 6 millóns de plantas, o que fai que sexa un ano récord. Hai unha boa tendencia de recuperación do piñeiro e esperemos que cando se levante a moratoria do eucalipto, non se rompa esta tendencia.

Propoñen pagos por conservación a comunidades de montes para garantir a biodiversidade da Rede Natura 2000 en Galicia

No proyecto participou a Deputacón de Lugo, as universidades de Santiago e A Coruña, 3edata e Kaizen Eureka “O Pago por Resultados de Conservación ás Comunidades de Montes pode ser o futuro para as persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas naturais protexidas de Galicia, como a Rede Natura 2000, e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”.  Esta é unha das conclusións máis destacadas do Informe Layman, un documento recentemente publicado e que pasa revista ao proyecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sustentable de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación. Esta iniciativa, cofinanciada por LIFE Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, desenvolveuse en once Montes Veciñais en man común do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral que ocupan unhas 11.000 hectáreas. A iniciativa está coordinada pola Deputación de Lugo e participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.
Científicos galegos determinan que o Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, xa implementado en montes do norte de Lugo, “pode ser o futuro para os comuneiros dos espazos protexidos de Galicia”
O Informe Layman detalla os traballos e resultados obtidos a través da colaboración entre os axentes implicados na conservación do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, situada no norte de Lugo. O traballo tamén alerta do risco de extinción do ecosistema. E lanza un urxente SOS: “Conservar para as xeracións futuras hábitats tan importantes como as turbeiras e brezais húmidos da Serra do Xistral require dunha aposta urxente pola xestión comunal, os sistemas tradicionais de gandería e os cabalos salvaxes”. 300.000 euros en pagos efectuados segundo os resultados de conservación O proxecto LIFE in Common Land desenvolto en Galicia aposta polo innovador Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, que se aplica no territorio a través de Proxectos de Ordenación Forestal dos Montes e que trata de integrar as actividades gandeiras e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes coa conservación de hábitats. Este modelo inclúe a protección e conservación do ecosistema na xestión que as Comunidades de Montes realizan nos seus terreos. “E non o fan como algo imposto, senón poñendo en valor e recoñecendo a función que os cabalos e o gando vacún cumpren para manter estes espazos de montaña en Galicia”, destacan os autores do informe, que estima que na Serra do Xistral existe unha poboación de entre 1.500 e 2.000 cabalos salvaxes.
A Serra do Xistral mantén unha poboación de entre 1.500 e 2.000 cabalos salvaxes
O novo Modelo de Xestión a través de Pago por Resultados de Conservación implementouse nas Comunidades de Montes da Serra do Xistral cunha cantidade económica recibida que alcanzou os 300.000 euros e representa “un cambio de cara ao futuro”. "Estes pagos poden ser o futuro para estas persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas protexidas e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”, indica o informe realizado, que inclúe 54 enquisas e 32 entrevistas a comuneiros e besteiros. O pago realizouse en función da superficie e estado de conservación dos hábitats obxecto do proxecto: turbeiras de cobertor, turbeiras altas activas e brezais húmidos atlánticos. Un modelo habitual en Europa O Pago por Resultados de Conservación é un modelo exitoso noutras zonas de Europa. O programa Burren en Irlanda “é sen dúbida o exemplo máis notable”, comentan os autores do Informe Layman. A filosofía desta ferramenta é clara e sinxela: “Os comuneiros non só producen alimentos, senón que tamén garanten a biodiversidade dos hábitats que xestionan e reciben un pago por iso”.
O programa Burren en Irlanda sería un dos exemplos máis destacados
“De gandeiros a gardiáns da biodiversidade, un novo rol valorado pola sociedade e polo cal recibirán un pago”, reiteran os autores do Informe Layman, que consideran que supoñería “un cambio na valoración da Rede Natural 2000, de limitacións a un patrimonio natural que os propios comuneiros conservan a través da súa propia actividade”. A implantación desta ferramenta noutras zonas de Europa xerou e desenvolveu marcas de bens e produtos de agricultura e gandería asociados á conservación da biodiversidade. Por exemplo: carne, produtos lácteos, mel, viños ou sidra.

Dar continuidade aos pagos a través da PAC

Na Serra do Xistral os cabalos axudan a manter limpo o monte e a conservar os hábitats naturais protexidos O Informe Layman cre que está pendente unha última fase que consideran “necesaria” e que, á súa vez, que reclaman tamén as Comunidades de Montes participantes nesta iniciativa que conta co respaldo financeiro da UE: “Dar viabilidade e continuidade a este sistema de pagos por medio dos Plans Estratéxicos da Política Agracia Común (PAC)”. O Modelo de Xestión por Resultados de Conservación de hábitats de LIFE in Common Land “convertiríase así nunha opción de futuro para as persoas que van seguir habitando e conservando a Serra do Xistral e outras zonas da Rede Natural 2000 en Galicia”, aseguran.
O ‘Informe Layman’, que pasa revista ao proxecto ‘LIFE in Common Land’, expón un último reto: implementar novas ferramentas de xestión e restauración de hábitats que impliquen á poboación local
LIFE in Common Land realizou tamén accións de mellora e restauración de hábitats. Os técnicos do proxecto destacan con orgullo a súa actuación estrela: a eliminación de piñeirais para a restauración de turbeiras de cobertor. “O importante é facer ver aos gandeiros que traballan nestes montes que restaurando hábitats gañamos todos”, asegura o equipo de investigadores, que recorreu a técnicas tradicionais para a saca de madeira, usando animais de tiro. "Os hábitats sensibles das turbeiras teñen a propiedade de capturar o carbono que se libera á atmosfera, pero actualmente atópanse en risco”, conclúe o Informe Layman, que propón “implementar novas ferramentas de xestión, lexislativas e proxectos de restauración” para protexer estes ecosistemas.

Axudas para investimentos non produtivos en parques naturais e na Rede Natura 2000

A Consellería de Medio Ambiente convocou unha liña de axudas que pretenden responder aos obxectivos de conservación dos parques naturais e mellora do carácter de utilidade pública destes espazos, apostando por aumentar o papel das persoas propietarias ou arrendatarias, de asociacións, empresas e Concellos. Mañá convocará outras subvencións para a preservación e mellora da biodiversidade en espazos de alto valor natural e paisaxes protexidas pola Rede Natura 2000.

As persoas beneficiarias poden ser propietarias ou arrendatarias de terreos agrícolas e forestais privados, preferiblemente residentes en zonas rurais situadas dentro do parque natural, ou xestores de terra que realicen inversións non produtivas con obxectivos ambientais nestas zonas. Tamén poderán solicitar as axudas os Concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque natural, ou as asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas nestas áreas.

Entre as actividades subvencionables estarán aquelas dirixidas á mellora da paisaxe agraria ou actuacións de desenvolvemento de usos recreativos, tales como mellora de sendeiros rurais ou cercas. Inclúense accións destinadas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional, como a rehabilitación de hórreos e calquera outro de similar natureza. Tamén entran na convocatoria actividades de preservación dos hábitats e ecosistemas naturais, como eliminación de especies exóticas invasoras ou recuperación de soutos.

As dúas ordes supoñen unha posta en valor dos espazos verdes. Así mesmo, estas axudas concíbense coma instrumentos eficaces para recuperar o desenvolvemento de actividades tradicionais e fomentar outras compatibles coa súa conservación. O orzamento de ambas ordes de axuda suma 3,84 millóns de euros; no caso da primeira convocatoria para parques naturais, concederase o 100% do coste subvencionable cun importe de ata 40.000 euros por proxecto no caso de que a persoa beneficiaria sexa un Concello, e de ata 12.000 euros por proxecto no resto de casos. O prazo de solicitude será dun mes desde a publicación da convocatoria no DOG.

Antonio Rigueiro, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou a súa XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria no Pazo de Cultura de Pontevedra, un acto que serviu para pechar o ciclo como presidente de Francisco Fernández de Ana Magán, que estaba no cargo desde o 2014. Colleu o relevo Antonio Rigueiro, ata agora vicepresidente de Relacións Institucionais, que é coñecido polo seu labor docente e investigador na Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago). Acompañan a Antonio Rigueiro na xunta de goberno da AFG as seguintes persoas: - Francisco Dans del Valle (vicepresidente de Relacións Institucionais). - Juan Ramón Gallástegui Otero (vicepresidente de montes particulares). - José Luis Campos Represas (vicepresidente de montes veciñais) - comunidade de montes de Xinzo (Ponteareas). Vogais de montes particulares - Julio Aneiros Lorenzo. - Manuel Galdo Dopico. - Belén Mantiñán Edreira. Vogais de montes veciñais - Irene Díaz Martínez (comunidade de montes veciñais de Os Chaos, Ribadeo). - José Manuel Suárez Gamallo (comunidade de montes veciñais de Saiar, Caldas de Reis). Antonio Rigueiro, terceiro por abaixo, xunto ó resto de integrantes da Xunta de Goberno da AFG. Rede Natura, prevención de incendios e recuperación do ecosistema de piñeirais A renovación da xunta de goberno da AFG, que se fixo en asemblea extraordinaria o pasado sábado, estivo precedida pola XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria, que serviu para facer balance do traballo dos últimos dous anos e para trazar a folla de ruta da Asociación. Entre as inquedanzas dos socios, destacaron as restriccións que experimentan os propietarios e comunidades de montes que están afectados pola Rede Natura. Desde a AFG, trasladouse o compromiso da Asociación coa conservación da natureza, pero coincidiuse cos socios na necesidade de que a Administración arbitre apoios para compensar ós propietarios e comunidades de montes polas limitacións de usos ás que se ven obrigados. Como fitos salientables dos últimos dous anos, a AFG destacou a colaboración que lle está a prestar ás comunidades de montes socias afectadas por incendios forestais no 2017, en especial na provincia de Pontevedra. A AFG, en colaboración coas comunidades de montes, buscou unha vía de cofinanciación por medio da inscripción dos proxectos de restauración no Rexistro de Compensacións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica. Esta inscripción permite que aquelas empresas interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de carbono poidan investir nestes proxectos de restauración, colaborando así coas comunidades de montes na recuperación de montes afectados por lumes. Unha segunda liña de traballo da Asociación Forestal de Galicia, neste caso en colaboración coa Fundación Arume, sitúase na recuperación do ecosistema galego de piñeirais. Conxuntamente coa Fundación Arume, a Asociación Forestal de Galicia traballa en proxectos de mellora xenética das coníferas galegas e na restauración de montes con piñeiros, proxectos para os que a Fundación Arume solicitou fondos Next Generation. Outros temas abordados na asemblea foron as novas normativas lexislativas que se preparan no ámbito forestal, en relación con cuestións como a prevención de lumes e a xestión de montes veciñais, así como o recentemente aprobado Plan Forestal de Galicia.

Píccolo Rancho SA: A empresa que posúe 5.000 hectáreas de terra en Galicia e 2.000 en Asturias

Aladino Barros Doporto é pianista de profesión, pero leva 40 anos mercando fincas rústicas por toda Galicia. Foi a raíz da súa faceta musical como entrou en contacto co Grupo Alba, que opera en varios sectores, entre eles o da venda de instrumentos musicais, cunha tenda en Pontevedra, ou o da compra venda de fincas rústicas en España e Suramérica a través de Píccolo Rancho SA. "Eu levo a zona de Galicia e Asturias e esíxenme mercar 150 hectáreas de terra ao ano en Galicia e 50 hectáreas en Asturias", explica Aladino sobre o modo de funcionamento deste grupo de investidores canario nacido nos anos 40 e extendido hoxe a varios países con distintas ramas de negocio. Teñen oficinas en Madrid, Barcelona e Sevilla e compran en España e en países como Arxentina, Uruguai ou Irlanda a través de representantes zonais. "A nosa misión é mercar as fincas e asinar as escrituras e contratos", explica Aladino. Mercan só solo rústico, tanto terras como montes. "En núcleo urbano a nosa empresa non quere nada", aclara.
En núcleo urbano a nosa empresa non quere nada
O nome da compañía veu de Italia, a onde Aladino viaxaba con frecuencia por traballo. "Ía moito a Italia á vila de Castelfidalgo, onde as familias fan acordeóns nas casas, e paraba nun hotel moi grande con sala de festas que se chamaba Píccolo Rancho. Cando se montou a empresa ocorreuseme ese nome", lembra. Semella unha contradición para a maior propietaria de terras de Galicia. Píccolo Rancho SA, a filial do grupo Alba adicada á compra venda de fincas, ten neste momento máis de 5.000 hectáreas en propiedade nas 4 provincias galegas. Na de Lugo onde máis, con presenza importante en concellos como Vilalba, Xermade, Muras, Abadín, O Saviñao, Chantada, Bóveda, O Incio, Mondoñedo ou Ribadeo, ao igual que na Coruña destacan As Pontes e As Somozas. "Dos 313 concellos que hai en Galicia temos propiedades en 235, só nos faltan 78", conta Aladino.
Posuímos 5.000 hectáreas en Galicia e 2.000 en Asturias
En Asturias tamén contan cunhas 2.000 hectáreas en distintos concellos. Por exemplo, en Pola de Allande, perto do límite con Galicia, Píccolo Rancho posúe unha finca de 800 hectáreas nunha soa peza que comeza no Puerto del Palo e chega ao pobo. Chámase a Braña de Braniecha e é moi accidentada pero adícase a pastoreo por parte dos veciños que teñen gando na zona. Foi mercada a unha familia de Arxentina no ano 1992 e despois atravesada por 4 quilómetros de liña eléctrica de alta tensión, unha das de máis capacidade de Red Eléctrica Española, que vai desde Boimente, en Viveiro, até Pesoz, en Asturias, para evacuar cara a Meseta a enerxía que xeran os parques eólicos galegos. O pago da expropiación para o paso do tendido eléctrico axudou a Píccolo Rancho a rendibilizar o investimento feito no seu momento na adquisición da finca.  A compañía comezou a mercar terras en Galicia no ano 1981. Desde entón, Aladino percorre a comunidade en busca de fincas rústicas. Con 40 anos de experiencia neste ámbito e un sinfín de anécdotas, Aladino coñece á perfección como se move o mercado, cal é a demanda real e cales as motivacións que levan aos propietarios a vender e que, malia ao tradicional apego á terra dos galegos, tamén foron cambiando co paso dos anos. "A xente ofrécenos, non imos buscar fincas á casa de ninguén" Aladino tocando o piano. Foi membro do grupo Los Gales de España, cos que percorreu os cinco continentes Píccolo Rancho ten un método peculiar para mercar as fincas. "A xente ofrécenos, non imos buscar fincas á casa de ninguén", conta Aladino. "É raro o día que non chama alguén para ofrecernos as súas fincas. Cando máis se compra é nas vacacións do verán, cando a xente que está fóra vén. Por sorte a xente non vende as fincas porque necesite os cartos, senón porque as teñen abandonadas, e reparten os cartos entre os fillos ou os netos", di.
Cando máis se compra é nas vacacións do verán, cando volve a xente que está fóra. Non venden as fincas porque necesiten os cartos, senón porque as teñen abandonadas
Na Feira de Agolada, que se celebra os días 12 de cada mes, a empresa ten un pendello onde antes da pandemia recibía a propietarios de toda Galicia que querían vender as súas fincas. "Ten ido xente ata da Cañiza ou Ferrol ata alí", asegura Aladino. O coronavirus freou o negocio A media de adquisicións varía moito dun mes a outro, explica, poden ser 10 ou 15 hectáreas mercadas un mes, 5 outro ou 20 o seguinte. O pasado 1 de abril Aladino fixo 40 anos adicado a este negocio. "A miña media de quilómetros mensuais antes da pandemia era 20.000 ao mes, tiña algún día de pisar as 4 provincias galegas. Temos un turismo e un todo terreo, porque tamén mercamos monte, e ás veces ter que cambiar o aceite antes do mes", indica.
Temos máis de 200 compras pendentes neste momento por problemas para ir ás notarías a asinar
As restricións de movementos do último ano e medio por mor da pandemia sanitaria do coronavirus freou as compravendas e aumentou o interese polo rural, o que tamén incrementa a competencia para as compras. Aínda así, síguense a producir movementos. "Temos máis de 200 persoas esperando. Con isto da covid hai máis problemas para ir á notaría. Só en Vilalba temos 27 escrituras para asinar", di. Vilalba é un dos concellos onde Píccolo Rancho está máis presente. "Posuímos 2.400 hectáreas en total nas 29 parroquias do concello. Só en Vilapedre son 1.200 e en Santaballa 400", detalla. Lograr fincas grandes no país do minifundio Animais nunha das fincas que Píccolo Rancho ten arrendadas A empresa ten un baremo con cinco prezos distintos a pagar en función da calidade, ubicación e dimensión do terreo. "Temos prezos por calidade, nos que pagamos un 258% máis a primeira calidade que a quinta, e logo tamén por volume, de menos de 5.000 metros cadrados, entre 5.000 metros e unha hectárea, ata 5 hectáreas, ata 25 hectáreas e de máis de 25. De menos de 5.000 metros a unha hectárea pagamos un 18% máis o metro cadrado e un 258% máis no caso das de máis de 25 hectáreas. Pero nestes 40 anos das miles e miles de fincas que pasaron polas miñas mans tan só 26 tiñan máis de 25 hectáreas", recoñece Aladino.
A empresa ten un baremo con cinco prezos distintos en función da calidade, ubicación e dimensión do terreo
O minifundio é máis acentuado na provincia de Pontevedra, onde "son todo cousas pequenas". Pero o obxectivo de Píccolo Rancho é facer pezas grandes de 80 ou 100 hectáreas, porque "unha finca de media hectárea só vale para plantar horta. A partir de 25 hectáreas se queres meter gando xa podes facer algo", Pero quéixase de que custa moito traballo e diñeiro lograr parcelas grandes. "Sae a prezo de ouro porque ao ter que comprar a tantos propietarios só en gastos notariais é un diñeiral", asegura.
Unha finca de media hectárea só vale para horta, pero se queres meter gando a partir de 25 hectáreas xa podes facer algo
As pezas máis grandes coas que contan atópanse en Vilalba, sobre todo nas parroquias de Vilapedre, San Simón e Santaballa; nas Pontes, onde teñen 80 hectáreas xuntas; en Muras, onde posúen 90 hectáreas no Viveiró; ou en Ourol, "onde con calma e paciencia poderiamos facernos tamén con moito máis terreo", di Aladino. Como facer unha peza de 1.202 hectáreas? A maior finca privada de Galicia, con 1.200 hectáreas nunha peza, é propiedade de Píccolo Rancho. Está alugada a unha explotación de vacún de carne en extensivo rexentada por un mozo, Finca Enxebreza, e atópase na parroquia de Vilapedre, en Vilalba. Como se logran xuntar 1.200 hectáreas en Galicia? "Esa finca levou 30 anos conseguir facela. Hai máis de 12.000 firmas e 4.000 escrituras, entre públicas e privadas. Eu teño estado nalgunha casa ata as 4 da mañá. A xente é moi chantaxista, se teñen unha parceliña no medio aprovéitanse. Algún enclave que quedaba no medio pagámolo cinco veces o que valía. Facer unha finca deste tamaño lógrase permutando moito e perdendo para poder xuntar parcelas. Despois no 1992 empezou a concentración parcelaria na parroquia e levou 20 anos facela, pero a concentración xa a tiñamos feita nós. Alí a concentración prexudicounos porque nos fixo perder 74 hectáreas. Agora temos 100 parcelas que forman unha peza e 1.202 hectáreas en total", explica Aladino.
A concentración parcelaria prexudicounos en Vilapedre porque nos fixo perder 74 hectáreas. A concentración xa a tiñamos feita nós despois de 30 anos comprando fincas
Máis alá de dilatarse no tempo, "as propias concentracións parcelarias fanse moi mal", opina desde a súa experiencia, porque "dan 20 fincas a unha mesma persoa, ou fincas en proindiviso a varios herdeiros, cando o lóxico sería dar unha soa finca por propietario ou dúas como moito nun segundo lugar", considera. "En Sarria lembro un caso dun paisano que tiña catro fincas de concentración de 800 metros cada unha en sitios distintos porque o pediu el así e teño visto incluso fincas sen acceso malia ser de concentración parcelaria, ou separadas por regatos, nós temos unhas 20 parcelas así", quéixase. Clientes: desde gandeiros con pouca superficie para a PAC a multinacionais madeireiras Píccolo Rancho adquire as fincas a particulares e logo ponas de novo no mercado alugándoas tanto a gandeiros como a grandes empresas madeireiras. "Para plantar eucaliptos é unha febre a demanda que hai. É raro o día que non chama alguén, pero agora está moi limitado e é complicado", recoñece Aladino. As parcelas de monte de maior tamaño están arrendadas a Navigator e a Norfor, esta última petencente ao grupo Ence.
Para plantar eucaliptos é unha febre a demanda que hai. É raro o día que non chama alguén
No caso das fincas agrarias, os clientes son fundamentalmente particulares. "Traballamos moito alugando parcelas a gandeiros que non teñen superficie dabonda para declarar na PAC porque non lles chegan as súas fincas para as cabezas de gando que teñen, temos moitísima xente dese tipo", conta.
Ademais de alugar, a empresa tamén vende, pero non hai quen compre e iso que se poñen prezos moi razoables
Aladino sente predilección polos mozos á hora de escoller arrendatario. "Procuro alugarlles a eles e axudarlles en todo o que podemos para que poidan defenderse no sector e saír adiante. A finca de Vilapedre témoslla alugada a Xabier, que ten 23 anos, a de San Simón lévaa outro mozo de 26 anos que tamén ten vacas de carne, igual que a do Viveiró", explica.

"O diñeiro da Rede Natura vai para a Xunta, os Concellos e os ecoloxistas. Os propietarios non ven un peso diso"

Galicia conta actualmente con 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 16 Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA), que ocupan unha superficie total de 389.565,9 hectáreas. Parte deses terreos, que constitúen a Rede Natura, teñen usos agrarios ou forestais que están condicionados pola normativa ambiental. Aladino é moi crítico coa xestión que se fai por parte da Administración e Píccolo Rancho mesmo demandou á Xunta polas perdas que lle tería provocado a declaración de Rede Natura nas súas propiedades, pero en xullo do 2019 unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia botou por terra as súas pretensións. Reclamaban unha indemnización de 15,6 millóns de euros polos prexuizos sufridos pola inclusión das súas fincas na listaxe europea de áreas protexidas con distintas figuras de protección ambiental, o que leva aparellada unha diminución do valor dos terreos ante as limitacións ás actividades permitidas, que afectan por exemplo á explotación de gando no monte por impedir determinadas prácticas de renovación e mellora de pradeiras que provocan unha diminución da carga gandeira.
Píccolo Rancho demandou unha indemnización de 15,6 millóns polas perdas que lle tería provocado a inclusión das súas propiedades na Rede Natura pero en xullo do 2019 unha sentenza do TSXG botou por terra as súas pretensións
A empresa reclamou esta indemnización en primeiro termo pola vía administrativa, pero acabou acudindo aos tribunais trala negativa do Goberno galego a atender as súas demandas. En concreto, Píccolo Rancho alegaba que a inclusión en Rede Natura das súas propiedades no concello de Muras impedía ou restrinxía actuacións como os movementos de terra para a renovación de pradeiras ou cultivo de cereais, os arrendamentos para a explotación extensiva ou intensiva de gando, así como as plantacións de eucalipto e as cortas de madeira. Sen embargo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia repite os mesmos argumentos cos que xa que no mes de febreiro dese mesmo ano desestimaba tamén a solicitude de 370.000 euros dun veciño de Muras con 23 parcelas incluídas en Rede Natura. O TSXG non considera probado o dano nin vía cambios a nivel de protección legal coa entrada en vigor do Plan Director: "Cabe deducir que a entrada en vigor do Plan Director da Rede Natura 2000 non supuxo ningunha limitación específica e exclusiva para o aproveitamento das parcelas propiedade da empresa reclamante que non estiveran xa contempladas na lexislación vixente con anterioridade", indica a Sala do Contencioso do TSXG na súa sentenza. Agardando pola resposta do Tribunal Supremo Pero Píccolo Rancho non se dá por vencida. "É vergoñento, fixeron un corta-pega na sentenza. Recurreuse en Madrid e estamos agardando a resposta do Supremo e senón iremos a Europa. A nosa é unha empresa que non se mete con ninguén pero que tampouco se deixa pisar", avanza Aladino.
A Rede Natura constitúe un verdadeiro lastre para o desenvolvemento económico e social da zona rural de España e principalmente de Galicia
"A Rede Natura constitúe un verdadeiro lastre para o desenvolvemento económico e social da zona rural de España e principalmente de Galicia, cada vez máis despoboada e falta de oportunidades para os mozos, sendo unha das causas que contribúen a isto as restricións, limitacións e prohibicións que supón a Rede Natura e que van en aumento, sen que os gobernos das comunidades autónomas dispoñan de partidas presupostarias para compensar e indemnizar aos titulares de dereitos previamente consolidados. A unha propiedade privada non se lle pode meter unha carga sen pagar o xustiprezo correspondente. A Administración está a cobrar da UE un diñeiro por fincas que non son dela, non se poden meter as fincas dos propietarios privados sen contar con eles. O diñeiro vai para a Xunta, os Concellos e os ecoloxistas e os propietarios non ven un peso diso, e aínda por enriba acribíllanos con sancións por todo. Asoballan á xente", considera. Ampliación pendente da Rede Natura A Rede Natura 2000 foi establecida pola Comisión Europea o 21 de maio de 1992 coa aprobación e publicación da Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE) e representa na actualidade máis do 18% da superficie terrestre da UE (no caso de Galicia, o 11,74% da superficie da comunidade está considerado LIC), estando configurada na meirande parte dos casos por propiedades privadas. A comezos do ano pasado a Axencia Europea de Medio Ambiente publicaba o seu informe cos resultados sobre o terceiro periodo de avaliación da Rede Natura, no que España saía mal parada como un dos Estados onde máis biodiversidade se segue a perder malia ser un dos países membros con maiores valores neste sentido. En canto á situación de Galicia, ningún dos hábitats identificados como prioritarios están nun estado de conservación favorable, segundo a Comisión Europea, que urxe ademais a ampliación dos espazos con protección ambiental.
Píccolo Rancho alegou contra o Plan Director da Rede Natura, aprobado pola Xunta no 2014, onde se definían os usos autorizables, permitidos e prohibidos nestes espazos
Sen embargo, o Goberno galego non ampliou aínda a día de hoxe a superficie protexida (incumprindo as reiteradas demandas da Comisión Europea neste sentido) e desde Píccolo Rancho arróganse ese logro. "Logramos paralizar a ampliación da Red Natura prevista. En Santaballa metían toda a finca, casas incluídas, é un despropósito", di Aladino. "No 2014 publicaron non DOG o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia, pero o prazo para delimitala vencía no 2007 e eles non puxeron as estacas ata o 2010. Enganaron a Europa e van ter que devolver cartos a Bruxelas", asegura.

“Xogámonos o futuro da gandería extensiva na reforma da PAC”

As vacas de José Luis Rodríguez, un rabaño de 70 animais cruzados, viven todo o ano no monte veciñal de Quéguas (Entrimo, Ourense), onde pacen principalmente uceiras e pastos arbustivos. É un ecosistema de gandería extensiva por excelencia, pois nas encostas de Quéguas, na Serra do Xurés, os prados son unha anécdota que a penas arrodean uns metros as casas da aldea. O resto son piñeiros, toxeiras e mato, que prestan alimento e refuxio ó gando. Os animais campean as súas anchas pola montaña, onde se encargan do control do combustible forestal tanto nos altos da Serra, a máis de mil metros de altitude, como nas ladeiras que descenden cara Quéguas, onde deixan o monte limpo por baixo de piñeiros e xestas. José Luis reivindica a función que prestan as súas vacas na prevención de incendios. “Somos unha das poucas zonas de Entrimo onde non ardeu nos últimos anos”, repasa o gandeiro, que avoga por maiores apoios para a gandería extensiva. Os animais deixan o monte limpo baixo o arborado. “Cando foi a anterior reforma da PAC, puxeron o coeficiente de pastos arbustivos (Cap), que foi moi perxudicial. Lembro que viñeron ver o monte os técnicos do Fogga e pregunteilles que lles parecera. Dixéronme que tiñamos o monte ben, pero despois puxéronnos un coeficiente do 25%”. recorda José Luis. Ese coeficiente do 25% tradúcese en que cada catro hectáreas que xestiona a gandería só conta como unha hectárea a efectos das axudas europeas. Para ter 80 hectáreas inscritas, José Luis manexa máis de 300 hectáreas do monte veciñal. O cambio do coeficiente arbustivo de pastos supúxolle tamén a perda das axudas agroambientais, un paradoxo se se ten en conta que o seu gando, encravado en pleno corazón do Parque Natural do Xurés. é un tradicional xestor do ecosistema de montaña. “O noso monte o que máis ten é uceira, pasto arbustivo, que é o que comen os animais, pero para o coeficiente de pastos desconta. A Administración o que quere é ver o monte todo limpo, pero iso no monte non pode ser. Herba pode habela dous meses no ano, en maio e xuño, así que se estivera o monte todo limpo, morrerían as vacas de fame”, conclúe o gandeiro. Gando no monte. Para mellorar o hábitat do gando, unha posibilidade pasaría pola creación de pastizais no monte. Hai zonas aptas para eles, pero nos últimos anos non se ten apoiado ningún pasteiro no Xurés. “O lóxico sería que non se deixara que os montes quedasen abandonados, que se apoie a creación de pastizais ou que se obrigue ós propietarios a ter conta das súas propiedades”, valora o produtor. Incógnitas Escarmentados trala última reforma da PAC, José Luis e o resto de produtores da Serra temen que a gandería extensiva volva saír perxudicada na próxima reforma da Política Agraria Común, que se rematará de negociar en Europa este outono – inverno. “Ou tiramos para adiante ou acabouse. Se volven recurtar no coeficiente de pastos ou se aumentan as esixencias de carga gandeira, alá imos todos”, valora o produtor. O pago básico da PAC esixe que as ganderías teñan unha carga gandeira mínima de 0,2 unidades de gando maior (UGM) por hectárea, pero en zonas con limitacións naturais, esa carga mínima subiuse a 0,7 UGMs por hectárea, o que perxudica á gandería extensiva, que se alimenta de pastos arbustivos e que precisa de amplas superficies. Manexo A alimentación do gando a base de pastoreo no monte compleméntase, no caso de José Luis, con palla mercada e tacos. “Normalmente, ás vacas paridas doulles tacos e palla, e ó resto só tacos. En inverno, en épocas duras, tamén lles aporto palla e tacos a todas, pero en xeral os animais poden atopar alimento e auga no monte todo o ano, polo que non é preciso”, valora. As vacas permanecen na montaña día e noite, pero están afeitas a baixar á mañá á nave dos becerros, onde lles dan de mamar e onde reciben despois a ración de complemento. Á noite, as vacas paridas adoitan volver baixar e o resto queda no monte, ata a mañá seguinte. Gando nun dos cobertizos a primeira hora da mañá. Os que non saen nunca das naves son os becerros, posto que o monte carece de peches, o que dificulta a xestión do gando, e a maiores está o perigo do lobo. “En xeral non temos problemas co lobo. Algún inverno poden matar unha vaca débil, porque os lobos saben buscar a forma, pero se te das de conta rápido e avisas, o normal é que te indemnicen”, recoñece José Luis. Os partos son tamén na corte, unha cuestión sobre a que José Luis leva tino, pois en ocasións os animais danlle problemas. “O anterior touro que tiña dábame máis complicacións. Agora merquei un touro máis pequeno, charolés, que me está indo mellor”, valora. Os becerros maman das vacas polo menos ata os 7 meses e cébanse os últimos meses, ata os 10. A maioría márcase en Ternera Gallega Suprema, salvo algún caso que, por motivos excepcionais, quede como Ternera Gallega. “Se non marcas os animais na Indicación Xeográfica, practicamente nesta zona quedan sen valor”, sinala José Luis. A pandemia tirou ademais cos prezos, que polo de agora non se recuperaron o necesario. A parte boa para a granxa é que antes de que comezase a crise asinou un contrato con Nova Frigsa, o que lle permite ter saída garantida para todo o gando.
José Luis Rodríguez co seu fillo Aarón.

Unha gandería que se recuperou dun baleiro sanitario

José Luis Rodríguez incorporouse á gandería familiar a partir do 2004, collendo o relevo de seu pai, que ata daquela tivera cachenas no monte. El decidiuse en cambio por gando cruzado de rubia galega, charolesa e outras razas cárnicas, pois eran animais nos que vía máis posibilidades de rendibilidade, á marxe de subvencións. Ao incorporarse, José Luis habilitou na parte baixa do monte unhas instalacións compostas dunha nave e de dous cobertizos, un para os becerros de cebo e outro para botarlle os becerros ás vacas. “En instalacións non é necesario gastar moito”, valora. “O investimento que si vexo necesario é en peches. Gustaríame facer polo menos un peche no alto, na fronteira con Portugal, porque o ano pasado fóronseme 25 animais para o outro lado e foi un lío dar con eles e facelos regresar, non das conta deles”, recorda o produtor. No tempo que leva coa gandería, o peor revés chegoulle no 2013, cando tivo que facer un baleiro sanitario por mor da tuberculose, o que supuxo a eliminación de 120 animais. Era o mes de xuño e en setembro José Luis baixou a Badajoz para repoñer o gando, decantándose novamente por animais cruzados de charolés e limusín. Desde aquela, non volveu ter ningún problema co saneamento gandeiro, pero comezar de cero por segunda vez non foi fácil. A diferenza entre Badajoz e o Xurés foi complicada de asimilar nun principio para o gando. “Chegaron no outono e custoulles adaptarse. En xaneiro e febreiro, en Extremadura os animais comen no monte o que queren e aquí o inverno é de pouco alimento na montaña, ata abril ou maio”, explica. Agora xa ten máis vacas de recría propia que das que trouxo de Extremadura. Son animais que se adaptan xa mellor á Serra e a gandería comeza a avanzar na selección xenética. “Unha gandería comezas a tela asentada ó cabo duns anos. Dos animais que trouxen, houbo que quitar gando bravo, outras vacas que non parían… Hai moito traballo detrás. De seleccionar non acabas nunca”, conclúe José Luis, un dos produtores que mantén viva a tradicional gandería extensiva do Xurés.

Axilízanse as autorizacións de corta de madeira a carón de ríos, estradas autonómicas e en Rede Natura

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde do 25 de marzo de 2020, conxunta entre as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os novos pregos de condicións aos que haberán de suxeitarse os aproveitamentos madeireiros dunha serie de especies madeirables (piñeiros, eucaliptos e acacias) en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público (zonas de protección de estradas autonómicas, policía de leitos de ríos e regatos de competencia galega e de conservación do patrimonio natural). Así, a aprobación dos citados pregos permitirá substituír a esixencia de autorización administrativa por unha declaración responsable da persoa interesada na corta, comprometéndose ao cumprimento dos requisitos específicos contemplados para as cortas en cada un destes espazos, eliminando así a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente. 15.000 solicitudes Deste xeito, amplíanse os supostos de declaración responsable, polo que a Xunta estima que permitirá a presentación de 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización. O obxectivo desta medida é minimizar as xestións administrativas e que o declarante quede facultado para realizar o aproveitamento desde o momento da presentación desta declaración responsable, sen máis trámites. Ata o de agora, a Lei de montes de Galicia, trala modificación operada a través da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, regulaba a autorización única para a realización de aproveitamentos madeireiros en terreos con algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público. Así, a Consellería do Medio Rural tiña que conceder esta autorización logo do informe preceptivo dos órganos ou organismos sectoriais, o que dilataba o proceso no tempo. "A través da publicación desta orde axilizarase de forma substancial o proceso de aproveitamentos madeireiros nestas zonas", asegura a Xunta. Un ano de prazo para facer as cortas As especies afectadas por esta previsión son: o eucalipto (Eucalyptus spp), o piñeiro galego ou do país (Pinus pinaster), o piñeiro de Monterrei (Pinus radiata), o piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii) e a acacia negra (Acacia melanoxylon), respectando as peculiaridades establecidas en cada prego. Cómpre sinalar que o piñeiro do país e o eucalipto son as especies máis cortadas en Galicia. Ademais, esta orde contempla tamén os condicionantes -no tocante ás distancias de plantación recollidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- que han de cumprir as cortas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas (autonómicas), policía de leitos (Augas de Galicia) e de conservación do patrimonio natural. Os aproveitamentos previstos na orde publicada hoxe no DOG están supeditados á presentación da correspondente declaración responsable na sede electrónica da Xunta de Galicia  segundo o modelo MR604H, e o aproveitamento realizarase no prazo máximo dun ano desde a presentación desta declaración. A corta da madeira levarase a cabo sen abandonar ningún tipo de material que poida resultar tóxico para as augas, a flora ou a fauna acuática e terrestre, como por exemplo plásticos, aceites, recambios usados, etc. Exclúense montes de máis de 15 hectáreas sen plan de ordenación No caso de superficies de aproveitamento superiores a 15 hectáreas, os propietarios terán que solicitar autorización previa do plan de cortas mentres o monte non dispoña do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio. É o caso dos Montes Veciñais en Man Común que carezan de plan de ordenación. Unha vez obtida a autorización deste plan xa poderá presentarse a oportuna declaración responsable. Tampouco poderán, en ningún caso, ser obxecto dunha declaración responsable aqueles usos que requiran a realización dunha avaliación ambiental. Non afecta ao dominio público estatal A orde afecta unicamente a montes a carón de estradas ou regatos de competencia autonómica. No caso de dominio público competencia do Estado (estradas nacionais, bacías hidrográficas que afectan máis dunha comunidade autónoma -en Galicia os ríos que están dentro da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou o río Eo-, montes afectados pola Lei de Costas, ou espazos afectados pola rede ferroviaria), en cuxo caso segue a rexer a normativa básica de aplicación e os trámites en vigor até o de agora para a totalidade das cortas de madeira.

Condicións específicas a cumprir

A orde publicada no DOG detalla mediante tres anexos os requisitos concretos que haberá que seguir á hora de realizar os traballos de corta e extracción de madeira en cada un dos espazos autorizados mediante declaración responsable: Estradas titularidade da Xunta: - Non se autoriza a corta de árbores na zona de dominio público da estrada. - Os traballos non porán en risco a seguridade viaria e o solicitante deberá cumprir coas condicións especiais que se poidan impor por parte da Axencia Galega de Infraestruturas para garantir a seguridade da estrada e do tráfico. O aproveitamento madeireiro realizarase só no caso en que non resulten diminuídas as condicións de visibilidade ou de seguridade na estrada. - O aproveitamento efectuarase sen interromper nin dificultar o tránsito polas estradas, tanto de vehículos como de peóns, e sen ocupar ningún dos seus elementos (calzada, beiravías, gabias...) con materiais, medios auxiliares, maquinaria ou vehículos. - As árbores e as canas deberán cortarse de xeito que caian fóra da plataforma da estrada. As pólas e demais produtos da corta ou poda depositaranse fóra da calzada, das beiravías, dos foxos e do resto da zona de dominio público da estrada. - Se para a execución do aproveitamento madeireiro fose necesario construír un acceso á estrada autonómica, o propietario do monte ou a empresa madeireira, deberá solicitar previamente a preceptiva autorización para a realización do acceso ao Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, empregando o procedemento IF205D. - Non se autoriza a ocupación do dominio público para o almacenamento de materiais, salvo coa autorización previa do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tramitada segundo o establece a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. - Adoptaranse as precaucións oportunas para que en ningún caso se produza arrastre de terra ou de calquera outro material á plataforma ou ás gabias da estrada, ben adheridos ás rodas dos vehículos ou maquinaria que participe no aproveitamento ou ben por calquera outra causa. - Durante os traballos, establecerase a sinalización adecuada ás actividades que se van realizar, de acordo coas disposicións vixentes sobre a materia. Para o cumprimento desta condición pódese consultar a Norma 8.3-IC de sinalización de obras, aprobada pola Orde ministerial do 31 de agosto de 1987. - Os danos e prexuízos ocasionados á estrada e á súa zona de influencia con motivo da realización dos traballos son responsabilidade das persoas que realizan o aproveitamento, estas quedan obrigadas a repor, pola súa conta, os elementos da estrada que resulten afectados pola execución dos traballos, restituíndoos ás súas anteriores condicións de seguridade, funcionalidade e aspecto. Espazos naturais protexidos: - Exclúense do procedemento de declaración responsable as ZEPAs (Zonas de Especial Protección de Aves) declaradas en parques naturais, reservas naturais ou monumentos naturais, hábitats sensibles como complexos dunares litorais ou hábitats turbeiros e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Estas zonas excluídas poden consultarse no visor da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. - O aproveitamento realizarase sobre masas puras de eucaliptos, piñeiros ou masas mixtas de piñeiros e eucaliptos, podendo incluír ata un máximo do 10% de pés doutras especies mesturadas, sempre que non formen parte dun bosquete, dunha sebe ou teñan un diámetro superior aos 15 cm. No caso de que non se cumpran estas condicións, deberase someter a solicitude de corta a autorización. - Empregaranse exclusivamente os camiños de servizo, rúas de desembosque ou vías de saca existentes na parcela, sen realizar a apertura de novas vías de desembosque temporais ou permanentes. - A nova plantación requirirá autorización preceptiva do Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente. - Non se realizarán rozas ou segas da vexetación herbácea ou das matogueiras salvo que sexa necesario para previr os riscos laborais dos operarios que efectúen as cortas. - Na zona de actuación non se abandonará ningún tipo de material contaminante ou impropio do medio natural (plásticos, aceites, recambios de aceites, etc.) e adoptaranse as precaucións necesarias para que non se produzan verteduras de lubricantes, combustibles, aceites ou graxas de maquinaria durante os labores forestais, especialmente, nas zonas próximas a ríos e canles. A maquinaria manterase en perfecto estado de funcionamento para evitar fugas de combustible e aceite e minimizar a contaminación acústica e atmosférica, así como os medios adecuados que eviten a produción de faíscas por fricción dos seus mecanismos. As operacións de mantemento realizaranse en terreos chaos establecendo medidas fronte á contaminación do solo e das augas subterráneas. - Se a persoa solicitante detecta a presenza na zona de actuación dalgunha especie incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras (Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras), deberá poñelo en coñecemento inmediato do Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente. Leitos de ríos e regatos: - Abrangue a zona de policía (distancia entre 5 e 100 metros ao cauce). - Prohíbese o depósito de restos da corta ou das podas nin no leito do curso nin nas súas zonas de servidume. - Prohíbese utilizar as marxes ou ribeiras dos leitos, así como a zona de servidume como depósito de materiais e parques de maquinaria. - Unicamente se poderá amorear temporalmente a madeira en zona de policía, fóra da zona inundable, cando non exista outro lugar para o seu amoreamento. En todo caso, non se poderá amorear madeira dunha parcela distinta á solicitada. - Prohíbese vadear os ríos ou regatos coa maquinaria de corta e transporte, agás que se conte coa preceptiva autorización de Augas de Galicia. - Instalaranse sistemas de retención de sedimentos como por exemplo balas de palla, barreiras de retención ou calquera outro que garanta que non cheguen arrastres ao río ou regato. Poderase empregar para este fin o amoreamento lineal de parte dos restos de corta, unha vez triturados, en sentido contrario ao da pendente. - No caso de que se precisen executar vías de transporte, explanacións de vellos camiños ou calquera obra de movemento de terras, deberá solicitarse a preceptiva autorización de Augas de Galicia.

Axudas para titulares de terreos agrícolas e forestais situados en Rede Natura 2000

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a Orde da Consellería de Medio Ambiente pola que se convocan as axudas para a execución de actuacións de mellora e conservación nos espazos incluídos na Rede Natura 2000, por un importe de 2,4 millóns de euros. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca estas subvencións para as que, tal e como recolle na orde, se establecen dúas anualidades para os anos 2020 e 2021.

O obxectivo desta liña de subvencións é conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais; ao tempo que se mellora a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.

Os beneficiarios son as persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, os concellos incluídos na Rede Natura 2000 e asociacións medioambientais e de custodia do territorio. Só se admitirá unha solicitude por solicitante.

Así poderán ser obxecto destas subvencións, as actuacións dirixidas a mellorar a paisaxe agraria ou actuacións de desenvolvemento dos usos recreativos, como a creación ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindes e bordos non cultivados nas parcelas agrícolas, restauración de muros de cachotaría, adecuación de carreiros rurais, así como a creación de rutas e áreas recreativas co correspondente equipamento de información e interpretación.

Tamén se poderán beneficiar destes incentivos as actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais e culturais, como a rehabilitación de hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes; así como as accións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas, como a creación de cercados naqueles casos non que sexa recomendable a limitación de acceso a persoas, a restauración de humidais, a preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes ou a eliminación de especies exóticas invasoras.

Prazo de presentación de solicitudes: Ata o 15 de marzo

As axudas –que se convocan en réxime de concorrencia competitiva- poderán concederse polo 100% do custo subvencionable, cun importe máximo de 20.000 nos caso da axuda concedida a unha administración local e ata 12.000 euros no casos dos restantes solicitantes. Tal e como establece a orde, os criterios de valoración que se terán en conta , entre outros, son o tipo de actuación ou a porcentaxe de superficie do municipio incluída na Rede Natura 2000.

Estas subvencións son acordes ao contido do fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que recolle entre as súas liñas básicas conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco da pobreza.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas aos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Gandería Rivera Otero, a aposta dun mozo de 25 anos polo sector ovino

Luis Miguel coas súas ovellas na nave que construíu este ano A carón mesmo da Lagoa de Cospeito, en plena Rede Natura, un mozo de 25 anos pastorea o seu rabaño de ovellas. Son elas as que coidan duns prados que doutro xeito seguramente estarían abandonados. Son fincas pequenas e húmidas nas que é difícil entrar con maquinaria no inverno. Os seus animais contribúen deste xeito a coidar a paisaxe e manter a biodiversidade nun espazo declarado Reserva da Biosfera e Zona de Especial Conservación (ZEC). Luis Miguel Rivera Otero estudou Frío Industrial pero decidiu enfocar o seu futuro cara ao sector agrogandeiro. "Acabei de estudar e estiven traballando algo pero informeime e animeime a seguir coas ovellas e estou contento. Optei polas ovellas porque xa as había na casa, así que andiven polo medio delas desde pequeno e sempre me gustaron", conta. Na súa casa, no lugar de Fontarrega, pertencente á parroquia de Feira do Monte, había unha pequena gandería ovina con 30 cabezas que coidaba a súa nai. Fai un ano que se incorporou el e desde entón apostou por profesionalizar a explotación. Solicitou un plan de mellora e desfixo a vella corte onde a súa nai gardaba os animais para construir no seu sitio unha nave nova de 270 metros cadrados con capacidade para 200 cabezas.
Non podes estar atendendo partos todos os días. É mellor agrupalos. Así sabes que os vas ter todos xuntos en 15 días
É unha instalación cómoda, onde o rabaño está dividido en dous lotes separados polo pasillo de alimentación. Ter as ovellas en lotes facilita as labores de alimentación ou o encamado e permite programar os partos. "Non podes estar atendendo partos todos os días, hai que organizarse e agrupalos, senón non hai maneira. Así sabes que os vas ter todos xuntos en 15 días", explica Luis Miguel. Rabaño mercado en Salamanca As ovellas e os machos son de raza Inra 401 Este mozo gandeiro aproveitou as 30 ovellas que tiña a súa nai, de raza mestiza, e completou a nova nave con outros 170 animais da raza Inra 401 que mercou en Salamanca á Gandería Lorenzo Pascual, especializada nesta raza, con 4.000 ovellas e que vende tanto recría como sementais. "Trouxen 167 ovellas e 3 machos puros. A Inra 401 é un cruze de Berrinchón, que é unha raza cárnica, con Romanov, que é unha raza moi prolífica. Quería que fosen desta raza porque ten moi boas aptitudes para a produción de carne. Son animais que poden sacar adiante dous ou tres cordeiros por parto sen problema", explica. As ovellas que mercou, todas primeirizas, chegaron o 27 de abril do ano pasado a Cospeito con 6 meses de vida e están a piques de comezar a parir agora. "Dentro dun mes van empezar a parir as primeiras", conta Luis Miguel. Cando nacen os cordeiros teñen que mamar costro en tomas de entre 60 e 70 centilitros cada 2-3 horas. "Sempre teño costro conxelado para non ter problemas", indica.
Gastou 23.000 euros en mercar 167 ovellas e tres machos da raza Inra 401 e outros 35.000 euros no establo novo
As dúas primeiras semanas aliméntanse exclusivamente co leite da nai, que logo se complementa con concentrado. "Aos 15 días xa se lles pode meter algo de penso", explica Luis Miguel. "Esta raza dá bastante leite, polo que os cordeiros saen rápido para diante. A outra raza que había na casa, a mestiza, dá menos leite e se traía tres crías unha xa a apartaba a propia ovella porque vía que non as daba mantido a todas. Daban bastante a lata niso porque había bastantes casos de rexeitamento, pero con esta raza, a Inra 401, penso que vou ter menos problemas deste tipo porque son ovellas que dan máis leite", razoa. De todos xeitos, xa mercou unha amamantadora. "O custo non era moito e sácache traballo porque se hai casos de rexeitamento tes que andar cos biberóns", explica. Entre 65 e 70 euros por un año de 20 quilos Un dos tres sementais da explotación Cando cumpren entre dous e dous meses e medio de vida os cordeiros chegan xa aos 20 quilos de peso e están listos para seren vendidos, pasar polo matadoiro e sairen ao mercado. O obxectivo de Luis Miguel é sacar unha produción de 100 años cada tres meses. Mentras unha metade das reprodutoras está en lactación criando aos cordeiros, a outra metade está preñada e así sucesivamente. "Tentarei sacar 1,5 partos ao ano por ovella, os dous partos non llos das sacado, é moi difícil, porque son 5 meses de xestación, 2 meses coas crías e logo un mes de espera para que sequen e se recuperen un pouco antes de volvelas cubrir, así que entre cubrición e cubrición pasan 8 meses", explica.
Entre parto e parto pasan 8 meses: 5 de xestación, 2 coas crías e un de espera e recuperación antes da cubrición
Este mozo é membro da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e forma parte tamén da cooperativa Vélaro, polo que dá saída á súa produción a través da marca Pastores de Galicia, que distingue a carne de cordeiro galega. Un cordeiro de dous meses e medio, con 20 quilos de peso (quedaría sobre uns 10 en canal, xa que perde a metade) ten un prezo de venda que oscila entre os 65 e os 70 euros. "Os 70 euros é un prezo aceptable que está ben. Eu a particulares case non vendo, moi pouco, non me compensa, porque teño que levar eu ao matadoiro", explica. Esta é unha época mala para as vendas. "O primeiro trimestre do ano é sempre frouxo, a partir de marzo empeza a haber máis demanda, que se incrementa moito no verán polas festas e tamén en Nadal. O problema é que para ter produción para o Nadal é complicado, porque terían que parir en setembro e para iso tes que cubrilas na primavera, que é a época peor para iso", conta. Dobrar o número de cabezas no prazo de 3 ou 4 anos A nave xa quedou prevista para ser ampliada Luis Miguel conta con tres machos puros da mesma raza Inra 401 que están no medio do rabaño unha vez que as ovellas pasan ao lote de secas trala venda dos cordeiros. "Os tres carneiros son novos, chegaron con 9 meses, pero cada 2-3 anos teño que cambiar de machos para non ter problemas de consanguinidade", indica. "Quixen apostar por unha raza pura para poder sacar algo de recría, primeiro para medrar eu e despois para poder vender tamén animais para vida e ter algúns ingresos por esta vía ademais dos da venda para sacrificio", explica. Sen embargo, o obxectivo a curto prazo desta explotación é o de medrar até dobrar o número de reprodutoras nos vindeiros 3 ou 4 anos. "O número de animais que teño hoxe é o mínimo para vivir, porque hai a PAC e vas tirando, pero quero seguir aumentando, quería chegar ás 500 nais", avanza.
Para empezar tiven que comprar, porque das 30 ovellas que tiña de miña nai ás 200 tardaba 4 ou 5 anos e perdía moito tempo, pero agora poido dobrar sen problema coas miñas en pouco tempo con recría propia
Pretende facelo a través de recría propia, sen mercar máis animais. "Para empezar tiven que comprar, porque das 30 ovellas que tiña de miña nai ás 200 tardaba 4 ou 5 anos e perdía moito tempo, pero agora poido dobrar sen problema coas miñas en pouco tempo con recría propia", di. Deste xeito o aforro é considerable. Os 170 animais que mercou en Salamanca custáronlle 23.000 euros, case tanto como facer a nave (35.000 euros lista, contando a estrutura, o peche, o chan, os comedeiros e os bebedeiros), que xa deixou preparada para a ampliación. Non conta con moito espazo, xa que dentro de Rede Natura non pode ampliar e a finca na que fixo a nave está no límite co espazo natural protexido. "Só poido obrar onde teño a nave, todo o resto é Rede Natura e non poido construír", indica.

Alimentación diferenciada para cada lote

As ovellas xestantes pasan 5 horas pola mañá no pasto; as que están en lactación non saen. Co rabaño dividido en dous lotes en función de se as ovellas se atopan en xestación ou en lactación, a alimentación tamén é diferente. "Durante os dous meses que están cos cordeiros non saen e voulles dar silo de herba e silo de millo, que penso que é mellor que o concentrado e sae tamén algo máis barato", explica Luis Miguel. El non bota millo pero atópase nunha zona onde abundan as explotacións de vacún de leite e ten pensado mercar uns 50.000 quilos de millo, que é o que calcula que precisará para todo o ano, tendo en conta que cada ovella en lactación come uns 2 quilos diarios de silo de millo. "Teño pensado facer o silo de millo tamén en rolos, porque ensilando en pila nunha explotación pequena coma esta é difícil manter unha boa conservación porque non consumes moito e pérdese", considera.
Con 200 ovellas é o mínimo para vivir, grazas a que hai a PAC , pero eu quero seguir aumentando e chegar ás 500 cabezas
Os animais que estarían comendo silo de millo serían sempre a metade do rabaño, xa que o resto das ovellas (as xestantes) sairían todos os días ao pasto, complementado logo con herba seca de volta á casa. "Sácoas pacer de 10 da mañá a 3 da tarde, con 5 horas chégalles se teñen bo pasto, veñen cheas", di. Tres fíos de pastor e dous mastíns Luis Miguel aproveita esas horas nas que a metade das ovellas están fóra para preparar a cama e a ración no establo. Conta cunha encamadora que emprega tanto para estrar como para botar a comida no pesebre. "Agora estou usando a encamadora para a alimentación, vai ben, pero teño que dar moitas voltas, porque dou primeiro a herba seca e logo o silo. Quero mercar un carro de segunda man para facer con el a ración, porque ao ir mesturada comen todo moito mellor e aproveitan máis a comida, así que tes menos desperdicio que sacar e tamén acabas antes", xustifica. Para a cama está a usar herba seca para aproveitala, porque este ano sobroulle moita, aínda que recoñece que "as ovellas non están tan secas como se estiveran en palla". "O esterco que saco bótollo despois aos pastizais por enriba no inverno, que é a época na que non saen a pacer e aproveito para abonar. Contrato un esparexedor de esterco que desfaga ben, tamén teño gañas de mercar un, pero todo de golpe non se pode", razoa.
Se non tivera o pastor posto sempre, tanto se están as ovellas como se non, tería as pradeiras todas levantadas, aquí hai moito xabarín
"Atendo eu só a explotación sen problema e cando as boto ao pasto e eu veño facer os traballos á casa teño dous mastíns con elas. Son un cruce de mastín con border coli, prefiro cruce que mastín puro, porque penso que os cruces son máis vivos. Lévoas á pradeira, déixoas cos cans e veño amañar todo na explotación e estou tranquilo", di. Ten as fincas pechadas con varillas de 90 centímetros de alto e tres fíos de pastor eléctrico, un cada 30 centímetros. Pero máis que para que non se boten as ovellas a súa finalidade principal é a de impedir que entre o xabarín. "Se non tivera o pastor posto sempre, tanto se están as ovellas como se non, tería as pradeiras todas levantadas, aquí hai moito xabarín", quéixase. "O lobo non me afectou de momento porque eu métoas todos os días durmir ao establo e as que están paridas e teñen as crías non saen", engade. Control de enfermidades como a fasciola ou a basquilla Manga pola que pasan as ovellas ao voltar do pasto para realizar o baño de pés Ao estar nunha zona húmida Luis Miguel ten que ter especial coidado con determinadas enfermidades, como a fasciola hepática. "Estou nunha ADS e en marzo fanme analítica de feces para ver os parásitos que puidera haber. Hai máis problemas de fasciola ao ser unha zona húmida e estoulles dando unha mestura para desparasitar dúas veces ao ano, na primavera e no outono. E cando desparasito tamén aproveito para vacinar para a basquilla e para a neumonía", conta.
Todos os días ao volver do pasto as ovellas fan un baño de pés antes de entrar no establo en auga con sulfato de cobre para previr as coxeiras
Para facilitar a aplicación dos distintos tratamentos e poder separar de xeito máis doado os animais instalou unha manga permanente nun dos laterais da nave, que emprega tamén para facer o baño de pezuñas. "Fágolles pasar pola manga todos os días ao vir do pasto para desinfectar os pés cun baño de auga e sulfato de cobre antes de entrar ao establo", explica. Deste xeito deixou de ter problemas de coxeiras. Na primavera fai a rapa a través do persoal contratado por Ovica e aproveitará para amañar os cascos a todos os animais. "Aforras moito traballo porque se o tes que facer ti, con 200 ovellas son moitos pés que amañar", evidencia.

30 hectáreas para pastos e forraxes ao redor dun dos humidais máis importantes de Galicia

Pradeira renovada o ano pasado con semente apañada noutra das fincas da explotación A Lagoa de Cospeito e as terras que a rodean forman parte da Rede Natura 2000, o conxunto de espazos naturais da Unión Europa. O estar pegada á Rede Natura condiciona o medre da explotación de Luis Miguel, aínda que polo tipo de actividade que realiza, baseada no pastoreo, non supón ningún problema no día a día máis que á hora de facer ampliacións ou outro tipo de obras. "Quero facer este ano un estercoleiro e un almacén para a herba seca e en 3 ou 4 anos ampliar a nave das ovellas se me dan licenza", indica. Polo demais, a lagoa mantén hoxe unha simbiose beneficiosa coa explotación Rivera Otero, un equilibrio favorable para ambas partes por tratarse dun aproveitamento tradicional do solo. Luis Miguel bota as ovellas a pacer nas fincas que rodean a lagoa e abónaas co esterco que xeran os propios animais no establo. A lagoa aporta humidade que mantén verde o pasto todo o ano. "Teño máis problemas no inverno ca no verán con iso de que son fincas moi molladas. Aquí é húmido e teño pasto todo o verán, non teño problemas coa seca", indica. Tamén axuda a manter a pradeira a mestura de variedades coas que Luis Miguel sementou todas as pradeiras no ano 2018, xusto antes de incorporarse. "Botei unha mestura de raigrás inglés, italiano e híbrido con distintos trevos, como por exemplo o branco e o violeta, a razón de tres quilos de trevo por hectárea, iso nótase no verán, aguántase mellor a pradeira", asegura. Semente propia Silo de herba cunha baixa porcentaxe de humidade Nas fincas que renovou o ano pasado a semente procedía da que el mesmo apañou nas fincas que renovara un ano antes. "Deixei espigar dúas hectáreas e recollinas cunha colleitadora do trigo, saquei moitos quilos, teño para varios anos e penso que ademais de coller moita cantidade é de mellor calidade que a comprada e sae e arraiga mellor na pradeira", afirma. Para o control das malas herbas emprega diferentes métodos, en función da pranta da que se trate. "Cando collín as fincas ao principio tiven problemas de malas herbas nos pastos, sobre todo de caraveis, que fun eliminando a base de sulfatar; fentos non teño e aos cardos cando hai tírolles sal e desaparecen", conta. Tamén procura ter coidado á hora de ensilar ou de enrolar a herba seca para non traer a semente das malas herbas para a casa e esparexela despois polo resto de fincas a través do esterco.
O silo de herba das vacas non vale para as ovellas, ten que ser moito máis enxoito, con dous días de presecado cando menos
Luis Miguel dispón en total de 30 hectáreas de terreo. A metade son fincas que destina a pastoreo, das que só 2,5 hectáreas son propias, o resto alugadas, e das outras 15 hectáreas recolle a forraxe para todo o ano en forma de herba seca e silo de herba. As fincas que ensila teñen raigrás puro e fai un presecado moi longo, de dous días, antes de enrolar a herba. "Para as ovellas o silo de herba ten que ser moi enxoito, non vale o silo das vacas, porque dalles tos e aféctalles ao fígado e acaba matándoas. Por iso eu antes de maio non poido ensilar, porque non vale o tempo para iso, porque eu teño que segar, extender e voltear durante os dous días de presecado e logo acordoar e facer os rolos", indica Luis Miguel. Fai el todo o traballo agás enrolar e encintar. Desecación e recuperación A lagoa de Cospeito foi a máis extensa da Terra Chá (ocupaba máis de 70 hectáreas), foi desecada na década de 1960 para o aproveitamento agrícola do territorio e recuperada parcialmente na década de 1980 e con posterioridade ao ano 2000 polo seu valor ecolóxico e ambiental. Na actualidade ten unhas 17 hectáreas, das que só arredor de 7 son de augas permanentes, dentro dun espazo total dunhas 45 hectáreas delimitado por un camiño perimetral duns tres quilómetros de lonxitude. A actual consideración e protección legal da que hoxe gozan os humidais viviu outrora períodos totalmente diferentes nos que se fomentou a súa desecación e destrución. Esta clase de actuacións supuxeron a perda, a mediados do pasado século XX, de dous dos máis importantes humidais interiores de Galicia, as Lagoas de Antela e de Cospeito. Pero este proceso deuse a nivel de toda Europa, onde a superficie que actualmente ocupan os humidais na Unión Europea representa o 25% da que posuían a principios da época industrial.
A superficie que actualmente ocupan os humidais na UE equivale ao 25% da que tiñan antes de seren desecados para gañar terras de cultivo
O modelo tradicional de aproveitamento dos humidais sufrirá un importante cambio en España coa promulgación, o 24 de xuño de 1918, da denominada Lei Cambó, á cal se sumará un extenso articulado lexislativo que, coa escusa de erradicar as pragas de mosquitos, posibles vectores de infeccións humanas, e obter novo terreo agrícola, favoreceu a sangradura, desecación e saneamento dun número cuantioso de marismas e lagoas galegas. Seguindo estas consideracións, anos máis tarde o Instituto Nacional de Colonización Agraria (INCA), dependente do Ministerio de Agricultura, declara no ano 1956 de alto interese nacional as obras de saneamento e colonización de dous dos humidais máis singulares de Galicia, o da lagoa de Cospeito na provincia de Lugo e o da lagoa de Antela, na de Ourense. Os proxectos promovidos polo INCA buscaban a creación de zonas de colonización agraria que servisen para dar acubillo a agricultores foráneos, cuxas terras serían anegadas pola creación de grandes encoros. Os novos asentamentos e as novas terras de labor obtíñanse trala desecación de humidais e o britado de amplos espazos que ata o momento non foran cultivados.
O Instituto Nacional de Colonización Agraria expropiou entre 1950 e 1980 na Terra Chá case 3.000 hectáreas de montes comunais e terreos gañados ás lagoas de Cospeito, Caque e Pumar
Na Terra Chá, o INCA procederá á expropiación dunha superficie de 2.889 hectáreas, constituída por montes comunais de varias parroquias dos municipios de Cospeito e Castro de Rei, incluíndo na mesma a totalidade do humidal da lagoa de Cospeito. Terreos que serán desecados coa apertura de canles de drenaxe, a ruptura de represas, a cavadura do terreo e o seu aireado, etc., para ser transformados, con maior ou menor éxito, en terras de cultivo. As actuacións promovidas polo INCA e, posteriormente, polo Instituto para a Reforma e o desenvolvemento Agrario (IRYDA), entre 1950 e 1980, implicarán unha perda significativa dos humidais de Cospeito, Caque e Pumar. Con todo, a Lagoa de Cospeito logrou recuperar parte do seu antigo esplendor logo de ser declarada Refuxio de caza en 1986, Reserva da Biosfera pola Unesco no ano 2002 e Rede Natura dentro do LIC Parga-Ladra-Támoga no ano 2004. Agora, as ovellas de Luis Miguel contribúen a coidala.

Ancares, a natureza gandeira

Segundo é a estampa dun atleta maratoniano. Delgado, espigado e todo fibra. Cada vez que sae da súa casa, no pobo de Deva (Cervantes), na alta montaña dos Ancares lucenses, é para subir e baixar costas. Non lle queda outra. Deva está enclavada a media ladeira da serra do Pando, a uns mil metros de altitude. Por baixo, unha fraga de rebolos e castiñeiros, salteada por un mosaico de pequenos prados, cae en fortes pendentes ata o río de Brego. Por riba, xestas, uces e carqueixas, pasto dun rabaño de cabras, acompañan o camiño en ascenso ata a Campa de Brego, o pastizal no que pasan o verán parte das vacas de Segundo Núñez. Segundo Núñez. O manexo de gando e prados nas encostas que rodean a Deva convertiuse no particular ximnasio de Segundo. Como non hai maquinaria capaz de traballar en prados con pendentes ás veces case verticais, cando toca segar, cada mes de xullo, Segundo percorre prado a prado cunha ‘Bertolini’, unha segadora manual que guía a pé para cortar a herba. Logo voltearaa e cando estea seca, angazaraa cara a parte baixa do prado, onde a cargará a pulso no tractor. O último paso é subir ou baixar co tractor polos carreiros da montaña ata o pobo, onde se alpaca e garda a herba para o inverno. A última campaña Segundo fixo así máis de 1.000 alpacas. En pleno verán, o sol caendo a plomo, con xornadas de traballo que comezan e rematan coa luz do sol. “Se boto contas do traballo que se pasa segando, sairíame máis barato mercar a comida para os animais para o inverno. Iso xa o pensei algunha vez, pero o problema está en que se deixas sen segar os prados, bótalos a perder” -explica o gandeiro-. “Non habería renovación do prado polas sementes que quedan nel cando o gadañas e de seguida comezarían a medrar xestas, fieitos ou rebolos. Un prado aproveitado só a dente polas vacas deterioraríase moito a partir do segundo ano”, razoa.
"Os pastos son pura natureza, co acompañamento da gandería. Son paisaxes de postal" (Segundo Núñez)
Os prados de Segundo, 9 hectáreas dispersas en moitas pequenas parcelas, ós que hai que sumar pastizais dun monte de varas veciñal, mantéñense de xeito natural coa única actividade do pastoreo das vacas e da sega manual. “Son pura natureza, co acompañamento da gandería”, define Segundo, que aos seus 61 anos sempre acorda os pastos naturais de Deva, que antes del xa traballaron seus pais. Son pastos de montaña que nunca se anovan, polo que presentan a particularidade de acumular ata 50 especies de herbas distintas. “Os prados enclavados nas encostas dos vales, entre bosques, son imaxes de postal” -valora Segundo-. “É algo que gusta, do que disfrutar”. A Campa de Brego, onde o gandeiro mantén parte do seu gando no verán, ao pé do impoñente Penarrubia, é unha das paisaxes senlleiras dos Ancares, cruzada cada ano por milleiros de montañeiros e senderistas que soben ó Penarrubia ou que baixan do Tres Bispos, dous dos principais cumios da serra. Segundo e un veciño nas labores de sega dun prado próximo a Deva. / Imaxes da sega: David López. Os valores naturais da montaña levaron a que os Ancares se catalogasen como espacio natural protexido na Rede Natura e como Reserva da Biosfera, figuras de protección que non sempre encaixan co xeito de pensar dos habitantes da serra. Segundo analiza a cuestión: “Eu vexo lóxico que os Ancares se protexan, claro que si, pero a Administración equívocase por completo. O xeito de protexer non é prohibindo todo. Así non se protexe, ao contrario, bótase a perder o territorio. Hai que deixar que os pobos organicen as súas terras dunha forma razoable, como se viña facendo de sempre”, defende Segundo.
"Vexo lóxico que os Ancares se protexan, pero a Administración equivócase. O xeito de protexer non é prohibindo todo" (Segundo Núñez)
As consecuencias de restriccións inapropiadas explícaas o gandeiro cun par de exemplos. Segundo lembra como hai anos un veciño recibiu unha multa por segar un prado ata a beira dun regato, unha práctica entón perseguida. “Como temos agora as beiras dos regatos?. Cheas de árbores. A auga queda moi asombrada e iso inflúe en que haxa moitas menos troitas. Ademais, cando vén unha enchenta, fórmanse tapóns coas árbores que caen e en canto iso racha, a auga leva todo por diante”, explica. Lumes O lume, o gran inimigo da serra, que no outono do 2017 levou por diante máis de 3.000 hectáreas, é outro elemento que aconsella un manexo activo da paisaxe. “Como aquel lume non vin na vida nada igual. Xuntáronse varias cousas. Había moito vento, estaba o monte moi seco e tiñamos moito mato no monte”, expón Segundo. Sobre o vento, o calor e a sequidade non se pode actuar. Co mato, o combustible que alimenta o lume, si. “Cando eu era cativo, en Deva tiñamos máis de 500 cabras e ovellas, 55 vacas e cabalos no monte. Había árbores pero o mato estaba baixo, controlado. Agora somos poucas as ganderías que quedamos e non podemos controlar o mato” -razoa Segundo-. “Téñense pedido máis cortalumes e queimas controladas no inverno, cando comeza o desxeo da neve e pódense facer sen perigo, pero faise pouco ou nada”, cuestiona. Deva, onde vive Segundo, viuse rodeada polo lume do 2017. Só os prados, que actuaron coma cortalumes naturais, e a defensa activa dos veciños, que regaron vivendas, leñas e todo aquelo que podía prender, salvaron a aldea ata a chegada dos servizos de extinción. Perspectivas Podería a gandería convertirse nunha ferramenta para a prevención de lumes nos Ancares?. “Os Ancares ofrece oportunidades para o gando e o gando ofrece oportunidades para os Ancares, pero necesítanse maiores apoios públicos para as ganderías de montaña”, sinala David López, técnico da cooperativa A Carqueixa (Cervantes), na que participa Segundo e que agrupa a arredor de 120 granxas da comarca, todas de vacún de carne.
"Os Ancares ofrecen oportunidades para o gando, pero precísanse maiores apoios para as ganderías de montaña" (David López, técnico de A Carqueixa)
“Se analizamos as axudas agroambientais da PAC, é ilóxico que cobre o mesmo un gandeiro dun concello sen dificultades orográficas especiais, onde pode facer todos os traballos mecanizados, que os gandeiros que manteñen a man os prados de sega de montaña, como é o caso de Segundo. Quen vai facer este traballo, que é un servizo ambiental para a sociedade, cando eles falten?”, pregúntase David. A montaña lucense desángrase de xente co paso dos anos, con perdas de arredor dun 25% do seu censo na última década. O despoboamente retroalimenta a súa vez a marcha da xente, pois pérdense servizos e redes sociais, o que leva a novas migracións. “Gustaríame que isto tire e que a xente emprenda nos Ancares, pero o certo é que a xente nova arranca e véxoo normal”, sinala Segundo.
Galería de imaxes
Carga da herba seca no tractor.
Os Ancares enfróntase ó paradoxo de ser unha das zonas máis buscadas polo turismo de montaña en Galicia, en tanto a poboación que vive alí vai á baixa ano a ano. A situación describiuna cunha polémica frase unha conselleira do Medio Rural hai poucos anos: “É un sitio bonito para visitar, pero non tanto para vivir e traballar”. Ao pouco tempo daquelas declaracións, os veciños aproveitaron unha manifestación pola seca para replicar cunha pancarta ben clara: ‘Os Ancares, para visitar e traballar’, un lema que expresaba tanto un desexo como unha realidade.
Unha conselleira do Medio Rural formulou un polémico diagnóstico sobre a serra: "É un bonito sitio para visitar, pero non tanto para vivir e traballar"
Os Ancares son vales de fragas infindas atravesadas polos torrentes que baixan da montaña, son quilómetros de cumios cubertos pola neve no inverno, territorios de campeo do lobo e do oso, ouveos e berros de curuxas en noites estreladas, pero tamén son Ancares as persoas que cortan leñas para o inverno nas fragas, que manteñen as campas da montaña e que coidan o gando, en convivencia non sempre fácil co oso e co lobo. Lobos e osos A presenza cotiá do lobo obriga ós gandeiros a extremar as precaucións. Segundo só sobe á montaña, á Campa de Brego, as vacas sen crías. As que teñen xatos quedan o verán entre a corte, unha palloza tradicional na que permanecen coas súas crías, e os prados que circundan o pobo de Deva. “Se deixase os xatos na montaña, sería como tirar caramelos á porta dunha escola”, compara Segundo. As súas vacas son 12 exemplares da raza Asturiana de los Valles, adaptada ás condicións da montaña e con bos cornos, que lles proporcionan capacidade de defensa fronte ós lobos. “Se unha manda de lobos vai a por unha vaca, está claro que non vai poder facer nada, pero as vacas saben defenderse dun lobo ou dous. O mellor para elas é quedar quietas e separadas, esperando que o lobo se achegue e entón tratalo de enganchar. Para o lobo, é un perigo ir a por unha vaca”, explica Segundo. Co oso, o gandeiro tampouco tivo problemas nunca, aínda que prefíreo a distancia. “Vino moitas veces. Cando máis me preocupo é cando me atopo unha osa con crías porque podes atoparte en problemas se o animal se sente ameazado. Dunha vez que estaba no alto da montaña, vin vir unha osa con dúas crías que tiña que pasar por onde eu tiña que pasar. Quedei quieto, penso que nin pestanexaba. Cruzou a uns 60 metros de onde eu estaba. Cando a vin ir, dixenme, ti polo teu lado e eu polo meu”. - Mete respeto o oso. - Mete respeto. Quen diga que non é que non o viu diante. O oso, que se volveu asentar nos Ancares nas últimas décadas, aproveitouse en territorios veciños, coma Somiedo (Asturias), para convertilo nun emblema turístico, pois é un animal que ocupa só espazos ben conservados, caracterizados pola súa alta biodiversidade. O outro emblema de Somiedo, unha das súas imaxes de promoción habituais, é o gando pastando nos verdes prados que rodean os lagos, ao pé dos circos de montaña. O Parque Natural de Somiedo pode considerarse de feito tamén un ‘parque gandeiro’, pois as granxas da montaña ubicadas no espacio protexido reciben unha serie de pagos suplementarios que premian a súa actividade e que as compensan das condicións e limitacións ás que están suxeitas. En Somiedo, protéxese o medioambiente e protéxese a gandería. Poderían os Ancares ter apoios para convertirse nun Somiedo galego?. Ou quedarán como un sitio bonito para pasear, pero non para vivir e traballar?.

Curso sobre xestión forestal en Santiago

A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con FSC Internacional, organiza entre o 11 e o 15 de marzo un curso dirixido a xestores forestais, tanto propietarios coma técnicos. A actividade formativa, que inclúe conferencias, sesións prácticas e visitas de campo, busca mellorar os coñecementos dos participantes no manexo do monte. O curso enmárcase no proxecto Forest-in, impulsado por entidades de España, Francia e Portugal para impulsar a educación forestal. A asistencia ó curso é gratuíta, pero é necesario inscribirse previamente enviando un correo a afg (arroba) asociacionforestal.org ou chamando ao teléfono 981 564 011. A actividade formativa inclúe tanto conferencias como visitas ó monte. Os relatorios e clases prácticas desenvolveranse en Santiago (Museo das Peregrinacións, praza das Praterías), e están previstas visitas a zonas de concentración parcelaria de Oroso e Curtis, ó monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón) e ó Parque Natural das Fragas do Eume. O curso, no que participarán propietarios e técnicos de Galicia, do resto de España, de Portugal e de Francia, abordará diversas cuestións de interese forestal, como o silvopastoreo, o Banco de Terras, a concentración parcelaria, a certificación forestal, as plantas medicinais no monte ou a xestión práctica de unidades forestais. Sobre o proxecto Forest-in Forest-in é unha alianza estratéxica para a educación forestal participada pola Universidade de Aveiro (Portugal), a Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza (Francia).

Programa

Luns, 11 de marzo 16 – 16.45 h. Presentación do proxecto Forest-IN e do curso. Presentación dos participantes. (Nelson Matos, Universidade de Aveiro). 17 – 18 h. A experiencia da cooperativa Monte Cabalar, A Estrada. (Francisco Javier Barreiro). 18-19 h. As plantas medicinais en Galicia: aproveitamento nos sistemas agroforestais. (Ruth María Barros). Martes, 12 de marzo 9.30 – 13.30 h. - Exercicio de simulación de xestión dunha unidade forestal. Posta en práctica dun modelo multifuncional baseado en cartografía e indicadores medioambientais e ecolóxicos. Avaliación de riscos. (Nelson Matos, Universidade de Aveiro. Carmo Tavares, FSC). 16 – 19 h. - Visita ao Pico Sacro e ao Monte Demostrativo do Pico Sacro (Francisco Dans e Braulio Molina, da Asociación Forestal de Galicia). (*) Mércores, 13 de marzo 9.30-10.30h. Conferencia sobre o proceso de concentración parcelaria. (Ana Arizón Fanlo. Servizo de Infraestruturas Agrarias. Xefatura Territorial da Coruña. Consellería de Medio Rural). (Nota: Esta conferencia desenvolverase no Centro Cultural Fernando Casas y Novoa, en Sigüeiro). (*) 10.30-13.00 h. - Visita a montes concentrados no concello de Oroso e a montes en proceso de concentración en Curtis. (*) 15.30-18.00h. - Visita guiada ao Parque Natural das Fragas do Eume. (Antonio Rigueiro Rodríguez. Universidade de Santiago de Compostela). (*) 18.15-19.00h - Conferencia ‘Bosques galegos en Rede Natura 2000’. (Antonio Rigueiro Rodríguez. Universidade de Santiago de Compostela). (Nota: este relatorio impartirase na sede do Parque Natural Fragas do Eume) (*) Xoves, 14 de marzo 9.30-14.00 h. - Certificación forestal, compoñentes e fases, motivación e vantaxes. Principios xerais. Exercicio de dinámica de grupos. (Carmo Tavares e Marcos Estévez. FSC; Marta Salvador. PEFC España). 16.00-17.00 h. - A experiencia de Selga na certificación forestal. (Daniel Rodríguez Cebreiro. Selga, Compañía Galega de Silvicultores, S.L.). 17.00-18.00 h. - O Banco de Terras de Galicia. (Alejandro Sánchez de Dios. Dirección Xeral de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural). Venres, 15 de marzo 9.30-10.30 h. - Avaliación e sesión de clausura. Enquisa de satisfacción e cumprimento de obxectivos. (Nelson Matos. Universidade de Aveiro). 11.00-13.30 h. - Visita guiada ao parque de San Domingos de Bonaval. (Irene López Franco. Concello de Santiago). * A organización disporá autobuses para facilitar transporte gratuíto ás visitas de campo.

Cultura gandeira de montaña contra o abandono nos Ancares

A montaña lucense experimenta desde hai tempo un forte descenso poboacional, con perdas que rondan o 25% do censo na última década. Concellos como Cervantes ou Navia de Suarna, nos Ancares, conservan sen embargo unha importante actividade gandeira, sobre todo de vacas de carne, con máis de 300 explotacións en activo. Son a principal actividade no territorio, manteñen economía e paisaxe, pero atópanse con problemas frecuentes pola falta de pastos ou pola súa perda de calidade. A cooperativa A Carqueixa (Cervantes) está agora a buscar apoios para un plan de recuperación de prados de sega, pastizais e pastos arbustivos. “O fortalecemento da gandería de montaña melloraría o atractivo da actividade para as persoas mozas, contribuíndo a súa incorporación ou a potenciar o seu retorno”, valoran desde a cooperativa. Ese é un dos obxectivos dun proxecto que ten outro foco de interese principal, a reducción do perigo de grandes lumes forestais, como o do pasado outono. “Estase investindo en estruturas pasivas contra incendios, coma cortalumes, cando a conservación dos prados de sega demostrouse clave para frear o avance dos incendios:”, explica David López, da Carqueixa. Os prados salvaron á aldea de Vilar de Donís do lume o outubro pasado. Pastizais implantados e prados naturais A cooperativa defende a necesidade de apoios para mellorar e aumentar os prados e pastizais de montaña. As vías posibles de traballo son múltiples. Nos anos 90, os técnicos de Extensión Agraria xa impulsaran a creación de pastizais artificiais nos montes veciñais da comarca, unha acción que foi decisiva para o desenvolvemento da gandería extensiva que hai hoxe en día na serra. É un exemplo, destacan na Carqueixa, de como medidas concretas contribúen a potenciar a gandería. Aqueles pastizais creados hai décadas mantéñense en boa medida, se ben nalgúns casos foronse deteriorando e precisan de melloras. “Unha cuestión importante a traballar sería o aumento da biodiversidade dos pasteiros. As praderías artificiais son moi produtivas, pero teñen unhas esixencias de fertilización e de choivas que ás veces non se dan, polo que sería conveniente propiciar a súa naturalización con especies da zona, como as habituais nos prados de sega naturais, que en principio adáptanse mellor á comarca e ó cambio climático”, valora David López. Árnica nun prado natural en Piornedo. / Imaxe: R. Hermida (AGCT). Os prados de sega de montaña constitúen un hábitat medioambiental prioritario a nivel europeo, pois caracterízanse pola súa biodiversidade, chegando a contarse neles ata 30-50 especies vexetais en espazos reducidos de 100 metros cadrados. “Son prados que en moitas ocasións se ven invadidos polo mato, perdendo o seu valor medioambiental e gandeiro, e que nos Ancares estanse mantendo polo esforzo persoal de moitos gandeiros. É precisa unha liña de axudas agroambientais que potencie a conservación dos prados de sega de montaña”, destaca David López. Pastos arbustivos e baixo arborado Outro dos puntos onde habería que actuar é nos pastos arbustivos, pois nos últimos anos houbo na montaña unha expansión do mato, mesmo invadindo antigos prados. Ese aumento do mato, que adoita atoparse denso e e xa en formacións vellas, pouco aproveitables polo gando, deriva ademais nunha maior carga combustible no monte, o que incrementa as dificultades en caso de lumes. Gando en pastos arbustivos dos Ancares. “O uso combinado de rozas e do pastoreo permitiría controlar a expansión do mato” -subliña David López-. “Poderíanse ademais vincular esas rozas e ese pastoreo a áreas de defensa contra incendios, como xa se fai noutras comunidades autónomas”. A cooperativa tamén ve posibilidades na creación de pastos en zonas arboradas con masas de piñeiro silvestre, nas que poderían aplicarse fortes claras para establecer sistemas silvopastorais baixo arborado. Son todas accións propostas pola Carqueixa nun plan de apoio á cultura gandeira para o que está a buscar financiación a través de distintas vías. A cooperativa, ligada ó Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares, traballa tamén na liña de recuperar elementos patrimoniais das ganderías a través das axudas para investimentos non produtivos en Rede Natura 2000, coas que se poden restaurar sebes, cortiñas (alvarizas), hórreos ou estruturas de rega. Estruturas de rega A recuperación ou nova construción de estruturas de rega, coma balsas, fontes ou pozos nos prados de sega, é ademais unha cuestión que nos Ancares se ve importante ante a ameaza do cambio climático. Xa houbo veráns difíciles, coma o do 2017, e desde a cooperativa consideran que cómpre valorar a instalación de estacións de bombeo alimentadas con enerxía solar para suministrar auga a abrevadeiros e balsas de auga.

As sobreiras do Arnego, un aproveitamento forestal singular

A saca da cortiza no Sobreiral do Arnego (Deza, Pontevedra) é unha práctica que continúa a facerse ó modo tradicional, sen apenas medios mecanizados, e non sufriu variacións ó longo dos anos. Na actualidade a cortiza contémplase coma “un aporte extra e puntual”, posto que a súa extracción non pode facerse cada ano, senón que hai que agardar alomenos nove anos entre cada cata para garantir que a árbore non se vexa afectada. A produción media da zona é de arredor de 2.000 toneladas por década. O Sobreiral do Arnego, baixo a protección da Rede Natura 2000, expándese nos concellos dezaos de Agolada, Lalín e Vila de Cruces. A concentración das sobreiras nas terras próximas ó río que lle dá nome, afluente do Ulla, foi minguando, por diferentes motivos, segundo indican tanto expertos como os propios veciños da zona. A declaración de espazo protexido conseguiu frear, en parte, a súa desaparición a prol doutros cultivos forestais como o eucalipto ou o piñeiro.

 Descortizado manual

O descortizado non precisa de maquinaria mecanizada, só unha macheta, unha panca de madeira resistente, unha navalla, unha regra e unha escada abondan para desprender a cortiza. Nun proceso áxil a base de cortes precisos na cáscara, sen marcar o tronco, obtéñense as pranchas de cortiza.
Cada verán chegan cuadrillas de Extremadura e Portugal para descortizar as sobreiras
Distintos expertos na materia e os veciños fixan a principios dos 70 o comezo do aproveitamento da cortiza con fins comerciais nesta área. Nestes primeiros anos foron madeireiros da zona os que se encargaban de realizar a labor, pero pouco a pouco foron chegando cuadrillas procedentes de Extremadura e Portugal, que son na actualidade as que principalmente se encargan da saca na zona. O descortizado da sobreira ten tamén un proceso de venda tradicional, onde adoita ser frecuente un trato directo entre o propietario e a persoa que se encarga de sacar a cortiza. “Teñen xente da zona que coñece ós propietarios e que se encargan de localizar as sobreiras que valen para cada campaña”, explica Marcial Barral propietario dunha das parcelas que concentra maior cantidade de sobreiras nesta zona. É frecuente que o prezo se fixe por número de exemplares a descortizar, valorándose a calidade do mesmo, e pode oscilar entre os 10 e os 40 euros. Tamén hai cuadrillas que fixan o prezo por quilo, aínda que isto é máis frecuente nas grandes producións.

Os requisitos para a saca da cortiza

“É como espir a sobreira, polo que debe estar bo tempo, para que non lle afecten os fungos”
A extracción da cortiza é unha tarefa que nesta zona do interior de Galicia se realiza entre o 15 de xuño e o 15 de agosto. “O máis importante é que faga calor, que non chova nin haxa néboa, precísase bo tempo”, explica o madeireiro Yago Tato, que aprendeu o oficio directamente de seu avó, descortizando sobreiras na zona de Agolada, e aínda que na actualidade está centrado noutros traballos forestais, coñece e recorda con demostracións e talleres o proceso de obtención da cortiza. “É como espir a sobreira, débese ter tino de que estea bo tempo para que non se debilite a árbore, xa que é máis propensa ós fungos”, compara o madeireiro. O madeireiro Yago Tato durante a saca da cortiza. Para a saca, á marxe de espazar as extraccións é tamén preciso agardar a que a árbore conte cun perímetro mínimo de 60 centímetros a unha altura de 1,30 metros, ó que a sobreira chega con 25 ou 30 anos, como detalla a enxeñeira de montes, Cristina Gende, quen se encargou de elaborar un estudo sobre a produción de cortiza na comarca do Deza, co afán de “contar cunha ferramenta feita con metodoloxía rigorosa sobre a extracción da cortiza”, explica.  A vida produtiva da sobreira admite de 8 a 16 sacas sucesivas, aínda que isto reduce a vida da árbore dos 300-500 anos que pode durar se nunca foi descortizada ós 110 ou 170 anos cando se adica á produción de cortiza.

Afeccións das sobreiras

Ó longo destes anos as sobreiras “foron moi maltratadas, pouco coidadas”, valora Barral. E é que á par de resistir fronte ó avance doutras especies máis valoradas no aproveitamento forestal, as sobreiras tamén sufriron distintas afeccións.  Unha das máis coñecidas é a chamada “Culebrilla”, provocada por unha larva dun insecto coleóptero, Coroebus undatus, que a maiores produce danos económicos, posto que devalúa as pranchas nas que aparece. Tamén o “Chancro carbonoso”, producido neste caso por un fungo que ocasiona danos na cortiza, é outro dos principais problemas que afectan ó sobreiral. “O déficit hídrico ou o exceso de auga, as feridas de descortizamento ou a acción do lume son vectores de entrada desta doenza”, explica Gende nos seus traballos. Por iso, son moitos os que relacionan a proliferación do fungo coas malas prácticas, a falta de profesionais ou a execución da saca con condicións meteorolóxicas inadecuadas. Precisamente, a presenza deste fungo fixo secar moitos exemplares na zona. Así, no 2002 incluso se levou a cabo un intento por facerlle fronte á expansión deste fungo por parte do Distrito Forestal de Deza - Tabeirós, que impulsou un plan para profesionalizar o aproveitamento da cortiza na zona, coa creación dun catastro e unha asociación de produtores. O proxecto non se levou a cabo e a día de hoxe está paralizado, segundo informan dende o propio Distrito. Porén, si estableceron un control sobre a saca da cortiza, obrigando á obtención dun permiso, cun seguemento dunhas normas para facer o descortizamento, como recolle a enxeñeira de montes Ascensión Castro. As sobreiras tamén están presentes nas pradeiras da zona.

Convivencia con outros usos do terreo

O Sobreiral do Arnego non é unha masa homoxénea so de sobreiras, senón que no espazo conviven tamén outras especies como os carballos, os castiñeiros ou os piñeiros. Nas marxes dos ríos, predomina o bosque de ribeira, nas faixas intermedias aparecen os soutos e castiñeiros e son nas zonas máis altas onde predominan tanto as sobreiras como os piñeiros. “As condicións edafoclimáticas permitiron que dunha maneira natural a sobreira se dese nesta zona”, explica Gende. Pero á par de conservarse masas boscosas, as sobreiras tamén se localizan en pradeiras, onde o aproveitamento da cortiza serve como complemento de actividades gandeiras.

Mercado da cortiza

No Deza, a cortiza destinouse inicialmente á obtención de cortizos para as abellas. Antigamente tamén se facían colchóns ou almofadas, tal e como documenta a enxeñeira de montes Cristina Gende. Pero actualmente, o principal destino é a fabricación de tapóns (de cortiza natural, os de maiores esixencias en canto a dimensións e calidade da cortiza) ou tapóns técnicos. Tamén se destina para a fabricación de artigos deportivos e domésticos, flotadores, así como para illantes térmicos e acústicos, revestimento e decoración. “Estivo moi ligado tamén á construción, por iso cando a crise, a cortiza tamén se resentiu”, puntualiza o madeireiro Yago Tato. As sobreiras mestúranse con frondosas caducifolias coma carballos ou castiñeiros.

Produción na zona

Unha das poucas estimacións sobre a produción de cortiza na zona é a proporcionada pola enxeñeira de montes Cristina Gende, aínda que o seu traballo abarca tamén as sobreiras do concello dezao de Silleda neste cómputo. As súas taxacións revelan unha produción de arredor de 1.871 toneladas de cortiza cada dez anos. O seu estudo de campo permitiulle constatar que as zonas de explotación se concentran nas ribeiras dos ríos Ulla, Deza e Arnego e os seus afluentes. Son preto de 600 hectáreas nas que se distribúen as sobreiras de xeito irregular e en pequenas fincas. "A cortiza é un aporte mínimo que chega cada dez anos. A maioría da xente, poucas sobreiras temos. Non hai moitos grandes propietarios con fincas de sobreirais, nin están distribuídas coma as plantacións de pinos, senón que telas como van nacendo e sácaslle a cortiza ás que van valendo”, explican pequenos propietarios da zona.

A Zarra da Pena

Unha das parcelas con maior concentración de sobreiras e superficie atópase no corazón do Sobreiral do Arnego, en Carmoega (Agolada). Bautizada como a Zarra da Pena, conta con 24 hectáreas, que pertencen a varios propietarios. As sobreiras ocuparan preto da metade da zarra mesturadas con outras especies e vexetación, sobre todo autóctonas. “No seu momento, cando me fixen un pouco cargo da xestión da zarra, moitos preguntábanme porque non plantaba todo con eucalipto ou piñeiro. 'A sobreira non vale nada', dícianme, pero quixen apostar por unha produción sustentable e preservar a riqueza natural que ten o espazo. E non me arrepinto”, explica Marcial Barral, un dos propietarios e xestor.
"Moita xente preguntábame por que non plantaba eucalipto ou piñeiro. 'A sobreira non vale nada', dicíanme" (Marcial Barral)
As sobreiras sufriron nesta zarra tanto o azoute dos fungos, que deixaron moitos exemplares danados, como distintos lumes, tal e como recolle a enxeñeira de montes Ascensión Castro e confirma Barral. O aproveitamento da cortiza na zarra pode supoñer en torno a 15.000 euros cada 10 anos, pero o rendemento deste espazo vai máis aló, segundo Barral, “pois ten un valor sentimental e unha gran riqueza en canto a biodiversidade de fauna e flora”. Custodia do Territorio A posta en valor da Zarra da Pena de Barral traduciuse nun acordo de Custodia do Territorio que comezaría no 2005 coas Fundacións Comarcais Deza-Ulloa. Foi unha etapa na que se levaron a cabo construcións de peches para introducir cabalos que mantivesen desbrozado o monte, unha alternativa que non resultou. Caixas niños para morcegos en árbores do sobreiral. Recentemente no 2016 asinouse outro acordo destas características coa asociación ecoloxista Adega, coa que se contemplan actuacións de divulgación e de estudo de fauna e flora. O proxecto conta cunha aportación da Fundación Biodiversidade de 20.000 euros. Neste marco, xa se levaron a cabo actuacións como a colocación de casas-niños para os morcegos, a plantación de medio cento de novas sobreiras por alumnos dun colexio de Lalín ou xornadas de identificación da fauna e da flora do Sobreiral do Arnego. Ademais, tamén se contempla a recuperación dunha poza de rega, que facilite a supervivencia de anfibios, ou a eliminación de especies invasoras coma o eucalipto, segundo explican dende Adega.